MÁMOAS, PETROGLIFOS E CASTROS NAVIA DE SUARNA

MÁMOAS

 
MÁMOA DO MONTE DO IGREXARIO
Localizámola o día 28 de novembro de 2020 na parroquia de Galegos, a 675 metros de altitude. Trátase dun túmulo duns 19 metros de diámetro e 1,30 de altura atravesado por dúas pouco profundas gabias produto dunha recente plantación de pinos. No centro apréciase un cráter de violación, moi colmatado, cun diámetro aproximado de 1,5 metros. Sobre a mámoa vense pequenas pedras de lousa que puideron formar parte da coiraza. Nas inmediacións do túmulo atópanse tres pedras, a maior de 1,25 metros de longo que, por información recollida  dun veciño, formaban parte da cámara funeraria. 
O día 16 de decembro de 2020, dende o Servizo de Xestión Cultural en Lugo comunicáronnos que, atendendo a nosa petición e despois da comprobación efectuada polos seus arqueólogos, foi catalogada co código GA27034140.


MÁMOAS DA REBOLEIRA DOS VILARES 
Na aldea de Os Vilares, parroquia de Barcia. Necrópole formada por tres mámoas. Dous túmulos están moi alterados polos labores agrícolas. Sobre unha das mámoas vese un esteo que puido formar parte do dolmen. Presentan cráter de violación. O terceiro túmulo foi practicamente arrasado ao colocarlle enriba unha torreta do tendido eléctrico.

  


 

DÚAS NOVAS MÁMOAS E UN DOLMEN  

O día 17 de novembro de 2018, @s do Colectivo Patrimonio dos Ancares, con motivo do Día Mundial do Patrimonio, fixemos unha andaina por varias mámoas do concello de Navia de Suarna. A celebración resultou frutífera xa que descubrimos dúas novas mámoas e os restos dun dolmen. Foi na Serra de Mera, a 750 metros de altitude, en terreos da aldea dos Vilares, na parroquia de Barcia. 

A descuberta da primeira mámoa causounos bastante sorpresa por tres motivos. Primeiro, porque se atopa a uns 30 metros dun grupo formado por tres enterramentos catalogados tanto pola Xunta de Galicia como no PXOM do Concello. Segundo, porque resulta visible dende lonxe é ten unhas dimensións considerables, cuns 20 metros de diámetro e case 2 metros de altura. E terceiro, e máis importante, porque se trata, sen dúbida, da MÁMOA MELLOR CONSERVADA DO MUNICIPIO de Navia de Suarna, o que nos produciu unha gran satisfacción xa que, por desgraza, non é o habitual. Aínda que se observa un pequeno cráter de profanación pouco profundo, cremos que se conserva case ao completo, véndose sobre o túmulo moitas pedras de lousa e cuarzo que formaban parte da coiraza de protección.
 

A uns 90 metros desta espléndida mámoa localizamos outra. Esta, pola contra, atópase practicamente arrasada, cremos que foi destruída hai bastantes anos. Tiña, aproximadamente, uns 14 metros de diámetro. Na actualidade só se eleva sobre o chan uns quince centímetros.
 
 

E por último, tamén localizamos os chantos dun dolmen que foi destruído hai moitos anos. Este sitio figura tanto no inventario da Xunta de Galicia como no PXOM de Navia de Suarna pero en coordenadas distintas (a uns 170 metros entre un e outro). Denominado como Furada dos Mouros, nas fichas dise que non o viron pero que, por referencias orais, tratábase  “dunha entrada a unha cova ou abrigo de máis ou menos 1,5 metros de fondo”. Evidentemente, polo escaso fondo non podía tratarse dunha cova senón da cámara dun dolmen megalítico, o que puidemos constatar grazas as referencias dun veciño e porque no sitio (nas coordenadas que figuran na ficha de Patrimonio) consérvanse uns 9 ou 10 anacos de grandes pedras que foron partidas e que correspondían aos esteos do dolmen.


Con estas dúas novas descubertas, no concello de Navia de Suarna localízanse 38 mámoas. O seu estado de conservación xeral é malo ou moi malo. Segundo comprobamos, 21 atópanse gravemente alteradas e 13 case destruídas. Por informacións orais temos coñecemento de que ao menos 8 desapareceron. O pasado mes de agosto denunciamos a gravísima agresión a dúas mámoas da Campa das Penas, pertencente ao concello de Navia de Suarna, que foron case destruídas por maquinaria pesada ao facer unha plantación de eucaliptos. 
As novas descubertas xa llas comunicamos a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación.
 
 
NECRÓPOLE DOS MONTES DO RESTELO OU DO MONTE DA CRUZ    
Nos montes do Restelo. A 966 metros de altitude sobre o nivel do mar. A necrópole, formada por cinco mámoas, sitúase na confluenza das estradas de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna. Tres están no municipio de Baleira, parroquia de Córneas, e as outras dúas no de Navia de Suarna, na parroquia de Cabanela. Son destas últimas das que achegamos os datos.
 
O primeiro enterramento está composto por unha mámoa duns 35 metros de diámetro que agocha no seu interior unha grande anta poligonal con sete esteos na cámara (un deles foi desprazado e atópase no centro desta) e outros catro, cortados e situados a ambos os lados da entrada, que formarían parte dun corredor pouco desenvolvido. Non se conserva a tampa cobertora. Situado nun lugar cuberto de fentos, arbustos e árbores (piñeiros plantados sobre o túmulo). O día 23 de febreiro de presentamos denuncia ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural pola destrución deste mámoa, única con dolmen, do concello de Baleira. Ver:

Destruído o único dolmen do concello de Baleira, lindeiro co concello de Navia de Suarna 

O día 22 de febreiro de 2020, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares comprobamos a destrución total da única mámoa con dolmen do concello de Baleira. Foi na necrópole do Monte da Cruz, situada no Alto do Restelo, a 965 metros de altitude, a carón da estrada provincial LU-0708, case no límite entre os municipios de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna.

 

A mámoa de terra de máis de trinta e cinco metros de diámetro, e o dolmen que acollía no seu interior, cunha cámara pétrea poligonal formada por sete esteos e un pequeno corredor de entrada, foron arrasadas por maquinaria pesada durante unha tala de piñeiros. Este enterramento do período Neolítico, cunha antigüidade duns 6.000 anos, foi o primeiro do concello de Baleira en ser catalogado, no ano 1991 (DOG do 12 de xullo), co código GA27004001. Como dixemos máis arriba, trátase do único enterramento con dolmen, os outros vinte documentados no concello de Baleira son de terra, o que o facía especialmente singular. A maquinaria pesada destrozou totalmente o túmulo, e as pedras da cámara megalítica foron desprazadas e esnaquizadas. Ao outro lado da estrada, a mámoa catalogada co código GA27004004, debido tamén á tala de piñeiros, foi lacerada con profundos sucos producidos polas máquinas.

 

Segundo o catastro, o dolmen atópase no polígono 80, parcela 169, en terreos do monte comunal de Vilagarcía, parroquia de Córneas. Debido á gravidae dos feitos, o mesmo día presentamos denuncia por rexistro electrónico ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, solicitando para os responsables a máxima sanción que marca a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia pola destrución dun ben patrimonial que vai de 150.000 a 1.000.000 de euros.

 

Este enterramento é coñecido por todos dende sempre así que eiquí non caben escusas polo que tamén instamos á Administración Autonómica a que, ademais da sanción administrativa, presente denuncia ante o xulgado correspondente por atentado contra un ben patrimonial. O mesmo lle esiximos por escrito ao Concello de Baleira, que tamén diriximos aos grupos municipais con representación (PP e PSOE). 
 
Segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, no seu artigo 3.2, as entidades que forman a Administración local teñen a obriga de adoptar as medidas necesarias para salvagardar os bens patrimoniais, debendo comunicar á Xunta de Galicia calquera dano que padezan, exercendo as demais funcións que lle correspondan, incluída a da denuncia xudicial contra uns patéticos impresentables carentes da máis elemental sensibilidade, que cun terreo dispoñible de case 119.000 metros cadrados, "estórballes" unha mámoa de pouco máis de 30 metros de diámetro.

 

No mes de marzo de 2019 diriximos uns escritos aos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna para que sinalizaran e protexeran 40 mámoas situadas a carón da estrada LU-0708, enviándolles a relación e a situación en cada concello, ofrecéndonos desinteresadamente dende o noso colectivo para colaborar no que precisaran. Só nos contestou o Concello de Becerreá que xa ten preparados os indicadores para colocalos nas dúas necrópoles que están dentro do seu término. O resto nin pío. Iso é o que lles preocupa o patrimonio e a terra onde viven. 
 
Dende o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo informáronnos que se vai tratar de repoñer o enterramento á situación anterior, ademais de cursar a denuncia correspondente por infracción moi grave. 
 
 
MÁMOA DA FONTE DAS BIDUEIRAS 
En Ferreirúas, parroquia de Cabanela. Hai unha mámoa que foi case destruída. 
 
 
NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA CAMPA DAS PENAS DE MONTERRÍO
En Ferreirúas, na parroquia de Cabanela, a ambos os lados da estrada local que vai dende o Alto do Restelo á Tumbiadoira.   
Necrópole formada por 10 enterramentos, un en Monterrío (A Fonsagrada). Á parte de Navia de Suarna corresponderían os outros nove enterramentos. Todas as mámoas están afectadas por camiños, repoboacións forestais, etc. Unha mámoa foi cortada polo trazado da estrada, apreciándose algunha laxa no corte; ten unha dimensións duns 19 metros no eixo N-S e 9 metros no eixo L-O, e un metro de altura. Outra está situada nun terreo de monte baixo, ten unhas dimensións de 14 metros no eixo N-S e de 17 metros no eixo L-O, e unha altura de 0,70 metros.
O máis interesante da necrópole é o coñecido como Dolmen de Ferreirúas do que falamos máis adiante.
 
 

No mes de agosto de 2018, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares denunciamos a destrución de dúas mámoas da necrópole por unha plantación de eucaliptos. Son as catalogadas cos códigos GA27018005 e GA27018006.

 

 

 
MÁMOAS DA CAMPA DO GAITEIRO
 
Lindeiras con Monterrío, na parroquia de San Pedro do Río, concello da Fonsagrada. Túmulos situados nunha penichaira, nunha zona plantada con piñeiros. Un está moi alterado e apenas se percibe, achandado polos labores de repoboación forestal. O outro sufriu unha agresión no mes de febreiro de 2019 ao facer unha tala de piñeiros, feito que o día 26 de dese mes denunciamos en Patrimonio. O día 11 de marzo de 2020, comunicáronnos de Patrimonio que iniciaran o correspondente expediente sancionador.
 
 

 
DOLMEN DE FERREIRÚAS  
 
En Ferreirúas, parroquia de Cabanela. É o enterramento máis espectacular da necrópole da Campa das Penas, situada á man dereita da estrada que vai dende o Alto do Restelo á Tumbeadoira. Dada a coñecer por Enrique López Fernández no seu Megalitos y mámoas en el Ayntamiento de Fonsagrada, publicado no Boletín do Museo Provincial de Lugo no ano 1992, traballo que foi presentado e lido en Ourense no ano 1986, durante a celebración dos actos que tiveron lugar no decurso dunha homenaxe a Florentino López Cuevillas con motivo do centenario do seu nacemento. Logo de visitala, a descrición de López Fernández segue vixente: "O enterramento, soterrado no túmulo, presenta cámara poligonal, composta por sete ortostatos de  lousa e cuarcita, o maior (refírese ao da cabeceira) cunhas medidas de 1,50 metros e pouco menos os restantes; ao seu carón, un pouco removida, está a tampa de lousa, que mide 1,90 x 1,30 metros. A cámara mide de N a S na base 1,50 m, e 0,90 no alto; de L a O , na base, 1,60 x 1,30 metros arriba, se ben a medida pode ser errónea por estaren roto o ortostato. Dá a impresión de posuír entrada (corredor?) polo SL". O túmulo ten uns 25 metros de diámetro. O día 31 de maio, constatamos, lamentablemente, unha agresión á tampa que foi partida. Ao día seguinte comunicamos o atentado ao Concello de Navia de Suarna e ao Servizo do Patrimonio Cultural.   
 
 

A principios do ano 2021, a petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a necrópole foi sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo por medio da Reseva da Biosfera dos Ancares Lucenses.
 

 
MÁMOA DA ARQUELIÑA  
 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. Mámoa moi alterada polos labores agrícolas. Está moi achandada, foi cortada por un arado.
 
 
 
MÁMOA DO ALBARDÓN OU DA BANDEIRA
 
En Vilabol, parroquia de Lamas de Moreira (A Fonsagrada), nos límites con Navia de Suarna. Ten uns 30 metros de diámetro e 0,80 de altura. Non se observan estruturas asociadas. O día 17 de maio de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares comprobamos unha agresión a esta mámoa producida por maquinaria pesada durante unha tala de piñeiros que lle produciu dúas profundas gabias de 10 metros de longo cada unha. O atentado xa o denunciamos en Patrimonio. O día 17 de xuño de 2019, comunicáronnos dende Patrimonio que, despois da visita dos técnicos, xa iniciaron o correspondente expediente sancionador.

 

 
MÁMOA DA SEARA DO CHAO DE CAMPELÍN
 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. A mámoa foi cortada pola estrada. O túmulo foi cortado pola metade polo acondicionamento de prados. Está moi aplanado polos labores agrícolas. Ten unha altura duns 40 centímetros.
 
 
 
MÁMOA DA CAMPA DO SEARO
 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. Nunha penichaira a 850 metros de altitude sobre o nivel do mar. Mámoa moi alterada, cortada pola estrada só se conserva unha metade. Ten uns 80 centímetros de altura.

 

 
MÁMOAS DE PEREDELO
 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. Necrópole formada por por 3 enterramentos, situada a carón da estrada que vai dende o Alto do Restelo a Louxas, antigo Camiño Real e anteriormente un ramal da vía XIX de época romana.
Necrópole formada por tres mámoas. A mámoa nº 1 foi cortada pola estrada e unha pista, e achandada polos labores de repoboación forestal; ten uns 40 cm de altura. 
O día 31 de maio de 2016, integrantes do noso colectivo comprobamos que a mámoa nº 2 estaba a utilizarse como vertedoiro do lixo. Xunto unha das mámoas construíron un silo para botar plásticos agrícolas (e rodas, colchóns, etc.) Ao día seguinte denunciámolo ante o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo. O día 14 de maio de 2019 comunicáronnos que despois de avisar ao SEPRONA da Garda Civil para que investigaran quen fora o responsable da construción do silo para o lixo, contestáronlle que, presuntamente, fora o Concello da Fonsagrada. Requirido este en dúas ocasións por Patrimonio para que o retiraran, o Concello non o fixo, nin sequera contestou polo que trasladaron o informe á Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago para que iniciaran o expediente sancionador. No mes de febreiro de 2020, despois dunha nova denuncia, conseguimos que retiraran o silo e o lixo.
A medorra nº 3 ten unhas medidas aproximadas de 17 metros de diámetro e 0,70 de altura. Sobre ela plantáronse árbores. 

No mes de febreiro de 2019 denuciamos en Patrimonio a agresión por unha tala de piñeiros con maquinaria pesada.

 


 

 
MÁMOAS DO PICO DE GUENCIO 
 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. Formada por 5 enterramentos situados nunha penichaira, castro en Monterrío (A Fonsagrada) e unha en Cabanela (Navia de Suarna), nunha zona adicada a piñeiros de repoboación (nos primeiros meses do ano 2023, os piñeiros foron cortados, visitados os túmulos non foron afectados). A medorra número 1 ten unhas medidas de 21 metros de diámetro e altura dous metros; óbsérvanse restos cámara. O túmulo nº 2 ten unhas medidas aproximadas de 21 x 19 metros e unha altura de 1,5; conserva restos da coiraza. A mámoa nº 3 ten unhas medidas de 21 metros de diámetro e 1 de altura. A medorra nº 4 mide 17 metros de diámetro e unha altura dun metro. A última mámoa case desapareceu, perdeu a maior parte da masa tumular.

  

 
 
MÁMOA DAS LAXAS OU DO COUTO 
 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. A 900 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dunha mámoa situada nun pequeno outeiro que na súa orixe era moito máis grande. Foi practicamente destruída polos labores agrícolas. 
 
 
MÁMOA DA SEARA DO CHAO 
 
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. A 900 metros de altitude sobre o nivel do mar. Mámoa situada a poucos metros da estrada que vai dende o Alto do Restelo a Louxas. Túmulo duns 15 metros de diámetro e medio metro de altura. Posúe un pequeno cono de violación. Non se observan restos de cámara. 
 
 
MÁMOAS DO CHAO DO COUSO OU SANTESTEVO 
 
Na Serra de Louxas. En Santestevo, parroquia de Castañedo. Necrópole situada a case 900 metros de altitude sobre o nivel do mar
Estaba formada por 2 enterramentos cuxos esteos foron reutilizados na construción dunha casa. Enrique López Fernández (1992) cita unha esfera de pedra e unha pedra discoidal de forma cóncavo-convexa atopadas nun dos túmulos. Apareceron máis pezas, entre outras un machado metálico e dous esferiformes (un partido) puídos, con forma globular con perforación central. Unha das mámoas foi destruída pola pista que leva a Molmeán. A outra medorra atópase gravemente alterada polos labores agrícolas e polo trazado dunha pista que leva a Molmeán, que corta o túmulo.
 
 
 

 
 
 
A MEDORRA
 
Na aldea de Coea. Parroquia de Castañedo. Consultados os veciños de Coea, non tiñan coñecemento da existencia de ningún enterramento megalítico, si do lugar que conserva este evocador topónimo. Faláronnos doutros enterramentos lindeiros coa Medorra, no lugar coñecido como O Canto onde, hai aproximadamente vinte ou vinte e cinco anos, ao arar a terra saíron á luz varias tumbas formadas por laxes e cubertas con tampa con esqueletos no interior.

 

 
MÁMOA DA PEDRA DA ACHÁDEGA 
 
En Folgueiras. Situada nunha chaira de ladeira da Serra do Chao de Val Grande. Moi alterada polos labores agrícolas, apenas se distingue. En Patrimonio da Xunta de Galicia, esta mámoa téñenna mal situada xa que se atopa ao outro lado da estrada.

 

 
A MEDORRA
 
Na parroquia de Moia.  Só temos referencias orais. 
 
 
ARQUELA DA TUMBA 
 
En Sinada, parroquia de Mosteiro, a 840 metros de altitude sobre o nivel do mar. Mámoa situada nun terreo de monte dende o que se divisa unha ampla panorámica, coñecida tamén como Tesín da Arqueta. Ten un diámetro duns 25 metros. Canto á súa altura, na actualidade non pasa do medio metro; todo semella indicar que debido aos traballos agrícolas que se efectuaron no lugar perdeu boa parte da masa tumular, feito que tampouco permite saber si posuía coiraza pétrea.


 
MÁMOA DO COTO DA MESTRA
 
En Sinada, parroquia de Mosteiro. Trátase dun túmulo moi arrasado situado en terras de cultivo. Moi alterado polos labores agrícolas. O alzado é duns 30 centímetros.

 

 
MÁMOA DO MONTE DA FARRAPA
 
En Sinada, parroquia de Mosteiro. A mámoa número 2, duns 13 metros de diámetro, está situada na parte alta da dorsal da Valiña; ubicada nunha pradaría, perdeu gran parte da masa tumular; tamén foi afectada por unha pista. A mámoa número 1 atópase moi arrasada e está totalmente cuberta pola maleza.


 

 
MÁMOAS DO MONTE MEIROI
 
Nas proximidades do Monte do Coto, aldea de Sinada, parroquia de Mosteiro. Necrópole formada por catro enterramentos. Sobre unha mámoa, situada nun terreo adicado a pasto, levantouse un muíño de vento artesanal, unha caseta de bloques e un panel con pranchas solares, actuacións que a alteraron gravemente; ten unhas medidas duns 30 metros de diámetro. Outra medorra ten uns 14 metros no eixo N-S e 12 no eixo L-O, e unha altura de 0,70 metros; afectada polos labores agrícolas e por unha pista. Unha terceira mámoa ten unha medidas aproximadas de 20 metros de diámetro e un metro de altura, nun estado de conservación regular; ao seu carón fixeron unha instalación para meter o gando

 
 

 
MÁMOAS DO CARQUEIXAL
 
No monte do Redondal, a 825 metros de altitude, por riba do castro de Liñares, localizamos tres mámoas de 12, 13 e 15 metros de diámetro que perderon gran parte da masa tumular polo acondicionamento do terreo para pastizal. Coordenadas: x: 661149 - y: 4763163, x: 661131 - y: 4763193; e x: 660856 - y: 4763424. Inéditas. 
 

 
MÁMOAS DO MONTE DE QUEIZÁN
 
En Queizán. Trátase de dous túmulos que documentamos o día 9 de xuño de 202o. Atópanse a 825 metros de altitude, cun diámetro aproximado de 16 e 13 metros. Debido aos labores agrícolas perderon gran parte da masa tumular. Unha das mámoas figura nun documento do ano 1833. 
 

 
MÁMOAS DO PICO DAS VALIÑAS 
 
Na Serra de Louxas. En Liñares, parroquia de Queizán. Necrópole situada nunha penichaira adicada a prados, formada por tres enterramentos fortemente alterados polos labores agrícolas.

 

 
MÁMOAS DO REDONDAL OU DA POZA DOS GRILOS
 
Nos montes do Redondal. En Liñares, parroquia de Queizán. Un túmulo, duns 18 metros de diámetro e un metro de altura, foi case destruído polo desmonte que corta o túmulo plantado de piñeiros. Ten cráter de violación central. Unha segunda mámoa, situada nunha pradaría, ten unhas medidas aproximadas de 15 x 12 metros e unha altura de 0,50 metros; perdeu gran parte da masa tumular.


 
MÁMOAS DO MOURAL
 
Na Serra de Louxas. En Meixamo, parroquia de Queizán. Necrópole situada nunha penichaira, formada por dúas mámoas practicamente destruídas polos labores agrícolas. Teñen unhas medidas aproximadas de 19 e 20 metros de diámetro. A medorras apenas son perceptibles por atoparse moi achandadas.
 

 
MÁMOA NA SERRA DE LARXENTES
 
O día 22 de febreiro de 2020, documentamos unha mámoa na paraxe coñecida como A Pena do Home, a 865 metros de altitude, no límite das parroquias de Moia, Muñís e Rao. Ten 14 metros de diámetro e 1,5 de altura. Situada na parte máis elevada da paraxe, domina toda a contorna. Nas inmediacións tamén localizamos varias penas con petroglifos
O achado xa foi comunicado a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

 

 
MÁMOA DO MONTE VALONGO
 
Documentámola o día 22 de febreiro de 2020. Sitúase a 1.140 metros de altitude e actúa como límite entre as parroquias de Moia e Rao. Ten 15 metros de diámetro e un de altura, apreciándose un cráter de violación duns dous metros de diámetro. Sobre o túmulo vense varios piñeiros plantados. Tanto este enterramento como o anterior sitúanse na zona máis oriental do concello, ata o presente, as mámoas de Navia de Suarna só se localizaban na parte noroeste do municipio, no límite co concello da Fonsagrada. 
O achado xa foi comunicado a Patrimonio para que procedan á súa catalogación e inclusión no Rexistro de bens culturais de Galicia. 


 
MÁMOAS NA BALSA
 
Na Balsa, parroquia de A Ribeira (Navia de Suarna), a 898 metros de altitude, no sitio que aínda conserva o inequívoco nome de A Medorra, a menos de 800 metros do concello asturiano de San Antolín de Ibias, localizamos dúas mámoas O 24 de outubro de 2020. A primeira ten unhas medidas de 14 metros de diámetro e 0,90 de alto, observándose no centro un cráter de violación de dous metros de diámetro. O segundo enterramento atópase a 160 metros do anterior, cunhas medidas de 15 metros de diámetro e 0,80 de alto. 
Os achados xa foron comunicados ao Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura en Lugo para que procedan á súa catalogación. 
 


TESO DAS MADROÑAS
Na aldea de Robledo, parroquia de Son. Despois de peitear o lugar, non atopamos ningún enterramento. Pode que se había algunha mámoa fora achandada polos labores agrícolas.


 

AS MADROÑAS E O CANTO DA ARQUELA
 
En Vilameixide, na parroquia de Freixís, case no límite coa parroquia de Folgueiras, a 600 metros de altitude, consérvanse os topónimos As Madroñas e Canto da Arquela. Peiteados os lugrares non atopamos restos de enterramentos, posiblemente destruídos hai moitos anos.
 

PETROGLIFOS 

 
PETROGLIFOS DA PENA DOS CUBELOS 
 
A principios do mes de setembro de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos máis petroglifos na comarca. Foi na coñecida como Pena dos Cubelos, un monte que se atopa a 1.202 metros de altitude. Está dentro dos límites da aldea do Penedo, na parroquia de Vallo, concello de Navia de Suarna, preto do límite co concello de Cervantes. Para achegarnos ata o lugar tivemos en conta o nome do topónimo xa que o étimo cubelo fai alusión a unha forma redonda, atopándoo en Galicia como diminutivo de cova, oco ou burato. Como puidemos comprobar, no presente caso o topónimo non era ambiguo xa que na parte alta do outeiro conseguimos documentar catro coviñas feitas por man humana, distribuídas en dúas penas de xisto, cuns diámetros que oscilan entre os 7 e os 9 centímetros. Polas súas características foron feitos na Idade do Bronce. 
 
Trátase dos primeiros petroglifos documentados no concello e que comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural para a súa catalogación.

