HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DO CONCELLO DAS NOGAIS

CONCELLO DAS NOGAIS

* Castro da Conca. * Castro da Croa. * Castro de Quintá. * O Castro de Sinllán. * O Castro da Fonte do Cando. * O Castro de Vilaesteva. * O Monte do Castro. * O topónimo Doncos. * A Lameira dos Mouros. * Cova de Forcas. * A Cova da Moura. * A Cova do Pando. * A Cova Redonda. * A Cova do Burro. * O Meigallo. * A Pena dos Brazos. * Pena da Campiña. * A Pena Chá. * A Pena Esborrallada. * A Pena Furada. * A Pena da Hucha. * A Pena da Pascua. * A Pena das Señas. * A Pena do Tesouro. * O Chao das Olas e a Leira dos Fornos. * Fonte do regueiro de Forcas. * Maruxa, o muíño e o trasgo. * A Pena do Peido. * A Santa Compaña. * O castelo de Torés. * Casa da fortaleza de Torés. * A torre do Doncos. * Un nome interminable en Doncos. * A orixe do apelido Bolaño. * A Ermida. * O cemiterio do Castelo. * A Cruz de Cerredo. * Igrexa de Santo André das Nogais. * As ferraduras da igrexa de Santo André. * O santuario do San Antón. * A Custodia da igrexa de Torés. * O reloxo de Doncos. * Un roubo sacrílego na igrexa das Nogais. * As campás da igrexa de Noceda. * A Alence. * Noceda. * As Nogais. * O Pando. * Torés. * Vilela. * Luis Antonio Becerra Chao, o curandeiro de Viladicente (1815-1900). * O Fiadeiro. * Para curar as espullas. * Un alicornio en Torés. * O mal bravo. * O mal de ollo. * Coitelo e navalla. * Selo do Concello das Nogais (1876). * O asasinato do xuíz José Ramón Fernández Díaz. * O asasinato de "O Pelegrín". * Unha historia de fuxidos. * Casa das Roxais. * Un fuxido sobreviviu illado durante 40 anos. * A tola. * Traxedia na montaña: unha tormenta histórica nas Nogais. * O marco da Casa de Chancia. * O marco do Val do Solleiro. * O pedáneo. * Non había festa sen liorta. * Liorta en Nullán. * A Feira da Cebola. * A Festa da Cofradería. * Segredo de confesión. * O Souto de Robledo. * O chorco dos lobos. * Un telegrafista nas Nogais, * Un tesouro entre tres fontes. * O pistolón de Don Mario. * Ritual sanguento nunha ferrería do século XVII. * Doncos, Torés, Cancelada e Navia en documentos dos ss. VII e XII. 


CASTRO DA CONCA
 
Na parroquia de Noceda. Dise que un túnel comunica o castro cun pozo que hai ao pé do monte. Estaba habitado polos celtas.

 


CASTRO DA CROA
 
En Vilabol. Nel vivían os mouros que custodiaban un tesouro. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).   


CASTRO DE QUINTÁ
 
Amor Meilán, na súa Geografía General del Reino de Galicia (1928), di que se atoparon pequenas barras de ouro, algunhas vendidas en Lugo.  

 
O CASTRO DE SINLLÁN
 
Atópase no evocador Monte da Medorra, en Sinllán, parroquia de Nullán. A mediados do pasado século XX apareceu na aldea de Sinllán un mozo na procura de traballo. Un veciño, a cambio de cama e mantenza, propúxolle que lle coidara do gando. O home aceptou. Día tras día, o descoñecido guiaba o gando cara os prados do castro. Canda el levaba sempre un misterioso libro que non mostraba a ninguén. Segundo as testemuñas, ao chegar ao lugar escavaba eiquí e acolá cunha aixada, e así un e outro día, fose laborable ou festa de gardar. Mais un bo día o mozo non regresou á aldea. No lugar onde o viran por última vez só atoparon a aixada e unha gran focha onde, din, se agochaba un tesouro.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


O CASTRO DA FONTE DO CANDO
 
Na aldea da Fonte do Cando, parroquia de Santo André. Dise que no castro hai agochado un xugo de ouro.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O CASTRO DE VILAESTEVA
 
En Vilaesteva, parroquia de Torés. Uns veciños contáronnos que no "tempo da fame" (despois da Guerra Civil), ante a escaseza de gando para facer o esterco, o único xeito de fertilizar a terra era con cinsa. Para elo "facían a tola" que consistía en amorear terróns secos mesturados con leña que queimaban e logo esparexían polo campo onde sementaban centeo e avea. Nunha ocasión, ao rematar a operación de queimado, apareceu baixo a cinsa unha vasilla feita anacos, pero o que máis chamou a atención foi un po moi brillante que, disque, ero ouro.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O MONTE DO CASTRO
 
No moi lonxe do castelo de Torés hai un monte coñecido como o Monte do Castro onde aínda se poden ver os restos dun asentamento da Idade do Ferro. No castro vivían os mouros (a uns 400 metros está a Cova da Moura) e que un túnel comunicábao co castelo de Torés e o río.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


O TOPÓNIMO DONCOS
 
Algúns investigadores sitúan a gentilitas dos Desoncos en Duancos, que identifican co Doncos de As Nogais. García de la Riega, en Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia (1904), di que, aínda que a maior parte dos escritores identifican o vocábulo Desoncos co Doncos de As Nogais, trátase dun erro debido á analoxía de ambas as dúas voces, pois os Desoncos pertencían á xente dos zoelas, mentres que Doncos era localidade dos Seurros. Polo tanto, este autor inclínase por situalos en Duancos, parroquia do concello de Castro de Rei. Schulten, Bosch Gimpera, López Cuevillas, Hübner e Monteagudo, entre outros, sitúan aos zoelas cara Bragança (Portugal), con capital no castro de Avelaes, tese da que participan as últimas investigacións que amplían a área cara o leste, ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e ata Miranda do Douro.  Polo tanto, nin os Desoncos habitarían a zona das Nogais, nin os Zoelas a de Becerreá. 

 

 
A LAMEIRA DOS MOUROS
 
Na parroquia de Santo André das Nogais. Na paraxe da Senra, lugar coñecido tamén como O Lameirón. Apareceron varias tumbas con laxes cubertas con tampas, disque algunha cunha inscrición. 


COVA DE FORCAS
 
Situada na vertente que mira cara a aldea do Lago. Cóntase que despois da Guerra Civil se agochaban os fuxidos. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).   


A COVA DA MOURA
 
Atópase a pouco máis de 400 metros en liña recta do castro de Torés, situada nas inmediacións do regueiro da Moura, da que se di comunicaba por un túnel co castelo e o castro. Un día, unha moza que estaba a coidar das ovellas nas proximidades dunha pena en cuxo bico nace un manancial e que disque foi levada ata alí por unha moura, dixo: "Moura, dáme a túa riqueza". Foi pronunciar estas palabras e alí se lle apareceu este mítico ser quen lle dixo que se quería ver cumprido o seu desexo tiña que ir para a casa pero que baixo ningún concepto podía ver, ata chegar, o que levaba envolto no mandil. Mais á rapaza superouna a curiosidade e polo camiño quixo comprobar que agochaba no mandil. Nada máis abrilo, o único que viu foi un montón de cagallas de ovella. Desilusionada, sacudiuno para limpalo. Mais cal foi a súa sorpresa que cando chegou á casa viu que un par de cagallas se converteran en moedas de ouro. Ela mais a nai volveron onde sacudira o mandil, pero xa non atoparon nada. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


A COVA DO PANDO
 
Na parroquia de A Alence. Disque que nesta cova eran arroxados os soldados do exército napoleónico durante a Guerra da Independencia. Cóntase que só un soldado conseguiu escapar con vida, meténdose por un sumidoiro que dá ao regueiro da Fontela. Unha moza, que estaba a gardar o gando, cando o viu acodiu no seu auxilio, levándoo ata a aldea de Forcas onde os veciños lle curaron as feridas. Mais o seu sino viña marcado, ao día seguinte partiu cara o Hospital da Condesa, en Pedrafita do Cebreiro, onde foi apreixado e logo decapitado.  (Foto do ano 1988 achegada por Luis López Pombo).

 

 
A COVA REDONDA
 
Na parroquia de Torés. En tempos tiraban nela os animais mortos. Contan que unha vez meteran unha cadela que foi saír á croa do castro de Torés. Nunha ocasión caeu nela unha vaca que estaba para parir; conseguiron sacala e pariu ben. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


A COVA DO BURRO
 
Na parroquia de Torés. Dise que nela tiraban os animais mortos. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).  


O MEIGALLO
 
En Noceda dicíase que as meigas quitaban a saúde á xente e as ganas de comer, tiñan pauto co demo ou estaban revestidas do demo. 


A PENA DOS BRAZOS
 
Actuaba como divisoria entre Vilabol e Quintá. Trátase dunha colosal rocha e cuarcita que recibe o nome porque da enorme mole semella que parten dous brazos.  (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


PENA DA CAMPIÑA
 
Na parroquia de Torés, non moi lonxe da Cova da Moura. Trátase dunha enorme pena de xisto que se atopa apoiada sobre outras catro de menor tamaño. Na parte máis alta da rocha hai unha profunda pía con auga que, disque, nunca seca. Segundo a lenda, a pena subiuna unha moura mentres fiaba na roca. A señora Amada, de Torés, contounos que nesa auga a xente lavaba as mans para curar as espullas mentres se recitaba: "Auga de pena sol que se enxuga, quítame deiquí esta verruga". (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


A PENA CHÁ
 
En Santo André das Nogais. Dise que debaixo ten unha ola de ouro e outra de alcatrán. Se non tes sorte e das coa de alcatrán arden sete leguas ao redor. (Achegada por Abel Arias Alba). 


A PENA ESBORRALLADA
 
Na Serra do Rañadoiro, atópase na fileira de penas ou riscos entre o Pico do Corvo e a Pena Grande. Como ben indica o nome, está esborrallada o que aproveitaron os veciños de Fronfría para construír as súas casas, airas e muros. Arredor dos anos 1969-1971 foi dinamitada pola empresa Fenosa polas obras dunha liña de alta tensión. (Achegada por Luis López Pombo).     


A PENA FURADA
 
En Lama da Vila. Trátase de dúas covas, unha tapada na actualidade. Cóntase que dende eiquí baixaban os mouros cara San Martín da Ribeira (Cervantes) para roubarlle as vacas aos gandeiros do val. As mulleres dicíanlle: "Pisade allo, pisade allo, que carne imos traer". Tamén se conta que unha moza que estaba embarazada foi a parir á pena, deixando alí ao recén nado; a nai da rapaza subiu ata o lugar, crendo que ía atopar morta á criatura, mais cal foi a súa sorpresa ao ver que estaba viva. (Achegada por Abel Arias Alba máis a súa nai). Ignacio Ruiz López (que nos achegou a foto) conta que durante e despois da Guerra Civil serviu como refuxio dos fuxidos. 

