MÁMOAS E CASTROS PEDRAFITA DO CEBREIRO

MÁMOAS


MONTE DA MEDORRA
 
Este topónimo atopámolo en Rubiais, parroquia de Zanfoga, a 1.161 metros de altitude. Na actualidade non existen pegadas de mámoa algunha. Quizais o único resto sexa unha pedra que atopamos a uns 75 metros de distancia que puidera corresponder ao esteo dun posible dolmen pero, ao atoparse fóra dun contexto arqueolóxico claro, non podemos afirmalo con seguridade. Nas inmediacións tamén se conservan os microtopónimos de Corgo da Medorra e Rego da Medorra.

 

A TORRE
 
Na aldea de A Torre, parroquia de Lousada. Só temos unha referencia oral, pero no sitio indicado non atopamos restos.
 
 

AS PRIMEIRAS MÁMOAS DE PEDRAFITA DO CEBREIRO 
 
O día 16 de setembro de 2020, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos dúas mámoas no concello de Pedrafita do Cebreiro, unha no límite co Bierzo (León). A primeria foi no monte Riba do Santo, a 1.350 metros de altitude, xusto no límite entre a parroquia do Cebreiro e La Laguna, no concello berciano de Veiga de Valcarce. De forma tirando a ovalada, ten unhas medidas de 15 por 12 metros, e unha altura de un metro. No centro obsérvase un pequeno cráter de violación. Foi alterada por unha plantación de piñeiros. 
 
A segunda mámoa localizámola na parroquia de Pacios, a 1.175 metros de altitude, no monte co evocativo nome de A Medorra, clara alusión a un primitivo enterramento. Cuberta pola maleza, ten uns 16 metros de diámetro e unha altura de 1,20 metros. Nun monte situado a uns 350 metros de distancia había outra mámoa que, debido aos traballos agrícolas, desapareceu hai uns 70 anos.

Os achados xa foron comunicados a Patrimonio da Xunta de Galicia.
 
 
 
 


PETROGLIFOS

O RELEVO DE SALCEDO, NO CEBREIRO, PROCEDENTE DA POBRA DO BROLLÓN, INTERPRETADO ERRONEAMENTE COMO UN PETROGLIFO 
 
Foi a mediados dos anos noventa cando vimos na hospedaría do Cebreiro unha pedra gravada cuns curiosos motivos. Cando nos interesamos pola peza contárannos que era un "petroglifo" que fora reaproveitado como lintel dunha palloza na aldea de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón.

 

Na pedra, tirando a rectangular, cunhas medidas aproximadas de 80 por 40 centímetros, obsérvanse dous homes montados en cadanseu cabalo. Sobre o ventre dos cuadrúpedes, coas catro patas e o rabo perfectamente definidos e mirando un cara o outro, vense senllas espadas ou frechas. Os cabaleiros miran cara o observador da peza, carecen de extremidades inferiores, apreciándose nidiamente o tronco do que parten os brazos estendidos en cruz, cabeza redonda, ollos globulados e nariz. Sobre o peito do xenete da dereita vese un círculo cruzado por catro liñas (Un disco solar? Un Crismón?), e debaixo do brazo esquerdo un cadrado cunha aspa (Cruz de Santo André?). Completan o panel outro animal (un can?), unha espada ou frecha e dous símbolos de difícil interpretación a ambos os lados da cabeza do xenete da esquerda.

Sorprendentemente, recoñecemos, non volvemos a interesarnos pola peza ata transcorridos máis de dez anos.

Para emendar a neglixencia, un día do mes de novembro de 2015 liscamos cedo para Salcedo, con tan boa sorte que demos coas persoas adecuadas que sabían toda a historia. O noso  principal informante foi don José Rivera que ten a casa pegada á do lugar de procedencia da pedra coas gravuras. A historia que nos contou difería da que vinte anos antes recolleramos no Cebreiro. Díxonos que aparecera no ano 1951, nos alicerces dun antigo curral cando estaban a derrubalo. A parte gravada miraba cara o interior e estaba do revés. Durante un tempo estivo tirada no sitio, ata que ao ano seguinte foi reaproveitada como adorno na fachada principal da casa cando foi arranxada. O albanel, para "conmemorar" a restauración da vivenda, gravoulle a data de 1952. Alí permaneceu ata arredor do ano setenta en que os propietarios lla venderon por unhas 15.000 pesetas a Elías Valiña Sampedro, o cura que chegou á aldea do Cebreiro "co posto e unha escangallada bicicleta, e mira...", díxonos unha veciña.

 
 

No ano 1998, o señor José, cando foi á romaría do Santo Milagre do Cebreiro, viu a pedra na hospedaría (onde nós a viramos), convertida en mesón, de San Xiraldo. Lembrou cando, como amigo e veciño dos propietarios, axudara a derrubar o centenario curral. Unha veciña, que o acompañara á romaría, contounos que tamén se fixara na peza que durante anos estivera na "Casa dos Currais". 

Para completar a historia, achegámonos a falar cos actuais "propietarios" do relevo. Unha sobriña de Elías Valiña confirmounos que, en efecto, viñera de Salcedo, mercada polo seu tío. Cando pechou o mesón, os familiares que o rexentaban leváronna canda eles como "herencia".

Canto a se a peza está completa, descoñecémolo, se ben cremos que era sensiblemente máis grande. Sobre a procedencia é imposible sabelo, ata que se atopou no ano 1951 ignorábase a súa existencia. O que si semella claro é que foi primeiro cortada, preparada e logo gravada. Non se trataría, polo tanto, duns motivos realizados nunha pedra que formara parte dalgún afloramento onde adoitaban insculpirse os petroglifos prehistóricos galegos. Ademais, os motivos de Salcedo son perfectamente recoñecibles, ao contrario das gravuras da Idade do Bronce onde as representacións adoitan ser moi esquemáticas. Polo tanto, hai que desbotar a orixe prehistórica tal como enganosamente figura nunhas postais da peza que se venden no Cebreiro onde no anverso podemos ler: "Relieve de la Edad del Bronce y fecha de su hallazgo" (a data da descuberta, como indicamos máis arriba, non foi no 1952, senon un ano antes, a data inscrita no relevo é de cando a colocaron nunha casa dos propietarios).

 

A pesares da deterioración da peza nalgunhas partes, atópase en bastante bo estado, non observándose un desgaste significativo polo que é probable que non estivera exposta aos axente meteorolóxicos.

Na Idade Media, as representacións de homes a cabalo son frecuentes, e se lle engadimos o círculo cruzado por liñas e o cadrado que acolle unha aspa, a súa adscrición medieval sería bastante clara. Hai quen mantén que a cruz patada templaria deriva da antiga roda solar ou da primitiva representación do crismón. Na España Sagrada dos PP. Flórez e Risco cítase un documento do ano 1254 que alude a unha igrexa en Santiorxo, na parroquia de Liñares (A Pobra do Brollón), pertencente aos templarios.

Non resulta doado interpretar a escea representada na peza, certos elementos do programa iconográfico desconcertan o que fai que, se cabe, sexa aínda máis singular. Unha escea de caza? De sacrificio? Unha ofrenda?

A principios do mes de marzo de 2016 dirixímonos ao Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que me dixeran se o relevo estaba catalogado, contesdtándonos a mediados de abril que non. Resposta que certamente nos sorprendeu xa que tiñan coñecemento da súa existencia. Ese mesmo día rexistyramos un escrito solicitando a súa inclusión no catálogo de bens culturais e, ao mesmo tempo, enviámoslle unha carta certificada ao Bispado de Lugo para informalos, por se o descoñecían, que a peza fora mercada polo cura Valiña Sampedro con cartos públicos para engordar o patrimonio do Cebreiro, colocándoa na hospedaría-hospital de San Xiraldo, propiedade da Igrexa. Como xa nos imaxinabamos, nunca recibimos resposta. O que si nos sorprende (ou non) é que na páxina web da Diócese de Lugo teimen en asegurar que se atopa no mesón.

 
 
 

Como dixemos máis arriba, á morte de don Elías Valiña no 1989, uns seus familiares montaron alí un mesón que rexentaron ata hai uns anos e que na actualidade está ocupado polos monxes franciscáns que atenden o santuario. En definitiva, o relevo desapareceu do sitio, os familiares de Valiña Sampedro leváronno canda eles coma se dunha "herencia" se tratara cando, en realidade, pertence á Igrexa ou, como é lóxico xa que foi mercado con cartos públicos, ao Patrimonio de todas e todos. 

Dende Patrimonio en Lugo contestáronnos que remitiran a nosa solicitude para a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago. Un ano despois, ante a falta de noticias, enviámoslle un escrito á citada Subdirección para que nos dixeran como estaba o tema. Responderon o 9 de maio de 2017, dicíndonos que solicitaran a colaboración da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago co fin de informar sobre a importancia e singularidade do relevo e a procedencia da súa inclusión no catálogo. Na USC concluíron no carácter enigmático da peza e na dificultade da súa interpretación, mesmo que os seus trazos estilísticos e os elementos iconográficos tampouco permitían establecer a adscrición cronocultural, ademais da ausencia dun contexto arqueolóxico que impedían a súa correcta valoración histórica. Ante isto, dende a Subdirección solicitaron a colaboración do Museo Arqueolóxico do Castro de Viladonga para valorar a importancia do relevo, "polo que, de momento, estase á espera dos datos que permitan valorar a catalogación da mencionada peza".

 

Un ano máis tarde seguiamos sen noticias polo que, o día 12 de xuño de 2018, enviámoslle á Subdirección Xeral outro escrito preguntándolle se no Museo do Castro de Viladonga chegaran a algunha conclusión. Non recibimos resposta polo que, trancorrido outro ano, o 19 de xuño de 2019, volvemos insistir. Para asegurar algún tipo de resposta, chamamos por teléfono ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural en Santiago onde nos dixeron que ían comprobar como estaba o asunto. Trancorridos oito meses, ante a ausencia de resposta deste organismo, o día 12 de marzo de 2020 requirímoslle de novo que nos dixeran en que fase está o tema

Teremos, por fin, resposta? Sinceramente, dubidámolo, hai cousas do Cebreiro que mellor non remexer, léase, como exemplos máis chamativos e que xa tocamos noutras entradas, a románica Virxe do Milagre e o Cristo gótico que, simplemente, se evaporaron.

Escribiu Umberto Eco: "Sabedoría non é destruír ídolos, senón non crealos nunca". Pero no Cebreiro creáronse, e ademais, a pesar de todos os pesares, indestructibles.
 
 
 
CASTROS 


 

CASTRO DA TORRE

Na parroquia de Lousada. A 1.046 metros de altitude sobre o nivel do mar. Ocupa a parte final dun esporón do río Lor que se adapta á orografía do terreo. Apréciase unha dobre muralla circunvalada por un foxo, tamén dobre. Conserva restos duns muros que puideron pertencer a unha torre de vixiancia. Ten unhas medidas aproximadas de 150 metros no eixo máis grande e de 90 metros no menor. 
 
Nas inmediacións do castro, polo NE, obsérvase un posible corte de prospección mineira duns 50 por 15 metros.
 
No monte coñecido como Tralocastro, ao pé do asentamento, disque apareceu unha ola chea de po de ouro.
 
A uns 600 metros consérvase o topónimo Pena Abaladoira que polo de agora non atopamos nin conseguimos documentar folclore. 
 



CASTRO DE CERRACÍN OU SERRACÍN
 
Situado a 934 metros de altitude, entre as aldeas de Santalla, na parroquia de Lousada, e dos Casares, na parroquia de Zanfoga, sobre o río Lor e o rego das Forcas. Presenta varios aterramentos. Xunto coas murallas dos socalcos que arrodean o castro, o sistema defensivo complétase con dous foxos. A impenetrable matogueira e a mesta arboreda non permite saber se no interior agocha algún tipo de elemento construtivo. A 40 metros do castro da Chan da Pena.
 
Ao pé do castro hai unha cova onde, segundo a lenda, está agochado un tear de ouro.

 


 
CASTRO DE CHAN DA PENA OU DA CHAN DO CASTRO
 
Na aldea de Santalla, na parroquia de Lousada, a 829 metros de altitude sobre o nivel do mar.
Érguese nun esporón de xisto sobre o río Lor. O esporón está illado do resto do monte por un foxo na parte NO. O resto do recinto está protexido por boas defensas naturais. De difícil acceso, está cuberto pola matogueira. A 430 metros do castro de Cerracín.
 
Segundo os veciños, a muralla que o arrodeaba foi construída polos mouros.

 


 
CASTRO DE VILELA
 
Na parroquia de Lousada. Recibe o nome pola aldea limítrofe de Vilela, no concello de Folgoso do Courel. A 994 metros de altitude.
 
Bastante alterado polos camiños de acceso ás fincas inmediatas. Situado sobre un outeiro alongado que domina o val do río Lor. Consta dun pequeno recinto ou antecastro e un recinto pirncipal de 93 por 64 metros no que se distribúe o espazo en distintos niveis, cunha pequena explanada no cume e un segundo nivel de dimensións máis amplas cara o noroeste que se adapta á morfoloxía do terreo. Delimitado no noroeste por unha serie de foxos realizados mediante forza hidráulica, no norte por talude natural e reforzado por aterrazamentos. Polo sureste remata nun forte aterrazamento disposto a xeito de bastión.

 



CASTRO DE LOUZARELA
 
Na parroquia de Louzarela. A 1.036 metros de altitude, sobre o río Louzarela.
 
Moi alterado polo núcleo de poboación de Louzarela, presenta un recinto protexido por un terraplén. Polo sur ten un parapeito. 

 


 
CASTRO DO PICO DA ESCRITA OU TRALOCASTRO
 
Na parroquia de Pacios, na estrada que vai de Pacios a Seixo. A 1.114 metros de altitude sobre o nivel do mar. Ocupa un outeiro calizo, non moi lonxe dun curso de auga. Ten unhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 70 no menor. Polo sur apréciase o que puido ser un parapeito e un foxo, hoxe en día ocupado por un camiño que circunvala o castro. O resto do asentamento está defendido polo desnivel do terreo.
 
O topónimo escrita vén do latín scripta que quizais denuncie un afloramento rochoso nos que hai ou houbo petroglifos. Peiteado o castro na procura dalgunha pedra cunha inscrición ou con gravuras, polo de agora non atopamos nada; os afloramentos que hai na parte máis alta foron utilizados para extraer pedra para os peches das fincas.

 


 
CASTRO DO CASTRILLÓN
O día 8 de xaneiro de 2020 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos un novo castro no concello de Pedrafita do Cebreiro. A súa localización foi grazas á etimóloga Dolores González de la Pena quen nos informou da existencia do microtopónimo O Castrillón, entre as aldeas de Padornelo e Sabugos. Está situado a unha altitude de 1.230 metros, e a uns 350 metros do Camiño Francés de Santiago. Achegados ata o sitio puidemos comprobar que se trata dun castro de forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 115 por 75 metros, protexido polo norte polo regueiro da Grovia e polo sur-este por potentes terrapléns e o pronunciado desnivel do terreo. Pola cara oeste, debido a que o asentamento foi utilizado para os labores agrícolas, perdeu parte do sistema defensivo. 
 
A pouco máis de 200 metros temos o topónimo O Tombelo, pode que unha variante de tumba, alusión a un enterramento do período Neolítico. Aínda que non atopamos restos, informáronnos que no sitio había, ao menos, dúas mámoas que foron destruídas ao facer un tendido eléctrico de alta tensión e polos labores agrícolas.  
Xa llo comunicamos a Patrimonio para que proceda á súa catalogación.  
 
CASTRO DO PAREDÓN OU DA PENA DAS ABELLAS
 
En Riocereixa de Riba, parroquia de Riocereixa. A 999 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado sobre un outeiro calizo que domina o val do río Lor. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 130 metros no eixo máis longo e de 80 metros no menor. Unha potente muralla de pedra e terra arrodea todo o recinto, facendo a función de socalco o que incrementa a verticalidade natural. As defensas complétanse cun foxo polo SL e o desnivel do terreo. 
 
A croa adicouse a pasto e o resto está ocupado por monte baixo e rebolos. Foi alterado pola estrada local a Riocereixa e por un camiño que bordea parcialmente o xacemento. O castro foi romanizado.
 
A uns 100 metros en liña recta atópase a corta de prospección de época romana de Tras das Torres, e a uns 500 metros a Cova  da Tara sobre o rego do Faro.

 




 
CASTRO DAS TORRES OU DE SAN PEDRO
 
En Riocereixa de Baixo, na parroquia de Riocereixa, a 1.000 metros de altitude. Trátase dun asentamento duns 105 por 77 metros que ocupa un pequeno outeiro xistoso por riba do regueiro do Faro e adaptado ao terreo, construíndose aterrazamentos para conseguir unha pequena superficie horizontal para erguer as vivendas. Os socalcos actúan como límite da muralla defensiva. Polo oeste ten dous foxos escavados na rocha. Inzado pola matogueira.
 
Unhas veciñas contáronnos que hai anos uns furtivos, dotados cun detector de metais, atoparon varias moedas, ao parecer de época romana. 
 
Tamén nos falaron dunha lenda que di que no lugar os mouros soterraron unhas virxes de ouro.

 


 
CASTRO DO IGREXARIO
 
Na parroquia de Zanfoga, preto do regueiro Brañadas. Moi alterado por terras de cultivo, a igrexa e o cemiterio.




Mámoas e castros do concello de Pedrafita do Cebreiro
 
A descrición dos xacementos e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
As imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares