* Unha lenda en Castelo de Cais e Dumia (Cervantes)

Nunha atardecida de outono, Antonio Carvajal Herbón recolleu unha lenda (con mestura de algo de historia, adobada polo autor) que un vello labrego de Cervantes, sentado á porta da súa palloza e despois de acender a vella pipa repleta de fúrrea (1), lle contou. Eiquí resumímola porque ademais da lenda, Carvajal exténdese noutros acontecementos (2). Ao final incluímos algunhas notas aclaratorias.
 

Hai máis de mil anos, dez ou doce homes de aspecto estrano chegaron ao val de Cancelada. A desconfianza inicial dos naturais mudou cando souberon que se trataba dun monxes, obrigados pola invasión sarracena a abandonar as terras de Castela e buscar outras máis seguras.

Ao pouco de chegar, a veciñanza viu como á beira do río construían un modesto pero rexo edificio. Pero o que máis admiración lles causou foi un persoeiro, “vestido de pieles, de aspecto terrible por el desaliño de sus cabellos y barbas”, que chegara cando os relixiosos. Tratábase dun pastor da serra da Cabrera (3) que se uniu aos monxes cando estes tiveran que gorecerse na zona a causa da neve. Seu nome, descoñecido para el mesmo, “respondía a una voz inarticulada y ancestral (Brau o Brou), que los frailes suavizaron llamándole Briano”. Este home, “de complexión desmesuradamente atlética”, participou na construción do mosteiro, transportando enormes pedras sobre as costas e arrastrando pesados troncos. De seguido construíron unha pequena ermida (4).


Pero Briano, acostumado a unha vida en liberdade, non se afacía á rixidez da disciplina monacal. Unha noite, seguido pola súa fiel cadela, marchou polas densas carballeiras. Despois de camiñar a través das espesuras, chegou a unha pequena aldea habitada por pegureiros. A súa chegada evitou que o señor de Quindous (5), que cazaba pola contorna, “saciara sus torpes deseos en la límpida hermosura” dunha pastora, Casilda, que naquel lugar solitario coidaba das ovellas. As bágoas de agradecemento da moza impresionaron tanto a Briano que se namorou dela. E foi correspondido. Cando a moza quedou embarazada, o home construíu un torreón de grande altura, e canda a parella vivía a fiel cadela que tamén pariu uns canciños. Daí que bautizaran o sitio como Castelo de Cais (6).


Ao fillo puxéronlle por nome Garcés, que herdou da nai “hermosura y gentileza”, e do pai “nobleza de alma y músculos de hierro”. Un bo día, cando ía detrás dun corzo ferido, atopouse con Florinda, filla dun fidalgo de Dumia de nome Artul. “La delicada belleza de la joven se apoderó del corazón de Garcés”. E como lle acontecera ao pai, tamén foi correspondido. Pero temendo que a orixe humilde do mozo encabuxara ao pai da rapaza, ocultaron os seus sentimentos. Pero un día a filla de Artul non acudiu á cita no bosque. Garcés, desperado, buscouna, pero nada. Que acontecera? Non tardou en saberse. “Rebotando de poblado en poblado” chegaron a Castelo de Cais noticias de que o señor de Quindous concedera a Artul de Dumia o favor de consentir o casamento de Florinda e o seu primoxénito; e que o de Dumia, enterado das ocultas relacións da súa filla con Garcés, recluíraa na súa casa da Torre, onde a tiña vixiada (7).

Corría o ano 791, en que a península “estaba en poder de una raza extraña”. Acaudillaba a rebelión contra os árabes, Vermudo (8), quen por medio de emisarios estaba en contacto con fidalgos e xentís das montañas orientais de Galicia. Circulaban noticias de que un forte exército sarraceno se dirixía cara os montes de Asturias e Galicia. Señores e fildalgos da zona concentraron as súas forzas en Vilafrial. Briano e Garcés, que choraban a recente morte de Casilda, uníronse, envoltos en peles de oso, ao improvisado exército. Alí estaban as xentes de Vilafrial, Savane, Lama de Rei, San Román, A Estrada, Vilaver…, e tamén os monxes.


Garcés, aproveitando a confusión inicial, dirixiuse cara Dumia para tentar de ver á súa amada. Mala hora. A Dumia acababan de chegar as forzas do señor de Quindous para unirse ás de Artul. Garcés viu como Florinda despedía con grandes prantos e abrazos ao de Quindous. Desolado e ferido no máis profundo, perdeuse nas profundidades do bosque.

Mentres, as tropas galegas abandonaban o val de Cancelada seguindo o curso do río. No traxecto uníronselle homes do Fabal, Chandeiro, Vilanova, Vilarello, Os Prados, Castelo de Frades, Donís… O vello Briano buscou ao se fillo, pero este desaparecera.

Reunidos uns dous mil homes, pasaron por Degrada e Cabanas, atravesaron os Calangros de Brego e chegaron ao Penarrubia de onde divisaron o pequeno exército ao mando de Vermudo, ao que se uniron. Un emisario trouxo malas novas: un exército de máis de quince mil homes de a pé e a cabalo dirixíanse cara Burbia. Vermudo deu a orde de que os seus correran ao seu encontro, atravesando Porquerizas e Campo del Agua. Os montañeses, aínda que inferiores en número “a la mitad de los árabes”, caeron sobre o inimigo. Pero foron rexeitados, deixando tras deles numerosas baixas. Pero axiña se recuperan e atacan de novo, conseguindo romper as filas árabes. Pero pouco máis conseguen. Vencidos, os montañeses fuxen cara os altos picos (9).


Os sarracenos xa comezaban a celebrar a vitoria, cando no cume dun outeiro apareceu un home, que berrando guturalmente e saltando coma unha panteira, comezou a lanzar enormes pedras contra os invasores. Garcés, “que no otro es este hombre”, semella que se centuplica. Mentres seus brazos de xigante lanzan as pedras, os seus pés empuxan outras non menos grandes que cara os árabes rolan monte abaixo. Aos sarracenos non lles queda outra que gorecerse detrás doutro outeiro. Pero do cume deste xurde outro xigante que, utilizando o mesmo método que Garcés, infrinxelle “una espantosa carnicería”. Era Briano, o pai de Garcés. Galegos e asturianos, derrotados facía pouco, reagrúpanse e fan fuxir ao inimigo.


Á mañá seguinte, cando asturianos e galegos se reuniron arredor de Vermudo para celebrar a fuxida dos musulmáns, Briano e Garcés non apareceron por ningures. Buscaron e buscaron pero nada, coma se os tragara a terra. Ninguén volveu a saber deles.

NOTAS:

(1) Fúrrea: Nome que recibe o tabaco que se colleitaba en Cervantes.

(2) A lenda foi extraída do relato “Pueblos de Lugo. Cervantes y su leyenda”, de Antonio Carvajal Herbón, publicado na revista Galicia do 1 de outubro de 1934. Carvajal Herbón foi director de Radio Lugo.

(3) A Sierra de La Cabrera atópase na comunidade de Madrid.

(4) Trátase do mosteiro do Salvador de Cancelada, desaparecido, situado, posiblemente, onde se ergue a actual igrexa de San Xoán de Mosteiro. O primeiro documento coñecido data do ano 1019. Cando o arranxo da igrexa atopouse un anaco de celosía de barro de época claramente medieval.

(5) O castelo-pazo de Quindous data do século XVI. Di Vázquez Seijas que tanto o pazo como a aldea tomaron o nome de Paio Quindós, casado con María Bolaño.

(6) Consérvase o topónimo O Castelo, pero descoñécese se houbo algunha fortaleza. A aldea aparece citada no ano 1275 como Castel de Canes. Noutro documento do 1380 xa como Castelo de Cais. No afán castelanizador do Antigo Réxime cítase como Castillo de Perros.

(7) En Dumia hai unha casa-torre con orixe no século XII. Nun muro conserva unha gran pedra armeira mandada colocar cando unhas obras de reedificación no ano 1660. Na torre vese outro escudo.

(8) Vermudo I. Irmán de Mauregato, a quen sucedeu no ano 789. Morreu no 797.

(9) A batalla do río Burbia entre as forzas de Vermudo I e os árabes aconteceu, ao parecer, no ano 791. Despois da derrota ante os musulmáns, Vermudo abdicou, volvendo ao seu estado clerical, daí o alcume de O Diácono. O río nace nos Ancares leoneses, na comarca do Bierzo.

* As fotos en branco e negro foron sacadas do relato de Carvajal Herbón.