ACEDELO
Variante de acedeiro,
terreo que é improdutivo pola acidez causada pola humidade, ou terreo poboado
de acedeiras, latín acetaria, de acetum, vinagre, unha planta herbácea
cuxas follas se consumían na ensalada.
ACEA DE SAVANE
Situada
en Savane, parroquia de Quindous. Atopámonos ante un dos escasos topónimos de
orixe árabe presentes no municipio de Cervantes. Acea vén do árabe clásico saniyak, muíño fariñeiro accionado pola
forza da auga, situado no leito dun río. Para o composto, ver Savane.
OS ACEVAIS
Na parroquia de Donís,
monte lindeiro coa provincia de León que fai alusión a un lugar poboado de
acivos, do latín aquifolium, arbusto
ou arboriña cuxa utilización como adorno navideño case provocou a súa
desaparición de moitos montes de Galicia. A súa madeira, flexible e moi dura,
emprégase en ebanistería. Da cortiza extraíase liga para cazar paxaros. O
froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas
características diuréticas e vomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas
para atraer o amor.
AIRA DOS MOUROS
Lugar da parroquia de
Vilaquinte. Da palabra aira falamos na entrada seguinte, agora ímonos deter no
composto. Mouro pode derivar da raíz prerromana *mor, pedra, ou facer alusión á cor moura. Tampouco hai que
desbotar que esteamos diante dunha aira pertencente a un home que atendía polo
nome de Maurus. Malia o dito, non
faltan autores que o relacionan co céltico mrvos,
achegado ao termo indoeuropeo mr-tuos
que conduciría ao latín mortuus, morto. Caridad Arias chega a identificalo coa divindade
céltica Modro, sincretizada con
Apolo. Mais en Galicia tamén adoita facer alusión ao ser sobrenatural tan
arraizado no maxín popular e tan presente nas nosas lendas. Verbo dos mouros e
das mouras de Galicia, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península
no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros veñen, segundo algúns
autores, de crenzas nacidas na Prehistoria, que habitaban en covas, mámoas,
castros, fontes, etc., onde custodiaban fabulosos tesouros e posuían grandes
poderes. Canto á súa cor existen diversas versións. Mentres que para uns serían
escuros de pel, para outros tiñan o cute branco e o cabelo louro, sobre todo as
mouras que acotío enfeitizaban aos humanos cos seus encantamentos. Polo xeral,
a relación entre mouros e humanos baseábase en torno ao intercambio de bens,
adoito favorables para os últimos, de aí o dito: "Dáme a túa riqueza e eu
dareiche a miña pobreza". Iso si, unha condición imposta polos mouros era
que os tratos tiñan que manterse en segredo porque se non o humano corría o
risco de que o ouro se convertese en carbón.
Ademais da Aira dos Mouros, no concello hai outros
topónimos vencellados con este nome: Na parroquia do Castro, non moi lonxe do
asentamento castrexo de Santa María, están A
Moura e A Viña da Moura; nesta
última está documentada unha explotación aurífera de época romana. Entre Vilar
e Robledo atopamos o Penedo do Moudro,
non sabemos se é unha deturpación de mouro, ou se terá algo que ver coa
divindade céltica Modro, citada máis
arriba. Na serra de Palmeán atopamos a Pena dos Mouros que dá nome a unha necrópole megalítica formada por tres enterramentos (ver o meu blogue Mámoas e castros da comarca dos Ancares). O topónimo forma parte do nome da aldea de Vilar de Mouros, na parroquia de San Pedro de Cervantes.
Estes seres fantásticos tamén están presentes no
lendario do concello de Cervantes. Na Campa do Barreiro, unha moura moi fermosa
quixo encantar un xastre. No castro da Croa de San Miguel, na parroquia de
Vilarello, está a Cortiña dos Mouros,
disque que aquí había tres fornos onde os mouros facían o cal, que tamén se
utilizou na construción do castelo de Doiras. Un veciño de San Miguel contounos
que en Riamonte atópase a Pena dos
Mouros, onde hai unha cova que agocha xoias de ouro e prata. Anuncia, do
Mesón de Catroventos, díxonos que na Pena da Novia, entre Bustelo e Trigais,
unha moura custodiaba un tesouro. Asegúrase que no castro de Penatallada existe
un túnel polo que baixaban os mouros ata o río para que bebesen os cabalos e,
cando había liortas, fuxir eles mesmos.
AS AIRAS
Na parroquia de
Noceda. Do latín area, espazo de
terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, utilizado para mallar os
cereais, secar os legumes e outros usos.
En Vilaquinte atopamos
a Aira dos Mouros, citada máis
arriba, e na parroquia de Cereixedo
a aldea de Airoá, que etimoloxicamente procede do latín areola, diminutivo de aira.
ALTO DAS BECERREIRAS
Como municipio
eminentemente montañoso, o adxectivo alto, latín altus, está presente nun número elevado de topónimos. Co que
abrimos esta entrada atópase na parroquia de Cereixedo, lindeiro co provincia
de León, a 1.683 metros de altitude sobre o nivel do mar, cuxo composto pode suxerir
un lugar onde unhas mulleres trataban con becerros.
A unha persoa de nome Bibiano refírese o Alto de Bibián, na parroquia de Lamas, situado a 915 metros
de altitude. O Alto do Campelín, en
Vilaquinte, diminutivo de campo, latín campus,
precisa de pouca explicación. A segunda parte do Alto do Carozo, na aldea de Poso, a 1.302 metros de altitude sobre
o nivel do mar, podería ser carydion/carudium,
carozo, a espiga do millo despois de debullada. Tamén pode derivar da base
preindoeuropea *car, rocha, referido
a un lugar pedroso, un terreo difícil de traballar. O investigador e académico Nicandro
Ares di que pode ser un alcume persoal, aludindo a unha persoa grosa e deforme
na súa anchura. Coidamos que, no presente caso, a segunda palabra que compón o
microtopónimo Alto do Cepón, na
parroquia de Donís, a 1.255 metros de altitude, pouco ten que ver coa cepa, a
planta da uva. Si podería derivar do latín cippus,
parte do toro ou cepo coas raíces que queda na terra despois de cortar unha
árbore. Ou de cippum, fito ou columna
funeraria. Nalgunhas partes de Galicia chaman cepón a unha trampa de caza.
Eladio Rodríguez, no seu Diccionario
encicolpédico Gallego-Castellano (1958), conta que nas montañas de
Cervantes existía a crenza de que na noite de defuntos viñan as ánimas a
quentarse ao cepo que se deixaba ardendo na lareira. O Alto da Coroa, na parroquia de Vilarello, que se ergue a 1.031
metros de altitude, denuncia a forma de coroa que presentan algúns montes que,
por veces, adoita sinalar a presenza dun castro. En Vilarello está tamén o Alto do Cotrellón, a 1.220 metros de
altitude, no que ambos os dous elementos que compoñen o orotopónimo son unha
clara repetición xa que Cotrellón é unha variante de coto, prerromano *cott, altura. O Alto de Laguallo, na Serra da Granda do Arroxo, do latín lacus, lago, fálanos dun depósito de
auga máis ou menos grande. Na parroquia de Dorna localízase o Alto da Legua, que suxire unha antiga
medida itineraria equivalente a algo máis de cinco quilómetros. Tamén en Dorna,
non moi lonxe da aldea de O Chao, está o Alto
de Oural, a 1.128 metros de altitude sobre o nivel do mar, topónimo cuxo
composto pode conter máis dun significado. Aínda que nos inclinamos por unha base
prerromana *or, monte, altura, tamén
pode denunciar un lugar onde abunda o ouro, ou do latín aura, vento, referido a un lugar ventoso. O Alto do Pando leva o latín pandu,
alusión á forma curva ou cóncava do terreo. Corominas fala dun terreo chan
entre dúas alturas. Na parroquia de Vilarello, lindeiro coa provincia de León,
está o Alto do Portelo, xunto a
estrada que vai dende O Cumial a San Miguel de Vilarello, situado a 1.068
metros de altitude, diminutivo do latín portus
clara referencia a un porto ou paso entre montañas. Mais escura resulta a orixe
etimolóxica do Alto da Trapa, en
Cereixedo, a 1.660 metros de altitude, no límite coa veciña provincia de León.
Quizais veña do prerromano *trap ou *tramp, trampa, nomeadamente para cazar
feras, ou acaso un asentamento da orde
monástica do Císter, reformada no século XVII polo abade Rancé, os coñecidos
como trapenses.
A segunda parte do Alto de Umbiña,
na parroquia de Vilapún, a 948 metros de altitude, ten a súa base no vocábulo
latino albina ou albinea, de cor branca, que, segundo Cabeza Quiles, pasaría a un
hipotético *aubina, despois a Oubiña, e de aí a Umbiña. O Alto da Valiña, na parroquia do Castro,
a 850 metros de altitude, é unha nidia referencia a un pequeno val, latín vallis, situado no alto dun monte. E por
último a Pena Alta, na parroquia de
Vilapún. Altus, en latín, foi tamén
nome persoal.
ALZADA DE VILANOVA DO PEDREGAL
Alzada vén do latín
vulgar *altiare, con base en altus, alto, un lugar alto de pastos
para o verán, en réxime de co-propiedade, por veces con cabanas onde habitaban
temporalmente os pegureiros. Estes lugares utilizábanse pola pouca terra de
labor nos estreitos vales existentes nunha zona eminentemente montañosa. O
composto está formado polo latín villa
nova, referido a un núcleo de poboación de época medieval, determinado polo
latín petricale, de petra, sitio abundante en pedras.
AMBASVÍAS (SANTALLA)
Nome da parroquia. Ten
unha superficie de 3,17 quilómetros cadrados. O nome amosános a confluenza de
dúas vías terrestres antigas. Do grego é Santalla, nome da patroa, que equivale
a Sancta Eulalia que significa
"a ben falada". Ambasvías cítase como Sancta Eulalia de Ambis Viis nun documento do ano 1285.
Segundo o Diccionario Geográfico, Estadístico,
Histórico de España y sus Posesiones de Ultramar (1849), de Pascual Madoz,
o terreo era de boa calidade aínda que escaso en árbores, os camiños eran
malos, e o correo recibíase os domingos de Becerreá. Producíase centeo,
patacas, nabos e liño. Criábase gando vacún, cabrío, lanar e de porco.
Cazábanse perdices, lebres, xabaríns e corzos. Había un muíño fariñeiro.
ANCARES
Ademais
dunha serra, Os Ancares dan nome a unha comarca galega formada polos concellos
de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do
Cebreiro, división territorial que cando a súa polémica creación tivo máis en
conta criterios políticos ca xeográficos e culturais. O étimo Ancares deriva da
raíz indoeuropea ank, ankon en grego, e angulus en latín, que en galego deu anco, dobrar, ángulo ou revolta
nun terreo. A mediados do século XVIII, Frei Martín Sarmiento xa escribiu que
chamaban ancos ou "ancones"
ás curvaturas dos montes, promontorios e picos. Para algúns investigadores pode
ter a orixe na palabra Antares, citada no Codex
Calixtinus, unha estrela da constelación de Escorpio. Para outros vén de ancarius, asno, o animal de carga. O retórico latino Chirus (século IV) escribía que os hispanos non dicían cubitum (cóvado) senón ancon, coma os gregos, o mesmo que San Isidoro na súas Etimologias. Di Nicandro Ares que Ancetolus é outro nome persoal, derivado de ancus e Ancetus, que se atopou en terras galegas, ao parecer non lonxe de Ancares. Segundo os investigadores ten como base a raíz indoeuropea ank, dobrar, encurvar, testemuñadas polas voces celtas, latinas, gregas, xermánicas, etc. Nun documento que se atribúe ao ano 569 e que se refire aos condados asignados ao bispo de Lugo no chamado Concilio Lucense, ao delimitar o Condado de Navia, dise que dende os "Montes de Ibias viña ad Portum de Anquares". Para don Nicandro, Ancares sería unha palabra indíxena, equivalente a angulares, o cal corresponde perfectamente coa orografía da serra. César
Varela García, nun artigo publicado en Terra
e Tempo no ano 2012, escribe que o nome de Ancares debeu tomar o nome dun
río que estendeu o seu nome ao val e logo abrangueu aos montes circundantes,
polo que o río tomou o nome dun lugar que estaría cheo de anticares, é dicir, construcións pastorís formadas por paredes,
esteos ou antas. Anticares-Ant´cares-Ancares,
sería un posible camiño evolutivo ao chamadeiro de hoxe. O que non sabemos con
exactitude, continúa Varela García, é que tipo de construción con antas eran á
que se refería o topónimo. Seica, eses anticares,
non sería o xeito antigo de chamar ás coñecidas pallozas? Serían simples
refuxios porticados dos pegureiros do gando? Ou non serían un tipo de hórreo,
construción esta que recebe nomes tan diferentes ao longo do país? Non serían,
se cadra, abrigos nocturnos para o gando que pacería libre polo día? Tamén
poderían ser un xeito de chamar aos montes ou terreos que estaban delimitados
con divisas, que serían os marcos ou antas.
OS ARANDOS
Na parroquia de
Noceda. O arando é o froito doce e comestible da arandeira, nome científico vaccinium myrtillus. Fitónimo de orixe
incerta, talvez proveniente do céltico *aran
e o latín rhododendron, este último
procedente do grego.
ARDEVILA
Aldea da parroquia de
Dorna. Ardii Villa, unha vila pertencente
a un posesor de orixe xermánica de nome Ardius.
Citada en documentos do mosteiro de Carracedo do Bierzo nos anos 1475 e 1479
como Erdevila.
OS ARQUEIROS
Monte da parroquia de
Noceda. Do latín arco, arco, curvo,
referido a terreos desa forma. Segundo a Real Academia Galega, persoas que fan
os arcos para as pipas e os bocois. Tamén os que pelexan con arcos. Menos
probable é, no presente caso, que esteamos diante dun posesor que atendía polo
nome de Arcarius.
ARTEDA
Na parroquia de San
Pedro de Cervantes. Posible orixe indoeuropea. Lugar poboado de espiños?
Aciñeiral? Segundo o Vocabulario del
bable de occidente (1932), de Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino
Fernández y Fernández, refírese a un lugar onde hai moitas amoras.
AUCELLA
Aldea da parroquia de
Cereixedo. Quizais proveña dunha base céltica *ouksu, horta pequena. Nicandro Ares conéctaa con Aucellio, nome de posesor dunha (Villa) Aucellia, derivada de aucelllus/aucella, pita da auga,
diminutivo de avis, ave. Aucella foi tamén cognomen latino.
O AVESEDO
Na parroquia da
Ribeira. Denuncia un lugar frío e sombrizo porque case nunca lle dá o sol.
No val do río Ortigal,
a 1.030 metros de altitude sobre o nivel do mar, está o Avesedo de Donís, coñecido tamén como Fraga de Avisedo e
Carballeira de Vilarello e Xantes. É unha das zonas onde se podía ver a
desaparecida pita de monte, tetrao
urogallus.
AS AZUREIRAS
Zootopónimo localizado
na parroquia de Vilarello. Lugar frecuentado polos azores, latín accipiter, -tris, ave de rapina diurna da familia das falcónidas usada en
cetrería. Eladio Rodríguez González (1958), fala dun lugar pequeno. E Elixio
Rivas Quintas dun sitio de pozos e dun lugar pouco usado. Hai autores que o
identifican co árabe assúr, muro.
O BARBEITO
Montes das parroquias
de Donís e de San Martín da Ribeira. Do latín verbactum, espazo de terra que se deixa sen cultivar para que
descanse. No século XI figura documentado o diminutivo barbeirolo, e barbecto no
século XII.
Na parroquia de
Cereixedo atópase o monte coñecido como Barbeito
Barnadas.
A BARCIA
Microtopónimo
localizado na parroquia de Donís. Palabra de orixe prerromana. Terreo plano e
cultivado. Francisco Porto Rey, no Diccionario
gallego-castellano (1900), di que é unha variante de breixo, extensivo a
varios arbustos de igual xénero. En documentos medievais escribiuse barcena e varcena.
A BARRA
Aldea da parroquia do
Castro. Orixe prerromana *barra, elevación
producida no fondo dun río por acumulación de area. Baixío. Segundo Juan
Sobreira Salgado (1792), é a armazón que dentro ou fóra das casas se forma de
paus ou táboas tendidas sobre vigas aseguradas na parede ou sobre postes, para
poñer enriba leña, palla e outras cousas semellantes. Para Marcial Valladares
Núñez (1884), parra ou emparrado de madeira. O Diccionario gallego-castellano da Real Academia Galega (1913-1928) recolle
que no Cebreiro e outras comarcas, é o sobrado ou piso tendido sobre as cortes.
BARREIRO
Núcleo de poboación
pertencente á parroquia de San Tomé de Cancelada, e nome duns montes de
Cereixedo e Donís. Do prerromano barro,
lama, fango, que non debemos confundir co barrum
céltico, barreira, estacada. Por veces pode indicar o oficio de alfareiro.
Coinciden con este
topónimo a Campa do Barreiro, en
Donís; o Chao do Barreiro, en Dorna;
a Pena dos Barreiros, do céltico penn e latín pinna; e o monte do Barreiro,
en Donís, a 1.241 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do prelatino barro deriva así mesmo o microtopónimo Barreiras, monte da parroquia de
Cereixedo, que, segundo Marcial Valladares Núñez (1884), é o sitio de onde os
alfareiros sacan o barro. A Real Academia Galega (1913-1928) di que pode ser o
madeiro ou cadea que se atravesaba nas pontes ou camiños para deter ao
pasaxeiro ata que aboase os dereitos de pontazgo ou portádego, ou sexa, o
trabuco de tránsito. Carré Alvarellos (1928) fala dun lugar onde acodían os
ballesteiros para exercitarse no manexo e tiro de ballesta. Elixio Rivas
Quintas (2001) ve un cobertizo para herba ou palla, e, tamén, un pequeno valo
de terra arredor dunha eira. Nós engadimos que unha barreira é tamén unha
especie de parapeito.
BATÁN DA CORTELLA
Preto de Cabana, na parroquia
da Ribeira. Recebe o nome de batán o aparello movido pola forza da auga, que
tiña unhas mazas de madeira coas que se batía a la ou a tea en mollado. Semella
traducir ao árabe peninsular *batán. Cortella
corresponde a curticula, diminutivo
de corte, proveniente do latín vulgar cors,
cortis, curral, corte pequena destinada especialmente a gardar o gando.
Tamén denuncia antigas fincas ou montes pechados. Para Marcial Valladares Núñez
(1896), vaca ou femia do boi. O Batán da Cortella foi un dos últimos en manter
a súa actividade na comarca.
No Diccionario de Pascual Madoz (1849)
cítanse outros batáns nas parroquias de Donís e San Pedro de Cervantes.
BAZAL
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilaspasantes. Alusión a unha (villa)
Bazarii, dun posesor de orixe xermánica de nome Bazarius.
BIDUAL
Levan este nome uns
montes das parroquias de Donís, Noceda e Vilarello, situados a 1.295, 1.376 e
1.414 metros de altitude respectivamente. Lugar poboado de bidueiros, betula pendula, árbore da familia das
betuláceas. O primeiro estudo sobre a abidueira ou bidueiro débese a Fr. Martín
Sarmiento quen, no ano 1759, no seu traballo Sobre a Betula ou Bidueiro, di que no século XVIII aínda non se
relacionaba o bidueiro coa betula
latina. Para algúns pobos prehistóricos tiña carácter sagrado. Na Idade Media
asociouse á bruxaría porque baixo del medra a amanita muscaria, un fungo
alucinóxeno. A súa casca foi utilizada como pergameo para escribir. Xa no eido
da superstición, críase que as bruxas construían as súas vasoiras coa madeira
desta árbore. Mais tamén posuía propiedades medicinais, a cortiza recomendábase
para enfermidades da pel, reuma e gota.
Coinciden con este
fitónimo os lugares da Bidueda, en
Vilaver, O Biduedo, no Mosteiro, e
as Bidueiras, en Vilaspasantes, que
nos falan da abundancia desta árbore. Polo concello tamén discorre o regueiro Bidueiro.
BOCA DO CAMPO
Monte situado na
parroquia de Donís. Topónimo formado polo latín bucca, boca, que sinala, no presente caso, un paso ou porto entre
montañas, e o latín campus, campo, extensión máis ou menos ampla de terreo situado, xeralmente,
fóra das poboacións. No lugar hai unhas rochas con gravuras rupestres, os
vulgarmente coñecidos como petroglifos.
BOLOIS
Aldea da parroquia do
Mosteiro. Nos documentos antigos aparece con moitas variantes: Velois, Veloies, Velous... No primeiro terzo do século XVII, Alonso López de Cancelada, como señor da casa de Dumia e dono da metade de Bolois, coa súa casa, hórreo e as súas herdades, seguiu preito co capitán Pedro Gómez Osorio, veciño de Vilafrial, en que se deu sentenza con mandato á Real Audiencia para que dito capitán dese libres a Alonso López de Cancelada as terras que levaba no dito lugar. No Catastro de Ensenada de mediados do
século XVIII figura como Belois, e no
Tombo do mosteiro de Samos do ano 1085 como Bellones.
Sería este último o que correspondería a un xenitivo dun propietario medieval
de orixe céltica que atendía polo nome de Belón,
dunha *(villa) Bellonis.
BOLSANTE/PICO DE BASALTA
Topónimos localizados
nas parroquias de Quindous e Vilapún. A etnias moi antigas parecen referirse varios
topónimos que terminan en –antes,
tipo Cervantes. Neste concello, ademais, aparecen outros topónimos rematados
deste xeito (Vilaspasantes, Corneantes, Xantes ou mesmo Vilasante), o que dá pé
a pensar en lugares de asentamentos primitivos. Bolsante, pois, podería
emparentarse con estes, en canto etnias antigas, outra cousa é Bols-. En Galicia hai un Bolsido
(Ortigueira). En Fene temos O Basante, con teorías que o relacionan con lugares
de pastoreo, tipo Busto ou Bustelo (lembremos que neste concello hai Bustelo) e
que tamén podería estar relacionado co topónimo de Cariño, Basanta, moi
semellante á súa vez a Basalta. Cabeza Quiles, falando do topónimo Buxantes, en
Dumbría, di que nun documento do ano 1152 aparece como Vigiante(s), o que nos suxire a referencia dun antigo emprazamento
de vixilancia. Observemos a posible vinculación Buxantes-Bolsante. De feito,
neste concello, na súa toponimia menor podemos atopar Buisán.
BORZOADO
Núcleo de poboación da
parroquia de Dorna. Caridad Arias fai derivar o primeiro elemento do
patronímico Bortius ou Burtius, dos nomes celtas Boro ou Burio.
No concello tamén
atopamos o topónimo Borzoa de
Camporredondo, a 1.211 metros de altitude sobre o nivel do mar, cuxo
primeiro elemento tería o mesmo significado, derivando o composto do latín campus rotundus, alusión á redondez do
terreo.
A BOUZOA
Sitio localizado na
parroquia de Cereixedo. Diminutivo de bouza, latín baltea, terreo sen cultivar e cheo de maleza.
BRAÑA DO MEO
A primeira parte do
topónimo vén do galego braña, pasto ou prado situado nos lugares altos das
montañas. O profesor alemán J. M. Piel e outros autores propoñen unha
procedencia de veranea, acaso
orixinado no prelatino br/brakna,
lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. O composto fai referencia a un
lugar situado no medio, latín medius.
Na parroquia de
Vilarello está o monte coñecido como Braña
do Teixo, cuxa segunda parte
denuncia
a gorida do porco teixo, Meles, meles, ou un lugar poboado de teixos, taxus baccata. A Braña Vella localízase na parroquia de Donís, o composto deriva
do latín vetera. E en Vilarello de
Donís temos as Brañas de Vilarello,
diminutivo de vilar, do latín villare,
pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras.
O BRONZO
Posible orixe
prerromana, se cadra relacionado con brozo, un lugar espeso de maleza. Segundo
Constantino García González (1985), brozo é a parte da cheda do carro que
sobresae do recadén.
BUSTELO
Aldea da parroquia do
Castro. De bustellu, proveniente de
busto, do latín bustum, sitio onde
queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos
inconvenientes filolóxicos, como apunta Cabeza Quiles, o galego busto,
extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería
unha derivación do vocábulo latino bos,
boi. Para outros autores viría da voz gala bou,
vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Eladio Rodríguez González, citando a
Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as
piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo
sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren
elixido eses lugares.
Na parroquia de
Vilaspasantes, lindeiro co concello das Nogais e situado a 1.250 metros de
altitude sobre o nivel do mar, localízase o Alto de Busmaior, do latín altus,
sitio elevado, e bustum maiore.
CABANA
Núcleo de poboación
pertencente á parroquia da Ribeira, e montes en Quindous e Vilaver. Do latín capanna, alusión á existencia de cabanas
de uso preferentemente agrícola e/ou gandeira.
Na serra de Vilar,
parroquia de Donís, sitúase o monte das
Cabanas, plural de cabana. As Cabanelas, en Vilarello, e Os Cabaniños son diminutivos de cabana.
Entre os anos 1915 e 1925 funcionou no concello de Cervantes o maior teleférico
de Europa adicado ao transporte de madeira, cunha lonxitude de oito
quilómetros, que tiña como base Os Cabaniños, e que a xente axiña bautizou como
O Cable. O teleférico foi construído pola Explotacíón
Maderera de Ancares que, ao parecer, foi a responsable da ruína da Banca Riestra de Pontevedra, que a
financiara. O Cable ía dende Os Cabaniños ata o Portelo, lugar en que a madeira
era transportada en camións ata Vilafranca do Bierzo. O teleférico contaba con
varias torretas ao longo do percorrido (Boixecide, Fieiro, Pando, Aucella...),
e estaba movido por unha máquina de vapor. Nas curvas tiña que ser desprazado a
man. Pola parroquia de Cereixedo discorre o regueiro de Cabana Mundín, cuxa segunda parte pode ter a orixe nun antropónimo
de orixe xermánica (mund-,
protección).
A CABANA DOS ESTREMEÑOS
A Cabana dos Estremeños, clara alusión a unhas persoas naturais da lonxana Estremadura. En efecto, existe constancia de que ata finais do século XIX, de forma periódica e bianual, estremeños e casteláns traían ata a Serra dos Ancares os seus rabaños de cabras e ovellas. Nun documento dun preito do ano 1788 que nos facilitou don José Fernández, de Murias de Rao en Navia de Suarna, os habitantes de distintas aldeas da montaña queixáronse ante a xustiza do uso indebido da campa polos "rebaños trashumantes de la provincia de Extremadura...".
CABANAS ANTIGAS
A CABANA DOS ESTREMEÑOS
A Cabana dos Estremeños, clara alusión a unhas persoas naturais da lonxana Estremadura. En efecto, existe constancia de que ata finais do século XIX, de forma periódica e bianual, estremeños e casteláns traían ata a Serra dos Ancares os seus rabaños de cabras e ovellas. Nun documento dun preito do ano 1788 que nos facilitou don José Fernández, de Murias de Rao en Navia de Suarna, os habitantes de distintas aldeas da montaña queixáronse ante a xustiza do uso indebido da campa polos "rebaños trashumantes de la provincia de Extremadura...".
CABANAS ANTIGAS
Aldea da parroquia de
Cereixedo. O topónimo necesita pouca explicación, vén do latín capanna e antiqua.
CABANAVELLA
Do latín capanna e vetera, vella, antiga. Lugar situado no val do río Vara, parroquia
de Cereixedo, a 1.250 metros de altitude sobre o nivel do mar. Consérvase unha
antiga cabana para recoller o gando.
CABANA XARAZ
Aldea da parroquia de
Donís. O composto procede do árabe saris
ou sharish, xara, monte alto ou
arbusto da familia das cistáceas. Tamén recebe o nome de xara a terra que se
deixa de traballar un ou máis anos. Para Nicandro Ares viría dun antigo posesor
Xaraz, que podería ser un patronímico
rematado en -aci ou o persoal greco-latino
Hieraci/Ieraci, nominativo Hierax/Ierax, usado en Roma por escravos
ou libertos, por soldados romanos e algún peregrino. Tamén podería ser unha Capanna Seratii, unha cabana propiedade
dun home que atendía polo nome de Seratius.
AS CABECEIRAS
En Viladeite. Parte
máis alta dunha finca en declive. Cabeceira que se ara transversalmente ou
queda sen arar ao non chegar o arado. Ou sitio plantado de cabazas.
CABECIÑA
Na parroquia do
Castro. Diminutivo de cabeza, latín vulgar capitia,
de caput, cabeza, punta, cumio,
extremo, cabo, referido á parte superior dun monte. Tamén comezo, principio.
O CABEZÓN
Na parroquia de
Cereixedo. A 1.362 metros de altitude sobre o nivel do mar. Nidia alusión ao
cumio dunha montaña. Segundo Elixio Rivas (2001), chaman así á lanza do carro.
En Vilarello está o
alto coñecido como Cabezón de Vilarello.
CABO DA VILA
Microtopónimo
localizado na parroquia do Castro. Do latín caput
villae, cabeza, extremo ou lugar situado a carón dunha vila.
Semellan coincidentes
coa primeira parte deste topónimo a Casa
Daquelcabo e O Teso Daquelcabo,
en Riamonte.
CAL DO PICO
Na parroquia do
Castro. Do do latín callis, senda,
rúa, paso estreito entre dúas montañas, ou referido a unha canle de auga, latín
canale. O segundo elemento deriva do celto-latino
beccu, sinónimo de cima, cume,
curuto.
En San Román de
Cervantes están Os Cales, plural de
cal. O composto da Groba da Cal, na
parroquia de Cereixedo, ten a mesma orixe.
OS CALANGROS DE BREGO
Na parroquia de Cereixedo,
monte lindeiro coa provincia de León. A primeira parte do topónimo denuncia un
lugar de difícil acceso. O composto fala dunha loita, pelexa; tamén faena,
traballo.
En
Donís están as Penas de Sucalangros,
cuxa segunda parte do topónimo vai precedido polo prefixo sub, debaixo de. O río Brego
discorre pola parroquia de Cereixedo.
O CAMIÑO
Microtopónimo moi
abundante que se utiliza para identificar un sitio polo que se transita cando
se vai dun lugar a outro. Deriva do latín vulgar camminu. Ata non hai moitos anos, a reparación dos camiños corría a
cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios
de transporte. A participación nos traballos era obrigatoria, o incumprimento
dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa.
O CAMIÑO DA MISA
Chamaban así ao camiño que ía dende O Fabal á igrexa de Vilasante.
A CAMPA DA BRAÑA
O CAMIÑO DA MISA
Chamaban así ao camiño que ía dende O Fabal á igrexa de Vilasante.
A CAMPA DA BRAÑA
Campa vén do latín campus, campo, pero de extensión máis
ampla, que identifica un lugar do monte onde a herba medra espontaneamente. A
abrupta orografía obrigou aos habitantes do concello a buscar uns lugares
situados en penichairas, aptos para levar o gando e sementar os cereais. En
ocasións, como acontecía coas alzadas, construíanse cabanas de pedra que
actuaban como asentamentos temporais. Para o composto, Joseph M. Piel e outros
autores propoñen unha procedencia do latín veranea,
talvez orixinado no prelatino br/brakna,
lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Os casos das aldeas da Campa da
Braña e da Campa de Fieiró, ambas as dúas na parroquia de Cereixedo, amosan a
pervivencia deste tipo de poboamentos estacionais que logo se converteron en
estables. Aínda que presentes en varias zonas do municipio, a maioría
localízanse na parte oriental, que é, precisamente, a máis montañosa. Ánxel Fole, nunha viaxe polas terras de Cervantes, contoulles aos seus acompañantes que etimoloxicamente Campa da Braña vén de Campa Veranica, é dicir, lugar de pastos de verán.
Na parroquia de Donís
temos a Campa do Barreiro, cun
segundo elemento que provén do prerromano barro,
barro, lama. Aquí atópase a coñecida como Fonte dos Namorados da que falamos
noutra entrada. No medio da campa hai unha formación rochosa, a xeito de dolme,
que semella colocada pola man do home (cómpre lembrar que nalgunhas partes de
Galicia chaman campa á lousa que cubre un sepulcro). No camiño de sendeirismo
que sobe cara o lugar, no mes de agosto de 2013, a documentalista Pilar Carpente máis eu localizamos as primeiras
gravuras rupestres da comarca dos Ancares que demos a coñecer e puxemos en coñecemento do Concello e do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. A Campa do Brego, en Cereixedo. A Campa da Cabreira, na parroquia de Vilaquinte, de caprariu, sitio onde pacen as cabras,
latín caprae. Mais tamén pode aludir
á cabreira, lobelia urens, utilizada
como herba medicinal, ou a un lugar pertencente a un posesor de nome Caprarius. Segundo Carré Alvarellos, no
seu Diccionario galego-castelán
(1926-1931), a herba cabreira é a que traen as andoriñas, non se sabe de onde,
para facer chocar os ovos nos seus niños se llos quitan. Contan que é
prodixiosa e que con ela conséguense cousas extraordinarias. Desta herba fala
tamén Frei Martín Sarmiento no ano 1762. Á cabreira fai mención o Ciprianillo, herba indispensable,
ademais dun cura vestido de estola, para ler e desler no fantástico libro que
recolle as fórmulas para descubrir os tesouros que se agochan nos castros. Campa de Cancillós, en Cereixedo (ver
Cancillós). Campa das Chás, en
Cereixedo, e Campa dos Chaos, en
Noceda, do latín planus, a, um,
chan. Campa do Comeal, en Vilarello
(ver O Cumial). Campa do Couce, en Pradela,
cuxa segunda parte do topónimo nada ten que ver co golpe que dá un animal coas
patas traseiras, senón coa planta ninfácea, nymphaea
alba, de follas redondas flotantes sobre a auga. Usábase como menciña
caseira. Tamén se denomina couce ao resto do talo que queda na terra despois de
cortar unha árbore ou unha planta. Segundo Eugenio Reguera y Pardiñas (1840), é
a parte máis grosa e próxima do tronco ás raíces, ou aquela parte inferior das
ramas. Para Constantino García González (1985), o que queda da cana de cereal
despois de segado. A Campa do Couso,
en San Miguel de Vilarello, do latín causu,
leira pequena para cultivo de legumes, ou foxo, lugar preparado para sitiar as
feras. Tamén depósito de cantaría para gardar os cereais. Campa do Curisco, na parroquia de Noceda, alusión a un
lugar onde pega un vento frío con choiva, neve ou sarabia. A Campa de Fieiró é unha aldea da parroquia de Cereixedo (ver O
Fieiro). Campa do Golado, en
Cereixedo, do latín gula, garganta,
lugar situado entre dúas alturas. Campa
da Lagúa, na parroquia de Vilarello, do latín lacuna, lago de auga, terreo enchoupado. Campa Longa, en Cereixedo, a 1.471 metros de altitude sobre o nivel
do mar, de campus e longus. Campa de Maceda, en San Tomé de
Cancelada, do latín vulgar mattiana,
maceira. Lugar onde abundan as maceiras, árbores froiteiras sagradas para os
celtas. Campa das Ovellas, en
Cereixedo, do latín ovicula. Campa de Ortigoso, en Cereixedo, do
latín urtica, ortiga, a planta
cuberta duns peliños que ao tocala producen un proído na pel. Aquí pódese
admirar un bosque de acivros. Campa de
Penarrubia, lindeira coa provincia de León (ver Penarrubia). Campa das Penas, en Quindous, do
céltico penn e do latín pinna. Campa de Ricabo, en San Rebordín, de rivus cavus, río fondo, ou de rivus
e caput, lugar situado no cabo dun
río. Campa de Tres Bispos, do
greco-latino episcopus, que significa
supervisor.
