CONCELLO DE CERVANTES
* A deusa Deva. * O castro de Cela. * Castro da Pena Tallada. * Castro do Teso da Vella. * Santa María do Castro. * 1.3oo moedas romanas. * A Cortiña dos Mouros. * A Cova dos Mouros. * A Aira dos Mouros. * A moura-cobra-lebre. * A Fonte dos Romanos e o Circo. * O Pico de Tres Bispos. * Piornedo e Donís nun documento do ano 1486. * A Palloza. * Casa-torre de Donís. * O mosteiro de Dorna. * O mosteiro de Estremar. * O mosteiro de San Salvador de Cancelada. * O santuario dos Remedios. * A capela de San Antonio de Padua de Riamonte. * Dedicatoria no cemiterio de Vilaspasantes. * As tumbas de Corneantes. * As campás da igrexa de Donís. * Convento en Castelo de Frades. * A Chan da Cruz. * A cabana dos estremeños. * A campa. * Cando os veciños de Chan de Lagares e Folgeuiroa vivían xuntos. * O traslado da aldea de Vilar de Mouros. * O entroido. * O Apalpador. * A Noite de Reis. * Médicos, cirurxáns, compoñedores, curandeiros... * Remedio contra a "caída da paletilla e a espinilla". * Fórmula para curar os orizós ou orizopos. * Un parto en Riamonte. * Castelo de Cais. * O castelo de Doiras: A Doniña Cerva. * O afiador de Ourense. * O pazo de Saavedra. * A orixe de Miguel de Cervantes. * A Pita do Monte. * O último oso dos Ancares galegos. * A malla. * O cardenal Álvaro de Mendoza. * República independente de Donís. * Acea das Pontes. * A Cova da Meiga. * A Furada da Raposa. * Dámaso Alonso nos Ancares. * A Fonte dos Namorados. * A Fonte de María González. * A Fonte do Tesouro. * Un tesouro na parroquia de Cereixedo. * O encantamento do Barreiro. * A Campa de Fieiró. * O Campo da Matanza. * Unha cidade nos Ancares: Capara. * A Pena do Castelo. * Penas Mulleres. * A Pena do Viño. * A Pena da Manteiga ou do Unto. * A Pena da Noiva. * A Pena dos Mouros. * A Pena do Santo. * A moza e o demo. * As bruxas na Franxoeira dos Olmos. * O Renubeiro. * O Trasno do Choco. * O enterro do home que estaba vivo. * O lobishome de Doiras. * O lobishome de Vilarello de Donís. * Como matar un lobo. * Unha historia de lobos. * O lobo gardián. * A Corriza. * A orixe do nome de Santo Tomé e Cancelada. * Un morto mata catro vivos na Franxoeira dos Olmos. * En Cervantes, un morto matou dous vivos. * Viaxes con Ánxel fole, de Manuel Rodríguez López. * Un Quindós de Cervantes en Ribeira de Piquín. * Un tesouro entre tres fontes. * A pantasma de Vilarello da Irexa. * Feira en Seixas. * O noivado e o casamento. * O matrimonio. * A Cervantita. * Selo do Concello de Cervantes (1876). * Un crime no Portelo: de quen era o morto? * O cable. * Por que se abandonou a aldea de Chan de Pracía. * En busca de Xosé María Castroviejo. * Quizais a foto máis antiga dunha palloza nos Ancares. * Xosé María Castroviejo e Celso Emilio Ferreiro nos Ancares. * O hórreo. * A lareira. * O Caroco. * O marco do Val de Solleiro. * O teléfono chega a Cervantes. * Festa da Pandeira. * O Ensino. * Unha lenda pouco coñecida en Castelo de Cais e Dumia.

A DEUSA DEVA
Aldea da parroquia de Cereixedo. Etimoloxicamente significa "deusa ou divina", divindade céltica relacionada coas augas.
O CASTRO DE CELA
Cóntase
que un bo día chegaron os mouros a Cela para apoderarse da aldea, mais
os habitantes fixéronlles fronte e conseguiron expulsalos para o lugar
onde logo construíron o castro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
CASTRO DA PENA TALLADA
O
castro sitúase no Fabal, nas inmediacións da Vía Romana XIX. O nome dállo unha gran rocha cunha fenda de
máis de quince metros. Dise que existe un túnel polo que baixaban os
mouros ata o río para que bebesen as cabalarías e para fuxir eles mesmos
cando había liortas. Abaixo, no río, hai un gran barcal feito na pena
para que bebesen sen ser vistos. (Achegada por Tito Fernández de Témez).
CASTRO DO TESO DA VELLA
Na parroquia de San Tomé de Cancelada. Coñecido tamén como Pena dos Mouros. Unha vella fiaba fíos de ouro que despois colgaba dos carballos.
SANTA MARÍA DO CASTRO
Dise que debaixo da igrexa situada no castro hai un túnel que comunica co río. O castro de Santa María, a solicitude do Colectivo Patrimonio dos Ancares e da Anpa do CPI de Cervantes, foi declarado BIC no mes de decembro de 2019.
1.300 MOEDAS
Do nº 2 de Galicia Diplomática
do ano 1892 recollemos que no lugar do Couso, non moi lonxe do castro de Santa María, un veciño, ao traballar a
terra, atopou un pucheiro con 1.300 moedas. Ao comprobar que non eran de
ouro nin de prata (eran de cobre) desfíxose delas. O escritor Manuel
Castro López conseguiu tres que entregou a un experto para que as
datara, asegurando este que eran romanas.
A CORTIÑA DOS MOUROS
Lugar
situado na parroquia de Vilarello, lindeiro con Valboa (O Bierzo). Un
veciño de San Miguel contounos que no sitio había tres fornos onde os
mouros facían o cal que, disque, foi utilizados na construción do
castelo de Doiras. Trátase dunha clara referencia ás tres mámoas que hai no lugar. Nas inmediacións está o campamento temporal de época romana da Cortiña dos Mouros ou do Campo do Circo. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A COVA DOS MOUROS
Está non moi lonxe da aldea do Pandelo. Na
actualidade atópase cegada por un derrube. Contáronnos que ten varias
galerías. Nunha delas había unha mesa con selas ao redor onde se sentaban os mouros a deliberar. Dise que vai dar a unha casa do Pandelo. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A AIRA DOS MOUROS
"É eiquí onde lle chaman o castro, e chámanlle, no mismo castro a Aira dos Mouros, porque era onde vivían os mouros. E hai un pozo, si que hai un pozo, eso vino eu todos os días, e hai unha pena que ten unha pisada como dun zapato no medio da pena, e nós cuando eramos pastores que ibamos eilí, ibamos sempre ó pico daquela pena e saltabamos eilí: -Pero mira que pisada dun zapato hai eiquí. Foi a dun moro, os moros fixeron esto. E si, hai un pozo, e o pozo inda hoxe, pero está cheo de broza. Nunca soupemos o fondo que tiña, tirabámoslle pedras; e está sempre cheo de auga, e tirabámoslle pedras e soaban así, fondas. E hai unhas paredes ó redor. Todos decían que foran eles, os romanos, moros ou como lles chamaban, e deilí marcharon, pero decían que había ouro: os moros deixaran ouro eilí; e que o ouro estaba encima da primeira uceira donde daba o sol. Parece ser que a xente o buscou pero non o encontraron hasta que unha vez houbo un incendio ó lado da uceira aquela. Cando chegou o lume onda a uceira a xente baixou para apaga-lo lume e baixaba o ouro, corría por unha rebola abaixo. Onde a uceira había unha rebola e baixaba o ouro pola rebola abaixo, e foi a única maneira de que aparecese". (Transcrición literal recollida de Anabel Amigo González, publicada en Lucensia no ano 2002 baixo o título Cervantes (Lugo) un concello con lenda).
A MOURA-COBRA-LEBRE
"E outra vez, no pueblo de San Rebordín, iba unha muller leva-las vacas a un monte que se chama Braña Nova e indo por unha rodeira adiante encontrouse cunha muller mui fea, mui fea, e ela levoulle medo. E díxolle: -Non me leves medo, vouche volver a salir en forma de serpiente e tu non me escapes, cuando eu salia; se me tiras tres cospiñadas, e mas tiras ben tiradas heinche de dar riqueza para toda a vida. Pero cuando lle saliu en forma de serpiente levoulle medo, porque viña cunha roxidísima..., e botou a escapar. E entonces volveuse en forma unha lebre e ela deulle unha patada e rompeu unha perna, porque se lle tirara tres cospiñadas desencantábase e dáballe a riqueza para sempre". (Transcrición literal recollida de Anabel Amigo González, publicada en Lucensida no ano 2002 baixo o título Cervantes (Lugo) un concello con lenda).
Por certo, resulta curioso o topónimo San Rebordín, no santoral católico non existe ningún santo con este nome polo que, cremos, estamos diante dun falso haxiotopónimo.
A FONTE DOS ROMANOS E O CIRCO
A principios
do mes de xullo de 2018 achegámonos ata o Comeal, en Cervantes, para
comprobar se a vía romana XIX estaba transitable para as andainas que tiñamos previstas. Cando chegamos, un home de 81 anos que ía cunha gadaña saudounos.
Natural do Comeal, marchou para Cataluña cando era mozo pero todos os anos
volve para pasar os meses de verán na súa terra. Contounos que ía rematar de limpar o camiño que leva ata un manancial.
Preguntámoslle, entón, se a auga da fonte que hai na mesma aldea non era boa.
Contestounos que si, pero a mellor era a da fonte “dos romanos”. Dos romanos? Foi a
que utilizaron os veciños dende sempre, hai outro manancial un pouco máis
arriba, pero sempre foi esta a súa preferida. Acondicionáronna hai uns dez
anos. “Si viñan os romanos a por ela dende o Circo por algo sería”, respondeu.
O Circo? “Si, onde tiñan o castelo, lembro que os meus bisavós e tamén os meus
avós aínda lembraban algúns muros. Ali, os mouros, gardaban un tesouro”,
díxonos. Hai uns poucos anos localizouse no
coñecido como Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros, un monte situado a 1.294
metros de altitude entre O Bierzo e Galicia e a uns tres quilómetros en liña
recta do Comeal, os restos dun campamento temporal construído polo exército
romano no decurso das Guerras Galego-Astur-Cántabras. Con esta testemuña queda claro que os veciños xa sabían
da existencia do campamento romano (“o castelo”) dende tempos inmemoriais. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O PICO DOS TRES BISPOS
Situado a
1.795 metros de altitude sobre o nivel do mar. Segundo a tradición
recibe o nome porque eiquí se reunían os bispos das dióceses de Lugo,
Astorga e Oviedo para dirimir os problemas de xurisdición, polo que erradamente se cre que Tres Bispos é o límite entre as provincias de Lugo, Asturias e León cando en realidade atópase algo máis enriba do Cuíña. Trátase dun topónimo metafórico que mediante unha
alegoría popular indicaba o lugar de confluenza das dióceses citadas.
PIORNEDO E DONÍS NUN DOCUMENTO DO ANO 1486
A PALLOZA
En Galicia, estas edificacións concéntranse, maioritariamente, na comarca galega dos Ancares, co concello de Cervantes á cabeza. No ano 1984, o arquitecto Pedro de Llano catalogou nos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro 300 pallozas das que 50 aínda estaban habitadas e o resto dedicadas a cortes ou palleiras. Os primeiros traballos acerca das pallozas na comarca dos Ancares foron publicados no Boletín da Real Academia Galega no mes de novembro de 1913 e no mes de abril de 1914, estudos que levan por título Las Casas del Cebrero e Origen y antigüedad de las pallozas del Cebreiro. Pedro de Llano, xunto cos tamén arquitectos Plácido Lizancos e Alfonso Salgado, e outros especialistas en distintos campos (socioloxía, historia, etnografía ou economía), foi o encargado de desenvolver o proxecto de Piornedo, rehabilitando 16 pallozas dende o ano 1984 ata o 2001 en que foi destituído polo conselleiro de Obras Públicas Xosé Cuíña. O motivo, ao menos oficialmente, debeuse a que tiñan diferenzas canto á idea de conservación do poboado. Como deixara claro Del Llano no ano 1993, "A recuperación de Piornedo illada non ten moito sentido. Hai que plantexarse a conservación de toda a área de pallozas, e a deterioración desta aldea non é só o arquitectónico, senón tamén o social e o do medio".
Canto á forma redonda existen varias teorías. Vicente Risco fala da "tendencia inconsciente do construtor". Caro Baroja, xa dun xeito máis científico, atribúeo a unha evolución das primitivas cabanas do Neolítico construídas con materiais perecedoiros, tese da que participa José María Luengo, engadindo que perviviron durante a Idade do Bronce, chegando a entroncar coa cultura céltica do Noroeste peninsular. Na mesma liña están, entre outros, Boch Gimpera e García y Bellido que defenden que a palloza é unha evolución da casa redonda presente nos nosos castros. Ángel del Castillo, que nun principio compartía a orixe celta, mudou logo de opinión dicindo que non existían probas concluíntes xa que a construción circular con muros baixos e grandes teitos é unha característica dos pobos que existiron en distintas partes de Europa.
Por último, como anécdota, Eugenio de Salazar, un madrileño que exerceu de xuíz e fiscal en Galicia entre os anos 1559 e 1560, deixou escrito que os habitantes dos Ancares "Viven en casas redondas porque, para que quepa la ruindad de sus moradores, la figura redonda es la más capaz...".
Eiquí achegamos a foto, quizais a máis antiga, dunha palloza. É do ano 1899, en Piornedo, que serviu para ilustrar o libro de Nina Epton Grapes and granito ("Uvas e granito"), publicado no 1956.
CASA-TORRE DE DONÍS
No Diccionario Heráldico y Genealógico de apellidos españoles y americanos
dos irmáns García Garrafa, aparece Onís ou Donís. Na xenealoxía alúdese
a un cabaleiro que ingresou na Orde de Santiago, ao seu pai e a un seu
avó que figuran apelidados como Donís, así como á súa nai que pertencía á
mesma casa, mais aparecendo apelidado Onís o avó materno. Noutro
documento referido a un irmán do citado cabaleiro, teñen o apelido Onís o
pretendente e os sucesores. O edificio ten forma rectangular, adosado á
torre. Na fachada hai unha pedra armeira.
O MOSTEIRO DE DORNA
A
igrexa parroquial de Santa María de Dorna atópase, solitaria, afastada
dos núcleos de poboación, nun encaixado val a carón do río Quindous, no
concello de Cervantes. Eiquí tiveron granxa e priorado os monxes
cistercienses de Carracedo do Bierzo, citándose en cartularios dende o
ano 1200, sempre co nome actual. No Arquivo Histórico Provincial de Lugo
figuran vendas da desasmortización do cenobio no ano 1835. Na
actualidade non se conservan restos do primitivo mosteiro.
Dise
que estivo habitado polos templarios. Os monxes-guerreiros eran os
encargados de enterrar no cemiterio aos mortos da parroquia, non
permitindo a inxerencia de cregos alleos á súa orde.
Cóntase
que cando aínda existía o mosteiro, un frade, para purgar os seus
pecados, foi desterrado eiquí polo abade de Carracedo do Bierzo.
Asegúrase que o motivo debérase a que o monxe era moi dado aos
esconxuros. Mal sería, matinou o abade, que naquel recóndito sitio non
se lle curaran semellantes teimas. Levaba o monxe pouco tempo en Dorna
cando os veciños de Ardevila e Folgueiroa viron como cada día, pola
mañá, aparecían varios buratos escavados en prados e leiras. Para dar co
causante, unha noite esperaron agochados dous veciños. E así foi,
pasada a medianoite viron como unha figura enteiramente vestida da
cabeza aos pés cun hábito negro se poñía a cavar. Armados con paus,
abalanzáronse sobre o intruso. Cal foi a súa sorpresa cando, ao sacarlle
a carapucha, viron que era o freire. Este contoulles que andaba a
buscar os tesouros que había esparexidos pola parroquia e que lera nun
vello libro. Os veciños ríronse pero, para demostrarlles que non era un
conto, levounos ata unha sepultura do cemiterio, moveu a tampa e alí
estaba o ouro que acumulara en pouco tempo. Entón chegaron a un trato:
todo o que atoparan dalí en diante repartiríase entre os tres. Dise que
os dous veciños axiña se converteron nos máis ricos da contorna.
Unha
noite, cando un veciño de Estremar pasaba xunto o antigo cemiterio que
estaba xunto a igrexa (o vello camposanto trasladáronno para outro
sitio), escoitou uns estranos ruídos, como o que fan as táboas ao
descravalas. Cheo de pánico, correu coma vento que leva o demo ata a súa
casa, atrancando a porta con sete trancas. Ao día seguinte contoulle o
caso a un veciño. Esa noite baixaron os dous ata o cemiterio e, en
efecto, aquel ruído era real. Camiñaron amodiño, a curiosidade podíalles
máis co medo. Achegáronse a unha das sepulturas de onde procedían os
golpes. Apampados quedaron cando no burato viron ao Charro do Chao
descravando un cadaleito. "Pero que fas, tolambrán?", berráronlle. "E
logo non vedes? Os ósos non as precisan, e as táboas máis falla me fan a
min para pechar o cortello!". (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O MOSTEIRO DE ESTREMAR
Estremar
é unha aldea da parroquia de Dorna. Segundo a tradición, por riba da
aldea houbo un mosteiro cisterciense dependente, dependente como o de Dorna, de Carracedo do Bierzo.
(Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DE CANCELADA
A
única referencia da que dispoñemos débese a unha licenza do papa Alexandre
III ao bispo de Lugo, Xoán, para construír unha igrexa e un mosteiro no
lugar de Cancelada, en terreos doados polo rei Fernando, e para facer
doazón dela aos monxes do Císter. De existir este mosteiro, posto baixo o
padroado do Salvador, a data da fundación hai que situala entre os anos
1152 e 1181 en que o bispo Xoán, elixido polo cabido, estivo á fronte
da diócese de Lugo. Este prelado fora con anterioridade abade do
mosteiro de Samos. O cenobio menciónase na España Sagrada, do século XVIII, dos PP. Flórez e Risco.
O SANTUARIO DOS REMEDIOS
Atópase
en Tarnas, parroquia de A Ribeira. Algúns devotos levan a cabo
procesións individuais ao redor do santuario, de xeonllos ou camiñando. Cóntase que hai moitos anos o cura párroco, ante a oposición dos veciños da aldea, levou a imaxe da Virxe para a igrexa da Ribeira. Esa mesma noite, un apocalíptico diluvio, acompañado de estarrecedores tronos, que arrastrou terra e pedras polos camiños, disque que foi o sinal inequívoco de que a imaxe debía retornar para a capela. E así se fixo. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A CAPELA DE SAN ANTONIO DE PADUA DE RIAMONTE
En
Riamonte, parroquia de Vilarello. Unha
pedra cadrada, lisa e plana (ara) tapa un oco cadrado que hai no altar. A
pedra está envolta nun pano; Fernando Carballo contounos que foi envolta para que non a puidesen tocar as mulleres. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
DEDICATORIA NO CEMITERIO DE VILASPASANTES
Nun muro do pórtico da igrexa parroquial consérvase unha fornela de madeira que no interior acolle a imaxe de metal de Cristo crucificado e unhas estampiñas coa imaxe da Virxe. Na parte inferior un mozo gravou na madeira unhas palabras de amor adicadas á súa noiva, falecida na flor da xuventude. Pasado o tempo, o home casou cunha muller da aldea. Un día, a esposa, acompañada polos seus pais, achegáronse ao cemiterio e cunha navalla desfiguraron as letras que o seu marido lle escribira á súa amada. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
AS TUMBAS DE CORNEANTES
Xunto
a ermida de Corneantes apareceron unhas tumbasn construídas con
lousas ao ampliar a estrada local que discorre ao seu carón. Dixéronnos
que no seu interior había esqueletos humanos completos. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
AS CAMPÁS DA IGREXA DE DONÍS
Ata
a Guerra Civil, para "arroxar o demo", os habitantes de Piornedo
baixaban ata a igrexa parroquial de Donís o día Xoves Santo para tocar
as campás. Tamén teñen sona de alonxar os tronos.
UN CONVENTO EN CASTELO DE FRADES
Luis Monteagudo, nun artigo no Ideal Gallego do do 12 de xuño de 1936, di que en Castelo de Frades existe unha lenda de que había un mosteiro "a la defensiva contra contra los moros" que en tempos asolaron estas terras.
A CHAN DA CRUZ
En
Poso, parroquia do Pando. Segundo a tradición, aínda moi viva entre os
veciños, neste lugar, situado preto do Pico da Legua, está a orixe da
aldea. Daniel Fernández González dinos que se atoparon garmalleiras e hai unha fonte de auga potable. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A CABANA DOS ESTREMEÑOS
Na
Mallada de Piornedo, aos pés do Pico Mustallar. Dise que recibe o
nome porque antigamente viña xente dende Estremadura a traer o gando.
Este nome figura recollido nun preito da Real Audiencia do ano 1788 en que os veciños denuncian o uso ilícito por un "mayoral de rebaños trashumantes de la provincia de Extremadura, con cuyo hecho además de otros perjuicios que han representado se les privaba de leña, pastos y abrevaderos...". (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A CAMPA
De Arqueología jurídico-consuetudinaria-económica de la región gallega (1912), de Alfredo García Ramos recollemos: "En
los Picos de los Ancares (Cervantes), situados a una altura de más de
2.000 metros sobre el nivel del mar, entre las provincias de Lugo, León y
Oviedo, hay extensas praderas cubiertas de nieve durante el invierno,
bajo cuya capa vegetan yerbas jugosas que al iniciarse el deshielo
constituyen magníficos pastos. Unas pertenecen al dominio privadoy
otras son del dominio público de los pueblos; pero tanto en aquellas
como en estas se practica desde junio hasta septiembre el pastoreo, que en la comarca de Cervantes tiene grande importancia, pués constituye su riqueza la cría de ganado vacuno y caballar. Si las praderas son de dominio privado, el derecho de pastoreo se adquiere mediante el pago de una cantidad estipulada por el dueño,
y cada poseedor de un rebaño tiene a su cuidado un pastor por la
retribución convenida. Si son comunales, entonces el cuidado y guarda de
los ganados se hace por turno entre los vecinos, pués el pasto es libre, así como el aprovechamiento de la yerba que siegan y recogen para sus casas. Los pastores viven en cabañas rústicas, se alimentan con pan de centeno y alguna carne de cerdo. Cada seis u ocho días bajan al pueblo a relevarse; responden de los daños causados voluntariamente, pero no de los fortuítos".
CANDO OS VECIÑOS DE CHAN DE LAGARES E FOLGUEIROA VIVÍAN XUNTOS
Nun pastizal que hai entre as aldeas de Folgueiroa e Chan de
Lagares dise que antigamente había un pobo onde
vivían, xuntos, os habitantes das aldeas citadas. Que motivo os empuxou a
abandonar o lugar e formar dúas comunidades distintas? (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O TRASLADO DA ALDEA DE VILAR DE MOUROS
Dise que antes de ocupar o sitio actual, a aldea atopábase no Monte do Oural. Os veciños trasladáronse porque o sitio era moi frío. Neste lugar, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos varias mámoas.
O ENTROIDO
En Donís, o
martes de entroido pola noite, facían unha facha cada veciño, e
con ela prendida ían cara unha fogueira situada ás afóras preparada
polas mozas. Tocaban o tambor e bailaban lanzando gritos guturais.
Despois regresaban ao pobo e xuntábanse nunha casa e bebían viño.
O APALPADOR
O
Apalpador era un carboeiro que vivía nas montañas e na Noite de Nadal
baixaba ás aldeas onde había nenos para comprobar se tiñan as barrigas
cheas e deixarlle castañas se non era así. Este personaxe reflectía a
preocupación, en tempos de escaseza e frío, polo benestar dos nenos. A
lenda do Apalpador ten a súa orixe nas serras do Piornal e do Rañadoiro.
As nais recitábanlle aos fillos: "Hoxe é día de Nadal/día do Noso
Señor/ide logo para a camiña/que vai vir o Apalpador./Hoxe é día de
Nadal/vai meniño para a camiña/que vai vir o Apalpador/a apalparche a
barriguiña". No concello de Cervantes documentamos a súa presenza na Pintinidoira.
A NOITE DE REIS
Arredor da festividade de Reis, nos concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro formábanse mascaradas, compostas sempre por homes, que percorrían un amplo territorio. Visitaban distintas aldeas e recadaban donativos cos que celebrar a festividade. Entoaban distintos cantares, encomezando sempre con estrofas de "pidir licenza" para actuar. Estas mascaradas desapareceron na actualidade, fixando a súa decadencia na época da postguerra.
MÉDICOS, CIRURXÁNS, COMPOÑEDORES, CURANDEIROS...
A
finais do século XIX o número de médicos que había
en Galicia non chegaba aos 70, e 500 cirurxáns, tendo en conta, ademais,
que moitos médicos eran charlatáns e a maioría dos cirurxáns non eran
máis ca barbeiros-sangradores. A residencia do
médico na capital municipal non implicaba a súa actuación profesional
nas numerosas aldeas coas que apenas tiña contacto. As comunicacións
dende a capital entre as distintas aldeas era tan deficiente que se
chamaban ao médico este invertía na viaxe e
consulta non menos de sete horas, quedando o resto dos veciños do
concello sen atención, e iso contanto que non nevara. O desprazamento a
moitos lugares esixía a combinación de coche e cabalo. Non resultaba
unha rareza non avisar ao médico cando se cría que a enfermidade era
incurable. Cando alguén morría sen asistencia médica, o sacerdote ou o
pedáneo eran requiridos para cubrir un papel no que dicía "morreu de
morte natural", para así poder ser enterrado. A visita custaba todo un diñeiral para as minguadas rendas. Os
únicos que estaban exentos de pagar os gastos do médico eran os "pobres
de solemnidade" que figuraban nunha lista confeccionada polo Concello.
A xente
distinguía entre enfermidades "novas" que eran competencia do médico, e
as que non o eran como a erisipela, cualleiro, paletilla, espinilla,
esfiado, ponzoña, aire da pozoira, a sombra, o enganido, o coxo do sapo,
a cisma, o rauto, mal da teupa, mal de afóra, mal de ollo, feitizos...,
recorréndose, en vez de ao médico, a bruxas, compostores, manciñeiros,
arresponsadores, curas, santos, cemiterios, rescriptos, allos, cornos,
herbas ou remedios caseiros. En Donís lembraban con detalle as primeiras visitas do médico a mediados dos
anos cincoenta do pasado século XX. O cura facía de médico e a el
chamaban, pedíndolle a súa opinión sobre se o enfermo ía a morrer ou non,
ou se chamaban ao médico. Curandeiros, compostores, compoñedores,
sabias, axeitas, manciñeiros, etc. cubrían o campo das roturas de ósos,
luxacións, dores de costas, estómago, calleiro... Para a curación de
"enfermidades de nervios" recoríase a certos santuarios, con símbolos e
rituais específicos. En moitos casos, nos lugares de difícil acceso, os
"enfermos de médico" graves eran levados a ombros ata a estrada onde os
recollía un coche para achegalos ata a consulta.
En Cervantes, os
únicos que podían curar "o mal de afóra" eran
os curas (maldicións, meigas, mortos, etc.) porque os médicos, dicía a
xente, "diso non entendían"; dicían que eran enfermidades, mais "son
espíritos que andaban perdidos e metíanse nunha persoa". Ademais da
capital municipal, o médico tamén podía ter consulta nalgunha aldea. En
Vilanova do Pedregal había unha praca de médico na porta do estanco que
dicía: "Consulta martes, venres e días de feira", actividade que
compartía con menciñeiros, compostores, sabias, etc., que adoitaban ter
máis pacientes que o propio médico.
REMEDIO CONTRA A "CAÍDA DA PALETILLA E A ESPINILLA"
A
espiña dorsal ou "espinilla", chamada tamén espiña, trátase dun
conxunto de vértebras dispostas en fileira e unidas entre si que forman o
cixo do esqueleto e sosteñen o corpo humano. Pola contra, co nome de
"paletilla", tamén chamada paleta, é cada un dos ósos planos que articulan
o brazo co ombro. Esta enfermidade consiste no dislocamento dalgún óso e
caída das vísceras que provoca unha malformación que se pode comprobar
de modo popular do seguinte xeito. Déitase á persoa no chan coas pernas
estiradas e xuntas, tendo en conta que os pés estean xuntos tamén, e se
xuntan os brazos por detrás da cabeza. Se as palmas das mans ao xuntarse
quedan a distinto nivel é que hai esta enfermidade. Na parroquia de San
Pedro de Cervantes sentaban ao enfermo nunha cadeira, igualábanlle as
pernas e levantábanlle os brazos, tirando deles cara arriba ata que as
mans quedaban ao mesmo nivel. Logo era necesario repouso e xantar bos
alimentos. Para finalizar o ritual, outra persoa dáballe unhas masaxes e
mencionaba as seguintes palabras que tería que repetir durante cinco
días seguidos: "Refrégoche os ósos/de arriba ata abaixo/e ao cabo duns
días/a dor dos ósos/irache pasando". (Recollido de O Paraíso: Cervantes).
