HISTORIAS, TRADICIÓNS E LENDAS DO CONCELLO DE BARALLA

CONCELLO DE BARALLA

* O Castro de Quintela. * O Castro de Carballedo. * O Castro de Pedrafita. * O Castro da Croa. *O Castro de Laxes. * O Castro de Vilachambre. * O Castro de Vilasantán. * O Castro de Sixirei. * O Castro de Vilameixe. * Castrolanzán. * Cova de San Martiño. * A Cova do Castro de Ferreiros. * A Cova do Ladrón. * O Tesouro. * Aranza. * A mansión Timalinus. * A vila romana do Agro de Pedreda. * A Fonte do Bispo. * A Ponte de Carracedo. * A Ponte de Santestevo. * A ponte de Senra. * O chanto da Ponte de Covas. * O Pozo Negro. * O Pozo de Teixeira. * A Pezoña. * Igrexa de Berselos. * Capela do San Xosé de Quintela. * Un cura peculiar en San Martín de Neira de Rei. * A aldea de Sanamede. * O pasadizo de San Miguel. * O Santo Cristo. * O milagre dun Santo. * A Pena do Crego, * A Pena da Cruz. * Festa do San Brais un día gafe en Covas. * Ferrerías. * Casa-torre de Traspena. * Torre de Neira. * O pazo de Pousada. * Un home centenario en Gundián. * A Irmandade galega de Baralla. * Cuartel de Sobrado do Picato e traslado de Intendencia. * Selo do antigo Concello de Neira de Suxá (1876). * O castiñeiro de Folgueira. * Perder a fala. * Unha de raposos. * Un incendio no "Mesón del Estudiante". * Unha fotos centenarias nos Ancares. * Unha cruz de Horta (Becerreá) levada para Santa Cruz do Picato (Baralla). * Excursión á Coruña. * A antiga fábrica de papel de Aranza. * El Eco de Baralla. * A Inquisición en Lexo. * Poema a Neira de Rei, de Cándido González.     


O CASTRO DE QUINTELA  
 
Na croa do castro hai unha cova abeirada por dúas pedras chantadas en forma de porta, que é a entrada a un longo túnel que dá ao río. Dise que nos muros do interior hai pinturas. Aseguran que os mouros habitaban en covas construídas baixo o castro e que, para contentalos, os veciños levábanlle alimentos. Eses mouros tamén levaban os cabalos a beber a unha fonte que hai ao pé do castro. (Recollido por Patrimonio dos Ancares).

 


O CASTRO DE CARBALLEDO
 
Unha veciña da aldea de Pena, lindeira con Carballedo, contounos que na croa do castro hai unha "porta" que é a entrada a unha longa cova que dá á igrexa de San Martiño de Neira de Rei que era utilizada polos mouros para ir á misa. José Ángel Fernández Revaldería escoitou aos seus antepasados a seguinte lenda: Había un arrieiro que abastecía de noite aos mouros do castro, recompensándoo co ouro que custodiaban. Mais non podía dicir nada polo que sempre poñía algunha escusa para saír a horas tan intempestivas (que ía regar, darlle de comer ao gando, etc.), ata que un día a súa muller desconfiou polo que non tivo máis remedio que contarllo. Como cabía esperar, a boa harmonía que tiña cos mouros rematou. Un mouro que era coxo saíulle ao camiño para dicirlle que non volvera polo castro xa que os outros mouros esperábano para matalo. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).  


O CASTRO DE PEDRAFITA
 
Ao arar a terra apareceu unha ola con po de ouro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).  


O CASTRO DA CROA
 
O castro da Croa atópase en Pousada. Os mouros agochaban nunha cova que hai no castro un pote de ouro. Outra lenda asegura que un can que entrou nela apareceu logo no castro de Ferreiros, a case tres quilómetros de distancia. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


O CASTRO DE LAXES
 
No castro hai unha cova, que existe, que era utilizada polos romanos para baixar a coller a auga nun regueiro que hai ao pé do monte. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).  


O CASTRO DE VILACHAMBRE
 
Había un túnel que comunicaba con Baralla. (Achegado por José Luis Garrosa Gude). 


O CASTRO DE VILASANTÁN
 
O castro de Vilasantán atópase a pouco máis de 600 metros de altitude, na parroquia de Covas (Baralla), non moi lonxe do límite co concello de Láncara, próximo ao regueiro dos Cochos. Aínda que é coñecido popularmente como O Castro, nós temos dúbidas de que sexa tal, cremos, pola contra, que o sitio acolleu unha torre, quizais en época altomedieval. Pero diso xa falamos noutra parte, agora toca a lenda.
 
Mesmo na cima hai unha cova cuxa entrada foi parcialmente destruída hai algúns anos por unha pa escavadora. Dixéronnos que a cova bifúrcase en dúas galerías: por unha, os moradores do castro baixaban os cabalos para que beberan no regueiro dos Cochos, e a outra dá a unha cripta que hai no mosteiro de Samos, situado a unha distancia, en liña recta, duns 12 quilómetros! As relacións entre as habitantes da aldea e as mouras que habitaban a cova sempre foron boas, as primeiras adoitaban achegarse ata o lugar cando as segundas saían a tomar o sol. Pero un bo día, a apracible convivencia chegou ao seu fin, da noite para a mañá mouras e mouros non volveron dar sinais de vida. A causa? Axiña se soubo: unha gran serpe, de máis de 70 metros de longo, apoderárase da cova, obrigando a fuxir aos seres que durante séculos a ocuparan. E non só era longa, o seu grosor era tal que apenas collía polos ollos da ponte de Carracedo, construído sobre o río Neira. Algún pescador asegura ter visto a serpe, non só polo río Neira, tamén polo río Sarria que pasa a carón... do mosteiro de Samos.    
 
Para finalizar, o folclore arredor do castro de Vilasantán non estaría ao completo sen o seu tesouro. A mediados do século pasado un veciño da aldea, que aínda vive, cando estaba a arar a terra nas inmediacións do castro rompeu unha ola de barro co arado. O vento esparexeu polo lugar o que creu po mais, cando volveu a mirar, decatouse de que o que levara o vento era po, si, pero de ouro.    
 
