* A romaría "campestre" máis antiga de Galicia

Co de “campestre” referímonos a que despois da celebración dos actos relixiosos na igrexa ou capela acostúmase levar viandas das que se dá conta nas inmediacións. Estamos a falar, claro está, de romarías lúdico-relixiosas documentadas por escrito, non das achegadas pola tradición ou a lenda. A do San Ramón de Bealo, no concello de Boiro, é a que se ten pola máis antiga, cunha primeira noticia que data do ano 1756 (hai 270 anos). Isto chamounos a atención porque a primeira noticia (insistimos, documentada) da romaría do Santo de Cadoalla data do ano 1727 (hai 299 anos), cando o párroco, Xosé Valcárcel Quiroga, mercou a talla do Ecce-Homo a un carpinteiro dos “Picos de Ancares”, e que logo, “en magna procesión”, veciñas e veciños das parroquias de Becerreá, Ouselle, Cruzul e Cadoalla emprenderon o longo percorrido coa imaxe ata a igrexa de San Pedro. Os días da romaría viñan soldados pra manter a orde xa que as liortas eran bastante frecuentes. Pagábaselle coas doazóns dos asistentes; segundo os Libros de Fábrica da igrexa de Cadoalla que consultamos hai uns anos, no ano 1827 o custo ascendeu a 40 reás "que se dieron a los soldados que vinieron a pacificar la romería". Aínda que historicamente os días principais da romaría son o 14 e 15 de setembro, este 2026 celébrase os días 12, 13, 14 e 15. Boas Festas! (A foto en branco e negro da igrexa do San Pedro de Cadoalla é dos anos corenta do pasado século, extraída de O feitizo de Maruja Roca, de Nieves Neira).