
MÁMOAS
MACHADO NEOLÍTICO
Durante
anos, a única referencia ao megalitismo no concello de Cervantes estaba
nos topónimos O Monte da Medorra, na parroquia de Lamas, O Chao da
Arquela, en Quindous, e O Monte da Medorra da Prida ou Pena do Castelo,
na parroquia de Vilaquinte. Mais, un machado neolítico atopado a
mediados dos anos sesenta do pasado século e dado a coñecer no mes de
marzo de 2012, abría a posibilidade á existencia dalgún tipo de
xacemento adscrito a este período. O machado foi localizado nunha
pedreira da aldea de Padornelo, na parroquia da Ribeira, e dende aquelas
estivo en mans de don José Luis González, veciño de Valgos. De
feito, don José Luis asegura que cando se empezou a utilizar a
maquinaria no campo "desfixéronse moitas tumbas de pedra". No lugar
tamén apareceran outras pezas, entre elas unha posible punta de frecha,
que non se conservan. O seu propietario cedeu o achado ao museo
etnográfico de Cervantes para a súa exposición. Semella que está
realizado nunha rocha coñecida como anfibolita (orixe metamórfica);
tamén podería ser outra rocha similar de orixe plutónica: diorita ou
granolita. Ten 23 cm de longo, 8 cm de ancho e 7,5 cm no fío
lixeiramente curvado. Bo estado de conservación.
NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA PENA DOS MOUROS
Está
formada por catro enterramentos. Atópase xunto unha pista, na Serra de
Palmeán, nunha penichaira a 1.180 metros de altitude, entre as aldeas de
Folgueiroa (Dorna) e Chan de Lagares (San Pedro de Cervantes).
O
primeiro túmulo ten unhas medidas aproximadas de 12 metros de diámetro e
1,5 de altura. Ten un cráter de violación pouco profundo do que
sobresaen dous esteos de xisto. Non conserva a pedra cobertoira. Sobre a
súa superficie hai unha laxe partida que debeu formar parte da cámara
funeraria, ademais de varias pedras de xisto e cuarzo que
corresponderían á coiraza pétrea. Polo oeste ten un profundo suco de
seis metros de longo realizado por unha máquina que vai dende a base ata
o cráter. O resto atópase moi estragado polas roturacións e posibles
actuacións furtivas. Cuberto pola matogueira.
O
segundo enterramento, a poucos metros do anterior, ten 12 metros de
diámetro e unha altura aproximada de 0,90 centímetros. Do cono de
violación, pouco profundo, sobresae un esteo de xisto. Non conserva a
pedra cobertoira. Sobre a mámoa hai unha gran laxe que puido
corresponder a un dos esteos fincados da cámara ou á tampa. Debido ás
roturacións do terreo perdeu boa parte da masa tumular. Cuberto pola
matogueira.
A
mámoa nº 3 ten unhas medidas aproximadas de 18 metros de diámetro e
unha altura de 1,5 metros. Foi cortada pola pista. O cono de violación
que xa presentaba semella que foi reaberto. Sobre o túmulo e no corte
realizado polo camiño vense abundantes pedras de xisto que puideron
formar parte da coiraza que recubría o monumento. Cuberta pola
matogueira.
A
finais do mes de xullo de 2016 localizamos unha cuarta mámoa, próxima
ás anteriores. Cuberta totalmente pola maleza, ten unhas medidas
aproximadas de 12 metros de
diámetro e 0,80 de altura. Presenta un cráter de violación de 2 metros
de diámetro do que sobresaen un cinco esteos da cámara megalítica, algúns desprazados. Tamén se observan restos de coiraza pétrea. O día 24 de setembro de 2019, despois de proceder á súa limpeza, comunicámosllo a Patrimonio para que proceda á súa catalogación.
A necrópole tiña un quinto enterramento que foi totalmente destruído. En
principio cremos que se trataba dun pozo para unha mámoa que logo non
se chegou a facer, mais ao examinar o lugar apréciase con claridade que
si houbo un túmulo que foi, literalmente, arrasado. Pódense ver varias pedras de xisto e cuarzo que formarían parte da coiraza e o anaco dun esteo medio soterrado.
Non moi lonxe obsérvase un montículo artificial de planta circular que semella corresponderse cunha mámoa.
En
definitiva, a necrópole atópase en regular estado de conservación, moi
afectada polas roturacións do terreo, camiño e actuacións furtivas.
Chamounos poderosamente a atención que os veciños das aldeas próximas
descoñeceran practicamente estas medorras, a primeira voz de alarma, que
saibamos, deuna hai anos un axente da Consellería do Medio Rural cando
advertiu a un dos propietarios de que tivera coidado cos enterramentos
ao roturar o terreo. Malia o suposto descoñecemento, no lugar existe o
folclore da presenza dun tesouro.
O día 23 de maio de 2017 comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo unha escavación furtiva na mámoa número 1.
A principios do ano 2021, a petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a necrópole foi sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo por medio da Reseva da Biosfera dos Ancares Lucenses.
MÁMOAS DO VAL ESCURO
En Folgoso, parroquia de Cereixedo, a 1.125 metros de altitude. Dúas mámoas sen catalogar, situadas nun pastizal, localizadas polo Colectivo Patrimonio dos Ancares no ano 2016. Perderon gran parte da masa tumular en altura.
MÁMOAS DOS FORNIÑOS
Situadas entre a Golada do Campo
do Circo e o Monte Odreiro, na parroquia de Vilarello, nunha divisoria de augas
dos concellos de Cervantes e Valboa, este último no Bierzo, e a
unha altitude de 1.256 metros. Está formada por catro túmulos, tres no
concello de Balboa (O Bierzo), non moi lonxe do campamento romano da Cortiña dos Mouros. A medorra ubicada na parte galega ten unhas
medidas de 20 por 16 metros e unha altura de dous metros. A cámara
megalítica foi arrasada no ano 2009 por unha máquina que estaba a realizar unha
escavación furtiva.
Segundo a lenda, as mámoas foron utilizadas como fornos para facer o cal utilizado no castelo de Doiras.
O día 21 de febreiro de 2016, integrantes do noso colectivo localizamos unha necrópole megalítica integrada por dúas mámoas non
coñecidas ata o presente. A descuberta foi posible grazas a que non hai
moitos meses talaran parte dos piñeiros que había xunto a estrada local
CP 07-02, pouco antes da pista asfaltada que baixa cara a aldea de Vilar
de Mouros (parroquia de San Pedro de Cervantes) e, sobre todo, a que a
intensa nevada dos últimos días achandou a maleza, tanto a que cubría os
túmulos funerarios como da contorna, facéndoas perfectamente visibles.
Esta necrópole atópanse na Serra da Cortella, a 1.179 metros de altitude, nunha
penichaira dende onde se observa unha ampla panorámica. Atópase a uns 800 metros en liña recta das mámoas da Pena dos Mouros. A
mámoa número 1 ten unhas medidas de 8,5 metros de diámetro e 0,50 de
altura. A mámoa número 2 mide 9 metros de diámetro e 0,60 de altura.
Ambas as dúas posúen cráter de violación duns dous metros de diámetro e
sobre elas teñen plantados piñeiros. Non semella que no
seu interior acollan cámara funeraria de pedra.
O
día 7 de xuño, dende o Servizo do Patrimonio Cultural comunicáronnos
que os seus arqueólogos xa realizaron a inspección correspondente,
comprobando que, en efecto, se trata "de dous xacementos arqueolóxicos
tipo túmulo". Catalogados cos códigos: GA27012093 e GA27012094,
identificándoos cos nomes de Túmulo 1 de Savane e Túmulo 2 de Savane.
Tamén llo comunicaron ao Concello de Cervantes.
O mesmo día 7, o compañeiro, o axente forestal da Consellería do Medio Rural, Severino
Orozco Carro, informounos da existencia doutros posibles enterramentos
na mesma zona. Ao día seguinte, guiados por Seve, achegámonos ata o
lugar. Estes montes, totalmente cubertos pola maleza e con plantacións
de árbores (rebolas e piñeiros), son comunais. Nun radio aproximado duns
450 metros puidemos comprobar a existencia de posibles enterramentos
megalíticos non documentados ata o presente. Hai moitos anos, buldozer do antigo ICONA levantaron gran
parte do monte que, xunto coas posteriores plantacións de árbores, foron
os responsables do estado en que se atopan estes enterramentos. Pero a sorporesa levámola
cando Seve nos mostrou un enterramento que conserva no interior parte
da cámara megalítica de forma poligonal composta por sete esteos da que
semella partía un corredor pouco desenvolvido orientado cara o S-L. A
tampa cobertoira desapareceu, posiblemente cando profanaron o monumento para buscar "tesouros".
Os achados foron comunicamos ao Servizo do Patrimonio
Cultural e ao Concello de Cervantes. O día 14 de novembro de 2016, dende o Servizo do Patrimonio Cultural informáronnos que un dos enterramentos que presenta cámara pétrea poligonal, sen tampa cobertoira, despois da visita dos técnicos xa foi catalagado. Para o resto, debido á espesa maleza e a leña que os cubre, dixeron que tiñan que esperar a que melloren as condicións.
O día 24 de setembro de 2019 solicitámoslle ao Servizo de Xestión Cultural a catalogación dunha mámoa situada nas inmediacións da anterior. Despois de proceder á súa limpeza, comprobamos que ten un diámetro duns 11 metros e unha altura de 0,70. Cráter de violación. Non se distinguen restos de cámara nin de coiraza. Foi afectada por un vello carreiro.
A
principios do ano 2021, a petición do noso colectivo, a necrópole foi
sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo por medio da Reseva da
Biosfera dos Ancares Lucenses.
MÁMOA DO CASTRO
No monte Trabado do Seixo, no Chao de Vilarín, parroquia de Vilaquinte, a 675 metros de altitude, a Xunta de Galicia ten catalogada unha mámoa da que non conseguimos información, nin oral nin visual. Cremos que non existe tal medorra.
DOLMEN DA CAMPA DO CIMBRO
O
día 13 de novembro de 2020, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares
documentamos a mámoa con dolme situada a maior altitude de Galicia. Foi
na Campa do Cimbro, a 1.655 metros, non moi lonxe do Pico dos Tres
Bispos (1.794 metros), lindeiro entre o concello de Cervantes e O
Bierzo. Trátase dun túmulo de terra duns 16 metros de diámetro de cuxo
cráter de violación asoman cinco esteos de pedra que forman unha cámara
tirando a poligonal de 1 por 1,5 metros. Non atopamos restos da tampa
cobertoira que foi partida, posiblemente, cando foi violada para buscar
inexistentes tesouros. Sobre o túmulo vense pequenas pedras de cuarzo e
cuarcita que formaban parte da coiraza que o recubría. Ata o presente, a
mámoa con dolmen a maior altitude era a do Marco Cavado, a 1.640
metros, entre os concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Manzaneda.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
MÁMOA DO CARBALLAL
O día 15 de novembro de 2020, na parroquia de Quindous, no
sitio coñecido como O Carballal, case no límite coas parroquias de
Santa María do Castro e San Pedro de Cervantes, a 1.110 metros de
altitude, documentamos unha mámoa duns 19 metros de diámetro e 1,70 de
altura en cuxo cráter de violación, duns dous metros de diámetro, asoman
varias pedras que foron partidas que correspondían á cámara funeraria.
Sobre o túmulo obsérvase unha potente coiraza pétrea formada por
multitude de pedras que o recubrían. Un antigo camiño cortou
parcialmente o túmulo. Non moi lonxe atópase a necrópole da Pena dos
Mouros, formada por cinco máomoas.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
MONTE DA MEDORRA
Na
parroquia de Lamas. Á dereita da estrada que vai de San Román a
Catroventos, no cruce que baixa cara Lamas. Trátase dunha penichaira
situada a 883 metros de altitude sobre o nivel do mar dende onde se
divisa unha ampla panorámica. Despois de peitear todo o monte, non
atopamos vestixios. No lugar, moi alterado, instaláronse antenas de
telefonía e de televisión e tamén está adicado a labores agrícolas. Os
veciños non conservan memoria de que alí houbera algún enterramento.
O CHAO DA ARQUELA
Recibe
o nome un monte situado na parroquia de Quindous, por riba da cabeceira
parroquial e das aldeas de Estremar de Baixo e Estremar de Riba.
Trátase dunha penichaira dende a que se domina toda a contorna. Uns
veciños informáronnos de que tiñan escoitado que en tempos había unha
medorra que fora achandada hai moitos anos polos labores agrícolas. Nós,
polo momento, non atopamos ningún vestixio.
Segundo
a tradición, nese mesmo lugar houbo un mosteiro que dependía do de
Carracedo do Bierzo, polo que estaría baixo a protección da orde do
Císter.
A MEDORRA
En Borzoado, na parroquia de Dorna, consérvase o topónimo da Medorra. Non atopamos restos.
Di a lenda que hai un tesouro.
MONTE DA MEDORRA DO PENEDO DA PRIDA
Situado
por riba da aldea de Vilaquinte, a 709 metros de altitude sobre o nivel
do mar. Consérvase o topónimo. Non atopamos restos.
MONTE DA MEDORRA DE TRABADO
En Trabado, Cereixedo, houbo unha mámoa que foi destruída polo acondicionamento dun pastizal. Con anterioridade xa fora aterrada polas repoboacións do ICONA.
PETROGLIFOS
PETROGLIFO DA CAMPA DO BARREIRO
O día 25 de agosto de 2013, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares
demos a coñecer os primeiros petroglifos situados na comarca galega de
Os Ancares. Localizámolos preto dun sendeiro que sobe cara a Campa do
Barreiro, nos Montes de Robledo, parroquia de Donís, a uns 1.100 metros
de altitude sobre o nivel do mar. Trátase de, ao menos, 28 coviñas
insculpidas nunha rocha lixeiramente inclinada cara a posta do sol, cara
o oeste. As medidas das coviñas, algunhas bastante erosionadas, van
dende os tres aos sete centímetros de diámetro. Un grupo, situadas no
centro do panel, forman un semicírculo. Na parte inferior da pena hai
unha pía de forma ovalada que mide 14 centímetros na parte máis longa e
10 centímetros na menor, e cunha prfundidade de 5 centímetros. Dúas
coviñas están unidas por un suco, apreciándose outros dous sucos, un
duns 14 centímetros de longo. A carón da pena principal hai outra pena
que en tempos formou parte desta onde se observan dous pequenos puntos
moi erosionados.
As
coviñas son ocos de planta redonda e sección semiesférica escavadas na
superficie da rocha, sendo as representacións máis sinxelas da arte
rupestre ao aire libre (aínda que quizais as máis enigmáticas) dentro do
repertorio das insculturas galegas. Poden aparecer illadas, formando
agrupacións como no presente caso, e asociadas a outros motivos, tanto
de temática naturalista como xeométrica, atopándose, en maior ou en
menor medida, na maioría dos complexos rupestres. Dada a diversidade
onde aparecen, temos que pensar que non terían un único significado:
recipientes para ofrendas, lugares para recoller a auga que sería
utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios,
calendarios solares e lunares, símbolos de carácter sexual feminino
relacionados coa fertilidade, mapas terrestres e celestes, delimitadores
de espazos sagrados ou lugares máxicos, etc. Malia o anterior, ao
tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio e como
acontece co resto das representacións, de natureza inintelixible e co
único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación
desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a
posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a
determinados membros daquela sociedade. Canto á súa adscrición
cronolóxica e cultural, abranguería, cando menos, dende o Neolítico ata a
Idade Media, tendo en conta, ademais, que algunhas coviñas poden ter
unha orixe natural a causa da alteración superficial das rochas. No que
atinxe a estas gravuras da Campa do Barreiro, e tomando como referencia
outras de similares características esparexidas ao longo de Galicia, coidamos que hai que encadralas nalgún momento da Idade do Bronce.
A
respeito do seu emprazamento (ao igual que as outras gravuras do
concello que temos localizadas) a pena está situada a carón dunha vía de
tránsito (un sendeiro), nas proximidades dunha penichaira, no que aquí
se coñece como campa, único espazo dunha orografía montañosa apto para
pacer o gando e sementar o cereal, por onde discorre un curso de auga;
estes sitios, como acontece coas alzadas, tamén se utilizaban como
poboados estacionais (aínda se conservan as ruínas dunha rexa cabana de
pedra), dato a ter en conta xa que é posible que os autores dos gravados
viviran no lugar ou desenvolveran aquí a súa actividade agrícola e
gandeira.
O achado foi comunicado a Patrimonio que xa procedeu á súa catalogación.
A petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a Deputación de Lugo, por medio da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, sinalizouno a principios do ano 2021.
PETROGLIFOS DA CAMPA DE CAMPO REDONDO
Unha
semana despois da localización do petroglifo dos Montes de Robledo,
documentamos máis gravuras no concello. Foi o día 31 de agosto de
2013 na campa de Campo Redondo, situada a 1.300 metros de altitude.
Trátase dun pequeno val, entre a aldea de Piornedo e o Pico
Mostallar, atravesado polo río de Veiga Cimeira e protexido polos montes
de Pena Longa, Os Penedois e a Serra do Agulleiro. No lugar aínda se
ven os restos dunha vella cabana onde se refuxiaban os pastores, así
como os dunha morrena glaciar.
A
rocha, situada no medio da campa, resulta moi visible dende os camiños
que acceden á mesma. Trátase dunha pena granítica cunhas medidas dun
metro de alto, 2,60 de longo e 2,15 de ancho. Os motivos están
insculpidos na parte superior da rocha que presenta unha lixeira
inclinación cara o sur-oeste. As gravuras están formadas por 12 coviñas
redondas cunhas medidas que van dende os tres aos nove centímetros de
diámetro e cunha profundidade máxima dun centímetro, e por nove coviñas
de forma ovalada onde a de maior tamaño acada unhas medidas de 11 por 7
centímetros e unha profundidade de 2,5. As coviñas redondas están máis
erosionadas ca as ovaladas.
Como sinalamos máis arriba, chama a atención a ubicación da rocha, situada a xeito de "altar" no medio da campa.
O achado xa foi comunicado a Patrimonio que xa procedeu á súa catalogación.
PETROGLIFOS DE PIORNEDO
O
mesmo día 31 de agosto, cando regresabamos da campa de Campo Redondo,
localizamos na aldea de Piornedo outras gravuras insculpidas sobre dúas
pedras graníticas que forman parte dun muro, non moi lonxe da capela do
San Lourenzo. As dúas rochas presentan varias coviñas, nunha delas hai
unha cruz latina gravada posteriormente. Todo apunta a que estas rochas
formaban parte dunha ou máis penas que foron cortadas para facer o
peche. A cruz pode ser unha posible cristianización dun lugar
considerado como pagano ou como marca divisoria dunha herdade.
O achado xa foi comunicado a Patrimonio que xa procedeu á súa catalogación.
PETROGLIFOS DA BOCA DO CAMPO
Na parroquia de Donís, nas inmediacións do Corno Maldito ou Pico do Corno, a unha altitude duns 1.500 metros.
Tratáse
de tres penas con coviñas de distintos tamaños situadas nunha campa
onde aínda se poden ver as ruínas de varias construcións onde, ata non
hai moito tempo, se instalaban os veciños que dende comezos ata o final
do verán se trasladaban ata o lugar co gando. Tamén se conserva unha
estrutura pétrea de forma circular (corro), a xeito de círculo
lítico que, supoñemos, se utilizaba para gardar os animais. Nas
inmediacións hai máis penas con coviñas. (A situación destes petroglifos debémosllo a Iago López Fuenteseca).
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DA GOLADA DA BOCA DO CAMPO
Iago López tamén me informou de máis rochas con coviñas na Golada da Boca do Campo, non moi lonxe da campa do mesmo nome. Aínda non nos achegamos ata o sitio.
PETROGLIFOS DA MALLADA DO MUSTALLAR
O
día 22 de novembro de 2015, antes das primeiras neves, integrantes do
noso colcectivo localizamos unha rocha granítica, situada a uns 1.700
metros de altitude, con cinco coviñas de entre dous e catro centímetros
de diámetro. Non moi lonxe localizamos outra pena gravada cunha cruz
moderna.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DO MUSTALLAR
O mesmo día 22 localizamos
a uns 1.800 metros de altura, nunha ladeira do Pico Mustallar, unha
pena de xisto, rente ao chan, con nove covinas gravadas que oscilan
entre os dous e os sete centímetros de diámetro. Este petroglifo ten a
singularidade de ser, ata o presente, o máis alto de Galicia. Ata o
momento obstentaba esta "distinción" o petroglifo das Arcas, a 1.770
metros de altitude, no concello de Manzaneda, tamén con coviñas. O
achado xa foi comunicado ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de
Galicia e ao Concello de Cervantes.
O achado foi comunicado a Patrimonio quen xa procedeu á súa catalogación.
PETROGLIFOS DA PENA DO OSO
Trátase dun outeiro situado a 1.161 metros de altitude sobre o nivel do mar, preto dunha campa a pouco máis de 1,5 quilómetros de
Piornedo. Foron localizados polo noso colectivo o día 6 de agosto de
2016. No afloramento granítico documentamos unha pena con catro
cazoletas, tres delas aliñadas, e dúas penas máis cunha coviña cada
unha. As medidas oscilan entre os 3 e os 7 centímetros de diámetro, e
unha profundidade de entre o,5 e 3 centímetros.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DA BRAÑA DE VILARELLO
O día 20 de xuño de 2018, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos uns novos petroglifos no concello de Cervantes. Foi na Braña de Vilarello, na parroquia de Donís (Cervantes), a uns 1.200 metros de altitude, preto do camiño que vai ao pico do Corno Maldito. Na parte superior e horizontal dunha enorme rocha localizamos 8 coviñas de factura claramente artificial cunhas medidas que oscilan entre 3 e 7 centímetros de diámetro.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DE POSO
O
día 8 de marzo de 2014, os do noso colectivo localizamos outras
gravuras inéditas no concello. Foi na aba do Pico da Legua, na aldea de
Poso, parroquia do Pando. Trátase dunha pena granítica con nove
cazoletas de entre nove e once centímetros de diámetro e unha
profundidade de entre medio e un centímetro.
O achado comunicámosllo ao
Servizo de Patrimonio en Lugo e ao Concello de Cervantes.
PETROGLIFOS DO TESO DO ACEVEDO
En
Poso, parroquia de O Pando. Localizámolos o día 5 de xuño de 2014
grazas á axuda do amigo José de Vilarín, de Murias (Navia de Suarna).
Atópanse a 1.364 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase de cinco
penas graníticas polas que se distribúen máis de cen coviñas. A maior,
horizontal, duns 15 x 15 metros, ten arredor de medio cento. As medidas
van dende os 4 aos 8 centímetros de diámetro, e unha profundidade que
oscila entre os 0,5 e 2 centímetros.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS NAS INMEDIACIÓNS DO TESO DE ACEVEDO
Os
do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos novos petroglifos no
concello de Cervantes. Foi ao pé do Teso de Acevedo, na parroquia do
Pando, a 1.320 metros de altitude. Sobre unha pena granítica situada
a ras do chan, separadas dous metros entre si, represéntanse dúas
combinacións de tres círculos concéntricos, unha con coviña
central e a outra cun suco que dende o centro parte cara o exterior.
Sitúanse non moi lonxe dunhas pedras con coviñas que documentamos
no ano 2014.
Trátase
das oitavas combinacións de círculos que atopamos no concello.
Datados na Idade do Bronce, hai máis de 4.000 anos, este tipo de
motivos terían un significado simbólico-relixioso de difícil
interpretación: representacións do sol, lugares onde se practicaría
algún tipo de ritual ou máxicos, etc. É a primeira vez que
documentamos dúas combinacións circulares gravadas na mesma pedra,
as que descubrimos con anterioridade atópanse illadas.
Ata
non hai moito tempo críase que os petroglifos, unha das
manifestacións máis peculiares e enigmáticas
da
prehistoria de Galicia, eran inexistentes nas zonas máis montañosas
de Galicia que ocupan a parte oriental das provincias de Lugo e
Ourense.
Dos
varios grupos que levamos descubertos no concello de
Cervantes, catro xa foron catalogados por Patrimonio como BIC (Ben de
Interese Cultural), entre outros os do Pico do Mustallar que, ata o
presente, son os situados a maior altitude de Galicia (1.800 metros);
ata
ese momento
eran os
petroglifos
das
Arcas, a 1.770 metros de altitude, no concello ourensán
de
Manzaneda.
O
90% dos petroglifos que levamos documentado atópanse na única zona
granítica da comarca dos Ancares que só ocupa uns dez quilómetros
cadrados, nun territorio de case 1.000 onde a pedra predominante son
as cuarcitas, calizas e pizarras.
PETROGLIFOS DO CARRILÓN
O
día 30 de abril de 2016, integrantes do noso colectivo localizamos 19
penas con coviñas e dous círculos simples no montes do Carrilón, en
Poso, parroquia do Pando, a 1.300 metros de altitude. As súas dimensións
oscilan entre cinco e dez centímetros de diámetro e unha profundidade
que vai de 0,5 a 1 centímetros. Sitúanse xunto antigos camiños e en
lugares de pastoreo, entre tres correntes de auga.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DO PENEDO GRANDE
O día
18 de outubro de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos
Ancares documentamos uns novos petroglifos no concello de
Cervantes. Foi no Penedo Grande, un monte situado a 1.164 metros de
altitude sobre o nivel do mar, pertencente á aldea de Moreira, na
parroquia de Donís.
Trátase
de catro penas sobre as que se distribúen nove pías e coviñas de
factura claramente artificial, cunhas medidas que van dende os 16 aos
7 centímetros de diámetro e unha profundidade que oscila entre os 6
e 2 centímetros.
Coma
no resto dos petroglifos localizados no municipio de Cervantes, estes
do Penedo Grande caracterízanse tamén por atoparse preto de lugares
adicados dende tempos inmemoriais ao cultivo e ao pastoreo, e preto
de centenarios camiños. Todas as estacións descubertas tamén
posúen a singularidade de ser os que están situados a maior
altitude de Galicia, por riba dos 1.000 metros.
A localización deste petroglifos foi grazas á información achegada por David Mourelo.
PETROGLIFOS DO MONTE GALEGOS
O día 5 de agosto de 2018, en Moreira, na parroquia de Donís (Cervantes), a
1.325 metros de altitude, sobre un aflorametno granítico, documentamos 17
coviñas cunhas medidas que oscilan entre 6 e 2 centímetros de diámetro.
Noutra rocha, situada a uns tres metros da anterior, descubrimos unha combinación de tres círculos concéntricos con coviña central. Chamounos especialmente a atención este último achádego xa que se trata
do primeiro motivo destas características atopado na comarca, todos os
que descubrimos con anterioridade están formados por coviñas e unha
gravura navicular. Ten como base o círculo,
documentándose en Galicia varios tipos. Como no caso das coviñas
trátase dun motivo enigmático, sendo obxecto do variadas
interpretacións: representacións do sol, escudos, ofrendas votivas, etc. En definitiva, terían un significado simbólico-relixioso de difícil interpretación. A súa antigüidade, como no caso das coviñas, pode rondar os 4.000 anos. Coma o resto das coviñas que descubrimos na comarca dos Ancares, estas do Monte Galegos podémolas adscribir á Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DE CAMPO FORMOSO
O
día 25 de febreiro de 2017, integrantes do noso colectivo
localizamos unha nova pena con gravuras.
Nesta ocasión foi no lugar coñecido como Campo Formoso, a uns 1.525
metros de altitude sobre o nivel do mar, debaixo do Pico dos Tres
Bispos (1.798 m) e o Pico das Charcas (1.800 m) e que fan límite coa
provincia de León. Trátase dunha rocha situada nunha campa onde se
ven tres coviñas de 3, 4 e 5 centímetros de diámetro
respectivamente, aliñadas de este a oeste. Nas proximidades nace o
río do Ortigal.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DE GRANDAS LONGAS
O
día 22 de maio de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares
localizamos unha nova estación con petroglifos no concello de
Cervantes. Foi na parroquia do Pando, no monte de Grandas Longas situado
a 1.364 metros de altitude, entre os ríos de Poso e Xunquiñas.
Documentamos dúas rochas cunha cazoleta cada unha, unha con dúas
cazoletas, e unha terceira con oito cazoletas. Esta última ten a
particularidade de que dalgunhas coviñas parte unha canle, e dúas
cazoletas comunícanse entre si. As súas medidas oscilan entre os 5 e 10
centímetros de diámetro e unha profundidade de entre 2 e 4 centímetros.
Este
novo grupo de petroglifos atópase entre os do Teso de Acevedo e o
Penedo Grande, localizados polo noso colectivo nos anos 2014 e 2016
respectivamente.
Os achados foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que proceda á súa catalogación.
PETROGLIFOS DA PENA DOS CAMPUZOS
A principios de novembro, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares
documentamos outro grupo de petroglifos no concello de Cervantes. Foi
no coñecido como monte Penas dos Campuzos, a 1.225 metros de altitude,
pertencente á aldea de Moreira, na parroquia de Donís.
En dúas rochas graníticas horizontais localizamos un círculo con coviña central (quizais teña algún círculo máis pero non se distingue debido á erosión) e un semicírculo do que parte un apéndice ou liña, cazoletas e dúas gravuras que parecen representar as PEGADAS DUNS ANIMAIS UNGULADOS. Son estas últimas insculturas as que máis nos chaman a atención xa que na provincia de Lugo, que nós saibamos, non se leva descuberto ningún petroglifo destas caracteristicas. Non resulta doado saber o significado destas pegadas, quizais vencelladas a representacións naturalistas duns mamíferos que se apoiaban e camiñaban co extremo dos dedos revestidos duns pezuños.
Neste mesmo conxunto aprécianse máis gravados que resultan difíciles de ver por estar moi erosionados. Temos pensado achegarnos ata alí unha noite e, por medio de luz artificial indirecta, saber de que motivos se trata.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DO MONTE BIDUAL
Localizámolos
o día 13 de novembro de 2019. Foi no monte Bidual, entre as aldeas de
Vilarello e Piornedo, parroquia de Donís, a 1.100 metros de altitude. Nunha pena granítica,
arredor dunha pía natural, documentamos dúas combinacións, unha moi
erosionada, de dous e tres círculos concéntricos con coviña central e
tres grupos de coviñas agrupadas de dúas en dúas. Estes petroglifos
podémolos adscribir á Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos.
O achado foi comunicado a Patrimonio para que proceda á súa catalogación.
PETROGLIFOS DE RÍO DE AGUA 1
O día 4 de febreiro de 2020 comunicamos ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia a
localización dun novo grupo de petroglifos no concello de Cervantes.
Foi na paraxe coñecida como Río de Agua, situada a 1.310 metros de
altitude, entre os montes do Pico da Legua e o Teso de Acevedo,
pertencentes á parroquia de O Pando.
No
centro da parte superior dunha pena granítica lixeiramente inclinada,
duns tres metros de longo por dous de ancho, foi gravada unha
combinación de tres círculos concéntricos con coviña central cuxo
círculo exterior ten unhas medidas aproximadas duns 30 centímetros de
diámetro. En dúas esquinas da rocha tamén foron insculpidas dous grupos de dúas e catro cazoletas cunhas medidas que oscilan entre os 3 e 5 centímetros de diámetro.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS DE RÍO DE AGUA 2
O
19 de maio de 2021 documentamos un novo grupo de petroglifos na
parroquia do Pando, a uns 1.300 metros de altitude, entre os montes do
Teso de Acevedo e o Pico da Legua, na paraxe coñecida como Río da Auga.
Nunha pena granítica de 2 por 3 metros, situada a ras do chan,
localizamos unha combinación, bastante erosionada polo paso do tempo, de
dous círculos concéntricos con coviña central, cun diámetro máximo de
25 cm. A uns 600 metros, nun afloramento, descubrimos tres coviñas duns 5
cm de diámetro e un cruciforme. Os achados xa foron postos en
coñecemento de Patrimonio para que procedan á súa catalogación.
O achado foi comunicado a Patrimonio.
PETROGLIFOS NA CABANA DOS ESTREMEÑOS
O
día 15 de febreiro de 2020, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares
documentamos dous novos grupos de petroglifos no Concello de Cervantes.
Foi no sitio coñecido como A Cabana dos Estremeños, situada na Campa de
Piornedo, a 1.550 metros de altitude, aos pés do Pico Mustallar (1.935
metros), en plena Serra dos Ancares.
O
primeiro grupo, do que xa sabiamos dende hai tempo pero que non
trasladaramos a Patrimonio, está formado por 15 coviñas cunhas medidas
de entre 3 e 6 centímetros de diámetro gravadas sobre unha laxe plana. A
uns 100 metros documentamos outro grupo composto por dúas penas, unha
con 2 coviñas duns 5 centímetros de diámetro e a outra con 17 duns 3
centímetros de diámetro.
Aínda
que polo de agora non queremos avanzar conxecturas sobre a antigüidade
destes petroglifos, a non moita distancia, na mesma parroquia de Donís e
na limítrofe de O Pando, temos documentado pedras con círculos
concéntricos, coviñas, podomorfos e un ungulado de clara factura
prehistórica.
Pero
o máis chamativo destes petroglifos é a grande altitude á que foron
gravados o que os fai espectaculares. Ata o presente, só dous superan a
estes: o do Mustallar, que os do noso colectivo localizamos no mes de
novembro de 2015 a 1.800 metros de altitude, que xa foron catalogados
por Patrimonio co código GA27012092, e o das Arcas, no concello ourensán
de Manzaneda, a 1.770 metros.
Outro
dato interesantísimo é o nome do lugar: A Campa dos Estremeños, clara
alusión a unhas persoas naturais da lonxana Estremadura. En efectto,
existe constancia de que ata finais do século XIX, de forma periódica e
bianual, estremeños e casteláns traían ata a Serra dos Ancares os seus
rabaños de cabras e ovellas. Nun documento dun preito do ano 1788 que
nos facilitou don José Fernández, de Murias de Rao en Navia de Suarna,
os habitantes de distintas aldeas da montaña queixáronse ante a xustiza
do uso indebido da campa polos "rebaños trashumantes de la provincia de Extremadura...".
Os achados xa foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.
PETROGLIFOS DE RÍO
O
día 11 de setembro de 2020, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares
documentamos un novo grupo de petroglifos no concello de Cervantes.
No
lugar coñecido como O Río, no límite entre as parroquias de Donís e O
Pando, a 1.200 metros de altitude, localizamos unha pena granítica con
dúas combinacións circulares con dous círculos concéntricos cada unha,
unha con coviña central. A súa descuberta foi posible grazas a un
documento do ano 1768 que cita a Pedra das Amboas situada nas
proximidades do río de Xunquiñas e que foi utilizada como marco de
término. O achado podemos consideralo como casual xa que, atendendo ao
topónimo, buscabamos unha pena con pías a xeito de tinas ou vasillas; de
feito "amboa" era un término utilizado en varias zonas da comarca dos
Ancares para designar un recipiente grande para conter líquidos. Foi
nesta pena con dúas grandes pías onde atopamos as gravuras.
As gravuras están moi erosionadas, de aí que tiveramos que facerlle as fotos ao anoitecer, con luz eléctrica indirecta.
Os achados xa foron comunicados a Patrimonio.
PETROGLIFOS DA REBOLEIRA
Atopámolos
no monte da Reboleira, en Pombeiro, na parroquia de
Castelo. Trátase de tres penas de lousa cun total de cinco coviñas
de distintos tamaños. Ao non estar
asociadas a outros motivos, non nos atrevemos a aventurar unha
cronoloxía aproximada. O día 26 de
febreiro de 2024 comunicámollo a Patrimonio da Xunta de Galicia para
que procedan á súa catalogación.

CASTROS
CASTRO DE SANTA MARÍA DO CASTRO
Preto da aldea de Sabadelle, na parroquia do Castro. A 561 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Habitado
durante un breve espazo de tempo, entre o 50 a. C. e o século II d. C.,
no período de transición do mundo prerromano ao romano. Orientado,
durante a dominación romana, cara á explotación mineira. Foi descuberto
no ano 1994, cando as obras de acondicionamento do acceso á igrexa de
Santa María. Escavado parcialmente nos anos 1995, 1996 e 1999,
localízase nun estreito val de montaña, nun pequeno saínte de ladeira
orixinado polo río Quindous, tributario do Navia. A súa situación na
cunca do Navia, rica en recursos auríferos, explica a existencia do
mesmo castro e a ocupación en época romana o que evidencia a categoría
económica do poboado. Presenta un recinto principal e dous
aterrazamentos polo sector sur, nun único nivel de ocupación. O recinto
superior presenta unha planta de forma ovalada, bastante ben delimitada
no seu perímetro por unha muralla de aterrazamento, realizada na súa
parte norte a modo de parapeito, separada da ladeira por tres liñas de
foxos executados aproveitando a forza hidráulica proporcionada polas
canles de auga que se dirixían cara as minas auríferas próximas. Na zona
sur hai un espazo máis baixo que puido estar adicado a explotacións
agrícolas e gandeiras relacionadas co castro.
A
maior parte das 23 vivendas de uso doméstico que ata o de agora saíron á
luz, moi xuntas para aproveitar o espazo ao máximo, son de planta
redonda, separadas por pequenas rúas enlousadas, canles de desaugue
entre elas, escaleiras, muros de nivelación e de descarga e sistemas de
drenaxe. Nalgunhas casas aínda se poden apreciar restos de muros
revocados e pequenas despensas de pedra, así como os marcos de madeira
das portas. Nunha documentouse a existencia de dous andares, o superior a
modo de faio. Sobre o castro construíuse unha igrexa e un cemiterio
(cristianización dun lugar pagano ou ocupación dun lugar de prestixio) o que provocou a alteración do
asentamento dende a Idade Media.
No ano 1994 tamén se descubriu unha necrópole cristiana, con tumbas de laxas Alto e Baixo Medievais, documentándose 56
enterramentos. Trátase de sepulturas antropomorfas realizadas con pedra
de lousa. Nalgúns casos reutilizáronse parte dos muros das construcións
do castro como paredes das sepulturas; estaban tapadas con grandes
laxas. Algúns corpos atopáronse inhumados con sudario. Nun dos
enterramentos apareceu unha moeda datada entre os séculos XIII-XIV.
Entre
os achados están uns bloques graníticos coa superficie lisa, con
rebordo en resalte e coviñas, que puideron servir para triturar ou
pulverizar algunha materia dura. Durante as escavacións apareceron
muíños, algunhas moedas de época romana, unha folla de coitelo de ferro,
un machado, un martelo e restos de cravos.
No
ano 2006 determinouse a realización dunha actuación en relación coa
mellora e acondicionamento de exteriores e o acceso ao conxunto que
consistiu na limpeza e consolidación puntual das estruturas, a retirada
da escaleira de acceso á igrexa para a construción dunha nova e a
dotación dunha pasarela elevada anexa aos restos arqueolóxicos para
conseguir unha nova visión dos restos.
Nunha actuación no ano 2022 procedeuse á limpeza e consolidación das estruturas. Tamén apareceron os restos dunha muralla.
Ao NO do castro atópase a explotación aurífera de época romana da Viña da Moura.
Nun lateral da igrexa de Santa María pódese ver a escultura dunha cabeza moi desgastada que, posiblemente, foi reaproveitada nunha das moitas remodelacións que sufriu o templo, mais ignoramos a súa procedencia. Presenta unha inscrición ilexible que foi repicada.
Segundo a lenda, debaixo da igrexa hai un túnel que vai dar ao río.
No nº 2 de Galicia Diplomática do ano 1892 recolle que no lugar do Couso un veciño, ao traballar a terra, atopou un pucheiro con 1.300 moedas. Ao comprobar que non eran de ouro nin de prata (eran de cobre) desfíxose delas. O escritor Manuel Castro López conseguiu tres que entregou a un experto para que as datara, asegurando este que eran romanas.
No mes de outubro de 2018, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares e dende a Anpa do CPI de Cervantes solicitamos a súa declaración como Ben de Interese Cultural. O día 20 de decembro saíu unha resolución no DOG da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que, atendendo a nosa solicitue, iniciábanse os trámites para a súa declaración.
No
Consello da Xunta do 10 de outubro de 2019 asinouse o Decreto polo que
se declara como BIC (DOG do 15 de novembro), posteriormente foi publicado
tamén, como ordena a Lei do Patrimonio Histórico Español do 1985, no BOE do 13 de marzo de 2020. Na visita que no mes de outubro de
2019 fixeron o consellerio e os arqueólogos da Dirección Xeral do
Patrimonio falouse dunha primeira intervención para consolidar as
estruturas, acondiconar a contorna e reconstruír o muro que pecha o
adro-cemiterio da igrexa que se levanta no castro. No mes de outubro de
2020 rematáronse os traballos, consolidándose todas e cada unha das
vivendas, fogares, tumbas baixomedievais, o muro que se derrubara...
A principios do ano 2021, a petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a Deputación Provincial de Lugo, por medio da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, cambiou os deteriorados sinais de dirección que anuncian o castro dende o concello de Becerreá ata o mesmo asentamento, mudando tamén a inexacta denominación de Castro de Santa María de Cervantes polo correcto de Santa María do Castro.
DOCUMENTO: FOTOS INÉDITAS DO CASTRO DE SANTA MARÍA
No mes de marzo de 2018,
o amigo Roldán (José Ángel Fernández Revaldería) deu cunhas fotos que
tiña esquecidas. E non é para menos, transcorreran 24 anos dende que as
fixera. Fora
no ano 1994, cando ao anchear o acceso á igrexa parroquial de orixe
románica de Santa María do Castro, unha máquina escavadora topou cuns
muros de lousa. Roldán, que axiña intuíu que aquilo podía ser algo
importante, deu aviso para que se paralizaran os traballos. Así se
fixo.
Aí van as fotos, un importantísimo documento fotográfico, inédito, que non sería posible se a Roldán non se lle dera, naquel lonxano día, pasar polo sitio.
Na
parroquia de Castelo. Monte situado a 627 metros de altitude sobre o
nivel do mar. Na marxe esquerda do río Quindous e a pouco máis de medio
quilómetro do castro de Santa María. Consta dun recinto delimitado por
un muro de aterrazamento. No pé do monte pasaba a infraestrutura
hidráulica dunha explotación mineria de época romana coñecida como Val
das Curuxas. Hai quen cre que o monte Castrillón puído acoller unha garita de vixiancia do castro de Santa María.
Algunha guía fala de que preto deiquí
atopouse unha ara, mais a información non é de todo correcta. De feito,
foi descuberta por don Justiniano Rodríguez nun muro que pechaba unha
finca de don Antonio del Río, en Seixas, aldea
da parroquia de San Román. As últimas noticias que tiñamos sobre ela é
que estaba en poder de don José Antonio García, da Casa da Queitana, en
San Román, feito que confirmamos a principios do mes de xaneiro de 2014 no que don José Antonio tivo a xentileza de amosárnola, alumándonos, ademais, a historia da súa descuberta. En efecto, como sinalamos
máis arriba, a ara formaba parte do peche dunha leira, mais ao parecer
con anterioridade estivera na capela de Santiago (O Noso Señor Santiago,
dicían os veciños), en San Román, e hoxe en día desaparecida (na ermida
tamén se localizou unha pedra onde se podía ler a data de 1081 e o nome
Froyla). É de pedra de granito e mide 76 cm de altura. Trátase dun
prisma rectangular apoiado nunha basa con tres molduras. Na cara
principal mostra a inscrición romana. Na cara menor dereita ten outra
inscrición baixomedieval na que se le: ERA/(M)CXX/FROI/LA PSR/FECI.
A romana foi lida e interpretada, segundo García y Bellido, de modo
pouco crible. Novos informes permiten rectificar a súa lectura deste
xeito: C. VALERIVS/CARVS/MIL. LEG. X./V. S. L M. É dicir: Caius Valerius Carus miles Legionis Decimae.
Estaría datada no século I d. C. Trataríase dun soldado indíxena
romanizado; como se sabe, os habitantes dos castros foron incorporados
ao exército despois da conquista o que serviría para debilitar a
capacidade de rebelión das poboacións indíxenas.
O día 5 de xuño de 2014, cando a vimos por primeira vez, a ara estaba no baixo dunha casa, con caixas de mazás por riba e xunto un saleiro que estaba a deteriorar a pedra. Dende aquelas pedímoslle aos donos, infrutuosamente, que a donara ao Museo, ademais de que mentres a colocaran noutra parte, lonxe do sal e da humidade. O día 6 de febreiro de 2016, cando acompañamos ao profesor da Universidade de Alicante, Abascal Palazón, vímola de novo, a ara estaba a mellor recaudo, colocada sobre unha base de madeira nunha esquina do salón da casa.
Parroquia de Cereixedo. A aldea é citada nun documento do mosteiro de Samos no ano 1091: "in Castello de Frs, cella integra". No ano 1262, os frades de Carracedo do Bierzo posuían herdades en Castello de Fratibus. No ano 1310 é nomeado como Castello de Frades.
Hai quen sitúa aquí un castro e un castelo, mais polo de agora non
existen datos escritos nin arqueolóxicos que confirmen tal teoría.
Quizais a confusión veña dada porque no catálogo de Bens de Interese
Cultural (BIC) si figura unha inexistente fortaleza.
Na parroquia de Cereixedo. A 815 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre o río da Vara e o regueiro Castelo de Frades.
Érguese
sobre un esporón encaixado nunha depresión montañosa formada polas
correntes de auga citadas. Polo leste, a parte menos protexida,
escaváronse cinco foxos consecutivos en cuxas zonas intermedias
obsérvanse derrubes de muros que poderían estar relacionados co acceso
ao castro.
Segundo
a lenda, un bo día chegaron os mouros a Cela para apoderarse da aldea,
mais os habitantes fixéronlles fronte e conseguiron expulsalos para o
lugar onde logo construíron o castro.
A COROA DO COTO
Situado
nun pequeno saínte da cara oeste da ladeira do monte Ricobo, na Veiga
do Seixo, na parroquia de Cereixedo, que domina parte da cabeceira do
río Cancelada. Ten un só recinto de forma ovalada, bastante ben
delimitado polo pronunciamento do terreo no sector norte e oeste, sendo
máis accesible polos lados leste e sur. No se aprecian construcións de
foxos nin parapeitos.
O CASTRO DE CORNEANTES
Entre
as aldeas de Corneantes, parroquia de Donís, e Olmos, na parroquia de
Vilaquinte, a uns 550 metros de altitude sobre o nivel do mar e a unha
distancia aproximada de ambos os dous lugares duns 400 metros en liña
recta.
O
xacemento atópase encaixado na depresión que forma o río Ser, nun
pequeno meandro. Conta cun recinto tirando a oval, bastante ben
delimitado polo pronunciamento do terreo no sector norte, sur e oeste,
sendo a parte máis accesible polo leste. Na actualiade non se observan
estruturas defensivas, só o que semella un foxo. Non moi lonxe érguense
as capelas de Santiago (Corneantes) e San Pedro (Olmos).
A
surpresa levámola cando nos contaron que xunto a ermida de Corneantes
apareceran unhas tumbas ao ampliar a estrada local que discorre ao seu
carón. Un dos veciños, armado de petola, rascou no muro de terra e, en
efecto, alí apareceron os restos dun dos enterramentos construído con
lousas. Dixéronnos que saíran á luz varias tumbas e que no seu interior había esqueletos humanos completos. Cando lle preguntamos
se tiñan coñecemento de quen as fixeran, non o dubidaron: foran feitas
polos celtas! Mais todo apunta a enterramentos medievais.
E unha lenda. Nas proximidades do castro hai un lugar coñecido como A Franxoeira ou A Franxueira, un terreo pino e pedroso que cae cara o río Ser. Dicíase que aí se xuntaban co demo as bruxas da zona.
TESO DO CASTRO ou CHAO DO CASTRO
En O Chao, parroquia de Dorna. A pouco
máis de 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado a uns
300 metros da aldea, érguese sobre o río Quindous que no lugar coñecen
como de Dorna. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 150
metros no eixo máis longo e de 100 metros no menor. Está ben delimitado
pola disposición do terreo e unha muralla de contención. Polo oeste
obsérvase unha muralla-parapeito. Romanizado.
Uns veciños contáronnos
que, segundo a tradición, no século XIX había xente que vivía no
recinto polo que non se pode desbotar que reaproveitaran, ao menos
parcialmente, os restos das primitivas vivendas castrexas; de feito, o
veciño de máis idade aínda lembraba ter visto restos dos muros.
Ao
castro precédeo o lugar coñecido como A Corola do Castro, un terreo
hoxe en día adicado a cultivo se ben non se aprecian restos de
estruturas, quizais achandadas polos labores agrícolas que se
desenvolveron no lugar ao longo do tempo; sería por aquí por onde se
accedería ao recinto.
CASTRO DE DRADA
Na
parroquia de A Ribeira. Situado nun esporón que domina un tramo da
bacia baixa do río Ser, cun desnivel de pouco máis de dez metros sobre o
cauce do río. Presenta numerosos afloramentos rochosos. Polo leste
vense tres foxos consecutivos. Entre os foxos unhas estruturas a base de
muros quizais relacionados coa entrada ao recinto. A continuación do
último foxo levantouse un muro de contención. O punto máis alto atópase
rematado por unha torre de considerables porporcions que completa o
sistema defensivo. Polo norte está delimitado de forma natural por medio
dun afloramento, reforzado por un parapeito ou muralla. Na parte sur e
oeste está delimitado mediante aterrazamentos e a disposición do terreo
que dotan o castro dun certo espazo interior. Romanizado.
A COROA DO CASTRO
Entre Padornelo e Valgos, na parroquia de A Ribeira. Sobre
o regueiro de Valgos. Castro romanizado. Consta dun único recinto
tirando a circular de pequenas dimensións. Polo oeste tiña un foxo
ocupado actualmente por unha pista. Detrás do foxo, ao comezo do
asentamento, hai unha especie de muralla escalonada.
Unha veciña
orixinaria de O Padornelo e que na actualidade vive en Lugo, de 76 anos
de idade, contounos que de nena, cando ía co gando, víanse unhas estruturas pétreas e que un seu avó lle dicía que eran sepulturas.
CASTRO DE VILARTATÍN
En Vilartatín, na parroquia de A Ribeira. Todas as persoas consultadas negaron a existencia dun castro en terras da aldea, a única referencia da que dispoñemos é a do inventario publicado no Diario Oficial de Galicia do 12 de xullo de 1991.
CASTRO DA BARCIA
Na
parroquia de San Tomé de Cancelada. Situado na parte alta da ladeira
leste da Serra da Treitoira, nunha zona onde se aprecia unha pequena
ruptura da pendente que foi acondicionada como hábitat. Consta dun recinto case circular delimitado por un terraplén de aterrazamento. Alterado por unha torreta de alta tensión.
OS CASTROS DE DUMIA
En
Dumia, na parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Situado na ladeira sur
da Serra da Cortella. Ten un recinto principal con dous aterrazamento
pola parte oeste. O sistema defensivo está formado por unha sucesión de
foxos e caballóns. Tralo último foxo ten un reforzo na muralla.
Romanizado. Obsérvanse actuacións furtivas.
CASTRO DO TESO DA VELLA ou PENA DOS MOUROS
Na
parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Situado no remate dunha dorsal en
forma de saínte que domina a desembocadura do río Cancelada. Consta dun
recinto principal de forma tirando a ovalada. Polo nordeste obsérvase
un profundo foxo que separa o castro dos terreos máis elevados.
Romanizado, atópase por riba da Vía Romana XIX.
Unha vella fiaba fíos de ouro que despois colgaba dos carballos.
CASTRO DE PENA TALLADA ou de SANTA CATARINA
Na
aldea do Fabal, no lugar coñecido como a Reboleira de Pena Tallada e
Santa Catarina, na parroquia de Vilasante. A 628 metros de altitude
sobre o nivel do mar.
Segundo
información achegada por Tito Fernández de Témez, o castro, logo
romanizado, foi cristianizado coa construción dunha capela posta baixo a
advocación de Santa Catarina; a imaxe foi trasladada á capela do Pazo
do Fabal no ano 1726, ao seren derrubada a primitiva ermida.
A
Pena Tallada, cunha fenda de máis de 15 metros de altura e que segundo a
tradición foi cortada polos primitivos moradores, protexe o castro polo
N-L, a xeito de gran defensa natural. Unha serie de aterrazamentos
distribuén o seu espazo. Protexido por varios foxos e parapeitos. Atopeamos
o que semella a soleira dunha porta, cun burato onde iría o couzón que a
faría xirar. Dende o castro divísase todo o val fluvial dende a Serra
de San Pedro ata o Monte Redondo, por riba de Santo Tomé e o val do
regueiro do Pontorrón.
Segundo
a lenda existe un túnel polo que baixaban os mouros ata o río para que
bebesen as cabalarías e para fuxir eles mesmos cando había liortas;
abaixo no río hai un gran barcal feito na pena para que bebesen sen ser
vistos.
Para acceder ao castro dende O Fabal hai que cruzar o fermoso río das Casas por unhas pontellas de madeira. Xunto
a segunda pontella podemos admirar un impoñente muíño e unha pequena
seimeira, e logo seguir o costento camiño que, despois duns 400 metros
de percorrido, nos leva ata o cume. O carballo é a árbore dominante. O Concello ten habilitada unha ruta de sendeirismo.
CASTRO DO CHAO DO MUÍÑO
Situado
nun pequeno meandro do regueiro de Riamonte, na cabeceira do río
Cancelada, na parroquia de Vilarello. Presenta un único recinto de forma
ovalada, resultado dos traballos mineiros que orixinaron un foxo de
considerables dimensións e que separa o asentamento da ladeira. Polo
leste ten un terraplén. Romanizado. Obsérvanse intervencións furtivas.
Mámoas, petroglifos e castros do concello de Cervantes
A descrición dos xacementos e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
As imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN
© Colectivo Patrimonio dos Ancares