No
presbiterio vense unhas pinturas murais en lamentable estado de
conservación. Posiblemente foron realizadas por artistas da zona,
dominando as cores vermella, azul e verde. O ceo estrelecido, co Sol
e a Lúa, catro pequenas figuras masculinas, un can, un lagarto, dúas
aves enfrontadas, un vexetal e outros motivos xeométricos enchen o
espazo. Chama a atención a ausencia de esceas bíblicas ou sacras
tal como as entendemos.
No
Museo da Catedral de Lugo custódiase un Cristo de Limoges que
Carolina Casal data no primeiro tercio do século XIII. Segundo o
Libro de Fábrica, no ano 1760 encargouse ao ourive de Lugo, Diego
Casal, "un cáliz con su patena sobredorado, un relicario de
plata también sobredorado, unas vinajeras de plata con su platllo de
lo mismo", cun custo de 169 reás de vellón e 11
maravedises.
Nun
documento do 2 de maio de 1498 fala da presentación do presbítero
da Igrexa de Lugo, Diego de Cancelada, para a igrexa de Santo André,
vacante por morte do párroco López Calderón.

O
19 de setembro de 1932, acompañado polo seu pai, visitou a igrexa o
ilustre historiador Fermín Bouza Brey (1901-1973), levando como guía
ao párroco Crisanto Soaz Fernández. Escribiu que a pesares das
reparacións realizadas no tellado nos anos 1751 e 1760, que ameazaba
con virse ao chan, no 1764 o Bispo de Lugo dispón "que este
cura rector disponga que ante todas cosas se haga la obra de la
iglesia por la parte que amenaza ruina". No Libro de Fábrica
do ano 1758, o párroco, Joseph de Burgo y Gayoso, anota que a
reparación do ano 1751 custou 72 reás e lastrouse o corpo pagándose
pola pedra arrincada 145 reás, e nove máis pola obra. Nos anos 1768
e 1771, o Bispo vai máis alá e dispón que se faga máis longa a
igrexa porque é pequena. As obras, que estiveron a cargo do mestre
Antonio Barros, remataron no 1778. Segundo o Libro de Fábrica, o
custo ascendeu a 10.300 reás de vellón, pagándose 190 reás e 28
maravedises ao canteiro Pedro de Río.

Hai
anos, cando a reforma e ampliación do cemiterio que arrodea a
igrexa, saíron á luz varias tumbas feitas con laxes que foron
destruídas. Descoñécese tanto a época de pertenza como a quen
enterraban nelas; uns din que puideron corresponder aos monxes que
habitaban no mosteiro, o que non convenceu a todos os veciños xa que
tamén apareceron tumbas de pequeno tamaño (hai quen asegura, sen
base algunha, que era onde enterraran aos fillos dos monxes).
A
igrexa de Santo André das Nogais foi declarada Ben de Interese
Cultural (BIC) por Decreto 284/1995 (Diario Oficial de Galicia do 27
de outubro de 1995), o que non impide que se atope nun lamentable
estado de conservación, e sen trazas de que, por desidia de quen
teñen a obriga de conservala, mellore a súa situación.
PETO DE ÁNIMAS
Entre Arroxo e Escobio, a carón da estrada, hai un peto de Ánimas que acolle a Cristo crucificado. Hai unha inscrición en caracteres latinos coa lenda: "AGNUS DEI MCMXCVIII", ("Cordeiro de Deus 1998"). Malia esta data, ao parecer no mesmo sitio había outro máis antigo.
IGREXA DE SANTA MARÍA MADANELA DE BARALLA
Do
século XIX, presenta unha planta de cruz latina. Conta cun retábulo
neogótico de madeira. A iconografía está representada polo San Vitoiro,
feito por Magariños no século XX, e San Xosé. Na sancristía outro San
Vitoiro do século XVIII.
IGREXA DE SAN MARTIÑO DE BERSELOS
A
igrexa románica de San Martiño de Berselos sitúase xunto unha
derivación do Camiño de Santiago, e pode que dun ramal da vía romana XIX
que unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusti
(Astorga). Non existe acordo canto á data de construción. Segundo
Nicandro Ares Vázquez (1926-2017), a mención máis antiga está nun
"sospeitoso" documento do mosteiro de Samos do ano 997 no que se cita
unha aiuntione per Osello e Sanctus Martinus de Peroselo. No 1110 figura unha muller, Geloira, doando ao mosteiro de Samos a vila de Lagenas (Laxes), indicando os términos de Covas, villa de Sancta Eolalia (Ribadeneira), portum de Naria (no río Neira) contra Arenza (Aranza) onde lle chaman Carriceto (Carracedo), Carrale de Iusana (Carral de Abaixo), ata os términos de Beroseli (Berselos). No 1175, unha bula do papa Alexandre III confirma a xurisdición de Samos sobre a ecclesiam Sancti Martini de Berselos.
Jaime Delgado Gómez (1933-2012) sitúa a súa construción arredor do
1200, e o profesor Ramón Yzquierdo Perrín cara o 1220, non faltando quen
a traslade para o último terzo do século XIII. Pero á vista dos
documentos citados, é probable que o templo se edificara sobre outro
anterior, pode que alto-medieval.

Trátase
dun edificio de planta rectangular cuberto en lousa a dúas augas, con
ábsida semicircular cuberta con bóveda de casca, máis pequena que a nave
tanto en anchura como no alzado. Posterior é a espadana dun van coroada
por unha cruz e pináculos; baixo dela obsérvanse dúas ménsulas que
sinalan a existencia dun antigo teito. Adro-cemiterio ao redor.

A
fábrica é de cachotaría, agás as partes nobres con sillares ben
labrados. Nos muros da nave e testeiros ábrense seteiras con cornixa de
modillóns. No muro da esquerda vese unha porta de arco de medio punto,
alintelado polo interior e alintelado polo exterior con mochetas lisas
nos arranques. Os canzorros dos muros laterais e da ábsida situados
debaixo dos aleiros son lisos, agás un que mostra unha figura
semicircular.


A
parte máis chamativa é, sen dúbida, a portada da fachada principal
sobre a que se abre unha ventá para iluminar a nave enmarcada por un
arco semicircular que apoia en columnas. O
tímpano descansa en ménsulas sinxelas, apoiadas en xambas, con
arquivoltas de imposta de nacela, en catro columnas con
fustes monolíticos que posúen capiteis con estrías nos arrinques
decorados con motivos vexetais (bólas, volutas, follas...).

No centro do tímpano vese un Agnus Dei coa Cruz; na
dereita unha planta que semella unha flor de lis que hai quen interpreta como a representación da Árbore da Vida; na
esquerda unha persoa adulta axeonllada cun neno no colo. Na parte superior, por riba do año, a man de
Deus que dende o ceo sinala cun dedo á persoa axeonllada co neno.
Na columna interna, colocada nun plinto cunha
cabeza humana a
xeito de pouta, está un pedestal en cuxos laterais aínda se conserva a inscrición co nome do construtor: "PELAGIVS FE/CIT OP" ("Pelagius fecit opus"),
"Paio fixo esta obra", quizais influenciado polo mestre Didacus que
ergueu a cercana igrexa mosteiral de Santa María de Penamaior, en
Becerreá.


No
interior hai dous retábulos, un do 1764 coas figuras de San Martiño de Dumio caracterizado como bispo, a
Ascensión e Santa Bárbara, feito por mandato do párroco "D. Fernando Billares", e outro "Construido por D Constatino Garcia López. Año 1917. La parroquia contribuyo a su pintura. Año 1945", coas figuras de Santa Tareixa
e San Antonio. A imaxinería é do século XVII.


No
ano 2005, a restauradora Vania López Arias descubriu na ábsida, debaixo
de catro capas de cal, unhas pinturas murais onde se aprecia unha escea
do Xuízo Final con
Cristo Pantocrátor cos brazos alzados sentado sobre un arco da vella,
flanqueado pola Virxe e
San Xoán, catro anxos con trompeta e dúas persoas en posición orante;
por riba, no centro, un sol co cristograma IHS (Iesus Hominum Salvator). A ambos os lados vense tamén as figuras duns resucitados. Baixo da escea móstrase un axedrezado.



No sinxelo arco triunfal gravaron un círculo con cinco círculos no interior.
Como
curiosidade, chama a atención un Sagrario moderno que reproduce a
portada da igrexa, en cuxo interior tamén trataron de reproducir as
pinturas murais.
Tamén
conserva unha pía bautismal (quizais para bautizar polo sistema de
inmersión) con gallóns de época medieval sobre unha ara cadrada que
formaba parte do antigo altar (escápasenos o motivo de darlle tal uso).
No interior da pía colocaron o pé que a sustentaba. Detrás da pía, nunha
parede lateral, vense tamén restos de pinturas murais.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE CONSTANTÍN
Igrexa
con adro-cemiterio ao redor. No fronte do templo cabido cuberto en
lousa a tres augas que protexe a porta oxival de acceso ao interior.
Sinxelo campanario de catro ocos. O presbiterio é máis elevado ca nave,
con traza final en semicírculo. O coro está ao principio da igrexa,
baixo del hai unha pía bautismal coa cruz de Malta (o padroado era
exercido pola Encomenda de Portomarín, da Orde de San Xoán de Xerusalén)
na que figura a data de 1734. Retábulo de estilo neoclásico con tallas
da Inmaculada, San Francisco, San Antonio Abade e San Xosé, realizadas
polo escultor compostelán Magariños.
IGREXA DE SANTIAGO DE COVAS
Quizais a noticia máis antiga sobre Santiago de Covas (Baralla) é a que aparece na Crónica do bispo Sampiro de Astorga (956-1041) que abrangue dende o ano 866 ao 899, como continuación das Crónicas de Afonso III (866-910), o Adefonso Regi Gallaeiciarum ou Rex Gallaetia
citado nos textos árabes ou polo papa Xoán IX. Sampiro recompilou os
feitos que considerou máis relevantes. O relixioso e erudito Juan de
Ferreras (1652-1735), nun apéndice da súa Synopsis historica chronologica de España (1700-1727), transcribe un documento de Sampiro onde se di que o rei Afonso doou á igrexa de Oviedo, en Gallaecia, "Suarna...,
Villa Avioli..., Valle-Longo..., Neira coas posesións de San Martín de
Esperela e Santiago de Covas con todos os seus agregados: Layora e a
posesión de San Martín de Perrellinos".

O P. Risco (1735-1801), na España Sagrada,
volume XLI, transcribe unha escritura do ano 1120 en que o bispo Pedro
III de Lugo asigna aos coengos da catedral parte das súas posesións e
rendas: "villas de Bandi quae fuerunt de Ossorii Vermudi cum familia
et familiis, villam de Labruxio, villam de Cobas, villam de
Villartelin...".

A
igrexa é de orixe románica, con reformas no frontis en época barroca. A
portada está precedida por un cabido cuberto en lousa a tres augas, con
trabe tirante que apoia sobre piares e tres columnas graníticas. A nave
é de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Ábsida
semicircular máis reducida en ancho e alto ca nave, dividida en tres
partes por dúas semicolumnas de plintos con cabezas humanas con poutas e
bases tóricas, con fiestra en seteira. Un capitel está decorado con
bólas, e o outro desapareceu nas obras de consolidación que obrigou a
revestir a parte superior da ábsida cunha faixa saínte que se aproveitou
para elevala en altura. Na parte sur da nave vense uns canzorros con
decoración xeométrica (rollos, bólas). Baixo o aleiro norte, cabezas de
animais e unha figura humana. Espadana de dous vans coroada por unha
cruz e pináculos. Adro-cemiterio ao redor.