FÓRMULA PARA CURAR OS ORIZÓS OU ORIZOPOS
Esta
doenza é unha inflamación benigna que afecta basicamente a nenos
e xóvenes , que aparece na beira libre das pálpebras. Para curar esta
enfermidade, ademais de remedios físicos, úsanse outros de base
máxico-relixiosa. Na parroquia de Cereixedo collíanse tres pallas dunha
palloza; unha delas tiña que ter un no; logo poñíanse en forma
triangular e prendíaselle lume por debaixo, mentres se recitaba o
seguinte ensalmo: "Foxe orizó/que che queiman a casa/con tres pallas e
un no". Na parroquia de Donís o remedio para curar ben a doenza do orizó
consistía na construción dunha pequena casa de palla á que logo se lle
prendía lume; mentres ardía, pronunciábanse as seguintes palabras:
"Queimo a palla/e o palleiro/e queimo o meu orizopo". (Recollido de O Paraíso: Cervantes).
UN PARTO EN RIAMONTE
Debeu acontecer pola metade do século XIX. A aldea de Riamonte era un fervedoiro de xente, o camiño que unía O Bierzo con Cervantes e o resto da comarca era un dos pasos obrigados para vendedores de viño, tratantes de gando, segadores, mineiros, feirantes, afiadores... Normal, o camiño xa fora utilizado polos romanos para explotar o ouro que extraían das minas a ceo aberto. Un día chegou á aldea un carromato tirado por un burro ou un cabalo, nel viñan un home e unha muller de "raza xitana". Non puideron continuar a viaxe, a muller, embarazada, non aguantaría un metro máis. Pariu na casa do noso informante, acolleuna a súa tataravoa, que ademais de acubillo alimentou á muller e ao cativo ou cativa con caldo de pita. (Achegada por Fernando Carballo, de Riamonte).

CASTELO DE CAIS
O
composto do topónimo semella estar relacionado cos cans, os animais
domésticos, ou, tamén, con calellas ou ruelas. Caridad Arias recolle o
nome de Vila de Cais cuxa orixe retrotrae á forma posesiva Bellacanus ou Villacanus, do nome Bilicanus. Durante o afán castelanizador do Antigo Réxime chegou a chamarse Castillo de Perros.
O CASTELO DE DOIRAS: A DONIÑA CERVA
Coñecido
tamén como da Ponte de Doiras ou de Ferreira, álzase sobre un rochedo a
77 metros sobre o río Cancelada ou Cervantes, na desembocadura do río
Doiras. Data dos séculos XIV ou XV. Pertenceu ao conde de Grajal
de Campos (León), señor de Cervantes, título que posuíu o duque de
Sexto ata o ano 1909. Ten planta rectangular de grosos muros, destacando a
Torre da Homenaxe, en forma de cubo, de 14 metros de altura, e unha
torre circular. Conserva o paseo de rolda, ameas, un alxibe e outras
dependenzas.
Tirada dunha antiga lenda oral, A Doniña Cerva, que os veciños transmitiron de xeración en xeración, disque Gustavo Adolfo Bécquer teceu eiquí a lenda da Corza Branca (publicou as súas lendas no xornal El Comteporáneo entre 1858 e 1864). Unha das varias versións existentes conta que no castelo vivía un cabaleiro que tiña un fillo e unha filla (unha versión relativamente moderna dálle a estes os nomes de Froilaz, Egas e Aldara). O fillo doutro señor dun castelo próximo namorouse da moza. O seu amor foi correspondido e, co prace dos proxenitores, anunciouse a voda. Unha tarde, a moza desapareceu mentres paseaba polos bosques da contorna. O señor do castelo mobilizou a toda a comarca, pero a busca, para o seu despero, resultou infrutuosa, imaxinando a peor das desgrazas. Un día o irmán, estando de caza, viu unha fermosa
cerva branca e, cunha certeira frecha, acabou coa vida do inofensivo
animal. Mais, cando quixo levar a peza para o castelo, decatouse de que
pesaba demasiado polo que decidiu cortarlle unha pata dianteira para desmostrar a súa fazaña. Pero, cando foi mostrarlla ao pai para facelo partícipe do éxito da cazaría, o que sacou do zurrón non foi a pata da cerva, senón unha man, a branca e suave man dunha muller. Desesperados, correron ata o sitio onde matara a cerva. Cando chegaron viron o que xa sospeitaban: o mozo non matara unha cerva senón a súa fermosa irmá. Asegúrase que debeu ser un mouro ou unha fada quen encantou á doncela, converténdoa en cerva, e só a morte foi quen de devolvela ao seu estado natural.
Pero
Manuel Murguía, na parte dedicada a Galicia, en España, sus
monumentos y artes, su naturaleza e historia (1888), conta que o
novelista francés, Emile Souvestre, en Les derniers paysans
(1851), conta a mesma lenda, pero coa diferenza de que se á moza
galega o cazador lle corta unha man, á moza francesa córtaa en
pezas e logo sírvenna asada nun banquete. Ao mellor só é unha
coincidenca.
O AFIADOR DE OURENSE
Xosé Benito Reza, no seu Vivir en Ancares
(2002), recolle unha lenda sobre o castelo onde un afiador de Ourense
levou o tesouro que se agochaba dende non se sabe canto tempo baixo o
portón da fortaleza.
O PAZO DE SAAVEDRA
Coñecido
tamén como Pazo de Vilarello. Segundo a tradición é eiquí de onde
procede a linaxe de Miguel de Cervantes Saavedra, o autor de O Quixote.
A ORIXE DE MIGUEL DE CERVANTES
Nos últimos anos lévase escrito moito, fóra da súa obra, sobre o autor do Quixote: onde e cando naceu, de se era descendente de xudíos conversos, de onde proceden os seus antepasados, de se os seus restos se atopan entre un montón de ósos do convento das Trinitarias de Madrid... Mais, polo de agora, só hai algo claro no que coinciden todos os investigadores: que morreu en Madrid o día 22 de abril de 1616. Mesmo existen controversias canto ao ano de nacemento, se no 1547 ou no 1549. As biografías sitúanno no 1547. Se ben é certo que Cervanes nunca foi moi claro canto á orixe da súa familia, si resulta bastante doado coñecer o ano de nacemento. Cando escribiu as Novelas ejemplares no ano 1613, afirma que tiña 64 anos o que sitúa o nacemento no 1549. No ano 1580 repetiu varias veces que tiña 31 anos, primeiro ante un notario cando foi rescatado de Arxel, logo ante un escribán de Madrid ao declarar a favor dun compañeiro, e despois nunha declaración para evitar unha condena.
César Brandariz, en El hombre que "habla difícil". ¿Quien era realmente Cervantes?
(2011), informa da localización do orixinal dun documento de
Rodrigo Méndez Silva (1600-1670), un xenealoxista portugués que foi
cronista de Felipe II, onde di que Miguel de Cervantes Saavedra é
"orixinario de Cervantes, en Sanabria, no antigo Reino de Galicia". No
apartado adicado á xenealoxía do alcalde de Toledo, Nuño Alfonso, de
orixe galega, refírese a Miguel de Cervantes como un dos seus
ascendentes. Méndez Silva fai mención dun manuscrito de Florián de
Ocampo (1513-1590) custodiado na libraría do Conde de Lemos, protector
do escritor. Neste documento fálase de que membros da familia de
Cervantes desprazáronse no ano 1577 a Sevilla, Estremadura e México. Entre outros documentos, Brandariz cita un do desaparecido
Colexio dos Xesuítas de Monterrei, na comarca de Verín, cuxas páxinas
están escritas na caligrafía de Cervantes. César Brandariz arfirma,
ademais, que non existe ningún documento non falsificado no que Miguel
de Cervantes se declare de Alcalá de Henares.
Cada vez son máis os investigadores que se inclinan por unha ascendencia "non manchega". Santiago Trancón sostén que Cervantes foi un xudío converso e que as referencias á Mancha non son máis que un recurso literario que non se corresponden con referencias xeográficas concretas, senón que as andainas do fidalgo están inspiradas en terras de León e Galicia, como é o caso das mencións aos carballos, castiñeiros, acivos, nogueiras, xabaríns, osos, lobos, troitas, segadores, muiñeiros, arrieiros, montañas, verdes prados, seimeiras, fontes, regueiros, etc. Orografía, vexetación, fauna e tradicións bastante alonxadas da Mancha. Tese coa que concorda Luis Astrana Marín (1958) que di que as paisaxes, supersticións, xogos, fauna ou a flora que aparecen no Quixote son máis propias de León e Galicia que da Mancha. Cervantes mantivo a súa vinculación a Galicia a través do VII conde de Lemos, Pedro Fernández de Castro. Los trabajos de Persiles y Segismunda, a derradeira obra do escritor, está adicada ao Conde de Lemos.
No século XV, Juan de Mena (1411-1456), moito antes do nacemento do autor do Quixote, aseguraba que os Cervantes e Cervatos eran unha estirpe galega, descendentes dos reis godos, que participaran en varios episodios da Reconquista.
A orixe galega de Cervantes tamén foi defendida polo Padre Sarmiento a mediados do século XVIII, asegurando que era natural do Reino de Galicia como ben o testemuñan os apelidos Cervantes e Saavedra, tese coa que concorda Filgueira Valverde. A linaxe Cervantes orixinaríase no castelo de Doiras durante o reinado de Felipe III, e en Vilarello existiu a linaxe dos Saavedra, nome que tamén atopamos como topónimo dun monte do concello. No Diccionario enciclopédico Hispano-americano, publicado entre 1887 e 1899, di que Cervantes "era hijo de nobilísima y clara estirpe, que desde Galicia se trasladó a Castilla, según el nobiliario publicado", e que "la jurisdición lucense de Cervantes obtuvo tal nombre por haber ejercido en ella algún Cervantes el dominio señorial".
Nun capítulo do Quixote, Miguel de Cervantes pon en boca dun cativo, que moitos investigadores identifican co autor, as seguinte palabras: "En un lugar de las montañas de León, tuvo principio mi linaje...". A raíz desta pasaxe consideramos importante facer mención a un interesantísimo artigo publicado o día 25 de abril de 1904 no periódico madrileño Los Lunes de El Imparcial, baixo o título La oriundez de Cervantes, onde o escritor, político e académico Celso García de la Riega rebate a tese do escritor Antonio de Valbuena que defendía a orixe sanabresa da familia do autor do Quixote. Para botar abaixo esta teoría, García de la Riega invítao a consultar o libro oficial do censo de 1888 (publicado no 1893) onde, no apartado correspondente ao Concello de Cervantes, ademais do nome do municipio e dunha pequena serra figuran as freguesías de "Cervantes, San Pedro; Cervantes, San Román". Continúa García de la Riega, que nunca se denominou como montañas de León aos montes de Sanabria, nunha de cuxas faldras está Cervantes de Robledo. García de la Riega, por non deixar ao azar ningún floco, baseándose nos autores clásicos Plinio e Ptolomeo, fai derivar o topónimo Cervantes da tribo dos Seurros ou Seurbos que, en efecto, habitaba estas terras antes da chegada dos romanos. Di que o vocábulo seurbos foi latinizado e despois romanceado, dando: Seurbantium, Serubantium, Serobantes, Serebantes e, por fin, Cervantes, deducíndose que isto demostra que o pobo do Cervantes lucense é moi anterior en existencia a Cervantes de Robledo, en Sanabria, agás, escribe ironicamente, "que a favor de éste se presenten mejores títulos".
O xenealoxista lugués, Manuel Julio Platero, di que o pazo que deu orixe á familia é o de Saavedra, en Vilarello, unha construción do século XIV moi reformada e ampliada no século XVIII. Platero, por encargo do último dono do pazo, realizou a árbore xenealóxica da linaxe da casa, chegando á conclusión dun posbile antepasado común entre os fidalgos descendentes desa familia e o escritor. Apunta que no século XVI adoitaba utilizarse como apelido un patronímico, ao que se podía acompañar dun toponímico do lugar de orixe. Posteriormente abandonaría o apelido patronímico e só se centrarían no toponímico.
A PITA DO MONTE
Da
familia "tetranoide" é, quizais, a ave de maior tamaño da fauna galega,
con cola característica en forma de abano e pruma negra con irisacións e
tonalidades que van variando da cola ao peito e deste ás as. As femias
son máis pequenas que os machos, presentan tonalidades na prumaxe
tendentes á cor parda e ao abrancazado e o seu carácter é bastante
esquivo. O máis característico desta ave é o cortello nupcial: o macho,
pousado nunha póla á que se denomina cantadeiro, abre a cola en abano e
ao mesmo tempo estira o pescozo e comeza a cantar chamando ás femias; a
súa concentración é tal que en ocasións esta cerimonia cústalle a vida.
Desaparecida dos Ancares galegos, pódese ver unha, desecada, no albergue
da Campa de Fieiró, tiroteada por Fraga a principios dos anos setenta
do pasado século.
O ÚLTIMO OSO DOS ANCARES GALEGOS
Sábese
que no século XIX os osos xa escaseaban en Galicia, mais aínda se
podían ver algúns, ademais doutras zonas do país, nas montañas dos
Ancares e do Courel.
No seu Viaje por los montes y chemineas de Galicia. Caza y cocina gallegas (1962), no capítulo Del oso filosofante y gruñón, que aún mora en los Ancares, José María Castroviejo e Álvaro Cunqueiro falan do derradeiro oso pardo (Ursus arctos)
que viviu nos montes dos Ancares galegos. Din que foi un home de
Castelo de Frades (Cervantes), chamado Manuel Cedrón, quen despois de
meterse na gorida do plantígrado, matouno dun disparo. Contan que este
home, de neno, dende a solaina do seu pazo vía os osos e os seus osiños
(orgaños lle chaman por eiquí) andar polos prados próximos á aldea.
Descoñecemos se se trata da mesma osa e unha cría, recollido nas crónicas
da época, mortas na Pena Boullosa (tamén en Cervantes) no ano 1942 por
un veciño da Freita. Mais, trátese ou non do mesmo suceso, o certo é que na comarca dos Ancares
a súa extinción estaba anunciada.
Do
que non semella haber dúbidas, segundo unha noticia publicada en El Pueblo Gallego no ano 1946, é de que o derradeiro oso de Galicia foi
abatido o 17 de xuño dese ano en Coucieiro, no concello de Paderne de Allariz. Conta que polo lugar roldaban tres osos. Camilo Lloves, un veciño, encarouse con un, pero o oso, ao verse ameazado, fíxolle fronte. Un mozo, de nome Roxelio, e o veciño Manuel Pérez Valeije, acudiron na axuda de Camilo armados con apeiros de labranza. Finalmente, foi a Garda Civil quen rematou co oso dun disparo. A "fazaña" mesmo foi premiada polo gobernador
civil da provincia de Ourense, Vicente Muñoz Calero.
A MALLA
Mallar
é golpear o trigo ou o centeo cun mallo, pau, etc. para separar o gran
da palla. Lisón Tolosana escribiu que aínda a finais dos anos setenta do
pasado século era bastante xeralizada en Donís e outras aldeas de
Cervantes. A Tirso de Molina (1579-1648), na súa obra Mari-Hernández la Gallega, chamáballe a atención que en Galicia non se usara o trillo como en Castela: "Los gallegos al limpiallo/robustos juegan al mallo/y menosprecian el trillo".
A malla comezaba moi cedo, despois de tirar unha meda sobre a aira
actuaban os malladores. Arredor das oito da mañá, o dono levaba un
mantel que poñía sobre o gran e todos paraban para o almorzo a base de
xamón, chourizo e viño. Á hora do xantar matábase un cordeiro ou un año.
A merenda era sobre as cinco do serán. E por último, ao rematar a
xornada, ceábase forte con carne, patacas, xamón, ovos, cachucha,
chourizos e viño. Nalgunhas aldeas do concello, despois da malla
bailaban na mesma aira.
O CARDENAL ÁLVARO DE MENDOZA
Álvaro
de Mendoza Caamaño y Sotomayor, cardeal das Indias entre o 1734 e o
1761, dise, sen fundamento histórico, que era natural de O Pando e que
polo seu mandato se mandou construír en Lama de Rei, parroquia do
Mosteiro, un suntuoso pazo.
REPÚBLICA INDEPENDENTE DE DONÍS
A
finais do século XIX había unha mala comunicación con Donís, en plena
Serra dos Ancares. Esta quizais fose a razón para que o alguacil de
Cervantes, Francisco Trabado Ponte, veciño de Sabadelle, coñecido tamén
como O Campaín de Sabadelle, en función de axente executivo, se demorase
no cobro duns recibos da contribución daquelas xentes que tiñan que
pagar por traballar as terras, vivir nunhas miserentas pallozas e ser
propietarios duns carros cos que transportaban herba, centeo e colleitas
de patacas e nabos. Cando o alguacil chegou a Donís a cobrar as
contribucións atrasadas, recibiu un non por resposta en todas as casas
xa que a xente carecía de cartos. Ante a negativa, o Campaín de
Sabadelle comezou a ameazar aos veciños co embargo dos seus bens. Ante
este ultimatum a xente reuniuse debaixo duns carballos que había
preto da igrexa e acordaron declarar a República Independente de Donís.
Un home do pobo arrebatoulle os recibos da contribución ao recadador que
ameazou con acudir á garda civil de Becerreá. Diante disto foi
despoxado das súas roupas e encarcerado na capela do pobo. Alí
permaneceu ata que a Garda Civil, ante a súa tardanza, o rescatou
poñendo fin á República.
ACEA DAS PONTES
Situada
nas Pontes, parroquia de Donís, xunto o río do mesmo nome e unha ponte
medieval de posible orixe romana. O matrimonio que aínda vive no lugar
contounos que alí había tamén unha taberna, lembrando que era habitual
atopar máis de vinte cabalarías esperando polos seus propietarios. O
sitio era de paso obrigado polo antigo camiño que unía, entre outras
aldeas, Xantes con Donís. Por riba do lugar érguese a Pena do Castelo
onde, din, os romanos tiveron unha garita de vixiancia da ponte situada nas inmediacións. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A COVA DA MEIGA
Esta
cova é citada por Eladio Rodríguez (1958). Di que está formada en
terreos calcario-cambrianos, na cal se oculta a corrente do regueiro de
Covas, cuxas augas reaparecen de novo máis abaixo.
A FURADA DA RAPOSA
Trátase dunha cova onde se refuxiaban os perseguidos polo réxime fascista durante e despois da Guerra Civil. (Recollido por Patrimonio dos Ancares).
DÁMASO ALONSO NOS ANCARES
O filólogo Valentín García Yebra (1917-2010) conta en Tres viajes dialectológicos con Dámaso Alonso (Cuadernos Hispanoamericanos, 1973) as viaxes que como acompañante de Dámaso Alonso ((1898-1990) realizaron aos Ancares en tres ocasións.
Dámaso investigou o galego que se fala
nos Ancares e nos Ozcos, ademais de ser o primeiro en clasificar a fala
de entre o Eo e o Navia como galego, se ben o denominou co termo de
galego-asturiano. Entre os seus traballos sobre o galego salientan Enxebre, Narraciones orales gallego-asturianas ou El gallego-leonés de Ancares y su interés por la dialectología portuguesa. Neste último fala da investigación feita por el mesmo e por García Yebra no val de Ancares.
A primeira das viaxes tivo lugar no ano 1954 polos vales de Ancares e da Fornela leoneses, "Entre los dos está el límite del gallego y del leonés en la montaña de la provincia", escribiu nun especial de Mundo Hispánico (1957). Visitaron Vega de Espinareda, Candín e Peranzanes onde fixeron noite na casa do Narciso, lembrando "El
jersey de la moza se le había rozado y roto, exactamente en las dos
puntas críticas, y las asociaciones mentales consiguientes". En
Candín alonxáronse nunha das mellores casas do pobo, con tan boa sorte
que alí mesmo había dúas persoas aptas para o interrogatorio lingüístico
proxectado. Di García Yebra que o galego das dúas mulleres da casa era "delicioso...
la doble acentuación de las palabras de más de dos sílabas, la
diferencia de tono entre las dos sílabas acentuadas, la prolongación de
las vocales en hiato, la fuerte nasalización de las vocales inmediatas a
-n- intervocálica perdida, y la palatalización de la a en ciertas
condiciones le dan al habla de Ancares gran musicalidad y una extraña
dulzura".
A
segunda viaxe foi no verán de 1957. Estiveron en Candín e Pereda; para
desgusto de Dámaso Alonso, non puideron ir a Tejedo de Ancares (Teixeu).
Foi no verán do ano 1962 cando Dámaso Alonso e García Yebra regresaron aos Ancares, mais nesta ocasión á vertente galega dos "Picos de Ancares",
na zona de Cervantes. Querían saber se nos Ancares galegos se daban os
mesmos fenómenos dialectais que nos leoneses. Chegaron en coche a
Becerreá, e dalí, acompañados por Antonio Rosón e dous primos seus,
foron ata Os Cabaniños, "Tres casucas de madera que daban nombre al lugar". Nos Cabaniños esperábaos Inés, "preciosa amazona... de diez o once años",
que dende Xantes lles levara, soa, dous cabalos e un macho. Por un
tupido bosque de castiñeiros, faias e abeleiras, descenderon
a un fondo val por onde discorría un regato. Ao cruzalo por unha ponte
de troncos, Antonio Rosón díxolles que estaban a cruzar o río máis
metafísico do mundo: o río Ser. "Ser es una raíz indoeuropea que
significa río. Serían celtas quienes llamaron a aquella pequeña
corriente Ser, es decir, Río, precisamente porque carecía de nombre
propio". Río irmán do Sar compostelán, cantado por Rosalía, e do
Sarela, e do Sor que desemboca na ría do Barqueiro, e tamén do Sôr
portugués, e doutros moitos ríos de Europa.
Chegaron
a Xantes, lugar central das súas investigacións, comprobando que a fala
da vertente galega dos Ancares non presentaba ningunha das
características que tanto lles chamara a atención na zona leonesa, o que
levou aos dous investigadores a considerar aquela viaxe coma un
fracaso, mais só no aspecto lingüístico xa que o humano e paisaxístico
compensounos amplamente. Dixo Dámaso Alonso que contemplar aquela
natureza era como asistir "al momento auroral de la creación, al amanecer del mundo", preguntándose se a vida en Xantes non sería en moito como a dos antigos celtas que poboaron aquel monte. Máis
da metade do pobo eran pallozas, perfectamente circulares, con dúas
entradas diametralmente opostas, e divididas no seu interior de maneira
típica, que permitía a homes e animais unha próxima convivencia.
Foi
naquela estadía en Xantes cando souberon que nunha das pallozas da
aldea desenvolvérase un acontecemento que semellaba retrotraelos a
épocas remotas. Vivía na palloza un vello con dúas fillas e dous fillos,
xa maiores. A noite do suceso as dúas fillas atopábanse na casa veciña.
O vello xa deitara. Manuel, un dos fillos, saíra un momento deixando a
porta entreaberta. O outro, Xoán, que durmiñaba sentado nun dos escanos
da lareira, non prestou maior atención á entrada dunha mastina da casa
que andaba en celo, e entrou seguida de dous que a Xoán, medio durmido,
lle semellaron cans, mais non lle soaban de que pertenceran ao pobo.
Abriu ben os ollos, e ergueuse dun salto: Eran lobos! Regresaba entón
Manuel de fóra. "Pecha a porta! -berroulle Xoán-, haiche dous lobos na
casa". Ao oír ao home, un dos lobos tentou ganar a porta, mais Manuel,
un xigante, logrou atrapalo. Case totalmente a escuras loitou co lobo,
mais unha especie de gruñido deste fíxolle crer que era un can, e
deixouno marchar. Pechou a porta, e quedou dentro o outro lobo. Os dous
irmáns comezaron a perseguilo por toda a palloza. Cando fuxía, o lobo
caeu sobre un dos escanos, onde case ao mesmo tempo, un dos homes
suxeitouno polo rabo e o outro deulle tal golpe co mango dunha aixada
que o pobre animal caeu redondo. Os da casa onde hospedaban Dámaso
Alonso e Vicente García Yebra contáronlles que era raro o inverno que
non entraban os lobos en Xantes, e que os osos chegaban moi cerca do
pobo.
A FONTE DOS NAMORADOS
Situada
na Campa do Barreiro. Dise que cómpre beber dela tres veces para
conseguir o favor da persoa amada. Mais a lenda non queda aí, senón que
tamén di que se os namorados beben collidos da man, entón a parella
contraerá matrimonio con total seguridade antes de que transcorra un
ano. Nas inmediacións, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos no ano 2013 os primeiros petroglifos prehistóricos da comarca.
A FONTE DE MARÍA GONZÁLEZ
Un
día chegou unha muller ao municipio de Cervantes, dise que proveniente
dalgún lugar de Asturias. A toda persoa que atopaba no camiño lle
preguntaba se coñecía unha fonte de poderes milagreiros que lera nun
pergameo moi antigo. Mais ninguén soubo darlle resposta. A muller,
enferma e case ao bordo da morte, chegou a Piornedo. Foi alí onde un
veciño lle dixo onde estaba, mais advertíndoa de que non se quedara no
lugar de noite, xa que podía morrer de frío ou ser devorada polos lobos.
Pasou unn día, e outro... e a muller non daba sinais de vida. Mais ao
noveno día, os veciños víronna baixar polo mesmo camiño que percorrera
días antes. O seu aspecto xa non era o dunha muller moribunda, a cor da
vida retornara ao seu lívido rostro. Cando chegou xunto os habitantes de
Piornedo contoulles que se bañara na fonte nove veces ao día durante os
nove días que permanecera no lugar e que o último, unha nube negra
baixou do Corno Maldito, un monte lindeiro co Biezo,
situado a 1.849 metros de altitude sobre o nivel do mar. Cando a
envolveu a nube, dos seus peitos manou un sangue negro e fedorento.
Mais, de súpeto, a nube desapareceu como tragada pola auga do manancial.
Cando a muller mirou para os seus peitos, viu que cada un tiña unha
cicatriz que é por onde se fora o terrible mal. Dende aquel suceso, a
fonte chámase de María González.
A FONTE DO TESOURO
Na Valiña, monte de Valgos, na parroquia de A Ribeira. Dise que eiquí os carlistas gardaron un tesouro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
UN TESOURO NA PARROQUIA DE CEREIXEDO
Un
veciño de Cereixedo contounos que entre Pando e Deva hai unha especie de
sima onde hai tres olas: unha con ouro, outra con prata e a terceira
con alcatrán. Quen as atope, se abre as dúas primeiras farase rico, mais
se abre a de alcatrán estoupará todo. Dise que na parede da sima vense
coma uns chanzos esculpidos na rocha para baixar. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O ENCANTAMENTO DO BARREIRO
Un
xastre que ía coas cabras para levalas ás brañas pasou pola Campa do
Barreiro e ao chegar a un prado que era dun veciño observou que estaba
instalado un posto como os que hai nas feiras e que ofertaba moitas e
moi variadas cousas.... mesmo tesoiras! Este posto ambulante era
atendido por unha rapaza loira moi fermosa, elegante e disposta. Ao pasar por diante, o xastre sentiu que o chamaban: "Oia, señor! Faga o favor". O xastre achegouse onda ela e díxolle: "Señor, que é o que máis lle gusta de todo o que hai eiquí?". El, como era xastre, contestoulle: "As tesoiras!".
A rapaza, entón, deullas, ao tempo que lle dicía: "Pois tómeas. Se as
cravara no seu corazón! Se me houbese elixido a min podería ir con
vostede e ser felices os dous!". Dicindo isto, desapareceu a rapaza e o
posto. Claro, a moza era unha princesa que tiña un encanto! (Recollida da páxina de Galicia Encantada).
A CAMPA DE FIEIRÓ
Un
home de Degrada, dunha casa coñecida, foi a Castela. Daquela ían moito
ás segas... Ao chegar a Valladolid sentiu a unha rapaciña que estaba nun
balcón lendo nas lendas do Fieiró de Arriba. O home quedou escoitando e
dixo: "Pero se iso é do noso pobo!". A rapaciña ía dicindo: "... na primeira uceira, na que dea o sol a mañá do día do San Xoán, hai debaixo unha arca chea de ouro". O home xa non foi para as segas. Díxolles aos outros: "Eu
non me econtro ben, vou para a casa". Deu a volta e veu para a casa,
pensando na riqueza que lle estaba esperando. A véspera do San Xoán
chamou a un veciño e díxolle: "Aí, ho,
tes que vir comigo ata as brañas que teño que ir buscar unhas reses que
me faltan. Non viñeron e para ir só teño algo de medo, porque xa sabes
que hai moitos lobos e por aí arriba éche o corredor deles". E foron e
pasaron a noite por aí arriba por se vían algo. El xa sabía que non ía
atopar nada porque tiña todo o gando na casa pero ao amigo non lle
constaba tal cousa. Cando foi día mandou ao amigo para a casa e díxolle:
"Vaite para a casa que agora xa me amaño eu só. Xa mirarei por aí, quen
sabe para onde marcharon". Así
que quedou só, foi ao Fieiró de Arriba e cando saíu o sol fixouse na
uceira onde daba primeiro o sol e despois marchou para a casa. Para o
día seguinte levou un pico e empezou a descubrir a uceira, quitouna e
debaixo había unha tapa que cubría a arca que estaba chea de ouro. En
veces foi baixando o tesouro para a súa casa e botouno nun baúl deses
antigos que tiña por pechadura un atume cun viorto de aceiro. Este home
tiña un sobriño que era rapaz novo e que cando lle parecía íalle sacando
do baúl o que lle facía falta. Ata que ao pasar unha temporadiña o tío
foi mirar e notou coma se andaran os ratos, e dixo: "Eiquí andou o sobrín. Debeu ser o sobrín!". Porque os outros que vivían na casa eran todos irmáns e eran do seu tempo. "Levou
algo, teño que ter coidado -pensou, e díxolle aos outros irmáns- Parece
que me anda o sobrín no neal porque encontrei alí algo en falta!". "E canto che levou logo?". "E eu que sei que levou!". "Pois se non o sabes tampouco tes que ter pena! Cando non o sabes é que moito non afandaría!". Outro
día ía á leña de cocer... Un veciño estivera arando no barbeito que hai
arriba da estrada da Campa da Braña e encontrara un penedo amarelo,
redondo, da forma dun calabazón e tirouna para unha finca que estaba
máis para abaixo e que era de outro. Este cando o viu tirouno para máis
abaixo. Ao pasar por alí o dono do tesouro e ver aquel penedo amarelo
deulle coa cota da fouce e escachouno. Todo cheo de moedas! Colleunas e
meteunas coas outras. De alí a unha tempada grande, queima a casa e
ardeulle todo. Despois déranlle algo pola borra, pero pouco foi, se
cadra aínda ía algunha moeda coa cinza... Sorte con desfortuna! Alegría
con tristura! (Recollida da páxina de Galicia Encantada).
O CAMPO DA MATANZA
Na parroquia do Mosteiro. Polo
de agora ninguén nos soubo dicir
o porqué do nome. Mais, por outros Campo da Matanza esparexidos por
Galicia (Baleira, A Pontenova, Malpica de Bergantiños) pode que estea
asociado a unha gran batalla que houbo no lugar e que carrexou un gran
número de mortos. En Baleira e Malpica atopáronse restos de puntas de
lanza, espadas e outro material de guerra. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
No xornal El Progreso do 20 de novembro de 1966, nun artigo asinado por Neumandro, fala de que nas proximidades da Campa do Fieiró está o Campo da Matanza, alusión a unha batalla que hou no lugar contra os árabes.
UNHA CIDADE NOS ANCARES: CAPARA
O
pozo de Ferreira está na aba do Cuíña, un dos picos da Serra dos
Ancares. Era un matrimonio moi rico que vivía nunha cidade chamada
Capara e que tiña unha filla á que estexaban dous mozos. A nai da rapaza
quería que casase co rico mentres que a moza prefería ao máis pobre. O
pai da moza, para solucionar as diferenzas, propúxolles aos dous
pretendentes que aquel que antes rematase de levar unha presa dende o
Pozo de Ferreira á cidade de Capara casaría coa filla. Esta é a razón
que explica que haxa dúas presas en paralelo que saen do mesmo pozo.
Postos mans á obra o que chegou antes coa cal de auga á cidade foi o pobre
pero a nai da rapaza non lla quixo dar en matrimonio. Pasou o tempo, veu
unha treboada que asulagou Capara e desapareceu. Por iso quedou o dito:
"A cidade de Capara asulagouse por home bon e muller mala".
A PENA DO CASTELO
Situada
por riba da acea das Pontes, na parroquia de Donís, do río do mesmo nome e dunha ponte
medieval de posible orixe romana. Segundo nos contaron, existe
a tradición de que na pena houbo unha torre de época romana. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
PENAS MULLERES
Situadas
por riba da aldea das Casas do Río. En
tempos que ninguén lembra, unhas mulleres que viñan de Folgoso por un
antigo camiño, víronse, de súpeto, arrodeadas por unha manda de lobos.
Desesperadas, e cando os lobos xa se ían botar sobre elas, gatuñaron
polas verticais penas, decisión que lles salvou a vida. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PENA DO VIÑO
Situada
en Chandeiro, parroquia de San Pedro de Cervantes. Recibe o nome porque
xunto dela, situada xunto o camiño, na actualidade unha estrada local,
poñíanse os do Bierzo con garrafóns de viño para vender aos que pasaban
polo lugar con destino á feira de Seixas.(Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PENA DA MANTEIGA OU DO UNTO
Situada non moi lonxe da anterior. Recibe o nome porque xunto dela colocábanse as mulleres para vender manteiga.
A PENA DA NOVIA
Atópase
entre as aldeas de Bustelo (parroquia do Castro) e Trigais (parroquia
de San Pedro de Cervantes). Recibe o nome porque xunto dela casou unha moura que
custodiaba un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PENA DOS MOUROS
Situada
xunto a aldea de Riamonte, parroquia de Vilarello. No ano 2011, un veciño de San
Miguel contounos que na pena hai unha pequena cova onde vivían os mouros. No ano 2021, Fernando Carballo ampliounos que na cima da pena hai unha pía feita a man e que ao seu pé vense caborcos feitos para buscar o tesouro que agochaban. Na actualidade está cuberta de maleza. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PENA DO SANTO
O
día 21 de xuño de 2014 pola tarde decidimos achegarnos ata a Pena do
Santo, un monte da parroquia de Dorna, no concello de Cervantes, que se ergue a 1.403 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Ao chegar, o
primeiro que fixemos, como de costume, foi botar unha ollada ao lugar, na
procura de algo que nos chamara a atención, neste caso unha pena. Mais
nada, só pequenos afloramentos de xisto e lousa. Reparamos, entón, no piar
e a base cúbica de formigón do Vértice Xeodésico levantado o día 1 de
agosto de 1980. Unha morea de pedras esnaquizadas alfombraban o sitio.
Non tiñamos dúbidas, o vértice érguerase sobre a lendaria pena!
Sorprendidos? Pois como no caso dos cortalumes que arrasan castros,
mámoas ou petroglifos, máis do mesmo. Na prancha de metal cravada no
vértice lemos: "Instituto Geográfico. Vértice Geodésico. La destrucción de esta señal está penada por la ley". Paradoxos!
Por
se acaso, seguindo o ritual habitual, peiteamos o lugar paseniñamente. E a
busca deu o seu froito. Nunha laxe partida situada na morea que
arrodeaba a base do vértice vimos unha especie de gravuras. En efecto,
despois de limpar a pedra asomaron, gravadas, dúas sinxelas cruces. A viaxe non fora en balde, a tradición e a
lenda, unha vez máis, non eran só un conto.
Despois
de fincar a lousa coas cruces mirando cara o leste, botámoslle unha
ollada á contorna. En primeiro termo, en dirección oeste, a aldea de O
Chao e o Teso do Castro; cara o leste A Campa do Barreiro, onde documentaramos os primeiros petroglifos da comarca dos
Ancares; e cara o NO as aldeas de Borzoado, Ardevila, Estremar de
Baixo, o monte do Chao da Arquela (así bautizado polo enterramento
megalítico destruído hai anos polos labores agrícolas); e, encaixada nun
diminuto val formado polo río Quindous, a arruinada igrexa mosteiral de
Dorna, disque pertencente aos cabaleiros do Temple, se ben as fontes
documentais falan de que eiquí tiveron unha granxa os monxes cistecienses
de Carracedo do Bierzo, citándose polo nome actual no seu cartulario
dende o ano 1200. No 1203, o rei galego Afonso VIII libera ao "monasterio Sancte Marie de Dorna... de fossadaria et de toto foro et regio fisco".
Suorosos,
regresamos ata onde deixaramos o coche, matinando na tradición que deu nome á
Pena do Santo. Cóntase que os veciños das aldeas dos arredores
acostumaban levar un santo ata o cume cada vez que precisaban da súa
axuda (ninguén nos soubo dicir de que santo se trataba). Unha vez na
parte máis alta do monte colocábanno sobre a pena (a destruída polo
vértice xeodésico), poñíanse en círculo arredor da imaxe e facían as
peticións. Finalizado o ritual, baixábanno de novo para a igrexa de
Dorna ou, segundo nos dixo un veciño de O Chao, para un mosteiro
desaparecido que había en Estremar do que non existen restos nin
arqueolóxicos nin escritos. A tradición asegura tamén que, en efecto,
había cruces insculpidas na pena onde se "pousaba" o santo, ademais da
figura dunha imaxe que, ao parecer, representaba ao santo.
O
nome xenérico de Pena do Santo que é como na actualidade se coñece a
todo o monte, provén da pena que acollía a lendaria imaxe. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A MOZA E O DEMO
Unha
mañá ía unha muller coa súa filla camiño da feira. A rapaza entretíñase
con cada flor que atopaba polo camiño. Ao pasar por diante dunhas
pedras, a muller marmurou cara a filla:
-Se foras unha pedra, andaría máis axiña.
Un
pouco máis atrás, a rapaza ficaba mirando unha flor de cor vermella que
lle ofrecía un extraño ser que había enriba das pedras que vira antes
súa nai. Sen pensalo, achegouse a collela e inmediatamente quedou
convertida nunha pedra.
A muller, ao darse de conta da falta da súa
filla, volve atrás comprobando que no sitio onde antes estaban dúas
pedras, agora había tres, e que unha tiña unhas extrañas formas de
muller. Seguidamente oe unha forte gargallada e un intenso aroma a ovos
podres... (Recollida da páxina de Galicia Encantada).
AS BRUXAS NA FRANXOEIRA DOS OLMOS
Preto
da aldea chamada Os Olmos, na parroquia de Vilaquinte, hai un monte
coñecido como A Franxoeira. Trátase dun terreo ladeiro moi empinado e
pedroso que vai parar ao río Ser. Neste lugar dicíase que era onde se
xuntaban co demo as bruxas desta contorna polas noites. (Recollida da
páxina de Galicia Encantada).
O RENUBEIRO
Xosé Benito Reza, no seu Vivir en Ancares
(2002), recolle unha conversa cunha veciña dalgún lugar do concello de
Cervantes. Contoulle a muller que en tempos vivíase con moito medo: á
sarabia, á neve, ás treboadas, ao lobo... e ao demo. Co demo viñan os
"renubeiros", e con eles os tronos, os lóstregos e os incendios que
asolaban aldeas enteiras. Sucesos que nada tiñan que ver cos fenómenos
naturais senón cunha maldición. Por iso se rezaba a Santa Bárbara "que
no ceo estás inscrita, garda pan e garda viño, para os pobres do
camiño". Tamén se rezaba a San Xosé, ao San Antonio, ao Santo Anxo da
Garda e á Virxe Negra de Vilarello, sobre todo cando os paxaros da noite
e as cobras se achegaban ás casas. Continúa a muller que antes
colocábanse cruces nos cumes dos montes e nas entradas dos vales para
afastar ao "renubeiro". Colgábanse xestas nas portas das pallozas cando
ía tormenta, e polas aldeas plantábanse sabugueiros, tamén nos
cemiterios e nas casas abandonadas que é por onde máis anda o maligno.
Para alonxar ao demo ían ver ás "saludadoras" para que fixeran o
esconxuro, ou mandábase un tizón por riba da palloza o día do nacemento
de Cristo.
O TRASNO DO CHOCO
Vive
nos Ancares. Imita o son dos chocallos das vacas extraviadas, e fai que
o dono o persiga a el en lugar de atopar a súa vaca. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O ENTERRO DO HOME QUE ESTABA VIVO
Aconteceu
en Donís. Ían enterrar vivo a un home moi pobre. Cando o levaban
tumbado nunha escaleira cara o cemiterio, atopáronse cun veciño de
Corneantes que se encarou coa comitiva. "Onde levades a este home?". "Imos a enterralo porque por ter, non ten nin para comer", responderon os de Donís. "Deixádeo, que eu lle darei trigo". Ao escoitar o ofrecemento, o morto-vivo ergueu a cabeza e preguntou: "Cocido ou sen cocer?". "En gran", respondeu o de Corneantes. "Pois que continúe o enterro!", dixo o pobre tumbándose de novo na escaleira.
O LOBISHOME DE DOIRAS
Cóntase
que un pai non deixou ao fillo ir a unha festa que se celebraba en
Pedrafita do Cebreiro, mais o rapaz, despois de moito discutir,
conseguiu o seu desexo. O pai, encabuxado, deitoulle unha maldición,
dicíndolle que se tanto gostaba das mozas así andase tras das lobas. E a
maldición cumpriuse. Unha noite o mozo sentiu como unha forza
sobrenatural o apurraba fóra da casa, cara o monte. Cando se decatou
andaba a catro patas: convertérase en lobo que axiña encomezou a matar o
gando. O pai, lembrándose da maldición, recorreu a unha meiga para que
volvera ao fillo ao seu estado anterior. A meiga díxolle que o único
xeito era que o ferise, mais cunha ferida leve xa que, se era grave,
morrería. E así fixo o pai que, cando se lle presentou a ocasión, cortou
cun coitelo a pel do lobo. Pouco a pouco, o mozo volveu a transformase
en home.
O LOBISHOME DE VILARELLO DE DONÍS
Antigamente
había o costume de meter criados nas casas para axudar nos labores e un
señor de Vilarello de Donís ordenou de meter un criado; andou buscando e
atopou un que lle valía para o que el quería. O que logo había ser un
criado díxolle ao señor que si, que el ía traballar á súa casa pero que
lle tiña que deixar a noite libre. Acordárono os dous así. Polo mesmo o
criado traballaba todo o día e á noite collía e marchaba da casa.
O amo preguntábase: "Pero, que vai facer este pola noite? Onde vai?". Unha
noite deulle por seguilo e observou como o seu criado chegou a unha
poza e envorcallouse todo e logo volveuse lobo e deu en oular. Nisto
xuntáronse e os dous quedaron mirándose. O señor marchou e non dixo
nada. Á noite seguinte díxolle ao seu criado: "Xa sei ao que vas! Que é o que che pasa para andares desta maneira?". "Non che se ocorra volver que se non comémoste, e o primeiro en facelo son eu!", díxolle o criado. "Pero, non hai forma de saír desa situación? Non vas estar así toda a vida!". "Eu estou encantado". "E non hai forma de desencantar?". "Hai, pero non teño valor para iso". "Di a ver!". "Mira
cando me envorcallo e..., pero non o vas facer..., e me enlouce no po,
levas unha fouce e pégasme unha fouzada todo canto podas no lombo e
tiras por el e fasme unha... é do único xeito que poderás... Pero non
vas ter valor!". E
para a noite seguinte volveu o señor xunto do criado, parece que o home
non era temido e foi e fíxollo. O criado unha vez recuperado non volveu
marchar máis. Desfíxose o encantamento. (Recollida da páxina de Galicia Encantada).
COMO MATAR UN LOBO
Cóntovos
unha lenda que me comentou o señor Antonio, veciño de Degrada e que a
el lle relatou un madeirista de Becerreá. Este comentario foi recollido o
17 de xullo do 2008 nun bar da Campa da Braña. Para poder envelenar a
un lobo, debemos coller a unha víbora no monte e sen maltratala. Ademais
disto, necesitamos dunha casavella (píntega, salamántiga). Ambos
animais póñense un diante do outro á espera de que a víbora morda varias
veces á casavella. Posteriormente, debemos coller a casavella e
metémola dentro dun envase metálico (unha lata ou pota vella). Logo
poñemos a lata (e dentro dela a casavella envelenada pola víbora) ao
lume ata que quede ben chamuscada. Por último, sacamos a casavella e
moémola ata facer un po fino. Este po ponse sobre carne ou algo que lle
goste ao lobo, da mesma maneira que se fai coa estrignima. (Recollida de Lendas herpetolóxicas).
UNHA HISTORIA DE LOBOS
Unha
noite viña un veciño de Piornedo de volta da Pobra de Navia cando, de
súpeto, puxéronselle diante dous lobos. O home levaba canda el un enorme
coitelo e unha manta para protexerse do frío. Acurralado, envolveu a
manta no brazo esquerdo e ofreceullo aos lobos, mentres co dereito
agarraba con forza o coitelo. Os lobos, ao velo tan decidido a atacalos,
apartáronse do camiño e deixáronno marchar.
O LOBO GARDIÁN
Aconteceu nos anos corenta do
pasado século XX en Estremar. Un día ía un mozo co gando cara o Chao da
Arquela cando viu a cría dunha loba que estaba a laiar xunto o corpo
morto da nai. Colleu ao lobiño e deulle leite
das vacas, e así, ás agochadas, durante varias semanas. Durante moitos
anos, sobre todo no inverno cando, debido ás fortes nevaradas, baixaban os lobos para procurarse a comida, o gando do home nunca foi atacado, pola contra, as mandas de lobos pasaban de longo. Á cabeza ía o lobo que salvara.
A CORRIZA
Contaba
o meu avó que debaixo dunha pena nunha campa enriba de Vilarello de
Donís había un encanto. Parece que uns rapaces puxéronse a escaravellar
por debaixo da pena e foron indo ata que sentiron unha voz que procedía
do interior e que dicía: "Fáltame sal, que carne teño bastante!". Claro,
ao sentiren aquilo, trotaron! Viran saír coma unha corriza, coma unha
luria envolta que botou polo regueiro abaixo. Dixo o meu avó que eles
saíron correndo e non souberan máis nada. (Recollida da páxina de Galicia Encantada).
A ORIXE DO NOME DE SANTO TOMÉ DE CANCELADA
Nunha vella ficha confeccionada para incluír no Diccionario Geográfico Español,
recóllese a testemuña dun veciño de San Tomé no que achega a súa
versión sobre a procedencia do nome Cancelada. Nunha ermida que hai en Vilartote vivía unha gran serpe que devoraba a todo aquel que se achegara ata o lugar. O rei prometeu unha gran cantidade para aquel que lograra acabar con ela. Acudiron cabaleiros de toda a contorna pero nada conseguiron, as frechas e as espadas non conseguían penetrar as fortes escamas do animal. Mais un bo día aceptou o reto un fidalgo de Vilartote, acompañado polos seus cans Can e Celada. A serpe dispúxose a atacalos, mais cando abriu a boca o fidalgo lanzoulle sete bolas de la que se foron enrrodelando nos dentes do ofidio, ocasión que aproveitou o fidalgo para cortalle a cabeza. Cando o rei foi a darlle a recomnpensa prometida, o fidalgo só pediu que, atopase onde se atopase, nunca lle faltara comida para el, para o seu cabalo e os seus cans Can e Celada. En Vilartote consérvase un escudo onde unha das imaxes, disque, representa ao dragón.
UN MORTO MATA CATRO VIVOS NA FRANXOEIRA DOS OLMOS
Sucedeu
na Franxoeira dos Olmos, na parroquia de Vilaquinte, onde un morto
matou a catro vivos. Asegura a xente que isto foi certo. Nunha ocasión
levaban enterrar un defunto entre catro por un sendeiro estreito que
cruza a Franxoeira; un deles tropezou e caeron os catro co cadaleito
polo monte abaixo; e matáronse. (Extraída da páxina de Galicia Encantada).
EN CERVANTES, UN MORTO MATOU DOUS VIVOS
Foi
na primeira metade do pasado século XX. Nun día de gran nevarada morreu un
veciño dun pobo de Cervantes. Dous veciños da aldea marcharon a San
Román, a capital municipal, para que o xuíz de paz emitira o certificado
de defunción e así poder dar sepultura ao defunto. Mais na volta cara a
aldea para darlle o certificado ao cura botóuselles a noite enriba,
mais tal era o frío que morreron conxelados. De aí o dito: "En Cervantes,
un morto matou dous vivos".
VIAXES CON ÁNXEL FOLE, DE MANUEL RODRÍGUEZ LÓPEZ
En Viaxes con Ánxel Fole (Ediciós do Castro, 1988), o xornalista Manuel Rodríguez López recolle unha viaxe que fixo con Ánxel
Fole por terras da provincia de Lugo, acompañado do xornalista Manuel Rodríguez López, onde xurdiron unha serie de crónicas que
Rodríguez López escribiu para distintos medios de comunicación galegos e
cataláns (El Progreso, El Ideal Gallego...). Ánxel Fole
(1903-1986) é un dos escritores galegos máis importantes do século XX.
Ao longo da súa vida cultivou todos os xéneros literarios, se ben foi
como narrador como obtivo o maior recoñecemento. No 1941 deixou a cidade
de Lugo para ir ao mundo do rural (Quiroga), feito que mudaría
substancialmente o seu discurso sobre Galicia. Ánxel Fole
(1903-1986) é un dos escritores galegos máis importantes do século XX.
Ao longo da súa vida cultivou todos os xéneros literarios, se ben foi
como narrador como obtivo o maior recoñecemento. No 1941 deixou a cidade
de Lugo para ir ao mundo do rural (Quiroga), feito que mudaría
substancialmente o seu discurso sobre Galicia. A continuación achegamos
as crónicas que Rodríguez López recompilou sobre o concello de Cervantes. "Terminado
el almuerzo, encaramos el inclinado pero fácil ascenso hacia Os
Ancares, parque natural de Galicia, al lado de pendientes quebradas
llenas de uces y tojos y, a veces, entre enormes masas de pequeños
robles, contemplando las diseminadas aldeas de montaña. Llegamos a
Degrada y, sin demorarnos, recorremos los diecisite kilómetros que nos
separan de Piornedo, por bosques de robles, castaños, avellanos y
pequeñas cascadas de aguas rugientes que descienden del monte e invaden
las carreteras". Manuel Belón ofreceulles a súa casa na visita aos
Ancares. Cando pasaban pola Campa da Braña, Fole di que etimoloxicamente
vén de Campa Veranica, é dicir, lugar de pastos de verán. En
Piornedo, Ánxel Fole explica que nas pallozas circulares, cuxa estrutura
é semellante á das antigas citanias, é de supoñer que a xente durmía en
círculo tocándose os pés e que no centro tiñan o lume; as cortes eran
pequenas porque entón só había gando lanar.
UN QUINDÓS DE CERVANTES EN RIBEIRA DE PIQUÍN
A
mediados do mes de maio de 2015 achegámonos ata a parroquia de Os Vaos,
en Ribeira de Piquín, para ver as famosas caliveras empotradas nun muro
da igrexa parroquial, situada no que foi un primitivo castro erixido
nun acusado meandro do río Rodil, tributario do Eo. No
muro sur da igrexa vimos un reloxo de sol feito en lousa no que figura
unha inscrición. Cando a lemos axiña recoñecemos o nome da persoa que o
mandou facer, un persoeiro citado na xeanoloxía da familia Quindós,
fundadores do pazo-fortaleza de Quindous, no concello de Cervantes. Na
parte superior lese: LOMBARDERO. Na inferior: SIENDO PRIOR DON FRAN.co BR.do PASARIN Y QUINDOS. A.o DE 1742. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
UN TESOURO ENTRE TRES FONTES
"Entre as fontes do Sulimán, da Arqueira e da Medrosa Tenebrosa hai un xugo de ouro que gastan as cabras coas patas". (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares en Vilar de Cucos, Cervantes, e A Lagúa, As Nogais). (Recollido polo Colecivo Patrimonio dos Ancares).
A PANTASMA DE VILARELLO DA IREXA
Corría
o mes novembro do ano 1941. Un mozo da Veiga do Seixo asomou á fiestra
da casa, as primeiras nevaradas comezaban a branquexar a paisaxe, o inverno, pensou, ía ser cru. Así que se quería ver á súa noiva antes de que os camiños se fixeran intrasitables debía darse présa. Non o pensou dúas veces, enfundou a grosa zamarra e entrou na cociña para dicirlle aos seus pais e aos seus irmáns que estaría de volta á mañá seguinte. O pai, sen afastar os ollos do lume da lareira, díxolle: "Cóidate de non topar cos falanxistas, lembra o que lle fixeron ao Eduardo de Cela ou ao Balbino de Vilanova". "E cóidate, tamén, da pantasma -, falou a nai-, leva máis mortes ca os falanxistas". Saíu da casa, atravesou a pontella sobre o río de Noceda e adentrouse no mesto monte polo camiño que leva a Vilarello da Irexa, a uns seis ou sete quilómetros de distancia. Ao día seguinte, pouco antes de albear, xa estaba de volta. Os pais estaban xunto a lareira. Non foi necesario que lle dixeran nada, pero notábaselle nas caras que non pegaran ollo en toda a noite. "Viches aos falanxistas? E á pantasma?", preguntou a nai. "Non, non vin aos falanxistas, pero si á pantasma". Os pais miráronno, estarrecidos. "Pero entón, non te viu?", interrogou o pai. "Si me viu", contestou o mozo. "E como puideches fuxir das súas gadoupas?", "Non fuxín, pegueille dous tiros, mateina". "Non hai tiros que maten a unha pantasma", dixo o pai con voz queda. Ese mesmo día, a garda civil atopou un cadáver xunto a Pena Furada, na parte alta do monte, a medio camiño entre a Veiga do Seixo e Vilarello. Vestía enteiramente de negro, ao seu carón había unha pistola. Cando lle sacaron a carapucha, tamén negra, que lle cubría a cabeza, apareceu ante eles a cara dun home. A cara do cura de Vilarello. A morte apuxéronlla aos maquis. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
FEIRA EN SEIXAS
A desaparecida feira de Seixas,
en Cervantes, foi unha das máis importantes da comarca dos Ancares,
tanto que ata mesmo lle dedicaban poemas. Este, escrito por Antonio
Carvajal en Vilafranca do Bierzo no ano 1905, usa o galego e o
castelán.
O NOIVADO E O CASAMENTO
Aínda que semelle que o que achegamos a continuación en torno ao casamento na comarca dos Ancares vén de tempos ancestrais, nunca máis lonxe da realidade, ata ben entrado o século XX o noivado e o casamento tiñan unhas peculiaridades que nada teñen que ver coas actuais.
Nun
bo número de casos, o patriarca da casa era o que elixía con quen debía
casar o fillo (casamento de trato). Se o pai non se arreglaba co pai
dela canto á dote, non había matrimonio. Polo xeral, o pai falaba co
fillo e co pai da futura noiva o mesmo día. Se había acordo, ao pouco
tempo celebrábase a voda. Había veces que a voda tiña lugar case dun día
para o outro porque a filla tiña noivo e cumpría facer as cousas a présa e ás agochadas, incluso a media noite, sen amonestacións,
para evitar liortas. Un lugar para tratar do casamento era na feira,
mentres se comía o polbo e se bebía o viño.
Nunha
ocasión un de Piornedo foi co seu fillo a Degrada a pidir en matrimonio a unha moza. A
casa do pai era rica en gando e buscaba a aquela rapaza porque tamén a
súa casa era forte en gando vacún. O fillo, o primeiro que fixo ao
chegar á casa da pretendida, en vez de ver a ela, foi ir á corte a ver as vacas e os bois. Á
moza non lle gustou aquilo e díxolle que se casara cos bois e coas
vacas. Non se casaron. Isto aconteceu a mediados dos anos sesenta do
pasado século XX.
En
Vilarello uns pais decidiron casar ao primoxénito cunha moza, pero
esta ao enterarse dixo que se casaría co segundo fillo porque era máis
guapo e gustáballe máis. Os pais aceptaron entón millorar ao segundo
para traer á moza para a casa porque era rica. Mais mentres isto
acontece, o fillo elixido pola rapaza morreu, e esta non se quixo casar
co máis vello. A "millora" era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar.
Os fillos e fillas podían ter as noivas e os noivos que
quixeran, mais unha vez arranxada a dote quedaban desprazados polos
elixidos polos pais.
A celebración da voda viña precedida polos "concertos" ou capitulacións nas que interviñan os pais. Chegado o día da cerimonia, o noivo ía para a casa da súa futura, acompañado polo pai desta ou persoa achegada da familia, e noutros casos só polo padriño e convidados. Ao aproximarse á porta da casa da noiva, o máis dilixente dos mozos elixidos
para formar o cortexo disparaba un tiro ao aire, e colocándose á
entrada da casa non deixaba entrar nela a ninguén ata que lle entregaran
a "rosca" que gañara por ese feito. Xa no interior, saudábanse e o
padriño ofrecía cigarros ao pai da noiva e outros dous a cada home dos
que alí se atopaban. Logo saían, o padriño diante sempre, logo a madriña, a noiva e o seu séquito, e detrás o noivo e o seu. Regresaban na mesma orde, e no domicilio da recén casada xantaban. Concluída a comida marchaban todos á casa do noivo, onde ceaban.
Veciños e veciñas tamén se implicaban no casamento. Se na aldea había capela, era eiquí onde se celebraba a voda á que asistía toda a veciñanza. Cando o
cura preguntaba se había impedimento toda a xente dicía: "Non, non
señor, pódense casar". Ao remate da cerimonia agradecíase a súa presenza con pequenos obsequios.
En
Donís era onde se celebraban as vodas das aldeas da parroquia. Noivos,
familiares, invitados e padriños, adobiados coas mellores galas, eran
recibidos pola xente ao pasar polo camiño cara a igrexa; as mozas tocábanlle o tambor e cantaban. Co nome de loias coñécense os cantares que os veciños dedicaban aos desposados... se ben en Navia de Suarna denomínanse cantares de voda ou cantar o rosco.
Se a muller daba a luz, as amigas facíanlle unha visita, agasallándoa
con cestas con manteiga, ovos, moletes de pan e chocolate. O padriño do
neno ou nena regaláballe viño, atención que a madriña correspondía con outros obsequios ademais do regalo de "rúbrica" que consistía en tres camisas, tres calzóns e tres pares de calcetíns.
O MATRIMONIO
"O
matrimonio afecta á esfera particular de cada casa... pero no mesmo
tamén se ve implicada a comunidade en tanto que os contraíntes mudan a
residencia e de status. Un primeiro síntoma desta implicación
maniféstase na actitude dos mozos dun pobo cara un alleo que cortexa a
unha muller. A presenza dun estrano soía dar lugar a unha reacción
defensiva que podía presentar un aspecto violento, aínda que o normal
era que se reducira a esixir unha compensación ao mozo intruso a cambio
de permitirlle o cortexo (pagar a bebida, por exemplo). Unha vez superado
o noviazgo, é no cerimonial de voda onde se reflicte intensamente a
implicación da comunidade no proceso. Se nos últimos tempos a decadencia
das capelas do pobo é evidente, non acontecía así ata os anos
cincoenta, época na que esta era o marco usual do rito nupcial. Cando o
cura preguntaba se había impedimento toda a xente dicía: "Non, non
señor, pódense casar". Era, polo tanto, o conxunto da veciñanza a que
afirmaba coa súa presenza na capela e manifestación verbal a
oportunidade do enlace, expresando deste xeito a súa aceptación da nova
alizanza selada na cerimonia. A cambio delo os veciños recibían pequenos
obsequios que serven de compensación a este recoñecemento colectivo.
Dentro da ritualidade das nupcias resulta significativa a recepción da
comitiva no pobo onde o novo matrimonio fixa a súa residencia,
xeralmente no do varón. Co nome de loias coñécense os cantares que os veciños dedican aos desposados... se ben en Navia de Suarna denomiánse cantares de voda ou cantar o rosco.
Seguidamente, a xente, especialmente as mozas, entoaban os cantares. A
canción entoada polas mozas é o primeiro paso da integración ritual da
noiva na súa nova casa e moitas veces na súa nova comunidade. (González
Reboredo e Rodríguez Campos, 1990).
En
Donís era onde se celebraban as vodas das aldeas da parroquia. Noivos,
familiares, invitados e padriños, adobiados coas mellores galas, eran
recibidos pola xente ao pasar polo camiño cara a igrexa; as mozas de
Donís tocábanlle o tambor e cantaban.
A CERVANTITA
En xeoloxía, a cervantita,
presente en depósitos de antimonio asociados con estibnita, leva o nome de municipio
onde se describe este primeiro mineral descuberto nestas terras no ano 1850. Foi o xeólogo norteamericano James Dwght Dana (1813-1895) quen a bautizou con este nome. Vémola utilizada na porta da igrexa de San Xoán do Mosteiro, en Cervantes.
SELO DO CONCELLO DE CERVANTES (1876)
UN CRIME NO PORTELO: DE QUEN ERA O MORTO?
O
Portelo atópase a 1.060 metros de altitude. Ten catro casas, tres no
concello de Valboa (O Bierzo) e unha no concello de Cervantes (Lugo). O
Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII cita un marco que
dividía as dúas freguesías que na actualidade non se conserva.
Agora, agás no verán, pouco movemento hai. Os pobos máis próximos
son Castañeiras (O Bierzo) e O Comeal (Cervantes). Pero non sempre
foi así, ata ben entrados os anos sesenta do pasado século era paso
obrigado para os que ían ás feiras do 5 e 21 de Pedrafita do
Cebreiro e do 6 e 22 de Veiga de Valcarce, e tamén ás de Seixas (o
campo da feira de Seixas contaba con dúas tabernas, casa de comidas
e ata funeraria), que, a través de antigos camiños (Vía romana,
Rudeira dos Galegos, Camiño Real...), converxían na pequena aldea
que contaba con mesón e pousada.
Pola
prensa da época sabemos que entre finais do século XIX ata os anos
corenta do XX as liortas eran bastante frecuentes, mesmo algunhas
remataban de forma cruenta. Pero hai unha, que recollemos tanto na
Braña (O Bierzo) como en Vilarello (Cervantes), que quedou
especialmente gravada. Só un ano antes do suceso que imos contar, un
tratante de Veiga de Valcarce morrera a mans dun mozo de Pedrafita a
causa “de las heridas producidas por arma blanca”,
e dous anos despois, en abril de 1936, tres homes mataron de tres
perdigonazos a un seu parente, todos veciños do concello de
Cervantes.
Vaiamos
co suceso do Portelo. No ano 1934 produciuse un dobre crime debido a
unha discusión por unha partida de cartas. Unha das persoas, morta a
estacazos, ocasionou un conflito xurisdicional sen precedentes entre
a xustiza, e todo porque o morto caeu nos dous territorios,
quedándolle os pés nun lado e a cabeza no outro. Os xulgados de
Galicia e León non se poñían de acordo para ver quen levantaba o
cadáver. O tempo pasaba sen que foran quen de ditaminar a quen lle
correspondía actuar. A expectación medraba co transcorrer das
horas, mesmo as autoridades tiveran que triplicar o número de gardas
civís enviados nun primeiro momento para poñer orde xa que todo o
mundo quería ver de cerca á vítima.
Ao final, foron os máis
vellos da zona os que alumaron a solución: Galicia tiña que facerse
cargo porque fora onde lle quedaran os pés ao morto. Razoouse así
porque os pés ían sempre para onde lles mandaba a cabeza. Ademais,
lembrou un, cando morría alguén, o defunto era transportado no cadaleito cara a
igrexa e o cemiterio cos pés por diante. Os xuíces, diante de razoamento tan sisudo, nada obxectaron.
O CABLE
A única mostra de industrialización do concello de Cervantes a principios do séclo XX foi a instalación dunha empresa madeireira de curta duración. Entre os anos 1915 e 1925 funcionou no concello o maior teleférico de Europa adicado ao transporte de madeira, cunha lonxitude de oito quilómetros, que tiña como base Os Cabaniños, e que a xente axiña bautizou como O Cable. O teleférico foi construído pola Explotación Maderera de Ancares que, ao parecer, foi a responsable da ruína da Banca Riestra de Pontevedra, que a financiara, se ben disto non existe constancia documental coñecida. Esta firma dedicouse á explotación da madeira a grande escala, e a través do Cable saíron dos montes de Cervantes grandes cantidades de madeira, gran parte para as travesas das vías férreas. Tras conseguir os permisos de curta, a empresa construíu unha pista dende Doiras ata Os Cabaniños, onde situaron as instalacións. Paralelamente foi construída a estrada de Ambasmestas, en tanto que o teleférico chegaba dende Os Cabaniños ata O Portelo, lugar dende o que a madeira era transportada en camións ata Vilafranca do Bierzo. O Cable tiña torres en Boixecide, Fieiro, Alto do Sollo, Pando e Aucella. Estaba movido por unha máquina de vapor fabricada en Vigo, que dende Doiras ata Os Cabaniños foi transportada nun carreto tirado por varias parellas de bois, avanzando diariamente uns 10 metros pola sinuosa e estreita pista forestal. Nas curvas era desprazada a man por expeertos operarios con pancas. Relativamente, aqueles foron uns anos de bonanza económica para moitos veciños que traballaban picando a pedra, tala de árbores, mantemento das liñas, etc., mesmo se abriron tabernas e acondicionáronse moitas casas. Mais tamén se conta que había moito despilfarro, de aí o dito: "O monte dos Ancares a moitos vagos mantén, a uns nas oficinas e a outros nos almacéns". Cando crebou, abandonouse todo, o que aproveitou moita xente para levar pezas para a súa casa.
POR QUE SE ABANDONOU A ALDEA DE CHAN DE PRACÍA
Sergio
Núñez Cubero, estudante do último curso de Historia na Universidade
Autónoma de Barcelona, que pasa as vacacións na aldea da Veiga do Seixo,
en Cervantes, de onde son orixinarios seus antepasados, aproveita o
tempo en buscar información sobre a historia da zona.
No verán de 2019, a súa tía-avoa, Jesusa López, derradeira habitante do Chan da Pracía (ou Precía, como lle chaman por alí), e que na actualidade reside no Fondo da Costa, contoulle a Sergio a causa que motivou o abandono, en pouco tempo, da súa aldea de nacemento.
O Chan de Pracía atópase a pouco máis de 800 metros de altitude, nas abas da Serra da Pedriña. Chegou a contar, ao menos, con dez casas de grandes dimensións, hoxe en día arruinadas e comidas pola maleza. Ao longo dos anos, algunhas antigas pallozas foron parcialmene derrubadas para convertelas en vivendas de planta cadrada, engadíndolle unha altura. Para desenvolver a actividade agrícola, os seus habitantes traballaron arreo para transformar as fortes pendentes en terreos produtivos, construíndo socalcos asegurados con potentes muros de pedra. Un importante camiño, en gran parte escavado na rocha, pasaba polo lugar, unindo as aldeas da Veiga do Seixo e do Fondo da Costa.
A panorámica dende O Chan de Pracía é espectacular, divisándose,
entre outros, o castro da Coroa, o campamento temporal de época romana
da Cortiña dous Mouros ou o maxestoso castelo medieval de Doiras.
Volvamos ao relato da tía de Sergio. Contoulle que O Chan de Pracía foi, en tempos, unha das aldeas con máis habitantes da contorna, e que ademais contaba
con bastante poderío económico xa que era rara a casa que non tiña,
como mínimo, unha parella de bois. Entón, por que foi abandonada? Un
non precisado día, entre os anos 1900 e 1920, unha gran rocha
desprendeuse da montaña, con tan mala fortuna que foi a parar a un
camiño que discorría por riba da aldea, acabando coa vida dunha muller. Un suceso fortuíto? Parece que non, todos tiñan o convencemento que en realidade fora un asasinato. En definitiva: que alguén "empurrou" a pena. Os veciños así o creían xa que comezaron a acusarse os uns aos outros como responsables do crime. O medo apoderouse deles, e a constante presión da Garda Civil fixo que, aos poucos, foran abandonando a aldea, trasladándose para A Veiga do Seixo. Tamén se conta que o abandono debeuse á construción da nova estrada que xa non fixo necesaria a utilización do vello camiño que, por O Chan de Pracía, unía A Veiga do Seixo co Fondo da Costa.
Outra traxedia semellante debeu de acontecer na cercana Veiga do Seixo. Aínda hoxe en día unha casa da aldea é coñecida como A Casa da Cruz. E non, non ten ningunha cruz cumial no tellado nin gravada nos seus muros.
O nome quedoulle porque no lugar onde foi construída había unha cruz de
pedra. Colocáranna alí porque no sitio mataran a un home.
No concello de Cervantes perduran outras historias da desaparición de seculares sitios habitados dos que non queda ningún resto visible. Cóntase que a aldea de Vilar de Mouros tivo a súa orixe no monte do Oural, a 1.175 metros de altitude, no mesmo sitio onde se atopa unha importante necrópole megalítica
duns 6.000 anos de antigüidade. Disque o motivo do traslado para a
ubicación actual debeuse ás mestísimas néboas que durante meses e meses
alagaban o primitivo emprazamento. Tamén se asegura que a aldea de Savane tivo a orixe no monte do Chao da Granda, a 1.075 metros de altitude, situado entre os regos das Veigas e Foledo, non moi lonxe, como no caso anterior, das mámoas da Pena dos Mouros.
EN BUSCA DE XOSÉ MARÍA CASTROVIEJO
A escritora inglesa Nina Epton, na súa viaxe a Galicia nos anos sesenta do pasado século, que deixou plasmado no seu libro Uvas e granito, relata as penurias que pasou para chegar aos Ancares en busca de Xosé María Castroviejo ao que atopou nunha palloza da parroquia de Donís arrodeado de enfermos a causa, di, da "endogamia e a pobreza".
QUIZAIS A FOTO MÁIS ANTIGA DUNHA PALLOZA NOS ANCARES
No
verán do ano 1953, a escritoria e produtora de radio británica, Nina
Epton (1913-2010), que facía a ruta entre Londres e Bos Aires,
desembarca en Vigo. Cun magnetófono na man, visita varios sitios de
Galicia: Vigo (onde coñece a Xosé María Álvarez Blázquez, Colmeiro, Pura
Vázquez, Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego...), Baiona, A
Guarda (castro de Santa Trega), Ourense (coñece a Ferro Couselo, Xaquín
Lorenzo, Cuevillas, o escultor Faílde...), Celanova, mosteiros de Santo
Estevo de Rivas de Sil e San Pedro de Rocas, Santiago (coincide coas
festas do Apóstolo e coñece a Otero Pedrayo, Xosé María Castroviejo,
Ramón Piñeiro, Manuel María...), Ponteceso (en Corme sufre un
arrefriado), Fisterra, Muxía (visita a Virxe da Barca), Noia,
Pontevedra... Mentres agarda polo seu prometido, Robert, vai ata a
Sanxenxo (ermida de Nosa Señora da Lanzada) e a Illa da Toxa. E cara
Lugo.
En
Lugo coñece a Xosé Fernández López (o fundador de Pescanova). Antonio
Rosón lévaa en coche ata Becerreá onde un tratante de gando lle explica a
existencia da Rapa das bestas de Sabucedo. Rosón achégaa ata San Martín
da Ribeira (Cervantes) e logo ata Quindous onde xantaron, continuando
despois cara Piornedo onde teñen que pasar varios días debido a que
Robert mancárase nun nocello. Sen saír do concello de Cervantes, van ata
Xantes onde quedara de recollelos Antonio Rosón, pero este non aparece,
tendo que facer noite na aldea. Ao día seguinte encamíñanse cara o
castelo de Doiras, onde collen o autobús que os traslada a Liber
(Becerreá) onde dormen. Rosón díxolles que ao día seguinte ía levalos ao
Cebreiro, pero non volve aparecer (tivo que levalos un home). Regresan a
Lugo, e deiquí a Vigo para coller de novo o barco.
A raíz desta estadía en Galicia escribe Grapes and granite (Uvas e granito)
que se publica no ano 1956. Unha das ilustracións que achega é unha
foto do ano 1899 onde se ven dous homes xunto unha palloza e detrás a
capela do San Lourenzo, en Piornedo (Cervantes).
XOSÉ MARÍA CASTROVIEJO E CELSO EMILIO FERREIRO NOS ANCARES
A
finais do mes de outubro de 2019, Fran Guerra achegounos unha vella
foto do castelo de Doiras, en Cervantes, de arredor dos anos sesenta do
pasado século, que atopou nunha tenda de fotografía de Madrid. En
primeiro plano vense dous cazadores. A través de Xerardo Pardo de Vera
conseguiu saber que o da dereita era Xosé María Castroviejo, pero a
incógnita estaba no que aparece de costas. Ben, pois grazas ao amigo
Roldán (José Ángel Fernández Revaldería) resolveuse o enigma. Unha
persoa próxima recoñeceu a Celso Emilio Ferreiro, e que Roldán confirmou
logo de localizar unha foto no arquivo fotográfico da Fundación Celso
Emilio Ferreiro, case seguro que do mesmo día, on se ve aos dous
escritores con outra persoa despois dunha cacería nos Ancares. Na
segunda foto, Celso Emilio é o primeiro pola esquerda.
O HÓRREO
Moitos cren que os hórreos, horros,
son herdeiros das palafitas prehistóricas. Ademais de como despensa, en
moitos lugares dos Ancares utilizábanno para depositar os corpos dos
defuntos mentres non se celebraba o enterro. Ademais de teren espazo
suficiente, era un lugar limpo e onde os ratos non podían chegar.
A LAREIRA
No
espazo ocupado pola lareira, en ausencia doutro lugar
axeitado, utilizábase para instalar nela ao moribundo. O cura entraba
acompañado dos veciños do pobo portando velas cando lle subminstraba a
Extrema Unción.
O CAROCO
Varias especies de Quercus aparecen recollidas no catálogo de árbores senlleiras de Galicia. A finais de outubro de 2018, as fortes nevaradas feriron de morte o vello Caroco da Praza do Campo de Quindous. Meses antes recolléranse firmas para reclamar medidas para frear os síntomas de enfermidade das catro árobres centenarias da praza e recuperar este espazo de innegable valor natural.

O MARCO DO VAL DE SOLLEIRO
En
tempos, este marco, situado a uns 1.280 metros de altitude, actuaba
como linde entre os concellos de Cervantes, As Nogais e Pedrafita do
Cebreiro. Na actualidade actúa como divisorio entre Cervantes e
Pedrafita, feito que moveu ao Concello das Nogais a unha desputa co de
Pedrafita porque, disque, se apoderou de terras que dende antigo lle
pertencen. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O TELÉFONO CHEGA A CERVANTES
No mes de decembro de 1965 inaugurouse o primeiro teléfono en Cervantes que foi instalado na Casa do Concello. Na foto de Vega, no xornal El Progreso do 14 de decembro de 1965, vese ao alcalde Manuel Belón falando dende San Román.
FESTA DA PANDEIRA
Celébrase en Piornedo (Cervantes) no mes de agosto. A pandeira é uns instrumento musical (que non debemos confundir coa pandeireta, moito máis moderna). Fabrícase curvando unha táboa de 5-6 mm de grosor e 40-50 de diámetro que se cubre por un lado dunha pelica de cabra ou corzo. leva varios grupos de ferreñas (cernellas, dise en Donís) inseridas en furados rectangulares e alongados que se distribúen arredor do seu marco. en moitas aldeas adoitábase pintar sobre a pel un debuxo. na comarca dos Ancares, o uso deste instrumento está intimamente ligado ao canto, sobre todo feminino que fixo florecer nesta serra unha cultura musical rica, arraizada e participativa, sendo as mulleres as encargadas de amenizar os bailes e as polavías, sobre todo no inverno que era condo había máis tempo libre. Cada aldea adoitaba ter a súa pandeira, que facían entre todas mulleres ou pagaban a escote, relevándose para tocala ao tempo que o resto cantaba. O instrumento gardábao a moza solteira máis vella, pasándolla á seguinte cando casaba.
Quizais porque era cousa de mulleres, non era un instrumento de moito prestixio como podía ser a gaita, cuxos gaiteiros eran contratados para as festas e as vodas, feito que case provocou a súa desaparición.
Dise que os exipcios dos tempos dos faraóns xa tocaban un instrumento semellante, mencionado na Biblia co nome de tímpano. Se ben a súa tipoloxía é diferente, os nomes da pandeira e do pandeiro galegos proveñen do latín pandorius xa que ambos os dous tiveron a mesma denominación en diferentes momentos.
Na antiga Roma sábese do uso da pandeira ou un instrumento semellante polos frescos procedentes de Pompeia. Unha talla en pedra do século XII da igrexa de San Juan de Vilaviciosa (Asturias) amósanos a súa popularidade, testemuñada tamén por un gravado procedente do galaico-portugués Cancioneiro de Axuda do século XIII.
Segundo recolle Juanjo Fernández, son moitas as historias que se poden contar da pandeira de Donís, aínda que hoxe pasa algo desapercibida. É un instrumento con moito arraigo e unha presenza intensa na súa tradición musical. As vodas eeran unha ocasións especiais para cantar e bailar ao son dela, igual ca outras moitas veces nas que se xuntaba a moita mocidade que houbo nas aldeas a mediados do século pasado para divertirse nas polavías, fiadas, magostos ou calquera día que se ordenaba. A pandeira é un instrumetno que, dende que existe, en todos os sitios se toca cantando e marcando unha pauta para bailar. Isto xa era así nos pobos do oriente hai milleiros de anos, e tamén en Donís, Moreira e Piornedo, así como noutras aldeas dos Ancares como Murias e Coro (Navia de Suarna), e Suárbol e Balouta (León). Os xéneros musicais típicos son a Moliñera ou Muiñeira, a Jota e os Agarrados, entre os que salientaban o Pasodobre, o Valse e algún outro de carácter máis local coma o Balán tan tan (tamén Tarán tan tan, especie de rumba dos pobos de Donís).

O ENSINO
O concello de Cervantes chegou a ter 31 escolas unitarias. Na actualidade só está en funcionamento o CPI de San Román. Debido a que está a minguar o número de alumn@s, taménse se están a reducir o número de prazas de profesorado, de forma que se recorre a agrupar varios cursos nunha soa aula.
Dende o ano 2013, a Anpa do CPI de San Román de Cervantes organiza a Festa da Involución Educativa, uns actos lúdico-reivindicativos para defender o dereito a unha educación pública de calidade na montaña, e contra os continuos recortes que están a levar ao desmantelamento do ensino público no rural.
UNHA LENDA POUCO COÑECIDA EN CASTELO DE CAIS E DUMIA
Nunha
atardecida de outono, Antonio Carvajal Herbón recolleu unha lenda
(con mestura de algo de historia, adobada polo autor) que un vello
labrego de Cervantes, sentado á porta da súa palloza e despois de
acender a vella pipa repleta de fúrrea (1), lle contou. Eiquí
resumímola porque ademais da lenda, Carvajal exténdese noutros
acontecementos (2). Ao final incluímos algunhas notas aclaratorias.
Hai
máis de mil anos, dez ou doce homes de aspecto estrano chegaron ao
val de Cancelada. A desconfianza inicial dos naturais mudou cando
souberon que se trataba dun monxes, obrigados pola invasión sarracena
a abandonar as terras de Castela e buscar outras máis seguras.
Ao
pouco de chegar, a veciñanza viu como á beira do río
construían un modesto pero rexo edificio. Pero o que máis
admiración lles causou foi un persoeiro, “vestido de pieles, de
aspecto terrible por el desaliño de sus cabellos y barbas”,
que chegara cando os relixiosos. Tratábase dun pastor da serra da
Cabrera (3) que se uniu aos monxes cando estes tiveran que gorecerse
na zona a causa da neve. Seu nome, descoñecido para el mesmo,
“respondía a una voz inarticulada y ancestral (Brau o Brou),
que los frailes suavizaron llamándole Briano”. Este home, “de
complexión desmesuradamente atlética”, participou na
construción do mosteiro, transportando enormes pedras sobre as
costas e arrastrando pesados troncos. De seguido construíron unha
pequena ermida (4).
Pero
Briano, acostumado a unha vida en liberdade, non se afacía á
rixidez da disciplina monacal. Unha noite, seguido pola súa fiel
cadela, marchou polas densas carballeiras. Despois de camiñar a
través das espesuras, chegou a unha pequena aldea habitada por pegureiros. A súa chegada evitou que o señor de Quindous (5), que
cazaba pola contorna, “saciara sus torpes deseos en la límpida
hermosura” dunha pastora, Casilda, que naquel lugar solitario
coidaba das ovellas. As bágoas de agradecemento da moza
impresionaron tanto a Briano que se namorou dela. E foi
correspondido. Cando a moza quedou embarazada, o home construíu un
torreón de grande altura, e canda a parella vivía a fiel cadela que tamén
pariu uns canciños. Daí que bautizaran o sitio como Castelo de Cais
(6).
Ao
fillo puxéronlle por nome Garcés, que herdou da nai “hermosura
y gentileza”, e do pai “nobleza de alma y músculos de
hierro”. Un bo día, cando ía detrás dun corzo ferido,
atopouse con Florinda, filla dun fidalgo de Dumia de nome Artul. “La
delicada belleza de la joven se apoderó del corazón de Garcés”.
E como lle acontecera ao pai, tamén foi correspondido. Pero temendo
que a orixe humilde do mozo encabuxara ao pai da rapaza, ocultaron
os seus sentimentos. Pero un día a filla de Artul non acudiu
á cita no bosque. Garcés, desperado, buscouna, pero nada. Que
acontecera? Non tardou en saberse. “Rebotando de poblado en
poblado” chegaron a Castelo de Cais noticias de que o señor de
Quindous concedera a Artul de Dumia o favor de consentir o casamento
de Florinda e o seu primoxénito; e
que o de Dumia, enterado das ocultas relacións da súa filla con
Garcés, recluíraa na súa casa da Torre, onde a tiña vixiada (7).

Corría
o ano 791, en que a península “estaba
en poder de una raza extraña”.
Acaudillaba a rebelión contra os árabes, Vermudo (8),
quen por medio de emisarios estaba en contacto con fidalgos e xentís
das montañas orientais de Galicia. Circulaban noticias de que un
forte exército sarraceno se dirixía cara os montes de Asturias e
Galicia. Señores e fildalgos da zona concentraron as súas forzas en
Vilafrial. Briano e Garcés, que choraban a recente morte de Casilda,
uníronse, envoltos en peles de oso, ao improvisado exército. Alí
estaban as xentes de Vilafrial, Savane, Lama de Rei, San
Román, A Estrada, Vilaver…, e tamén os monxes.
Garcés,
aproveitando a confusión inicial, dirixiuse cara Dumia para tentar
de ver á súa amada. Mala hora. A Dumia acababan de chegar as forzas
do señor de Quindous para unirse ás de Artul. Garcés viu como
Florinda despedía con grandes prantos e abrazos ao de Quindous.
Desolado e ferido no máis profundo, perdeuse nas profundidades do
bosque.
Mentres,
as tropas galegas abandonaban o val de Cancelada seguindo o curso do
río. No traxecto uníronselle homes do Fabal, Chandeiro, Vilanova,
Vilarello, Os Prados, Castelo de Frades, Donís… O vello Briano
buscou ao se fillo, pero este desaparecera.
Reunidos
uns dous mil homes, pasaron por Degrada e Cabanas, atravesaron os
Calangros de Brego e chegaron ao Penarrubia de onde divisaron o pequeno
exército ao mando de Vermudo, ao que se uniron. Un emisario trouxo
malas novas: un exército de máis de quince mil homes de a pé e
a cabalo dirixíanse cara Burbia. Vermudo deu a orde de que os seus
correran ao seu encontro, atravesando Porquerizas e Campo del Agua.
Os montañeses, aínda que
inferiores en número “a
la mitad de los árabes”,
caeron sobre o inimigo. Pero foron rexeitados, deixando tras deles
numerosas baixas. Pero axiña se recuperan e atacan de novo,
conseguindo romper as filas árabes. Pero pouco máis conseguen.
Vencidos, os montañeses fuxen cara os altos picos (9).
Os
sarracenos xa comezaban a celebrar a vitoria, cando no cume dun
outeiro apareceu un home, que berrando guturalmente e saltando coma
unha panteira, comezou a lanzar enormes pedras
contra os invasores. Garcés, “que
no otro es este hombre”,
semella que se centuplica. Mentres
seus brazos de xigante lanzan as pedras, os seus pés empuxan outras
non menos grandes que cara os árabes rolan monte abaixo. Aos
sarracenos non lles queda outra que gorecerse detrás doutro outeiro.
Pero do cume deste xurde outro xigante que, utilizando o mesmo método
que Garcés, infrinxelle “una
espantosa carnicería”.
Era Briano, o pai de Garcés. Galegos e asturianos, derrotados
facía pouco, reagrúpanse e fan fuxir ao inimigo.
Á
mañá seguinte, cando
asturianos e galegos se reuniron arredor de
Vermudo para celebrar a fuxida dos musulmáns, Briano e Garcés non apareceron por
ningures. Buscaron e buscaron pero nada, coma se os tragara a terra.
Ninguén volveu
a saber deles.
NOTAS:
(1)
Fúrrea: Nome que recibe o tabaco que se colleitaba en Cervantes.
(2)
A lenda
foi extraída do relato
“Pueblos de Lugo.
Cervantes y su leyenda”,
de Antonio Carvajal Herbón, publicado na
revista Galicia
do 1 de outubro de 1934. Carvajal
Herbón foi director de Radio Lugo.
(3)
A Sierra de La Cabrera atópase na comunidade de Madrid.
(4)
Trátase do mosteiro do Salvador de Cancelada, desaparecido,
situado, posiblemente, onde
se ergue a actual igrexa de
San Xoán de Mosteiro. O primeiro documento coñecido data do ano
1019. Cando o arranxo da
igrexa atopouse un anaco de celosía de barro de época claramente
medieval.
(5)
O castelo-pazo de Quindous data do século XVI. Di
Vázquez Seijas que tanto o pazo como a aldea tomaron o nome de Paio
Quindós, casado con María Bolaño.
(6)
Consérvase o topónimo O Castelo, pero descoñécese se houbo
algunha fortaleza.
A
aldea aparece citada no ano 1275 como Castel
de Canes.
Noutro documento do 1380 xa
como
Castelo de Cais. No afán castelanizador do Antigo Réxime cítase
como Castillo
de Perros.
(7)
En Dumia hai unha casa-torre con orixe no século XII. Nun muro
conserva unha gran pedra armeira mandada colocar cando unhas obras de
reedificación no ano 1660. Na torre vese outro escudo.
(8) Vermudo I. Irmán de Mauregato, a quen sucedeu no ano 789. Morreu
no 797.
(9) A batalla do río Burbia entre as forzas de Vermudo I e os árabes
aconteceu, ao parecer, no ano 791. Despois da derrota ante os
musulmáns, Vermudo abdicou, volvendo ao seu estado clerical, daí o
alcume de O Diácono. O río nace nos Ancares leoneses, na comarca do Bierzo.
*
As fotos en branco e negro
foron sacadas do relato de Carvajal Herbón.
© Colectivo Patrimonio dos Ancares