> Colaboramos con Rente ao Couce na recuperación da Romaría do San Lourenzo (Becerreá)
> Pola Vía de Künig no Día do Patrimonio Mundial
> Ruta dos tres castelos
> Por Cervantes con Roxín Roxal
> Conseguímolo: O castro de Santa María xa é BIC
> Ruta pola Vía de Künig e concerto de música medieval na igrexa de Penamaior
> I Feira medieval no castelo de Doiras (Cervantes)
> En bici pola Vía Romana XIX
> VII Festa da Involución Educativa
> I Xornadas de Arqueoloxía e Historia de Ancares
> Día do Libro 2019
> Rutas de historia por Becerreá
> Día do Patrimonio Mundial
> Roteiro e concerto no Incio
> Na I Festa da Conquista en Balboa (O Bierzo)
> Entrevista en Lugo Xornal
> VI Festa da Involución Educativa 2018
> V Premio do IES de Becerreá
> Mesa polos Camiños de Santiago
> A Vía de Künig no Pleno da Deputación de Lugo
> Charlas sobre a Vía de Künig
> Andainas pola Vía de Künig
> Premio de Investigación do Concello de Cervantes
> Unha publicación do noso colectivo
> Crónica negra dos Ancares I: Baralla e Becerreá
> Na V Festa da Involución Educativa
> VI Encontros en Cervantes
> Xornadas da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes
> Coa asociación Teenses pola Igualdade
> Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses
> Con Roxín Roxal pola Campa do Barreiro
> A destrución do patrimonio en V Televisión
> Celebración do San Cidre en Becerreá
> A Festa das Ánimas do Purgatorio
> Entrevista en V Televisión: Ancares, patrimonio en perigo
> Día do Libro 2015 en Cervantes
> A festa das Ánimas de Ouselle
> Agradecemento a Antonio Reigosa e a Helena Villar Janeiro
> De fornada en Torés
> Na II festa de involución educativa (no castro de Santa María do Castro, en Cervantes)
> Pregón da IX Feira da Empanada das Nogais
> Museo para Becerreá
> CEIP "San Xoán" de Becerreá
> Charla no CPI "Daniel Monje" de Navia de Suarna
> Viaxe emocional á Porta dos Ancares
> Roteiro por Becerreá
> A comarca dos Ancares no Anuario Fol de Veleno
Organizadas polo Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes, coa colaboración do Concello de Valboa (O Bierzo) e o GDR Ancares, os días 15 e 16 de abril de 2023 celebramos as III Xornadas de Arqueoloxía e Historia dos Ancares. Nesta edición dedicamos o primeiro día ao Románico, con visitas ás igrexas de Penamaior (Becerreá), Santo André das Nogais, e Vilapún e Cereixedo (Cervantes). A xornada rematou en Santiago de Cereixedo coa magnífica intervención do Grupo de Música Antiga 1500.
Ao día seguinte, dentro do que no seu momento bautizamos como "Ruta dos tres castelos", realizamos unha andaina entre as fortalezas de Veiga de Valcarce e Valboa. O primeiro ano fixémola entre os castelos de Doiras e Valboa, e o segundo entre Valboa e Sarracín (Veiga de Valcarce). Nesta ocasión comezamos a recorrelas en sentido inverso.
Vaia dende eiquí o noso agradecemento a todas a persoas que nos acompañaron quen, coas súas intervencións, nos axudaron a comprender un pouco máis o marabilloso, pero lamentablemente abandonado, románico da comarca.
NA COMARCA DOS ANCARES TAMÉN HAI ROMÁNICO!
O día 18 de marzo de 2023 estivemos na igrexa de San Xoán do Mosteiro, no concello de Cervantes. O profe de Historia do IES de Becerreá, Ignacio Cabarcos, demostrou documentalmente, despois dunha longa investigación, que eiquí estivo o desaparecido mosteiro de San Salvador de Cancelada que xa estaba en funcionamento no século X. A igrexa actual substituíu a outra anterior como nolo demostran algúns restos que apareceron cando o seu arranxo. “A importancia medieval deste territorio, situado entre Pontes de Gatín e O Comeal, sería consecuencia do paso da vía romana XIX, que perviviría como unha vía principal de entrada a Galicia durante a Idade Media, un feito ata o de agora esquecido pola historiografía”. Para saber máis aí deixamos a ligazón a este completo artigo de Fernanda Follana Neira en “La Voz de Galicia”.
Os días 9 e 10 de outubro de 2021 celebramos as II XORNADAS DE ARQUEOLOXÍA E HISTORIA DOS ANCARES, dedicadas nesta edición ás "Fortalezas medievais nos Ancares", organizadas pola Anpa do CPI de Cervantes, Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Asociación Irmandade Naviega, coa colaboración do Concello de Navia de Suarna, Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, Deputación Provincial de Lugo e a Asociación de Mulleres Rurais Ledicia.
O sábado, día 9, foi no Concello de Navia de Suarna. Pola mañá houbo varias ponencias a cargo do Colectivo Patrimonio dos Ancares, "Os outros castelos. Outras historias", do profesor e historiador Pegerto Saavedra, "As pegadas da Casa de Altamira na vila e no concello de Navia", e do escritor Toño Núñez, "Pasado e presente dun castelo cheo de futuro". Pola tarde, despois de xantar, visita ao patrimonio medieval da Proba de Navia, e teatro presentado por Isabel Risco, "Bravas, a nosa historia, con saias e a rachar".
O domingo 10 realizamos a "2ª ruta dos tres castelos", organizada pola Anpa do CPI de Cervantes, Patrimonio dos Ancares e o Concello de Valboa. No ano 2019 fixemos a andaina entre os castelos de Doiras (Cervantes) e Valboa (O Bierzo). Este ano foi entre o de Valboa e Veiga de Valcarce, cunhas cen persoas que participaron na ruta. Pola tarde, na Casa de las Gentes de Valboa, houbo charlas sobre as fortalezas de Valboa e Sarracín. O catedrático José Ignacio González Ramos disertou sobre a "Historia medieval del Bierzo y oeste de Valboa", e o arquitecto encargado das obras de rehabilitación destas dúas fortalezas, Fidel Ramón Pérez, falou "Sobre el orígen de los castillos de Balboa y Sarracín".
Baixo o lema NA COMARCA DOS ANCARES TAMÉN HAI ROMÁNICO, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares programamos no verán de 2021 unha serie de visitas guiadas, e coma sempre gratuítas, polas descoñecidas e pouco valoradas igrexas románicas da montaña. Aínda que contamos con algúns exemplos cuxa arquitectura e decoración nada teñen que envexar a outras partes de Galicia, na maioría dos casos predomina a sinxeleza o que non resta importancia a estas construcións realizadas por canteiros e artistas da zona qie, con escados recursos, legáronnos auténticas obras de arte.
BARALLA: Igrexas de San Martiño de Berselos, Santiago de Covas e San Miguel de Neira de Rei, e sepulturas medievais de Sanamede.
BECERREÁ: Igrexas de San Cosme de Ouselle e mosteiral de Santa María de Penamaior, e capela do San Lourenzo.
CERVANTES: Igrexas de Santa María do Castro (co castro incluído), mosteiral de Santa María de Dorna e San Román de Cervantes.
NAVIA DE SUARNA: Igrexas de San Miguel de Barcia, San Salvador de Mosteiro e tumbas medievais e inscricións inéditas que daremos a coñecer o día da visita.
AS NOGAIS: Igrexas de Santiago de Doncos, Santo André e San Xoán de Torés, e dobre sepulcro antropoide inédito que daremos a coñecer o día da visita.
PEDRAFITA DO CEBREIRO: Igrexas de Santa María a Real do Cebreiro, San Xoán do Hospital e Santo Estevo de Liñares.
NOVO LIBRO DO NOSO COLECTIVO
Editado pola Deputación Provincial de Lugo, con prólogo do seu presidente, no mes de xuño de 2021 saíu do prelo o libro "Pedras con lenda" escrito polos integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares Pilar Carpente Leira, José Ángel Fernández Revaldería e Xabier Moure.
Para facer este libro identificamos 1.250 lugares da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, formada polos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, que os nosos antepasados bautizaron cun nome. Para elo consultamos distinta documentación, dende a máis antiga, procedente do mosteiro de Penamaior (Becerreá), do desaparecido mosteiro de San Salvador de Cancelada (Cervantes) e da Casa de Altamira (Navia de Suarna), pasando por preitos, compras, ventas, os Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, a cartografía antiga e actual e, sobre todo, a transmisión oral. No traballo citamos máis de 500, e relacionadas con historias, ritos e tradicións, sempre coas pedras como centro dos relatos, máis de 300. En total revisamos máis de 1.200 documentos que, ademais das pedras, achegáronnos outra información de interese. Tamén se insiren varias fotografías.
O motivo que nos levou a facer este libro é o de tentar preservar e recuperar esta enorme riqueza toponímica arredor das pedras e as historias, lendas, ritos e tradicións que ao longo dos séculos se foron tecendo ao seu redor. Porque para os galegos en xeral, e dos Ancares en particular, as pedras son algo máis ca un mineral: Falan e agochan secretos e misterios. Non é unha esaxeración afirmar que con cada persoa que morre ou abandona o campo, coa apertura dunha nova estrada, pista ou cortalumes, coas plantacións indiscriminadas de árbores alóctonas ou coa galopante despoboación desaparece unha parte da nosa historia. De feito, dos 500 nomes que achegamos no libro, ao menos do 25 por cento xa non queda memoria entre a xente. De todas e todos depende que esa riqueza non queda relegada ao esquecemento.
Durante o mes de xullo de 2021 fixemos a presentación nos tres concellos obxecto do traballo. O día 3 na Casa da Cultura de Becerreá, o 10 na Casa da Cultura de Cervantes, e o 17 na Casa do Concello de Navia de Suarna. Ás persoas asistentes agasallámolas cun exemplar.
Despois do parón imposto pola pandemia, retomamos as andainas para recuperar a Vía XIX que comunicaba as capitais dos conventos xurídicos de época romana de Asturica Augusta (Astorga) e Lucus Augusti (Lugo). O 19 de xuño de 2021 realizaremos o tramo entre Doiras (Cervantes) e As Pontes de Gatín (Becerreá), cun percorrido de 18 quilómetros e unha dificultade media a baixa. En edicións anteriores xa realizamos os tramos entre A Braña (O Bierzo) e O Comeal (Cervantes), e entre O Comeal e Doiras.
Estas actividades están encadradas dentro do que denominamos como "Movémonos pola Vía Romana XIX" que en varias etapas entre os meses de xuño e setembro percorreremos polos concellos de Cervantes, Becerreá, Baralla, Castroverde, O Corgo e Lugo.
As
andainas están organizadas pola Anpa do CPI de Cervantes, Amigos do
Patrimonio de Castroverde, Arumes do Corgo e Patrimonio dos Ancares.
Neste tramo colaboran a Deputación Provincial de Lugo, Concello de
Becerreá, Concello de Cervantes, CDR Ancares, Reserva da Biosfera dos
Ancares Lucenses e Rente ao Couce.
Faise realidade a proposta que dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares fixemos ao órgano rector da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses para sinalizar, nunha primeira fase, varios bens patrimoniais dos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna. A principios do 2021 colocáronse paneis informativos nas pontes de Cruzul e Gatín (Becerreá), mámoas da Pena dos Mouros e Oural e petroglifos da Campa do Barreiro (Cervantes), dolmen de Ferreirúas e castro do Teso do Castro ou de Pin (Navia de Suarna). Tamén se colocaron sinais de dirección e indicativas, principalmente cara o castro de Santa María do Castro, en Cervantes, as colocadas hai anos xa non se lían. En todos os xacementos realizaranse periodicamente labores de limpeza. Para o vindeiro ano xa temos confeccionada a proposta para outros tantos bens.
Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares participamos cunha charla arredor da historia das feiras de Becerreá e da comarca dos Ancares, achegando diversa documentación como complemento da intervención (algunha verdadeiras xoais documentais facilitadas por Hugo Pardo Vivero e Ruth Hidalgo), e varias historias, lendas e tradicións que se desenvolveron ao seu redor.
O éxito, a pesares das limitacións impostas pola pandemia, foi total. E non será a última.
Organizado polo Parque de Arte Rupestre de Campo Lameiro, o día 5 de setembro de 2020 celebrouse a I xornada de "Cazadores de petróglifos". Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares participamos coa ponencia "Os petróglifos na parte oriental da provincia de Lugo" onde tamén demos a coñecer a distribución das gravuras rupestres na provincia de Lugo. Unha honra compartir xornada con xente tan comprometida co Patrimonio e co País.

RUTA DOS TRES CASTELOS
A primeira andaina, duns 16 quilómetros, celebrouse o día 19 de outubro entre os castelos de Doiras e Balboa. O percorrido, de dificultade media, partiu ás 10:00 horas do castelo de Doiras, situado a 681 metros de altitude, para, sempre ascendendo, continuar por Vilarello ata cerca de O Portelo, lugar divisorio entre Galicia e O Bierzo e onde a ruta acada a máxima altitude: 1.068 metros. Xa en terras da provincia de León continuamos, en suave descenso, por Castañeira, Villanueva, Parajís e o castelo de Balboa que se ergue a 761 metros de altitude.
Para confeccionar esta primeira ruta tivemos en conta os camiños que dende antigo comunicaban Galicia co Bierzo a través da Serra da Granda Longa: Vía Romana XIX, camiños medievais, primeiros camiños reais e outros utilizados de forma continuada ata épocas recentes polos veciños de ambos lados que, entre outros usos, utilizaban para ir ás feiras que se celebraban a ambos lados da serra. Ao longo do percorrido, dunhas catro horas de duración, poderase admirar a fermosísima paisaxe, vestixios do patrimonio prehistórico, romano, medieval, relixioso e etnográfico, pero tamén pretendemos que non se perdan os fortes lazos culturais, económicos, idioma, etc. que dende tempos inmemoriais unen a estes concellos.
O castelo de Balboa, localidade do Bierzo, data do século XIV, se ben se cre que se edificou sobre outro anterior construído sobre un primitivo castro. As primeiras referencias documentais datan do século XIV, cando pertenceu a García Rodríguez de Valcarce. No século XV pasa aos condes de Lemos, e no XVI aos marqueses de Vilafranca quen o venderon aos Reis Católicos que o incorporaron á coroa de León. Foi atacado polos Irmandiños na guerra que tivo lugar entre o 1467 e o 1469. De propiedade municipal, a Torre da Homenaxe foi recontruída recentemente.
O castelo de Sarracín, en Veiga de Valcarce (O Bierzo) data do século XIV, se ben, como no caso do de Balboa, crese que se levantou sobre outro máis antigo arrasado no ano 714 polo árabe Muza, logo reconstruído polo conde Gatón. No Codex Calixtinus, do século XII, cítase como Castrum Sarracenicum. No ano 1486 figuran como propietarios os condes de Vilafranca. Asociado á orde monástico-militar do Temple. De propiedade municipal, non hai moito varias das súas estruturas foron consolidadas e reconstruídas.
A raíz da solicitude, a Dirección Xeral promoveu a redacción dunha memoria técnica que recibiu o informe favorable dos seus arqueólogos, ademais de solicitar outros informes aos órganos asesores e consultivos en materia de patrimonio cultural (Comisión Territorial de Lugo, Consello da Cultura Galega e Real Academia de Belas Artes) que se pronunciaron favorables á declaración.
Boletín Oficial do Estado
A DECLARACIÓN DEFINITIVA POLO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA E NO DOG
O domingo, 6 de outubro de 2019, celebráronse unha serie de actos que tiveron como centro a igrexa mosteiral de orixe románica de Santa María de Penamaior, en Becerreá, organizados por Espazos Sonoros, coa colaboración do Concello de Becerreá, Xacobeo 2021 e o Colectivo Patrimonio dos Ancares. Ás 12 da mañá, 150 persoas realizaron unha ruta que partiu dende a igrexa por unha variante do Camiño de Santiago que discorría pola comarca dos Ancares e pasaba polo mosteiro de Penamaior. Este camiño, bautizado como Vía de Künig, foi descrito polo monxe alsaciano Hermann Künig de Vach nunha guía no ano 1495, itinerario no que dende o 2015 levan a traballar o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Asociación Val de Torés que presentaron a solicitude ante a Xunta de Galicia para o seu recoñecemento. Logo dunha parada para comer e visitar a propia igrexa, achegámonos ata a pequena capela do San Lourenzo onde, segundo a tradición, puido ter orixe o asentamento monacal. Tamén se contou a historia e do mosteiro e da igrexa e as lendas tecidas ao seu redor. Ás 19 horas, na igrexa, acto central cun concerto de música medieval a cargo do grupo Capella de Ministrers, composto por María Jonas (canto e sinfonía), Carles Magraner (viella, viola e rabel), Robert Cases (laúde, arpa, cítola e vihuela de péñola), e Eduard Navarro (oud, cornamusa, duduk e paku). Capella de Ministrers recompila música e poesía da Idade Media de autores como Rigaud de Berbezilh, Thibault de Campagne, Walter von der Vogelweide ou Heidhart, arredor de textos de Chrétien de Troyes, Robert de Boron ou Wolfram von Eschenbach, pais da lenda do Santo Graal, o cáliz que se di foi utilizado por Cristo durante a Derradeira Cea e que tanta literatura ten xerado ao longo dos séculos. O grupo ten unha importante proxección internacional, e ten gravada unha abondosa produción discográfica, distinguida polas mellores mencións e premios. O concerto na igrexa de Penamaior foi todo un éxito, coa asistencia dunhas 200 persoas. Vaia dende eiquí o noso agradecemento a Espazos Sonoros que traballaron arreo (como fan sempre) para organizar o magnífico evento.


Organizadas polos Concellos de Balboa e Vega de Valcarce (O Bierzo-León), o Concello de Cervantes (Lugo), a Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, e coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo, a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e o IES de Becerreá, os días 4 e 5 de maio de 2019 tiveron lugar as "I Xornadas de Arqueoloxía e Historia de Ancares". Esta primeira edición versou sobre "A vía romana XIX e a Época Romana de Ancares" que se celebrou en dous escenarios.



Pola tarde, en La Casa de las Gentes de Balboa, o arqueólogo da Junta de Castilla y León, Julio Vidal, falou dos “Campamentos temporais de época romana”. A continuación, o arqueólogo do Instituto Leonés de Cultura, Jesús Celis, pronunciou unha charla sobre os “Castros do Bierzo”. Ás oito da tarde clausuráronse as xornadas.




O día 7 de outubro de 2018, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares guiamos unha ruta polo concello de Becerreá. Foi dentro do programa Rutas de Historia, organizadas pola web Historia de Galicia.
O domingo, 30 de setembro de 2018, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, dentro do Programa Espazos Sonoros dirixido por Belén Bermejo, guiamos a máis de 60 persoas por unha ruta arqueolóxica no concello do Incio. A xornada comezou cunha andaina polo Monte de Santa Mariña onde se atopa unha das maiores necrópoles megalíticas de Galicia, composta por máis de 50 mámoas. A continuación visitamos o castro de Formigueiros e despois a cova de Bermún.



O día 26 de agosto de 2018 celebramos a VI Festa da Involución Educativa organizada polo CPI de Cervantes, o CDR Ancares e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, e coa colaboración da Fundación Xosé Soto de Fión, propietaria do castelo de Doiras.
A xornada comezou ás 10:30 horas cun percorrido duns 10 quilómetros por un tramo da vía romana XIX entre O Comeal e Doiras.
Despois do xantar, actuación no patio de armas do castelo de Doiras do mago Antonciño e música de Son de Cores e Os Xardois.
Na "V Edición do Premio do IES de Becerreá", ano 2018, a comisión encargada de outorgar este galardón acordou concederllo a FUCO PÉREZ (Fuco de Piornedo) no ámbito de iniciativas privadas relacionadas co tecido produtivo, empresarial e comercial, e ao COLECTIVO PATRIMONIO DOS ANCARES polo labor relacionado coa lingua e cultura propia da comarca dos Ancares.
O día 29 de setembro de 2016 fomos invitados pola Deputación Provicial de Lugo a participar na I Mesa Provincial dos Camiños de Santiago. Ademais das asociacións e colectivos, tamén participaron na xornada a Dirección Xeral do Patrimonio, Turismo de Galicia (Xacobeo), a Deputación de Lugo e os Concellos da provincia por onde pasan os distintos camiños a Compostela. A petición nosa acordouse pular pola variante do Camiño de Santiago (Vía de Künig) polos Ancares.
O 4 de decembro do mesmo ano celebrámolo no Centro Sociocultural de Baralla. Destas contamos coa inestimable presenza de Xerardo Pardo de Vera quen nos ilustrou cos seus coñecementos sobre os Camiños de Santiago.
O 16 de abril de 2016 tivemos o acto nas Nogais. Durante o coloquio houbo momentos con posicións encontradas canto ao discorrer dalgunhas partes do itinerario polo municipio, principalmente co alcalde quen se posicionou con algunha persoa que asegurou dispoñer de documentación que testemuña que a variante pasaba pola cabeceira municipal. Nós invitámolos a que, pola súa importancia, presentaran esa documentación, cousa que non fixeron. E hai máis: no PXOM do Concello, aprobado provisionalmente no ano 2017, os redactores non fan mención por ningures a que a variante pasara pola capital municipal, pola contra, manteñen o itinerario proposto por nós.
O domingo 5 de novembro de 2017, unhas 100 persoas realizamos unha etapa entre Becerreá e Baralla. Contamos coa presenza da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo. O mosteiro cisterciense de Penamaior atópase na metade do percorrido. En Baralla, o Concello agasallounos cun refrixerio ao remate da andaina.
O 18 de novembro de 2017 fixemos a andaina entre Torés e Becerreá. Este percorrido, de non moita dificultade, transita entre centenarios castiñeiros e carballos, pasando a carón de castros da Idade do Ferro, castelos medievais, igrexas, fontes e muíños. Ao día seguinte, unha asociación de Cambre comunicounos que estarían encantados de acompañarnos na próxima marcha.
No Diario Oficial de Galicia do día 22 de decembro de 2017, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, por medio da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sacou a información pública o coñecido como Plan Básico Autonómico que ten por obxecto delimitar, entre outros, os bens patrimoniais dos concellos galegos. O período de alegacións para examinar o documento remata o día 22 de febreiro de 2018.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de comprobar as covas, mámoas, petroglifos, castros, pontes, castelos e escudos, igrexas e capelas dos seis concellos da comarca, detectando 187 bens que non aparecen, incluídos algún Ben de Interese Cultural. Tamén detectamos que se omiten algúns espazos naturais protexidos. En total revisamos máis de 500 bens patrimoniais.
No mes de agosto de 2017, a Deputación Provincial de Lugo editou Historias, lendas e tradicións do concello de Cervantes, unha recompilación feita polo noso colectivo. Aínda que levamos recollidas arredor de 400, no libro achegamos unhas 100. Se ben inserimos as máis coñecidas, a maioría son inéditas e que fomos recollendo nos últimos seis anos.
O día 21 de abril de 2017, o Concello de Cervantes, coincidindo coa celebración do Día do Libro (adiantouse dous días por caer en domingo), fixo entrega do Premio de Investigación "Cervantes Saavedra" que convoca cada dous anos. Esta é a terceira edición. A convocatoria fíxose pública no Boletín Oficial da Provincia de Lugo o pasado 19 de decembro. O prazo para entregar os traballos rematou o 28 de febreiro.
Malia dificultade para facer unha Historia de Cervantes (diso se trataba), a documentalista Pilar Carpente máis eu decidimos poñernos mans á obra. Os centos de quilómetros percorridos ao longo de cinco anos polo municipio resultaran frutíferos.
Uns días antes de expirar o prazo rematamos, sorprendidos polos case 500 folios que conseguiramos encher. Non fora unha tarefa fácil, pero aínda que non resultaramos gañadores, merecera a pena.
O día 11 de abril comunicáronnos que o xurado, por unanimidade, decidira outorgar o premio á obra Cervantes, un concello con historia. O noso traballo. Traballo que quedaría orfo se non for polas persoas que ao longo dos anos nos acompañaron e guiaron ata os sitios, contáronnos historias, facilitáronnos documentación... Vaia para elas o noso agradecemento.
Un ano máis (e van cinco), a Anpa do CPI de Cervantes organizou a Festa da Involución Educativa. Unha fermosísima xornada na defensa do rural celebrada no castelo de Doiras (Cervantes) para esixir, nun ambiente festivo pero reivindicativo, un futuro mellor para as vindeiras xeracións, para impedir, en definitiva, que isto morra.

O día 9 de agosto de 2017 celebráronse en San Román de Cervantes os VI Encontros de Artesanía, organizados pola Anpa do CPI que leva anos defendendo un ensino de calidade na montaña. No pavillón do colexio instaláronse postos de artesanía, produtos da terra, exposición de pinturas, etc. Houbo actuacións musicais e xogos de billarda. Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares agasallamos aos presentes cun libriño de Historias, lendas e tradicións do concello de Cervantes, editado pola Deputación Provincial de Lugo, que se agotou en pouco tempo. Proximamente recibiremos unha nova fornada para que ninguén se quede sen el. Tamén fixemos uns dípticos cos mapas de situación das mámoas de Savane-Pena dos Mouros e dos petroglifos da Campa do Barreiro, os primeiros localizados na comarca dos Ancares.
Os días 25 e 26 de novembro de 2016, celebráronse unhas xornadas en San Román de Cervantes organizadas pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. O noso colectivo foi invitado, impartindo unha charla baixo o título de "A importancia do Patrimonio Arqueolóxico na montaña lucense".
O día 12 de novembro de 2016, integrantes da asociación Teenses pola Igualdade, de Teo, achegáronse ata a comarca dos Ancares. Lamentablemente, a mesta néboa impediulles disfrutar como sería de desexar da expléndida paisaxe. Á anoitecida, no salón do Hotel Residencia Os Ancares de Becerreá, Xabier Moure faloulles da impresionante pero pouco coñecida riqueza monumental, así como do pouco valorado e do estado de abandono en que se atopa o patrimonio da comarca.
O día 27 de outubro de 2016, con motivo do décimo aniversario da declaración dos Ancares Lucenses como Reserva da Biosfera, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares, invitados pola Deputación de Lugo, asistimos á reunión deste órgano do que forman parte a propia Deputación, os Concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, as Anpas e as asociacións e colectivos da zona. Previamente a esta xuntanza, a responsable da Área de Medio Ambiente da Deputación púxose en contacto con nos para que participaramos neste órgano. Daquelas manifestámoslle a nosa colaboración sempre que isto non se limitara a celebrar aniversarios e gabarse das medallas para saír na foto, e ata a próxima. A verdade é que saímos esperanzados da reunión ao ver que, ao menos dende a Deputación, a súa disposición a involucrarse na dinamización da zona vai máis alá de simples declaracións de intencións. Tanto daquelas como hoxe mesmo, dende Patrimonio dos Ancares comprometémonos a participar, de forma desinteresada, no órgano. Non vou a enumerar aquí todas as nosas peticións nin as do resto das compañeiras e compañeiros (haberá tempo), pero tanto a Deputación como os alcaldes dos Concellos de Cervantes e de Navia de Suarna (de Becerreá, descoñecemos porque motivos, non asistiu ninguén) pedíronnos, pola parte que nos toca, que confeccionaramos unha guía para dar a coñecer a súa riqueza monumental, así como facer unha proposta para, pouco a pouco, valorizar e sinalizar aqueles monumentos máis significativos. Tamén lle achegamos a nosa proposta sobre a Vía Romana XIX.

O día 22 de outubro de 2016, máis de 60 persoas da Asociación Roxín Roxal, da comarca de Betanzos, e do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a Campa do Barreiro, no concello de Cervantes, situada a 1.100 metros de altitude, onde visitamos os primeiros petroglifos descubertos na comarca ancaresa, a lendaria Fonte dos Namorados e outro patrimonio etnográfico relacionado con antigas formas de vida dos seus habitantes.
Esta andaina forma parte dos “Roteiros de outono” que baixo a denominación de “Escrito na pedra” permitiron coñecer as gravuras rupestres da Idade do Bronce de Vilarmaior, Oia e esta última da Campa do Barreiro.
O sábado, 26 de marzo de 2016, ás 22 horas, emitiuse un documental en VTelevisión sobre o lamentable estado en que se atopa o patrimonio monumental en Galicia. Todos os intervenientes coincidimos en subliñar o desleixo ao que está sometido por parte das administracións pública.
O día 13 de maio de 2016 conmemoramos en Becerreá cun xantar a festa do San Cidre Labrego. Elixiuse o venres porque o propio día, o 15, caía en domingo.
Ata finais dos anos sesenta do pasado século XX, cada 15 de xaneiro celebrábase en Ouselle (Becerreá) a Festa das Ánimas do Purgatorio. Se ben dende eses anos xa non se celebra a festa tal como a entendemos (gaiteiros, etc.), non se perdeu totalmente a tradición xa que, o día 15, ademais dos actos relixiosos (misa), familiares, amigos e veciños xúntanse para xantar ou cear a base de cachuchas, chourizos, botelos, etc. dos porcos sacrificados na última matanza. En tempos, as casas mesmo competían por invitar á mesa á xente importante de Becerreá: xuíz, alcalde, médico, cura, etc. para pidirlle algún favor se fose necesario.
O día 30 de xuño de 2015, o Colectivo Patrimonio dos Ancares fomos entrevistados nos informativos da noite de V Televisión.
O 23 de abril, o alcalde de Cervantes, don Benigno Gómez Tadín, invitoume a pregoar o Día do Libro, efeméride que dende hai anos se conmemora neste fermoso concello da comarca galega dos Ancares. Como non podía ser doutro xeito, e en nome do colectivo Patrimonio dos Ancares, aceptei sen dubidalo xa que nos consta que unha das teimas de Benigno é poñer en valor e dar a coñecer o inxente patrimonio cultural do municipio. E abofé que está a conseguilo.
Antes do pregón, varios alumnos e alumnas recibiron un agasallo. A miña charla xirou arredor do patrimonio inmaterial: das historias, lendas, ritos e tradicións que ao longo dos séculos protagonizaron e teceron os habitantes destas incomparables montañas.
O día 10 de marzo de 2015 tivemos a honra de acompañar a Antonio Reigosa e á ilustradora Noemí López á presentación, na librería Trama de Lugo, do seu libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías. De entre as historias e lendas seleccionadas por Reigosa, elixiu unha recollida polo noso colectivo no concello de Cervantes: A Fonte de María de González.

DE FORNADA EN TORÉS
O día 24 de abril asistimos a unha fornada na casa de Eladio, en Torés (As Nogais). A expericencia foi fermosa. Aínda que debemos de recoñecer que tampouco lle fixemos noxos cando nos sentamos á mesa para dar conta das saborosas viandas: empanada, costela e pan recén cocido adobado con zuce e aceite.
O domingo, día 7 de setembro de 2014, tivo lugar no castro de Santa María a II festa de involución educativa, organizada pola ANPA do CPI de Cervantes e coa colaboración do CDR Ancares e o Concello de Cervantes. O motivo da celebración desta xornada lúdico-reivindicativa, que vai pola segunda edición, foi para esixir un ensino público de calidade e contra os recortes en educación e polo futuro da Montaña Luguesa.
Iniciativas que sempre contarán coa colaboración do noso colectivo.
O día 25 de maio de 2014 celebrouse a IX Feira da empanada das Nogais. O Concello, por medio do seu alcalde, tivo a deferencia de invitarme a ler o pregón, lea na que me meteron mais que lle agradecín por elixirme para pregoar un evento que ano tras ano está a consolidarse como un referente dentro das celebracións lúdico-gastronómicas de Galiza.
Neste mes de maio, pecisamente, cúmprense tres anos dende a miña chegada á comarca dos Ancares. Aínda que non son natural da comarca, e nin sequera da provincia de Lugo, as miñas andainas por estas terras veñen de vello. Dende principios dos anos noventa do pasado século creo lembrar que non pasou un ano sen que me achegara por aquí, andainas que agora se converteron en case diarias o que me está a permitir coñecer tanto as súas terras como as suas xentes.
Cando o señor alcalde me propouxo ler o pregón deste ano, a miña primeira intención foi a de facer un percorrido pola máis antiga historia do concello, historia, polo demais, que aínda está por escribir. Mais axiña considerei que a plática sobre o tema puidera resultar un chisco tediosa, por non dicir aburrida, nunha xornada de lecer como a de hoxe. Matianando no asunto, pregunteime porque non falar, entón, de gastronomía, ao fin e ao cabo é o que estamos a celebrar.
Cando digo "falar de gastronomía" non me estou a referir a como se preparan as viandas, xa que, ademais dunha ousadía pola miña parte, de seguro que carrexaría as gargalladas dos presentes ao decatárense de que non teño, a pesares do interese que poño cando cociño, nin idea. Outra cousa moi distinta é, claro está, se se trata de comer... aí si me considero un experto.
Falar de gastronomía en Galiza non é só facelo dos numerosos e espléndidos manxares que temos na nosa terra, senón que se trata de toda unha cultura, de algo que vai máis alá de comer por comer. Poucas parroquias hai en Galiza que non teñan a súa festa, ben sexa adicada ao patrón ou para enxalzar algún que outro acontecemento como, no presente caso, a empanada.
Como ben sabemos, non existe romaría no noso país que non teña o seu punto culminante no xantar que ten lugar despois dos actos, relixiosos ou non, que reúnen a centos de persoas arredor das suculentas viandas. Sexan uns ou os outros, a comida e a bebida actúa como eixo vertebrador da convivencia entre os comensales. E non só nos momentos de lecer ou de troula. Ata épocas ben recentes, era habitual ofrecerlle de comer aos que velaban os defuntos nas casas, e tamén despois do enterro.
Non vou a falar eiquí de todos os pratos que deron e dan fama a Galiza, cumprirían moitas horas para enumeralos todos, así que vou a referirme a dous alimentos senlleiros da nosa terra.
Para comezar, permítanme facer unha pequena homenaxe a unha das árbores que identifican tanto a comarca dos Ancares como ao concello das Nogais: o castiñeiro, árbore, pola súa importancia, que ben podería, xunto co carballo, figurar no escudo de Galiza. Que foi importante podémolo comprobar polos nomes de lugar que inzan a nosa xeografía, sen ir máis lonxe, no municipio das Nogais, na parroquia de Santo André, temos a aldea das Castiñeiras, ou o monte coñecido como Teso dos Castiñeiros. Dise que o castiñeiro chegou a Galiza traído polos romanos, se ben investigacións recentes confirman que xa poboaban os nosos montes moito antes, hai máis de 2.500 anos, na época dos habitantes dos castros da Conca, de Nullán, Sinllán, Castelo, Noceda, Chao do Couso, Vilabol, Fonte do Cando, Torés, Vilaesteva ou Vilavexe; o froito, a castaña, nome que deriva de Kastana, cidade grega do Ponto onde se cultivaba, tivo grande importancia antes da chegada da pataca no século XVI procedente de Perú e Chile. Ata ben entrada a segunda metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén cocidas, con leite ou asadas; as pequenas utilizábanse para o engorde dos animais, e as que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos.
Non vou a ser eu quen lle dea leccións sobre os castiñeiros á xente da comarca, mesmo, antes de vivir eiquí, ignoraba que hai varios tipos, distinguíndose, ao menos, cinco clases que levan o nome de "o bravo", "da parede", "da coruxa", "marelás" e "de cebola". Así entereime que cando os castiñeiros estaban plantados en terreos comunais, cada propietario, para recoñecer a súa propiedade, facíalles unha marca, ou que cando se compraba ou vendía escriturábase como unha propiedade máis. Canto ao froito, a castaña, din que non se poden deixar caer soas da árbore porque podrecen antes, é preciso varexalas para que se conserven máis tempo e para que o castiñeiro se fortaleza e colla máis forza para a súa reprodución.
Ademais, o castiñeiro actuou, ata non hai moito, como espazo sagrado, vinculado á morte. No cercano municipio de Navia de Suarna, na parroquia de Rao, era costume cravar unha cruz de madeira no coñecido como Castiñeiro das Cruces cando pasaba un enterro polo camiño da igrexa. O mesmo acontecía con outros castiñeiros situados nas aldeas de Murias, Meda e Robledo.
Canto á empanada, pouco se sabe sobre a súa orixe, aínda que si coñecemos que na antiga Persia, varios séculos antes de Cristo, cociñábase un prato que podía ter bastante semellanza coa empanada actual. Segundo documentos árabes, foron os gregos os que deron a coñecer a masa da empanada en Occidente; tratábase dunha especie de pasta, denominada philo, especial para poder introducirlle un recheo coas máis variadas viandas. Esta pasta era moi apreciada pola súa textura, cruxiente e fina unha vez pasada polo forno.
O coñecemento da empanada na Península parece ter a orixe hai un 1.300 anos, coa chegada dos árabes que preparaban unha especie de empanadilla de trigo rechea con carne de cordeiro, así como outros tipos, tanto doces como salgados. Foi tanto o éxito que chegou a evolucionar en infinidade de variantes, entre elas a empanada tradicional galega que nun principio elaborábase con pan de millo e logo con trigo e outros cereais. Segundo a lenda, os peregrinos sabían da súa cercanía a Santiago de Compostela ao ulir o inconfundible aroma a pan, vieiras e empanada. Foron eles os que deron a coñecer a todo o mundo as excelencias da empanada galega. O Meste Mateo, o artífice do inigualable Pórtico da Gloria da catedral compostelá, esculpiu no Pazo do arcebispo Xelmírez, no século XII, unha figura que ten nas mans o que se identifica como a primeira representación dunha empanada galega.
Na Idade Media, a preparación da empanada facíase, sobre todo, para consumo de pastores e peregrinos. Diversos alimentos previamente cociñados como ovos, carnes, mariscos, etc., metíanse nun oco feito nunha bóla de pan bastante grande previamente forneada. Co paso do tempo pasouse a fornear directamente a masa de pan co recheo dentro, como se fai na actualidade, o que lle dá ese sabor tan característico.
A empanada é, en definitiva, un dos símbolos da mellor cociña galega, saborosa e farturenta, sexa de millo, trigo ou outros cereais, rechea de polo, ameixas, bacallau, carne de porco, roxóns, chourizos ou bonito. Daí que estea considerada como o alimento galego máis universal, que se consume en calquera época do ano e imprescindible en toda celebración que se prece.
E para rematar, gustaríame que iniciativas como esta sirvan para dar a coñecer e dinamizar a comarca dos Ancares galegos e poñela en valor. Unha comarca, que se non o remediamos, está condenada ao esquecemento.
Moitas grazas a todas e a todos".

A petición da ANPA do CEIP, realizamos un pequeno artigo titulado Percorrido histórico polas terras de Becerreá onde falamos do vizoso, aínda que descoñecido, patrimonio arqueolóxico, nomeadamente mámoas e castros, esparexido polo municipio.
No mes de maio de 2013, invitados polo CPI "Daniel Monje" de Navia de Suarna, tivemos a honra de participar cunha charla sobre a riqueza arquelóxica do concello no trimestre adicado aos países celtas e á cultura prehistórica, achegando tamén un artigo na publicación Sendiñela sobre O Megalitismo no concello de Navia de Suarna, editada polo propio centro.
Proposta encamiñada a pór en valor os saberes e os valores tradicionais vencellados ao medio rural. A iniciativa, posta en marcha por algunhas profesoras do CEIP de Becerreá (que contaron coa colaboración de colegas chegados doutras partes de Galiza) e por un bo número de nais e pais de alumnas e alumnos, desenvolveuse durante o mes de xullo de 2013 onde os cativos coñeceron as formas de vida das xentes de Eixibrón, Guilfrei, Armesto e Vilouta e no que os veciños se involucraron activamente achegando todo o seu (enorme) saber. Tamén houbo tempo para retroceder ao máis remoto pasado. Nas covas de Valdavara contaron coa inestimable presenza dos investigadores Manuel Vaquero e Susana Alonso (Susana, filla do descubridor alá polos anos sesenta do pasado século das covas, foi a que impulsou, non sen poucos esforzos, as escavacións), e en Vilouta, o que isto escrebe, tivo o pracer de falar dos enterramentos megalíticos e dos castros que poboan o concello de Becerreá. O interese amosado polos cativos, impresionante, o dos pais e ensinantes, un auténtico exemplo.
O día 24 de novembro de 2013, organizado por ADEGA, fixemos un roteiro por Becerreá. Como ocasional cicerones, os do Colectivo Patirmonio dos Ancares tivemos o pracer de guiar a medio cento de persoas pola Cova dos Mouros, o castro de Vilar de Ousón, aldea do mesmo nome, pola ponte de Cruzul e algún outro lugar. A xente, a maioría de fóra, quedou encantada e co desexo de repetir.
No anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza 2013, Fol de Veleno, publicado pola Sociedade Antropolóxica Galega, escribimos un artigo sobre as Tradicións e lendas sobre a morte na comarca dos Ancares. Ademais pódese desfrutar doutros quince traballos achegados por especialistas e investigadores.