O TIZÓN DE NADAL
Armando Cotarelo (1879-1950), nun seu artigo, A Noiteboa na aldea, descríbeo deste xeito: "Sabido é que para os nosos aldeáns este elemento de vida e gran purificador (o lume) é un ser vivinte, por iso din mata o lume cando mandan apagalo, e morreu o lume para sinalar que se apagou. Ninguén se atreve a cuspir nel por telo como pecado, dado que o lume saíu pola boca dun anxo. O lume novo acéndese a véspera de Nadal. Várrese con moito coidado o lar, e ponse nel un gran toro, ao que se lle prende lume, pois ha traer a sorte para a facenda e para os donos". Jesús Rodríguez López, en Supersticiones de Galicia (1910), di que o tizón ten un carácter sagrado, de tal sorte que en Becerreá e Cervantes o resto que quedaba conservábase relixiosamente para facelo arder no lume cando ameazaba unha gran calamidade, pedriza ou unha importante tempestade.
Porque
non só Deus e o demo rexen a saúde e a enfermidade, tamén a natureza e
os seus catro elementos: aire, auga, terra e lume (Pilar Freire, 2002).
O lume novo
acendíase con toda solemnidade polo petrucio, o xefe da casa, ou
pola persoa de maior autoridade dentro da familia. Protexía contra o mal
de ollo, a morte súbita, a enfermidade de persoas e animais, as treboadas, os
incendios, as malas colleitas... As cinsas utilizábanse como remedio
para enfermidades da pel.
Tradición que aínda perviviu na comarca dos Ancares ata non hai moitos anos. O tronco adoitaba ser de carballo por tratase dunha árbore considerada como sagrada. "... Amodiño queimándose os cepos/o teu lume na anterga lareira/consolou os meniños e vellas/coa sagrada fogueira ancestral..." (Cantiga ó carballo, de Manuel Rodríguez López, 1934-1990).
Ardía entre Nadal e Ano Novo, pero nalgunhas casas de Becerreá mantíñano aceso ata a Festa das Candeas (2 de febreiro). A Virxe das Candeas, moi venerada no concello, represéntase co Neno en brazos e unha vela ou candea na man, clara conexión dun ritual pagán cun cristián. Queimar un tronco no solsticio de inverno vén de antigo entre os pobos europeos.
O ANO NOVO
O APALPADOR
O Apalpador é un carboeiro que vive nas montañas e, polo Nadal, entre os días 24 e 31 de decembro, baixa cara as aldeas onde hai nenas e nenos para comprobar se teñen as barrigas cheas e deixarlle castañas asadas e, por veces, regalos. Este personaxe mítico da tradición galega reflectía a preocupación, en tempos de escaseza e frío, polo seu benestar. A lenda do Apalpador ten a orixe nas serras do Piornal e do Rañadoiro. As nais recitábanlle: "Hoxe é día de Nadal/día do Noso Señor/ide logo pra
camiña/que vai vir o Apalpador./Hoxe é día de Nadal/vai meniño pra
camiña/que vai vir o Apalpador/a apalparche a barriguiña". Na comarca dos Ancares a tradición do Apalpador só a documentamos no concello de Pedrafita do Cebreiro, e nunhas poucas parroquias dos de Cervantes e As Nogais, nos restantes, ao menos nós, non atopamos referentes.
Dende principios de xaneiro acostumábase "Correr os Reis", é dicir, ir de aldea en aldea cantando panxoliñas acompañados de gaitas, pandeiretas, cunchas e outros instrumentos. A comitiva ía encabezada polo Rei Maior que levaba na man un acivo; este era o encargado de recoller o que lle daban en cada casa, fose diñeiro ou viandas (chourizos, queixo, xamón...). Unha ruta seguida pola comitiva recollémola de Antropología Cultural de Galicia, do antropólogo Carmelo Lisón Tolosana (1929-2020) polos concellos de Pedrafita do Cebreiro e O Courel. Iniciaban o percorrido en Casares, e continuaban pola Rabaceira, Celeiró, Acivo, Brañas, Fonteformosa, Santín, Riocereixa, San Pedro, Sixto, Chandepena, Romeor, Millares, Moreda, Campelo, Mostaz, O Carbedo, Esperante, Lousada, O Seixo, Pacios e Santalla. Saían o primeiro de xaneiro e regresaban o día de Reis pola mañá. E todo camiñando.
En todos os concellos formábanse mascaradas que percorrían un amplo territorio. Visitaban distintas aldeas e recadaban donativos cos que celebrar a festividade. Entoaban cantares, encomezando sempre con estrofas de "pidir licenza" para actuar. En Coterces e Fonteferreira (Pedrafita do Cebreiro), cantaban: "Dainos, dainos un lacón/pra que veña un ano bon./Dainos, dainos do espinazo/pra que veña o mes de marzo./Dainos, dainos un pernil/pra que veña o mes d´abril...". No concello de Baralla ían polas casas e se non lles daban nada, cantaban: "Cantámosche os reises/guedellos de cabra/que non nos deches nada" (Jaime González del Río). En Becerreá dábanlles algo de porco de aguinaldo (Manuel González).
En Navia de Suarna acostumaban dar unhas moedas, e en ocasións comida. Cantaban: "Xente nobre somos/os que eiquí chegamos/se nos dan licenza/os reises cantamos". Se era positiva continuaban: "Con licenza de ellos/imos comezar/estrela nos guíe/io rei Baltasar/A Belén camiña/la Virgen María/y San José lleva/en su compañía...". Finalmente pidían o aguinaldo: "Xente desta casa/déannos o aguinaldo/que xa imos cansos/do camín andado/Señora da casa/súbase ó caínzo/baixe un lacón/e algún chourizo". E se non daban nada: "Guedellas de cabra/non nos destes nada/sodes ben coreñas/xente desta casa". O neno ou a nena que levaba a cesta chamábanlle "A Cocha". (Toño Núñez).
En Torés (As Nogais) a copla coa que pedían permiso era a seguinte: "Aquí venimos os Reis/dispostos para cantar/se ustedes non dan licencia/podemos encomenzar". Se lles daban licenza, que era o habitual, cantaban e recollían o que lles daban (chourizos, ovos...) que despois comían o día de Reis. Se non lles daban licenza, os da casa recibían unha boa malleira de "burradas": "Esta casa é de fentos/aquí viven uns famentos./Esta casa é de puxas/aquí viven unhas bruxas./Esta casa é de torrois/aquí viven os ladrois". (Fe Álvarez).
En Doncos (As Nogais) pedían o aguinaldo, en todas as casas daban algo
(chourizos, ovos, galletas, filloas e en ocasións cartos) que despois se
repartían ou facían algunha merendola. Cantábanse dous Reis. Un
comezaba: "Hoy es día de los reyes/primera fiesta del año...". O outro:
"A la puerta llama un niño mas bonito que un sol bello...". Cando se
chamaba á porta sempre se comezaba con: "Aquí venimos tres
reyes/dispuestos para cantar/si ustedes non dan licencia/queremos
escomenzar". E, para rematar: "Angelitos somos,/del cielo
venimos/bolsillos traemos/dinero pedimos/que Dios os lo dio, para nos lo
dar/y estrella divina aquí ha de estar". (Tereixa Novo).
González Reboredo e Rodríguez Campos (2000) fixan a decadencia destas tradicións na época da postguerra.
A partir dos anos sesenta do pasado século XX as cabalgatas dos Reis Magos substituíron as ancestrais tradicións.
Bo Nadal. Feliz solsticio.
© Colectivo Patrimonio dos Ancares