Foi refuxio de fuxidos antifascistas durante a Guerra Civil. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O CASTRO DE SIXIREI
 
Unha veciña de Vilameixe contounos a lenda dun home que, ao arar a terra, atopou unha ola moi pesada e, para ver o que contiña, baleirouna, vendo como o po, empuxado polo vento, se esparexía polo lugar. Mais, de súpeto, os raios do sol pousáronse sobre a leira e o home viu como refulxía a terra. Foi entón cando se decatou de que o po da ola era ouro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


O CASTRO DE VILAMEIXE
 
Na parroquia de Vale. No castro hai unha ola chea de ouro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


CASTROLANZÁN
 
Castrolanzán é unha aldea da parroquia de Penarrubia. O topónimo é nidio, no lugar hai un castro. Era parada obrigada dos arrieiros de Navia, despois de percorrer a Legua Dereita (recta de Gomeán) e pasar o Alto da Mocha enfilaban cara o val de Neira de Rei e ían tirando cara Paradela, salvando o Alto do Restelo polo Couso, Coto, Bullán... Tamén era o paso de tratantes e gandeiros que ían a Laxosa ou a Lugo, camiñando co gando ou en cabalerías. (Achegado por Henrique Fernández-Mon, de Navia de Suarna). 


COVA DE SAN MARTIÑO
 
Dise que na parroquia de San Martiño de Neira de Rei hai unha cova feita polos mouros e non se sabe o que hai dentro. É moi longa e ninguén deu chegado ao cabo. Din que os círculos que hai no lugar son garitas feitas polos romanos, son tan grandes que entras por un lado e saes polo outro, mais ninguén o conseguiu.


A COVA DO CASTRO DE FERREIROS
 
Asegúrase que que na cova caeu un can vivo. Dende aquelas, á mesma hora e o mesmo día de todos os anos, o can sae fóra e ponse a ouvear. Tamén din que a cova atravesa todo Ferreiros, a estrada xeral, Santestevo e chega ata a Serra de Pousada.  
 

A COVA DO LADRÓN
 
Coñecida tamén como A Pena do Ladrón. Atópase na Matela, parroquia de San Martiño de Neira de Rei. Estivo habitada polos mouros. Disque o nome veulle porque uns ladróns tentaron roubar os tesouros que agochaba. José Ángel Fernández Revaldería contounos que había un tesouro envolto na pel dun touro pinto. Ata non hai moitos anos, os veciños aínda buscaban o famoso tesouro. Arredor dos anos cincuenta do pasado século XX, viviu eiquí un curioso personaxe coñecido como O Mariñas, un home que estivera no "Tercio". Canda el vivía unha muller da Matela, que se di que case raptou, coa que tivo oito ou nove fillos. 


O TESOURO
 
Dise que na serra de Constantín había un tesouro. Un criado dunha casa viu as catro pedras que formaban un cadrado onde había un tesouro. As catro pedras tiñan por riba unha lousa para que non se vira. O criado escavou e escavou ata que o atopou, mesmo tivo que romper a tampa. Dende aquela o criado pasou a tomar o mando da casa que se converteu na máis rica da aldea. Despois tamén apareceron armas de guerra. Todo apunta a que o tesouro estaba agochado nun enterramento megalítico. 
 
Tamén chaman así a un lugar situado no castro de Santa Marta, na parroquia de Vilartelín. 
 
Dise que hai soterradas unhas barras de ouro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


ARANZA
 
Hai autores que identifican esta poboación con Aranz de Sanz, lugar non precisado onde apareceu unha lápida votiva, desaparecida, adicada á deusa Tutela e cuxo texto, segundo Hubner, dicía: "A Tutela por Lucius Antonius Avitus cos seus sete fillos e Zozima, liberta, por unha promesa". 

 
A MANSIÓN TIMALINUM
 
Antigo núcleo prerromano, logo romanizado, que algúns autores identifican coa Talamina de Ptolomeo, xeógrafo grego do século II d. C. O único que sabemos desta mansión é polo Itinerario de Antonino, documento que se supón redactado no século III d. C., onde di que se situaba a XXII millas de Lucus (Lugo) dirección Asturica (Astorga). Nun principio situouse no Campo da Árbore e Vilartelín, logo en Constantín e despois en Papín pola aparición dunha ara adicada por Placidinia aos Lares Viais. Nun documento do ano 1179, na venta dunha propiedade entre Baralla e Constantín, alúdese ao camiño da seguinte forma: "Loco nominato Aer de Abadessa... per terminum deipsa via antiqua", en posible referencia a unha calzada romana. Polos abundantes restos dos que temos constancia, nós cremos que se situaba no Agro de Pedreda, na Condomiña.


A VILA ROMANA DO AGRO DE PEDREDA
 
En San Martín de Neira de Rei. No ano 1932, ao facer a estrada que comunica Baralla co Cádavo, saíron á luz varias columnas, cerámica e mosaicos de época romana. Segundo nos contou un veciño de Todón de Abaixo, en Becerreá, no lugar había unha cidade que foi soterrada debido a unha maldición divina. Este mesmo veciño conserva a base dunha columna romana, e na antiga escola de San Martín, en Baralla, hai unha base da mesma época que sustenta un fuste e unha cruz moderna; todas as pezas proveñen do Agro de Pedreda. Tamén nos dixeron que cara o ano 1915, un inglés levou con el un número elevado de pezas. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


A FONTE DO BISPO
 
Cóntase que hai moito tempo, nun día moi caloroso de verán, pasou por Arroxo unha comitiva composta por un bispo cego, que ía montado sobre unha burra, e os seus criados. Deulle a sede, e xusto nese intre pasaban por diante dunha fonte. Foi beber e recuperar a vista. De aí o nome de Fonte do Bispo. Preguntamos a un veciño que se era verdade o da curación do bispo, como é que na actualidade non se usa a auga da fonte para atender aos que teñen problemas coa vista, ao que contestou que se lle acabara a forza á auga cando lle devolveu a vista ao bispo. (Lenda publicada na revista Folerpas, do CPI Luis Díaz Moreno).


