TOPONIMIA DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO


 

O ABRAIRAL  
Na parroquia de Lousada. A abraira é unha variante de abeleira, corylus abellana, a árbore que dá as abelás, abellana nux, que deriva de Avella, cidade da Campania famosa por estes froitos. A casca mailas follas usábanse para cortar diarreas e hemorraxias.

ACIVO
Núcleo de poboación da parroquia de Zanfoga. Foi no latín vulgar acifolium, folla de agulla, debido a que as follas están bordeadas de espiñas. Latín Ilex aquifolium, arbusto ou arboriña que, usado como adorno navideño, case provocou a súa desaparición. O froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e vomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor.

AGRO NOVO
Na parroquia de Louzarela. Latín ager-agri, extensión pequena de terra cultivada. O composto vén do latín novus, recén feito ou distinto do que había antes.

AGRO DA PORTELIÑA
Na parroquia do Cebreiro. O composto é un diminutivo de porto, latín portu, paso natural entre montañas.

AGRO DO PRADO
Na parroquia de Lousada. O composto deriva do latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou se sementa a herba para alimentar o gando.

O AGRO DO SEIXO
Na parroquia de Padornelo. O composto vén do latín saxum, rocha, penedo, croio. Hai autores que defenden que o antropotopónimo celta Sescius ou o latino Sessius puido dar orixe ao nome Seixo. A palabra seixo xa se le na forma galega actual no mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 932.

AIRA DOS LOBOS
Na parroquia de Hospital, a 1.348 metros de altitude. Aira procede do latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. A segunda parte do topónimo fai referencia ao lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos: quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. O mítico depredador protagonista de imnumerables lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio, a partir da Idade Media. Da súa abundancia sabémola polas xeiras organizadas contra eles, como as que, no século XIV, ordenou o arcebispo Berenguel de Landoira, mandando que unha vez por semana saísen as parroquias co cura á fronte dende o primeiro sábado de Coresma ata o 24 de xuño para dar morte aos lobos e armar os foxos (burato onde entraba o lobo e non podía saír). Manuel Valladares Núñez, no seu Diccionario gallego-castellano (1884), fala tamén do lobo negro, Canis Lycaon, variedade, quizais, do lobo común pero máis fero, delgado, cor negra uniforme, cunha mancha branca no fuciño e outra no peito.

AIRA DE XAMPAIZ
Na parroquia de Pacios. Parece que ten todas as trazas de o segundo elemento ser unha variante de Sampaio. Paiz é un apelido que se rexistra hoxe nalgúns concellos de Galicia. Segundo Ferrín, pertence ao grupo dos patronímicos, é dicir, formado cun nome persoal, Paio (PELAGIUS < grego PELAGIOS ‘mariñeiro’), ao que se lle engadiu o sufixo –iz, que indicaba ‘fillo de’. O nome Paio deixou abondosa prole en forma de apelidos patronímicos: Pais, Páez ou Paz. Pola contra, temos o fenómeno estraño da palatalización do S- inicial nese contexto. Non parece que existan topónimos onde o San- palatalice en Xan-. Outra posibilidade, pois, sería que a raíz Xam- procedese no nome hebreo Johannes/Ioannes, que dá o noso Xoán, Xohán ou Xan. Estariamos a falar entón dun proceso de fusión de nome e apelido.

AIRELAS
Na parroquia de Lousada. Monte situado na parroquia de Veiga de Forcas. Diminutivo de aira.

ALTO DO CARBALLÓN
O primeiro elemento deriva do latín altus. O composto é un aumentativo de carballo (ver O Carballo). 

ALTO DO CEBREIRO
Para o composto, ver O Cebreiro.  

ALTO DO ESPIÑEIRO
Na parroquia de Louzarela. A 1.196 mertros de altitude sobre o nivel do mar. Latín spinale, lugar onde medran arbustos espiñosos.

ALTO DO PENEDO
Situado a 1.306 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto deriva do céltico penn e do latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. 

ALTO DO POIO
Situado a 1.411 metros de altitude sobre o nivel do mar. Os significados máis coñecidos do vocábulo poio, latín podium, son o de asento de pedra que se constrúe apegado á parede de fóra da casa e ao lado da porta, ou lugar alto onde se pon unha cousa. Mailo anterior, como é o caso, tamén nomea alturas ou montículos con boas vistas. Eiquí houbo un burgo que desapareceu ao igual que a ermida de Santa María. No 1737, Domingo López, alcalde e xustiza ordinaria de Triacastela, mandou xuntar aos veciños da freguexía de Santa María Madalena do Pio de Padornelo para tentar de facer o padrón. No ano 1752, segundo o Catastro de Ensenada, había dúas tabernas cuxos propietarios eran Francisco López Castedo e Domingo Carballo que tiñan arrendados estes establecementos pola cantidade de 348 reás, de cuxos dereitos desfrutaban os veciños.

ALTO DO PORTELO
Diminutivo de porto, latín portu, paso natural entre montañas.

ALTO DO RETORNO
Na parroquia de Veiga de Forcas. Denuncia un terreo que dá a volta.

ALTO DO SAN ROQUE
Entres as parroquias de Liñares e O Hospital. A 1.271 metros de altitude sobre o nivel do mar. Na súa orixe latina, Roque significa "Como unha rocha". A forma medieval Rochus quizais sexa unha latinización da forma xermánica bruc/brokc, choia, corvo, ou rôque, "Aturuxo de guerra". Había unha ermida posta baixo a advocación do santo que foi destruída cando a construción da estrada de Pedrafita a Samos. Ao parecer, don Elías Valiña localizou nunha no ano 1962 unha imaxe do San Roque, totalmente corroída, que había na desaparecida ermida. O monumento ao peregrino que hai no lugar data do ano 1984; conta López Pombo que durante algún tempo estivo vixiado pola garda civil debido a que había sospeitas de que un veciño do Hospital quería destruílo. Popularmente identificouse San Roque con Santandufe, unha historia mencionada polo Cronicón Iriense (século X), a Historia Compostelana (século XII) e na España Sagrada do P. Florez (século XVIII) en que un bispo de Iria chamado Ataulfo é acusado de sodomía. Levado o tema ante o rei, este ordena que sexa sometido a un Xuízo de Deus. O bispo tiña que se enfrontar a un touro, se o animal non lle facía dano sería proba da súa inocencia. Así aconteceu, e despois de celebrar misa o toro achegouse mansamente ao bispo que, ao tocalo, os cornos quédanlle nas mans. Ataulfo perdoou aos acusadores, mais renunciou á súa mitra e retirouse a un afastado lugar de Asturias.

ALTO DE VILARÍN
A 1.125 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto é diminutivo de vilar, latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria. Tamén pode facer alusión a unha *(villa) Elarini, dun propietario medieval de nome Elarinus.

ARCA
A 1.402 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín arca, caixa, co significado de boca que denunciaría unha apertura na rocha ou a presenza de antigos enterramentos megalíticos. Termo moi abundante na documentación eclesiástica medieval.

AREA
Situado a 1.402 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín arena, area. Cheo ou cuberto de area. 

ARO DO PICO
Na parroquia do Cebreiro. A 1.219 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín beccu, punta, cumio dun monte. 

AS ARNELAS
Na parroquia de Zanfoga. A 1.177 metros de altitude. Deriva do prefixo *arn, concavidade. Para Luis Aguirre del Río, no seu Diccionario del dialecto gallego (1858), a arnela é un dos nomes da bronquite. Segundo o Diccionario gallego-castellano da Real Academia Galega (1913-1928) e outros autores é un cacho de dente que queda na enxiva ao arrincalo ou despois de podrido. Para Aníbal Otero Álvarez, en Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués (1939) e en Contribución al diccionario gallego (1967), cortiza da árbore seca que se utilizaba para alumar. Este monte recibe tamén o nome de Pena do Acivo. 

ARO DO PICO
Na parroquia do Cebreiro. Alusión a un lugar elevado que presenta forma circular. O composto deriva do latín beccu, cima, curuto.

AS AZUREIRAS
Abundancial de azor, accipiter gentilis, ave de rapina diurna da familia das falcónidas usada en cetrería. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958) fala dun lugar pequeno. E Elixio Rivas Quintas dun sitio de pozos e dun lugar pouco usado. Tamén pode derivar do árabe as-asur, muro.

O BARGADO
Base céltica *barc, altura, costa, monte. O bargo tamén é unha laxe ou pedra lisa utilizada para facer bargos ou valados.

BARRECEDO
Do latín barro, lama, fango.

O BARREIRO
Monte situado a 1.175 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín barro.

BARXAMAIOR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cebreiro. Barxa, base céltica bar ou barg, parte máis baixa dun val, valgada, e o adxectivo maior o cal, segundo Ares Vázquez, puido ser o nome persoal Maior. De Barxamaior era Xoán Santín, o labrego protagonista do Santo Milagre do Cebreiro.

O BIDUAL
Na parroquia de Zanfoga. Lugar poboado de bidueiros, latín betula pendula. O primeiro estudo sobre a abidueira ou bidueiro débese a Fr. Martín Sarmiento quen, no ano 1759, no seu traballo Sobre a betula ou bidueiro di que no século XVIII aínda non se relacionaba o bidueiro coa betula latina. Para algúns pobos prehistóricos tiña carácter sagrado. Na Idade Media asociouse á bruxaría porque baixo del medra a amanita muscaria, un fungo alucinóxeno. Segundo a lenda, críase que as bruxas construían as súas vasoiras coa madeira desta árbore. Mais tamén posuía propiedades medicinais, a cortiza recomendábase para enfermidades da pel, reuma, gota, mal de pedra e enfermidades do ril. No ano 1745, na súa Viaxe a Galicia, unha muller do Cebreiro faloulle a Fr. Martín Sarmiento das virtudes do bidueiro. 

A BRAÑA 
Na parroquia de Pacios. Galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. 

BRAÑA DO TEIXO
O composto denuncia un lugar frecuentado polo porco teixo, Meles, meles, ou sitio plantado de teixos, latín taxus baccata. Verbo desta árbore conífera, cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas.

BRAÑAS 
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Zanfoga. Plural de braña. Aubrey Fitz Gerald, no seu libro Galicia vista por un inglés (1922), escribe que na pequena aldea de montaña das Brañas da Serra cada un dos vinte e cinco veciños dábanlle catro libras de centeo ao abade no tempo da seitura.

BRIMBEIRA
Núcleo de poboación da parroquia de Liñares. O étimo semella referirse ao vimbieiro, nome derivado do latín vimen/viminis, planta da familia das salicáceas utilizada para facer cestos, amarrar feixes, etc.

BUSNULLÁN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. Topónimo composto. O primeiro elemento vén do latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares. Nullán fai alusión a unha *(villa) Nuliani, dun propietario que atendía polo nome de Nuilla.

A CABANA
Na parroquia de Zanfoga. Do latín capanna, alusión á existencia de cabanas de uso preferentemente agrícola e/ou gandeiro.

CABANAS DE PAPARÓN
Na parroquia de Lousada. Segundo Constantino García González, no seu Glosario de voces galegas de hoxe (1985), recibe o nome de paparón unha persoa boba, babeca. 

A CABEZA 
Na parroquia de Zanfoga.  Do latín vulgar capitia, derivada de caput, cabeza, punta, cumio, extremo, cabo, referido á parte superior do corpo humano, dunha montaña ou, tamén, comezo, principio. 

CABEZA GRANDE
Nas parroquias de Louzarela, Padornelo e Riocereixa. Situado a 1.534 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto vén do latín grandis, que supera en tamaño, importancia, etc. ao común e regular.
 

CABEZA DO PICO 
Na parroquia de Lousada. O segundo elemento deriva do latín beccu, cume, altura.

CABO DE VILA
Cabo vén do latín caput, cume, aínda que en galego adoita aludir ao extremo dunha cousa ou lugar cando non actúa como adverbio xa que pasaría a significar xunto a, a carón de. O segundo elemento deriva do latín villa, topónimo xurdido na Idade Media referido a novos núcleos de poboación fundados tanto por nobres coma por servos. 

O CADALEIRO 
Na parroquia de Louzarela. 

O CALEIRO 
Na parroquia de Zanfoga.  

CAMIÑO DA ANTIGA
Citado nun documento do ano 1757. O investigador Luis López Pombo di que partía de Veiga de Valcarce, pasando por Pedrafita do Cebreiro, Padornelo, Alto do Lago, Casa da Chancia, As Cruces, Albela, Furco da Meda, Ponte de Carracedo, o Corgo e Lugo, e dende eiquí continuaba polo Monte Segade e Friol ata Melide. Continúa López Pombo que podía formar parte da división referenciada no deslinde do Condado suevo Sarriense, onde se menciona por esta orde como límite de Meizarán, Padornelo, O Cebreiro, sitios polos que discorre o devandito camiño. Segundo fose da parte de arriba ou de abaixo do camiño, era do Condado Sarriense ou do Condado de Neira, indo de Meizarán cara O Cebreiro, ao lado da dereita (parte de arriba) era do Sarriense, e pola esquerda (parte de abaixo) do Neira. 
 
Camiño vén do latín vulgar camminu, sitio polo se pasa cando se vai dun lugar a outro. Ata non hai moitos anos, a reparación dos camiños corría a cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios de transporte; a participación nos traballos era obrigatoria, o incumprimento dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa. O composto deriva do latín antiqua, que existe dende hai moito tempo. 

CAMIÑO DE CONNAVIA
En San Pedro. Segue o curso do río Navia. 

CAMIÑO DE SANTIAGO
O Camiño Francés de Santiago, a máis famosa das rutas de peregrinación a Compostela, atravesa gan parte do concello de Pedrafita do Cebreiro: Pedrafita, O Cebreiro, Liñares, Hospital, Padornelo e Fonfría. Descrito no século XII no famoso Liber Sancti Iacobi.    

A CAMPA
Nas parroquias do Cebreiro e Riocereixa. Campo, do latín campus, pero de extensión máis ampla. Para Luis Aguirre del Río (1858) e outros autores, lápida sepulcral, a coberta do sepulcro. 

CAMPA DAS TORGAS
Na parroquia de Riocereixa. Monte situado a 1.456 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto é unha variante de uz, queiroga, a planta ericácea arbustiva con cuxas raíces se fai o carbón vexetal. 

CAMPO DA CAL
Na parroquia de Liñares. O primeiro elemento vén do latín campu, extensión máis ou menos ampla de terreo situado, xeralmente, fóra das poboacións. O composto deriva do latín callis, senda, rúa, paso estreito entre dúas montañas. Tamén canle, do latín canale, sulco por onde discorre a auga.

CAMPO DO GAMONAL
Na parroquia de Riocereixa. Sitio plantado de gamóns. O gamón, céltico cammon, ou abrótega, asphodelus albus M., é unha planta da familia das liliáceas que medra nos soutos e ladeiras entre toxos que ten propiedades medicinais. As raíces son fariñentas e con elas facíase un pan de escasa calidade e tamén se obtiña alcol. Segundo Fr. Martiño Sarmiento o rebento utilizábase como candea (guizo ardente).

CAMPO DA LAGÚA
Para o composto, ver A Lagúa. 

CAMPO DOS TOXOS
Lindeiro coa comarca do Bierzo. Prerromano toju, o arbusto silvestre, verde e espiñoso, tan común en Galicia, que se roza para estrume, cama do gando, etc. O toxo tiña un gran valor na economía campesiña que, en moitos sitios, se sometía a un semicultivo, especialmente o toxo xigante ou o toxo arnau, este, pola súa dureza, usábase para facer bastóns, estadullos, etc. Tamén se utilizaba para protexer os valados. 

CANCELA DO MARCO 
Na parroquia de Riocereixa.  

