O lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos: quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. O mítico depredador protagonista de imnumerables lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio, a partir da Idade Media. Da súa caza sabémolo polas xeiras organizadas contra eles, como as que, no século XIV, ordenou o arcebispo de Compostela Berenguel de Landoira, mandando que unha vez por semana saísen os parroquianos co cura á fronte dende o primeiro sábado de Coresma ata o 24 de xuño pra dar morte aos lobos e armar os foxos (burato onde entraba o lobo e non podía saír). Na comarca dos Ancares tecéronse numerosas historias e lendas.
PERDER A FALA
Unha moza de Francos (Baralla) que estaba a coidar das vacas aparecéuselle o lobo. Non a atacou, nin a ela nin ao gando, limitouse a mirala fixamente aos ollos. A muller, como entalecida, quería fuxir pero non podía. Dalí a un rato, o lobo deu media volta e marchou. A moza perdeu a fala durante meses, disque enfeitizada polo lobo.
EXHIBICIÓN DUN LOBO
Unha foto do ano 1945 mostra un home exhibindo un lobo desecado polas aldeas de Becerreá.
DÁMASO ALONSO NOS ANCARES
O filólogo Valentín García Yebra (1917-2010) conta en Tres viajes dialectológicos con Dámaso Alonso (Cuadernos Hispanoamericanos, 1973) as viaxes que como acompañante de Dámaso Alonso (1898-1990) realizaron aos Ancares en tres ocasións.
Foi nunha estadía en Xantes (Cervantes) cando souberon que nunha das pallozas da aldea desenvolvérase un acontecemento que semellaba retrotraelos a épocas remotas. Vivía na palloza un vello con dúas fillas e dous fillos, xa maiores. A noite do suceso as dúas fillas atopábanse na casa veciña. O vello xa deitara. Manuel, un dos fillos, saíra un momento deixando a porta entreaberta. O outro, Xoán, que durmiñaba sentado nun dos escanos da lareira, non prestou maior atención á entrada dunha mastina da casa que andaba en celo, e entrou seguida de dous que a Xoán, medio durmido, lle semellaron cans, mais non lle soaban de que pertenceran ao pobo. Abriu ben os ollos, e ergueuse dun salto: Eran lobos! Regresaba entón Manuel de fóra. "Pecha a porta! -berroulle Xoán-, haiche dous lobos na casa". Ao oír ao home, un dos lobos tentou ganar a porta, pero Manuel, un xigante, logrou atrapalo. Case totalmente a escuras loitou co lobo, mais unha especie de gruñido deste fíxolle crer que era un can, e deixouno marchar. Pechou a porta, e quedou dentro o outro lobo. Os dous irmáns comezaron a perseguilo por toda a palloza. Cando fuxía, o lobo caeu sobre un dos escanos, e case ao mesmo tempo un dos homes suxeitouno polo rabo e o outro deulle tal golpe co mango dunha aixada que o pobre animal caeu redondo. Os da casa onde hospedaban Dámaso Alonso e Vicente García Yebra contáronlles que era raro o inverno que non entraban os lobos en Xantes, e que os osos chegaban moi cerca do pobo.
PENAS MULLERES
As penas atópanse por riba da aldea das Casas do Río (Cervantes). En tempos que ninguén lembra, unhas mulleres que viñan de Folgoso por un antigo camiño, víronse, de súpeto, arrodeadas por unha manda de lobos. Desesperadas, e cando os lobos xa se ían botar sobre elas, gatuñaron polas verticais penas, decisión que lles salvou a vida.
O LOBISHOME DE DOIRAS
Cóntase que un pai non deixou ao fillo ir a unha festa que se celebraba en Pedrafita do Cebreiro, mais o rapaz, despois de moito discutir, conseguiu o seu desexo. O pai, encabuxado, deitoulle unha maldición, dicíndolle que se tanto gostaba das mozas así andase tras das lobas. E a maldición cumpriuse. Unha noite o mozo sentiu como unha forza sobrenatural o apurraba fóra da casa, cara o monte. Cando se decatou andaba a catro patas: convertérase en lobo que axiña encomezou a matar o gando. O pai, lembrándose da maldición, recorreu a unha meiga pra que volvera ao fillo ao estado anterior. A meiga díxolle que o único xeito era que o ferise, mais cunha ferida leve xa que, se era grave, morrería. E así fixo o pai que, cando se lle presentou a ocasión, cortou cun coitelo a pel do lobo. Pouco a pouco, o mozo volveu a transformase en home.
O LOBISHOME DE VILARELLO DE DONÍS
Antigamente había o costume de meter criados nas casas pra axudar nos labores e un señor de Vilarello de Donís (Cervantes) ordenou de meter un criado; andou buscando e atopou un que lle valía pra o que el quería. O que logo había ser un criado díxolle ao señor que si, que el ía traballar á súa casa pero que lle tiña que deixar a noite libre. Acordárono os dous así. Polo mesmo o criado traballaba todo o día e pola noite marchaba da casa.
O amo preguntábase: "Pero, que vai facer este pola noite? Onde vai?". Unha noite deulle por seguilo e observou como o seu criado chegou a unha poza e envorcallouse todo e logo volveuse lobo e deu en oular. Nisto xuntáronse e os dous quedaron mirándose. O señor marchou e non dixo nada. Á noite seguinte díxolle ao seu criado: "Xa sei ao que vas! Que é o que che pasa pra andares desta maneira?". "Non che se ocorra volver que se non comémoste, e o primeiro en facelo son eu!", díxolle o criado. "Pero, non hai forma de saír desa situación? Non vas estar así toda a vida!". "Eu estou encantado". "E non hai forma de desencantar?". "Hai, pero non teño valor pra iso". "Di a ver!". "Mira cando me envorcallo e..., pero non o vas facer..., e me enlouce no po, levas unha fouce e pégasme unha fouzada todo canto podas no lombo e tiras por el e fasme unha... é do único xeito que poderás... Pero non vas ter valor!". E pra a noite seguinte volveu o señor xunto do criado, parece que o home non era temido e foi e fíxollo. O criado unha vez recuperado non volveu marchar máis. Desfíxose o encantamento. (Recollida de José María Carricoba Armesto en Galicia Encantada).
COMO MATAR UN LOBO
“Cóntovos unha lenda que me comentou o señor Antonio, veciño de Degrada (Cervantes) e que a el lle relatou un madeirista de Becerreá”. Este comentario foi recollido o 17 de xullo do 2008 nun bar da Campa da Braña. Pra poder envelenar a un lobo, debemos coller a unha víbora no monte e sen maltratala. Ademais disto, necesitamos dunha casavella (píntega, salamántiga). Ambos animais póñense un diante do outro á espera de que a víbora morda varias veces á casavella. Posteriormente, debemos coller a casavella e metémola dentro dun envase metálico (unha lata ou pota vella). Logo poñemos a lata, e dentro dela a casavella envelenada pola víbora, ao lume ata que quede ben chamuscada. Por último, sacamos a casavella e moémola ata facer un po fino. Este po ponse sobre carne ou algo que lle goste ao lobo, da mesma maneira que se fai coa estrignima. (Recollida de Martiño Cabana Otero en Lendas herpetolóxicas).
UNHA HISTORIA DE LOBOS
Unha noite viña un veciño de Piornedo (Cervantes) de volta da Proba de Navia (Navia de Suarna) cando, de súpeto, puxéronselle diante dous lobos. O home levaba canda el un enorme coitelo e unha manta pra protexerse do frío. Acurralado, envolveu a manta no brazo esquerdo e ofreceullo aos lobos, mentres co dereito agarraba con forza o coitelo. Os lobos, ao velo tan decidido a atacalos, apartáronse do camiño e deixárono marchar.
UN LOBO CON MEMORIA
Aconteceu nos anos corenta do pasado século XX en Estremar (Cervantes). Un día ía un mozo co gando cara o Chao da Arquela cando viu a cría dunha loba que estaba a laiar xunto o corpo morto da nai. Colleu ao lobiño e deulle leite das vacas, e así, ás agochadas, durante varias semanas. Durante moitos anos, sobre todo no inverno cando, debido ás fortes nevaradas, baixaban os lobos pra procurarse a comida, o gando do home nunca foi atacado, pola contra, as mandas de lobos pasaban de longo. Á cabeza ía o lobo que salvara.
MANUEL E O LOBO
A lenda débese a don José Rodríguez Santalla, natural da Lagúa (Asturias), gaiteiro homenaxeado o día 18 de agosto de 2012 na III Festa da Gaita celebrada en Quintá de Cancelada (Becerreá).
Hai moitos anos había un gaiteiro de nome Manuel González (naceu no ano 1870 e morreu no 1930), natural da Lagúa (Asturias), poboación lindeira con Marcelín, en Navia de Suarna. Nunha ocasión, e xa moi entrada a noite, regresaba Manuel pra a casa, camiñando polo monte despois de tocar nunha festa en Marcelín. Cando tiña o camiño medio percorrido, parouse a liar un cigarro, mais, cando foi a acendelo, a chama do misto alumeou a varios lobos situados case ao seu carón. Os lobos, sorprendidos pola chama, recuaron un chisco. O gaiteiro, medoñento, aproveitou pra erguerse e liscar do lugar, acendendo un misto tras outro ata que se lle acabaron. Sen lume, os lobos axiña se envalentoaron. Xa en plena fuxida, Manuel tivo que saltar un muro, mais, como era noite pecha, non calculou ben e caeu ao chan. E foi iso o que lle salvou a vida. Ao caer apertou por casualidade o fole da gaita e, aínda que case non quedaba aire dentro, o roncón fixo un ruído estrano que asustou aos seus perseguidores. Manuel, que axiña se apercebeu da reacción dos lobos, dixo: "Ai si? Pois se por causa da gaita é, de gaita heivos encher". Desta maneira seguiu tocando o resto do camiño ata poñerse a salvo. Cóntase que os lobos e outros animais lle teñen moito medo ao son da gaita.
MULTADO POR LIBERAR UN LOBO EN PAN DO ZARCO
Nunha noticia de El Pueblo Gallego do mes de xullo de 1978 fala da multa imposta a un home por liberar un lobo en Pan do Zarco (Navia de Suarna).
O CHAO DAS OLAS E A LEIRA DOS FORNOS
Estes sitios atópanse na parroquia de Santo André das Nogais. Un pouco máis arriba hai unha cova escavada na rocha das que se di aparecíase unha muller cantando acompañada por lobos. (Achegada por Abel Arias Alba).
O CHORCO DOS LOBOS
Nas Fontes, na parroquia de Doncos (As Nogais), aínda se conservan os restos dun chorco dos lobos (foxo pra cazar lobos). Unha vez caeron no chorco o lobo e un dos homes que o perseguía. Contan que dentro do foxo non se sabía quen estaba máis amedoñado, se o animal ou o humano, mirándose fixamente o un ao outro. Como o resto dos perseguidores non lle podían tirar as pedras ao lobo por medo de ferir ao home, tiveron que abrir a gateira. O lobo, aproveitando aquela imprevista oportunidade, saíu primeiro, evitando así a súa morte. Na actualidade o chorco está tapado debido a que nel tiñan caído varias vacas.
UN LOBO PROTECTOR
A romaría do Santo Milagre celébrase no Cebreiro os días 8 e 9 de setembro. Os romeiros acodían dende todas as aldeas do municipio e tamén dos concellos limítrofes. As veciñas e os veciños de Fonteferreira partían moi cedo pra chegar á primeira misa, quizais pra conmemorar aquel milagre acontecido no ano 1300, cando a devoción dun humilde labrego venceu a fachenda dun descrido crego. Contan que durante moitísimos anos un gran lobo, sempre o mesmo, acompañaba aos romeus dende as afóras da aldea ata as inmediacións do santuario. Aseguran que era pra protexelos.
O LOBO GARDIÁN
Unha muller que estaba a gardar o gando na Aira dos Lobos, no Hospital (Pedrafita do Cebreiro), deu a luz unha nena. Comezou a nevar e a muller quedara sen forzas pra volver á casa. Unha loba, ao escoitar os choros da nena, achegouse e deulle calor á nai e á filla ata que viñeron por elas.
ESCUDOS
No concello de Navia de Suarna aparecen tres lobos.
DENOMINACIÓNS DO LOBO NA COMARCA DOS ANCARES
Tanto o lobo coma o raposo adoitan ter moitos nomes, e quizais sexa Galicia onde podemos atopar un maior número. Na comarca recóllense os seguintes:
O Amigo (As Nogais)
O Capa Raxada (Pedrafita do Cebreiro)
O das catro patas (Cervantes e Navia de Suarna)
O das orellas dereitas (As Nogais)
O das ovellas (Pedrafia do Cebreiro)
O Esbardeiro (Cervantes e Navia de Suarna)
O Manuel (Baralla)
O Outro (Baralla e Pedrafita do Cebreiro)
O Perillán (Cervantes e Pedrafita do Cebreiro)
O Perucho (Cervantes e Navia de Suarna)
O Raxado (As Nogais e Pedrafita do Cebreiro)
O Viado (Cervantes)
O LOBO NA TOPONIMIA DA COMARCA DOS ANCARES
Fonte do Lobo, Pena do Lobo, Pomar do Lobo (Becerreá). Marco de Terras Lobas, Penas do Lobo e Teso do Lobo (Cervantes). Horta da Loba, Fóra Lobas e Veiga do Lobo (Navia de Suarna). Eira dos Lobos (As Nogais). Aira dos Lobos e Cova da Aira dos Lobos (Pedrafita do Cebreiro).
DITOS
En Vilasante (Cervantes): “Os de Vilasante comen o guisante e non hai lobo que os espante”.
En Cervantes: Díxolle San Froilán ao lobo: "Xa que me comiche o burro, lévame os libros a Lugo".
En Navia de Suarna: "En xaneiro, sete lobos ao carreiro".