A PONTE DE CARRACEDO
 
Sobre o río Neira. Segundo a lenda foi construída polos mouros. 


A PONTE DE SANTESTEVO
 
A lenda dálle unha orixe árabe. 


A PONTE DE SENRA
 
Sobre o río Neira, construída cando o Camiño Real a Castela. Dise que foi erixida polos mouros.

 


O CHANTO DA PONTE DE COVAS
 
Chovía a mares. O inverno parecía desfrutar vendo aos labregos nas lareiras, en vez de nas terras. O cura párroco, que se quedaba na casa de Bande de Covas, improvisada reitoral dende había anos, non daba feito cos responsos a Santa Bárbara para escorrentar os tronos das casas dos veciños. Fora ano de boa colleita e de mellores esmolas, que todo isto adoitaba ir da man, e as huchas do párroco permanecían ateigadas de centeo. Mais centeo cru non mantén bandullo humano, e precisaba leña para que a criada lle roxara o forno e lle cocese o rico pan. Buscou entre os fregueses a algún, que non se sabe se lla regalaba, lla vendía ou lla tiña que levar como esmola, que lle carretase un carro de leña. Sábese con certeza que o carro, ateigado de canas e tirado por dúas vacas, viña da zona de Penouta ou lindante con ela. Era tardiña cando se dirixían cara a reitoral, unha comitiva formada por un ou varios veciños e o crego. O río Neira ía moi medrado por mor das choivas, e en chegando ao Pontón de Telo observaron magoados como a corrente esnaquizara o piar central e derrubara o paso. Así pois, coa noite case enriba e coa auga ata os ósos, deu o crego orde de dirixirse cara a Ponte de Covas, para ver se máis abaixo, preto dela, podía atravesarse o río nalgún remanso, quizais polo paso da Insua. Mais ao chegares, e pese a que o crego insistía en cruzar o río, o dono das vacas desbotou a idea. Seica existía un gran chanto fincado no medio da ponte que impedía pasar carro ningún por ela, somente se podía cruzar a pé. Entón, o cura, en vista de que non había xeito de pasar a leña, e vendo que a choiva podía continuar durante varios días ou mesmo semanas, achegouse a unha casa próxima, solicitándolle ao dono unha marra ou un eixadón. Con el nas mans, sen pensalo dúas veces, encomezou a escachar no chanto ata que o derrubou. Toupado de tal esforzo, que distaba moito dos acostumados pola fe, ordenou que pasase o carro pola ponte. Dende aquelas, o paso quedou aberto a carros e gando. (Achegada por Rubén Armada).

 


O POZO NEGRO
 
No ano corenta e dous do pasado século, o goberno requisaba as colleitas aos labregos debido a que estaban vivindo na postguerra e había moita fame no país. Os gobernantes multaban, pegaban e castigaban aos labregos que vendían os seus froitos. O avó da informante tiña naquela época dezaseis anos, e como eran moitos irmáns tiña que traballar para axudar na casa. Entre os traballos que facía había un que era ilegal, e á conta dese traballo descubriu parte desta lenda. Por aquel entón a xente tiña medo a andar de noite. O avó tiña un cabalo no que carrexaba o trigo, pan, leite, etc. De noite, para poder vendelo, tiña que cruzar o río Neira por un lugar no que un día unha moza, acompañada dunha cadela, se fora bañar, coñecido como O Pozo Negro; a moza tivo mala sorte e afogou. Dende aquelas, a cadela ía todas as noites ao pozo. A familia da moza puxo unha cruz no lugar con cravos prateados. O avó tiña que pasar polo lugar cada vez que ía buscar unha carretada e dicíase que se escoitaba ladrar e que tamén se vía que algo brillaba no río. Comentábase que era o espírito da rapaza. O avó tiña medo de pasar polo sitio, mais un día dixo que tiña que saber que acontecía e alí foi. Viu unha cruz de madeira cuberta de cravos prateados e no chan un sinal de que alí durmía un animal que ben podería ser a cadela.


O POZO DE TEIXEIRA 
 
Dise que na aldea de Teixeira existe un estrano pozo nas beiras do cal unha muller desapareceu cando estaba a cortar o perexil que había arredor. Ninguén soubo que fora da muller, pero máis tarde un boi, que estaba a pacer polas súas beiras, foi tragado polo misterioso pozo. O pozo, moi profundo, aínda existe hoxe, está cuberto de matogueiras, toxos e outros arbustos. (Recollida da páxina do Concello de Baralla).  


A PEZOÑA
 
En Arroxo, na Casa de Quintela, sabían quitar a pezoña cunhas espigas de pan. (Achegado por José Luis Garrosa Gude).  
 

IGREXA DE BERSELOS 
 
A fermosa igrexa románica amosa a peculiaridade de achegarnos o nome do seu construtor. Na base dunha columna da entrada lese: PELAGIO FECIT OP. É dicir: "Paio fixo esta obra". 

 


CAPELA DE SAN XOSÉ DE QUINTELA
 
A pequena ermida, situada na aldea de Quintela, ten pinturas no interior. Contáronnos que detras da capela enterraban aos nenos que morrían sen bautizar. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


UN CURA PECULIAR EN SAN MARTÍN DE NEIRA DE REI
 
Na nosa busca para documentar unha variante do Camiño de Santiago polos Ancares (Vía de Künig) que visibilizamos  no ano 2015, atopamos outras cousas curiosas. No Arquivo Diocesán de Lugo demos con isto. No último terzo do século XVII o cura de Neira de Rei (Baralla) é acusado de deixar morrer a varias persoas sen administrarlle os Santos Sacramentos, de non celebrar misa os domingos e de confesar “algunas veces desde la cama”. 


A ALDEA DE SANAMEDE
  
No lugar coñecido como O Piago celebrábase unha festa en honra do San Mamede que tiña unha capela da que na actualidade non quedan restos. Un ano houbo unha terrible liorta entre dous mozos que rematou coa morte dun deles. Dende aquelas deixouse de celebrar a festa. Nunha casa custodiábase unha imaxe do San Mamede que foi roubada hai anos. Nas inmediacións onde estaba a ermida saíron á luz varias tumbas feitas con laxes, tan antigas que algunhas están baixo os muros das casas.  (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

  

O PASADIZO DE SAN MIGUEL
 
Dise que na sancristía da igrexa de San Miguel hai un pasadizo que vai dar ao río Neira, preto da ponte de Carracedo. A igrexa érgueuse sobre un castro e un castelo medieval. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares). 


O SANTO CRISTO
 
Hai uns douscentos anos, polas terras do concello había algúns ladróns que, entre outras cousas, adicábanse a roubar nas igrexas. Un día, en Arroxo, ademais de roubar o diñeiro e outras cousas de valor, tamén roubaron un santo coñecido como O Santo Cristo. Cando fuxiron, os ladróns déronse de conta de que os seguían as xentes do pobo, e coas présas caeulles o Santo. Cando a xente recolleu o Santo que estaba ao lado dun muíño, o cura pensou en facerlle unha capela naquel sitio. Hoxe hai unha pequeniña ermida feita polos veciños. (Recollida da páxina do Concello de Baralla).
 

O MILAGRE DUN SANTO
 
Contáronlle á miña nai as persoas maiores que antes lle tiñan moita confianza ao San Lourenzo, patrón da aldea de Vilares, porque segundo dicían cada vez que tronaba os veciños deixaban os traballos que estaban a facer e ían á capela polo santo para levalo a un monte que se chama O Teso da Capela. Logo de estar alí un pouco co santo, o trono desfacíase e volvían ao San Lourenzo para o seu lugar. (Recollida da páxina do Concello de Baralla).   


A PENA DO CREGO
 
Xunto coa Pena do Ramallo, actúa como marco divisorio entre as aldeas da Matela e Quintela. Cóntase que recibe o nome porque un crego enterrou alí unha pía de pedra, onde bebían as vacas, chea de ouro. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 


A PENA DA CRUZ
 
Situada no cume do monte Reboredo, na parroquia de San Miguel de Neira de Rei. Segundo nos contou o párroco, don Manuel, a cruz actual, de ferro e colocada a finais dos anos setenta do pasada século, substituíu a outra máis antiga, ao parecer de madeira. Ninguén lembra o motivo que orixinou colocar alí a primitiva cruz. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 

 
FESTA DO SAN BRAIS, UN DÍA GAFE EN COVAS, BARALLA?
 
San Brais foi un médico, eremita e bispo de Sebaste (Armenia) do século IV. Coñecido por curar tanto a humanos como a animais, a súa sona débella cando sandou a un neno que se afogaba ao cravárselle unha espiña na gorxa, de aí que estea considerado como avogoso para as enfermidades da farinxe. Foi perseguido, torturado e executado en tempos do emperador Licinio. A súa festividade celébrase o 3 de febreiro.
 
Aínda que non son moitas as parroquias galegas que o teñen como patrón, si é moi venerado popularmente, as súas imaxes son bastante frecuentes en capelas e igrexas do país. 
Tamén en Covas (Baralla), onde podemos ver unha imaxe do santo no retábulo maior, compartindo devoción coa Inmaculada e Santiago Peregrino.
 
O mesmo día da celebración da súa festividade, Rubén Armada dixo que sería interesante adicarlle unha entrada á celebración do San Brais na parroquia de Santiago de Covas. Pois aí vai.   
 
No día do San Brais, á parte dos rosquilleiros que se poñían ao redor do campo da ruada, a financiación dos gaiteiros facíase dunha forma un tanto peculiar. Naqueles tempos de fame e miseria, cada casa da parroquia doaba para a festa unha cachola de porco, e con elas facíase unha pirámide no adro da igrexa. Ao rematar a misa, as cacholas eran subastadas ao mellor postor entre as persoas que acudían dende todas partes, non só das aldeas da parroquia, tamén da contorna. 
 
Resulta curioso, que sendo Santiago o patrón, a maior devoción vaia para o San Brais. Pero é máis chamativo aínda que resulta raro que nese día non aconteza o falecemento dun veciño da parroquia. Falan por si soas as estatísticas: nos últimos trinta anos, máis de quince persoas finaron nesa data.
 
Agora xa non hai romaría, e non porque minguara a devoción. Resulta que o derradeiro ano que se celebrou, o ramista, como era o costume, foi pedindo casa por casa as cacholas que foi acumulando na súa propia. Con tan mala fortuna que o día 3 de febreiro dese ano as fortes nevaradas impediron a celebración da subasta. Que facer coas cacholas?, preguntouse. Devolverllas aos doantes? Uf, moito chollo. Mellor usalas para o convite o día da súa voda. O cabreo dos veciños foi monumental e dende aquelas xa non houbo máis subastas.

 


FERRARÍAS
  
A tradición do ferro está documentada dende o século XII (a arqueoloxía documéntaa dende a Idade do Ferro). Sábese que os monxes tiñan en Constantín (Baralla) unha forxa de fundición e transformación do metal. As ferramentas que facían vendíanllas aos campesiños a cambio de terras; o ferro extraíano das minas que tiñan en Pedrafita. 
 
Segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, o oficio de ferreiro era o máis abundante na xurisdición de Navia de Suarna, había ferrarías en Barcia, Mosteiro, Pin, A Pobra e Rao. Lucas Labrada (1804) cita unha ferraría no val de Rao que daba traballo a vinte operarios, aínda que a súa existencia debeu de ser curta xa que o Diccionario de Madoz de mediados do século XIX non a menciona; desta ferraría, situada entre Murias e Robledo, só se conserva a canle por onde desviaban a auga do río Balouta para mover o mazo.    


CASA-TORRE DE TRASPENA
 
Escribiu Vázquez Seijas na súa obra Fortalezas de Lugo y su provincia que onde está o castro da Croa houbo unha torre medieval, mais non se coñecen restos, nin arqueolóxicos nin escritos.   


TORRE DE NEIRA 
 
Na parroquia de Pousada, en Baralla, estaba, ao parecer, esta torre, coñecida tamén como A Torre Vella. Non existen, que nós saibamos, probas arqueolóxicas ou escritas sobre a súa existencia.
 
Escribiu Amor Meilán en Historia de Lugo y su provincia (1918): "Embellecida con el soberano ropaje de una espléndida poesía y achacando al D. Tello de Neira la deshonra de la doncella Elvira, hija del labrador querelloso, escribió el inmortal Lope de Vega "El mejor alcalde el rey", unha de sus obras". Cóntase un feito acontecido en tempos do rei Afonso VII, onde un infanzón chamado Fernando de Neira se apropia das terras dun labrego que, aldraxado, acudiu ao rei na procura de xustiza. Ante a negativa de acatar a xustiza real por parte do infanzón, o propio rei viaxa á aldea de Pousada, onde captura e axustiza ao nobre, devolvéndolle a terra ao labrego. Lope de Vega coñeceu estes feitos pola Crónica General, publicada entre os anos 1543 e 1548 polo cronista de Carlos I, Florián do Ocampo, onde se baseaba en crónicas anteriores. Lope mudou algúns elementos, trocando o nome de Neira polo de Tello, e tamén o motivo, convertendo a peza nun tema amoroso coa "toma" dunha moza por parte de Tello de Neira.  

 
O PAZO DE POUSADA
 
Coñecido tamén como Casa do Pacio. Pertenceu a Tello de Neira, cabaleiro que padeceu as iras do rei, suceso descrito no século XV por Llaguno y Amirola no Sumario de los Reyes de España (Ver lenda anterior de A Torre de Neira). Dise que o camiño veciñal que une o pazo coa Casa de Farexe era antigamente un pasadizo por onde os donos do Pazo de Pousada baixaban as cabalarías a beber ao río.  


UN HOME CENTENARIO EN GUNDIÁN
 
Buscando informacións para documentar unha variante do Camiño Francés a Santiago, que no 2015 os do Colectivo Patrimonio dos Ancares denominamos como Vía de Künig, no desaparecido periódico La Voz, de Madrid, atopamos unha entrevista publicada o día 14 de xullo de 1928. Baixo o título Los centenarios españoles cuentan su vida a "La Voz", Jesús de Santa María entrevista a D. Francisco García López, de 102 anos, veciño da aldea de Gundián, en Baralla (daquelas Neira de Xusá).
 
Don Francisco naceu o 26 de abril de 1826, e foi bautizado na igrexa parroquial de Piñeira. Casou con Manuela Pérez. Tiveron tres fillos e unha filla. Dous fillos e a filla morreron novos, un cando estaba a facer o servizo militar en Alcalá de Henares, e os outros na aldea. O fillo que lle quedaba tampouco durou moito, finou aos poucos anos de casar, deixándolle tres netos que se criaron con el cando a nora marchou para América. O pai de don Francisco morreu con 70 anos, e a nai con 68. Os tres irmáns que tivo faleceron entre os 58 e os 62 anos. Un dos sobriños matáronno en África. Cando xa criara aos netos, a nai reclamounos, deixándoo só e triste; conta que non o esqueceran e que de cando en vez mandábanlle cartos.
 
Cando o entrevistador lle pregunta se lembra algún acontecemento importante, di que os "facciosos" que andaban pola contorna non deixaban tranquila a aldea. Conta que en Lebruxo chegaron a ferver auga para escaldar aos que lle facían fronte; andaban polos camiños, apoderándose das cabalarías e do gando, esixíndolles diñeiro aos señores e aos labregos acomodados. Aos que non lle facían nada era aos cregos porque dicían que lles axudaban (debe referirse ás Guerras Carlistas).
 
Outra lembranza moi presente en don Francisco foi que cando era pequeno vía pasar aos peregrinos que ían a Santiago. Cando regresaban traían nos traxes cunchas pegadas. Di que socorrían a algúns porque eran moi pobres.
 
Fala tamén do "ano da fame", no 1852, en que o pan, ademais de malo, chegou a ter un prezo moi elevado. Outro mal ano foi o do 1879.
 
Traballaba de sol a sol, e a súa alimentación era a base de carne de porco, ovos, leite e castañas.
 
Durante dous anos foi á sega a Castela xunto con outros mozos dos arredores. Traballou no tendido da liña do ferrocarril pola parte de Guadarrama. Nunha visita que fixo a Madrid chamoulle a atención que os señores vestiran pantalóns curtos e uns sombreiros moi altos, e os que non eran señores vestíran doutro xeito. As mulleres levaban dez ou doce enaguas que "armaban como este palleiro".
 
Non sabía o que era unha enfermidade a pesares de convivir con enfermos contaxiosos. O que si lle aconteceu foi romper unha perna por tres sitios cando ía por unha corredoira conducindo un carro tirado por vacas; arranxáronlla uns compostores de Penamaior (Becerreá). 
 
Viu o mar nunha ocasión, cando foi á Coruña cun arrieiro. 

 


A IRMANDADE GALEGA DE BARALLA
 
No ano 1917 fundouse en Baralla un grupo galeguista, liderado por Evaristo Correa Calderón, que bautizaron co nome de Irmandade Galega de Baralla. Deste grupo formaron parte Paulino Pardo de Neyra, represaliado polos fascistas ao rematar a Guerra Civil, Casiano Díaz Moreno e Faustino Cela que, perseguido, tivo que fuxir. Evaristo Correa publicou El Eco de Baralla. O Evaristo Correa comprometido coa liberdade mudou a súa traxectoria política no ano 1936, afiliándose a Falange Española.       


CUARTEL DE SOBRADO DO PICATO E TRASLADO DE INTENDENCIA
  
No 1704 instauráronse os aloxamento e vagaxes que obrigaban a que durante as marchas que fixesen as tropas polas aldeas e vilas se asistise aos soldados con vinagre, sal, lume ou unha compesación económica. Estes tránsitos entre Lugo e Castela no 1796 comezan a funcionar case exclusivamente pola estrada nova. O primeiro cuartel que se estableceu na estrada nova foi o de Sobrado do Picato, cuxa forza estaba para o servizo dos veciños do couto de Sobrado, xurisdición de Neira de Xusá, Neira de Rei, Castroverde, couto de Riomol, Baleira e coutos de Pacios e de Piñeira. No 1808, por causa da guerra, o gran número de equipaxes e efectos que foi preciso mobilizar quedaron estancados nos cuarteis, entorpecéndose o servizo. Nestas datas trasládase o cuartel a Ferreiros, ampliándose os coutos e xurisdicións que comprendía. Rematada a guerra, o cuartel de Ferreiros convértese nun tránsito moi importante pola cantidade de enseres que alí se levaban. 

 
SELO DO ANTIGO CONCELLO DE NEIRA DE SUXÁ (1876)



O CASTIÑEIRO DE FOLGUEIRA
 
Estaba na parroquia de Recesende. De 16 metros de circunferencia. No ano 1952 podaron as ramas máis grandes para "rexuvenecelo" o que lle supuxo ao propietario 12 carros de leña grosa. Foi abatido nos anos sesenta do pasado século porque, dicían, producía moita sombra nos cultivos de centeo que o arrodeaban. A curiosa foto, de José Elorrieta, é do ano 1942, extraída do seu libro El castaño en España (1949). Nela vese a unha familia de labregos co seu carro e unha parella de bois e outra parella de vacas no burato do castiñeiro. Vanesa Fernández, de Recesende, completa a información: Trátase da familia da Casa de Carral de Recesende. Na foto aparecen os seus bisavós, o seu avó e a súa tía.

 

 
PERDER A FALA
 
Unha moza de Francos que estaba a coidar das vacas aparecéuselle o lobo. Non a atacou, nin a ela nin ao gando, limitouse a mirala fixamente aos ollos. A muller, como entalecida, quería fuxir pero non podía. Dalí a un rato, o lobo deu media volta e marchou. A moza perdeu a fala durente meses, disque enfeitizada polo lobo.   


UNHA DE RAPOSOS
 
Despois da Guerra Civil, no "tempo da fame", os mozos da parroquia de Covas acostumaban ir a cazar os raposos xa que, día si e día tamén, asolaban os galiñeiros. Cando cazaban un percorrían as casas anunciando: "Matamos un raposo, este xa non vai atacar as pitas". A xente, entón, dáballes unha moeda ou, a maioría das veces, ovos. (Achegada por Rubén Armada).     

 
UN INCENDIO NO "MESÓN DEL ESTUDIANTE"
 
Segundo a prensa da época, o día 24 de setembro de 1892, declarouse un incendio na casa chamada Mesón del Estudiante, na parroquia de Constantín, que a deixou reducida ás cinsas en moi pouco tempo. As perdas calculáronse en 2.000 pesetas. Ao parecer foi casual e non houbo vítimas. 


UNHAS FOTOS CENTENARIAS NOS ANCARES 
 
A primeira fotografía da historia débese a Joseph Nicépore Niép que no ano 1816 obtivo un negativo en papel, que non se conserva. Abandonou a investigación cando non se decatou de que o negativo podía ser utilizado para obter positivos. Dous anos despois conseguiu imaxes en positivo, pero sen posibilidades de reproducilas. A este proceso chamoulle heliografía. A primeria fotografía da historia que se conserva data do ano 1826. Necesitou 8 horas de tempo de exposición da prancha á luz. Como non conseguiu resolver a cuestión da fixación das imaxes (perdían nitidez co paso do tempo ata facerse invisibles), non se lle considerou o único inventor da fotografía.

 

No 1835, William Henry Fox Talbot consegue o primeiro negativo, bautizado co nome de calotipo. Consistía nun negativo sobre papel salgado, copiado sobre outra folla, que por contacto creaba un positivado. Impregnábase cunha solución aceda de nitrato de prata antes e despois da exposición. Con este proceso rebaixábase enormemente o tempo de exposición (duraba entre un e sete minutos), e por primeira vez conseguíase tirar múltiples positivados dun único negativo. 
 
No ano 1839, Louis Daguerre inventou o daguerrotipo que consistía nunha copia única realizada sobre unha emulsión nunha prancha de cobre. Pero os daguerrotipos, ademais de caros e pesados, eran difíciles de conservar. A primeira fotografía en España utilizando este sistema data tamén do 1839. Foi en Barcelona, e os seus autores foron Pedro Felipe Monlau i Roca e Ramón Alabern. O daguerrotipo subastouse entre os asistentes ao acontecemento e da foto nunca máis se soubo.

 

No 1839, o inglés John Frederick William Herschel comunicou un descubrimento seu feito no ano 1819 en que realizou o primeiro negativo de cristal que estableceu o precedente da súa utilización como fixador.
 
As pranchas de vidro desapareceron case pro completo a principios do século XX, cando se introduciron o uso de películas que presentaban moitas máis vantaxes (papel e celuloide). 
Os negativos en vidro que achegamos foron salvados, in extremis, polo compañeiro Sergio Fernández. O único que sabemos é que as fotos foron tiradas na comarca dos Ancares. Trátase de sete negativos de 9 x 12 cm en bastante bo estado de conservación.   
 
Nunha primeira vese a imaxe dunha igrexa, con pórtico na fachada principal, e un campanario con tres ocos, os dous inferiores coas campás. Xunto a entrada ao adro hai unha monxa, e baixo o pórtico dous homes con roupa talar (seguramente dous curas).

 

Noutra foto apréciase un andamio colocado nun edificio sobre o que apoia unha escada pola que baixan unhas persoas, posiblemente uns obreiros. Cremos que se trata dunha igrexa onde están a reparar o presbiterio, máis elevado ca nave. Tamén se observa unha columna que formaría parte do pórtico.

 

Nunha terceira vese un grupo de persoas posando, cinco de pé e tres sentadas (catro mulleres e catro homes), situados diante do que semella o pórtico dunha igrexa.

 

Noutra aparecen dous homes e dúas mulleres de pé, e unha muller máis sentada. Esta última parece unha monxa.

 

Nas restantes vense relixiosas e relixiosas ás que delatan as cruces que colgan sobre o peito e un longos colgantes con contas rematadas en posibles escapularios.



Non sabemos con exactitude de que igrexa se trata, pero ao comparar os negativos coas igrexas da comarca que presentan esa tipoloxía cremos que pode tratarse da igrexa parroquial de Santa María de Pacios, en Baralla. É probable que as fotos se fixeran durante un importante acontecemento. 

