* As Festas do Santo (Cadoalla-Becerreá)

A igrexa de San Pedro de Cadoalla, coñecida tamén como O Santo ou Mosteiro do Ecce Homo, atópase en Saa, a carón dun primitivo castro que foi "baleirado" por unha canteira. Trátase dun templo de grandes dimensións coroado por unha cúpula octogonal cunha lanterna con ollos ocos. 

 

A torre, acaroada á fachada principal e que actúa como pórtico, apoia sobre catro piares con arcos de medio punto. A cabeceira está presidida pola talla, do 1727, do Ecce Homo, e a ambos lados as imaxes de madeira policromada da Virxe do Carme, San Pedro (doadas por Manuel Pardo de Vera), San Xoán, San Xosé, San Roque e Santa Apolonia. No ano 2023 comezouse a recadación de donativos para arranxar o retábulo lateral. É probable que a igrexa fora construída sobre unha románica; o que fora cura párroco de Cadoalla, José Seco Castedo (falecido o 6 de marzo de 1960), aseguraba que o templo tiña orixe no século XII. Aínda que non existen datos arqueolóxicos nin escritos, mesmo se conxectura que nas inmediacións houbo un mosteiro. 

Un documento de finais do ano 1809 achega que no mes de febreiro dese ano, durante a Guerra de Independencia, os soldados franceses consumiron dúas fanegas e media de pan pertencentes á igrexa por un valor de 90 reás de vellón.


No ano 1815, o administrador do santuario mercou un reloxo de sol por 370 reás que mandou colocar na torre do campanario.


Entre os anos 1819 e 1822, os carreiros que ían ata igrexa dende Castelo, Cadoalla e Saa foron substituídos por uns camiños mellores, investíndose 7.600 reás. Nun documento do ano 1876, o camiño que ía dende Castelo cítase como Camiño da Igrexa, e noutro do 1914 como Camiño do Souto.

Nunha foto dos anos corenta, extraída de O feitizo de Maruja Roca, de Nieves Neira Roca (2020), vese que ao campanario accedíase por unha escaleira exterior, desaparecida na actualidade.

Nos arredores da igrexa apareceron tumbas de laxas (hoxe en día desaparecidas). Segundo a lenda nunha había enterrado un rei.

Os días 14 e 15 de setembro celébranse as coñecidas popularmente como Festas do Santo, en honra do Ecce-Homo que se venera na igrexa (algún ano a celebración duraba ata tres días). Ademais do ritual relixioso, os veciños acostuman montar uns casetos no Souto da Bouza de Saa, ateigados de comida e bebida. A instalación dos casetos é un costume recente, anteriormente, tal como recollen as crónicas, a xente "acude con las cestas bien repletas, que luego despacharán reunidos en familia, bajo las sombras de sus frondosos castaños".

O seu culto vén do ano 1727 cando o cura, Xosé Valcárcel Quiroga, mercou a imaxe, pagando a metade en cartos e a outra metade en misas. Conseguiu reunir á xente dos pobos de Becerreá, Ouselle, Cruzul e Cadoalla e encamiñarse con todos eles cara os "Picos de Ancares", onde se encargara a nova imaxe do Santo a un carpinteiro, que en "magna procesión" emprenderon o longo percorrido ata San Pedro de Cadoalla.

 

O día 6 de setembro comezaba a "Novena" que, segundo a prensa, "siendo muchas las personas que acuden a la misma por su fervor hacia el Santo y por el hermoso del paraje". En tempos, os veciños ían á igrexa con trigo ou centeo que logo era vendido para mantemento do santuario. Destes cartos, o párroco recibía unha parte xa que, segundo unha sentenza do Tribunal Eclesiástico de 1761, tiña dereito á quinta parte das esmolas que se recadaran durante o ano.

O 24 de xullo de 1889, o Concello de Becerreá, presidido polo seu alcalde Arturo González Vázquez, anuncia a celebración dunha feira anual "de toda clase de ganado vacuno, de cerda, lanar, cabrío y principalmente de caballerías" os días 14 e 15 de setembro, "en el mismo punto que se celebra la antigua función del Ecce-Homo de Cadoalla", engadindo que con tal motivo "se harán festejos extraordinarios que contribuyan a la distracción y entretenimiento del mismo". No mes de setembro de 1991 anúnciase que as mellores cabezas de gando recibirán "premios en metálico los mejores que se presenten".


No ano 1966 a prensa publica que a Comisión de festas estivo formada por "jovenes de ambos sexos", destacando o labor desenvolvido "por las féminas". No ano 1968 a Comisión integráronna José Antonio Montaña e Jesús Pereira, por Becerreá, e Emilio Neira e Manuel Merlán, por Cadoalla. Que a Comisión estivera formada por veciños de Becerreá e Cadoalla debíase a que a parte lúdica das festas repartíanse entre entre as dúas parroquias, a primeira na capital municipal.

Ao Santo acúdese para pedir un favor ou para agradecerlle un xa concedido, para quen o pide ou en nome doutras persoas. O párroco impón unha imaxe do Santo (un pequeno Ecce Homo) por riba da cabeza do devoto, dicindo: "Que el sexa pre ti, o camiño, a verdade e a vida". Moitos penitentes pasan un pano pola talla e logo úsanna cunha finalidade curativa e preventiva. Hai algúns anos traían exvotos representando o corpo humano e tamén animais: vacas, xatos, cochos, etc. Ata non hai moitos anos, como protección, adoitábase arrincar unha estela da porta do templo e gardala na casa o que obrigaba, cada certo tempo, a reparala. Tamén hai procesión coa imaxe do Santo arredor do templo. Á romaría non só acudía xente do concello de Becerreá, tamén de Baralla, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela e mesmo de Lugo.

Ata o ano 1832 había varios penedos por riba e diante da igrexa que foron demolidos e así deixar máis espazo aos devotos que querían camiñar de xeonllos ao redor do templo para cumprir o ritual; o custo ascendeu a 1.900 reás.

Os días da romaría viñan soldados para manter a orde xa que as liortas eran bastante frecuentes. Pagábaselle coas doazóns dos asistentes. No ano 1827 o custo ascendeu a 40 reás "que se dieron a los soldados que vinieron a pacificar la romería".

No século XIX celebrábanse no santurio catro festividades: Santa Apolonia, a Pascoa de Resurrección, o Luns de Pentecoste e a do Ecce Homo.

O xornal El Progreso do 11 de setembro de 1968 publica unha poesía escrita por José Pereira Vilares, "un ilustre hijo de estas tierras", dedicada ao Ecce-Homo:

Ata o ano 2010 ou 2011, no Carballín, un pequeno lugar da parroquia de Cadoalla, situado a carón da vella N-VI, había un tosco peto cunha pequena talla en madeira que representaba ao Ecce Homo. En varias ocasións roubaran as esmolas que lle depositaban os devotos, pero a derradeira vez tamén desapareceu o Ecce Homo; só atoparon o peto, baleiro, tirado nun monte próximo. A foto do peto é de Sabino García González quen non lembra a data exacta de cando as fixo, pero dinos que foi sacada entre o 1983 e 1985. Quizais se trate da única imaxe que se conserva.

 

© Colectivo Patrimonio dos Ancares