A Noite do San Xoán é en Galicia a noite dos milagres e dos encantos. Celébrase na noite do 23 ao 24 de xuño, coincidindo co solsticio de verán. As tradicións populares deostadas polo cristianismo foron fortemente combatidas pola Igrexa xa dende os primeiros séculos (Martiño de Dumio), feito que non conseguiu impedir que estes costumes, herdados de tempos remotos, continuaran a practicarse; cultos pagáns que logo foron cristianizados. Nas tradicións e rituais practicados nesta noite máxica intervén a auga, o lume, os penedos, os outeiros, as encrucilladas, as herbas..., elementos fundamentais na cultura popular galega.
Na comarca dos Ancares, a advocación ao San Xoán témola en numerosas igrexas e ermidas: San Xoán de Arroxo e San Xoán de Pedrafita de Camporredondo (Baralla); San Xoán de Agüeira, San Xoán de Becerreá, San Xoán do Cereixal, San Xoán de Furco, San Xoán de Pando e San Xoán de Buisán (Becerreá); San Xoán do Mosteiro, San Xoán de Vilaspasantes, San Xoán de Drada e San Xoán de Vilar (Cervantes); San Xoán de Savane (Navia de Suarna); San Xoán de Noceda, San Xoán de Torés e San Xoán de Vilaicente (As Nogais); San Xoán de Fonfría, San Xoán do Hospital, San Xoán de Louzarela e San Xoán de Padornelo (Pedrafita do Cebreiro). Hai moitos outros sitios, que aínda que non o teñen como patrón, non falta a devoción a súa imaxe: Santa María de Dorna, Santa Cruz do Picato, Santo André de Covas, San Pedro do Castelo, Santiago de Cereixedo, San Fiz de Donís, Santo Tomé de Cancelada, Santa María de Vilarello, etc.
Durante a Noite do San Xoán, en moitas aldeas da comarca os mozos roubaban a leña para facer a fogueira que saltaban a medianoite mentres dicían: "Fóra meigas". Os de Vilar de Moia (Navia de Suarna) acendían a fogueira entre Moia e Vilar como símbolo para reafirmar a personalidade dun pobo fronte ao outro, fixando uns límites simbólico-sociais. En Savane (Navia de Suarna) poñíanse as fogueiras nos cruces dos camiños para que por riba pasara o gando para curarlle o mal dos pés. Tamén se acendía unha fogueira na Pena do Couso, lindeira entre os concellos de Becerreá e Cervantes, preto das Pontes de Gatín, un punto onde se reunían as bruxas (nas inmediacións, os do noso colectivo localizamos tégulas, fragmentos cerámicos e un muíño circulara).
Nos
castros de Vilachá (Baralla) e de Castañedo (Navia de Suarna)
víanse unhas fogueiras feitas polos mouros onde ninguén ousaba
achegarse; á mañá seguinte, cando os mouros xa se foran, os
veciños ían recoller as moedas que deixaran entre as cinsas. Na
mesma noite, no castro do Teso da Vella ou da Pena dos Mouros
(Cervantes) unha vella fiaba fíos de ouro que despois colgaba dos
carballos. Ao pé do Chao do Castro (Busto-Navia de Suarna) hai unha
fonte que agocha un tesouro, pero a única forma de atopar fonte e
tesouro é estar xusto ás doce da Noite do San Xoán, nin un segundo
máis nin un segundo menos. No castro de Santa Marta (Baralla) están
soterradas unhas barras de ouro que só se poden atopar na Noite do
San Xoán; o sitio coñécese como O Tesouro. Outro sitio do Tesouro
témolo tamén a uns 300 metros do Castro de Cantiz (Becerreá) onde
na Noite do San Xoán vense uns pitos con picos e patas de ouro. Na
croa do castro da Pena (Penarrubia-Baralla) hai unha porta pola que
se accede a unha longa galería que comunica coa igrexa de San
Martiño de Neira de Rei que era utilizada polos mouros para asistir
á misa na Noite do San Xoán.
Na Campa do Fieiró (Cervantes), na primeira uceira onde dá o sol a mañá do día do San Xoán, vese debaixo unha arca chea de ouro. En Casares (Becerreá) hai un lugar coñecido como a Mina de Vilavella cuxa entrada está abeirada por unhas “camas” de pedra onde na Noite do San Xoán pode verse uns mouros deitados que custodian unhas arcas cheas de moedas de ouro.
Á Pena do Ramallo, entre O Reguengo e Riosubil (Baralla), acodían veciñas e veciños para coñecer o que lles deparaba o futuro. Á Pena da Novia (Cervantes) subían as mozas a medianoite para conseguir os favores da persoa amada. Nunha pena situada no Chao das Uceiras (Pedrafita do Cebreiro) poñíase unha muller de nome Ermitas, natural da veciña aldea do Castro (O Bierzo), para adivinarlle o futuro aos que acodían a ela. Na Pena do Tesouro ou de Sutambre, entre Riomao e Vilaicente (As Nogais), había un tesouro que os veciños, por moito que buscaban, nunca atopaban; foi un portugués quen deu con el nunha Noite do San Xoán. A medio quilómetro do castro da Torre (Lousada-Pedrafita do Cebreiro) hai unha pena que só se pode abalar na Noite do San Xoán, quen o consegue farase rico.
Noutras aldeas existía a tradición de que os mozos e as mozas se resfregaran con palla o corpo espido para eliminar os males da pel. Tamén resfregaban con palla os tetos das vacas para que o leite fora bo e non se estragara. No día do San Xoán, moi cedo, existía o costume de levar as vacas e as ovellas ata Os Penedois (Cervantes) para previr certos males. E nesa mañanciña, para espaventar os espíritos maléficos e as enfermidades dos animais, levábanos a tomar o orballo dos prados.
É rara a aldea da comarca onde non se recollan flores e plantas aromáticas que se deixan nunha cunca con auga durante a Noite do San Xoán para logo lavarse con ela por seren beneficiosa para a pel. Adoitan poñerse a macerar en auga sete plantas, se ben poden engadírselle outras: biouteiro, tróqueles, fieitos machos, fiúnchos, herbas do San Xoán, rosas silvestres e xestas. O que non documentamos, como acontece noutras partes de Galicia, é o costume de recoller a auga de sete fontes. Tamén se adoitaba (aínda se fai) colgar plantas en portas, ventás ou nos buratos das paredes de casas e cortes para espaventar as bruxas, os malos espíritos e para afastar o mal de ollo contra humanos e animais: ademais das citadas máis arriba, colgaban sabugueiros (boito, dise por eiquí), flores de piorno, espadanas, artemisa…
Pero a Noite do San Xoán non apracía a todos por igual. Entre finais do século XIX e principios do XX, os xornais da época recollen as queixas de veciños de Becerreá, As Nogais e A Proba de Navia, con fincas próximas ás cabeceiras municipais, polos roubos que cometían os mozos co obxecto de aprovisionarse para a celebración, ademais de leña para as fogueiras levaban produtos da horta. Mesmo un xornal, El Eco de Galicia, pedía prohibir as celebracións do San Xoán.
Ditos:
"En San Xoán québralle a primeira raíz ao pan, en San Pedro a do medio, e en Santiago... fouciños a el". (Cervantes, Navia de Suarna). "
Polo San Xoán, máis queixo que pan". (Recollido de Fardelo de Tradicións do CPI de Navia de Suarna).
"Do San Antonio ao San Xoán, once días van". (Neira de Xusá, actual Baralla).
Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares: Feliz Noite do San Xoán! Feliz solsticio!