 
 

 
PETROGLIFOS NA SERRA DE LARXENTES
 
Aínda que foi no mes de setembro de 2016 cando os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos unha pena con catro coviñas xusto no límite entre os concellos de Cervantes e Navia de Suarna, non foi ata o 22 de febreiro de 2020 cando podemos falar da localización de varias penas con gravuras situadas na súa totalidade neste último municipio. O seu achado foi de forma casual, cando andabamos a buscar unha tumba antropoide na paraxe coñecida como A Pena do Home, na Serra de Larxentes, a 865 metros de altitude, no límite das parroquias de Moia, Muñís e Rao. En total localizamos catro grupos de coviñas situadas en catro afloramentos de pizarra, distribuídas do seguinte xeito: Un primeiro grupo formado por dúas coviñas, un segundo composto por catorce coviñas (cinco agrupadas e o resto dispersas pola pena), un terceiro grupo por dúas coviñas, e un cuarto con sete (catro agrupadas e tres dispersas). As súas medidas oscilan entre os 3 e os 7 centímetros de diámetro. É a primeira vez que na comarca documentamos uns petroglifos situados nun sitio tan agreste, onde nun terreo totalmente cuberto por lousa e cuarzo só medran xestas e carqueixas. Pero se a localización destes petroglifos nos produciu unha certa sorpresa, máis nola causou atopar no lugar unha pequena mámoa de 14 metros de diámetro e 1,5 de altura, situada na parte máis elevada da paraxe, dominando toda a contorna. Pero non foi a única sorpresa xa que constatamos que todos os petroglifos foron gravados en rochas situadas arredor do enterramento (seguramente habería máis pero o sitio foi utilizado antigamente polos veciños das aldeas próximas para a extracción de lousa) e, ademais, todas as gravuras están orientadas cara a posta do sol. Preguntámonos: Mámoa e petroglifos son da mesma época? Formarían parte dun mesmo espazo funerario-ritual? Polo de agora descoñecémolo, se ben é seguro que a mámoa ronda os 6.000 anos de antigüidade, en Galicia documéntanse coviñas que foron insculpidas dende o Neolítico ata a Idade Media.  
 
A descuberta xa foi comunicada a Patrimonio para que procedan á súa catalogación e inclusión no Rexistro de bens culturais de Galicia.



 
AS FERRADURAS DOS CABALOS
 
Un veciño de Savane contounos que no antigo camiño que comunicaba Savane con Vilarpandín, no lugar coñecido como A Canceliña, había tres penas que tiñan insculpidas outras tantas figuras con forma de ferradura e varias coviñas de pequeno tamaño. Lembrou que foran destruídas no ano 1969, esnaquizadas por unha máquina que estaba a ampliar o camiño. As ferraduras poderían ser de época medieval, mais as cazoletas quizais foran moi anteriores; en Galicia poden atoparse illadas, formando agrupacións con outras cazoletas e outros motivos. Dado a diversidade onde aparecen, temos que pensar que non teñen un único significado: recipientes para ofrendas, para recoller a choiva que logo sería utilizada nalgún tipo de ritual, calendarios solares, lunares e representación de estrelas, símbolos de carácter sexual feminino relacionado coa fertilidade, etc. No tocante á súa cronoloxía, abranguería dende o Paleolítico ata a Idade Media.


CASTROS

 
CASTRO DE MERA
 
Na aldea de Mera, parroquia de Barcia. Situado na marxe esquerda do ría Navia, a media ladeira sobre un esporón da Serra de Mera. Presenta unha planta ovalada dun 85 metros na parte máis longa e de 55 metros na menor. Apareceron muíños de man. Moi alterado. Romanizado.
 

 
CASTRO DOS VILARES
 
Na aldea de Os Vilares, parroquia de Barcia. A 387 metros de altitude sobre o nivel do mar, nun meandro sobre o río Queizán.
 
Situado nun pequeno outeiro da Serra de Mera, na marxe esquerda do río Queizán, nun terreo de pradarías, monte baixo e carballeira. Cuberto pola matogueira. Un veciño natural de Os Vilares, que dende hai máis de vinte e cinco anos vive en Vega de Espinareda (O Bierzo), contounos que tiña un recinto tirando a circular, arrodeado por unha muralla pétrea da que puidemos ver parte. 
 
Segundo a lenda, no castro hai un tesouro.

 


 
CASTRO DO CANTÓN
 
Na parroquia de Cabanela, non moi lonxe da cabeceira parroquial. A 710 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
Situado no cumio dun pequeno outeiro na marxe esquerda do regueiro de Cabanela. Planta alongada cun só ecinto arrodeado por dous foxos tallados na rocha, separados entre si por parapeitos. Aprécianse restos dunha muralla de lousa. Romanizado. 
 
Dentro do recinto aínda se poden ver os alicerces do que puido ser unha cabana circular. Os dous veciños que nos informaron comentáronnos que cando eran nenos aínda se podían ver, ao menos, os muros de dúas estruturas habitacionais; como aconteceu coas pedras do muro defensivo e das vivendas, as laxes foran reaproveitadas na construción de peches de fincas e nas casas da aldea. Comunicase co castro de Cabanela, situado a uns 500 metros de distancia.
 
A mediados dos anos cincoenta do pasado século, un veciño atopou un anel de ouro. Ao parecer, polas mesmas datas, chegou á aldea un descoñecido que pasou varios días escavando no castro, canda el traía un libro, disque escrito en portugués, que falaba dun tesouro alí agochado. Ignórase se o atopou.

 
 
 


 
CASTRO DE CABANELA
 
Na parroquia de Cabanela. A 685 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado a 500 metros de distancia do castro do Cantón, nun pequeno outeiro na marxe esquerda do rego de Cabanela. Pouco alterado, presenta unha planta alongada, cun recinto principal de pequenas dimensións. Obsérvanse catro foxos no sector oeste, tallados na rocha. Restos de muralla que circunda o recinto principal. Ten unhas medidas aproximadas de 110 metros no eixo máis longo e de 80 metros no menor. Romanizado.
 
Un veciño de Cabanela, que leva máis de cincoenta anos en Cataluña, contounos que cando era pequeno ía con outros nenos a xogar a un acubillo que había no castro. Nunha das paredes había escritas unhas letras que destruíu un home de Galegos cunha maza porque dicía que era a chave para atopar un tesouro, e non quería que ninguén o atopara, só el que reproduciu as letras nunha folla.

 


 
CHAO DO CASTRO
 
En Busto, parroquia de Cabanela. A 773 metros de altitude sobre o nivel do mar. A media ladeira nun esporón, entre o rego das Agras e o rego de Busto. Ten unha planta alongada delimitada por dous foxos.

Os veciños contan que, ao parecer, hai unha fonte que agocha un tesouro, mais, polo de agora, ninguén a atopou.

 


 
CASTRO DE FERREIRÚAS
 
Na aldea das Ferreirúas. Parroquia de Cabanela.  Só temos referencias orais. Non atopamos restos. 
 

 
CASTRO DO CASTELO
 
Na parroquia de Castañedo. Aínda non subimos ata o castro polo que, de momento, descoñecemos as características.
 

 
CASTRO DE COEA
 
Na aldea de Coea, parroquia de Castañedo. Aínda que nos falaron dun castro aquí situado, ningún dos veciños de Coea tiña coñecemento sobre un asentamento deste tipo, sequera sobre a existencia do topónimo. Si nos falaron, en troques, doutros xacementos e dalgunhas lendas que reproducimos na nosa páxina Patrimonio da comarca dos Ancares.
 
Malia o anterior, un veciño de Valdeferreiros (Asturias), si nos amosou un outeiro que asegurou era un castro e que pertencía a terras de Coea. Aínda non o visitamos.
 
Se ben non é obxecto deste traballo, coidamos de interese traer aquí a orixe do emperador romano Teodosio I o Grande (347-395). A maior parte dos autores sitúan o seu nacemento en Coca (Segovia), mais non faltan os que o trasladan a Galicia. Benito Vicetto identifica Coca coa parroquia de San Salvador de Coea, en Castro de Rei, Amor Meilán inclínase pola Coea de Navia de Suarna.

 

 
CASTRO DE FOLGUEIRAS
 
Na parroquia de Folgueiras. Situado non moi lonxe da igrexa parroquial, a 622 metros de altitude sobre o nivel do mar. No cumio dun outeiro dun esporón da Serra do Chao do Val Grande. Presenta unha planta ovalada cun único recinto, protexido por dous foxos escavados na rocha e pola forte pendente. A continuación dos foxos unha muralla arrodea o recinto. Romanizado. Un camiño cortou parcialmente un foxo.
 
A uns 400 metros de distancia, case no límite entre as parroquias de Son e Folgueiras, atópase a Pena Furada que ten dúas cavidades que semellan cabezas. Segundo a lenda, alí agochábanse os mouros.
 
Henrique Fernández-Mon Sánchez, da Pobra de Navia, contounos que unha súa avoa escoitara falar dunha moura que, en días bretemosos, se lle aparecía a uns pastores no castro. Dicíalles: "devos nebras, levantade o cu das pedras". Outras veces os pastores escapaban berrando: "Vámonos, levantouse a preguiza pra salvar a Galiza". Conta Henrique que sempre lle chamou a atención que dixera Galiza, foi a primeira a quen llo escoitou na Pobra de Navia. 

 


 
TESO DO CASTRO OU CASTRO DE PIN
 
Entre as parroquias de Galegos e Pin. A 695 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
Hai veciños que o coñecen como castro de Piñeiro ou de Galegos. Situado no cumio dun pequeno outeiro, na marxe dereita do río Mazaira. Presenta unha planta ovalada de 112 por 110 metros. A croa mide 66 por 55 metros, circundada por unha muralla de terra e pedras que nalgúns tramos acada os tres metros de ancho, observándose vestixios do que podería ser un torreón no acceso ao interior. Polo NO e SO estaba protexido por dous fosos, en parte escavados na rocha pizarrosa, paralelos entre si. Polo leste estaba defendido polo forte desnivel do terreo. Atopáronse anacos cerámicos de filiación prerromana, a base dun muíño circular (meta) e un anaco da parte superior (catillus) empotrados no muro dunha finca, e tamén anacos de tégula polo que súa cronoloxía abranguería un período anterior e posterior á nosa era. Polo norte discorre o regueiro de Fonfría. Divísase unha panorámica espectacular.
 


 



A principios do ano 2021, a petición do noso colectivo, o castro foi sinalizado pola Deputación Provincial de Lugo, por medio da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. 
 

 
CASTRO DE MOIA
 
Na parroquia de Moia.  Só dispoñemos de referencias orais. 

 

CASTRO DO COEDO DA LAGÚA
 
En Molmeán, parroquia de Mosteiro. Situado no cumio dun outeiro cuberto por monte baixo e algúns carballos. Presenta unha planta alongada cun recinto principal de pequenas dimensións e un secundario de grandes dimensións, delimitado por dous foxos. Pouco alterado.

   

 
CASTRO DE SINADA
 
Na aldea de Sinada, parroquia de Mosteiro. No monte da Valiña, a 730 metros de altitude, na marxe esquerda do río Vilares. Presenta forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 200 metros na parte máis longa e de 130 metros na menor. Romanizado. Moi alterado, adícase a praderías e leiras, con zonas de árbores.

 



CASTRO DE EMBERNALLAS
 
Na aldea de Embernallas, parroquia de Muñís, a 325 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
Situado nun meandro do río Navia, nun terreo con afloramentos de lousa. Agás un amoreamento de pedras de lousa de bo tamaño que en época moderna se utilizaron para construír unha cabana, non se observan outro tipo de estruturas defensivas ou habitacionais. Nas inmediacións atopamos escouras de mineral de ferro. Ademais das vistas sobre o Navia, tamén se pode admirar unha pequena fervenza.

 
 

 
CASTRO DE LARXENTES
 
Na aldea de Larxentes, parroquia de Muñís. A 628 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
Situado nun esporón dominando un tramo da bacía do regueiro de Larxentes. Numerosos afloramentos de rochas. Vense tres foxos consecutivos sobre a rocha polo Norte, e catro foxos polo leste; despois do último levantouse unha muralla ou torreón. Un parapeiro foi parcialmente destruído por un cortalumes. Varios aterrazamentos. Dentro do espazo habitable documéntase un pozo escavado na rocha con banzos de acceso. A pesares das xestas e carqueixas que inzan o xacemento obsérvanse restos de construcións feitas con lousas de bo tamaño. Romanizado.

 

 

CASTRO DO TABILLÓN OU DO CHAO DO CASTRO
 
O día 1 de setembro de 2018 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos un novo castro na comarca dos Ancares. Nesta ocasión foi no concello de Navia de Suarna, no lugar coñecido co evocador nome do Chao do Castro, en O Tabillón, na parroquia de Muñís.

 

De forma irregular, sitúase a 358 metros de altitude, sobre un promontorio de pizarra nun meandro que forma o río Rao pouco antes da súa desembocadura no río Navia. Polo norleste e oeste estaba defendido polas fortes pendentes cara os ríos Rao e Navia. O acceso tíñao polo sur. 
 
Na parte superior apréciase claramente que o sito foi achairado, eliminando os afloramentos para adaptalo como asentamento. No único lugar polo que se podía acceder ao interior vese claramente un foxo escavado na rocha. En superficie vense numerosos anacos cerámicos, algúns pertencentes a recipientes de posible uso doméstico. Atópase en bo estado de conservación xa que, ao situarse nun sitio moi agreste, non foi utilizado para traballos agrícolas ou forestais. Dende a cima obsérvase unha impresionante panorámica sobre as montañas circundantes e o río Navia.

 

Este castro estaba orientado, sen dúbida, cara a explotación mineira. Entre este asentamento e o castro, catalogado, de Vilarantón, situados só a unha distancia de dous quilómetros, documéntanse, nin máis nin menos, 15 explotacións auríferas de época romana.
 
Cómpre chamar a atención que, a pesar da súa abundancia, as explotacións mineiras de época romana existentes na comarca dos Ancares son practicamente descoñecidas. Para facernos unha idea da importancia que a zona tivo para os romanos na súa procura de recursos económicos, só no concello de Navia de Suarna documéntanse 50 explotacións auríferas, 47 nas inmediacións do río Navia. En Cervantes contabilizamos 55 da mesma época, 7 en Becerreá, 6 en Pedrafita do Cebreiro e 1 nas Nogais, esta última no límite con Pedrafita.

 

No castro consérvase unha alvariza (nos Ancares recibe o nome de cortín) duns 12 metros de diámetro, unha rexa construción utilizada para protexer as colmeas dos depredadores. A alvariza, claro está, é moi posterior ao castro.

 

O achado foi comunicado a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan a catalogalo e a incluílo no Inventario de bens patrimoniais de Galicia. 


 
CASTRO DE VILARANTÓN
 
En Vilarantón, na parroquia de Muñís. Atópase sobre un esporón do monte de Vilarantón, entre o río Navia e o regueiro de Larxentes. Romanizado. Cuberto por carballos e monte baixo. Pouco alterado.

 

 

CASTRO DAS TORRES
 
En Penamil, sobre o río Navia. Consérvase o topónimo O Castro. Forma tirando a ovalada, duns 40 por 60 metros, con potentes terrapléns en case todo o seu perímetro. O recinto está delimitado por muros de pedra, construídos probablemente en datas moi posteriores. Polo S-O o terreo foi achairado a xeito de antecastro, cunhas medidas de 40 por 25 metros. Nun radio duns 300 metros documéntanse tres explotación mineiras de época romana ás que estaría asociado o asentamento: A Preira, Meduas ou Escarnoega e o Preirón.
 




CASTRO DE PENAMIL
 
Na parroquia de Penamil. A 470 metros de altitude sobre o nivel do mar. A forte humanización impide delimitar o castro con exactitude. Situado nun pequeno outeiro na aldea de Penamil, tería unhas medidas aproximadas de 60 metros no eixo máis longo e 55 metros no menor. Sobre el construíuse a igrexa, o cemiterio, vivendas e un camiño, ademais de estar adicado a labores agrícolas. Aínda se poden ver restos de murallas, feitas de pedra e terra e dun foxo. As pedras foron reutilizadas en distintas construcións. Ao NO da igrexa, xusto por debaixo, atópase a explotación mineira de época romana de O Mede.
 
Ao redor do castro existe unha lenda que di que o lugar foi asulagado por un terrible diluvio, choveu tanto que o río Navia, que discorre a unha altitude 100 metros máis baixa, subiu tanto o seu caudal que arrastrou ata Penamil as pedras que hoxe se ven no castro.
 
 
 

 
O CASTRÍN DE MÉIXAMO
 
En Méixamo, parroquia de Queizán. Situado nun pequeno outeiro dun esporón en interfluvio na marxe esquerda do río Queizán e o regueiro da Figueira. Cuberto por monte baixo.

 


 
COROLA DO CASTRO OU CASTRO DE LIÑARES
 
Na aldea de Liñares, parroquia de Queizán. A 804 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado a media ladeira nun esporón da Serra do Redondal, na marxe esquerda do río Queizán, nunha zona de prados, monte baixo e árbores. Presenta unha planta practicamente circular, cun recinto principal e dous secundarios. Romanizado. Alterado polos traballos agrícolas.
 


 
CASTRO DE AIGAS
 
No lugar das Aigas. Parroquia de Rao. Érguese xunto a estrada que baixa á aldea de Aigas, na serra de Riamonte, na divisoria de augas do río Rao e o rego de Riamonte. Ocupa unha pequena plataforma con planta alongada.
 
A mesta matogueira impide ver se polo acceso, coñecido como o Chao do Castro, tiña algún tipo de defensa, aínda que si se aprecia parte do que puído ser un foxo.
Segundo nos contou a propietaria duha leira próxima ao castro, nos anos corenta ou cincoenta do pasado século XX, mentres traballaban a terra para sementar patacas, atoparon un forno circular e restos de carbón. 
 
No verán do ano 2013, debido a un incendio que asolou a parroquia de Rao, entre outros lugares os montes próximos á aldea das Aigas, o castro foi practicamente destruído polas máquinas encargadas de facer os cortalumes. Visitado o lugar, non acabamos de explicarnos a que veu facer un cortalumes sobre o castro xa que comeza e remata sobre el, sen continuidade.

 
 
 

 
CASTRO DE MEDA OU DO CHAO DA MEDA
 
En Meda, parroquia de Rao. A 568 metros de altitude sobre o nivel do mar. Nun esporón terminal da Serra de Barreiro, na marxe dereita do río Rao, no cume dun pequeno outeiro con afloramentos rochosos, en terreos adicados a cultivo e monte baixo. Romanizado.

 

 
MURIAS
 
Aldea de Murias, parroquia de Rao. 
 
No mes de agosto de 2011 achegámonos a Murias, parroquia de Rao, para informarnos dun posible enterramento megalítico que logo non resultou ser tal. José de Vilarín, o noso informante, díxonos que hai anos atopou un muíño no monte Treitoiro e que un veciño dera con outros no lugar coñecido como As Pereiras. Tamén se atoparon, ao parecer, restos cerámicos.
 
José conduciunos á casa do veciño onde puidemos ver varios anacos de muíños circulares, unha pedra que debía servir para machucar o gran e fragmentos doutras pedras que, por estaren partidas, non logramos identificar.

 
 

 
CASTRO DE PREBELLO
 
En Prebello, parroquia de Rao. Situado a media ladeira sobre un esporón da Serra de Barreiro, na marxe dereita do río Rao. Ten planta alongada. Romanizado. Moi alterado polos labores agrícolas.

 



CHAO DO CASTRO OU CARAMELÓN
 
Na parroquia da Ribeira. Situado a media ladeira da Serra do Chao da Lagúa, na marxe dereita do río Navia. De pequenas dimensións posúe un recinto principal e un secundario a xeito de terraza. Consérvase parte dun foxo. Romanizado. Moi alterado.




CASTRO DE SANTA MARIÑA OU DA HORTA DO CURA
 
En Santa Mariña, parroquia de Ribón. Situado nun pequeno esporón na marxe dereita do río de Cantorcia, nun terreo adicado a pradarías e horta. Amplo dominio visual sobre a contorna, agás polo Leste. Tiña unhas medidas aproximadas de 92 por 54 metrosRestos dun pequeno foxo. Moi alterado pola actividade agrícola e pola reitoral. O día 27 de marzo de 2016 localizamos nunha parte derruída do muro perimetral un anaco cerámico decorado, un anaco de tégula e unha moeda romana, posiblemente do emperador Crispo, datada arredor do 320 d.C.
 
Os achados depositámolos no museo de referencia da Xunta de Galicia en Lugo, no Museo do Castro de Viladonga.



 

 
PENEDO DO CASTRO
 
En Cantorcia, na parroquia de Ribón. A 368 metros de altitude sobre o nivel do mar, á esquerda da estrada local que vai dende A Pobra de Navia ata Moia, preto da coñecida como A Ponte do Castro ubicada pouco antes da estrada que pola dereita sobe ata a aldea de Cantorcia. 
 
Situado nunha pequena península de lousa arrodeada polo río de Moia e o regueiro de Cantorcia. De forma alongada, ten unhas medidas aproximadas de 140 metros de longo e 50 metros na parte máis ancha. A mesta matogueira non impide ver os restos dun parapeito e un foxo que o delimita polo oeste, a parte que dá cara o camiño e o río, a parte máis vulnerable e por onde, posiblemente, estaría o acceso ao recinto. No interior obsérvanse pequenos afloramentos de lousa, mais non indicios de estruturas habitacionais. Encaixado nunha depresión entre montañas, a comunicación visual sobre a contorna é moi limitada.

 

 
OS CASTROS OU CASTRO DE VIRIGO OU SAVANE
 
Entre as aldeas de Savane (Ribón) e Virigo (Vilarpandín). A 699 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado na Serra de Virigo, na marxe esquerda do rego de Vilarpandín, cun amplo dominio visual sobre o castro de Santa Mariña de Ribón Presenta unha planta alongada cun recinto principal de grandes dimensións. Tiña unhas medidas totais de 190 por 80 metros. Ten dous foxos escavados na rocha. No voo americano do 1956-57 vense tres liñas de murallas e foxos polo oeste. Bastante alterado polos labores agrícolas.


 

CASTRO DA VEIGA DA VOLTA OU DA VEIGA VELLA
 
En Robledo do Son, no monte da Veiga Vella, nun meandro do río Ser, a 347 metros de altitude, que fai límite coa parroquia da Ribeira, en Cervantes. De forma alongada, tiña unhas medidas aproximadas de  100 por 65 metros.
 
 
 
 
CASTRO DAS CASAS DO RÍO
 
Na aldea das Casas do Río, parroquia de Son. A 424 metros de altitude sobre o nivel do mar. Érguese nun esporón con afloramentos rochosos formado por un meandro do río Ser, cuberto de monte baixo. Vense tres foxos consecutivos. Romanizado. Comunícase visualmente co castro de Robledo.

 


 
CASTRO DE ROBLEDO
 
Na aldea de Robledo, parroquia de Son. A 543 metros de altitude sobre o nivel do mar.
 
Situado sobre o río Ser, á dereita da estrada que baixa cara as Casas do Río. Nun promonotorio rochoso presenta forma irregular, protexido en case todo o seu perímetro polo desnivel do terreo, agás polo NL, a única parte accesible, onde se aprecia un corte no terreo a xeito de foxo. Non se aprecian restos de murallas nin de estruturas habitacionais. Comunícase visualmente co castro das Casas do Río.
 
Nas inmediación do castro atópase a coñecida como a Penoa, unha pena pola que se guiaban os de Robledo para calcular que hora era cando o sol, ao poñerse, daba nela.

 


MONTE DOS CASTROS
 
En Robledo de Son. O día 26 de febreiro de 2024 informamos a Patrimonio da Xunta de Galicia a existencia dun castro que, a pesar de conservar o topónimo e de figurar nalgunha cartografía, non aparece recollido nos visores patrimoniais da Xunta de Galicia (Plan Básico Autonómico e Aproveitamentos Forestais) nin no PXOM inicial do Concello. Situado a 650 metros de altitude, ten unhas medidas totais aproximadas de 100 por 90 metros, cunha croa na parte sur de 45 por 30 metros. Aínda que o sitio recibe o nome de Os Castros, en plural, só puidemos localizar un asentamento claro. O outro, segundo referencias orais, estaría a uns 350 metros do anterior, nun pequeno outeiro rochoso sobre o rego do Minguelo, tributario do río Navia, ao que non nos foi posible acceder debido á ausencia de camiños á vista, posiblemente tapados, se os hai, pola mestísima maleza.
 


 
CASTRO DE VILELA, TESO DO CASTRO OU TESO DA ERMIDA
 
Na aldea de Vilela. Parroquia de Son. Situado no cumio dun outeiro a 595 metros de altitude, en interfluvio, entre os regueiros do Salgueiral e do Picón, tributarios do río Ser. 
 
Presenta unha planta ovalada cun recinto principal e cinco foxos defensivos cortados na rocha que se visibilizaron cando a súa limpeza en outubro de 2020. Na campaña de 2021, a cargo de Terra Arqueos, baixo a dirección de Luis Francisco López Fernández, saíron á luz sete vivendas case completas (unha cun banco corrido e co muro máis alto documentado ata o momento en Galicia -tería un segundo andar-) e restos doutras cinco, e materiais asociados a época romana como pezas cerámicas de terrra sigillata e unha moeda de bronce. Vense restos de murallas. Sinala Luis que a porcentaxe da parte escavada é moi pequena, adiantando que a súa fundación sería no século II, asociado á exploación do ouro.
 
O nome do Teso da Ermida vén dunha antiga capela posta baixo a advocación de San Martiño, zona qeu se coñecía como Trincheira dos Mouros.
 




CASTRO DE ACEVEDO OU OS CASTROS
 
En Acevedo, parroquia de Vilarpandín. A 650 metros de Altitude, nun esporón entre os regueiros Cernadas e Corveixe, na Serra do Chao de Drada, en interfluvio. Presenta unha planta alongada cun único recinto Aprécianse dous foxos. Romanizado.

   
Mámoas, petroglifos e castros do concello de Navia de Suarna
 
A descrición dos xacementos e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
As imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares