A VÍA ROMANA XIX POLOS ANCARES

* O que din os distintos autores. * O Camín da Antiga. * As mansións romanas na comarca dos Ancares. * Os miliarios. * As vilas. * A epigrafía. * A Vía romana XIX dende Os Ancares ata Lugo. * Unha lenda: A Fonte dos Romanos e O Circo. * Sinalización da Vía romana XIX.

 

O QUE DIN OS DISTINTOS AUTORES

Na primavera do ano 137 a. C. chegaba ao temido Finisterrae a primeira expedición romana. Ás ordes de Decio Xuño Bruto, atravesou o mítico Lethes, o Limia, o río do Esquecemento. Para asegurar o control do novo territorio, no ano 19 a. C. comeza a construción dunha rede viaria que tiña como obxectivo asegurar o control militar e administrativo, ademais de facilitar a explotación mineira. As vías son un dos elementos máis importantes no proceso de romanización.

Un dos documentos máis importantes para coñecer o trazado das vías romanas é o Itinerarium provinciarium Antonini Augusti, coñecido como o Itinerario de Antonino ou de Antonio Augusto Caracalla, redactado, probablemente, entre os anos 196 e 217 e que chegou ata nós por medio de copias medievais dos séculos VII ao XV. 

O Itinerario recolle 372 vías terrestres repartidas polo Imperio, correspondendo 34 a Hispania e tres (a XVIII, XIX e XX) a Galicia. Segundo a información proporcionada polas inscricións dos miliarios na parte portuguesa, a Via XIX data do ano 11 d. C., sendo, polo tanto, a máis antiga das tres vías galegas, así como a máis longa, con 299 millas (uns 500 quilómetros).

Aquí imos tratar da vía XIX ao seu paso pola comarca dos Ancares. 

A grandes trazos, a vía XIX, ou Item a Bracara Asturicam, unía as capitais dos tres conventos xurídicos fundados por Roma na Gallaecia, discorrendo por Bracara Augusti (Braga), Tude (Tui), Turoqua (Pontevedra?), Aquis Celenis (Caldas de Reis), Iria (Padrón), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusti (Astorga). A XX, ou per loca maritina (que de marítima ten pouco), composta con tramos doutras e articulada en época tardía, unía Braga e Astorga, bordeando o litoral atlántico e pasando por Brigantium e Lucus Augusti, sendo este o tramo mellor documentado.

 
 A vía XIX entre O Comeal e Doiras
(Fonte: Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, 2008) 

Dende o século XIX distintos autores teñen teorizado sobre os percorridos seguidos por as vías XIX e XX e a situación das mansións, se ben case todos coinciden en unir o seu trazado a partires de Lugo.

Para Saavedra (1862), dende Lugo ía cara Baralla onde estaría a mansión Timalinus, As Nogais, onde sitúa a mansión Ponte Neviae, e Ruitelán, no Bierzo, onde estaría a antiga Uttaris.

Barros Silvelo (1875), facíaa pasar por Recemil e Castrillón (O Corgo), na marxe dereita do río Tórdea, montes de Santa Cruz, Vilartelín (situando aquí a mansión Timalinus), atravesaba o val de Xusá, continuando pola cara oriental da Pena do Pico, Tortes e Ferreiros de Valboa, en dirección ao nacemento do río Cruzul, Doncos e Ponte Neviae, Noceda, San Pedro, e entrando na provincia de León por La Faba e Lindoso, para tomar o curso do río Valcarce en Ruitelán (Uttaris).

Blázquez (1923) descrebe un trazado dende a capital conventual ata Timalinus (cuxos restos estarían preto do Campo de Arbol (de Arborius, non de Árbore), As Pontes de Gatín, onde ubica a mansión Ponte Neviae, Estrada, Vilafrial, Queirogal, San Martiño das Canadas, O Fabal, Pontorrón, Rionaval, Vilaspasantes, Monte do Fedo, O Comeal e Uttaris. Este autor rexeita o trazado polas Nogais pola ausencia de restos romanos e a existencia na ponte das Pontes de Gatín dun posible miliario do que falamos máis adiante.

Monteagudo (1951) plantexa dúas rutas, unha coincidente coa de Blázquez, e outra por Teiguín (Samos) e As Nogais que identifica con Ponte Neviae.

Estefanía Álvarez (1960) di que discorría, dende Lugo, por Santa Olalla de Bóveda (cremos que se trata dun erro na advocación, en vez de Santa Olalla debe referirse a Santa María). Continuaría por Papín, Campo de Arbol, onde con certas reservas ubica Timalinus, As Pontes de Gatín (Ponte Neviae), e tras cruzar o río Navia continuaría por Estrada, San Martiño das Canadas e Vilarello.

Ferreira Priegue (1988), ao referirse á Serra de Constantín, di que foi unha zona camiñeira pola que discorrían tanto o camiño medieval  como o Camiño Real, non desbotando que estes camiños reaproveitaran a primitiva vía romana. Dende Becerreá iría, a través de Ouselle, polas Pontes de Gatín, Estrada, Santo Tomé de Cancelada (onde estaría o desaparecido mosteiro de San Salvador), San Martiño das Canadas, San Pedro de Cervantes, Ponte de Doiras (por baixo do castelo medieval), Alto da Croa, O Portelo (límite con Asturias), Valverde e Ambasmestas, xa no Camiño Francés de Vilafranca do Bierzo.

Amor Meilán (1991), seguindo a Murguía, di que a calzada viña de Castela, baixaba ao Campo de Arbol para logo continuar polo cume da Serra de Constantín, identificando esta ruta como a per loca maritina que cruzaba a provincia de Lugo polo interior, sinalando só os lugares de Guitiriz, Lugo, Becerreá, Navia de Suarna, etc. Tamén se refire á ruta que pasa polas Pontes de Gatín como de prerromana. 

Arias Vilas (1992) cre que dende Lucus Augusti dirixíase a Asturica Augusti por lugares mal documentados pero que non se afastarían moito do trazado do Camiño Real de Carlos III, agás, quizais, en Ponte Neviae onde se coñecen obras de reparación e de conservación xa no século I, e logo con Hadriano e Caracalla. Desta arteria principal partirían outras secundarias, seguramente máis numerosas pero peor documentadas. Con anterioridade (1976), Felipe Arias propoñía o seguinte itinerario para a Via XIX: Sairía dende Lugo pola Porta Toledana, dirixíndose cara Santa María de Bóveda e San Lourenzo de Recimil e Arxemil, cruzando o río Chamoso pola ponte dos Galiñeiros, Pedrafita e Pedradeita ata chegar ao río Tórdea. Dende aquí proseguiría por Franqueán, Santa Cruz do Picato e Vilartelín. Dubida en situar a mansión Timalinus no Campo de Arbol, levándoa para o xacemento de Pousada.

Nárdiz Ortiz (1992) sinala dous posibles itinerarios, un polo Porto de Pedrafita, continuando logo pola Serra do Rañadoiro ata as depresións de Sarria e o paso do Miño en Portomarín, e outro polo porto de Pedrafita que descendería ata As Nogais por Castelo e Doncos, sinalando que a mansión Ponte Neviae se situaría nas inmediacións do río Navia nas Nogais, e Timalinus nos arredores do río Neira en Baralla.

Para Sáez Taboada (2002), a vía saía de Lugo pola Porta de San Pedro (antes Porta Toledana), Santa María de Bóveda, Recimil e Arxemil (O Corgo) onde se atoparon uns miliarios, cruzando o río Chamoso pola ponte de Galiñeiros, Pedrafita, Bergazo, Rioseco, Pedradereita (O Corgo) e Val. Dende aquí arrodearía o monte das Medorras, ascendendo por Eirexe, Vilarello, Pacios, Seoane, Airexe, Recesende, Santa Marta e Basille onde a vía ascendería ata Senra, flanqueada polos castros de Ferreiros e o romanizado de Pousada, atravesaría o río Neira por onde está a ponte medieval, e entraría en Baralla, situando aquí a mansión Timalinus, continuando logo cara Constantín, Monte do Base, Gundián, Liñares e Acevo, vía controlada polos castros de Sixirei, Lexo, Pol e Vilouta. En Acevo baixaría en zigue-zague ata o Cereixal, Carballín e Castelo ata Becerreá, proseguindo cara as Ventas de Cruzul, atravesaría o río Narón, acadando o cume do monte Adrao e chegando a Chao da Vila. Logo superaría o monte Valderroxo e descendería cara As Nogais ou Ponte Neviae onde se di, sen fundamento algún, que se atoparon moedas de Augusto, Constantino I e Crispo. A calzada sairía da vila das Nogais cara Espariz, Doncos e Noceda, por onde o enxeñeiro Lemaur deseñou o Camiño Real de Galicia no ano 1763, utilizando a vía romana ata Pedrafita do Cebreiro, e de aquí ata Ruitelán.

Gómez Vila (2005), di que despois de superados Franqueán, Santo Estevo e o castro de Sobrado, a vía zigzagueaba a media ladeira pola serra de Pena Agudo e a serra do Galo, para cruzar o regueiro pequeno polo seu punto máis doado. Alcanzada a cota dos 680 metros, continuaba por unha penichaira ata Vilachambre, deixando na súa marxe norte o castro de Lamas. Sería aquí onde o trazado daría un xiro de noventa grados en dirección sur para salvar o abrupto val que se abre entre os montes de Ferreiros e do Rañadoiro, iniciando un trazado en dirección surleste pola penichaira elevada. No castro de Ferreiros a vía descendería cara o val de Vilachambre, ascendería ata Arroxo, atravesando o río Vilachambre a través dunha ponte de cadeirado dun van de medio punto, e iniciaría unha nova subida cara o monte do Rañadoiro (898 m) pola faldra surleste para encarar a Condomiña onde sitúa a mansión Timalinus. Dende Furco bordearía o río do mesmo nome ata O Cereixal pola estrada local que enlaza a NVI, e logo cara Cadoalla, Saa e Ouselle. Dende Ouselle continuaría ata as Ventas de Cruzul e Cruzul, atravesando o río Narón por unha pontella situada uns 200 metros río arriba da ponte de Cruzul construída cando o Camiño Real de Galicia no ano 1778. O Camiño Real compartiría o mesmo trazado da vía romana, para despois abandonalo e salvar a serra de Valdavara polo norte, discorrendo ata Horta (xunto a capela do San Bieito). Sen perder o trazado a media ladeira do Pico de Adrao, a vía continuaría paralela á NVI, atravesando os lugares da Valiña e Cela onde asegura se poden ver restos de pedra da calzada, xirando logo en dirección leste para descender suavemente cara o río Navia, aproveitando o Camiño Real, onde pasaría o curso fluvial no lugar coñecido como O Marco (ponte de madeira coñecida como de Balargantes) e en cuxas cercanías podería erguerse a mansión Ponte Neviae. O mesmo investigador di que atopou na vertente surleste de Agüeira, entre as aldeas de Lama da Vila e Santo André, restos de ergoloxía, material tegulario e cerámica común romana, anacos de ladrillo e de opus caementicium. No último tramo da vía XIX-XX pola provincia de Lugo, despois de pasar As Nogais, o primeiro accidente xeográfico é o monte Xirondo que a vía salvaría a media ladeira pola vertente oriental, dixando o pobo de Castelo a man dereita, dirixíndose cara as Casas da Serra a través dunha penichaira, ascendendo logo suavemente ata a Pena do Carromato e a serra Longa que, unha vez salvada, iniciaría un lixeiro descenso cara Pedrafita do Cebreiro, xusto por debaixo do colexio público, atravesando a localidade pola rúa denominada Vía Romana, e adentrándose no Bierzo polos montes do Curisco e da Valiña, e de aquí ata Hospital, val do río Valcarce, Ruitelán e Astorga.

O enxeñeiro Isaac Moreno Gallo (2006) rexeita de plano as hipóteses dos que defenden o decurso da vía XIX polas Nogais. O seguemento da "antigua vía militar", denominada así polo enxeñeiro Carlos Lemaur, foi obxecto dunha desputa entre este e os xuíces de Doncos e Noceda. O día 22 de setembro de 1767 os xuíces enviaron unha carta suplicando que se trazara o Camiño Real de Acceso a Galicia pola antiga vía romana entre As Nogais e Pedrafita do Cebreiro: "Que desde dicho puente (refírese ao da Ferrería de Bois que se estaba a contruír sobre o Navia) al citado Piedrafita passa por las poblaciones de la villa de Nogales, la de Doncos, ventas de la entrada a Castelo, casas de la Sierra, Campa de Colmo y Pozas, que sirven para el preciso abrigo, y aloxamento de tropa y caminantes, teniendo entre si a este fin una proporcionada distancia". Más adiante critican que "desde Castelo bajando a Doncos y Espariz, hasta los Nogales, es cosa intolerable, y el menos advertido ha de reconocerlo, a vista de los precipicios y durezas que coge el proyecto, cuyo descenso pasa de cinco quartos de legua, siendo digno de consideración el que media al sitio del Christo entre Espariz y Doncos, y sigue toda la bajada a los Nogales pues sobre ser cerca de media legua, horroriza el deslizadero a dicho río Navia, necesitando petril y romperse en peña a fuerza de manos, por no ser en la mayor parte de calidad, en que obre la eficacia del barreno, por lo qual concurre ser imposible disimular la cuesta tan agria que apenas se sube a cavallo por todo lo que este trecho, donde la conclusión del cerro reune lo más fatal del precipicio". En contestación de Lemaur do día 2 de decembro do mesmo ano, di que dende Pedrafita do Cebreiro ata Castelo non vai variar o trazado xa que "ofreciendo este camino antiguo gran comodidad en la execución del nuebo, he pensado, como entonzes insinué a vs. dirigirlo sobre ella". Pero, baseándose nas multiples evidencias que atopou e documentou durante o seu percorrido, Moreno Gallo demostra a entrada da vía XIX en Galicia polo Comeal, achegando, ademais, o informe realizado no ano 1769 polo substituto de Carlos Lemaur, Balthasar Ricaud, dirixido ao ministro de Facenda conde de Croix, queixándose da mala calidade das obras dirixidas polo enxeñeiro militar de orixe francesa (tamén o acusou de malversación de cartos públicos): "Esta porción de camino (refírese ao Camiño Real) desde Ruytelan al término de Piedra Fita y Noceda de 13562 varas, avierto en la falda mui pendiente en la falda de una cordillera, dirigido exactamente por las repetidas revueltas que forman los montes en las entradas de los barrancos...". O que significa que o Camiño Real deseñado nesta zona por Lemaur é de nova planta e non aproveitou ningún tramo da vía romana porque, simplemente, non existía. Continúa Moreno Gallo: "Y en efecto, en el valle de Ransinde y la Braña, al norte de Ruitelán, bañado por el arroyo del Real, en alusión al más viejo de los caminos, se conoce desde siempre el trazado de la vieja vía romana. Se la llama expresamente Carretera de los Romanos y aún se conservan trozos de su plataforma visibles en los prados o devorados por la vegetación que esconden restos de infraestructura pendientes de sacar a la luz. Supera el collado en el límite de la provincia de Lugo por el pueblo de Comeal. Allí se conservan, además de un magnífico terraplén de la vía (refírese ao agger), otros interesantes restos constructivos tales como tajeas de drenaje transversal, muros de contención, etc.".

     
 

Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey (2008), din que dende Lugo a vía discorría por Conturiz, Viador, Arxemil, Capela das Virtudes, Campelo, Chavín, Rubial (O Corgo), Tórdea, Miranda, Mirandela, Furís de Abaixo, Pereira, A Abelleira (Castroverde), Barrosa, Val, A Pena (nas inmediacións sitúan a mansio Timalinus), Carballedo, Ponte de Neira, A Lagúa, O Casar (polo antigo camiño dos Arrieiros), O Cereixal, Penas do Enciñal e a Reboleira, Ouselle (seguindo o Camín da Antiga), estrada de Navia de Suarna, A Borquería, As Pontes de Gatín (mansión Ponte Neviae), A Chá, A Estrada, O Mosteiro,, Santo Tomé de Cancelada, O Queirogal, San Martiño das Canadas, O Lameiro, Soutelo, Santa Xusta, O Fabal (polo Fabal, segundo información que nos achegou Tito Fernández de Témez, documentos do século XVI a XIX denomínanno como Camiño Real e Camiño Francés), Ponte da Pruída, Casa de Riande, Muíño de Suvila, pasando á outra beira do río pola ponte das Veigas, Vilanova, ponte do Ribón, Casas do Río, A Ponte de Doiras, Casas dos Paxaros, Vilarello do Río, San Miguel, Campo do Couso, Xestoso e O Comeal (agger).
  
Fito Via XIX en Cervantes

O filólogo Juan J. Moralejo Lasso (2009) di: "Es evidente que en IA Ponte Neviae tenemos el actual río Navia, pero el posible *Ponte (de) Navia ha cedido ante Pontes de Gatín". 

Andrés Menéndez Blanco, David González Álvarez e Jose Manuel Costa García (2015), nun seu traballo sobre o campamento romano da Serra da Casiña (O Bierzo) din que o campamento temporal de época romana da Cortiña dos Mouros, entre Valboa/Balboa e Cervantes, ao igual que o da Serra da Casiña, garda certa relación co trazado da vía XIX do Itinerario de Antonino a través do porto do Comeal, en Cervantes, ou cos pasos naturais que antecederían en uso a esta vía.
 
Entre A Braña e O Comeal o camiño aínda se coñece hoxe en día como Camín da Antigua ou Camiño dos Romanos

Sen dúbida, desta vía principal partirían varios camiños, dos que apenas temos coñecemento, que comunicarían as máis de 100 explotacións auríferas, castros romanizados e outros asentamentos.  

Polo momento, e ante a falla de evidencias escritas ou arqueolóxicas, non imos entrar nas informacións subministradas por persoas que, sen criterio algún, fan pasar unha vía romana polo sitio que máis lle convén, sobre todo atendendo á proximidade xeográfica do seu domicilio.
 

 
O CAMÍN DA ANTIGA

O escritor e investigador Luis López Pombo achegounos o nome de Camiño da Antiga (coñecido tamén como Rudeira da Antiga) que transcorría por terras das Nogais e Pedrafita do Cebreiro. Citado nun documento do ano 1757, no deslinde das parroquias de Fonfría e Nullán. Luis dinos que partía de Vega de Valcarce, pasando por Pedrafita do Cebreiro, Padornelo, Alto do Lago, Casa de Chancia, As Cruces, Albela, Furco da Meda, Ponte de Carracedo, O Corgo e Lugo. Luis recolleu o dato do libro segundo de Fábrica da igrexa parroquial de Fonfría, que di: "De junto el riego al Camino Real, en otro tiempo llamado Antigua, va el termino por toda la Antigua dejando la mayor parte de la cocina de la Casa de Chancia en donde avia antes un marco dentro de este curato". Lopez Pombo di que pode tratarse dunha vía secundaria de época romana.

Camiño da Antiga (As Nogais)

Dende Cadoalla (Becerreá) partía un camiño histórico cara Navia de Suarna, coñecido aínda hoxe en día co nome de Camín da Antiga, ruta confirmada polas prospeccións arqueolóxicas levadas a cabo cando a construción da autostrada A-VI.

Durante a construción da A-VI no ano 1999 ao seu paso por Cadoalla, no lugar coñecido como O Enciñal, saíron á luz estruturas habitacionais  de forma circular, cadrada e rectangular e unha muralla pétrea. Tamén se atoparon varias pezas, moitas das cales foron mesturadas cos cascallos e trasladadas en camións para non se sabe onde. Logo das intervencións arqueolóxicas de urxencia, o xácigo foi destruído por medio das pas escavadoras e a dinamita. O camiño que pasaba ao seu carón aínda se denomina Camín da Antiga.

 Xacemento do Enciñal (Becerreá) no ano 1999
(Foto cedida por Manuel González Vilela)

Entre A Braña (O Bierzo) e O Comeal (Cervantes) o camiño aínda se coñece na actualidade como Camín da Antigua e Camiño dos Romanos
 
En San Pedro (Pedrafita do Cebreiro), está o coñecido como Camiño de Connavia. Segue o curso do río Navia. Hai quen cre, a pesares de non existir evidencia de ningún tipo, que por aquí pasaba un ramal da Via XIX.
 
 

 
AS MANSIÓNS ROMANAS NA COMARCA DOS ANCARES

Todos os autores consultados identifican Timalinus, antigo núcleo prerromano logo romanizado, coa Talamina de Ptolomeo, o xeógrafo grego do século II quen, na súa Xeografía, tentou situar milleiros de lugares coas coordenadas xeográficas pero que, trasladadas ás actuais, causan problemas. O único que sabemos verbo de Timalinus é polo Itinerario de Antonino onde se di que se atopaba a XXII millas de Lucus Augusti, dirección Asturica Augusti, situándoa os distintos investigadores no Campo de Arbol, Vilartelín, Papín, Pousada e A Condomiña. Como aclara Rodríguez Colmenero, a milla empregada neste sector é a de nove estadios, uns 1.630 metros; multiplicando esta cantidade por 22 daríanos 36 quilómetros, distancia á que habería que situar a mansión.

Segundo Hübner, no seu Corpus Inscriptiorum Latinarum (1869), de Timalinus poderían proceder os restos de dúas lápidas votivas (unha adicada a Xúpiter Óptimo Máximo e a outra a Tutela, esta última desaparecida) que dá como atopadas en Aranza, lugar que o epigrafista e arqueólogo alemán identifica con Aranz de Sanz que non foi localizado

Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum de ipsa via antiqua". Mais falta por determinar onde queda este "Aer de Abadessa".

Cando as obras de construción, no ano 1932, da estrada que vai ata Baleira, na Condomiña, no lugar coñecido como o Agro de Pedreda, saíron á luz columnas, ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaicos e algunhas moedas de ouro e prata (Vázquez Seijas, 1967). No ano 2012 vimos xunto o muro exterior dunha casa de Todón de Abaixo (Becerreá) unha base de columna romana, e non moi lonxe, na Ponte de Neira, nun xardín particular, unha base e un fuste da mesma época que na actualidade serve de soporte a unha cruz moderna. No ano 2020 amosáronnos outra base de columna en San Martín de Neira de Rei, actuando como pé dunha mesa de xardín. As tres pezas, segundo nos contaron, proceden do Agro de Pedreda. Nos últimos anos, ao realizar os traballos agrícolas, están a saír á luz centos de anacos de tégulas e cerámicos. Eiquí situamos nós a mansión de Timalino. 

Base e columna romana reaproveitadas nun cruceiro (Baralla)

Hai investigadores que tentan localizar esta mansión botando man da toponimia. Plinio, seguindo a Teofrasto e Dioscórides, dicía que o terceiro xénero das durmideiras silvestres é o tithymalion ao que outros chaman mécon ou paralion, que daría o topónimo Baralla. Paralia/Baralla sería un lugar onde hai esta planta. Tithimalum ou tithymalis, segundo Nicandro Ares Vázquez, ben podería dar Timalinus. Mais, que nos saibamos, non se conservan referentes. O que está claro é que o topónimo ten unha raíz indíxena máis o sufixo latino e que sinalaría un castro prerromano onde logo se ergueu a mansión (Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, 2008).

Felipe Arias, como xa sinalamos máis arriba, sitúa a mansión no asentamento romano de Pousada, asociado á explotación mineira.

Segundo recollen Rodíguez Colmenero, Ferrer Sierra e Álvarez Asorey, en Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico (2004), Ponte Neviae estaría situado na aldea das Pontes de Gatín onde se conserva unha ponte con posibles vestixios romanos, aínda que do que si temos constancia é de que aquí había unha ponte romana como nolo achega o Itinerario; Ponte Neviae evolucionaría a Pontes Catinii porque habería máis dunha ponte. Nos seus arredores apareceron tégulas e cerámica de clara filiación romana. Ademais, a distancia marcada no Itinerario de Antonino entre Lucus Augusti e Ponte Neviae (34 millas) aproxímase moito á distancia real entre Lugo e As Pontes de Gatín (56 quilómetros), o que corroboraría a utilización dunha milla de 1.647 metros.

A identificación de Ponte Neviae coas Pontes de Gatín xa foi defendida por A. Blázquez no ano 1923, que fala do miliario anepígrafo que se ergue na parte superior da ponte, reutilizado logo para gravar unha inscrición viaria nos tempos de Carlos III. Alvarado Blanco, Manuel Durán e Carlos Nárdiz din que se trata dunha ponte do século XVIII, realizada en xisto, cun arco lixeiramente apuntado e aliviadoiro de medio punto, non achegando ningunha referencia á orixe romana da mesma. 

Como xa deixamos rexistrado, Estefanía Álvarez tamén defende a ubicación de Ponte Neviae nas Pontes de Gatín.
 
No Agro de Pedreda (Baralla) puído ubicarse a mansión Timalinus
 

   
 
OS MILIARIOS

A escaseza de miliarios na provincia de Lugo, onde non contabilizamos máis dun par de ducias (algúns dubidosos), queda reflectida na Via XIX dende Lucus Augusti ata a entrada no Bierzo. Os únicos fitos do itinerario documentados ata o momento atópanse en Arxemil, Castrillón e Franqueán, parroquias do concello do Corgo. Dende Baralla ata O Comeal, en Cervantes, a súa ausencia é total, sexan indicadores de distancias, honoríficos ou anepígrafos. Blázquez, Estefanía Álvarez, Rodríguez Colmenero, Álvarez Asorey, Moreno Gallo, entre outros, din que o fito que podemos ver no medio da ponte das Pontes de Gatín, en Becerreá, é un miliario romano, tese que non comparten Alvarado Blanco, Manuel Durán, Carlos Nárdiz e Javier Gómez Vila. Estes autores datan a construción da ponte no século XVIII, crendo que a inscrición (incompleta) que figura no monolito fai alusión á construción da mesma en tempos de Carlos III: "SE REDIFICO/ESTE PUENTE/POR ORDEN DEL/S PROTECTOR/DE LOS CAMINOS/DEL RO DE GALICIA/SIENDO DIRECTOR/DEL R C D S M/JOSEPH RICO?/DE ARA...". No verán de 2021, grazas á fotogrametría, localizamos debaixo da inscrición moderna unhas letras latinas que se están a estudar. 
 
Proximamente informaremos dun miliario atopado en Ransinde (O Bierzo). Eiquí, a vía continuaba cara A Braña, tamén no Bierzo (no ano 2018, a raíz duns incendios, saíu á luz un espectacular tramo de vía de case 2 quilómetros), e logo seguía ata O Comeal (Cervantes).  

Malia o anterior, a inexistencia de miliarios podería explicarse, como acontece en multitude de casos ao longo de toda Galicia, na execución dos camiños que posteriormente aproveitaron gran parte da vía romana (camiño antigo, Camiño Real, N-VI...), causando a súa destrución ou enterramento, ou que foran reaproveitados noutras construcións (casas, muros de fincas...), causándolle mutilacións o que os faría practicamente irrecoñecibles.




 
AS VILAS

A vila é o tipo de asentamento máis característico de época romana. No interior de Galicia está asociada, polo xeral, coa explotación agropecuaria (villae rusticae).

Ata o presente, na comarca dos Ancares, deixando á marxe os castros romanizados, documéntanse con seguridade a villae de Quintela, en Arroxo (Baralla) onde aínda se poden ver infinidade de tégulas no corte producido por un camiño e pedras reaproveitadas en construcións modernas. En Santo André das Nogais, na faldra meridional do monte Redondo, na zona coñecida como O Carballal, disque apareceron restos cerámicos, tégula e pequenos fragmentos de opus caementicium.

Na comarca apareceron distintas pezas que poden sinalar a presenza de villae, mais a falla de prospeccións arqueolóxicas só nos permite aventurar algunhas hipóteses.  No ano 2017, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos un muíño de man e tégulas pertencentes, seguramente, a un sepulcro de inhumación de época romana, no límite entre os concellos de Becerreá, Cervantes e As Nogais, non moi lonxe das Pontes de Gatín. 

Na finca coñecida como Vilarín, na parroquia de Ouselle (Becerreá), apareceu un baixorelevo de finais do século I ou de mediados do século II d. C., que foi reutilizado na construción do forno dunha olería do século III e que se cre que puído formar parte dun friso de carácter procesional o que levaría a pensar nun importante edificio. Segundo referencias orais tamén se atoparon ladrilos, tégulas e restos óseos, cabendo a posibilidade da existencia dun asentamento rural romano.

Na parroquia do Castro (Cervantes) no lugar coñecido como Castijuelo, nunha pequena chaira situada preto dun regato e a media ladeira do monte, saíron á luz tumbas de inhumación atropomorfa. No mesmo concello tamén puideron existir outros asentamentos na Froxa (Castelo), A Borruga (O Castro), A Cubeliña e O Penedo da Cama (San Román), Tras da Reboleira (Vilapún) e A Puída (Vilarello).

No mes de agosto de 2011, José de Vilarín falounos de dous sitios pertencentes á aldea de Murias, na parroquia de Rao (Navia de Suarna), coñecidos como O Treitoiro e As Pereiras onde apareceron restos cerámicos e muíños circulares.

A principios do ano 2015, Sergio e Miguel, da Asociación de Veciños de Torés, leváronnos ata o lugar coñecido como Os Arrexós onde apareceu unha moeda de Crispo e que, a simple vista, cumpre os esquemas de situación típicos das vilas romanas. A tradición oral di que alí houbo un asentamento romano.

Vila romana de Quintela (Baralla)



 
A EPIGRAFÍA

En relación a outras partes de Galicia e da mesma provincia de Lugo, na comarca dos Ancares a produción epigráfica limítase a unhas poucas pezas, e non en todos os casos se pode asegurar a súa pertenza a esta zona. Como xa sinalamos máis arriba, descoñecemos epígrafes en miliarios pola total ausencia destes. 

De Aranz de San son dúas lápidas votivas catalogadas por Hübner no seu Corpus inscriptiorum latinarum (1869). O epigrafista e arqueólogo alemán identifica Aranza (Baralla) con Aranz de Sanz, lugar aínda non localizado. Vázquez Seijas (1967), cre que as inscricións poderían proceder do Agro de Pedreda, na Condomiña, onde sitúa a mansión Timalinus. Nunha lese: "IOV.OPT.MAX/Q.PV(BLIUS)/DIONYSIUS/EX VOTO", ("A Xúpiter Óptimo Máximo, moi bo e moi grande, Quintus Publius dionisius en cumprimento dun voto"). A outra, hoxe en día desaparecida, dicía: "TUTELAE/L. ANTONIUS/AVITUS.CVN/FILIS. ET.ZOSIMA.L/EX VOTO", ("A Tutela, Lucius Antonius Avitus cos seus fillos e Zosima, liberta, en cumprimento dun voto"). Verbo desta última deidade, Tutela semella ter contado no Imperio romano con moitos seguidores entre os libertos e os escravos, identificando as súas funcións coas dun deus gardián. Canto ao sexo, crese que é feminino, mais existen exemplos de varias inscricións votivas nas que se menciona como deus.   

Vázquez Saco, no Boletín de la Comisión de Monumento de Lugo (1948), deu a coñecer unha lápida funeraria atopada na muralla romana de Lugo, custodiada no Museo Provincial, cunha inscrición bastante deteriorada polo paso do tempo, encadrada nunha moldura baquetonada de 0,62 metros de altura por 0,88 de ancho. Posteriormente, en colaboración con Vázquez Seijas, publicáronna en Inscripciones Romanas de Galicia II. Provincia de Lugo (1954) onde propoñen unha lectura achegada por A. D´Ors e que cualifican como moi difícil. No ano 1979, Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, logo dun minucioso estudo, publican o resultado na colección Inscriptions Romaines de la Province de Lugo, aínda que seguen a presentala como moi problemática. Malia os atrancos anteditos, Nicandro Ares Vázquez, no Boletín do Museo Provincial de Lugo, tendo en conta as lecturas anteriores e os seus propios estudos ofrece o seguinte texto: "Martialis an (norum) X, Loveus an (norum) IX, Paternus an (nourum) III, s (ervi) e (x) C (invertido) (castro vel casa) castro Laedie (n) s (i); Gemel (l) inus Flori filiis" ("Marcial de 10 anos, Lovio de 9 anos, Paterno de 4 anos, servos do castro Laediense; Xemelino de Floro, aos Fillos"). Trataríase, pois, dunha estela adicada polo pai dunha familia de escravos, provenientes dun castro, a tres nenos defuntos de moi pouca idade, que levan nomes latinos. Remata Nicandro Ares que o nome do castro está escrito Laedies, polo que se podería aventurar a ubicación do Castro Laediense, identificado, quizais, co castro de Lexo (Baralla). 

 Epitafio do castro de Lexo

No ano 1906, o párroco de Penarrubia, don Antonio Correa Fernández, atopou en Papín (Baralla) unha ara que di: "LARIBV(S)/VIALIB(VS)/PLACID(I)/NA EX/(V)OTO P(O)/SUIT", ("Aos Lares Viais por Placidinia en cumprimento dun voto"); na actualidade atópase no Museo Provincial de Lugo. Ao pé do castro de Penarrubia, tamén en Baralla, atopouse outra ara, hoxe en día desaparecida. 

 Ara de Papín (Baralla)

O coñecido como relevo de Vilarín atopouse na finca coñecida co mesmo nome, situada na parroquai de Ouselle (Becerreá). Trátase dun relevo en granito no que se representa un touro, unha vaca e un cuxo, de perfil e aliñados. A peza foi reutilizada na construción dun forno dunha olería, datada no século III d. C., aínda que o relevo parece de finais do século I ou da primeira metade do século II d. C. Crese que formaría parte dun friso de posible carácter procesional o que levaría a pensar nun importante edificio que algúns investigadores poñen en relación cun culto oriental adicado ás divindades Serapis ou Mitra. Publicado por Rodríguez Otero, custódiase no Museo Provincial de Lugo. 

 Relevo de Vilarín

O primeiro que cita a ara de San Román de Cervantes, antes de 1959, é don Justiniano Rodríguez, e coas súas fotos publicouna de novo García y Bellido en 1966. Uns anos máis tarde os editores do corpus epigráfico da provincia de Lugo revisáronna de novo. A ara foi descuberta antes do ano 1959, "A kilómetro y medio de distancia de San Román de Cervantes (Lugo), sobre la ladera septentrional sobre la ladera del llamado valle del Oulivar y a un kilómetro del río Navia, enquistada en el muro que cierra por el suroeste, frontero del camino de Vilar de Cancelada a Seixas, la finca de D. Antonio del Río, vecino de Vilarello. Al tiempo de su descubrimiento, ya hace algunos años, estaba unida a una pila", escribiu Justiniano Rodríguez Fernández no ano 1959. Nese ano atopábase "a la intemperie, colocada sobre el rellano de una escalera exterior" na vivenda de D. José Antonio García, na Casa da Queitana, en San Román. No 1979 foi vista de novo debaixo dunha árbore, nunha propiedade do anterior. Segundo nos contou don José, antes de seren levada para actuar como peche estaba na capela de Santiago, hoxe en día desaparecida. É de pedra de granito e as súas dimensións totais son 78 x 45 x 35 cm. Trátase dun prisma rectangular apoiado nunha basa con tres molduras. Carece de coroamento, e na parte alta só presenta unha perforación moderna. Na cara principal mostra a inscrición romana. Na cara menor dereita ten outra inscrición baixomedieval na que se le: ERA/(M)CXX/FROI/LA PSR/FECI. A romana foi lida e interpretada, nun primeiro momento, de forma pouco crible. Novos informes (Abascal Palazón) permiten rectificar a súa lectura deste xeito: [---] AE/[SACRVM]M/C(AIVS) VALERIVS/CARVS/MILES L(EGIONIS X [G(EMINAE)]/V(OTVM) S(OLVIT) L(IBENS) M(ERITO). É dicir: Caius Valerius Carus miles Legionis Decimae. Estaría datada no século I d.C. Trataríase dun soldado indíxena romanizado; como se sabe, os habitantes dos castros foron incorporados ao exército despois da conquista o que serviría para debilitar a capacidade de rebelión das poboacións indíxenas.   
 
O día 5 de xuño de 2014, cando a vimos por primeira vez, a ara estaba no baixo dunha casa, con caixas de mazás por riba e xunto un saleiro que estaba a deteriorar a pedra. Dende aquelas pedímoslle aos donos, infrutuosamente, que a donara ao Museo, ademais de que mentres a colocaran noutra parte, lonxe do sal e da humidade. O día 6 de febreiro de 2016, en compañía de Juan Manuel Abascal Palazón e María P. González Conde, da Universidade de Alicante, vímola de novo, a ara estaba a mellor recaudo, colocada sobre unha base de madeira nunha esquina do salón da casa.   
 
A aparición desta ara pode implicar un certo poboamento romano na zona, situado nunha primaria rede de comunicación relacionada coa explotación mineira. 
 
 Ara de San Román de Cervantes

Arias Vilas (1979) cita unha inscrición en San Román de Cervantes da que só se len as dúas últimas letras dun posible teónimo, e que interpreta: NAVI.AE/SACRU.M. 


 
 
A VÍA ROMANA XIX DENDE OS ANCARES ATA LUGO

Dende a ANPA do CPI de Cervantes e Colectivo Patrimonio dos Ancares iniciamos unha campaña para dar a coñecer e valorizar a vía romana XIX ao seu paso pola comarca dos Ancares. Inaugurada no ano 11 d. C., é a máis antiga das tres vías principais documentadas en Galicia que unían as capitais dos tres conventos xurídicos da Gallaecia romana: Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga).

 

Como primeiro paso presentamos aos concellos de Baralla, Becerreá e Cervantes a nosa proposta de revalorización. Despois puxemos en marcha unha serie de iniciativas para dala a coñecer, comezando o día 26 de agosto de 2018 cunha andaina entre O Comeal e Doiras, dentro dos actos da Festa da Involución Educativa, pola defensa do ensino público de calidade na Montaña, organizada dende hai anos pola Anpa do CPI de Cervantes. A principios do mes de setembro fíxose unha marcha ciclo-turística a cargo de Bike Stop. Tamén confeccionamos uns dípticos e realizamos varias charlas informativas.
 

A continuación achegamos os mapas co itinerario entre O Comeal (entrada na Galicia actual) e Lugo. Distribuídos en cinco etapas, foron modificados por nós a partir de Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, publicados no seu traballo Vía romana XIX. Unha viaxe dende Lugo aos Ancares, seguindo as pegadas de Roma (2008). Tamén estamos a confeccionar un mapa cunha vía que discorría por Riamonte, Santa Mariña, As Covas, Vilaspasantes, Río Naval, O Pontorrón e O Fabal onde enlazaba coa primeria. Tamén comezamos a traballar sobre un ramal que, procedente da Fonsagrada, discorría polo concello de Navia de Suarna.
 
Ao principio de cada etapa indicamos as modificacións e engadidos que plasmamos nos mapas, ademais doutros datos de interese sobre os xacementos situados a carón ou nas proximidades da vía, entre outros, os castros e as explotacións mineiras o que subliña a importancia desta ruta que comunicaba e controlaba os principais núcleos mineiros.

PRIMEIRA ETAPA: ALTO DO COMEAL - DOIRAS

Neste tramo engadimos no mapa os castros e as explotacións mineiras de época romana próximos á vía. Tamén o campamento temporal da Cortiña dos Mouros, lindeiro co Bierzo. No Comeal localizouse un Agger orixinario da calzada de 100 metros de lonxitude ben conservado e catalogado por Patrimonio. No ano 2018, a raíz dun incendio, saíu á luz un tramo espectacular de case dous quilómetros na Braña (O Bierzo) que continuaba cara O Comeal. No ano 2021 localizouse un miliario (que se está a estudar) en Ransinde, tamén no Bierzo, preto dun tramo de vía que seguía ata A Braña e O Comeal.

