Francisco Gómez Gómez, coñecido como Fuco Gómez, naceu
en Montaña da Agra (Becerreá) o día 9 de xullo de 1895 (este mes de xullo de 2025 cúmprense 130 anos do seu nacemento). Sendo neno embarcouse como
polizón con destino a Cuba.
Fuco Gómez, "que marchó muy niño, puede mejor que nadie decir que se hizo a si mismo... Casi analfabeto, arribó a Cuba allá por el año 1913. Hoy posee un espíritu cultivado por el estudio, un saneado negocio comercial y un nombre entre nuestros escritores... Amantísimo de su país, es un gallego tan consecuente con su madre patria que la lleva siempe en el corazón y en los labios. No habla más que las lenguas del rincón natal, las alturas de Becerreá" (Vida Gallega do 30 de maio de 1932).
"Fuco Gómez representa o exemplo da tenacidade dun home que chega á
Habana totalmente analfabeto, ... e a quen aos poucos anos atopamos xa
colaborando en empresas culturais e políticas. Esa constancia hase
reflectir posteriormente na súa actividade nacionalista da que non
claudicou en ningún momento, a pesar das variadas dificultades e
disputas que lle supuxo a súa ideoloxía arredista" (Xosé Antón Bao, en Terra e Tempo, 2010).
En efecto, Fuco Gómez, xunto con Andrés Rodríguez Orjales, Sinesio Fraga, Tomás Rodríguez Sabio e César Parapar Sueiras, entre outros, crean o 20 de xuño de 1920 a Xuntanza Nazonalista Galega. O seu lema foi "todo por Galicia e para Galicia", reivindicando a autonomía plena para o país (e logo a independencia) e a instauración da lingua e da cultura nas institucións. Faltáballe un mes para cumprir os 20 anos.
Para difundir os seus ideais, no 1921 publican a revista Nós, que non só informa sobre o movemento nacionalista en Galicia e Cuba, senón tamén sobre cultura.
Na
primavera
de 1923 pronuncia un discurso na homenaxe celebrada na Habana ao comerciante
don Pedro Rodríguez
con motivo da súa volta para Galicia, organizada pola Agrupación
Regional Democrática de los Socios del Centro Gallego.
Na foto da revista Galicia do 10 de xuño dese ano,
da
que era colaborador, vese a un xoven Fuco na compaña doutros
persoeiros. Pediu ao homenaxeado “Llevadle
un abrazo cariñoso a nuestros hermanos de Galicia, que como tales
pertenecen a la gran familia gallega,
denominada
Irmandade
Nazonalista Galega.
Decidles
que en esta noble República también hay gallegos que luchan por la
redención de nuestra tierra, para que un día no lejano podamos
hacer lo que hoy hacen los hijos de Cuba: recibir con los brazos
abiertos a todo extranjero, a todo ser humano que desee convivir con
nosotros y cobijarse bajo los pliegues de la gloriosa enseña blanca
y azul”.
No
ano 1927,
gábase o labor de Fuco por lanzar
a iniciativa de
que o Centro
Galego
da Habana patrocinara a construción e sostemento dun “Sanatoio
de antituberculosos”, propoñendo varias medidas para recadar os
cartos.
Como xornalista participa nos
primeiros grupos nacionalistas galegos: Irmandade Galega da Habana, Partido Autonomista Galego e na Xuntanza Nazonalista Galega d´Habana. Defensor a ultranza da lingua
galega, en 1921 funda o Comité Revolucionario Arredista Galego, C.R.A.G. (o Arredismo é unha doutrina baseada no dereito á autodeterminación dos pobos), que
perseguía o fin da ditadura de Primo de Rivera e da monarquía en España,
así como a proclamación dunha Galicia independente, coa creación dunha República Galega que dirixira e administrara os destinos do país. Tamén presidu a Sociedad de Instrucción de Becerreá y su comarca. Coa II República, no 1932
volve a Galicia para loitar pola súa independenza e o centralismo español, se ben atopou poucos
apoios dos galeguistas moderados. Xa anos antes, 1922 e 1923, no Heraldo de Galicia da Habana, Manoel M. Torres (artigo Encol da Asambrea Arredista Galega), e Vicente Rebollar e Jesús Varela acúsano de "lixeireza de pensamento" e "radical".
Foi
no ano 1932, durante a súa estadía en Galicia, cando solicita o
cambio legal do seu nome de
nacemento,
Francisco, polo de Fuco, tal como recolle un edicto do Xulgado de
Becerreá do 14 de xullo dese ano, publicado no Boletín Oficial da
Provincia o 25 do mesmo mes.
No seu ideario independentista propoñía a independencia de Galicia para logo constituír unha confederación de repúblicas ibéricas. Redactou un proxecto de Constitución para Galicia, deseñando unha bandeira e un escudo para a República Galega. Tamén redactou un Hino Nazonal Galego que comezaba así: "Ao combate nos chama, bos galegos,/a meiga Terra que nos viu nazer./Nant´as suas aras nós tudos juremos/venzer ufáns, ou groria morrer".
No 1935 regresa a Cuba, onde falece o 9 de xaneiro
de 1972.
Entre o case medio cento de obras que escribiu, salientan Grafía galega (1927), dedicada a Otero Pedrayo, Naciones Ibéricas (1931), a novela O idioma dos animais. Opúscaro de enxebreza (1937), os poemas Pastorelas (1950), e Ensayos de crítica e historia de Galicia (1960). Ademais de dirixir a revista Nós, escribe artigos en Cultura Gallega, Galiza, Eco de Galiza, Terra Galega, La Noche, Fouce..., ata a creación de Patria Galega que dirixiu entre 1941 e 1960. Sempre por diante coa defensa de Galicia e os seus valores.
Fuco
tamén tivo os seus máis e os seus menos canto á orixe da lingua
galega, defendendo a súa procedencia do latín. En Cultura Gallega,
número do 55 ao 58, do ano 1938, J. Peyno, baixo o título La
grafomanía de Fuco Gómez,
rebáteo, argumentando, ao
tempo que lle chama "ignorante" e "ridículo",
que o galego “no
nació del latín ni mucho menos.
Antes
de que las águilas del imperio romano conquistasen España…
existía un lenguaje antiquísimo… del cual todavía hoy
conservamos, a través del tiempo y del espacio, muchísimas voces,
giros y modismos. Y ese lenguaje no era otro que el céltico, más o
menos influenciado por fenicios, griegos, galos, etc.”.
En
contestación, días despois Fuco enviou unha carta aos
xornais Diario
de la Marina
e Hoy,
calificando de “monstruoso” o artigo de Peyno. A polémica aínda
continou durante algún tempo.
No ano 2007, un grupo de persoas colocaron un monolito que lembra a Fuco Gómez xunto a igrexa de orixe románica de Ouselle que di: “En Ouselle naceu Fuco Gómez (9 de xullo de 1895), un galego que
loitou pola dignidade da súa terra. Finou en La Habana (9 de xaneiro de
1972). Confederación Intersindical Galega e os veciños de Ouselle”. Daquelas, o Concello de Becerreá non autorizou que se lle puxese o seu nome a unha rúa "por tratarse dunha persoa descoñecida".
No mes de decembro de 2020, a asociación Rente ao Couce e o colectivo Patrimonio dos Ancares celebramos un roteiro en homenaxe a Fuco Gómez nos 125 anos do seu nacemento.
En febreiro de 2022, Rente ao Couce, despois do prace do Concello de Becerreá, colocou unha peza de metal en lembranza da súa figura na Casa da Cultura, obra do artista ruso-naviego Pavel Yakushev.
Pero o recoñecemento a nivel institucional dunha persoa que levou o nome de Becerreá e de Galicia alén mar continúa á espera.
©
Colectivo Patrimonio dos Ancares