En Santestevo, parroquia de Pousada (Baralla). Medieval. Sobre o río Neira. A tradición dálle unha orixe árabe.
En Baralla. Salva o río Neira. Construída cando o Camiño Real a Castela nos tempos de Carlos III. Ten dous arcos de medio punto e tallamar central contra corrente. Unha lenda di que foi levantada polos mouros.
Rubén Armada ten documentados antigos pasos preto da Ponte de Covas, dos cales hoxe en día só queda pouco máis que a memoria, algúns moi estranos xa que morren no río e semella que non conducen a ningures. O Pontón de Telo atópase a un quilómetro corrente arriba da Ponte de Covas, comunicaba o muíño de Telo, construído probablemente a finais do século XVIII. O pontón pertencía a este muíño, ao que se accedía por un camiño que serpeaba por unhas fincas denominadas da Antiga, unindo os núcleos de Penouta, Acivido e Santo André. Este paso era utilizado tamén para ir á igrexa durante o inverno, e tamén para o paso de gando e carros, tanto para o traslado de fariña e gran do muíño como para uso privado. Aínda era utilizado hai uns 25 anos. Os coñecidos como Pasos de Alvite atópanse a uns 800 metros da Ponte de Covas, e a uns 200 do Pontón de Telo, río abaixo. Tratábase dunha especie de chanzos sitos no río, no lugar menos profundo, debaixo da "calzada" dunha presa que aínda existe. Chama a atención o feito de comprobar que a pesar de utilizarse nos últimos tempos como atallo para a igrexa, conduzan a eles dous camiños de singular anchura, e que un deles, o que parte dende o paso ata preto da igrexa, só teña ese fin: unir a estrada cos Pasos de Alvite. O outro conduce ata a entrada da Ponte de Covas. O Paso das Insuas atópase case pegado á Ponte de Covas, a uns 100 metros. Na actualidade só é accesible por un extremo, e o único sitio dende os Pasos de Alvite ata a Ponte de Covas onde se accede ao río sen desnivel. Nos últimos anos foi utilizado como abrevadoiro para o gando, para proveerse de auga en toneis e para lavadoiro. O Porto de Coeda está a algo máis dun quilómetro da Ponte de Covas, corrente abaixo. Hoxe en día só é accesible por un extremo, e ao igual que os Pasos de Alvite, o camiño só une o río con outro camiño principal, é dicir, non ten uso para acceder a fincas privadas. Sábese que cando o tren arribou á Pobra do San Xiao, en Láncara, os veciños de Acivido, Penouta, Berselos e Santo André atravesabanb o río Neira neste punto cos carros de vacas ou mulas para ires a buscar sal e outros aprovisionamentos ao tren. A proba témola nunha corredoira labrada en laxe, con pronunciada pendente, pola cal ascendían os carros cargados e que paseniñamente foron labrando as marcas que aínda se ven na laxe.
A ponte de Cruzul é a única da provincia de Lugo vinculada ao período Neoclásico, podendo considerarse como a primeira infraestrutura da enxeñería civil moderna, de vital importancia para as comunicacións da provincia de Lugo coa Meseta.
Sen dúbida algunha, a ponte de Cruzul é unha das máis emblemáticas, non só do municipio de Becerreá, tamén da comarca dos Ancares, así como a mellor documentada, sendo a única das consideradas históricas da que se conservan os planos orixinais do ano 1765, depositados no Archivo General de Simancas.
Durante a Guerra da Independencia, en Becerreá e no resto da comarca dos Ancares, a oposición á invasión francesa tamén conseguiu unir, nun feito sen precedentes, a clérigos e fidalgos co campesiñado. Non imos deternos eiquí nos múltiples episodos que tiveron lugar na comarca, só en que a ponte de Cruzul actuou como pétrea testemuña. Está amplamente testemuñado que os guerrilleiros galegos apoderáronse de máis de mil fusís que os soldados franceses agocharan xunto a ponte; de feito, moitos deses fusís, coas súas baionetas, aínda se conservan en poder dalgúns veciños, e un gran número dos canóns dos mesmos foron utilizados posteriormente como tubos de desaugue de moitas casas de Becerreá. Entre os anos 1960 e 1980 funcionou en Becerreá o bar Os Chafarotes que tomou o nome polo anchos sabres, tamén procedentes das inmediacións da ponte de Cruzul, utilizados polos soldados franceses e que serviron para aodrnar as paredes do local. No ano 2008, o investigador José Luis Garfer, que estaba recorrendo Galicia en busca de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego, descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón, aldea próxima á ponte, conservaba, entre outros documentos, un manuscrito que, ao longo de 126 páxinas, recollía a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España, autoría do xeneral francés Gerard, que ofrece o retrato do conflito bélico. Gerard tivo que instalarse temporalmente na aldea debido á neve. Un antepasado de Fernando Gabriel era coñecido como O terror dos Gabachos. Documentado está o enfrontamento dos veciños na ponte de Cruzul, cando o xeneral Pedro Caro y Sureda, III Marqués de la Romana (1761-1811), chamou á mobilización. Na aldea de Cruzul consérvase unha espadana de dous vans, á que se accede por medio dunha escaleira de pedra, cuxas campás alertaban á poboación da chegada dos franceses á ponte. Ata os anos 80 do pasado século, durante as festas do antroido, era habitual ver a veciños e veciñas disfrazados de guerrilleiros, portando algunhas armas utilizadas durante a Guerra da Independencia.
