MÁMOAS, PETROGLIFOS E CASTROS DE BARALLA

MÁMOAS

 
NECRÓPOLE NA SERRA DO RAÑADOIRO 
 
O día 13 de marzo de 2021, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos 20 novas mámoas no concello de Baralla que non figuran recollidas no Plan Básico Autonómico nin no visor de Aproveitamentos Forestais, ferramentas fundamentais para a consulta dos espazos arqueolóxicos suxeitos a protección. Foi na Serra do Rañadoiro, entre as parroquias de San Martín de Neira de Rei, Teixeira e Vilachambre. Próxima unhas das outras, distribúense por unha penichaira situada a 900 metros de altitude. Na zona só aparece catalogada por Patrimonio unha medorra. 
 

As dimensións destes enterramentos do período Neolítico, cunha antigüidade que vai dos 6.000 aos 4.000 anos, oscilan entre 13 e 22 metros de diámetro, e unha altura entre 0,40 e 1,5 metros. Nun dos túmulos observamos tamén restos dun dolmen formado por grandes pedras. Aínda que as mámoas foron alteradas polos labores agrícolas e forestais (algunhas non hai moito tempo), destacan totalmente na paisaxe, divisándose dende lonxe. Se ben a mesta maleza impídenos a súa confirmación, cremos que na zona pode haber outras dez medorras. Por información oral sabemos que hai uns trinta ou corenta anos apareceron no sitio, ao menos, catro machados de pedra e, pola descrición que nos proporcionaron, unha aixola.


Á vista da cantidade de enterramentos podemos establecer que estamos diante dunha das maiores concentracións tumulares da provincia de Lugo, só detrás das necrópoles da Millarada, en Cospeito, e do Monte de Santa Mariña, entre os concellos do Incio, Samos e Sarria, polo que imos dirixirnos ao Concello de Baralla para que os poña en valor.

Os achados foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.


MÁMOAS NO RAÑADOIRO

Na serra do Rañadoiro, entre Quintela (Arroxo) e Matela (San Martín de Neira de Rei), a uns 900 metros de altitude. A primeira medorra ten unhas medidas duns 20 metros de diámetro. A segunda un 15 metros, con cráter de violación. A terceira uns 12 metros, tamén con cono de violación. Sitúanse preto da coñecida como Pena do Crego. Hai tres túmulos catalogados.

 

 
QUINTELA
 
En Quintela, parroquia de Arroxo. No mes de outubro de 2012, uns veciños que teñen unhas leiras xunto o castro de Quintela contáronnos que hai algúns anos, ao arar o terreo, sacaron á luz unhas pedras chantadas que sobresaían do chan máis dun metro e que estaban cubertas baixo un túmulo, feito que fai pensar na existencia dun posible enterramento megalítico. Peiteado o sitio non demos con ningún resto polo que cremos que foi destruído na súa totalidade. 

 
MONTE PANDO  
No monte Pando, parroquia de Berselos. Só dispoñemos dunha referencia oral. 

 
MÁMOAS DO MONTE DO PENEDÓN, NA SERRA DE CONSTANTÍN    
A necrópole do Monte do Penedón está formada por dous enterramentos. A primeira mámoa ten unhas medidas aproximadas de 11 metros de diámetro e unha altura de 1,40 metros, observándose restos da coiraza pétrea.  Cráter de violación. 
A segunda mámoa ten unhas medidas aproximadas de 8 x 9 metros e 1,60 de altura; conserva restos da coiraza pétrea, do cráter de violación sobresaen os restos dos esteos da cámara. Segundo a lenda, que fala de que a anta tiña tampa, un criado atopou un tesouro o que o converteu no amo da casa na que servía. 
 
Un documento do mosteiro de Penamaior recolle unha doazón dunha herdade de Lodeiros, en Constantín, que di: "Vay firir na outra mamoa de fondo como vay pola carreyra da serra que vay para Gondian". 

 

TRASPENA 
 
Na aldea de Traspena, parroquia de Covas. Só dispoñemos dunha referencia oral.

 
LEBRUXO 
Nas inmediacións da igrexa parroquial de Lebruxo. Só temos unha referencia oral.

 
MÁMOA DO MONTE DA SERRA  
A case 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar, lindeira entre as parroquias de Lexo (Baralla) e Vilaesteva (Láncara). A mámoa está situada preto dun camiño que discorre entre os concellos de Baralla e Láncara, nas proximidades do lugar coñecido como A Campa do Castro e non moi lonxe das Covas de Saballeiros (Becerreá). Trátase dun túmulo duns 18 x 16 metros, 1,5 metros de altura e profundo cráter de violación. Sobre ela plantaron piñeiros e obsérvanse nidiamente as rodeiras dos tractores adicados a transportar a madeira.

 

 
MÁMOA EN CASTRO DE LEXO
 
No Castro, parroquia de Lexo. Dende hai anos só tiñamos referencia oral. Foi o día 21 de xaneiro de 2020 cando puidemos localizala. Foi no monte Oucedo, a 905 metros de altitude, na intersección de dous camiños situados a carón da estrada local que baixa cara a aldea de Castro de Lexo, en Baralla. Ten 17 metros de diámetro e unha altura de 1,10 metros. No medio presenta un cráter de violación de 2 metros de diámetro. Sobre o túmulo vense unhas pedras que puideron formar parte da cámara funeraria. Está cuberta de piñeiros, rebolas e maleza. Esta mámoa atópase non moi lonxe da necrópole megalítica de Montouto, xa no concello de Láncara, formada por cinco enterramentos. O achado xa llo comunicamos a Patrimonio para que proceda á súa catalogación. 
 
O día 4 de febreiro de 2020 comunicáronnos da Xunta de Galicia que, despois da visita dos arqueólogos de Patrimonio, xa foi catalogada co código GA27036084, co nome de túmulo de Monte Oucedo.

 

 
A MEDORRIÑA 
 
En Lamas, parroquia de Pacios. A 800 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dunha posible mámoa situada no interior do castro da Croa ou de Lamas. Prácticamente circular, ten unhas medidas aproximadas de 20 metros de diámetro, e unha altura de 1,25 metros. Non se observa cráter de violación nin de coiraza pétrea. Ao atoparse dentro do recinto castrexo e tratarse dun lugar que foi utilizado posteriormente para os labores agrícolas, é probable que perderá parte da masa tumular.
 

MEDORRA DE COTO REDONDO 
 
En Lamas, parroquia de Pacios. Túmulo practicamente destruído por un muro de pedra que a corta pola metade. Presenta cráter de violación.  

 
A MEDORRIÑA  OU COTO REDONDO
 
En Mazaílle, parroquia de Pacios. Mámoa cunhas medidas aproximadas de 21 metros no eixo máis longo e de 19 no menor, cunha altura de 1,30 metros, achandada na parte superior. 
 
MÁMOAS DO QUEIMADO    
 
Na parroquia de Pacios, entre os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde. Necrópole formada por cinco enterramentos, unha no concello de O Corgo. Os túmulos teñen unhas medidas que van dende os 8 aos 10 metros de diámetro e unha altura que oscila entre 0,50 e 0,80 metros; todos presentan restos de coiraza pétrea; unha das mámoas foi cortada por un camiño e achandada polos labores agrícolas. 

 
 

SEARA DA MODORRA
 
Localizada polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o 14 de xuño de 2023. Atópase a 712 metros de altitude entre Pedrafita de Camporredondo e Penarrubia. Ten unhas medias aproximadas de 18 por 15 metros. Debido aos labores agrícolas perdeu grn parte da masa tumular en altura. 
 
 

MÁMOA DO CHAO DE MADEIRA

Localizada polo Colectivo Patrimonio dos ancares o día 14 de xuño de 2023. Atópase no Monte Chao de Madeira, a 916 metros de altitude, na Fonte dos Poios, parroquia de Penarrubia. Ten unhas medidas aproximadas de 22 metros de diámetro. Debido aos labores agrícolas perdeu gran parte da masa tumular en altura.


 
POL
 
Na parroquia de Pol está o coñecido como Campo das Medorras, mais non temos coñecemento de que se conserve ningún túmulo.
  
 
POUSADA
 
Nas proximidades da igrexa parroquial. Só contamos cunha referencia é oral.

 
VILACHÁ 
Na aldea de Vilachá, parroquia de Pedrafita de Camporredondo. Non dispoñemos de máis datos que unha referencia oral.  
 

SAN MARTIÑO DE NEIRA DE REI
 
Mámoa próxima á igrexa parroquial. Só dispoñemos dunha referencia dun documento de principios do século XX. Pode que fora destruída.

 
MACHADO NEOLÍTICO 
O día 14 de xuño de 2015 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares fomos invitados por José Ángel Fernández Revaldería ("Roldán") a súa casa natal en San Martín de Neira de Rei para ver unha inscrición e uns símbolos insculpidos no arco dun anexo da vivenda, hoxe en día en ruínas e do que pouco lle puidemos aclarar. Despois preguntámoslle se sabía algo sobre unha mámoa que había nas proximidades da igrexa, contestándonos de que non tiña coñecemento delo. Foi entón cando nos comentou que hai uns vinte anos atopou nunha gabia, producida polas fortes choivas, un "pedra curiosa". Cando nola amosou axiña vimos que se trataba dun machado neolítico realizado en seixo e moi ben puído, de forma tirando a triangular e cuxas medidas son: 8,5 cm de longo, 5 cm de ancho, 2 cm na parte superior e 4 cm no fío lixeiramente curvado. Localizouna no monte da Chafarica, situado por riba da aldea dos Mazos, a uns 650 metros de altitude. Polas pequenas dimensións e o excelente estado de conservación cremos que se pode tratar dun machado votivo procedente dunha mámoa que había no lugar, na actualidade moi desfigurado por un cortalumes e a mesta repoboación forestal. 

 



MACHADOS NEOLÍTICOS
 
O día 12 de marzo de 2017, integrantes do noso colectivo achegámonos ata a aldea de Mazaílle, en Baralla, para falar con Guillermo Frey Lamela quen se puxo en contacto con nós para amosarnos unhas pezas que garda na súa casa dende hai moitos anos, tantos que xa estaban en poder, ao menos, dende a época dun seu avó. Nada máis velas axiña as identificamos como dous machados de pedra puída do Neolítico, feito que nos produciu unha enorme alegría, tanto polas pezas en si como por tratarse duns exemplares pouco frecuentes na comarca dos Ancares. Ata o presente, deste período só tiñamos documentadas nos seis concellos da comarca dúas pezas, unha en Padornelo (Cervantes) e outra en San Martín de Neira de Rei, tamén en Baralla, que demos a coñecer no mes de xuño de 2015. 

 

 
SOBRADO 
 
Na parroquia de Sobrado de Picato. Referencia oral de unha mámoa.
 
 
MÁMOA DA SERRA DE PUNAGO 
Na Serra do Rañadoiro, parroquia de Vilachambre. A 910 metros de altitude. De 18 metros de diámetro.  O 13 de marzo de 2021, os do noso colectivo documentamos nas inmediacións 20 novas medorras que xa comunicamos a Patrimonio.


 
MÁMOAS DO MONTE DAS ARCAS  
En A Mocha, na parroquia de Vilartelín. Trátase dun monte situado a 677 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
Sábese que un dos túmulos que formaban a necrópole desapareceu por mor dos traballos de acondicionamento dos prados existentes na zona. O lugar onde ao parecer había outra mámoa é probable que fora achandada polas máquinas ao acondicionar o terreo para repoboar o monte con ecucalíptos.

A única mámoa que se conserva ten unhas medidas duns 40 metros de diámetro e unha altura de 0,80 metros. Sobre o túmulo vense varias pedras que poderían formar parte dunha coiraza pétrea. Moi alterada polos labores agrícolas.



MÁMOAS-MARCO ENTRE LÁNCARA E BARALLA
 
O día 26 de decembro de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicamos ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia a existencia de 10 mámoas sen catalogar entre os concellos de Baralla e Láncara que non figuran nin no PXOM definitivo do Concello de Láncara nin no PXOM inicial, aínda non aprobado, do Concello de Baralla; tampouco no Plan Básico Autonómico (PBA) da Xunta de Galicia.

 

Sitúanse a 700 metros de altitude, ao longo dos montes de Penas Longas e do Penedo Branco, todas a carón de antigos camiños que comunicaban distintas aldeas de ambos os dous municipios.

 

Temos que distinguir dous grupos. Cinco mámoas, situadas en pastizais, aínda que as súas medidas van dende os 14 aos 20 metros de diámetro, perderon case toda a masa tumular debido aos labores agrícolas polo que a altura da mellor conservada non sobrepasa os 30 centímetros e as restantes oscilan entre os 10 e os 15 centímetros. Caso distintos son as cinco restantes, situadas en montes de repoboación forestal (piñeiros maiormente) con medidas que van dende os 13 aos 22 metros de diámetro, e con alturas entre 1 e 1,80 metros.

 

Como sinalamos máis arriba, todas as mámoas atópanse a poucos metros do límite administrativo entre os concellos de Láncara e Baralla, pero hai tres que comparten unha singularidade: actúan como marcos divisorios entre as parroquias de Armea e Galegos (Láncara) e Berselos (Baralla), sendo ademais os únicos enterramentos que conservan parte da cámara funeraria de pedra (dolmen) e coiraza, se ben é certo que carecen das tampas cobertoiras, destruídas, sen dúbida, para buscar inexistentes tesouros. Estas tres mámoas, ademais, son citadas como marcos nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII cos nomes de A Medorra, A Modorna Embarrigada e a Medorra de Barcela. Na mesma liña divisoria atópase o petroglifo, este si catalogado, da Pena do Oso que tamén figura no devandito catastro como marco de término entre as parroquias de Armea e Souto de Ferradal (Láncara) e Covas (Baralla). Está sobradamente documentado que en moitos casos ao longo da historia, mámoas, pedrafitas e petroglifos foron utilizados en Galicia como marcos.
 
O día 20 de setembro de 2021, dende Patrimonio comunicáronnos que as mámoas, despois da comprobación realizada polos seus arqueólogos, xa foron catalogadas co nome de necrópoles de Penas Longas, Monte Ulloa e Monte Illoa de Galegos.

 

 
 
PETROGLIFOS

 
PETROGLIFOS DA PENA DO OSO 
Os petroglifos da Pena do Oso atópanse a uns 700 metros de altitude, no monte Illoa, entre os concellos de Baralla e Láncara. 
Trátase dunha pena de lousa, lixeiramente inclinada cara o leste, cunhas dimensións aproximadas de 3 por 4 metros. Sobre a superficie innsculpíronse unhas 60 coviñas, algunha con suco, liñas e cazoletas de feitura navicular, todas de factura prehistórica. Tamén se ven as letras "L" e "S" de feitura posterior. O "S", no PXOM inicial do Concello de Baralla, aínda sen aprobar, interprétase, erradamente, como un serpentiforme, cando en realidade fai alusión á parroquia de Souto de Ferradal, en Láncara, e o "L" á aldea de Leirado, na parroquia de Armea, tamén en Láncara. En efecto, a pena sitúase no límite entre as parroquias de Covas (Baralla) e Armea e Souto de Ferradal (Láncara).



CASTROS

 
CASTRO DA CARBALLEIRA 
Localizado polo noso colectivo o día 8 de xaneiro de 2017. Castro situado nun outeiro a 508 metros de altitude, no lugar coñecido como A Carballeira, entre a estrada LU-P-0503 que vai dende a capital municipal á parroquia de Aranza, o río Neira e o rego de Abredo.
 
De forma tirando a ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 110 metros no eixo norleste-suroeste e 75 metros no eixo noroeste-sureste. Estaba defendido en todo o seu perímetro polo forte desnivel do terreo, con dous aterrazamentos, agás polo noreste, a parte máis vulnerable, por onde tería a entrada, que estaba protexido por un profundo foxo. Dentro do recinto, na parte noroeste, obsérvase unha pequena croa duns 30 por 40 metros arrodeada por unha pequena muralla de terra e pedras e o foxo citado máis arriba.
 
Na actualidade, a maior parte do castro utilízase para pasto. Na croa, cuberta pola maleza, hai carballos plantados. Ao longo dos anos sufriu diversas alteracións. Polo medio do castro fixeron un camiño que o atravesa case na súa totalidade, e outro camiño bordéao polas caras norte e oeste; este último alterou de forma significativa as defensas. Polo suroeste sufriu unha importante transformación cando habilitaron esta parte para os labores agrícolas. O foxo tamén foi utilizado en época moderna para a extracción de pedra. Na parte norte vese unha casa de pedra en ruínas e cuberta pola maleza. O castro tamén está atravesado por unha liña de media tensión.
 
Mantiña unha boa comunicación visual cos castros de Pousada e Ferreiros.



 
CASTRO DE PONTÓN OU DE MÉNDEZ   
En Pontón, parroquia de Aranza, lindeiro coa parroquia de Pol. Presenta forma tirando a ovalada cun único recinto, cunhas medidas aproximadas de 110 x 100 metros. Polo leste presenta unha sucesión de foxos, parapeito e terraplén; polo norte foxo, parapeito e foxo. Tamén se observan dúas plataformas defendidas por terrapléns.
 
Hai autores que identifican a pobación de Aranza con Aranz de Sanz, lugar non precisado onde apareceu unha lápida votiva, desaparecida, adicada á deusa Tutela e cuxo texto, segundo a tradución de Hubner, dicía: "A Tutela por Lucius Antonius Avitus cos seus sete fillos e Zozima, liberta, por unha promesa". 

  

 
CASTRO DE QUINTELA 
 
Na aldea de Quintela. Parroquia de Arroxo. Situado a 606 metros de altitude sobre o nivel do mar, no lugar coñecido como Monte do Vilar, preto do regueiro de Vilachambre. 
 
Practicamente circular, ten unhas medidas aproximadas de 120 metros de diámetro. Defendido en toda a contorna por un parapeito e terrapléns cubertos na actualidade por árbores e outra vexetación. Tamén se observan partes dunha muralla pétrea. Polo norte apréciase un sistema defensivo de foxo, parapeito, foxo, parapeito, foxo e terraplén. O interior do recinto adicouse a labores agrícolas. Contáronnos que na croa hai unha cova abeirada por dúas pedras chantadas en forma de porta (que non puidemos ver pola espesa matogueira)  e en cuxos muros interiores "hai unhas pinturas". Apareceu, ao menos, un muíño naviforme e, disque, unha navalla.
 
No ano 2012, os veciños de Quintela construíron na aldea unha fonte cuxa auga baixa da serra do Rañadoiro. Unha prancha de pedra rectangular, procedente do castro, colocáronna como tellado do manancial.
 
Segundo a lenda, os mouros habitaban en covas construídas baixo o castro onde agochaban un tesouro e para contentalos os veciños levábanlle alimentos. Cóntase que a cova vai a dar ao regueiro de Vilachambre. Dise que había un pozo, hoxe cegado, onde acostumaban botar unha aguillada para comprobar a súa profundidade. E que os mouros levaban os cabalos a beber a unha fonte que hai ao pé do castro.
 
No ano 2008, veciños do concello denunciaron publicamente e presentaron alegacións contra o trazado da liña eléctrica proxectada por Fenosa que, ademais doutros bens de interese patrimonial, afectarían ao castro. As obras tamén causarían un impacto negativo sobre a vila romana de Quintela.

 


 
CASTRO DE BARALLA
 
Na parroquia de Baralla. Dise que preto da capital municipal había un castro que foi destruído. 

 
CASTRO DE BERSELOS
 
No monte Pando, parroquia de Berselos. Presenta un recinto de forma oval delimitado en todo o seu perímetro por un parapeito, agás polo leste que está defendido por un terraplén.  Croa central duns 50 metros de diámetro. Obsérvanse uns foxos polos lados norte e sur. As defensas da parte norte foron parcialmente destruídas ao construír unha rampa de acceso. 
 



 
CASTRO DAS CROAS OU OS CASTROS
 
Na aldea de Gundián, parroquia de Constantín. Situado no Alto das Croas, a 634 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
Defendido en todo o seu perímetro por un terraplén. Polo NO obsérvase un parapeito e un foxo. A parte NL atópase parcialmente destruída por un valado que cortou o castro.
 
Entre outras ubicacións, algúns autores emprazan en Constantín a mansio Timalinus, hipótese tirada da Xeografía de Ptolomeo, do século II, quen tentou situar unha xeira de lugares coas súas coordenadas xeográficas que, trasladadas ás actuais, non concordan. O xeógrafo grego ergue esta mansio nos 44º 30´ de latitude e nos 8º 30´de lonxitude cando, en realidade, Constantín está nos 42º 53´de latitude e nos 7º 14´de lonxitude. Si se aproxima o Itinerario de Antonino que sitúa o asentamento a XXII millas de Lugo (uns 32,5 km). Conxecturas que tamén a levan ata A Codomiña ou Vilartelín. Outros historiadores mesmo dubidan de que Timalino e a Talamina de Ptolomeo sexan o mesmo.

 
 
CASTRO DA CROA
 
Na aldea de Traspena, parroquia de Covas. Situado nun esporón calcário sobre a aldea de Traspena e o río Neira. Trátase dun pequeno castro, duns 90 x 70 metros, delimitado por terrapléns que en parte aproveitan os afloramentos naturais. Polo sur presenta uns pequenos aterrazamentos. Non se observa ningún tipo de estrutura defensiva ou habitacional, só polo oeste se aprecian os restos do que puido ser un foxo. A comunicación visual coa contorna é limitada. Vázquez Seijas, na súa obra Fortalezas de Lugo y su provincia (1973), cita aquí unha torre medieval da que non se coñecen restos.
 
Na croa está a coñecida polos veciños como "A Pena da Golondrina" onde se ve un furado que semella feito pola man do home, mais ignórase cal sería a súa función.

 

 
CASTRO DE VILASANTÁN
 
Sen catalogar. Conserva o topónimo. Entre Vilasantán e O Carballal, parroquia de Covas. Situado a 604 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lindeiro co concello de Láncara e próximo ao regueiro dos Cochos. Érguese nun outeiro xistoso, cuberto por árbores e matogueira. Na cima hai unha cova cuxa entrada foi parcialmente destruída hai algúns anos por unha pa escavadora. Dixéronnos que a cova bifúrcase en dúas galerías: por unha, os moradores do castro baixaban os cabalos para que beberan no regueiro dos Cochos, e a outra dá a unha cripta que hai no mosteiro de Samos, situado a unha distancia, en liña recta, duns 12 quilómetros! As relacións entre as mulleres da aldea e as mouras que habitaban a cova sempre foron boas, as primeiras adoitaban achegarse ata o lugar para falar coas segundas cando estas saían a tomar o sol. Pero un bo día, a apracible convivencia chegou ao seu fin, da noite para a mañá mouras e mouros non volveron dar sinais de vida. A causa? Axiña se soubo: unha gran serpe, de máis de 70 metros de longo, apoderárase da cova, obrigando a fuxir aos seres que durante séculos a ocuparan. E non só era longa, o seu grosor era tal que apenas collía polos ollos da ponte de Carracedo que salva o río Neira. Algún pescador asegura que ten visto a serpe, non só polo río Neira, tamén polo río Sarria que pasa a carón... do mosteiro de Samos.  
 
O folclóre arredor do castro de Vilasantán non estaría ao completo sen o seu tesouro. A mediados do século pasado un veciño da aldea, que aínda vive, cando estaba a arar a terra nas inmediacións do castro rompeu unha ola de barro co arado. O vento esparexeu polo lugar o que creu po mais, cando volveu a mirar, decatouse de que o que levara o vento era po, si, pero de ouro.  Foi refuxio de fuxidos durante a Guerra Civil.

 

 
OS CASTROS ou CASTRO DE FERREIROS
 
Na parroquia de Ferreiros. Presenta un recinto de forma irregular delimitado por terrapléns moi pronunciados, agás polo sur onde aínda se observan os restos dun parapeito. Polo norte ten unha terraza defendida por un terraplén.
 

 
 
CASTRO DA CALVELA
 
Na Calvela, parroquia de Ferreiros. A 759 metros de altitude sobre o nivel do mar. De forma irregular, está delimitado por un terraplén, agás polo NO que presenta un parapeito. O interior está organizado en dous niveis separados por un terraplén. Polas caras sur e oeste obsérvanse un aterrazamentos defendidos por terrapléns.
 
Segundo algúns estudos, a Vía XIX circunvalaba o castro, atravesaba o río de Vilachambre por unha pequena ponte de pedra e subía ata Arroxo. A calzada, despois de atravesar Baralla e continuar pola serra de Constantín, embocaría na mansio Timalinus.
 
Xunto un muro do castro atopamos uns anacos cerámicos lisos. 
 


 
CASTRO DE LAXES
 
Na parroquia de Laxes. A 608 metros de altitude sobre o nivel do mar. Prácticamente circular, ten unhas medidas aproximadas de 120 x 11o metros. Presenta un só recinto defendido en todo o seu perímetro por un parapeito e polo desnivel do terreo. Foi utilizado para labores agrícolas.
 
No castro existe unha cova que, segundo a lenda, utilizaban os romanos para baixar cara un regueiro que hai aos pés para coller a auga.

 

 
O CASTRO DE LEBRUXO OU DE CRESCÓN
 
Nas inmediacións da cabeceira parroquial de Lebruxo e lindeiro coa aldea de Crescón, na parroquia de Toirán, concello de Láncara. A 627 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
Presenta unha planta de forma ovoidal cunhas medidas aproximadas de 150 metros no eixo máis longo e de 125 no menor. Polo leste e norte está delimitado por un terraplén, polo sur por un sistema de parapeito, foxo e terraplén, polo oeste por un parapeito que é por onde se observa un acceso flanqueado por unha dobre muralla. Plantado de carballos e cuberto pola matogueira, obsérvanse pedras de cuarzo esparexidas por todo o recinto. Boa comunicación visual cos castros da Igrexa e de Lebruxo.

 


 
CASTRO DA IGREXA
 
Na parroquia de Lebruxo. O castro levántase sobre un outeiro situado a uns 630 metros de altitude sobre o nivel do mar. A igrexa parroquial e o cemiterio construíronse no interior do asentamento. 
 
Tirando a circular, ten unhas medidas aproximadas de 90 x 75 metros. Polo norte está delimitado por parapeitos, no oeste e sur por terrapléns. Aprécianse restos da muralla pétrea. Un camiño cortou o parapeito pola parte oeste. 
 
Polo N-L obsérvase un pequeno antecastro defendido por unha muralla de lousa e terrapléns. Aínda que a simple vista non se observan restos de construcións habitacionais, si se poden ver anacos de lousas e cuarzos pola superficie. Boa comunicación visual cos castros de O Castro e de Lebruxo.

 
 


 
CASTRO DE LEBRUXO OU XESTEDA
 
En Lebruxo, nas inmediacións da cabeceira parroquial. A 604 metros de altitude sobre o nivel do mar. Presenta unha planta de forma alongada cunhas medidas aproximadas de 130 metros no eixo máis longo e de 60 no menor. Arrodeado en gran parte do seu perímetro por unha muralla de terra e pedras, foxo e un pronunciado terraplén, agás polo norte, a parte menos vulnerable, que está protexido polo forte desnivel do terreo. Acaroado polo oeste obsérvase un posible antecastro. Polo sur, por onde discorre un camiño, debía de estar a entrada principal. Polo interior, as murallas teñen unha altura que vai de un a dous metros. Tanto o recinto principal como o antecastro están adicados a labores agrícolas. A simple vista non se aprecian restos de estruturas habitacionais. Boa comunicación visual cos cercanos castros da Igrexa e O Castro que se erguen na mesma parroquia.
 

 


 
CASTRO DE LEBRUXO

A 250 metros do Castro da Igrexa de Lebruxo atópase outro castro que, a pesares da intensa actividade agrícola e forestal ao longo do tempo, aínda conserva gran parte da muralla (nalgún tramo alcanza case os dous metros de altura), agás polo este que foi totalmente destruída. En orixe debía ser practicamente circular, cunhas medidas aproximadas de 70 metros de diámetro. Non hai moito talaron as árbores que o cubrían, volvendo a plantar pinos. Localizámolo a finais do ano 2022, e o día 12 de xaneiro de 2023 comunicámolo a Patrimonio da Xunta de Galicia para que o cataloguen. O día 18 do mesmo mes, dende Patrimonio comunicáronnos que xa foi catalogado.



 
CASTRO DE LEXO
 
Na aldea do Castro de Lexo, parroquia de Lexo. A 740 metros de altitude sobre o nivel do mar. O castro levantábase sobre un pequeno outeiro coñecido polos veciños do Castro de Lexo como O Chao do Castelo. Segundo nos contou unha veciña, na croa había unha capela da que non se conservan restos. Un monte situado preto do primitivo asentamento aínda se coñece hoxe en día como Tras da Capilla. Excelente comunicación visual co castro de Sixirei.

 

Vázquez Saco, no Boletín da Comisión de Monumento de Lugo (1948), deu a coñecer unha lápida funeraria atopada na muralla romana de Lugo, custodiada no Museo Provincial, cunha inscrición bastante deteriorada polo paso do tempo, encadrada nunha moldura baquetonada de 0,62 metros de altura por 0,88 de ancho. Posteriormente, en colaboración con Vázquez Seijas, publicáronna en Inscripciones Romanas de Galicia II. Provincia de Lugo (1954) onde propoñen unha lectura achegada por A. D´Ors e que cualifican como moi difícil. No ano 1979, Arias Vilas, Le Roux e Tranoy logo dun minucioso estudo, publican o resultado na colección Inscriptions Romaines de la Province de Lugo, aínda que seguen a presentala como moi problemática. Malia os atrancos anteditos, Nicandro Ares Vázquez, no Boletín do Museo Provincial de Lugo, tendo en conta as lecturas anteriores e os seus propios estudos ofrece o seguinte texto: 

"Martialis an (norum) X, Loveus an (norum) IX, Paternus an (nourum) III, s (ervi) e (x) C (invertido) (castro vel casa) castro Laedie (n) s (i); Gemel (l) inus Flori filiis" 

"Marcial de 10 anos, Lovio de 9 anos, Paterno de 4 anos, servos do castro Laediense; Xemelino de Floro, aos Fillos" 

Trataríase, pois, dunha estela adicada polo pai dunha familia de escravos, provenientes dun castro, a tres nenos defuntos de moi pouca idade que levan nomes latinos. Remata Nicandro Ares que o nome do castro está escrito Laedies, polo que se podería aventurar a ubicación do Castro Laediense, identificado, quizais, co castro de Lexo. 

 

 
CASTRO DA CASA DO CASTRO
 
En Espiña, parroquia de Pacios. A 700 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dun castro de tipo agrícola situado nunha chaira. Recibe o nome pola vivenda e anexos que hai no lugar. Presenta un pequeno recinto tirando a circular delimitado por  un sistema de foxo e parapeito que polo exterior acada nalgúns tramos unha altura de tres metros. Moi humanizado e cuberto por árbores e matogueira, foi utilizado ata non hai moitos anos para o cultivo. Polo NL aínda conserva parte dun foxo. 
 
O señor Pepe, da Casa do Castro, contounos que un seu bisavó atopara una especie de "cuña", ao parecer de ouro, que vendeu en Lugo.
 
 
 

 
CASTRO DE PACIOS OU CHOUSA DE RAIMUNDO
 
En Espiña, parroquia de Pacios. A 640 metros de altitude sobre o nivel do mar. Castro de tipo agrícola situado nunha chaira. De forma circular, está arrodeado en todo o seu perímetro por parapeitos que nalgúns tramos acada os catro metros de altura. Afectado por unha estrada local, no seu interior, ademais de seren utilizado en tempos para labores agrícolas, pace o gando vacún.

 


 
CASTRO DAS CROAS, MAZAÍLLE OU DE LAMAS
 
En Mazaílle, parroquia de Pacios, próximo ao límite con concello de Castroverde. A 800 metros de altitude sobre o nivel do mar. 

 

Situado nun outeiro dominante, presenta forma ovalada cunhas medidas aproximadas de  140 metros no eixo máis longo e de 8o metros no menor. Arrodeado en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e pedras, foxo e parapeito, que polo interior acada nalgúns tramos unha altura de tres metros. Polo SL atópase alterado por un valado que cruza a muralla. O acceso atopábase polo sur a través dunha rampa que interrompe o trazado do parapeito. No centro do recinto apréciase unha pequena elevación cuberta por mesta matogueira. Debido a unhas escavacións furtivas realizadas hai uns trinta anos, efectuadas por uns mozos da aldea, saíron á luz unha espada e anacos de vasillas cerámicas. Por mor das devanditas escavacións, tamén afloraron unas estruturas habitacionais que aínda se aprecian hoxe en día: una feita con pedras graníticas coas esquinas en ángulo recto, e outra construída en lousa de planta redonda. 

 

Polo leste tamén presenta un antecastro de medidas similares ao recinto principal protexido por unha muralla terreira e polo desnivel do terreo. Nas proximidades do castro aínda manan catro mananciais dos cinco que había; para acceder a un deles obsérvase un camiño que sae do mesmo castro. Tanto o recinto principal como o antecastro foron utilizados para labores agrícolas.
 

O día 12 de marzo de 2017, don Guillermo Frey Lamela amosounos unha peza que atopou no castro hai uns 50 anos. Cando a vimos puidemos comprobar que se trata dunha punta de lanza de bronce. Más información sobre esta peza no apartado Apéndices.
 
Tamén nos contaron que apareceu unha pedra redonda "con letras gravadas".
 
 

 
CASTRO DE PEDRAFITA
 
Na aldea de Pedrafita, parroquia de Pedrafita de Camporredondo. A 702 metros de altitude sobre o nivel do mar. De forma ovoidal, ten unhas medidas aproximadas de 125 metros no eixo maior e 100 metros no menor. Orixinariamente estaba defendido en todo o seu perímetro por foxo e parapeito, e por un terraplén na parte oeste; polo norte hai unha terraza. Na actualidade, por mor da actuación humana, perdeu o parapeito polo oeste. No sur do recinto elévase unha pequena croa protexida por unha muralla terreira. Tamén polo sur semella que estaría a entrada ao castro. Ata non hai moitos anos, o interior adicábase a sementar o pan. Nas inmediacións hai, ao menos, dúas fontes. 
 
Segundo a lenda, un home, ao arar a terra, atopou unha ola que baleirou por crer que dentro só había incienso. Mais, cando o po se esparexeu, viu que brillaba: era ouro.
 


 
CASTRO DE VILACHÁ OU AS CROAS
 
Na aldea de Vilachá. Parroquia de Pedrafita de Camporrendondo. A 732 metros de altitude sobre o nivel do mar. Ten unhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 100 metros no menor. Dun só recinto, está arrodeado en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e lousa que nalgúns tramos acada polo exterior unha altura de catro metros. Polo SO, a parte máis vulnerable, presenta unha dobre muralla cun foxo duns tres metros de ancho que discorre entre ambas; a muralla exterior está formada por cachotes de pedra de boa feitura. O desnivel do terreo deféndeo polo NL. 
 
No interior do recinto vense moreas de pedras que puideron formar parte das estruturas habitacionais. Na actualidade está plantado de carballos e inzado pola matogueira. Polo SO está bastante alterado por terreos adicados a cultivo.

 


 
CASTRO DE CARBALLEDO
 
Na aldea de Carballedo. Parroquia de Penarrubia. A 644 metros de altitude sobre o nivel do mar. Localizado nun pequeno outeiro, xunto a Vía XIX. De planta tirando a rectangular, ten unhas medidas aproximadas de 160 x 120 metros. A mesta matogueira impide saber se conserva algún tipo de estruturas, mais obsérvase que estaba delimitado por parapeitos e por algún foxo. No recinto, ata os anos sesenta do pasado século, sementábase o pan. Un camiño pola parte NO afectou ao parapeito.

 

Na aldea de Pena, lindeira con Carballedo, tiñamos situado outro castro mais, ao preguntar por el, todos nos remitiron ao de Carballedo, asegurándonos uns veciños que non era a primeira vez que se confundía a súa ubicación. Sería aquí, entón, onde apareceu unha ara romana, hoxe en día desaparecida, que Felipe Arias, que puido vela, descifrou as últimas liñas: EX VO/TO. 
 
José Ángel Fernández Revaldería ("Roldán") contounos unha lenda escoitada aos seus antepasados. Había un arrieiro que abastecía de noite aos mouros do castro, recompensándoo co ouro que custodiaban. Mais non podía dicir nada polo que sempre poñía algunha escusa para saír a horas tan intempestivas (que ía regar, darlle de comer ao gando, etc.), ata que un día a súa muller desconfiou polo que non tivo máis remedio que contarllo. Como cabía esperar, a boa harmonía que tiña cos mouros rematou. Un mouro que era coxo saíulle ao camiño para dicirlle que non volvera polo castro xa que os outros mouros esperábanno para matalo. 
 
Unha veciña de Pena contoume que na croa hai unha "porta" pola que se accede a unha longa galería que comunica coa igrexa de San Martiño de Neira de Rei; era utilizada polos mouros para asistir á misa.
 

 
CASTRO DE CASTROLANZÁN
 
Na aldea de Castrolanzán, parroquia de Penarrubia. Trátase dun castro de tipo agrícola situado nunha chaira á beira da estrada local que vai de Baralla ao Alto do Restelo e xusto en fronte da aldea de Castrolanzán. Presenta un recinto tirando a circular, defendido por un sistema de foxo, parapeito e foxo polo SO, e por un parapeito no resto. Polo leste vense restos dunha muralla pétrea. A simple vista non se observan outro tipo de estruturas. No interior aínda se desenvolven tarefas agrícolas.
 
O PXOM, publicado na páxina do Concello no mes de outubro de 2013, sitúao, erradamente, na parroquia de Pol onde tamén hai outro castro.

 


 
CASTRO DE PENARRUBIA
 
Parroquia de Penarrubia. Presenta un recinto case circular dividido en dous niveis diferentes, defendido por unha sucesión de parapeito, foxo, parapeito e por un terraplén no resto do perímetro. Polo leste obsérvanse tres aterrazamentos de forma escalonada defendidos por terrapléns moi alterados polos labores agrícolas. 
 
Xunto a igrexa de Penarrubia hai varios restos esparexidos polo lugar, entre outros o que semella a basa, reutilizada e adaptada para colocar un cruceiro, dunha columna de época romana. 

 

 
CASTRO DA CORTIÑA DA IGREXA OU CASTRO DA IGREXA
 
Na parroquia de Piñeira. A 583 metros de altitude sobre o nivel do mar. Forma tirando a ovalada, duns 128 por 103 metros, moi alterado pola igrexa, o cemiterio, terras adicadas a labores agrícolas e un camiño. Dun só recinto, estaba delimitado por terrapléns en todo o seu perímetro, agás polo SO onde se adiviña un parapeito. Polo leste estaba protexido polo desnivel do terreo.
 


 
CASTRO DE POL
 
Na parroquia de Pol. Situado nun altorelo na cara oeste do Monte de Francos, preto da coñecida como Pena da Escaleira. Humanizado polos labores agrícolas. Presenta un recinto cunhas medidas de 85 por 65 metros, defendido por parapeitos precedidos de foxo na parte SO e O. En todo o perímetro, agás polo oeste, ten unha terraza defendida por un terraplén. O acceso á croa realízase por unha abertura practicada polo NL. Alterado por un camiño. Boa comunicación visual co castro de Pontón, en Aranza. 

 


 
CASTRO DE BASILLE
 
Entre Basille e O Salvador. Parroquia de Pousada. A 557 metros de altitude. Presenta un recinto superior de forma tirando a ovalada cunhas medidas aproximadas de 140 x 110 metros. Nas partes N e NL conserva restos da muralla pétrea que nalgúns tramos acada os 2,5 metros de altura. Acaroada ao recinto polo sur-leste ten unha terraza a xeito de antecastro defendida por suaves terrapléns. Moi alterado no interior. 
 

 


 
CASTRO DA CROA
 
Na parroquia de Pousada. A 511 metros de altitude sobre o nivel do mar. Atópase ao sur da igrexa parroquial de Pousada, a uns 350 metros de distancia en liña recta.
 
Ten unhas medidas aproximadas de 150 x 100 metros. A mesta matogueira fai moi difícil apreciar o interior do recinto (ao parecer moi alterado), arrodeado por terrapléns e muralla interior polas partes norte e nor-leste. Polo leste presenta un aterrazamento defendido por suaves terrapléns. Apareceron restos de pavimentos, pedras labradas, muíños de man e un anel estudado por Felipe Arias que se conserva no Museo Provincial de Lugo.
 
Segundo nos contaron, os mouros agochaban nunha cova que hai no castro un pote de ouro. Outra lenda asegura que un can que entrou nela apareceu logo no castro de Ferreiros, a case tres quilómetros de distancia.

 



 
XACEMENTO DE POUSADA
 
Na parroquia de Pousada. A igrexa parroquial e o cemiterio érguense sobre o asentamento. Do primitivo templo non quedan restos, o actual é posterior. Atopouse unha celosía de finais do século VI ou comezos do VII.
 
Situado sobre un pequeno outeiro, presenta forma elíptica, cunhas medidas aproximadas no eixo N-S de 115 metros, e no eixo L-O de 70 metros. Está arrodeado en case todo o seu perímetro por un suave terraplén. A entrada actual, que sobe cara a igrexa e o cemiterio, está no sur, e é posible que coincida coa primitiva. Polo norte lámbeo o regueiro da Forxa que desemboca no río Neira. O resto do asentamento, agás o lugar ocupado polas construcións anteditas, está adicado a pasto para o gando.
 
Flanqueábao a Vía XIX que comunicaba Braga con Astorga (Itera Bracara Asturicam), asociada á explotación mineira. F. Arias sitúa aquí a mansio Timalinus.

 

 
CASTRO DE RECESENDE
 
A mediados do mes de xuño de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un novo castro no concello de Baralla. Está situado na aldea de Recesende, nun outeiro a 666 metros de altitude, non moi lonxe da igrexa parroquial de factura barroca.
 
O castro está formado por dous recintos. O inferior, de forma tirando a ovalado, ten unhas medidas aproximadas de 140 por 115 metros. O superior, ou croa, ten forma case circular, cunhas medidas aproximadas de 75 por 70 metros. En varios tramos aínda se observan restos da primitiva muralla feita con pedras de lousa. Para dificultar o acceso no interior traballaron no chan rochoso sobre o que asenta o castro, construíndo pronunciados terrapléns, case verticais, que nalgunhas partes acada os 5 metros de altura. Polo sur-oeste vese un muro de lousa de factura moderna pero que aproveitou a liña da antiga muralla. Tamén se aprecian restos dun foxo defensivo. 
 
A pesar de que todo o recinto está cuberto de carballos, arbustos e maleza, vese perfectamente que o interior está totalmente chan, acondicionado para construír as vivendas. Xunto un terraplén atopamos unhas grandes pedras rectangulares de lousa de espléndida factura pero que, polo de agora, descoñecemos a súa función, se ben unha ten un burato como os linteis utilizados para encaixar os gonzos das portas.
 
En liñas xerais o castro atópase en aceptable estado de conservación se ben hai que subliñar que parte da cara oeste foi destruída, posiblemente para extraer pedra e polo acondicionamento agrícola dos terreos colindantes. Unhas veciñas contáronnos que hai máis de 40 anos no castro había un campo de fútbol que tamén se utilizou como campo da festa.
 
Tamén soubemos que hai uns 50 anos, un veciño atopou un muíño de man, polas indicacións posiblemente de forma navicular, e anacos cerámicos ao traballar a terra. Chámanos a atención que este castro, moi evidente, estivera sen catalogar, máis aínda cando o lugar é coñecido polos veciños como Os Castros. Ao non figurar no PXOM inicial puxémolo en coñecemento do Concello de Baralla e do Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia que xa o catalogou.

 


CASTRO DE QUINTÁ

En Quintá de Riba de Neira (Riba de Neira). A capela, antiga parroquial, e as primeiras casas da aldea construíronse sobre o castro situado a 520 de altitude. Alterado, tiña unhas medidas aproximadas de 135 por 105 metros. Aínda se aprecia a súa configuración. Debe tratarse do citado como Castroncela ou Castronela no Catastro de Ensenada de 1752. Sen catalogar.




 
CASTRO DA CONDOMIÑA
 
Na Condomiña, parroquia de San Martiño de Neira de Rei. De forma ovoidal, defendido por un sistema de foxo e parapeito na parte oeste, e por terrapléns no resto do perímetro. O foxo que precede ao parapeito está afectado por unha gabia que vai a un depósito de auga.
 
Preto, no lugar coñecido como Agro de Pedreda, apareceron restos de construcións, tégulas, cerámicas e moedas de ouro e prata de época romana. En Todón de Abaixo (municipio de Becerreá) e nas proximidades de Ponte de Neira (Baralla) localizamos unhas bases de columna de época romana, unha delas actuando como basamento dun cruceiro moderno.

 

 
O CASTRO OU CASTRO DE BUSTO
 
En Busto, parroquia de San Martiño de Neira de Rei. Nun outeiro situado a 709 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre o río Neira e o regueiro da Pena. De forma ovalada, o único recinto ten unhas medidas aproximadas de 80 por 65 metros. Agás polo sur, está protexido polo forte desnivel do terreo, o resto do castro está defendido por un parapeito.

 

 
CASTRO DE SAN MIGUEL
 
Na parroquia de San Miguel de Neira de Rei. Erixido sobre un pequeno outeiro. Presentaba un recinto de forma case circular. Polo SL aínda se adiviña o que era un parapeito, e polo sur un foxo que foi reaproveitado en parte por un camiño. O regueiro de Ponticela, tributario do Neira, actuaba como límite e defensa. Polo N e O circundábao o regueiro da Fonte da Picha, que morre nun lameiro denominado Andorvio.
 
Sobre a croa levantouse unha fortificación medieval sobre cuxas bases se construíu a igrexa parroquial románica. Dende a torre ía un camiño soterrado que conducía á ponte de Carracedo, derrubada por unha enchenta no ano 1939. Tamén se construíron o cemiterio e, como xa quedou dito, a igrexa parroquial de cuxa edificación orixinal só se conserva a ábsida románica adornada no aleiro cuns curiosos canzorros; no interior, ao retirar un retábulo, apareceron unhas pinturas murais, en pésimo estado de conservación, nas que destaca un Pantocrátor. 
 
Ademais de polas edificacións anteditas, o castro atópase moi humanizado por outras construcións modernas: casa reitoral, casa dos Correa e outras vivendas que ocupan o primitivo recinto.

 

CASTRO DE SIXIREI
 
Na parroquia de Sixirei. A 784 metros de altitude sobre o nivel do mar. O asentamento, dende o que se domina unha ampla panorámica, ocupaba toda a parte alta do monte. Case circular, ten unhas medidas aproximadas de 150 metros de diámetro. A explotación agrícola e gandeira destruíu boa parte das súas estruturas o que non impide comprobar que estaba arrodeado en todo o seu perímetro por unha muralla da que aínda se poden ver varios tramos, algúns de pedra e con máis dun metro de altura. Pola cara oeste, a máis vulnerable, tiña unha dobre muralla. Unha canteira estragou a cara oeste do monte onde se ergue o castro. Xunto o parapeito atopamos un fragmento cerámico correspondente a un recipiente. 

 


Unha veciña de Vilameixe contounos que un home, ao arar a terra, atopou unha ola moi pesada e, para ver o que contiña, baleirouna, vendo como o po, empuxado polo vento, se esparexía polo lugar. Mais, de súpeto, os raios do sol pousáronse sobre a leira e o home viu como a terra refulxía. Foi entón cando se decatou de que o po da ola era ouro.

 
O CASTRILLÓN
 
Na parroquia de Sixirei. Destruído por unha canteira. Contaba cun recinto de forma ovalada de 100 x 70 metros e estaba delimitado por un parapeito.  Apreciábase perfectamente no voo americano de 1957. Curiosamente aínda figura catalogado pola Xunta de Galicia.

 
 

 
CASTRO DAS CROAS 
 
Na parroquia de Sobrado do Picato. Sobre un outeiro, a 643 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado non moi lonxe da N-VI e do castro de Sobrado (co que tiña unha boa comunicación visual), repobouse con piñeiros. De forma ovoidal, ten unhas medidas aproximadas de 150 x 115 metros, defendido por terrapléns, agás pola cara O-NO que o está por un parapeito. Polo NL obsérvase unha posible terraza que na actualidade está inzada pola matogueira.
 
Un veciño de Sobrado contounos que un home, xa falecido, ao arar unha leira no interior do recinto, sacou á luz unha "lápida cunha inscrición"; cando regresou a por ela desaparecera.

 


 
CASTRO DE SOBRADO
 
Na parroquia de Sobrado do Picato. A 478 metros de altitude sobre o nivel do mar. Presenta un recinto case circular do que hoxe en día só se aprecian uns terrapléns nas partes sur e leste.
 
Situado nunha chaira, pertence aos denominados castros agrícolas. Cronoloxicamente hai que adscribilo á fase final da Cultura Castrexa. Érguese no núcleo de poboación de Sobrado, moi humanizado por pistas e camiños que o circundan, terreos adicados a labores agrícolas, muros e casas. Boa comunicación visual co castro das Croas, situado ao outro lado da N-VI.

 



OS CASTROS DE TEIXEIRA

En Teixeira, a 620 metros de altitude, sobre o río de Vilachambre. Ten uns 105 metros de diámetro e croa central irregular. Conserva o topónimo. 
 


 
CASTRO DE VALE
 
Na parroquia de Vale. Moi humanizado pola igrexa, o cemiterio, camiños, outras construcións e terras de cultivo, apenas quedan restos do primitivo asentamento. Malia o anterior, aínda se aprecia a súa forma que tiraba a elíptica delimitada por parapeitos.

 


 
OS CASTROS OU CASTRO DE VILAMEIXE
 
Na aldea de Vilameixe, parroquia de Vale. A 605 metros de altitude sobre o nivel do mar. Próximo ao regueiro da Pena. De forma ovoidal, tiña unhas medidas aproximadas de 200 metros na parte máis longa e de 125 na menor. 
 
Na actualidade está dividido en varias leiras, adicadas a cultivo, e semicircundado por dous camiños que o alteraron considerablemente. O único elemento construtivo é unha muralla de terra e pedras de lousa polo norte que se aprecia claramente, cunha altura pola parte exterior que nalgúns tramos acada os catro metros. Non se distinguen sinais claros doutras estruturas. O recinto está ateigado de pedras de lousa, algunhas de bo tamaño. Unha moza de Vilameixe amosounos un croio que atopou no castro e que semella foi utilizado para machucar o gran. O seu pai contounos a lenda de que no lugar apareceu unha ola con po de ouro.
 
O día 20 de abril de 2015, dende o Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia en Lugo comunicáronnos que o incluíran no inventario de xacementos arqueolóxicos coa clave GA 27036052, xa que non estaba inventariado, tendo coñecemento do mesmo por este blogue. Tamén llo comunicaron ao Concello de Baralla.

 

 
O CASTRO DE REGUENGO
 
Na aldea do Reguengo, parroquia de Vilachambre. Castro situado a media ladeira do monte. Presenta unha planta case circular cunhas medidas aproximadas de 140 metros de diámetro, protexido en case todo seu perímetro por terrapléns onde aínda se ven restos de muralla pétrea. Polo nor-leste e leste obsérvase un sistema de foxo e parapeito. Polo sur hai un aterrazamento protexido por un terraplén. No interior, adicado aos labores agrícolas e circundado por un souto de castiñeiros, non se aprecian restos de estruturas habitacionais. Aos pés nace un caudaloso manancial.

 

 
CASTRO DE VILACHAMBRE
 
Na parroquia de Vilachambre. A 641 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre os regueiros de Vilachambre e de Fontao. Sobre un outeiro, presenta un recinto de forma alongada defendido por un terraplén en todo o seu perímetro. Polo sur hai varios aterrazamentos delimitados por terrapléns. Boa comunicación visual co castro do Reguengo.
 
Apareceron restos cerámicos, muíños circulares de man e, contáronnos, unha gran pía tirando a circular que tiña unha base que, cando a levantaron da terra cun arado, partiu. A pía estivo durante moitos anos no patio da casa do propietario do terreo, mais hai catro ou cinco anos vendeuna a un veciño da parroquia de Pousada. Quixemos ver esta última peza pero, polo de agora, o "propietario" negouse a amosárnola. 
 
José Luis Garrosa contounos que no castro había un túnel que comunicaba con Baralla.
 

 


CASTRO DE MONTE CELO

O día 11 de xullo de 2023, a asociación Tir Na n´Og e o Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un novo castro no concello de Baralla. Trátase dun castro situado a 655 metros de altitude, coñecido como Monte Celo, alusión a un monte pouco elevado, se ben hai quen o interpreta, cremos que erradamente, como “Monte do Ceo”. De forma tirando a ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 190 por 170 metros o que o converte no de maiores dimensións localizado ata o presente no municipio. Hai anos, a súa croa foi utilizada para tarefas agrícolas o que ocasionou a perda de gran parte da muralla que o circundaba, conservándose na actualidade só a parte que o pechaba polo este. Hoxe en día está cuberto de árbores e maleza. Moi cercanos, nun radio de un quilómetro, hai outros tres castros: A Croa, Teixeira e O Reguendo. No municipio, ata o presente, están inventariados 43 castros.




CASTRO DA MOCHA
 
En A Mocha, parroquia de Vilartelín. A uns 650 metros de altitude sobre o nivel do mar. Nas abas do monte coñecido como As Arcas onde había unha necrópole megalítica hoxe en día destruída polos labores agrícolas e forestais. 
 
Aínda que moi alterado e cuberto pola matogueira e arboredo, presenta unha planta tirando a circular cunhas medidas aproximadas de 65 x 60 metros. O único recinto semella que estaba protexido por un parapeito de terra e pedras; os tramos que se conservan acadan unha anchura dun tres metros por pouco máis dun metro de alto. Utilizado como vertedoiro de lixo e cascallos. 

 
CASTRO DE SANTA MARTA
 
Na aldea de Santa Marta, parroquia de Vilartelín. Situado nunha penichaira, a media ladeira do monte. Presenta forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 160 x 75 metros no recinto principal, arrodeado por terrapléns. Polo oeste obsérvase un sistema de foxo e parapeito. Polo leste ten acaroada unha plataforma defendida por un terraplén. A mesta matogueira que o inza e as árbores impiden ver se no interior hai algún tipo de elementos construtivos. Afectado por explotacións agrícolas, un camiño de carro que o semicircunda e unha fábrica adicada á preparación de lousa. 
 
Contáronnos que no interior do castro hai un lugar que chaman O Tesouro onde, segundo a lenda, hai soterradas barras de ouro.



Mámoas, petroglifos e castros do concello de Baralla
 
A descrición dos xacementos e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
As imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares