MÁMOAS, PETROGLIFOS E CASTROS AS NOGAIS

MÁMOAS

 
MÁMOA DAS NOGAIS
 
No inverno de 2018, por riba das aldeas de Vilavexe e Lama da Vila, a uns 960 metros de altitude e a menos dun quilómetro en liña recta do lugar coñecido como Medorra de Cerredo, localizamos co LIDAR-PNOA o que semellaba unha mámoa pero, debido ao mal tempo, non tiveramos ocasión de achegarnos ata o sitio. Para constatar a existencia deste enterramento tivemos que esperar ao mes de maio de 2018. Persoados no lugar, comprobamos, en efecto, que se trata dun túmulo duns 12 metros de diámetro e 1,50 de altura. Ten un cráter de violación de 1, 4 metros de diámetro e unha profundidade de 1,2 metros. Atópase nun terreo repoboado con piñeiros, con algúns exemplares plantados sobre o túmulo con restos de coiraza pétrea; no cono de profanación plantaron un piñeiro que foi cortado non hai moito, observando, ademais, que a terra estaba removida polo que cremos que foi obxecto dunha actuación furtiva nun momento relativamente recente.
 
O achado foi comunicado a Patrimonio para que proceda á súa catalogación.

 

 
"DOLMEN" DO PENEDO
 
Nas inmediación da Casa de Chancia, parroquia de Nullán. Situado no lugar coñecido como Campo do Penedo. O amigo Luis López Pombo cre que pode tratarse dun enterramento megalítico tipo arca. Vense dúas grandes laxes de pedra calcaria, moi inclinadas, que suxeitan unha enorme pedra de forma irregular que actuaría como tampa cobertoira.
 
O día 22 de marzo de 2015 achegámonos ata o sitio. Segundo o noso criterio cremos que non se trata dun enterramento megalítico. A estrutura formou parte dun afloramento calcario que se utilizou como canteira para construír a casa, muros de fincas, etc. As pedras laterais e a que apoia sobre elas son de forma totalmente irregular, sen traballar, carecendo da pedra posterior típica das cistas da Idade do Bronce e que lle daría a forma de caixa cadrada ou rectangular. 
 
Luis contounos que non moi lonxe está o lugar coñecido como A Medorra, se ben non atopamos, polo de agora, vestixios de ningún túmulo.

 

 
MEDORRA DE CERREDO
 
Na serra de Vilavexe, entre as aldeas de Vilavexe e de Lama da Vila, atópase o lugar coñecido como Medorra de Cerredo, unha penichaira que dende tempo inmemorial foi utilizada para pradarías para o gando. As únicas referencias sobre un posible enterramento megalítico veñen da tradición oral, dise que ao arar a terra apareceran unhas grandes laxes das que non coñecemos restos. A pesares de levar peiteado gran parte do monte, polo de agora non atopamos restos da posible medorra. Non moi lonxe, xa en terreos pertencente a Lama da Vila tamén saíron á luz algunhas lápidas, posiblemente medievais e das que tampouco quedan pegadas. 
 
No monte citado máis arriba está o lugar coñecido como Cruz de Cerredo, onde ata non hai moitos anos había unha cruz de madeira, hoxe en día desaparecida. Contáronnos que cando morría alguén de Vilavexe, o defunto era transportado coa cara mirando á aldea, e ao chegar á cruz dábanlle a volta ao cadaleito para que mirara cara a igrexa parroquial de Santo André. Tamén se conta que por aquí transita a Santa Compaña.


 
MONTE DA MEDORRA
 
Na aldea de Sinllán. Parroquia de Nullán. A 942 metros de altitude sobre o nivel do mar.  
  
A pesares do suxestivo cualificativo do monte e onde se ergue o castro do mesmo nome, non atopamos, polo de agora, vestixios de ningún enterrramento. A única referencia proporcionóunola un veciño que tiña escoitado aos seus antepasados que no lugar había "unha tumba moi antiga" que foi destruída polos labores agrícolas.
 
Nas proximidades da aldea de Vilavexe atópase o monte das Medorras de Cerredo, topónimo que, como no caso anterior, poder facer alusión a un enterramento megalítico.


PEDRAFITAS 

MARCO DA CASA DE CHANCIA
 
Preto da Casa de Chancia, na parroquia de Nullán. Aínda que non se trata dun fito prehistórico, senón medieval, traémolo eiquí pola curiosidade da súa ubicación. Segundo información achegada polo escritor e investigador Luis López Pombo, onde naceu e viviu ata a mocidade, consérvase un marco que dividía as xurisdicións de Doncos e Torés. Luis mesmo nos dixo que o topónimo Casa de Chancia pode facer referencia a unha "Casa do Chanto" ou "Casa Chantada". Os seus pais tíñanlle contado que o fito non se podía sacar (estaba na cociña), mesmo lle tiñan advertido aos seus antepasados que facelo era un delito. A Casa de Chancia é citada nun documento do mosteiro de Samos do ano 1450, onde os monxes aforan a casa a un veciño de A Alence.


PETROGLIFOS

 
PETROGLIFOS DE DONCOS
 
Unha veciña de Doncos contounos que a súa nai lle tiña falado de que cando nenas xogaban xunto unhas pedras, "gravadas con debuxos", que había nas proximidades do Camiño Real que ía de Doncos a Castelo. Quedou de recabar máis información e achegárnola para ver se é posible localizalas.


 
PENA DAS FERRADURAS
 
Recibe o nome unha pena que se atopa xunto a Cova da Moura, a pouco máis de 400 metros de distancia en liña recta do castro de Torés, e lambida polo regueiro da Moura. Os informantes foron Sergio e Miguel, da Asociación de Veciños de Torés, o día 14 de febreiro de 2015. Uns meses despois achegámonos ata o sitio e non conseguimos localizar as gravuras, os afloramentos atópanse cubertos totalmente polo lique.

 

 

  

PENA DAS MARCAS

 
O día 6 de marzo de 2015, o veciño Abel Iván Arias levounos ata o monte coñecido como Chao da Canda, a 954 metros de altitude, situado por riba das aldeas de Vilavexe e da Lama da Vila, na parroquia de Santo André das Nogais. Díxonos que ata finais dos anos setenta ou principios dos oitenta do pasado século XX, a pena onde había varias gravuras foi destruída con dinamita cando se acondicionou o terreo para pradarías. Na actualidade os anacos da desfeita están amoreados nunha beira do prado, a carón dun camiño. A pedra, en total, ten catro ferraduras gravadas, dúas pías de forma tirando a ovaladas e tres pequenas cazoletas. Destas últimas non é doado distinguir se son naturais ou feitas pola man do home. Só neste anaco de rocha de cuarcita, duns 90 x 50 cm, atopamos restos de gravuras, os efectos da dinamita foron letais para o resto. Os sucos dos gravados non están moi desgastados o que, unido á tipoloxía dos mesmos, fainos pensar nunha cronoloxía medieval ou moderna. 
 
Ao parecer esta rocha non actuaba como marco divisorio, nin de aldeas nin de herdades. Hai teorías que manteñen que se unha pedra ten gravadas ferraduras é unha pedra de término, indicando que non moi lonxe hai unha fonte que marcaría o final dese término; nas inmediacións atópase a coñecida como Fonte do Marco de cuxo fito, se algunha vez existiu, non quedan restos. Segundo a lenda, eiquí había agochado un tesouro, e que a auga da choiva que se depositaba nas pías era utilizada para curar enfermidades relacionadas cos ollos.

  
 
PETROGLIFOS DO MONTE DA RETEIXEIRA
 
O 4 de agosto de 2018 documentamos un grupo de petroglifos no Monte da Reteixeira, entre as parroquias de Nullán e Torés (As Nogais), a uns 850 metros de altitude. Sobre a superficie plana e horizontal dunha rocha caliza contabilizamos máis de 50 pequenas coviñas sen unha disposición, aparentemente, clara. Como no caso da combinación circular de Cervantes, eiquí tamén nos chamou a atención as gravuras de 11 trazos verticais, algúns cunha pequena coviña ou punto na parte superior pero sen tocar a liña, dispostos un a carón do outro. Descoñecemos, polo de agora, que función cumprirían estas liñas.

 

Non nos atrevemos, aínda, a situalos cronoloxicamente. A pouco de máis de medio quilómetro atópase o castro de Cabanas, documentado pola Asociación de Veciños de Torés e o noso colectivo a principios do ano 2015. Serían obra dos habitantes do primitivo asentamento?
 
Os achados xa foron comunicados a Patrimonio.


CASTROS 

 
O CASTRO
 
Nas Cruces, na parroquia da Alence, a 1157 metros de altitude, e lindeiro co concello de Triacastela temos o topónimo O Castro. Segundo información proporcionada por varios veciños, sempre existiu a tradición dun asentamento, mesmo no lugar atopáronse varios fragmentos cerámicos. A simple vista non se conserva ningún tipo de estrutura, foi destruído polos labores agrícolas. Nas fotografías do voo americano de mediados do século XX xa non se apreciaba nada.

 

 
CASTRO DO CASTELO  
 
Na aldea do Castelo, parroquia de Noceda. Catalogado como Xacemento de Santalla. A 945 metros de altitude sobre o nivel do mar. Levántase sobre un outeiro situado por riba da poboación do Castelo. Trátase dun castro de forma case circular duns 100 metros de diámetro. Todo o recinto está protexido por fortes pendentes que actuaban como defensas naturais. Polo sur adivínase un pequeno antecastro. Sobre a croa construíuse unha capela moderna posta baixo o padroado de Santa Olaia e o cemiterio parroquial. Boa comunicación visual co castro da Conca. É probable que eiquí tamén se erguera un castelo medieval; segundo referencias orais estaría arrodeado por unha muralla. A capela actual substiuíu a outra máis antiga que se atopaba no medio do recinto, circundada polo primitivo cemiterio con tumbas de terra. 
Apareceron enterramentos feitos con lousas dos que non quedan restos. Sobre o castro tamén está o campo da festa.

 
 
 

 
OS CASTROS
 
En Castelo, parroquia de Noceda. A uns 175 metros do anterior érgue este asentamento castrexo situado a 907 metros de altitude. No Catastro, o monte xa figura co nome de Os Castros. Ten unhas medidas aproximadas de 105 por 85 metros, cunha croa totalmente achandada de 50 por 45 metros. Defendido en todo o seu perímetro por potentes terrapléns, cortado polo sur pola estrada que sobe cara Castelo. Polo oeste, a parte máis vulnerable, protéxíao un ancho foxo que tamén o circundaba polo sur antes de ser destruído pola citada estrada. As fortes pendentes defendíao tamén polo leste, con caída cara o regueiro dos Corvos. Sobre o asentamento medran rebolas.

  


 
CASTRO DA CONCA 
 
Na parroquia de Noceda, á dereita do antigo Camiño Real que ía dende Castelo ás Casas da Serra, dirección Pedrafita do Cebreiro. A 1.052 metros de altitude sobre o nivel do mar. Presenta forma ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 70 x 65 metros. Ocupa a totalidade do cumio. Definido por unha croa achairada defendida por un terraplén, máis inclinado canto máis ao norte. Complementado por un parapeito do que apenas quedan restos polo oeste. Polo sur-leste adivínase o que podería ser un foxo. Mantiña unha boa comunicación visual co castro do Castelo, situado a menos dun quilómetro en liña recta.
Sobre o castro, con leiras pertencentes a varios propietarios, cultivábase, ata non hai moito tempo, pan e avea. Contáronnos que un túnel comunicaba o castro, "habitado polos celtas ou polos mouros", cun pozo que hai aos pés do monte.
Nas inmediación atopamos algún anaco cerámico sen unha cronoloxía clara.

 



 
CASTRO DE CABANAS OU DA CHOUSA DO CASTRO 
 
En As Cabanas, parroquia de Nullán. A uns 750 metros de altitude sobre o nivel do mar. O día 14 de febreiro de 2015, Sergio e Miguel, da Asociación de Veciños de Torés, informáronnos dun posible castro preto da aldea de Cabanas. 
 
En efecto, sobre un outeiro, situado nun fermoso souto e arrodeado polos regueiros da Reteixeira e Reboredo e polo río Boullón, érguese un pequeno castro de forma tirando a elíptica con boas defensas naturais (forte desnivel do terreo) en case toda a súa contorna e protexido polo que se adiviña foi un potente foxo polo sur-oeste, a parte máis vulnerable. Na croa obsérvanse varios amoreamentos de pedras e unha construción circular de pequeno tamaño que, de seguro, trátase dun cortín utilizado para soutar as castañas. Fóra do que sería o recinto principal tamén hai restos doutra construción circular cun rexo muro duns sesenta centímetros de ancho e que, polo de agora, descoñecemos se se trata dos restos dunha casa do primitivo castro ou doutro tipo de edificación. Tamén se observan varios aterrazamentos arredor da croa. Mantiña unha boa comunicación visual co castro de Vilaesteba, ubicado a pouco máis de medio quilómetro en liña recta.
 
Tamén chama poderosamente a atención outro topónimo cercano: O Castrillón (salvando o río está a coñecida como Ponte do Castrillón), un outeiro situado entre os castros de Cabanas e o de Vilaesteba. O asentamento atópase nalgunhas partes bastante alterado polos traballos efectuados para a extracción de madeira.
 
Despois de comunicarllo a Patrimonio, o asentamento xa foi visitado polos seus arqueólogos.


 
CASTRO DA COROA
 
Na parroquia de Nullán. A 916 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pódese acceder ao castro dende a coñecida como A Casa Grande, por un carreiro que emboca no asentamento. Ocupa a totalidade do cumio do monte achairado. A croa está protexida en toda a metade leste por un terraplén natural, mentres que o oeste conserva restos dun parapeito. Polo NO vese unha terraza. Abundante presenza de pedra espallada polo sitio. Ten unhas medidas aproximadas de 140 metros no eixo máis longo e 100 metros no menor. O destino a uso agrícola alterou boa parte do xacemento, destruíndo parte do seu sistema defensivo.

 


 
CASTRO DE SINLLÁN 
 
Na parroquia de Nullán, situado no lugar coñecido como O Monte da Medorra. A 942 metros de altitude sobre o nivel do mar.  
 
Todo o xacemento, muralla incluída, atópase moi achandado polos labores agrícolas e camiños de acceso. Apareceron muíños de man, lousas e restos cerámicos. Practicamente circular, ten unhas medidas aproximadas de 100 metros de diámetro. Ocupaba a totalidade do cume achairado, o que define a morfoloxía da croa. Protexido por terraplén e parapeito polo norte. A cota inferior polo leste e oeste conserva dúas terrazas illadas do resto do monte por cadanseu terraplén. Completa o sistema defensivo un foxo de norte a oeste moi colmatado polos labores agrícolas. 
 
A finais do mes de xuño de 2018 unha persoa entregounos unha moeda que atopara no castro a principios dos anos setenta do pasado século XX para que averiguaramos a quen pertencía. A moeda, de bronce, atópase moi deteriorada, ademais do desgaste fáltalle algún anaco e foi dobrada. Ten un peso de 2,5 gramos. Malia iso, cremos apreciar, no que semella o anverso, o que pode ser parte dun busto laureado e dúas letras: C e V bastante separadas entre si. Tomando como referencia o tamaño destas, calculamos as que podería ter entre ambas, resultando: "C_ _ _ _V". Sería unha moeda do emperador Crispus (Caio Flavio Xulio Crispo), nomeado césar no ano 317?
 
Un home, natural de Sinllán, contounos que a mediados do século XX un veciño contratou, a cambio de cama e mantenza, a un descoñecido para que lle coidara o gando. Disque o mozo sempre levaba canda el un libriño que non mostraba a ninguén e que, a miúdo, víanno escavar no castro cunha aixada. Mais un bo día non regresou. No lugar onde o viran por última vez só atoparon a aixada e unha gran focha onde, din, se agochaba un tesouro. 
 
 

 


 

O CASTRO OU CASTRO DE QUINTÁ
 
Na parroquia de Quintá, a 739 metros de altitude sobre o nivel do mar. Localízase nun outeiro de pedra calcaria e lousa, xusto por riba da aldea do Chao do Couso. De forma tirando a ovoidal, ten unhas medidas aproximadas de 100 metros no eixo máis longo e de 75 metros no menor. Consta de dous recintos; o superior, que se ergue no centro do castro, é de pequenas dimensións, protexido polo forte desnivel do terreo e unha muralla de terra e pedras. O recinto inferior arrodea case toda a croa. Polo SL está protexido por un potente foxo que vai dende os dous aos seis metros de altura, e una anchura duns dous metros; este foxo foi reaproveitado para abrir un camiño. O resto deste segundo recinto está defendido polo desnivel do terreo e un parapeito, moi achandado, de terra e pedras. Inzado pola matogueira e plantado de árbores, atópase moi alterado pola actividade humana, noutrora adicado a terra de cultivo. En varios lugares obsérvanse varias actuacións furtivas.
 
Amor Meilán, na súa Geografía General del Reino de Galicia (1928), di que se atoparon pequenas barras de ouro, algunha vendida na capital.
 
 

 

CASTRO DA CROA 
 
Na aldea de Vilabol, parroquia de Quintá, a 907 metros de altitude sobre o nivel do mar.  Ten unhas medidas aproximadas de 140 metros no eixo máis grande e de 115 no menor. Bastante ben conservado, ocupa a totalidade dun outeiro. Defendido por un terraplén complementado cun parapeito no cumio. Polo norte atópase separado do terreo circundante por un ancho foxo. A croa está complementada, na parte inferior, por unha terraza. Vense numerosas pedras que puideron pertencer ás estruturas defensivas ou habitacionais. 
 
Segundo a lenda, nel vivían os mouros que custodiaban un tesouro.

 

 

CASTRO DA FONTE DO CANDO 
 
No lugar da Fonte do Cando, parroquia de Santo André. A 826 metros de altitude sobre o nivel do mar. De reducidas dimensións, érguese nun pequeno outeiro situado nunha penichaira. O recinto, inzado de matogueira, utilizouse para pasto do gando e labores agrícolas polo que se atopa moi alterado.
Presenta un recinto tirando a circular protexido polo NO e SO por unha muralla pétrea, e no resto polo desnivel do terreo. A muralla, cuxas pedras foron reaproveitadas con posterioridade noutras construcións, sobresae do chan pouco máis dun metro. No centro destaca un afloramento rochoso. Divísase unha expléndida panorámica. 
Segundo a lenda, no castro hai soterrado un xugo de ouro.

 

 
CASTRO DO COTÓN 
 
Non moi lonxe do castro da Fonte  do Cando hai un pequeno outeiro a 797 metros de altitude onde a tradición adoita situar un castro.
 

 
CASTRO DE SANTO ANDRÉ 
 
Onde se ergue a igrexa de orixe visigótica, o cemiterio e algunhas casas do pobo de Santo André dise que houbo un castro, feito que hai que tomar con moita cautela xa que o lugar está totalmente alterado.   

 
CASTRO DE TORÉS   
 
Na parroquia de Torés.  Agás a ampla panorámica que domina todo o val de Torés, no lugar onde se levanta o arruinado castelo non se conservan vestixios do que din foi un castro.

 

 
MONTE DO CASTRO  
 
Na parroquia de Torés.  A 854 metros de altitude sobre o nivel do mar.   Érguese a pouco máis de medio quilómetro, dirección oeste, do núcleo de Torés. Alterado polos labores agrícolas, que achandaron gran parte da muralla. Atopáronse muíños de man, pesas e cerámica castrexa. 
O asentamento ocupa a parte máis elevada do monte. De forma ovoidal, ten unhas medidas aproximadas de 135 metros no eixo máis longo e de 100 metros no menor. Polo S-L conserva restos dunha muralla de terra e lousa e un parapeito que se erguen sobre unha pronunciada pendente. Polo leste está defendido por terrapléns e polo desnivel do terreo. Posúe un grande antecastro que ocupa toda a cara S-O. Na croa obsérvanse restos de pedras de lousa de boa feitura e cuarzo, reaproveitadas, posiblemente, con posterioridade.
Cóntase que nel vivían os mouros. A pouco máis de 400 metros en liña recta está a coñecida como Cova da Moura, situada nas inmediacións do regueiro da Moura, que se di comunicaba co castro e co castelo de Torés. Sergio e Miguel, da Asociación de Veciños de Torés, contáronnos a seguinte lenda: Un día, unha moza que estaba a coidar as ovellas nas proximidades dunha pena en cuxo bico nace un manancial e que disque foi levada ata alí por unha moura, dixo: "Moura, dáme a túa riqueza". Foi pronunciar estas palabras e alí se lle apareceu este mítico ser quen lle dixo que se quería ver o seu desexo cumprido tiña que ir para a casa pero que baixo ningún concepto podía ver o que levaba envolto no mandil. Mais á rapaza superouna a curiosidade e polo camiño quixo comprobar o que agochaba o mandil. Nada máis abrilo, o único que viu foron un montón de cagallas de ovella. Desilusionada, sacudiuno para limpalo. Pero cal foi a súa sorpresa que cando chegou á casa viu que un par de cagallas se converteran en moedas de ouro. Ela máis a súa nai volveron a onde sacudira o mandil, pero xa non atoparon nada.


 


CASTRO DE VILAESTEBA  
 
Na aldea de Vilaesteba, parroquia de Torés. Entre Vilabol (Quintá) e Vilaesteba, a 899 metros de altitude sobre o nivel do mar.  Atópase a uns 400 metros en liña recta da capela de Santo Estevo en cuxas inmediacións se atoparon varias lousas que corresponderían a uns sártegos dos séculos XII ou XIII. O castro, cunhas medidas aproximadas de 125 metros no eixo máis longo e de 110 metros no menor, conserva restos de muralla de terra e lousa e un foxo pola parte máis accesible. A pequena croa, inzada pola matogueira, está rodeada case en todo o seu perímetro por unha baixa muralla. Polo norte óbservase un pequeno antecastro, na actualidade utilizado como horta. Comunícase visualmente co castro de Sinllán, na parroquia de Nullán. Realizáronse actuacións furtivas. 
 
Uns veciños de Vilaesteba contáronnos que no "tempo da fame" (despois da Guerra Civil), ante a escaseza de gando para facer o esterco, o único xeito de fertilizar a terra era con cinsa. Para elo facían "a tola" que consistía en amorear terróns secos mesturados con leña que queimaban e despois esparexían polo campo onde sementaban centeo e avea. Un bo día, ao rematar de queimar os terróns, apareceu unha vasilla de cerámica feita anacos e un po moi brillante que, disque, era ouro.

 
 
 
O CASTRILLÓN

En Vilaesteba, parroquia de Torés. Inédito, localízamolo o día 20 de febreiro de 2024 atendendo ao topónimo que aínda se conserva. De forma alongada, nunha revolta sobre o río Boullón.


 
TABULA DOS ZOELAS
 
A tabula dos zoelas é un Pacto de Hospitalidade, dividido en dúas partes, acordado entre os Desonci/Desoncos e os Tridiavi/Tridiavos, dúas gentilitas do pobo dos Zoelae/Zoelas, pobo prerromano famoso polo seu traballo do liño, que di: "Sendo cónsules Marco Licinio Craso e Lucio Calpurnio Pisón (27 d.C.), o 4 das calendas de maio, a gentilitas dos Desoncos, da gens dos Zoelas, e a gentilitas dos Tridiavos, da mesma gens dos Zoelas, renovaron o seu antigo e vetusto pacto de hospitalidade e todos eles, os uns aos outros, recibíronse na súa fe e clientela e na dos seus fillos e descendentes. Actuaron: Arausa, fillo de Blaceno; Turanio, fillo de Clouto; Dacio, fillo de Elaeso; Magilo, fillo de Clouto; Bodecio, fillo de Burralo; Elaeso, fillo de Clutano, por medio de Avieno, fillo de Pontilo, maxistrado dos Zoelas, feito en Curunda". / "O 5 dos idus de xullo do ano en que foron cónsules Blabrión e Hómulo (152 d.C.) a mesma gentilitas dos Desoncos e a gentilitas dos Tridiavos recibiron na mesma clientela e na mesma alianza a Sempronio Perpetuo Orniaco, da gens dos Avolgigoros, a Antonio Arquio da gens dos Visáligos, a Flavio Frontón Zoelas, da gens dos Cabruagénigos. Actuaron: Lucio Domicio Silo e Lucio Flavio Severo, en Asturica".

 

Como se pode apreciar, o texto fala da renovación duns pactos, dentro dun pacto anterior (de data non precisada), entre gentilitas da mesma gens, incluíndo, na súa segunda parte, a individuos doutras gens diferentes pero do mesmo pobo; un feito en Curunda, localidade que podería ser a citada nunha inscrición atopada no castro preto de Rabanales de Alcañices (Zamora), e outro en Asturica (Astorga), lugar onde se atopou a tabula.
 
Este texto xurídico está inserido nunha prancha de bronce de 32 x 24 cm, coroada por un frontón triangular en cuxo interior aparece a data consular. O orixinal atópase no Staaliche Museem de Berlín e unha copia no Museo Romano de Astorga. 
 
O motivo de traer aquí este hospitium é porque hai quen, sen base documental algunha, sitúa a gentilitas dos Desoncos en Doncos ou en Duancos. García de la Riega, en Galicia Antigua. Discusiones acerca de su geografía y de su historia (1904), di que, aínda que a maior parte dos escritores identifican aos Desoncos co Doncos das Nogais, trátase dun erro debido á analoxía de ambas as dúas voces, pois os Desoncos pertencían á xente dos zoelas, mentres que Doncos era localidade dos Seurros. Pero este mesmo autor, tamén de forma errada, lévaos para Duancos, parroquia do concello de Castro de Rei.  
 
Schulten, Bosch Gimpera, López Cuevillas, Hübner e Monteagudo, entre outros, sitúan aos zoelas cara Bragança, en Portugal (son mencionados en altares do castro de Avelaes), tese da que participan as últimas investigacións que amplían a área cara o leste, ata a Terra de Aliste, na provincia de Zamora, e Miranda do Douro. A súa capital, Curunda, estaría entre Bragança e a provincia de Zamora.

Mámoas, petroglifos e castros do concello de As Nogais
 
A descrición dos xacementos e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
As imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares