O PALEOLÍTICO NA COMARCA DOS ANCARES

XACEMENTOS DO PALEOLÍTICO NA COMARCA DOS ANCARES 

Malia que o primeiro xacemento de VALDAVARA foi descuberto a finais dos anos cincoenta do pasado século por don Carmelo Alonso, veciño de Becerreá, non será ata o ano 2007 cando comecen as escavacións grazas á súa filla, Susana Alonso, estudante na Universitat Roviri i Virgili de Tarragona que mostrou os materiais atopados a Eduald Carbonell, profesor da Universidade e codirector das escavacións de Atapuerca. Ademais das coñecidas como Valdavara 1 e 2, as sucesivas campañas puxeron ao descuberto máis fósiles de fauna e industria lítica na canteira da empresa Canpesa (Valdavara 3). A cuarta campaña de escavacións desenvolvida no verán do 2010 formou parte do proxecto de investigación Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na conca media do Miño que, baixo a dirección do profesor Ramón Fábregas, levaron a cabo o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da Universidade de Santiago e o Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social da Universitat Rovira i Virgili. Ademais de Valdavara, integraron o proxecto varias intervencións arqueolóxicas realizadas na Depresión de Monforte, Cova de Eirós (Triacastela) ou na Cova do Xato (Folgoso do Courel).

 

Os xacementos de Valdavara constan de varias cavidades que abranguen unha secuencia completa de ocupacións do Pleistoceno Superior, dende hai 110.000 anos. O sistema cárstico ábrese nas calizas de Vegadeo, do Cámbrico Inferior-Medio. Diferéncianse dúas localizacións: as cavidades 1 e 2, a media ladeira, e na parte máis alta o xacemento de Valdavara 3, descuberto nunha parte da explotación mineira. A partires do Neolítico, como acontece noutras cavidades galegas (Pala da Vella ou Cova de Eirós, entre outras), as covas utilizadas como hábitat convértense en lugar de enterramento.

  

Nunha abertura de Valdavara 2 localizáronse cranios e outros restos óseos de ao menos tres nenos duns 6-9 meses e outro de tres anos. Aínda que non se atoparon restos materiais ao seu redor, as datacións sitúan este enterramento na Idade do Bronce (II Milenio a.C.). Nos niveis superiores de Valdavara 1, os numerosos restos humanos de pequeno tamaño (falanxes e dentes pertencentes a varias persoas) indican o uso desta cavidade como lugar de enterramento durante o Neolítico Final-Calcolítico (III Milenio a.C.).

 

No ano 2009 comezaron as intervencións de urxencia na explotación mineira, atopándose un bo número de restos fósiles. Datado nos inicios do Pleistoceno Superior (110.000 anos), é o de maior diversidade específica de todo o Noroeste, documentándose a presenza de máis de 40 especies de vertebrados. Segundo os estudos da microfauna, as condicións ambientais eran temperadas e húmidas, coa presenza de masas de auga nos arredores da cavidade.

 

Entre os grandes mamíferos salienta a presenza de rinoceronte (Stephanorhinus hemitoechus), bisonte (Bison priscus), cabalo (Equus ferus), oso das cavernas (Ursus spelaeus), hiena (Crocuta crocuta), leopardo (Panthera pardus), león (Panthera spelaea), rebezo (Capreolus capreolus) e outros. A peza mellor conservada é a de leopardo, descuberta no ano 2009, atopada casualmente a uns 500 metros das covas.

 

Tamén se recuperou un escaso conxunto lítico en cuarcita e seixo de características musterienses. A presenza de ferramentas e de marcas de corte sobre algún dos ósos descubertos indican a presenza de grupos de neandertais no interior desta cavidade que, probablemente, funcionaba como unha trampa natural onde caían os animais que os humanos aproveitaban.

  

A uns 250 metros do río Cruzul, tributario do Navia, localízase Valdavara 1. Trátase dunha pequena cavidade duns 5 metros de profundidade que ofrece un reducido espazo de abrigo. Na secuencia estratigráfica distínguense dous conxuntos: o superior correspóndese coa Prehistoria recente (Niveis 1-3); o inferior contén unha sucesión de ocupacións do Magdalenense inferior-medio, cunha antigüidade entre 16.800 e 18.700 anos, cunhas condicións paleoambientais máis frescas cas actuais (Niveis 4-6). Documentáronse restos de ocupacións reiteradas, con numerosos instrumentos líticos, laminiñas fabricadas en sílex e seixo de orixe local, restos de industria ósea (azagaias decoradas) e elementos de adorno, salientando a presenza de cunchas Dentalium de orixe mariño, o que indica a mobilidade destes grupos de cazadores ao longo dun amplo territorio ou a existencia de contactos cos da costa. Entre os achados destaca un dente de leite duns 17.000 anos de antigüidade, o resto humano máis antigo de Galicia coñecido ata o presente, pertencente a un neno duns 10 anos de idade e que sería uns 7.000 anos máis antigo que os restos atopados na Serra do Courel. No talude exterior da cavidade atopáronse as ocupacións Mesolíticas de inicios do Holoceno (hai 8.000 anos), con industrias en lascas de seixo e cuarcita.

 

Na campaña do ano 2012, os investigadores atoparon, entre outros materiais, un óso datado no magdalenense, posiblemente de paxaro, gravado con incisións con múltiplos de sete que interpretaron como un medido das fases da lúa. 

 

O estudo xenético dos fósiles humanos descubertos nos últimos anos no Courel e Becerreá, analizados na Universidade británica de York pola investigadora Gloria González Fortes, poden achegar valiosa información sobre o proceso e expansión da agricultura e gandaría na Europa prehistórica. 


No mes de xullo de 2012, o Concello de Becerreá anunciou a intención de adquirir un edificio, coa axuda da Deputación Provincial de Lugo, para convertelo en Museo e expoñer as pezas. Malia, ao día de hoxe, o anuncio segue a ser só iso, e os traballos en Valdavara paralizados, din, por falta de fondos.

Mágoa que na exposición aberta a raíz da II Xornada de divulgación científica do patrimonio arqueolóxico lucense, celebrada en Lugo o día 22 de marzo de 2019 e organizado polo Museo Provincial, As Covas: portas a outros mundos (interviñeron como ponentes: Ramón Fábregas Valcarce, César Llana, Ignacio Martín Lerma, Carlos Fernández Rodríguez e Arturo Lombera; ao remate houbo un debate moderado por Aurelia Balseiro), só achegaran materiais atopados nas covas de Eirós e da Valiña, as de Valdavara, malia reunirse nas distintas intervencións preto de 1.500 pezas pertencentes a diversas épocas (algunhas desaparecidas da Península), houbo que contentarse cun panel explicativo. As pezas, ao parecer, atópanse depositadas no Institut Catalá de Paleoecologia Humana i Evolució Social. 

COVAS DE FURCO (Furco-Becerreá). Malia as prospeccións arqueolóxicas levadas a cabo hai anos por mor da instalación dunha explotación de pedra calcária magnesiana para áridos, situada a menos de 200 metros das covas, non se documentou a existencia de xacigos arqueolóxicos en superficie. Mais esas, si está documentado que na Cova dos Cousos apareceu un puñal de antenas (López Cuevillas), anque non sabemos en que condicións; e na Cova dos Penedos atopouse un puñal de antenas de bronce, probablemente da Primeira Idade do Ferro (Schüle, 1969), cachos de hasta e ósos humanos. Segundo información recollida do Boletín da Academia Galega: Un nuevo puñal de antenas, de Ángel del Castillo López, o puñal, datado na primeira Idade do Ferro (700-500 a.C.), ten unhas medidas de 28,2 cm e un peso de 176 gramos. Vázquez Seijas, no 1943, tamén informa do achado dunha peza lítica. A colección ósea foi doada ao Museo de Lugo por Camilo Aonso Fernández e Pedro López Ares, se ben non existen referencias no rexistro realtivas ao momento do depósito. A mosta inclúe un incisivo dun pequeno mamífero que non resulta identificable a nivel de especie. Descoñécese a que época pertencen os restos humanos e animais.  Anteriormente, a mediados dos anos trinta, foi explorada polo mestre Gonzalo Martín March, logo trasladado para a provincia de Pontevedra, e Blas Ferreiro, un estudante de Becerreá, atopando un martelo, un puñal que foi depositado no Museo de Lugo, e varias ferramentas.
 
 
 
Segundo a lenda, no seu interior había tesouros ocultos, de onde saíron varios obxectos metálicos, entre eles unhas campás.
 
 
 
No mes de febreiro do ano 2000, a Consellería de Industria e Comercio ditou unha resolución pola que se fixo pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da canteira de Furco promovida pola empresa Hergaya S.A. No que atinxe ao patrimonio histórico, na contorna inmediata á explotación onde se localizan as covas kársticas (Cova de Furco I ou Cova dos Cousos, Cova de Furco II ou Cova dos Penedos, e Cova de Furco III) establecéronse unha serie de cautelas arqueolóxicas como o control das voaduras, prohibición de explanacións e amoreamentos, etc.
  
 
O día 2 de xuño de 2020, integrantes do noso colectivo achegámonos ata a cova dos Cousos para comprobar o seu estado e facer un informe dirixido á Xunta de Galicia e ao Concello para que se acometan os traballos para poñela en valor. Lamentablemente ao chegar ao sitio comprobamos que a boca da cova está practicamente tapada polo lixo que durante anos foron acumulando, impedindo o seu acceso. O feito xa o puxemos en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e o Concello para que procedan á súa limpeza.
 

