* A fábrica de papel de Aranza (Baralla)

BREVE HISTORIA DO PAPEL

A invención do papel permitiu substituír o papiro e o pergameo por un material máis sinxelo de facer e máis económico. A súa invención atribúese ao chinés Tsai Lun quen polo ano 105 d. C. comezou a producir follas de papel a partires de fibras de tea usada, a cortiza das árbores ou o cáñamo, se ben hai un precedente dun papel elaborado con fibra de cáñamo e un pouco de liño nunha tumba do século II a. C. Os chinos gardaron o segredo durante séculos ata que no século VI traspasou as súas fronteiras, para uns grazas a un monxe budista que levou o invento para Xapón, e para outros cando os musulmáns capturaron preto de Samarcanda (Uzbekistán) a uns artesáns chineses, pasando a Occidente e intalándose muíños papeleiros no norte de África e Asia Menor, salientando as fábricas construídas en Bagdad e Damasco. O papel chegou a Europa da man dos árabes a partir do século XI. 
 
 
 
A primeira referencia a un muíño papeleiro na Península é do ano 1056, en Xátiva (Valencia). Pedro O Venerable (1092-1156), abade do mosteiro bieito de Cluny (Francia), fala dunhas copias do Talmud xudeo que atopara en Compostela confeccionadas con retallos de vellos panos. Entre os séculos XII e XV a súa fabricación estendeuse por Francia, Italia e Alemaña, e a partir do século XV introduciuse en Inglaterra, Suecia e Rusia. O Misal de Silos, do ano 1080, considérase o documento máis antigo sobre papel creado en Europa. Unha carta escrita en caracteres gregos e árabes que a condesa Adelaida enviou no 1109 ao seu fillo Roger, futuro rei de Sicilia, en caracteres gregos e árabes tamén foi escrita en papel. As innovacións na produción de papel foron lentas, de feito o proceso de fabricación manual duraría ata finais do século XVIII. A principios do XIX púxose en marcha en Inglaterra a primeira máquina para a fabricación de papel continuo, perfeccionamento que continuou case ao longo de todo o século. A elaboración de pasta de madeira iniciada en España cara o 1800 supuxo a fin das vellas papeleiras que usaban trapos importados de Italia como materia prima, que non puideron competir.
 
A PRIMEIRA FÁBRICA DE PAPEL DE GALICIA
 
A primeira fábrica de papel en Galicia fundouse no pazo do Faramello, parroquia de Ribasar, concello de Rois, no ano 1710. Durante trinta anos foi Real Fábrica, a única que tiña permiso para expedir papeis da coroa de Felipe V. No século XVIII daba traballo a 50 familias da zona.
 
 
A FÁBRICA DE PAPEL DE ARANZA

A primeira referencia que coñecemos da fábrica de papel de Aranza, "de buena calidad", débese a Pascual Madoz, no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (1845-1850), é dicir, que xa estaba en funcionamento cando a súa publicación. Aparece no mapa da provincia de Lugo do cartógrafo militar Francisco Coello (1822-1898) do ano 1864. Co tempo pasou ás mans do político, natural de Láncara, Gonzalo Osorio de Alvaredo y López de la Peña (1798-1867) e Nicolasa Pardo de Aguiar y Armada, súa dona, XI señora de Aranza, que a dotaron das máis avanzadas tecnoloxías da época. Está claro, entón, que a fábrica xa estaba en funcionamento a mediados do século XIX. 
 


No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 1 de novembro de 1879 anúnciase a autorización a Román García Blanes, casado con Isabel Osorio y Pardo, para reedificar a fábrica de papel, utilizando como forza motriz as augas do río Neira (a solicitude cursouna en maio de 1878). Na autorización fala de "reedificar", polo que se pode entender que durante un tempo estivera en desuso, ou tamén que se quixeran renovar e acondicionar as primitivas edificacións. García Blanes, ademais de concelleiro en Lugo, foi director de La Ilustración gallega y asturiana; tamén dirixiu El Clamor de Galicia e colaborou en La Aurora, entre outros.
 

En noticia aparecida en El Eco de Galicia do 25 de outubro de 1886 anúnciase a subasta pública da fábrica e varias fincas por 112.000 pesetas. O xornal recolle unha sentenza do 12 de outubro dun xulgado da Coruña en que se sacan a subasta varios bens propiedade de Isabel Osorio y Pardo por reclamación de 10.000 pesetas denunciado por Antonia Rodríguez Solís. Entre os bens a subastar está a fábrica de papel de Aranza "en buen estado de solidez, excepto una pequeña parte de sus pisos... Se compone de una planta baja y dos pisos altos... Lo demás del edificio principal... está así bien destinado a maquinaria movida por el agua... Cuenta con dos de los mas grandes cilindros modernos de destrozar y refinar el trapo... Hay igualmente una gran pila cilíndrica de granito con ajitador, para el blanqueo de las pastas... En la parte exterior se hallan los hornos del encolado, capilla, cocina para los operarios...".

 

El
 Diario de Galicia do 9 de xuño de 1891 recolle un anuncio sobre a posta en venta da "magnífica" fábrica de papel de Aranza pola cantidade de "seis mil pesos" (medio millón de reás); o seu propietario é Julio Almoyna que tiña Farmacia na Coruña, seguramente quen máis puxou na subasta celebrada no ano 1886. Este Julio Almoyna era tamén procurador, e pola prensa histórica despréndese que se dedicaba ao negocio de compra-venta de inmobles (En El Anunciador da Coruña do 25 de febreiro de 1894 publica a venta dunha "Imprenta barata"), ademais de contar na Coruña cun depósito de augas do Incio recollidas "en el verdadero manantial con todas las precauciones prescritas por la ciencia", que vendía ao prezo de tres reás a botella.  

 

A fábrica foi construída na marxe esquerda do río Neira, na parroquia de Laxes, a uns 400 metros do límite coa de Aranza, entre os lugares coñecidos como O Muíño e Riba do Pozo (no Catastro, os terreos onde se atopaba aínda se denominan como Aranza). Descoñecemos cando deixou de funcionar, a tradición oral leva a súa actividade ata a primeira ou segunda década do século XX.

Abandonada como fábrica de papel transformouse en muíño fariñeiro, desmontándose a maquinaria e derrubándose os edificios. Os píos de cantería para a preparación da pasta foron reutilizados polos veciños como lagares para a elaboración de sidra. Despois foi convertida en central hidroeléctrica, e por último en piscifactoría. Na actualidade nada queda da fábrica.