 

Como escribimos máis arriba, este tipo de soporte en vidro aparece no ano 1839, e o seu uso rematou a principios do século XX. Estas fotografías terían, entón, máis de 100 anos. Ignoramos se existen outras neste soporte pola comarca dos Ancares pero nós son as máis antigas que coñecemos.
 
Días despois, o amigo Roldán (José Ángel Fernández Revaldería) amosounos unha antiga cámara fotográfica de caixón que pertenceu a un seu antepasado. Será casualidade, pero a cámara utiliza negativos de vidro, tamén de 9 x 12 cm. Sería esta a cámara utilizada para sacar as fotos de Pacios? Daquelas, a xente que podería ter acceso a un aparello fotográfico contaríase cos dedos dunha man. E ollo, a cámara de Roldán aínda funciona!

 


UNHA CRUZ DE HORTA (BECERREÁ) LEVADA PARA SANTA CRUZ DO PICATO (BARALLA)

Nunha finca situada á esquerda da estrada á entrada de Santa Cruz do Picato, en Baralla, dirección Recesende, érguese unha cruz monolítica que descansa sobre un basamento tamén de pedra. O conxunto apoia sobre unha base feita con pequenas pedras de xisto. Salta á vista que esta última base realizouse para que a cruz destacara na contorna polo que deducimos que non formaba parte do conxunto orixinal. Foi isto o que nos levou a preguntar en que posición se atopaba anteriormente, e tamén se sempre estivera nese lugar, ademais de que función cumpría.
 
Todas as lucubracións que fixeramos (se estivera nun cruce de camiños, se ao seu carón enterraran algún recén nado non bautizado ou se producira algunha morte violenta, etc., mesmo pensamos que podería ter a procedencia xunto a capela de Santa Cruz, outrora parroquial, que só conserva a ábsida románica, ou do seu desaparecido cemiterio) viñéronse abaixo cando nos enteramos da verdadeira historia. A finca onde se ergue a cruz é dos mesmos donos da casa-torre de Horta, na parroquia de Agüeira, en Becerreá, con orixes que se remontan aos séculos X ou XI. Nas inmediacións do pazo, mencionado en distintos documentos como Casa dos Ulloa, levántase a capela do San Bieito reedificada, segundo unha prancha que figura na fachada principal, no ano 1710. Moi preto hai un cruceiro moderno colocado nos anos setenta do pasado século XX.
 
Pois ben, a cruz de Santa Cruz do concello de Baralla procede das inmediacións da citada casa-torre e da capela de Horta. Na base orixinal aínda se observan nidiamente as marcas onde estaban colocadas dúas pranchas que posuían senllas inscricións. Que poñían? Descoñecémolo, un veciño de Santa Cruz que podería sabelo, que interveu no traslado ben entrados os anos setenta do pasado século XX, o mesmo que construíu a base onde logo colocaron a cruz, faleceu. (Recollido polo Colectivo Patrimonio dos Ancares).

 

EXCURSIÓN Á CORUÑA
 
En El Pueblo Gallego do 18 de xullo de 1934 aparece recollida a visita que nenos e nenas das escolas de Cadoalla (Becerreá) e Piñeira (Baralla) fixeron á Coruña o día 10 do mesmo mes. Os “magníficos ómnibus completamente abarrotados de niños de ambos sexos” puxéronse en marcha ás catro e media da maña, chegando a Lugo ás seis e media. “Después de visitar la ciudad y sus monumentos y la catedral”, continuaron cara Betanzos, e de alí para á Coruña. Ás oito da noite, “después de haber visitado la ciudad, Torre de Hércules, fábrica de gas”, etc. regresaron para Baralla e Becerreá. 

 
 

A ANTIGA FÁBRICA DE PAPEL DE ARANZA
 
BREVE HISTORIA DO PAPEL

A invención do papel permitiu substituír o papiro e o pergameo por un material máis sinxelo de facer e máis económico. A súa invención atribúese ao chinés Tsai Lun quen polo ano 105 d. C. comezou a producir follas de papel a partires de fibras de tea usada, a cortiza das árbores ou o cáñamo, se ben hai un precedente dun papel elaborado con fibra de cáñamo e un pouco de liño nunha tumba do século II a. C. Os chinos gardaron o segredo durante séculos ata que no século VI traspasou as súas fronteiras, para uns grazas a un monxe budista que levou o invento para Xapón, e para outros cando os musulmáns capturaron preto de Samarcanda (Uzbekistán) a uns artesáns chineses, pasando a Occidente e intalándose muíños papeleiros no norte de África e Asia Menor, salientando as fábricas construídas en Bagdad e Damasco. O papel chegou a Europa da man dos árabes a partir do século XI. A primeira referencia a un muíño papeleiro na Península é do ano 1056, en Xátiva (Valencia). Pedro O Venerable (1092-1156), abade do mosteiro bieito de Cluny (Francia), fala dunhas copias do Talmud xudeo que atopara en Compostela confeccionadas con retallos de vellos panos. Entre os séculos XII e XV a súa fabricación estendeuse por Francia, Italia e Alemaña, e a partir do século XV introduciuse en Inglaterra, Suecia e Rusia. O Misal de Silos, do ano 1080, considérase o documento máis antigo sobre papel creado en Europa. Unha carta escrita en caracteres gregos e árabes que a condesa Adelaida enviou no 1109 ao seu fillo Roger, futuro rei de Sicilia, en caracteres gregos e árabes tamén foi escrita en papel. As innovacións na produción de papel foron lentas, de feito o proceso de fabricación manual duraría ata finais do século XVIII. A principios do XIX púxose en marcha en Inglaterra a primeira máquina para a fabricación de papel continuo, perfeccionamento que continuou case ao longo de todo o século. A elaboración de pasta de madeira iniciada en España cara o 1800 supuxo a fin das vellas papeleiras que usaban trapos importados de Italia como materia prima, que non puideron competir.

 
 
A PRIMEIRA FÁBRICA DE PAPEL DE GALICIA
 
A primeira fábrica de papel en Galicia fundouse no pazo do Faramello, parroquia de Ribasar, concello de Rois, no ano 1710. Durante trinta anos foi Real Fábrica, a única que tiña permiso para expedir papeis da coroa de Felipe V. No século XVIII daba traballo a 50 familias da zona.
 
 

A FÁBRICA DE PAPEL DE ARANZA

A primeira referencia coñecida da fábrica de papel, "de boa calidade", de Aranza débese a Pascual Madoz, no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (1845-1850), é dicir, que xa estaba en funcionamento cando a súa publicación. Aparece no mapa da provincia de Lugo do cartógrafo militar Francisco Coello (1822-1898) do ano 1864. Co tempo pasou ás mans do político, natural de Láncara, Gonzalo Osorio de Alvaredo y López de la Peña (1798-1867) e Nicolasa Pardo de Aguiar y Armada, súa dona, XI señora de Aranza, que a dotaron das máis avanzadas tecnoloxías da época.




No Boletín Oficial da Provincia de Lugo do 1 de novembro de 1879 anúnciase a autorización a Román García Blanes (finou no 1900), casado con Isabel Osorio y Pardo, para reconstruír a fábrica de papel, utilizando como forza motriz as augas do río Neira. Ademais de concelleiro en Lugo, foi propietario de La Ilustración gallega y asturiana; tamén dirixiu El Clamor de Galicia e colaborou en La Aurora, entre outros.
 

En noticia aparecida en El Eco de Galicia do 25 de outubro de 1886 anúnciase a subasta pública da fábrica e varias fincas por 112.000 pesetas.

 

O Diario de Galicia do 9 de xuño de 1891 recolle un anuncio sobre a posta en venta da fábrica de papel pola cantidade de "seis mil pesos"; o seu propietario é Julio Almoyna, seguramente quen máis puxou na subasta celebrada no ano 1886. 

 

A fábrica foi construída na marxe esquerda do río Neira, na parroquia de Laxes, a uns 400 metros do límite coa de Aranza, entre os lugares coñecidos como O Muíño e Riba do Pozo (no Catastro, os terreos onde se atopaba aínda se denominan como Aranza). Funcionou ata a década dos anos vinte do pasado século XX.

Abandonada como fábrica de papel transformouse en muíño fariñeiro, desmontándose a maquinaria e derrubándose os edificios. Os píos de cantería para a preparación da pasta foron reutilizados polos veciños como lagares para a elaboración de sidra. Despois foi convertida en central hidroeléctrica, e por último en piscifactoría que continúa en funcionamento. Na actualidade nada queda da fábrica.

 


EL ECO DE BARALLA
 
Semanario cuxo primeiro número apareceu o 25 de agosto de 1912. Foi fundado por Evaristo Correa Calderón, sendo administrador Emilio Curiel, e redactor Ivo Fernández. Publicou colaboracións literarias, noticias locais, anuncios coerciais e pasatempos.
 

A INQUISICIÓN EN LEXO

Joseph González Somoza, cura párroco de San Xoán de Lexo (Baralla), denuncia ante “la Santa y General Inquisición” a Julián Gómez Sierra, veciño de Lexo e notario do Santo Oficio, por inxurias e insultos “no solo en presencia sino en ausencia”. Ao longo de 246 páxinas, entre os anos 1765 e 1767, un e outro interpoñen recursos, presentando como testemuñas, principalmente, ás respectivas criadas que citan en boca do un ou do outro insultos como “ladrón” (mandar ao gando a comer a cebada do inimigo), “cara de navo”, “judío”, “hijo de cata (?) que equivale a hijo de puta” (literal), traballar en Domingo, “amancebamiento”, etc. Por defender aos seus amos, as mulleres chegaron as mans en varias ocasións, “produciéndose sangre...”. Ao final, o tribunal da Inquisición ditou unha solución salomónica: condenar a cada un ao pago de 20 ducados e á imposición de “perpetuo silencio” sobre todo o acontecido.

 

POEMA A NEIRA DE REI, DE CÁNDIDO GONZÁLEZ

Cándido González, fillo de pais galegos, naceu en Madrid no 1867 e finou en Barcelona no 1916. Estudou medicina pero nunca exerceu, dedicándose á poesía e ao xornalismo. No ano 1892 viviu cos seus avós na Casa de Méndez, na Pena, na parroquia de Neira de Rei. Desta época son os seus poemas en galego, entre outros un dedicado a “Neira de Rei”, incluído por Carré Aldao no seu Literatura Gallega en el siglo XIX (1903).

"Non sei que sería, que tivo ese acerto,

non sei se iste é nome do tempo pasado

nin sei se isto é cousa dun xenio encantado.

¡Ningures mo dicen, de quen perguntei!

Pero é nome posto cos cinco sentidos:

a terra cuberta de fruitas e froles,

a terra das nenas con cara de soles,

a terra encantada de Neira de Rei.

A nai que me quere naceu nesta terra

i ó pé dunha eiraxa, cal vellos creentes

descansan os corpos dos meus ascendentes:

¡de alí foi a nena que tanto chorei!

Nos anos primeiros da miña crianza

Correndo sin treguas polos soutos e prados;

subindo cerdeiras, saltando valados,

os tempos mellores da vida pasei.

Alí son as nenas xeitosas, garridas,

alí vin as caras máis lindas da terra,

o chao ten os puros prefumes da serra

i a paz dos patriarcas en ela atopei.

Os dolmes dos celtas i os castros dos mouros

ca ponte romana do Mazo, á mamoria

nos tran ós que rastros deixaron na Historia

i aquela terriña tivéronlle lei.

Por ela reñeron, en luitas de morte

legando seus aies ás augas do Neira,

que en tristes queixumes recorre a Riveira

en canto se aparta de Neira de Rei.

Que ten esta terra non podo sabelo,

que chora ó deixala quen pon os pés nela

i alábana todos que chegan a vela.

¡Que meiga de terra! ¡Que ten non o sei!

Alí, vendo as augas de fontes e regos

do mundo as tristuras esquezo dorido.

¡E cuadrallo xeito seu nome garrido

a terra fidalga de Neira de Rei!"

 

© Colectivo Patrimonio dos Ancares