Dende hai anos, o Colectivo Patrimonio dos Ancares e a Asociación de Veciños de Torés levamos advertindo do pésimo estado da torre de Torés, no concello das Nogais, un Ben de Interese Cultural (BIC) moi visitado, con grave risco para as persoas (non é a primeira vez que hai desprendementos). Debido ás choivas, o que denunciamos reiteradamente, desgraciadamente aconteceu. Parte do que queda da zona ameada veuse abaixo. O primeiro que fixemos ao ter coñecemento foi avisar por teléfono ao alcalde para que se protexera a zona por medo a máis derrubes, e tamén a Patrimonio para que teñan coñecemento da situación e obriguen a quen corresponda a realizar de forma urxente os traballos para consolidala. A fortaleza foi cedida no ano 2013 pola Casa de Medinaceli ao Concello por 25 anos para a súa posta en valor, pero, a pesares das reiteradas denuncias, non se fixo nada de nada. Nós nunca pedimos un imposible, só que se consolidara e poder ter así unhas ruínas dignas e seguras. O que se vía vir, pasou.

