A
comarca galega dos Ancares, situada no oriente da provincia de Lugo,
está formada polos concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia
de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, froito, no seu momento,
dunha artificial e polémica división territorial.
A
pesares da súa sona é a gran descoñecida para o gran público que
limita as súas visitas a un reducidísimo número de lugares cando
en toda a comarca contamos con milleiros de sitios distribuídos por
un territorio que acolle 580 núcleos de poboación esparexidos por
unha extensión de 1.050 quilómetros cadrados ateigados de montañas,
vales, ríos, regueiros, goladas, campas, brañas, cotos, picos,
camiños, corredoiras, sendeiros, penas, covas, furnas... que ao
longo dos séculos foron moldeados pola natureza e logo utilizados
por unhas persoas que, para sobrevivir, tiveron que loitar contra o
clima e unha abrupta orografía.
Ao longo deste blog adentrámonos no seu patrimonio material, dende a prehistoria ata a actualidade: covas, mámoas, petroglifos, castros, época romana, Camiños de Santiago, mosteiros, igrexas, capelas, castelos, torres, heráldica, pontes, pallozas, cortíns, ouriceiras, pombais, hórreos, fornos, muíños... E tamén no menos visible, o inmaterial: toponimia, apelidos, historias, tradicións, mitos, lendas... Un inmenso e impresionante patrimonio escasamente protexido, valorado e divulgado.
Dende eiquí urximos aos responsables de velar por esta enorme riqueza patrimonial que se poñan mans á obra e que artellen os mecanismos necesarios para dinamizar a comarca (dende o ano 2004 perdeu máis do 30% da poboación), para que dunha vez por todas se decaten de que investir no noso patrimonio é unha forma máis de crear riqueza, cultural máis tamén económica.
© Colectivo Patrimonio dos Ancares