 


A PENA DA HUCHA
 
Situada nun dos montes máis elevados que arrodean o fermoso val de Torés. Esperabamos atopármonos, como indica o nome, cunha especie de gran caixa escavada na rocha que agocha un tesouro, ou cunha arca ou anta dun enterramento megalítico. Nin unha cousa nin a outra. De onde vén o nome? Ninguén o sabe, e se alguén o sabía xa non se atopa entre nós. Un misteiro máis que, temémonos, quedará sen resolver.  (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


A PENA DA PASCUA
 
A Pena da Pascua atópase a 1.114 metros de altitude. Na cartografía figura no concello das Nogais, mais o veciños de Triacastela din que está no seu territorio. A verdade é que metro arriba metro abaixo, sitúase entre As Cruces (As Nogais) e Lamas (Triacastela).
 
Contáronnos que recibe o nome porque por Pascua (a festa que celebra a resurrección de Cristo) os veciños subían ata a pena para depositar distintas ofrendas que colocaban nunha especie de fornelas escavadas na pedra, e tamén fritían ovos. No tremor acontecido no mes de maio de 1997 gran parte da rocha escachou en anacos, destruíndo as fornelas. A carón da pena, arrodeada pola maleza, amoréanse as pedras desprendidas polo tremor.
 
Non é a única Pedra da Pascua da comarca. En Becerreá, nas abas da Serra do Pico, na parte que baixa cara a parroquia de Vilouta, hai outra co mesmo nome. Contáronnos que xunto dela xantaban os pegureiros que coidaban das ovellas. Na pena hai unha especie de banzo onde se xuntaban os mouros. 
 
No concello de Lugo, entre Marcoi e Camoira, hai outra que tamén recibe este nome. E na parroquia de Ferreiros, en Paradela, están as mámoas da Pena da Pascua; en tempos, os veciños que pasaban diante da necrópole tiñan o costume de coller un puñado de terra, bicala e guindala sobre as mámoas. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).  


A PENA DAS SEÑAS 
 
Na cartografía oficial figura como Pena de Taras, nome polo que ningún veciño a coñece. Actuaba como divisoria entre as aldeas de Riomao e Vilabol, lindes que aínda hoxe en día están en litixio. O microtopónimo, no presente caso, non admite dúbidas.

 

 
A PENA DO TESOURO
 
Máis ca unha pena é unha sucesión de grandes rochas xistosas que semellan unha poderosa muralla natural. Actuaba como liña divisoria entre Riomao e Viladicente. Din que nalgún sitio está agochado (como non!) un fabuloso tesouro que ata o presente ninguén foi quen de atopar. 

 


O CHAO DAS OLAS E A LEIRA DOS FORNOS
 
Na parroquia de Santo André das Nogais. No lugar apareceron restos cerámicos. Un pouco máis arriba hai unha cova escavada na rocha das que se di aparecíase unha muller cantando acompañada por lobos. (Achegada por Abel Arias Alba).     


FONTE DO REGUEIRO DE FORCAS
 
O regueiro nace a uns 600 metros da Casa de Chancia (Nullán), na cima dun prado de Sabugos. Levaba a auga por un rego ata a dita casa, que logo foi encanada polo pai do escritor e investigador Luis López Pombo. Na fonte había unha lenda que dicía que na galería da rocha onde nace había agochadas tres olas de barro, unha tiña mirra, outra ouro e a terceira unha serpe grande e perigosa. O caso foi que o avó de Luis, Baldomero Pombo Aira, e máis un criado que había na casa, andiveron cavando e quitando cascallos da galería. Deron cunha lousa, pero que non tiña ouro senón unha víbora viva. 


MARUXA, O MUÍÑO E O TRASGO
 
No camiño entre Santo André e Lama da Vila baixa un regueiro onde noutro tempo houbo algúns muíños. Un destes muíños traballaba día e noite para que moeran os veciños que viñan dende os pobos dos arredores. Tal foi o caso de Maruxa, unha muller de Lama da Vila que á atardecida dun día do mes de decembro, con vento e choiva, sentou a carón da lareira para quentarse, á espera de que rematara a moenda. O muíño, do que aínda se poden ver as súas ruínas, era un edificio escuro cuxa única claridade a proporcionaban a luz que entraba por dúas pequenas bufardas polo día e polo lume da lareira durante a noite. Pola media noite entrou no muíño un home moi alto, cuberto por unha capa negra e unha carapucha que, entre a penumbra, non lle permitira verlle a cara a Maruxa para saber de quen se trataba. O descoñecido sentouse nun escano fronte a muller e comezou a sacar alimachas dun cesto e a cravalas nun espeto. Morta de medo, Maruxa miraba para o home mentres asaba no lume as alimachas. Despois dun chisco, o estrano púxose a comer as alimachas asadas. Foi entón cando Maruxa puído ver uns dentes desfigurados e longos. Mentres o miraba atemorizada, unha voz que semellaba vir do inferno saíu da gorxa do home: "Asadas e revoltas, Maruxiña... Queres delas?". Maruxa, presa polo pánico, fuxiu do muíño, correndo ás escuras polo camiño da Senra e deixando detrás dela a moenda na moxega e a besta no alpendre do muíño, correndo o máis rápido que lle permitían as súas pernas para alonxarse do trasgo. (Achegada por Abel Arias Alba). 


A PENA DO PEIDO
 
No monte da Chouliña, na parroquia de A Alence, enfronte de Pando, e preto do risco de penas da Serra do Rañadoiro, pero xa na vertente das Nogais. É de forma circular, a modo de mesa camilla. Cando había rabaños de cabras e ovellas os pegureiros subíanse a ela para gardar o gando e espaventar o lobo. (Achegada por Luis López Pombo). 


A SANTA COMPAÑA
 
Lisón Tolosana recolleu en Doncos que as ánimas (as da noite) que saían nas procesións nocturnas eran de defuntos da parroquia e que saían do cemiterio parroquial.  


O CASTELO DE TORÉS 
 
O arruinado castelo de Torés atópase na parroquia do mesmo nome, no concello de As Nogais. Data do século XV, se ben hai autores que sitúan a orixe antes de mediados do século VIII. Mantense en pé unha arruinada torre duns 18 metros de altura e os restos das murallas cuxas pedras foron reaproveitadas posteriormente noutras construcións. Dise que na época de maior esplendor chegou a ter 1.300 homes de a cabalo, número, coidamos, un chisco esaxerada. A fortaleza vai unida ás familias dos Ribadeneira e dos Bolaño.

 

Cóntase que cando os discípulos do Apóstolo Santiago chegaron a Iria Flavia (Padrón) cos restos do santo, achegáronse ao castelo Lupario (o castro Lupario ou de Francos, entre Brión e Rois) da viúva raíña Lupa para solicitarlle axuda para trasladar o seu corpo. Lupa díxolles que tiñan que pedir autorización a Filotio, legado do emperador de Roma. Mais este, desconfiado, ordenou prender aos discípulos e guindalos a un escuro alxube do que foron liberados por un anxo. As lexións romanas saíron na súa busca e, cando xa estaban a piques de collelos, a ponte que viñan de cruzar os seguidores do Apóstolo derrubouse, impedindo así o paso dos perseguidores. Ao enteirarse do feito, Lupa converteuse ao cristinanismo.
 
Outra versión narra que a raíña deulle uns bois e un carro para transportar ao Apóstolo, mais, cando chegaron ao Illicino (o Pico Sacro) os bois transmutáronse en touros bravos. Os atemorizados discípulos, prevendo a súa fin, fixeron o sinal da cruz e os touros amansaron. Para conmemorar o prodixio, Lupa mandou construír o castelo de Torés como totem aos touros que transportaban o corpo do santo. E dos touros lle veu o nome a aldea: Torés. 
 
Outra lenda, relatada por Frei Xerónimo Pardo en Historia del Apóstol Santiago (1658), afirma que da fortaleza foi dono Lobo Loberio, señor tamén do castelo Lupario, nomeado Régulo por Augusto. O seu fillo, Loberio Rivano, casado con Caia Valeria, tiña un pazo preto de Vigo. Un día, estando xunto o mar, viu a nave que conducía os restos de Santiago e un resplandor no ceo en forma de cruz. O cabalo que montaba meteuse no mar e Loberio saíu con varias cunchas apegadas á roupa. Desta lenda xurdiu a pedra de armas dos Ribadeneira, señores de Torés, que ten unha cruz en cuxos brazos hai unha cuncha.

 

Outra das liñaxes de sona provenientes do castelo de Torés son os Bolaño apelido que, etimoloxicamente, quizais proveña do nome persoal Bullanius (nalgunhas partes de Galicia tamén chaman así ao xastre). Mais a tradición e a lenda dalle outra orixe. Conta Felipe de la Gándara no seu Nobiliario, armas y triunfos de Galicia... (1672) que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida dabondo para aguantar o tempo que fixera falta, argucia que enganou aos árabes que decidiron retirarse. Semellante relato describe o canónigo Xoán Pallares en Argos Divina (1700). Teodosio Vesteiro Torre, en Recuerdos de Galicia (1896), precisa que o asedio aconteceu nunha das últimas mañás de setembro do 997, e que o señor de Torés non se chamaba Diego senón Fernando. Amor Meilán, en Historia de Lugo y su provincia (1918), outorga o protagonismo ao conde Pallares no ofrecemento do pan e ao conde Bolaño o do año. Un cadro de Modesto Brocos, presentado na Exposición de Bellas Artes no ano 1887, reflicte a defensa de Lugo, lenzo que formaba parte da pinacoteca do Centro Galego da Habana e do que na actualidade nada se sabe. Di Vázquez Seijas que da defensa que Diego Bolaño fixo da igrexa e da cidade de Lugo hai constancia en moitas bulas e concesións de grazas con que os pontífices honraron a el e á súa casa de Torés. O Licenciado Molina, na súa Descripción del Reyno de Galizia... (1549) refírese ao conde Bolaño nestes versos: "También en Galicia vereis los Caamaños/Notorios solares y buenos hidalgos/Hay otros antiguos que son Aguilares/Que ya de muy lejos se pierden los años/Con estos se abrazan los viejos Bolaños". Deste episodio vén que os Bolaño teñan na súa pedra armeira un bolo e un año.

 


CASA DA FORTALEZA DE TORÉS
 
Estaba nas inmediacións do castelo de Torés, dentro do recinto amurallado. López Pombo conta que sufriu un incendio no ano 1834 no que morreron tres homes, e que as súas peddras foron reutilizadas noutras construcións. No cemiterio parroquial foi enterrado no ano 1907 Camilio Lage López, "natural de la fortaleza de Torés", de nove anos, fillo de Marcial Lage Doval e Valentina López Pardo, naturais dolugar de Medo. 


A TORRE DE DONCOS 
 
Situada na parroquia de Doncos, concello de As Nogais. Coñecida tamén co nome de Agustín polo lugar onde se atopa. Erixida no século XIV á beira do río Navia para defender a entrada a Galicia. A finais do século XIV era dono García Rodríguez de Valcarce, Adiantado Maior de Galicia, señor de Sarracín, Corullón e Montefurado, bens herdados da súa nai Constanza García. No ano 1603, sendo o seu propietario Fernando de Toledo, xa ficaba medio arruinada. Do antigo castelo continúa en pé a Torre da Homenaxe cunha altura de 24 metros.

 

Tamén recibe o nome da Grupa pola lenda que narra que durante a Reconquista un dos trece cabaleiros que estaban a defender aos peregrinos que ían a Santiago de Compostela viu como unha parella de cristiáns, home e muller, era atacada por un grupo de malfadados sarracenos. Un deles tomou prisioeira á moza, e con ela montada na anca do seu cabalo tentou fuxir. Mais cando o árabe xa estaba a piques de ser atrapado polos cabaleiros, desenvaiñou o seu alfanxe e, dun talo, degolou á muller para que ninguén máis gozase da súa beleza.  


UN NOME INTERMINABLE EN DONCOS
 
O Pazo de Doncos é un edificio neoclásico do século XIX. Foi incendiado durante a Guerra da Independencia. Foi vivenda do primeiro e único marqués de Vilapún, de interminable nome que, por curioso, reproducimos integramente: José Bruno Antonio Francisco León Manuel Adonay Magdalena García de Vilouta, Santin y Valcarce, López Montenegro, Evia Miranda Sierra y Cienfuegos. 


A ORIXE DO APELIDO BOLAÑO
 
Etimoloxicamente quizais proceda do nome persoal Bullanius. Para Carré Alvarellos é un diminutivo de bouza, latín baltea. Outros autores fanno derivar do latín bolanus e do grego Bola, antiga cidade do Lacio, máis o sufixo latino aneus, nativo de. Nalgunhas partes de Galicia tamén chaman así ao xastre. Mais a tradición e a lenda dánlle outre orixe a este apelido que levaron algúns dos señores do castelo de Torés. Conta Felipe de la Gándara, na súa Armas y Triunfos de Galicia, que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida dabondo para aguantar o tempo que fixera falla, argucia que enganou aos árabes que optaron porretirarse. Semellante relato describe o doutor Pallares na súa Argos Divina. Teodosio Vesteiro Torres, en Recuerdos de Galicia, precisa que o asedio árabe aconteceu nunha das últimas mañás de setembro do 997, e que o conde Bolaño non se chamaba Diego senón Fernando. Amor Meilán, en Historia de la provincia de Lugo, outorga o protagonismo ao conde Pallares no ofrecemento do pan e ao conde Bolaño o do año. Un cadro de Modesto Brocos reflicte a defensa de Lugo, lenzo que formaba parte da pinacoteca do Centro Galego da Habana e do que na actualidade nada se sabe. De aí que os deste apelido teñan na súa pedra armeira un bolo e un año. O Licenciado Molina refírese a el nestes versos: "También en Galicia vereis los Caamaños/Notorios solares y buenos hidalgos/Hay otros antiguos que son Aguilares//Que ya de muy lejos se pierden los años/Con estos se abrazan los viejos Bolaños". Di Vázquez Seijas que da defensa que Diego Bolaño fixo da igrexa e cidade de Lugo hai constancia en moitas bulas e concesións de grazas con que os pontífices honraron a el e á súa casa de Torés, entre outras unha de Constantino I datada o 15 de decembro do 714, e confirmada polos papas Gregorio II e Gregorio III. 

 


A ERMIDA
 
Lugar divisorio entre as parroquias de Torés e Vilaicente (As Nogais) e Morcelle e Guillén (Becerreá). Segundo a tradición, eiquí reuníanse os curas das catro parroquias para comer. No sitio hai unhas pedras que disque pertenceron aos alicerces dunha antiga capela. (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O CEMITEIRO DO CASTELO
 
O cemiterio do Castelo atópase na poboación do mesmo nome, na parroquia de Doncos. Dise que antigamente o castelo estaba en Doncos. Cóntase que o cura mailo señor do pazo que hai no pobo eran inimigos irreconciliables polo que, cando morreu a muller do último, o sacerdote negouse a darlle sepultura no cemiterio de Doncos. Foi entón cando o señor levou o corpo da súa esposa a soterrar no actual do Castelo, onde había un antigo castro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


A CRUZ DE CERREDO
 
Lugar situado no monte da Medorra de Cerredo (polo de agora non atopamos ningunha mámoa, só temos o topónimo), entre Vilavexe e Lama da Vila. Ata non hai moitos anos había unha cruz de madeira, hoxe en día desaparecida. Contáronnos que cando morría alguén de Vilavexe, o defundo era transportado coa cara mirando á aldea, e ao chegar á cruz dábanlle a volta ao cadaleito para que mirara cara a igrexa parroquial de Santo André. Dise que polo lugar transita a Santa Compaña.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


IGREXA DE SANTO ANDRÉ DAS NOGAIS
 
Segundo a tradición, xunto a igrexa parroquial de Santo André das Nogais existiu un antigo eremitorio convertido en mosteiro e do que non quedan restos visibles nin documentais.
 
A igrexa conserva restos de tres estilos arquitectónicos, os máis antigos van dende o século VII ao século IX. Tanto no exterior coma no interior pódense ver varios elementos decorativos. Nun dos contrafortes do edificio hai insculpidos un círculos concéntricos con coviña central, apreciándose tamén dous radios que parten dela.
 
No interior vese unha porta, tapiada na actualidade, que recibe o nome de Porta da Penitencia. Descoñécese con exactitude a que debe o nome, uns din porque era utilizada polos monxes do primitivo cenobio para facer penitencia, outros que por ela pasaban os reos para expiar os seus pecados. Tamén dentro hai unha Virxe que popularmente recibe o nome de Virxe da Portería que hai moitos anos levou o cura para non se sabe onde por motivos, dixo, de seguridade; cando a imaxe volveu de novo, os veciños aseguraron, e os que coñecían a talla continúan a asegurar, que non se trataba da orixinal.
 
Hai anos, cando a reforma e ampliación do cemiterio que arrodea a igrexa, saíron á luz varias tumbas feitas con laxes que foron destruídas. Descoñécese tanto a época de pertenza como a quen enterraban nelas. Uns din que puideron corresponder aos monxes que habitaban no mosteiro, hipótese que non convenceu a todos os veciños xa que tamén apareceron tumbas de pequeno tamaño que se dicía eran onde enterraran aos fillos dos monxes. 
 
Dous canzorros que se hai debaixo do aleiro da ábsida románica, din que representan á Sede e á Fame, alegoría do duro que era o traballo nestas terras.  
(Achegado por Anxo, o cura párroco).

 


AS FERRADURAS DA IGREXA DE SANTO ANDRÉ
  
Os rapaces teñen ese don da curiosidade para preguntar sobre cousas ou detalles que lles chaman a atención. Unha desas curiosidades dos nenos da parroquia de Santo André era saber que eran as marcas que hai insculpidas nas pedras da porta da igrexa. Cando lle preguntaban ao cura o significado daquelas marcas en forma de ferradura, unhas postas a un xeito e outras ao outro, contáballes: "Cando naceu Cristo, Herodes deu a orde de matar a todos os recén nados. Enterada a Sagrada Familia da orde ditada polo rei, a Virxe, San Xosé e o Neno fuxiron do portal de Belén a lombos dun burriño. Entón, para desorientar aos soldados que os perseguían, cambiaron as ferraduras do burro de xeito que as marcas das pegadas fixeran un rastro ao revés do camiño que eles levaban". (Achegada por Abel Arias Alba). 

 


O SANTUARIO DO SAN ANTÓN
 
Na parroquia de Vilavexe. A festa celébrase o 17 de xaneiro e o 13 de xuño. Algúns devotos seguen ofrecendo produtos derivados do cocho que se poxan ao rematar os oficios relixiosos. 

 


A CUSTODIA DA IGREXA DE TORÉS
 
A igrexa de San Xoán conserva unha custodia do século XVIII coa inscrición: "Diolo don Pedro de Bolaño señor de Torés y Junqueras. Año 1667". Contáronnos que cando unha persoa estaba a punto de morrer, e cando o cura lle administraba a Extrema Unción, dábanlle a custodia ao doente.  (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


O RELOXO DE DONCOS
 
Situado na fachada da igrexa de Santiago de Doncos, no ano 2019 cumpriu 111 anos. Cando hai máis dun século unha rica viúva emigrane lle ofreceu aos veciños a traída da auga ou o reloxo, optaron polo segundo. Non ten motor e posúe un mecanismo que axuda a predecir os fenómenos meteorolóxicos. Durante moitos anos estivo adiantado cinco minutos para evitar que os veciños perderan o autobús. Utiliza o sistema Canseco.

 


UN ROUBO SACRÍLEGO NA IGREXA DAS NOGAIS
 
A igrexa de Santa María Madanela das Nogais foi construída no ano 1858. Ten planta rectangular con nave, presbiterio e sancristía. Cuberta a dúas augas, con tellado de lousa sobre armadura de madeira. Porta lateral alintelada. Conserva unha imaxe de María Madalena do século XVIII procedente dun retábulo desaparecido. No Museo Diocesán de Lugo consérvase un crucifixo prerrománico con trazas bizantinas.
 
Segundo noticia recollida o día 2 de agosto de 1922 polo xornal El Compostelano, ao ir dicir misa o cura párroco, don Crisanto Suárez Fernández, viu que a porta da igrexa fora violentada. En compañía de varios fregueses entrou no interior, comprobando que levaran un copón, un colar de "doublé", un rosario, tres petos para as esmolas con cartos, un portaviático de prata e uns pendentes de ouro. As Sagradas formas foran profanadas. Os petos abertos foron atopados nas inmediacións pero sen cartos, e tamén a rella dun arado, ferramenta que ao parecer utilizaran os ladróns para forzar a porta. Non se soubo quen foron os autores. 

 


AS CAMPÁS DA IGREXA DE NOCEDA
 
O sacristán de Noceda tocaba as campás para arrenegar o trono. Cando vía vir o trebón estando no campo ía correndo para a igrexa. Daba dous golpes cunha campá e outro coa outra, ritmicamente, "xogando coas campás", e recitaba: "Tente trono/tente ti/que Dios pode/mais que ti./Garda viño/garda pan". 

 


A ALENCE
 
No ano 1889 o alcalde e ao tempo xuíz de paz das Nogais, Manuel Núñez Saavedra (que fora líder carlista), e outros veciños solicitaron ao bispo de Lugo para que A Alence tivese cura, e que A Alence, As Cruces, Pando e Vilarín se converteran en parroquia e así poder segregarsee de Torés. A Alence, como parroquia, data do ano 1890. 


NOCEDA
 
Citada como Nuceta no ano 921, e como Noceta no 1065. Foi suprimido como Concello no ano 1840, pasando a formar parte do de Doncos. 


AS NOGAIS
 
No ano 1874 era alcalde maior da vila das Nogais e xurisdición de Torés Francisco Osorio y Sarmiento, tal como figura nun documento de fidalguía expedido a favor de Gonzalo Ramón Gómez de Bolaño Ulloa Ribadeneira y Lobera, señor da casa de Horta (Agüeira-Becerreá). Na división municipal do ano 1835, As Nogais comprendía as parroquias de Santa María Madalena, Santo André, Quintá, Torés e Vilaicente. Na reforma xudicial e municipal do ano 1840 foi suprimido o concello das Nogais, pasando a formar parte do de Doncos. Xa aparece como concello no ano 1845. Durante un tempo, o Concello estivo en Vilela, na Casa do Trobo, coñecida tamén como Casa de Pío.  

 
O PANDO
 
É un núcleo de poboación pertencente á parroquia da Alence. No ano 1818 vivía no Pando un matrimonio fidalgo que habitaban a casa coñecida como Casa do Fidalgo, segundo consta nun testamento outorgado o 25 de xuño por José Álvarez, casado con María Díaz de Ribera. 


TORÉS
 
Citado no ano 982 como Turres e tamén como Tures ("in Navia, villa dicta Tures"). Fernando de Herbón y Vivero, da casa de Cormes (Becerreá) desempeñou o cargo de alcalde maior perpetuo de Torés, por virtude de cesión que lle fixo o seu primo Fernando Bolaño Ribadeneira, señor de Torés, segundo consta na escritura de capitulacións matrimoniais outorgada o 18 de marzo de 1640 ante Juan López. Foi cabeza de xurisdición, pertencente primeiro aos Bolaño e logo aos Bolaño-Ribadeneira. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785), a xurisdición de Torés comprendía as freguesías de Agüeira, Fonfría, Guillén, Morcelle, Santo André, Santa María Madalena das Nogais, Ousón, Quintá, Tortes e Vilaicente. O conde de Amarante era quen nomeaba xuíz ordinario, figurando como última marquesa María Josefa de los Cobos Bolaño-Ribadeneira, casada con Fernando Gayoso, conde de Amarante. No ano 1784 era alcalde maior da vila das Nogais e xurisdición de Torés Francisco Osorio y Sarmiento, tal como figura nun documento de fidalguía expedido a favor de Gonzalo Ramón Gómez Bolaño Ulloa Ribadeneira y Lobera, señor da Casa de Horta.  (Foto do Val de Torés de Miguel Ángel Fernández Revaldería).

 


VILELA
 
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilabol. Durante algún tempo, eiquí estivo o Concello das Nogais, na Casa de Trobo, coñecida tamén como Casa de Pío. Segundo López Pombo, nela vivía José Pérez do Trobo do que se conservan documentos no Arquivo Histórico Provincial de Lugo dende o 1796 ao 1803. 


MONTE DAS TRAVESAS
 
Sobre este monte existe un litixio que se remonta ao ano 1867, cando o xulgado de Becerreá ditou que 82 hectáreas que reclamaban os vecios da Pintinidoira pertencían a Pedrafita do Cebreiro. Os das Nogais presentaron como proba o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII.  


DITO DE VILAICENTE
 
Segundo un dito popular: "En Vilaicente matan o gando e aran coa xente".        


LUIS ANTONIO BECERRA CHAO, O CURANDEIRO DE VILADICENTE (1815-1900) 
 
Luis Antonio Becerra Chao naceu en Viladicente (As Nogais) o 4 de agosto de 1815, fillo de don Domingo Becerra Maceda, de Viladicente, e de María Chao López, do lugar de Pallarvello, actual parroquia de San Xoán de Padornelo, en Pedrafita do Cebreiro, por aquelas datas freguesía de Santa María Madanela do Poio. Á idade de 21 anos alistouse na Compañía de Voluntarios formada nas Nogais para perseguir aos carlistas, sendo miliciano durante bastantes anos na zona de Pallar de Xubín (Ourense), onde tivo grande amizade cun médico da zona. Falecido este contraeu matrimonio coa súa viúva Manuela Mourenza, regresando a Viladicente onde anos máis tarde quedou viúvo. Logo contraeu matrimonio con Manuela Peral, natural de Ferreiros de Valboa (Becerreá), non quedando dos mesmos descendencia. 
 
A Luis Antonio Becerra Chao parece que se lle daba ben a medicina, mesmo preparara algún composto que el mesmo comercializaba por Galicia e León, aparte de practicar a arte de extraer moas. Non obstante, a súa fama vén de terlle extraído unha moa á raíña Isabel II, extracción que realizou no Mesón Herbón das Nogais o 14 de setembro de 1858, feito polo que se lle concedeu a Cruz de la Orden de Isabel la Católica. Del consérvanse no Museo Provincial de Lugo dous pequenos retratos de autor ou autores anónimos, nun aparece a inscrición que di: "El facultatibo D. Luis Antonio Becerra y Chao, Caballero de la Orden Americana". Tamén fora nomeado Caballero descubierto, é dicir, tiña o privilexio de non descubrise diante dos reis.
 
Home intelixente e curioso ao mesmo tempo, que ao parecer vivira dez anos en Madrid. Do mesmo había nunha casa de Vilar de Ousón un degarrotipo que se perdeu cando aínda hai poucos anos procederon á súa limpeza, sendo borrada a imaxe. Como datos curiosos dicir que no Monte da Trapa construíu dous pozos onde se refuxiaban os xóvenes, pero que a verdadeira función dos mesmos era para que neles caesen os lobos, é dicir, algo semellante aos fosos dos lobos tan comúns nas zonas de Sarria e do Incio, e que por aquelas datas habíaos a fatos. A tradición familiar recolle cousas tan curiosas del que mesmo mandou facer o seu propio ataúde, que logo regalaba aos veciños que o precisaban, e así unha e outra vez. Deixou dito que unha vez falecido, mentres estivese de corpo presente, a campá de Viladicente tocase todo o tempo a defunto, para que así fose escoitada polas xentes que pasaban polo Camiño Real de Castela a Galicia. Do mesmo díxose en varias ocasións que foi alcalde de As Nogais e Xuíz de Paz, datos que polo de agora non foron documentados.
 
No 1854, ante o notario de Becerreá don Domingo María Gómez, foi outorgada venta por parte de María Pombo e o seu fillo Manuel Méndez Pombo a favor de Luis Antonio Becerra y Chao dunha peza de terreo en San Pedro de Quintá, que comprende un prado e labradío denominada Cortiña da Fonte, pechadas sobre si, dunha fanega e media de superficie, no prezo e cantidade de oitocentos reás. Este mesmo señor, en 22 de xaneiro de 1861, vendeu a Fernando Rodríguez, veciño do lugar de Louzarela, a renda de catro fanegas de centeo que anualmente pagaban os herdeiros de Fernando Rodríguez, impostas sobre bens e sitios no pobo da Porfía, no prezo de 960 reás. 

 

Acta sacramental do bautismo de Luis Antonio Becerra Chao 
 
"En los seis días de agosto del presente año de mil ochocientos quince, yo Don Jose Fernandez Quiroga, Presbitero Vicario en esta Feligresía de San Juan de Villadicente bauticé solemnemente un niño que naciera a quatro de agosto, hijo lexitimo de D. Domingo Becerra y de Dª María López, abuelos paternos D. Antonio Becerra y Dª Josefa Maceda de esta vecindad; maternos Juan de Chao y María López vecinos de Parllarvello, parroquia de Santa María Magdalena del Poyo. Pusele nombre Luis Antonio. Padrino D. Luis Arroyo vecino de Quintá. Advertile del Parentesco espiritual y lo mas prevenido por el Ritual y que asi conste lo firmo. D. José Fernandez Quiroga".  (Achegada por Luis López Pombo). 

 


O FIADEIRO
 
Nas Nogais eran as mulleres as encargadas de espadelar (tirarlle a casca ao liño batendo coa espadela) e de fiar. Facíanno gratis, traballando unhas para as outras. Cada casa collía un quilo e cando remataban levábanno para a casa da propietaria. Despois ceaban na casa para a que traballaran. 


PARA CURAR AS ESPULLAS
 
En Torés, para curar as espullas, tirábase ao forno tantos anacos de masa para facer o pan como espullas se tiñan. Ao tempo dicíase: "Verrugas traio/verrugas vendo/ tíroas ao forno/e marcho correndo". (Achegada pola señora Amada de Torés).      

 
UN ALICORNIO EN TORÉS
 
A primeiros de marzo de 2015 achegámonos ata a casa da señora Amada, unha veciña de 88 anos de idade. Ademais doutras historias e lendas que nos relatou, amosounos o seu obxecto máis prezado: un antigo alicornio que sempre estivo na familia e do que se descoñece a procedencia. O alicornio vai inserido nunha "funda" de óso, ao parecer de xabarín, de 5,5 cm de longo e un diámetro de 5 cm. Disque o alicornio, de cor negra, tamén é de óso. Para facer o ritual hai que extraer o alicornio da funda ata que fai tope, acadando así as dúas pezas unha lonxitude duns 7 cm. Entre outras propiedades, este alicornio utilízao a señora Amada para curar a pezoña producida polas picaduras dos bechos. O ritual é como segue: coa punta do alicornio faise un círculo e unha cruz sobre a auga que previamente se botou nunha cunca limpa. Logo, co alicornio mollado, trázase un amplo círculo ao redor da picadura e unha cruz dentro daquel. Continúanse facendo círculos e cruces cada volta máis pequenos (a xeito de círculos concéntricos), rematando o ritual cando o derradeiro círculo lambe a picadura. Mentres se fai o ritual hai que recitar o seguinte: "Colloutizo cabalar, que viñeches eiquí buscar, se es de araña vaite á paramia, se es de arañón vaite ao paramión, se es de sapo vaite arrastro, se es de sabandixa vaite á cinsa". O alicornio tamén o utiliza para levedar a masa do pan. Cómpre aclarar que non se pode usar para curar feridas abertas, mais si para quenturas, inflamacións, etc. Despois de rematado o ritual, a persoa afectada adoita beber a auga que queda na cunca. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


O MAL BRAVO
 
Recibe este nome cando o gando vacún ten un insufrible dor de ventre. Para "encoutar" o mal (sandala) rezábase: "Estabamos en a Fontefría, todas tres llegó por allí Nuestro Señor e les dijo que faceis aí todas na Fontefría. Estamos eiquí, nin comemos nin marmolecemos a nadie. Con nacidas e pachucas haces tres cruces con el dedo polgar de la mano dereita. Si é blanca Dios la fenda, si é rubia Dios la funda, e si é negra Dios la parta. Con el poder de Dios e de la Virgen María, un Padrenuestro e un Avemaría". (Achegada pola señora Amada de Torés). 


