* As Candelas (Becerreá), unha festa pagá

A festa das Candelas celebrábase en Becerreá o día 2 de febreiro (adoitaban durar dous días). Na actualidade limítase aos actos relixiosos que comezan coa tradicional bendición das candeas. A asociación cultural As Candelas leva anos traballando pola recuperación desta festa que pasaba por ser unha das máis importantes do concello. 


Descoñecemos cando se instituíu esta celebración na parroquia de San Xoán de Becerreá, a referencia máis antiga coa que contamos data do ano 1793 (lese "Candeloria") pero é probable que a súa antigüidade sexa maior (acadou gran devoción durante a Idade Media), se ben nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada, celebrados na freguesía de Becerreá o 17 de abril de 1753, os veciños din que non tiñan que pagar nada pola organización dos festexos. Polos datos que manexamos, a Confraría da Virxe das Candelas deixaría de ter actividade a partir do ano 1898, quizais pola ruína total que presentaba a antiga igrexa, volvendo a organizarse no 1922, enchendo "el espacioso local que sirve de parroquia, mientras no se levanta el edificio comenzado, que cada vez se ve más su necesidad..." (o novo templo non se consagrou ata o ano 1927). A partir deste ano, os xornais informan que a Festa das Candelas celebrábase por todo o alto.
 
As festas do ano 1967 foron organizadas por Victor e Mariano Reimóndez, Xan Pereira, Ángel Arrojo Argiz e Jesús López Roca. Ás 12 houbo "misa solemne" e procesión arredor da igrexa, pola tarde "gran fiesta campestre", e pola noite "monumental verbena... en la plaza de la villa... y gran quema de fuegos artificiales".    
 




Nas campás da igrexa figuran as lendas de "Candelaria" e "San Juan". No exterior da nova parroquial consérvase unha pía románica de auga bendita, seguramente procedente do desaparecido templo do que non se sabe onde estaba ubicado, se ben a tradición sitúao xunto o cemiterio.
 

 
Segundo o santoral católico, conmemórase este día en lembranza da pasaxe bíblica da Presentación do Neno Xesús no templo de Xerusalén e a purificación da Virxe María despois do parto, para cumprir a prescrición do Antigo Testamento. 
  
As Candelas substituíron ás pagás Lupercais que en Roma se festexaban o día 15 de febreiro ("ante diem XV Kalendas Martias"). O seu nome deriva, ao parecer, de lupus, "lobo", e hircus, "macho cabrío". Durante as cerimonias acendíanse candeas pedindo, entre outras, a protección contra a morte, a fertilidade e a protección dos rabaños que procuraba o Fauno Luperco, deidade que tiña adicado un santuario na cova Lupercal do Monte Palatino onde a lenda sitúa ao pastor Fástulo cando atopou a Rómulo e Remo mentres eran amamantados por unha loba. Loba que era o mesmísimo deus Luperco que se transformara para alimentar aos xemelgos. Durantes as festas entoábanse cantos e bailes a cada cal máis obscenos. Dous mozos elixidos anualmente (Sodales Luperci), espidos e bañados coa sangue duns animais sacrificados previamente, golpeaban con látegos de coiro a quen atopaban por diante. Tamén se tocaba cunha folla con sangue a fronte das mozas e dos mozos. Eran signos de despurificación que se cría que nas mulleres aumentaba a fertilidade.


Aínda que o emperador Teodosio ilegalizou o paganismo no 392 d. C. (instaurou o Cristianismo como relixión oficial), non foi ata o 494 cando esta celebración pagá foi condenada e prohibida pola súa carga sexual polo papa Xelasio I (foi papa entre o 492 e 496 d. C). Pero, sabedor da importancia que tiña para os romanos, nada mellor que cristianizala, substituíndoa pola festa da Purificación cristiá que logo se trasladaría ao 2 de febreiro, pero conservando a tradición de realizar unha procesión en que desfilaban os fieis con cirios e antorchas acesas. Para os gregos, segundo Heráclito (540-480 a.C.), só o logos (λóγος), "a palabra", era comparable ao lume. E tamén para os galegos. Xa no século VI, Martiño de Dumio dicía dos nosos antepasados: "Uns adoraban ao sol, outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume, outros á auga subterránea ou aos mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes se non que, nacidas de si mesmas, eran deuses...".


En Becerreá aínda se conserva a cantiga: "Vimos das Candelas/e imos pro San Brais,/ alegraivos nenas,/ que festas non hai máis". Xosé Manuel Vega Gómez achéganos outra versión que cantaba a súa nai, quedáraselle gravada de cando de mociña a mandaran a aprender a coser a Becerreá: "Vimos das Candelas/imos pro San Brais/axudaivos, nenas/que festas non hai máis". Ata non hai moitos anos, eran os veciños de Lamas os encargados de fornecer cun carro de leña a fogueira das Candelas. Tamén existía o costume de que a derradeira parella que casara no ano anterior era a que tiña que facerse cargo da festa.
 
Ditos
 
- "Se queres ter abellas, míraas polas Candelas, e se queres ter mel, polo San Miguel".

- "Cando a Candelaria chora, mitá do inverno vai fóra; que chore e que deixe de chorar, mitá dil aínda está de pasar".

© Colectivo Patrimonio dos Ancares