Corría o día 30 de decembro de 1879. Ás cinco da tarde Alfonso XII (1857-1885) e a consorte María Cristina de Habsburgo (1858-1929) cruzaban a praza de Oriente de Madrid nunha carruaxe descuberta. Cando o coche entraba no Palacio Real pola porta do Príncipe, un home xoven, Francisco Otero González, que se atopaba entre os curiosos (outras informacións falan de que se agochara xunto as cortes dos cabalos), disparou dous tiros, a curta distancia, contra os monarcas. As crónicas da época son precisas no tipo de arma utilizada: un revólver militar de orixe francesa tipo Lefaucheux de dous canos, calibre de 16 mm. A calidade da arma, con tambor de seis balas, non foi suficiente para acabar coa vida do rei, só unha lle rozou a cabeza. Cando se dispoñía a fuxir, un mozo dos cabalos, un centinela e un garda civil abalanzáronse sobre el e detivérono. Un ano antes, no mes de outubro de 1878, Alfonso XII xa sufrira outro atentado a mans do catalán Juan Oliva i Moncusi.
Pouco se sabe sobre a vida de Francisco Otero. Naceu o 14 de marzo de 1860. A nai chamábase Josefa, e o pai José. Tiña un irmán máis novo. Con 19 anos foi para Madrid. Lemos nos xornais da época: "Soltero y huérfano de padre, vino a Madrid con la esperanza de mejorar de fortuna... Contaba, a lo que parece, con el apoyo de un pariente llamado Francisco Seijas Arriba, portero del ministerio de Gracia y Justicia, quien le prestó protección y dándole cuatro mil reales para establecer una pastelería... situada en el número 2 de la calle de Milanesas...". Dise que vivía cunha moza, "a quien llamaba hermana", de dezasete anos. Os costumes de Otero non chamaban a atención dos veciños, pechaba cedo a tenda, "salía pocas veces de noche, y no dió pretexto alguno para que con razón o sin ella se le censurase". Pero os negocios "no tenían resultado próspero, no sabemos si por mala fortuna o por administración desarreglada". O parente deixou de apoialo, e cara mediados de decembro Francisco quedou sen casa e sen recursos. "En estos doce o quince últimos días, Otero dividió su tiempo entre las tabernas, los cafés y las casas de mal vivir, acusando de su desgraciada situación a un individuo llamado Antonio García que es dueño de una taberna en el número 16 de la Cava-Baja". Este e outro home de nome Antonio Pérez Cobos tamén foron detidos, declarando que Francisco contáralles a súa intención de suicidarse, pero tamén de realizar prácticas de tiro ás aforas da capital.
Pero, de onde era natural o panadeiro Francisco Otero? Segundo a prensa da época: para uns de Santiago de Lindín (Mondoñedo), para outros de Santiago de Nantín (Becerreá).
Benito Pérez Galdós escribiu entre 1872 e 1912 os Espisodios Nacionales, unha serie de novelas históricas que tratan da historia de España dende 1805 ata 1880. Lemos: "El mismo día 30 quiso hacer de las suyas el fanatismo sectario: al entrar en coche por la Puerta del Príncipe del Palacio Real Alfonso XII con su esposa María Cristina, les disparó dos tiros un vesánico, Francisco Otero González, natural de Santiago de Nantín, aldea de la provincia de Lugo. Las alevosas balas no tocaron a los reyes...".
Carlos Rojas, no seu libro Alfonso de Borbón habla con el demonio (1995), di que era de Santiago de Nantín. José María Zabala, en Elena y el Rey. La historia del amor prohibido entre Alfonso XII y Elena Sanz (2014), tamén trae a Francisco Otero para Becerreá.
© Colectivo Patrimonio dos Ancares