 

SEGUNDA ETAPA: DOIRAS - AS PONTES DE GATÍN

Indicamos os castros e as explotacións mineiras que abeiraban a vía. En documentos do pazo do Fabal figura, a partir do século XVI, entre outros nomes o de vía romana. A maiores achegamos o xacemento do Teso do Castelo onde localizamos dúas moedas, unha de época romana, anacos dun recipiente con po de ouro e restos de muros. No concello das Nogais, no límite con Cervantes e Becerreá (moi cerca das Pontes de Gatín), documentamos os restos dunha posible vila, recollendo parte dun muíño circular e abundante tégula, cremos que pertencente a unha sepultura. Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey sitúan nas Pontes de Gatín a mansión citada no Itinerario de Antonino de Ponte Neviae. No medio da ponte érguese un monolito, pode que reutilizado, cunha inscrición de tempos de Carlos III.

 

TERCEIRA ETAPA: AS PONTES DE GATÍN - TIMALINO

Ademais dos castros situados nas inmediacións da vía, incluímos un xacemento que foi destruído cando as obras da A6 no ano 1999. Trátase do asentamento do Enciñal, en Cadoalla, onde saíron á luz varias estruturas habitacionais e outros materiais de época romana; o camiño que pasaba ao seu carón aínda se denomina como Camín da Antiga. Na finca Vilarín, en Ouselle (que erradamente adoita identificarse coa capitalidade dos zoelas), onde Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey sitúan unha Mutatio, apareceu un baixorrelevo do século I-II d. C. que foi reutilizado na construción do forno dunha olería do século III. Como se pode ver no mapa, os mesmos autores ubican a mansión de Timalinus na Pena; nós cremos que estaría no Agro da Pedreda (A Condomiña) onde no 1932, cando a construción da estrada entre Baralla e O Cádavo, saíron á luz columnas, ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaico e moedas (temos localizadas varias pezas en distintos lugares de Baralla e Becerreá). En Carballedo apareceu o fragmento dunha ara romana, desaparecida. No ano 1906, o párroco de Penarrubia descubriu unha ara aos Lares en Papín, custodiada no Museo Provincial de Lugo.

 

CUARTA ETAPA: TIMALINO - TÓRDEA

Completamos o mapa cos castros e as explotacións auríferas próximos á vía. No lugar da Torre, en Tórdea, atopáronse restos de tella e cerámica romana. No interior da igrexa de San Tomé de Tórdea, na capela absidial, consérvanse dous anacos de miliarios anepígrafes, e outros dous nas inmediacións, un deles nunha casa particular.

 

QUINTA ETAPA: TÓRDEA - LUGO

Engadimos os castros. Nas proximidades da ermida das Virtudes apareceu unha ara votiva a Mercurio que foi estudada pola museóloga e conservadora do Museo Diocesán Catedralicio de Lugo, Carolina Casal Chico. En Arxemil e Castrillón documéntanse varios miliarios, un adicado a Adriano. En Franqueán localizouse outro adicado a Marco Aurelio Caro. Xunto a igrexa parroquial de Franqueán apareceu unha necrópole de inhumación formada por sepulcros construídos con laxas de pedra fincadas no chan, con base horizontal de tégulas. A ponte medieval dos Galiñeiros é de orixe romana.


https://www.elprogreso.es/articulo/a-montana/patrimonio-ancares-pondra-valor-via-xix/201807051413461321777.html


http://www.xornaldelugo.com/ciclistas-amateurs-percorren-a-via-romana-xix-cunha-ruta-btt/




 
UNHA LENDA: A FONTE DOS ROMANOS E O CIRCO

A principios do mes de xullo de 2018 achegámonos ata o Comeal, en Cervantes, para comprobar se a vía romana XIX está transitable para as andainas que temos previstas. O único atranco é a maleza. Dende o Concello dixéronnos que van a limpala. 

Cando chegamos, un home de 81 anos que ía cunha gadaña saudounos. Natural do Comeal, marchou para Cataluña cando era mozo pero todos os anos volve para pasar os meses de verán na súa terra. Contounos que ía rematar de limpar o camiño que leva ata un manancial. Preguntámoslle, entón, se a auga da fonte que hai na mesma aldea non era boa. Contestounos que si, pero a mellor a da fonte “dos romanos”. Dos romanos? Foi a que utilizaron os veciños dende sempre, hai outro manancial un pouco máis arriba, pero sempre foi esta a súa preferida. Acondicionáronna hai uns dez anos. “Si viñan os romanos a por ela dende o Circo por algo sería”, respondeu. O Circo? “Si, onde tiñan o castelo, lembro que os meus bisavós e tamén os meus avós aínda lembraban algúns muros. Ali, os mouros, gardaban un tesouro”, díxonos.  

Hai uns poucos anos localizouse no coñecido como Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros, un monte situado a 1.294 metros de altitude entre O Bierzo e Galicia e a uns tres quilómetros en liña recta do Comeal, os restos dun campamento temporal construído polo exército romano no decurso das Guerras Galego-Astur-Cántabras. 

Con esta testemuña queda claro que os veciños xa sabían da existencia do campamento romano (“o castelo”) dende tempos inmemoriais.



 
SINALIZACIÓN DA VÍA E ASENTAMENTOS ROMANOS

A principios do ano 2021, a petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a Deputación Provincial de Lugo, por medio da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, comezou a sinalizar a vía.
 
Novamente, a proposta do Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes, durante o verán e outono de 2023, continuáronse a colocar sinais de dirección, situación e paneis informativos en varios bens patrimoniais da comarca. Desta foi no cemiterio do período neolítico dos Forniños e no campamento temporal de época romana da Cortiña dos Mouros, situados na espectacular paraxe de O Circo, entre os concellos de Cervantes (Galicia) e Valboa (O Bierzo), a case 1.300 metros de altitude sobre o nivel do mar; na Vía romana XIX, no tramo do Comeal; na necrópole megalítica da Pena dos Mouros; de dirección para os castros de Santa María, en Cervantes, e Pin, en Navia de Suarna; e nas minas de Riamonte. Para a primavera de 2024 está previsto que as rutas estean debidamente acondicionadas.
 


 
A Vía romana XIX polos Ancares

A descrición e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
Cando se dea o caso, as imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares