* Santo André das Nogais, unha xoia que non interesa a ninguén

Segundo a tradición, xunto a igrexa parroquial de Santo André das Nogais, a máis antiga da comarca, dise que existiu un primitivo eremitorio convertido en mosteiro e do que non quedan restos visibles (Manuel Amor Meilán, en Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Lugo, 1928). Carolina Casal Chico, unha das máximas expertas no Románico da provincia de Lugo, cre que a orixe do cenobio estaría na Alta Idade Media. Bouza Brey, nun seu artigo publicado no Arquivo do Seminario de Estudos Galegos (1933-1934), A eirexa prerrománica dos Nogales, achega un dos escasísimos traballos existentes sobre este templo que ilustra con varias fotos que realizou no ano 1932, cremos que as máis antigas publicadas e que inserimos eiquí.


Trátase dun dos monumentos relixiosos máis importantes do concello das Nogais e da comarca dos Ancares debido á variedade de estilos artísticos. Ten unha parte mozárabe do século IX, outra románica do século XII, outra posterior ao século XIII, e outra neoclásica pero de orixe románica con restos prerrománicos. Pero como destaca Carolina Casal nunha reportaxe de El Progreso en setembro de 2019, "Non se pode cargar ao lombo dun grupo de persoas toda a arte dos séculos IX e X... a arte era cosmopolita, pero levada a cabo tamén por mestres rurais, cos recursos limitados".

 

No exterior poden verse varios elementos decorativos, algúns reutilizados. Debaixo do aleiro da ábsida románica vense varios canzorros con representacións de cabezas humanas, aves e outras figuras. Dous dos canzorros disque representan a Sede e a Fame, alegoría do duro que era o traballo nestas terras, tradición que tamén pervive na igrexa mosteiral de Santa María de Penamaior, en Becerreá. A porta de acceso lateral semella prerrománica, con arco de medio punto con lixeira tendencia á ferradura. Segundo Amor Meilán, os adornos desta porta (ferraduras, flores de oito puntas...) teñen certa semellanza coa igrexa visigótica de San Juan de Baños, en Palencia.



Nun lateral vese unha porta, tapiada na actualidade, que recibe o nome de Porta da Penitencia. Descoñécese con exactitude a que debe o nome, uns din porque era utilizada polos monxes do primitivo cenobio para facer penitencia, outros que por ela pasaban os reos para expiar os seus pecados. O que fora cura párroco de Santo André, Anxo Eiriz, contaba que cando chegou á parroquia a xente aínda lle tiña un certo respecto a aquela porta que asociaban con xuízos da Inquisición.

 

Na actualidade conserva unha nave rectangular neoclásica. O arco triunfal, románico, é apuntado con triple arquivolta, que arranca de semicolumnas con capiteis figurados.



No interior consérvanse varios retábulos, destacando  un barroco coa Virxe do Rosario. Na visita que o Bispo de Lugo fixo á igrexa no ano 1764 manda que "se escriba a la Sra. Marquesa de Parga se sirva e mandarla componer por hallarse indezentemente" (a presentación do curato da igrexa de Santo André correspondía á Casa dos Condes de Amarante, marqueses da Póboa de Parga).




No presbiterio vense unhas pinturas murais en lamentable estado de conservación. Posiblemente foron realizadas por artistas da zona, dominando as cores vermella, azul e verde. O ceo estrelecido, co Sol e a Lúa, catro pequenas figuras masculinas, un can, un lagarto, dúas aves enfrontadas, un vexetal e outros motivos xeométricos enchen o espazo. Chama a atención a ausencia de esceas bíblicas ou sacras tal como as entendemos.


No Museo da Catedral de Lugo custódiase un Cristo de Limoges que Carolina Casal data no primeiro tercio do século XIII. Segundo o Libro de Fábrica, no ano 1760 encargouse ao ourive de Lugo, Diego Casal, "un cáliz con su patena sobredorado, un relicario de plata también sobredorado, unas vinajeras de plata con su platllo de lo mismo", cun custo de 169 reás de vellón e 11 maravedises.



Nun documento do 2 de maio de 1498 fala da presentación do presbítero da Igrexa de Lugo, Diego de Cancelada, para a igrexa de Santo André, vacante por morte do párroco López Calderón. 

O 19 de setembro de 1932, acompañado polo seu pai, visitou a igrexa o ilustre historiador Fermín Bouza Brey (1901-1973), levando como guía ao párroco Crisanto Soaz Fernández. Escribiu que a pesares das reparacións realizadas no tellado nos anos 1751 e 1760, que ameazaba con virse ao chan, no 1764 o Bispo de Lugo dispón "que este cura rector disponga que ante todas cosas se haga la obra de la iglesia por la parte que amenaza ruina". No Libro de Fábrica do ano 1758, o párroco, Joseph de Burgo y Gayoso, anota que a reparación do ano 1751 custou 72 reás e lastrouse o corpo pagándose pola pedra arrincada 145 reás, e nove máis pola obra. Nos anos 1768 e 1771, o Bispo vai máis alá e dispón que se faga máis longa a igrexa porque é pequena. As obras, que estiveron a cargo do mestre Antonio Barros, remataron no 1778. Segundo o Libro de Fábrica, o custo ascendeu a 10.300 reás de vellón, pagándose 190 reás e 28 maravedises ao canteiro Pedro de Río. 

Hai anos, cando a reforma e ampliación do cemiterio que arrodea a igrexa, saíron á luz varias tumbas feitas con laxes que foron destruídas. Descoñécese tanto a época de pertenza como a quen enterraban nelas; uns din que puideron corresponder aos monxes que habitaban no mosteiro, o que non convenceu a todos os veciños xa que tamén apareceron tumbas de pequeno tamaño (hai quen asegura, sen base algunha, que era onde enterraran aos fillos dos monxes).

A igrexa de Santo André das Nogais foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) por Decreto 284/1995 (Diario Oficial de Galicia do 27 de outubro de 1995), o que non impide que se atope nun lamentable estado de conservación, e sen trazas de que, por desidia de quen teñen a obriga de conservala, mellore a súa situación.