En principio, a traza do edificio, modificado, non nos amosa, a simple vista, a súa orixe románica, semellando unha sinxela construción de tipo rural dos séculos XVII ou XVIII. Pero na cornixa da ábsida rectangular, na parte situada baixo o tellado, axiña saltan á vista uns sinxelos canzorros. Dos que debeu ter en orixe, só se conservan, en desigual estado, cinco, descoñecendo se nos aleiros do resto da igrexa había máis. Contáronos que baixo do morteiro do muro esquerdo hai (ou había) unha inscrición latina que, seguramente, de aparecer, podería achegar moita información.
No interior, espazo destinado aos fieis (con artesoado de madeira) con imaxes nos laterais da Virxe de Fátima e unha santa, e presbiterio abovedado ao que se accede por medio dun arco de medio punto sen decorar coroado por unha fornela.
Conserva
un retábulo barroco do século XVIII, presidido polo patrón San Remixio.
Nas paredes adivíñanse unhas pinturas murais en moi mal estado de
conservación.
Xunto a entrada hai unha pía bautismal e un vello confesonario.
UNS INTERESANTES TOPÓNIMOSS E UNHAS CHAMATIVAS COINCIDENCIAS
Liber cítase nun documento do mosteiro de Samos do 20 de xullo do ano 1091, cando Munino Eiriz e Guntroda Numez lle doan unhas vilas, entre outras Libri integra. En Galicia só atopamos o nome Liber como núcleo de poboación no concello de Becerreá.
Canto ao nome Liber, pode facer alusión a unha *(Villa) Liberii, dun propietario medieval que atendía polo nome de Liberius. Pero Liber tamén foi un nome latino asociado a Baco (Liber Patri, "pai liberador"), o deus romano do viño e a fertilidade, pero tamén da liberación e a transgresión. Na súa honra celebrábanse en Roma as bacanais, festas caracterizadas pola desorde e o desenfreo. No ano 186 a. C., o Senado romano emitiu o famoso Senatus consultum de Bacchanalibus que prohibían a súa celebración por considerar que, ademais de amorais, servían para organizar conspiracións políticas. Baco tamén era o protector da morte.
A principios do século XX apareceu na igrexa de Millarouso e Santurxo, no Barco de Valdeorras, unha ara romana que recolle unha dedicatoria a Baco: "LIBERO / PATRI/ G VETTIVS / FELICIO", que vén a dicir: "G. Vettio Felicio (mandou erixir este altar) a Liber Pater". E eiquí temos unha chamativa coincidencia: ademais de Liber, nas inmediacións da igrexa de San Remixio consérvanse os microtopónimos Millarega e Valdorras!
Pero hai máis. Na documentación do mosteiro de Samos di que por Liber pasaba o "rio de Silis", identificado co río Cervantes ou Cancelada, afluente do Navia (ver o traballo de M. Lucas Álvarez, El Tumbo de San Julián de Samos. Siglos VIII-XII, publicado no ano 1986). E pola comarca ourensá de Valdeorras pasa o río Sil, afluente do Miño. E en Venecia (Italia) atopábase Altinum, antiga cidade costeira dos vénetos, situada xunto o río Silis, que foi destruída, primeiro por Atila no 452, e logo polos lombardos no 568.
Segundo algúns autores, Sil viría do latín sil, "ocre, óxido de ferro mesturado con arxila". Plinio o Vello (23-79 d.C.) fala da abundancia de ocre, prata e ouro das minas da Gallaecia, ricas tamén en materiais ocres. Nesta zona de Becerreá documéntanse varias explotacións mineiras de época romana.
© Colectivo Patrimonio dos Ancares











