* As Festas do Santo de Cadoalla (Becerreá)

A igrexa de San Pedro de Cadolla, coñecida tamén como Mosteiro do Ecce Homo ou O Santo, atópase en Saa, a carón don primitivo castro que foi "baleirado" por unha canteira. Trátase dun templo de grandes dimensións coroado por unha cúpula cunha lanterna con ollos ocos. A torre, acaroada á fachada principal e que actúa como pórtico, apoia sobre catro piares con arcos de medio punto.
 

 
No ano 1815, o administrador do santuario mercou un reloxo de sol por 370 reais que mandou colocar na torre do campanario.
 
 
 
Nos arredores apareceron tumbas de laxas (hoxe en día desaparecidas). Segundo a lenda nunha había enterrado un rei.
 
AS FESTAS DO SANTO
 
Os días 14 e 15 de setembro celébranse as Festas do Santo, en honra do Ecce-Homo que se venera na igrexa. Ademais do ritual relixioso, os veciños acostuman montar uns casetos no Souto da Bouza de Saa, ateigados de comida e bebida. 
 
O culto ao Santo vén do ano 1727 cando o cura, Xosé Valcárcel Quiroga, mercou a imaxe, pagando a metade en cartos e a outra metade en misas. En tempos, os veciños acodían á igrexa con trigo ou centeo que logo era vendido para mantemento do santuario. Destes cartos, o párroco recibía unha parte xa que, segundo unha sentenza do Tribunal Eclesiástico de 1761, tiña dereito á quinta parte das esmolas que se recadaran durante o ano.
 

Ao santo acódese para pedir un favor ou para agradecerlle un xa concedido. O párroco impón unha imaxe do Santo (un pequeno Ecce Homo) por riba da cabeza do devoto, dicindo: "Que el sexa pra ti, o camiño, a verdade e a vida". Moitos penitentes pasan un pano pola talla do Ecce-Homo e logo úsanna cunha finalidade curativa e preventiva. Hai algúns anos traían exvotos representando o corpo humano e tamén animais: vacas, xatos, cochos, etc. Ata non hai moitos anos, como protección, adoitábase arrincar unha estela da porta do templo e gardala na casa o que obrigaba, cada certo tempo, a reparala.
 
Ata o ano 1832 había varios penedos por riba e diante da igrexa que foron demolidos e así deixar máis espazo aos devotos que querían camiñar de xeonllos ao redor do templo. Debido ás frecuentes liortas, o día da romaría viñan soldados aos cales se lles pagaba coas doazóns dos asistentes.

No século XIX celebrábanse no santurio catro festividades: Santa Apolonia, a Pascoa de Resurrección, o Luns de Pentecoste e a do Ecce Homo.
 
 
O ROUBO DO PETO DO ECCE HOMO DO CARBALLÍN  
 
Ata o ano 2010 ou 2011, no Carballín, un pequeno lugar de tres ou catro casas da parroquia de Cadoalla, situado a carón da vella N-VI, había un tosco peto cunha pequena talla en madeira que representaba ao Ecce Homo. En varias ocasións roubaran as esmolas que lle depositaban os devotos, pero a derradeira vez tamén desapareceu o Ecce Homo, só atoparon o peto, baleiro, tirado nun monte próximo.
 
A foto é de Sabino García González. Non lembra Sabino a data exacta de cando as fixo, pero dinos que foi sacada entre o 1983 e 1985. Quizais se trate da única imaxe que se conserva.