MÁMOAS, PETROGLIFOS E CASTROS DE BECERREÁ

MÁMOAS 
 

MÁMOAS DO CHAO DE PEDROUZO
En Sancido, parroquia de Armesto, a 710 metros de altitude. Nos terreos coñecidos como Cabana e Chan do Pedrouzo, en senllos pastizais, separadas uns 160 metros, hai dúas mámoas de 19 metros de diámetro cada unha pero tan achandadas en altura que apenas se perciben. Localizámolas no mes de setembro de 2022.

 
MÁMOAS NA SERRA DE SAN PEDRO
O día 22 de febreiro de 2021 documentamos dúas novas mámoas no concello. Foi na Serra de San Pedro, na parroquia de Cascallá, a 795 metros de altitude. O primeiro enterramento ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e unha altura de 0,80 metros. Sobre o túmulo hai gran cantidade de pedras de lousa e cuarzo que formaban parte da coiraza que o recubría. Entre a maleza vense dúas pedras de considerables dimensións que puideron formar parte do dolmen que agochaba no interior. A segunda medorra ten un diámetro de 12 metros e unha altura de 0,30, perdendo gran parte da masa tumular ao ampliar un camiño. Segundo nos informou unha veciña, nesta penichaira había, ao menos, outras tres mámoas que foron destruídas hai décadas polos labores agrícolas e forestais.



MÁMOA DA PENA DA LEIRA
Documentámola o 29 de novembro de 2020 na parroquia de Ferreirós de Valboa, a 850 metros de altitude, a carón dun antigo camiño que ía dende A Fonte do Lobo a Guilén. Ten uns 17 metros de diámetro e 1,5 de altura. De lado a lado vense as rodeiras que hai algúns anos lle produciu un tractor. Espalladas pola mámoa vense pequenas pedras de lousa que puideron formar parte da coiraza que a recubría. No centro ten un cráter de violación moi colmatado apenas perceptible. Este túmulo figura citado nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada celebrado o día 5 de outubro de 1752 como Medorra da Pedra da Leira que actuaba como marco divisorio entre as parroquias de Ferreirós de Valboa e Guillén. 
O día 22 de febreiro de 2021, comunicáronnos de Patrimonio que, atendenddo a nosa solicitude e despois da visita dos seus arqueólogos, xa vai ser incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia co código GA27006101.
 


MONTE DA MEDORRA 
 
Sobre un outeiro na aldea do Areal, por riba da autostrada A-6, na parroquia de Cascallá. Na actualidade só se conserva un túmulo que apenas se distingue, arrasado polos labores agrícolas. 

 
MÁMOAS DOS LAGORZOS 
 
Na parroquia do Cereixal. Necrópole formada por dúas mámoas situadas á beira da estrada local a Louxas, na cima dun cordal montañoso dende o que se divisaba unha ampla panorámica. Os túmulos están bastantes alterados. No lugar levantáronse unhas antenas de televisión e de telefonía cos seus respectivos accesos e infraestruturas. 
 
A mámoa número 1 ten unhas medidas de 20 metros de diámetro e pouco máis dun metro de altura. O segundo túmulo mide uns 18 metros de diámetro e un metro de altura.

   

O día 2 de febreiro de 2021 presentamos denuncia ante o Seprona e Patrimonio pola agresión a unha mámoa da necrópole Neolítica dos Lagorzos, en Becerreá.
 

Tátase da mámoa número 1, situada xunto a estrada que vai do Cereixal a Louxas, á altura do Km. 2. Maquinaria pesada causou graves desperfectos no túmulo, producíndolle anchas e profundas gabias. Na área de protección da medorra (200 metros) efectouse unha tala de piñeiros polo que cremos que se trata dunha máquina utilizada para eses labores. 

A Patrimonio pedímoslle a máxima sanción para os autores, requiríndolle tamén que nos informe si se solicitou o permiso correspondente para a tala. Tamén lle solicitamos que, dentro do posible, se repoña o enterramento ao estado anterior.

Para evitar novas agresións, pedímoslle ao Concello de Becerreá a súa sinalización, petición que atendeu o día 9 de febreiro de 2021.



MÁMOAS DOS LEIROS DA LAGÚA OU DA LEGÚA (O CHAO DO MARCO)
 
Na parroquia de Fontarón. Erroneamente catalogadas por Patrimonio da Xunta de Galicia como O Chao do Marco. Formada por dúas mámoas, situadas a case 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar, no cume dun cordal. 
 
A mámoa número 1, alterada por un corte, ten un diámetro duns 28 metros, e unha altura de 0,50 metros; a densa matogueira impide distinguila con nitidez. O segundo túmulo acada os 23 metros de diámetro e unha altura de 0,70 metros; alterada polos labores agrícolas.

     

O 17 de marzo de 2019 presentamos denuncia ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o SEPRONA e o Concello de Becerreá polo depósito de dous camións de esterco de polo sobre a mámoa número 1 desta necrópole. Ademais do esterco, as rodas dun camión ou tractor ocasionáronlle profundos sucos.

 

Ao día seguinte, despois de falar con Patrimonio e o propietario, a mámoa quedou limpa.


Para evitar novas agresións, pedímoslle ao Concello de Becerreá a súa sinalización, petición que atendeu o día 9 de febreiro de 2021.
 

MEDORRA DA CAMPA
Na parroquia de Fontarón, no cruce que vai a Vilamane, houbo (ou hai) unha mámoa. A mestísima maleza impídenos confirmala. O sitio sempre foi coñecido como Medorra da Campa. 

MÁMOA DO MONTE ROCIÑOS
En O Lago (Fontarón). Destruída por unha plantación de eucaliptos. 

 
MÁMOAS DE CABEZA DO RÍO 
 
Na serra de San Pedro, parroquia de Furco. Necrópole formada por dúas mámoas. A 850 metros de altitude. Dende o lugar divísase unha ampla panorámica. 
A mámoa número un está moi alterada, por ela circula maquinaria para usos forestais. Ten uns 20 metros de diámetro e 0,90 metros de altura. O segundo túmulo tamén está moi deteriorado, sobre el plantáronse varias árbores; de 21 metros de diámetro e un metro de altura, presenta cono de violación. En ningunha das mámoas se aprecian restos de cámara pero si se ven pedras que puideron formar parte dunha coiraza pétrea.
O día 26 de outubro de 2015 diriximos un escrito a Patrimonio e ao Concello de Becerreá para que se tomen as medidas necesarias para protexer as medorras.
 

 
MÁMOA DA LOUSEIRA 
 
Na parroquia de Furco. Mámoa situada nun monte adicado á explotación forestal a 860 metros de altitude. Ten unhas medidas de 20 metros de diámetro e 1,5 metros de altura. 
As mámoas da parroquia de Furco son citadas por Benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1873).
 
 

 
MÁMOAS DO MONTE BRUEIRAS
 
Na parroquia de Guilfrei. O día 21 de xaneiro de 2020 documentamos catro novas mámoaos no concello de Becerreá. Foi entre os monte Brueiras e Lagorzos, a 900 metros de altitude, en Narón, parroquia de Guilfrei, a 350 metros do límite administrativo co concello das Nogais. As súas medidas oscilan entre os 18 e 22 metros de diámetro. Afectadas polos labores agrícolas e forestais. As decubertas foron comunicadas a Patrimonio para que procedan á súa catalogación. 
 
O día 23 de novembro de 2020 comunicáronnos de Patrimonio que, despois da visita dos seus arqueólogos, xa foron catalogadas como Mámoas de Montes Brueiras.

 

 
MÁMOA DA SEARIÑA

Localizámola o 25 de febreiro de 2022 despois dunha limpeza que efecturaon no monte da Seariña, a 875 metros de altitude, en Vilar de Frades, parroquia de Ouselle. Ten unhas medidas de 14 por 9 metros, e unha altura de un metro. No centro ten cráter de violación, de pouco máis dun metro de diámetro, do que asoman, ao menos, tres ortostatos da cámara megalítica (dolmen) que durante a limpeza foron cortados. O achado xa foi comunicado a Patrimonio da Xunta de Galicia.



 
MONTE DE SANTO ADRAO
 
Na parroquia de Ousón. Un veciño contounos que tiña escoitado aos seus antepasados falar dun enterramento, mais non non soubo indicarnos a situación da posible mámoa. De feito, neste monte sitúa unha mámoa Benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1873).
  
 
PUMARÍN 
 
Na aldea de Pumarín, parroquia de Vilachá. Como no caso anterior, esta mámoa, que non localizamos, é citada por Benito Vicetto. 

 
MÁMOAS DO CHAO DO MARCO
 
O día 24 de agosto de 2016, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos dúas novas mámoas sen catalogar no concello de Becerreá. Atopámolas na Serra de Vilamane, no monte coñecido como O Marco ou Chao do Marco, a 966 metros de altitude. 
 
A primeira mámoa ten uns 11 metros de diámetro e unha altura de 0,80 metros. Sufriu unha escavación furtiva tal como se aprecia no cráter de violación central duns 2 metros de diámetro. Deste cono central sobresaen varias pedras que formaban parte da cámara funeraria e que, debido á violación ou ben pola acción da maquinaria pesada ao plantar o monte con piñeiros, foron partidas. Sobre a mámoa obsérvanse gran cantidade de pedras de pequeno tamaño que formaban parte da coiraza pétrea.

 

A segunda mámoa atópase case destruída debido á utilización de maquinaria pesada para a repoboación forestal que lle produciu grandes cortes, facéndolle perder case toda a masa tumular. Na actualidade ten uns 8 metros de diámetro e 0,30 de altura; xusto ao seu carón vense algunhas pedras que formaron parte da cámara megalítica; un destes esteos está case intacto.

 

O sitio recibe o nome de O Marco por unha pedra fincada, situada xunto as mámoas, que xa figura recollida no Castastro de Ensenada do 10 de abril do ano 1753 e que actuaba como lindeira entre as parroquias de Fontarón e Vilamane.

 

Os achados xa lle foron comunicados ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Becerreá. Ademais de solicitarlle a catalogación e protección das mámoas, tal como marca a lei, tamén fixemos o mesmo para o citado marco por considerar que se trata dun ben patrimonial de indubidable valor histórico. 
 
O día 16 de novembro de 2022 (seis anos despois!), dende Patrimonio comunicáronnos que, despois das comprobacións efectuadas polos seus arqueólogos, foron catalogadas cos códigos GA27060104 e GA27060105.    
 
O día 6 de outubro de 2018 localizamos unha nova mámoa. Ten unhas medidas de 12 metros de diámetro e unha altura de un metro. Sobre o túmulo vense unhas grandes pedras que poderían formar parte da cámara megalítica (dolmen). Vese un cráter de violación duns dous metros de diámetro moi colmatado. Foi afectada polas repoboacións forestais con piñeiros que se efectuaron no lugar nos anos setenta do pasado século, perdendo boa parte da masa tumular. 
 
O día 9 de xuño de 2020 documentamos dúas novas mámoas de 18 e 14 metros de diámetro. Aínda que foron afectadas polas repoboacións forestais con piñeiros, o estado de conservación da de maiores dimensións é relativamente bo.  
 

 
MÁMOA DO MONTE PENEIGAR
 
Entre as parroquias de Quintá de Cancelada e Vilaiz, a 550 metros de altitude. Documentámola o día 6 de xuño de 2020. Ten 21 metros de diámetro e 1,15 de altura. Figura como marco divisorio das parroquias citadas nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1752. 
 
O achado foi comunicado a Patrimonio.
 

 
"DOLMEN" DE VILOUTA OU PEDRA COBERTOIRA 
 
Na parroquia de Vilouta, nas abas da Serra da Pena do Pico, a 850 metros de altitude sobre o nivel do mar, no extremo dunha chaira. 
 
Aínda que popularmente se lle chama "O dolmen", cremos que se trata dunha cista adscrita á Idade do Bronce, tanto pola ubicación, nunha ladeira do monte, como pola tipoloxía. 
 
A cámara está formada por tres esteos e tampa. A pedra da cabeceira, de 1,30 metros de longo e unha altura de 0,70 metros, é de cuarzo branco, e as laterais, de 1,40 metros de longo e arredor dos 0,90 de alto, de xisto. A tampa ten un grosor de case un metro e mide case dous metros na parte máis longa. A entrada está orientada cara o oeste. 
 
Aprécianse restos do túmulo, moi achando polos labores agrícolas, cunhas medidas aproximadas de 11-12 metros de diámetro.
 
Conta a lenda que a tampa foi levada por unha moura que a transportou sobre a súa cabeza dende o monte, situado a pouco máis de dous quilómetros en liña recta, coñecido como A Moura.  
 
O día 25 de agosto de 2015, o noso colectivo dirixiuse por escrito a Patrimonio e ao Concello de Becerreá para que o inclúan no Catálogo de Bens Culturais e no PXOM, petición que foi atendida.
 
No número IV da revista Galicia do ano 1935 aparece citado como "dolmen de Vilonta".
 



MÁMOAS DO CHAO DA GRANDA
 
O día 2 de agosto de 2022, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicamos á Xunta de Galicia o achado de dúas novas mámoas no concello de Becerreá. Foi no monte do Chao da Granda, a 634 metros de altitude, xusto na divisoria entre as parroquias de Vilaiz e Vilamane. O primeiro enterramento ten unhas medidas de 16 metros de diámetro e unha altura de .... A 25 metros atopamos a segunda mámoa, cunhas medidas de 24 metros de diámetro e unha altura de ... Este segundo enterramento trátase do de maiores dimensións documentado ata o momento no municipio. Teñen unha antigüidade aproximada de 6.000 anos, no período Neolítico.  
 
Estas mámoas eran un importante punto de referencia dende antigo, citándose en dous preitos dos anos 1626 e 1715, e nos expedientes de comprobación de bens das parroquias de Santa María de Vilamane e Santiago de Vilaiz dos anos 1761 e 1762.
 
O día 7 de novembro, comunicáronnos dende Patrimonio da Xunta que, despois da comprobación realizada polos seus arqueólogos, foron catalogadas cos códigos GA27060102 e GA27060103.

 


 
PEDRAFITAS

MARCO/PEDRAFITA DE VILOUTA
 
Na parroquia de Vilouta. Situado entre as aldeas de Vilouta de Abaixo e Vilouta de Arriba, próximo ao dolmen da Pedra Cobertoira e aos dous castros que levan o nome das aldeas. Quizais actuou como marco divisorio entre ambos os dous núcleos de poboación que pertenceron ao mosteiro cisterciense de Penamaior. Trátase dun fito de xisto e cuarzo de feitura regular que presenta sección cadrada e caras sen labrar cunhas medidas en cada lado duns 25 centímetros e de pouco máis dun metro de altura. Na actualidade atópase tirado á beira dun regato pero no mesmo lugar onde estivo chantado. Segundo nos contaron, falta parte da pedra que antes de seren derrubada tiña unha altura aproximada de 1,5 metros. 
 
Como apuntamos, é probable que actuara como marco, mais chamounos a atención a lenda que circula ao seu redor. Dise que o marco foi chantado no lugar por unha moura e que os mouros que habitaron no túnel que comunica os castros de Vilouta de Abaixo e de Vilouta de Arriba ataban os seus cabalos ao fito. Tamén foi unha moura a que colocou a tampa do dolme da Pedra Cobertoira que trasladara sobre a súa cabeza dende o monte que aínda hoxe en día se coñece como A Moura, situado a uns dous quilómetros en liña recta, nas abas da Serra do Pico. Non moi lonxe está a Ponte da Moura, e tamén a Pena de Pascua, unha rocha onde se poden ver unha especie de banzos; ademais de que no lugar se xuntaban antano os pegureiros para xantar, en tempos non precisados os mouros facían sacrificios humanos. Estamos diante dun marco divisorio de época medieval ou dunha pedrafita que cumpría outras funcións?



PETROGLIFOS


PENA DO  PICO
Contáronnos que na Serra do Pico había unha pena granítica con dúas pías, pode que feitas pola man do home, e o que semella unha figura, moi desgastada, en ziguezague. A persoa que nos acompañou, de idade avanzada, non deu co sitio debido a que o monte está cheo de maleza e plantado de piñeiros, ademais de que había case cincuenta anos que non subía ata alí. Continuaremos buscando.
 

PETROGLIFOS DA PENA DO MAISEIRO E PENA DAS UCHAS

O 27 de marzo de 2022 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos os primeiros petroglifos do concello de Becerreá. Foi na parroquia de Vilachá, nas coñecidas como Pena do Maiseiro e Pena das Uchas, a 710 metros de altitude.


O grupo máis numeroso é o situado na Pena do Maiseiro onde localizamos dúas ferraduras, dúas coviñas e un cruciforme. Na Pena das Uchas, a uns 200 metros da anterior, documentamos un cruciforme e unha ferradura.

Non se sabe con certeza cal pode ser o significado das ferraduras que, frecuentemente, adoitan asociarse a época medieval e que a pedra onde se gravaban actuaría como marco de término. Aínda que se descoñece cando este símbolo en "U" comezou a utilizarse para delimitar territorios, en Galicia documéntanse ferraduras en períodos anteriores. Existen algúns estudos que conxecturan que unha pedra con ferraduras indicaría a presenza dun curso de auga e que sería este o que marcaría o territorio a acoutar; de feito, as ferraduras da Pena do Maiseiro apuntan cara o rego de Liñares, e a da Pena das Uchas cara o rego do Calamouco.

Se ben cremos que as ferraduras poden ser de época medieval, as coviñas, polo grao de erosión, poden ser máis antigas. Na arte rupestre galega son as representacións máis sinxelas, pero tamén as máis enigmáticas, interpretadas como recipientes para ofrendas, lugar para recoller a auga para a realización dalgún tipo de ritual, símbolos de carácter sexual feminino relacionado coa fertilidade, etc.

Canto ás cruces, polo menor desgaste que presentan, si son posteriores, realizadas, probablemente, para sacralizar un lugar considerado como pagano ou para protexelo.


PETROGLIFOS DA PENA TALLADA

A principios do mes de maio de 2022, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos nun afloramento pizarroso dous grupos de tres e dúas coviñas, e outra máis illada. A pista déunola un documento do ano 1712 facilitado por Hugo Pardo-Vivero Vilares, redactado por un seu antepasado, Joseph Pardo y Vivero onde, ao delimitar uns terreos, fala de que na Pena Tallada hai  "unas hendiduras que son como cuencos". A Pena Tallada tamén se cita no Catastro de Ensenada como marco entre os concellos de Becerreá, Baralla e Láncara.


CASTROS

 
O CASTRO
 
No lugar da Horta. Parroquia de Agüeira. Situado no cume dun outeiro de pequenas dimensións xunto o viaduto de Torallo e cinguido polos ríos Navia e Narón. Alterado, atópase dentro dunha propiedade particular pechada onde se construíu unha vivenda. 
 
 
 
CASTRO DE BECERREÁ OU CASTRO DO CALDEIRO
 
Na parroquia de Becerreá. A 557 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado á dereita da estrada a Navia de Suarna, a medio quilómetro da Venta de Cruzul. De forma irregular, en conxunto ten unhas medidas de 210 por 140 metros, cunha croa de 130 por 90 metros. Protexido polo nor-leste polo regueiro do Vao. Nas inmediacións explotouse unha canteira. 
 
Aínda que está catalogado como "Castro de Becerreá", a toponimia menor identifícao como "Castro do Caldeiro".
 
 


 
O CASTRILLÓN
 
O lugar atópase na estrada que vai a Vilar de Ousón. Só se conserva o tóponimo. O posible asentamento ocupaba o lugar onde instalaron unha fábrica de bloques para a construción. No voo americano do 1956-57 aínda se aprecia o seu perímetro.
 


O CASTRO ROTO
Practicamente desaparecido. Proximamente achegaremos máis información sobre este asentamento.

 
ASENAMENTO DO ENCIÑAL OU CASTRO DA TRAVESA

Na parroquia de Cadoalla, a 670 metros de altitude. Foi descuberto no ano 1999, cando as obras da A6. Nas intervencións de urxencia apareceron cabanas circulares que convivían con vivendas cadradas con esquinas en ángulo, e tramos de muralla. Apareceu material de tradición prerromana, seguramente do século II-I a. C. Ao longo do tempo semella que o número de estancias de planta rectangular, de grosos muros de pizarra (uns 60 cm de ancho), foron incrementándose. Nas vivendas, algunha con dous andares e almacén-graneiro, documentouse un fogar complexo. Os materiais localizados revelan actividades de cantería, metalúrxico e de carpintería.


Atopábase nas inmediacións da vía que unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusti (Astorga), camiño que aínda se coñece como Camín da Antigua. Na parte máis elevada do castro localizouse un gran edificio rectangular cuberto de tégula e con abundante material romano de fins do século I d. C., mediados do século II d. C. que actuaría como turris para controlar a vía que entraba en Galicia polo Comeal (Cervantes), a cuxo carón se documentan abundantes explotacións mineiras.

Segundo nos contaron, cando as obras moitos dos materiais foron mesturados con cascallos e trasladados en camións para non se sabe onde, outros "desapareceron". Na actualidade, os restos que se conservan permanecen tapados.

Como testemuña da importancia do asentamento, achegamos unha escolma de fotos facilitadas por Manuel González Vilela, tomadas cando as intervencións.

 


 
 
 
CASTRO DE SAA OU CASTRO DOS CURAS
 
No lugar de Saa, parroquia de Cadoalla. O castro, tirando a circular, tiña unhas medidas aproximadas de 125 metros no eixo máis longo e de 70 no menor. Como se pode observar nas fotos, foi totalmente destruído por unha canteira para a obtención de grava. Aínda se aprecia parte dun parapeito defendido por un terraplén. O que foi cura de Becerreá, don José Saco Castedo, nun artigo publicado no xornal El Progreso do día 13 de outubro de 1957, di que o castro de Ouselle estaba rodeado polos castros do Caldeiro, Vilar de Frades e dos Curas. O xornal El Progreso do día 29 de setembro de 1977 xa anunciaba a súa destrución.
 
Na cara que dá á igrexa parroquial de Cadoalla hai unha cova, na actualidade tapada pola mesta matogueira que, din, comunicaba co interior do asentamento.

 



CASTRO ENTRE CASCALLÁ E FURCO
 
Localizado polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 23 de outubro de 2020. Atópase nun outeiro situado a 875 metros de altitude entre os regos da Cerdeiriña e Navallos. Consta dun só recinto de forma ovalada cunhas medidas de 70 por 40 metros, protexido polo sur-oeste por afloramentos rochosos e o resto polo desnivel do terreo. O sitio conserva os evocadores nomes de O Castro e Seara do Castro; este último puido acoller un antecastro, moi modificado na actualidade polos labores agrícolas e forestais.  
 
O achado foi comunicado a Patrimonio.
 


O CASTRO OU CASTRO DE TODÓN DE BAIXO
 
Na aldea de Todón de Baixo, na parroquia de Cascallá. A 603 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
Situado sobre un outeiro, presenta forma ovoidal; as súas medidas son duns 100 metros no eixo máis longo e de 80 metros no menor. Defendido por terrapléns que acadan nalgúns tramos ata oito metros de altura. Polo leste apréciase outro recinto duns 80 metros. Moi alterado polos labores agrícolas. Atopamos uns fragmento de cerámica lisa, pertencente a un recipiente.

 

 

CASTRO DE VILAR DE OUSÓN OU OS CASTROS
 
No aldea de Vilar de Ousón, parroquia de Cruzul. A 599 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
As árbores, os arbustos e a mesta matogueira fan moi difícil adiviñar a forma e dimensións do castro que, logo de percorrelo, denuncia unha planta cunhas medidas aproximadas duns 120 metros no eixo máis longo e de 8o metros no menor. O terreo foi utilizado ata non hai moitos anos para labores agrícolas e forestais o que ocasionou unha forte alteración nas súas estruturas habitacionais e defensivas (reutilización das pedras do castro para pechar herdades, construción de muros e valados, camiños, remoción de terras, etc.).
 
Malia o anterior, o asentamento presenta restos de potentes murallas pétreas na parte oeste, a máis vulnerable, nalgúns tramos de case dous metros de ancho (o seu reaproveitamento posterior impide saber a altura) e foxos. A croa estaba delimitada por unhas penedas ciclópeas e pode que por unha muralla.

 

Canto ás estruturas habitacionais, ata o de agora localizamos os restos de tres posibles vivendas de forma circular (non confundir coas ouriceiras). Na cara sur pódese ver un antecastro protexido por un foxo e unha muralla terreira. Cara o río hai varios aterrazamentos onde atopamos uns fragmentos cerámicos.
 

No mes de agosto de 2017, denunciamos ante Patrimonio a tala indiscriminada de carballos centenarios na contorna do castro pola empresa Gas-Natural. A denuncia tamén foi formulada polos veciños. No mes de novembro de 2018 comunicáronnos que se lle abriu un expediente sancionador por unha falta leve o que conleva unha multa que vai dende os 600 aos 6.000 euros.
 
 

Segundo información achegada por Victor García, a principios dos anos setenta do pasado século, non moi lonxe, no sitio coñecido como O Chao da Capilla, ao arar a terra para sementar o pan, saíron á luz catro ou cinco tumbas de inhumación feitas con laxes e cubertas con tampas de lousa que acubillaban esqueletos humanos en bastante bo estado de conservación; contounos que un fémur fora enviado para a Deputación de Lugo para o seu estudo, mais nada se volveu a saber. Unha monxa adoitaba colocar flores xunto as tumbas.

 

Un veciño de Vilar de Ousón contounos que tiña visto algún muíño circular e unha pía. Tamén se conta que unha muller atopou unha cadea de ouro medio soterrada que se rompeu cando tirou dela; cando foron a buscar a parte que quedara no castro non foron quen de dar con ela. 
 
Unha lenda di que as pedras que hai na croa foron levadas por unha moura. Non moi lonxe está a coñecida como A Cova dos Mouros, asociada, como non pode ser doutro xeito, a unha lenda de fabulosos tesouros. A galería, de cronoloxía descoñecida, ten un metro de ancho por dous de alto; interrómpese despois duns vinte metros debido aos cascallos, provenientes dun derrube, que impide continuar. Pouco sabemos desta cova. Dise que durante a Guerra da Independencia foi utilizada polos guerrilleiros galegos que loitaban contra as tropas napoleónicas, e que despois da Guerra Civil foi usada polos guerrilleiros antifranquistas.

 

 
CASTRO DE FERREIROS DE VALBOA
 
Na parroquia de Ferreiros de Valboa. A 726 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
O castro érguese por riba da poboación de Ferreiros de Valboa, sobre un outeiro con bo dominio visual. Moi alterado, sobre el construíuse un campo de fútbol, camiños de acceso e está adicado a labores agrícolas. Ten unhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 70 no menor. Boa comunicación visual co castro da Fonte do Lobo.
 
Dise que no lugar hai un pozo ao que os rapaces acostumaban tirar pedras que, ao golpear nos laterais, facían un ruído que soaba a metal.
 
 
 


 
O CASTRO OU CASTRO DA FONTE DO LOBO
 
Entre as parroquias de Ferreiros de Valboa e Guillén. 

Atópase na faldra dun monte, a pouca distancia do castro de Ferreiros de Valboa, xusto no límite entre os núcleos de poboación de Ferreiros e da Fonte do Lobo, este último na parroquia de Guillén. Para achegarnos ata el hai que facelo pola estrada que sobe cara esta última poboación onde se atopa unha capela en ruínas adicada á Virxe das Dores.

Cuberto pola mesta vexetación, está adicado a pradarías para o gando. Distínguense varios aterrazamentos formados por pedras e terra.

 

 
CASTRO DE FONTARÓN
 
Parroquia de Fontarón.  Segundo a tradición, eiquí houbo un castro que non conseguimos localizar. 

 
CASTRO DE FONTES
 
Na aldea de Fontes, parroquia de Furco. A 746 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Situado á dereita da estrada local que vai dende Fontes á N-VI, a media ladeira do monte. Posúe unhas medidas duns 130 metros no eixo máis longo e de 55 metros no menor. Presenta un recinto principal, defendido por terrapléns e fortes pendentes, moi alterado polos labores agrícolas e dividido en parcelas. No SO obsérvase unha croa practicamente achandada, cuberta de fentos e xestas.

Polo leste presenta un antecastro protexido por terrapléns e cara o oeste por dous parapeitos. Pódense ver dous enormes foxos (nalgún tramo duns seis metros de ancho), un protexendo parte do recinto principal e outro o antecastro; ambos os dous foron arrasados en gran parte pola devandita estrada e reutilizados como camiño. Atopamos un fragmento cerámico decorado realizado con terra sigillata, unha cerámica fina de orixe romana. Polo NE abriuse unha pista para vehículos mecánicos. 
 
Un home que estivo emigrado en Madrid, hoxe en día falecido, cando regresou á aldea de Fontes pasaba os días na procura de "tesouros". Ao parecer atopou varios muíños circulares e fragmentos cerámicos. Tamén nos contaron que un home, cando estaba a arar a terra, sacou á luz unha ola cerámica chea de po de prata. Hai outra lenda que fala de que hai soterrado un carro de ouro. 

 
 
 


 
CASTRO DA SERRA OU DO CASAR
 
No Casar, parroquia de Furco. A 792 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado nun outeiro con boa panorámica, lambido por dous regueiros. Presenta forma ovoidal cunhas medidas aproximadas de 100 x 60 metros, con defensas en talude e parapeito de lousa. Pola parte máis vulnerable vense dous foxos consecutivos, un escavado na pedra. No ano 2017 foron talados os piñeiros que inzaban o recinto.
 
Segundo a lenda, no castro hai enterrada unha Virxe de ouro.

 

 


 
CASTRO DA TORRE
 
Entre as parroquias do Cereixal e Furco. O outeiro sobre o que asentaba atópase dentro da área de actividade dunha canteira o que ocasionou a súa total destrución. As modernas vías de comunicación tamén afectaron á contorna do xacemento. No Inventario de Xacementos Arqueolóxicos do ano 1991 xa se alertaba do perigo que corría. Polas fotos do voo americano do 1956-57 vese que se trataba dun castro espectacular. De forma elíptica, tiña unhas medidas aproximadas de 165 por 70 metros, defendido por potentes murallas que nalgúns tramos acadaban os 10 metros de ancho.

 

 

 
CASTRO DE GUILFREI
 
Na parroquia de Guilfrei. A 848 metros de altitude sobre o nivel do mar, sobre a igrexa parroquial e a poboación de Guilfrei. 
 
A pesares da mesta matogueira e as árbores que o cubren, vese que presenta unha forma ovalada cunhas medidas aproximadas de 120 metros no eixo máis longo e de 55 no menor, defendido por unha muralla con pedras de bo tamaño e terrapléns que nalgún tramo acada os seis metros de altura. Polo SO semella desenvolverse un antecastro protexido por terrapléns. Alterado polos labores agrícolas e por varios camiños. 
 
Uns veciños contáronnos que, segundo a tradición, na croa había unha capela, disque anterior á igrexa parroquial, da que non quedan restos; malia a inexistencia de vestixios, no lugar érguese unha enferruxada cruz que puido pertencer á ermida ou que foi colocada para cristianizar o castro. 
 
Andrés M. Teira Brión en Os traballos agrarios e as ferramentas empregadas na Cultura Castrexa (Gallaecia, 2003) di que Taboada Chivite faise eco dunha rella (peza que ten o arado na parte dianteira e que vai abrindo os sucos na terra) atopada no castro e publicada por Walter Ebeling en Die landwirtschftlichen Geräte in Osten, Provinz Lugo (Spanien), onde dá unha descrición dunha rama acodada, esteva e ferro de reforzo na punta. Mais esta información hai que tomala con cautela xa que o referido por Taboada é confusa polo que non se pode saber como sería a suposta rella, de realmente selo. Ferreira da Silva (1986), ao ver unha lámina na que aparece unha aixada, di que é a rella de Taboada Chivite. Verbo do arado, xa era coñecido en Europa dende o Neolítico (marcas nalgúns túmulos das illas Británicas) e en representacións da Idade do Bronce (Francia, Italia, Suecia e segundo algunhas teorías, tamén en Galicia). Na Península Ibérica documéntanse restos de rellas (tamén chamado ferro nalgunhas partes de Galicia) dende o século IV a. C. En Galicia as primeiras referencias proveñen do xacemento da Lagoa onde se documentan pegadas de arado de tipo primitivo (lixeiro e que non permite voltear a terra), cunha cronoloxía da metade do II milenio a. C. Nos nosos castros testemúñase polos textos clásicos, que din que eran utilizados polas mulleres.

 

 
BICO DO CASTRO
 
A 115 metros do castro de Guilfrei. Forma ovalada de 125 por 60 metros. Antecastro polo NO de 60 por 35 metros. Conserva parte das defensas.
 
 

O CASTRO
 
No lugar da Golada. Parroquia de Líber. A 445 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado nun meandro do río Navia. Inzado pola matogueira, ten unhas medidas aproximadas de 140 metros no eixo máis longo e de 90 metros no menor.
 
 
 
CASTRO DA COROA OU CASTRO DE OUSELLE
 
Parroquia de Ouselle. De forma ovoidal, presenta un recinto interior arrodeado por un parapeito de terra e lousa e un foxo. No parapeito practicouse unha apertura para acceder ao interior. Alterado polos labores agrícolas.

 


 
O MITO ZOELA DE OUSELLE
 
Resulta bastante frecuente atoparnos con referencias á parroquia de Ouselle, no concello de Becerreá, que a identifican coa antiga Ocellum Gallaicorum da Xeografía de Ptolomeo (100-170 d.C.), capital do pobo céltico dos Zoelas (Zoelae en latín), famosos polo liño que cultivaban e que era moi apreciado en Roma, empregado tanto para a confección de pezas de vestir como para curar feridas. 
 
Ocellum é un nome prerromano, posiblemente precéltico, co significado de cume, monte escarpado, outeiro que, ademais de como topónimo, funciona como epíteto, en ocasións acompañando a unha divindade indíxena como Arentius Ocalaecus ou Arentia Ocelaecca, como acontece coa ara adicada so Lar Ocaelaego atopada en Vilariño (Sarreaus) e custodiada no Museo Arqueolóxico de Ourense, unha testemuña do sincretismo entre a relixión autóctona (Ocaelaego) e romana (aos Lares) en Galicia, terra onde abundan os topónimos rematados en -ozelo, -ouselle, -oselo... (Arcucelos, Fragoselo, Nocelo, Ouselle...).


Ademais do Ocellum Gallaicorum citado por Ptolomeo, o Itinerario de Antonino (redactado entre o 196 e o 217) e o Anónimo de Rávena (do século VII, que manexou documentación de séculos anteriores) citan un Ocellum Duri ou Octoduron, identificado durante moito tempo, non sen polémica, coa cidade de Zamora, un poboado vetón documentado por Estrabón (64 a.C.-19/25 d.C.) no Libro III da súa Xeografía, e por Plinio o Vello (23-79 d.C.) que o describe na súa Naturalis Historia. Posteriormente apareceron outras posibles ubicacións dentro da provincia de Zamora, como Almaraz de Duero e Villalazán. No Itinerario de Antonino menciónase unha calzada dividida en dous tramos: o de Augusta Emerita (Mérida) e Caesaraugusta (Zaragoza) e de Asturica Augusta (Astorga) e Caesaraugusta. Na punta de intersección das dúas vías atoparíase Oceloduri.
 
Sábese que octo- é un deus celta, pero hai autores que opinan que o prefixo ocelo- significa, como apuntei máis arriba, monte escarpado, outeiro, que tamén se atopa na toponimia celta. Por outra parte, a palabra Ocelus empregábase como teonimia de Marte en Xermania e na Bretaña. A denominación posterior oceloduri, proveniente de octoduron, é unha corrupción que transforma octo- por ocelo-, co sufixo (durum) que aparece en varios topónimos ao longo dos pobos celtas de Europa e que podería significar "forte no promontorio".


Se ben é certo que en Ouselle está o castro da Croa, a identificación da parroquia con Ocellum débese, unicamente, ao topónimo. O licenciado Molina, na súa Descripción del Reino de Galicia... (1550) tamén di que o lugar onde asenta o castelo de Monterrei é de época romana, chamándoo Ocelum. No castro asturiano do Chao de San Martín (Grandas de Salime, Asturias) apareceu un vaso de cerámica común descuberto nun contexto do século I d.C. que amosa un grafito coa inscrición: "Copiam [.] vriflavienses salvtem ocelae felicieter", que podemos traducir como "Os buroflavienses desexan sorte en abundancia aos de Ocela", o que, segundo algúns investigadores, levarían a Ocellum Gallaicorum para o citado castro; a capitalidade dos buroflavienses identíficase coa Pobra do Burón (A Fonsagrada).


 

No Staatliche Museen zu Berlin (Museo Nacional de Berlín) atópase a coñecida como Táboa de Hospitalidade de Astorga ou Pacto dos Zoelas. As referencias que se teñen son as do Corpus Inscriptionum Latinarum (1869), onde indica que procede "de los confines astorganos donde fue llevada a Madrid, antes de mediar el siglo XVII; de Madrid, donde la poseía D. Lorenzo Ramírez de Prado, llevola a Roma Camilo Máximo, patriarca de Jerusalén y allí estuvo en el Museo de Bellorio, hasta que pasó al Real Museo de Berlín, donde se conserva". A peza orixinal é unha prancha de bronce que remata nun frontón triangular e que fai referencia a dúas inscricións xurídicas reflectidas no mesmo documento. A primeira delas, suscrita o 28 de abril do ano 27 d.C., renova un pacto de hospitalidade asinado en data descoñecida. 
 
Este acto tivo lugar na cidade de Curunda que, aínda que na actualidade non se puído identificar con ningún lugar preciso (estaría nun lugar indeterminado entre Bragança -son citados no castro de Avelás- e a provincia de Zamora), sábese que é a capital dos Zoelas, cuxa área de actuación se ubicaba no Conventus Asturum, con capital en Asturica Augusta (Astorga). Resulta chamativo que este pacto se realice entre dúas partes, a dos Desonci/Desoncos (identificado, tamén erradamente, con Doncos das Nogais, ou con Duancos, en Castro de Rei) e a dos Tridiavi/Tridiavos, pertencentes á mesma comunidade, a gens dos Zoelae, que se comprometen entre si a un acordo, o que deu pé a supoñer que aínda non se comezara a aplicar o esquema administrativo romano con base na Civitas. A segunda inscrición correspóndese co acto de renovación do dito pacto, o 11 de xullo do ano 152 d.C., feito que ten lugar nun ambiente máis romanizado, como así o testemuñan os elementos da onomástica que definen aos interesados que son os mesmos que no caso anterior e que agora actúan en conxunto e realizan pacto con tres individuos concretos, un da gens dos Orniacos e outros dous dos Zoelae. Este pacto non se trata dun acordo entre o poder de Roma e un pobo indíxena, senón que establece un acto de clientela entre gentilitates do Conventus Asturum, ratificado en Asturica Augusta.


A comarca actual dos Ancares estaría habitada polos Seurros Transminienses (para uns unha subdivisión interna dos Seurros, e para outros un pobo distinto), cos núcleos urbanos de Aquae Quintiae (Baños de Guntín) e Timalinus (Baralla), e polos Susarros que ocuparían as montañas do Courel e do Cebreiro, con capital no Castellum Alobrigiaeco (tabulae do Courel). Polo norte terían como veciños aos Egovarros Namarinos que habitarían no Val do Masma e na Serra de Meira, polo sur aos Lemavos cuxa capital, Dactonium, ergueríase, probablemente, no monte de San Vicente do Pino, en Monforte, e polo oeste os Cóporos aos que Ptolomeo lles asigna as localidades de Iria Flavia e Lucus Augusti, que abranguerían, polo tanto, un amplo territorio. Os Seurri son mencionados por Ptolomeo (non deben confundirse co populus galaico dos Seurbi, mencionados por Plinio, pertencentes ao conventus bracarensis), e así constan nas testemuñas epigráficas: "Reburrus Ari Seurus (castello) Narelia" (Hübner, 1869), "Tridiae Modesti f(iliae) Seurr(a)e Transm(iniensi) exs (castello) Serante" (Année Epigraphique), "Q(uintius) Varius Reburri f(ilius) Maternus Seurrus Transmini(ensis)" (Arias Vilas, Le Roux e Tranoy, 1979), "Flaci interciso Seuroru(m) [?]itc Susicus" (Arias Vilas, Le Roux e tranoy, 1979).

 

Segundo E. R. Luján, no seu Pueblos celtas y no celtas de la Galicia Antigua: Fuentes literarias frente a fuentes epigráficas, a etimoloxía do etnónimo Seurri é escura, mais presenta un sufixo -u(r)rus que se atopa nun conxunto de etnónimos da Galicia occidental e Asturias; di que non semella que poida tratarse dunha formación celta.
 
Canto aos Susarros, aparecen citados en varias epígrafes, ao que hai que sumar, segundo Correa (2002), a lenda Susarros/Susarres que se atopa en moedas visigodas coa lenda Arros/Arres [...] castellanos Paemeiobrigenses ex gente susarrorum [...] (Aannée Epigraphique), Tillegus Ambati f(ilius) Susarrus (castello) Aiobrigiaeco et Clotus Clutami f(ilius)... Susarru(s) domo Curunniace (Hübner, 1869). O citado Luján di que non resulta posible establecer a etimoloxía do etnónimo, aínda que semella de raigame celta. 

 
CASTRO DE MONTAÑA DA AGRA
 
No lugar de Montaña da Agra, na parroquia de Ouselle. A 685 metros de altitude sobre o nivel do mar. Atópase á dereita da estrada, nunha curva de ferradura, a medio quilómetro de Montaña da Agra. Trátase dun castro de planta ovoidal, cunhas medidas aproximadas de 120 x 90 metros, arrodeado en gran parte por un terraplén que nalgúns tramos acada os cinco metros de altura. Tamén conserva restos dunha muralla interior de lousa que na actualidade non chega ao medio metro de altura. Cara o oeste hai un afloramento rochoso que debía de actuar como parapeito. Pola cara oeste pódense ver os restos dun foxo.
 
Pola parte sur obsérvase o que puido ser un antecastro, destruído case na súa totalidade pola estrada.
 
O interior do recinto, onde se poden ver pedras esparexidas por varios puntos, destínase na actualidade a pasto para o gando.
 



 
O PICO DO CASTRO
 
Aínda que é coñecido polos veciños da zona e na cartografía figura o topónimo O Pico do Castro, sorprendeunos comprobar que este importante asentamento figure sen catalogar.

 

O Pico do Castro sitúase a 632 metros de altitude, entre os ríos Navia e Narón, facendo de límite entre A Agüeira, Cruzul e Ouselle, parroquias do concello de Becerreá. 
 
De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 200 x 120 metros o que o converte no de maiores dimensións do concello. Debido á repoboación forestal dos anos setenta do pasado século perdeu a muralla que o protexía polo norte, pero apreciándose claramente no resto do seu perímetro. Ademais de pola muralla que pechaba o recinto principal, estaba defendido por un foxo duns catro metros de ancho que precedía a outra muralla. O pronunciado desnivel do terreo actuaba como defensa natural.

 

A parte norte do recinto foi parcialmente afectado polo movemento de terras para a instalación do tendido eléctrico de alta tensión. Foi eiquí onde, en superficie, atopamos varios anacos cerámicos de clara filiación castrexa, entre outros o de tres asas de posibles útiles domésticos.

 

Con este do Pico do Castro, son 30 castros os documentados ata o de agora no concello de Becerreá, tres localizados polo Colectivo Patrimonio dos Ancares. O estado xeral dos castros do concello é bastantes deficiente (tres foron totalmente destruídos por canteiras) se ben hai media ducia cuxo estado de conservación é bo ou moi bo.
 
Segundo a lenda, estivo habitado polos mouros que se defendían dos atacantes tirándolles pedras dende o cume. 
 
A mediados do mes de xaneiro de 2019 comunicámosllo a Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa catalogación.

 
CASTRO DE VILAR DE FRADES
 
Na aldea de Vilar de Frades. Parroquia de Ouselle. A 801 metros de altitude sobre o nivel do mar.  Preto do regueiro da Pasada. Situado sobre a poboación de Vilar de Frades, nun pequeno outeiro con afloramentos rochosos que puido ser aproveitado como parte do sistema defensivo. A mesta vexetación só permite adiviñar a presenza de dous aterrazamentos.
 
Xunto o castro hai unha mina onde os rapaces acostumaban tirar pedras para escoitar o seu son ao bater coa auga. Unha lenda conta que se se araba o castro con dous bois xemelgos atopábase un xugo de ouro.
 


 
CASTRO DE CASTELMARÍA
 
Na aldea de Castelmaría, na parroquia de Quintá de Cancelada. A 704 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado nun outeiro, o castro estaba defendido en case todo o seu perímetro por unha muralla de lousa e terrapléns polo N-L. A entrada debía situarse polo S-O, onde se observa unha plataforma duns 15 por 40 metros. As medidas aproximadas son de 85 metros no eixo N-S, e de 70 metros no eixo L-O.
 
O interior está moi humanizado polos labores agrícolas e por unha capela posta baixo o padroado de Santa Apolonia. Un camiño asfaltado semicircunda toda a cara oeste do asentamento. Unhas casas, tamén pola parte oeste, estragaron parte do recinto. A muralla foi desfeita en varias zonas para acceder ás leiras que se atopan no seu interior.

 


 
CASTRO DE QUINTÁ
 
Parroquia de Quintá de Cancelada. A 609 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado nun outeiro. Defendido en case toda a contorna polo desnivel do terreo, agás polo SL que é por onde discorre o camiño que sobe cara a cima. Polo oeste desenvolvíase un antecastro. Debido á forte alteración non se observan estruturas defensivas nin habitacionais. Sobre o asentamento levantouse a igrexa e o cemiterio parroquial, o resto do castro está adicado a terras de cultivo. Posuía un bo dominio visual sobre a contorna.

 

 
CASTRO DE TUCENDE 
 
Foi o día 4 de febreiro de 2019 cando documentamos este novo castro na aldea de Tucende, na parroquia de Quintá de Cancelada. Sorprendeunos que non figurara no catálogo da Xunta de Galicia porque, ademais de tratarse dun asentamento de manual, o sitio é coñecido polos veciños como O Castro e, ao igual que O Pico do Castro citado máis arriba, tamén figura na cartografía. Situado nun outeiro que se eleva a 735 metros de altitude, é de forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 145 por 80 metros. A muralla principal e os pronunciadísimos terrapléns que o delimitaban en todo o seu perímetro, a pesar de que o sitio foi utilizado secularmente para labores agrícolas e logo forestais, obsérvase perfectamente, ademais dunha dobre muralla que ocupaba toda a parte sur-leste. Polo norte apréciase un foxo bastante alterado por unha pequena plantación de eucaliptos realizada non hai moito. A muralla principal, feita de terra e pedras, acada polo exterior uns 6-7 metros de altura. Este castro ten a particularidade de que é o único con dobre muralla do concello de Becerreá. 

 
 
 

Como se pode apreciar na imaxe do relevo capturado do visor do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galicia (onde figuran os bens patrimoniais catalogados), en Tucende só aparece no inventario de Patrimonio a capela de San Pedro (delimitada cun círculo de liñas discontinuas). Xusto por riba apréciase o clarísimo asentamento castrexo (que nós delimitamos cun círculo continuo de cor amarela).

 

Nas remocións de terra que se fixeron para a plantación dos eucaliptos localizamos abundante escoura de ferro en superficie (a escoura é a impureza que se separa do metal fundido ao golpealo cun martelo). 
 
Sorprendeunos o seu estado de conservación que é bastante bo. Dende o castro, a vista da Serra dos Ancares é espectacular.   
 
O días 22 de febreiro de 2019 comunicáronnos dende o Servizo do Patrimonio Cultural que, atendendo a nosa petición e despois da visita dos técnicos, xa foi catalogado. 
 
O Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrán de Las elaborou unha listaxe cos 10 xacementos arqueolóxicos máis relevantes atopados no ano 2019. O castro de Tucende aparece recollido no posto número 7. 

 
CASTRO DE DONÍN
 
Na aldea de Donín, parroquia de Sevane. A 818 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado por riba da aldea de Donín. Utilizado en tempos para labores agrícolas e pasto e hoxe en día comido pola matogueira, está moi alterado. A estrada local a Sevane e unha pista semicircundan o xacemento. Dende o castro obsérvase unha ampla panorámica cunha boa comunicación visual co castro de Cantiz.
 
Un veciño de Donín contounos que o propietario dunha casa que había sobre o propio castro, da que aínda se conservan parte dos muros, escavou en varios lugares do xacemento porque existe a lenda de que había enterrado un tesouro.

 

 
CASTRO DE SEVANE
 
Na parroquia de Sevane. A 597 metros de altitude sobre o nivel do mar. Está situado no cume dun outeiro dende o que se divisa unha ampla panorámica. De forma ovalada, ten unhas medidas aproximadas de 160 por 90 metros. Protexido por un terraplén, tamén se utilizou como defensa un afloramento rochoso ao que se lle engadiu un foxo. Moi alterado polos labores agrícolas que cortaron parte da muralla, formada por terra e pedras, e achandaron o terraplén. Expléndida comunicación visual cos castros de Cantiz e de Vilamane.
 
No castro hai un lugar coñecido como A Furada dos Mouros onde estes lendarios habitantes custodiaban un tesouro.

 


 
CASTRO DE EIXIBRÓN OU DA CROA
 
En Eixibrón, parroquia de Tortes. A 805 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado sobre un outeiro, podemos encadralo dentro dos considerados como castros agrícolas. O recinto principal presenta unha forma ovalada, cunhas medidas de 125 por 90 metros. Defendido por terrapléns que polo N-NL chegan a acadar os dez metros de altura. Cara o norte está defendido por unha muralla pétrea, que na actualidade apenas sobresae do chan, e polo forte desnivel do terreo; abundan os carballos e os piñeiros. Polo NL obsérvase un antecastro protexido por  terrapléns.
 
O castro está bastante alterado polos labores agrícolas e por uns camiños que destruíron parte das defensas. Por todo o xacemento pódense ver moreas de pedras, moitas das cales foron reutilizadas con posterioridade noutras construcións.
 
Un veciño contounos que atopou un muíño circular e outro veciño un muíño naviforme. Segundo a lenda, no interior do castro hai unha "cheminea", hoxe en día tapada, que dá a unha cova que agocha un tesouro.

 
 



CASTRO DO CASTRILLÓN 
 
En Pumarín de Riba. Parroquia Veiga. A 624 metros de altitude. Ata o día 24 de maio de 2016, este sitio figuraba só como topónimo, tanto no Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo como no PXOM do Concello de Becerreá. Integrantes do noso colectivo comprobamos que si houbo un asentamento de forma ovalada, cunhas medidas aproximadas de 120 por 65 metros. Dedicado a terras de cultivo, atópase moi alterado se ben aínda se aprecia a muralla perimetral, moi achandada, que o protexía. A impenetrable matogueira que o cubría ata mediados do ano 2015 foi levantada e substituída por un pastizal. Na actualidade unha parte ocúpao o pastizal e a outra continúa cuberta pola maleza (toxos, breixos e outras especies arbóreas). 
 
Contáronnos que hai moitos anos apareceu no castro unha pulseira de ouro que foi vendida en Lugo. 
 
Despois de comunicarllo a Patrimonio xa foi catalogado,.

 
 

 
CASTRO DE CANTIZ
 
Na aldea de Cantiz, parroquia de Vilachá. A 757 metros de altitude sobre o nivel do mar. Castro de forma ovoidal cunhas medidas aproximadas de 90 metros no eixo máis longo e de 60 metros no menor. Presenta un recinto superior defendido por terrapléns que nalgúns tramos acadan os cinco metros de altura.
 
Polo oeste pódese apreciar un antecastro duns 100 x 40 metros, defendido por unha muralla. Tanto o interior deste como do recinto principal está comido polos toxos o que impede ver se hai algún tipo de estutrura habitacional. O conxunto está arrodeado por un sistema de foxos e parapeitos, con tramos de lousa e terra.
 
Cando a construción dunha pista que lambe o xacemento, as máquinas estragaron parte da muralla. Dende o lugar obsérvase unha ampla panorámica.
 
Boa comunicación visual cos castros de Sevane, Vilamane e Donín.
 
Uns veciños de Cantiz contáronnos que non hai moitos anos uns furtivos sacarón á luz varias moedas utilizando un detector de metais. Segundo a lenda, dende o castro sae unha galería que vai dar a un manancial situado fóra do recinto. 
 
A aldea do Lago, en Becerreá, tomou o nome dun gran lago que había no lugar. Agora nada queda do lago. A señora Carmen, de Sarceada, escoitou dicir aos seus antepasados que foran os mouros que habitaban no castro de Cantiz quen levaron a auga.
 
 




 
CASTRO DE MONEL
 
Na aldea de Monel, parroquia de Vilachá. Situado entre os regueiros Liñares e Calamouco. Na parte máis elevada presenta un recinto duns 40 por 30 metros, defendido por terrapléns duns dous metros de altura. Polo oeste aprécianse foxos e parapeitos. Moi alterado polos labores agrícolas.

 


 
CASTRO DE VILAR DE CANCELADA
 
Na aldea de Vilar de Cancelada, parroquia de Vilachá. A 566 metros de altitude sobre o nivel do mar. 
 
Situado sobre un outeiro, está inzado pola matogueira e alterado polos labores agrícolas. Obsérvase parte dun parapeito. Ten unhas medidas aproximadas de 90 metros no eixo máis longo e de 60 metros no menor.
 
Sobre o xacemento pasa unha liña de alta tensión.


 
O CASTRO OU CASTRO DE CASARES
 
Na aldea de Casares, parroquia de Vilaiz. Ocupa a cima dun outeiro que se ergue sobre a aldea de Casares. Moi alterado polos labores agrícolas, forestais e por construcións modernas non se aprecian elementos construtivos. 
 
Boa comunicación visual co castro de Vilamane.
 
Na aldea hai un lugar coñecido como a Mina de Vilavella. Un veciños contáronnos que cando nenos entraban con fachos acesos na longa gruta, abeirada ao principio por dúas "camas" de pedra onde durmían os mouros que custodiaban un tesouro.

 

O TESO DO CASTRO

En Casares, parroquia de Vilaiz. Inédito, localizado polo Colectivo Patrimonio dos Ancares o día 26 de febreiro de 2024. A 575 metros de altitude, sobre o río Donsal, no límite coa parroquia de Quintá de Cancelada. Trátase dun pequeno asentamento de forma ovalada con restos de foxos. Consérvase o topónimo.



 
CASTRO DE VILAIZ 
 
Parroquia de Vilaiz. Só temos referencias orais. Polo de agora non atopamos vestixios. 

 
CASTRO NA SERRA DE VILAMANE 
 
Na parroquia de Vilamane. Sobre un outeiro situado a uns 800 metros de altitude sobre o nivel do mar obsérvase o que semella un recinto de forma tirando a oval arrodeado en parte por un parapeito. Boa comunicación visual cos castros de Vilamane e Cantiz.

 

 
CASTRO DE VILAMANE
 
Na parroquia de Vilamane. A 685 metros de altitude sobre o nivel do mar. Situado nun cordal montañoso, érguese por riba da poboación de Vilamane, entre o rego do Vao de Murias e o rego da Forxa. De forma irregular, ten unhas medidas aproximadas de 180 metros na parte máis longa e 100 metros na menor.
 
Presenta un recinto arrodeado en todo o seu perímetro por unha muralla de terra e pedras de lousa que nalgún tramo acada unha altura duns sete metros por catro de ancho. Na parte máis elevada consérvanse restos dun parapeito para o que se aproveitou a propia conformación do terreo. Un foxo circunda o castro, agás polo SO que está protexido polo desnivel do terreo. O interior, que estivo adicado á actividade agrícola, está inzado pola matogueira. A dicir dos veciños atopáronse restos cerámicos e útiles líticos sen especificar.
 
Magnífica comunicación visual cos castros de Cantiz e Sevane. 
 
Aínda que totalmente humanizado, dá a impresión de que o núcleo de poboación de Vilamane levantouse sobre un primitivo asentamento castrexo. A aldea recibe o nome de O Castro.

 


 
CASTRO DE VILOUTA DE ABAIXO
 
Na aldea de Vilouta de Abaixo, parroquia de Vilouta. A 840 metros de altitude sobre o nivel do mar. Castro situado na ladeira dun monte, á dereita da estrada local que vai de Becerreá a Sarria.
 
Presenta forma ovalada, duns 140 metros na parte máis longa e 120 metros na menor. Obsérvanse dous recintos, un superior de forma oval e un secundario situado por debaixo do anterior. Defendido por terrapléns e unha muralla terreira achandada en gran parte polos labores agrícolas.
 
Un veciño de Vilameixe contounos que, segundo a lenda, hai xente que viu no castro a unha vella fiando e que cando se achegaban a ela desaparecía. O señor Vicente, veciño de Vilouta de Abaixo, díxonos que hai un túnel, habitado polos mouros, que comunica este asentamento co castro de Vilouta de Arriba.

 


CASTRO DE VILOUTA DE ARRIBA
 
Na aldea de Vilouta de Arriba, parroquia de Vilouta. Próximo á aldea, situado a media ladeira do monte, á dereita da estrada que vai de Becerreá a Sarria. Posibles restos de muralla. Moi alterado, destinado a terras de labor e pasto, atravésanno varios camiños.

 

COVA DOS PENEDOS OU DE  FURCO
A Cova dos Penedos atópase na parroquia de Furco, en Becerreá. Entre as cavidades documentadas no concello é onde apareceron, ademais da de Valdavara, restos arqueolóxicos, entre outros un puñal (ou espada curta) de antenas de bronce. A cova está nas inmediacións de tres castros: a menos de 300 metros do da Torre, destruído por unha canteira e a estrada de acceso dende a A-6, e a menos de un quilómetro dos do Casar e das Fontes.
 
 
O primeiro en publicar o achádego foi Ángel del Castillo López (1886-1961), Un nuevo puñal de antenas, no Boletín da RAG nº 261 do ano 1936, que tivo coñecemento polo historiador Manuel Vázquez Seijas (1884-1982). Di Ángel del Castillo que tamén apareceran alguns ósos humanos (restos de tres cadáveres), anacos de hasta e outros obxectos que non precisa, descoñecendo as circunstancias dos achádegos e do lugar exacto onde se atopaban.
 

 
Describe o arqueólogo coruñés: "Mide este puñal 28,2 cm, pero advertimos que tiene la punta de antiguo afilada y rotas las antenas... con fractura ya muy antigua... La empuñadura, que mide en total 9,3 cm, tiene pomo fusiforme, caracterizado por una especie de nudo en el centro, y es lisa, salvo en la parte central del arco de las guardas o crucero, donde nace la hoja, que presenta por adorno, solo en una de las caras, en la visible puesto el puñal al cinto, dos cortas líneas de puntos casi horizontales... y tres líneas también de puntos a cada lado de las anteriores en sentido contrario, convergentes hacia la hoja, adorno que posiblemente haría también de marca personal. Las guardas o aletas, recias y fuertes, con un ancho de 3,8 cm, describen... un arco de tres centros, cuyos extremos, prolongados recta y paralelamente, ofrecen una ranura central en su cara interna donde encaja, amachambrado, una especie de espigo en que termina cada uno de los cantos o bordes del talón de la hoja...; las antenas, desigualmente mutiladas... sólo miden hoy de ancho 4,25 cm. La hoja... mide 21,1 cm de largo y un grueso máximo de 5 mm, sujetándose a la empuñadura... por un largo espigo que atraviesa el pomo, y aprisiona por fuera de el, a martillo, entre las mutiladas antenas, una artística virola... La hoja tiene forma triangular... de bordes afilados..., y tiene su parte central robustecida por un nervio de 6,5 mm de ancho, prolongación del espigo, acanalado en su nacimientno, pero ligeramente convexo en el resto de la hoja; tiene por adorno en el talón las típicas escotaduras sensiblemente semicirculares, que cierran el óvalo, más que en círculo, con el arco descripto por las guardas, escotaduras de recios bordes, realzados en arista viva... El peso total de esta pieza, tal como está, es de 176 gramos. Su condición de puñal, es decir, de arma solo para herir de punta, y no de espada corta, está perfectamente determinada por su tamaño y forma. Pertenece este tipo de puñales de antenas arqueadas, tan difundido por Europa, a la segunda fase de la primera edad de hierro o de Hallstadt (700 a 500 años a. de J. C)... Este puñal es parecidísimo al que en el año 1689 se descubrió cerca del castro de Combueira (trátase do da Couboeira), en Mondoñedo, publicado por Villaamil y Castro... La empuñadura de la pieza de Furco ofrece también la misma forma que la de bronce descubierta cerca del castro de Alcayás (é o de Alcaiás, en Cedeira), en la comarca de Ortigueira... siendo también muy parecido a la de uno de los puñales descubiertos en la citania de San Ciprián de Las... Y su hoja ofrece una semejanza grande con la que procedente de Lanzós (Vilalba)... conservaba el señor Mato Vizoso. Remata Ángel del Castillo: "Viene, pues, el hallazgo de este puñal a aumentar la importnacia de los que hasta ahora se llevan hecho de este tipo de armas en Galicia, pues es el undécimo de los registrados, lo que viene a confirmar las características de nuestra cultura en los tiempos que precedieron a la invasión de los romanos". Coa cronoloxía de Del Castillo coincide W. Schüle (1969).
 
   
 
Malia o anterior, non resulta doado establecer unha cronoloxía aproximada para esta peza xa que se carecen de elementos arqueolóxicos para datala con anterioridade ao século II a.C.
 
 
 
Descoñécese como eran as antenas, a súa característica máis peculiar, uns apéndices situados simetricamente (en forma de U) ao final da empuñadura que podían terminar en distintos tipos de remate (espirais, botóns cilíndricos...).
 

 
Outra das incógnitas é se o puñal se utilizou como arma defensiva ou ofensiva, ou formaba parte dunha ofrenda. Os puñais con follas de ferro poderían ser para defensa, pero os de bronce, moito máis fráxiles, non resultarían ideais para este cometido polo que o seu uso podería estar vinculado con prácticas rituais, cunha función votiva (crese que puído ser inutilizado intencionadamente). Estaría asociado aos restos humanos dos que fala Ángel del Castillo, supoñendo que foran restos de persoas e non de animais? Cremos que non é probable, a maioría destas armas proceden de tumbas ou espazos de incineración. Ademais, hai que ter en conta as condicións desfavorables para a conservación dos cadáveres. Entre outras hipóteses, crese que a ausencia de rexistros funerarios destes períodos débese a que os mortos eran depositados en medios acuáticos (ríos, lagos...), pero tamén en covas e abrigos naturais; ou mesmo, se lle facemos caso a Silio Itálico (25-101 d.C.), ao aire libre para seren devorados polos voitres.
 
A mediados dos anos trinta do pasado século XX a Cova dos Penedos foi explorada polo mestre Gonzalo Martín March (logo trasladado para a provincia de Pontevedra) e Alberto Blas Ferreiro, un estudante de Becerreá, que foron quen atoparon o puñal, un martelo e outras ferramentas metálicas. O puñal foi depositado por Blas Ferreiro no Museo de Lugo en maio de 1935, e adquirido por este en decembro de 1981.
 
 
Segundo a lenda, no interior da cova había tesouros ocultos, de onde saíron varios obxectos metálicos, entre eles unhas campás. 
 
Non moi lonxe, afectada pola canteira, está a Cova dos Cousos. Dise que eiquí apareceu outro puñal de antenas (López Cuevillas) do que nada se sabe, a non ser que se trate dun erro e o puñal ao que se refiren sexa este da Cova dos Penedos.

O día 2 de xuño de 2020, integrantes do noso colectivo achegámonos ata a Cova dos Penedos. No sitio comprobamos que a boca da cova está practicamente tapada polo lixo que durante anos foron acumulando, impedindo o seu acceso. O feito xa o puxemos en coñecemento da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e o Concello. Por distintos motivos fomos adiando a limpeza, pero, unha vez salvados os atrancos, a non tardar poñerémonos mans á obra.
 

O MONTE MEDULIO, TAMÉN EN BECERREÁ
 
"En terceiro lugar, a fortaleza de Aracelio resiste fortemente; pero, ao final, tivo lugar o acoso do Monte Medulio, ao que se cercou cun foxo continuo de quince millas para conquistalo, avanzando o romano por todas partes e ao mesmo tempo. Logo de que os bárbaros ven que o fin é chegado, taimadamente, entre eles, déronse morte co lume, espada e veleno que alí extrae a xente dos teixos, e a maior parte librouse da cautividade, que lles parecía peor ca morte aos que ata ese momento non foran dominados". Así describe o historiador latino Floro (finais século I, principios século II d.C.) o asedio ao Monte Medulio que os  romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cercánno cun foxo ao que os galaicos respostan, denantes caer escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas.
 

O historiador e teólogo cristián de orixe galega, Paulo Orosio (s. IV-V d.C.), tamén fai alusión a este espisodio das guerras cántabro-astur-galaicas que tiveron lugar entre o 25 e o 19 a.C.: "Tamén cercaron con asedio o Monte Medulio, que se ergue sobre o río Miño (?), no que se defendía unha gran cantidade de homes, rodeado por un foxo de quince mil pasos. E así, cando aquela raza de homes feros por natureza e crueis, entende que non é capaz de soportar o asedio nin de afrontar a batalla en pé de igualdade, lánzase á morte voluntaria por medo á escravitude, pois case todos se deron morte á porfía, valerosamente, polo lume, a espada e o veleno".  
 
O mítico Medulio, un dos derradeiros bastións dos galaicos contra os romanos, é un dos montes máis buscados. Pero, ata o momento, ninguén foi quen de dar con el. As hipóteses sobre a súa ubicación son moitas: Ribeiras de Lea (Castro de Rei), Monte Cido (Folgoso do Courel), Monte Medela (Xove), na confluenza dos ríos Miño e Sil nos Peares, Monte Medelo (Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense), Monte Castelo (Pereiro de Aguiar), O Trega (A Guarda), Monte Aloia (Tui), preto das Médulas (O Bierzo)... e tamén Becerreá.  
 
Unha noticia aparecida no xornal El Pueblo Gallego do 14 de agosto de 1935, nun pequeno artigo asinado por Luis Otero que falaba do mal estado de conservación da igrexa e dos restos do mosteiro cisterciense de Penamaior, en Becerreá, chamounos a atención un parágrafo: "El viejo monasterio de Penamayor, emplazado en las estribaciones de la montaña que le da nombre, y en la que algunos historiadores localizan el fabuloso Monte Medulio...". A montaña á que se refire é, seguramente, a Serra do Monte do Pico cuxa altura máxima elévase a pouco máis de 1.000 metros. Vai ti a saber!
 


Mámoas e castros do concello de Becerreá
A descrición dos xacementos e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
As imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN

© Colectivo Patrimonio dos Ancares