O MAL DE OLLO
 
Para librar ao gando do mal de ollo, en Nullán (As Nogais) poñían un pantalón de home no chan e facían pasar ao animal por riba para que dera leite que a meiga cortara. En moitas aldeas dos Ancares críase que había xente boa con vista que fire e podían causar trastornos sen pretendelo, por iso tiñan que tapar o ollo que os causaban, e case sempre era o ollo dereito. 


COITELO E NAVALLA
 
Consideradas armas místicas que protexían, cortaban e atacaban a envexa e o mal de ollo. Conta Lisón Tolosana que en Nullán un veciño que viña guiando o carro cargado de leña, ao entrar no pobo e pasar fronte a porta dunha casa saíu unha muller, mirou as vacas e estas detivéronse de súpeto. O home, ao tempo que a maldicía, berrándolle "quita de aí, bruxa!", cravou a navalla con forza no xugo e así desfixo o mal de ollo. 


SELO DO CONCELLO DAS NOGAIS (1876)
 


O ASASINATO DO XUÍZ JOSÉ RAMÓN FERNÁNDEZ DÍAZ
 
O licenciado en Dereito José Ramón Fernández Díaz, natural do concello de As Nogais, era fillo de José Ramón Fernández Valcarce, que dende o seu despacho de Becerreá exercía como avogado nos partidos xudiciais de Becerreá e Lugo. Despois de rematar o bacharelato, no ano 1902 ingresa na Facultade de Dereito e Ciencias Sociais de Santiago de Compostela onde participa nas tertulias do Café das Monxas. No 1905 vaise para Madrid onde remata a carreira. Obtén o seu primeiro traballo como xuíz nas Illas Canarias.
 

Despois de varios anos ascende a maxistrado, tomando posesión na Audiencia de Tenerife da que chegou a ser presidente. Transcorría o mes de setembro de 1935 cando se produciron diversos conflitos relacionados coa actividade tabaqueira. Por razóns pouco claras (oficialmente foi para acompañar á súa muller á Península para ser operada), o gobernador civil Enrique Malboyson tivo que delegar o seu cargo en José Ramón Fernández Díaz, Presidente da Audiencia, que da noite para a mañá viuse na obriga de adoptar unhas desagradables medidas ordenadas polo ausente gobernador ante a convocatoria dunha folga xeral. A pesares da tensión que se vivía na illa, don José Ramón non variara os seus costumes, como o de dar os seus paseos habituais. Foi o día 10 de outubro de 1935, cara as once da noite, cando paseaba pola Praza de San Fernando, cando dous descoñecidos se aproximaron ata el e lle dispararon na cabeza, peito e baixo ventre, falecendo pouco despois de seren trasladado á Casa de Socorro. Ao día seguinte a policía detivo a un xove, e nos seguintes a outras once persoas, mais o caso tivo que arquivarse por falta de probas. O asasinato nin as súas causas nunca se aclararon.
 
A noticia axiña chegou ás Nogais. O xuíz do distrito Benito Pombo Somoza e os notarios Manuel Pardo de Vera e José Manuel Orol Balseiro organizaron un funeral na igrexa de Santa María Madalena das Nogais, ademais dunha homenaxe diante da súa casa natal en cuxa fachada se colocou unha praca de mármore que di: "A la memoria del Ilmo. Sr. D. José Ramón Fernández Díaz, presidente de la Audiencia de Santa Cruz de Tenerife, muerto en cumplimiento de su deber en dicha ciudad". A casa consérvase fronte ao Concello das Nogais.
O xornal El Progreso do día 11 de outubro fíxose eco na noticia, sinalando que "Durante el entierro del señor Fernández Díaz, que tuvo lugar esta tarde, el cementerio cerró sus puertas. La opinión general es que se trata de un atentado de carácter social ya que últimamente el señor Fernández, como gobernador interino, intervino en el asunto de los tabaqueros, despertando la animadversión de los elementos extremistas". (Información recollida do libro de Luis López Pombo, Lucenses de Cuna y Vínculo. Biografías y Genealogías, 2003).
 
No periódico ABC do día 10 dise que José Ramón Fernández Díaz foi asasinado cara as 11,30 da noite cando entraba no seu domicilio, situado no Pazo de Xustiza, por dous individuos que lle dispararon tres tiros na cara. Conta ademais que os asasinos fuxiron e que antes estiveran no Casino á espera de que chegara. Despois de asasinalo, un dos agresores tirou a arma ao chan que logo foi recollida pola policía. 
 
O xornal da época La Gaceta de Tenerife, di que naceu en Santa María de Cascallá, en Becerreá, o día 16 de novembro de 1886, e que o bacharelato, en vez de en Lugo, fíxoo en Vilafranca do Bierzo. Ademais dos lugares citados máis arriba, tamén estivo destinado en Badaxoz, Ourense e A Coruña. Foi no 1929 cando foi nomeado Presidente da Audiencia de Tenerife. A arma que deixaron os asasinos era unha Astra do calibre 9, xunto dela tamén se atoparon catro peites de balas. Don José Ramón casara en Icod (localidade canaria onde tivo o primeiro destino) con María Tabares "de distinguida familia tinerfeña". Ademais da viúva, deixara cinco fillos, tres homes e dúas mulleres.
 
Houbo quen relacionou o asasinato con motivos políticos. Dise que as persoas sospeitosas que nun principio foran detidas, saíron ceibes polo triunfo do Frente Popular, se ben se cre que estas afirmación débense máis ben ás intoxicacións que daquelas propalaban individuos de "derechas y católicos", tal como escribe Manuel de Paz Sánchez no seu libro Masones en el Atlántico. 


O ASASINATO DE "O PELEGRÍN"
 
José García, "O Pelegrín", era natural de Becerreá. Foi paseado no monte de Reteixeira, entre As Cruces e A Alence, pola garda civil despois da guerra. Ao pouco de ser detido, a garda civil díxolle que liscara correndo, disparándolle a continuación (a coñecida como Lei de Fugas). Tiña 21 anos. O señor Ricardo (bisavó de Sergio Fernández, presidente da Asociación de Veciños de Torés que foi o que nos contou a historia), foi recoller o cadáver, expoñéndose a que o acusaran de colaborar cos fuxidos, feito que non o arredou xa que como ser humano que era non ía permitir que un morto quedara como alimento das alimarias. Sen pensalo dúas veces, mandou facer unha caixa de chopo a un carpinterio de Becerreá e enterrouno nun lateral da igrexa de Torés, no sitio onde antano soterraban nenos que morrían sen bautizar, ateos e suicidas. Segundo nos contou a señora Amada de Torés, O Pelegrín era boa persoa e nunca lle fixera mal a ninguén, asasináranno só por "falar de política". O domingo 29 de marzo de 2015, membros da Asociación de Veciños de Torés, Luis López Pombo e Miguel Freire, da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica puxeron un pequeno ramo de flores vermellas no lugar onde foi enterrado O Pelegrín. O día 18 de abril de 2016, integrantes da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica procederon á exhumación do cadáver. A primeira hora da mañá, un bo número de veciños achegáronse ata o lugar, seguindo os traballos con enorme respecto. No sitio indicado apareceron restos de varios cadáveres, polo de agora non sabemos se algún é do Pelegrín.

 


UNHA HISTORIA DE FUXIDOS
 
Despois da Guerra Civil, pola zona de Fonfría, Pallarvello, A Porfía, As Cruces e outros pobos, despregouse un batallón de Regulares procedentes de África coa finalidade de terminar cos maquis que puideran estar ocultos por estas aldeas. Entre As Cruces e A Alence, nun lugar inzado pola matogueira, deron cun grupo de fuxidos. Houbo un cruce de disparos, parece ser que moi intenso. Un soldado procedente de Monforte de Lemos, facéndose o valente, meteuse pola xesteira arriba. Un dos maquis, que o coñecía, advertiuno dende o alto: "Monforte, non te metas, que se te metes imos a matarte". Mais o soldado non fixo caso e meteuse na matogueira, foi descuberto e os fuxidos matáronno a culatazos. 


CASA DAS ROXAIS
 
Situada nas Cruces, na parroquia de A Alence. Contáronnos que despois da Guerra Civil eiquí agochaban aos fuxidos.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


UN FUXIDO SOBREVIVIU ILLADO DURANTE 40 ANOS 
 
"Eiquí teño dúas balas", di Segundo, de 89 anos, sinalando a omoplata esquerda cun sorriso. "Metéromas no Segre. Logo déronme 18 pesos sen dereito a nada máis". Segundo é o único veciño de Vilaicente, en As Nogais, que conserva a lembranza iniciática de Gonzalo Becerra Souto.
 
"Eu víao todos os días porque viviamos porta con porta", relata, no camiño embostado que conduce ao cemiterio. "Non se gaña nada facéndolle mal á xente". Ali, no panteón dos Becerra, está a lápida de Gonzalo (1910-1976), "perseguido polos seus ideais". O condutor é Ovidio Becerra. Hai un mes que Ovidio, o último de oito irmáns, decidiu doar a memoria de Gonzalo ao proxecto da Consellería de Cultura As vítimas, os nomes, as voces e os lugares.
 
Esa memoria, pendente de analizar, distínguese das demais. Son sete quilos de material diarístico, entre papel de barba, cuartillas e documentación con códigos cifrados da primeira guerrilla. "Era agosto de 1936 porque andabamos segando", lembra Ovidio, de 78 anos. "Miña nai viu a uns falanxistas, berroume e puíden avisar a Gonzalo e a Manuel Antonio. Pola noite empezou o labirinto". O caso é que, no canto de botarse ao monte, os irmáns politizados de Ovidio decidiron regresa á casa.
 
A partires daquí a historia descállase. Ovidio emigrou a Madrid a mediados dos anos 50, e conseguiu fundar unha empresa de transportes. Manuel Antonio, que non quixo incorporarse a filas, presentouse alí inmediatamente. "Comezou vendendo aparatos de radio cunha partida de nacemento falsa. Eu cro que era comunista por unha garavata coa fouce e o martelo que debeu queimar a miña nai". Ata entón, Manuel permanecera na casa paterna con Gonzalo. Os dous irmáns habilitaron unha cova de dous metros cadrados, riscando pedra e terra, no lateral onde se almacenaba a palla, agora reconvertido en baño. "Había que entrar co cú para poder saír de cara", resume Ovidio.
 
Ese foi o seu refuxio durante os primeiros anos da represión, cando "algúns disparaban contra as paredes por vicio", ou supostos membros da Federación de Guerrillas de León-Galicia preguntaban por Gonzalo ao amencer. O seu pai pagou o silencio co cárcere. De como sobreviviu Gonzalo durante 40 anos, rexistrando en papel "absolutamente todo", ocúpanse agora os investigadores. Sábese que facía zocas para os veciños. Ovidio traíalle de Madrid papel e novelas do Oeste. "Tamén lle paguei uns cursos por correspondencia que logo me valeron a min, e unha suscrición ao diario Ya, pero non sei que pasaba que nunca chegou á parroquia".
 
"Isto é único", di o historiador Andrés Domínguez, consciente do peso das vidas ocultas tras unha represión que non admite foto fixa. Domínguez entrevistou a Ovidio para o proxecto As vítimas..., que antes do verán expoñerá publicamente o balanzo de tres anos de traballo. "A familia íase ao campo e el quedaba alí coas criaturas, como un amo da casa". Dionisio Pereira, entusiasmado tamén co valor dos cartafoles, considera "moi probable" que contactara con Abelardo Gutiérrez Alva, mítico guerrilleiro anarquista de Cervantes que se uniu a Xosé Castro Veiga, O Piloto, no 1946. "O mesmo Abelardo non conseguiu enlazar coa CNT orgánica ata 1944", sinala Pereira. Alonxados das súas áreas de risco, os paisanos anarquistas quedaron cortados, como a propia Federación de Guerrillas León-Galicia, inicialmente plural e militarizada no 1945 en plena deriva estalinista.
 
Gonzalo, canteiro en Francia e militante da CNT tras a súa experiencia baixando carbón de Fabero a Ponferrada, en plena revolución de Asturias, non quixo saber nada da piedade invertida de Franco. "Estou ledo de non ter que sinalar a ninguén do pobo", di Ovidio, votante da UCD en 1977. Todos sabían que en San Xoán de Viladicente había un escondido, que se aparecía de noite ou amedoñaba ás mulleres que recollían cereixas.
 
Ao final, Gonzalo sobreviviu a Franco. "Era unha teima que el tiña. Está a caer, está a caer... Medio ano despois caeu o meu irmán, vítima do corazón". Á vista de todos e moi cerca da súa casa. 
 
Gonzalo Becerra Souto morreu o 12 de febreiro de 1976, aos 66 anos. Reparamos no epitafico da súa tumba: "Escondido en casa de Chao desde agosto de 1936 hasta el día de su muerte. Perseguido por sus ideales".

 

 
A TOLA
 
Despois da Guerra Civil, ante a escaseza de gando para facer o esterco, o único xeito de fertilizar a terra era con cinsa. Para elo facían a "tola" que consistía en amorear terróns secos mesturados con leña de garrocha negra que queimaban e despois esparexían polo campo onde se sementaba centeo e avea. López Pombo aínda lembra cando os mozos de Forcas cavaban a Fulgueirosa, amontoando a broza a xeito de media laranxa. A "tola" pasaba varios días ardendo. Logo esparexían a cinsa, sementaban o centeo e ao ano seguinte segábanno cos fouciños, facían os mollos, os medochos ou martores que despois cargaban nos carros cuxos eixos ían ben apertados para que cantaran mellor. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


TRAXEDIA NA MONTAÑA: UNHA TORMENTA HISTÓRICA EN AS NOGAIS
 
Foi a peor tormenta que se lembra en As Nogais. Todo comezou no monte Riomao, unha tarde do día 4 de outubro do ano 1943. Din que caeron choivas torrenciais e que infernos de auga e lama se encañonaron polos vagantes dos catro regatos que descenden cara o río Navia, arrastrando todo ao seu paso. Entón a prensa non se fixo eco pero a traxedia permanece viva na memoria colectiva da poboación de Viladicente. O impacto sicolóxico levou a Anxo Eiriz Mouriz, o párroco das Nogais, a documentar os feitos, para que da tradición oral pasen a formar parte da memoria histórica do concello. Antonio Legaspi Quiroga foi testemuña de excepción. Tiña daquela 13 anos cando, xunto cun grupo de labregos que estaban a botar o pan, se refuxiou na acea do Mazo. Di que no lugar había dous ou tres burros atados que quedaran co dú pegado ao teito. Foi tamén cando viron parte dunha camisa que máis tarde se comprobou que pertencía a Manuela Poy López que morreu vítima da apavorante riada. A tormenta sorprendeu a Manuela  cando estaba co gando no lugar coñecido como O Vilar, a catro quilómetros da acea das Nogais, arrastrándoa polos cursos do regueiro Grande e o río Boullón, e xa na capital polo río Navia. O seu cadáver apareceu no rodicio do muíño, espido, aínda cunha media de la e unha ferida nunha cella. (Recollido dun artigo de Fernanda Follana, en La Voz de Galicia). 


O MARCO DA CASA DE CHANCIA
 
A Casa de Chancia atópase na parroquia de Nullán, no concello das Nogais. Segundo nos achegou o investigador e escritor Luis López Pombo, que naceu neste casarío, na casa consérvase un fito que dividía as xurisdicións de Doncos e Torés, e os curatos de Fonfría e Nullán. Desta pedra chantada viría o nome de Chancia (Casa do Chanto). A casa menciónase nun documento do mosteiro de Samos do ano 1450, en que os monxes a aforan a uns veciños da Alence. Na actualidade o marco atópase baixo os cascallos da parte derruída da vivenda. Luis díxonos que o marco non se podía sacar da casa nin mover do lugar xa que tal feito lles podía carrexar problemas coa xustiza. (Achegado por Luis López Pombo).

 


O MARCO DO VAL DE SOLLEIRO 
 
En tempos, este marco, situado a uns 1.280 metros de altitude, actuaba como linde entre os concellos de Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Na actualidade actúa como divisorio entre Cervantes e Pedrafita, feito que moveu ao Concello das Nogais a unha desputa co de Pedrafita porque, disque, se apoderou de terras que dende antigo lle pertencen. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 


O PEDÁNEO
 
Cada parroquia tiña un pedáneo. Era nomeado polo alcalde do Concello. Residía, habitualmente, na aldea onde estaba a igrexa parroquial. Representaba ao alcalde e transmitía e publicaba os bandos da alcaldía, colocándoos na porta da igrexa, das tendas, das tabernas e naqueles lugares máis frecuentados pola veciñanza. Tamén actuaba de mediador e transmitía ao alcalde as necesidades de cada aldea. Así mesmo era o encargado de propoñer rogativas para chamar a choiva, e novenas ao San Antonio para curar as enfermidades dos animais. Certificaba a defunción das persoas que non foran vistas polo médico, organizaba os traballos e vixiaba o bo funcionamento dos fornos e dos muíños comunais. Tamén podía haber un pedáneo de aldea que era o que tiña que dar conta ao pedáneo da parroquia. Nas Nogais, unha aldea tiña que ter cinco casas para poder ter dereito a pedáneo. 


NON HABÍA FESTA SEN LIORTA
 
As liortas entre os mozos das parroquias dun mesmo concello eran bastante frecuentes en Galicia. Había casos en que os mozos eran axudados por homes de idade, e mesmo polas mulleres. Ata mediados dos anos cincoenta do pasado século XX os de Nullán loitaban con paus, navallas e incluso con pistolas cos mozos das freguesías colindantes. Non era infrecuente que houbera feridos graves, mesmo mortes. Unha das razóns principais destas liortas eran as mozas.  (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 

 
LIORTA EN NULLÁN
  
Nos anos trinta do pasado século XX, as relacións entre os mozos de Forcas e de Nullán non eran, o que se di, moi amigables, as desputas que mantiñan viñan de vello. Malia iso, o sangue nunca chegara ao río.
 
O día 6 de marzo de 1932, pouco antes de rematar a misa, os fregueses viron como os mozos de Nullán saían da igrexa e se colocaban a ambos os lados da porta de entrada, onde está o cabido e a torre do campanario. "Outra vez liorta", pensaron. En efecto, nada máis saír os de Forcas, os de Nullán cortáronlles o paso o que provocou que os dun e outro bando se liaran a golpes. Todo discorría coa "normalidade habitual" ata que se escoitou un disparo. Parou a pelexa, uns e outros buscaron a orixe do estrondo. Quen disparara? Misterio. O que si viron tirado no chan foi a Basilio Carballo Pombo, da Casa de Pombo de Forcas. O sangue saíalle a cachón do entripado. Leváronno á Casa do Teixeiro de Nullán. Unha muller, de nome Consuelo, que estaba a tecer na casa comentou despois: "Saíalle o aire polo furado que lle fixera a bala". Basilio faleceu o día 27 no hospital de Lugo.
 
As cousas puideron ser doutro xeito, pero o azar é imprevisible. Parece ser que Basilio ía á misa na parroquial de San Xoán de Padornelo (Pedrafita do Cebreiro) cando se atopou co seu primo Baldomero, da Casa de Chancia, que baixaba cara Nullán coa súa nai Dolores Carballo Núñez. Este díxolle: "Anda, dá a volta e vén conmigo a Nullán". Antes de entrar na igrexa, os mozos de Nullán arrebatáronlle a pistola que levaba Baldomero. Ao saír da misa, un de Nullán tentou cortarlle a gorxa cunha navalla de barbear a Baldomero. A nai deste, que vira a navalla, empuxou a cabeza do seu fillo cara abaixo, mentres dicía: "Que fais desgraciado, que me matas o fillo", sufrindo, a pesares da rápida intervención da muller, un amplo corte na fronte, cicatriz que lle quedou de por vida. A nai envolveulle a cabeza cun mandil para que non se desangrara; a ferida tardou varios días en curar, mesmo lle tiveron que cortar a hemorraxia coas borras das boinas raspadas cunha navalla. Da ferida quedoulle para sempre un costurón moi visible. O peor parado, como xa relatamos, foi o seu primo Basilio.   
 