No
interior, o arco de acceso á absida está formado por dúas arquivoltas
con bóveda de canón. Ten interesanes capiteis historiados (unha figura
humana, dous cans sobrepostos que extenden a cabeza e lamen a figura
central, entrenzados, varias figuras que compoñen unha soa escea, un
anxo no que apoian dúas pombas, bólas e motivos vexetais). Hai un
retábulo maior sinxelo con caras de anxos, imaxes de Santiago Peregrino,
a Inmaculada, San Brais e un Sagrario que leva gravado un Santiago do
século XVI. O retábulo lateral dereito é barroco con columnas
salomónicas de acios, que acolle unha Virxe do Rosario. No retábulo
esquerdo vese un San Antonio do século XVII. Canto á ourivería,
custódiase un copón de prata cicelada do século XVIII.
Antes
de facer o actual acceso ao adro e ao cemiterio, os fregueses non
podían entrar pola porta principal se non estaba o párroco, tiñan que
facelo por uns chanzos de pedra colocados sobre o muro que dá ao camiño.
En
febreiro de 1858 figura como párroco Pedro Fernández de Prado; en maio
de 1864, Pedro García Gándaras que asistiu ao 2º Congreso Eucarístico
Nacional de Lugo; en maio de 1902, Narciso Lamela Rocha. No 1908, o
bispo de Lugo nomea coadxutor in capite a Marcelino de la Vega
Fernández. Ata principio de 1916, actúan como coadxutores, en ausencia
de párroco titular, Manuel Buján Areán, Ramiro Gómez Díaz, Bernardo
López López e Gonzalo Paz Morandeira. En febreiro dese ano toma posesión
o párroco Ricardo Losada Veiga.
Procedente
do mosteiro de Penamaior, en Becerreá, transcorría unha variante do
Camiño de Santiago (a Vía de Kúnig que os do Colectivo Patrimonio dos
Ancares visibilizamos en maio de 2015) que continuaría por Vilarín e en
Gundián se desviaría por Pousada, Covas e Ponte de Carracedo ata A Pobra
de San Xián (Láncara) onde os peregrinos escollerían a ruta que vai
cara Portomarín ou Lugo. Nas igrexas de Pousada e Covas, así como da
cercana Aranza, consérvanse unhas tallas de Santiago vestido de
peregrino.
IGREXA DE SAN PEDRO DE FERREIROS
De
orixe barroca e de planta rectangular, atópase moi desfigurada polas
sucesivas reformas. A porta de acceso está
cuberta por un cabido moderno. No interior non conta con retábulos.
Acolle as imaxes de San Pedro e a Virxe dos Remedios. Custodia unha cruz
parroquial de madeira e un copón de misar de prata cicelada do século
XVIII. Adro-cemiterio ao redor. Xunto o pórtico da entrada consérvase unha lápida de lousa coa inscrición moi desgastada onde lemos a data da morte dunha persoa: 14 de xaneiro de 1888.
Xunto a entrada da igrexa atópase a lápida funeraria máis antiga do cemiterio. En lousa, atópase moi deteriorada. Lese: "YACE AQUI / D FRANCISCO / PEREZ (ROM)RO / FALLECIO / EN 4 DE ENERO / DE 1885 A LA EDAD / DE 84 AÑOS / D.E.P".
IGREXA DO SALVADOR DE FRANCOS
Francos
posúe unha igrexa parroquial que hoxe en día non é matriz, xa que a
freguesía principal está en Laxes. Nave cuberta
en lousa. O presbiterio é máis elevado ca nave, cuberto a catro augas.
Espadana dun van que ten como remate unha moldura con decoración alusiva
á casa reinante no momento de construción da igrexa, no ano 1663. No
interior, retábulo renacentista sinxelo e tosco, coas imaxes do Salvador
cunha bóla do mundo, o Santo Antonio e Santa Tareixa. No inventario de bens da Mesa Canonical de Lugo figura un documento que di: "De monasterio de Francos sestam partem quan dedit Ovecus Eiriz". Adro-cemiterio ao redor.
IGREXA DE SAN TOMÉ DE GUIMAREI
Con adro-cemiterio ao redor. Nave cuberta en lousa
a dúas augas. No testeiro norte, ao exterior, unha escaleira sobe á
espadana. O presbiterio, máis elevado ca nave, está cuberto a catro
augas. A fronte vai precedida dun amplo cabido con piastras e columnas
cuberto a tres augas. No interior, coro ao que se accede por medio dunha
escaleira. Ten tres retábulos, o maior é moderno, mentres que o lateral
norte contén unhas columnas salomónicas lisas coa imaxe de San Tomé,
dúas Virxes e relicario incrustado na basa; o retábulo lateral sur
presenta ao San Antonio e unha mesa de misar de granito do ano 1813. Hai
outras dúas tallas, un San Antonio e a Virxe do Carme. Salienta unha
pía bautismal cun relevo humano recollido entre cordas, cunha base de
dúas cabezas de home con animal no medio. Nun muro ten unha inscrición coa data de reedifición no ano 1801. Sobre os muros que pechan o recinto vense catro curces, unha sen un brazo, e tres bases.
IGREXA DE SAN PEDRO DE LAXES
Trátase dunha sinxela igrexa rural. Nave cuberta
en lousa a dúas augas. O presbiterio vai na mesma liña ca nave, con
cuberta máis baixa. A sancristía está situada no testeiro. Espadana de
dous vans. O presbiterio vai precedido dun arco triunfal rebaixado. No
interior vese un retábulo coas imaxes de San Pedro, Santa Bárbara, Virxe
co Neno e San Antonio. Canto á ourivería, conserva un cáliz de prata
decorado con flores.
IGREXA DE SAN TOMÉ DE LEBRUXO
Construída sobre un primitivo castro. De estilo románico popular. Nave
cuberta en lousa a dúas augas. Porta de entrada en arco precidida dun
cabido, cuberto a tres augas, levantado sobre cinco columnas con basas
tóricas e capiteis decorados con círculos que repousan nun podio
corrido. Espadana con arco románico coroada por unha cruz. Ábsida da
mesma altura ca nave, con dúas fiestras. No interior retábulo
renacentista de factura popular, coas imaxes do Salvador cun libro, a
Inmaculada de tradición románica e un tosco Santo Cristo. Adro-cemiterio ao redor.
IGREXA DE SAN XOÁN DE LEXO
Nave rectangular e ábsida semicircular situadas á mesma altura. Torre cadrada con castro vans e dúas campás. Pórtico pechado cuberto a tres augas con dúas portas de acceso; debaixo deste hai unha pía bautismal decorada. O cemiterio atópase nas inmediacións.
IGREXA DE SAN MARTIÑO DE NEIRA DE REI
Nave cuberta en lousa a dúas augas, cun recinto
engadido no testeiro polo sur, e unha nave paralela que remata na liña
testeira do espazo presbiteral no norte. Rexa torre sobre catro arcadas
de medio punto que serve de acceso ao edificio parroquial, con oito
ocos, dous en cada lateral e cuberta a catro augas. A campá menor foi fundida por Campanas Ocampo no ano 2015. Inscrición nun lateral que fala da construción ou dunha reconstrución; o ano non se le, foi repicado. No interior,
retábulo maior neoclásico, que foi dourado e policromado no ano 1781,
coas imaxes de San Martiño bispo, San Brais e San Pedro Papa, todas do
século XVIII. Un retábulo lateral coas imaxes de Santa Lucía e San
Roque, tamén do século XVIII. Nunha capela hai outro retábulo
renacentista con San Pedro, San Antonio e a Virxe, esta do século XVI.
Ao longo dos séculos XVII ao XIX obsérvase certa profusión
de expedientes xudiciais cursados contra sacerdotes pola desatención
nas súas obrigas pastorais. No ano 1685, o cura de Neira de Rei é
encausado porque deixaba morrer a varias persoas sen administrarlle os
Sacramentos, non celebraba misa os domingos e confesaba "algunas veces desde la cama" (Arquivo Diocesán de Lugo, Preitos Civís).
Cóntase
que no castro de Carballedo hai unha "porta" que é a entrada a unha
longa cova que dá á igrexa de San Martiño e que era utilizada polos
mouros para ir á misa.
IGREXA DE SAN MIGUEL DE NEIRA DE REI
Levantada sobre un castro no que logo se erixiu
unha fortaleza medieval cuxas pedras foron utilizadas para construír o
templo románico do século XIII. Nave cuberta en lousa a dúas augas.
Espadana de dúas troneiras e ático, contruída, tal como figura no lintel da porta principal, no ano 1798. Fronte cunha porta en arco con
doelas sen imposta. Nos laterais ábrense unhas capelas, ás que se accede
por medio de arcos de medio punto sobre piastras renacentistas de
granito. O máis interesante é a ábsida románica. No aleiro pódense ver
varios canzorros con representacións de figuras de humanas, aves,
cabezas de carneiros, animais fantásticos e figuras xeométricas. No interior retábulo maior
coas imaxes de San Miguel, San Xosé e outro santo. No lateral dereito un
San Miguel do século XVIII e San Antonio; o esquerdo é barroco con
columnas de traza salomónica, sen tallas. Na ábsida pinturas murais en mal estado de conservación que semellan representar o Pai, o Fillo e o Espírito Santo. Tamén conserva un coro alto
aos pés da nave, e unha pía bautismal con gallóns.
Segundo a lenda, na sancristía da igrexa de San Miguel hai un pasadizo que vai dar ao río Neira, preto da ponte de Carracedo.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE PACIOS
Dunha
nave cuberta a dúas augas. A porta de entrada está protexida por un
cabido cuberto a tres augas, apoiado sobre columnas octogonais. A
espadana é de dous corpos, con dúas troneiras para as campás e un oco
baleiro. O presbiterio é máis elevado ca nave, cuberto a catro augas. No
interior hai un retábulo moderno cunha imaxe da Virxe do século XVIII.
Hai unha pía bautismal con varios motivos esculpidos.
IGREXA DE SAN XOÁN DE PEDRAFITA DE CAMPO REDONDO
En Pedrafita, parroquia de Pedrafita de Camporredondo (Baralla). Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Fronte presidido por unha torre cuxa base fai de cabido de acceso. Campanario con catro ocos. pero cunha soa campá que segundo o investigador Xosé Troiano Carril foi fundida por Juan María de la Sota en Lugo. Os retábulos, un maior e outro nun lateral, acollen as imaxes de San Xoán do século XVIII e unha Virxe do mesmo século; tamén se ve un medallón cunha pomba, coa do Agnus Dei portando unha bandeira na pouta. Adro-cemiterio ao redor.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE PENARRUBIA
Renacentista,
con tres naves separadas por arcadas laterais que descansan sobre
piares e piastras de grandes dimensións. Torre de dous corpos, no
primeiro están os reloxos e no segundo as campás. O presbiterio é máis
elevado ca nave, cuberto a catro augas. No interior retábulo principal
neoclásico, e outros dous laterais, un pintado no ano 1767. Imaxes de San Alberte, San
Francisco, A Virxe do Carme, San Ramón, Santo Antonio, San Roque, San
Brais, San Pedro e San Paulo, Santa Lucía e unha pintura do Santo
Cristo. Pía bautismal decorada con figuras xeométricas e antropomórficas. Ata principios dos anos sesenta do século XX tiña un púlpito de pedra que foi desmontado.
IGREXA DE SAN PEDRO DE SANTA CRUZ DO PICATO
En
Sobrado do Picato. Moderna, con presbiterio máis amplo e elevado ca
nave, cuberto a catro augas. Espadana de dúas troneiras e dúas campás.
Conserva dous retábulos barrocos con columnas salomónicas que acollen as
imaxes de San Xosé, Neno, San Xoán, Santo Antonio e San Miguel.
IGREXA DO SALVADOR DE PIÑEIRA
A
igrexa parroquial está situada nun outeiro coñecido como
Alto de San Gregorio onde ao parecer houbo unha pequena capela posta
baixo o padroado deste santo que se ergueu sobre un primitivo castro coñecido como A Cortiña da Igrexa. Nun lateral conserva unha porta de posible orixe románica.Con adro-cemiterio ao redor, ten unha nave rectangular
cuberta en lousa a dúas augas. Espadana de dous corpos. O presbiterio é
máis baixo e reducido ca nave. No interior retábulo barroco coa imaxe do
Salvador. Canto á ourivería conserva un cáliz de prata. Na sancristía
tamén se custodia unha imaxe de Cristo do século XVIII e a imaxe do
Salvador. No ano 1926, a prensa da época recolle a noticia dun violento incendio que en poucas horas destruíu a maior parte do templo, asegurando que se perderon moitas imaxes de gran valor, así como o retábulo.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE POL
O cemiterio desenvólvese ao redor da igrexa. Nave cuberta en lousa
a dúas augas e capela lateral sur con acceso por unha porta con arco de
medio punto. O presbiterio é máis amplo ca nave. Espadana dun van, a campá é do ano 1784. Retábulo no interior
neoclásico. Imaxes da Virxe co Neno e outra Virxe máis pequena, e un
santo de feitura popular do século XV. No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1972) dáse a noticia do descubrimento polo párroco da igrexa, don José Benito Novo Rancaño, baixo a capa de cal dos seus muros, dalgunhas pinturas en dous tipos, un sobre tons negros e outro sobre tons máis vivos, coa particularidade de que cubrían todas as paredes laterais do templo, así como algunhas figuras; dise que para ultimar o achádego será preciso que o difícil labor se realice por persoal técnico.
IGREXA DE SANTIAGO DE POUSADA
Onde se ergue o templo houbo un asentamento posiblemente de época romana. Hai autores que sitúan
eiquí a mansión romana de Timalino. De planta rectangular cuberta en
lousa a dúas augas. A fronte é de pedra calcaria, con porta en arco,
óculo e espadana de dous vans. O presbiterio está na mesma liña ca nave.
No interior retábulo renacentista coas imaxes de Santiago Peregrino, o
Anxo da Garda e a Virxe da Mercé. Nos laterais dúas fornelas cun
Santiago a cabalo e outro santo, e Virxe co Neno cun paxariño entre as
mans. A pía bautismal, con base octogonal, ten unha inscrición que non
se pode ler por estar pegada ao muro.
No Boletín da Comisión de Monumentos Históricos e Artísticos de Lugo (1972) dáse noticia dun comunicado do párroco don Ramiro Valiño Castro ao director do Museo Provincial de varias exploracións realizadas no templo con varios mozos da parroquia, o que deu por resultado a aparición de pinturas murais, aproximadamente duns tres metros de longo por dous de ancho, e que o señor Valiño di que estaban datadas no ano 1532; tamén hai outras pinturas e obxectos que xulgou anteriores a esa época. O párroco expresa o seu desexo de que lle faciliten medios para seguir investigando ou ben que persoal técnico se persoe no lugar para facer o correspondente estudo e explicar a maneira de conservar as pinturas e obxectos atopados.
IGREXA DE SAN CIRILO DE RECESENDE
Igrexa sinxela da fase final do barroco, arrodeada polo
adro-cemiterio. Nave rectangular co presbiterio máis amplo e elevado,
cuberto a catro augas. Sancristía na parte posterior. Dentro, retábulo
de tendencia neoclásica pero aínda con decoración barroca. Imaxes de San
Cirilo bispo, San Ramón, o Pai Eterno, a Virxe e a Virxe do Carme.
Custódiase un cáliz de prata. Foi restaurada recentemente.
IGREXA DE SAN PEDRO DE SIXIREI
Ao pé do castro de Sixirei. Posúe unha nave cuberta en lousa a
dúas augas. Espadana de dous vans para as campás coroada por un cimacio
barroco de volutas. Presbiterio máis reducido ca nave. No interior,
retábulo maior coas imaxes de San Pedro, unha Santa e o Santo Antonio.
Custodia un cáliz de prata xunto unha caixa petitoria co relevo das
ánimas. Pía bautismal con decoración de círculos e base octogonal de
poutas.
IGREXA DE SAN XURXO DE VALE
Construída sobre un primitivo castro
practicamente irrecoñecible pola forte humanización posterior ao que foi sometido.
A igrexa foi reformada no século XVII. Da fábrica orixinal conserva a
nave cuberta en lousa a dúas augas. A fronte está protexida por un
cabido cuberto a tres augas. Espadana de dous vans. Presbiterio máis
amplo e elevado ca nave, cuberto a catro augas, con arco triunfal de
medio punto sobre piastras laterais. Cornixa adornada con canzorros. O
retábulo maior data do ano 1800, coas imaxes de San Xoán, un santo con
pluma e libro e Neno no colo, San Xurxo cabaleiro matando ao dragón, Santo Antonio
e a Virxe co Neno. Nun retábulo lateral hai un santo con sombreiro,
palma e libro, San Roque e outro santo vestido de militar e coitelo no
colo. Pinturas murais do século XV que escenifican aos Reis Magos
e o nacemento de Cristo (un Bebé, en pé, bendice aos reis), cabaleiros e damas con representacións
diabólicas, o Xuízo Final (co caldeiro do Inferno) e San Miguel; a parte superior está coroada
polo patrón.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE VILACHAMBRE
Ao pé dun castro. Igrexa dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. No
frontal porta con arco de medio punto protexida por un cabido cuberto a
tres augas. Espadana dun van e ático cruciforme cun van. Presbiterio
máis pequeno e baixo ca nave. No interior retábulo con estípides, coas
imaxes da patroa, Santa Mariña con dragón e nena no colo, a Virxe e un
santo. Tamén conta cunha imaxe do Santo Cristo, un sagrario con relevo
de custodia e un cáliz de prata cicelada decorado con vexetais. No cemiterio consérvase unha lápida de pedra que lembra a unha muller, Asunción, finada no ano 1909 aos 38 anos.
Dise que a pía de auga bendita procede do castro que hai nas inmediacións, mesmo se asegura que na croa había un eremitorio fundado no século VII. No pé da pía ten esculpida unha cunca ou vieira.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE VILARPUNTEIRO
A igrexa coroa un outeiro.
Dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. Na fronte porta en lintel e
espadana dun oco. Presbiterio na liña ca nave, cuberto a catro augas. No
interior retábulo coas imaxes de María, Santa Marta, San Brais e Santa
Bárbara. Canto á ourivería posúe un cáliz de prata. Adro-cemiterio ao redor.
IGREXA DE SANTA EUFEMIA DE VILARTELÍN
Moderna e sen valor artístico. No interior garda as imaxes
da Virxe, unha imaxe policromada do século XVI e unha pía bautismal.
IGREXA DE SAN PEDRO DE TEIXEIRA
Houbo
unha igrexa da que non quedan restos. No 1890 era anexa da de San Xoán de
Arroxo. Foi derrubada cando os terreos foron vendidos polo bispado de
Lugo.
CAPELA DE SAN XOSÉ DE QUINTELA
En Quintela, parroquia de Arroxo. Érguese preto da antiga vila romana. No interior conserva pinturas murais en mal estado de conservación. Contáronnos que detrás da ermida enterraban aos nenos que morrían sen bautizar.
CAPELA DE QUINTÁ DE RIBADENEIRA
En
Quintá, parroquia de Riba de Neira. Capela rural de planta rectangular, antiga parroquial. Levantouse sobre un castro. Ao
altar accédese por medio dun arco triunfal. Dentro ten un retábulo con
columnas salomónicas onde se ven as imaxes de Santa Olalla, San Mateo,
San Antonio e San Bartolomeu. Hai unha pía bautismal decorada cunha
franxa de gallóns e aneis. Custódiase unha copa de misar de prata
cicelada.

CAPELA DO SANTO ANDRÉ
Segundo a tradición, en Santo André, parroquia de Covas, había unha capela da que non se conservan restos. Nunha casa da aldea gárdanse dúas tallas, unha do Santo André e outra do San Xoán que, din, eran da desaparecida ermida.
CAPELA DE SANAMEDE
Ao parecer, en Sanamede, na parroquia de Covas, houbo unha capela da que non quedan restos. Nunha casa da aldea gardábase unha imaxe do San Mamede que foi roubada hai anos. Nas inmediacións apareceron varias tumbas feitas con laxas.
CAPELA DA CALVELA
Na Calvela, parrroquia de Ferreiros. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pequena espadana coroada por unha cruz latina.
CAPELA DO SAN ROQUE DE LAMAS
En
Lamas, parroquia de Pacios. Fronte a torre de Lamas de Mazaílle.
Pequena capela cun retábulo con columnas salomónicas e as tallas do San
Roque e outra imaxe.
CAPELA DA SANTA CRUZ DE BIDUEDO
En
Biduedo, parroquia de Pedrafita de Camporredondo. O interior acolle as
imaxes de Santa Helena, a Inmaculada e San Antonio, tallas de arte
popular dos séculos XVII-XVIII.
CAPELA DE SANTA CLARA
Na parroquia de Pedrafita houbo unha ermida posta baixo o padroado de Santa Clara. Aínda existía no ano 1915. Non quedan restos.
CAPELA DE SAN ANTONIO ABADE DE CASTROLANZÁN
En
Castrolanzán, na parroquia de Penarrubia. Érguese xunto o castro do
mesmo nome. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico
pechado que protexe a porta de entrada. Espadana dun van coroada por
unha cruz e pináculos.
CAPELA NA FONTE DOS POIOS
Na Fonte dos Poios, parroquia de Penarrubia. Ruínas.
CAPELA DA TORRE DE BASILLE
En
Basille, parroquia de Pousada. Accédese á ermida polo interior dunha casona.
No interior ten un retábulo barroco con columnas salomónicas que acolle
unha talla da Inmaculada, tamén barroca.
CAPELA DO SANTESTEVO
En
Santo Estevo, parroquia de Pousada. Antes foi igrexa parroquial de
Santo Estevo de Neira. De feitura románica tardía. Nave principal
cuberta a dúas augas. Fronte co acceso en arco de medio punto. Tivo un
cabido, hoxe desaparecido. Espadana dun oco. Ábsida máis pequena ca
nave. No interior retábulo renacentista coas imaxes de Santo Estevo, San
Xosé, ambas do século XVI, e a Virxe dos Remedios do século XV.
Interesante pía bautismal con pé en cilindro e base cadrada cunha cabeza
humana, a cabeza dun can, vieira e rosa. Interesantes pinturas murais datadas no ano 1582 onde se ve, borroso, o nome do artista: Diego, Dugo ou Duco.
CAPELA DE SAN XOSÉ DA MATELA
Na Matela, na parroquia de San Martiño de Neira de Rei. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por unha cruz latina. No interior
conserva un San Xosé, un Santo Anxo co Neno, dragón e espada do século
XVIII, e outra imaxe dun santo con capa.
CAPELA DO SAN LOURENZO DE VILARES
En
Vilares, parroquia de San Martiño de Neira de Rei. No interior acolle
un retábulo salomónico con dúas columnas entre as que está a imaxe do
San Lourenzo do século XVIII; ao seu carón hai outro San Lourenzo coas
mans mutiladas.
Cóntase que cada vez que había treboada, os veciños
deixaban os labores que tiñan que facer e ían para a capela a buscar o
santo para levalo ao monte coñecido como Teso da Capela. Logo de
permanecer alí co santo, o trebón desfacíase, volvendo co San Lourenzo
para a ermida.
CAPELA DE SANTA CRUZ
En
Santa Cruz. Antigamente foi parroquial
de San Pedro que logo pasou a Sobrado do Picato. De orixe románica do século XII, só conserva a ábsida. Perdeu a nave orixinal, substituída en tempos modernos por outra sen valor arquitectónico. No
interior retábulo barroco do século XVIII coa Virxe e o Neno, San Pedro e San Antonio. Pinturas murais con formas xeométricas en mal estado de conservación. Detrás da igrexa atopábase o antigo cemiterio, destruído pola estrada.
CAPELA DE SANTA MARTA
En
Santa Marta, parroquia de Vilartelín. Capela de planta rectangular
cuberta en lousa a dúas augas. A porta de entrada está protexida por un
pórtico cuberto a tres augas. Espadana dun van coroada por unha cruz.

CRUCEIRO EN SANTA CRUZ (Orixe Horta, en Becerreá)
Nunha
finca situada á esquerda da estrada á entrada de Santa Cruz do Picato, en
Baralla, dirección Recesende, érguese unha cruz monolítica que descansa sobre
un basamento tamén de pedra. O conxunto apoia sobre unha base feita con
pequenas pedras de xisto. Salta á vista que esta última base realizouse para
que a cruz destacara na contorna polo que deducimos que non formaba parte do
conxunto orixinal. Foi isto o que nos levou a preguntar en que posición se
atopaba anteriormente, e tamén se sempre estivera nese lugar, ademais de que
función cumpría.
Todas
as lucubracións que fixeramos (se estivera nun cruce de camiños, se ao seu
carón enterraran algún recén nado non bautizado ou se producira algunha morte
violenta, etc., mesmo pensamos que podería ter a procedencia xunto a capela de
Santa Cruz, outrora parroquial, que só conserva a ábsida románica, ou do seu
desaparecido cemiterio) viñéronse abaixo cando nos enteramos da verdadeira
historia. A finca onde se ergue a cruz é dos mesmos donos da casa-torre de
Horta, na parroquia de Agüeira, en Becerreá, con orixes que se remontan aos
séculos X ou XI. Nas inmediacións do pazo, mencionado en distintos documentos
como Casa dos Ulloa, levántase a capela do San Bieito reedificada, segundo unha
prancha que figura na fachada principal, no ano 1710. Moi preto hai un cruceiro
moderno colocado nos anos setenta do pasado século XX.
Pois
ben, a cruz de Santa Cruz do concello de Baralla procede das inmediacións da
citada casa-torre e da capela de Horta. Na base orixinal aínda se observan
nidiamente as marcas onde estaban colocadas dúas pranchas que posuían senllas
inscricións. Que poñían? Descoñecémolo, un veciño de Santa Cruz que podería
sabelo, que interveu no traslado ben entrados os anos setenta do pasado século
XX, o mesmo que construíu a base onde logo colocaron a cruz, faleceu.
CRUZ NA BARROSA
Nun cruce de camiños da Barrosa (Penarrubia). Monolítica de granito.
CRUZ DA FONTE DOS POIOS
Nun cruce de camiños da Fonte dos Poios. En pedra caliza.
CRUZ EN SAN MARTIÑO DE NEIRA DE REI
Localízase no
xardín da que foi escola de nenas de San Martín de Neira de Rei. Aínda que a cruz e o varal, modernos, carecen de valor
artístico, non así a basa proveniente
do xacemento romano do Agro de Pedreda.

PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE BECERREÁ
IGREXA DE SAN XOÁN DE AGÜEIRA
Situada próxima ao río Navia. Nave
cuberta en lousa a dúas augas. Posúe dúas capelas laterais o que lle
confire o aspecto de cruz latina. Frontis con porta alintelada.
Espadana de dous vans con acroteras barrocas de pedra calcaria, onde tamén se ve un reloxo de sol. Na parte exterior do muro sur atópase unha pedra armeira moi decorada, podendo atribuírse ao marqués de Camarasa. No
interior, capela dereita con pía bautismal e capela esquerda cun
retábulo. Adro-cemiterio ao redor.
IGREXA DE SAN ROMÁN DE ARMESTO
Igrexa dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio
máis baixo e estreito ca nave, de trazo semicircular. Sancristía no
lateral sur. Frontis con porta alintelada protexida por un cabido
pechado, con dúas portas laterais e cuberto a tres augas. Espadana dun
van. Regular estado de conservación.
No cemiterio vese unha prancha de lousa cun curioso epitafio: "Cuarenta y dos años viví, Hermanos sobre la tierra/Rogad cristianos por mi, Pues igual muerte os espera".
IGREXA DE SAN XOÁN DE BECERREÁ
Atópase
no centro da capital municipal. Moderna, do século XX. Estilo neogótico. Deseñada polo arquitecto diocesán Nemesio Cobreros Cuevillas que non a viu concluída xa que morreu na casa reitoral de Guilfrei no 1909 (está enterrado no cemiterio de Lugo). A súa construción comezou no 1904 pero, debido á falta de financiamento para continuar as obras, non foi consagrada ata o 27 de novembro 1927. Ten planta de cruz
latina formada por dúas capelas laterais. Nave e presbiterio cubertos en
lousa a dúas augas. A parte superior do presbiterio é
de trazo semicircular. A torre-campanario, elevada con catro vans dobres e chapitel, é dos anos cincuenta, peron non así as campás, coas inscricións gravadas de Candelaria e San Juan, que son de finais do século XIX ou principios doo XX. Para a súa construción pode que se utilizaran as pedras da primitiva igrexa que estaba, dise, xunto o cemiterio (hai unha pedra chantada). No exterior do templo actual vese unha pía de auga bendita de clara traza románica. (Ver a entrada seguinte adicada á desaparecida igrexa).
Segundo unha anotación realizada no libro de fábrica no ano 1941 polo párroco José Saco Castedo, a igrexa foi queimada o día 19 de xullo de 1936, "siendo quemados los altares y casi todos los objetos de culto, con sus campanas, que fueron fundidas en la gran hoguera que los amotinados rojos hicieron en la plaza delante de la iglesia". Chama a atención que a anotación se fixera cinco anos despois dos sucesos polo que esta información hai que tomala con cautela. (Ver neste mesmo blog, en Historias... do concello de Becerreá, o artigo: Queimaron os "roxos" a igrexa de Becerreá no 1936?
Durante as obras, os oficios relixiosos celebrábanse no Bar Correos, coñecido tamén como Bar Cine (funcionou como cine entre os anos 40 e 60 e tamén, anteriormente, como salina). Segundo a tradición oral, nos anos da gripe (1918-1919) amontoaban eiquí os cadáveres (dise que algúns eran levados vivos). Consérvase unha foto de Ruth Matilda Anderson do 11 de xuño de 1925 da procesión do Corpus en Becerreá; o edificio que se ve crese que pode ser onde funcionou provisionalmente a igrexa.
Ata
os anos setenta do pasado século existía na parroquia un ritual
asociado ás campás da igrexa. Cando morría unha persoa, o xeito de tocar
a defunto variaba segundo fora home ou muller. Se era home, a campá
máis grande, alcumada de San Xoán, tocaba dúas veces seguidas, e a
pequena, de nome As Candeas, unha. Cando a falecida era muller, a campá
pequena daba dúas badaladas seguidas e unha a maior.
A DESAPARECIDA IGREXA PARROQUIAL DE BECERREÁ
Os únicos restos que se conservan da desaparecida igrexa de San Xoán de Becerreá é unha pedra fincada que se atopa no cemiterio da vila e unha pía bautismal, románica, que se atopa no exterior do templo actual. As noticias sobre o antigo templo son escasas, eiquí achegamos dúas aparecidas en El Regional do 10 de decembro de 1898 que nos fala dun roubo acontecido na igrexa, e en El Norte de Galicia do 3 de marzo de 1903, nunha visita que fixo a Becerreá o deputado Enrique Saavedra Bálgoma que nos di que a igrexa xa estaba en ruínas. No ano 1703 abónanse 205 reás e 30 maravedises ao mestre de campás, Juan Cedrón, "por haber ondido la campana" da desaparecida igrexa.
Aínda que se descoñece con exactitude onde estaba o antigo templo, cremos que estaría nas inmediacións do cemiterio onde aínda se conserva o microtopónimo de O Prado da Igrexa, nome bastante común onde se atopaban os templos parroquiais.
CRUCEIRO NO CEMITERIO DE BECEREÁ
IGREXA DE SAN PEDRO DE CADOALLA
A
igrexa de San Pedro de Cadoalla, coñecida tamén como O Santo ou
Mosteiro do Ecce Homo, atópase en Saa, a carón don primitivo castro da Idade do Ferro
que foi "baleirado" por unha canteira. Trátase dun templo
de grandes dimensións coroado por unha cúpula octogonal cunha lanterna con
ollos ocos. A torre, acaroada á fachada principal e que actúa como
pórtico, apoia sobre catro piares con arcos de medio punto. A
cabeceira está presidida pola talla, do 1727, do Ecce Homo, e a
ambos lados as imaxes de madeira policromada da Virxe
do Carme, San Pedro, San Xoán, San Xosé, San Roque e Santa Apolonia. É probable que a igrexa fose construída sobre
unha románica; o
que fora cura párroco de Cadoalla, José Seco Castedo (falecido o 6 de
marzo de 1960), aseguraba que o templo tiña orixe no século XII. Segundo información achegada polo investigador Xosé Troiano Carril, a campá maior foi fundida polos irmáns Portilla en Santander, e a menor polos Blanco Palacio de Mondoñedo. Aínda que non existen probas arqueolóxicas nin
escritas, mesmo se conxectura que nas inmediacións houbo un
mosteiro.
Un
documento de finais do ano 1809 achega que no mes de febreiro dese
ano, durante a Guerra de Independencia, os soldados franceses
consumiron dúas fanegas e media de pan pertencentes á igrexa por un valor de 90 reás de
vellón.
No
ano 1815, o administrador do santuario mercou un reloxo de sol por
370 reais que mandou colocar na torre do campanario.
Entre
os anos 1819 e 1822, os carreiros que ían ata igrexa dende Castelo,
Cadoalla e Saa foron substituídos por uns camiños mellores, investíndose
7600 reás. Nun documento do ano 1876, o camiño que ía dende Castelo
cítase como Camiño da Igrexa, e noutro do 1914 como Camiño do Souto.
Nos
arredores da igrexa apareceron tumbas de laxas (hoxe en día desaparecidas).
Segundo a lenda nunha había enterrado un rei.
Os
días 14 e 15 de setembro celébranse as coñecidas popularmente como Festas do Santo, en honra do
Ecce-Homo que se venera na igrexa (algún ano a celebración duraba ata tres días). Ademais do ritual relixioso, os
veciños acostuman montar uns casetos no Souto da Bouza de Saa,
ateigados de comida e bebida. A instalación dos casetos é un costume recente, anteriormente, tal como recollen as crónicas, "acudían con las cestas bien repletas, que luego despacharán reunidos en familia, bajo las sombras de sus frondosos castaños".
O
seu culto vén do ano 1727 cando o cura, Xosé Valcárcel Quiroga,
mercou a imaxe, pagando a metade en cartos e a outra metade en misas. Conseguiu reunir á xente dos pobos de
Becerreá, Ouselle, Cruzul e Cadoalla e encamiñarse con todos eles
cara os "Picos de Ancares", onde se encargara a nova imaxe
do Santo a un carpinteiro, que en "magna
procesión"
emprenderon o longo percorrido ata San Pedro de Cadoalla.
En
tempos, os veciños acudían á igrexa con trigo ou centeo que logo
era vendido para mantemento do santuario. Destes cartos, o párroco
recibía unha parte xa que, segundo unha sentenza do Tribunal
Eclesiástico de 1761, tiña dereito á quinta parte das esmolas que
se recadaran durante o ano.
O
2 de agosto de 1889, o Concello de Becerreá, presidido polo seu alcalde
Arturo González Vázquez, anuncia a celebración dunha feira anual "de
toda clase de ganado vacuno, de cerda, lanar, cabrío y principalmente de
caballerías" os días 14 e 15 de setembro, "en el mismo punto que se
celebra la antigua función del Ecce-Homo de Cadoalla", engadindo que con
tal motivo "se harán festejos extraordinarios que contribuyan a la
distracción y entretenimiento del mismo".
No ano 1966 a prensa publica que a Comisión de festas estivo formada por "jovenes de ambos sexos", destacando o labor desenvolvido "por las féminas".
No ano 1968 a Comisión integráronna José Antonio Montaña e Jesús
Pereira, por Becerreá, e Emilio Neira e Manuel Merlán, por Cadoalla. Que
a Comisión estivera formada por veciños de Becerreá e Cadoalla debíase a
que a parte lúdica das festas repartíanse entre entre as dúas
parroquias, a primeira a capital municipal.
Ao
Santo acúdese para pedir un favor ou para agradecerlle un xa
concedido, para quen o pide ou en nome doutras persoas. O párroco impón
unha imaxe do Santo (un pequeno Ecce
Homo) por riba da cabeza do devoto, dicindo: "Que el sexa pre
ti, o camiño, a verdade e a vida". Moitos penitentes pasan un
pano pola talla e logo úsanna cunha finalidade curativa e
preventiva. Hai algúns anos traían exvotos representando o corpo
humano e tamén animais: vacas, xatos, cochos, etc. Ata non hai
moitos anos, como protección, adoitábase arrincar unha estela da
porta do templo e gardala na casa o que obrigaba, cada certo tempo, a
reparala. Tamén hai procesión coa imaxe do Santo arredor do templo. Á
romaría non só acudía xente do concello de Becerreá, tamén de Baralla,
Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro,
Triacastela e mesmo de Lugo.
Ata
o ano 1832 había varios penedos por riba e diante da igrexa que
foron demolidos e así deixar máis espazo aos devotos que querían
camiñar de xeonllos ao redor do templo para cumprir o ritual; o custo ascendeu a 1900 reás.
Os días da romaría viñan soldados para
manter a orde xa que as liortas eran bastante frecuentes.
Pagábaselle coas doazóns dos asistentes. No ano 1827 o custo ascendeu a 40 reás "que se dieron a los soldados que vinieron a pacificar la romería".
No
século XIX celebrábanse no santurio catro festividades: Santa
Apolonia, a Pascoa de Resurrección, o Luns de Pentecoste e a do Ecce
Homo.
O xornal El Progreso do 11 de setembro de 1968 publica unha poesía escrita por José Pereira Vilares, "un ilustre hijo de estas tierras", dedicada ao Ecce-Homo:
Ata
o ano 2010 ou 2011, no Carballín, un pequeno lugar da parroquia de Cadoalla, situado a carón da vella N-VI, había
un tosco peto cunha pequena talla en madeira que representaba ao Ecce
Homo. En varias ocasións roubaran as esmolas que lle depositaban os
devotos, pero a derradeira vez tamén desapareceu o Ecce Homo; só
atoparon o peto, baleiro, tirado nun monte próximo. A foto do peto é
de Sabino García González quen non lembra a data exacta de
cando as fixo, pero dinos que foi sacada entre o 1983 e 1985. Quizais
se trate da única imaxe que se conserva.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE CASCALLÁ
En
Cascallá. Erixida na parte superior da aldea e con cemiterio acaroado.
Nave cuberta en lousa a dúas augas. Os muros revocados de cal.
Presbiterio semicircular, máis elevado ca nave onde se ve unha seteira.
Arco triunfal de medio punto e bóveda de cuarto de esfera. Polo sur está
protexida por un pequeno pórtico. Nun lateral hai outra seteira.
Frontis con porta alintelada e óculo. Espadana de dous vans. Na fachada
principal ten un engadido a modo de cabido construído en bloque.
Xunto
a porta de entrada hai un cilindro de pedra chantado no chan cunha
altura á vista aproximada dun metro e un diámetro duns corenta centímetros; na
parte superior practicóuselle un oco para facer funcións de pía de auga
bendita. Cremos que se trata dunha peza proveniente doutro lugar se ben
descoñecemos as súas funcións.
Nas inmediacións está o lugar de A Capilla onde apareceron sepulcros antropoides que foron destruídos.
ANTIGA IGREXA DE SANTIAGO DE NANTÍN
Trátase
da antiga igrexa parroquial que se situaba preto de Nantín. Estaba
baixo a protección de Santiago Apóstolo. Ata a súa supresión no século XIX pertencía a Neira de Rei (Baralla), pasando logo a Cascallá (Becerreá). Atópase totalmente arruinada. Tiña pinturas murais.
Xunto dela tamén estaba o cemiterio onde, segundo nos comentou un veciño
de Fontes, deixou de utilizarse hai uns cen anos. Malia descoñecer
datos sobre ela e estar cuberta pola matogueira, por algúns elementos
que están á vista cremos que pode ter unha orixe románica. Consérvase un mapa do ano 1798 onde se ven debuxadas as casas da aldea e a igrexa.
IGREXA DE SAN XOÁN DO CEREIXAL
No
Cereixal. Igrexa moderna sen interese artístico. Presbiterio máis elevado ca nave, e sancristía na parte
posterior. Nave con espadana de
dous vans con dúas campás, segundo o investigador Xosé Troiano Carril a maior foi fundida por Antonio Blanco Palacios en Mondoñedo; asúa marca era poñer un "S" invertido entre os nomes.

IGREXA DE SAN MARTIÑO DE CRUZUL
Illada
do núcleo de poboación de Cruzul. Nave e presbiterio cuberto en lousa a
dúas augas. Frontis sinxelo con porta alintelada e espadana dun van. No mes de febreiro de 1858 figura como párroco Ángel María Ferreira.
Na
aldea de Cruzul hai unha espadana de dous vans á que se accede por
medio dunhas escaleiras de pedra, alonxada da igrexa parroquial. Data,
posiblemente, do século XVIII. O motivo que levou aos veciños a erguela
no pobo debeuse a que a única campá do templo parroquial non se
escoitaba en todas partes polo que, en caso de calquera continxencia (un
incendio, unha morte, etc.), toda a veciñanza podía enterarse. Cóntase
que cando a invasión francesa, no ano 1809, estas campás alertaron da
chegada das tropas napoleónicas á Ponte de Cruzul.
IGREXA DE SAN PEDRO DE TORTES
En
Eixibrón, parroquia de Tortes. Con adro-cemiterio ao redor. Construída
con muros de cachotería agás nos esquinais que son de cantería. Nave
cuberta en lousa a dúas augas, con bóveda de canón ao igual ca o
presbiterio. Dúas capelas laterais que lle dan planta de cruz latina, de
alzados máis elevados ca nave. Sobre o cruceiro érguese un corpo
cadrado cuberto a catro augas e cúpula no interior sobre catro arcos de
medio punto. Sancristía e trasteiro nos laterais do presbiterio. Frontis
cunha rexa torre cadrada de dous corpos, o inferior fai de pórtico e o
superior de campanario. A campá maior, segundo nos achegou o investigador Xosé Troiano, foi fundida no obradoiro de Antonio Palacios de Mondoñedo; trátase dunha campá de estilo romana, pouco frecuentes comparadas coas miles de esquilonas que hai por Galicia. No muro que pecha o adro da igrexa había un Vía Crucis do que só se conservan dúas cruces enteiras e unha partida.
O día 14 de marzo de 2016, alertados por uns veciños, achegámos ata a igrexa, comprobando que se producira unha lamentable "restauración" que afectou ao pórtico-campanario.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE FERREIROS DE VALBOA
Igrexa
construída sobre a aldea, con adro-cemiterio ao redor. Nave cuberta en
lousa a dúas augas e coro alto aos pés. Frontis con porta en arco,
precedido por un pórtico. Presbiterio máis baixo e reducido ca nave.
Espadana de dous vans. No interior un retábulo maior neoclásico de
feitura moderna, e dous retábulos nos laterais.
IGREXA DO SANCTI SPIRITUS DE FONTARÓN
Nave cuberta en lousa a dúas augas. Frontis con porta
alintelada e espadana de dous ocos. Presbiterio máis alto ca nave.
Sancristía na parte posterior. No interior, retábulo moderno de estilo
neoclásico e sen imaxinería.
Consérvase unha inscrición que di: "ESTA O-RA SE IZO SIENDO/CVRA MAN... ...NZ EL/AÑO... ...N... ...CCXXXXV". Quizais sinale o ano 1745.
Cóntase que cando se erixiu o templo, a escultura da pomba que hoxe
podemos ver xunto a entrada marchaba para o lugar onde estivera sempre,
unha antiga capela hoxe en día desaparecida. A única maneira de que
permanecese na igrexa foi derrubando a ermida. Cóntase que tamén había
un santo, procedente da citada ermida, que facía o mesmo. Para que non
liscara, o cura dixo que o único xeito de que quedara na igrexa era
ofrecerlle cartos á imaxe. Debeu
ser daquelas cando desapareceu "A Cadela", nome que recibía,
descoñécese porqué, a campá da igrexa, famosa en toda a contorna por
alonxar as treboadas. Nun principio creuse que foran uns ladróns, pero
transcorrido algún tempo sóubose que a levara o Nubeiro, un ser
mitolóxico galego responsable das tormentas e dirixir os raios a
vontade. Uns din que é un anxo caído, outros un espírito maligno. Anda
polas nubes e nelas trasládase dun lugar a outro. Ás veces baixa á terra
para comprobar o resultado das súas fazañas.
Dito: "Espírito Santo, vente con nós, o dezmo de fabas pagámolos nós".
IGREXA DE SAN XOÁN DE FURCO
Igrexa
illada da aldea, construída no século XVIII. Nave rectangular cuberta
en lousa a dúas augas. Frontis con porta alintelada e espadana de dous
vans. Presbiterio na mesma liña ca neve pero un pouco máis elevado e
cuberto a catro augas, con acceso por un arco triunfal en aresta. No
interior retábulo lateral barroco.
IGREXA DE SANTA BAIA DE GUILFREI
Nas proximidades dun antigo castro, situada na
parte máis alta da aldea. Adro-cemiterio ao redor. Tres naves separadas
por arcos de medio punto que pousan sobre piares e piastras. Unha cúpula
con lanterna coroa a igrexa. Presbiterio máis elevado e reducido ca
nave central cun acceso á sancristía, cuberto con bóveda de canón.
Frontis precedido por unha torre cadrada de tres corpos e tres vans. A
base da torre fai de pórtico de entrada cun arco de medio punto. Nave
lateral sur co baptisterio, cuberto con bóveda de canón. No interior
retábulo maior barroco, ao igual ca os dous laterais.
IGREXA DE SAN PEDRO DE GUILLÉN
Do século XVIII. Nave cuberta en lousa a dúas augas.
Presbiterio máis alto e ancho ca nave cuberto a catro augas. Arco
triunfal de medio punto en aresta. Espadana dun van. No interior
retábulo sinxelo do século XIX.
IGREXA DE SAN REMIXIO DE LIBER
A
igrexa parroquial de San Remixio de Liber (Becerreá) atópase a 120
metros de distancia do río Navia, non moi lonxe da Vía romana XIX que
unía Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusti (Astorga), e da mansión de Ponte Neviae (As Pontes de Gatín).
Afastada dos núcleos de poboación, encaixada na depresión que forma o
río, apenas é visible dende a estrada que comunica Becerreá con
Cervantes e Navia de Suarna. Se a isto lle engadimos que está sen
sinalizar e que se ubica ao final dun costento camiño, axuda a que pase
desapercibida.
Segundo a tradición, polo lugar pasaban peregrinos cara
Compostela, seguramente utilizando o antigo trazado romano. Sobre
o patrón, San Remixio, só atopamos a advocación, ademais de en Liber,
en As Maceiras (Dozón) e Bazar (Lugo). Este santo naceu en Reims
(Francia) no ano 437 e morreu no 533; foi bispo da súa cidade natal
durante setenta anos; considerado o precursor do cristianismo en
Francia, bautizou a Clodoveo I, primeiro rei dos francos que se
converteu ao cristianismo.
O templo presenta unha nave rectangular cuberta en lousa a
dúas augas; mirando ao leste, frontis con espadana dun van, con campá do ano 1887, e porta en
arco de laxas de lousa. Ábsida rectangular cos beirados pousados en
modillóns decorados. Os muros foron revocados con cal.
O antigo
cemiterio, protexido por un muro, atópase na parte oeste que, por falta
de espazo, houbo que ampliar cara a zona que ocupa a igrexa.
En
principio, a traza do edificio, modificado, non nos amosa, a simple
vista, a súa orixe románica, semellando unha sinxela construción de tipo
rural dos séculos XVII ou XVIII. Pero na cornixa da
ábsida rectangular, na parte situada baixo o tellado, axiña saltan á vista uns
sinxelos canzorros. Dos que debeu ter en orixe, só se
conservan, en desigual estado, cinco, descoñecendo se nos aleiros do
resto da igrexa había máis. Contáronos que baixo do morteiro do muro esquerdo hai (ou había) unha inscrición latina.
No
interior, espazo destinado aos fieis (con artesoado de madeira) con
imaxes nos laterais da Virxe de Fátima e unha santa, e presbiterio
abovedado ao que se accede por medio dun arco de medio punto sen decorar
coroado por unha fornela.
Conserva
un retábulo barroco do século XVIII, presidido polo patrón San Remixio.
Nas paredes adivíñanse unhas pinturas murais en moi mal estado de
conservación.
Xunto a entrada hai unha pía bautismal e un vello confesonario.
Canto ao topónimo, Liber foi un nome latino asociado ao deus Baco (Liber Patri).
O Boletín da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos
de Ourense (nº 22, de outubro de 1901) recolle unha dedicatoria que
apareceu na igrexa de Millarouso e Santurxo, no Barco de Valdeorras (que
coincidencia, nas inmediacións da igrexa tamén hai os topónimos Millarega e Valdorras!), coa
epígrafe: "LIBERO / PATRI/ G VETTIVS / FELICIO", "G. Vettio Felicio mandou
erixir este altar a Liber Pater". Ou quizais podemos estar diante dunha
*(Villa) Liberii, dun propietario medieval de orixe latina que atendía polo nome de Liberius.
Liber cítase nun documento de Samos do 20 de xullo do ano 1091, cando
Munino Eiriz e Guntroda Numez doan unhas vilas ao mosteiro, entre outras Libri integra. En Galicia só atopamos o nome Liber como núcleo de poboación no concello de Becerreá.
M. Lucas Álvarez, no seu El Tumbo de San Julián de Samos. Siglos VIII-XII (1986) di que por Liber pasaba o rio de Silis
(identificado co río Cervantes), afluente do Navia. Ademais do Sil (que
tamén pasa pola comarca ourensá de Valdeorras), afluente do Miño, Altinum,
antiga cidade costeira dos vénetos, en Venecia, atopábase xunto o río
Silis, que foi destruída, primeiro por Atila no 452, e logo polos
lombardos no 568. Segundo algúns autores, Sil viría do latín sil,
"ocre, óxido de ferro mesturado con arxila". Plinio o Vello (23-79
d.C.) fala da abundancia de ocre, prata e ouro das minas da Gallaecia, ricas tamén en materiais ocres. Na zona documéntanse varias explotacións mineiras de época romana.
IGREXA DE SAN XULIÁN DE MORCELLE
Igrexa dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio
máis alto e ancho ca nave cuberto a catro augas. Sancristía pegada nun
lateral e porta no mesmo lugar. No interior retábulo maior renacentista,
de influenza barroca. Cando as obras noun muro do cemiterio apareceu un sartego antropoide que non se sabe onde foi a parar.
IGREXA DE SAN COSME DE OUSELLE
Illada do núcleo de poboación. Orixe románica. Nave
cuberta en lousa a dúas augas. No testeiro, sobre o arco triunfal, hai
unha primitiva ventá. Ábsida semicircular, máis baixa e estreita ca
nave, cuberta con bóveda de canón. Frontis de porta alintelada con
lintel monolítico cuberta por un pórtico a dúas augas, e porta en arco
de medio punto. Espadana dun van cunha campá. En maio de 1864 figura como párroco Antonio Ferreira.
Segundo figura no Tombo 5 do mosteiro de Penamaior, no ano 1265 o párroco de Ouselle ten preito co mosteiro pola posesión dos décimos, primicias e ofrendas correspondentes aos lugares de Vilar de Frades e Montaña da Agra, pertencentes á freguesía de Ouselle. Estes lugares foran doados ao cenobio por Teresa Afonso que tomou o hábito de donadas. A sentenza do Bispoado de Lugo e o seu Provisor mandan que o cura e o convento partisen os décimos, primicias e ofrendas.
Contáronnos que cando se lle puxo un novo chan de madeira á igrexa apareceu un "pía rectangular" de época romana; cremos que se trata dun sartego antropoide, os veciños dicían que o interior acollía un "corpo santo". Interesante a Semana Santa.
IGREXA DO SANTO ADRAO DE OUSÓN
Situada na parte inferior da aldea. Ten unha nave e presbiterio
aliñados e cuberto co mesmo tellado a dúas augas. Arco triunfal sobre
piastras en aresta. Sancristía nun lateral. Pórtico pechado nun lateral
cuberto a tres augas, á mesma altura ca nave. Espadana dun van. Sen
retábulo e con imaxes no interior.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE SAN LOURENZO DE PENAMAIOR
Ver a entrada dedicada aos mosteiros.
IGREXA DE SANTA BAIA DE QUINTÁ DE CANCELADA
Sobre
a aldea de Quintá de Cancelada, sobre un primitivo castro. De
amplas proporcións, con adro-cemiterio ao redor. Frontis precedido por
unha torre cadrada que pousa sobre grandes piares que dan acceso á
igrexa por un arco de medio punto, coas campás no segundo tramo. Nave
principal cuberta en lousa a dúas augas. Porta lateral sur protexida por
un cabido de tres arcos de medio punto. Cruceiro formado por dúas
capelas laterais cuberta a tres augas, e no transepto cóbrese cunha
cúpula sen lanterna, más elevada ca o resto do templo. Presbiterio na
mesma liña ca nave principal, sancristía nun lateral.
IGREXA DE SAN XOÁN DE SEVANE
Incendiouse hai anos, foi restaurada pobremente. Ten planta
rectangular cuberta en lousa a catro augas. O pórtico, que se salvou do
lume, está cuberto a tres augas. Espadana dun van, con campá do ano 1884; segundo o investigador xosé Troiano Carril, foi fundida por Jenaro Blanco de Monforte de Lemos.
IGREXA DE SAN XOÁN DE PANDO
Na
aldea de A Veiga, parroquia de Pando. Alonxada do núcleo de Poboación. Ten planta rectangular, cuberta
en lousa. A carón da cabeceira acaróase un volume que se utiliza como
sancristía. Escaleira de patín encostada a un muro exterior para acceder
á espadana de dous corpos, un con dous arcos de medio punto que acollen
as campás, o outro cun arco máis pequeno coroado por unha cruz. Pórtico
con muro peitoril.
IGREXA DE SAN PEDRO DE VILACHÁ
Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas.
Presbiterio un pouco máis elevado ca nave. Arco triunfal de medio punto
con bóveda de canón reforzada con contrafortes. Frontis con porta
alintelada e un pequeno escudo na parte superior. Espadana de dous vans. Na fachada principal un pequeno escudo coas chaves de San Pedro.
IGREXA DE SANTIAGO DE VILAIZ
Nave cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio máis elevado e
reducido ca nave, con bóveda de canón no interior e arco triunfal.
Frontis con porta alintelada, ventá rectangular. Espadana de dous vans
no corpo inferior e un no superior.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE VILAMANE
Construída sobre un pequeno outeiro. Nave cuberta en lousa a
dúas augas. Muros de cachotaría de pedra calcaria e lousa. No lateral
norte ten unha porta protexida por un cabido soportado por unha columna.
Presbiterio máis amplo e alto ca nave, cuberto a catro augas cun arco
triunfal de medio punto e bóveda de canón. Frontal con porta alintelada
e un óculo. Espadana de dous vans e cimacio con volutas. As campás son do ano 1884; segundo o investigador Xosé Troiano Carril, a maior foi fundida por Juan María de la Sota en Lugo.
IGREXA DE SANTA MARIÑA DE VILOUTA
En
Vilouta de Arriba. Orixe románica, pode que do século XV. Nave
rectangular con cuberta de lousa. Ábsida semicircular con canzorros lisos e toscos no aleiro, máis baixa e
estreita ca nave cun arco triunfal con seteira na parte superior.
Frontis con porta alintelada. Pórtico no lateral dereito e dúas ventás seteiras no esquerdo. Espadana de dous vans cun pináculo e cruz cumial. Adro-cemiterio ao redor.

CAPELA DE SAN BIEITO DA HORTA
En
Horta, parroquia da Agüeira. Particular do Pazo de Horta. De tres naves separadas por arcos de medio
punto. Coroa a ermida unha cúpula con lanterna. Presbiterio máis
elevado ca nave. Frontis precedido por unha torre cadrada de
tres vans feita con pedra calcaria. Espadana dun van. Na fachada
principal hai unha praca que di: "Capilla de San Benito reedificada en
1710 propiedad de don Edmundo Fernández", custeada por Diego Gómez de Ulloa e a súa dona Xoana Ribeira e Montenegro. A ermida, hoxe en día
restaurada, foi queimada o día 18 de xullo de 1936.
Nas inmediacións levántase un cruceiro moderno, colocado nos anos setenta do pasado século XX. Nas inmediacións había outra cruz que nos anos setenta foi trasladada para Santa Cruz, en Baralla.

UNHA CAPELA NA VILA DE
BECERREÁ?
Nun
documento do ano 1806 lese: Unha capela "… que se halla en
medio del lugar de Becerreá para servicio de Don Francisco de Ulloa,
con la advocación que es de San Benito, cuia suspensión y hasta que
se adorne y reedifique de todo escalabro a contento de este párroco,
que sin el, no se puedan celebrar los Divinos Oficios". Trátase
da capela de Horta, ou houbo outra posta baixo o mesmo padroado na
vila de Becerreá?
CAPELA DE NOSA SEÑORA DO PRADO
En
Todón de Arriba, parroquia de Cascallá. Pequena capela de planta
rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No cume da cuberta hai unha
cruz de mármore. Na fachada principal hai unha praca coa representación
de Nosa Señora do Prado.
CAPELA DE SANTA ISABEL
Desaparecida, atopábase no Cereixal, no lugar coñecido como A Ermida. No Catastro de Ensenada de 1752 cítase o Marco da ermida de Santa Isabel.
CAPELA DE VILAR DE OUSÓN
En
Vilar de Ousón, parroquia de Cruzul. Rústica capela cuberta a dúas
augas e pórtico pechado. Campanil inserido nun van de madeira. No
interior vense algunhas imaxes.
O CHAO DA CAPILLA
Atópase en Vilar de Ousón, moi preto dunha pequena ermida. No sitio houbo un cemiterio. Hai 40 ou 50 anos aínda se podían ver varias tumbas feitas con laxes. Na actualidade só se ven algúns restos esparexidos polo lugar. A foto en branco e negro facilitáronnola hai anos, foi tirada a principios dos anos setenta; no interior vense algúns restos de ósos e flores ao redor que, ao parecer, as colocaba unha monxa.
CAPELA DO SAN RAMÓN DE FURCO
En
Furco. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas.
Espadana dun van.
CAPELA DE SARCEADA
En Sarceada, parroquia de Furco. Planta rectangular. Espadana dun van.
CAPELA DE FONTE DO LOBO
Na
Fonte do Lobo, parroquia de Guillén. Ermida pública aínda que situada
nunha finca privada. Ten planta rectangular cuberta en lousa a dúas
augas.
CAPELA DA CASA-TORRE DE CORMES
En
Cormes, parroquia de Morcelle. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Nos muros laterais ábrense dúas ventás con arco de medio
punto. Espadana dun van. Sobre a entrada ten unha inscrición que di que foi fundada no ano 1520 por Moñino de Erbón e reedificada no ano 1922 por A. G. Montes e José de Boado "gentiles hombres de S. M. el Rey".
CAPELA DE NARÓN
En
Narón, parroquia de Guilfrei. Ten planta rectangular, cuberta en lousa a dúas
augas. Un cabido protexe a entrada. Tallas do século XVI.
CAPELA DE MONTAÑA DA AGRA
En
Montaña da Agra, parroquia de Ouselle. De planta rectangular e ábsida
recta. Salienta unha espadana dun van rematada en arco de medio punto.
Ermida coñecida porpularmente como Santo.
CAPELA DO SAN ROQUE DE OUSELLE
En
Ouselle. Ten planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana
dun van rematada por unha cruz de ferro. Non ten retábulo. Imaxe do San
Roque.
CAPELA DO SAN LOURENZO DE TOUZÓN
En Touzón, parroquia de Penamaior. Capela de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas.
Cóntase
que hai tempo tres homes da Lagúa, un da Casa Nova, outro da Casa de
Nesa e un terceiro da Casa de Vázquez, andaban a cavar nos montes de
Penamaior para sementar o pan cando, de súpeto, o ceo comezou a anubrar,
amezando con treboadas, polo que decidiron volver para as súas casas.
Mais, como comezou a chover, acubillaron na entrada da ermida. Un deles,
ao pousar a aixada por riba dunha lousa escoitou como aquilo soaba a
oco, polo que lle dixo aos outros: "Así Deus me salve que eiquí hai un
tesouro. Imos cavar". "Que dis! Estás tolo, no ves que é un lugar
sagrado?", respondeu un dos compañeiros. Despois dunha forte discusión,
decidiron non facelo. Rematou de chover e continuaron cara a aldea.
Baixando polo Cereixal viron a un home moi ben vestido montado nun
cabalo de cor branca que ao chegar xunto deles preguntoulles en
castelán: "Buenos días, señores, ¿ustedes no sabrán por donde queda la
capilla de San Lourenzo?". Os homes non dubidaron en facerlle as
indicacións oportunas. Cando chegaron á Lagúa, un deles dixo: "Xa
veredes como vai polo tesouro". Os outros contestaron: "Estente calado
que aínda han pensar que estás tolo". Ao día seguinte voltaron para
Penamaior e, ao pasar xunto a capela, viron como a lousa estaba removida
e ao seu carón as táboas dun pequeno baúl.
Cando no ano 2015 visibilizamos ante a opinión pública unha variante do Camiño de Santiago, que denominamos Vía de Künig en honra ao monxe alsaciano que escribiu unha guía no ano 1495, na proposta que fixemos á Xunta de Galicia para que a recoñecera pasamos a ruta xunto esta capela, e de eiquí ao mosteiro de Penamaior.
CAPELA DE SAN LOURENZO DE BULLÁN
En
Bullán, parroquia de Quintá de Cancelada. Capela de planta rectangular
cuberta en lousa a dúas augas. No interior tallas populares do século
XVI.
CAPELA DE SAN XOÁN DE BUISÁN
En
Buisán, parroquia de Quintá de Cancelada. Situada sobre un outeiro, na
beira esquerda do río Navia, illada da aldea. De aspecto antigo, ten
planta cadrada cuberta en lousa a dúas augas. A entrada está protexida
por un alpendre, prolongación dos muros da nave. Presbiterio rectangular
con arco triunfal de medio punto sobre impostas. No interior sinxelo
retábulo renacentista de estilo popular.
CAPELA DE CASARES
Alonxada do núcleo de poboación. Mal estado de conservación. No interior non conserva as imaxes.
CAPELA DOS REMEDIOS DO COTO
No
Coto, parroquia de Quintá de Cancelada. De nave rectangular cuberta en
lousa a dúas augas. Un pórtico, cuberto a tres augas, protexe a entrada.
Presbiterio cadrado, máis amplo ca nave. No interior hai un retábulo.
CAPELA DE SANTA APOLONIA
En
Castel María, parroquia de Quintá de Cancelada. Construída sobre un
primitivo castro. Ten planta rectangular e espadana dun van. No interior
sinxelo retábulo e tallas barrocas.
CAPELA DE SAN PEDRO DE TUCENDE
En
Tucende, parroquia de Quintá de Cancelada. Capela de planta rectangular
cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico a tres vertentes. Carece de
interese artístico. No interior imaxe do San Pedro do século XVIII.
CAPELA DE SANTA BÁRBARA DE SOUTO
No
Souto, parroquia de Sevane. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas
augas. Un pequeno pórtico protexe a entrada. No interior sinxelo
retábulo do século XVII.
CAPELA DE CANTIZ
En
Cantiz, parroquia de Vilachá. De planta rectangular, está elaborada en
perpiaño. A fachada remata nunha espadana dun van coroada cunha cruz de
ferro. Non moi lonxe apareceu un sartego antropoide que non se sabe onde foi a parar.
CRUCEIRO EN EIXIBRÓN
Son case testemuñais os cruceiros que hai na comarca dos Ancares. Este de Eixibrón, situado no camiño que leva á igrexa parroquial, trátase do máis antigo.
CRUZ EN FONTARÓN
Situada á entrada do pobo de Fontarón. Cruz latina moderna sen interese artístico.
PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE CERVANTES
IGREXA DE SANTA BAIA DE AMBASVÍAS
Templo de estilo rural cuberto en lousa a dúas augas.
Frontis con lintel en lousa, unha ventá e espadana dun van. Presbiterio
con arco de medio punto. No interior retábulo barroco da segunda metade
do século XVIII. Imaxes de Santa Baia, románica, quizais do século XIV,
San Roque, San Antonio e San Bartolomeu, do século XVI.
IGREXA DE SAN PEDRO DO CASTELO
Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Frontis con
porta alintelada e espadana dun van. Nun lateral, sancristía teitada coa
prolongación da nave. Presbiterio con bóveda de canón. O retábulo maior
é neoclásico coas imaxes de San Pedro, outra imaxe de San Pedro de
factura moderna, o Santo Anxo da Garda de mediados do século XVIII, San
Roque, a Purísima Concepción do século XVI e San Antonio. No retábulo
lateral esquerdo, neoclásico, Vía Crucis con Cristo, Virxe do século
XVIII, e San Xoán, posiblemente do século XIV. Canto á ourivería, un
cáliz e un copón con gravados.
.jpg)
IGREXA DE SANTA MARÍA DO CASTRO
Orixe Alto Medieval. Alonxada
do núcleo de poboación, asenta sobre un primitivo castro galaico-romano
erixido sobre o río Quidous. Presenta unha nave rectangular cuberta en
lousa a dúas augas. Dúas portas de acceso, unha no frontis e outra no
lateral dereito. Arco triunfal de medio punto sobre piastras.
Presbiterio máis baixo. No interior, modesto retábulo. O templo foi
restaurado hai uns anos, os muros, tanto interiores coma exteriores
foron caleados.
Na ábsida tivo pinturas murais das que só se conserva unha parte, en mal estado, na ventá que semella representar o Universo co sol, a lúa e as estrelas.
Espadana de dous vans. Nun lateral exterior hai
esculpida unha cara cunha inscrición que foi repicada. Adro-cemiterio ao
redor.
Sobre o castro saíron á luz máis de 60 tumbas de laxas, Alto e Baixo Medievais, utilizando as pedras das vivendas castrexas.
IGREXA DE SANTIAGO DE CEREIXEDO
O
templo, de notables proporcións, atópase alonxado dos núcleos de
poboación, encaixado nunha cunca formada polos ríos do Brego e
Cereixedo. Ten nave de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas e
capelas laterais. A torre é de planta cadrada, dividida en tres corpos,
o terceiro acolle a torre con catro vans e dúas campás ao que se accede
por medio dunha escaleira exterior, unha fundida no ano 1828. No interior conserva un retábulo
renacentista coas imaxes do patrón, Santiago Peregrino, a Piedade con
Cristo, un bispo en actitude de impartir a beizón, San Xoán, San Miguel
Arcanxo con dragón aos pés, San Pedro e San Paulo, e unha pequena
fornela coa Virxe e o Neno. Na capela do Rosario, con retábulo do século
XVIII, vense as imaxes da Virxe María co Neno, Santa con toca e San
Francisco Xabier. Nunha capela lateral, retábulo con Vía Crucis, imaxes
de Cristo e grupo exento de tres mulleres, San Xoán e unha muller xoven
que dirixe as mans a Cristo. No mesmo lateral outro retábulo rococó coas
imaxes de San Francisco de Asís e un santo. Pinturas murais en deficiente estadode conservación.Adro cemiterio ao redor.
Aínda
que a construción da igrexa adoita situarse no século XV, a súa orixe
remóntase, ao menos, cen anos atrás. No ano 1378, o mosteiro de
Carracedo do Bierzo daba en encomenda ao señor de Villalobos (Zamora),
Alvar Pérez de Osorio, unha serie de lugares de Cervantes (os coutos de
Dorna, Vilaquinte, Padornelo, Xestoso, a quinta parte de Lamas e a
igrexa de Cereixedo).
Posteriormente,
existen varios preitos entre a casa dos Osorio e o mosteiro de
Carracedo para determinar o lexítimo propietario destes lugares. A
principios do século XIV, os terreos foron doados ao cenobio de
Carracedo por herencia de Teresa Pérez, da familia Méndez de Cervantes.
No ano 1419, este mosteiro vese na obriga de preitear con Pedro Álvarez
Osorio as prestacións da igrexa de Santiago, cuxa propiedade os monxes
demostran facilmente.
Nos
Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de
Cereixedo no ano 1752, faise referencia a que a metade dos impostos do
décimo da freguesía, 1.1169 reás, ían parar ao priorado de Dorna, anexo
ao mosteiro berciano. Un mosteiro en Dorna, do que non quedan restos,
cítase no ano 1203 como Sancte Marie de Dorna.
Ademais do anterior, a estadía de monxes en Cereixedo dedúcese de dous nomes de aldeas da parroquia. Cela
cítase como Cella integra no ano 1091, en que os monxes de Samos a recibían doada por Muñino Eiriz e Guntroda Númez; cela deriva do latín
cella que vén a significar apousento dun relixioso ou relixiosa nun
convento ou mosteiro, que quizais sinale a existencia dunha granxa ou
eremitorio. E segundo, un documento do ano 1262 o mosteiro de Carracedo posuía herdades en Castello de Fratibus (Castelo de Frades).
Luis Monteagudo, nun artigo no Ideal Gallego do do 12 de xuño de 1936, di que en Castelo de Frades existe unha lenda de que había un mosteiro "a la defensiva contra contra los moros" que en tempos asolaron estas terras.
Sergio Núñez Cubero, ademais das fotos antigas, achegounos un interesante traballo que cita a igrexa de Cereixedo. Trátase de Nobles y monjes: Los Osorio Villafranquinos y los monasterios bercianos (siglos XIV-XV), de Gregoria Cavero Dominguez (2016). Sergio tamén nos contou que ademais da festividade do patrón, Santiago, celebrábase a de Nosa Señora o 8 de setembro que mesmo era máis importane ca primeira, pero deixou de celebrarse nos anos cincuenta do século XX; no exterior de cada casa facíanse feixós que espois levaban para as merendas en Cereixedo (non podía ser no interior das casas). A Virxe atopábase nunha das capelas laterais, pero o retábulo derrubouse e a talla pasou ao altar.
As
fotos antigas sobre a igrexa de Santiago de Cereixedo son moi escasas,
quizais a que achegamos do ano 1917, extraída por Sergio de El Eco de Galicia, revista da colonia galega en Cuba, sexa unha das primeiras. Temos coñecemento de que en El Eco Franciscano,
editado por Pedro Ferrer na Coruña no ano 1911, aparece unha foto do
templo, pero ata o momento non nos foi posible localizala.
IGREXA DE SAN FIZ DE DONÍS
Situada fóra do núcleo de poboación, xunto un antigo camiño que
baixa cara o río e aceña das Pontes. De planta case cadrada, con nave central e
dúas laterais. Amplo cabido soportado por columnas de granito. Torre de planta cadrada formada por dous corpos, o superior con seis ocos e dúas campás; vense dúas inscricións gravadas en senllas pedras, nunha lese: "HIZOSE ESTA OBRA/SIENDO CVRA D/TOMAS C (repicado)/ANO DE 17_4". Xunto unha das entradas ao cemiterio, que se desenvolve polo laterais e a parte posterior, hai outra inscrición. Na nave
lateral norte está o osario e arco de acceso ao templo. Na fachada principal hai un reloxo de sol en granito. Na nave central
coro de madeira. O templo foi restaurado entre os anos 2005 e 2008. No
arco triunfal descubriuse unha inscrición que, literalmente, di: "ESTAS
ARMAS ESTAVAN PUESTAS I FIXADAS EN LA CAPILLA MAIOR DE ESTA ST IGLESIA
DE DONIS ASTA PVEDE AVER OCHO, O DIEZ ANNOS QVE SE DESHIÇO LA DHA
CAPILLA MAIOR PARA SE VOLVERA LARGAR I MENDO DE MVST GIL DE MOSTO I EL
LICD DON IS. SVS. SOBRINO DESCENDIENTES POR VARON DE LA CASA DE DONIS
PATRONOS DESTA ST IGLA LAS MANDARON PONER EN EL PROPIO LVGAR DONDE
ESTAVAN DE ANTIGVO". Durante a restauración, levada a cabo pola
Consellería de Cultura, o retábulo maior foi desmontado pasando a outra
parte da igrexa, e na capela maior só se deixou o calvario. Tamén foron
restauradas as pinturas murais que estaban tapadas polo retablo e capas e cal; figura a data de 1578. Retábulo maior coas
imaxes da Piedade con Cristo do século XVI, Vía Crucis, Cristo, Virxe e
San Xoán, ambas con trazas románicas aínda que pertencen ao gótico.

IGREXA DE SANTA MARÍA DE DORNA
Ver o apartado dedicado aos mosteiros.
IGREXA DE SAN PEDRO DE CERVANTES
Construída na parte superior do pobo. Ten
planta rectangular, teitada en lousa. O frontis está protexido por un
cabido. Espadana de dous vans. O presbiterio está no mesmo plano ca
nave, cuberto a catro augas. Na parte posterior do presbiterio está a
sancristía. No interior retábulo maior do primeiro terzo do século XVII,
coas imaxes de San Pedro, San Roque, San Antonio e a Virxe co Neno. Na
sancristía lateral dereita, retábulo de estilo barroco coas imaxes da
Virxe e de Santa Ana. Na capela lateral esquerda, retábulo rococó coas
imaxes da Virxe do Rosario, Santa Lucía, San Brais, a Anunciación e dous
anxos. Na nave hai outros dous retábulos de pouco valor artístico cunha
imaxe rústica de finais do século XIII ou de principios do XIV, a
Piedade e a Virxe realizada a finais do século XIV. Conserva varios
confesionarios rústicos.

IGREXA DE SAN XIAO DE LAMAS
A
igrexa parroquial, que estaba en Lamas, foi destruída por un incendio
pasando as funcións relixiosas á capela do Pandelo, de boas dimensións,
con planta rectangular e co frontis situado nun lateral que está
reforzado cun contraforte. Espadana de dous vans. O presbiterio é máis
elevado ca nave cuberto en lousa a catro augas. No interior retábulo
maior situado baixo o testeiro de transición do barroco ao rococó, coas
imaxes da Virxe das Candeas, outra talla con Neno, outra imaxe da Virxe
das Candeas co Neno do século XV, e Cristo na parte superior. Retábulo
lateral dereito con columnas salomónicas e a imaxe de San Xosé. No
retábulo lateral esquerdo imase de San Pedro.
IGREXA DE SAN XOÁN DE MOSTEIRO
Ver o apartado dedicado aos mosteiros.
IGREXA DE SAN PEDRO DE NOCEDA
Nave de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas, con
capelas laterais que lle dan forma de cruz latina. Espadana dun van.
Porta de acceso formada por un arco de medio punto. Bóveda de canón, ao
igual que o presbiterio. Retábulos de pouco interés artístico, coas
imaxes de San Pedro, San Xosé co Neno en brazos e unha Santa, todas do
século XVII. A Virxe María, Santa María Madalena, San Sebastián
asaetado, do século XVI, Santa Bárbara do século XVIII e a Inmaculada
Concepción.

IGREXA DE SANTA MARÍA DO PANDO
Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. A porta de
acceso non está no frontis senón no lateral sur protexida por un cabido.
No muro lateral norte a sancristía con porta de acceso. No interior
retábulo maior neoclásico, coas imaxes da Inmaculada Concepción, San
Roque, San Antonio e outra imaxe. Sinxelo retábulo nun lateral.
O
sábado, 2 de xullo de
2022,
nunha visita que os do Colectivo Patrimonio dos Ancares fixemos á
parroquia do Pando atopámonos coa
sorpresa de que no cabido de acceso á igrexa parroquial de Santa
María do Pando plantaron lume que, ademais de tisnar os muros,
afectou á estrutura de madeira do teito. O sitio cheiraba fortemente
a fume polo que cremos que o lume foi producido recentemente. A
igrexa está catalogada por Patrimonio da Xunta de Galicia.
IGREXA DE SAN XUSTO DE QUINDOUS
Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Sancristía no
lado sur cuberta a catro augas. No interior retábulo coas imaxe de
Santa Lucía do ano 1540 e o Sagrario cun relevo de Cristo resucitado. No
lateral dereito retábulo de pouco interese con medallóns que
representan a San Pedro e San Paulo. Na sancristía imaxe do Anxo da
Garda con Neno e dragón aos pés, e Cristo. Na ourivería cruz procesional, cáliz de prata
con motivos da Paixón, e outro cáliz de prata cicelada e copón, tamén de
prata.

IGREXA DE SAN MARTÍN DA RIBEIRA
Igrexa de amplas proporcións do século XVIII. Nave rectangular
que no interior se converten en tres (central e dúas laterais). Frontis
coroado por unha espadana moderna. Presbiterio na mesma liña ca nave,
cuberta a dúas augas. Adosada ao muro lateral, sancristía con acceso
directo dende o presbiterio. No interior, retábulo maior de traza
neoclásica, coas imaxes da Virxe co Neno do século XVIII, San Miguel do
século XVI, a Virxe do Carme do século XVI e o Pai Eterno con dous
anxos. Retábulo lateral dereito coas tallas de San Roque do século
XVIII, e San Antonio. No retábulo lateral esquerdo, imaxe dun santo.
Interesante pía bautismal coa inscrición: "Hizose año de 1738 siendo
obispo de Lugo el ilustrísimo S.B.D. Cayetano Gil Taboada y cura D. Luis
Pardo y Andrade".

IGREXA DE SAN ROMÁN DE CERVANTES
En
San Román, capital municipal. Está situada na parte máis alta da vila,
con adro-cemiterio ao seu redor. Moi reformada, perdeu gran parte da súa
traza románica. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No
frontis porta con arco de medio punto. A torre é de cemento, dun corpo e
seis vans. O presbiterio é algo máis reducido ca nave. Na parte
posterior ábsida semicircular. Na parte lateral norte ao presbiterio
está a capela dos Quiroga, na actualidade convertida en trasteiro. Non
ten retábulos. Imaxes de San Román, San Antonio e a Virxe do Carme do
século XVIII.
IGREXA DE SANTO TOMÉ DE CANCELADA
Igrexa con nave cuberta en lousa a dúas augas, con dúas
capelas laterais e sancristía lateral ao norte do presbiterio. A porta
de entrada esta cuberta por un cabido a tres augas. Espadana de dous
vans, á que se accede por medio dunha escaleira exterior. O retábulo
maior data do ano 1681, renacentista con elementos barrocos. Imaxes da
Inmaculada Concepción, San Xoán, San Bartolomeu, Santo Tomé, talla dun
anxo e San Miguel. O Sagrario é unha interesante peza co relevo de
Cristo resucitado, e nos laterais San Pedro e San Paulo. Nos retábulos
laterais vese a imaxe dun antigo Cristo e San Roque.
No cabido hai unha inscrición que fala dunha ampliación ou restauración sendo cura don manuel Pardo Vivero no ano 1766.

IGREXA DE SANTA COMBA DE VILAPÚN
Orixe románica. Ábsida semiciruclar. Nun lateral da igrexa vense dúas seteiras románicas que foron tapiadas. Retábulo principal coas imaxes de Santa Comba, Santiago Peregrino, San Bartolomeu pisando un diaño, varios santos e Santa
Tareixa. No ático outra imaxe dun Santo, do século XVII. Na capela
lateral dereita imaxe da Virxe do Carme con Neno do século XVII. Na
sancristía imaxe de Cristo. Na ourivería salienta un cáliz de prata
cicelada coa inscrición: "DN JOSE BECERRA MAGDALENA CONDE DE VILLAPUN
PARA SU IGLESIA DE Sª COLOMA DEL MISMO TITULO. ANÑO 1833".
No mes de marzo de 2015, a Deputación Provincial e o Bispado de Lugo asinaron un convenio para restaurar o retábulo renacentista de finais do século XVI pero que foi repintado posteriormente e ao que lle houbo que retirar as imaxes porque a madeira xa non soportaba o peso. O retábulo, en castiñeiro e nogueira, salienta pola gran calidade da policromía e das tallas. Os traballos de restauración do retábulo e de varias imaxes foi obra de Olga Gago Muñiz.
IGREXA DE SAN BREIXO DE VILAQUINTE
Situada na parte máis alta da aldea. Nave rectangular
cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van cunha campá fundida no ano 1731. Retábulo maior
renacentista coas imaxes de San Breixo, San Roque e San Brais. Canto á
ourivería copón con cruz, cáliz e cruz parroquial.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE VILARELLO
Na parte baixa da aldea. Adro-cemiterio ao redor. Nave
rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana de dous vans e unha
troneira na parte superior. Pórtico pechado con dous portóns de acceso.
Arco triunfal de medio punto e bóveda formando unha cúpula que carece de
lanterna. No interior retábulo maior barroco do século XVIII coas
imaxes da Asunción do século XVI, San Antonio, Santo con hábito, Cristo,
Santa María, San Xoán, San Sebastián e un bispo. No retábulo lateral
dereito, barroco, da segunda metade do século XVII, coas imaxes da Virxe
María co Neno Xesús do século XVI, San Francisco, unha Santa do século
XVIII, Cristo e San Roque.

IGREXA DE SANTIAGO DE VILASANTE
Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Presbiterio
máis elevado ca nave. Frontis con porta alintelada. Espadana con dous
vans na parte inferior e un no superior. Retábulo renacentista da
primeira metade do século XVI coas imaxes de San Xoán Evanxelista, Virxe
sedente e Neno Xesús de finais do século XII ou principios do XIII,
Neno Deus do século XIV, Santa co Neno e San Antonio do XVIII. Na
ourivería cruz parroquial de madeira, outra cruz de prata cicelada do
século XVIII e custodia do XIX. O camiño que vai dende o Fabal ata o templo, antigo tramo da Vía romana e Camiño Real, coñécese como "O Camiño da Misa".
Ata
o último terzo do século XVIII, a parroquia de Santiago de
Vilasante, en Cervantes, era de Santiago de Ribasmorto. De todos
xeitos, ao longo do século XIX (máis ou menos ata o ano 1863)
conviven as dúas, sendo nomeadas
indistintamente como Santiago de Ribasmorto ou Santiago de Vilasante,
como por exemplo nos Boletíns Oficiais da provincia como do bispado.
Así e todo, a aldea de Vilasante xa se cita como Villa Santi
no ano 1002. O que descoñecemos é se
aínda existe un lugar chamado Ribasmorto. Sabemos dos sitios da
Oración, O Camiño da Misa (entre O Fabal
e a igrexa), A Cruz e A Ermida (deste só
se conserva o topónimo).
Por unha lápida funeraria que hai nun muro da igrexa correspondente a dona Vicenta Limerez sabemos que o párroco no ano 1911 chamábase J. Pereiro.

IGREXA DE SAN XOÁN DE VILASPASANTES
Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No
lateral sur pórtico e sancristía. Unha arcada no alzado norte dá acceso a
unha capela de planta rectangular. Espadana en pedra calcaria.
Presbiterio no mesmo plano ca nave cuberta a dúas augas. No interior
retábulo maior co Sagrario, e imaxes do Santo Anxo co dragón aos pés e
outro Santo do século XVII. Na capela lateral a Inmaculada Concepción
que foi mutilada para poder ser vestida. No lateral norte retábulo con
imaxe da Virxe.
IGREXA DE SAN XUSTO DE VILAVER
Planta rectangular, con presbiterio máis elevado ca nave. Arco
triunfal de aresta e bóveda de canón no presbiterio. Espadana de dous
vans. A sancristía está no lateral norte da nave. No interior retábulo
maior renacentista do primeiro terzo do século XVII, coas imaxes de
Cristo, San Xusto e San Salvador. Sagrario co relevo de Cristo
resucitado. Na ourivería copón de prata.

CAPELA DE SANTA MARÍA MADALENA DE MOREIRA
En Moreira, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos e unha cruz.
CAPELA DE SAN MARTÍN
En San Martín (Cereixedo): Contounos Sergio Núñez Cubero que había unha capela que serviu de vivenda a posteriori; aínda se conserva en mal estado. Unha das últimas familias que naceu nesa casa alcumábanse como "Os do Capillas".
CAPELA DO TESO DO CASTELO
O
Teso do Castelo atópase a 659 metros de altitude, en terras da aldea
de Airoá, na parroquia de Cereixedo. Trátase dun outeiro rochoso
situado nun meandro que forma o río das Casas e o regueiro do
Castelo que o arrodean case na súa totalidade, quedando o único
punto de acceso pola cara este. Patrimonio
dos Ancares atopamos anacos cerámicos, tégula, dúas moedas (unha moi
desgastada onde non lemos nada, e outra de “PHILIPPVS III”), tramos de
muralla, etc. Cando nos falaron de que a tradición situaba no sitio unha
capela, puxémonos a buscar algún resto, pero nada atopamos. Pero si que
houbo, a toponimia é clara: “SEARO DA CAPILLA”.
CAPELA DE SANTA ANA DE CABANAS ANTIGAS
En
Cabanas Antigas, parroquia de Cereixedo. Capela de planta rectangular
cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos.
No interior imaxe do século XVIII.
CAPELA DA INMACULADA CONCEPCIÓN DE AIROÁ
En Airoá, parroquia de Cereixedo. Planta rectangular cuberta en lousa a tres augas.
CAPELA DA INMACULADA DE FERREIRADEVÉS
En
Ferreiradevés, parroquia de Vilaspasantes. Capela de planta case
cadrada cuberta en lousa a dúas augas. A cuberta prolóngase para cubrir o
cabido onde se sitúa a portada con enreixados laterais. No interior
imaxe do século XVIII. Contáronnos que no ano 2015 a ermida sufriu un roubo, os ladróns arrincaron a verxa dunha ventá e levaron cartos.
CAPELA DA CASA GRANDE NO FABAL
No
Fabal, parroquia de Vilasante. Planta rectangular situada preto da casa
á que pertence. A cuberta, de lousa, prolóngase para cubrir o cabido
onde está a porta de entrada.
CAPELA DE NOSA SRA. DAS DORES DE VILASPASANTES
CAPELA DE NOSA SEÑORA DE DONÍS
En
Donís. É o presbiterio, probablemente, dunha primitiva igrexa. Ten planta rectangular
cuberta en lousa a catro augas. Porta en arco de medio punto.
CAPELA DA CASA DE ARRIBA
Pertencía á Casa Grande que desapareceu, substituída por unha nave para o gando e unha casa non tradicional. Capela de muros de cachotería de xisto e cuberta de lousa a dúas augas. Presbiterio máis alto a catro augas. Campanil dun van.
CAPELA DE NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS DE TARNAS
En
Tarnas, parroquia da Ribeira. O día da patrona, os devotos levan a cabo
procesións individuais e colectivas ao redor da ermida, de xeonllos e
camiñando.
Cóntase que hai moitos anos o cura párroco, ante a oposición dos veciños da aldea, levou a imaxe da Virxe para a igrexa da Ribeira. Esa mesma noite, un apocalíptico diluvio, acompañado de estarrecedores tronos, que arrastrou terra e pedras polos camiños, disque que foi o sinal inequívoco de que a imaxe debía retornar para a capela. E así se fixo.
CAPELA DE NOSA SEÑORA DAS NEVES DE XANTES
En
Xantes, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas
augas. Frontis con porta en arco de medio punto co relevo dunha estrela
nas tres doelas superiores. Espadana dun van coroada por unha cruz e
pináculos. No interior retábulo barroco.
Segundo información achegada por Suso Nieto Santín, a ermida forma parte dun conxunto característico dalgunhas aldeas de Cervantes que, ademais da ermida consta dunha vivenda, un hórreo, unha palloza (practicamente desaparecida) e unha construción de pedra adicada hai anos a alcobas. Todo o recinto presentaba unha cerca de pedra. Segundo un dos herdeiros, a ermida e outros dous elementos foron construídos por un párroco da familia.
CAPELA DE SAN ALBERTE DE VILAR DE MOUROS
En
Vilardemouros, parroquia de San Pedro de Cervantes. Situada ás afóras
da aldea. Cuberta en lousa a dúas augas. Cabido a tres augas formado
pola prolongación dos muros laterais.
CAPELA DE SAN ANTOLÍN DE CABANA XARAZ
En Cabana Xaraz, parroquia de Donís. Planta tirando a rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos e unha cruz de ferro.
CAPELA DE POSO
En Poso, parroquia do Pando. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van na fachada principal coroada por pináculos e unha cruz.
CAPELA DE SAN ANTONIO ABADE DE DUMIA
En
Dumia, parroquia de Santo Tomé de Cancelada. Planta rectangular cuberta
en lousa a dúas augas. Acceso por unha porta alintelada. Laterais
soportados por tres rexos piares. Pequena espadana dun van. Caleada.
Crese que puido ser o presbiterio dunha primitiva igrexa.
CAPELA DE SAN ANTONIO ABADE DE ROBLEDO
En
Robledo, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas
augas. Porta en arco e ventá a cada lado. Pequena espadana dun van
coroada por unha cruz. No interior conserva un retábulo sen valor
artístico.
CAPELA DE SAN ANTONIO DE PADUA DE RIAMONTE
En
Riamonte, parroquia de Vilarello. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. No interior imaxe do Santo Antonio do século XVIII. Unha
pedra cadrada, lisa e plana (ara) tapa un oco cadrado que hai no altar. A
pedra está envolta nun pano; Fernando Carballo contounos que foi envolta para que non a puidesen tocar as mulleres.
CAPELA DE SAN ANTONIO DE PRADOS
En
Prados, parroquia de Cereixedo. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Cabido formado pola prolongación dos muros laterais. No
interior retábulo barroco do século XVIII.
CAPELA DO SANTO ANTONIO DE VILANOVA DO PEDREGAL
En
Vilanova do Pedregal, parroquia de Noceda, ás afóras da aldea. Planta rectangular cuberta
en lousa a dúas augas e cabido a unha auga. Na zona do altar ten unha bóveda de medio
canón. No interior, pequeno retábulo presidido por San Antonio.
CAPELA DO SAN BERNABEU DE FOLGOSO
En Folgoso, parroquia de Cereixedo, ás afóras da aldea. Planta rectangunlar cuberta en lousa a dúas aguas, e cabido a unha auga. No interior, sobre o altar de madeia, imaxe do San Bernabeu.
CAPELA DO SAN BERNARDINO DO COMEAL
No Comeal, parroquia de Vilarello. Planta rectangular cuberta en lousa a catro augas. Recebada de cemento. Ao seu carón pasaba a Vía romana XIX.
CAPELA DO SAN FROITOSO DA PEREIRA
En
Pereira, parroquia do Castelo. Capela de planta rectangular cuberta en
lousa a dúas augas. Porta alintelada. Espadana de cemento. No interior retábulo barroco con
columnas salomónicas.
CAPELA DO SAN LOURENZO DE PIORNEDO
En Piornedo, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Espadana dun van coroada por unha cruz e pináculos. Porta de
acceso en arco.


CAPELA DE SAN MARTÍN DAS CAÑADAS
En
San Martín das Canadas, parroquia do Mosteiro. Planta rectangular
cuberta en lousa a dúas augas. Pórtico sobre trabes de madeira. Entre varios centos de documentos que nos cedeu Hugo Pardo-Vivero Vilares, atopamos a escritura da fundación desta ermida, mandada erixir no ano 1691 polo matrimonio formado por Bartolomé Rodríguez de Barcia y Rosón e Agustina de la Torre y Prado, baixo a advocación da Purísima Concepción de Nosa Señora e de San Bartolomeu e San Agustín. Na escritura fundacional e en anexos dos anos 1795, 1803 e 1819 fálase, ademais de quen poderían acceder á condición de capelán da ermida, das rendas necesarias para a súa dotación e mantemento, relacionándose un gran número de doazóns, "a perpetuidad", provenientes dos froitos das árbores, viñas, leiras, prados, etc., propiedade do matrimonio e dos seus descendentes.
CAPELA DO SAN MATEO DE SEIXAS
En
Seixas, parroquia de San Román de Cervantes. Sen valor arquitectónico,
ten planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. No interior talla
do San Mateo do século XVIII.
CAPELA DE SAN MIGUEL DE VILALUZ
En
Vilaluz, parroquia do Castro. Situada na parte alta da aldea.
Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por unha cruz de ferro.
CAPELA DE SAN MIGUEL
En
San Miguel, parroquia de Vilarello. Planta rectangular cuberta en lousa
a dúas augas. Pórtico sobre dous piares, hoxe en día substituídos por
formigón. Cuberta en lousa a tres augas. No interior imaxe barroca de
San Miguel.
CAPELA DE SAN ROMÁN
En
San Román de Cervantes. Capela de planta rectangular adosada a unha
vivenda, cuberta en lousa a dúas augas. Carece de espadana. Contáronnos
que na ermida apareceu unha pedra, hoxe en día desaparecida, que tiña
unha inscrición onde se podía ler a data de 1081 e o nome Froyla. Tamén
se di que eiquí estivo unha ara romana que na actualidade se atopa na
casa dun veciño.
CAPELA DO SAN ROQUE DE TRABADO
En
Trabado, parroquia de Cereixedo. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Cabido formado pola prolongación dos muros laterais. Pequeno retablo presidido polo San Roque. Na festividade celébrase procesión.
CAPELA DO SALVADOR DE VILARELLO
En
Vilarello, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Frontis esbelto con porta en arco de medio punto. Espadana
dun van. No interior conserva un retábulo.
CAPELA DE SANTA CATARINA DA PENA TALLADA
No
Fabal, parroquia de Vilasante. Desaparecida, atopábase no castro de
Pena Tallada. Segundo información achegada por Tito Fernández de Témez, a imaxe foi trasladada ao pazo do Fabal no ano 1726 ao
seren derrubada a antiga ermida.
CAPELA DE SANTA CATARINA DE VIMIEIRO
No Vimieiro, parroquia de Vilarello. Planta rectangular co testeiro
semicircular. Pórtico formado pola prolongación dos muros laterais.
Imaxes de varios santos.
CAPELA DE SANTA MARTA
En
Santa Marta, parroquia de Cereixedo. Capela moderna construída con
bloques, cuberta en lousa a dúas augas. Ten un pequeno pórtico na zona
da entrada con dúas columnas de formigón. Sen interese artístico.
CAPELA DE SANTA TAREIXA DE VALGOS
En
Valgos, parroquia da Ribeira. Particular, forma parte da coñecida como
Casa Grande. Ten un acceso dende o exterior da casa. No exterior só
destaca a espadana dun van con campá.
CAPELA DE SANTA OLAIA DE VILADEITE
En Viladeite, parroquia de Vilapún. Non se conservan restos, desapareceu hai uns cen anos. Nunha casa da aldea aínda se conservan algunhas imaxes.
CAPELA DE SANTIAGO DE CASTELO
En
Castelo, parroquia de Donís. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas
aguas. Frontis con espadana dun van coroada por pináculos. Portada con
arco de medio punto e relevo de tres estrelas, con dúas ventás
laterais.
CAPELA DE OLMOS
En Olmos, parroquia de Vilaquinte. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Ao seu carón pequeno cemitetrio.
CAPELA DE SANTIAGO DE CORNEANTES
En
Corneantes, parroquia de Donís. Capela de planta rectangular cuberta en
lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos e unha cruz.
Figura a data de 1807.
Nas
inmediacións, ao ampliar a estrada local, saíron á luz varias tumbas
medievais realizadas con laxes de lousa. Dixéronnos que no seu interior
había restos humanos completos.
CAPELA DE SANTO ANDRÉ DE CELA
En
Cela, parroquia de Cereixedo. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Pequena espadana dun van con campanil.
CAPELA DO SANTO ESTEVO DE BOLOIS
En
Bolois, parroquia do Mosteiro. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Cabido formado pola prolongación dos muros laterais.
CAPELA DO SAN XOÁN DE DRADA
En
Drada, parroquia da Ribeira. Planta rectangular cuberta en lousa a tres
augas. Cabido formado pola prolongación dos muros laterais.
CAPELA DO SAN XOÁN DE VILAR
En Vilar, parroquia de Donís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por pináculos.
CAPELA DO SAN FELIPE DE VALGOS
No lugar coñecido como A Valiña, no monte de Valgos, parroquia de A Ribeira, había unha ermida posta baixo o padroado do San Felipe. Na actualidade non quedan restos. Contáronnos que á capela de Santa Teresa asistían as persoas pudientes, e á de San Felipe as persoas con menos recrusos.
CAPELA DO SAN XUSTO DE VILARGUITE
En
Vilarguite, parroquia de Vilapún. Capela de planta rectangular en mal
estado de conservación e inzada de maleza. No interior imaxes de San Xusto e San Pedro.
CAPELA DA VIRXE DAS CANDEAS DE LAMAS
Ermida de planta rectangular con espadana de dous vans. Adro cemiterio ao redor.
CAPELA DE SAVANE
En
Savane, parroquia de Quindous. A capela pertenceu á coñecida como Casa
Grande, desaparecida e convertida nunha nave para o gando e unha nova
planta non tradicional nin na tipoloxía nin nos materiais. A capela está
construída en pedra de xisto. Ten planta rectangular cuberta en lousa.
Campanil dun van na fachada principal.
CRUCEIRO NA CAMPA DA BRAÑA
Moderno. Data do ano 1995.
A CASA DA CRUZ
Na Veiga do Seixo, onde na actualidade se levanta unha casa propiedade dos antepasados do noso informante, había unha cruz porque no sitio mataran a un home. (Información achegada por Sergio Núñez Cubero).

PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA
IGREXA DE SAN MIGUEL DE BARCIA
Situada
xunto o río Navia, foi construída en lousa e pedra calcaria. Presenta
planta rectangular con teito de lousa a dúas augas. A porta principal
está cuberta por un tellado sobre armazón de madeira e sobre ela ábrese
un óculo. Ten unha espadana de dous vans. A ábsida, de estilo románico,
data do século XIII, máis baixa ca nave conserva uns sinxelos canzorros.
No interior conserva
retábulos dos séculos XVII e XVIII. Bóveda con pinturas murais que representan a Gloria celestial presidida pola Trinidade, con María e o Bautista a ambos os lados, Adán e Eva, e as almas dos Benaventurados. Destaca un anxo-músico, un putti (anxo con cara de neno), cun instrumento de corda. Debaixo, representación da Última Cea, incompleta (está tapada), onde se ven tres Apóstolos sentados á mesa.
No mes de maio de 1898 os xesuítas celebraron unha misión.

IGREXA DE SANTA MARÍA DE CABANELA
Do
século XVII. Ten planta de cruz latina cuberta en lousa. Trátase dun
amplo templo encuberto por outras construcións anexas. A cúpula con
lanterna a catro augas. Fronte con portada alintelada á que se accede por medio dun pórtico cuberto en lousa a tres augas. No interior conserva unha fermosa pía bautismal que pola tipoloxía debe ser obra do mesmo autor que fixo a da igrexa de Galegos (foto cortesía de Julia González Alonso). Ao cemiterio accédese por unha porta aberta no pórtico.
IGREXA DE SANTIAGO DE CASTAÑEDO
Templo
dunha nave cuberta en lousa a dúas augas. Espadana de dous vans á que
se accede a través dunha escaleira exterior. Un cabido a tres augas
protexe a entrada principal. No interior retábulos renacentistas.
IGREXA DE SANTA EUFEMIA DE FOLGUEIRAS
Igrexa
de estilo rural situada ás afóras do núcleo de poboación, non camiño
que vai cara o castro de Folgueiras. Nave cuberta en lousa a dúas augas.
Presbiterio cuberto a tres augas na mesma liña ca nave pero máis
elevado. No muro dereito ten un alpendre cuxo teito é prolongación do da
nave, apoiado en columnas de madeira. Espadana de dous vans. Foi
recebada.
IGREXA DE SAN PEDRO DE FREIXÍS
Templo sinxelo, revestido ao exterior. Nave a dúas augas teitada con lousa. Espadana de dous vans. Sen interese artístico.
IGREXA DE SANTIAGO DE GALEGOS
Do
século XVII. Ten planta de cruz latina e cruceiro de cúpula. A nave é
máis baixa ca o resto da fábrica. Porta de medio punto. Espadana de dous
vans. Segundo información achegada polo investigador Xosé Troiano Carril, as dúas campás foron fundidas por Antonio Blanco Lemos de Monforte de Lemos. Sancristía no lado norte do presbiterio. Varios retábulos no
interior.
IGREXA DE SANTIAGO DE MOIA
Nave
a dúas augas e corpo central a catro augas cubertas en lousa. Porta de
acceso alintelada. No interior consérvanse varias pinturas. Nun lateral vese o relevo dunha custodia coa inscrición: "Año Santo de 1875".
IGREXA DE SAN SALVADOR DE MOSTEIRO
De orixe
románica, presenta unha planta rectangular cuberta en lousa a dúas
augas, con ábsida á mesma altura. Ao interior accédese por un cabido con
tellado de lousa cuberto a tres augas que apoia sobre catro columnas.
Como remate da fachada disponse unha espadana de dous corpos, con dous
vans no inferior e un no superior. Nun lateral do templo vense os banzos
dunhas escaleiras polas que antigamente se subía á espadana.
IGREXA DE SAN XOSÉ DE MUÑÍS
Construción moderna. Planta cadrada con muros chapados en pedra.
IGREXA DE SANTIAGO DE PENAMIL
De finais do século XVII ou
principios do XVIII, levantouse sobre un primitivo castro. As paredes son de xisto e está cuberta en lousa a dúas augas. O presbiterio é máis
alto ca nave. Polo sur ten unha pequena nave lateral, e no lateral norte a
sacristía e unha capela. Espadana de dúas troneiras, con campás do ano 1909; segundo nos achegou o investigador Xosé Troiano, foron feitas no obradoiro de José María de La Sota, de Lugo. No
interior vese un sinxelo retábulo principal cunha imaxe moderna, en xeso, de
Santiago Apóstolo montado a cabalo. Nas capelas laterais había outros retábulos
que, segundo nos contaron, foron vendidos, xunto con algunhas tallas, por un
antigo párroco. Conserva dúas modestas pías de xisto, unha para a auga bendita
e outra máis grande para os bautismos. O chan é de madeira. O cemiterio
desenvólvese ao redor do templo, actuando como adro.

IGREXA DE SANTA MARÍA DE PIN
Situada
na parte baixa do pobo. Nave de planta irregular. Presbiterio, cuberto a
catro augas, é máis alto e estreito ca nave. A espadana, á que se
accede por unhas escaleiras exteriores, está na fachada principal e ten
dous ocos para as campás e un óculo superior; na parte posterior está
cuberta por un tellado teitado, coma o resto do templo, de lousa.
Adro-cemiterio ao redor.
IGREXA DE SANTA MARÍA MADALENA DA POBRA DE NAVIA
Na capital municipal. Do século XX.
IGREXA DE SANTIAGO DE QUEIZÁN
Igrexa
dunha nave de planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. A porta
de acceso está protexida por un cabido. Espadana de dúas troneiras e
pináculo triangular. Pezas neoclásicas no interior. Engadíronlle un antiestético "pórtico" de bloques".
IGREXA DE SANTA MARÍA DE RAO
Presenta
unha nave rectangular cuberta a dúas augas. O presbiterio cúbrese cunha
bóveda redonda sobre catro arcos. Na fachada principal está a porta de
entrada, con arco de medio punto, unha fornela e un óculo, rematada por
unha espadana de dous corpos e dous vans no inferior.
No interior conta
con retábulos de gran valor datados entre os séculos XV e XVIII, os do século XV procedentes da desaparecida igrexa que se atopaba no lugar da Eirexe onde se construíu o novo cemiterio.
No mes de marzo de 2015, o Bispado de Lugo arranxou o muro que arrodea a igrexa e o teito para evitar filtracións.
Nas inmediacións do templo atópase o coñecido como Castiñeiro das Cruces sobre o
que era costume cravar unha cruz de madeira cando pasaba un enterro polo
camiño cara o cemiterio parroquial. Segundo nos achegou o etnógrafo e
historiador Clodio González Pérez, entre Murias e Robledo, na baixada
cara o río Balouta, había outro castiñeiro adicado ao mesmo fin. E outro
máis entre Meda e Rao. Segundo sinala
González Reboredo, marcábase simbolicamente a saída do defunto da súa
comunidade camiño do universo máis extenso da parroquia. (Foto de Walter Ebeling a principios dos anos trinta do pasado século XX).
IGREXA DE SANTO ESTEVO DA RIBEIRA
Da igrexa parroquial, desaparecida, só existen imprecisas referencias, o mesmo que o lugar exacto onde se atopaba o cemiterio. Os defuntos da parroquia lévannos a enterrar á de Sena, en Ibias (Asturias). O único edificio relixioso é unha capela particular situada na parte máis alta da aldea, construída, segundo figura nunha inscrición situada por riba da porta, no ano 1868.
IGREXA DE SANTA MARIÑA DE RIBÓN
Trátase
dunha sinxela construción de estilo rural galego dunha soa nave cuberta
en lousa a dúas augas. Ao interior accédese por medio dun cabido cuxa
cuberta asenta sobre unha armazón de madeira, apoiándose sobre columnas
de bloques de cemento. A espadana dun van está coroada por unha cruz e
pináculos, con campá do ano 1925. A reitoral, situada nas inmediacións e na actualidade en ruínas, construíuse sobre un castro.
IGREXA DE SAN XOÁN DE SEVANE
De
estilo rural galego. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas.
Fronte con porta alintelada. Cabido na entrada lateral norte está protexida por un
alpendre. Espadana dun van cunha campá, segundo o investigador Xosé Groiano Carril, feita no ano 1960 no obradoiro Murua de Vitoria. Retábulos no interior.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE SON
Situada
ás afóras do núcleo de poboación. Ten unha nave cuberta en lousa a dúas
augas. Presbiterio lixeiramente máis elevado. Espadana de tres corpos e
tres ocos á que se accede por unha escaleira exterior. Porta principal
en arco de medio punto, con óculo sobre ela. Alpendre apoiado sobre
columnas de madeira. Recebada. No interior retábulo barroco con columnas
salomónicas. Adro pechado.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE VALLO
Situada
na parte máis baixa do pobo. Igrexa de planta rectangular cuberta en
lousa a dúas augas. Cabido a tres augas. Espadana dun van.
Adro-cemiterio ao redor.
IGREXA DE SANTO ESTEVO DE VILARPANDÍN
Posúe
tres naves, con presbiterio na cabeceira e dúas sancristías acaroadas
ás naves laterais. Construída en cantería e cuberta a dúas augas; o
presbiterio, con cuberta a catro augas, é máis alto ca nave. Na fachada
disponse unha espadana de dous vans con dúas campás coa inscrición "1960"; segundo o investigador Xosé Troiano Carril, as campás foron fundidas no ano 1742. No seu
interior conserva algunhas tallas dos séculos XV e XVI.
Na entrada ao
adro hai un fenomenal pradairo branco citado no Inventario de árbores senlleiras de Galicia (1985).

CAPELA DO SANTÍSIMO DE MERA
Na
parroquia de Barcia. Do século XVI. Construída en cachotaría de xisto.
Porta alintelada cuberta por unha sinxela cuberta. Espadana dun van
rematada en frontis. Cuberta en lousa a dúas augas.
CAPELA DO SAN BERNABEU DE FREIXEIRO
Na parroquia de Cabanela. Cuberta a dúas augas. Soportal. Espadana dun van.
CAPELA DE SAN RAMÓN DE FIGUEIRA
En
Figueira, parroquia de Cabanela. Totalmente arruinada dende hai uns cincuenta anos. Tiña planta rectangular cun pórtico protexendo a entrada.
CAPELA DE SAN AFONSO DE BUSTO
En Busto, parroquia de Cabanela. Ermida totalmente arruinada e cuberta pola matogueira.

CAPELA DE SANTA LUCÍA DE COEA
Na parroquia de Castañedo. Cuberta a dúas augas en lousa. Muros de laxes de xisto. Espadana dun van. Bo estado de conservación.
Segundo a lenda, os veciños atoparon unha imaxe da Madanela, a seguidora de Xesús, nun monte próximo e leváronna para a aldea, pero á mañá seguinte comprobaron que non estaba. Foron de novo ao monte e alí a viron, mais, cada vez que a trasladaban para o pobo, volvía desaparecer. Foi entón cando lle fixeron a capela.
CAPELA DA ASUNCIÓN DE LENCIAS
Na parroquia de Castañedo. Cuberta en lousa a dúas augas. Ten un pequeno cabido prolongación dos muros. No lugar coñecido como A Fonte do Mendo recolléronse referencias orais sobre a existencia dunha necrópole, posiblemente medieval, que foi alterada polos labores agrícolas. Ao parecer levantáronse lousas de gran tamaño.
CAPELA DA VIRXE DOS REMEDIOS DE VILAVERDE
Na parroquia de Folgueiras. Separada do núcleo de poboación, na parte alta do terreo. É de planta rectangular, cuberta a dúas augas. Espadana dun van. Pequeno cabido formado pola prolongación dos muros cuberto a unha auga.
CAPELA DE SEÓN
Na parroquia de Freixís. Semiarruinada. Muros de xisto con cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van sen campá.
CAPELA DO SAN BRAIS DE VILARGOIDE
Na
parroquia de Galegos. Construída en cachotaría de xisto. Cuberta en
lousa a dúas augas. Porta en arco de medio punto. Pequeno cabido. No
interior un pequeno retábulo rehabilitado.
CAPELA DE PARADELA
En
Paradela, parroquia de Galegos. Ten planta rectangular e espadana dun
van con campanil coroada con pináculos. Cuberta en lousa a dúas augas.
Recebada. No interior retábulo con varias imaxes.

CAPELA DE QUINTÁ
Na parroquia de Moia. Foi destruída cando arranxaron os camiños polos anos sesenta do pasado século XX. Un veciño contounos que o xefe da empresa encargada de reparar os camiños levou canda el o campanil da ermida. Tiña varias imaxes que podreceron.
CAPELA DE VENTOSA
En Ventosa, parroquia de Moia. Desaparecida. Segundo información achegada por Bruno Pumares, seu avó contaba que incluso contaba con cemiterio. A súa campá, ao tanxer, alonxaba as treboadas.
CAPELA DE MARCELÍN
Na parroquia de Mosteiro. Construída en xisto. Cuberta en lousa a dúas augas. Cabido prolongación dos muros.
CAPELA DE ABRENTE
Na parroquia de Mosteiro. De planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van. Cabido cuberto a tres augas. Nas inmediacións atopáronse unhas tumbas medievais feitas con laxas.
CAPELA DA VIRXE DAS NEVES DE SINADA
Na parroquia de Mosteiro. Capela de planta cadrada con cuberta de lousa a tres augas e pequeno cabido á entrada onde se ve un pequeno cammpanil. Acabado enfoscado e pintado. Cuberta a tres augas. Ao seu carón consérvanse os alicerces da primitiva ermida. E case nula a documentación que atopamos sobre ela, pero si abunda a microtoponimia: A Ermida, Searo da Capilla, Tallos da Capilla, Monte da Capilla, Canto da Capilla ou Leira da Capilla.
CAPELA DE NOSA SEÑORA DAS CANDEAS DE MOLMEÁN
Na parroquia de Mosteiro. Moi alterada pola construción dunha casa. Apenas se recoñece.
Na parroquia de Muñís. Acaroada a unha casa. Construída en xisto. Cuberta en lousa a dúas augas.
CAPELA DOS REMEDIOS DE VILARANTÓN
Na
parroquia de Muñís. Muros de pedra revestidos e caleados. Cuberta a
dúas augas en lousa. Espadana dun van rematada por unha cruz. Pórtico a
tres augas protexendo a entrada. Nun lateral figura a seguinte inscrición: "DEBOTOS DE LA BIRGEN DE LOS ROMEDIOS".
CAPELA DE SAN PEDRO DE FONTELA
En
Fontela, parroquia de Muñís. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas
augas. Na fachada principal, sobre a porta de entrada, espadana dun
van. Recebada. Preto érgue unha espadana
exenta.
CAPELA DO SANTO ANTÓN DE VILAGONCIDE
En
Vilagoncide, parroquia de Pin. Construída en xisto, ten planta
rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Na fachada principal pequena
espadana con campanil.
CAPELA DE MAZAIRA
Na
parroquia de Pin. Capela con muros de xisto cuberta en lousa a catro
augas. Pórtico sustentado pola prolongación dos muros da nave. Tres
chanzos de acceso.
CAPELA DE LIÑARES
En
Liñares, parroquia de Queizán. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Pórtico aberto protexendo a entrada. No tellado érguese unha
cruz de mármore.

CAPELA DO SANTO ANDRÉ DE MÉIXAMO
Na parroquia de Queizán. Do século XVIII. Capela rústica cuberta a catro augas, con pequeno pórtico de acceso. Espadana dun van. Segundo información do investigador Xosé Troiano, a campá parece que foi feita por Francisco Blanco Palacio en Mondoñedo no ano 1814.
CAPELA DO SANTO ANTÓN DE VILARGUENDE
En Vilarguende, parroquia de Queizán. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coronada cun pináculo.
CAPELA DO SAN DONATO DE MURIAS
En Murias, parroquia de Rao. A primitiva ermida desapareceu, na actualidade trasladouse á antiga escola.
CAPELA DE CORO
En
Coro, parroquia de Rao. Data do ano 1884. Cóntase que a imaxe de Santa
Mariña baixaba dende a Braña de Vilarmundín ata que os veciños lle
construíron a ermida.

Na parroquia de Rao. Situada a carón dunha casa entre camiños. Cuberta a dúas augas e estrutura de madeira. Pórtico formado polos muros laterais saíntes.
CAPELA DE BECERRAL
Na parroquia de Rao. En ruínas. Tan só se aprecian os restos dos muros laterais e parte da carpintería e estrutura de madeira.
CAPELA DO CEMITERIO DE RAO
Capela de reducidas dimensións situada no interior do vello cemiterio parroquial. Muros de xisto con restos de caleado nas fachadas. Cuberta en lousa a dúas augas. Por riba da porta de madeira vese un pequeno óculo.
CAPELA DE ROBLEDO
Na parroquia de Rao. Situada nun cruce de rúas entre varias casas. Con voadizo sobre muros saíntes.
CAPELA DE TRASERRA
Na parroquia de Rao. Planta rectangular, cuberta en lousa a dúas augas.
CAPELA DE SANTO ESTEVO DA RIBEIRA
Na parroquia da Ribeira. De pequenas dimensións, conta cun fronte sinxelo. Muros laterais con restos de caleado. A espadana desapareceu.
CAPELA DA INMACULADA DE RIBÓN
Na parroquia de Ribón. Cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van cunha pequena campá con figuras orantes.
CAPELA DE MURIAS DO CAMÍN
Nos Interrogatorios do Catrastro de Ensenada de 1752, cítase como límite entre as parroquias de Ribón (Navia de Suarna) e Vilaquinte (Cervantes) o Marco da Ermida. No sitio consérvase o topónimo A Ermida e Camiño da Ermida. Non quedan restos.
CAPELA DO SAN ANTÓN DAS CASAS DO RÍO
Na parroquia de Son. Cuberta en lousa a dúas augas. Fronte caleado. Espadana dun van.
CAPELA DE CERREDO
Na parroquia de Son. Cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van coroada por unha cruz.
CAPELA DE ROBLEDO
Na parroquia de Son. En xisto. Cuberta en lousa a dúas augas. Campanil de cemento, construído, segundo se ve nunha inscrición, no ano 1981. Pequeno soportal formado pola prolongación dos muros laterais. Grande escalinata de acceso. Na parte posterior apréciase unha porta tapiada con arco de medio punto feito con laxes; contáronnos que era a primitiva entrada á ermida que, segundo o párroco, é a máis antiga da contorna.
CAPELA DE ACEVEDO
Na parroquia de Vilarpandín. De forma rectangular construída en cachotería de xisto. Foi destruída despois do 2010 cando a ampliación da estrada. Só conserva parte do muro posterior. Os veciños gardaron as imaxes.
CAPELA DE NOSA SEÑORA DE VIRIGO
Na
parroquia de Vilarpandín. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas
augas. Presbiterio máis elevado a catro augas. Espadana dun van.
PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE AS NOGAIS
IGREXA DE SANTA MARÍA DA ALENCE
A
parroquia creouse durante a reforma do ano 1891. A igrexa, do século XIX, foi construída sobre
unha antiga capela posta baixo o padroado de San Adrao. Ten planta
rectangular e espadana de dous vans. No interior un retábulo sinxelo de
estilo neoclásico con motivos barrocos. Talla do San Adrao.
Adro-cemiterio ao redor.
IGREXA DE SANTIAGO DE DONCOS
Templo
consagrado no ano 1610 con restos románicos do século XII, sufragado polos
devanceiros do conde de Ayala e Monterrei, señores de Doncos. Ten planta
rectangular con nave cuberta en lousa a dúas augas, presbiterio de
maior altura con bóveda de aresta. No interior, retábulo maior coa imaxe
de Santiago Peregrino. A imaxe orixinal do patrón desapareceu a finais
dos anos sesenta do pasado século. A capela lateral posúe unha
inscrición do ano 1628 e ten un arco rebaixado, bóveda de canón e un
retábulo barroco no interior. No ano 1809, a raíz do asalto das tropas
napoleónicas á vila, sufriu grandes danos. O cemiterio parroquial
arrodea o templo. A torre acolle un reloxo colocado no ano 1904, sen
motor ao que lle hai que dar corda todos os días e cun sistema que axuda
a predecir os fenómenos meteorolóxicos. Cando hai máis dun século lle
ofreceron aos veciños de Doncos a traída da auga ou o reloxo, optaron
polo segundo. Durante moitos anos estivo adiantado cinco minutos para
evitar que os veciños perderan o autobús.

IGREXA DE SAN XOÁN DE NOCEDA
Fundada
pola casa-fortaleza de Noceda, situada en fronte. A súa orixe podería estar nun antigo templo románico. Os da casa
conservaban o dereito de presentación de curato. Presenta tres naves con
cubrición de lousa. No frontis está a porta de entrada ás naves
laterais. A torre ten dous corpos con catro e oito vans respectivamente.
Adro-cemiterio ao redor. Na actualidade atópase por baixo do nivel do
camiño que cos anos foi ganando altura. Segundo a lenda, as campás teñen
sona de alonxar os lóstregos.
A casa reitoral é de planta cadrada a base de muros de cachotería revocados e pintados; mantén a carpintería orixinal nas portas de acceso, o resto foron substituídas por carpintería de aluminio.
IGREXA DE SANTO ANDRÉ DAS NOGAIS
Toda a información na parte dedicada aos mosteiros.
IGREXA DE SANTA MARÍA MADANELA DAS NOGAIS
Construída no ano 1858. Ten planta rectangular con nave, presbiterio e sancristía. Cuberta a dúas augas, con tellado de lousa sobre armadura de madeira. Porta lateral alintelada. Conserva unha imaxe de María Madalena do século XVIII procedente dun retábulo desaparecido. No Museo Diocesán de Lugo consérvase un crucifixo prerrománico con trazas bizantinas.
Segundo noticia recollida o día 2 de agosto de 1922 polo xornal El Compostelano, ao ir dicir misa o cura párroco, don Crisanto Suárez Fernández, viu que a porta da igrexa fora violentada. En compañía de varios fregueses entrou no interior, comprobando que levaran un copón, un colar de "doublé", un rosario, tres petos para as esmolas con cartos, un portaviático de prata e uns pendentes de ouro. As Sagradas formas foran profanadas. Os petos abertos foron atopados nas inmediacións pero sen cartos, e tamén a rella dun arado, ferramenta que ao parecer utilizaran os ladróns para forzar a porta. Non se soubo quen foron os autores.
IGREXA DE SAN COSME DE NULLÁN
Renacentista,
reformada no ano 1623. Ten aspecto de fortaleza. A súa disposición é
pouco habitual xa que abre tres pórticos correspondentes a outras tantas
naves que, ao mesmo tempo, están protexidas por dous cabidos abertos
que gorecen as portas de acceso. É de planta de cruz latina, con bóveda
de aresta nas naves laterais, e de canón na central. No interior posúe
pinturas murais na bóveda central e varios retábulos, o maior
renacentista. Algunhas estatuas do templo tiñan as súas propias rendas,
tal como nolo achega un testamento do crego Pedro de Arrojo que mandara
edificar unha torre da casa reitoral. A reitoral, arruinada (só se conserva un muro), constaba de dous andares.
Consérvase un vello cadaleito onde transportaban ao mortos da parroquia con poucos recursos económicos do que achegamos dúas fotos, unha de hai uns trinta anos e outra actual.
IGREXA DE SAN PEDRO DE QUINTÁ
Situada en Santalla, parroquia de Quintá. Orixe no século XIX. Sufriu un incendio no ano 1927, e foi restaurada no 1982. Posúe unha nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana rústica de dous vans e frontón triangular. Protexe o acceso un porche-cabido de tres arcadas de medio punto. O presbiterio é máis elevadado ca nave. A sancristía está no lateral norte. Adro-cemiterio ao redor. No interior custodia unha copa cunha inscrición que di: "Este copón mando haser el Lic. Ciprián Vázquez. Año de 1686".
IGREXA DE SAN XOÁN DE TORÉS
Érguese
preto do arruinado castelo medieval. Posible orixe baixomedieval. O templo actual é do século XVII, de marcado aire
renacentista, consta de tres naves e frontis protexido por un pórtico.
No lintel dunha porta figura unha inscrición datada no ano 1648, sendo
párroco Bartolomé Gómez Pozo, e noutra lateral unha do ano 1715. No
interior consérvase un interesante retábulo barroco coa imaxe do patrón
San Xoán Bautista que López Pombo cre obra de Francisco de Moure. Na
bóveda do presbiterio consérvanse unhas pinturas murais con tres medallóns que representan o Agnus Dei, Santa Catarina e unha escea do Nacemento; entre os medallóns vense as cabezas duns anxos. Tamén se poden ver uns sepulcros e
labras heráldicas dalgunhas familias fidalgas de Torés e dous panteóns
situados na capela maior que corresponden a un cabaleiro en posición
xacente e unha muller dos Ribadeneira, representativos da escultura
funeraria galega do século XVI ou principios do XVII. O templo custodia
varias pezas de ourivería dos séculos XVII e XVIII, entre outras unha cruz procesional e unha
custodia coa inscrción: "Diolo don Pedro Bolaño señor de Torés y Junqueras. Año 1667". O retábulo maior é barroco, pintado e dourado entre os anos 1766 e 1787. No mes de marzo de 2015, a Deputación Provincial e o Bispado de Lugo asinaron un convenio para restaurar o retábulo maior.
No Arquivo Diocesán de Lugo gárdase diversa documentación, entre outra un libro de fábrica con interesantes datos, entre eles un do ano 1811 no que se dá conta do deficiente aspecto que presentaba o templo despois do paso das tropas napoleónicas no ano 1809.
Segundo o Catastro de Ensenada do ano 1752, o cura párroco Carlos Osorio percibía décimos maiores e menores de Riomao, Quintela, Fillobal, As Cruces, A Alence, Pando e Vilarín, e a oitava parte dos que pagaban os veciños de Rodís, Estacas, Meizarán e Fulgueiras, dos que unha parte ían para o rei por subsidio de escusado, outra para o visitador xeral do bispado de Lugo, e outra parte para o arcediago de Triacastela por razón de loitosa, mantendo ademais un vigairo para axudar á administración dos seus curatos.
A casa reitoral atópase en situación de semirruína. Conserva alteración con ladrillos á vista. Salienta unha porta de acceso con arco alintelado.
IGREXA DE SAN XOÁN DE VILAICENTE
O
conxunto de tallas e retábulos que conserva no interior son do século
XVII. No interior pódese ver unha pedra armeira dos Neira, Bolaño, Balboa e Becerra (antes do seu traslado estaba fóra, xunto a porta de entrada). Fronte con porta alintelada protexida por unha amplo arco que fai de cabido e de estribo para soster as terras da parte de ponente, solución que resulta moi orixinal. Espadana dun van. O retábulo maior é barroco, consta dun corpo e ático con catro columnas salomónicas con racimos. Ten tamén un retábulo nunha capela lateral.
No cemiterio parroquial que cincunda o templo repousa
Antonio Becerra Chao que lle extraeu, a mediados do século XIX nun
mesón das Nogais, unha moa á raíña Isabel II. Debido a isto, o home, que
exercía como curandeiro, foi nomeado Caballero Cubierto da Real
Orde de Isabel a Católica o día 26 de outubro de 1858, é dicir, gozaba
do privilexio de non quitarse o sombreiro diante do rei.
No cemiterio
tamén está enterrado Gonzalo Becerra Souto, morto no ano 1976, loitador
antifascista; na súa lápida lese: "Perseguido por sus ideales".
CAPELA DE SAN ANTÓN DE VILAVEXE
En
Vilavexe, na parroquia de Santo André. De planta rectangular con nave e presbiterio. Construída en pedra e cuberta en lousa a dúas augas. Coroada por un pequeno campanil. As imaxes do interior son de escaso valor artístico. A festa celébrase o 17 de
xaneiro e o 13 de xuño. Algúns devotos seguen ofrecendo produtos
derivados do cocho que se poxan ao rematar os oficios relixiosos.
En
Forcas, parroquia de Nullán. Houbo unha ermida posta baixo a advocación
de San Antonio. Non quedan restos. Na casa do Pombo consérvanse o
retábulo e varias tallas. O documento fundacional consérvase no Arquivo do Bispado de Lugo.
CAPELA DE SAN MARTIÑO DE VILARÍN
Pequena construción a dúas augas cuberta con lousas de xisto. No interior conserva unha talla de San Martiño de Tours.
CAPELA DO PAZO DE DONCOS
No interior do Pazo de Doncos. Século XIX.
CAPELA DE SAN PAIO DE ESPARIZ
En
Espariz, parroquia de Doncos. Século XIX-XX. Sen interese artístico. Sufriu unha lamentable restauración por
parte dun cura de nome don José. A simple vista carece de calquera
elemento que o identifique cunha ermida.
CAPELA DE SANTA MARIÑA DE SEBRÁS
En Sebrás, parroquia de Doncos. Capela en ruínas. Planta rectangular con muros de cachotería. O cabido está formado pola prolongación dos muros laterais. Carece de imaxinería.
CAPELA DE SAN PEDRO
En San Pedro, parroquia de Noceda. Planta rectangular cuberta en lousa a dúas augas. O cabido é unha prolongación dos muros laterais.
CAPELA DE SANTA OLAIA DE CASTELO
En
Castelo, parroquia de Doncos. Sitúase no interior do cemiterio
parroquial, sobre un primitivo castro. Substituíu a outra máis antiga.
Sen interese artístico.
CAPELA DO SAN XOÁN
Segundo nos achegou Abel Iván Arias Alba, entre a aldea de Vilar e Santo André hai un lugar coñecido como Campa do San Xoán onde había unha capela da que non quedan restos. Sábese que era de planta rectangular, cunha superficie de entre 30 e 40 metros cadrados; no interior albergaba as imaxes de Santa Isabel, Santa Inés e San Xoán que a finais do século XIX ou primeiros do XX foron trasladadas á parroquial de Santo André, situadas á dereita do altar maior. Na Campa do San Xoán facíase unha fogueira o día 24 de xuño.
CAPELA DO SAN ROQUE DA LAGÚA
Na Lagúa, parroquia de Santo André. Sen interese artístico. Planta cadrada cuberta en lousa a dúas augas. Sobre a entrada álzase un pequeno campanil.
CAPELA DE VILAESTEVA
En Vilaesteva, parroquia de Torés. Posible orixe baixomedieval. Construída con pedra calcaria, agás no lintel da porta e nas xambas e nas dúas ventás a carón da porta que é de granito. Os muros laterais sobresaen para formar un pórtico cuberto. Ábsida semicircular. Espadana dun oco que tivo un pequeno campanil que foi substiuído por unha campa contruída no ano 2000. Ao roturar as terras apareceron tumbas de laxes de lousa baixomedievais que foron destruídas.


PATRIMONIO RELIXIOSO DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO
IGREXA DE SANTA MARÍA A REAL DO CEBREIRO
Información na parte dedicada aos mosteiros.
IGREXA DE SAN XOÁN DE FONFRÍA
Do
século XVI. Sufriu varias reformas, sendo a máis importante no ano
1964. Consta dunha nave rectangular con muros de pedra, cuberta en lousa
e espadana de tres vans. A sancristía atópase nun lateral da nave. No
interior acolle un retábulo con diversas tallas. Atópase no Camiño
Francés a Santiago de Compostela.
En tempos houbo eiquí un hospital de peregrinos que dependía do convento do Sancti Spiritus de
Melide, e que fornecía aos camiñantes de lume, auga, sal e cama con
dúas mantas, e aos doentes, ademais, con ovos, pan e manteiga.
O
pobo debe o seu nome a unha fonte que aínda existe, situada fronte da
igrexa parroquial, para aliviar a sede aos peregrinos (a antiga fonte
desapareceu, foi substituída por unha de cemento).

IGREXA DE SAN XOÁN DE HOSPITAL
Orixe
no século XII. Foi filial do Cebreiro. A fundación que dá nome á
parroquia atribúese á condesa Egilo, esposa do conde Gatón. Ten unha
nave de planta de cruz latina. Está realizada con muros de cadeirado e
tellado cuberto de lousa. Conta cunha torre porticada que dá acceso ao
templo, e coroada por unha cruz de Santiago. Ao campanario accédese por
unha escaleira exterior. No mes de agosto de 1975 a igrexa sufriu o
roubo de dúas imaxes do século XVII; o feito foi denunciado polo
sacerdote que se atopou con que a porta fora forzada. Atópase no Camiño
Francés a Santiago de Compostela.

IGREXA DE SANTO ESTEVO DE LIÑARES
Xunto o Camiño Francés de Santiago. Orixe
no século XI, aínda que hai quen sitúa a súa fundación no ano 714.
Presenta unha nave de planta rectangular, muros de cantería e cuberta de
lousa a dúas e catro augas. A torre de tres corpos, situada na fachada,
actúa como frontis; o primeiro corpo constitúe un cabido que resgarda a
porta enmarcada por un arco de medio punto; o segundo, que acollen as
campás, ten catro vans, e o último está coroado por pináculos. No
interior conserva un retábulo maior de factura barroca. Na Idade Media
pertenceu ao mosteiro do Cebreiro ao que subministraba liño.

IGREXA DE SAN VICENTE DE LOUSADA
Nave
a dúas augas. Preside o acceso ao templo un amplo torreón cadrado de
tres corpos, con catro vans e dúas campás. A porta lateral está
protexida por un pórtico rústico con tres piares. Capela maior máis
elevada ca nave, cuberta en lousa a catro augas. No interior retábulo
maior neoclásico. Conserva varias imaxes, destacando unha da Virxe co
Neno do século XVI. Pía bautismal de mármore branca e cáliz de prata do
século XVIII.
IGREXA DE SAN XOÁN DE LOUZARELA
En
principio foi capela do Ecce Homo, sendo no ano 1845 cando pasou a
parroquial. Nave rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Sinxela
espadana de dous vans. Presbiterio máis elevado ca nave. Sancristía na
parte posterior do presbiterio. Posúe un amplo cabido con tres vans,
cuberto a tres augas. No interior retábulo de dous corpos, o inferior
con columnas barrocas. Imaxes do San Pedro, a Inmaculada, Virxe do
século XV, e San Sebastián. Pía bautismal de pedra calcaria.
A
festividade do Ecce Homo conmemórase os días 13 e 14 de outubro. Os
devotos dan voltas ao redor da imaxe para acadar a sua protección.
IGREXA DE SAN LOURENZO DE PACIOS
Ten
planta rectangular e torre cadrada de tres corpos. Nave cuberta en
lousa a dúas augas. Polo lado norte ábrese un recinto que serve de
pórtico de acceso ao templo, con arco de medio punto. Carece de fronte
xa que está adosado á coñecida como Casa do Señor, con acceso directo ao
interior e ao coro alto. Torre de planta cadrada de tres corpos.
Presbiterio na mesma liña ca nave. Sobre a ábsida apoia un portón de
entrada do patio dunha casa. Arco triunfal de medio punto. No interior
retábulo barroco do século XVIII, feito en madeira de nogueira
policromada, coas imaxes de San Lourenzo, San Xosé e Santiago, e Cristo
no cume. Dous retábulos laterais de factura barroca coas imaxes de Santa
Ana e a Virxe e o Neno do século XV.

IGREXA DE SAN XOÁN DE PADORNELO
Do
século XV. Houbo unha encomenda dos Hospitalarios de San Xoán de Malta.
Ten planta rectangular, muros de cadeirado e cuberta de lousa. A
entrada, cuberta, atópase nun lateral. Espadana de tres vans coroada por
unha cruz de Santiago. No interior pódese ver un retábulo barroco do
século XVI e varias esculturas. Atópase no Camiño Francés a Santiago de
Compostela.
Segundo a Historia Compostelana, do século XII, o pobo foi mercado para a mitra compostelá polo arcebispo Xelmirez.
IGREXA DO SAN ANTÓN DE PEDRAFITA DO CEBREIRO
Na capital municipal. Posúe unha ampla
nave cuberta en lousa a catro augas. A fronte está formada por unha
torre cadrada de pedra, con tres troneiras e un pórtico que protexe a
porta de entrada. No interior imaxes do San Antón, a Inmaculada do
século XVI, San Roque e Cristo.

IGREXA DE SANTA MARÍA MADALENA DE RIOCEREIXA
Nave
concuberta en lousa a dúas augas. No lateral sur presenta un pórtico
corrido ao que dan acceso dúas arcadas de medio punto unidas por un piar
central. Fronte de cachotería de lousa. Espadana de dous vans cunha
troneira superior. O presbiterio é máis alto ca nave. No interior
conserva un retábulo de pouco valor artístico. Imaxes de María Madalena,
Santo Anxo co Neno, San Antón e outra santa, todas do século XVIII. Na
sancristía unha talla da Virxe co Neno. Adro-cemiterio ao redor.
Contáronnos que non moi lonxe, preto dunha fonte, ao ampliar un camiño, apareceron tumbas feitas con lousas con ósos humanos no seu interior; foron destruídas.
IGREXA DE SANTA MARÍA DE VEIGA DE FORCAS
Construída
no ano 1668 por mandato do presbítero Pedro de Armesto. De planta
rectangular, cuberta en lousa a catro augas. No lateral esquerdo ábrese
unha arcada, hoxe en día cega, que servía de paso directo á casa dos
Armesto. Na fronte unha robusta torre de tres corpos, no inferior arcada
de acceso que fai de pórtico. Presbiterio máis elevado ca nave,
formando mesmo corpo ca sancristía. No interior retábulo do século
XVIII. Imaxes de Santa Lucía, San Francisco, Cristo, a Inmaculada e
outro santo, todas de estilo barroco. Cemiterio ao redor.
Nas inmediacións está a casa-torre de Veiga de Forcas, con dous escudos. Case destruída polo abandono hai poucos anos.

IGREXA DE SAN MARTIÑO DE ZANFOGA
De
planta rectangular, consta de tres naves. Portada en arco de medio
punto, con tímpano alintelado. Torre de dous corpos con cinco troneiras
na parte superior, cuberta en lousa a catro augas. Presbiterio máis
elevado ca nave. No interior retábulo maior barroco, dourado. Dous
retábulos máis nos laterais. Imaxe de Nosa Señora do Carme, e unha
representación do Inferno. Cruz parroquial de prata do século XVIII. No
adro conserva unha cruz de madeira e base de pedra.
No ano 1339, Era 1377 ("era de mill e trezentos e seteenta e sete annos, dezeoyto dias de abril", María Fernández testa a favor do mosteiro de Santa María de Montederramo a metade das herdades que posúe en San Martiño de Zanfoga. O testamento é autorizado polo notario público da Terra de Caldelas, Juan Pérez, na "Era de mil e CCCLXXVII annos, sesta feyra, vinte e quatro dias do abril".
Na
torre hai un escudo coa seguinte inscrición: "Esta obra la iço D Francisco Garido, comisario del Santo Oficio, siendo cura. Ano de 1680". A palma e a espada eran os emblemas da Inquisición.
CAPELA DOS MILAGRES DE BARXAMAIOR
En Barxamaior, parroquia do Cebreiro. Sinxela capela rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Espadana dun van. Regular estado de conservación. De Barxamaior era Xoán Santín, un dos protagonistas do coñecido como Milagre do Cebreiro, acontecido arredor do ano 1300.
CAPELA DO SAN ANTÓN DE FONTEFERREIRA
En
Fonteferreira, parroquia do Cebreiro. Sinxela capela de planta
rectangular cuberta en lousa a dúas augas. Pequena espadana dun oco com
campanil.
CAPELA DO SAN MIGUEL DE FOXOS
En
Foxos, parroquia do Cebreiro. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Porta de acceso rematada en arco de medio punto con tres
ventás rematadas tamén en medio punto. Espadana dun van.
CAPELA DE SAN BRAIS DE COTERCES
En
Coterces, parroquia de Liñares. Pequena ermida con
espadana dun van. Tivo un interesante banco e altar. Tiña un ben
traballado retábulo do que, nunha visita en xullo de 2017, non atopamos restos xa que o interior atópase en estado total de abandono. Teitáronna de novo hai poucos anos. Apegada a unha casa moderna.
CAPELA DE SAN BARTOLOMEU DE CHAN DE PENA
En
Chan de Pena, parroquia de Lousada. Capela de planta
rectangular con cuberta en lousa a dúas augas. No interior imaxes do
San Bartolomeu e Santa Bárbara. Pequena espadana dun van coroada por unha cruz de ferro.
CAPELA DE SANTA BÁRBARA DA RABACEIRA
Na
Rabaceira, parroquia de Lousada. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Pórtico de acceso formado pola prolongación dos muros
laterais. No crucel do tellado cruz de ferro. Sobre a porta da entrada
hai outra cruz de madeira. No interior imaxe de Santa Bárbara de feitura
barroca.
CAPELA DE SANTIAGO DE SANTALLA
En
Santalla, parroquia de Lousada. Capela de planta rectangular cuberta en
lousa a dúas augas. Pequeno pórtico a unha auga. A un dos muros
adosáronlle un alpendre moderno. No interior imaxes de Santiago
Peregrino e Virxe co Neno do século XVI.
CAPELA DE SAN MATÍAS DE TRABAZAS
En
Trabazas, parroquia de Lousada. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. No interior retábulo barroco en mal estado de conservación
coa imaxe de San Matías. Na parte posterior atópase o cemiterio.
CAPELA DE SANTA BÁRBARA DE VAL DE FARIÑA
En
Val de Fariña, parroquia de Louzarela. Planta cadrada con cuberta en
lousa a dúas augas. Pequeno pórtico formado pola prolongación dos muros
laterais da nave.
CAPELA DO SAN ANTÓN DO SEIXO
No
Seixo, parroquia de Pacios. Atópase algo enterrada á entrada do pobo.
Planta rectangular con muros de pedra caleados. Espadana dun van. Recebada con cemento. Tiña un retablo que, ao parecer, foi queimado.
CAPELA DO SAGRADO CORAZÓN DE SABUGOS
En
Sabugos, parroquia de Padornelo. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Pórtico que protexe a entrada. Espadana dun van. Carece de
imaxes.

CAPELA DO SANTO ANXO DA GARDA DE VILASOL
En
Vilasol, parroquia de Padornelo. Planta rectangular cuberta en lousa a
dúas augas. Pórtico rústico formado pola prolongación dos muros de
pedra. Nunha visita que fixemos no mes de xullo de 2017 puidemos comprobar que xa non se atopa en estado ruinoso, os veciños arranxaron tanto o exterior como o interior. No sinxelo retábulo vense as imaxes do Santo Anxo e do San Vitorino. Ao seu carón pasa un camiño que dende antigo comunica Vilasol con Vilarín, nas Nogais.
A
súa festividade é o día 2 de outubro. Algúns devotos seguen a ofrecer
produtos derivados do cocho que se poxan ao rematar os oficios
relixiosos. Contáronnos que o novo cura, cando a misa do patrón, deixou de utilizar o primitivo altar, agora hai que poñerlle unha pequena mesa o que provoca certo malestar nos veciños xa que o reducido interior faise aínda máis pequeno.
CAPELA DE SAN PEDRO
En
San Pedro, parroquia de Riocereixa. Capela de planta rectangular
cuberta en lousa a dúas augas. Campanil inserido nunha pequena espadana. Imaxe do San Pedro no interior. Adosáronlle algunha construción moderna.
CAPELA E SANTA BÁRBARA DE RUBIAIS
En
Rubiais, parroquia de Zanfoga. Planta rectangular de muros de pedra
revocados con morteiro de cemento, cuberta en lousa a dúas augas. Cabido
sinxelo nun lateral que protexe a porta de entrada. No interior imaxe
de Santa Bárbara do século XVIII.
CRUCEIRO NO CEBREIRO
Descoñécese
a súa orixe, se é de nova construción ou se foi levado doutro sitio,
así coma se pode haber diferenza de idade entre as pezas que o forman.
CRUZ NO ALTO DO POIO
De madeira, situado a carón do Camiño Francés a Santiago.
O CÁLIZ DA CAPELA DO HOSPITAL DE SANTA CATARINA DE FONFRÍA
O investigador Luis López Pombo enviounos unha foto e a información do cáliz que foi da capela do Hospital de Santa Catarina de Fonfría e que na actualidade se atopa na igrexa conventual de Melide. O interesante cáliz de prata leva unha inscrición que di: "SOI DEL HOSPITAL DE FUENFRIA".
Patrimonio relixioso da Comarca dos Ancares
A descrición e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares
Cando se dea o caso, as imaxes do relevo, ortofotos e fotos do voo americano 1956-57 foron extraídas do Sixpac e IGN
© Colectivo Patrimonio dos Ancares