O CAMPO
Atopamos este topónimo
na aldea de Piornedo. Deriva do latín campus,
extensión máis ou menos ampla de terreo situado, xeralmente, fóra das
poboacións. Aquí pódense observar piornos, toxos e xestas.
Outros sitios que
amosan este tipo de características son o Campo
de Afroixois, en Robledo. Campo
Formoso, latín campus formosus,
referido a un campo vizoso, apracible. Camporredondo,
na parroquia de Cereixedo, latín campus
rotundus, referido á redondez do terreo. Segundo I. Kajanto, Rotundus foi tamén antropónimo. No mes
de agosto de 2013 demos a coñecer unha pena con petroglifos. Campo da Vella, na parroquia de Vilapún,
do latín vetera, vella, antiga. E os
diminutivos Os Campeliños e Os Campiños da Serra, na parroquia de
Cereixedo.
CAMPO DA MATANZA
Leva este nome un
lugar da parroquia do Mosteiro, situado preto do camping Os Ancares. Polo
de agora, ninguén soubo aclararnos o porqué de tal apelativo. Mais, por outros
Campo da Matanza esparexidos por Galicia (Baleira, A Pontenova, Malpica de
Bergantiños) supoñemos que estará asociado a unha gran batalla que houbo no
lugar e que ocasionou un gran número de mortos. En Baleira e Malpica atopáronse
restos de armas (puntas de lanza, espadas...). A matanza é tamén cando se mata
ao porco, labor para o que se escollía un día frío, a poder ser que non chovera
e coidando que non caera en lúa nova pois derramábase a carne.
CANCILLÓS
Aldea da parroquia de
Cereixedo. Ares Vázquez di que a orixe podería estar nun primitivo posuidor do
lugar chamado Cancilius que tivese o
xenitivo en -onis, dunha (villa) Cancilionis. Eladio Rodríguez,
no seu Diccionario enciclopédico
gallego-castellano (1958), conta que receben o nome as dúas pezas do carro
que se cravan na parte inferior de cada banda.
CANDAL DOS FÓCAROS
Na parroquia de
Cereixedo. O primeiro elemento semella unha partícula prelatina *cand, rocha, sitio pedroso. Segundo o
profesor alemán Piel, pode que veña do apelativo románico cando que designaría ao tronco dunha árbore. Corominas faino
derivar do latín candere, arder, e o
mesmo autor teoriza que sería un derivado popular de candidus, branco, adxectivo aplicado ao trigo candeal, que dá pan
moi branco. Fócaro denuncia unha zanxa ou foxo feito para a defensa; foxo ou
desmonte feito nun terreo para explorar se existen minerais; cárcava, carriozo,
barranco.
Da mesma procedencia
temos a Costa do Candal, en Chao de
Vilarín, e a Fonte da Canda.
OS CANTEIROS
En San Martín da
Ribeira. Microtopónimo nidio que fala duns homes que traballan a pedra, palabra
proveniente dunha antiga forma preindoeuropea *cant, en alusión a un lugar pedroso.
CANTO DA CABEZA
Situado en Piornedo. O
primeiro elemento vén da base céltica *cant,
croio, pedra de pequeno tamaño e de forma arredondada que existe na beira do
mar ou dos ríos. Caridad Arias teoriza que podería facer mención a unha
divindade prerromana co significado de branca, coruscente, emparentada, de non
ser a mesma, coa deusa-nai megalítica Bre/Vedra.
O composto vén do latín vulgar capitia,
de caput, cabeza, punta, cumio,
extremo, cabo, referido á parte superior do corpo humano ou, como é o caso, dun
monte.
Na parroquia do Pando
está o Canto do Penedo, cuxo segundo
elemento vén de pinnetum, derivado do
céltico penn e do latín pinna, pedra grande que sobresae no
terreo. Estamos, pois, ante unha repetición da voz pedra.
CAPELA/ERMIDA
Capela vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao anaco de capa que
San Martiño deu a un pobre. Ermida deriva do latín eremus, deserto, solitario, ermo, lugar afastado escollido polos
eremitas para adicarse á vida contemplativa. Para máis información sobre as capelas do concello pódese ver a entrada destes mesmo blogue adicada ao Patrimonio Relixioso.
O CARBALLAL
O CARBALLAL
Fitotopónimo da parroquia
da Ribeira, lindeiro co concello de Becerreá. Voz prerromana *carb, pedra, planta nada entre pedras.
Terreo poboado de carballos, latín quercur
robur. Na antigüidade ao carballo considerábanno coma unha árbore sagrada,
ademais de curar a sarna, as crebaduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades
contaxiosas, tamén agochaba a “pedra do raio” polo que se tiña como unha árbore
purificadora. A casca do carballo, moi rica en tanino, empegábase para o
curtido do coiro. No seu toro críase un lique co que se tinguían os tecidos,
cocéndoos en auga con cinza. Segundo Estrabón, historiador grego nacido no ano
63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito
do carballo e da enciña, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar
a economía dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a invasión
romana.
Da mesma procedencia
son o monte da Carballeira, en
Vilaquinte, a 1.027metros de altitude. Na parroquia de Noceda atópase o monte
de Os Carballos. Na Lama e Noceda
localízase Os Carbedos, da mesma
base ca os anteriores que, segundo Eladio Rodríguez González, significa carballo
de folla miúda e mala madeira. Na parroquia de Cereixedo están Os Sete Carballos, a 1.100 metros de
altitude sobre o nivel do mar, que provén do numeral septem e do xa visto prerromano *carba, en clara alusión a uns carballos que actuaban como punto de
referencia.
E por último, na parroquia de Noceda, temos a Valiña do Carballo, cuxo primeiro elemento é un diminutivo de val,
latín vallis, aínda que para o filólogo
lucense Caridad Arias contería o antropónimo celta Val(l)o ou Val(l)io, con derivados
latinizados Valius e Valiacus. Entre Moreira e Piornedo hai
un carballo de once metros de circunferencia incluído no Catálogo das árbores senlleiras de Galicia.
O CARBOEIRO
Lugar situado etre
Couso e Sabadelle, parroquia do Castro. Estamos diante dun nome de oficio, un
antigo carbonarius, persoa que vende
ou fai carbón. En tempos eran os propios ferreiros os que facían o carbón que
gastaban xa que non se comercializaba. Polo xeral facíanno de uz escavando un
burato no chan, prendíanlle lume e logo tapábanno con terra. Á mañá seguinte
extendíanno ben cun angazo para que parase de arder.
Dito: “O saco do
carboeiro, lixoso por fóra, e máis lixoso inda por dentro”.
O CAROZO
O CAROZO
Na parroquia de San
Román de Cervantes. Do latín vulgar carudium.
Alusión á espiga da mazaroca do millo despois de debullada. Nalgunhas partes de
Galicia chaman así á noz. Luis Aguirre del Río, no Diccionario del dialecto
gallego (1858), di que é a parte central das peras e mazás. Curioso resulta un
significado recollido por Eladio Rodríguez González (1958): “Substancia dura
que se forma nos buratos das orellas das mulleres, cando estes se pechan por
non usar pendentes”. Segundo información achegada por Tito Fernández de Témez, neste
lugar houbo unha explotación aurífera de época romana.
O CARRILÓN/OS CARRÍS
Odotopónimos
localizados nas parroquias do Pando e San Pedro de Cervantes, respectivamente,
referidos, no primeiro caso, ás pegadas deixadas sobre a rocha polos carros, latín
carrus, e no segundo a uns camiños
por onde transitaban. A este último tamén fai alusión o Carricol, na parroquia de Noceda.
CASA DE ABAIXO
A palabra casa precede
a nomes de lugar habitados, temporal ou permanentemente, e polo xeral illados
dos núcleos de poboación, de moitos concellos de Galicia. O que encabeza esta
entrada, Casa de Abaixo, atópase na parroquia de Cereixedo. Deriva do latín casa e bassus, baixo, se ben este último elemento podería facer mención a
un propietario que atendía polo nome de Bassus
ou Bassius.
En Cereixedo está a Casa de Arriba, do latín casa e ripa. Casa dos Cales,
tamén na parroquia de Cereixedo, do latín callis,
senda, rúa, paso estreito entre dúas montañas, ou de canale, canle, suco por onde discorre a auga. Casa do Caseiro, en Vilanova, en Galicia adoita recibir o nome de
Caseiro a persoa que coida ou traballa as posesións doutro a través dun
arrendamento. Casa do Chao, en Vilar
de Cucos, do latín planus, plana, planum,
planicie. Casa do Chao do Pozo, en Vilapún,
co último elemento proveniente do latín puteum,
escavación profunda no solo para depósito de auga; burato que hai no terreo e
que está cheo de auga. Para os celtas, certos pozos e lagoas eran sagrados, un
lugar de entrada ao Outro Mundo. Casa
dos Córragos, na Degrada, do latín corrugu
(ver Os Córragos). A Casa da Cruz, na Veiga do Seixo; recibe o nome unha casa que antes da súa construción había unha cruz porque, disque, no lugar mataran a un home (achegado por Sergio Núñez Cubero). Casa Daquelcabo,
en Riamonte, cun segundo elemento, cabo, que vén do latín caput, cume, aínda que en galego adoita aludir ao extremo dunha
cousa ou lugar cando non actúa como adverbio xa que pasaría a significar xunto
a, a carón de. Casa da Ferrería, en
Vilanova, obradoiro onde traballa o ferreiro, latín ferrarius, de ferrum,
ferro. Casa da Fonte, en Cereixedo,
do latín fons, tis. Casa da Labrada, en San Martín da
Ribeira, alusión aos traballos realizados na labranza e á creación de novas
fincas, ou a unha casa de Laboratus, segundo
Kajanto. Casa do Muín, en Vilanova
do Pedregal, do latín casa e molinu, referido a un muíño hidráulico
movido pola forza da auga. Muín é unha variante dialectal propia da Galicia
oriental. Casa de Pandelo,
diminutivo de pando, latín pandu, que
amosa a forma curva ou cóncava dun terreo; terreo chan entre dúas alturas. Casa da Pasada, na parroquia de
Cereixedo, do latín
vulgar passare, pasar, referido a un
lugar de tránsito. Casa do Pasaral,
na Estrada, parroquia de San Tomé de Cancelada, se cadra pertencente a un
posesor de nome Passarus. Casa dos Paxaros, do latín passaru, a ave voadora, xeralmente de
pequeno tamaño, ou do nome persoal, como no caso anterior, Passarus. Casa do Pazo, en
O Pando, do latín pallatium,
referencia a unha antiga casa señorial. Casa
do Pereiro, en Cereixedo, anuncia un lugar abondoso en pereiras silvestres,
pyrus communis, que teñen como froito
o pero, latín pirum. Tamén pode
denunciar un sitio elevado, por veces pedroso. Casa das Pontes, na parroquia de Donís, do latín ponte, estrutura construída para
comunicar dous lugares separados por unha corrente de auga ou un accidente do
terreo. Casa do Pradairo, en San
Pedro de Cervantes, árbore da familia das aceráceas, acer pseudoplatanus, moi usada en carpintería, que habita en solos
fértiles localizados en bosques caducifolios e vales de montaña. O pradairo que
lle debeu de dar o nome a esta casa non se conserva na actualidade. Fronte a
igrexa de Vilarpandín, no limítrofe concello de Navia de Suarna, consérvase un fenomenal
pradairo branco citado no Inventario das
árbores senlleiras de Galicia. Casa
Riande, na parroquia de Vilasante (ver Riande). Casa do Teso, en Vilasante, do latín tensus, de tendere, estirar, extender. Lugar alto no campo, monte alto e
escarpado. Casa do Trobo, en Lama de
Rei, que Nicandro Ares identifica cunha forma prerromana trobanum, trobo, colmea. A Casa
de Valente, en Vilarello, pode ter relación coa forma latina valente, do verbo valere, valer, ser forte, que no presente caso debe referirse ao
posesor da casa. A non ser, conxecturamos, que tomara o nome do lugar onde se
construíu e que, de ser así, faría alusión a unha antiga valentia, que podería ser unha fortaleza ou un asentamento castrexo
desaparecidos. Poñamos, como exemplo, o Castro Valente situado nos arredores da
cidade de Lugo. A Casa do Vao, do
latín vadu, sitio pouco profundo dos ríos
onde se pode pasar andando. A Casa do Xastre,
en Castelo, parroquia de Donís, do provenzal sartre, persoa que ten por oficio
cortar e coser vestidos. Casas da Campa,
en Vilarello, campo, latín campus,
pero de extensión máis ampla. Nalgunhas partes de Galicia chaman campa á lousa
que cubre un sepulcro. As Casas do Río,
na parroquia de San Tomé de Cancelada, do latín casa e rivus, aldea da
parroquia de San Pedro de Cervantes situada á beira do río das Casas e debaixo do Monte
das Casas do Río.
CASA TORRE DE DONÍS
No
Diccionario Heráldico y Geaneológico de apellidos españoles y americanos
dos irmáns García Garrafa, aparece Onís ou Donís. Na xeanoloxía alúdese a un
cabaleiro que ingresou na Orde de Santiago, ao seu pai e a un seu avó que
figuran apelidados como Donís, así como á súa nai que pertencía á mesma casa,
mais aparecendo apelidado Onís o avó materno. Noutro documento referido a un
irmán do citado cabaleiro, teñen o apelido Onís o pretendente e sucesores. O
edificio ten forma rectangular, adosado á torre. Na fachada hai unha pedra
armeira.
CASAS DE AMBREDO
Na parroquia de
Vilarello. Poñemos este topónimo nun aparte dos incluídos na voz casa pola súa
compexidade. Podería gardar relación cos topónimos Ombre, Ombreiro e, sobre
todo, Ombral debido á presenza dun sufixo –al,
que o pon en relación con –edo, ambos
de carácter colectivo. Na nosa contra temos que parece non existir ningún
topónimo *Ombredo, que nos levaría a
falar con máis seguridade desa suposta relación. Sobre Ombre, Carré Aldao
defende unha etimoloxía vasco-céltica. Moralejo Lasso di que non cre que este
topónimo Hombre sexa a castelanización dun galego *Ome que entrara no nome do río Eume, defendido por Luís Monteagudo.
Hombre repítese sete veces e temos tamén Hombral e Hombreiro, derivados seus.
Como estes parecen adxectivos pola súa orixe, Ombre debeu ser un apelativo. Tamén
se oe como apelido e é posible que a grafía con h se deba a asimilación ao castelán hombre, aínda que, segundo Moralejo, non teña nada que ver. Engade
ademais que non cabe dar de Ombre unha simplista etimoloxía vasco-celta nin
sacalo do francés ombre, sombra.
Ombral soa case como umbral pero a explicación ha ser a mesma para os tres a
partir de Ombre que non é, desde logo, unha simple unión de –bre céltico, lugar, co on- vasco, bo. Isidoro Millán explica o
Ombre eumés como composto céltico en –bre
(<brig) a partir do radical
hidronímico prelatino *um. Edelmiro
Bascuas defende para algúns Ombre galegos e portugueses este mesmo radical,
pero cun segundo elemento diferente, a partir dun étimo *umeri con b epentético,
como en Tambre < tamare. Pero Navaza sinala que non sería
esta, así e todo, a orixe dos Ombre de Pontedeume e do Pino, para os cales a
documentación obriga a considerar un étimo –anobre,
formado co mesmo segundo elemento defendido por Millán xunto co radical hidronímico
prelatino ana-. Agora ben, non
desbotemos para nada a teoría de Juan José Moralejo. Partindo dos topónimos
provenientes do abeneiro, ameneiro ou amieiro, árbore moi común na nosa
xeografía de río, podemos supoñer un *amena,
de *am-, e así temos Ameal, Amear,
Amenedo, Amedo, Amido... A Galicia oriental comparte con Asturias L’Umeiru, Los Umeirus e co leonés (h)umero
un nome para o amieiro: *umer-ariu
> Ombreiro e *umer-ale > Ombral, coa
mesma proporción que da base *amen-
temos, Amieiro, Ameneiro / Amial, Amenal.
CASTAÑOS
Na aldea de Chao de
Vilarín. O fitónimo identifica nidiamente a árbore que dá as castañas, castanea sativa; a especie, sativa, significa plantado ou cultivado.
Ao parecer, o castiñeiro chegou a Galicia traído polos romanos (investigadores
actuais cren que xa estaba no país antes da invasión); o froito, a castaña,
nome que deriva do grego Kastana,
cidade do Ponto onde se cultivaba, tivo unha grande importancia antes da
chegada da pataca (solanum tuberosum),
tubérculo orixinario de Perú e Chile introducido en Europa dende o século XVI e
cultivada de forma masiva dende o século XVIII. Ata ben entrada a segunda
metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte
das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo,
porco, etc., consumíndose, asemade, asadas ou cocidas con leite. Pola dureza da
súa madeira é moi apreciada en ebanistería. A finais do século XIX secaron as
tres cuartas partes dos castiñeiros de Galicia ao seren atacados por uns
fungos.
En moitas aldeas do
concello, cando os castiñeiros estaban
plantados en terreos comunais, cada propietario, para recoñecer os da súa
propiedade, facíanlles unha marca. Cando se compraba ou se vendía escriturábase
como unha propiedade máis. Canto ao seu froito, a castaña, din que non se poden
deixar caer soas da árbore porque podrecen pronto, é preciso varexalas para que
se conserven máis tempo e para que o castiñeiro se fortaleza e colla forza para
a súa reprodución, e canto máis forte se lle pegue ao varexalos, mellor. As
castañas que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os
peregrinos.
O CASTELO (SAN PEDRO)
Nome da parroquia
cunha superficie de 3,70 quilómetros cadrados. Vén do latín castellum, diminutivo de castrum, referencia a un antigo
emprazamento dun castelo ou torre de vixiancia que en non poucas ocasións denuncia
un emprazamento castrexo; tamén a elevacións do terreo que semellan baluartes
defensivos. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica
e primeiro pontífice, deriva do latín petrus,
pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.
O Diccionario de Pascual Madoz infórmanos que a mediados do século
XIX o seu clima era frío pero san, e comprendía trinta casas con poucas
comodidades. Tiña varias fontes de boa auga. O terreo era de mediana calidade e
os seus montes despoboados. Os camiños veciñais estaban en regular estado de
conservación, e o correo recibíase dende Becerreá os luns, mércores e sábados.
Producíase centeo, patacas, nabos, castañas, liño e froita. Criábase gando
vacún, de porco, lanar e cabrío. Cazábanse perdices, lebres, corzos, cervos e
xabaríns, e nos ríos pescábanse troitas. Había un muíño fariñeiro.
Nos sitios que citamos
a continuación non hai constancia, nin escrita nin arqueolóxica, da existencia
de edificacións defensivas. En Donís temos a aldea de Castelo, e en Vilaspasantes, a de Castelo de Airoá. Por riba da aldea de Vilaquinte érguese a Pena do Castelo, coñecida tamén como
monte da Medorra da Prida.
CASTELO DE CAIS
O topónimo, nome da
antiga freguesía de O Castelo, semella estar relacionado cos cans, os animais
domésticos, ou, tamén, con calellas ou ruelas. Caridad Arias recolle o topónimo
Vila de Cais cuxa orixe retrotrae á forma posesiva Bellacanus ou Villacanus,
do nome Bilicanus. Durante o afán
castelanizador do Antigo Réxime chegou a chamarse Castillo de Perros. Nun documento do ano 1380, o cabido de Lugo
afora a Pedro Gómez e a súa muller o Val de Cancelada por unha renda anual de
300 maravedises máis a obriga de construír unha casa e plantar tres moios de
videira. O foreiro doa ao arcediago de Triacastela un casal en Guntín e outro
no Castelo de Cais, reservándose o usufruto. No ano 1275 aparece citado como Castel de Canes.
CASTELO DE DOIRAS
Ao contrario do que
acontece cos nomes da entrada anterior, este topónimo identifica claramente
unha fortaleza. Coñecido tamén como da Ponte de Doiras, Ferreira ou da
Ferreiría, este último quizais pola súa proximidade coa ferrería de Fonquente.
Álzase sobre o río Cancelada ou Cervantes. Construído no século XV sobre un
rochedo, pertenceu ao conde de Graxal de Campos, señor de Cervantes, título que
posuíu o duque de Sesto ata o ano 1909. Logo pasou á familia Martínez Baldrón
quen llo vendeu a un empresario afincado en Madrid, e este á Fundación Xosé
Soto de Fión, entidade sen ánimo de lucro que tiña o proxecto de adicalo a
museo etnográfico e arqueolóxico, feito do que, despois de varios anos, nada se
volveu a saber. Ten unha torre circular e outra, a Torre da Homenaxe, cadrada.
Sóbese á fortaleza por un único camiño. Ao interior accédese por unha porta con
arco de medio punto. Conserva un paseo de rolda, ameas, un alxibe e outras
dependencias.
Tirada dunha antiga
lenda oral, A Doniña Cerva, que os
veciños transmitiron de xeración en xeración, disque Gustavo Adolfo Bécquer
teceu aquí a lenda A Corza Branca.
Cóntase que no castelo vivía un cabaleiro de nome Froilaz que tiña dous fillos,
Egas e Aldara. O fillo doutro señor dun castelo próximo namorouse da moza. O
seu amor foi correspondido e, co
consentimento dos pais, anunciouse a boda. Unha tarde, Aldara
desapareceu mentras paseaba polos bosques da zona. Os pais, o irmán, o seu
namorado e demais persoal da fortaleza foron na súa busca, infrutuoso cometido
que que os levou a imaxinar a peor das desgrazas. Un día Egas, estando de caza,
viu unha fermosa cerva branca. Cunha certeira frecha rematou coa vida do
inofensivo animal. Mais, cando quixo levala para o castelo, decatouse de que
pesaba demasiado polo que decidiu cortarlle a pata dianteira para demostrar a
súa fazaña. Mais, cando foi amosarlla ao seu pai para facelo partícipe do éxito
na cacería, o que sacou do zurrón deixóunos sen fala xa que o que había na saca
non era a pata da cerva senón unha man, unha branca e suave man dunha muller.
Desesperados, correron na procura dos restos onde Egas matara a cerva branca.
Cando chegaron, viron o que xa se imaxinaban: Egas non matara unha cerva senón
a súa fermosa irmá. A lenda asegura que debeu ser un mouro ou unha fada quen
encantou á doncela converténdoa en cerva, e só a morte foi quen de devolvela ao
seu estado natural.
CASTELO DE FERREIRA
Nicandro Ares Vázquez achega que esta fortaleza figura comprendida na listaxe que Juan de Bustamante, nomeado polo conde de Caracena, gobernador do Reino de Galicia, para visitar torres e fortalezas coa finalidade de facer que fosen terraplanados e cegados os calabozos, mazmorras, covas, etc. que a nobreza tiña baixo terra adicadas a prisión. Martínez Salazar, no libro Algunos temas de Lugo, refire que habéndose querelado Alonso López de que os xustizas do concello de Cervantes non cumprían unha Real Providencia, a audiencia expediu outra, nomeando a Xoán do Cebreiro, alabardeiro do Tribunal, para que fose ao concello para repartir entre os veciños cento cincoenta ducados, en que se tasara a reparación da ponte de San Martín. Este Xoán do Cebreiro encabeza as súas dilixencias do seguinte xeito: "En la villa de San Román de Cervantes junto a la casa y fortaleza de don Pedro Osorio Manrique, cuya es la dicha tierra". Segundo Amor Meilán, o caselo de Ferreira era un castelo roqueiro, residencia nun tempo do señor de Cervantes, conde de Villanueva de Cañedo e marqués de Alcañices.
CASTELO DE FRADES
CASTELO DE FERREIRA
Nicandro Ares Vázquez achega que esta fortaleza figura comprendida na listaxe que Juan de Bustamante, nomeado polo conde de Caracena, gobernador do Reino de Galicia, para visitar torres e fortalezas coa finalidade de facer que fosen terraplanados e cegados os calabozos, mazmorras, covas, etc. que a nobreza tiña baixo terra adicadas a prisión. Martínez Salazar, no libro Algunos temas de Lugo, refire que habéndose querelado Alonso López de que os xustizas do concello de Cervantes non cumprían unha Real Providencia, a audiencia expediu outra, nomeando a Xoán do Cebreiro, alabardeiro do Tribunal, para que fose ao concello para repartir entre os veciños cento cincoenta ducados, en que se tasara a reparación da ponte de San Martín. Este Xoán do Cebreiro encabeza as súas dilixencias do seguinte xeito: "En la villa de San Román de Cervantes junto a la casa y fortaleza de don Pedro Osorio Manrique, cuya es la dicha tierra". Segundo Amor Meilán, o caselo de Ferreira era un castelo roqueiro, residencia nun tempo do señor de Cervantes, conde de Villanueva de Cañedo e marqués de Alcañices.
CASTELO DE FRADES
Castelo de Frades é
unha aldea da parroquia de Cereixedo, cun composto proveniente do provenzal fraire e do latín fratre, frade, freire, monxe. Citado nun documento do mosteiro de
Samos no 1091: "in Castelo de Frs,
cella integra". No ano 1262, os frades de Carracedo do Bierzo posuían
herdades en Castello de Fratribus. No
ano 1310 é nomeado como Castello de
Frades. Hai quen sitúa aquí un castro ou un castelo, mais, polo de agora,
non existen datos nin escritos nin arqueolóxicos que confirmen tal teoría,
quizais a confusión veña dada porque no catálogo de Bens de Interese Cultural
da Xunta de Galicia si figura unha inexistente fortaleza (como temos comprobado
nós mesmos e xa teñen denunciado varios investigadores, os erros deste
inventario son abondosos). Foi solar dos Pardo-Reguera que tamén tiñan casa en Valgos.
Dito: “Predícame frade,
por unha orella me entra e por outra me sae”.
O CASTRO (SANTA MARÍA)
Sen
dúbida, a parroquia tomou o nome do asentamento castrexo onde se ergue a igrexa.
A freguesía ten unha superficie de 12,03 quilómetros cadrados. A palabra castro
vén do latín castrum, asentamento ou
recinto, xeralmente fortificado, de forma oval ou circular, situado a maioría
das veces no cumio de outeiros, mais tamén presentes en esporóns costeiros,
ladeiras de zonas montañosas, chairas e illas. Este tipo de asentamento deu nome
á coñecida como Cultura Castrexa, denominación que englobaría todas as
formas culturais que se desenvolveron nos castros dunha área xeográfica que
comprende o Noroeste peninsular. Con distintas matizacións, a Cultura Castrexa
abrangue dende o século VI a.C. ata finais do século I d.C., coincidente
maiormente coa Idade do Ferro. A parroquia está baixo o padroado de Santa
María, nai de Xesús, nome de orixe hebrea que chega ata nós a través do latín
eclesiástico; María significa señora. A freguesía é citada como Sancta Maria de Castro en documentos dos
anos 1312 e 1326. Aínda que de orixe románica, a primeira referencia á igrexa
data do ano 1584, no Libro de
Beneficiados despositado no Arquivo Diocesán de Lugo.
Sabemos polo Diccionario de Madoz, publicado no ano
1849, que o párroco residía na aldea de Vilaluz. O clima da freguesía era san e
as casas reunían poucas comodidades. O terreo era de boa calidade e os camiños
estaban en regular estado de conservación. O correo recibíase de Becerreá ou do
Cereixal. Producíase centeo, patacas, nabos, verduras e liño. Criábase gando
vacún, de porco e lanar. Cazábanse lebres e perdices. Había tres muíños
fariñeiros mal conservados. Para saber máis sobre os castros do concello pódese ver o apartado deste mesmo blogue adicado ao Patrimonio Arqueolóxico.
CATROVENTOS
CATROVENTOS
Núcleo de poboación da
parroquia de Lamas. Formado polo numeral quatuor,
catro, e ventus, vento. Referido a un
lugar despexado situado nun alto e desprotexido, como é o caso, dos axentes
meteorolóxicos. Hai quen ve, coidamos que sen fundamento, Catro Bentos, en alusión a uns monxes da orde beneditina.
En Galicia, os ventos
teñen unhas características especiais. “Vento de abaixo”, o que sopra do sur;
“Vento de arriba”, o que sopra do norte; “Vento enteiro”, o que vén dos catro
puntos cardinais; “Vento mareiro”, o que vén do mar; “Vento regañón”, vento
frío e seco; “Vento rinchante”, o que brúa moito; “Vento soán”, o que corre de
onde nace o sol; “Vento terreiro”, o que vén da terra.
A CEBOLEIRA
Fitónimo nidio que nos
fala dun terreo adicado ao cultivo de cebolas, latín ceppula. A cebola é tamén unha variante de mazá rubia, redonda e
tardía. No eido da superstición, é eficaz contra a rabia, a envexa e o mal de
ollo.
CELA
Aldea da parroquia de
Cereixedo. Deriva do latín cella,
apousento dun relixioso ou relixosa nun convento ou mosteiro. Tamén espazo
pechado para gardar o gran ou outras cousas, celeiro. Nicandro Ares di que
puido ser un eremitorio afiliado a unha abadía ou a unha explotación mosteiral. O 20 de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras Cella integra (Cela).
Na mesma parroquia de Cereixedo, entre as aldeas de Airoá e O Fondo da Costa, atopamos o microtopónimo monte de Sobrecella, tamén do latín cella precedido da preposición latina super, sobre, enriba.
Na mesma parroquia de Cereixedo, entre as aldeas de Airoá e O Fondo da Costa, atopamos o microtopónimo monte de Sobrecella, tamén do latín cella precedido da preposición latina super, sobre, enriba.
A CEMBRA
Recollemos este
topónimo en Moreira, Vilaquinte e Vilarello. Fala dunha prominencia, altura ou
elevación que ten un terreo sobre o nivel xeral. Para Otero Álvarez, en Hipóteses etimolóxicas referentes ao
galego-portugués (1949), é a parte inferior dunha leira que levanta algo
sobre o resto do terreo. En Vilaquinte documentamos o sinónimo turreiro.
O CEMITERIO
Do greco-latino coemeterium, terreo, xeralmente cercado,
destinado a enterrar os defuntos da parroquia.
CEREIXEDO (SANTIAGO)
É a parroquia de maior
superficie do municipio, con 52,51 quilómetros cadrados. O nome contén o sufixo
abundancial -edo, unido a cerasea, cereixa, terra plantada de
cerdeiras. A freguesía está baixo a protección de Santiago o Maior, coñecido
tamén como o Zebedeu, discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33
cando pisou por primeira vez a Gallaecia
para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos,
só aparece nomeado nos Feitos dos
Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes
Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte
Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria
Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde
logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral
son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV.
Segundo o citado Diccionario Geográfico, Estadístico, Histórico de España y sus
Posesiones de Ultramar (1849), de Pascual Madoz, o clima da parroquia era
temperado e san. Di que o terreo é montañoso, despoboado e de mala
calidade. Os camiños eran malos e o
correo recibíase de Becerreá. Producíase centeo, patacas, corzos, xabaríns,
cervos. Cazábanse osos e outras pezas. Pescábanse troitas. Nove muíños
fariñeiros cubrían as necesidades dos veciños.
CERVANTES
Deste
topónimo tomou o nome o concello. A alusión a unha terra poboada de cervos,
latín cervus, é rexeitada por
Moralejo Lasso que propón unha orixe prelatina. Nicandro Ares relaciónao co
antropónimo latino Servandus,
construído sobre o xerundio do verbo servare,
que pertence á familia léxica de servus,
servo, escravo dun señor, ou Servantius,
construído sobre o participio activo do mesmo verbo. En xeoloxía, a cervantita,
presente en depósitos de antimonio asociados con estibnita, leva o nome de municipio
onde se describe este primeiro mineral descuberto nestas terras no ano 1850. Antes da actual división territorial, o término de Cervantes formábanno as xurisdicións de Vilapún, onde exercía señorío o Hospital de San Miguel, da cidade de Santiago, e a de Cervantes cuxo señorío ostentábao o conde de Grallal. Estaba constituída polas freguesías de Ambasvías, Castelo, San Pedro e San Román de Cervantes, Cereixedo, Donís, Dorna, Lamas, Noceda, Pando, Quindous, A Ribeira, Vilaquinte, Vilaspasantes e Vilaver.
Deixando
á marxe a orixe etimolóxica do nome, o historiador César Brandariz publicou no
ano 2011 El hombre que "habla
difícil". ¿Quien era realmente Cervantes?, onde informa da
localización do orixinal dun documento de Rodrigo Méndez Silva (1600-1670), un
xenealoxista portugués que foi cronista de Felipe II, onde di que Miguel de
Cervantes Saavedra é "orixinario de Cervantes, no antigo Reino de
Galicia". No apartado adicado á xenealoxía do alcalde de Toledo, Nuño
Alfonso, de orixe galega, refírese a Miguel de Cervantes como un dos seus
ascendentes. Méndez Silva fai mención dun manuscrito de Florián de Ocampo
(1513-1590) custodiado na librería do Conde de Lemos, protector do escritor.
Neste documento fálase de que membros da familia de Cervantes desprazáronse no
ano 1577 dende Galicia a Sevilla, Estremadura e México. Entre outros
documentos, Brandariz cita un do desaparecido Colexio dos Xesuítas de
Monterrei, na comarca de Verín. O autor afirma, ademais, que non existe ningún
documento non falsificado no que Miguel de Cervantes se declare de Alcalá de
Henares. A orixe galega do autor do Quixote
xa fora defendida polo Padre Sarmiento a mediados do século XVIII, asegurando
que era natural de Galicia como ben o testemuñaban os apelidos Saavedra e
Cervantes, tese coa que tamén concorda Filgueira Valverde.
A CHÁ/O CHAO
A
Chá é unha aldea da parroquia de San Tomé de Cancelada, e leva o nome de O Chao
unha aldea da parroquia de Dorna, ademais dun monte en Vilarello. Derivan do latín
planus, chá.
No
concello son abondosos os microtopónimos que falan de planicies, polo xeral, sen
altos nin baixos: A Campa dos Chaos,
en Noceda, co primeiro elemento derivado do latín campus. Campa das Chás,
en Cereixedo. Chan do Acevo, na
parroquia de Cereixedo, do latín aquifolium.
Chan do Horto, en Cereixedo, do
latín hortus, horto, terreo situado
preto da casa, destinado a cultivo de verduras, legumes e outros usos. Chan de Lagares, aldea de San Pedro de
Cervantes, terreo planum onde houbo
lagares, hidrotopónimo relacionado coa verba latina lacus, lago, alusión a un lugar onde se prensan as uvas, olivas,
mazás e outros froitos para que solten o zume. Chan de Penas, en Cereixedo, do céltico penn e latín pinna, que
denuncia un lugar pedroso. Chan de
Pereira, en Vilasante, cuxo composto pode facer referencia tanto á pereira
brava (pyrus cordata) como á pereira
cultivada (pyrus communis). Gonzalo
Navaza di que pereira e pereiro poden ser, nalgún caso, variantes de pedreira e
pedreiro, do latín petra, pedra. Chan da Serra, en Quindous, latín serra, cordal montañoso. Chao de Abaixo, lugar planum localizado nun sitio baixo, latín
bassus, ou pertencente a unha persoa
de orixe romana que atendía polo nome de Bassius
ou Bassus como apunta Schulze. Chao de Abraira, variante de abeleira, corylus abellana, a árbore que dá as
abelás, abellana nux. A casca mailas
follas usábanse para cortar diarreas e hemorraxias. Chao de Arquela, en Estremar de Riba, parroquia de Quindous,
diminutivo de arca, latín arca, caixa
coa tampa chata. Tamén depósito de auga. O topónimo mesmo pode identificar un
primitivo enterramento megalítico. Chao
de Acivro, en Cereixedo (ver Os Acevais). Chao de Barreiro, en Dorna, do prelatino barro, lama, fango. Chao dos
Cancos, en Porcís, probable orixe celta derivada de *cambos, curvo, depresión dun monte. Chao do Carrizal, en Vilaquinte, referido á abundancia de carrizos,
latín carex/caricis, unha gramínea. Chao Cimeiro, en Dorna, do greco-latino
cymo, cume, lugar que está no cume,
no alto. Chao de Corros, en Noceda
(ver Corros). Chao Fondeiro, en
Cereixedo, lugar que está na parte baixa, no fondo, latín fundus. Chao da Granda,
en Vilanova do Pedregal, variante de gándara, do céltico ganda, pedregal, terreo improdutivo e cheo de maleza. Chao de Grandas Longas, na parroqia do
Pando, lindeiro con Navia de Suarna, variante de gándara e de longus. Chao Grande, lindeiro coa provincia de León, do latín planus e grandis. Chao de Larea,
dimutivo de leira, céltico lar que
deu o vocábulo latino larea ou glarea. Terreo labradío ou cultivado. A
palabra leira xa se atopa documentada no século X; no 1170 lese no mosteiro de
Celanova a forma contaminada leria. Chao do Marco (ver O Marco). Chao de Paradela, en San Román de
Cervantes, de parare, deter. Referido
a un descanso ou parada orográfica. Chao
de Pereiro, na parroquia de Vilapún, lugar abondoso en pereiras silvestres,
pyrus communis, que teñen como froito
o pero, latín pirum. Tamén sitio
elevado, por veces pedroso. Chao do Pico,
na parroquia da Ribeira lindeiro co concello de Navia de Suarna, latín beccu, punta, cumio dun monte. Chao de Santalla, en Viladeite,
Santalla, nome de orixe grega, Sancta
Eulalia, que en galego deu tamén Olaia, Baia, Olalla. Chao do Solar, en Vilaspasantes (ver O Solar).
Chao
do Teso, en Quindous, do latín tensus, de tendere, estirar, extender. Lugar alto no campo, monte alto e
escarpado. Chao do Teixo, en
Cereixedo, denuncia a gorida do porco teixo, meles, meles, ou un lugar poboado de teixos, taxus baccata. Os Chaos,
en Folgoso, plural de chao. E regueiro
do Chao, do latín rigu e planus.
CHAN DA CRUZ
En Poso, parroquia do Pando. Segundo a tradición, aínda moi viva entre os veciños, neste lugar, situado preto do Pico da Legua, está a orixe da aldea.
CHAN DE PRACÍA
CHAN DA CRUZ
En Poso, parroquia do Pando. Segundo a tradición, aínda moi viva entre os veciños, neste lugar, situado preto do Pico da Legua, está a orixe da aldea.
CHAN DE PRACÍA
A segunda parte do
nome desta aldea da parroquia de Cereixedo parece remitir aos topónimos Praza
provenientes de platea pero neste
caso a partir da forma diminutiva praciña que o galego oriental desnasaliza en
pracía. Se ben o termo praza sinala unha das primeiras configuracións urbanas
de sentido comunitario, Elixio Rivas, por exemplo, dálle a praza unha acepción
totalmente rural e defínea como espazo grande de terreos cultivados de
diferentes veciños, gran polígono de cultivo que, en réxime de rotación é
sementado por todos, ben de centeo, ben de millo e patacas. Este espazo chámase
praza se adopta máis ben unha forma de lados iguais ou redondeada. Nicandro
Ares Vázquez di que puído ser dunha tal Placidia,
xinecónimo formado sobre o adxectivo placidus,
a, um, apracible. A aldea, situada nas abas da Serra da Pedriña, foi abandonada, dise que entre os anos 1900 e 1920. Na actualidade vense varias casas en ruínas e comidas pola maleza. (Ver en Historias, tradicións e lendas deste blog: Por que desapareceu a aldea de Chan de Pracía?)
CHANDEIRO
Aldea da parroquia de
San Pedro de Cervantes. Segundo Nicandro Ares Vázquez quizais foi un "chan
de eiro", terreo de sementeira, ou lenición de planterium, chanteiro, morteiro de plantas novas, horto.
CHAO DE VILARÍN
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilaquinte. O segundo elemento pódese interpretar como un
diminutivo de vilar, latín villare,
ou como unha *(villa) Elarini, propiedade
dunha persoa que atendía polo nome de Elarinus.
A CIMA DO ROXAL
Na parroquia de Dorna.
A 1.074 metros de altitude sobre o nivel do mar. A primeira parte do topónimo
vén do greco-latino cymo, sitio
elevado. O composto suxire un monte rozado ou proceder de rosale, latín rosa, flor
do rosal. Tamén se podería vencellar co antropónimo Rosius ou Rusius, con
base no adxectivo russeus, roibo.
Na mesma parroquia
localízase o microtopónimo O Roxal,
monte situado a 1.021 metros de altitude.
CINTIAIS
Na parroquia de San
Román de Cervantes. Invítanos a pensar nunha terra destinada á sementeira do
centeo, latín centenum, de centum, cento, palabra da que San
Isidoro dicía que chamaban así porque daba cento por un.
O CIRCO
Monte lindeiro coa provincia
de León, na parroqia de Vilarello. Do latín circus.
En principio, o topónimo denunciaría un terreo de forma circular ou
semicircular nun monte, arrodeado de paredes abruptas. Mais esas, en Galicia
están documentados numerosos circos líticos, construcións prehistóricas
formadas pola disposición, en círculo, de pedrafitas. Dos moitos esparexidos
polo país, na actualidade só se conservan (ou mellor dito, só se localizaron)
os do Freixo (As Pontes), o de Monte Lobeira (Vilanova de Arousa) e O Prado das
Chantas (O Valadouro). Tamén recebe o nome de circo a figura que forman os
feiticeiros que fan os esconxuros; circunferencia que os supersticiosos trazan
no chan cando cren ver de noite á Santa Compaña. Trazando un circo na terra cun
pau ou póla de oliveira, e colocándose dentro del, librábanse de ter que seguir
á Compaña nas súas tétricas excursións nocturnas.Segundo Eladio Rodríguez
González (1958), leva o nome de Circo Máxico ou Circo Misterioso o círculo que
trazaban no chan os feiticeiros e nigromantes coa vara máxica, ou o que
indicaban ao seu redor, para despois evocar aos espíritos.
No límite coa
provincia de León tamén están a Golada
do Campo do Circo, en Porcís, e a Granda
do Campo do Circo, na paroquia de Vilarello. Nas inmediacións do Mustallar
localizamos dúas construcións circulares formadas por pedras que, en principio
e a falta doutros datos, poden ser uns antigos curros ou corros para gardar os
animais.
O CONCELLO
Lugar onde asenta o organismo
composto polo alcalde e os concelleiros que gobernan o municipio, así como o territorio
formado por varias parroquias que están baixo o goberno do mesmo Concello. Deriva
do latín concilium, concilio,
reunión, asemblea. En tempos, en moitas partes de Galicia existía o denominado
como Concello Aberto, acto público que se celebraba convocando a el a todos os
veciños ao son da campá da igrexa ou ao toque de clarín, para o cal algúns
concellos contaban cun clarineiro. O Concello Parroquial foi unha antiga
institución consuetudinaria que funcionaba á marxe das organizacións municipais
convencionais e que ata non hai moitos anos aínda pervivían nas serras galegas
de Manzaneda, Queixa, Penagache, Suído, O Cebreiro, Ancares e o Courel, e que
respondían ás necesidades impostas polo seu illamento. Os veciños reuníanse en
asemblea pública para constituír "o acordo" e adoptar medidas de bo
goberno, auxiliar aos veciños pobres, perseguir aos malfeitores, arranxar
camiños e atender outros servizos comunais, así había o rabaño do concello, o
touro do concello, o forno do concello, os montes do concello, os regos do
concello e as festas do concello; cada fogar tiña o seu concelleiro que recaía,
habitualmente, no cabeza de familia de cada casa. Fraseoloxía: "A Concello
ruín, pregoeiro tatexo". "Cando fores ao Concello, acorda no teu e
deixa o alleo". "Concello de mañá, e auga de tarde". "Leva
o teu fío ao Concello, e uns diranche que é branco, e outros que é negro". Ata o ano 1984 a Casa do Concello estivo na Casa Solariega.
CONFURCO
Na parroquia de Dorna.
Denuncia un lugar onde conflúen dous vales, pasos naturais para o trazado de
camiños antigos.
CORNEANTES
Aldea da parroquia de
Donís. Todo apunta a unha raíz precéltica *corn,
pedra, referido a un lugar pedroso. Segundo Ares Vázquez tamén podería estar
relacionado con cornear. Menos probable é que teña a orixe nun antropónimo. Ao
ensancharen a pista, hoxe estrada local asfaltada, que pasa a carón da capela
de Santiago, saíron á luz varias tumbas feitas con lousas.
A Serra de Corneantes leva o nome da aldea.
O CORNO MALDITO
Na parroquia de Donís,
lindeiro coa provincia de León. A 1.849 metros de altitude sobre o nivel do
mar. O primeiro elemento semella ter a
orixe na raíz precéltica *corn, pedra,
referido a un lugar pedroso, sen desbotar o latín cornu, corno, pola forma máis ou menos puntiaguda do monte. O
composto vén do latín maledictus, que
acaso reciba o nome por algún malfadado acontecemento, natural ou extraordinario,
ocorrido no lugar; ou se cadra debido á súa altitude, porque resulta moi penoso
alcanzar o seu cume.
No terreo da
superstición, o corno de vacaloura utilizábase como amuleto contra os
meigallos, e o corno de carneiro colgábase detrás das portas e ventás contra
diversos maleficios.
A COROA/A CROA
Na parroquia de
Cereixedo. Do latín corona. Denuncia
a forma de coroa que presentan algúns montes e que por veces adoita sinalar a
presenza dun castro.
En Valgos está A Coroa do Castro, microtopónimo que
pode sinalar a presenza dun asentamento da Idade do Ferro, se ben, a simple
vista, non se observan vestixios. Na parroquia de Vilarello, a 1.031 metros de
altitude, temos o Alto da Coroa. Da
mesma procedencia é a palabra croa que atopamos no topónimo Croa de San Miguel,
en Vilarello, onde localizamos un asentamento castrexo.
OS CÓRRAGOS
Na parroquia de
Vilaspasantes. O nome provén do latín corrugus.
Existen varias acepcións: Poza natural ou artificial no decurso dun río
utilizada para curtir o liño. Oco nunha rocha ou depresión do terreo que se
enche de auga cando chove. Represa natural ou poza artificial onde se recollen
as augas destinadas a regar, e, tamén, canle de distribución destas augas.
Camiño estreito e profundo que discorre entre valos, cómaros ou outras
elevacións do terreo. Poza onde se bota o liño a curtir.
En A Degrada está a Casa dos Córragos. A mesma procedencia
e significado atopámolo no monte da Peita
do Corgo, cuxa primeira parte do tóponimo pode suxerir o tributo que pagaban
os que non eran fidalgos, ou o adorno de forma curva que utilizan as mulleres
para suxeitar o pelo que, por analoxía, faría referencia a un terreo encurvado.
No século I d.C., o historiador romano Plinio xa identificaba o corgo coa canle
de auga para lavar os metais nas minas que logo pasou a designar un camiño
estreito de carro, regueiro ou lameiro. Xa no eido da mitoloxía, Corgo deriva
do nome da divindade Goro ou Coro, o prehistórico deus solar que pode
ser vermello, cando está no solpor, ou negro, símbolo do Sol subterráneo que
loita e logo morre a mans do deus branco, o escintilante; o combate ten lugar
na Fin do do Mundo, no Oeste, no País da Morte, no Finisterrae. Tamén podería estar relacionado co nome de persoa Curicus ou Coricus.
CORROS
En San Tomé de
Cancelada. Semella proveniente dunha base preindoeuropea *corn, pedra, referido a un lugar pedroso. Constantino García
González, no seu Glosario de voces
galegas de hoxe (1985), fala dun grupo de cabalos ou éguas que viven
selvaxes no monte. Nalgunhas partes de Galicia chaman corro a un círculo que
tamén podería denunciar unha construción prehistórica formada pola disposición,
en círculo, de pedrafitas. Tamén pode ser unha variante de curro, latín currus, curral, lugar descuberto e
valado no campo onde se meten os animais. Na zona do Mustallar localizamos dúas
construcións circulares feitas con pedras que puideron ser utilizadas para os
usos citados. Na parroquia de Noceda perviven os microtopónimos Chaos dos Corros, cun primeiro elemento
derivado do latín planus, a, um, e Corros da Lama, do prelatino lama, fango, masa branda ao se mesturar
a terra con auga, prado húmido, lameiro.
A CORTELLA
Serra localizada en
San Pedro de Cervantes. Diminutivo de corte, latín cohors, -ortis, lugar onde se encerra o gando, ou antigas fincas ou
montes pechados.
Na parroquia da
Ribeira atópase o Batán da Cortella,
topónimo do que falamos máis arriba, e en San Pedro de Cervantes a Pena da Cortella, do céltico penn e do latín pinna.
A CORTIÑA DOS MOUROS
A CORTIÑA DOS MOUROS
Preto de San Miguel,
na parroquia de Vilarello. O primeiro elemento do topónimo fai referencia a un
terreo próximo á casa, xeralmente cercado, similar á horta, adicado a prado ou
a cultivo. O lugar atópase no castro da Croa de San Miguel onde, segundo nos contou
un veciño, había tres fornos no que os mouros (destes seres sobrenaturais
falamos noutra entrada) facían cal, que logo se utilizou na construción do
castelo de Doiras. Malia o anterior, tamén poderiamos estar diante dunha
cortiña propiedade dun posesor chamado Mauro, de Maurus. No sitio, entre Balboa (O Bierzo) e Cervantes, consérvanse restos dun campamento temporal de época romana (Ver o noso blog -entrada dende deste- adicado ao patrimonio arqueolóxico da comarca dos Ancares).
En Robledo de Donís
localízase o monte coñecido como A Cortiña.
A COSTA
Aparece este
orotopónimo nas parroquias do Castelo, Cereixedo, Donís e Vilarello. Deriva do
vocábulo latino costa, terreo en
pendente, xeralmente referido a un camiño polo que se transita con maior ou
menor esforzo.
En Vilaquinte está a Costa do Candal, partícula prerromana *cand, rocha, ou, como di Corominas, procedente
do verbo latino candere, arder. Aínda
que con menos probabilidades, tamén pode ser un derivado popular de candidus, branco, adxectivo aplicado ao
trigo candeal que dá pan moi branco. Na parroquia de Vilarello localízase a Costa de Doiras, cuxa segunda parte do
étimo semella denunciar un hidrónimo, unhas correntes de auga pluviais, talvez
dun céltico *au-, auga, río. Segundo
J. P. Machado pode ser un nome prelatino con base celta dwr/dur, auga. Nal aldea de Dumia atópase A Costa de Dumia (ver Dumia). En Cereixedo a aldea do Fondo da Costa, situada na parte baixa
dunha pendente, no fondo, latín fundus.
En San Pedro de Cervantes o Monte da
Costa, a 988 metros de altitude sobre o nivel do mar, cun primeiro elemento
proveniente do latíns mons, montis. E
na parroquia da Ribeira, a Pena da Costa,
do céltico penn e do latín pinna.
O COTO
Atopamos este
orotopónimo en varias partes do municipio. O nome procede do prerromano *cott, altura, prominencia, lugar
dominante. Na parroquia de Vilarello está o Alto do Cotrellón, a 1.220 metros de altitude. Os aumentativos O Cotrón, en San Román de Cervantes, a 746
metros de altitude sobre o nivel do mar, e O
Cotarón, na parroquia de Donís, a 1.348 metros e altitude. Facendo alusión a unha característica que o
distingue, está o Coto Grande. O Marco do Coto,
en Vilartote, do xermánico *mark, que
fala dunha pedra fincada no chan (ver O Marco). En Quindous temos a Pena do Coto. A 707 metros de altitude
érguese o Pico do Coto, na parroquia
de San Tomé de Cancelada, cunha primeira parte proveniente do latín beccu, cima, cume. E o Teso do Coto, en Cereixedo, do latín tensus,
lugar alto no campo, monte alto e escarpado.
COUSO
Núcleo de poboación da
parroquia do Castro. Deriva do latín causu,
con varias acepcións: Leira para cultivo de legumes. Depósito ou graneiro no
que se gardan os cereais. Para Corominas tería unha orixe mixta, partindo de cautum e cursum, sendo así un couto cercado para sitiar e cazar animais. Na
Idade Media recibía o nome de couso o lugar onde se celebraban as xustas entre
cabaleiros. A aldea aparece citada co nome actual nun documento do mosteiro de
Carracedo do Bierzo do ano 1310.
Do nº 2 de Galicia Diplomática
do ano 1892 recollemos que no lugar do Couso, non moi lonxe do castro de Santa María, un veciño, ao traballar a
terra, atopou un pucheiro con 1.300 moedas. Ao comprobar que non eran de
ouro nin de prata (eran de cobre) desfíxose delas. O escritor Manuel
Castro López conseguiu tres que entregou a un experto para que as
datara, asegurando este que eran romanas.
En San Miguel de
Vilarello está a Campa do Couso.
AS COVAS
AS COVAS
Núcleo
de poboación da parroquia de Vilaspasantes. Provén do latín covu, concavidade natural ou artificial,
na superficie ou no interior da terra. En Galicia é rara a cova que non teña
unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas enfeitizadas.
Eladio
Rodríguez González, no seu Diccionario
enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), sitúa unha Cova da Meiga no concello de Cervantes. Di
que está formada en terreos calizo-cambrianos, na cal se oculta a corrente do regueiro de Covas, cuxas augas
reaparecen de novo máis abaixo. A palabra meiga remonta a magicus. Meigu xa aparece
en documentos galegos do ano 1175. A meiga é o ser sobrenatural tan arraizado
nas nosas lendas; muller que, segundo a crenza popular, ten pauto co demo. Na
parroquia de Lamas, xunto o río Navia, están as Covas de Suasviñas, onde o composto leva o prefixo sub-, baixo de, unido a viñas, do latín vinea, terreo plantado de videiras. Segundo
nos contaron, estas covas van acadando amplitude a medida que un se adentra no
interior.
AS CRUCES
Lugar
da parroquia de Cereixedo, a 1.162 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Deriva do latín cruce. Pode indicar
un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, o símbolo relixioso
cristián, ou unha divisoria de terreos. Nas encrucilladas deteñíanse os
enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e
tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o
mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do
San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación.
Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a
morte. Cómpre lembrar que os enterramentos efectuábanse á beira dos camiños,
nas encrucilladas e xunto as cruces e cruceiros (meniños que morrían sen
bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares
infundían pola noite.
Agás
as cruces cumiais situadas nas igrexas ou as colocadas nas sepulturas dos
cemiterios, a presenza deste símbolo relixioso está practicamente ausente ao
longo do municipio e mesmo da comarca (agás algunhas mostras en Baralla e
Becerreá). En Rao, no veciño concello de Navia de Suarna, consérvase o coñecido
como Castiñeiro das Cruces onde se acostumaba cravar unha cruz de madeira cando
pasaba un enterro polo camiño da igrexa. Ritual semellante se practicaba entre
as aldeas de Piornedo e Donís no que existía un punto onde se detiñan os
enterros; mentres o cura aproveitaba para rezar un responso, un parente do
defunto espetaba unha pequena cruz de madeira na terra; no lugar había outras
cruces, tantas como veciños de Piornedo morreran.
Na
parroquia de Cereixedo está tamén o monte coñecido como Golada das Cruces.
O CUMIAL
Aldea da parroquia de
Vilarello. Vén do latín cumulum,
referido á parte alta dunha serra ou dun monte. Segundo Nicandro Ares tamén sería
culmus, colmo para cubrir as
pallozas.
Da mesma procedencia atópanse
na mesma parroquia A Campa do Comeal e
As Penas do Comeal, lindeiras coa
provincia de León, a última a 1.261 metros de altitude sobre o nivel do mar.
A CUNQUIÑA
Na parroquia de
Cereixedo. Diminutivo de cunca, latín concha
e grego kónkhe. Terreo en forma de
cunca, cóncavo. Mais tamén pode referirse a coviñas ou pías que a erosión forma
nos penedos que, se son feitas pola man do home, receben o nome de petroglifos.
Cunquiñas ou coviñas son os motivos que figuran nas penas con gravuras
rupestres dos Montes de Robledo, de Campo Redondo, Boca do Campo e Poso, que a documentalista Pilar Carpente máis eu localizamos e demos a coñecer (estaban sen inventariar) no concello de Cervantes no verán de 2013.
A CURVEIRA
En Vilarnovo. Pode ser
curvus, curva dun camiño ou dun
monte, ou un sitio frecuentado polos corvos, do latín corvus.
A DEGRADA
Núcleo de poboación da
parroquia de Cereixedo. Nome referido a un terreo de forma escalonada, con
saíntes semellantes a degraos, ou a unha vila Deograta, agradable a Deus, nome cristián de muller, ou propia dun
home chamado Deogratus.
Á aldea pertence o Monte da Degrada, do latín mons, montis.
DEVA
DEVA
Aldea da parroquia de
Cereixedo. Estamos diante dunha divindande céltica relacionada coas augas,
presente na epigrafía. Schulten cre que é un nome celta ou ligur. Moralejo di
que é igual ao latín diva ou dea, deusa.
Fieiró de Deva é un monte situado a
1.646 metros de altitude sobre o nivel do mar, sitio onde abunda o feo, latín fenum, a herba segada e seca para
alimento do gando.
A DEVESA
Microtopónimo derivado
do latín defensa, defendida,
protexida, cercada, que fai referencia a antigas fincas pechadas destinadas a
pasto para o gando ou á produción de madeira. Terreo acoutado e poboado con
árbores autóctonas, destinado xeralmente a pastos ou leña.
DONÍS (SAN FIZ)
A parroquia é a
segunda do concello en superficie, con 44,84 quilómetros cadrados. Posible
referencia a unha *(villa) Donnitti
ou Donissii pertencente a un antigo posesor
de nome Donnitus. Machado opina que
foi Donici, xenitivo do antropónimo Donnicius. O nome do santo protector da
parroquia, San Fiz vén do latín felici
e significa feliz, contento, fértil. Donís tivo batán e teares onde se facían
lenzos. Nun documento do mosteiro de Carracedo do Bierzo do ano 1310 figura
como Doniis.
Segundo Vázquez Seijas, o nome de Donís corresponde ao lugar de Onís, pola contracción de Onis. No Diccionario Heráldico y Genealógico de apellidos españoles y americános dos irmáns García Garrafa, aparece Onís e Donís, anotado no expediente de probas de nobreza dun cabaleiro desta linaxe que ingresou na Orde de Santiago, e nel consta que os Donís apelidáronse en tempos antigos Onís, deducíndose que ambos os dous apelidos son o mesmo. A liñaxe é galega, probablemente orixinaria de Donís. (Máis información, na entrada adicada á Torre de Donís).
Polo Diccionario de Pascual Madoz, sabemos
que a mediados do século XIX as enfermidades máis comúns padecidas polos
veciños e as veciñas da parroquia eran febres e dor de costas. A freguesía
contaba cunha escola, cuxo mestre cobraba tres reás diarios mentres durase o
curso. O terreo era de mediana calidade, os camiños veciñais estaban pouco
coidados e o correo recibíase de Becerreá. Producíanse patacas, nabos, centeo e
castañas. Criábase gando vacún, cabrío, lanar e cabalar. Cazábanse perdices,
osos, xabaríns corzos e cervos, e pescábanse troitas. Había un batán, algúns
teares e fabricábanse cestos.
A continuación
achegamos unha historia real acontecida a finais do século XIX que tivo como
protagonistas aos veciños da freguesía. Naquela época
había unha mala comunicación con Donís, en plena Serra dos Ancares, probable
motivo para que o alguacil de Cervantes, Francisco Trabado Ponte, natural de
Sabadelle, coñecido tamén como Campaín de Sabadelle, en funcións de axente
executivo, se demorase no cobro duns recibos da contribución daquelas xentes
que tiñan que pagar por traballar, vivir nunhas miserentas pallozas e transportar
cos seus carros os escasos produtos que lles proporcionaba a terra. Cando o
alguacil chegou a Donís a cobrar os trabucos atrasados, recibiu un non por resposta
en todas as casas xa que á xente non só lles sobraban os cartos, senón que
carecían deles. Ante a negativa, o alguacil comezou a ameazar aos veciños co
embargo dos seus bens, actitude que levou aos parroquianos a reunirse xunto uns
carballos que había preto da igrexa, acordando declarar a República
Independente de Donís. Como proba de que ían en serio, un home do pobo
arrebatoulle os recibos da contribución ao recadador quen ameazou con acodir á
garda civil de Becerreá, ameaza á que respostaron os veciños despoxándoo das
súas roupas e encarcerándoo na capela. Alí permaneceu ata que a garda civil,
ante a súa tardanza, o rescatou poñendo fin á República.
DORNA (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Ten
unha superficie de 12,25 quilómetros cadrados. Non é ningún núcleo de
poboación. No presente caso, o topónimo nada ten que ver coa coñecidísima
embarcación marítima das Rías Baixas. O vocábulo provén da base preindoeuropea
*dorn que ao nomear instrumentos de
figura cóncava denuncia uns vales ou depresións fluviais. Hai autores que
identifican o topónimo co celta durno,
artesa. Nicandro Ares di que podería relacionarse con algunha cista
prehistórica ou con algún sártego pola similitude cunha barquiña ou cunha
artesa. En Dorna tiveron unha granxa e priorado os monxes cistercienses de
Carracedo do Bierzo, e cítase no seu cartulario dende o ano 1200, sempre co
nome actual. Mesmo hai quen defende que o lugar estivo rexentado polos
cabaleiros da orde do Temple. No 1203 Afonso VIII libera ao mosteiro de “Sancte Marie de Dorna... de fosssadaria et
de toto foro et regio fisco”. No Arquivo Histórico Provincial de Lugo
figuran vendas da desamortización do cenobio no ano 1835. A patrona da
parroquia, María, é un nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín
eclesiástico e que significa señora.
Hai máis de cento
cincoenta anos, segundo nos lecciona o
Diccionario de Pascual Madoz, o clima de Dorna era frío. As enfermidades
máis comúns sufridas polos fregueses eran reumas, dores de costas e febres. A
parroquia tiña escola, non dotada para nenas. O terreo era de mala calidade. Os
camiños atopábanse en regular estado de conservación. O correo recibíase de
Becerreá. Producíanse nabos, patacas, centeo, liño, nabos e algo de mel.
Criábase gando vacún, de cabra e lanar. Cazábanse perdices e outras aves. Había
algúns muíños fariñeiros.
DRADA
Aldea da parroquia da
Ribeira. Alusión á hedra, latín hedera,
a planta rubidora que se suxeita a árbores, paredes ou muros. A súa semente
utilizouse en medicina como expectorante.
Leva o nome da aldea a
Serra do Chao de Drada, do latín serra e planus.
DUMIA
Núcleo de poboación da
parroquia de San Tomé de Cancelada. No século XII pertencía ao mosteiro de San
Salvador de Cancelada. Segundo o catastro de Ensenada, dos froitos que se pagaban en Dumia, dez partes, unha por razón de dezmos ao cura, e outra cuarta parte, en virtude de foro do bispo de Lugo, por convenio de preito litigado. No mesmo catastro figura un tal Gonzalo Valcarce como dono dunha casa dun andar, 22 varas de fronte e 22 de fondo, posuíndo 89 fincas, unha cabalería do seu uso e unha de ronzal. O
topónimo xa figura como tal nun
documento do ano 1066, onde o presbítero Pelagius Iuliani fai doazón
da aldea ao mosteiro de Cancelada, “...
concedimos ibidem uillam nostran que abemus hic in Dumia”.
No 1085 cítase unha
"hereditas
de Guntrode Citiz in Dumia".
Para A. Holder o nome viría do céltico dumjo-s,
"cima,
cumio, outeiro."
En Galicia existiu a Sede
Dumiense
onde exerceu San Martiño de Dumio (510-579) como titular de San
Martiño de Mondoñedo, en Foz.
Teñen este nome os
sitios coñecidos como a Costa de Dumia,
a Serra de Dumia e a Torre de Dumia da que falamos noutra
entrada.
EILARRÍO
EILARRÍO
Núcleo de poboación da
parroquia de San Tomé de Cancelada. Segundo Nicandro Ares Vázquez, parece un
composto do antropónimo gótico Eila,
redución de Egila, seguido do
apelativo latino rivus, río.
O EMPALME
Na parroquia de Cereixedo.
Do latín palmare, unir. Odotopónimo que nos fala da unión de dúas vías de
comunicación. O empalme é tamén unha varidade de enxerto.
ENTREPENAS
O topónimo denuncia un
lugar ou paso situado entre unhas penas, céltico penn e latín pinna, pedra
grande que sobresae no terreo.
ESCADELA
Na parroquia de
Vilaquinte. Diminutivo de escada, serie de degraos dispostos en plano inclinado
para subir ou decer. O topónimo semella sinalar un terreo con forma de escada
irregular, con salientes e depresións. Tamén pesebre, manxadoira para o gando.
En Corneantes está o
monte do Escaleirón, aumentativo de
escaleira, latín escalaria, neste
caso orográfica.
A ESCANDADA
Na parroquia de Lamas,
a 913 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pode derivar de scandula, unha forma latina de trigo.
A ESCOLA
A ESCOLA
Do
latín schola, lección, ou do grego skola, estudo. Así adoitaba chamarse ao
lugar onde se ubicaban as escolas unitarias, hoxe en día desaparecidas ou sen
adicarse ao uso para o que foron concibidas, que había en moitas parroquias. O Diccionario de Pascual Madoz (1849) di
que había escolas en Donís, Dorna, Quindous e Vilaquinte. Na actualidade, o
centro de ensino atópase na capital municipal. Recolle Sobrado Correa (2001), que aínda que a oferta escolar aumenta na segunda metade do século XIX, o crecemento demográfico experimentado
en dito período, fai que aínda o nivel de alfabetización sexa moi
modesto con relación a outros casos europeos. Segundo os censos de 1860 e
1877, aínda que as cifras de analfabetos descenden nestes períodos intercensais, no 1887 aínda hai 74,3 analfabetos por cada 100 habitantes, proporción moi elevada.
A ESTRADA
A ESTRADA
Aldea
da parroquia de San Tomé de Cancelada. (Viam)
stratam, vía empedrada, alusión aos diferentes estratos dos materiais con
que os romanos construían as vías. No concello de Cervantes, a vía romana
XIX cruzaría enteiramente o Val de Cancelada, vindo do Portelo ata a ponte de
Pontes de Gatín (Pons Naviae?), xa no
concello de Becerreá. Esta vía vén despois nomeada como Camiño Real de Castela
e Camiño Francés. É o camiño real de Castela ata o século XVIII en que o rei
Carlos III decide trasladar o mesmo ao inmediato val de Pedrafita, As Nogais e
Becerreá, polo que aínda discorre a autostrada A6. Rodríguez Colmenero no
Simposio: Vías romanas XIX e XX: da
investigación arqueolóxica á dinamización do territorio (2007), di que na
comarca discorrerían por Abelleira, Papín, Neira de Rei (Baralla), O Cereixal,
Ouselle, As Pontes de Gatín (Becerreá), O Fabal, Ponte de Doiras, estrada do
Portelo, San Miguel, Xestoso e o Portelo do Comeal, e de aquí cara Ruitelán (O
Bierzo), en cuxas proximidades se situaría a mansión Uttaris, e Astorga (Asturica).
ESTREMAR DE BAIXO/ESTREMAR DE RIBA
Núcleos
de poboación pertencentes ás parroquias de Dorna e de Quindous, respectivamente.
Fan alusión ás lindes dun terreo con outro; deslindar, demarcar os límites
dunha terra ou predio dividido entre varios, con base no latín extremum. Nalgunhas zonas de Galicia
denominan así a separar as ovellas ou as cabras dun rabaño constituído por
animais de distintos donos, para que cada un recolla os seus ao volver do
pasto. Tamén pode actuar como antropotopónimo, referido a unha *(villa) Astremarri, dun posesor de nome
Astremarius. Nun documento do
mosteiro de Carracedo do Bierzo do ano 1479 Estremar de Baixo figura como Estremar de fondo. Ambos os dous nomes
van determinados polos sintagmas latinos bassus,
baixo, e ripa, arriba.
O FABAL
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilasante. Terreo sementado de fabas, vicia faba, as plantas leguminosas comestibles. As fabas máis
comúns son as brancas pero hainas de varias cores, con pintas. Nalgunhas zonas
de Galicia tense en grande estima a faboca, faba silvestre coñecida co nome de
faba loba.
FAIAL DA PINTINIDOIRA
Na parroquia de
Vilaspasantes. A faia, fagus sylvatica,
é unha árbore que habita en climas de abundantes precipitacións, nas ladeiras
das montañas e que pode acadar os 40 metros de altura. O xénero provén do grego
fago, comer, polos seus froitos
comestibles, e a especie do latín sylvaticus,
de bosque. En Galicia só se atopan abundantes exemplares de faias na
Pintinidoira, o faial máis occidental de Europa, na serra do Courel e, en menor
medida, en Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro. Para o composto, ver A
Pintinidoira.
FERREIRADEVÉS
Núcleo
de poboación da parroquia de Vilaspasantes. Do latín ferraria, derivado de ferrum,
ferro, obradoiro onde traballa o ferreiro. Ares Vázquez di que o determinante devés resúltalle escuro, a non ser que
fose Ferraria Devensis, é dicir, Ferreira de Deva. Don Elías Valiña
Sampedro escribiu que no ano 1983 había unha vivenda tipo palloza e tres
hórreos de palla. Segundo Eladio Rodríguez, a finais do século XVIII a
produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun
valor de máis de dous millóns de reais. No século XVI, o licenciado Molina xa
falaba das excelencias das ferrarías galegas.
En
Doiras está a Ferrería de Fonquente
(para o composto, ver Fonquente), construída a principios do século XIX por D.
Carlos Antonio García Álvarez, a cuxa concesión se opuxo D. José Arias, das
Nogais, que era propietario doutra ferraría. O lugar coñecido como O Ferreiro atópase en San Román de
Cervantes, deriva de ferrarius, de ferrum, referencia ao oficio de traballador
do ferro.
O FIEIRO
Na parroquia de
Noceda, a 1.354 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lugar onde abunda o
feo, latín fenum, a herba segada e
seca para alimento do gando da familia das gramíneas.
Da mesma procedencia,
en Cereixedo temos a aldea da Campa de
Fieiró, vista noutra entrada. A Catreira
de Fieiró, en Porcís. Fieiró de Deva,
na parroquia de Cereixedo, é un monte situado a 1.646 metros de altitude sobre
o nivel do mar. E o Teso de Fieiró,
do latín tensus, lugar alto no campo,
monte alto e escarpado, outeiro.
FOLGOSO
Aldea de Cereixedo.
Terreo poboado de fentos ou fieitos, do latín filicaria, planta que medra en lugares escuros, fríos e húmidos. O
fento verde utilizábase para tapar os buratos e regandixas das adegas para
evitar o paso da luz. Os fentos secos usábanse para chamuscar os porcos na
matanza. A raíz machucada e cocida empregábase contra
as lombrigas.
En Vilarguite
localízase o lugar de As Folgueiras,
da mesma procedencia que Folgoso, mais tamén pode suxerir un antigo propietario
de nome Folgarius, dunha *(villa) Folgarii. Na parroquia de Dorna
está a aldea de Folgueiroa, citada
nun documento do mosteiro de Carracedo do Bierzo do ano 1345 como Felgueyrua.
FONDEIRO
En
Cereixedo, referido a un lugar que está na parte baixa, no fondo, latín fundus.
En
Cereixedo temos o Chao Fondeiro, co
primeiro elemento derivado do latín planus,
a, um. De fundus deriva a
primeira parte do microtopónimo o Fondo
do Lugar, cuxo segundo elemento foi en latín locale, de locus, así
como a aldea da parroquia de Cereixedo do Fondo
da Costa, do latín costa, terreo
en pendente.
FONDEVILA
Na
parroquia de Lamas. Pode vir do latín fons,
fonte, e villa, ou de fondus, fondo, e villa, é dicir, unha fonte da vila ou un lugar situado no fondo da
vila.
FONQUENTE
Núcleo de poboación da
parroquia de Cereixedo. Do latín fons
e calens, -entis. Un manancial de
augas quentes ou temperadas que existe ou existiu no lugar. Ou acaso unha fons Calentii, dun propietario de nome Calentius.
En Doiras atópase a Ferrería de Fonquente, de ferraria, derivado do latín ferrum, lugar onde se traballaba o
ferro.
A FONTE
Do latín fons,
-ntis, referencia a un lugar onde mana a auga. En Galicia, a fonte ocupa un
lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio
denunciaba no seu De correctione
rusticorum que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes:
“Uns adoraban o sol, outros a lúa ou as estrelas, outros o lume, outros a auga
subterránea ou os mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran
creadas por Deus para uso dos homes senón que, nacidas de si mesmas, eran
deuses...”. Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa fin de atraer aos
humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga
clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto
as fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber
de sete fontes despois das doce da Noite do San Xoán cura o bocio, lavarse coa
auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é
boa para a pel. As augas de moitas fontes posúen cualidades sandadoras, profilácticas
e purificadoras. En Galicia resulta frecuente ver unha ermida ou un santuario
construído preto dunha fonte con virtudes milagrosas. Conta X. Rodríguez
Campos, en Antropología y Etnografía de
las proximidades de la sierra de Ancares (1990), que era crenza xeralizada
que a auga que saía das rochas purificaba e fecundaba a terra; a algunha desas
fontes acodían as mulleres que tiñan dificultades para procrear. Deixando de
lado o terreo da lenda, as fontes eran un lugar de reunión de vellos e mozos ao
anoitecer, sobre todo no verán. Segundo Caridad Arias, os topónimos referidos a
fontes e pontes hai que tomalos con reserva e non sempre fan alusión a nomes
comúns, senón que derivarían dos nomes prerromanos Bonto e Ponto.
No concello de Cervantes documéntanse un bo número de
topónimos que sinalan a presenza de mananciais. Fonte da Arqueira, terreo en forma de arco, curvo. Fonte do Barcal, en Donís, fala dun
recipiente para recoller líquidos. Fonte
da Bardanca, en Donís, referencia a un bardal ou valado feito cunha morea
de silvas e pólas de árbores. Fonte da
Canda, coa partícula *cand,
rocha, sitio pedroso, que Corominas faino derivar do latín candere, arder. Fonte Charco
das Redondas, na parroquia de Quindous, coa voz onomatopeica charco e o
latín rotunda. Fonte dos Córragos, en Cereixedo, do latín corrugu, represa ou poza artificial onde se recollen as augas, ou
oco nunha rocha ou depresión do terreo que se enche de auga cando chove. Fonte Corredoira, na parroquia de
Vilarello, do latín curretoria,
camiño estreito para carros que discorre entre muros ou ribadas. Fonte da Fervenza, en Donís, do latín ferventia, proveniente do verbo fervere, ferver, sensación que produce a
caída brusca da auga ao salvar un desnivel. Fontelo, de fontanellu, diminutivo
de fonte. Fonte das Forcadas, na
parroquia de Cereixedo, de furca,
forca para aforcar ou bifurcación de camiños. Fonte da Guarda, do verbo gardar, e este do xermánico *wardon, gardar, vixiar. Fonte de Lamagrande, na parroquia de
Cereixedo, do prelatino lama, masa
branda ao se mesturar a terra con auga, prado húmido, e o adxectivvo grande,
latín grandis. Fonte das Lameiras, mesma etimoloxía que lama. Fonte de Lamocoas, en Donís, e Fonte
do Lamoco, en Cereixedo, variante de lama. Fonte da Lastra, en Cereixedo, do prelatino lastra, laxa de pedra grande e plana. Fonte Marela, en Piornedo, do baixo latino amarellus, alusión á cor na rocha que adquiriría por algún proceso
de oxidación. Luis Aguirre del Río (1858) recolle que a marela era unha cantiga
que entoaban os segadores con toda a forza de voz posible para competir cos
doutros lugares. Fonte de María González
(falamos dela noutra entrada). Fonte dos
Mosqueiros, na parroquia de Vilarello, do latín muscarium, de musca,
mosca, que podería significar a folla filamentosa de certas plantas, ou herba
grande que medra entre a semente. Fonte
dos Namorados, na Campa do Barreiro, da que, segundo a lenda, cómpre beber
tres veces para conseguir o favor da persoa amada. Fonte Narvasoes, na parroquia de Cereixedo, semella estar
relacionado coa base preindoeuropea *nar,
auga. Fonte da Nogueira, en
Corneantes, do latín nucarias,
abundancial de nogueira, árbore cuxo froito é a noz, latín nux, nome que designa a todos os froitos de casca dura. Nalgunhas
partes de Galicia a xente cría que a súa sombra traía mala sorte. Fonte Ollo da Fonte, na parroquia de
Noceda, do latín oculus e fons, manancial que xurde nun lugar
chan. Fonte do Oso, na parroquia do
Pando, manancial frecuentado polo oso, latín ursus, o mamífero case desaparecido da serra. Fonte Pena da Cortella, en San Pedro de Cervantes, do céltico penn, rocha, e o diminutivo de corte,
latín cohors, -ortis. Fonte da Penalta, en Cereixedo, penna alta, nidia referencia a un
manancial que nace nunha pena que destaca sobre as circundantes, nunha pena
alta. Fonte Poza dos Curros, en
Quindous, do latín puteus, pozo, e currus, construción en forma de círculo
que en principio sinalaría a casoupa onde pasaban a noite o pastor e o gando;
tamén lugar pechado para o gando. Fonte
do Pozo Rubio, en Piornedo, posible alusión a un manancial que adquiriu esa
cor debido a un proceso de oxidación, latín rubeus.
Fonte do Ramallal, en Vilarello,
identifica as ramas dunha planta, especialmente de carballo. Fonte do Rego, en Vilaquinte, do latín rigu, pequeno curso de auga. Fonte
Regueira da Vara, do latín rigu, (ver
A Vara). Fonte Regueiriña da Enciña,
en Vilaquinte, designa unhas terras rigarias,
terreos húmidos onde nace un manancial situado preto dunha enciñeira ou
aciñeira, latín quercus ilex, a
árbore de madeira dura cuxo froito é a landra. Fonte do Regueiriño, do latín rigarium,
de rigu. Fonte de Ribadón, en San Tomé de Cancelada. Fonte Souto dos Picos, en Dumia, do latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo, e do
latín beccu, pico, sinómino de cima,
cume, curuto. Fonte do Teixón, na
parroquia de Cereixedo, manancial frecuentado polo porco teixo, meles, meles. Fonte do Treitoiro,
do latín traiectum, paso entre
montes. Fonte Trembedo, en
Vilaquinte, semella unha variante de tremoedo, terreo moi húmido cuberto de
herba que treme, latín tremere; tamén
podería ser un abundancial de populus
tremula, choupo. Fonte de Vales,
en Vilarello, do latín vallis, val. Fonte do Valín Cavado, en Donís,
diminutivo de val, e de cavatus, a, um,
referido a unha fonte situada nun pequeno val cavado, traballado. Fonte da Valiña, en Cereixedo,
diminutivo de vallis, val. Fonte da Vara, na parroquia de
Cereixedo (ver A Vara). Fonte de
Vilaquinte, alusión a unha (villa)
Quintia ou Quintiani, dun posesor
de nome Quintius ou Quintianus.. No municipio tamén atopamos
o lugar da Casa da Fonte, en
Cereixedo; o monte das Fontaínas, en
San Román de Cervantes, diminutivo do latín fontana;
o diminutivo O Fontelo, en
Vilarello; o monte das Fontes, na
parroquia de Dorna; e o monte das Tres
Fontes, en Vilaquinte, tres manancias que hai ou había no lugar, sen
desbotar que nos fale dun propietario de nome Tresius.
A FONTE DE
MARÍA GONZÁLEZ
Achegamos a lenda (hai quen asegura que é unha
historia real) que deu nome á fonte. Unha muller, de nome María González, chegou
un día ao concello de Cervantes, dise que proveniente dun lugar de Asturias. A
muller, a toda persoa que atopaba no camiño lle preguntaba se coñecía unha
fonte de poderes milagreiros que lera nun pergameo moi antigo. Mais ninguén
soubo darlle resposta. A muller, enferma e case ao bordo da morte, chegou a
Piornedo. Foi alí onde un veciño lle dixo onde estaba, mais advertíndoa de que
non se quedara no lugar de noite, xa que podía morrer de frío ou ser devorada
polos lobos. Pasou un día, e outro... e a muller non daba sinais de vida. Mais
ao noveno día, os veciños víronna baixar polo mesmo camiño que percorrera días
antes. O seu aspecto xa non era o dunha muller moribunda, a cor da vida
retornara ao seu lívido rostro. Cando chegou xunto os habitantes de Piornedo,
contoulles que, seguindo os consellos do pergameo, bañárase na fonte nove veces
ao día durante os nove días que permanecera no lugar. O último día, unha nube
negra baixou do Corno Maldito, un monte lindeiro coa provincia de León e
situado a 1.849 metros de altitude sobre o nivel do mar. Cando a envolveu a
nube, dos seus peitos manou un sangue negro e fedorento. Mais, de súpeto, a
nube desapareceu como tragada pola auga do manancial. Cando a muller mirou para
os seus peitos, viu que cada un tiña unha cicatriz que sinalaba o lugar por
onde se fora o terrible mal.
FONTEXOANA
Aldea da parroquia de
Vilapún. De fons, fontis, fonte, e
Xoana, feminino de Xoán, Iohannis.
Segundo nos contaron, o nome dállo un manancial que hai no lugar.
AS FORCADAS
Monte da parroquia de
Cereixedo. Do latín furcata,
instrumento de labor formado por un pau rematado en dous ou tres gallos do
mesmo pau ou de ferro utilizado para coller a palla, estrume, etc. Tamén pau en
figura de forquita para formar parras e soster as ramas cargadas. Se é en forma
de Y, utilizábase para poñer no carro, entre o temón e o chedeiro. Malia o
anterior, no presente caso denuncia un sitio onde conflúen dúas ladeiras de
montaña ou a existencia dun camiño que se bifurca.
No municipio atopamos
a Fonte das Forcadas, do latín fons, fontis. Na parroquia do Pando
localízase o monte coñecido como Pozo
Forcado, cun primeiro elemento derivado do latín puteus.
OS FORMALÍS
Na parroquia de San
Román de Cervantes. Parece vincularse aos Formariz e Formarís presentes na
xeografía galega. O topónimo relacionaríase logo cos –ricus, -rici, antigo
posesor xermánico, co significado de poderoso, a partir dun posible *formaricus, formarici. O que máis chama a atención é a primeira parte do
topónimo. A raíz Form- está presente
en topónimos lugueses, tipo Formado (Abadín) ou Formarán (Castro de Rei), e
mesmo temos A Forma en Allariz. Existe o étimo formus co significado de quente. En Cervantes temos ademais o
topónimo Fonquente. ¿Haberá algunha relación entre a raíz Form- que faga referencia a lugares de augas quentes?
OS FORMIGUEIROS
Sitio localizado na
parroquia de Vilaspasantes. O nome deriva do latín formica, formiga, o insecto himenóptero que vive en sociedade. As
femias fecundas e os machos levan ás, das que carecen as femias estériles. Para
Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario
enciclopédico gallego-castellano (1958-1961), é tamén a ave que chaman peto
ou formigueiro por alimentarse xeralmente de formigas.
A Pena da Formigosa, en Vilaspasantes, a 1.244 metros de altitude
sobre o nivel do mar.
OS FORNOS
Lugar situado na
parroquia de Cereixedo. Procede do latín furnus,
que, no presente caso, non cremos que faga alusión a un forno para cocer o pan ou outra cousa calquera, senón a unha
concavidade do terreo, a unha cova ou mesmo a un enterramento megalítico. Tamén
pasou a ser nome persoal tal como figura na epigrafía, citándose como Furnus e Furnius.
Dito: “O forno e a
vella, pola boca se quentan”.
A FRAGUA
Xunto o rego de Cereixedo, por baixo da Veiga do Seixo, había unha fragua, de aí o nome. Vense posibles restos.
A FRANXUEIRA
A FRAGUA
Xunto o rego de Cereixedo, por baixo da Veiga do Seixo, había unha fragua, de aí o nome. Vense posibles restos.
A FRANXUEIRA
Monte da aldea dos
Olmos, na parroquia de Vilaquinte, coñecido tamén como A Franxoeira. Apunta a
un lugar poboado de franxos, aves da familia das falcónidas. Trátase dun terreo ladeiro moi empinado e pedroso que
vai parar ao río Ser. Segundo a lenda, neste lugar xuntábanse polas noites as bruxas da contorna
co demo.
O regueiro Franxueira discorre pola parroquia.
A FREITA
Núcleo de poboación da
parroquia de Cereixedo. Do participio latino fracta, de frangere,
romper, referido a rochedos rotos ou fracturas pétreas do terreo. Segundo
Eladio Rodríguez fala duns montes por cuxas pendentes se botan a rolos os
feixes de leña e os madeiros cortados nos piñeirais situados no cume. Aníbal
Otero Álvarez, en Historias etimológicas
referentes al gallego-portugués (1951), di que é un terreo escarpado e
pendente, perigoso para andar o gando. Carré Albarelos fala dun barranco, unha
abertura áspera entre montañas; tamén corrente dun río.
No mesmo monte está o
coñecido como Penedo da Freita que
actuaría como punto de referencia.
O FREIXO
Núcleo de poboación da
parroquia de Cereixedo. De fraxinus,
árbore da familia das oleáceas de toro groso que medra, xeralmente, na beira
dos ríos e en lugares húmidos. O xénero provén do grego phraxis, sebe, cercado, e a especie do latín excelsior, máis alto. Antigamente, o freixo utilizábase para facer
os eixos dos carros, xugos dos bois, etc. A casca moumiña (a do medio) era boa
para a dor de cabeza, ademais de ser eficaz contra
as enfermidades venéreas e contra a mordedura das cobras, por iso dicían que
ningunha se acercaba a esta árbore. A palabra freixo lese frexeneto nun documento de Sobrado do
ano 951, e coa grafía actual noutro do mesmo mosteiro no ano 1155.
Nas parroquias de San
Román de Cervantes e de San Tomé de Cancelada atopamos o microtopónimo O Freixedo co abundancial –etum. E en Cereixedo as Penas de Freixedo.
A FURADA
Lugar lindeiro co
concello das Nogais, a 1.147 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín foratu, furado, por analoxía, cova ou
paso terrestre. Nalgunhas zonas dos Ancares chaman furada á sepultura.
A Furada da Raposa esta na parroquia de Vilasante, cova frecuentada
pola femia do raposo, do latín rapum,
rabo, coñecido tamén como golpe, latín vulpes.
Dise que a cova foi utilizada polos fuxidos antifranquistas durante e despois
da Guerra Civil. Na parroquia de Vilaquinte, a 1.034 metros de altitude, está a
Pena Furada.
OS GABIÁS
En Vilanova do
Pedregal, parroquia de Cereixedo, a 1.520 metros de altitude sobre o nivel do
mar. Etimoloxicamente, quizais veña do gótico *gabila, -ans. Lugar
frecuentado polo gabián, a ave de rapina diurna da familia das falcónidas.
GALEGOS
Monte situado na aldea
de Moreira, parroquia de Donís. O nome deste monte pode que proveña do nome
galego/a co que se denominaba aos "cristiáns vellos" e que despois se
converteu en topónimo como se explica na Genealogia
Sarracenorum, do século XII. Cristián vello ou cristián puro é un concepto ideolóxico
que pretendía designar ao segmento maioritario da poboación da Península
Ibérica, acaecido a partir do século XV, que supoñía a "limpeza de
sangue" para distinguirse dos conversos. Gallaecia nace no século I d.C., formada sobre o étimo latinizado Gallaecus e cuxa forma primitiva debeu
ser *cal-ekko, cunha terminación
preindoeuropea asimilada a -aeku. A
base céltica *kal-l alterna con *kar-r, rocha, monte.
A GOLADA
Na parroquia de Vilapún. Cabeza Quiles, no seu Os nomes da terra (2000), di que hai que
diferenciar o topónimo Agolada, de Golada. O primeiro vén da voz latina aqua lata, auga conducida ou levada, un
caudal dun río desviado para regar ou mover un muíño. En troques, Golada, sen o
pronome, aparece co significado de porto de montaña ou lugar montañoso por onde
pasan un ou máis camiños.
Topónimo abundante no concello onde se localizan outra
ducia de lugares que levan o nome. Golada
de Boixecide ou Boixecido cuxo sufixo –cide
é moi habitual na toponimia da provincia de Lugo. Desta partícula fálase ou ben
como procedente do sufixo colectivo –eto,
-eta, ou ben como un segundo elemento
antroponímico. Navaza di que o paso de –ida
(que é como debería ser) a –ide pode
explicarse por relaxación da vogal final e talvez interferencia de antropónimos
en –ide (do xenitivo de nomes en –itus). Golada da Braña Nova, lindeira coa provincia de León (para braña,
ver Braña do Meo). Golada do Campo do
Circo, en Porcís, parroquia de Noceda, do que falamos na entrada O Circo. Golada das Campas, parroquia de Noceda,
de campu, campo pero de extensión
máis ampla; nalgunhas partes de Galicia recebe o nome de campa a lousa que
cubre un sepulcro. Golada de Cortegoso,
de corticata, derivado do latín cohors-cohortis, corte, espazo pechado
destinado a gardar o gando, ou de cortex-icis,
cortiza, parte exterior dalgunhas árbores. Golada
das Cruces, en Cereixedo, de cuxo segundo elemento falamos noutra entrada. Golada do Medio, en Cereixedo, que non
necesita máis explicacións. Golada do
Porto, en Donís, do latín portus,
porto, paso entre montañas. Golada da
Toca, en Donís, a 1.599 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto
significa buraco na terra, abrigo, refuxio, gorida, coveira. J. Piel sinala o
elemento teod-/tod-/ted- coa raíz no
gótico tiuda, pobo. Nicandro Ares
apunta a posibilidade de agochar o nome persoal Tocca feccit. Golada da
Trapa, lindeira coa provincia de León, na parroquia de Cereixedo, vén do prerromano *trap ou *tramp, trampa
para cazar feras. Ou se cadra pode sinalar un asentamento da orde monástica
reformada do Císter, os coñecidos como traprenses.
Golada de Valongo, na parroquia de
Cereixedo, do latín vallis e longus, que amosa as características do
terreo. Golada da Vara, en Cereixedo
(ver A Vara). E por último temos O
Golado, entre Cela e Castelo de Frades, que en principio nos suxire unha
mesma procedencia, se ben pode traducir o latín gula, garganta (dunha montaña), ou vencellado cun xenitivo do
antropónimo gótico *Wala ou Guala. Coinciden con este topónimo A Campa do Golado, na parroquia de
Cereixedo, e Os Penedos dos Golados,
entre as parroquias de Vilapún e Vilasante.
A GRANDA
Na parroquia de Vilaquinte. Variante de gándara, do
céltico ganda, pedregal, terreo
improdutivo e cheo de maleza. En Cervantes é tamén un terreo onde medran as
uces.
En Vilarello está a Granda do
Campo do Circo, cuxo último elemento analizamos noutra entrada. A Granda dos Corrais, latín vulgar currale, céltico *cor-, construción circular situada ao lado da casa que serve para
recoller o gando ou gardar carros e apeiros. Segundo Elixio Rivas, patio para o
gando. A Granda de Ouro Vello, en
Robledo de Donís, da base prerromana *or, monte, altura, e, menos probable, lugar onde abunda o ouro. Granda da Serra, en Noceda, latín serra,
cordal montañoso de pouca extensión. A
Granda Vella, no Freixo, do latín vetera,
vella, antiga. O Grandarón, na
parroquia do Castro, aumentativo de granda. Grandas de Lama, en Noceda, prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga; prado húmido,
lameiro. Grandas Longas, no Pando,
do latín longus, alusión ás
características do terreo.
GROBA DA CAL
Na parroquia de Cereixedo. Pico cunha altura de 1.319
metros. Nome proveniente do gótico groba,
fondal, desfiladeiro, depresión, paso fondo e estreito entre montes, cova. Corominas
e Pascual din que dende o gótico ou acaso o suevo mantívose localmente en
Galicia. O composto provén do latín callis,
senda, rúa, paso estreito entre dúas montañas; ou de canle, latín canale, sulco por onde discorre a auga.
En Cereixedo atópase o monte da Groba Fragosa, de fraga, latín frangere,
bosque, lugar poboado de árbores situado nun lugar montesío, accidentado e
pedroso.
O GUMIEIRO
Aldea da parroquia de Vilarello.
Fala dun lugar frondoso, cuberto de follaxe. Nicandro Ares Vázquez cre que
tamén pode ser unha variante de vimieiro (consta como Vimeeyro no ano 1282), de vimem,
-inis.
A HORTA
Núcleo de poboación da
parroquia de Lamas. Latín horta,
terreo situado preto da casa, de maior extensión ca o horto, destinado a
cultivo de verduras, legumes e outros usos.
Na aldea da Horta
atopamos tamén o Val da Horta, de vallis e horta.
Dito: “A horta de
outono mantén ao seu dono”.
IGÓN
Aldea da parroquia da Ribeira.
Debeu ser unha (villa) Iconi, pertencente
a un propietario de orixe xermánica que atendía polo nome de Ico ou Igo. Escrito Ygon no ano
1309, e Eygon no 1384.
A IGREXA
Así
adoita identificarse o lugar onde se ergue a igrexa parroquial. Vén do latín
vulgar eclesia, asemblea, edificio
consagrado ao culto cristián. No concello de Cervantes todas as parroquias
contan co seu templo. Para saber máis sobre as igrexas do concello pódese ver a entrada neste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Relixioso.
LABRADA LONGA
LABRADA LONGA
Na parroquia de
Quindous. O primeiro elemento fai mención aos traballos realizados na labranza
e á creación de novas fincas. Terra de cultivo. Mais, segundo Kajanto, pode sinalar
unha (villa) Laborata dunha persoa
que atendía polo nome de Laboratus. A
segunda parte do topónimo vén do latín longus,
longo, referido ás características do terreo.
En Corneantes está a Labradoa, e en San Pedro de Cervantes As Labradas.
Lugar da parroquia do
Castelo. Indica o lado dunha montaña ou dun outeiro, que é un terreo en costa.
Pendente que está en ladeira, de lado.
LAGO FORRÓN
Trátase dunha lagoa
situada na parroquia de Cereixedo, a 1.569 metros de altitude sobre o nivel do
mar. Se resulta nidia a primeira parte do topónimo que traduce o latín lacus, lago, máis complicado é coñecer a
etimoloxía do composto, nome que lle podería vir por seren unha lagoa
estacional, que “aforra” auga e que só a
ten cando chove.
De lacus proveñen a Campa da Lagúa, en Vilarello. Chan
de Lagares, aldea da parroquia de San Pedro de Cervantes. O Pico dos Lagos, na parroquia de Donís,
lindeiro coa provincia de León. O Pico
da Lagúa, en Cereixedo.
Ao redor de lagos e
lagoas tecéronse un elevadísimo número de lendas que falan de vilas asolagadas,
castigo inflixido pola divindade pola falla de caridade dos seus habitantes.
Nalgunhas lagoas apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre
que os nosos antergos considerábannas lugares sagrados, de aí que lle
depositaran ofrendas.
LAMAS (SAN XIAO)
Nome
da parroquia. É a de menos extensión do concello, con 1,75 quilómetros cadrados.
Plural de lama, prelatino lama, masa
branda ao se mesturar a terra con auga; prado húmido, lameiro. O patrón da
parroquia, San Xiao, Sanctus Iulianus,
naceu en Antioquía (Siria). Convertido ao cristianismo, foi perseguido e
apreixado polo gobernador Marciano quen, pola imposibilidade de que renegara da
súa fe, ordenou decapitalo. No século X a freguesía de Lamas foi
agregada á diócese de León, regresando á de Lugo despois dun longo preito.
Botando man,
outravolta, do Diccionario de Pascual
Madoz, os camiños que discorrían pola parroquia de Lamas atopábanse en regular
estado de conservación, e o correo recibíase de Becerreá. Producíanse patacas
centeo, nabos, castañas, trigo, viño, liño, legumes e froitos. Criábase gando
vacún, de porco e lanar. Cazábanse lebres, xabaríns, perdices e corzos. Había
muíños fariñeiros e teares.
Sobre
unha mesma base agrúpanse a Fonte de
Lamagrande, na parroquia de Cereixedo. A
Lama, unha aldea da parroquia de Noceda. Lama de Rei núcleo de poboación da parroquia do Mosteiro, cuxo
último elemento coidamos que non fai referencia ao soberano ou monarca que
goberna un territorio, senón a un propietario medieval de nome Reiricus, dunha (villa) Reirici. En Galicia chamaban rei ao fillo de pai
descoñecido, acollido logo nunha inclusa. Nicandro Ares di que o apelativo lama, determinado por rex, regis, rei, pode indicar que foi
unha vila reguenga. As Lameiráns, en A Barra. O Lameiro, en San Martiño das Cañadas e
O Mosteiro. O Teso das Lamas, na
parroquia de Vilaquinte, e Os Corros da
Lama e As Grandas da Lama, na
parroquia de Noceda.
LAMATREMA
Montes das parroquias
de Quindous e Vilaver. Quizais de tremula
lama. Elixio Rivas identifica o vocábulo trema cun tremedal, cun sitio
tremoso batido polo vento.
LAMOUTA
Sitio da parroquia de
Vilaspasantes. Semella traducir o prerromano lama, masa
branda ao se mesturar a terra con auga, e o latín altus, alto, referido a un lugar lamacento situado nun lugar
elevado.
LAVANDEIRA
Monte en Vilar de
Cucos, parroquia de Vilasante. Cabeza Quiles recolle a hipótese formulada por
Rivas Quintas explicando o topónimo como proveniente da raíz preindoeuropea nava, chaira entre montes, valgada,
auga, conclusión á que chega, polo demais, Joseph M. Piel que o interpreta como
prado húmido. Para Nicando Ares Vázquez vén do latín medieval lavandaria, de lavare, lavar. Por outra banda, a lavandeira é un paxaro pertencente
á familia dos motacílidos, de peteiro e patas finas, cor gris-verdosa no lombo
e branca ou amarela no pico. No eido da superstición, a lavandeira, xunto coa
dona, a serea e a virxe, é un espíritu das augas que lavaba as roupas
ensanguentadas dunha persoa próxima a morrer.
AS LEIRAS
Na parroquia do
Castro. Provén do céltico lar que deu
o vocábulo latino larea ou glarea, leira, herdade,
terreo labradío ou cultivado. A palabra leira xa aparece documentada no século
X en Celanova, e no século XI en Oseira. No
1170 lese no mosteiro de Celanova a forma contaminada leria.
A segunda parte do Muíño de Leirado, xunto o regueiro de Leirado, na parroquia de
Vilaver, quizais teña a mesma orixe etimolóxica que leira, mais pode referirse a
un home que atendía polo nome de Larinatus,
o seu propietario.
O LINDEIRO
Microtopónimo situado
na Freita, parroquia de Cereixedo. Franxa de terreo que serve de separación
entre fincas labradías de distintos donos; ou campo con herba onde se levan as
vacas a pacer. No lindeiro xuntábanse mozos e mozas para ir xuntos ás festas e
outros eventos.
Dito: “Ben parece o
lindeiro entre eu e o meu compañeiro”.
MADRE DE AUGA
Na parroquia de
Noceda. No lugar consérvanse unhas covas de onde se extraía o ferro. No presente caso, o vocábulo madre pouco ten que ver do que unha muller
é para os seus fillos, ou a femia dun animal para as súas crías. Deriva de mater aquae, referido ao nacemento dun
manancial, canle dun río ou presa de auga. Mais coidamos que aquí non resulta
descabelado que nos adentremos no terreo da mitolxía e relacionar o topónimo
coas tres Matres Gallaiciae célticas.
A Nai galega é unha deusa trinitaria, baixo cuxa protección se colocaban os
nosos antepasados, designándoas co nome do terreo que ocupaba cada tribo,
trinidade divinal que dende a antigüidade está presente no panteón galego. En
Coruña del Conde, provincia de Burgos, territorio da antiga Gallaecia, atopouse un epígrafe de hai
dous mil anos que Murguía leu do seguinte xeito: “T. Fraternus-Matribus-Gallaicis-v. s. l. m.”, cuxa tradución pode
ser: “Tito Fraterno pagou do boa vontade o seu voto as Madres Galegas”.
Deidades que eran avogosas da fertilidade e da prosperidade, atinxindo as
virtudes sandadoras doutras divindades acuáticas e que estaban vencelladas aos
mananciais mineiro-medicinais.
A auga sempre estivo moi presente nos rituais e nas
crenzas das xentes do concello de Cervantes. Nos meses de
febreiro e marzo non se botaba a auga nos campos porque as augas estaban
"preñadas", é dicir, cando a auga está queda, que non flúe. Segundo
outros chámanse "preñadas" porque neses meses traen como unha especie
de "moco" parecido ao que botan as vacas pola matriz cando se están
purgando. Por iso nese período do ano os campos só se regaban coa auga das
fontes, pero non coa dos ríos e regueiros ata o mes de abril. Despois de quedar
"preñada" a auga, tamén quedará preñada a terra, que antes se purgou.
Nos Ancares distinguen entre as augas boas e doces e as malas e bravas; as
fontes de onde saen as primeiras están case todas na montaña, e dise que a súa
auga é boa para "coller sangue"; as do pobo son sempre consideradas
máis bravas. A auga que mana das rochas da montaña purifica e fecunda a terra.
MALLADA DO MUSTALLAR
Situada
na parroquia de Donís. O primeiro elemento, segundo Eladio Rodríguez (1958) e
Franco Grande (1972), faría alusión a unha xornada curta para mallar algúns
cereais que soe facerse ao rematar cada eirada. Constantino García Álvarez
(1985), sendeiro na neve. Mais nós quedámonos coa explicación achegada por
Carré Alvarellos (1979), como un lugar onde se recolle o gando durante a noite
e que serve tamén de albergue aos pegureiros, e pola formulada por Elixio Rivas
Quintas (1988) que fala dunha cabana de gandería e o espazo que ocupa no campo,
palabra moi usada mentres existiu tal realidade entre os séculos XVI e XVIII
onde se falaba de "tres, catro, seis malladas de gando". A palabra
mustallar ou mostallar reflicte un terreo plantado de mostallos, sorbus aria, árbores da familia das
rosáceas, de madeira dura, que se utilizaba para facer os mangos das machadas,
que prefire os terreos calizos e altos e adáptase ben a climas fríos.
Na
mesma parroquia está a Mallada de
Piornedo (ver Piornedo), onde se pode admirar unha
fervenza e un bosque de acivros. Na
parroquia de Cereixedo atópanse os Penedos
da Mallada, co primeiro elemento derivado do céltico penn e do latín pinna.
MANEL
Sitio localizado en
Igón, na parroquia da Ribeira. No caso de que non esteamos diante dun monte
pertencente a un home de nome Manuel, poderiamos crer que é unha deturpación de
monel ou monelo, un diminutivo persoal de Munnus
(Munio) co sufixo –ellus do latín
vulgar.
O MARCO
Na
parroquia do Castro. O nome vén do xermánico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. Na
Idade Media os límites territoriais definíanse mediante marcos que en moitas
ocasións eran mámoas, pedrafitas, petroglifos, castros, etc. Ferro Couselo e
Florentino Cuevillas, entre outros, xa constataron que as mámoas foron
utilizadas como puntos de referencia nas demarcacións ao longo da historia. O
primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos
como marcos é o Parochiale Suevorum,
do século VI. Tamén se pode vencellar co antropónimo Marcus.
No
concello coinciden con este topónimo O
Chao do Marco, do latín planus, a, um;
a Fonte do Marco, en San Tomé de
Cancelada, do latín fons, fontis; O Marco do Coto, en Vilartote, do
prerromano *cott, altura; o Marco da Campiña, entre Moreira
(Cervantes) e Murias (Navia de Suarna), con coviñas insculpidas, posiblemente
de factura humana; e o Marco do Pozo ou
de Xunquiñas, na parroquia de Donís, lindeiro coa provincia de León, de iuncus, xunco e puteus, pozo. A respeito deste marco cómpre facer algunhas aclaracións. Aínda que na cartografía oficial figura cos dous nomes, mais como se se tratara do mesmo, o amigo José Fernández ("José de Vilarín"), de Murias de Rao, en Navia de Suarna, achegoume un documento sobre un preito do ano 1788 no que amosa que se trata de dous fitos distintos: o Marco de Xunquiñas ou do Camín, que delimita o monte da Cespedosa, en Cervantes, do monte de Murias, en Navia de Suarna. O marco aparece con dúas "pintadas" para sinalizar un couto de caza, actuación lamentable sobre un ben patrimonial. O Marco do Pozo, que na actualidade separa a provincia de León do concello de Cervantes, actuaba como marco das aldeas de Poso e Moreira (Cervantes), Murias (Navia de Suarna) e Suárbol (León).
A MATEGA
En Dumia. Lugar
poboado de matas, latín tardío matta,
plantas de pouca altura con moitas ramas que saen do chan. Matagueira.
Na parroquia de Vilapún
temos Matamá, que, aínda que resulta
un topónimo bastante opaco, semella estar composto polo vocábulo mata ou mato e
o adxectivo mala, matta mala, terra
improdutiva.
O MAZO
Núcleo de poboación da
parroquia de Donís. Do latín mateum.
En principio é un martelo grande, de madeira ou ferro, que logo se asociou a un
artefacto accionado por unha corrente de auga para bater o ferro. Topónimo
frecuente onde houbo antigas ferrarías.
Concordan con este
topónimo O Mazo de Cancillós (ver
Cancillós), xa documentado no ano 1752, e a aldea de O Mazo de Doiras, cun segundo elemento que semella corresponder cun
sufixo céltico *au-, auga, río, ou talvez
do tamén céltico dorum, porta. O mazo
que había en Doiras acabou converténdose nunha mini central hidroeléctrica.
A MEDORRA
Leva
este nome un monte da parroquia de Lamas, situado a 878 metros de altitude
sobre o nivel do mar, na actualidade coroado por unhas antenas de telefonía.
Medorra amosa un sufixo prerromano, mais a base semella estar no latín meta, meda, pola súa configuración
cónica. É unha variante de mámoa, latín mammula,
monumento prehistórico en forma de teta, meda ou túmulo que sinala o lugar dun
enterramento megalítico. O Megalitismo, do grego megas, grande, e lithos,
pedra, desenvolveuse en Galicia a partires do V milenio a. C., acadando o
máximo apoxeo no III milenio, e mantendo o seu uso ata o 1500 a. C., xa na
Idade do Bronce. Esta cultura caracterízase pola construción con grandes pedras
destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios o que se traduciu nun fenómeno
nunca visto ata entón: a humanización da paisaxe. O vocábulo medorra é un dos
máis de trinta nomes polo que coñecen en Galicia os enterramentos megalíticos. Para saber máis sobre as mámoas e medorras do concello pódese ver a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Relixioso.
AS MESTAS
AS MESTAS
Topónimo localizado na
parroquia de Cereixedo. Do latín mixtus.
Carré Alvarellos di que son as cousas que están moi xuntas, coma os toxos nunha
toxeira.
O regueiro das Mestas discorre pola mesma parroquia.
MONTE DAS CASAS DO RÍO
Do latín mons, montis, terreo sen cultivar no que medran árbores, arbustos e outro
tipo de vexetación, e de casa e rivus, nomes que non ofrecen dificultade
fonética.
No concello correspóndense
en parte con este topónimo o Monte da
Cespedosa, na parroquia de Donís, a 1.464 metros de altitude, alusión a un
lugar abundante en pasto. Monte Cotrón,
en Vilapún, un aumentativo de coto, prerromano *cott, altura. Monte da
Degrada (ver A Degrada). Monte da
Fiosa, en Cereixedo, a 1.422 metros de altitude, que Xosé Luis Franco
Grande relaciona cun lugar resgardado preto dos cumes, a veces coincidente cun
prado. Monte de Fontes, en Quindous,
do latín fons, fontis. Monte dos
Formigueiros, en Vilapún, de formica,
formiga. Monte de Mosteiro, na
parroquia do mesmo nome (ver O Mosteiro). Monte
Navallos, en Vilasante, partícula prerromana *nav, concavidade do terreo ou depresión montañosa. Monte Nobreñal, en Donís (ver
Nobreñal). Monte do Oural, en San
Pedro de Cervantes, cuxo segundo elemento pode conter varios significados.
Aínda que nos inclinamos por unha base prerromana *or, monte, altura, tamén pode suxerir un lugar onde abunda o ouro,
ou do latín aura, vento, referido a
un lugar ventoso. Monte de Paderne
(ver Paderne). Monte de Paradela, na
parroquia do Vilasante, do verbo latino parare,
parar, referido a un descanso no camiño ou parada orográfica. Monte Pintinidoira (ver A
Pintinidoira). Monte de Ribón, en
Cereixedo, variante de ribada, porción de terra con algún declive, cuberta de vexetación
espontánea; terreo de pedra ou terra que serve de linde entre dúas leiras.
Caridad Arias faino derivar dos elementos rivus
e bonnus. Montes de Robledo, na parroquia de Donís, cuxo composto equivale a
reboredo, reboretum, de robur, carballo. Monte do Tesouro, en Donís, do latín thesaurus, un monte que agocharía un tesouro real ou imaxinario. Monte Treitoiro, en San Pedro de
Cervantes, do latín traiectum, paso
entre montes. Monte da Vara, en
Cereixedo (ver A Vara).
MOREIRA
Núcleo
de poboación da parroquia de Donís. Arbusto que dá as moras ou amoras, grego morea e latín morum, froito, segundo os antigos, moi relacionado coa divindade,
pois pasa na súa vida polos tres estados: verde, vermello e negro, como o Sol
no seu percorrido polo espazo (amarelo, vermello e, cando desaparece, negro).
As follas da moreira utilízanse como alimento do verme da seda; os seus froitos
doces son comestibles.
Marcial
Valladares Núñez (1884) di que a moreira branca, morus alba, era case
descoñecida en Galicia ata que se implantou nas provincias galegas a partires
do ano 1851, quizais coa finalidade de propagar a cría do verme da seda.
Pola
aldea discorre o río Moreira.
AS MORTEIRAS
Monte da parroquia de
Cereixedo que se ergue a 1.345 metros de altitude sobre o nivel do mar, lindeiro
coa provincia de León. Trátase dun bosque mixto caducifolio caracterizado por
ter abundantes zonas húmidas e sombrizas o que o fai ideal para o crecemento do
acivo. Significa anaco de herdade adicada a plantación de legumes e hortalizas.
Partes nas que se divide unha horta. Tamén monte vello, situado nas cabezas dos
vales. Segundo Carré Alvarellos, a morteira é unha enfermidade que consiste no
cansazo de todo, perder o apetito, non durmir, sen gusto pola vida.
O MOSTEIRO (SAN XOÁN)
Nome
de parroquia, ten unha extensión de 8,06 quilómetros cadrados. Vén do latín monasteriu e do grego monastérion, residencia solitaria, casa
ou convento onde viven os monxes en comunidade. Monxe deriva do grego monackhos, solitario, que en latín deu monachum, persoa que fixo votos
relixiosos e vive en comunidade con outros membros da mesma orde. A igrexa de
San Xoán asenta sobre un primitivo mosteiro documentado no século VII e que
logo disque pertenceu á orde beneditina, mais tamén ao Temple. Segundo Andrade
Cernadas, o monacato comeza na Gallaecia
no século VI con San Martiño de Dumio. No século VII xurden, con Froitoso de
Braga, as regras monásticas de traza oriental. A partires do século IX os
mosteiros galegos achéganse, con San Rosendo, á regra bieita. Coa chegada do
Císter, que nace como reacción aos excesos dos cluniacenses, muda o panorama
monástico. O monacato, con diversos altibaixos ao longo da súa historia,
perdurará ata mediados do século XIX, cando a promulgación dos decretos de
Exclaustración e Desamortización que supuxeron o abandono das instalacións e a
súa ruína. O nome de San Xoán provén de San
Iohannis, nome de orixe hebrea que significa “Deus é propicio” ou “Deus é
misericordioso”.
No Diccionario de Madoz chama a atención as
enfemidades que padecía a veciñanza no século XIX, onde se salienta un mal
ocasionado por febres nerviosas e putrefactas. Di que a igrexa de San Xoán foi
un antigo mosteiro de templarios. O terreo era de boa calidade e que polo
término discorría o Camiño Francés que se atopaba en mal estado de
conservación. O correo recibíase dende O Cereixal. Producíase centeo, patacas,
trigo, viño, millo, liño, castañas, hortalizas, legumes e froita. Criábase
gando vacún, lanar, de porco, cabrío e mular. Había caza maior e menor, e nos
ríos pescábanse troitas e anguías. Tamén tiñan teares e dous muíños fariñeiros.
Pola
documentación medieval pódese deducir a posible existencia doutros cenobios
ubicados en terras de Cervantes. Para saber máis sobre os mosteiros do concello pódese ver a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Relixioso.
O MUÍÑO
O MUÍÑO
Así
adoita denominarse o lugar onde se atopa esta construción. O nome deriva do latín
molinu, de molere, alusión a pequenas construcións hidráulicas movidas pola
forza da auga. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada,
reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira,
a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a
acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que
compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa,
cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé,
quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. Polo xeral non eran dun só
propietario, senón que os veciños dispoñían deles por quendas. Había quen posuía
o dereito a un día de moenda e quen se beneficiaban de varios muíños, o cal
indica que se adicaban a moer para outros a cambio da chamada maquía, unha porcentaxe de fariña coa
que se quedaba o muiñeiro a cambio do seu traballo. Dende mediados do século
XVIII non sufriron practicamente cambios, agás a substitución do teito de colmo
polo de lousa. Ao principio, a fariña había que cribala aparte, pois non a
había no propio muíño, e o gran transportábase en foles de cabra, que evitaban
que se mollara cando chovía, e xa nunha etapa máis tardía, tanto o gran como a
fariña levábanse en sacos.
Na
aldea de Airoá, parroquia de Cereixedo, está o Muíño de Airoá. En Vilanova do Pedregal, na parroquia
de Noceda, a Casa do Muín, do latín casa e molinu, unha variante dialectal de muíño. O Muíño de Leirado, en Vilaver, cuxo composto deriva do céltico lar que deu o vocábulo latino larea ou glarea, leira, terreo labradío ou cultivado, ou se cadra do
antropónimo Larinatus. Muíño dos Olmos, en Olmos (ver Olmos). Muíño de Suvila, en San Pedro de
Cervantes, un muíño situado debaixo da vila, latín sub illa villa. Muíño da
Veiga, en Vilarello, do prerromano *baika,
terreo sempre húmido, chan e fértil. Muíño
Veiga do Curral, na parroqia de Cereixedo, cuxo último elemento vén do
latín vulgar currale, céltico cor-, construción circular situada ao
lado da casa que serve para recoller o gando ou gardar carros e apeiros.
Ademais
dos anteriores, o Interrogatorio do
Catastro de Ensenada (1752) fala da existencia dun muíño fariñeiro na parroquia
do Castelo, tres na do Castro, nove na de Cereixedo, dous na do Mosteiro, un na
Ribeira, tres na de San Román de Cervantes e oito na de Vilapún. O Diccionario de Madoz (1849) tamén cita
outros muíños fariñeiros nas freguesías de Dorna, Lamas, Noceda, San Pedro de
Cervantes, Vilaquine, Vilarello e Vilaspasantes.
NARVASÓN
Na
parroquia de Cereixedo. Parece estar relacionado coa base preindoeuropea *nar, *ner, *nor auga, isto é,
podería tratarse dun hidrotopónimo vinculado ao río, frecuentes, por outra
parte, na provincia de Lugo: Narón (Becerreá e Portomarín), Naraxa (A
Fonsagrada), Trasnarla (Lugo) ou Naraído (Trabada). Con respecto ao resto da
súa forma garda semellanza con Nervión e mesmo co francés Narbonne pero nada podemos dicir de posibles explicacións
toponímicas. Tan só lembremos que en Navia de Suarna existe o topónimo Son,
probablemente aludindo a ruídos ou onomatopeas. Narvasón, ¿fragor do río?
O NAVALÍN
Orotopónimo
localizado na parroquia de Vilarello. Partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo.
Na
parroquia do Pando está O Navallo;
en Vilasante o Monte Navallos; e Rionaval, de rivus, río, e *nav, é
unha aldea da parroquia de Vilapún.
NOBREÑAL
Monte
situado entre as parroquia de Donís e Cereixedo, a 1.526 metros de altitude
sobre o nivel do mar. Malia o inicio do topónimo Nob- ou Nor-, que
poderiamos vincular cos hidrotopónimos *nor,
tipo Nores en Galicia ou Noreña en Asturias, parece ter máis peso a existencia
do termo breña (proveniente
probablemente do céltico *brigna <
briga altura fortificada, monte), terra crebada entre penas e poboada de
maleza, espesura do bosque, mato espeso, matogueira, e máis coa presenza do
sufixo abundancial –al e co feito de
que este topónimo nomee precisamente un monte. Agora ben, á parte da súa
posible vinculación cos topónimos que aluden ás brañas, de feito unha das
acepcións de braña é terreo pantanoso e alagadizo con broza (Rivas Quintas
emparenta para as voces braña, breña unha raíz hidronímica céltica *bar, auga), non sería desbotable
igualmente unha relación con aqueles que aluden aos bruños e abruñeiros, tipo O
Briñal.
Na
mesma parroquia atópase a Pena do
Nobreñal e o regueiro do Nobreñal.
NOCEDA (San Pedro)
Nome da parroquia,
cunha extensión de 13,21 quilómetros cadrados. Deriva de noceta, abundancial de nux,
nucis, noz, o froito da nogueira (juglans
regia), nome que designa a todos os froitos de casca dura. O xénero, juglans, deriva do latín Iovis, Xúpiter, e a especie, regia, significa propio de reis.
Nalgunhas partes de Galicia a xente cre que a sombra da nogueira trae mala
sorte. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e
primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus,
pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.
O recorrido Diccionario de Pascual Madoz alúmanos
cando asegura que o clima da parroquia de Noceda era frío pero san. O terreo
era de mala calidade, e os camiños atopábanse en mal estado de conservación. O
correo recibíase de Becerreá e do Cereixal. Producíase centeo, patacas e nabos.
Criábase gando de todas as especies, prefirindo o vacún e o porco. Caza maior e
menor. Había muíños fariñeiros.
Pola parroquia
discorre o regueiro de Noceda.
NOUDELO
Aldea
da parroquia de Donís. Unha lectura de certo simplista sería relacionalo cos hidrotopónimos
*nor e xunto co sufixo diminutivo
vinculalo a regato. Hai unha serie de posibilidades a partir de étimos latinos:
nauta, navegación, auga; nodum, nó (¿alusión a cruzamentos de
camiño?); nucem > *noce > noz; nudum > nu (¿terreo espido, infértil?). Todo son suposicións
vagas. Podemos tamén advertir a certa semellanza formal entre Noudelo e Nadela.
Este vén dun suposto narelia que o
vincularía cos topónimos de raíz *nar
fonte, regato, e que á súa vez o enlazaría co dito ao principio deste
comentario. Segundo Nicandro Ares Vázquez semella un
diminutivo, detectado polo sufixo do latín vulgar -ellus, acaso *nautellus,
derivado de nauta, mariñeiro, que daría o nome Nautilus. Mais Machado di que é variante de nodel, como este o é de neutel,
alteración de leutel, igual a
Eleuterio.
ODREIRO
Monte en Vilanova do Pedregal.
Persoa que fai ou vende odres, sacos feitos de pel destinado ao transporte de
líquidos.
OLMOS
Núcleo
de poboación da parroquia de Vilaquinte. Lugar plantado de olmos, latín ulmus, que en Galicia recebe tamén o
nome de olmeiro, árbore da familia das ulmáceas que mesmo pode medrar ata unha
altura de vinte metros. O olmo é tamén a folla do liño que envolve o bagareño.
Por outra parte, o vocábulo pode facer alusión a unha terra fina, doada de
traballar.
En
Vilaspasantes está a Pena do Olmo.
ORBÁN
Lugar
da parroquia da Ribeira. Deriva dun posesor de orixe latina de nome Orbanus.
OURELEIRO
En moitas partes do
municipio nomean así á cimada, remate ou testeiro que se atopa nunha estrema ou
marxe dunha finca.
OUTEIRO
Monte da parroquia de
Noceda. Do latín serodio altarium,
sitio elevado e illado que domina un lugar chan. Segundo apunta Nicandro Ares, este topónimo nunca aparece escrito nos documentos medievais como altarium, senón aucterio, auctero, autario, oteiro..., cuxa única razón sería para non confundir o sentido relixioso altarium co simplemente topográfico. Nome recollido na súa forma actual
no século X no mosteiro de Celanova.
PADERNE
Núcleo
de poboación da parroquia de San Pedro de Cervantes. Derivado do antropónimo Paternus, de pater, pai. No Diccionario
gallego (1876), de Juan Cuveiro Piñol, identifícase co deus Saturno.
No
lugar está o Monte de Paderne.
OS PARDÍS
En Corneantes. Do
latín parietina, de paries, -etis, lugar
pechado semellante ás cortes e cortiñas situado en montes baixos onde pode
haber currais para o gando.
PADORNELO
Aldea
da parroquia da Ribeira. Diminutivo de padrón ou pedrón, derivado de petra, pedra. Lugar pedroso, rochoso. Ou
metátese de padronelo, diminutivo de padrón, latin patronus, derivado de pater,
pai, pero contaminado ás veces con pedrón, de pedra. A mediados dos anos
sesenta do pasado século, atopouse nun monte próximo un machado do Neolítico, que
dende o ano 2012 permanece exposto no Museo Etnográfico de San Román, a
primeira proba arqueolóxica deste período documentada no concello. Nun
documento do mosteiro de Carracedo do Bierzo do século XIII a aldea xa figura
como Padornelo, e noutro de Lugo como Patrunello.
O PANDO (SANTA MARÍA)
Nome
da parroquia, cunha superficie de 16,18 quilómetros cadrados. Vén do latín pandu, curvado, alusión á forma curva ou
cóncava dun terreo; terreo chan entre dúas alturas. María e un nome de orixe
hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa señora. Dise que
do Pando era Álvaro de Mendoza y Sotomayor, cardeal das Indias entre os anos
1734 e 1761, e que polo seu mandato se mandou construír un suntuoso pazo en
Lamas de Rei.
O Diccionario de Madoz achéganos que na freguesía do Pando había boas
fontes de auga. O terreo era de mediana calidade. O correo recibíase do
Cereixal. Producíase centeo, patacas e castañas. Criábase gando vacún, lanar,
de cabra, éguas e de porco. Caza maior e menor, e pescábanse troitas.
En
San Pedro de Cervantes está o monte da Pandela,
a 1.179 metros de altitude sobre o nivel do mar, un diminutivo de pando. En
Lamas temos a aldea do Pandelo, co
diminutivo en –ellus. Bautizouse co
nome de O Pando a unha aldea da
parroquia de Cereixedo e a un monte de Vilaspasantes. A Pena do Pando atópase na freguesía do Pando. Na parroquia de
Cereixedo localízase a Serra do Pando.
PASADA DO REBOLÍN
Lugar
da parroquia de Cereixedo. Referido a un paso, sitio por onde se pasa, do latín
passare, pasar. O composto é unha
variante de reboredo, unha variante dialectal propia do galego oriental, do latín roburetum, de robur, carballo, ou propiedade dunha persoa que atendía polo nome
de Reburinus.
En
Cereixedo atópase a Casa da Pasada.
O segundo elemento do topónimo Pasada da
Traba provén da voz latina tabula,
táboa, referido a un terreo chan, ou de trabs,
trabis, trabe. En Galicia tamén se
denomina “pasada” á hidrofobia, á rabia, enfermidade que teñen algúns animais
que os fan ser violentos e terlle pánico á auga, e que se pode transmitir ao
home pola súa mordedura. O regueiro das
Pasadas flúe pola parroquia de Donís.
PATAMÁN
Na parroquia de
Noceda, monte lindeiro coa provincia de León. Domingo Álvarez Álvarez (1965) di
que en xerga é o mesmo que labrego.
PAZO DE QUINDOUS
Pazo
vén do latín palatium, referencia a
unha antiga casa señorial. O termo pazo aséntase en Galicia nos séculos XVIII e
XIX. As primeiras edificacións pacegas configúranse ao redor do ano 1500 pero
apenas se conservan construcións anteriores a esa data. O de Quindous é unha
construción do século XVI. Feito en lousa, está flanqueado por dúas torres
circulares. Na fachada principal e sobre a porta da entrada aparece o escudo
nobiliar onde destaca unha árbore e unha lenda na base que di: "Soy de la Casa de Quindous fondada en esta
montaña". Cóntase que debaixo figuraba unha lenda: "Ao rei non debo nada se lle pago a cabana". Di Vázquez Seijas que tanto o pazo como a aldea tomaron o nome de Paio Quindós, casado con María Bolaño. Tiveron como fillo a Suero Fernández de Quindós, o Vello, casado con María Fernández, segundo consta na escritura de foro feita no ano 1535 ante o escribán Pedro Santín, onde por esa data xa tiñan un fillo de nome Suero de Quindós, o Novo, quen contraeu matrimonio con Urraca Matiz como figura en dúas escrituras dos anos 1572 e 1574. Alancando no tempo, segundo testamento do ano 1747, o sucesor de casa e bens recae en José Javier Quindós e Pardo de Andrade, ao que declararon herdeiro xunto cos seus irmáns Josefa, Antonia, María Antonia e Juan Antonio, así como o póstumo que dera a luz Josefa Cayetana (nai dos anteriores) que foi Pedro Quindós. No 1717, Gabriela Antonia Quindós, monxa novicia do mosteiro das Dueñas, renunciara a todas as súas lexítimas, dereitos e accións no seu sobriño José Javier, marqués de San Sadurniño, marquesado que fora concedido no ano 1688. No 1810, figura como herdeiro José María Quindós Quiroga e Freire de Andrade, marqués de San Sadurniño, vizconde de Cerdido, rexedor perpetuo e alguacil maior da cidade de Ourense, dono das fortalezas de Quindous, A Mezquita, Troncoso, Cerdido e As Somozas, e dos pazos de San Sadurniño, Baltar, San Clemente, Piñor, Mugardos e Soutomaior, como tamén doutras casas e xurisdicións.
En O Pando, está a Casa do Pazo. Do século XVI é o Pazo do Fabal. Garda unha capela posta baixo a
advocación de San Bartolomeu. Restaurado, na actualidade acolle a casa de
turismo rural Casa Solariega de Cervantes.
O Pazo
de Lamas de Rei, na parroquia do Mosteiro e do que aínda se poden ver
algúns restos, dise que foi mandado construír por Álvaro de Mendoza, cardeal
das Indias e natural do Pando. A fachada do Pazo de Pando loce unha pedra armeira. En Vilarello érguese o Pazo de Saavedra, famoso porque segundo
a tradición oral de aquí procede a liñaxe de Miguel de Cervantes Saavedra, o
autor do Quixote. Durante a Guerra
Civil foi cuartel da garda civil e cárcere. O Pazo de Vilapún pertenceu á familia Becerra Magdalena que adquiriron
o título de condes no ano 1818, por nomeamento do rei Fernando VII, que só
disfrutou un membro da familia xa que aos herdeiros non lles foi concedida a
sucesión. Na parroquia de Donís consérvase o Pazo de Vilar, con dous escudos na fachada principal; ten acaroada
unha capela. E por Noceda discorre o regueiro
do Pacio, derivado, como pazo, de pallatium.
O PEDREGAL
O PEDREGAL
Levan o nome de Pedregal dous montes das parroquias de
Cereixedo e de Noceda, o primeiro a 1.253 metros de altitude sobre o nivel do
mar, que nos informa dun terreo pedroso.
De petra,
pedra, veñen outros topónimos esparexidos polo municipio. A Alzada de Vilanova do Pedregal cuxo
primeiro elemento deriva do latín vulgar altiare,
con base en altus, alto. Na parroquia
da Ribeira temos o monte Pedredo, na
parroquia da Ribeira, co sufixo abundancial –edo. As Pedreiras, na
aldea de Drada, do latín tardío petraria que era unha via lapidibus munita, camiño empedrado que mesmo podería ter a
orixe nunha calzada romana; tamén sinalar unha canteira. O diminutivo A Pedriña atópase na parroquia do
Mosteiro. A Serra de Pedredo
localízase en A Ribeira, e a Serra da
Pedriña en Cereixedo. E en Noceda temos a aldea de Vilanova do Pedregal da que falamos máis abaixo.
O PEIZAL
Para Elixio Rivas é un
lugar labradío, ordinariamente adicado a pan. En efecto, o topónimo denuncia un
sitio abundante en paínzo, latín paniculum.
A arqueoloxía ten documentado o uso do paínzo ou millo miúdo en varios castros
galegos.
Contáronnos que en moitas aldeas antes de cocer o pan acostumábase facer unha bola coa masa e ofrecerlla á
estrela panadeira (o planeta Venus), poñéndoa na ventá. Para curar a tose
ferina levábase ao enfermo ao muíño para que aspirase o po da fariña.
A PENA
Sitio
localizado na parroquia de Ambasvías. Deriva do céltico penn e do latín pinna,
rocha que sobresae no terreo e que, por destacar sobre a súa contorna, actuaría
como punto de referencia. Para os galegos, unha pena é algo máis ca o mineral
sólido que se atopa de xeito natural na superficie ou no interior da terra.
Pola contra, nas nosas penas latexa o misterio. Nas laxes graníticas os nosos
devanceiros insculpiron os inintelixibles petroglifos; xigantescas penas
abaladoiras desafían todas as leis do equilibrio; nas innumerables penas do
altar que inzan a nosa xeografía oficiábanse prácticas relixiosas; diante dunha
pena as parellas de namorados anovaban as súas promesas mentres que outras
sandaban doenzas físicas e mentais...
Orotopónimo,
como veremos, moi abundante no municipio. A Pena Alta, en Vilapún, do latín altus.
Pena dos Barreiros, en Chao de
Vilarín, do prerromnao barro, lama,
fango. Pena de Belairo, na Serra da
Granda de Arroxo, a
1.256 metros de altitude sobre o nivel do mar, que nos fala dunha construción,
especie de choupana ou palleiro onde se gardaba a herba durante o inverno. Pena Boullosa, derivado do latín bulla, burbulla, boullón, borballón,
buleiro, terreo con auga. Dise que no ano 1942, un veciño da Freita matou neste
lugar á derradeira osa coa súa cría. Pena
Branca, en Robledo de Donís, a 1.355 metros de altitude sobre o nivel do
mar, cuxo composto deriva do latín albus.
Pena da Cortella, na parroquia de
Quindous, do latín cors, cortis,
lugar onde se encerra o gando. Pena
Corveira, zootopónimo localizado en Quindous, unha pena frecuentada polo
corvo, latín corvu, o paxaro omnívoro
asociado á mala sorte. Di Nicandro Ares que dentro da patrística cristiá, o
corvo era o símbolo do demo, do pagán ou do pecador. Pena da Costa, na Ribeira, do latín costa. Pena do Coto, en
Quindous, do prerromano *cott,
altura. A Pena dos Curros, en
Trigais, raíz de orixe prerromana cor-,
construción en forma de círculo que nun principio designaría a casoupa onde
pasaban a noite o pastor e o gando para resgardarse do mal tempo. Tamén lugar
pechado para marcar os cabalos selvaxes. Segundo algúns investigadores, o
vocábulo é unha das moitas acepcións do deus grego Cronos, fillo de Urano e
Gea, que devoraba aos seus fillos ao nacer porque temía que lle disputaran o
dominio do Universo; só se salvou Zeus. Pena
da Formigosa, a 1.244 metros de altitude sobre o nivel do mar, do latín formica, formiga. Pena do Freixo, fitotopónimo proveniente de fraxinus. Pena Furada,
na parroquia de Vilaquinte, a 1.034 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do
latín foratu, furado, por analoxía,
cova; tamén paso terrestre. Pena do Gato,
na parroquia de Noceda, a 1.066 metros de altitude sobre o nivel do mar. Non
creemos que faga referencia a unha pena frecuentada polo gato, latín felix catus ou felix silvestris, ou que teñen esa forma. Pode referirse a unha
pena onde abunda o toxo gateño (Ulex
nanus). Caridad Arias inclúe o topónimo entre os numerosísimos de toda
Europa que levan o nome da divindade do sol, masculina ou feminina, e que poden
verse transformados partindo da raíz *cat-/*cad-/*cot.
Pena Golosa, para cuxo composto non
existe consenso entre os distintos autores. Para uns deriva de gola, garganta,
gorxa, en alusión a unha canle por onde discorre a auga. Para outros faría
referencia ao oso que se come o mel dos panais das avellas. E, por último,
lugar onde existe un nacemento de auga. Pena
Lastra, en Vilarnovo, prelatino lastra,
laxa de pedra grande e plana. Pena da
Laxe, en Cereixedo, a 1.268 metros de altitude sobre o nivel do mar. O
composto deriva do céltico lagena e
do latín lagea, pena de grandes
dimensións coa superficie lisa e longa. Penalonga,
latín penna longa, lindeiro coa
provincia de León, a 1.898 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pena Moída, en Vilartote, do verbo
latino molere, alusión a unha pedra
escachada, ou do latín mollire,
amolecer, suavizar. Pena dos Mouros, de
cuxo composto falamos noutra entrada. Pena
de Murias, na parroquia de Cereixedo, a 1.213 metros de altitude sobre o
nivel do mar. Murias deriva do latín murus,
muro, terreo cercado de pedras. Pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario galego
(2001), di que é un muro antigo grande. Pena
do Nobreñal, en Donís (ver Nobreñal). Pena
da Novia, entre Bustelo, parroquia do Castro, e Trigais, parroquia de San
Pedro de Cervantes. Segundo nos contou Anuncia, do mesón de Catroventos, xunto
a pena casou unha moura que custodiaba un tesouro. Pena do Olmo, en Vilaspasantes, do latín ulmus. Pena do Oso, en Piornedo, a 1.161 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pena frecuentado
polo oso, latín ursus. Pena dos Palleiros, en Vilaspasantes, que
nos fala dunha morea grande de herba seca ou palla, latín palea, que se coloca na eira en forma de cono para que non lle
entre a auga, e que se usa para dar de comer ou facer a cama do gando. Pena do Pando, do latín pandu, reflicte unha forma curva ou
cóncava. Pena Picón, na parroquia da
Ribeira, lindeira co concello de Navia de Suarna. Aumentativo de pico, latín beccu, que denuncia unha pena
puntiaguda. Pena Puída ou Pulida, en Dorna, do verbo latino polio, polire, puír, alisar. No Diccionario
da Lingua Portuguesa, J. P. Machado dálle o significado de pedra branca. Pena Purreira, en A Ribeira, purreiro,
po, tamén viveiro de coles. Pena do Rego,
en Riamonte, parroquia de Vilarello, do latín rigu. Penarrubia, na
parroquia de Cereixedo, pico lindeiro coa provincia de León, situado a 1.822
metros de altitude sobre o nivel do mar. Pode facer alusión á cor vermella ou
rubia, latín rubeus, que por algún
proceso de oxidación adquiriu esa cor, ou do adxectivo rupeus, rochosa. É menos probable que o composto veña do nome de persoa
Rubidus. Pena do Santo, na parroquia de Dorna, monte a 1.403 metros de
altitude sobre o nivel do mar, nidia referencia a unha pena sacralizada. Deriva
do latín penna e sanctu. Ver a entrada neste mesmo blogue, A Pena do Santo. A Pena da Sombra, en Bazal; Javier Fernández García dinos que actuaba coma un reloxo para os veciños, cando se pousaba a sombra sobre ela indicaba que se aproximaba a noite. Pena Tallada, no
Fabal, do latín vulgar taleare,
tallar, pena tallada, cortada, separada. No lugar, onde hai un castro, vese
unha pena cunha fenda de máis de 15 metros, de aí o nome. Pena da Valiña, na parroquia do Castro, diminutivo de val, latín vallis. Pena do Vilar, en Vilarello, do latín villare. Pena do Viño,
en San Pedro de Cervantes, que debe o nome a unha pena situada xunto a actual
estrada local onde se poñían os veciños con garrafóns de viño, latín vinnum, para vendelo aos que pasaban
polo lugar. Penales de Ortigoso, en
Donís, a 1.537 metros de altitude sobre o nivel do mar, cuxo segundo elemento
vén de ortiga, latín urtica, a planta
cuberta duns peliños que, ao tocala, producen un proído na pel. Penas dos Campuzos, en Moreira, a 1.248
metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín campus, campo. Penas da
Chispa, en A Ribeira, alusión á partícula que salta do lume ou de calquera
corpo que o contén. Nalgunhas partes de Galicia levan este nome unhas penas
situadas no cume dun monte que adoita ser máxico ou sagrado. Unha muller
natural da parroquia, que na actualidade reside en Lugo, contounos que lle
chamaban así porque alí paraban os raios durante as treboadas, atraídos polo ferro
que hai debaixo. Penas da Chousa, en
Vilarello, do latín clausa, referido
a unha finca pechada, cercada, que nada ten que ver co castelán choza. Penas do Comeal, lindeira coa provincia de León, a 1.261 metros de
altitude sobre o nivel do mar. O composto é unha variante de cumio (ver O
Cumial). Penas de Freixedo, en
Cereixedo, un sitio de fraxinus,
freixos, co sufixo de abundancia -etum.
Penas do Lobo, en Borzoado, a 1.330
metros de altitude sobre o nivel do mar. O lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos: quen o
mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. O mítico
depredador protagonista de tantas lendas, animal obxecto de culto primeiro e
logo besta maldita perseguida ata case o seu exterminio a partires da Idade
Media. Penas do Rebolín, na
parroquia de Cereixedo, a 1.622 metros de altitude sobre o nivel do mar. Variante
de rebolo, de robur, carballo.
Nicandro Ares Vázquez di que tamén pode derivar do nome persoal Reburinus, presente na epigrafía do
Noroeste peninsular. Penas de Saín, na
parroquia de San Tomé de Cancelada. O saín é o aceite de peixe ou da graxa do
porco para o alumado doméstico. Frei Martín Sarmiento dicía, no 1762, que a súa
luz era menos nociva, xa que o aceite de sardiña era máis delicado e suave ca o
da balea. Ou quizais do árabe sálima,
estar a salvo, que daría o nome persoal Sálim.
Penas dos Suscalangros, en Donís,
pode identificar algo delgado, fraco, especialmente referido a bois e vacas;
tamén un lugar de difícil acceso. Composto precedido polo prefixo sub, debaixo de. O Penedo, nas parroquias de Vilarello e Vilaquinte, de pena, prerromano
penn. Penedo da Campa, derivado de campo, latín campus, pero de extensión máis ampla; nalgunhas partes de Galicia
chaman así á lousa que cubre un sepulcro. Penedo
da Freita (ver A Freita). Penedo
Fuchán, en Noceda, a 1.531 metros de altitude sobre o nivel do mar. O
composto semella denunciar un lugar onde hai unha cova, gruta ou caverna
(fucho). Penedo Grande, en Moreira,
a 1.164 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pena de grandes dimensións que
actuaría como punto de referencia. Penedo
do Moudro, en Donís, (así figura na cartografía), non sabemos se se trata
dun erro ortográfico no canto de mouro, ou se terá algo que ver coa divindade
céltica Modro. Penedo Picón, en Cabana Xaraz, do latín beccu, pico. Penedo da Prida, do participio latino prodire, costa, pendente. Penedo da Trapa, na parroquia de
Vilaquinte, do prerromano *trap ou *tramp, trampa para cazar feras. Ou acaso
un asentamento da orde monástica do Císter, reformada no século XVII polo abade
Rancé, os coñecidos como trapenses. Penedo das Uces, no Pando, do latín ulex, ulicis, uz, arbusto utilizado para
facer carbón para as fraguas. As flores aromáticas utilizábanse, mesturadas con
aceite, para quitar as pencas. Os
Penedois, en Cereixedo, lindeiro coa provincia de León, a 1.754 metros de
altitude sobre o nivel do mar. Plural de penedo. Variante do galego oriental. Os Penedos, en Vilapún, plural de
penedo. Os Penedos da Mallada, en
Cereixedo (ver Mallada do Mustallar). Os
Penedos de Donís (ver Donís). Penedos
dos Golados, en Vilapún, do latín gula,
garganta, paso estreito entre montes. Os diminutivos A Penela, en Pradela, e As
Peniñas, en Vilasante. A Penouta,
en Donís, do latín penna alta, pena
alta, picouto.
PENAS DAS
MULLERES
Situadas no
monte das Casas do Río. Un veciño desta aldea contounos que o nome débese a que
en tempos que ninguén lembra unhas mulleres, latín mulier, -eris, da aldea
de Folgoso que transitaban polo camiño que discorría xunto as penas víronse, de
súpeto, arrodeadas por unha manda de lobos. Desesperadas, e cando os lobos xa
estaban a poucos metros, alzaron a vista cara o único sitio onde podían atopar
a salvación. Sen pensalo dúas veces, gatuñaron polos altas penas ata quedar a
salvo.
PEREIRA
Aldea da parroquia do
Castelo. O composto pode facer referencia tanto á pereira brava (pyrus cordata) como á pereira cultivada
(pyrus communis). Gonzalo Navaza di
que pereira e pereiro poden ser, nalgún caso, variantes de pedreira e pedreiro.
Concordan con este
topónimo a Chan da Pereira, en Vilasante, cun primeiro elemento
que vén do latín, planus, a, um. En
Cereixedo está a Casa
do Pereiro e O
Chao do Pereiro, alusión á arbore citada, ou a un sitio elevado, por veces
pedroso.
AS PESQUEIRAS
Na parroquia do Pando.
Do latín piscare, pescar. Antigas
construcións para pescar consistentes nun aparello, a xeito de funil, que se
colocaba no río entre dous poios (bloques de pedra). Presa formada para levar a
auga fóra da canle do río para efectuar alí a pesca con redes. Para Elixio
Rivas Quintas tamén son unhas presas de río para levar auga a un muíño ou para
regar.
PICO DO AGULLEIRO
Na parroquia de Donís,
a 1.684 metros sobre o nivel do mar. Pico deriva do latín beccu, punta, cumio dun monte. A agulleira, geranium molle, é o nome vulgar dunha serie de plantas herbáceas,
con froitos agudos como a agulla que medra en todas partes, mesmo sobre as
rochas; as súas flores posúen propiedades medicinais e astrinxentes. malia o
anterior, cremos que aquí leva o nome pola semellanza cunha elevación en forma
de agulla.
Como acontece coas
palabras alto e teso, por tratarse dun concello montañoso, o vocábulo pico
forma parte dun número importante de topónimos. Cal do Pico, na parroquia do Castro, do latín callis, rúa ou paso estreito entre montañas, ou acaso do latín canale, canle de auga. Chao do Pico, en A Ribeira, de planus, a, um. Fonte Souto dos Picos, de fons e saltus. Pena Picón, en A
Ribeira, aumentativo de pico. Na parroquia de Cereixedo, a 1.038 metros de
altitude sobre o nivel do mar, atópase o Pico
da Arqueira que se pode relacionar co latín arca, enterramento megalítico prehistórico, ou co nome persoal Arcarius. En Pontorrón temos o Pico de Basella, situado a 846 metros
de altitude. A 1.650 metros de altitude, en Cereixedo, está o Pico dos Bois que, no presente caso,
nada ten que ver co animal mamífero, rumiante, da familia dos bóvidos, bos, bovis,
tan común en Galicia e utilizado para tirar do carro ou do arado. Hai que
retrotaelo a unha base precéltica *boi,
pedra. Polo tanto, o topónimo habería que interpretalo como un pico pedroso.
Aínda que cremos que non é aplicable aquí, Bos
foi tamén un nome persoal. Pico da Campa,
na parroquia de Vilaquinte, a 1.083 metros de altitude, do latín campus, campo, pero de extensión máis
ampla. Nalgunhas partes de Galicia chaman así á lousa que cubre un sepulcro. Pico das Charcas, en Cereixedo, no
límite coa provincia de León, a 1.847 metros de altitude, que fai alusión a un
charco, auga acumulada nunha focha no chan. Pico do Coto, en Dumia, do prerromano *cott, altura, prominencia, lugar domiannte, unha repetición do
primeiro elemento. Na parroquia de Cereixedo, a 1.741 metros de altitude, está
o Pico da Fiosa que, segundo o Diccionario galego-castelán (1972) de
Xosé L. Franco Grande, chámase fiosa a un lugar resgardado preto dos cumes, a
veces coincidente cun prado. Pico da
Folgueiroa, en Dorna, a 1.018 metros de altura, de filicaria, co sufixo diminutivo -ola, referido a unha pequena folgueira. Pico da Labrada, na Ribeira, que nos fala de traballos realizados
na labranza e á creación de novas fincas, ou posesión dun home chamado Laboratus. Pico dos Lagos, na parroquia de Donís, a 1.876 metros de altitude,
do latín lacus. Da mesma procedencia
ca o anterior é o Pico da Lagúa, na
parroquia de Cereixedo. Pico Lanza,
en Donís, a 1.879 metros de altitude sobre o nivel do mar. Quizais de lanza, do
latín lancea, voz de orixe celtíbera,
a arma arreboladiza, pola característica máis ou menos puntiaguda do monte, ou
do antropónimo Lancius. O Pico
da Legua, nas parroquias de Cereixedo e do Pando, que suxire unha antiga
medida itineraria equivalente a algo máis de cinco quilómetros. O Pico Mustallar, tamén na parroquia de
Donís, lindeiro coa provincia de León e situado a 1.935 metros de altitude
sobre o nivel do mar, que fai alusión a un terreo plantado de mostallos, sorbus aria, árbores da familia das rosáceas
de madeira dura que se utilizaba para facer os mangos das machadas; prefire os
terreos calizos e altos e adáptase ben a climas fríos. Pico de Pedredo, que denuncia un cume pedroso, do latín petra co sufixo de colectividade –edo. A 903 metros de altitude sobre o
nivel do mar temos o Pico de Rasellas,
en Vilapún, do latín rasus cun sufixo en –ela formando un diminutivo de rasa que
significa páramo, lugar sen vexetación, ou plano, liso, libre de atrancos. O Pico da Serra, na parroquia de
Vilaquinte, latín serra. O Pico do Terredo, no Pando, lindeiro
co concello de Navia de Suarna, érguese a 1.236 metros de altitude sobre o
nivel do mar. Procede do latín terrenum,
derivado de terra. X. L. Franco Grande, no seu Diccionario galego-castelán (1972), di que terredo é unha especie
de planta, tamén chamada leiburín. O Pico
de Tres Bispos está a unha altitude de 1.795 metros. Segundo a tradición,
recebe o nome porque nel se reunían os bispos das dióceses de Lugo, Astorga e
Oviedo. Topónimo metafórico que máis que sinalar a presenza dos tres prelados
no lugar, sinalaba a confluenza das dióceses citadas. Bispo vén do greco-latino
episcopus que significa supervisor.
En Tres Bispos nace un val glaciar onde podemos observar un amplo circo cuberto
de colados de bloques. O composto do Pico
do Viso, en Pradela, traduce ao latín visu,
contemplar dende un lugar elevado e dominante. Os Picos é unha aldea da parroquia de San Tomé de Cancelada, claro
plural de pico. Os Picos da Torre
atopámolos a 1.107 metros de altitude, na parroquia de Donís. O composto, do
latín turre, non sempre sinala unha
construción defensiva ou de vixiancia, tamén fala de lugares elevados dende o
que se domina unha ampla panorámica. Elixio Rivas emparenta a forma latina turre coa raíz céltica *tor, monte, rochedo. En A Ribeira localízase
O Piquín, que pode ser un diminutivo
de pico (aquí unha variante propia da Galicia oriental), ou falarnos dun
propietario de orixe latina que atendía polo nome de Piccinus. O Souto dos Picos
está en San Tomé de Cancelada (ver Souto).
PICO DE CHAO PIERO
PICO DE CHAO PIERO
Por resultarmos o
último elemento unha palabra bastante escura, traemos a un aparte este pico
lindeiro co concello das Nogais, situado a 1.256 metros de altitude sobre o
nivel do mar. A forma parece levar a pedra. Lembremos o tema céltico *penn , rocha, cuíña, cerro, que logo
evoluciona a cume. Por riba nomea un pico. Agora ben, existen os topónimos O Pieiro e o Pispieiro, na provincia
da Coruña, que gardan unha evidente semellanza con Piero, só que este non
conserva o ditongo decrecente que aquí igual se podería explicar como variante
dialectal do galego oriental. Aníbal Otero rexistra a voz pieiro en Ribeira de
Piquín como piador, mentres que a voz pispieiro define a aquela persoa que anda
a osmar para indagar cousas. Por outra banda, entre as definicións de pieira
está a de tobo onde se refuxia o lobo. Centrándonos na forma pieiro como piador,
está claro que este piador é de piar. No mesmo concello das Nogais está o
topónimo A Pía, por outra parte bastante común na provincia de Lugo. Estes
topónimos parecen aludir ao latín pila,
recipiente grande de pedra para conter auga, e refírense ás coñecidas cavidades
naturais das rochas chamadas pías, moi frecuentes en Galicia. Esta posibilidade
parece máis lóxicaa ca o feito de relacionalo a un posible piar de paxaros.
Outra vía que se podería abrir, posiblemente máis arriscada, sería relacionalo
co termo pibideiro, moi frecuente no Courel e A Fonsagrada, lugar de pebidas, pipita.
A PINTINIDOIRA
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilaspasantes. Semella que estamos diante dun topónimo composto
cuxa primeira parte pode vir dun nome propio con xenitivo en -ini, acaso alusión a un propietario de
nome Pintinus ou Pintinius. A segunda parte, doira, fala dunha corrente de augas
fluviais, auga revolta, fervenza. Nicandro Ares Vázquez cre que quizais sexa
analizable como Pintín-Idoira, dado que constan por separado o antropónimo Pintín, ou acaso equivalente a Quintín,
e o apelativo idoiro/a, co
significado de regueiro e vencellado con Doiras.
Xunto esta aldea esta
o Faial da Pintinidoira, do que
falamos noutra entrada.
PIORNEDO
PIORNEDO
Aldea da parroquia de
Donís. Declarada Conxunto Histórico-Artístico. Abundancial en -edo, monte poboado de piornos, latín vivurnus, o arbusto similar ao codeso e
á xesta que se cría nas serras e lugares montañosos e fríos. Os piornos
utilizábanse, xunto coa uz, para facer carbón. Suposta aldea prerromana onde se
conservan varias pallozas en distinto estado de conservación. Por riba de
Piornedo hai un depósito morrénico composto por grandes bloques arrodeados de
granito, situado no interfluvio formado polo río Pasadas e Piornedo. No mes
de agosto de 2013, nun muro situado preto da capela do San Lourenzo,
documentáronse unhas pedras exentas con gravuras rupestres formadas por
cazoletas posiblemente prehistóricas e unha cruz de factura posterior.
Leva o nome da aldea a
Mallada de Piornedo e o río Piornedo.
POMBEIRO
Núcleo de poboación da
parroquia do Castelo. Do latín palumbarium,
construción onde se crían e viven as pombas, latín palumba.
A PONTE DE DOIRAS
Núcleo de poboación da
parroquia de Cereixedo. Trátase dunh aldea de creación moderna. Ponte deriva do
latín pons, pontis, estrutura construída para comunicar dous lugares separados
por unha corrente de auga ou un accidente do terreo. As pontes eran
fundamentais para asegurar a continuidade de calzadas e camiños. Das pontes
romanas, agás unhas poucas que manteñen intacta a súa construción orixinal
(Bibei, Freixo), apenas se conservan restos xa que no Medievo foron
substituídas por outras máis modernas. Aínda que moitas pontes erixidas na
Idade Media perderon utilidade hoxe en día, constátase unha grande distribución
por toda Galicia. Segundo Caridad Arias, os topónimos referidos a fontes e
pontes hai que tomalos con reserva e non sempre sinalan nomes comúns, senón que
derivarían dos persoais prerromanos Bonto
e Ponto. O composto pode denunciar
unhas correntes de auga pluviais, quizais dunha base céltica dwr/dur, auga, río; ou vir do céltico dorum, porta.
Deste tipo de pasos
viarios falan A Ponte de Bous, na
parroquia de Donís, cuxo segundo elemento, bou, semella unha deturpación da
base precéltica *boi, pedra, ou acaso
veña da voz gala bou, vaca. Ponte de Camporredondo, sobre o río
Piornedo, no camiño que vai ao Pico Mustallar. De campus rotundus, alusión á redondez do terreo. Ponte Cubelas, en San Pedro de Cervantes. A Ponte do Castro, na parroquia de Donís, do latín castru, asentamento ou recinto
fortificado. A Ponte de Mosteiro
(ver O Mosteiro). A Ponte da Pruída,
na parroquia de Vilasante, do latín vulgar proditam,
de pronus, outeiro, elevación do
terreo. Ponte do Río Carneiros, en
ruínas, no camiño de Xantes a Robledo, da base precéltica *carn, pedra. Ponte de Ribón,
do latín rivus bonus, río bo. Ponte do Río, na parroquia de Noceda,
de pons e rivus. A Ponte de Robledo,
na parroquia de San Pedro de Cervantes, que equivale a reboredo, reboretum, de robur, carballo. Ponte sobre
o río Piornedo, no camiño que vai dende Piornedo a Vilarello. Ponte do Salgueiral, sobre o regueiro
Cabana Mundín, onde hai abundancia de salqueiros, latín salix, -icis. A Ponte Trabado, en Moreira, do verbo trabare, derivado de trabs, trabe, traba, atranco. Niermeyer
recolle trabata co significado de andamio. A
Ponte de Vales, sobre o río Ortigal, do latín vallis, val. A Ponte do Vao,
latín vadu, sitio pouco profundo dos
ríos onde se pode pasar andando. Ponte
das Veigas, sobre o regueiro Veiga Cimeira. Ponte Vella, no lugar da Casa das Pontes, na parroquia de Donís,
unha ponte de lousa con arco de medio punto sobre o río das Pontes, cuxo
composto vén do latín vetera, vella,
antiga. Ponte de Xantes, de
tipoloxía romana, quedou algo soterrada ao facer a nova estrada; aínda se
aprecia o arco de medio punto. No lugar había unha aceña onde, ata ben entrado
o século XX, os veciños da parroquia baixaban a moer. Ata non hai moitos anos,
os habitantes da casa alumábanse por medio dunha dinamo. Á parroquia de Donís
pertence a aldea de As Pontes.
Derivado de pons, pontis, temos o Pontigo de Vilor, cuxo composto nomea unha (villa) Lauri, dun posesor de nome Laurus. En Vilarello está o monte dos Pontigos. A unha pequena ponte fai alusión o nome da aldea do Pontorrón, na parroquia de Vilasante, e
que Nicandro Ares di que se podería analizar como "ponte-torrón",
derivado de terra, dado que existe illado o topónimo Torrón.
Tanto nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada
(1752), como no Diccionario de Madoz
(1849), cítanse outras pontes e pontellas que non reflectimos aquí porque
desapareceron ou porque apenas se conservan restos.
PONTE DE SAN MARTÍN DA RIBEIRA
Sobre o río Navia. Na actualidade está pechado ao tráfico rodado. Martínez Salazar, en Algunos temas de Lugo (1904), fala dunha solicitude que Alonso López de Cancelada, en abril do ano 1600, en nome dos veciños de San Martín, fai á Real Audiencia de Galicia dunha Real Provisión para reconstruír a ponte, que caera no inverno anterior. A Audiencia librou en favor de Alonso López, pero non se cumpriu o veredito polas diverxencias e intereses entre os veciños. Foi entón cando en abril de 1601, a Audiencia enviou a Cervantes a Juan de Cebrero, alabardeiro do Tribunal, para arranxar a situación, para repartir entre os veciños 150 ducados en que se tasara a reparación da ponte. Este Juan de Cebrero encabeza as súas dilixencia do seguinte xeito: "En la villa de San Román de Cervantes junto a la casa y fortalza de don Pedro Osorio Manrique, cuya es la dicha tierra...".
PORCÍS
PONTE DE SAN MARTÍN DA RIBEIRA
Sobre o río Navia. Na actualidade está pechado ao tráfico rodado. Martínez Salazar, en Algunos temas de Lugo (1904), fala dunha solicitude que Alonso López de Cancelada, en abril do ano 1600, en nome dos veciños de San Martín, fai á Real Audiencia de Galicia dunha Real Provisión para reconstruír a ponte, que caera no inverno anterior. A Audiencia librou en favor de Alonso López, pero non se cumpriu o veredito polas diverxencias e intereses entre os veciños. Foi entón cando en abril de 1601, a Audiencia enviou a Cervantes a Juan de Cebrero, alabardeiro do Tribunal, para arranxar a situación, para repartir entre os veciños 150 ducados en que se tasara a reparación da ponte. Este Juan de Cebrero encabeza as súas dilixencia do seguinte xeito: "En la villa de San Román de Cervantes junto a la casa y fortalza de don Pedro Osorio Manrique, cuya es la dicha tierra...".
PORCÍS
Núcleo de poboación da
parroquia de Noceda. Pode ser un derivado de porcus, do cal semella diminutivo; mais consta a existencia do nome
persoal Porcius e o diminutivo
masculino Porcina, usado polos
cristiáns como signo de humildade. O profesor alemán Piel postula o antropónimo
Porcinus. Mais tamén podería ser un
topónimo descritivo dun colectivo de panis
porcinus, nome dunha planta herbácea. Si hai acordo entre os estudosos en
desbotar unha derivación de porcalis,
lugar onde se recollen ou gardan os porcos. O 27 de xaneiro de 1511, Diego Ares e Alonso Vázquez outorgaron escritura de dote a favor de María Ares de Cardoso, para casar con Diego Díaz, o Mozo. No 1571 celébrase un acto de concordia entre Elvira Díaz, como viúva de Tristán e Diego Díaz de Guitián, o Vello, seu fillo, e o día 25 de setembro do ano seguinte, Aldara Vázquez, muller deste, concede en concepto de dote e arras a María Ares, muller do seu neto, Diego Díaz, o Mozo, o lugar e rendas de pan e manteiga que lle correspondían en Porcís.
O regueiro Porcís foi bautizado co nome da aldea.
O PORTELO
O PORTELO
Aldea da parroquia de
Vilarello. Diminutivo de porto, latín portu,
paso entre montañas. Tamén a porta estreita que hai
nalgunhas herdades. Nalgunhas partes dos Ancares recibe o nome de portuxo.
Como
acontece coas cancelas, os portelos non se pechaban de golpe porque creíase que
ao facelo mancábanse as almas que neles estaban purgando os seus pecados.
Lindeiro coa provincia
de León está o Alto do Portelo,
diminutivo de porto. En Donís localízase a Golada
do Porto (ver A Golada).
POSO
Aldea da parroquia do
Pando. É a aldea máis nororiental do municipio. Do latín pausare, parar, descansar. Terreo chan situado no medio dunha
pendente.
A POZA
Monte da parroquia de
San Tomé de Cancelada, a 567 metros de altitude sobre o nivel do mar. Hidrónimo
proveniente do latín puteus, pozo, cova
pouco profunda e con auga. Para os celtas, certos pozos e lagoas eran sagrados,
un lugar de entrada ao "Outro Mundo".
Vencellados con este
topónimo temos a Casa do Chao do Pozo,
en Vilaspasantes. Fonte Poza dos
Curros,
en Quindous. Fonte do Pozo
Rubio,
posible alusión a un manancial que adquiriu esa cor debido a un proceso de
oxidación, latín rubeus. Marco
do Pozo, lindeiro coa provincia
de León, do xermánico *mark, que identifica un marco, unha pedra fincada no chan O segundo
elemento da Poza dos Corros semella
proveniente dunha base preindoeuropea *corn,
pedra, referido a un lugar pedroso. Pozo
Forcado, na parroquia de Donís, da voz latina furca, forca, que tamén podería indicar un sitio onde conflúen dúas
ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca. O Pozo do Pau, latín palus, localízase na parroquia de
Noceda. O Pozo do Tesouro, na
parroquia de Donís, linda coa provincia de León, pozo que agocharía un tesouro,
latín thesaurus, real ou imaxinario.
Un pozo situado na
serra dos Ancares é un dos eixos sobre o que xira unha lenda transmitida oralmente
de xeración en xeración. Nunha cidade chamada Capara vivía un matrimonio moi
rico que tiña unha fermosa filla á que pretendían dous mozos da zona. A nai da
rapaza quería que casara co rico, mentres a moza só tiña ollos para o máis
pobre. O pai, para solucionar o dilema, propúxolle aos pretendentes unha proba:
aquel que rematase primeiro unha canle para levar a auga dende o Pozo de
Ferreira, situado entre o Cuíña e o Penalonga, ata a cidade casaría coa filla.
Despois dunha desputada carreira, foi o pobre o primeiro en rematar a obra.
Mais a nai da moza, incumprindo o prometido polo seu home, non lla quixo dar en
matrimonio. Pasou o tempo, e un malfadado día un apocalíptico diluvio asulagou
a cidade de Capara, que desapareceu da terra. Dese feito quedou o dito: “A
cidade de Capara asulagouse por home bo e muller mala”. No Códice Calixtino aparece o nome de Capara, que algúns castelanizan
como Alcaparra.
PRADELA
Aldea da parroquia do
Pando. Diminutivo de prado, latín pratum,
terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou se sementa a herba para
alimentar o gando.
Na parroquia de Cereixedo
localízase a aldea de Prados, plural
de prado. Os Prados da Veiga, do
prerromano *baika, terreo sempre
húmido, chan e fértil, está na parroquia do Castro. E a Serra de Pradela leva o nome da aldea.
QUEIRUGAL
Núcleo de poboación da
parroquia do Mosteiro. Terreo onde abundan as queirogas, un nome
xenérico que inclúe especies distintas de plantas. García de Diego atribúelle
unha orixe árabe, mais Corominas suponlle unha base *cariola de orixe descoñecida. Menéndez Pidal teoriza cunha base
prerromana cario, co significado de
pedra.
QUINDOUS (SAN XUSTO)
Nome da parroquia,
cunha superficie de 7,25 quilómetros cadrados. Nicandro Ares apuntaba unha evolución do gótico Kindons, base *kind-, neno,
descendencia, logo latinizado Quindonis. Cindo, -onis está rexistrado en 960-62. Nun documento da catedral de Lugo do 11 de xaneiro do ano 1250, escrito en latín, figura unha hereditas Quindous, como así o rexistrou o coengo Cañizares. O
patrón da parroquia, San Xusto, naceu, ao igual que o seu irmán San Pastor, en
Alcalá de Henares. Tocoulles vivir a derradeira das grandes persecucións dos
cristiáns en tempos de Diocleciano. Por declararse cristiáns foron decapitados
no ano 304. Xusto significa "o que obra con xustiza".
Di Vázquez Seijas que tanto o pazo como a aldea tomaron o nome de Paio Quindós. Polo Diccionario de Pascual Madoz, sabemos
que a mediados do século XIX asistían á escola vinte nenos cuxos pais pagaban
ao mestre. Había dez fontes de boa auga. Producíanse patacas, centeo, nabos,
liño, trigo, legumes e froitos. Criábase gando vacún, lanar, de porco e cabrío.
Cazábanse perdices, lebres e paspallás, e nos ríos pescábanse troitas.
O río Quindous, que nace na Serra da Fiosa, discorre pola parroquia.
Na Praza do Campo de Quindous consérvanse catro carballos centenarios, dous figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Unha nevarada caída a finais de outubro de 2018 desgarrou as ramas do coñecido cariñosamente como O Caroco. Uns meses antes os veciños recolleran firmas para reclamar medidas para frear os síntomas de enfermidade que presentaban as árbores. O Caroco estaba pendente dunha poda. Dúas das árbores non se resentiron do temporal porque, desgraciadamente, xa teñen secas as ramas.
A RAMALLEIRA
Sitio da parroquia de
Cereixedo. Do latín ramus, ramo. Alusión a un conxunto de ramas cortadas das
árbores, sitio cuberto de ramas, espesura, bosque xove de carballos.
O REBOIRO
Na parroquia de San
Román de Cervantes. A 771 metros de altitude sobre o nivel do mar. Sitio
poboado de rebolos, que segundo o profesor J. Piel deriva do latín repullus, unha variedade de carballo,
latín robur.
A Reboleira, nas parroquias de Vilaquinte e
Vilasante, e As Reboleiras na
parroquia de Cereixedo. Na comarca galega dos Ancares adoitan denominar así á
carballeira.
AS REDONDAS
Lugar da parroquia de Noceda.
Deriva do latín rotundus, que
denuncia unha redondez do terreo.
Na freguesía está a Fonte Charco das Redondas e o Teso das Redondas. No concello
localízase a Borzoa de Camporredondo e
a Campa de Camporredondo, co
composto derivado do latín campus
rotundus.
REGO/REGUEIRO
Un regueiro, do latín rigu,
é unha pequena corrente de auga, máis grande ca o regato e máis pequena ca o
río.
Polas terras de Cervantes discorren infinidade de regos e
regueiros que dan vida a cada recuncho do municipio. Na maioría dos nomes que
relacionamos a continuación non reflectimos o significado, achegando só os daqueles
que non figuran noutras entradas. Aciveiros
(ver Os Acevais). Ardevila, na
parroquia de Dorna (ver Ardevila). Arqueira,
en Vilasante, pode relacionarse co latín arca,
enterramento megalítico prehistórico, ou co nome persoal Arcarius. Arroxo, segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985),
de Constantino García González, nomea unha extensión grande de monte baixo.
Para J. Piel, ladeira escarpada. Corominas di que arrugium é un vocábulo
prerromano. Antón Santamarina identifícao co latín arrugium, de arrugia,
canle construída polos romanos para o lavado de mineral, voz que Plinio toma
dos habitantes da Península Ibérica. Algún autor teoriza que vén de agrum rubeum,
campo roxizo. Bidueiro (ver Bidual). Boixecide (ver Boixecide). Braña, na parroquia de Cereixedo (ver
Campa da Braña). Cabana, en Donís
(ver Cabana). Cabana Mundín, en
Cereixedo. Cabezón (ver O Cabezón). Cabreira, en Vilaquinte (ver Campa da
Cabreira). Os Cales, en Cereixedo
(ver Cal do Pico). Campoa, en O
Pando, do latín campus, campo. Carballón, aumentativo de carballo,
latín quercur robur. Castelo (ver O Castelo). Castelo de Frades (ver Castelo de
Frades). Cernadas, na parroquia de A
Ribeira, nomea unhas *(terras) cineratas
ou incineradas, despois de rozar o monte de matogueira, esta queimábase para
facelo cultivable; hai quen conxectura que pode identificar a Cerne, o deus das fragas, dos animais e
dos mortos. Cespedosa, na parroquia
de Donís, lugar abundante en pasto. O
Chao (ver O Chao). Chousas, en Vilarello.
(ver Penas da Chousa). Córragos, en
Vilaspasantes (ver Os Córragos). Covas
(ver Covas). Dorna (ver Dorna). Eirexa, en San Pedro de Cervantes, variante
de igrexa, latín vulgar eclesia,
asemblea, templo, edificio consagrado a un culto. Fontao, en Vilaspasantes, sería fontanu,
de fons, fonte. Foledo, na parroquia de Dorna. Os
Foxos, en Cereixedo, referencia a antigos foxos, do latín foveum, alusión a unhas fochancas ou
pozas. Franxueira, en Vilaquinte
(ver A Franxueira). Garganteira, suxire
unha corrente de auga que discorre por un paso estreito entre dúas montañas. Grande, latín grandis, adxectivo que indica as súas características. Lamatrema (ver Lamatrema). Leirado (ver As Leiras). Liñar, en San Pedro de Cervantes, campo
cultivado de liño, latín linu. Liñeira, en Donís, tamén de linu. Os Mazos, na parroquia de Donís (ver O mazo). Mestas (ver As Mestas). Navalín.
(ver O Navalín). Navallos (ver Monte
Navallos). Nobreñal, en Donís (ver
Nobreñal). Noceda (ver Noceda). Pacio, latín palatium. Palmeán, na
parroquia de Noceda (ver Serra de Palmeá). As
Pasadas, en Donís (ver Pasada do Rebolín). Peizal (ver O Peizal). Ponte
de Bous (ver Ponte de Bous). Pontorrón
(ver Pontorrón). Porcís (ver
Porcís). Prados, en Cereixedo, do
latín pratus. Redondo, do latín rotundus.
O Rego, latín rigu. Regueiriña,
diminutivo de regueira, terreo húmido onde nace un manancial. Rego Río de Osos, na parroquia do
Castro, cuxa última parte vén do latín ursus,
oso. Riamonte, en Vilarello (ver
Riamonte). Ribón, en San Pedro de
Cervantes, de rivus bonnus, río bo. Ricabo, en Mosteiro (ver Ricabo). Roxo, en Ambasvías, do latín russeu,
de cor vermella e amarela. Rumián, quizais dun antropotopónimo de orixe xermánica. Salgueiral, en Ambasvías, e Salgueiro,
en Cereixedo, do latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos. A cortiza é
moi rica en tanino e contén salicilina, base principal da aspirina. Seara da Valiña, voz céltica senara, campo de cereais, e diminutivo
de val, latín vallis. Seco, rivus sicus. Senra, en A
Ribeira, voz
céltica senara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde
varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. Sinónimo de
seara. Soutelo (ver Soutelo). Souto dos Picos (ver Fonte Souto dos
Picos). Toural, na parroquia de
Cereixedo (ver Serra do Toural). Treitoso,
deriva do vocábulo latino traiectum,
paso entre montes. Valiña, nas
parroquias de Cereixedo e Donís (ver Valiña do Carballo). A Vara que nace na fonte do mesmo nome, ao pé do Penarrubia (ver A
Vara). Veigas (ver A Veiga). Veiga Cimeira (ver A Veiga). Vieiros, na parroquia de Vilaquinte, alusión
a un camiño ou carreiro. Vilarello
(ver Vilarello). Vilavella, en Noceda,
do latín villa e vetera, vella, antiga. Vilaver
(ver Vilaver). Vilela, na parroquia
de Ambasvías, diminutivo de vila, latín villa,
núcleo de poboación máis pequeno ca unha cidade e máis grande ca unha aldea. Xunquiñas, de incus, xunco. O monte dos Regueiros está en Vilarguite.
RELEIXADO
Na parroquia de Donís.
Terreo inculto situado a carón dun muro. Remate dunha parede. Atallo á beira dun
muro, foxo ou despeñadeiro.
REQUEIXO
Lugar de San Román de
Cervantes. Corresponde ao latín quattere,
quassus, crebantar. Referido a un
terreo que remata en costa para entrar nunha chaira. Para Carré Alvarellos
(1951), é tamén a parte interior da palloza onde se almacena a leña no inverno,
e lugar na cociña onde se ten a leña para o lume. Para Elixio Rivas (1978),
especie de queixo, latín caseus,
feito de leite tomado.
RETEIXEDO
Monte da parroquia de Dorna.
Topónimo formado co prefixo iterativo re
e teixedo, lugar poboado de teixos, taxus
baccata.
RIAMONTE DE ARRIBA/RIAMONTE DE ABAIXO
Núcleos de poboación
da parroquia de Vilarello. Vencellado co antropónimo Renamundus, dunha *(villa)
Renamundi. Tamén podería ser, como sinala Ares Vázquez, un rivus montis, río do monte. A aldea
cítase como Riomonte no 1282, e coa
mesma grafía ca actual no ano 1307.
Leva este nome o regueiro de Riamonte.
RIANDE
Aldea da parroquia de
San Pedro de Cervantes. Alusión a unha villa
dun propietario de nome Randius, de
orixe, quizais, gótica.
A RIBEIRA (SAN MARTIÑO)
Nome da parroquia. Ten
unha superficie de 13,12 quilómetros cadrados. Do latín ripa, ribeira dun río. Terreo bañado por unha corrente fluvial.
Citado como Riparia nun documento do
ano 1251. Martiño vén de Martinus,
"adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis,
o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns
aceptaron pola popularidade do bispo de Tours.
Segundo Madoz, todas
as aldeas da freguesía reunían setenta casas teitadas de palla. O clima era
temperado e san, e as fonte daban boa auga. O terreo era de mediana calidade e
os camiños veciñais estaban en bo estado. O correo recibíase de Becerreá.
Producíase centeo, patacas, castañas, liño, nabos, trigo, cebada, legumes,
froitas e viño de mala calidade. Criábase gando vacún, de cabra, lanar e de porco.
Cazábanse perdices, lebres e xabaríns, e pescábanse troitas e salmóns. Había un
muíño fariñeiro.
RICABO
Na parroquia de
Noceda. Do latín rivus, río, e caput, extremo.
Na mesma parroquia
localízanse outros dous topónimos coa mesma procedencia, a Campa de Ricabo, en San Rebordín, e o regueiro Ricabo.
RÍO
Río é unha aldea da
parroquia do Castro. Procede do latín rivu,
corrente de auga. Segundo a crenza popular, a auga dos ríos arrastran a enfermidade
como arrastran o sedimento.
Como fixemos cos regos
e regueiros, na meirande parte dos nomes que relacionamos a continuación non
reflectimos o seu significado xa que figuran noutras entradas, achegándoo só
naqueles casos que non analizamos con anterioridade. Bois (ver Pico dos Bois). Brego,
en Cereixedo (ver Os Calangros de Brego). Carneiros
(Donís), base precéltica *carn,
pedra. Mais, botando man do Diccionario
Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez González, o vocábulo
ten outros significados. Así, tamén sinalaría un osario, depósito de ósos
exhumanos dos cemiterios. O carneiro do lobo era un imposto que pababan os
labregos que tiñan ovellas, para dar como premio aos cazadores de lobos pola
matanza destes. E o carneiro negro acompaña por veces á Santa Compaña, a
procesión nocturna de ánimas en pena. Cancelada
(ver San Tomé de Cancelada). Castelo,
na parroqia do Castro (ver O Castelo). As
Casas, en As Casas do Río (ver As Casas do Río). Cereixedo (ver Cereixedo). Cervantes
(ver Cervantes). Cobo, do latín covu, referido a unha depresión
orográfica. Tamén colmea de abellas, trobo, abellariza, albariza. Doiras, alusión a unhas correntes de
auga pluviais. Liñeira fala da
planta do liño, latín linu. Moreira, en Donís (ver Moreira). Navia (falamos máis abaixo). Ortigal, lugar poboado de ortigas,
latín urtica. Piornedo (ver Piornedo). Pontes,
na parroqia de Donís, latín ponte,
estrutura construída para comunicar dous lugares separados por unha corrente de
auga ou un accidente do terreo. Quindous,
nace na serra da Fiosa (ver Quindous). Ser
(falamos máis abaixo). Toural, afluente
do río Cervantes, nace preto do Faial da Pintinidoira (ver Serra do Toural). Xunquiñas, na parroquia de Donís (ver Xunqueira).
RÍO DE CEREIXEDO
Aldea pertencente á
parroquia de Cereixedo e corrente fluvial. Para o composto, ver Cereixedo.
RIOCOVO
Na parroquia de
Noceda. De rivus, río, e covum, cavidade no terreo, oco.
RIONAVAL
Aldea da parroquia de
Vilapún. Segundo Nicandro Ares Vázquez puido ser o Rio de Navaes citado no ano 1282, mais antes consta o Rivulo de Naval no ano 1167, como límite
do mosteiro de San Salvador de Cancelada do que falamos noutra entrada. Naval
deriva da partícula prerromana *nav, concavidade
do terreo ou depresión montañosa.
Deriva da partícula
prerromana *nav, depresión,
concavidade do terreo. É unha das
deidades galaicas mellor testemuñadas na epigrafía. Era a deusa dos ríos e da
auga. Os ríos Navia e Navea, en Galicia, e o Neiva, en Braga, foron bautizados
co seu nome. Para Blanca García Fernández-Albalat (1990), o vencello de Navia
cos ríos explicaríase a partires da concepción céltica da auga como elemento
característico do acceso ao Alén a través da auga. está considerada como deusa
facilitadora da Natureza, das augas, das fontes e dos ríos, e tamén dos
bosques.
RÍO SER
O
composto nada ten que ver co verbo. A etimoloxía hai que buscala nunha
posible base céltica s´r, relacionado
coa auga. Tributario do Navia, ten o nacemento na confluenza dos ríos Mazo, Moreira
e Ortigal.
ROBLEDO
Levan este nome unhas
aldeas situadas nas parroquias de Donís e de San Pedro de Cervantes. O nome equivale a reboredo, reboretum, de robur, carballo.
O ROMALLÓN
Monte da parroquia de Quindous.
De primeiras todo fai pensar que pertenza á serie de topónimos que aluden á
ramalla, termo derivado de ramallo, ramaculu.
Navaza indica que na toponimia ramalla debe ter valor colectivo e que se refire
a lugares onde se procuraba leña miúda para o lume, non así ramallo, que
designaría máis ben unha póla pequena. Reforza esta opinión sobre a súa orixe o
feito de que exista o topónimo O Ramallón (Coristanco), aínda que os dous
topónimos –O Romallón, O Ramallón– sexan moi pouco comúns. Dito isto, podería
postularse unha forma de partida *ramaculone.
Malia que a raíz Roma- sexa moi
frecuente en Lugo (Roma, San Romao, San Román, Romariz), proveniente dun
hipotético *(villa) Romani, non
parece que O Romallón teña vinculación con esta última teoría.
O ROSARIO
Na parroquia de
Noceda. Latín rosarium, derivado de rosa, rosa. É o rezo que fan os
católicos lembando os quince (cinco na versión abreviada) misterios ou feitos
da Virxe. Quizais fale dun lugar onde se
facían rogativas. Tamén se denomina rosario a máquina hidráulica para facer
subir a auga.
Dito: “O rosario na
man, lévanno moitos polo que dirán”.
A ROZADA
En Vilaspasantes. Forma
latina ruptiare, romper, roturar, en
referencia a un monte de terra virxe que se cava ou queima a broza para logo
cultivalo. Parte dun monte en condominio que se parcela e se cava para unha
colleita de cereais, restablecéndose logo o aproveitamento común.
SABADELLE
Aldea da parroquia do
Castro. Foi unha (villa) Sapatelli ou
Sabatelli, explotación agrícola dun
propietario de nome Sapatellus ou Sabatellus, relacionado co hebreo sabbath, descanso. Sabatelli aparecer citado en documentos dos anos 1070 e 1098, e o
actual Sabadelle no 1363 e 1381. De Sabadelle era o alguacil que a finais do
século XIX foi apreixado polos veciños de Donís, xérmolo da declaración dunha
efémera república independente.
SAN FIZ
Nome de orixe latina, felici, que significa fértil, feliz.
SAN MARTÍN
Núcleos de poboación
das parroquias de Cereixedo e da Ribeira. Martín ou Martiño vén de Martinus, que significa “adicado ao deus
Marte", latín Mars/Martis, o
deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns
aceptaron pola popularidade do bispo de Tours. Segundo información achegada por Sergio Núñez Cubero, en documentos do Arquivo Diocesán de Lugo, a partir do ano 1716, Sann Martín de Cereixedo documéntase como San Martín de Arriba e San Martín de Abaixo.
SAN MARTÍN DAS CANADAS
Núcleo de poboación
pertencente á parroquia do Mosteiro. Aínda que en principio o último elemento
semella unha castelanización de valgada, desfiladeiro, temos as nosas dúbidas
canto o signficado deste topónimo. Cremos que pode ser unha variante de caniza,
casoupa feita de pólas de árbores entrenzadas e cuberta de palla, ou vagoadas
ou depresións do terreo no que abundan as canas, latín canna. Malia o dito, o composto faría alusión, entón, ao recipiente para
recoller o leite cando se munguen as vacas. Tamén receben este nome a antiga
medida de capacidade equivalente a dous litros; a cantidade de líquidos que
caben nun recipiente; a caneta do muíño; un carreiro a través dos campos; a
rodeira do carro; e, por último, un antigo camiño seguido polo gando
transeúnte.
SAN MIGUEL
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilarello. San Miguel, Sanctus
Michael, é, nos tempos bíblicos, o anxo protector de Israel, e tamén o
encargado de acompañar as almas dos xustos ao ceo. É o terceiro arcanxo xunto
con San Gabriel e San Rafael. Significa "Quen coma El".
Preto
da aldea atópase A Croa de San Miguel,
un posible asentamento castrexo.
SAN PEDRO DE CERVANTES
Nome da parroquia,
cunha superficie de 12,73 quilómetros cadrados. San Pedro, nome do apóstolo
"fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do
latín petrus, pedra; mais a
verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas,
pedra rectangular. Para o composto, ver Cervantes.
A mediados do século
XIX, infórmanos o Diccionario de
Madoz, o clima da freguesía era temperado e san, aínda que se padecían febres e
arrefriados. O terreo era de boa calidade, aínda que precisa que na parte da
ribeira sufría os efectos dos aluvións. Os camiños estaban pouco coidados e o
correo recibíase de Becerreá tres veces á semana. Producíanse patacas, centeo,
hortalizas, algún trigo, castañas, liño e moito pasto. Criábase gando vacún,
cabrío, lanar, de porco e cabalar. Cazábanse lebres, perdices, xabaríns, osos e
gamos, e pescábanse troitas e salmóns. Había un mazo, muíños fariñeiros, algúns
teares e un batán para as teas de la.
SAN REBORDÍN
Aldea da parroquia de Cereixedo.
Se se trata dun haxiotopónimo, no santoral católico non localizamos a este
santo. Como ben nos achegou o profesor de historia e lingua galega, Calros
Solla, en Galicia temos o topónimo Rebordiños en Esgos, Guitiriz e Vilalba que
deu en apelido (documentado xa no ano 1295). Rebordín semella a mesma forma co
diminutivo oriental. O arqueólogo André Pena Graña díxonos que vén de Reboritillio. Nicandro Ares fala dun
diminutivo de Rebordo/Reboredo, derivado de robur,
carballo, que no presente caso indicaría unha pequena carballeira, talvez
posuída por Sanctius ou ser confusión
de sauto, souto. Madoz, no seu Diccionario Geográfico, escribe Reburdín, e Amor Meilán Robredín, quitándolle o San.
SAN ROMÁN DE CERVANTES (SAN ROMÁN)
Nome da parroquia e
capital municipal. Ten unha superficie de 5,89 quilómetros cadrados. San Román,
nome derivado do latín Sanctus Romanus,
"Aquel que procede de Roma". Este santo, natural de Antioquía, morreu
durante a persecución de Maximiano. Sábese que tivo culto na Península Ibérica
antes do século IV xa que Prudencio enxálzao nun dos seus himnos, o Peristephanon. Mais tamén hai quen
conxectura que o nome pode derivar do latín subromanum,
"xunto ao romano", ou de sub
remaneum, "xunto aos restos de habitación" que interpretan como
un asentamento castrexo.
Nun poder outorgado o 26 de setembro de 1606 polos veciños fillosdalgo do concello, terra e xurisdición de Cervantes, na vila de San Román, cabeza da xurisdición, figura Diego de Quiroga e Saavedra. Di Madoz (1849)
que de San Román partían os camiños que
se dirixían cara Becerreá, Vilafranca do Bierzo e Asturias. O correo recibíase
os luns, mércores e sábados dende Becerreá. Producíase centeo, patacas, viño,
trigo, castañas, millo, fabas, cebolas, allos e froitos. Criábase gando vacún,
cabalar, de porco e lanar. Cazábanse perdices, corzos, lebres, cervos e
xabaríns, e pescábanse troitas e salmóns no río Navia. Había tres muíños
fariñeiros.
Nunha propiedade
particular atopouse unha lápida votiva de época romana, que na actualidade
consérvase na casa de don José Antonio García, quen tivo a xentileza de
amosárnola. Na cara principal pódese ler: "C. VALERIVS/CARVS/MIL. LEG. X./V. S. L M”,
que traducida do latín di: “Caius Valerius
Carus, soldado da Legio X Gemina, cumpriu de bo grado o voto que fixera". Estaría datada no século I d.C., e estaría adicada por
un soldado indíxena romanizado. Na cara oposta presenta
unha inscrición de época medieval: “ERA/(M)CXX/FROI/LA PSR/FECI”. Para o composto, ver Cervantes.
SAN TOMÉ DE CANCELADA (SAN TOMÉ)
Nome da parroquia,
cunha superficie de 9,23 quilómetros cadrados. San Tomé, de Sanctus Thomas, apóstolo de Cristo, tiña
nome arameu co significado de xemelgo. O composto vén do verbo cancellare, atrancar, acoutar unha
terra; estrutura que se coloca nunha portela ou parte do curro onde se mete o
gando; tamén significou cruzar, arar ao través. Segundo a crenza popular, xunto
as cancelas xuntábanse as almas dos defuntos, por iso, en moitas partes de
Galicia, aínda hoxe en día, non se pechan con violencia por medo a espertalos. No
tombo do mosteiro de Samos do ano 944 a freguesía figura como Cancellata, e tamén en documentos dos
anos 973 e 1085. Entre os escritos dirixidos polo papa Alexandre III no último
terzo do século XII a un bispo de Lugo de nome Xoán, hai un no que lle outorga
licenza para edificar unha igrexa no lugar de Cancelada, e para facer doazón
dela aos moxes do Císter. No ano 1175, o papa confirma ao mosteiro de Samos
todos os seus dereitos xurisdicionais e patronais que viñan a desfrutar dende
antigo, ditando normas para a abadía: "In
terra de Cancellata ecclesiam Sancti Thome cum heraditatibus suis".
Nun documento do ano 1380, o cabido de Lugo afora a Pedro Gómez e a súa muller
o Val de Cancelada por unha renda anual de 300 maravedises máis a obriga de
construír unha casa e plantar tres moios de videira. O foreiro doa ao arcediago
de Triacastela un casal en Guntín e outro en Castelo de Cais, reservándose o
usufruto. Hai documentos que deixan entrever que nesta parroquia houbo un
mosteiro, do que falamos noutra entrada.
As enfermidades máis
comúns na freguesía a mediados do século XIX eran as febres nerviosas,
pulmonías, anxinas, e afeccións de ollos e peito, quizais, segundo recolle
Madoz, porque o clima era moi húmido. O terreo, aínda que montañoso, era
de boa calidade. O camiño, chamado
Francés, estaba en regular estado de conservación, e o correo recibíase do
Cereixal. Producía centeo, millo, patacas, viño de mala calidade, castañas,
mazás e outras froitas. Criábase gando vacuno, lanar, de porco, cabrío e
algunha mula. Cazábanse perdices, lebres, xabaríns, corzos e gansos, e nos ríos
pescaban troitas. Había varios muíños fariñeiros e teares de lenzo, cuxo xénero
vendían nas feiras.
Nunha vella ficha
confeccionada para incluír no Diccionario
Geográfico Español, recóllese a testemuña dun veciño de San Tomé no que
achega a súa versión da procedencia do nome Cancelada. Relata que provén de
dous cans, un de nome Can e o outro Celada que, xunto conde da contorna, deron
morte a un dragón.
SANTALLA
Núcleo de poboación da
parroquia de Ambasvías. Sancta Eulalia
é un nome de orixe grega que en galego deu tamén, ademais de Santalla, Baia,
Olaia,... e que significa "a ben falada". Vítima de diferentes
tormentos (o potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no século IV.
Na aldea está o
microtopónimo Chao de Santalla, do
latín planus, a, um.
SANTA MARIÑA
Aldeas das parroquias
de Cereixedo e Vilaspasantes. O nome da santa vén do latín e significa
"proveniente do mar, mariñeira". En Galicia, principalmente na
provincia de Ourense, venérase á santa do mesmo nome nacida no ano 123 en
Piñeira de Arcos (Sandiás), decapitada por se negar a renunciar á súa fe. Conta
a lenda que cando a súa cabeza caeu no chan deu tres saltos dos que nacereon
tres fontes que son as mesmas que hoxe en día seguen a manar a carón da igrexa
de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz.
O Teso de Santa Mariña éguese na parroquia de Vilaspasantes.
SANTA MARTA
Núcleo de poboación. Martâ en arameo, latinizado Martha, como o nome María, significa
señora.
SANTA XUSTA
Aldea da parroquia do
Mosteiro. A vida de Santa Xusta, Sancta
Iusta, vai ligada á da súa irmá Santa Rufina. Naceron en Sevilla en tempos
dos romanos. Por se negaren a adorar á deusa Venus foron prendidas, torturadas
e logo martirizadas. O seu nome significa "Aquela que obra con xustiza".
SANTO ESTEVO
Núcleo de poboación da
parroquia de Ambasvías. Latín Sanctu
Estphanu, nome que vén do grego Stéphanos
e significa coroa. O culto a este santo difúndese por Occidente a partires do
achádego das súas reliquias no ano 415.
SAVANE
Aldea da parroquia de
Quindous. Savane vén de San Iohannis,
San Xoán, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou
misericordioso". A herba de San Xoán é unha planta medicinal que adoita
poñerse nas casas para evitar os meigallos.
No lugar está a Aceña de Savane, do árabe saniyak, muíño de roda accionado pola
forza da auga.
A SAVEDRA
Monte de Vilarello de Donís. O profesor alemán Piel tradúceo como sala vella, do xermánico sala e do latín vetera. O compoñente sala
sería equivalente a casa ou habitación. Para Caridad Arias non contén elementos
xermánicos nin latinos xa que é un vocábulo prerromano, seguramente celta, identificado
co nome Salaverus.
A SEARA BRANCA
Na parroquia de
Cereixedo. O primeiro elemento vén da voz céltica senara, campo de cereais; extensión de terreo de cultivo onde
varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. O composto deriva
do latín albus, alba, album.
Na Serra de Dumia
localízase a Seara do Pontón, cuxo
segundo elemento procede de ponto, -onis, construción tosca de madeiros ou
pedras para vadear un río pequeno. Constantino García González (1985) di que
tamén se chama pontón ao madeiro que colga a gamalleira, a cadea sobre o lume
da lareira. Na parroquia de Cereixedo está a Seara do Raial, que Filgueira Valverde (1926) e outros autores interpretan
como unha variante de real, campamento. Segundo Elixio Rivas, no século XV
escribíase rrayal. En Quindous
atopamos a Seara do Vilar, do latín villare, pequeno núcleo de poboación co
conxunto das súas terras. O Searón,
na parroquia de Vilaspasantes, é un aumentativo de seara.
SEBRÁN
Monte localizado en
Vilasante. Topónimo opaco que quizais veña dunha *(villa) Severi, dun posesor que atendía polo nome de Severus.
SEIMEIRA
Núcleo de poboación da
parroquia da Ribeira. Fervenza, caída de auga dende certa altura que discorre
por unha rocha. A base etimolóxica podería estar relacionada co céltico sima, precipicio.
SEIXAS
Aldea da parroquia de
San Román de Cervantes. Érguese sobre un pequeno outarelo. Deriva do latín saxum, rocha, penedo, croio, seixo. A
palabra seixo xa se le na forma galega actual no mosteiro de Sobrado dos Monxes
no ano 932, e en Santiago no 1169. Ata os anos sesenta do século XX celebrábase unha das feiras máis immportantes da comarca dos ancares. No Campo da Feira había dúas tabernas, casa de comidas, funeraria, ademais da capela.
No Chao de Vilarín
temos o monte Trabado do Seixo.
SERRA DO AGULLEIRO
Na parroquia de Donís.
A primeira parte do topónimo vén do latín serra,
alusión a un cordal montañoso. A agulleira, geranium
molle, é o nome vulgar dunha serie de plantas herbáceas, con froitos agudos
como a agulla que medra en todas partes, mesmo sobre as rochas. As súas flores
posúen propiedades medicinais e astrinxentes. Agulleiro, polo tanto, pode
sinalar unha elevación en forma de agulla.
Na parroquia da
Ribeira está a Serra de Chao de Drada,
do latín serra e planus (para o último elemento, ver Drada). En Corneantes,
parroquia de Donis, atopamos a Serra de
Corneantes (ver Corneantes). A Serra
de Dumia atópase na aldea do mesmo nome (ver Dumia). Lindeira co concello
das Nogais está a Serra da Escrita,
cuxo composto deriva de escripta,
quizais un lugar con gravuras rupestres, petroglifos. Ou unha serra adscripta, adscrita, unida a outra. Cremos
que aquí non cabe unha referencia a unha escritura de doazón. Para a Serra da Fiosa, na parroquia de Dorna, Xosé
L. Franco Grande, no seu Diccionario
galego-castelán (1972), di que leva o nome de fiosa un lugar resgardado
preto dos cumes, a veces coincidente cun prado. Do céltico ganda, pedregal, terreo improdutivo e cheo de maleza, é o vocábulo
granda que atopamos na Serra da Granda
de Arroxo,
cuxo último elemento, segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985),
de Constantino García González, nomea unha extensión grande de monte baixo.
Para J. Piel, ladeira escarpada. Antón Santamarina identifícao co latín arrugium,
de arrugia, canle construída polos romanos para o lavado de mineral, voz
que Plinio toma dos habitantes da Península Ibérica. Algún autor teoriza que
vén de agrum rubeum, campo roxizo. O último
elemento da Serra das Maseiras, en
Cereixedo, fala dun recipiente onde se lle bota de comer aos
porcos. Mais esas, Elixio Rivas Quintas di que en Barxamaior (Pedrafita do
Cebreiro) chaman maseira á artesa para salgar a carne. A serra debeu tomar o
nome porque a súa configuración semella una maseira. Serra do Muín, en A Ribeira, do latín molinu, variante dialectal de muíño. A Serra de Murias linda co concello de Navia de Suarna, denuncia un
terreo cercado de pedras, pedreira. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario galego
(2001), di que é un muro antigo grande. Serra
do Pando (ver O Pando). Serra de
Pedredo, en A Ribeira, do latín petra,
pedra. Serra da Pedriña, en
Cereixedo, diminutivo de pedra. Serra da
Pradela, no Pando, diminutivo de pratum,
prado. Serra de San Tomé (ver San
Tomé de Cancelada). O segundo elemento da Serra
do Toural, en Vilaspasantes, traduce, en principio, ao latín taurus, touro, en alusión a un pasteiro
ou campo onde pacían estes animais, mais sen desbotar unha procedencia do prerromano
*tor, monte ou rochedo. En moitas
partes de Galicia chamaban toural ao campo onde se celebraba a feira do gando.
No século XV, en Santiago de Compostela estaba a praza do Toural de Faxeiras,
hoxe en día Praza do Toural. A Serra da
Treitosa, na parroquia de Lamas, vocábulo latino traiectum, denuncia un paso entre montes. O composto da Serra de Vilavós, lindeira co municipio
das Nogais, parece ter por base aviolos,
diminutivo de avus, avó. Estariamos,
pois, diante dunha (villa) Aviolos,
en referencia a unha casa fundada por unha persoa de idade avanzada á que se
lle debe deferencia e respeto. Serra de
Vilar (ver Vilar). A un propietario que atendía polo nome de Viliam ou Vildo fai referencia a Serra
de Vilous, na parroquia de Donís, aínda que tamén pode ser unha variante de
veloso, referido a un lugar abundante en vexetación. A Serriña, diminutivo de serra, atópase na parroquia de Donís.
SERRA DE PALMEÁ
Por resultar o
composto un tanto escuro, tentaremos achegarmos á súa orixe neste aparte. Os
termos pala ou paleira aluden á presenza de covas calcarias nas serras
galegas. Temos, por exemplo, un alto no
Courel chamado As Palas. En cambio, bota para atrás nesta teoría a presenza do
-m-, como podemos testemuñar en topónimos lucenses tipo Palmiz, Palmelle ou
Palmaz. Como ocorre cos topónimos lucenses Nomeán ou Frameán, non parece que o
termo –meán sexa relativo a mediano e
parece que se trata máis dunha raíz Palm-.
A raíz Palm- vincúlase co étimo palma, palmeira, aínda que parece raro
que esta árbore garde unha relación tan próxima coa fitotoponimia galega, e
menos do concello de Cervantes. Nós inclinariámonos máis a pensar, coma en
Nomeán ou Frameán, nunha orixe relacionada cun antigo xentilicio. Lembremos que
topónimos tipo Palmeira ou Palmeiro de palmarius
parece provir de nomes de persoa e non exactamente da palmeira, aínda que si
poida ter esta base. Relacionada con esta cuestión de persoa está o feito de que
Aníbal Otero sinala nas súas Hipótesis
etimológicas... a forma palmeán como papanatas
recollida en Vilaquinte, isto é, lugar e parroquia do concello de Cervantes,
que é precisamente onde está a serra de Palmeá. Ares Vázquez di que Palmeán,
unha aldea do concello da Fonsagrada,
deriva do nome latino de persoa Palmianus.
O SOLAR
Lugar da parroquia de
Cereixedo. Pertencente ou relativo ao sol, do latín solum. Aínda que na actualidade recebe esta denominación un terreo
apto para edificacións, antigamente o seu significado era ben distinto. Segundo
Franco Grande (1972), era agregar unha xunta a outra para reforzar a tracción
dun carro moi cargado por camiños costentos. Para Elixio Rivas Quintas (2001),
piso de pedra do forno.
En Vilaspantes atopamos
o Chao do Solar.
SOUTO
Núcleo de poboación e
monte situados na parroquia da Ribeira. O topónimo traduce ao latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con
altibaixos no terreo. Lugar no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros.
Caridad Arias amosa as súas dúbidas acerca de que o topónimo se relacione
sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a
presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc.
En Santa Xusta
atopamos o Soutelo, co sufixo
diminutivo –ellus. Segundo Eladio
Rodríguez (1958), nalgunhas partes de Galicia existía o costume do “soutelo”,
que practicaba a xente pobre na procura dos froitos que se desprendían dos
castiñeiros. Os "rebuscadores" ían percorrendo os soutos onde
recollían os ourizos que había polo chan.
Na parroquia de
Ambasvías temos O Souto do Budigo, cuxo composto talvez veña do latín buda, espadana, xunco, ou unha variante
de bidueira ou budueira, betula pendula.
Non ofrece dificultade O Souto dos Picos,
en San Tomé de Cancelada, sinónimo de cima.
TARNAS
Aldea da parroquia da
Ribeira. Hai autores que identifican o topónimo co deus céltico Taranis,
equivalente á divindade romana Xúpiter. Outros fanno derivar do latín tarnum, variante de termes, -tis, rama
cortada. A aldea aparece documentada no ano 1262 como Sancto Martino de Tarnas. Nicandro Ares di que a mención máis
antiga data do ano 1037, no Tombo do mosteiro de Sobrado e que, segundo o
investigador, pódese comparar co antropónimo Tarna e Tarnis, río.
TEIXEIRA
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilapún. De taxaria.
Denuncia a gorida do porco teixo, Meles,
meles, ou un lugar poboado de teixos,
taxus baccata. Verbo da árbore
conífera, cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II
d.C., ao mencionar o asedio do mítico Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo,
cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa
maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos
respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do
veleno do teixo e as propias armas. A palabra teixedo aparece documentada no
mosteiro de Xubia no ano 1162, e en Sobrado dos Monxes baixo a variante de
teixido; teixeiro vémolo nun documento do século X baixo a forma latina de taxario; e non 1160 un taysario en Sobrado. A forma actual,
teixo, é do século XII.
Da mesma procedencia é
a Braña do Teixo, en Vilarello, o Chao do Teixo en Cereixedo, e o monte Teixedoira, na parroquia de Donís.
TESO DO ACEVEDO
Na parroquia do Pando,
a 1.358 metros de altitude sobre o nivel do mar. Teso vén do latín tensus, de tendere, estirar, extender, alusión a un lugar alto no campo, monte
alto e escarpado. O Padre Sarmiento escribiu que en Galicia chamaban teso aun
sitio máis ou menos alto. O día 5 de xuño de 2014, coa axuda do amigo José de Vilarín, de Murias (Navia de Suarna), localicei varias penas con petroglifos. Para a segunda parte do topónimo, ver Os Acevais.
Atopamos o diminutivo O Tesín nas parroquias do Castro e da
Ribeira. En Vilarello o Teso do Arco,
do latín arcus, elemento
arquitectónico en forma de curva que, por veces, tamén pode denunciar un
enterramento megalítico. Para o composto do Teso do Bodego, na parroquia de Cereixedo, supoñémoslle un masculino
de bodega, adega, do grego latino apotheca.
No Diccionario gallego-castellano
(1913-1928) da Real Academica Galega dise dunha pequena adega na que os
campesiños teñen reunións nocturnas, de traballo ou diversión. Elixio Rivas
Quintas (2001) fala dunha casa pobre. O Teso
do Campín, en Vilanova do Pedregal, un diminutivo de campo, latín campus. O Teso do Campo, en Donís, coincide co anterior. Na parroquia de
Cereixedo localízase o Teso do Castelo,
diminutivo de castru, referencia ao
emprazamento dun antigo castelo ou torre de vixiancia, que en non poucas
ocasións denuncia un asentamento castrexo. Tamén pode sinalar, como no presente
caso, unha elevación do terreo que semella un baluarte defensivo. No Teso do Castro, na aldea de O Chao,
localizamos un castro sen catalogar. Do prerromano *cott, altura, é o Teso do
Coto, na parroquia de Cereixedo. En Vilarello localízase o Teso Daquelcabo, cuxa primeira parte do
topónimo é unha contracción do demostrativo aquel. Cabo vén do latín caput, cume, aínda que en galego adoita
aludir ao extremo dunha cousa ou lugar cando non actúa como adverbio xa que
pasaría a significar xunto a, a carón de. O Teso de Fieiró, na parroquia de Cereixedo, lévanos a un diminutivo
de fieiro, latín fenum, co sufixo -arium/-olum. O Teso
da Grandiña, tamén en Cereixedo, érguese a 1.165 metros de altitude (para o
composto, ver A Granda). A segunda parte do Teso das Lamas na parroquia de Vilaquinte, deriva da base prelatina
lama, prado húmido, lameiro. O Teso do Milagre, en Dorna, do latín miraculum, pode facer alusión a un lugar
onde se practicaban certos rituais destinados a curar determinadas
enfermidades, tanto físicas coma psíquicas. O Teso do Pedrouzo, a 1.174 metros de altitude, atópase na parroquia
de Cereixedo, co composto derivado do do latín petra, pedra. Nas parroquias de Lamas e Quindous, respectivamente,
localízanse o Teso da Pena e o Teso das Penas, do céltico penn e do latín pinna. Teso do Piñeiro,
na parroquia de Donís, latín pinus,
as árbores de follas perennes, útiles pola madeira e resina que producen. As
repoboacións forestais de mediados do século XX supuxo a ruína da economía
gandeira de moitas zonas montañosas dos Ancares que acabaron co pasto. Segundo
recolle X. Rodríguez Campos en Antropología
y Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares (1990), o Estado
incautouse dos montes comunais para efectuar plantacións de pinos, os
gobernadores civís enviaban á garda civil para impedir que os veciños das
poboacións subisen a pastar co gando. Feito que, ademais do empobrecemento,
obrigou a emigrar. Teso do Pousadoiro,
en Cereixedo, do verbo pousar, latín pausare,
nomeando un lugar descansado, onde se facía unha pausa no camiño pousando a
carga. Teso dos Queimados, na
parroquia de Cereixedo, amósanos unhas terras
cineratas onde se queima a broza para logo cultivalas, sen desbotar que se
tratara dun lugar destinado a facer piras rituais, ou incineracións sepulcrais.
Teso da Reboleira, en Aucella, a
1.014 metros de altitude sobre o nivel do mar (para o composto, ver O Reboiro).
Teso das Rebordeliñas, na parroquia
de Noceda, cuxo segundo elemento é un diminutivo de rebordelo, de reboretum, do latín robur, carballo. Nalgunhas partes de Galicia chaman rebordela a un
sitio en pendente. De rotundus, referente
á redondez do terreo, é o Teso das
Redondas, en Vilarello de Donís. En San tomé de Cancelada localízase o Teso de Riba, da voz latina ripa, ribeira máis ou menos
característica dun río ou regueiro; tamén pode funcionar como locución, en riba
de, por riba de, encima de, lugar situado no alto. Teso de San Miguel, en Vilaluz (ver San Miguel). Teso de Santa Mariña (ver Santa
Mariña). Teso de San Martín (ver San
Martín). A 1.206 metros de altitude, na parroquia de Donís, está o Teso da Valiña, diminutivo de val,
latín vallis. O Teso do Xardón, na parroquia de Vilarello, amósanos un dos nomes do
acivo, latín aquifolium. O Tesón, a 1.380 metros de altitude e
lindeiro co concello de Navia de Suarna, é un aumentativo de teso. O Tesón de Murias, na parroquia de
Vilaquinte, atópase, como o anterior,
lindeiro con Navia de Suarna, presenta un segundo elemento que quizais veña do
latín murus, muro, montón de pedras.
Elixio Rivas (2001), di que fai referencia a un muro grande.
TESO DA CIGADELLA
A este e aos tres
topónimos seguintes, que tamén teñen como primeiro elemento a palabra teso,
imos adicarlle un pouco máis de espazo. O Teso da Cigadella atópase na
parroquia de Dorna. A única intuición que temos sería que se tratase dun
topónimo referente á cigarra, proveniente dun étimo *cicada ou cicara, ou máis
en concreto dun diminutivo *cicadula,
en consonancia, por exemplo, con A Verdella, procedente dun suposto diminutivo
*viridicula. Topónimos que fagan
referencia a este animal existen, tipo A Chicharra (Navaza), ou A Cigarreira ou
Cigarrosa, como así parece deducir Juan José Moralejo, lugar abundante en
cigarras, e non como adscrición a un suposto grupo humano (Gigurri, *Gigurrensis). A
posibilidade de Cigadella emparentándose cos Cidá, Cidade, Cividade, Ciudadela,
que fan referencia a construcións ou urbanizacións antigas, ou sexa, castros,
lembremos que na mesma zona temos un Teso do Castro, parece máis remota. Mais
esas tamén pode vir do latín caecam,
cega, oculta.
TESO DO LOBO
En Orbán, parroquia da
Ribeira. A segunda parte do topónimo fai referencia ao temible lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de
poderes máxicos: quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder
da súa mirada. O mítico depredador protagonista de imnumerables lendas, animal
obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case
o seu exterminio, a partir da Idade Media. Da súa abundancia sabémolo polas
xeiras organizadas contra eles, como as que, no século XIV, ordenou o arcebispo
Berenguel de Landoira mandando que unha vez por semana saísen as parroquias co
cura á fronte, dende o primeiro sábado de Coresma ata o 24 de xuño, para dar
morte aos lobos e armar os foxos (trampas onde entra o lobo e non pode saír).
Manuel Valladares Núñez, no seu Diccionario
gallego-castellano (1884), fala tamén do lobo negro, Canis Lycaon, variedade, acaso, do lobo común pero máis fero,
delgado, cor negra uniforme, cunha mancha branca no fuciño e outra no peito.
No concello de Cervantes, ademais das lendas de lobos, hai
outras nas que intervén o lobishome, metade lobo e metade home. Unha delas conta que en Doiras, un pai non deixou ao fillo ir a unha festa
que se celebraba en Pedrafita do Cebreiro, mais o rapaz, despois de moito
discutir, conseguiu o seu desexo. O pai, encabuxado, deitóulle unha maldición,
dicíndolle que se tanto gostaba das mozas así andase tras das lobas. E a
maldición cumpriuse. Unha noite o mozo sentiu como unha forza sobrenatural o
apurraba fóra da casa, cara o monte. Cando se decatou andaba a catro patas:
convertérase en lobo que axiña encomezou a matar o gando. O pai, lembrándose da
maldición, recorreu a unha meiga para que devolvera ao fillo ao seu estado
anterior. A meiga díxolle que o único xeito era que o ferise, mais cunha ferida
leve xa que, se era grave, morrería. E así fixo o pai que, cando se lle
presentou a ocasión, cortou cun coitelo a pel do lobo. Pouco a pouco, o mozo
volveu a transformase en home.
TESO DO SEASIÑO
Na parroquia de Dorna, a 985 metros de altitude sobre o
nivel do mar. A raíz deste topónimo lévanos nun principio aos Seara e Senra,
moi comúns en Galicia, que aluden a agra de cereais, barbeito, estivada, roza,
rotea. A palabra senra é considerada de orixe prerromana indoeuropea e o seu
étimo reconstruído é sénara/sénera,
que Corominas considera probablemente céltico e formado con sen-, prefixo que indica separación e ar, arar, campo que se cultiva por
separado. Agora ben, hai outro tipo de topónimos con raíz Sea- (Seán ou Sear, por exemplo) que Moralejo vincula coa forma
medieval senabre (Sanabria, por
exemplo), que vai dar o termo xiabre. En calquera caso Seasiño presenta un –siño que o fai realmente senlleiro.
Mesmo non habería que desbotar a posibilidade do saxum > seixo, aludindo a
terreos pedregosos. No mesmo concello temos, por exemplo, A Veiga do Seixo ou
Seixas. Tampouco se pode desbotar que sexa un diminutivo de Seán ou Xoán, de Iohannis.
TESO DO VAL DA FELPA
Na parroquia de
Cereixedo, a 1.597 metros de altitude sobre o nivel do mar. A última parte do
topónimo ten unha orixe incerta. Aníbal Otero Álvarez, no seu Contribución al léxico gallego y asturiano
(1953), di que felpa é un conxunto de torróns delgados con herba que se
arrepaña e se queima cando a terra ten moita grama. Ares Vázquez cre que a
orixe de felpás, con til, estaría nunha base felpa, quizais de orixe xermánica.
A TIOXA
Monte da parroquia de
Cereixedo. Topónimo que lembra pola súa forma a Toxa. Navaza dinos que Isidoro
Millán estuda estes topónimos Toxa con outros semellantes ou supostamente
emparentados (os hidrónimos Teo ou Tea) e considera que se trata de derivados
dunha raíz hidronímica indoeuropea *teku,
correr, fluír. O hidrónimo Tioira garda, cando menos, certa semellanza formal
con Tioxa. Navaza non pode confirmar se estes Toxa son hidrónimos prelatinos ou
fitónimos da familia de toxo, proveniente hipoteticamente do prerromano *toju. Debemos relacionalos, di el, co
topónimo asturiano La Toya (en área
onde o toxo é toyu). Lembremos como
curiosidade que no galego oriental se dan formas tipo mutio ou trutia que, se
cadra, poderían ter certa relación con Tioxa.
TORRE DE DONIS
Construción situada na
aldea de Donís. O primeiro elemento vén do latín turre,
torre de vixiancia. Trátase na actualidade dunha casa de labranza con torre e
brasón cun xabaril, unhas lanzas e un castelo. Di Nicandro Ares que en Donís tiveron a orixe as linaxes dos Fernández de Temes, os Cedrón, os Digón, os Rosón e os Saavedra. O mesmo autor escribe que a torre debe ser moi antiga, e que primitivamente tiña o nome de Torre de Onís, de procedencia asturiana. O edificio ten forma rectangular, cuxos lados menores acaróanse ao corpo da torre e a un camiño. Na fachada da torre hai unha pedra armeira en granito, e outra na parte correspondente á casa. Na xurisdición de Cervantes cuxo señorío exercía o conde de Grallal, comprendíase a freguesía de Donís, existindo na parroquia o lugar de Castelo. A casa torre pertenceru á familia Sanmartiño Pambley, que percibía rendas forais na parroquia de Donís e colindantes, xa de Navia de Suarna, Candín, San Antolín de Ibias e outros lugares. Posteriormente foi dona Aurelia Sanmartiño, natural de Cangas de Onís, e por sucesión pasou aos Ron, residentes en Lugo, quen a enaxenaron a un home chegado de América quen adquiriu o edificio e as súas terras. Para o composto, ver Donís.
TORRE DE DUMIA
Na aldea de Dumia. Tamén
coñecida como dos Rosón. Consérvanse restos da arruinada torre. Segundo
información facilitada por Tito Fernández de Témez, nunca pertenceu aos Rosón;
é solar e casa da familia Neira ou Vázquez de Neira. Malia o anterior, o lema da súa pedra
armeira, coroada por un helmo, segundo Vázquez Seijas, di: "Estas armas y blasones
son de Neiras y de Rosones y estas son de los de Lamas de Alvarez Alba y de Canceladas, apellidos de esta casa". Onde di "y de Rosones", hai quen ve "ynfanzones". Dona María de Neira, no século XVI, merca ao
arcebispo de Santiago o Pazo de Oca, entrando a linaxe dos Neira de Dumia a ser
señores de Oca. A linaxe Neira no Val de Cancelada, continúa a aclarar
Fernández de Témez, está vencellada aos pazos e torres de Penelas, Vilafrial e
O Fabal, no mesmo val. Vázquez Seijas escribe que en escritura de 28 de xaneiro do ano 1490, outorgada entre Diego Díaz de Guitián e Basco Gómez de Cancelada, este recoñece a aquel por dono propio do pazo de Dumia, así como de todos os bens anexos, como marido de Aldara Vázquez de Cancelada, filla de Alonso López de Cancelada e Viringuela López polo cal Basco demitiu o dereito que a ditos bens podía ter, coa súa propiedade, Diego Díaz. Don Diego e a súa muller, por escritura do ano 1505, doan a favor de Diego Sánchez de Cancelada, da casa, torre e pousa de Dumia, durante a súa vida. Lope Díaz de Guitián fundou no ano 1600 o morgado da linaxe, ao que foron agregados os que posteriormente fixeran a súa muller, María de Balboa, no 1626, e de Pedro Díaz de Guitián, o seu fillo segundo, no 1649. Rodrigo Fernández de Cancelada, Diego Díaz de Guitián e Fernando Díaz de Guitián e Neira, outorgaron contrato o día 9 de xaneiro de 1660 sobre a reedificación da torre de Dumia. A casa de estaba composta de planta baixa e alta, cunha cerca de pedra calcaria bastante grosa e que constituiría o perímetro da primitiva torre. Na parte alta da segunda planta hai outro escudo bastante desgastado, coroado tamén con helmo de viseira. A mediados do ano 1964 era propietaria da casa e bens de Dumia María Álvarez Valcarce, filla de Decoroso Álvarez Santín, residente en Baralla, casada con Manuel Fernández e Fernández. Adquiriuna o seu avó Carlos Álvarez Carballo dos seus donos que vivían en Vilafranca do Bierzo.
En Dumia está o lugar de A Torre.
TRABADO
TRABADO
Núcleo de poboación da
parroquia de Cereixedo. Quizais veña do participio latino do verbo trabare, impedir, derivado de trabs, trabe, atranco que, como sinala
Ares Vázquez, sería sinónimo de couto, cercado, límite. Niermeyer recolle trabata co significado de andamio,
casoupa. Mais o mesmo que Trabada, Tabulata
en documentos medievais pode ter a orixe no latín tabula, medida de terra en cadro.
Na parroquia de Donís
temos A Ponte Trabado e o monte Trabado do Seixo, do latín saxum, rocha.
TRAS DO MILAGRE
Na parroquia de Dorna.
A preposición latina trans funciona
como elemento de formación de palabras co significado de máis alá ou detrás de.
O composto, do latín miraculum, pode
facer alusión a un lugar onde se practicaban certos rituais destinados a curar
determinadas enfermidades, tanto físicas como psíquicas.
Precedidos tamén da
partícula trans, no concello están os
montes de Tras das Penas, en San
Pedro de Cervantes, e Tras do Teso,
na parroquia de Vilaspasantes.
AS TRAVESAS
Monte situado a 1.285
metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín travessum, que atravesa, que se pode interpretar no sentido de
herdades atravesadas por camiños ou dispostas transversalmente. Trabe. Tamén se
chama así á peza do carro que une as chedas e o cabezallo.
AS TRES FONTES
Monte da parroquia de
Vilaquinte. O nome deste monte pódese referir ao numeral tres, ou ao nome dun
propietario que atendía por Tresius.
TRIGAIS/A TRIGUEIRIÑA
Os Trigais é unha
aldea pertencente á parroquia de San Pedro de Cervantes, e A Trigueiriña un
monte da parroquia de Lamas. De triticum,
trigo, campos sementados de trigo. O trigo xa está documentado nalgúns castros
galegos. Tamén leva o nome de trigal o verderol, o paxaro parecido ao pardal.
O UCEDO
Na parroquia de Cereixedo.
Monte de uces. Do latín ulice, uz,
breixo, arbusto de madeira dura e raíces grosas que ata ben entrado o século XX
se empregaba para facer carbón vexetal, tanto para consumo propio como para
vender. A raíz e a flor da uz branca utilizábase como remedio para a dor de
cabeza e o lumbago. A uz vermella considerábase velenosa.
VAL DE ESCUDO
Situado na parroquia
de Vilaspasantes. Do latín vallis,
chaira de terra entre montes ou alturas. O composto, do latín scutum, máis ca a arma defensiva para
cubrirse ou resgardarse das armas ofensivas e doutras agresións, semella
denunciar un sitio defendido, a xeito de escudo, das inclemencias
meteorolóxicas.
A pesares da abrupta
xeografía do concello de Cervantes, non resulta raro o atoparnos con pequenos
vales encaixados entre as colosais moles montañosas. O Val Grande, nas parroqias de Cereixedo e Noceda, cuxo adxectivo
fai referencia ás características do terreo. Val de Ortigal, de ortiga, latín urtica. Valdeovella, en
San Pedro de Cervantes, do latín ovis,
ovella, o mamífero rumiante criado pola súa carne, leite e la. Valdesolleiro, en Vilarelllo, que denuncia
un sitio onde dá o sol ao abrigo; lugar onde en inverno se pode tomar o sol ao
abrigo do vento. Caridad Arias faino derivar do nome persoal Sollarius, alusión ao sol, astro ou
divindade. Valdieira, tamén na
parroquia de Cereixedo, semella un composto de val, latín vallis, e eira, latín area,
espazo para mallar os cereais. Val da
Valiña, en Cereixedo, tautoloxía ou repetición de val. Valiña do Carballo, en Noceda, co diminutivo de val, aínda que para
Caridad Arias non está relacionado co latín vallis,
senón que contén o antropotopónimo celta Val(l)o
ou Val(l)io, con derivados
latinizados Valius, Valiacus... (para o composto, ver O
Carballal). Valiña da Fiosa, na
parroquia de Dorna, de cuxo composto falamos noutras entradas. Na parroquia do
Pando atopamos a Valiña de Torneiro,
amosa un traballador que manexa o torno, latín tornus. Tamén pode estar en relación cun terreo que describe unha
curva pronunciada. A Valiña de Vilavella,
na parroquia de Noceda, sería unha villa
vetula, do latín vetera, vella,
antiga. E por último O Valitón, no Chao de Vilarín, aumentativo
de val.
VALGOS
Aldea da parroquia da
Ribeira. Ares Vázquez di que podería conectarse co antropónimo latino Valgus, equivalente a trenco, zambro, o
de pernas tortas para fóra e xuntas os xeonllos, se ben aclara que valgo, como
substantivo, ten a acepción de chanta, e neste caso a súa base estaría no latín
vallum, valo. A aldea é citada no
inventario do mosteiro de Samos do ano 1125, in Navia villa vocitata Valgos media quam dedit Munio Garsie in era
MCLVI. Pertenceu aos Pardo Reguera, que tiñan casa en Castelo de Frades. De Valgos foi o pintor Gumersindo Pardo Reguera (1847-1916). Tamén foi farmacéutico, delineante (fixo os planos do ferrocarril da Coruña), político, mestre e secretario da Academia Galega de Belas Artes. Tivo unha certa conexión con Pablo Picasso na Coruña, cando o pintor malagueño pasaba horas e horas na botica de Gumersindo. Un fillo deste, Antonio, foi un dos mellores amigos do autor do Gernica. A súa filla, Elena Pardo-Reguera García, confeccionaba bonecos de trapo, algúns expostos no Museo Provincial de Lugo.
A VARA
Monte da parroquia de
Cereixedo. Elixio Rivas fala da "vara de monte, vara de doce palmos, a
antiga medida de lonxitude equivalente a 1,10 metros. Navia de Suarna-Cervantes
de onde monte de varas/de voces, monte comunal de pastos ou en que se reparten
searas". Por outra banda, Bara é
unha divindade prerromana que contén o radical indoeuropeo *bar, auga. Para Holder (1904), o
topónimo podería estar relacionado co irlandés bara, xenitivo baranu,
cimrico bar, que significaría ira ou
furor. Cremos que tamén se podería vencellar co antropónimo Varus. Nicandro Ares apunta que podería
designar a porción en que se dividían os prados comúns ou terras de labor.
No concello, coinciden
con este topónimo a Fonte da Vara, Fonte do Regueiro da Vara, a Golada da Vara, o Monte da Vara e o regueiro
da Vara.
A VEIGA
Montes da parroquia de
Cereixedo e do Pando. Do prerromano *baika,
terreo sempre húmido, chan e fértil. Denomina un val ou terreo que baixa cara o
río. Topónimo moi abundante en Galicia. O vocábulo veiga xa se le nun documento
do mosteiro de Celanova no ano 961, e no século XII nos mosteiros de Xubia, Oseira
e Santiago de Compostela.
Emparentados con este
topónimo, temos no concello o Muíño da
Veiga, en Vilarello, o Muíño da
Veiga do Curral, en Vilaspasantes, A
Ponte das Veigas sobre o regueiro Veiga
Cimeira, Os Prados da Veiga, na
parroquia do Castro, A Veiga do Seixo,
en Cereixedo, o monte da Veiguiña en
Os Picos, e As Veiguiñas en Moreira.
VILADEITE
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilapún. Por vila, latín villa,
entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con
edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos,
converténdose nun elemento básico dende o século X. Segundo J. Piel, este
topónimo suxire un posible *(villa) Delecti
en que se recoñece o xenitivo de forma latina delectus que significa rexeitado, abandonado. Aldea citada nun
documento do ano 1002 como Villare Deiti.
Elías Valiña Sampedro escribiu que no ano 1983 quedaba unha palloza habitada só
ocasionalmente.
VILAFRIAL
VILAFRIAL
Aldea da parroquia de
San Tomé de Cancelada. Nicandro Ares achega que foi unha vila Freduari, xenitivo do antropónimo gótico
Freduarius ou Fredarius. Citada nun documento do ano 973. No primeiro terzo do século XVII, Alonso López de Cancelada, como señor da casa de Dumia e dono da metade de
Bolois, coa súa casa, hórreo e as súas herdades, seguiu preito co
capitán Pedro Gómez Osorio, veciño de Vilafrial, en que se deu sentenza
con mandato á Real Audiencia para que dito capitán dese libres a Alonso López de Cancelada as terras que levaba no dito lugar.
VILALUZ
VILALUZ
Aldea da parroquia do
Castro. (Villa) Lucii, dun posesor
latino de nome Lucius, xenitivo de lux, lucis,
luz. Cítase no mosteiro de Carracedo do Bierzo nos anos 1275, 1311, 1312, 1326
e 1351.
VILANOVA
Núcleo de poboación da
parroquia de San Pedro de Cervantes. Foi unha villa nova en latín, fundada en época medieval.
VILANOVA DO PEDREGAL
Aldea da parroquia de Noceda. Do latín villa nova determinado polo latín petricale, sitio abundante en pedras, de
petra.
VILAPÚN (SANTA COMBA)
Nome da parroquia. Ten
unha extensión 8,61 quilómetros cadrados. Ata o ano 1845 foi Couto Redondo. Villa Puni, dun posesor que atendía polo
nome de Punius. Comba é un nome
latino que significa pomba; é o símbolo da paz e da pureza. Aldea citada nun
documento do ano 1002.
Asegura Madoz que o
terreo das aldeas da freguesía de Vilapún era de mediana calidade, e o camiño
que ía a Navia de Suarna malo. Daquelas, mediados do século XIX, o correo
recibíase de Becerreá. Producíase centeo, patacas, trigo, liño, nabos e
legumes. Criábase gando vacún, lanar, de cabra, porcos e cabalos. Cazábanse
perdices, xabaríns e corzos, e pescábanse troitas. Había oito muíños
fariñeiros.
VILAQUINTE (SAN BREIXO)
Nome da parroquia. Ten
unha superficie de 13,21 quilómetros cadrados. (Villa) Quintia ou Quintiani
dun posesor de nome Quintius ou Quintianus. No ano 1200 Afonso IX doa ao
mosteiro de Carracedo do Bierzo "illam
villam regalengam de Cervantes, nominatam Villaquinte". No 1220 o
mesmo mosteiro afora a "Petro Suerit
de Villaquinte totam tertiam partem de Villaquinti". San Breixo, Sanctus Verissimus, foi martirizado en
Lisboa.
No século XIX, a
freguesía de Vilaquinte contaba cunha escola indotada. O clima era san e había
algúns mananciais de auga potable. Os camiños locais eran malos, e o correo
recibíase de Becerreá. Producíase centeo, castañas, patacas e nabos. Criábase
gando vacún, cabalar, de porco, de cabra e lanar. Había osos, xabaríns, cervos,
corzos e perdices. Pescábanse troitas. Tiñan teares e muíños fariñeiros.
Don Elías Valiña
Sampedro escribiu no ano 1983 que das quince vivendas que había en Vilaquinte,
só quedaban habitadas catro.
VILAR
Aldea da parroquia de
Donís. Do latín villare, pequeno
núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor
rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na
organización da produción agraria.
VILAR DE CUCOS
Aldea da parroquia de
Vilasante. Vila visitada polo cuco, a ave trepadora da familia das cucúlidas,
frecuente en primavera. A orixe do termo cuco é onomatopédica, latín tardío cucus, vén a partir do seu canto
(cu-cu). Segundo a lenda, quen escoita o seu canto antes do almorzo vivirá
moitos anos e está chamado a ter a sorte de cara, mais, quen o oe en xaxún vai
ter un ano cheo de preguiza. Cucos
foi tamén un alcume persoal. Villa de Cucus
cítase nun documento lucense do ano 998. No século XII, a aldea pertencía aos
coengos da catedral de Lugo.
O VILAR DE FERREIRA
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilaspasantes. Do latín villare
e ferrarium, derivado de ferrum, ferro. Obradoiro onde traballa o
ferreiro. Forxa. Segundo Eladio Rodríguez, a finais do século XVIII a produción
das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis
de dous millóns de reais. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das
excelencias das ferrarías galegas.
VILAR DE MOUROS
Núcleo de poboación da
parroquia de San Pedro de Cervantes. Como xa vimos noutra entrada, o composto
deriva da raíz *mor, pedra, nome que,
nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraizado
no maxín popular que en Galicia deu multitude de lendas. Tamén temos que ter en
conta que o topónimo pode referirse a unha *(villarem
de) Mauro, dun posesor que atendía polo nome de Maurus.
VILARELLO (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Ten
unha extensión de 18,41 quilómetros cadrados. O nome da aldea, ademais de
proceder do latín villare, podería ser
unha vila Arelliu, dun propietario de
nome Arrellius. María, nome de orixe
hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico, significa señora.
Lemos no Diccionario de Pascual Madoz que no
século XIX os camiños que discorrían pola parroquia de Vilarello eran malos, e
o correo recibíase do Cereixal. Producíase centeo, patacas, nabos e pasto.
Criábase gando vacún, de porco, lanar e cabras. Víanse osos, xabaríns, cervos,
corzos, rebezos, lobos e zorros. Pescábanse troitas. Había muíños fariñeiros e
ferrerías.
No ano 1983, segundo
don Elías Valiña Sampedro, conservaba unha palloza e vinte e dous hórreos.
Tamén leva o nome de Vilarello unha aldea da parroquia de
Donís e un monte situado a 1.224 metros de altitude sobre o nivel do mar. Vilarello da Irexa é unha aldea da
parroquia de Vilarello, cuxo composto é unha variante de igrexa, latín eclesia, edificio destinado ao culto. Vilarello do Río é outro núcleo de
poboación, cunha segunda parte do topónimo que identifica un río, latín rivu.
VILARGUITE
Núcleo de poboación da
parroquia de Vilapún. (Villarem) Vitte
ou Guitte, dun posesor de nome Vitto ou Gito. Citado como Vilalquite
no ano 1378.
VILARNOVO
Aldea da parroquia de
Vilaquinte. Foi un villare novum, núcleo
de poboación de época medieval.
VILARTATÍN
Aldea da parroquia da
Ribeira. Debeu ser unha Villarem Tattini,
dun propietario de nome Tattinus.
VILARTOTE
Núcleo de poboación de
San Tomé de Cancelada. Villa Totti,
dun home coñecido por Tottus ou Tottius. Nun muro dunha construción en
ruínas pódese ver unha pedra armeira cun camelo e réptis.
VILASANTE (SANTIAGO)
Nome da parroquia. Ten
unha superficie de 6,85 quilómetros cadrados. Puido ser unha Villa Sentani, dun propietario medieval
de orixe xermánica de nome Sinta. Ou
de Villa Sancti, vila de Sancho. Ares
Vázquez di que os nomes latinos Sanctus
e Sancius terían como base o
participio do verbo latino sancio, sanxi, sanctum, que significa sancionar, consagrar, polo que sanctus equivalería a consagrado. Tito
Fernández de Témez informounos de que a parroquia de Santiago de Vilasante
resulta do traslado, no século XVIII, dun anterior asentamento chamado Santiago
de Rivasmorto. A aldea cítase como Villasancti
no ano 1002, e Villa Santi no 1225. O
patrón da parroquia, Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi
discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira
vez a Gallaecia para evanxelizala.
Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado
nos Feitos dos Apóstolos, cando é
martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813
cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o
enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón),
nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a
catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de
Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV. Ata
o último terzo do século XVIII, a parroquia de Santiago de
Vilasante, en Cervantes, era de Santiago de Ribasmorto. De todos
xeitos, ao longo do século XIX (máis ou menos ata o ano 1863)
conviven as dúas, sendo nomeadas
indistintamente como Santiago de Ribasmorto ou Santiago de Vilasante,
como por exemplo nos Boletíns Oficiais da provincia como do bispado.
Así e todo, a aldea de Vilasante xa se cita como “Villa Santi”
no ano 1002. O que descoñecemos é se
aínda existe un lugar chamado Ribasmorto. Sabemos dos sitios da
Oración, O Camiño da Misa (entre O Fabal
e a igrexa), A Cruz e A Ermida (deste só
se conserva o topónimo).
As fontes, cando Pascual Madoz publicou o seu Diccionario (1849), manaban auga de mala
calidade. O correo recibíase de Becerreá e do Cereixal. Producíase centeo,
castañas, patacas, nabos, viño, trigo, liño, fabas e froitos. Criábase gando
vacún, lanar e de porco. Cazábanse lebres, perdices, xabaríns e corzos. Había
tres muíños fariñeiros.
Dito: “Os de Vilasante
comen o guisante e non hai lobo que os espante”.
VILASPASANTES (SAN XOÁN)
Nome da parroquia,
cunha extensión de 9,79 quilómetros cadrados. Debeu ser unha Villa Espasandis, dun propietario de
orixe xermánica de nome Spasandus.
San Xoán vén de San Iohannis, nome de
orixe hebrea que significa “Deus é propicio ou misericordioso ou misericordia
de Deus”. A aldea é citada como Vila
Espasende no ano 1282, freguesía de Espasandi
no 1167 e 1300, e Vilaespasante no
1416.
As terras, na parte
destinada a cultivo, eran de boa calidade, infórmanos Madoz (1849). O clíma era
frío pero bastante san. Os camiños eran malos, e o correo recibíase de
Becerreá. Producíase centeo, patacas, liño, nabos, fabas e hortalizas. Criábase
gando vacún, de cabra, lanar, de porco e cabalos. Cazábanse perdices, xabaríns
e corzos, e pescábanse troitas. Había varios muíños fariñeiros.
VILAVER (SAN XUSTO)
Nome da parroquia. Ten
unha superficie de 4,81 quilómetros cadrados. Leva a unha Villa Valerii, dun propietario de nome Valerius, un xentilicio romano que se utilizou tamén como cognome e
nome persoal. O patrón, San Xusto, naceu, ao igual que o seu irmán San Pastor,
en Alcalá de Henares. Tocoulles vivir a derradeira das grandes persecucións dos
cristiáns en tempos de Diocleciano. Por declararse cristiáns foron decapitados
no ano 304. Nome que significa "o que obra con xustiza". A aldea
cítase como Villavaer no 1200, e Villavaeer no 1208.
VILAXÁN
Aldea da parroquia do
Mosteiro. Estamos diante dunha nidia Villa
Ihoanni, dun propietario medieval de nome Iohannis, nome hebreo que significa “misericordia de Deus”.
A VIÑA
Lugar da aldea de A
Estrada. Do latín vinea, terreo
plantado de videiras. Os primeios cultivos de viño, latín vinnum, dátanse ao redor do terceiro milenio a.C. no Oriente
Próximo, Sumeria e Exipto. O viño aparece na Biblia tras o Diluvio Universal da man de Noé, e tamén no Gilgamesh sumerio. O viño chegou a
Grecia, vía Creta, onde mesmo lle adicaron un deus: Dionisio. Na Península
Ibérica parece que chegou cos fenicios proveniente de Italia. A súa divulgación
foi grazas aos romanos que pouco a pouco substituíu a outras bebidas, en Galicia
á cervexa, que era a bebida dos habitantes dos castros, segundo narran os
autores clásicos. En Roma tamén tivo un deus: Baco. Malia o anterior, Ares
Vázquez di que no caso de que esa terra non fose apta para viñedo, podería
tratarse dun lugar pertencente a un propietario de nome Avinius ou Avinnius.
Nun monte da parroquia de Lamas, situado xunto o
río Navia, onde hai unhas covas, atopamos o microtopónimo Suasviñas, coa palabra viña precedido polo prefixo sub-, baixo de. A Viña da Moura atópase nas inmedicacións do castro de Santa María,
hai vestixios dunha explotación aurífera de época romana.
Nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada
(1752) cítanse plantacións de videiras, con uvas de mala calidade, nas
parroquias da Ribeira e de San Tomé de Cancelada.
XANTES
Núcleo de poboación da
parroquia de Donís. Nicandro Ares Vázquez cre que semella un patronímico de Sanctius, ou do greco-latino Xanthus, o roibo.
XESTOSO
Aldea da parroquia de
Vilarello. Foi genistosum, de genista, sitio abundante en xestas. As
xestas utilizábase como vasoiras e coañeiras, e as de gran tamaño para o lume.
A XUNQUEIRA
Monte de San Tomé de
Cancelada. Derivado do latín iuncus
co sufixo –eira, que nos informa dun
lugar abundante en xuncos, a planta que nace en lugares húmidos.
Na parroquia de Donís
temos o diminutivo Xunquiñas.
Toponimia do concello de Cervantes
© Colectivo Patrimonio dos Ancares