O CANDEDO
Diminutivo de cando, partícula *cand, rocha, sitio pedroso. Segundo J. M. Piel, pode que veña do apelativo románico cando que designaría ao tronco dunha árbore. Corominas faino derivar do latín candere, arder.

AS CANTEIRAS
Base céltica *cant, pedra. Lugar de onde se saca a pedra.

A CAPELA
Oratorio edificado habitualmente nun sitio ermo e despoboado. Vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao pedazo de capa que San Martiño deu a un pobre. No concello de Pedrafita están as capelas ou ermidas dos Milagres de Barxamaior, San Antón de Fonteferreira, San Roque de Fonteformosa, San Miguel de Foxos, San Brais de Coterces, San Bartolomeu de Chan de Pena, Santa Bárbara da Rabaceira, Santiago de Santalla, San Matías de Trabazas, Santa Bárbara de Val de Fariña, San Antón do Seixo, Sagrado Corazón de Sabugos, Santo Anxo da Garda de Vilasol, San Pedro de Riocereixa, Santa Bárbara de Rubiais e San Antón en Veiga de Brañas.   

CAPELOSO BAIXO
En Brañas da Serra, parroquia de Zanfoga. Alusión á néboa ou nubes que poden cubrir un terreo.

A CARBA
Na parroquia de Lousada. Especie de carballo pequeno e de mala calidade de madeira. Elixio Rivas di que da carba facíase o xabexugueiro do xugo, retorcido ao lume. Segundo o mesmo autor, o vocábulo utilizábase moito en Barxamaior, O Cebreiro e polo Bierzo occidental.

A CARBALLEIRA
Na parroquia de Zanfoga. Terreo poboado de carballos, latín quercur robur.

CARBALLO
Latín quercur robur. Na antigüidade ao carballo considerábanno coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os habitanes dos castros comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía e o atraso dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a invasión romana.

A CAROCHA
Na parroquia de Zanfoga. Folla que envolve a espiga de millo, ou parte dura que encerra o froito do piñeiro. As carozas eran usadas para facer o lume. Tamén oco que forma o tronco carcomido dunha árbore, ou que queda no terreo unha vez cortado. 

A CAROCHIÑA
Na parroquia de Hospital. Diminutivo de carocha. 

CARREGADO 
Na parroquia de Padornelo. No Diccionario gallego-castellano (1913-1938) da Real Academia Galega, cargado, que recibiu unha carga, que sustenta unha carga; tamen cheo, completo, acumulado; e turbio, espeso, escuro. Ou quizais habería que relacionalo con carregal, lugar onde nacen carregas, as plantas gramíneas abundantes en terreos húmidos ou, segundo Rivas Quintas (1982), sitio de rochas.  

CASA DO BLANCO
Na parroquia de Zanfoga. Do latín casa, construción destinada a vivenda. O composto deriva do latín albus.

CASA DAS CADEAS
En Fonfría. O composto vén do latín catena. Cóntase que nela pasou noite Isabel a Católica na súa peregrinaxe a Santiago de Compostela. Está documentado que esta casa tivo dereito de asilo. O nome veulle polas cadeas que pechaban o patio. Tamén era coñecida como Casa da Aira e ao seu carón había un Mesón Real que  tiña as cadeas en sinal de padroado e protección do rei. O mesón foi derruído por mandato de Francisco Fernández Rodríguez na década dos anos oitenta do pasado século XX. Do mesón di William Dalrymple (1774): "A pousada chámase Mesón Real e mesmo ten grandes cadeas na porta para facer ver que efectivamente pertence ao rei. Esa casa real é unha miserenta pousada onde atopamos un cuarto malo e mesmo tivemos que cambiarlle de comida aos cabalos pois non había cebada e custounos bastante atopar centeo abondo para alimentalos" (Aventureiros e curiosos. Relatos de viaxeiros estranxeiros por Galicia, séculos XV-XX, de A. Garrido, 1994). 

CASA DA FONTAÍÑA 
Na parroquia de Hospital.  

CASA DA FONTE
O composto vén do latín fons, fontis, manancial que mana da terra.

CASA DA RAÍÑA
Na aldea de Valdefariña, na parroquia de Louzarela. O segundo elemento deriva do latín regina. Hai quen a relaciona coa raíña Dona Urraca que fixo noite nela. López Pombo di que era couto do señor de Pacios (da familia Saco Armesto). A mediados do século XVIII a metade do couto foi vendido á familia López, do lugar de As Pasantes, en Triacastela. No século XVIII os donos desta casa levaban o apelido Reina, ben porque tomou o nome da casa ou que a casa tomou nome do apelido. 

CASA DO REGO 
Na parroquia de Riocereixa.  

CASA DE ROQUE
A forma medieval Rochus quizais sexa unha latinización da forma xermánica bruc/brokc, choia, corvo, ou rôque, "Aturuxo de guerra".

CASA DE SEGUNDO
En Zanfoga. Conserva unha pedra armeira; segundo recolle López Pombo, por noticias facilitadas polo dono actual, pertenceu aos condes de Toledo de Vilafranca. O nome propio Segundo vén do latín secundus e significa "segundo, o segundo fillo".

CASA TORRE DO SEÑOR OU DE PACIOS
En Pacios. Conserva a pedra armeira das familias dos Armesto, Ron e Valcarce. O vínculo e morgado da casa de Pacios quedou constituído no ano 1696. Nese mesmo ano, Gonzalo Armesto e Lope Saco de Armesto e a súa muller doaron ao seu fillo o terzo e quinto de todos os bens que tiñan ou os que puideran ter ou adquirir, que lle sinalan no couto de Pacios e toda xurisdición civil e criminal, vasalos, rendas, lugares, herdades, etc., comprendido en dito couto e o anexo do Val de Fariña. Nun documento do ano 1747 detállase a dote de Francisco Antonio Saco de Armesto polo casamento con Manuela Francisca Santamaría e San Martín. Atópase acaroada á igrexa parroquial, con acceso directo ao coro para que os propietarios da torre asistiran aos oficios relixiosos. Vázquez Seijas di que é probable que o oco que ocupa a igrexa estivera antes o corpo da torre, e que debeu ser cara o ano 1600 cando se efectuou a substitución, ao reformar o inmoble.

CASA DE VEIGA DE FORCAS 
Segundo Vázquez Seijas eiquí estivo un castelo pertencente aos Armesto, actualmente desaparecido. Consérvase a casa, pazo e torre, despois de teren sufrido varias reformas pouco afortunadas, mantendo o corpo da torre. Nos arranxos efectuados no ano 1964 xa desapareceran dous fermosos linteis e, antes, outros edificios anexos. Conserva dúas pedras armeiras dos Armesto e Ron; nesta última lese: "A este son comen os de Ron". No ano 1450, o mosteiro do Cebreiro arrendou a xurisdición aos Armesto, sendo a partir de entón cando os señores da fortaleza pasaron a xestionar as terras e a cobrar os trabucos aos labregos. No ano 1625, Gonzalo Armesto e Ron derrubou a capela do pazo e construíu a igrexa parroquial, situada xunto a casa, contando para elo coa oposición do prior do Cebreiro pero co visto e prace do bispo de Lugo. Os de Veiga de Forcas son ascendentes dos marqueses de Viance, dos Vilaverde de Limia, dos condes de Almina e dos marqueses de Guad-El Gelú. O máis antigo dos Armesto coñecido, de quen se di descendían todos os deste apelido, foi Nuno Pérez de Armesto, que estivo casado con Inés Díaz de Balboa, pais de Gonzalo de Armesto e Valcarce, o Gonzalo "O Vello", fundador do vínculo e morgado para o seu fillo Matías de Armesto e Valcarce e os seus sucesores. A súa filla Inés de Armesto e Valcarce casáronna con Gonzalo Saco de Armesto, señor de Pacios. Parece ser que este matrimonio puxo paz entre ambas as dúas familias que dende antigo sostiñan fortes desavinzas. O P. Crespo, no seu Blasones y Linajes de Galicia (1957-1965) di que os Armesto proveñen da freguesía de San Román de Armesto, no partido de Becerreá. A mediados do século XVIII os fidalgos xa non vivían na casa-torre xa que se trasladaran para Vilafranca do Bierzo. Segundo a documentación que existía no arquivo do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse eiquí os habitantes do Cebreiro ao grito de "Viva o pobo, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como Acordo Municipal do Cebreiro no cal destitúen á corporación municipal de Pedrafita, designando como sé do municipio a Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros, a Manuel Mejía e José de Neira Saco quen por elo foron procesados polo delito de rebelión. A principios do século XX vendéronse os bens e rentas da casa de Veiga de Forcas, que foron adquiridas por José Rebollal, veciño do lugar, pasando despois a Neira Pol. No mes de xaneiro de 2016 derrubouse parte do edificio debido ao abandono, que se agravou coa choiva e o vento. Para o composto, ver Veiga de Forcas.

OS CASARES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Zanfoga. Plural de casar, derivado do latín casa. Explotación agro-gandeira formada por unha vivenda principal e outras construcións anexas. Casa rústica coas súas propiedades. O casal ou vilar xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

CASAS DAS REBOLEIRAS
Na parroquia de Zanfoga. O composto é unha variante de reboredo, latín roburetum, de robur, carballo. 

O CASTRO
Do Latín castru. Un castro é un asentamento ou recinto xeralmente fortificado, de forma oval ou circular, situado a maioría das veces no cumio de outeiros, pero tamén presentes en esporóns costeiros, ladeiras de zonas montañosas, chairas e illas. No municipio de Pedrafita do Cebreiro temos o da Chan do Castro, da Torre e Vilela na parroquia de Lousada; Louzarela; da Escrita ou Tralocastro en Pacios; O Castrillón, entre Padornelo e Sabugos; O Paredón ou Pena das Abellas e As Torres ou San Pedro, en Riocereixa; e O Igrexario, en Zanfoga.  

O CEBREIRO (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. De cebrarium, lugar onde hai moitos asnos bravos, tamén chamados onagros e cebros, equos feros, máis o sufixo -arium. Moralejo Lasso di que o nome fai referencia ao zebro ou enzebro, animal moi abundante en Galicia, semellante á cebra pero sen raias, ata a súa extinción no século XIV xa que era obxecto de caza para aproveitar a súa pel. Hai autores que din que non se pode precisar se pertence ao mesmo termo que aciveiro, acevreiro ou acivreiro. Para outros podería ter unha orixe celta, co significado de espiña dorsal, en clara alusión ás montañas que artellan o municipio. Nicando Ares Vázquez (2009) di que a voz galega cebra tamén significa golpe forte de vento e choiva fría, con distinta etimoloxía quizais relacionado co vento zephyrus. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". O Cebreiro xa figura na Divisio Theodomiri (569). No Codex Calixtinus do século XII cítase como Mons Februarii, di que había "hospitales incacumine montis". No ano 1072. o rei Afonso VI suprime, de entre outros privilexios que tiña o Cebreiro, o pago de portádego de Autares, e permitindo que as cabalerías do mesón puidesen pastar libremente por toda a zona. A raíña Dona Urraca, no 1118, concede privilexios e doazóns ao mosteiro. No 1166 o rei Fernando II e a súa muller doan ao hospital o lugar de Zanfoga. O P. Flores, na súa Historia Sagrada, cita as aldeas de Meizarán, Padornelo e o Monte Cebreiro. Dise que O Cebreiro sufriu o ataque dos normandos. No Catastro de Floridablanca (1785), O Cebreiro comprendía as freguesías do Cebreiro e Hospital da Condesa coa súas anexas do Padornelo, Liñares, Riocereixa, Veiga de Forcas e Zanfoga. Segundo o Diccionario de Madoz (1845), tiña casa para Concello e cárcere, máis carecía de escola; había tres fontes de augas frías e delgadas; os camiños cara Valdeorras e Castela atopábanse en mediano estado de conservación; pola freguesía pasaba a vía romana da cal se conservaban algúns tramos; o correo recibíase por Veiga de Valcarce. Foi cabeza de xurisdición, onde estaba o Concello, a casa de audiencia e o cárcere. Os primeiros traballos acerca das pallozas do Cebreiro foron publicados no Boletín da Real Academia Galega no mes de novembro de 1913 e no mes de abril de 1914, cuxos estudos levan por título Las casas del Cebrero y Origen y antigüedad de las pallozas del Cebreiro. O 26 de setembro de 1972 iniciouse o expediente para declarar o poboado  como Conxunto Histórico Artístico.

CELEIRÓ
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Liñares. Do latín cellariu, de cella, despensa. Indica a presenza dun antigo almacén agrícola, dun espazo pechado relacionado coa agricultura. Hai autores que ven nos celeiros unha evolución das prehistóricas palafitas; outros, que foron os celtas quen os introduciron en Galicia, a semellanza dunhas furnas cinerarias. Tamén cela monacal. Segundo o Tumbo de Lugo do ano 714, cando o diácono Rodrigo foi expulsado polos sarracenos de Coimbra, fundou as igrexas de San Xoán Bautista, Santo Estevo de Liñares e Santo Tirso de Celeiró (desta última, se houbo, non quedan restos).

O CEMITERIO
Do latín coemeterium. Recibe o nome o lugar da parroquia onde se enterra aos mortos. Camposanto.

CERRACÍN
*(Villa) Zarraquini, dun posesor de nome Zarraquinus.

A CERRADA
Na parroquia de Zanfoga. Alusión a un muro ou valado que pecha un terreo.

CHAN DOS COGOLUDOS
Situado a 1.246 metros sobre o nivel do mar. Chan deriva do latín planu, planicie elevada. O segundo elemento, do latín cucullus, co significado de carapucha, alusión a unha prominencia elevada sobre o terreo.

CHAN DOMBEA
Na parroquia de Veiga de Forcas. Para a segunda parte do topónimo, un título semellante a sanctus, santo, é o antigo prefixo don, semellante ao latín dominus. Bea quizais estea relacionado cun teónimo de orixe celta. 

CHAN DE PEDRAFITA 
Na parroquia de Riocereixa. Para o composto, ver Pedrafita do Cebreiro.  

CHAN DE PENA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Lousada. O composto vén do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo.

CHAN DE SILVA
Na parroquia de Riocereixa. Latín silva, arbusto espiñoso que dá as amoras.

OS CHAOS
Na parroquia do Cebreiro. Latín planu, planicie elevada.

CHAO DE ABEDUIS
Na parroquia de Zanfoga. O composto semella facer alusión ao bidueiro, latín betula pendula. O primeiro estudo sobre a abidueira ou bidueiro débese a Fr. Martiño Sarmiento quen, no ano 1759, no seu traballo Sobre a Betula ou Bidueiro di que no século XVIII aínda non se relacionaba o bidueiro coa betula latina. Para algúns pobos prehistóricos tiña carácter sagrado. Na Idade Media asociouse á bruxaría porque baixo del medra a amanita muscaria, un fungo alucinóxeno. Segundo a lenda, críase que as bruxas construían as súas vasoiras coa madeira desta árbore. Mais tamén posuía propiedades medicinais, a cortiza recomendábase para enfermidades da pel, reuma e gota.

CHAO DO ALLO
Lindeiro coa comarca do Bierzo. A 1.542 metros de altitude sobre o nivel do mar. O allo, latín alium, é a planta con bulbo dividido en dentes de sabor picante e cheiro forte moi utilizado como condimento. Ademais das coñecidas propiedades medicinais, para os supersticiosos posúe virtudes máxicas, eficaz contra o mal de ollo e a envexa. Tamén se emprega  para ceibarse das meigas e dos feitizos.

CHAO DA ANDOLADA
Na parroquia de Zanfoga. Existe un topónimo Andelo en Nogueira de Ramuín, que se relaciona cos Amedo, Amendo, Amido, Amoedo, isto é, derivados de *AMINETU ou *AMENETU, que nos leva de novo ao amieiro ou ameneiro. A forma Andolada podía ter un significado colectivo, ao igual que Ambredo, como ‘lugar de amieiros’, pero isto collido con todas as dúbidas. Agora ben, o Dicionario de dicionarios pode darnos a luz. A palabra ‘andola’ ou ‘andoliña’ remite á avelaíña, as bolboretas que aparecen de noite ao redor da luz. Andolada, logo, remitiría a unha bandada de avelaíñas.

CHAO DO ARCO
O composto vén do latín arcus, alusión a un terreo en forma de arco, curvo. Por veces pode denunciar un enterramento megalítico.

CHAO DOS BOIS
Na parroquia de Riocereixa. Cremos que composto nada ten que ver co animal mamífero, rumiante, da familia dos bóvidos, latín bos, bovis, tan común en Galicia e utilizado para tirar do carro ou do arado. Hai que retrotraelo a unha base precéltica *boi, pedra.

CHAO DE CANCELO
Na parroquia de Lousada. O composto deriva do latín cancellu, estrutura que se coloca nunha portela ou parte do curro onde se mete o gando. Segundo a crenza popular, xunto ás cancelas xuntábanse as almas dos defuntos, por iso, en moitas partes de Galicia, aínda hoxe en día, non se pechan con violencia por medo a espertalas.

CHAO DO COTO
Na parroquia de Hospital. A 1.123 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver O Coto.

CHAO DAS CRUCES
Na parroquia do Cebreiro. Do latín cruce. Pode facer alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián. Nas encrucilladas detéñense os enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación. Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a morte. Cómpre lembrar que moitos enterramentos efectuábanse á beira dos camiños e nas encrucilladas (meniños que morrían sen bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares infundían pola noite. Tampouco é infrecuente atopar cruces insculpidas nas penedas (petroglifos), ben de factura prehistórica, que vén a ser a representación esquemática da figura humana, ou ben de época medieval que servía para sinalar as lindes dunha terra. 

CHAO DA CRUZ 
Na parroquia de Hospital. Ver Chao das Cruces.  

CHAO DE CUÍÑA
Na parroquia de Zanfoga. Do latín collina, prominencia, altura, lomba, outeiro. Algúns investigadores retrotraen a orixe á base preindoeuropea *cun con análogo significado. Para Nicandro Ares podería ser unha variante de coiña, col nova, diminutivo de col, que era caulis/colis en latín, ou tamén diminutivo de coia, voz galega de orixe prerromana.

CHAO DE DURÁN 
Na parroquia de Hospital. Elixio Rivas Quintas di que o composto fai referencia a un canto rodado, coio de río moi duro, de cuarzo. Ao parecer, a orixe do apelido Durán atópase en Galicia, Cataluña, Valencia e Illas Baleares. Se ben está moi estendido por toda a Península, algúns investigadores sosteñen que o berce está no Castelo de Portela, en terras da Limia. Hai quen acredita que é de orixe patronímica derivado dun posesor latino de nome Durandus, "que ha durar", do verbo durare.

CHAO DE ESCOBIO
Na parroquia de Padornelo. Segundo Aníbal Otero Álvarez no seu Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués (1951), o vocábulo escobio nomea un paso estreito nunha montaña.

CHAO DE FONRUBÍN
Na parroquia de Veiga de Forcas. O composto fai alusión a unha fonte cuxa segunda parte deriva do latín rubeu, unhas augas que, por algún proceso de oxidación, son de cor rubia ou vermella. Tamén pode facer alusión a un propietario medieval de nome Rubinus.

CHAO GRANDE 
Na parroquia de Riocereixa. O segundo elemento deriva do latín grandis.   

CHAO DO LAGO
Na parroquia de Lousada. Ver O Lago.

CHAO DA LAGÚA
Nas parroquias de Padornelo e Riocereixa. Ver A Lagúa.

CHAO DE LAREA
Larea, dimutivo de leira, céltico lar que deu o vocábulo latino larea ou glarea. Terreo labradío ou cultivado.

CHAO DE LEBRATO
Na parroquia de Hospital. A 1.132 metros de altitude sobre o nivel do mar. Macho novo da lebre, lepus, leporis.

CHAO DO LINDEIRO 
Na parroquia de Padornelo. O lindeiro é a franxa de terreo sen cultivar que serve de separación entre dúas leiras; ou campo con herba onde se levan as vacas a pacer. No lindeiro xuntábanse mozos e mozas para ir xuntos ás festas e outras celebracións.

CHAO DE MODREIRO
Na parroquia de Padornelo. Para o composto, ver Modreiro.

CHAO DO MONTE
Na parroquia de Louzarela. Latín monte, terreo no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación.

CHAO DAS NAVAREGAS
Na parroquia de Louzarela. Partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo ou depresión montañosa. 

CHAO DO PANDO 
Na parroquia de Riocereixa. O segundo elemento vén do latín  pandu, alusión á forma curva ou cóncava dun terreo. Terreo chan entre dúas alturas. 

CHAO DE PEDRAFITA
Para o composto, ver Pedrafita do Cebreiro.

CHAO DA PENA
Ver A Pena.

CHAO DE PERREDO
A 1.308 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto pode ter unha orixe céltica que denunciaría un promontorio, un lugar elevado.

CHAO DO PIORNAL
Na parroquia de Pacios. O composto fai alusión a un monte poboado de piornos, latín vivurnus, o arbusto similar ao codeso e á xesta que se cría nas serras e lugares montañosos e fríos. Os piornos utilizábanse, xunto coa uz, para facer carbón. 

CHAO DO POMBO 
Na parroquia de Zanfoga. Do latín palumbus. Nome vulgar extensivo a unhas aves colombinas representadas por especies selvaxes e outras domésticas, en contraposición á doméstica que era columba. Alusión tamén a unha persoa bondadosa.     

CHAO DA POZA
Na parroquia do Cebreiro. Monte lindeiro coa provincia de León. A 1.408 metros de altitude sobre o nivel do mar. Deriva de pozo, latín puteum, escavación profunda no solo para depósito de auga. Burato que hai no terreo e que está cheo de auga.

CHAO DE PRADOS
Na parroquia de Zanfoga. Latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou se sementa a herba para alimentar o gando.

CHAO DO SEIXO
Na parroquia de Liñares. O composto deriva do latín saxum, rocha, penedo, croio. Hai autores que defenden que o antropónimo celta Sescius ou o latino Sessius puido dar orixe ao nome Seixo. A palabra seixo xa se le na forma galega actual no mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 932.

CHAO DA SERRA
Na parroquia de Padornelo. Situado a 1.337 metros de altitude sobre o nivel do mar. Unha serra, latín serra, é un cordal montañoso de pouca extensión.

CHAO DO TEIXO
Cubil do porco teixo, Meles, meles, ou sitio plantado de teixos, latín taxus baccata. Verbo desta árbore conífera, cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas.

CHAO DA VALLA
Na parroquia de Padornelo. Variante de valga, latín vallica, de val, latín vallis. Tamén sinónimo de valgada, parte máis baixa dun val.

AS CHOUSAS
Na parroquia de Padornelo. Latín clausa, monte, horta, herdade ou calquera tipo de terreo pechado.

O COCOTO
Na parroquia de Louzarela. Variante de coto. Ver O Coto.

OS COGORDOS
Na parroquia de Louzarela. Monte situado a 1.125 metros de altitude sobre o nivel do mar. Alusión a un sitio poboado de cogomelos, os fungos comestibles ou velenosos. Tamén reciben o nome os niños de aves de gran tamaño, colocados no alto das árbores.

A COMBA
Monte situado a 1.213 metros de altitude sobre o nivel do mar. Segundo o P. Sarmiento, comba en galego é cousa curva, do grego kampto e kampe.

COMEAL
Variante de Cumio. Nas actas do III Congreso de las Obras Públicas Romanas, organizado polo Colegio de Ingenieros Técnicos de Obras Públicas de Castela-León, noméase o magnífico terraplén e outros interesantes restos construtivos (drenaxe transversal, muros de contención, etc.) da vía romana que unía Lugo con Astorga.

O CONCELLO
Latínn concilium, concilio, reunión, asemblea. Organismo composto polo alcalde e os concelleiros que gobernan un municipio. Territorio formado por varias parroquias que están baixo o goberno do mesmo concello. 

O CORGO DA MEDORRA
En Rubiais, parroquia de Zanfoga. Para o primeiro, do latín corrugu, elemento existen varias acepcións: Poza natural ou artificial no decurso dun río utilizada para curtir o liño. Oco nunha rocha ou depresión do terreo que se enche de auga cando chove. Represa natural ou poza artificial onde se recollen as augas destinadas a regar, e, tamén, canle de distribución destas augas. Camiño estreito e profundo que discorre entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. Xa no eido da mitoloxía, Corgo derivaría do nome da divindade Goro ou Coro, o prehistórico deus solar que pode ser vermello, cando está no solpor, ou negro, símbolo do Sol subterráneo que loita e logo morre a mans do deus branco, o escintilante; o combate ten lugar na Fin do do Mundo, no Oeste, no País da Morte, no Finisterrae. Tamén pode estar relacionado co nome de persoa Curicus ou Coricus. O vocábulo medorra é un dos máis de trinta nomes que reciben en Galicia os enterramentos megalíticos do período Neolítico. 

A COROA 
Na parroquia de Lousada. Denuncia a forma de coroa ou croa que presentan algúns montes. En moitas ocasións o vocábulo adoita sinalar a presenza dun castro. 

CORREGADO
Variante de corgo,

AS CORTIÑAS
Na parroquia de Lousada. Do latín curtare. Terreo próximo á casa, xeralmente cercado, similar á horta, adicado a prado ou a cultivo.

A COSTA
Na parroquia de Zanfoga. Latín costa, terreo en pendente, xeralmente referido a un camiño.

O COTARÓN
Na parroquia de Padornelo. Aumentativo de coto.

COTELA DO FARO
Na parroquia de Riocereixa. A 1.165 metros de altitude sobre onivel do mar. Monte lindeiro con León. Diminutivo de coto. Para o composto, ver Faro.

COTERCES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Liñares. Aínda que semella facer alusión a un sitio elevado, a un coto, Nicandro Ares Vázquez di que a terminación invita a pensar nun patronímico.

O COTO
Na parroquia do Cebreiro. Prerromano *cott, altura, prominencia, lugar dominante. 

O COUSO
Latín causu. Leira para cultivo de legumes. Tamén depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras.  

COVA DA AIRA DOS LOBOS
Na parroquia do Hospital. Cova vén do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. En Galicia é rara a cova que non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas enfeitizadas. Atopáronse restos paleontolóxicos. Para o composto, ver Aira dos Lobos. 

COVA DE LIÑARES 
Para o composto, ver Liñares.

COVA DA MOURA
Na parroquia de Zanfoga. Mouro deriva da raíz *mor, pedra, nome que, nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraigado no maxín popular que deu multitude de lendas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, fontes, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria. 

COVA DOS MOUROS 
Na parroquia de Hospital. Ver Cova da Moura. 

COVA DA PENA DA SERRA
Na parroquia de Hospital. Ver Pena da Serra. 

COVA DO PICO DE CORNABUDOS
Na Parroquia do Hospital. Ver Pico de Cornabudos. 

COVA DO PURRUÑAL
En Liñares. Apareceron fósiles de animais prehistóricos, coma de xabarin (Sus scrofa) que tivo unha gran diversidade no Terciario; os do Pleistoceno eran de maior tamaño ca os actuais. E de corzo (Capreolus capreolus), os antecesores co corzo actual pero de maior tamaño; en Europa dispoñemos de fósiles de polo menos hai 600.000 anos. De cervo (cervus elaphus) saíron á luz 739 pezas; os primeiros restos de cervos datan de hai 25 millóns de anos, no Oligoceno; o cervo actual tivo importantes variacións de tamaño ao longo do tempo; os primeiros restos corresponden a cervus elaphus acoronatus, caracterizado por uns cornos en "coroa". E, por último, de bisonte estepario (Bison priscus), similar aos actuais bisontes europeos, pero de maior tamaño e cos cornos en media lúa máis longos; apareceu hai 580.000 anos, e extinguiuse ao final do Pleistoceno; a finais do Paleolítico converteuse nunha peza cobizada, o que se reflicte nas numerosas pinturas rupestres da época. 

COVA DA RAPOSA  
Na parroquia de Hospital. Cova frecuentada pola femia do raposo, do latín rapum, rabo, coñecido tamén como golpe, latín vulpes. 

COVA DA REBOLEIRA
Na parroquia de Fonfría. Trátase dunha cova natural. Para o segundo elemento, ver A Reboleira.

COVA DA TARA
Na parroquia de Riocereixa, á beira do regueiro do Faro. Trátase dunha cavidade cárstica que, a simple vista, amosa moito interese, posiblemente arqueolóxico. Para o composto, ver As Taras.

COVA DE VALDABRAIRA
Na parroquia de Veiga de Forcas. Coñecida tamén como Cova do Penedo. O composto está formado polos vocábulos val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas, e abraira, variante de abeleira, corylus abellana, a árbore que dá as abelás, abellana nux. As primeiras exploracións e topografía son do ano 1980. No seu interior atopáronse restos paleontolóxicos e arqueolóxicos.

COVA VAL DE GALIÑAS
Na parroquia de Pedrafita do Cebreiro. Trátase dunha explotación mineira de chumbo e estaño en galería. O último elemento deriva do latín gallina, alusión á ave de curral. En tempos, comer carne de galiña era un verdadeiro luxo, tanto é así que mesmo existía o cargo de Galiñeiro Real que se encargaba de subministrar esta ave aos monarcas. Como elemento simbólico, a galiña representaba á Nai Protectora.

AS CROAS
Na parroquia de Padornelo. Do latín corona. O orotopónimo denuncia a forma de coroa ou croa que presentan algúns montes. En moitas ocasións o vocábulo adoita sinalar a presenza dun castro.

CRUCEIRO DA MINA
O primeiro elemento vén do latín cruce, alusión a un cruceiro que se coloca nos cruces de camiños, adros das igrexas, etc. que tamén pode denunciar un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños. O composto vén do céltico meina que, ademais de referirse a lugares onde se extrae o mineral ou a minas de auga, tamén nos fala de nomes de mámoas e antas tal como o demostra a abundancia de microtopónimos que denuncian os enterramentos megalíticos esparexidos polo país.

O CUAÑO
Na parroquia de Liñares. Deriva do latín concham, cuncha, conca, vasilla. Alusión a un terreo que presenta unha  forma cóncava, curva. Tamén palla moi miúda que queda entre os grans despois de mallados.

OS CURRAIS
Latín vulgar currale, céltico cor-, construción circular situada ao lado da casa que serve para recoller o gando ou gardar carros e apeiros. Para Xosé Luis Franco Grande (1972) é un anaco pequeno de terra que se atopa entre a vivenda e a eira. Segundo Elixio Rivas Quintas (2001) como lle chamaban antigamente aos xardíns públicos.

O CURRO
Raíz de orixe prerromana *cor, construción en forma de círculo que nun principio designaría a casoupa onde pasaban a noite o pastor e o gando para resgardarse do mal tempo. Tamén lugar pechado para marcar os cabalos selvaxes. Segundo algúns investigadores, o vocábulo é unha das moitas acepcións do deus grego Cronos, fillo de Urano e Gea, que devoraba aos seus fillos ao nacer porque temía que lle disputaran o dominio do Universo; só se salvou Zeus. 

A COROXA
Na parroquia do Cebreiro. En principio semella facer alusión ao lugar onde moran ou aniñan as curuxas, latín cuculliata, ave encarapuchada, ave de rapina nocturna da familia dos estríxidas. Segundo a lenda zuga o aceite das lámpadas das igrexas; considérase unha ave de mal agoiro, sobre todo cando voa sobre a casa dalgún doente, xa que o voo silencioso anuncia unha desgraza. Mais tamén pode derivar da raíz preindoeuropea *kor (r)/*kar (r), monte, rocha, lugar penedío.

DAQUELCABO
Na parroquia do Cebreiro. A primeira parte do topónimo é unha contracción da preposición de e o demostrativo aquel. Cabo vén do latín caput, cume, aínda que en galego adoita aludir ao extremo dunha cousa ou lugar cando non actúa como adverbio xa que pasaría a significar xunto a, a carón de.

DAQUELCABO DE BARXAMAIOR
Para o composto, ver Barxamaior.

DAQUELCABO DE FOXOS
Na parroquia do Cebreiro. O último elemento deriva do latín foveum, alusión a antigos foxos para a caza do lobo. Tamén elementos defensivos dos castros.

A DEVESA
Na parroquia de Louzarela. Latín defensa, defender, preservar, protexer, cercar. Microtopónimo moi abundante que fai referencia a antigas fincas pechadas destinadas a pasto para o gando ou á produción de madeira. Terreo acoutado e poboado con árbores autóctonas, destinado xeralmente a pastos ou leña.

DEVESA DE FONTEFORMOSA
Eiquí atópase, quizais, o faial mellor conservado de Galicia. Para o composto, ver Fonteformosa.

DEVESA DE ZANFOGA
De gran valor ecolóxico, consérvase un importante faial. Para o composto, ver Zanfoga. 

EMBAIXO 
Monte do Sisto, parroquia de Lousada.  

A ENCRUCELADA
Topónimo nidio que amosa un cruce ou confluenza de camiños. Nas encrucilladas detéñense os enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación. Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a morte. Cómpre lembrar que os enterramentos efectuábanse á beira dos camiños e nas encrucilladas (meniños que morrían sen bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares infundían pola noite.

A ESCANDADA
Na parroquia de Padornelo. Latín scandala, lugar sementado de trigo, de terreos pobres e fríos. 

A ESCOLA
Do latín schola, lección, ou do grego skola, estudo. Así adoita chamarse ao lugar onde se atopaba a antiga escola. Recolle Sobrado Correa (2001), que aínda que a oferta escolar aumenta na segunda metade do século XIX, o crecemento demográfico experimentado en dito período fai que aínda o nivel de alfabetización sexa moi modesto con relación a outros casos europeos. Segundo os censos de 1860 e 1877, aínda que as cifras de analfabetos descenden nestes períodos intercensais, no 1887 aínda hai 74,3 analfabetos por cada 100 habitantes, proporción moi elevada. 

A ESCRITA
Na parroquia de Pacios. Monte situado a 1.112 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín scripta. Quizais denuncie un afloramento rochoso nos que hai ou houbo petroglifos, símbolos gravados nas pedras que en Galicia tiveron gran profusión na Idade do Bronce. hai un castro.

O ESPIÑEIRO
Na parroquia de Louzarela. Ver O Espiño.

O ESPIÑO
Do latín spinus, espiña. Alusión ao abruñeiro ou espiño, prunus spinosa, arbusto de ramas e talos espiñentos dos que existen distintas variedades, con froitos que poden ser comestibles ou non. Cabeza Quiles tamén o relaciona co lombo ou espiñazo, aplicación metafórica para designar un acento orográfico.

O FAIAL
Nas parroquias de Lousada e Riocereixa. Lugar abundante en faias, fagus sylvatica L., árbores de grande altura, de cortiza lisa, que dan un froito semellante a unhas castañas pequenas. O xénero provén do grego fago, comer, polos seus froitos comestibles, e a especie do latín sylvaticus, de bosque. A súa madeira emprégase en carpintería. Precisa climas fríos polo que só pode vivir nas zonas máis elevadas de Galicia.

O FARO
Pico situado a 1621 metros de altitude sobre o nivel do mar. Como é patente, polo concello onde se atopa este topónimo, non fai alusión á torre provista dun foco luminoso para servir de guía aos navegantes. Pode referirse a un facho ou lumieira que se acendía no cume para invocar boas colleitas ou comunicarse con outros lugares, ou tamén a unha garita ou torre de vixiancia que defendía as inmediacións. O nome vén da voz grega pháros, que logo pasou ao pharus latino.

A FOLGUEIROSA
Na parroquia de Fonfría. De filicosa, terreo poboado de fentos. Cos fentos tapábanse as fendas das portas das cortes durante o verán para que as moscas non molestaran á facenda.

FONDO DO LUGAR
Na parroquia de Pacios. O primeiro elemento deriva do latín fundus. O segundo fala dun topónimo de situación.

FONFRÍA (SAN XOÁN)
Nome da parroquia.  Antigamente Fonfría do Camiño, debe o nome á fonte que mana xunto a igrexa. Latín fonte frigida, alusión a un manancial de augas frescas, ou se cadra, como apunta Ares Vázquez, do nome persoal *Frigidus. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". O tumbo de Samos do ano 969 chámalle Fontem Frigidam. Citada como Fonte Frigido nun documento do ano 1158. En Fonfría houbo un hospital posto baixo a protección de Santa Catarina que funcionou entre os anos 1535 e 1830 que dependía do convento do Sancti Spiritus de Melide e que fornecía aos peregrinos con lume, auga, sal e cama con dúas mantas; aos enfermos, a maiores, con ovos, pan e manteiga. No ano 1752 era hospitaleiro Roque da Aira, quen percibía trinta e dous ferrados de centeo en concepto de renda polo seu traballo, sendo os gastos do hospital de trescentos reás de vellón en esmolas e corenta de luz entre outros, tal como se recolle nos Interrogatorios do Castastro de Ensenada. Os tesouros que agochaba perdéronse durante a Desamortización, mais na igrexa de San Pedro de Melide consérvase un cáliz de prata dourada, do século XVIII, coa lenda: "Soy del Hospital de Fonfría".

FONLOR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Zanfoga. Topónimo composto polo latín fons, fonte, manancial, e do nome persoal Laurius ou Laurus, o seu posesor. O río Lor cítase en documentos do Tumbo do mosteiro de Samos baixo a forma Laure nos anos 853, 857, 922, 932, 938, 962, 973 e 1020. 

A FONSECA 
Na parroquia de Riocereixa. De fons, fontis, fonte, e siccus, seco. Alusión a un manancial falto de auga.   

A FONTESECA 
En Brañas da Serra, parroquia de Zanfoga. Ver Fonseca. 

A FONTAÍÑA 
Diminutivo de fonte, do latín fons, fontis.

OS FONTAOS
Na parroquia de Padornelo. Latín fontanu, diminutivo de fonte.

A FONTE
Latín fons, fontis. En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes: "Uns adoraban ao sol, outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume, outros á auga subterránea ou aos mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes se non que, nacidas de si mesmas, eran deuses...". Críase que nelas habitaban certas fadas que, para atraer aos humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto ás fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber de sete fontes despois das doce da Noite de San Xoán cura o bocio; lavarse coa auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é boa para a pel. Moitas fontes posúen propiedades creadoras, salutíferas e sandadoras. Deixando de lado o terreo da superstición, as fontes eran un lugar de reunión de vellos e mozos ao anoitecer, sobre todo no verán. 
 
No concello de Pedrafita, ademais das citadas máis arriba, coñécense as fontes de Abaixo, Abraira, O Areal, Borfoliz, Campo da Cal, A Cabra, O Carballo, Carrila, O Cebreiro, Busnullán, O Chao, O Couso, O Cuco, O Cubo, Escobio, Escura, Fiato, Foncavada, Fontefría, Grande, A Grovia, O Lago, Lamas, Lamelas, Landeira, Nova, O Ollo, A Pedriña, Pereiro, Perruñal, A Pía, A Pinguela,  Pradín, Rebordela, Treitoiro, Val da Cabrita, A Vella, O Xardón.

FONTEBOA
Núcleo de poboación da parroquia de Zanfoga. Latín fons, fontis e o adxectivo bonus, a, um. Alusión a un manancial de augas medicinais ou con outro tipo de propiedades. Tamén pode referirse, como sinala Ares Vázquez, ao nome persoa Bonus que puido ser o posesor daquela fonte.

FONTEBOI
O composto, boi, vén do latín bos, bovis, o animal mamífero, rumiante, da familia dos bóvidos tan común en Galicia e utilizado para tirar do carro ou do arado. Hai quen o identifican coa base precéltica *boi, pedra.

FONTEFERREIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cebreiro. Do latín fons e ferraria. Alusión ao obradoiro onde traballa o ferreiro. Forxa. Sen desbotar que esteamos ante a propiedade dun posesor chamado Ferrarius. Segundo Eladio Rodríguez, a finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reais. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas.

FONTEFORMOSA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Riocereixa. De fons co adxectivo formosus, a, um, fermoso/a. Alusión a un manancial de augas medicinais ou con outro tipo de propiedades. Ou do antropónimo Formosus.

FONTEVEDRA
Núcleo de poboación da parroquia do Cebreiro. De fons, fontis e o adxectivo vetera, vella, antiga. Ou dun propietario de nome Vetus

FOXOS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cebreiro. Do latín foveum, concavidade ou depresión no terreo que podían utilizarse tanto como fochanca ou pozo feito no terreo como para a batida do lobo, ao que ían empurrando cara o foxo onde quedaba preso. Tamén pode facer alusión a foxos defensivos dos castros.

FRAGUA DA CASA DA AIREXA
En Fonfría. Fragua, latín fabrica, taller, forxa, fornalla do ferreiro, ferrería. Airexa, variante de igrexa, latín vulgar eclesia, edificio consagrado ao culto cristián. 

AS FREITAS 
En Fonteformosa, parroquia de Riocereixa. Do participio latino fracta, de frangere, romper, referido a rochedos rotos ou fracturas pétreas do terreo. Segundo Eladio Rodríguez fala duns montes por cuxas pendentes se botan a rolos os feixes de leña e os madeiros cortados nos piñeirais situados no cume. Aníbal Otero Álvarez, en Historias etimológicas referentes al gallego-portugués (1951), di que é un terreo escarpado e pendente, perigoso para andar o gando. Carré Albarelos fala dun barranco, unha abertura áspera entre montañas; tamén corrente dun río.  

O GOLADO 
Na parroquia de Lousada. Depresión suave por onde se pode pasar facilmente dun lado a outro dunha serra.

A GROVIA
Orotopónimo proveniente do gótico groba, fondal, desfiladeiro, depresión, paso fondo e estreito entre montes. Segundo Moralejo, dubidosa relación de groba co étnico Grovios; M. Concepción Fernández López di que o plural grovas, paralelo ao de croas, pode aludir á serie de foxos defensivos dun castro. O composto é un diminutivo de val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Caridad Arias di que provén do antropotopónimo Valinus ou Balinus.

HOSPITAL (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Latín hospitalis. Antigamente Hospital da Condesa. A súa fundación débese a dona Egilo, esposa do conde Gatón. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785), pertencía á xurisdición do Cebreiro. A orixe hai que buscala no vocábulo latino hospes-itis, hóspede, usuario dunha hospedaría ou hospital onde poder descansar e comer, nomeadamente os peregrinos que ían a Santiago de Compostela. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". No ano 1207 menciónase como hospitallis de monte Zebruario.

A IGREXA
Latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagrado ao culto cristián. Así adoita identificarse o lugar onde está a igrexa parroquial. 
 
No concello temos as igrexas de Santa María a Real do Cebreiro, prerrománica (ver Santa María a Real do Cebreiro). San Xoán de Fonfría, do século XVI, de nave rectangular, foi reformada no ano 1964, desaparecendo algúns elementos arquitectónicos, mudando ademais o lugar da espadana. San Xoán do Hospital, do século XI ou XII, foi filial do Cebreiro. Moi reformada, apenas quedan restos da fábrica antiga, a torre actual data do século XVI. Foi restaurada no ano 1963. A parroquia tivo as súas confrarías, a máis famosa a do Santísimo Sacramento. Santo Estevo de Liñares, do século XI, aínda que hai quen conxectura que foi fundada polo diácono Rodrigo no ano 714, expulsado polos sarracenos de Coimbra. Pouco queda da súa antiga orixe. Foi restaurada nos anos 1963 e 1990. No interior ten un retábulo barroco con columnas salomónicas. San Vicente de Lousada, no interior conserva varias imaxes, destacando unha da Virxe co Neno do século XVI. San Xoán de Louzarela, que en principio foi capela do Ecce Homo, sendo no ano 1845 cando pasou a parroquial grazas a achega dos fregueses e un informe favorable do Concello do Cebreiro. Conserva unha Virxe co Neno do século XVI. San Lourenzo de Pacios, de planta irregular e unha torre cadrada de tres corpos. O retábulo do altar central é de estilo barroco renacentista, feito en madeira de nogueira policromada que acolle a imaxe do San Lourenzo, flanqueada pola de Santiago Apóstolo e a de San Xosé,  e no cume do corpo alto a talla de Cristo crucificado. San Xoán de Padornelo, do século XV, onde houbo unha encomenda dos Hospitalarios de San Xoán de Malta; o campanario está coroado por unha cruz de Santiago. San Antón de Pedrafita do Cebreiro, moderna, do ano 1973. Santa María Madanela de Riocereixa. Santa María de Veiga de Forcas, mandada construír no ano 1668 polo presbítero Pedro de Armesto; pertenceu ao mosteiro do Cebreiro. San Martiño de Zanfoga, de tres naves e adro cuberto; no interior conserva unha imaxe de Nosa Señora do Carme e unha representación do Inferno. Na torre hai unha inscrición que di: "Esta obra la hizo don Francisco Garrido, comisario del Santo Oficio, siendo cura, año de 1686". 

AS LABRADAS 
Na parroquia de Pacios. 

O LAGO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. Do latín lacus, alusión a un lago pequeno. Arredor de lagos e lagoas tecéronse un elevado número de lendas que falan de vilas asolagadas, castigo inflixido pola divindade pola falla de caridade dos seus habitantes. Nalgunhas lagoas apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre que os nosos antepasados considerábannas lugares sagrados, de aí que lle depositaran ofrendas. 

A LAGÚA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cebreiro. Do latín lacuna, forma do galego oriental, fronte á máis utilizada de lagoa. 

AS LAMAS 
Na parroquia de Padornelo. Prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga; prado húmido, lameiro. 

LAMAS DO VAL 
Na parroquia do Cebreiro. O composto provén do latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas.

OS LAMAZAIS
Plural de lama. 

LINDEIRO NOVO
Na parroquia de Padornelo. O lindeiro é a franxa de terreo sen cultivar que serve de separación entre dúas leiras; ou campo con herba onde se levan as vacas a pacer. No lindeiro xuntábanse mozos e mozas para ir xuntos ás festas e outras celebracións. 

O LINDEIRÓN 
Na parroquia de Hospital. Ver Lindeiro Novo.  

LIÑARES (SANTO ESTEVO)
Nome da parroquia. Derivado do latín linu, liño. Topónimo que fai referencia a uns campos onde se sementaba o liño. A confección de prendas de liño vén en Galicia dende a antigüidade. Dise que os romanos utilizaban o liño galego para as embarcacións e que, transcorridos os séculos, chegou a competir co de Flandes. Santo Estevo, latín Sanctu Estphanu, nome que vén do grego e significa "Aquel que é laureado". O culto a este santo difúndese por Occidente a partires do achádego das súas reliquias no ano 415. No tumbo da catedral de Lugo do ano 714 figura como Linar de Rege debido á súa pertenza ao mosteiro do Cebreiro que era de fundación real, cando o diácono Rodrigo, expulsado polos sarracenos de Coimbra, fundou as igrexas de San Xoán Bautista, Santo Estevo de Liñares e Santo Tirso de Celeiró. Os Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1752 fala de varias pallozas, das que apenas quedan restos. Liñares pertenceu á xurisdición de Valdefariña con centro en San Xoán do Hospital de Padornelo e sobre o que exercía señorío a casa de Valcárcel. De Liñares partía unha vía auxiliar do Camiño de Santiago, que bordeaba a serra de Veiga de Forcas e que ía desembocar no Alto de San Roque, camiño utilizado durante as fortes nevaradas do inverno. En varios documentos dos anos 572, 897, 1078, 1183, 1285 e 1289 cítase como Linares. 

A LOMBA
Nas parroquias de Pacios e Zanfoga. Monte a 1.213 metros de altitude. Latín lumbu, lombo, referido a un montículo pequeno e arredondado.

O LOUREIRO
Pode facer referencia a un terreo pedroso ou á árbore, a laurus nobilis (nobre, maxestuoso), cuxas follas se usan para adobar os alimentos. Segundo o maxín popular, o loureiro, logo de seren bendicido o Domingo de Ramos, posúe a facultade, cando se queima, de alonxar os trebóns e os malos espíritos. Tamén se utiliza como condimento. Na antigüidade usábase para a confección de coroas nas cerimonias de triunfo o que deu lugar a que, máis adiante, se fixeran para os que remataban os estudos de humanidades o que deu lugar aos bacca laureati ou bachareis.

LOUSADA (SAN VICENTE)
Nome da parroquia. De lausatam, terreo cuberto de lousas, prerromano lausa, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas. Vicente vén do latín e significa "Aquel que consegue a vitoria"; santo martirizado no ano 304, nos tempos do emperador Diocleciano.

LOUZARELA (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Diminutivo de Lóuzara, derivado dun posible hidrotopónimo prerromano *lautiara. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". Escrito Lauzarela en documentos dos anos 1053 e 1158. O etimólogo Nicandro Ares Vázquez recolle que no 1158 Fernando II doa ao seu vasalo Petro Barragam "Illum montem de Lauzarela...". Pertenceu á xurisdición de Torés, se ben tamén tiña participación o mosteiro de Samos.

O MACEIRÍN
Na parroquia de Pacios. Aínda que en princpio semella un diminutivo de maceira, latín vulgar mattianna, a terminación -inus pode levarnos a un nome de persoa.

MÁMOA DA TORRE
Alusión a un enterramento megalítico situado nun lugar da parroquia de Lousada. Latín mammula, monumento prehistórico en forma de meda ou túmulo que sinala o lugar dun enterramento megalítico. O Megalitismo, do grego megas, grande, e lithos, pedra, desenvolveuse en Galicia a partires do IV milenio a.C, acadando o máximo apoxeo no III milenio e mantendo o seu uso ata o 1500 a.C., xa na Idade do Bronce. Este período caracterízase pola construción con grandes pedras destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios o que se traduciu nun fenómeno nunca visto ata entón: a humanización da paisaxe. As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media, no Tumbo de Celanova pódese ler: "Per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas". O composto provén do latín turre, construción defensiva ou de vixiancia, tamén lugar elevado dende o que se domina unha ampla panorámica. Elixio Rivas emparenta a forma latina turre coa raíz céltica *tor, monte, rochedo.

A MATA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. Base latina matta, esteira, terreo cheo de árbores silvestres. Tamén se chama así á matanza do porco, o mamífero doméstico que dende tempo inmemorial se cría nas casas galegas e do que se aproveita todo, dende a carne, pasando pola graxa e a pel, ata o sangue para facer as filloas.

A MAZMORRA
Na parroquia de Liñares. Do árabe matmura, alxube, cela. Cárcere subterránea. Tamén sonnolencia, gañas de durmir.

A MEDORRA
Mesma etimoloxía que mámoa. Atopamos este topónimo en dous lugares do concello, un na parroquia de Pacios, a 1.215 metros de altitude, e o outro en Rubiais, parroquia de Zanfoga, a 1.161 metros de altitude. Peiteados os lugares non atopamos vestixios de ningún enterramento megalítico. Os veciños tamén o descoñecen, non pusuíndo nin referencias orais. Ambos os dous lugares foron traballados para labores agrícolas durante xeracións polo que é probable que, de existir, foran destruídos. Xunto A Medorra de Rubiais tamén documentamos o Corgo da Medorra e o Rego da Medorra. 

MERDIDO
Sitio onde se acumulan os excrementos dos animais para facer esterco, ou lugar de pouco valor. 

AS MESTAS
Na parroquia de Lousada. Carré Alvarellos di que son as cousas que están moi xuntas, coma os toxos nunha toxeira.

O MILLARADO e OS MILLARADOS
Nas parroquias de Lousada e Padornelo. Demarcacións ou estremeiras entre propiedades (amillaramento, parcelación do terreo). Tamén pode denunciar un lugar plantado de millo, latín miliu, a planta de talo dereito que ten como froito unha mazaroca formada por grans amarelos comestibles.

A MINA
En Rubiais, parroquia de Zanfoga. Do céltico meina, lugar onde se extrae o mineral. Coñécese así ao lugar onde se atopaban as minas de Exminesa que comezou a explotáción de chumbo e cinc e, en menor medida, de pequenas cantidades de prata, no ano 1977. Por esgotamento tivo que pechar.

MINA DOS BURACOIS
Na parroquia de Lousada, no límite dos concellos de Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Explotación aurífera a ceo aberto de época romana. O composto fai alusión a uns buratos, neste caso producidos pola acción do home, que hai no terreo.

MINA DO COUSO
En A Lagúa, parroquia do Cebreiro. Trátase dunha explotación aurífera mineira a ceo aberto de época romana. Para o composto, ver O Couso.

MINA DO LAVADOIRO OU BANZADO DE GOLMAR
En Foxos, parroquia do Cebreiro. Explotación aurífera a ceo aberto de época romana. O topónimo fai nidia alusión a un lavadoiro de ouro. O banzado denuncia un lugar con forma de banzo aínda que Caridad Arias identifícao co céltico *wankjos, travesaño, latinizado banzatum; e o último elemento, golmar, pode facer referencia a un propietario medieval de nome Golmarius.

MINA DAS PEDREIRAS
Na parroquia de Zanfoga. Mina a ceo aberto destinada á explotación de chumbo. Descoñécese cando foi explotada. Para o composto, ver A Pedreira.

MINA DA TOCA
En Paparón, parroquia de Lousada. Situada na beira dunha escarpada falla sobre o regueiro de Vilela, na desembocadura do río Lor, lindeira co concello de Folgoso do Courel. Trátase dunha explotación aurífera a ceo aberto de época romana. Para o composto, ver A Toca.

MINA DE TORUBIO
En Paparón, na parroquia de Lousada, no límite dos concellos de Folgoso do Courel e Pedrafita do Cebreiro. Trátase dunha explotación aurífera a ceo aberto de época romana. Obsérvanse uns desmontes. O sistema de subministro hidráulico, fundamental para este tipo de explotacións, componse dun mínimo de seis canles principais, coas súas respectivas canles sencundarias de ataque. Para o composto, ver Torubio.

MINA DE TRAS AS TORRES
Na parroquia de Riocereixa. Trátase dunha explotación aurífera a ceo aberto de época romana onde utilizaron o sistema de arrugiae. Para o composto, ver As Torres.

MODREIRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. Raíz latina mater, que se explica como lugares de nacemento, sobre todo de augas. Hai quen o identifica coa divindade céltica Modro, sincretizada con Apolo. Nicandro Ares Vázquez di que podería vir do antropónimo gótico Moderarius.

A MOEDA
Núcleo de poboación da parroquia do Cebreiro. O étimo nada ten que ver coa peza de metal utilizada para mercar cousas, latín moneta, senón que semella vir do árabe mufid que significa frondoso. Marcial Valladares Núñez (1884) fala da herba da moeda (Lysimachia nummularia), chamada así porque as súas follas se asemellan ás moedas. Malia o anterior, Nicandro Ares Vázquez di que leva anteposto un falso artigo gramatical, en vez de escribir Amoeda, que sería comparable con Amoedo en Pontevedra e con Amoreira en Cervo, fitónimos emparentados quizais con amieiro.

MONTE DA CHANZA
A 1.301 metros de altitude sobre o nivel do mar. O primeiro elemento vén do latóin mons, montis, monte, terreo no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación. O composto fai alusión ao conxunto dos sucos, referidos a unha terra de cultivo; tamén se chama así á peza lonxitudinal  que forma parte da armazón da grade. 

MONTE CÓCARAS 
Cócaras, cóxegas, ganas de rir que lle entran a unha persoa sen ela querelo por lle tocaren no sobrazo ou nalgunha outra parte do corpo.

MONTE DA COSTA
Na parroquia de Zanfoga. A 1.175 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto vén do latín costa, declive, lugar empinado.

MONTE ESCURO
O composto deriva do latín obscurus. Alusión a un monte ao que non lle dá o sol. Tamén incerto, perigoso, medorento.

MONTE DOS FOXOS
Ver Foxos.

MONTE LIÑARES
Situado a 1.310 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Liñares.

MONTE DAS NELAS
A 1.107 metros de altitude sobre o nivel do mar. Indoeuropeo *nel, *nal, posibles variantes de *ner, *nar, co significado de auga.

MONTE PARRIÑA
Situado a 1.275 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto semella un diminutivo de parra, armazón sobre a que se estende a videira, quizais proveniente do gótico parra, -arrans, cercado, enreixado.

MONTE DO PENEDO
De natureza caliza. Existen varias covas. Na Cova de Valdabraira atopáronse restos paleontolóxicos e arqueolóxicos.

MONTE PUNXEIRO
Ver O Punxeiro.

MONTE DE VILARÍN
Na parroquia de Lousada. Para o composto, ver Vilarín.

MONTES DO FEDO
Na parroquia do Cebreiro. O composto vén de fenum, feo, herba seca para forraxe.

MOSTEIROS
Na parroquia de Riocereixa. Trátase dun monte e, que saibamos, no lugar non está documentado ningún edificio onde vivía unha comunidade relixiosa. O topónimo vén do latín monasteriu e do grego monastérion, residencia solitaria. Casa ou convento onde viven os monxes en comunidade. Segundo Andrade Cernadas, o monacato comeza na Gallaecia no século VI con San Martiño de Dumio. Da mesma centuria parece ser a sé de Bretoña, situada no concello da Pastoriza, que se organiza arredor do abade-bispo Mailoc. No século VII xurden, con Froitoso de Braga, as regras monásticas de traza oriental. A partires do século IX os mosteiros galegos achéganse, con San Rosendo, á regra bieita. No 1075 aparece o primeiro priorado dependente de Cluny en Galicia, o de Vilafrío, nos arredores de Lugo. Coa chegada do Císter, que nace como reacción aos excesos dos cluniacenses, muda o panorama monástico. O monacato, con diversos altibaixos ao longo da súa historia, perdurará ata mediados do século XIX, ata a promulgación dos decretos de Exclaustración e Desamortización de Mendizábal do ano 1835. Monxe vén do grego monakhos, solitario, que en latín deu monachum, persoa que fixo votos relixiosos e vive en comunidade con outros membros da mesma orde.

A MOUZOÁ e A MOUZOA
Nas parroquias de Lousada e Padronelo. Mouza é un dos nomes que recibe a chuvisca, e mouzar é sinónimo de golpear, bater.

O MUÍÑO
Latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. Dende mediados do século XVIII non sufriron practicamente cambios, agás a substitución do teito de colmo polo de lousa. Ao principio, a fariña había que cribala aparte, pois non a había no propio muíño. Nun primeiro momento, o gran transportábase en foles de cabra, que evitaban que se mollara cando chovía, e xa nunha etapa máis tardía, tanto o gran como a fariña levábanse en sacos. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. Os que moían para outros recibían a cambio a maquía, unha porcentaxe de fariña coa que se quedaba o muiñeiro a cambio do seu traballo. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. 
 
No concello de Pedrafita do Cebreiro hai muíños en Busnullán, Coterces, Fonlor, Fonteboa, Fonteformosa, Lousada, Louzarela, Os Negredos, Pacios, Pallarvello, Riocereixa, Trabazas, Val de Fariña, Vilarín do Monte e Zanfoga.   

O MURALLÓN
Pico cunha altitude de 1.480 metros. Aumentativo de muralla, derivado do latín muru, muro, parede, que no presente caso, máis ca unha muralla defensiva construída polo home, fai referencia á orografía abrupta do terreo. Un veciño do Hospital contounos que leva o nome porque no lugar comezaron a construír unha fortaleza que non chegou a rematarse. 

OS NEGREDOS 
Na parroquia de Padornelo. Cabeza Quiles sinala que pode derivar do adxectivo latino niger, en alusión á cor escura ou negra da terra ou dun grupo de plantas de cor verde escura, nomeadamente, o chopo negro, populus nigra, árbore de folla caduca propia de lugares húmidos.

NOMEÁN
Na parroquia de Lousada. A partícula –meán é moi común na nosa toponimia. Basta botar unha ollada para recompilar como topónimos lucenses Meán, Frameán (especialmente), Gomeán, Vilarmeán. Palmeán, Romeán, Molmeán ou Salmeán. Esta partícula parece provir do MEDIANU latino. Así o parecen indicar topónimos do tipo Vilarmeán, por exemplo. Agora ben, o topónimo Frameán puidera provir do latín FRAMEA ‘lanza xermánica’, co cal nos atopariamos con que a partícula –meán non tería xa este significado de mediano. Parecería responder máis a antigas tribos, tipo *os frameanus, por exemplo. Neste caso puidera atoparse tamén Nomeán. Proveniente de NOMADES, do singular NOMÁS, -ÁDOS ‘que se traslada aos pastos’ de NEMO ‘eu reparto os pastos’ e que vai dar o actual nómadas (pobo errante de Numidia)? Do grego NOME ‘acción de pacer ou devorar’ deriva NOMA. Parece menos probable a vía dos topónimos Nem-, cunha suposta base céltica, no galo nemeton ‘fraga sacra’, pois os topónimos de lugar deste trazo, tipo Nemiña, atópanse todos na provincia da Coruña.

O OUTEIRO
Nas parroquias de Liñares e Lousada. A 1.194 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín altariu, sitio elevado. Tamén penedía, lugar onde abundan os penedos. Segundo apunta Nicandro Ares, este topónimo nunca aparece escrito nos documentos medievais como altarium, senón aucterio, auctero, autario, oteiro... cuxa única razón sería para non confundir o sentido relixioso altarium co simplemente topográfico. Nome recollido na súa forma actual no século X no mosteiro de Celanova.

PACIOS (SAN LOURENZO)
Nome da parroquia. Latín palatium, referencia a unha antiga casa señorial. O propio nome de Pacios, como sinala Vázquez Seijas, indica a existencia dunha casa ou mansión onde antigamente se cobraban tributos, alcábalas, rendas reais, etc. No Madoz (1849) o nome da aldea aparece citado como Pacios de Lousada, con 19 veciños e 90 almas.  O termo pazo aséntase nos séculos XVIII e XIX. As primeiras edificacións pacegas configúranse ao redor do ano 1500 pero apenas se conservan construcións anteriores a esa data. Lourenzo vén do latín Laurentius, "o laureado", o seu nacemento sitúase en Huesca ou Valencia. Perseguido, foi martirizado nunha grella no ano 258. Segundo a lenda, a el confióuselle a custodia do Santo Graal, o cáliz que utilizou Cristo na Derradeira Cea. 
 
A Casa Grande de Pacios posuía xurisdición civil e criminal.

PADORNELO (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Diminutivo de padrón ou pedrón, derivado de petra, pedra. Alusión a un marco divisorio ou a un rochedo natural. Ou metátese de padronelo, diminutivo de padrón, latín patronus, derivado de pater, pai, pero contaminado ás veces con pedrón, de pedra. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". Citado como Patrunello no ano 572. Segundo a Historia Compostelana do século XII, o pobo foi mercado para a mitra compostelá polo arcebispo Xelmírez e estivo gobernado polos Hospitalarios de San Xoán. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785), como anexa do Hospital da Condesa, pertencía á xurisdición de Doncos (As Nogais). Arnaldo von Harff, no seu diario de peregrinación no século XV, sitúa eiquí o Hospitale de Gundis
 
O lugar tivo dúas parroquias, a citada de San Xoán e a de Santa María Madalena do Poio, cuxo templo e parroquia foron suprimidas na reforma diocesá do 1890. Esta igrexa estaba ubicada no lugar do actual cemiterio parroquial, era anexa de San Xoán do Hospital da Condesa.

PALLARVELLO
Núcleo de poboación da parroquia de Padornelo. Alusión a unha palleira ou palleiro, latín palearium, lugar onde se garda a herba seca e as ferramentas de labranza, ou morea grande de herba seca ou palla, latín palea, que se coloca na eira en forma de cono para que non lle entre a auga.  En varias aldeas dos Ancares recibe o nome de pallar o terreo onde se bota o pan. O composto vén do latín vetera, vello.

O PANDO
Latín  pandu, alusión á forma curva ou cóncava dun terreo. Terreo chan entre dúas alturas.

PAPARÓN
Na parroquia de Lousada. Segundo Constantino García González, no seu Glosario de voces galegas de hoxe (1985), recibe o nome de paparón unha persoa boba, babeca.

A PARAVELLA
Na parroquia de Liñares. A primeira parte do topónimo, para-, provén de petra, pedra. O composto, vella, deriva do latín vetera.

AS PARCERÍAS
Na parroquia de Padornelo. Terras cedidas temporalmente a unha persoa ou grupo de persoas para a súa explotación; o propietario, a cambio, recibía unha parte dos produtos. A orde monástica do Císter practicou con profusión o sistema de cesión de terras; ademais dos de parzaría e circundo, tamén existían os contratos denominados de prestimonio, complantatio, ad laborandum.

AS PAREDIÑAS
Na parroquia do Cebreiro. Diminutivo de parede, do latín paries, -etis, referido a restos arquitectónicos, de habitación poboacional.

PAREDÓN DO COCOTO
Na parroquia de Louzarela. Aumentativo de parede, latín paries, -etis, muro, parede. O composto é unha variante de coto (ver O Coto).

PAREDÓN DO COTELO
O composto é un diminutivo de coto (ver O Coto).

PARRIÑAL
Sitio cuberto de parras, vides que medran bastante elevadas do chan suxeitas a unha parede ou sobre algunha armazón.

AS PASADAS
Na parroquia de Louzarela. Alusión a un paso, a un sitio por onde se pasa.

PASADA DAS ANTORBIAS

PEDRADA
Monte lindeiro coa provincia de León. Do latín petra, pedra.

PEDRAFITA DO CEBREIRO (SANTO ANTÓN)
Nome da parroquia e do concello. De petra ficta, pedra fincada no chan. O nome xa figura en documentos do século VII. Un documento do ano 1600 fala de Petra Ficta. O vocábulo correspóndese co termo bretón menhir que en Galicia recibe, entre outros, os nomes de pedrafitas, parafitas, pedras chantadas... das que pouco sabemos. As prehistóricas quizais estiveran relacionadas co culto á fertilidade (símbolo fálico). Dise que centos delas foron destruídas pola Igrexa para evitar que as xentes seguiran a depositarlle ofrendas. Para o composto, ver O Cebreiro. Canto á demografía do municipio, dende o ano 1910 a poboación diminuíu en case 4.000 habitantes, pasando de 5.000 a 1.200. 

A PEDREIRA
Na parroquia de Veiga de Forcas. Sitio de onde se saca a pedra. En latín tardío, unha petraria era unha via lapidibus munita, camiño empedrado que en ocasións pode ter a orixe nunha calzada romana.

PEDRIÑA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cebreiro. Diminutivo de pedra, latín petra. Mais esas, Nicandro Ares di que puido ser unha (villa) Petrina, de Petrinus.

A PENA
Pico situado a 1.234 metros de altitude sobre o nivel do mar, lindeiro co concello das Nogais. Céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. Para os galegos, a pedra é algo máis que o mineral sólido que se atopa de xeito natural na superficie ou no interior da terra. Pola contra, nas nosas penas latexa o misterio. Nas laxes graníticas os nosos devanceiros insculpiron os inintelixíbeis petroglifos; xigantescas penas abaladoiras desafían todas as leis do equilibrio; nas imnumerables penas do altar que inzan a nosa xeografía oficiábanse prácticas relixiosas; diante dunha pena as parellas de namorados anovaban as súas promesas, mentres que outras sandabann doenzas físicas e mentais...

PENA DAS ABELLAS
Entre as parroquias de Riocereixa e Zanfoga. A 999 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto fai alusión á abella, latín apicula, o insecto voador que vive en enxames, recolle o néctar e o pole das flores e produce mel e cera. Nas inmediacións hai un castro. 

PENA DAS ABELLEIRAS
Na parroquia de Zanfoga. 

PENA DO ACIVO
Monte situado entre Rubiais e Acivo, a 1.177 metros de altitude. Coñecido tamén como monte Arnelas. Para o composto, ver Acivo. 

PENA DA AGRA 
Na parroquia de Riocereixa. O composto vén do latín ager-agri, extensión pequena de terra cultivada. 

PENA DO AGRO 
Na parroquia de Riocereixa. A 1.059 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Pena da Agra. 

PENA AGUDA
Na parroquia de Veiga de Forcas. Aínda que polo xeral as montañas de Galicia presentan unha fasquía arredondada, non é infrecuente atopar nomes de lugar que fagan referencia a montes ou penedas de forma picuda. O composto vén do latín acutu, agudo, afiado, que nomea formas cónicas do relevo. 

PENA DAS AIGAS 
Na parroquia de Riocereixa. Alusión a unha pena frecuentada polas aigas, latín aquila. 

PENA DO ALTAR
O composto vén do latín altare. Alusión a mesa sagrada de pedra sobre a que os sacerdotes ofrecían sacrificios ou facían inmolacións  nas relixións antigas. Lugar de grande respeto. 

PENA DA AUGA 
Na parroquia de Zanfoga. O segundo elemento vén do latín aqua. Posible alusión a unha pena que retén a auga nunha pía natural ou artificial, ou onde nace un manancial.   

A PENA BRANCA
Nas parroquias de Hospital e Zanfoga. A 1.104 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto branca tanto pode derivar da forma preindoeuropea *alb, monte, altura, como do latín albus, branco.

PENA BRANCA DA CABECIÑA
Na parroquia de Padornelo. A 1.204 metros de altitude sobre o nivel do mar. O último elemento é un diminutivo de cabeza, latín vulgar capitia, de caput, cabeza, punta, cumio, extremo, cabo, referido á parte superior do corpo humano, dunha montaña. Tamén comezo, principio.

PENA DA CABRA
Na parroquia de Fonfría. O composto fai alusión ao mamífero rumiante, latín caprae, capaz de subir por sitios empinados e da que se aproveita a súa carne, e das femias tamén o leite.

PENA CERVEIRA
Núcleo de poboación da parroquia de Zanfoga. Alusión a unha pena frecuentada por cervos, latín cervus, ou posuída por unha persoa que atendía polo nome de Cervarius. 

PENA CORVAL 
Na parroquia de Veiga de Forcas. O composto fai alusión a unha corveira, a un sitio frecuentado polo corvo, latín corvus.   

PENA DOS COVALLOS 
Na Serra do Rañadoiro, no término de Fonfría do Camiño. Forma coma un dobre muro de grandes e pequenas pedras de cuarzo, a modo de explanada, mesmo houbo algunhas penas con pequenas coviñas. Preto está a Pena do Altar e o Pico do Corvo, pola vertente das Nogais, lindante co Monte do Xardín onde está a Pena Furada.

PENA DO CHAO DO PICO
A 1.031 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín planu, planicie elevada, e beccu, cume, altura.

PENA DE FONRUBÍN
Na parroquia de Veiga de Forcas. A 1.149 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto denuncia unha fonte cuxa segunda parte deriva do latín rubeu, unhas augas que, por algún proceso de oxidación, son de cor rubia ou vermella. Tamén pode facer alusión a un propietario medieval de nome Rubinus.

PENA GOLADA
Na parroquia do Cebreiro. A 1.193 metros de altitude sobre o nivel do mar. Como ben clarifica Cabeza Quiles no seu Os nomes da terra (2000), temos que diferenciar o topónimo Agolada, de Golada. O primeiro vén da voz latina aqua lata, auga conducida ou levada, un caudal dun río desviado para regar ou mover un muíño. Golada, porto de montaña ou lugar montañoso por onde pasa un ou máis camiños.

PENA GRANDE
O composto vén do latín grandis. Alusión a unha pena de tamaño considerable que actuaba como punto de referencia. 

PENA LONGA 
Na parroquia de Pacios. O composto vén do latín longus 

PENA NEGRA 
Na parroquia de Zanfoga. O composto vén do latín niger. Alusión a unha pena escura, ennegrecida, que mudou a cor que lle corresponde. 

PENA DA RASA 
Na parroquia de Padornelo. O composto vén do latín rasam, do verbo radere, terreo chan e elevado desprovisto de vexetación.

PENA REDONDA ou PENA REDONDELA
Na parroquia de Riocereixa. Situada a 1.480 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín rotundus, alusión á redondez do terreo.

PENA SALGADA
Na parroquia de Lousada. Do latín sal. Alusión a unha pena que ten sal. Tamén se chama salgada a unha clase de herba mala, salicornia ramosissima.

PENA DO SANTO 
Na parroquia de Louzarela. O composto vén do latín sanctus. Semella facer referencia a unha pena á que se lle rendía culto polas súas propiedades milagreiras.

A PENA DA SEARA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cebreiro. Latín pinna e a voz céltica senara, seara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. No sitio queda unha casa deshabitada que foi dunha familia de fidalgos cuxo edificio foi queimado polas tropas napoleónicas no ano 1809, ardendo tamén os libros sagrados de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro. 

PENA DA SERRA 
Unha serra, latín serra, é un cordal montañoso de pouca extensión. 

PENA DO TAROL 
Na parroquia de Hospital. O composto semella vir da base *tar, altura, monte rochoso e montañoso.  

PENA TASENDA 
Na parroquia de Zanfoga.  

PENA DA VERDADE
Na parroquia de Liñares. A 1.335 metros de altitude sobre o nivel do mar. O último elemento deriva do latín veritas, -atis, posible alusión a unha pena utilizada para celebrar xuízos.

PENA DO VISO
Na parroquia de Riocereixa. Situado a 1.177 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín visu, ver, lugar elevado, dominante, altura ou prominencia dende onde se divisa moito terreo.

AS PENALIÑAS
Na parroquia de Zanfoga. Diminutivo de pena.

PENA DAS CHOUSAS
Na parroquia de Pedrafita. Para o composto, ver As Chousas. 

PENAS DO TEIXÓN 
Na parroquia do Cebreiro. Alusión a unha pena frecuentada polo porco teixo, Meles, meles. 

PENAS DO VAL DE VILAR
Na parroquia de Padornelo. A 1.340 metros de altitude sobre o nivel do mar. O segundo elemento vén do latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. O último deriva do latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras.

O PENEDO DO VAO
Na parroquia de Lousada. O composto deriva do latín vadu, sitio pouco profundo dos ríos onde se pode pasar andando.

O PENEDÓN
Na parroquia de Zanfoga. A 1.186 metros de altitude sobre o nivel do mar. Aumentativo de pena, do latín pinna.

A PENELA
Diminutivo de pena.

A PEREIRIÑA
Nas parroquias de Lousada e Pacios. Diminutivo de pereira, á árbore cuxo froito é a pera, do latín pirum. Tamén pode derivar do latín petra, en referencia a pericoutos rochosos, pedreiras.

O PEREIRO
Latín pirus. Lugar abondoso en pereiras silvestres, pyrus communis, que teñen como froito o pero, latín pirum. Elixio Rivas di que tamén pode derivar de petrariu, de petra, pedra. Gonzalo Navaza razoa que pereira e pereiro poden ser, nalgún caso, variantes de pedreira e pedreiro.

PETOUTÍN
Monte situado a 1.199 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de petouto, montículo de forma cónica ou peñasco grande.

A PÍA
Latín pila, recipiente de pedra para conter líquidos, xeralmente de carácter natural, escavadas na rocha. En non poucas ocasións a auga da choiva despositada nelas utilizouse como remedio milagreiro. 

PICO CABEZA DE BUSTOS 
Na parroquia de Riocereixa. O primeiro elemento deriva do latín beccu, cume ou altura puntiaguda. O segundo vén do latín vulgar capitia, derivada de caput, cabeza, punta, cumio, extremo, cabo, referido á parte superior do corpo humano, dunha montaña ou, tamén, comezo, principio. Para ao terceiro elemento, ver Busnullán.  

PICO CARBALLEDA
A 1.386 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto fala dun lugar poboado de carballos, latín quercur robur, árbore sagrada dos celtas. Segundo Strabón, os galaicos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste en contraposición á civilización romana e así xustificar a invasión.

PICO CHARDOAL
A 1.328 metros de altitude sobre o nivel do mar. Chardoal, alusión a un lugar poboado de xardóns, un dos nomes do acivo, latín Ilex aquifolium, arbusto ou arboriña que, usado como adorno navideño, case provocou a súa desaparición. O froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e vomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor. 

PICO DE CORNABUDOS
Autores dos séculos XVIII e XIX identifican o composto co sanguiño, a planta arbustiva propia de lugares húmidos cuxa casca, unha vez seca, se empregaba como purgante e remedio contra a sarna, para cortume de coiros, obtención de tinturas, etc. Mais F. Martiño Sarmiento (e xa no século XX Francisco Porto, Eladio Rodríguez, Franco Grande, etc.) xa o identificou co freixo. Conta que no Cebreiro recibía os nomes de cornabudo e capudre.

PICO DO CORVO
A 1.382 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto deriva do latín corvu, o paxaro asociado á mala sorte. 

PICO GRANDE
Na parroquia de Riocereixa. Situado a 1.544 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pico que actuaría como punto de referencia. Grande deriva do latín grandis.

O PICÓN
Na parroquia de Zanfoga. A 1.198 metros de altitude sobre o nivel do mar. Aumentativo de pico. Fr. Martín Sarmiento (1745) di que tamén se lle chama así ao farelo de trigo. Para Filgueira Valverde (1926), pan de segunda fariña. Segundo Eladio Rodríguez González (1958), pan de fariña pasada pola segunda peneira, por iso se chama "pan de peneira".

O POMBELO
Na parroquia de Padronelo. Diminutivo de pombal, latín palumbam, lugar onde se crían ou gardan as pombas. Pombeiros en Pacios e O Seixo.

A PONTE
Latín ponte, estrutura construída para comunicar dous lugares separados por unha corrente de auga ou un accidente do terreo. As pontes eran fundamentais para asegurar a continuidade de calzadas e camiños. Das pontes romanas, agás unhas poucas que manteñen intacta a súa construción orixinal (Bibei, Freixo), apenas se conservan restos xa que no Medievo foron substituídas por outras máis modernas. Aínda que moitas pontes erixidas na Idade Media perderon utilidade hoxe en día, constátase unha grande distribución por toda Galicia. Segundo Caridad Arias os topónimos referidos ás fontes e pontes hai que tomalos con reserva e non sempre fan alusión a nomes comúns, senón que derivaríán dos nomes prerromanos Bonto e Ponto.

A PONTE DA CORNAVIA
O composto semella derivar da base precéltica *corn, pedra. Posible alusión a un camiño pedroso que emboca nunha ponte.

A PONTE DO FEDO
O composto vén de fenum, feo, herba seca para forraxe.

A PONTE DAS MESTAS
Cabeza Quiles di que pode facer alusión a unhas aquas mixtas, ou mesturadas, onde conflúen dúas correntes fluviais. Carré Alvarellos di que son as cousas que están moi xuntas, coma os toxos nunha toxeira.

A PONTE DO PONTÓN
Na parroquia de Louzarela. Pasarela, xeralmente de madeira, para cruzar ríos e regueiros.

A PONTE DO RÍO DE BAIXO
Topónimo de situación.  

O PONTÓN 
Na parroquia de Padornelo.  

PORCÍS 
Na parroquia do Cebreiro. Pode ser un derivado de porcus, do cal semella diminutivo; mais consta a existencia do nome persoal Porcius e o diminutivo masculino Porcina, usado polos cristiáns como signo de humildade. O profesor alemán Piel postula o antropónimo Porcinus. Mais tamén podería ser un topónimo descritivo dun colectivo de panis porcinus, nome dunha planta herbácea. Si hai acordo entre os estudosos en desbotar unha derivación de porcalis, lugar onde se recollen ou gardan os porcos. 

A PORFÍA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. De porfiar, insistir, teimar, discutir; quizais do latín perfidia, mala fe que no latín medieval significaba herexía.

PORTO DE PEDRAFITA
Na parroquia de Pedrafita do Cebreiro. Latín portu, paso natural entre montañas. Entrada en Galicia do Camiño Francés de Santiago. Por este porto entraron as tropas napoleónicas durante a Guerra da Independencia, asolando todo o que atopaban no seu avance. No ano 1822, Espoz y Mina leu o seu famoso manifesto aos habitantes de Galicia ao repasar as súas fronteiras, exonerando do cargo de Capitán Xeneral do país polo seu marcado carácter constitucional, alocución que recolle Amor Meilán na súa Geografía General del Reino de Galicia: "Virtuosos gallegos, me separo de vosotros con dolor, pero al mismo tiempo con la sin par satisfacción de poder decir que la disciplina militar ha dejado de conservarse en vuestro suelo si menos han asomado en él la cabeza los enemigos del código sagrado quenos rige". Por eiquí tamén penetraron as tropas fascistas durante a Guerra Civil de 1936-39. Para o composto, ver Pedrafita do Cebreiro.

A POZA
Na parroquia de Riocereixa. Deriva do latín puteus, pozo, en alusión a unha charca.

POZA DA AREA
Entre as parroquias do Cebreiro e Liñares. Monte situado a 1.306 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto deriva do latín arena

POZO DA ARCA
Latín puteus. Para o composto, ver Arca.

POZO DE LAGO MAIOR
Entre as parroquias de Hospital e Padornelo. A 1.342 metros de altitude. Trátase dunha pequena lagoa de 100 metros de longo por 25 de ancho. Pertencía aos veciños das parroquias do Hospital e de Padornelo, de aí que estea dividida por un muro, só visible cando apenas ten auga. Para os celtas, certos pozos e lagoas eran sagrados, un lugar de entrada ao "Outro Mundo".  

PRADELO
Diminutivo de prado.

PRADO DA PENA
Na parroquia do Cebreiro. Latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou se sementa a herba para alimentar o gando. Para o composto, ver A Pena.

O PUNXEIRO
Na parroquia de Zanfoga. Orballo, borraxeira? Poalleiro? 

O PURRIÑAL 
Na parroquia de Hospital.  

A QUEIMADA
Na parroquia de Zanfoga. Do latín cremare. Alusión a unha antiga superficie queimada.

RABACEIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Lousada. Lugar abundante en rabazas, planta que florece en lugares húmidos. Machado di que rabaça procede do latín rapacia, follas de rábao.

AS RAMISCAS
Na parroquia de Louzarela. Conxunto de ramas cortadas. Tamén se chama ramisca á ociosidade, á vagabundaxe.

A REBOLEIRA
Nas parroquias de Louzarela e Padornelo. Lugar plantado de carballos ou lugar pedroso. Tamén recibe este nome a parte máis densa dun bosque, prado ou seara onde apenas hai claros. 

RECHOUSO 
Na parroquia de Riocereixa.  

A REGADA
Na parroquia de Lousada. Do latín rigu. Hidrotopónimo moi numeroso no medio rural, relacionado cun pequeno curso de auga, rego ou regueiro.

REGUEIRO e RÍO
Un regueiro, do latín rigarium, é unha pequena corrente de auga, máis grande ca o regato e máis pequena ca o río. Río, do latín rivu, corrente de auga continua máis ou menos caudalosa.  
Polo concello de Pedrafita do Cebreiro discorren os do Acivo, Ameneiro, Arroxo, Azureiras, Barreira, Barxa, Brañadas, Brañas, Brañuelas, Busnullán, Cabana, Cabanas, O Can, Capeloso, Carballo, Carozo, Carrioza, Carrozo do Mazo, Celeiró, As Chousas, As Corgas, Cubilledo, Cubo, Curisco, Currais, Curro, Espiñas, Espiño, A Fama, Faro, Fonte, Fontes Cabanas, Fonte Grande, Grovia, Fonte Nova, Fonteboi, Fonteformosa, Forcas, Fonte Grande, Fontes, Grovia, Lamas, Lamazais, Lor, Louzarela, O Mazo, Mazuco, A Medorra, Moreira, Muíño Vello, Navallos, Navia, Pacios, Panisco, Paravella, Pradela, Pedregal, Petada, O Real, Pedregaliños, Rebordada, Regueira, Retorno, Retorta, Riamonte, As Rulas, Santín, Seara, Serrada, Tras da Golada, Treitoiro, Val de Abredo, Val da Cabrita, Val do Carballo, Val do Comeal, Val da Ermida, Val da Fonte, Val da Fonte dos Cabalos, Valelongo, Val da Maseira, Valdepereos, Valgardín, Valurqueira, O Vao, Veiga do Ollo, As Veigas, Vilela.

A REVOLTA
Na parroquia do Cebreiro. Latín revolvere, denuncia a curva dun camiño ou dun monte. Tamén terreo de monte onde se planta trigo que se sementa no segundo labor que se lle dá á terra.

RIAMONTE
*(Villa) Renamundi, dun propietario medieval de nome Renamundus.

RIOCEREIXA (SANTA MARÍA MADANELA)
Nome da parroquia. Nome derivado do latín rivu, río, e cerasia, cereixa, o froito da cerdeira. Madanela, topónimo haxiográfico. Segundo os distintos Evanxeos (sinóptico, de San Xoán, apócrifo e de María Madanela) a Madanela era unha seguidora de Xesús á que curou tras expulsarlle sete demos. Seguiu a Cristo na súa predicación. Os fieis cristiáns, sexan das igrexas católica, ortodoxa, oriental siríaca, copta, armenia ou etíope considéranna “Apóstolo dos apóstolos”. Dise que por seren a única persoa que permaneceu ao pé da cruz cando todos o abandonaran, Xesús elixiuna como a primeira en anunciarlle a súa Resurrección. Resulta curioso que a Igrexa a considere unha prostituta arrepentida cando en ningún lugar das distintas versións dos Evanxeos se fai alusión a ese feito. Étimo tamén aplicado a unha persoa que, sen motivo, anda aflixida. Madanela é a forma grega de Migdal, torre en hebreu. Máis esas, tamén pode ser unha alteración de "medanela", logo cristianizado que pode denunciar un lugar onde houbo enterramentos megalíticos.

RIOCEREIXA DE ABAIXO e RIOCEREIXA DE ARRIBA
Núcleos de poboación pertencentes á parroquia de Riocereixa. Os compostos veñen de bassus, baixo, e ripa, riba, topónimo de situación.

RÍO LOR
Latín rivu, corrente de auga. Segundo a crenza popular a auga dos ríos arrastran a enfermidade como arrastran o sedimento. O composto fai alusión a unha persoa de orixe latina que atendía polo nome de Laurus. Hai quen o relaciona cun hidrotopónimo, mais, con que etimoloxía? O río Lor nace en Fonlor e desemboca no río Sil. O poeta Uxío Novoneyra adicoulle varios poemas.

RÍO NAVIA
Partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo. En Galicia está amplamente documentada na epigrafía a deusa prerromana Navia. Para Blanca García Fernández-Albalat no seu Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (1990) sería unha divindade que facilitaría o acceso ao Máis Alá a través da auga. Para Martín Sevilla Rodríguez, en La toponimia asturiana de origen indoeuropeo prelatino (1984) derivaría do vocábulo indoeuropeo naus, barco. O Navia nace en Vilanova de Padornelo e desemboca no mar Cantábrico en Navia (Asturias).

RÍO LOUZARELA
Para o composto, ver Louzarela. 

RÍO PACIOS
Ver Pacios.

RUBIAIS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Zanfoga. Alusión a un terreo de cor vermella ou rubia, latín rubeu, que por algún proceso de oxidación adquiriu esa cor. Ou unha herdade propiedade dun home de nome Rubianus.

SABUGOS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. Lugar onde abundan os sabugueiros, sambucus nigra, o arbusto da familia das caprifoliáceas tan común en Galicia cuxas flores usábanse antano en infusión por posuír propiedades medicinais, principalmente como laxante; tamén se facían emplastos para cubrir as feridas. No país coñécense máis dunha trintena de nomes: bieiteiro, viradoiro, birouteiro, bineito, naiteiro, samuxeiro, sango, biouteiro, pau virandoiro, cabugo, sabuco...

SAN PEDRO
Núcleo de poboación da parroquia de Riocereixa. Nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.

SANTA MARÍA A REAL DO CEBREIRO
O desaparecido mosteiro, fundado polo cabaleiro Xiraldo de Aurillac no século IX, pertenceu ás ordes de Cluny e do Císter; na actualidade a igrexa está rexida polos franciscáns. Porta de entrada a Galicia, ergueuse un hospital para atender aos peregrinos que elexían o Camiño Francés a Santiago. Eiquí abrollou a lenda do Santo Milagre, acontecida nun inverno de mesta nevarada e forte zarracina do ano 1300, onde a fe dun deslido labrego venceu a fachenda dun descrido crego. Outra lenda sitúa no Cebreiro o Santo Graal, a Santa Copa utilizada por Xesús durante a Derradeira Cea e que logo utilizou Xosé de Arimatea para recoller o seu sangue. Disque foi acochado eiquí por Galaaz, fillo de Lanzarote, un dos cabaleiros do rei Artur. No interior hai unha estatua sedente da Virxe dos Remedios, unha mala copia da orixinal románica do século XII desaparecida a principios dos anos setenta do século XX. Segundo a lenda, a Virxe inclinou a cabeza para adorar o Milagre do Graal, e o Neno que ten no colo abriu os ollos. O cáliz figura dende o século XV no escudo de Galicia, rodeado por sete cruces, que representan as sete provincias históricas. Ao pé do altar repousan os restos de don Elías Valiña San Pedro, párroco que puxo en valor o santuario e a súa relación co Camiño de Santiago. O sobrenome de Real vénlle por ter sido declarado de protección real. Cse a totalidade da documentación do mosteiro e do hospital foi queimada no mes de xaneiro do ano 1809 polas tropas napoleónicas.

SANTALLA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Lousada. Sancta Eulalia, nome de orixe grega que en galego deu, ademais, Baia, Olaia, Olalla... Vítima de diferentes tormentos (o potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no século IV. Significa "a ben falada".

SANTÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Zanfoga. Alusión a unha *(villa) Sendini, dun propietario medieval de nome Sendinus; ou de Sanctinus, derivado de sanctus.  Atopáronse varias sepulturas construídas con lousa.

A SARTAÑA
Na parroquia de Pacios. Pode derivar de sarta<sartagine, coroa. Eladio Rodríguez fala de tixola para fritir e vaixela redonda para fritir.

SEARA DO REAL
Na parroquia do Cebreiro. Derivado da voz céltica senara, campo de cereais; extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. O composto vén da voz regale, pequena corrente de auga. 

SEIXO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pacios. Latín saxum, rocha, penedo, croio, seixo. Ao tratarse dunha aldea tamén pode sinalar a un posesor de nome Saxius ou Saxio. A palabra seixo xa se le no mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 932.

SEIXO BRANCO
Na parroquia de Riocereixa. Situado a 1396 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto tanto pode derivar da forma preindoeuropea alb, monte, altura, como da latina albus, branco.

SEIXO DO AGRO
A 1.334 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto provén do latín ager-agri, extensión pequena de terra cultivada.

O SEIXO REDONDO
Na parroquia de Fonfría. Monte situado a 1.323 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto deriva do latín rotundus, alusión á redondez do terreo. O investigador Luis López Pombo achegounos que o seu pai, natural de Fonfría, lle dixo que O Seixo Redondo é unha pena grande, duns 2,5 metros de altura, e que ten forma de mesa redonda. Dende eiquí divísase unha ampla panorámica.

A SERRA
A 1.386 metros de altitude sobre o nivel do mar. Unha serra, latín serra, é un cordal montañoso de pouca extensión. Xa dende a antigüidade clásica, nas montañas prodúcese o contacto directo entre os homes e os deuses, onde se accede ao mundo dos mortos e da escuridade.

SERRA DO CALDEIRÓN
Na parroquia de Louzarela. A 1.263 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto denuncia unha forma cóncava do terreo, a semellanza dun gran caldeiro, latín caldarium. Tamén reciben este nome as pozas na pedra que quedan cubertan de auga cando chove.

SERRA DO CHAO
Para o composto, ver O Chao.

A SERRA DO LAGO
Na parroquia de Padornelo. Para o segundo elemento, ver O Lago.

SERRA DO PIORNAL
A 1.286 metros de altitude. Monte poboado de piornos, o arbusto similar ao codeso e á xesta. Os piornos utilizábanse, xunto coa uz, para facer carbón.

SERRA DO RAÑADOIRO 
Coñecida tamén como Legua do Rañadoiro. Divide Pedrafita de Triacastela. É divisoria de augas entre o Océano Atlántico e o Mar Cantábrico, a vertente das Nogais é do Mar Cantábrico, e a vertente da Porfía, Pallarvello, Valdefariña, Louzarela e Fonfría do Océano Atlántico. Menéndez Pidal relaciona o étimo co verbo galego rañar, rascar, en alusión a un monte formado por vexetación raquítica que, pola súa altura, é raída polos axentes atmosféricos. Aguirre del Río (1858) e Eladio Rodríguez (1958-1961), sitio onde se raña, lugar a proposito para rañarse ou frotarse. Para Carré Alvarellos (1951), sitio de brañas. E para Otero Álvarez (1958), prado de mala calidade. Segundo Elixio Rivas (2001), monte baixo con carpazo, moi roído polo gando.  

SISTO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Lousada. Dúas acepcións: Posesor medieval de nome Sistus, dun probable greco-latino Systus/Xystus, "limpo, puro", ou do verbo latino sisto, stiti, statum, establecer, parar, en referencia a un lugar de descanso ou parada no camiño. Hai quen o deriva do latín schisto, que pode fender.

O SOUTO
Na parroquia de Lousada. Latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas canto que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc. 

SUAPENA 

AS TARAS
Na parroquia de Pacios. Base *tar, altura, monte rochoso. Tara é, para Caridad Arias, unha deusa megalítica. Taranis, segundo Sevilla Rodríguez, era o nome do Xúpiter galo. Para outros autores, esta divindade céltica está testemuñada coa forma Taranus. Taranis, Taranus ou Tanarus, próximo ás formas do antigo irlandés torann, galés, antigo córnico e bretón taran, que significa trono, indica que este debeu ser un deus do trono e por este motivo asemellado a Xúpiter. Segundo Corominas, Tarna viría a partires de Tanarosou Taranos. 

O TARÍN 
Monte de Fonteformosa, parroquia de Riocereixa.  

TARROEDO
Na parroquia de Zanfoga. Quizais, como no caso anterior, veña dunha raíz indoeuropea *tar-, altura, elevación. 

TEIXEIRA 
Na parroquia de Riocereixa. Cubil do porco teixo (Meles, meles). Ou sitio plantado de teixos, latín taxus baccata. Verbo da árbore conífera, cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas. 

TEIXOEIRAS 
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Hospital. Alusión á gorida do porco teixo, Meles, meles, ou lugar poboado de teixos, taxus baccata.  

O TEMPLE
Núcleo de poboación da parroquia de Padornelo. Xenitivo do latín templum, -pli. O Temple foi unha orde monástico-militar fundada no ano 1119 por dous cabaleiros francos para protexer aos peregrinos a Terra Santa e que axiña acadaron un enorme poder económico e militar. Logo dun amañado proceso inquisitorial, o papa Clemente V, presionado polo rei francés Filipe IV, suprimiu a orde no ano 1312 e os seus máximos dirixentes foron condenados á fogueira. Rodeados por un gran misterio, aos templarios supónselles que coñecían onde se agochaban, entre outros dos grandes secretos da cristiandade, a Arca da Alianza e o Graal. En Galicia, onde se estableceron ao pouco da fundación da súa orde, contaron con varias encomendas e bailías.  

TESO DA CRUZ
Na parroquia do Cebreiro. Teso, latín tensus, de tendere, estirar, extender. Lugar alto no campo; monte alto e escarpado; outeiro. O composto vén do latín cruce que pode facer alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián. 

TESO DA DEGOLADA
Como ben clarifica Cabeza Quiles no seu Os nomes da terra (2000), temos que diferenciar o topónimo Agolada, de Golada. O primeiro vén da voz latina aqua lata, auga conducida ou levada, un caudal dun río desviado para regar ou mover un muíño. En troques, Golada aparece co significado de porto de montaña ou lugar montañoso por onde pasa un ou máis camiños.

TESO DO ESPIÑEIRO
O composto vén do latín spinale, lugar onde medran os arbustos espiñosos.

TESO DOS GARAVANZOS
Na parroquia de Padornelo. A 1.415 metros de altitude sobre o nivel do mar. O garavanzo é unha planta con froito en forma de casula que ten unhas sementes comestibles dentro. Mais coidamos que o composto pode ser unha deturpación de caravanzo, cunha base indoeuropea *kar, pedra. Menéndez Pidal cita a base *carau. 

TESO DE LANSÁN 
Na parroquia de Padornelo. Monte situado a 1.393 metros de altitude sobre o nivel do mar. Alusión a unha *(Villa) Lantiana, dun propietario medieval de nome Lantius. 

TESO DAS ROXAS
Na parroquia de Zanfoga. O composto vén do latín russus, vermello. 

TESO DOS SANTOS
Monte situado a 1.306 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto vén do latín sanctus, perfecto e libre de culpa, de especial virtude. Alusión a un lugar sagrado.

A TOCA
Na parroquia de Padornelo. A 1.599 metros de altitude sobre o nivel do mar.  Buraco na terra, abrigo, refuxio, gorida, tobo, coveira. O alemán J. Piel sinala o elemento teod-/tod-/ted- coa raíz no gótico tiuda, pobo. Nicandro Ares apunta a posibilidade de agochar o nome persoal Tocca feccit. Na veciña serra do Courel, no concello de Folgoso, atópanse as famosas minas auríferas romanas a ceo aberto da Toca.

AS TORRES
Na parroquia de Lousada. Do latín turre, construción defensiva ou de vixiancia, tamén lugar elevado dende o que se domina unha ampla panorámica. Elixio Rivas emparenta a forma latina turre coa raíz céltica *tor, monte, rochedo. Hai un castro.

TORUBIO
Na parroquia de Lousada. Base prerromana *tor, monte, altura, rocha.

TRABAZAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Lousada. Segundo Nicandro Ares Vázquez derivaría de trabs, trabis, tronco groso de madeira, trabe; mais que tamén se poderían vencellar con propiedades ou herdades de Trebatius. 

O TRABAZO 
Na parroquia de Riocereixa. Ver Trabazas.  

TRALAGRANXA
Na parroquia de Zanfoga. O composto vén de grania, graña, antigas fundacións eclesiásticas de rango inferior a mosteiros e priorados. Propiedade rural con casa, animais e todo o necesario para o traballo da terra. A forma granxa vén a ser un galicismo, francés grange, relacionado, segundo Joseph M. Piel, coa labor colonizadora dos monxes do Císter.

TRALAPENA
Na parroquia de Zanfoga. A preposición latina trans funciona como elemento de formación de palabras co significado de máis alá ou detrás de.

TRAS DA CHACEIRA
Lindeiro co concello de Triacastela.  O composto denuncia unha terra inculta, á cabeza dunha herdade cultivada.

TRAS DA CHOQUEIRA
Monte situado a 1.394 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto denuncia un terreo húmido, enchoupado.

TRAS DA PASADA
Alusión a un paso, a un sitio por onde se pasa, do latín passare, de passus, paso.

A TRAVESA
Na parroquia do Cebreiro. A 1.285 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín travessum, que atravesa, que se pode interpretar no sentido de herdades atravesadas por camiños ou dispostas transversalmente. Tamén se chama así á peza do carro que une as chedas e o cabezallo. Trabe. 

AS TRAVESAS 
Na parroquia de Riocereixa. Ver A Travesa.    

TREITOIRO 
Deriva do vocábulo latino traiectum, paso entre montes. 

TÚNEL DE PEDRAFITA
Comunica Galicia co Bierzo. Alusión a un paso subterráneo feito polo home nunha montaña.

CHAO DAS UCEIRAS
Na parroquia de Pedrafita. De ulice, uz, breixo, arbusto de madeira dura e raíces grosas que ata ben entrado o século XX se empregaba para facer carbón vexetal, tanto para consumo propio como para vender. A raíz e a flor da uz branca utilizábase como remedio para a dor de cabeza e o lumbago. A uz vermella considerábase velenosa.

A UZ MARELA
Na parroquia de Cereixa. A 1.381 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto fai alusión á cor.

VAL DA CABRITA
Na parroquia de Pedrafita. Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. O composto é o diminutivo de cabra, latín caprae, o mamífero rumiante capaz de subir por sitios empinados e dos que se aproveita a súa carne, e das femias tamén o leite.

VAL DE ABILLEIRA
Na parroquia de Hospital. Alusión a unha colmea, ou tamén á melisa, do grego mélissa, abella, a planta semellante á ortiga moi aromática que gusta a estes insectos. Herba que forma parte do ritual da Noite de San Xoán, tanto para botala na auga coa que un se lava ao día seguinte, como para colocala na porta da casa como remedio contra o mal de ollo e das meigas. Cocida, utilizábase como tónico. Tamén se empregaba como abortiva.

VAL DE ABRAIRA
Na parroquia de Liñares. A abraira é unha variante de abeleira, corylus abellana, a árbore que dá as abelás, abellana nux. A casca mailas follas usábanse para cortar diarreas e hemorraxias.

VAL DAS CARRIOZAS
O segundo elemento fai alusión a un rego que forma na terra unha corrente de auga da choiva. Barranco, cárcava, precipicio. Para Aníbal Otero Álvarez, no seu Vocabulario de San Jorge de Piquín (1977), obstrución no terreo que impede o paso.

VALDECEGO
Na parroquia de Lousada. Topónimo composto polo latín vallis e caecus. Semella recibir o nome por ter unha situación topográfica que non se caracteriza por posuír unha boa vista con respecto ao seu entorno ou que é moi escura ou tebrosa.

VAL DE CORDEIRO
Do latín chorda, corda; ou do latín vulgar *cordarius, derivado de cordus, tardío. Cordeiro tamén pode facer alusión á cría da ovella mentres non é maior dun ano.

VAL DE FARIÑA ou VALDEFARIÑA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Louzarela. A fariña, latín farina, é o po que se obtén de moer os cereais, como o trigo ou o millo, e despois de tirarlle o farelo. Segundo Gonzalo Navaza descoñécese cal é o verdadeiro significado que encerra a forma simple fariña. É probable que directa ou indirectamente aluda á flora, ben polo cultivo de cereais ou por outras especies silvestres, pero tamén poderían constituír antropotopónimos, talvez nacido por referencia ao cabelo branco ou á condición de muiñeiro. Ares Vázquez tamén di que pode facer alusión a un alcume persoal Farino. Valdefariña foi xurisdición que tiña unha soa parroquia, a de San Xoán de Padornelo dependente de Portomarín, da orde de Malta. Eiquí atópase a coñecida como Casa da Raíña, que se adoita relacionar coa raíña Dona Urraca que se di pasou noite no lugar. 

VAL DE FONTEFORMOSA 
Na parroquia de Riocereixa. Para o segundo elemento, ver Fonteformosa.  

VALMARCO
Na parroquia de Zanfoga. O composto vén do latín marco e do céltico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é no Parrochiale suevum, do século VI, onde se fai unha relación das trece dióceses do reino suevo de Galicia.

VAL DA MOURA
Na parroquia de Padornelo. O composto deriva da raíz *mor, pedra, nome que, nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraigado no maxín popular que deu multitude de lendas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, fontes, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria.

VALDEPEREOS
Na parroquia de Pedrafita. A nidia primeira parte do topónimo complícase ao analizar o composto que, nunha primeira ollada, semella facer alusión ao pyrus communis, a pereira silvestre que ten como froito o pero. Mais, no presente caso, cremos que deriva do latín petram, pedra. Estariamos, pois, ante un val pedroso.

VAL DAS SEBES
Na parroquia de Zanfoga. O composto denuncia un terreo cercado, ben con táboas, estacas, silveiras, toxos ou arbustos.

VAL DE VILAR
O segundo elemento vén do latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

OS VALES
Na parroquia de Fonfría. Plural de val.

O VARGADO ou BARGADO
Na parroquia de Lousada. Cerca ou valado formado por paus, estacas ou chantos.

VEIGA DE BRAÑAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Zanfoga. Prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. O nome xa se le no ano 961 no mosteiro de Celanova. O composto, galego braña, pasto de verán sen toxo que, segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo.

VEIGA DO CHAO
Na parroquia de Louzarela. Para o segundo elemento, ver O Chao.

VEIGA DE FORCAS (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. O composto vén da voz latina furca, forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais eiquí semella que fai referencia ao sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". Nicandro Ares fala dunha posible alusión a Veiga de Forcas no ano 1158; tamén di que Corominas cita forka en documentos do ano 1070 pero non di porqué se chamou así. Vázquez Seijas, na súa obra Fortalezas de Lugo y su provincia, fala dun castelo existente no lugar, do que hoxe en día non fican restos. Eiquí consérvase a casa-pazo e torre que sufriun varias reformas, entre outras unha no ano 1964 que fixo desaparecer varios elementos. O pazo aínda conserva dúas pedras armeiras dos Ron e dos Armesto. Segundo a documentación que existía do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse os habitanes do Cebreiro en Veiga de Forcas ao grito de "Viva o pobo soberano, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como "Acordo Municipal do Cebreiro", designando como sé da capitalidade do municipio Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros a Mauel Mejía e a José de Neira Saco quen por elo foron procesados por delito de rebelión. O 22 de setembro de 1876 o Concello do Cebreiro estaba en Veiga de Forcas, tal como figura en senllas papeletas das descrición dos carimbos municipais; na primeira descrición lese. "Ayuntamiento de Vegadeforcas del Cebrero, Partido Judicial de Becerreá, se ignora la fecha, sibien fue adquerido en Madrid por orden del señor Gefe Cibil de Monforte. Vegadeforcas, septiembre 22 de setiembre de 1876. El Alcalde Juan Rebollal". A segunda papeleta leva a mesma data e di: "Ayuntamiento de Vega de Forcas del Cebrero. Partido Judicial de Becerreá, Provincia de Lugo. Descripción del sello. Ayuntamiento del Cebrero. Origen y circunstancias, tuvo un origen en 1860 con motivo de haverse trasladado a Piedrafita la Capitalidad y ahora en Vega de Forcas como punto centrico. Vega de Forcas, septiembre 22 de setiembre de 1876. El Alcalde, Juan Rebollal". Por Veiga de Forcas transcorría unha vía auxiliar do Camiño de Santiago que ía desembocar ao Alto de San Roque, utilizada principalmente durante os crus invernos. 

AS VELAS
Latín vigila, pode aludir a un lugar destinado á vixiancia ou a un monte dende o que se divisa unha ampla panorámica.

O VIEIRO
Na parroquia de Zanfoga. Latín venariu, camiño, carreiro, verea.

VILANOVA
Núcleo de poboación da parroquia de Padornelo. Latín villa, alusión a un núcleo de poboación de época medieval, e o adxectivo nova. Por vila entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento básico dende o século X.

VILARÍN DO MONTE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Hospital. Diminutivo de vilar, latín villare, e mons, montis, monte, terreo no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación. Tamén pode facer alusión a unha *(villa) Elarini, dun propietario medieval de nome Elarinus

VILASOL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. Non ten nada que ver co sol, o astro que dá vida á Terra. Sería unha (Villa) Sauli, dun posesor medieval que atendía polo nome de Saulus ou Saulo.

VILAVERDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Padornelo. Pode facer alusión á cor verde, latín viridis, ou a unha (villa) Virdii ou Viridii, dun propietario medieval de nome Virdius ou Viridius. 

O XARDÍN 
Na parroquia do Cebreiro. Do francés jardin, e este do francés antigo jart, horto. Alusión a un lugar onde se cultivan plantas, principalmente con fins ornamentais. Ou tamén un diminutivo de xardón.    

O XARDÓN
O xardón é un dos nomes do acivo, latín Ilex aquifolium, arbusto ou arboriña que, usado como adorno navideño, case provocou a súa desaparición. O froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e vomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor.

O XARDONCÍN
Na parroquia de Lousada. Diminutivo de xardón.

ZANFOGA (SAN MARTIÑO)
Nome da parroquia. Latín centum foca, cen lumes, cen fogares ou cen casas, significado, segundo o noso parecer, non moi claro. Nicandro Ares Vázquez di que cabe a posibilidade de que Zanfoga conteña o alcume persoal dun home que se chamase Sancho, que viría dun xenitivo Sancti, de Sanctius, non excluíndo que fose o apelativo dun colectivo múltiple, hiperbólico, máis ca determinado. Martiño vén de Martinus, "adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis, o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns aceptaron pola popularidade do bispo de Tours. No ano 1166 o rei Fernando II e a súa muller doan ao hospital o lugar de Zanfoga. Consérvanse algunhas tumbas antropoides, ademais dun antigo sumidoiro coñecido como Penseara.

Toponimia do Concello de Pedrafita do Cebreiro

© Colectivo Patrimonio dos Ancares