As imaxes e fotos históricas das pontes da comarca dos Ancares anteriores aos anos sesenta do pasado século XX son escasas. Desa ausencia hai que exceptuar a ponte de Cruzul, o que demostra a importancia e o prestixio que tiña, e ten, entre as xentes do concello de Becerreá. A primeria imaxe da ponte figura no libro de Adam Noel Letter from Portugal and Spain, editado en Londres no ano 1809. No libro, o xeneral británico sir Jhon Moore relata que ao día seguinte de pernoctar nas Nogais, camiño de Lugo, chegou á ponte de Cruzul onde os franceses preparaban a súa voadura. Noel fai un debuxo da ponte onde figuran catro arcos en vez dos tres cos que conta na actualidade, feito que leva á conclusión de que se puído reconstruír posteriormente, perdendeo un dos arcos. Hai que destacar que, como puído comprobar o mesmo Noel, a ponte non foi voada (como conxectura algún investigador e a tradición) polos ingleses para retardar o paso das tropas invasores dos mariscais Soult e Ney cando se retiraban cara A Coruña, o que leva a pensar que, no caso de que a lámina citada a plasmara fidedignamente, foi reconstruída debido a outras causas. Unha lámina do século XIX representa a retirada do exército inglés pola ponte de Cruzul, fustrigado polos franceses. No Semanario pintoresco español do 21 de abril de 1850 aparece un debuxo da ponte. Pero ademais destes tres debuxos, os máis coñecidos, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, no Museo de Pontevedra localizamos outro feito a plumilla no ano 1842 polo pintor e litógrafo Ramón Gil Rey, dous anos antes do seu falecemento.
Transcorridos catro anos dende que presentamos a solicitude, sen ter resposta, o día 22 de outubro de 2019 volvemos a solicitalo ante a Dirección General de Bellas Artes do Ministerio de Cultura. En 23 folios, ademais da descrición, arquitectura, historia, estado de conservación, etc., xustificamos o que motiva a súa declaración como BIC.
O día 17 de marzo de 2026, o Consello de Ministros, a proposta do ministro de Cultura, aprobou a súa declaración.
A ponte atópase nun espazo natural de recoñecida importancia, dentro da Rede Natura 2000 que ocupa unha superficie de 618 hectáreas, que conta coas figuras de protección de Zona de Especial Conservación (ZEC) e Lugar de Interese Comunitario (LIC). Nas súas proximidades está o coñecido como Aciñeiral de Cruzl, un aciñeiral mediterráneo nun dominio atlántico, cuxa presenza está asociada ao sustrato rochoso calizo, ademais dun souto de castiñeiros que na parte máis elevada convértese nun bosque mixto grazas á presenza de carballos. A ponte, de incuestionable valor arquitectónica, contibúe, ao fusionarse coa paisaxe, a dotar a esta zona dun gran valor histórico e ecolóxico. Nas inmediacións tamén se atopan varios bens catalogados pola Xunta de Galicia: Covas paleolíticas de Valdavara, castro galaico-romano de Vilar de Ousón, Casa-torre de Cruzul e un muíño hidráulico.
En As Pontes de Gatín (Becerreá). Salva o río Navia. Medieval de orixe romana. Posúe dúas bóvedas feitas con lousa, unha de 15,90 metros de luz con directriz próxima a circular, e outra máis pequena na marxe dereita de 4,35 metros de luz que actúa como desaugadoiro durante as enchentas. Ten unha anchura media de 3,80 metros, reducíndose na parte central a 2,70 metros. No medio hai un miliario romano, reutilizado durante os tempos de Carlos III, que ten gravadas cruces e unha inscrición moderna: "El edifico/este puente/por orden del/protector/de los caminos/del pueblo/[...] roto/[...] el [...]". Nas Pontes de Gatín estaba a mansión de Ponte Neviae situada a carón da Vía romana XIX que, procedente de Asturica Augusta (Astorga) comunicaba con Lucus Augusti (Lugo). Nas inmediacións apareceron tégulas e cerámica de clara filiación romana. Desta calzada consérvanse uns tramos espectaculares en Ransinde e A Braña (O Bierzo) e no Comeal (Cervantes).
No concello de Cervantes. Ponte ruinosa de madeira no camiño de Xantes a Robledo.
Na parroquia de Donís (Cervantes), no camiño que vai ao Pico do Mostallar. Pontella de madeira que salva o regueiro Veiga Cimeira. Nas inmediacións, integrantes do noso colectivo localizamos un petroglifo.
© Colectivo Patrimonio dos Ancares






























