Na igrexa de orixe prerrománica de Santo André das Nogais, a más antiga da comarca dos Ancares, consérvase unha inscrición sobre a pedra da que, curiosamente, aínda que coñecida polos veciños, non atopamos referencias nos distintos autores consultados que falan deste templo. Nin en traballos máis antigos, como os de Amor Meilán, na súa Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de Lugo (1928), ou de Bouza Brey, en A eirexa prerrománica dos Nogales (1934), nin noutros posteriores se fai mención, que nós saibamos, a esta complicada epígrafe. Quizais non a mencionan porque pasa desapercibida xa que se atopa nun lugar pouco visible, e o tamaño das letras non pasan, na maioría dos casos, do medio centímetro de altura.
Aínda que coñecemos a inscrición dende hai anos, sempre mantivemos moitas dúbidas pola difícil lectura que nos prantexaba. Despois de darlle moitas voltas e de numerosas consultas, coa inestimable axuda do investigador Antonio M. Leira Noche, aínda que con moitas reservas, cremos que podemos achegar algo de luz. A epígrafe atópase na xamba que dá apoio ao arco, con tendencia a ferradura, da porta lateral sur, con interesante decoración. Realizada en pedra caliza consta de dúas liñas de texto. Cremos que a epígrafe puido abranguer maior extensión xa que na parte superior do sillar localizamos unha letra solta; o resto sería borrado. Tamén pode ser que o autor comezara pola parte superior e logo optase pola inferior.
Estariamos, pois, diante dun texto no que se utilizaría o tipo de escritura semiuncial latina. O que está claro é que foi realizada por unha persoa que posuía coñecementos na arte da escritura. O que descoñecemos é se a pedra foi reutilizada, proveniente doutra parte do templo, ou se a epígrafe se fixo cando xa estaba colocada neste sitio.
Canto á transcrición, tendo en conta as abreviaturas, a unión das letras e a erosión ou borrado dalgunhas, con todas as obrigadas cautelas, cremos que se trata dun texto que ten a orixe no Evanxeo de San Xoán, nunha pregunta que Pilatos lle fixo a Cristo e o que este respondeu: “Veritas quid est / Vir est qui adest”, traducido: “Que é a verdade? / O home está presente (ou diante de ti)”. Polo tipo de escritura cremos que podería datarse no século IX, o que nos falaría da antigüidade desta igrexa de Santo André. Este tipo de letra utilizouse entre os séculos V e IX d.C., na Alta Idade Media.
Con indepenza da lectura que propoñemos (insistimos, con todas as cautelas), a nosa intención é animar a epigrafistas, por se a nosa non fose a correcta ou precisase corrección, que a descifren e así poder seguir afondando na historia desta xoia arquitectónica con restos prerrománicos, románicos e góticos que, lamentablemente, se atopa nun estado total de abandono, tanto no exterior coma no interior, a pesares de gozar da máxima protección xa que foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1995. Se non se toman urxentes medidas, pasará a engordar o avultado catálogo de monumentos ruinosos de Galicia.


