CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA
* A deusa Navia. * O Castro do Cantón. * Castro de Cabanela. * O Castro dos Vilares. * O Chao do Castro. * O Castro de Folgueiras. * As Covas de Castañedo. * A Cova dos Mouros. * Un diluvio sobre a aldea de Penamil. * Emperadores, homes pequenos e Santas fuxidías en Coea. * O Ano Novo. * Os arresponsadores e as arresponsadoras. * A capela de Coro. * Capela de Ventosa. * Igrexa de Vilarpandín. * A Grova de Lamocas. * O Castiñeiro das Cruces. * O Marco do Mouro. * O Marco de Xunquiñas. * A Pena do Corvo. * A Pena Castelo. * A Pena Furada. * A Pena de Murias. * Pena da Muller. * A Pena dos Mouros. * A Pena da Penoa. * A Pena Redonda. * As Penas do Reloxo do Sol. * O Penamarela. * O mel. * O millo. * Ferrarías. * As pesqueiras. * O Trasno. * O Trasno do Choco. * O Busgoso. * O Pozo do Inferno. * O tesouro do Barbeito de Caselas. * O tesouro de Cantorcia. * O tesouro de Molmeán. * Doncos, Torés e Navia en documentos dos ss. VII e XII. * O meigallo. * Remedio contra a "caída da paletilla e a espinilla". * O entroido. * A Fonte de don Ángel. * A palloza. * As brañas. * O hórreo. * A lareira. * Os camiños. * A Casa da Fábrica. * O batán. * O viño. * A feira. * O noivado e o casamento. * O matrimonio. * Unha historia de Álvaro Cunqueiro en Navia de Suarna. * Manuel e o lobo. * Selo do Concello de Navia de Suarna (1876). * Busca dun guerrilleiro antifranquista no cemiterio de Rao. * Dúas vinganzas. * O topónimo Galegos. * Aldea de Arcón. * Aldea de Barcia. * Aldea de Coro. * Aldea de Embernallas. * Aldea de Pin. * Aldea de Rao. * Aldeas de Rao, Robledo e Son. * Aldea de Savane. * Aldea de Vilarantón. * Aldea de Vilarpandín. * A Pobra de Navia. * A Ponte Vella. * Pontellas e pontigóns. * A Porta de Lugo. * Porto Vello da Madalena de Ancares. * Cando a Pobra de Navia estivo a piques de seren asulagada. * Multado por liberar un lobo en Pan do Zarco. * Os bloques de cemento do castelo da Proba de Navia. * O hórreo máis alto do mundo. * Un escribán de Galegos en América no ano 1766. * Un mesón no Porto de Ancares no 1799.
A DEUSA NAVIA
É
unha das deidades galaicas mellor testemuñadas na epigrafía. Era a
deusa dos ríos e da auga. Os ríos Navia e Navea, en Galicia, e o Neiva,
en Braga, foron bautizados co seu nome. Para Blanca García
Fernández-Albalat (1990), o vencello de Navia cos ríos explicaríase a
partires da concepción céltica da auga como elemento característico do
acceso ao Alén a través da auga. tamén está considerada como deusa
facilitadora da Natureza, das augas, das fontes e dos ríos, e tamén dos
bosques.
O CASTRO DO CANTÓN
Na
parroquia de Cabanela. Uns veciños contáronnos que a mediados dos anos
cincoenta do pasado século XX apareceu un anel de ouro. Pola mesma época
chegou ao castro un descoñecido que durante varios días escavou en
distintos lugares do asentamento; canda el traía un libro, disque
escrito en portugués, que sinalaba a ubicación dun tesouro. O home
desapareceu un día, descoñecéndose se atopou o que buscaba. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
CASTRO DE CABANELA
Na parroquia de Cabanela.
Situado
a 500 metros de distancia do castro do Cantón. Un veciño de Cabanela,
que leva máis de cincoenta anos en Cataluña, contounos que cando era
pequeno ía con outros nenos a xogar a un acubillo que había no castro.
Nunha das paredes había escritas unhas letras que destruíu un home de
Galegos cunha maza porque dicía que era a chave para atopar un tesouro, e
non quería que ninguén o atopara, só el que escribira as letras nunha
folla. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O CASTRO DOS VILARES
Situado nas proximidades da aldea dos Vilares, na parroquia de Barcia. Disque no castro hai agochado un tesouro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O CHAO DO CASTRO
En Busto, parroquia de Cabanela. Contan os veciños que hai unha fonte que agocha un tesouro, mais, polo de agora, ninguén o atopou.
O CASTRO DE FOLGUEIRAS
Henrique Fernández-Mon Sánchez, da Pobra de Navia, contounos que unha súa avoa escoitara falar dunha moura que, en días bretemosos, se lle aparecía a uns pastores no castro. Dicíalles: "Vádevos nebras, levantade o cu das pedras". Outras veces os pastores escapaban berrando: "Vámonos, levantouse a preguiza pra salvar a Galiza". Conta Henrique que sempre lle chamou a atención que dixera Galiza, foi a primeira a quen llo escoitou na Pobra de Navia.
AS COVAS DE CASTAÑEDO
Na
parroquia de Castañedo están estas covas das que se conta a seguinte
lenda. Do lugar de Río de Piñeira desapareceu unha nena sen que ninguén
soubese como. Ao cumprírense sete anos, os veciños sentiron o cantar
dunha moza. Viña do lado das Covas de Castañedo, e dicía:
"Rapaciñas
de Río de Piñeira/siete moritos me tienen eiquí;/hace siete años, tengo
siete hijos,/todos son muy guapos,/todos están alrededor de mi". Fórona buscar e trouxérona para a casa. Dos fillos e dos "moritos" non se sabe que foi deles. (Recollida da páxina de Galicia Encantada).
AS COVAS DOS MOUROS
Na parroquia de Castañedo. Segundo Elías Valiña Sampedro, sinalaban o paso dos mouros e ao pasadizo de Mazaira e Bullán.
UN DILUVIO SOBRE A ALDEA DE PENAMIL
A
aldea de Penamil atópase a uns 470 metros de altitude, case no cume
dunha pequena montaña dende onde se divisa unha engaiolante panorámica.
Na mesma aldea, sobre un pequeno curuto, hai un castro moi humanizado
por construcións e usos posteriores, entre outras a igrexa, o cemiterio,
casas, camiños, etc. Do antigo castro aínda se poden ver as moreas de croios que formaban parte da muralla que o protexía.
Mais esas pedras, segundo a lenda, non foron levadas alí polos
primitivos moradores, senón por causas naturais. Dise que hai milleiros
de anos o lugar foi asulagado por un terrible diluvio, foi tanta a
choiva que caeu que o río Navia, que discorre cen metros máis abaixo,
subiu tanto o seu caudal que arrastrou ata Penamil as pedras que hoxe en
día se poden ver esparexidas polo castro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
EMPERADORES, HOMES PEQUENOS E SANTAS FUXIDÍAS EN COEA
Coea,
na parroquia de Castañedo, é o núcleo de poboación situado máis ao
norte do concello de Navia de Suarna. A aldea está encaixada na
depresión do río Navia que polo este fai fronteira co municipio de Ibias
(Asturias), limitando polo norte co río Suarna que a separa do concello
da Fonsagrada. Para chegar en turismo hai que pasar forzosamente por
territorio asturiano, ou por Valdeferreiros ou pola ponte da Muria.
Segundo
algúns autores, en Coea está a orixe do emperador romano Teodosio I o
Grande (347-395). Mediante o edicto de Tesalónica (380), fixo do cristinismo a relixión oficial do Imperio, prohibindo a adoración pública dos deuses paganos. Se
ben é certo que a maior parte dos investigadores sitúan o seu nacemento
en Coca (Segovia), non faltan quen o trasladen para Galicia. Benito
Vicetto, na súa Historia de Galicia (1880-1882), identifica Coca con San Salvador de Coea, en Castro de Rei (no verán de 2020, ao facer unha escavación para montar unha torreta eléctrica, saíron á luz unha serie de estruturas correspondentes a unha vila romana, aparecendo os muros de varias estancias, tellas dos teitos, algunhas case intactas, a base dunha cheminea construída en pedra e columnas de ladrillo de gran perfección e escouras de ferro; o sitio chámase Os Escouredos. Está ubicada nunha planicie moi fértil a poucos centos de metros da desembocadura do río Azúmara no Miño. Podería estar datada entre os século II-III d. C.). Mais Amor Meilán, en Geografía General del Reino de Galicia (1928), inclínase pola Coea de Navia de Suarna. Máis adiante, o que
fora cronista oficial de Viveiro, Donapetry Iribarnegaray, en Historia de Vivero y su concejo (1953), citando a Murguía, di que nacería á beira do mar, quizais en Viveiro (a "Cauca vivariense").
Non moi lonxe da aldea está o lugar coñecido como O Canto. Contounos un veciño que cando hai anos estaba a arar a terra, o arado quedou enganchado nunha pedra. Cando procedía a retirala, comprobou que se trataba dunhas tumbas feitas con laxes en cuxo interior había esqueletos humanos.
Preto do anterior está o Canto dos Meatos ou Melatos. Dixéronnos que chamaban así aos antigos moradores da zona que eran de raza pequena. Nas inmediacións había unha fonte que utilizaban para beber e para lavarse. Só como conxectura,
o nome pode facer alusión a un lugar onde recluían aos leprosos
(malatos), o cemiterio de O Canto estaría destinado a enterrar aos
enfermos que ían morrendo.
Na mesma zona está o monte da Madanela. Disque recibe o nome porque no lugar apareceu a imaxe da Madanela, a seguidora de Xesús, que os veciños trasladaron para a aldea, o que non apracía á santa que sempre regresaba para o sitio onde a atoparan, e así unha e outra vez. Deixou de facelo cando lle construíron a capela que está baixo o padroado de Santa Lucía.
O ANO NOVO
Enchegado o primeiro día do ano, en Murias de Rao (Navia de Suarna) tíñase o costume de saír as máscaras anunciando o novo tempo que viña co Entroido.
OS ARRESPONSADORES E AS ARRESPONSADORAS
Os
arresponsadores e as arresponsadoras recitan unha serie de oracións
ao Santo Antonio que axudan a recobrar a saúde, atopar persoas, animais
e obxectos perdidos, alonxar o mal e, tamén, predicen o porvir. Corría o
día quince ou dezaseis do mes de xullo do ano 1936 cando ducias de
veciños e veciñas dos concellos de Becerreá e Navia de Suarna viron
como, á atardecida, uns "regos de sangue" cruzaban o ceo. A
xente, confundida, comezou a preguntarse que sería aquel inusual
fenómeno. A resposta deulla un arresponsador: A non tardar, un grave
acontecemento ía traer a desgraza e o sufrimento a todo o país. Uns días
despois, o 18 de xullo, gran parte do exército levantouse en armas
contra o goberno lexítimo da República. Comezaba a Guerra
Civil. Os "regos de sangue" foron vistos, cando menos, nas parroquias do
Cereixal (Becerreá) e de Rao (Navia de Suarna). Xa coa guerra en
marcha, un avó da nosa informante caeu ferido na fronte de
Zaragoza. Como é de supoñer, as noticias, por mor da situación, ademais
de chegar tarde non eran de todo fiables. Para saber o estado do ferido,
a familia recorreu a un arresponsador que, despois de recitar unha
xaculatoria ao Santo Antonio de Padua, díxolles que o ser querido estaba
vivo e que pronto estaría preto da casa. En efecto, de alí a uns días
trasladáronno para un hospital da cidade de Lugo, onde se recuperou.
Á
figura do arresponsador adicou un amplo estudo o profesor Lisón Tolosana
no seu Perfiles simbólico-morales de la cultura gallega (1974).
Di que predominan as xentes de idade avanzada, poden presentar algunha
peculiaridade física ou social (coxeira, pobreza, viuvez...), son
persoas profundamente relixiosas. Unha das xaculatorias máis extendidas é
a seguinte: "Se buscas milagres, mira/morte e erro desterrados/miseria e
demo fuxidos/leprosos e enfermos sans./O mar sosega a súa ira/redímense
encarcerados/membros e bens perdidos/recobran mozos e anciáns./O perigo
retírase/os pobres van remediados/cóntenno os socorridos/díganno os
paduanos./O mar sosega a súa ira/redímense encarcerados/membros e bens
perdidos/recobran mozos e anciáns./Gloria ao Pai, gloria ao Fillo/gloria
ao Espírito Santo./Prega a Cristo por nós/Antonio diviño e santo/para
que digamos así/das túas promesas sexamos". En Eixibrón, durante a
novena ao Santo Antonio, líase un parágrafo cada día, e ao final a
oración completa. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A CAPELA DE CORO
Atópase no camiño que vai cara a Braña
de Vilarpandín. Cóntase que a imaxe de Santa Mariña baixaba dende alí
ata o seu actual emprazamento ata que os veciños lle construíron a
ermida. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
CAPELA DE VENTOSA
A súa campá, ao tanxer, alonxaba as treboadas. A ermida xa non se conserva. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
IGREXA DE VILARPANDÍN
Segundo a lenda, as súas campás alonxan os lóstregos. Acaroado á igrexa érguese un fenomenal pradairo citado no catálogo de Árbores senlleiras de Galicia.
A GROBA DE LAMOCAS
Lugar de Murias de Rao. Dise que no lugar houbo unha igrexa da que non quedan restos.
O CASTIÑEIRO DAS CRUCES
O
Castiñeiro das Cruces atópase en Rao. Era costume cravar unha cruz de
madeira neste castiñeiro cando pasaba un enterro polo camiño da igrexa.
Na actualidade atópase inzado pola edra (que non estaría de máis
recuperar). Segundo nos achegou Clodio González Pérez, etnógrafo e
historiador, entre Murias e Robledo, na baixada cara o río Balouta,
había outro castiñeiro adicado ao mesmo fin. E outro máis entre Meda e
Rao. Segundo sinala González
Reboredo, márcase simbolicamente a saída do defunto da súa comunidade
camiño do universo máis extenso da parroquia.
O MARCO DO MOURO
En Murias de Rao. Lémbrase que había un pau no pico máis alto das Valiñas que servía como orientación á xente durante as nevaradas. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O MARCO DE XUNQUIÑAS
Atópase
á beira da pista asfaltada que vai dende a Braña do Pandozarco ata o
límite coa provincia de León. Aínda que na cartografía oficial consta
como Marco de Xunquiñas ou do Pozo, os veciños, tanto de Murias
(Rao-Navia de Suarna), Poso (O Pando-Cervantes) e de Balouta e Suárbol,
na provincia de León, coñécenno como Marco do Camín ou de Xunquiñas
(este último topónimo dá nome a un monte e a un regueiro). Mais a esta
denominación xeral hai que facer un engadido xa que algúns habitantes de
Poso tamén se refiren a el como Marco de Xunquiñas ou de Poso, de aí
que o cualificativo de "Pozo" sexa unha deturpación do nome da aldea.
Trátase dun
monolito de granito que sobresae do chan 1,55 metros que delimita o
monte da Cespedosa, en Cervantes, e o monte de Murias, en Navia de
Suarna, e polo tanto os dous concellos galegos.
Como
confirmación de que o nome que figura na cartografía está errado,
ademais das testemuñas dos veciños, podemos botar man da documentación
escrita. José Fernández, de Murias,
facilitounos unha escritura datada no ano 1788 (rexistrada no ano 1838)
que fala do Marco de Xunquiñas, tal como xa o reflectían os
Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1752. Por outra banda, O
Marco do Pozo (quizais lle deba o nome ao sitio coñecido como Pozo do
Tesouro) delimita na actualidade as provincias de Lugo e de León, mais
ata non hai moito marcaba as lindes das aldeas de Poso e Moreira
(Cervantes), Murias (Navia de Suarna) e Suárbol, xa en León. Este
primitivo fito de granito desapareceu, sendo substituído por outro de
cemento.
O Marco de Xunquiñas leva anos anunciando un couto de caza: "Coto N. de Caza" por unha cara, e "Coto de Caza LU 1022_" pola outra, a pesares de estaren prohibido pola Lei.
A PENA DO CORVO
Na
Pena do Corvo había un furado debaixo dunha ouriceira. Dicían que o
lugar agochaba unha cociña de ouro. Ao chegar alí había que dar cunha
pucha ou cun pano e dicir: "Toma a miña pobreza e dáme a túa riqueza".
Abríase o chan que levaba a outro furado onde lle cavaban o ouro ao que
só tiñan acceso os veciños de Barcia. Xentes doutras aldeas veciñas,
ciumentas, armáronse un día con chapos e fouzos para coller a cociña.
Enterados os de Barcia, agocháronse no lugar e cando os usurpadores
encomezaron a cavar, berraron os de Barcia: "Covardes, baixai, que hai
carne fresca". Os outros asustáronse, tiraron as ferramentas e fuxiron.
Os de Barcia saíron do escondedoiro e levaron para eles as ferramentas.
(Recollida por alumnos do CPI "Dr. Daniel Monge de Navia de Suarna).
A PENA CASTELO
Atópase na parroquia de Rao (Navia de Suarna), nun rochedo situado a 793 metros de altitude. A simple vista non se aprecian restos de ningunha estrutura defensiva.
Contáronnos
que nun momento non precisado da Idade Media, o castelo que alí se
levantaba foi asaltado e destruído, disque o lugar onde os atacantes
emprazaron os canóns quedou ermo para sempre pola gran cantidade de
pólvora utilizada para derruílo, que por queimar queimou ata as pedras.
Tamén se asegura que a media ladeira do monte hai unha cova que vai dar ao río. E está a serpe... O señor Nemesio, de Laxo, contounos que xunto o río, ao pé da Pena Castelo,
hai varias penedas que non chaman máis a atención que outras moitas que
hai pola contorna. Mais hai unha, lambida pola auga, que posúe unha
característica que a fai distinta: ten gravada unha serpe. Entre
os veciños corría a historia de que alí había un tesouro, mais, a
pesares das horas gastadas na súa procura, ninguén daba con el. En
tempos dun seu bisavó, un verán de mediados do século XIX, a seca fixo
que o río Rao minguara o seu caudal ata límites nunca vistos, feito que
aproveitou un home da aldea para examinar de cerca a Pena da Serpe. A rocha, ademais da gravura, non amosaba, a simple vista, ningún elemento que denunciara algún indicio que levara ao devecido tesouro. Cando, farto, se dispoñía a abandonar o empeño, notou que algo se movía baixo os seus pés. Mirou cara o chan e observou que
estaba apoiado sobre unha lousa perfectamente cadrada, feitura, cavilou
o home, na que pouco tiña que ver a acción da natureza. Levantou a
lousa, colleu o sacho que levaba canda el e comezou a cavar na branda
terra que, para que non lle estorbara, ía bourando ao río. O corazón
deulle un volco cando, despois de varias horas de inútil esforzo, o
sacho petou con algo duro. Mais a esperanza axiña se esvaeu, non se
trataba dun deses arcóns dos que falaban as lendas, era, simplemente,
unha dura rocha imposible de fender. A noite botábase
enrriba cando, desanimado, entrou na súa casa. Canso, puxo as botas
xunto a lareira e sentou nun banco. Coa mirada fixa no lume, pensou como
se deixara enganar por un fato de andrómenas: os tesouros, simplemente, non existían. A quen se lle ía ocorrer agochar un tesouro en Laxo? Unhas cousas brillantes tintinearon
sobre as botas. Muxicas que viñan do lume? Ergueuse, non fose que
aviveceran e llas quimaran, os tempos non estaban para tirar cos cartos.
Inclinouse para collelas, e así quedou, como entalecido. Co resplandor da lareira, as botas adquiriron tal brillo que semellaban de ouro. Ouro? Sen pensalo dúas veces,
colleu o sacho, un saco e un candil e regresou á Pena da Serpe. Foi, ao
enfocar o profundo burato que fixera, cando se decatou de todo, a lousa que actuaba de tampa cubría unha arca de pedra. De xeonllos, frotou a arca coas mans que, ao achegalas ao candil, refulxían tanto que case o cegaban: a terra, que con tanto afán guindara para o río, non era terra, era ouro! Sábese, rematou o señor Nemesio, que o home conseguiu recuperar algún po de ouro que vendeu por dezasete mil reás.
A PENA FURADA
Na parroquia de Son, case no límite coa de Folgueiras, e a uns 400 metros do castro de Folgueiras. Ten dúas cavidades que semellan cabezas. Segundo a lenda, alí agochábanse os mouros. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PENA DE MURIAS
Trátase
dun colosal penedo de paredes de lousa negra, con covas na base.
Ao parecer eiquí houbo unha explotación mineira de época romana. Se ben
hai algunhas lendas cuxos protagonistas son os mouros (disque que
agochan un carro e dous xugos de ouro), ou un burato que se se tira unha
pedra soa como se tocase en metal, a de máis sona entre os veciños (que
teñen por unha historia real) aconteceu durante as Guerras Carlistas do
século XIX. Cóntase que cando unha partida carlista fuxía das forzas
liberais, e por medo a que estas se apoderaran do tesouro que levaban,
decidiron agochalo na Pena de Murias. A pesares de que foron moitos os
forasteiros que o buscaron, endexamais lograron dar con el. Tamén
andiveron na súa procura os veciños, mais, ata o de agora, sen éxito.
Iso si, saben que non está lonxe de onde buscan e que, máis tarde ou
máis cedo, ha aparecer. Esa seguridade dánlla dúas referencias que, ao
parecer, deixaron os carlistas por se algunha vez tiñan que volver a
buscalo. Dise que o tesouro está no único lugar da pena dende onde se
divisa o campanario da igrexa de Rao. Desta pena tamén falan Xosé Manuel
González Reboredo e Xaquín Rodríguez Campos no súa Antropoloxía y etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares
(1990) onde recollen que os mouros viviron na Pena de Murias bastante
tempo e para evitalos os veciños tiñan que arrodear por Pandozarco. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
PENA DA MULLER
Situada
entre Embernallas e Muñís. Dise que en tempos das Cruzadas, unha nai
coa súa filla dirixíanse, a pé, cara Embernallas. Nun momento dado, a
filla detívose xunto unha pena onde estaba o demo. A nai, que ía por
diante, e farta de que a filla non acelerara o paso, díxolle: "Se foses
pedra, camiñarías máis apresa". Nese intre, o demo converteu á moza
nunha pena. Outra
versión conta o que segue: Dúas mulleres de Embernallas, nai e filla,
ían á misa a Muñís. Ao pasar por Rigueiro decatáronse de que esqueceran
na casa un bolo que lle ofreceran ao santo. Entón, a nai pídelle á filla
que volva por el, mais a filla negouse. A nai, encabuxada, largoulle:
"Ogallá te convertas en pedra!". Cando a nai volvía co bolo, no lugar
onde tiña que estar agardando a rapaza había unha pena coa forma do seu
corpo. Agora no sitio xa non existe a pena, tiráronna cando fixeron unha
pista que vai a Embernallas. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PENA DOS MOUROS
En Robledo de Son. Debaixo da pena os mouros agocharon un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PENA DA PENOA
Nas inmediación do castro de Robledo atópase a coñecida como a Penoa, unha pena pola que se guiaban os de Robledo para calcular que hora era cando o sol, ao poñerse, daba nela. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PENA REDONDA
En Robledo de Rao. A 945 metros de altitude sobre o nivel do mar. Cóntase que na pena os mouros custodiaban un tesouro. Dise que eiquí se agochaba, despois da Guerra Civil, un fuxido e que pola noite a súa muller leváballe de comer. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
AS PENAS DO RELOXO DO SOL
Atópanse
a media ladeira dun formidable teso que se eleva a 1.456 metros de
altitude sobre o nivel do mar. As penas do reloxo do sol
sitúanse na ladeira que dá cara o, ata non hai moitos anos, asentamento
temporal da Braña do Pandozarco.
Trátase de dúas enormes pedras de xisto, paralelas entre si, que eran
utilizadas polos veciños para saber a hora, que se calculaba dependendo
de onde o sol pousara os seus raios. Cando a sombra se apoderaba do
sitio, sabían que non tardaría en "botarse a noite", polo que procedían a
recoller o gando para metelo nas cortes, e eles nas casas. Non moi
lonxe, a 1.234 metros de altitude, érguese un pico que tamén toma o nome
do astro rei: O Pico do Sol. No ano 2010, nas súas proximidades localizouse
un campamento temporal de época romana, levantado, seguramente, durante
as coñecidas como "Guerras Astúr-Cántabro-Galaicas" (29-19 a.C.), evidencias que botan
polo chan as teorías de que o actual territorio de Galicia foi un paseo
militar para as tropas do Imperio. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

O PENAMARELA
Polo lugar discorre un camiño histórico que aparece documentado no século XVIII, no mapa de Tomás López (1777) e que, a pesares da súa imprecisión, obsérvase o seu trazado. Mellor se observa no plano de Francisco Coello (1870) que segue o mesmo itinerario que a pista actual. Di a canción que nos achegou Abilio Fernández Barrero: "Arriba Pico de Surcio, abaixo Penamarela, máis arriba está Valouta, Deus nos libre desa terra".
O MEL
O primeiro documento onde figuran as colmeas de varias freguesías do concello de Navia de Suarna data do ano 1749. Segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII o núemero de colmeas do municipio sumaban case 3.300, só Rao contaba con 758.

O MILLO
Segundo recolle Xaquín Lorenzo Fernández no seu A Terra (1982), polos traballos de Bouza Brey sabemos que o primeiro millo chegou a Galicia no ano 1604, traído polo almirante Gonzalo de Castro e a súa muller Madalena de Luaces. Trouxéronno en dúas arcas polo menos; unha perdeuse no século XIX, mais a outra consérvase en Casariego (Asturias), de onde era o almirante. Este gran veu de Florida e el sementouno na súa terra mentres a muller facía o mesmo en Mondoñedo, a súa patria. Sábese que o millo xa se cultivaba no ano 1749 nas parroquias de Galegos, A Pobra de Navia e Rao. En Penamil está o lugar do Maiseiro, clara alusión a un terreo cuberto de millo.

FERRARÍAS
Segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, o de ferreiro era uns dos oficios que máis abundaban na xurisdición, habíá ferrarías en Barcia, Mosteiro, Pin, A Pobra e Rao.
AS PESQUEIRAS
Unha pesqueira é unha presa formada para levar a auga fóra da canle do río para efectuar alí a pesca con redes. En virtude de Real Provisión da Audiencia da Coruña de 1611, a petición do conde de Altamira, dono de todos os bens do territorio do actual concello de Navia de Suarna, faise apeo da vila e da súa fortaleza, e dos pozos e pesqueiras, entre outros, que ten na xurisdición.
O TRASNO
Trasno deriva do latín trans gradi,
ir máis alá ou cometer unha infracción. O trasno ou trasgo é unha
especie de demo invisible, coñecido tamén como diaño pero distinto ao
demo, e nunca tan maligno. Acostuma andar de noite polos bosques e
camiños que é cando pon en práctica as trasnadas argalladas polo día.
Existe un truco para librarse del que consiste en deixarlle unha boa
presa de grans de millo; como non sabe contar máis de cen, cando chega a
esta cifra ten que encomezar de novo, e así manterse ocupado. Isolina e
Segundo, un matrimonio de Coro, parroquia de Rao, contáronnos que unha
súa cuñada saíu ao anoitecer en busca dunha vaca que se lle perdera. A
muller, como non podía ser doutro xeito, encomezou a chamar á vaca polo
seu nome: "Marela, Marela". Cal foi a súa sorpresa cando ao pouco
escoitou: "aivou, aivou". Outra persoa que xa entrada a noite regresaba a
Coro dende Rao, escoitou ao lonxe: "araboiara, araboiara". En ambos os
dous casos, aseguran, fora o trasno para amedoñalos. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O TRASNO DO CHOCO
Vive
nos montes de Cervantes e Navia de Suarna. Imita o son dos chocallos
das vacas extraviadas, e fai que o dono o persiga a el en lugar de
atopar a súa vaca. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O BUSGOSO
O
Busgoso é o gardían dos bosques. Defende aos animais é e cruel cos
cazadores e coas mulleres, ás que persegue para violalas. Non ocorre o
mesmo cos camiñantes aos que axuda se se perden nunha fraga. Contan que
unha vez estaba unha velliña soutando castañas no Penedo da Forca cando
sentiu unha voz a bradar: "Vaite ao monte, vella, non me soutes as
castañas!". A muller non fixo caso. Axiña apareceu o Busgoso e matouna,
pendurándoa dunha forca. De aí vén o nome do lugar coñecido como O
Penedo da Forca no que, anos despois, apareceron unhas zocas e unha arca
que ninguén soubo de quen era. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O POZO DO INFERNO
A
carón da aldea de Vallo pasa o río Ser con moita forza e ten un pozo
moi profundo. Chámanlle O Pozo do Inferno dende un día que pasou por alí
un home con vacas e ovellas; o home chegou ao río e esvarou, e canda el
foron parar ao pozo unha vaca e unha ovella. Tamén se conta que neste
pozo caeu un can e cando todos contaban que afogara resulta que, ao cabo
dunha semana, sentírono ouvear por debaixo do Chao de Vilarín. Postos a
investigar como fora posible, descubriron que entre o Pozo do Inferno e O
Chao de Vilarín hai unha cova moi longa. (Recollida da páxina de Galicia Encantada).
O TESOURO DO BARBEITO DE CASELAS
O
Barbeito de Caselas está situado na parroquia de Savane. Un veciño
contounos que nun manancial que mana dunha pena que hai no lugar estaba
agochado un xugo do que colgaba un caldeiro con moedas. Xugo, caldeiro
e moedas eran de ouro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O TESOURO DE CANTORCIA
Cantorcia
é unha aldea de Savane. Un veciño contounos que preto da aldea había unha grande e antiga nogueira. Un bo día, o propietario
decidiu arrincala. Cal foi a súa sorpresa cando debaixo das raíces había
un pucheiro cheo de po de ouro. Mais a alegría pouco lle durou, o
pucheiro partiu e o ouro foi arrastrado por un regueiro que discorre
polo lugar. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
O TESOURO DE MOLMEÁN
Un
veciño de Cereixedo contounos que entre Pando e Deva hai unha especie de
sima onde hai tres olas: unha con ouro, outra con prata e a terceira
con alcatrán. Quen as atope, se abre as dúas primeiras farase rico, mais
se abre a de alcatrán estoupará todo. Dise que na parede da sima vense
coma uns chanzos esculpidos na rocha para baixar. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
DONCOS, TORÉS E NAVIA EN DOCUMENTOS DOS SS. VII E XII
A Hitación ou División atribuída
ao rei visigodo Wamba (reinou entre o 672 e o 680) é un texto que
revelaba os límites das dióceses durante a época visigoda. Existe
controversia canto á súa autenticidade pero foi recoñecido como
verdadeiro, e dende fins do século XII foi integrado no Liber Itacii (atribuído a Pelagio, bispo de Oviedo entre o 1101 e o 1130), utilizándose para deseñar o mapa eclesiástico. Cando fala da demarcación do Bispado de León, lese: "...infra fines terrae Galliciae, Tria Castilla, Turturas, Dauntiis, Castellatum et Naviam".
Saltemos agora uns centos de anos, ata o último cuarto do século XII, cando aparece a Chronica Naierensis.
Recibe o nome porque foi composta no mosteiro de Santa María a Real de
Nájera (A Rioxa). Escrita en latín, narra unha historia universal
comprendida dende a Creación, pasando pola antigüidade clásica e a
Hispania Visigoda, ata os reinos peninsulares da época. Lese: "Infra fines Egam, Galletie, Tria Castella, Vrtures, Dauncus, Cancellata et Naviam".
Vexamos agora o que di a Estoria de España, de Afonso X o Sabio (coñecida na edición de Menéndez Pidal como Primera Crónica General), que abrangue dende as orixes bíblicas ata a historia de Castela baixo Fernando III: "De la otra part, en terra de Gallizia tenga estos quatro castiellos: Tortores, Dantineus, Cancelada et Navia".
Na División de Wamba, identifícanse claramente Galicia (Galliciae), Triacastela (Tria Castilla), Castelo (Castellatum), Cancelada e Navia (Naviam). Máis problemático resultan os nomes Turturas e Dauntiis
que algúns autores identifican con Tortoreos e Dadín. O primeiro é unha
parroquia do concello das Neves, e o segundo atopámolo como parroquia
do Irixo e como aldeas de Meaño e Sanxenxo que, sobra aclarar, non pertencían á demarcación de León.
Na Chronica Naierensis, Egam é un nome de difícil interpretación, pero identifícanse claramente Galicia (Galletie), Triacastela (Tria Castella), Cancelada (Cancellata) e Navia (Naviam).
A Chronica influíu na historiografía posterior, entre outros no Liber regum, anónimo, e na Estoria. Esta última ofrece uns datos valiosos que poden axudar a solucionar o problema ao facer mención a catro castelos, xa que se aplicamos o principio de proximidade, dende Triacastela pasaría por Doncos (Dauntiis, Dauncus, Dantineus), por Cancelada (Becerreá ou Cervantes), Torés (Turturas -quizais de tur-tures, torre-, Vrtures, Tortores que se situaría entre os dous anteriores), e finalmente Navia de Suarna.
Na División faise mención a Castellatum. O topónimo Castelo témolo nas Nogais onde hai un castro. Tamén nunha aldea de Becerreá. E no concello de Cervantes está Castelo de Frades, citado nun documento de Samos do ano 1091 ("in Castelo de Frs, cella integra"); o Teso do Castelo en Airoá, un máis que probable castelo roqueiro onde se conservan restos de muros e onde localizamos, entre outros, unha moeda de época romana; e Castelo de Cais, Castel de Canes no 1275.
Cancelada témolo nos tres documentos, topónimo que se localiza nos concellos de Becerreá e Cervantes, se ben a referencia máis antiga refírese ao mosteiro de San Salvador de Cancelada (non atopado, pero que probablemente se erguería na zona comprendida entre San Tomé de Cancelada e O Mosteiro, en Cervantes) nunha licenza do papa Alexandre III ao bispo de Lugo, Xoán, para construír unha igrexa e un mosteiro no lugar de Cancelada.
Do anterior dedúcese o seguinte: os castelos de Doncos, Torés e A Pobra de Navia foron erixidos, ao menos, no século XII, unha cuestión que non é menor xa que a torre de Doncos adoita datarse no século XIV-XV, e o castelo de Torés no XV (hai autores que levan a orixe a mediados do século VIII). A torre de Altamira, en Navia de Suarna, é citada en documentos do século XI, cando Rodrigo Gutierre entrega a fortaleza como dote á súa muller Senior.
Pero tampouco cabe desbotar a posibilidade de que xa existiran en época do rei Wamba.
O MEIGALLO
En Aigas de Rao, durante o Entroido, nenos e nenas percorrían as terras con
fachos para alonxar o meigallo (González Reboredo e Rodríguez Campos,
1990).
REMEDIO CONTRA A "CAÍDA DA PALETILLA E A ESPINILLA"
A
espiña dorsal ou "espinilla", chamada tamén espiña, trátase dun
conxunto de vértebras dispostas en fileira e unidas entre si que forman o
cixo do esqueleto e sosteñen o corpo humano. Pola contra, co nome de
"paletilla", tamén chamada paleta, é cada un dos ósos planos que articulan
o brazo co ombro. Esta enfermidade consiste no dislocamento dalgún óso e
caída das vísceras que provoca unha malformación que se pode comprobar
de modo popular do seguinte xeito: Déitase á persoa no chan coas pernas
estiradas e xuntas, tendo en conta que os pés estean xuntos tamén, e se
xuntan os brazos por detrás da cabeza. Se as palmas das mans ao xuntarse
quedan a distinto nivel é que hai esta enfermidade. Na parroquia de San
Pedro de Cervantes sentaban ao enfermo nunha cadeira, igualábanlle as
pernas e levantábanlle os brazos, tirando deles cara arriba ata que as
mans quedaban ao mesmo nivel. Logo era necesario repouso e xantar bos
alimentos. Para finalizar o ritual, outra persoa dáballe unhas masaxes e
mencionaba as seguintes palabras que tería que repetir durante cinco
días seguidos: "Refrégoche os ósos/de arriba ata abaixo/e ao cabo duns
días/a dor dos ósos/irache pasando".
O ENTROIDO
En
Coro e Robledo os mozos acostumaban a disfrazarse, e
armados con fachuzos acesos ían ata o límite da parroquia para marcar a
territorialidade aos seus veciños.
A FONTE DE DON ÁNGEL
Situada
preto da Braña do Pandozarco. Din que no lugar había unha antiga
capela da que non quedan restos. Cóntase que as imaxes foron a parar a
unha casa de Balouta. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).
A PALLOZA
En Galicia, estas edificacións concéntranse, maioritariamente, na comarca galega dos Ancares, co concello de Cervantes á cabeza. No ano 1984, o arquitecto
Pedro de Llano catalogou nos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá,
Cervantes, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro 300
pallozas das que 50 aínda estaban habitadas e o resto dedicadas a cortes ou palleiras. Os primeiros traballos acerca das pallozas na comarca dos Ancares foron publicados no Boletín da Real Academia Galega no mes de novembro de 1913 e no mes de abril de 1914, estudos que levan por título Las Casas del Cebrero e Origen y antigüedad de las pallozas del Cebreiro.
Canto á forma redonda existen varias teorías. Vicente Risco fala da "tendencia inconsciente do construtor". Caro Baroja, xa dun xeito máis científico, atribúeo a unha evolución das primitivas cabanas do Neolítico construídas con materiais perecedoiros, tese da que participa José María Luengo, engadindo que perviviron durante a Idade do Bronce, chegando a entroncar coa cultura céltica do Noroeste peninsular. Na mesma liña están, entre outros, Boch Gimpera e García y Bellido que defenden que a palloza é unha evolución da casa redonda presente nos nosos castros. Ángel del Castillo, que nun principio compartía a orixe celta, mudou logo de opinión dicindo que non existían probas concluíntes xa que a construción circular con muros baixos e grandes teitos é unha característica dos pobos que existiron en distintas partes de Europa.
Por
último, como anécdota, Eugenio de Salazar, un madrileño que exerceu de
xuíz e fiscal en Galicia entre os anos 1559 e 1560, deixou escrito que
os habitantes dos Ancares "Viven en casas redondas porque, para que quepa la ruindad de sus moradores, la figura redonda es la más capaz...".
AS BRAÑAS
As
brañas eran poboados temporais considerados como construcións estables a
onde se trasladaban parte da familia para o
aproveitamento dos prados, sementar o gran e logo a recolleita. Deste
xeito, nas aldeas situadas a unha altitude media, parte da familia ía
cara a braña que se atopaba en zonas moito máis altas, permanecendo alí
dende finais da primavera ata principios do outono. As brañas apareceron
como consecuencia da escaseza de terras nos estreitos vales do
municipio. A primeira mención documental das brañas do municipio de
Navia de Suarna data do ano 1611, onde o conde de Altamira recibía un
queixo ou un real por cada cabana, e un dezmo de leite a igrexa de Rao. A
importancia que tiveron as brañas na economía maniféstase na de Xestoso
que chegou a ter capela, posta baixo o padroado de Santa Ana, e festa.
O HÓRREO
Moitos cren que os hórreos, horros,
son herdeiros das palafitas prehistóricas. Ademais de como despensa, en
moitos lugares dos Ancares utilizábanno para depositar os corpos dos
defuntos mentres non se celebraba o enterro. Ademais de teren espazo
suficiente, era un lugar limpo e onde os ratos non podían chegar.
A LAREIRA
No
espazo ocupado pola lareira, en ausencia doutro lugar
axeitado, utilizábase para instalar nela ao moribundo. O cura entraba
acompañado dos veciños do pobo portando velas cando lle subminstraba a
Extrema Unción.
OS CAMIÑOS
No Mapa Geográfico del Reyno de Galicia
de Tomás López (1784), a vía de comunicación máis importante que
cruzaba o municipio de Navia de Suarna era unha desviación que ía de
Lugo á Fonsagrada. No 1804, Lucas Labrada escribía: "No concello de
Navia de Suarna asegura a xustiza que case todos os camiños son
intransitables". A primeira obra que fai referencia ás comunicacións de
cada parroquia e ao seu estado é o Diccionario de P. Madoz,
publicado entre os anos 1845 e 1850, onde sinala que todos os camiños
locais son malos e están mal coidados. Situación que non mudara a
principios do século XX tal como testemuña Amor Meilán na súa obra Geografía General del Reyno de Galicia:
"A capital do concello, por toda vía de comunicación ten un tramo (29
km) entre Becerreá e A Pobra de Navia. Coa Fonsagrada, a capital do
partido, únea un mal camiño de carro, torto e difícil, de 28
quilómetros. E nada máis".
A CASA DA FÁBRICA
Estaba
en Murias de Rao. Chamada así porque nela funcionou unha fábrica de
manteiga ata o ano 1871. Os arrieiros transportábanna en barricas ata o
porto de Ribadeo.
O BATÁN
Segundo o Castastro de Ensenada, no concello só había dous batáns, un en Ribón e outro en Son.

O VIÑO
Aínda que na actualiade a produción vitivinícola no concello é case insignificante, a mediados do século XVIII había viñas en Barcia, Freixís, Galegos, Mosteiro, A Pobra de Navia, Queizán, Rao... As
primeiras noticias sobre a produción de viño na zona datan do 13 de
febreiro do ano 1505, cando o conde de Altamira aforou polo terzo de
viño e o cuarto dos grans varios bens en Queizán.
A FEIRA
O
día 8 de abril do ano 1881, o Concello de Navia de Suarna aprobou unha
proposta encamiñada a crear unha feira estable en Rao debido á
importancia da súa cabana gandeira, iniciativa que non chegou a
consolidarse. No ano 1932, os veciños solicitaron a restauración da
mesma pero a petición non saíu adiante.
O NOIVADO E O CASAMENTO
Aínda que semelle que o que achegamos a continuación en torno ao casamento na comarca dos Ancares vén de tempos ancestrais, nunca máis lonxe da realidade, ata ben entrado o século XX o noivado e o casamento tiñan unhas peculiaridades que nada teñen que ver coas actuais.
Nun
bo número de casos, o patriarca da casa era o que elixía con quen debía
casar o fillo (casamento de trato). Se o pai non se arreglaba co pai
dela canto á dote, non había matrimonio. Polo xeral, o pai falaba co
fillo e co pai da futura noiva o mesmo día. Se había acordo, ao pouco
tempo celebrábase a voda. Había veces que a voda tiña lugar case dun día
para o outro porque a filla tiña noivo e cumpría facer as cousas a présa e ás agochadas, incluso a media noite, sen amonestacións,
para evitar liortas. Un lugar para tratar do casamento era na feira,
mentres se comía o polbo e se bebía o viño.
Nunha
ocasión un de Piornedo foi co seu fillo a Degrada a pidir en matrimonio a unha moza. A
casa do pai era rica en gando e buscaba a aquela rapaza porque tamén a
súa casa era forte en gando vacún. O fillo, o primeiro que fixo ao
chegar á casa da pretendida, en vez de ver a ela, foi ir á corte a ver as vacas e os bois. Á
moza non lle gustou aquilo e díxolle que se casara cos bois e coas
vacas. Non se casaron. Isto aconteceu a mediados dos anos sesenta do
pasado século XX.
En
Vilarello uns pais decidiron casar ao primoxénito cunha moza, pero
esta ao enterarse dixo que se casaría co segundo fillo porque era máis
guapo e gustáballe máis. Os pais aceptaron entón millorar ao segundo
para traer á moza para a casa porque era rica. Mais mentres isto
acontece, o fillo elixido pola rapaza morreu, e esta non se quixo casar
co máis vello. A "millora" era un sistema de herencias que concedía ao primoxénito ou primoxénita a maior parte do patrimonio familiar.
Os fillos e fillas podían ter as noivas e os noivos que
quixeran, mais unha vez arranxada a dote quedaban desprazados polos
elixidos polos pais.
A celebración da voda viña precedida polos "concertos" ou capitulacións nas que interviñan os pais. Chegado o día da cerimonia, o noivo ía para a casa da súa futura, acompañado polo pai desta ou persoa achegada da familia, e noutros casos só polo padriño e convidados. Ao aproximarse á porta da casa da noiva, o máis dilixente dos mozos elixidos
para formar o cortexo disparaba un tiro ao aire, e colocándose á
entrada da casa non deixaba entrar nela a ninguén ata que lle entregaran
a "rosca" que gañara por ese feito. Xa no interior, saudábanse e o
padriño ofrecía cigarros ao pai da noiva e outros dous a cada home dos
que alí se atopaban. Logo saían, o padriño diante sempre, logo a madriña, a noiva e o seu séquito, e detrás o noivo e o seu. Regresaban na mesma orde, e no domicilio da recén casada xantaban. Concluída a comida marchaban todos á casa do noivo, onde ceaban.
Veciños e veciñas tamén se implicaban no casamento. Se na aldea había capela, era eiquí onde se celebraba a voda á que asistía toda a veciñanza. Cando o
cura preguntaba se había impedimento toda a xente dicía: "Non, non
señor, pódense casar". Ao remate da cerimonia agradecíase a súa presenza con pequenos obsequios.
En
Donís era onde se celebraban as vodas das aldeas da parroquia. Noivos,
familiares, invitados e padriños, adobiados coas mellores galas, eran
recibidos pola xente ao pasar polo camiño cara a igrexa; as mozas tocábanlle o tambor e cantaban. Co nome de loias coñécense os cantares que os veciños dedicaban aos desposados... se ben en Navia de Suarna denomínanse cantares de voda ou cantar o rosco.
Se a muller daba a luz, as amigas facíanlle unha visita, agasallándoa
con cestas con manteiga, ovos, moletes de pan e chocolate. O padriño do
neno ou nena regaláballe viño, atención que a madriña correspondía con outros obsequios ademais do regalo de "rúbrica" que consistía en tres camisas, tres calzóns e tres pares de calcetíns.
O MATRIMONIO
"O
matrimonio afecta á esfera particular de cada casa... pero no mesmo
tamén se ve implicada a comunidade en tanto que os contraíntes mudan a
residencia e de status. Un primeiro síntoma desta implicación
maniféstase na actitude dos mozos dun pobo cara un alleo que cortexa a
unha muller. A presenza dun estrano soía dar lugar a unha reacción
defensiva que podía presentar un aspecto violento, aínda que o normal
era que se reducira a esixir unha compensación ao mozo intruso a cambio
de permitirlle o cortexo (pagar a bebida, por exemplo). Unha vez superado
o noviazgo, é no cerimonial de voda onde se reflicte intensamente a
implicación da comunidade no proceso. Se nos últimos tempos a decadencia
das capelas do pobo é evidente, non acontecía así ata os anos
cincoenta, época na que esta era o marco usual do rito nupcial. Cando o
cura preguntaba se había impedimento toda a xente dicía: "Non, non
señor, pódense casar". Era, polo tanto, o conxunto da veciñanza a que
afirmaba coa súa presenza na capela e manifestación verbal a
oportunidade do enlace, expresando deste xeito a súa aceptación da nova
alizanza selada na cerimonia. A cambio delo os veciños recibían pequenos
obsequios que serven de compensación a este recoñecemento colectivo.
Dentro da ritualidade das nupcias resulta significativa a recepción da
comitiva no pobo onde o novo matrimonio fixa a súa residencia,
xeralmente no do varón. Co nome de loias coñécense os cantares que os veciños dedican aos desposados... se ben en Navia de Suarna denomiánse cantares de voda ou cantar o rosco.
Seguidamente, a xente, especialmente as mozas, entoaban os cantares. A
canción entoada polas mozas é o primeiro paso da integración ritual da
noiva na súa nova casa e moitas veces na súa nova comunidade. (González
Reboredo e Rodríguez Campos, 1990).
UNHA HISTORIA DE ÁLVARO CUNQUEIRO EN NAVIA DE SUARNA
Traemos eiquí unha breve narración sacada da Escola de menciñeiros de Álvaro Cunqueiro (1976), titulada Xil da Ribeira. Non achegamos a narración completa, só a parte adicada a un persoeiro de Navia de Suarna.
O
bisavó de Xil fora curandeiro, e tamén seu pai, e a súa avoa e a nai,
parteiras. Manuel Xil era natural de Ribeira de Piquín, e herdara, nos
Xiles da Ribeira, o talento médico. Sempre que podía, estudaba o enfermo
ao aire libre, baixo un enorme paraugas que tiña, xa porque chovese, xa
porque sopraba o nordés, xa porque facía sol. Xil sentábase nunha pedra
ou nun pequeno banquiño, e o enfermo tombábase no chan. Xil era
especialista en quitarlle aos enfermos o que se chama volverse a suor,
que é suar en frío, perder peso, perder a cor, e sentir entrar no corpo
unha canseira que chegaba á alma. Xil preparaba as medicinas con
herbas, e non cobraba. Mais estaba en contra do leite: "Se o leite fose
necesario para o ser humano, estariamos mamando toda a vida. Un xato
deixa de mamar, e pásase á herba e non volve a mamar. Un zorro deixa de
mamar, un coello deixa de mamar... Hai que seguir o natural". Afastando o
leite da dieta, Xil receitaba queixos curados, xamón, viño quente, viño
doce, baños e as esencias, que así chamaba a súas herbas.
Xil
tamén era xastre de enfermos. Ía a ver a un, e dicíalle á familia que
nada había que facer, que o enfermo íase, e preguntaba se tiña traxe
novo, e se non o tiña, Xil ía a Lugo, Vilalba ou Mondoñedo, mercaba un
corte tirando a escuro, e facía o traxe, que somente se poría o enfermo
cando chegase a defunto. Algúns enfermos animábanse algo ao ver a Xil
facerlles o traxe novo. A chaqueta era de sete botóns e non tiña petos.
Un
tal Moure, de Navia de Suarna, un pequeno fraco, ao que segundo Xil as
súas grandes orellas lle viñan dun susto que lle dera o lobo unha tarde
na que, sendo neno, perdérase nunha fraga, e despois non tomaba o sono,
que todo se lle volvía espías se saía o lobo das tebras. Este Moure
sandou cando xa estaba despachado de todo, e gastou o traxe que lle
fixera Xil, e as xentes, nas feiras e festas, pedíanlle permiso para
tocarlle as costas, e levaban os pais aos nenos para que acariñaran a
chaqueta de Moure. Antes de ir a comer o polbo, Moure sentábase na feira
nun lugar onde puidese ser visitado e tocado polos que el, sorrindo,
iso que era máis ben adusto, chamaba os seus clientes. Poñíase á espera,
tendo a súa égua do cabestro, na feira. Se non había clientes, pregaba
aos coñecidos que lle tocasen a chaqueta: "Por respecto a Xil, home!".
Xil
morreu saíndo da casa da súa irmá propiamente para morrer. Xustamente
era un corenta de maio e afeitárase aquela mañá. "Dentro dunha hora,
dixéralle á irmá, ídesme a buscar a traédesme á casa sentado nunha
cadeira".

MANUEL E O LOBO
A lenda débese a don José Rodríguez Santalla, natural de A Lagúa (Asturias), gaiteiro homenaxeado o día 18 de agosto de 2012 na III Festa da Gaita celebrada en Quintá de Cancelada (Becerreá).
Hai
moitos anos había un gaiteiro de nome Manuel González (naceu no ano
1870 e morreu no 1930), natural de A Lagúa (Asturias), poboación
lindeira con Marcelín, en Navia de Suarna. Nunha ocasión, e
xa moi entrada a noite, regresaba Manuel para a casa, camiñando polo
monte despois de tocar nunha festa en Marcelín. Cando tiña o camiño
medio percorrido, parouse a liar un cigarro, mais, cando foi a acendelo,
a chama do misto alumeou a varios lobos situados case ao seu carón. Os
lobos, sorprendidos pola chama, recuaron un chisco. O gaiteiro,
medoñento, aproveitou para erguerse e liscar do lugar, acendendo un
misto tras outro ata que se lle acabaron. Sen lume, os lobos axiña se
envalentoaron. Xa en plena fuxida, Manuel tivo que saltar un muro, mais,
como era noite pecha, non calculou ben e caeu ao chan. E foi iso o que
lle salvou a vida. Ao caer apertou por casualidade o fole da gaita e,
aínda que case non quedaba aire dentro, o roncón fixo un ruído estrano
que asustou aos seus perseguidores. Manuel, que axiña se apercebeu da
reacción dos lobos, dixo: "Ai si? Pois se por causa da gaita é, de gaita
heivos encher". Desta maneira seguiu tocando o resto do camiño ata
poñerse a salvo. Cóntase que os lobos e outros animais lle teñen moito
medo ao son da gaita.
SELO CO CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA (1876)
BUSCA DUN GUERRILLEIRO ANTIFRANQUISTA NO CEMITERIO DE RAO
Segundo noticia aparecida en La Voz de Galicia
o día 5 de decembro de 2014, a Asociación pola Recuperación da Memoria
Histórica buscou no antigo cemiterio de Rao, co permiso do Bispado de Lugo, o
corpo do guerrilleiro do Bierzo Salvador Voces Canóniga, morto nun
encontro coa garda civil o día 13 de outubro de 1948. Voces formaba
parte dun grupo antifranquista no que tamén estaban dous irmáns,
naturais do municipio de Cacabelos, coñecidos como Os Picafiegas,
todos mortos de forma violenta. Salvador formaba parte da guerrilla
antifranquista dende o ano 1937. O
bispado de Lugo xa lle concedeu o permiso á asociación para que poidan
buscar a fosa anómima na que se cre foi enterrado o guerrilleiro no
antigo cemiterio, hoxe en día clausurado. Chama a atención que esta actuación se levara a cabo grazas ás achegas do sindicato noruegués O&IT Forbundet, que reúne a traballadores do sector da enerxía, as telecomunicacións e os enxeñeiros eléctricos.
DÚAS VINGANZAS
O
mestre José María Coira Sanjurjo (Begonte, 1908 - Lugo, 1977) centrou
os seus estudos na Terra Chá, sobre todo nos terreos da heráldica e a
xenealoxía, o que non o impediu que percorrera a provincia de Lugo na
procura de novos datos. No Arquivo Histórico de Lugo consérvanse unhas notas
mecanografadas e manuscritas inéditas sobre historias que recollía nas
súas andainas, entre outras unha acontecida no concello de Navia de
Suarna. Descoñecemos en que ano ocorreron estes sucesos, don José María
non o reflicte.
A continuación, transcribimos textualmente este curto pero interesante relato.
"Dos venganzas:
Cuentan
los vecinos del lugar de Mera, de la parroquia de Barcia, en Navia de
Suarna, que a causa de un pleito entre dos casas de este lugar, la de
Rivera y la de Córdoba, aquellos, por venganza de éstes, metieron un
cáliz en un montón de estiércol que tenían los de Córdoba junto a su
casa, y luego los denunciaron por robo sacrílego. Encontrado allí el
cáliz por los agentes de la autoridad, fueron castigados por sacrílegos
ladrones. Pasado algún tiempo los Córdobas apuñalaron en el vientre a
dos bueyes que los Riveras tenían en unha cuadra sin que se les pudiera
probar tal hecho, realizado en venganza del anterior: dos bajas pasiones
satisfechas".
O TOPÓNIMO GALEGOS
Nome
que recibe unha parroquia do municipio de Navia de Suarna. Con este
nome que serve para identificar aos habitantes de Galicia, tamén se
denominaba aos "cristiáns vellos" e que despois se converteu en topónimo
tal como se explica na Genealogía Sarracenorum do século XII.
Cristián vello ou cristián puro é un concepto ideolóxico que pretendía
designar a un segmento da poboación da Península Ibérica, a partir do
século XV, que supoñía a "limpeza de sangue" para distinguirse dos
conversos. Malia o anterior, pode derivar do nome da deusa-nai céltica
da fertilidade e da guerra Cal-leach; o termo os viría do goidélico oes que quere dicir "fillos de, xente de"; Galegos serían, entón, os fillos da deusa nai.
ALDEA DE ARCÓN
Na parroquia de Son. O 2o de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e dde Guntroda Númez, entre outras Archaon integra (Arcón).
ALDEA DE BARCIA
Segundo a documentación, a mediados do século XVIII, os condes de Altamira, por dereito de foro, quedábanse con tres cuartas partes das rendas dos veciños de Barcia.
ALDEA DE CORO
Na parroquia de Rao. A xente de Coro tiña fama de gustar dos preitos, de aí o refrán: "De Coro, trece veciños e catorce avogados". (González Reboredo e Rodríguez Campos, 1990).
ALDEA DE EMBERNALLAS
Na parroquia de Muñís. O 20 de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras Hibernalias (Embernallas).
ALDEA DE PIN
Segundo o Diccionario de Madoz (1845), Pin era de clima temperado e sasn, de terreo crebado e moi fértil. O camiño cara a Pobra de Navia estaba mal coidado e o correo recibíae tres veces por semana.
ALDEA DE RAO
No mes de febreiro do ano 1823 produciuse un enfrontamento entre tropas carlistas e realistas. O día 8 de abril de 1881, o Concello aprobou unha proposta encamiñada a crear unha feira estable en Rao debido á importancia da súa cabana gandeira, iniciativa que non chegou a consolidarse; no ano 1932 os veciños solicitaron a restauración da mesma pero a petición non saíu adiante.
ALDEAS DE ROBLEDO DE RAO E ROBLEDO DE SON
O 20 de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras Ruouoretos ambos integra, alusión aos dos Robledo.
ALDEA DE SAVANE
Resulta chamativo o dato fornecido polo Castastro de Ensenada de mediados do século XVIII, onde os dezaoito veciñós leigos de Savane eran fidalgos, a escala máis baixa da nobreza.
ALDEA DE VILARANTÓN
No século XVIII, os condes de Altamira, por dereito de foro, quedábanse coa metade das rendas dos veciños de Vilarantón.
ALDEA DE VILARPANDÍN
No ano 1754 fíxose beneficio de Vilarpandín, dado polo Provisor de Oviedo, en virtude de presentación da condesa de Altamira, como curadora do seu villo, o conde Lope, a Pedro Fernández Clérigo, cura de Cabanela, unindo os dous beneficios de por vida.

A POBRA DE NAVIA
Resulta curioso o dato ofrecido polo Castastro de Ensenada de mediados do século XVIII, onde a freguesía da Pobra de Navia contaba con catorce fidalgos (membros da baixa nobreza) e unha viúva nobre fronte a tres labregos, dous ferreiros, tres zapateiros e un xastre. No Archivo General de Simancas, no século XVI documéntase unha feira en que se vendían, mercaban ou cambiaban, entre outras cousas, viño, gando, panos e quincalla.
A PONTE VELLA
Na Pobra de Navia, salva o río Navia, medieval dos séculos XIII ou XIV. Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, provincia de Lugo, atribúea a época romana, o mesmo que Sebastián de Miñano no seu Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal (1827). Ata mediados do século XVIII, para cruzala había que pagar o pontádego que, segundo o Catastro de Ensenada lle producía ao conde de Altamira 88 reás de vellón ao ano.
PONTELLAS E PONTIGÓNS
A mediados do século XIX, o Diccionario Madoz cita unha ponte de madeira na parroquia de Mosteiro. Segundo Amor Meilán, nas Casas do Río, Entrambasvías, Faquís, Penamil, Penasinceira, Río de Pé e Robledo había pontellas de madeira, e na estrada de Becerreá á Pobra de Navia de pedra dun só arco. Había outras dúas de pedra sobre o regueiro Corveira, e tamén é de pedra a de Barcia, contruída no ano 1914.
A PORTA DE LUGO
En Murias de Rao. Recibe o nome un paso practicado, semella que artificialmente, na rocha.
PORTO VELLO DA MADALENA DE ANCARES
Non moi lonxe do límite coa provincia de León. No lugar había unha Virxe que os veciños baixaron para Murias. Nun antigo documento dise que nese outeiro hai un moxón "perpétuo e inmutable.

CANDO A PROBA DE NAVIA ESTIVO A PIQUES DE SEREN ASULAGADA
Despois de máis de medio século, o proxecto de encoro sobre o
río Navia quedou, por fin, en augas de fregar. No ano 1951, na época álxida da
ditadura franquista, outorgarase a concesión a Hidroeléctrica del Cantábrico
e a Electra de Viesgo, que no 1963 foi modificada e convertida no
proxecto do Gran Suarna. O encoro deixaba baixo as augas unha ampla
superficie que na parte galega afectaba aos concellos de A Fonsagrada e Navia de
Suarna, incluída a capital municipal deste último. Durante décadas a
contestación social prendeu na veciñanza, paralizando a compra de terras e a
construción o que non impediu que as zonas afectadas sufriran un irreversible
despoboamento. O comezo da fin deste latrocinio veu da man do Congreso dos
Deputados no ano 2011 quen a proposta do BNG aprobou por unanimidade instar ao
goberno a non permitir novos aproveitamentos eléctricos. Xa no ano 2010 o
Tribunal Supremo determinara que o último proxecto da empresa non era legal ao
carecer do estudo de impacto ambiental.


MULTADO POR LIBERAR UN LOBO EN PAN DO ZARCO
Nunha noticia de El Pueblo Gallego do mes de xullo de 1978 fala da multa imposta a un home por liberar un lobo en Pan do Zarco.
OS BLOQUES DE CEMENTO DO CASTELO DA PROBA DE NAVIA
Corría o ano 1954 cando dende Asturias chegou á Proba de Navia a Virxe de Covadonga, quizais para reivindicar a pertenza á diócese de Oviedo do concello de Navia de Suarna (ese mesmo ano, en cumprimento do acordado no concordato do 27 de agosto de 1953 entre a Santa Se e o Goberno español, para axustar na medida do posible os lindes das dióceses ás das provincias civís, pasou á de Lugo).
Cando a procesión percorría a vila para conmemorar o
acontecemento, o sobriño do cura propietario, subido na parte máis alta da fortaleza, comezou a botar os foguetes. Pero cando a imaxe pasaba ao pé do castelo, un forte estourido apagou os cantos da afervoada multitude que a acompañaba. Os foguetes comezaron a
estourar sen control na parte ameada o que ocasionou que un terzo das
pedras da torre cilíndrica saltaran polos aires (nas fotos históricas esa torre era o elemento máis alto da fortaleza), mais con tan boa fortuna que non feriu a ninguén, todas as pedras caeron entre os minúsculos espazos que había entre persoa e persoa, o que moitos interpretaron coma un milagre da Virxe. Bueno, en realidade si houbo un ferido: o fogueteiro, que tiveron que trasladalo a Lugo.
Foi entón cando fixeron a "reconstrución" cos bloques de cemento que dende hai máis de 60 anos son "signo de identidade" do semiarruinado castelo.
Segunda a lenda, no castelo os mouros enterraban os seus mortos.
O HÓRREO MÁIS ALTO DO MUNDO
Preto da ponte e o río Navía consérvase un hórreo con dúas portas de acceso, disque porque pertencía a dúas familias distintas. A súa singularidade radica en que asenta sobre catro elevadísimos pés para que non o afectaran durante as enchentas do río, o que levou a ser bautizado como "O hórreo máis alto do mundo".
UN ESCRIBÁN DE GALEGOS EN AMÉRICA NO ANO 1766
Un
escribán de Galegos (Navia de Suarna) camiño de América. O 2 de
abril de 1766, Carlos III ordena que xunto co recén nomeado virrei
de “Nueva España”, o marqués de la Croix (durante o seu mandato
expulsou aos xesuítas de México), embarquen no mesmo navío un
escribán, un criado, etc. Ese mesmo día, Diego de Cornide, da Real
Audiencia da Coruña, certifica que o escribán que acompaña ao
virrei é o licenciado Joseph Ossorio, natural de Santiago de
Galegos, fillo de Joseph Ossorio e Beatriz Becerra. (Foto
en Galegos).
UN MESÓN NO PORTO DE ANCARES NO 1799
Interesantísimos
documentos que
atopamos no
Archivo
Histórico Nacional
sobre a solicitude realizada por uns veciños
de Coruxedo (Moia-Navia de Suarna) e Suárbol (Candín-O Bierzo) para
a
construción dun mesón-pousada no Porto de Ancares demostran que, a
pesares da agreste orografía e as condicións meteorolóxicas, era
moi transitado hai máis de 220 anos. Ademais da solicitude, non
atopamos máis documentación que fale de se ao final chegou a
contruírse. (Ver
reportaxe publicado en La
Voz de Galicia
na seguinte ligazón).
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2022/06/28/hubo-meson-puerto-ancares/0003_202206L28C8995.htm
Historias, tradicións e lendas do concello de Navia de Suarna
© Colectivo Patrimonio dos Ancares