* Un vendedor de Biblias pola comarca dos Ancares no 1837

Encargado pola Bible Society de Londres, entre os anos 1836 e 1840 o escritor e aventureiro británico George Borrow (1803-1881) percorreu España (tamén estivo en Portugal) para distribuir o Novo Testamento, andainas que recolleu nun libro, The Bible in Spain, publicado no ano 1843. A viaxe por Galicia relátaa entre os capítulos XXV e XXXV.

 

Procedente de Vilafranca do Bierzo, acompañado polo guía Antonio, entrou en Galicia, describindo a dureza dos camiños e as abruptas paisaxes montañosas. Ata a súa chegada á cidade de Lugo só cita As Nogais, pero intúese que entra por Pedrafita do Cebreiro: "Entramos no pobo, situado no alto da montaña, e como xenetes e cabalos estabamos cansadísimos, buscamos un sitio onde reparar forzas". Entraron nunha pousada onde viron que varios soldados estaban tumbados nuns montóns de palla, que case enchían o local. Mais ca unha pousada pareceulle unha corte. "Todos eran de malísimo aspecto... Falaban entre si un dialecto de estrana sonoridade, que supuxen sería o galego". Saudaron ao seu compañeiro Antonio con moito afecto, chamándolle "companheiro". Cando lle preguntou ao guía de que os coñecía, contestoulle que todos eran ladrón e asasinos. O cabo do grupo, continuou Antonio, que estaban alí para gardar a fronteira, sospeitábase que envelenara a alguén en Madrid, polo que "debmos ser amables con eles... hai que darlles viño". Borrow levou os cabalos á corte, "un miserable cobertizo onde os cabalos se fundían no barro". Pediu cebada para os animais, pero respondéronlle que en Galicia non se usaba para pienso; déronlle millo "que os cabalos comeron sen reparo". Na corte, un dos cabalos perdeu unha ferradura que non conseguiron atopar. Preguntou se había ferrador na aldea. Dixéronlle que si, pero advertíndoo de que tiña que proporcionar el a ferradura xa que alí non se utilizaban ese tipo de cabalos,  ao menos por estes sitios”, lle dixo un mozo.

Reanudaron a marcha, con tal fortuna que ao pasar por outra ferrería (seguramente a Ferrería de Bois, a máis antiga documenada na comarca), conseguiron poñerlle unha ferradura axeitada ao cabalo que tempo atrás atopara un ferreiro nun camiño.  

Chegaron ás Nogais pouco antes de anoitecer. "Un lugar en extremo pintoresco. Montes escarpados, cubertos de castiñeiros... A aldea mesma estaba case agochada polas árbores". Atoparon unha pousada "regularmente espaciosa e cómoda". Despois de media noite, e cando ía quedándose durmido, espabilouno un gran ruído na rúa. Pouco despois apareceu Antonio, contándolle que acababa de chegar o correo de Madrid á Coruña cunha gran escolta e un numeroso grupo de viaxeiros. Dinme que o camiño de eiquí a Lugo está infestado de ladróns e carlistas que cometen todo xénero de atrocidades; debemos aproveitarnos da ocasión e mañá ao mediodía podemos estar a salvo en Lugo".

Protexidos polos soldados que acompañaban o correo, emprenden o camiño. "O país era montuoso, pero non tanto nin tan pintoresco como o que atravesaramos o día anterior; case todo estaba dividido en pequenos campos plantados de millo. Cada dúas ou tres leguas relevábase a escolta nalgunha aldea onde había tropas destacadas... A maioría das veces as aldeas eran un conxunto de cabanas miserables... había montóns de esterco diante das portas, e abundaban os charcos e os lamazais. Enormes porcos pululaban mesturados con raparigos en coiros... O interior das cabanas estaban cheas de suciedade e miseria".

 

Tampouco o cita, pero despréndese que camiño de Lugo para en Becerreá. A pesares de falar varios idiomas, Don Jorgito, o inglés”, sobrenome polo que se coñecía por eiquí a Borrow, recoñece que lle custa entender o galego. Resulta curioso que estando por Castela lle dixeran que moitos casteláns empregaban algunhas palabras galegas para dirixirse, por cortesía, aos estranxeiros xa que era o único idioma estrano que coñecían, que escoitaban falar aos galegos que todos os anos ían á sega. 

E chega a Lugo: "Non ten ningún edificio moi notable e a mesma igrexa catedral é unha construción pouco significativa". 

Ademais dos acontecementos que George Borrow tivo que vivir, o libro é interesante polas súas mencións á paisaxe, ás xentes, o estado das aldeas, o idioma, os costumes, a guerra…, dende unha visión, nalgúns casos, quizais algo esaxerada, pero que nos traslada a unha época onde as dificultades semellan invadir todos os recunchos. 

Recoméndase a tradución do orixinal de Borrow feita por Manuel Azaña, La Biblia en España, o viajes, aventuras y prisiones de un inglés en su intento de difundir las Escrituras por la Península, do ano 1921, en tres volumes; a versión inglesa, The Bible in Spain, publicada no 1923; e Viaxe por Galicia, tradución ao galego de Salvador García Bodaño, publicada por Xerais no ano 2015, que recolle as andainas de Borrow polo nosa terra.