O xulgado de Becerreá citou a dous mozos como posibles autores do crime. Conducidos pola garda civil, compareceron ante o xuíz Baldomero Pombo Carballo, da Casa de Chancia, e Manuel Cela Rosón, da casa da Torre de Nullán. Ningún dos recoñeceu ser o autor do disparo, pola contra, Baldomero sinalou a Manuel, e Manuel a Baldomero. As testemuñan tampouco aclararon moito, dividíndose á hora de culpar a un ou ao outro. Malia isto, tanto o fiscal, Sr. Moreiras, como o acusador privado, Sr. Pardo Méndez, consideraron que a proba testifical fora favorable a Baldomero Pombo polo que retiraron a acusación, quedando inmediatamente en liberdade.
 
Celebrouse en Lugo o xuízo contra Manuel Cela Rosón. Presidía o tribunal o presidente da Audiencia Sr. Fernández Barnal de carácter, segundo as crónicas da época, "bonachón a la vez franco y justiciero".
 
"Después del elocuente informe del representante del Ministerio público, Sr. Moreiras, del también excelente pronunciado por el acusador privado, Sr. Pardo Méndez, y del brillante que hizo el defensor de Cela, Sr. Prieto Rivera", lemos en El Progreso do día 26 de outubro de 1932, o xurado retirouse a deliberar, ditando un veredicto de inculpabilidade polo que foi absolto Manuel Cela Rosón. 
 
Sempre se dixo que fora un xuízo amañado para favorecer claramente a Manuel Cela Rosón xa que era dunha das familias máis importantes da parroquia de Nullán. 
 
Ao estourar a Guerra Civil, Manuel Cela meteuse no exército franquista e chegou a sarxento. Outros protagonistas marcharon á emigración. Baldomero para a Arxentina, coa súa muller e dous fillos (Celia e José) onde aínda quedan descendentes. Tamén participaron na liorta un tal José, alcumado "Fialenzo", e outro da Casa de Xangarcía que emigrou a Barcelona.
 
O caso foi tan soado que mesmo se fixo eco da liorta o xornal arxentino Clarín.  

 


A FEIRA DA CEBOLA
 
O día do Santo André, o 30 de novembro, facíase unha feira anual na parroquia de Santo André coñecida como Feira da Cebola que deixou de celebrarse no ano 1910. A esta feira acodían xentes da comarca do Bierzo para comerciar con produtos de tempada e outras mercadorías, expoñendo os cestos nos muros do camiño que subía de Santo André a Vilar e tamén ao longo da Campa do San Xoán, lugar onde se facía a "Corrida do Galo" fronte da capeliña, hoxe en día desaparecida. Os do Bierzo chegaban a través do coñecido como Camín Vello que dende Pedrafita do Cebreiro pasaba pola Ferrería de Bois e Casas da Serra para logo subir cara a Serra de Xuncedo e dende eiquí baixar ao val de Santo André polo camiño que pasa a carón dun antigo castro. Un veciño contaba os laios dunha muller que vindo dende O Bierzo cun cesto sobre a cabeza onde levaba cousas de barro, perdeuno todo ao lle caer o cesto e romper todos os cacharros cando xa estaba a piques de chegar á feira. Os naturais doutros pobos da comarca chamábanlle despectivamente aos de Santo André "Ceboleiros" debido á feira que facían. (Achegada por Abel Arias Alba). 


A FESTA DA COFRADERÍA
 
Ata primeiros dos anos trinta do pasado século XX celebrábase en Santo André a coñecida como Festa da Cofradería. Para elixir o ramista entre os irmáns confrades sorteábase un ramo que estaba posto aos pés da Virxe do Rosario, altar situado á esquerda do maior. O confrade elixido tiña que percorrer a parroquia recadando para facer a festa: cereais (trigo e centeo), lacois, touciños, xamóns, etc., que logo eran subastados, facéndose cargo da subasta o cura párroco. (Achegada por Abel Arias Alba). 


SEGREDO DE CONFESIÓN
 
Manuel Vidal Roca era un crego que vivía na reitoral de Santo André, casa situada xunto a igrexa parroquial que aínda hoxe en día continúan a chamarlle A Casa do Cura. Na Festa da Cofradería facíase unha confesión xeral aos veciños polo que, para axudar á misa e ás confesións, ían curas doutras parroquias dos arredores. Unha mañanciña presentóuselle a un dos curas unha muller que lle contou a súa vida, incluída a máis "lixeira". O cura quedou apampado da luxuriosa vida da muller. Cando os curas se foron a xantar, o crego confesor non puído calar e díxolles que o par da muller que fora onda el de primeiras a confesar, non había outra no mundo de Deus que lle fixese sombra en menesteres. Mentres lles relataba aos da mesa o que lle contara a muller no confesonario, entrou a criada do párroco no comedor e, dirixíndose a el, soltoulle: "Tome vostede de primeiro, padre, por ser eu tamén a primeira a quen confesou". (Achegada por Abel Arias Alba). 

 
O SOUTO DE ROBLEDO
 
Dise que eiquí se aparece o diaño.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O CHORCO DOS LOBOS
 
Nas Fontes, na parroquia de Doncos, aínda se conservan os restos dun chorco dos lobos (foxo para cazar lobos). Unha vez caeron no chorco o lobo e un dos homes que o perseguía. Contan que dentro do foxo non se sabía quen estaba máis amedoñado, se o animal ou o humano, mirándose fixamente o un ao outro. Como o resto dos perseguidores non lle podían tirar as pedras ao lobo por medo de ferir ao home, tiveron que abrir a gateira. O lobo, aproveitando aquela imprevista oportunidade, saíu primeiro, evitando así a súa morte. Na actualidade o chorco está tapado debido a que nel tiñan caído varias vacas.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


UN TELEGRAFISTA NAS NOGAIS
  
Emilio Novoa de la Vega naceu o 11 de xaneiro de 1852 no Barco de Valceorras, era fillo de Manuel Novoa Cubeiro e de Antonia de la Vega Diéguez. Tanto os pais coma os avós paternos eran propietarios de varias viñas en Punxín. O avó materno, Manuel de la Vega Alonso, posuía unha boa biblioteca que espertou a afección de Emilio polos clásicos e a Filosofía, e leváronno a dominar perfectamente o latín.
 
Cando as letras semellaban que ían ser o seu futuro, sendo mozo viu unha sala de equipos de telegrafía. Quedou tan impresionado que decidiu mudar as letras polas ciencias. Tras estudar o bacharelato en Ponferrada, aprobou con 17 anos os exames de ingreso no Corpo de Telégrafos. Corría o ano de 1869. Foi nomeado telegrafista no 1871, sendo Barcelona o seu primeiro destino. Mentres duraron as eleccións ás Cortes, do 3 ao 6 de abril de 1872, foi destinado a Figueres. Posteriormente acadou destino en Lugo, e no 1874 fíxose cargo da estación das Nogais onde se fixo amigo do médico da zona, Gaspar González Gómez, casándose coa filla, Amalia González de Balboa, o 13 de novembro de 1880 en Doncos. Tiveron catro fillos. 
 
Emilio Novoa de la Vega tivo no seu destino das Nogais certos problemas co alcalde. Por un acordo entre o Concello e o Corpo de Telégrafos, o municipio pagaba o aluguer da Casa-Estación de Telégrafos. O alcalde quería anular ese acordo antes de que rematara o prazo, atopándose coa oposición de Emilio Novoa que pouco despois, no ano 1875, tras unha "xestión" entre o alcalde e o gobernador civil, foi destinado a Santander.
 
No 1876 conseguiu volver para Galicia, destinado para Vigo. No 1877 foi destinado de novo para As Nogais, sendo nomeado Xefe de Estación varios anos despois, no 1893. Logo pasou por diferentes destinos ata ser o xefe de Reparacións na Coruña no ano 1894. En xullo de 1898 foi nomeado subdirector, alternándose entre Ourense, Lugo e A Coruña. Foi nesta última cidade onde presentou unha memoria dun invento seu, consistente nun aparato para a renovación dos condutores telegráficos sen ter que interrompir o servizo nin producir cruces. O aparato foi ensaiado con éxito en outubro de 1911 nas liñas da provincia de Toledo. 
 
A súa carreira profesional continuou co ascenso a director no 1906. No 1910 foi nomeado xefe de Centro, vivindo entre Ourense e A Coruña. No 1914 foi ascendido a inspector do corpo. Finalmente, no 1915 conseguiu o posto de interventor do servizo público no Ministerio da Gobernación onde non durou moito tempo pois sufriu toda clase de presións de tipo político que non estivo disposto a tolerar. Xubilouse anticipadamente no 1916, retirándose en Doncos onde mercou unha casa que pertencía á Casa de Alba onde viviu ata a súa morte acontecida o 23 de xaneiro de 1923 aos 71 anos.

 


UN TESOURO ENTRE TRES FONTES
 
"Entre as fontes do Sulimán, da Arqueira e da Medrosa Tenebrosa hai un xugo de ouro que gastan as cabras coas patas". (Recollida polo Colectivo Patrimonio dos Ancares en Vilar de Cucos, Cervantes, e A Lagúa, As Nogais). 


O PISTOLÓN DE DON MARIO
 
O cura don Mario, natural de Rodeiro, chegou ao concello das Nogais no ano 1953 para facerse cargo das parroquias de Quintá e Vilaicente, destino que ocupou ata o 1956. Afecto ao Movimiento, a súa sona de teso coma un pau e botado para adiante precedíao, tanto era así que aos poucos días de chegar unha veciña pedíulle que despois da misa do domingo lles permitira aos da súa casa ir a segar o trigo para non perder a colleita xa que estaba moi maduro e amezaba treboada. Accedeu de non moi bo grado, mais advertindo que se os autorizaba a traballar un día adicado a "santificar as festas" era porque todos os da familia asistiran á misa da mañá ande mal, recalcou, non todos comulgaran. A muller, despois de agradecerllo, díxolle que, para evitar problemas, ía achegarse ata o cuarteliño da Garda Civil para comunicarlles que contaban co permiso do párroco. Don Mario, todo alporizado, contestoulle que quen mandaba alí era el, e se tiñan algún problema cos gardas por velos traballar en domingo lles dixeran que tiñan o seu permiso. 
 
Pero o que máis chamou a atención dos fregueses, xa dende o primeiro día, foi un gran vulto na cadeira dereita de don Mario que nin a sotana podía disimular. O misterio axiña quedou ao descuberto. Un día os asistentes á misa en Vilaicente escoitaron un ruído, como de algo que caera ao chan. O ruído, ninguén o dubidou, viña debaixo da roupa talar do sacerdote quen, con calma, agachouse e recolleu a cousa obxecto do estrondo. Ninguén daba creto ao ver como don Mario pousaba un enorme pistolón, "negro coma os dentes do demo", sobre o altar, a carón do sagrado cáliz, levantaba a sotana e metía a arma na cartucheira de coiro que levaba ao cinto.
 
O mesmo suceso aconteceu uns días despois na igrexa de Quintá polo que todos se decataron de que non fora un simple accidente, don Mario, con aquilo, enviaba unha mensaxe clara, un aviso a navegantes.
 
(Esta historia debémoslla ao señor Ramón, de Vilaicente).

 


RITUAL SANGUENTO NUNHA FERRERÍA DO SÉCULO XVI
 
No Arquivo do Reino de Galicia consérvase un interesantísimo documento datado o día 4 de setembro de 1566. Trátase da escritura do ritual de posesión da ferrería, situada xunto o río Quiroga, da Rodela ou de Quintá (documéntase dende o ano 1562), parroquia do Hospital, pertencente á Encomenda de Quiroga, dada a petición do seu propietario, Francisco Basques, polo escribán Antonio Rodrigues. O documento recolle un cruento ritual acontecido nesta ferrería no que intervén, entre outros, un rendeiro da Ferrería de Bois, pertencente á casa fidalga de Noceda (a súa orixe remóntase ao último tramo do século XV, relacionada coa poderosa Casa dos Bolaño Ribadeneira de Torés). Na actualidade, Noceda é unha parroquia do concello das Nogais. 

 

Este Francisco Basques era fillo de Álvaro de Quiroga que defendeu a fortaleza do Incio contra a condesa de Lemos, cando esta lle usurpou parte da facenda na Terra de Caldelas aos freires encomendeiros. Tal como recoñece o propio comendador no ano 1562, foi esta actuación a que determinou a cesión foral. 
 
Non se está, no presente caso, diante dun ritual simple tan común do Antigo Réxime (posesión dun monte, dunha casa, etc.), senón dun ritual complexo que amosa, ademais dunha variada simboloxía, o poder do propietario da ferrería da Rodela, exposto na pública e sanguiñenta execución dun gran touro, símbolo da opulencia da casa, coa presenza de veciños, "moradores çercanos y comarcanos de la dicha Tierra de Quiroga", traballadores da ferrería, fidalgos (caso do señor de Noceda), etc. 

 

O DOCUMENTO 
 
"... Y en razón de lo sussodicho, y estando dentro de la dicha cassa y erreria da Veyga de Quintá el dicho Francisco Basques de Quiroga e Ysabel Basques de Canida, su muger, fundadores, hacedores, propietarios de dicha erreria, y mucha parte de los vezinos y moradores çercanos y comarcanos de la dicha tierra de Quiroga e erreria, e publicamente, y estando al presente Miguel de Aurtiz, biscayno y maestro que fue de la dicha erreria (os técnicos adoitaban ser vascos), e Miguel de Aldunzin, rendero de la errería de Boys (Ferrería de Bois, nas Nogais), e Juanes de Aldunzin, rendero de la erreria de la puente de Quiroga, y de Aranburçe, e Juan Morro e Sanjuan, e Lopo de Espella, maestros de ferraxe, e Miguel Moran, machador, e Juanico Bizcayno e Andres de Bedia, que son arossa (alusión ao mestre principal das ferrerías) tirador e fundidor y tassador, y brasseros y ofiçiales de la dicha erreria, luego trajeron y metieron dentro de la dicha erreria, por antemi, escrivano e testigos e personas arriva e avajo contenidas, un toro maron presso con dos sogas, una atras y otra adelante, y lo sacaron los dichos brasseros y ofiçiales y biscaynos y personas por la puerta principal de la dicha erreria, y lo llevaron al llano y beyga que se dize el de Quinta (...) al camino questa sobre el poço que se dize das bouças (...) para pasearlo por los limites de la erreria fijando marcos solidos en los limites de la misma (...) y echo lo susodicho se volvieron el y los ofiçiales y personas a la dicha erreria con el dicho toro y lo ataron las piernas y lo derrivaron sobre la junque, teniendole por los cuernos y sogas, y el dicho Francisco Basques e Ysabel Basques, su muger, tiraron por el palo de la tapadera del chifron y dieron agua a la rueda del maço, el qual dio de golpes en el pescuesso del dicho toro, de los quales golpes se corto de presto carne, cuero y güessos, asta que se lo acabo de cortar, y partido, tomaron la dicha caveça los dichos ofiçiales y brasseros, corriendo sangre por ante mi, el dicho escrivano e testigos. Salieron por la puerta sussodicha de la dicha erreria y cercaron por donde antes andaron con el dicho toro siendo bivo, bañando y mojando los dichos marcos y mojones con la sangre que de la dicha caveça salía (...), y continuando la dicha posesion e auto teniendo fundido un augoa de fierro con bena de la venera tassada y la izo fundir a los ofiçiales y la sacaron de la fragua donde se fundio ardiendo...".
Sobre os rituais con estes animais na antigüidade, aconsellamos ver Sacrificio, Fundación y Delimitación. Etnoarqueología de un ritual en la Hispania céltica, de Marcial Tenreiro Bermúdez, 2009.

 
BIBLIOGRAFÍA

González Pérez, C. 1994: As grandes ferrerías da provincia de Lugo.
López Pombo, L. 2003: Genealogía de la Casa Señorial de Noceda, As Nogais, Lugo.
Migués Rodríguez, V. M. 1996: Un exponente de gestión económica de la "fidalguía" gallega y de la producción de hierro en la montaña lucense. La herrería de Quintá durante el Antiguo Régimen. 
Presedo Garazo, A. 2004: A cultura material nun pazo lugués a comezo do século XVII: A Casa de Noceda en As Nogais.

 
Xosé Antón Lozano Silvosa e Xabier Moure
Colectivo Patrimonio dos Ancares


DONCOS, TORÉS, CANCELADA E NAVIA EN DOCUMENTOS DOS SS. VII E XII

A controvertida Hitación ou División atribúese ao rei visigodo Wamba (630-688) que reinou entre o 672 e o 680. Trátase dun texto que revela os límites das dióceses durante a época visigoda (o principio de adaptar as provincias eclesiásticas á organización política do imperio romano mantívose entre os visigodos). Dende fins do século XII foi integrado no Liber Itacii, atribuído a Pelagio, bispo de Oviedo entre o 1101 e o 1130, utilizándose para deseñar o mapa eclesiástico. Cando fala da demarcación do Bispado de León, lese: "...infra fines terrae Galliciae, Tria Castilla, Turturas, Dauntiis, Castellatum et Naviam". 

 

Saltemos agora uns centos de anos, ata o último cuarto do século XII, cando aparece a Chronica Naierensis. Recibe o nome porque foi composta no mosteiro de Santa María a Real de Nájera (A Rioxa). Escrita en latín, narra unha historia universal comprendida dende a Creación, pasando pola antigüidade clásica e a Hispania Visigoda, ata os reinos peninsulares da época. Lese: "Infra fines Egam, Galletie, Tria Castella, Vrtures, Dauncus, Cancellata et Naviam".
 

Vexamos agora o que di a Estoria de España, de Afonso X o Sabio (coñecida na edición de Menéndez Pidal como Primera Crónica General), que abrangue dende as orixes bíblicas ata a historia de Castela baixo Fernando III: "De la otra part, en terra de Gallizia tenga estos quatro castiellos: Tortores, Dantineus, Cancelada et Navia". 
 

Na División de Wamba, identifícanse sen problema Galicia (Galliciae), Triacastela (Tria Castilla), Castelo (Castellatum), Cancelada e Navia (Naviam). Máis problemáticos resultan os nomes Turturas e Dauntiis que algúns autores identifican con Tortoreos e Dadín. O primeiro é unha parroquia do concello das Neves, e o segundo atopámolo como parroquia do Irixo e como aldeas de Meaño e Sanxenxo que, sobra aclarar, non pertencían á demarcación de León. 
 
 
Na Chronica Naierensis, Egam é un nome de difícil interpretación, pero identifícanse, de novo, Galicia (Galletie), Triacastela (Tria Castella), Cancelada (Cancellata) e Navia (Naviam).   
 
A Chronica influíu na historiografía posterior, entre outros no Liber regum (Libro da linaxe dos reis), anónimo (redactado entre o 1194 e 1209), e na Estoria. Esta última ofrece uns datos valiosos que poden axudar a solucionar o problema ao facer mención a catro castelos, xa que se aplicamos o principio de proximidade, dende Triacastela pasaría por Doncos (Dauntiis, Dauncus, Dantineus), Torés (Turturas -quizais de tur-tures, torre-, Vrtures, Tortores que se situaría entre os dous anteriores), por Cancelada (Becerreá ou Cervantes), e finalmente Navia de Suarna.
 

Na División faise mención a Castellatum. O topónimo Castelo témolo nas Nogais onde hai un castro. Tamén nunha aldea de Becerreá. E no concello de Cervantes está Castelo de Frades, citado nun documento de Samos do ano 1091 ("in Castelo de Frs, cella integra"); o Teso do Castelo en Airoá, un máis que probable castelo roqueiro onde se conservan restos de muros e onde localizamos, entre outros, unha moeda de época romana; e Castelo de Cais, Castel de Canes no 1275.  
 
Cancelada aparece en dous dos documentos, topónimo que se localiza nos concellos de Becerreá e Cervantes. Historicamente, o Val de Cancelada comprendía os señoríos eclesiásticos de Cancelada de Arriba, formado polas freguesías de San Tomé de Cancelada, San Xoán do Mosteiro e Santiago de Ribasmorto (esta parroquia desapareceu ao ser substituída no século XIX pola de Santiago de Vilasante), todas no actual concello de Cervantes, e Cancelada de Abaixo, formada polas parroquias de San Remixio de Liber, San Xulián de Pando, Santa Baia de Quintá, San Xoán de Sevane, Santa Mariña de Veiga, San Pedro de Vilachá, Santiago de Vializ e Santa María de Vilamane, no actual concello de Becerreá. As mencións máis antigas a Cancelada témolas en cinco documentos dos anos 1019, 1066, 1155 e 1175 que falan do desaparecido mosteiro de San Salvador, pero ningún achega cando se fundou nin onde estaba situado.
 

Do anterior dedúcese que os castelos de Doncos, Torés, A Proba de Navia e o aínda non localizado de Cancelada foron erixidos, ao menos, no século XII, unha cuestión que non é menor xa que a torre de Doncos adoita datarse no século XIV-XV, e o castelo de Torés no XV. A torre de Altamira, en Navia de Suarna, é citada en documentos do século XI, cando Rodrigo Gutierre entrega a fortaleza como dote á súa muller Senior. 
 
 
Historias, tradicións e lendas do concello das Nogais 

© Colectivo Patrimonio dos Ancares