Na parroquia de Guilfrei (Becerreá) está a coñecida como COVA DE SABALLEIROS. Atopáronse varios restos óseos recollidos por integrantes da Sección de Espeleoloxía do Clube Ancares  na primeira metade dos anos setenta do pasado século, doados ao Museo de Lugo no ano 1975 por Antonio Moreira Cons, rexistrándose cos números 8141 a 8146 e descritos do seguinte xeito: "Dos cráneos cornudos de animales desconocidos, cuatro huesos, dos fémures, una vértebra y mandíbulas". Ao parecer son restos de aniamis e humanos. Os primeiros semellan deposicións relativamente recentes xa que nalgún caso aínda conservaban restos de tecidos. Máis antigos serían os restos humanos, presentando ambos fémures adherencias calcárias na superficie ósea. Non consta que exista unha relación directa entre os ósos animais e humanos.

 

En Liñares (Pedrafita do Cebreiro) está a COVA DO PURRUÑAL. A importancia dos restos fósiles de animais prehistóricos convértenna nun dos xacementos Paleolíticos máis importantes de Galicia. Apareceron fósiles de xabarin (Sus scrofa) que tivo unha gran diversidade no Terciario; os do Pleistoceno eran de maior tamaño ca os actuais. De corzo (Capreolus capreolus), os antecesores do corzo actual pero de maior tamaño; en Europa dispoñemos de fósiles de polo menos hai 600.000 anos. De cervo (cervus elaphus) saíron á luz 739 pezas; os primeiros restos de cervos datan de hai 25 millóns de anos, no Oligoceno; o cervo actual tivo importantes variacións de tamaño ao longo do tempo; os primeiros restos corresponden ao cervus elaphus acoronatus, caracterizado por uns cornos en "coroa". E, por último, de bisonte estepario (Bison priscus), similar aos actuais bisontes europeos, pero de maior tamaño e cos cornos en media lúa máis longos; apareceu hai 580.000 anos, e extinguiuse ao final do Pleistoceno; a finais do Paleolítico converteuse nunha peza cobizada, o que se reflicte nas numerosas pinturas rupestres da época. 
Na parroquia de Liñares localízanse varias simas onde apareceron restos de cérvidos e que puideron actuar como trampas naturais aproveitadas polos homínidos.

 

A COVA DE VALDABRAIRA, coñecida tamén como Cova do Penedo, atópase nas proximidades de Veiga de Forcas (Pedrafita do Cebreiro). As primeiras exploracións e topografía son do ano 1980 onde xa se deixa constancia da existencia de restos paleontolóxicos. No ano 1997, varios grupos de espeleoloxía acometen unha campaña de traballos documentando un grupo de cranios completos de oso e de cérvidos. No ano 2005, dentro das actividades do XXXIII Campamento Galego de Espeleoloxía, o GES M. Celtas, o GES Irmandiños e CE Cavorcos levantan unha nova topografía da cova obtendo un desenvolvemento total de 158 metros e un desnivel de -50 metros. No ano 2010, o Espeleo Club de Descenso de Cañones da Coruña localiza ósos humanos de hai uns 10.000 anos (o cranio dun neno de entre 7 e 10 anos), restos de uro (Bos taurus primigenius) e dun oso das cavernas (Ursus spelaeus). Os restos paleontolóxicos atopados parecen corresponderse cun momento do Plistoceno Superior e Holoceno, cun rexistro no que domina a presenza de úrsidos (ursus spaleus e ursus arctos) e cérvidos (cervus elaphus), así como équidos, súidos e bóvidos.


Dende que o paleontólogo Emiliano Aguirre escavara nas Gándaras de Budiño (O Porriño) no ano 1963, en Galicia saíron á luz máis de 250 xacementos duns homínidos que utilizaban as vías naturais das cuncas fluviais e valgadas, sendeiros abertos por manadas de rinocerontes, uros, elefantes, cervos, etc. aos que seguían para alimentarse, utilizando como refuxio as covas e outro tipo de acubillos. Fauna, por moi incrible que nos pareza, que formaba parte da nosa paixase e que, por mor das glaciacións e os cambios climáticos, desapareceu de Europa. Xacementos como os das Rías Baixas, Val de Lemos, O Courel, Triacastela, O Purruñal, Valdabraira e Valdavara, entre outros, están a demostrar que a ocupación paleolítica en Galicia, e tamén na comarca dos Ancares, é comparable á do resto da Península. 

Para coñecer outros xacementos paleolíticos de Galicia, pódese ver:


A descrición dos xacementos e as fotos son obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
As imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares