CASTELOS, TORRES E ESCUDOS DE ARMAS NOS ANCARES

Concellos de Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro

 

 

CONCELLO DE BARALLA


ESCUDO DO CONCELLO DE BARALLA

De azur, sobre ondas de prata e azur, un caldeiro de ouro sumado dunha cruz do mesmo e acompañado de catro torres de prata. Ao timbre, coroa real pechada. Aprobado por Decreto 135/1996, do 29 de marzo (DOG do 18 de abril).


PAZO DE ARANZA

En Aranza. No ano 1807 construíuse o portón de acceso ao patio interior do pazo. Está coroado por un escudo neoclásico coas armas dos Vaamonde, Cela, Andrade e Pardo. No interior hai outro escudo do século XVI, tamén coas armas dos apelidos citados. Por riba dunha ventá hai unha representación heráldica onde se ven tres figuras humanas con casco e unha cruz sobre un caldeiro. O estado do pazo é de regular a malo.


CASA DE BLANES OU DE MÉNDEZ

En Aranza. Pertenceu a dona Isabel Osorio y Pardo, filla da dona do pazo de Aranza. Nun muro exterior conserva unha pedra de armas, do século XVIII ou XIX, con alusións aos Castro, Andrade e Neira. No segundo cuartel vese unha barra coa lenda "AVE MARIA". 


O CASTELO

O coñecido como O Castelo atópase moi preto da ponte medieval, de posible orixe romana, de Covas, nun pequeno promontorio a 458 metros de altitude, arrodeado polo norleste polo río Neira. Dende a cima, o dominio visual apenas vai máis alá dun tramo do río e da ponte que o salva.

Para acceder á parte máis alta do castelo hai que facelo atravesando un profundo foxo que discorre polo norleste, a parte máis vulnerable. A cima está totalmente achairada, protexida polo noroeste por un parapeito de terra e pedras e pronuciados terrapléns, e polo leste polo forte desnivel do terreo.

Na parte achairada, duns 40 por 50 metros, obsérvas unha escavación de forma cadrada duns 40 metros cadrados e medio metro de profundidade que semella acolleu algún tipo de construción. Dende o interior tamén reparamos que polo leste, ademais de polo foxo citado máis arriba, hai unhas enormes penas unidas entre si por rexos muros feitos con pedras que conforman unha potente muralla; segundo informacións recollidas, os muros eran máis altos, as pedras que faltan foron reaproveitadas para construír peches.

Pero, cal era a función deste máis que probable asentamento fortificado? Como subliñamos anteriormente, o dominio visual dende a parte máis alta é reducido, limitándose a uns pequenos tramos do río e, sobre todo, da ponte.

A ambos lados do río Neira e a pouca distancia deste, dende Baralla ata a Pobra de San Xiao (Láncara), sitúanse varios castros romanizados asociados a explotacións mineiras: Pousada, A Croa, Pontón, Laxes, A Croa ou Traspena, Vilasantán, Marín, Trascastro, Sambreixo e Neira. Pero se este tipo de asentamento está relativamente ben documentado, carécese de información escrita e arqueolóxica canto á existencia de fortificacións posteriores, agás xunto a ponte de Carracedo onde na Idade Media había unha torre onde se cobraba o dereito de portádego para poder cruzala.

Cómpre aclarar que á par do río Neira, non moi afastado dos castros citados, discorría un ramal da vía romana XIX que enlazaba Lucus con Asturica.

Nas covas de caliza situadas baixo o Castelo apareceron uns anacos cerámicos dunha mesma peza. A profesora Beatriz Comendador cre que no sitio puído haber unhas explotacións de estaño. 

 

TORRE DE TRASPENA

En Traspena, parroquia de Covas. Vázquez Seijas cita o lugar como San Mamede de Traspenas, sen achegar máis datos. Visitado o lugar, ningún veciño soubo achegarnos información sobre a existencia dunha posible torre medieval, agás o relacionado co asentamento castrexo situado nun outeiro por riba da aldea coñecido como A Croa. Eiquí está a coñecida polos veciños como "A Pena da Golondrina" onde se ve un furado que semella feito pola man do home, mais ignórase cal sería a súa función.


TORRE DA CONDOMIÑA

Na Condomiña. A Condomiña fálanos dun condominium de dous señores feudais sobre unha zona concreta. O reparto territorial obedece ao antigo señorío de San Miguel (a Casa de Cedrón como era coñecida no século XVIII) e o de Penarrubia, da Casa dos Ulloa, que moraban no pazo da Pena que compartía o dereito de padroado co marqués de Alcañices. Contaba con cárcere e a ela pertenceron unhas cadeas de ferro que a mediados do século XX se conservaban no pazo da Condomiña construído, probablemente, cos materiais da primitiva torre.


TORRE DA MOCHA
 
Na Mocha. A única referencia é un documento do ano 1215.
 

O CHAO DO CASTELO
 
En Lexo. Topónimo.


CASA DA EIREXE

En Guimarei. Alonxada do núcleo de poboación, preto da igrexa parroquial. Data de principios do século XVII. Na fachada principal ten un escudo de armas, mandado colocar no século XIX, coas representacións dos Rodríguez, Reimóndez, Seixas e Neira. O escudo, cuartelado, está orlado con decoración vexetal. Vense cruces potenzadas, pombas, unha cruz flordelisada e un dragón; vai timbrado con helmo e plumas. 

 

CASA PALACIO DE ESPIÑA

En Pacios. Trátase dun edificio de dúas plantas construído en pedra granítica. Sobre a porta vense tres escudos xuntos e aliñados do século XVIII. No da esquerda figuran as armas dos Seixas, Ulloas e Falcóns. No da dereita as dos Páramo, Castro e Pimentel, Osorio e Bolaño. No do medio, sen timbrar e cunha imaxe da Virxe sobre el, as dos Neira-Balboa. 

 

TORRE DE LAMAS

En Lamas, parroquia de Pacios. Ten a orixe no século XVI, fundada por Andrés Pardo de Aguiar, vasalo dos Rosón, señores da casa e solar de Neira e do couto de Lamas, tal como figura nun documento do ano 1591. Na fachada ten dous escudos do século XVI. O da esquerda posúe as armas dos Vaamonde, Cela, Andrade e Pardo. O da dereita ás dos Neira e Castro. 



TORRE DE NEIRA

En Baralla. Coñecida tamén como A Torre Vella. Non existen probas arqueolóxicas nin escritas sobre a existencia desta torre, o que non é atranco para que a Xunta de Galicia a teña declarada como Ben de Interese Cultural (BIC). Di Amor Meilán na súa Historia de la provincia de Lugo: "Embellecida con el soberano ropaje de una espléndida poesía y achacando al D. Tello de Neira la deshonra de la doncella Elvira, hija del labrador querelloso, escribió el inmortal Lope de Vega El mejor alcalde el rey, unha de sus obras". Na crónica cóntase un feito acontecido en tempos de Afonso VII, onde un infanzón chamado Fernando de Neira se apropia das terras dun labrego que, aldraxado, acudiu ao rei na procura de xustiza. Ante a negativa de acatar a xustiza real por parte do infanzón, o propio rei viaxa á aldea de Pousada (Baralla) onde se erixía o pazo dos Neira, e captura e axustiza ao nobre, devolvéndolle a terra ao labrego. Lope de Vega coñeceu estes feitos pola Crónica General, publicada entre os anos 1543 e 1578 polo cronista de Carlos I Florian de Ocampo, onde se baseaba en crónicas anteriores. Lope mudou algúns elementos, trocando o nome de Neira polo de Tello, e tamén o motivo, convertendo a peza nun tema amoroso coa "toma" dunha moza por parte de Tello de Neira. 


CASA-TORRE DE PIÑEIRA

En Piñeira. Edificio formado por vivenda e torre, construída en cachotaría de granito e lousa. Propiedade privada en deficiente estado de conservación. Nun costado da torre vese unha pedra armeira cun só campo ocupado cun brazo armado dunha espada espida, con coroa condal, cargada de bandeiras e símbolos o que fai pensar que os seus primeiros propietarios serían da Casa dos Boado. No ano 1940 foi enaxenada a Manuel García Fernández, veciño de Piñeira.

 

CASA TORRE DE BASILLE

En Basille, parroquia de Pousada. Trátase de dúas edificacións unidas compostas por vivenda e torre, esta máis elevada, construídas no ano 1680. Na parte alta da torre vense dous escudos do século XVII. Debaixo do escudo da dereita figura unha inscrición que di: "ESTA OBRA SE IÇO AÑO DE 1680". No da esquerda represéntanse as armas de Rodrigo Alonso de Quiroga, partido en dous, con dous xenetes enfrontados. 


CASA DOS CORREA

En San Miguel de Neira de Rei. Edificio moderno situado na croa dun castro, fronte a igrexa parroquial onde tamén houbo unha torre medieval. Construíuse a mediados do século XIX. Pertenceu a Antonio Correa Fernández, pai do escritor Evaristo Correa Calderón. Don Antonio fundara o semanario de curta traxectoria El Monitor de Baralla cuxo primeiro número saíu á rúa o 13 de xaneiro do ano 1900. Sobre o portón de acceso hai un escudo do século XIX coas armas dos Correa. 


TORRE DE SAN MIGUEL

En San Miguel de Neira de Rei. Nos cimentos da igrexa parroquial de orixe románica de San Miguel, edificada sobre un primitivo castro, aínda se perciben as pegadas da base da torre medieval de planta cadrada. Segundo relata Vázquez Seijas, dende a liña fronteira da igrexa e en dirección onde estivo a ponte de Carrocedo, derrubada por unha enchenta do río no ano 1939, o que deu lugar á construción da actual, partía un camiño subterráneo ao servizo da torre, traballado en pena. 

 

CASA DA TORRE

Atópase na aldea dos Mazos. Só temos unha referencia oral proporcionada polo compañeiro José Ángel Fernández Revaldería, quen nos contou que hai anos aínda se podían ver algúns restos preto do río Neira. Consérvase o topónimo nunha casa onde non atopamos vestixios. 


CASA-TORRE DE VILAMEIXE

En Vilameixe, parroquia de Vale. O edificio conserva unha torre cadrada con tres andares. Pertenceu aos Neira. Era xurisdición dos Castro. No século XVI anexóuselle unha vivenda. A principios do século XX era a súa propietaria Carmen García de Blanes e Miranda. Na parte alta do lateral sur da torre vese un escudo do século XVI arrodeado por unha orla vexetal que enmarca nun círculo unha cruz flordelisada, un león rampante e o caldeiro da casa dos Neira-Balboa. 


CASA DO PACIO OU PAZO DE VILACHAMBRE

En Vilachambre. Coñecido tamén como Casa do Pacio. Pertenceu aos señores de Vilachambre, cuxo antepasado máis antigo foi Vasco de Neira e Valcarce "o Vello". A casa posuía unha capela, hoxe en ruínas. A principios do ano 2017, os actuais propietarios puxéronse en contacto co noso colectivo para informarnos da existencia dun "escudo" tirado nunha silveira que en tempos estivo nun muro exterior da casa. Na visita puidemos comprobar que non se trata dun escudo, pola súa tipoloxía cremos que a pedra puido formar parte dunha lauda sepulcral. Á nosa petición a pedra foi recuperada e gardada nunha casa. 


 

CASA DE VILANOVA

En Vilanova, parroquia de Vilartelín. A casa atópase en situación de semiruína. No ano 1768 era dono o fidalgo José Sánchez Pardo. A porta de acceso é de arco de medio punto. Sobre a portada vese un escudo coas armas dos Sarmiento, Montenegro e Pardo. Cuartelado, está timbrado con helmo de plumas. Vese unha torre, un "M" que fai alusión á liñaxe dos Montenegro, un bacelo e unha aguia coroada da liñaxe dos Pardo. 


 

 

CONCELLO DE BECERREÁ


ESCUDO DE BECERREÁ

O escudo heráldico do Concello de Becerreá aprobouse por Decreto da Xunta de Galicia do 20 de marzo de 1992 (DOG do 8 de abril). Di: "De gules, sobre unha terraza verde, unha becerra de outo á dereita e unha torre de prata á esquerda, acompañadas dun sol figurado de outo no cantón destro do xefe. O escudo tímbrase coa coroa real cerrada". Segundo a lenda, o nome de Becerreá debe o nome a un feito acontecido durante unha das feiras que se celebraban na vila. Ía un veciño co seu becerro á feira cando un neno lle lanzou unha pedra ao animal. Tal foi a dor que lle produciu que deu un salto e botou a correr sen que ninguén conseguira paralo. Chamaron, entón, ao alcalde, home valente e astuto, que conseguiu detelo e devolvelo ao seu dono.

Os documentos máis antigos que falan de Becerreá proceden dos tombos do mosteiro de Penamaior. Nun documento do ano 1128, o abade do cenobio concede en préstamo un casal en Becerraa. No 1259, o abade de Carracedo do Bierzo recibe de Alfonso Gómez de Valcárcel "... quanto ayo en Becerrana, termino de Valboa". Vexamos agora os criterios, dende o punto de vista etimolóxico, propostos polos distintos autores. Para o alemán Joseph Piel é un nome de señorío dun propietario latino, rematado no sufixo adxetival -ana, procedente dunha *(Villa) Becerrana ou Becerriana. Para Caridad Arias fai alusión a unha *(Villa) Beceriana, derivado dun posesor de nome Becerianus ou Bicerianus, forma patronímica de Becerius ou Bicirius que viría a súa vez da base nominal celta Beco/Becco, cuxo derivado Becius ou Vecius está documentado na epigrafía. Nun congreso celebrado en Salamanca no ano 1974, o filólogo Joan Corominas propuxo a hipótese etimolóxica de Bergedo-Redana (Civitas), "cidade do camiño do Bierzo"; supón un primeiro elemento céltico ou indoeuropeo Bergedum, ben coñecido como nome do Bierzo, entroncando o segundo compoñente, Redana, co céltico Reda, "carro de viaxe". Moralejo, aínda que lamenta que non se conservara unha testemuña clara da base orixinaria, di que pode admitirse a evolución de Bergedoredana ata Becerreá.


IGREXA DE AGÜEIRA

En Agüeira. Nun muro exterior da igrexa consérvase unha pedra armeira moi decorada, podendo atribuírse ao marqués de Camarasa. 


CASA-TORRE DE HORTA

En Horta, parroquia de Agüeira. Atopábase a carón do antigo Camiño Real. As súas orixes remóntanse aos séculos X-XI. A primitiva fortaleza ardeu no ano 1895, quedando só parte da casa que aínda se conserva. Durante moito tempo estivo vencellada a Torés (As Nogais), así como ás casas de Noceda, Arandedo e Cancelada. Os apelidos máis frecuentes son os dos Bolaño, Ulloa e Ribadeneira. Nun documento do ano 1410 di que a capela do San Bieito, hoxe restaurada; situada nas inmediacións, sempre pertenceu á casa-torre de Horta. No mesmo documento, o escribán transcribe os desexos da propietaria, Blanca de Balboa, para que a súa sobriña, María de Lamas Fernández e Balboa, case con Marcos Gómez de Bolaño, dono da Casa de Quintá, xurisdición de Cancelada de Abaixo, "con quen está tratado que teña que casar". En distintos documentos menciónase como Casa dos Ulloa. A Casa de Horta estivo vinculada, ademais de a Torés, ás de Noceda, Arandedo, Cancelada e Quintoi. Os apelidos máis frecuentes son os de Bolaño, Ulloa e os de Ribadeneira. Entre os persoeiros máis destacados da súa xenealoxía cabe salientar ao cardenal Pedro Gómez Bolaño de Ulloa. Na fronte vese unha pedra armeira con cabeza de guerreiro, óvalo, león, axedrezado, rosa e seis barras.


CASTELO DE PENA AGÜEIRA

Hai quen di que na Valiña, na parroquia de Agüeira (Becerreá), houbo un castelo que foi destruído polos Irmandiños durante a Gran Guerra contra a opresión dos grandes señores acontecida entre os anos 1467 e 1469. Unha das fontes documentamis máis importantes para coñecer o conflito é o Preito Taebra-Fonseca, unha arbitraxe entre o arcebispo de Santiago e logo de Toledo, Alonso III de Fonseca (1475-1534), e o seu sucesor Juan Pardo de Tabera (1472-1545). Pouco despois de chegar ao cargo, Pardo de Tabera reclamou a Fonseca dez millóns de maravedises polos danos sufridos nas fortalezas pertencentes á Mitra que o primeiro non reconstruíra.


Da ficha de Patrimonio da Xunta de Galicia, do ano 1995, nada se saca en limpo polo que se deduce que o sitio nunca foi visitado. No inventario de bens patrimoniais do ano 1997 do Concello de Becerreá limitáronse a recoller a ambigua ficha da Xunta. Descoñecemos quen foi o primeiro en citar esta fortaleza na Valiña, só atopamos unha pequena mención no traballo de Manuel Vázquez Seijas, Fortalezas de Lugo y su provincia, que non achega ningún dato relevante, pola contra, fai unha errada lectura do citado preito. Por outra parte, non existen evidencias arqueolóxicas, escritas, toponímicas nin orais.

Como dixemos, cremos que a confusión vén pola mala lectura do nome, ao confundir Agüeira con Aguieira. O preito fala dunhas 100 fortalezas destruídas polos Irmandiños, entre outras a de Pena Aguieira, coñecida tamén como Torre do Mariscal, situada no concello do Páramo. Ao pertencer ao señorío dos Ribadeneira e non á Mitra, non é obxecto de interese polos preiteantes, pero tamén serán importantes as testemuñas referidas a estes casos. Así sabemos que os Irmandiños derrubaron as nove torres da fortaleza de Sarria, dos Osorio, que logo foi reedificada, e o castelo de Pena Aguieira que permaneceu destruído. O escudeiro lugués Afonso do Campo confesa que estivo no cerco que a Irmandade tivo contra Pena Aguieira, coincidindo coas testemuñas de Ares de Rigueira, Afonso Ferreiro, Lopo do Outeiro, Fernán López de Betote e Gómez Paz. O campesiño Lope de San Silvestre, vasalo do mosteiro de Samos que participou no ataque, di que a Irmandade atacou a fortaleza de Sarria "e que derrocaran della toda la cerca derredor", e que despois o conde de Trastamara "biniera con mucha gente a la villa de Sarria e comezara a corregir la dicha fortaleza que dezian era suya e despues el dho conde de Trastamara fuera con la dicha gente contra otra fortaleza que se dice la Pena Aguieira e la combatiera y derrocara por el pie porque el dicho testigo se la vio derrocar e que despues se tornara a Sarria a donde dice que se murió e que lo llebaron a Astorga". O citado Lopo do Outeiro, vasalo do señor de Pena Aguieira, deixa claro que os límites entre un e outro dominio están demasiado próximos, a menos dunha legua, o que explica que o derrubamento das fortalezas de Sarria e Pena Aguieira coincidan no tempo.

As testemuñas non deixan lugar para a dúbida: o castelo ao que se refiren é o de Pena Aguieira, no Páramo, e non ao inexistente de Pena Agüeira, en Becerreá.

Ao contrario do que acontece na Valiña de Becerreá, onde non se coñecen restos de ningún tipo, na Pena Aguieira do Páramo documentáronse restos da estrutura central da fortificación e entalladduras nas rochas onde se apoiaban as estruturas de madeira, ademais de obxectos cerámicos, metálicos e unha bóla lítica incrustada nunha viga carbonizada que corresponde a un proxectil.


No mes de novembro de 2021, para evitar que se cronifique a desinformación, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitamos a Patrimonio da Xunta de Galicia a súa descatalogación, e ao Concello de Becerreá, cando confeccione o futuro PXOM, o teña en conta.
 


CASA-TORRE DE CADOALLA

Na aldea de Cadoalla. Do século XVI. Pertenceu aos Herbón. A primitiva construción está formada por dous volumes, con muros de cachotaría de xisto con vans reforzados con sillares. A porta de acceso ten un arco de medio punto alintelado, que é onde está o escudo. Conxunto alterado por unha construción de formigón. Conserva unha pedra armeira dos Ribadeneira, Bolaño, Balboa e outros. 


O CASTELO

Aldea da parroquia de Cadoalla. Un documento do mosteiro de Penamaior do ano 1196 di que os monxes tiñan posesión "in castelo" do Val de Ouselle.


CASA DE VALCÁRCEL

No Cereixal. Casa de dous volumes con dous andares cada un, a base de muros de cachotería e cuberta en lousa. Salienta unha galería de madeira que percorre case todo o primeiro andar. No frontis que coroa o muro da finca conserva unha pedra heráldica cuartelada con flor de lis e paxaros, león e serpe, sol e lúa.


A TORRE

No Cereixal. Topónimo polo que tamén se coñece un castro que foi destruído por unha canteira. Quizais faga alusión a unha torre que se edificou sobre o asentamento castrexo.


CASA-TORRE DE CORMES

En Cormes, parroquia de Morcelle. O documento máis antigo data do ano 1609 en que aparece tomando posesión dela Vasco de Erbón y Vivero, fillo de Lope de Vivero e María López de Vivero e neto de Moñigo de Erbón e Beatriz de Vivero, fundadores do vínculo da casa-torre de Cadoalla no ano 1556. Un dos herdeiros desempeñou o cargo de alcalde maior perpetuo da xurisdición de Torés, por virtude de cesión que lle fixo o seu primo Fernando Bolaño Ribadeneira, señor de Torés, segundo consta na escritura de capitulacións matrimoniais outorgada no ano 1640. A posesión do señorío de Cormes tomouna o 10 de xullo de 1649, por herdanza do seu avó, falecido o ano anterior. Trátase dunha casa-torre de planta rectangular con portas de acceso ao interior alinteladas con arcos de medio punto. Ten unha inscrición ilexible nun dos linteis e unha pedra armeira nunha fachada. Posúe capela exenta ao pé do camiño. Ten dous escudos.

 


CASA-TORRE DE CRUZUL

En Cruzul. Construción en "U" con muros de cachotería revocados, organizada en torno a un patio. Mal estado de conservación. 

 

CASA RIVAS

Na parroquia de Ouselle. Conxunto formado por casa e unhas construcións adxectivas tipo alpendre. Os edificios están dispostos en torno a unha leira e separadas da estrada por un muro de pedra. A casa principal é de planta rectangular. Semella que os volumes corresponden a dúas épocas distintas pola composición dos alzados. Esta casa figura na documentación como Riba, Riva e Rivas aínda que etimoloxicamente a grafía correcta é Ribas, do latín ripa, -ae. Por Real Orde do 13 de decembro de 1575, o rei Felipe II asina o vínculo e morgado sobre os bens "de riba do ceresal, doselle". O alzado da primeira parte da casa (o primitivo torreón) data do último cuarto do século XV ou primeiro do XVI, construído por Rodrigo de Erbón. O prado posterior continúa a chamarse Tras da Torre. As edificacións máis separadas do edificio principal (capela e muíño-pombal) padeceron no 1809 a rapina dos soldados napoleónicos do mariscal Soult (a capela foi incendiada). No volume máis baixo da casa aparece un pequeno escudo sobre a porta principal. 


IGREXA MOSTEIRAL DE PENAMAIOR

En Penamaior. A portada da igrexa de orixe románica está formada por un arco de medio punto con catro columnas con decoración vexetal sobre a que figura o escudo da abadía de Carracedo do Bierzo e unha fornela coa imaxe da Virxe.


MUÍÑO DE PENAMAIOR

En Penamaior, fronte a igrexa mosteiral. Na fachada principal do muíño hai un escudo cuartelado con dous castelos con tres torres e dous leóns rampantes. 


PENA DO CASTELO

En Vilarín (Penamaior). Nun afloramento rochoso, situado por riba da aldea, dise que os Templarios tiñan un castelo.


IGREXA DE TORTES

En Eixibrón, parroquia de Tortes. Nun muro exterior do presbiterio da igrexa consérvase un escudo. É de finais do século XVII ou principios do XVIII, coroado coa coroa condal e marquesal. Está cuartelado pola cruz dos Armesto. Primeiro cuartel de xefe: Bolaño. Segundo cuartel de xefe: Balboa. Primeiro cuartel da punta: Lemos. Segundo cuartel da punta: Zúñiga. Decorado por moldura a xeito de follas de acanto. Este escudo dinos que a familia principal que administraba a parroquia levaba o apelido Armesto, seguido de Bolaño, Lemos e Zúñiga. Así que o seu patrón apelidábase Armesto, Bolaño, Lemos e Zúñiga. Trátase dun escudo familiar polo que debeu corresponder á familia que tiña o dereito de presentación de curato. Segundo o catastro de Floridablanca (1785), Tortes, e polo tanto Eixibrón, pertenceu xurisdicionalmente a Torés. Na época de construción da igrexa era señor de Torés Pedro Bolaño.

 

CASA EN VILAR DE CANCELADA

Na parroquia de Vilachá. Edificio de pedra revogado e pintado de branco. Salienta a porta en arco de medio punto. Na fachada conserva un escudo con barras. 


IGREXA DE VILACHÁ

En Vilachá. Por riba da porta de entrada hai un escudo coas chaves, símbolo da potestade dada por Cristo a San Pedro, e mitra papal. 


A PENA GRANDE DOS SOLDADOS

En Vilachá. Descoñecemos o porqué deste nome.


CASA DO AVOGADO

En Vilouta. Trátase dunha construción situada en Vilouta de Abaixo. É de planta cadrada con cuberta de lousa a catro augas. Ten unha pedra heráldica con once casas, barras e lanzas, coroada por celada mirando á dereita. Contáronnos que antes de ser trasladado para o emprazamento actual, o escudo estaba tirado nun alpendre. Desprotexido, roubáronno pero os cans da aldea perseguiron aos ladróns que tiveron que abandonalo en Guilfrei. Crese que quen o colocou no no lugar actual foi un avogado de nome Manuel Pérez de Linares que se namorara dunha moza da aldea pero, debido a que non era moi agraciado, rexeitábao, mais el convenceuna cando lle regalou unha moeda de ouro. 


 

CONCELLO DE CERVANTES


ESCUDO DO CONCELLO DE CERVANTES

De gules, o castelo en prata, aclarado de azur e terrazado de ouro. Dúas montañas en azur atravesadas por un río de azur e prata. De azur un cervo de ouro. Cada un dos cuarteis fai referencia ao término municipal. O castelo simboliza ao de Doiras, os montes lembran os Picos dos Ancares, e o río as correntes fluviais da zona. O cervo é un símbolo que lembra o nome do municipio.


CASA EN SANTALLA

En Santalla, parroquia de Ambasvías. Casa de planta cadrada con muros de cachotería e cuberta de lousas de xisto. Ten un patio ao que se accede por un pórtico cuberto. Pertenceu á familia dos Témez. Foi mercada por un veciño da aldea. Na parede que dá ao camiño vese un escudo co campo cortado en cuxa parte superior figura unha torre flanqueada por dous dragóns; na inferior está cuartelado, destacando unha cabeza no lado dereito que mira cara arriba. Está coroado por un helmo. Na mesma pedra, no lado esquerdo, vese un cabaleiro montado nun cabalo con espada na man esquerda. Na parte superior da pedra hai unha longa inscrición de difícil lectura, moi tosca, que semella foi realizada posteriormente, léndose só palabras soltas.


CASTELO DE CAIS

A aldea, actual Castelo, aparece citada no ano 1275 como Castel de Canes. Noutro documento do 1380 como Castelo de Cais. No afán castelanizador do Antigo Réxime cítase como Castillo de Perros, cando o topónimo nada ten que ver cos cans, senón cun propietario de nome Bellacanus.


CASA EN PEREIRA

En Pereira, parroquia de O Castelo. Casa de labranza tradicioal que presenta varias alteracións e engadidos. Sobre a porta de acceso ao patio hai un escudo en cuxo corpo central vense tres cuadrúpedes aliñados; está coroado por un helmo con penacho; na parte inferior ten a inscrición "SANTIN".

 

CASTELO DE FRADES

É o nome dunha, na parroquia de Cereixedo. Non existen restos nin arqueolóxicos nin escritos sobre a súa existencia, o que non impide que estea declarado como Ben de Interese Cultural. Citado nun documento do mosteiro de Samos no ano 1091: "in Castelo de Frs, cella integra". No ano 1262, os frades de Carracedo do Bierzo posuían herdades en Castello de Fratribus. No ano 1310 é nomeado como Castello de Frades. Foi solar dos Pardo-Reguera que tamén tiñan casa en Valgos. Malia o anterior, no lugar consérvase unha casa solariega con varios elementos singulares como unha pedra armeira toscamente labrada de dúas pezas con varios motivos. A inferior, de tres cuarteis, torre de dous corpos, cabaleiro de pé vestido con casaca, calzón e báculo na man dereita, unha ave (pita do monte?) e dous dragóns enfrontados; entre as pernas un animal que semella unha lebre, símbolo de fidelidade. Na superior vese un cabaleiro armado cunha espada na man dereita e un falcón na outra, flanqueado pola esquerda por tres estrelas e a lúa e pola dereita polo sol e unha cruz que semella actuar como lanza. Debaixo da lúa lese "QUYNDOS", e debaixo do sol "LLAMAS". No corpo inferior, orlando os motivos descritos, ha unha inscrición onde se le: "X ISTA PETRA ET SCVDVM CVI X LIBET NIHIL DE X BET NISI REG. TRIBVTVM X ET VECTIGALIA EST DOMI X NI IOSE LOPz OSOo X", ("Esta pedra e escudo nada debe a ninguén senón o tributo ao Rei, e é patrimonio do señor Xosé López Osorio". Pola inscrición semella que estaba exento de todo tipo de tributos, agás os reais. Todo o conxunto está coroado por unha cruz. 

 

PAZO DE VILAR

En Vilar, parroquia de Donís. Con varios alpendres engadidos. Presenta planta rectangular con dous andares e cuberta en lousa. Noutro tempo tivo unha capela da que non quedan restos. Na fachada principal hai dous escudos. O primeiro está cuartelado e en cruz. Na parte superior esquerda presenta un castelo, e na dereita unha ave. Nas partes inferiores, tapadas por un tellado, semellan verse uns animais cuadrúpedes. Está coroado por unha cabeza con helmo flanqueado por dous dragóns. Sobre o conxunto hai unha coroa culminada por unha cruz. No campo do segundo escudo vense tres barras verticais. Está orlado por varios motivos en forma de espirais, con dous cuadrúpedes na parte superior. Coroado por un helmo con penacho. 




TORRE DE DONÍS

En Donís. No Diccionario Heráldico y Geanológico de apellidos españoles y americanos, dos irmáns García Garrafa, aparece Onís e Donís. Na xeanoloxía alúdese a un cabaleiro que ingresou na Orde de Santiago, ao seu pai e a un avó que figuran apelidados como Donís, así como á súa nai que pertencía á mesma casa, mas aparecendo apelidado Onís o avó materno. Noutro documento referido a un irmán do citado cabaleiro, teñen o apelido Onís o pretendente e os sucesores. O edificio ten forma rectangular, acaroado á torre. A xurisdición de Cervantes exerceuna o conde de Grajal, e nela comprendíase a freguesía de Donís, existindo na parroquia o lugar de Castelo. A casa torre pertenceu á familia Sanmartiño Pambley, que percibía rendas forais na parroquia de Donís e colindantes, xa de Navia de Suarna, Candín, San Antolín de Ibias e outros lugares. Posteriormente foi propietaria Aurelia Sanmartiño, natural de Cangas de Onís, e por sucesión pasou aos Ron, residendentes en Lugo, que a enaxenaron a un home chegado de América quen adquiriu o edificio e as súas terras. Na fachada da torre hai unha pedra armeira en granito, protexida por unha moldura xeométrica renacentista, onde figura un can atado a unha árbore, un luceiro, tres dardos, un castelo de dobre torre con porta bloqueada de troneiras e un caldeiro colgado sobre o lume, coroando o escudo un busto de home con helmo adornado con plumas e en cada unha das esquinas un anxo alado. 


CASTELO-PAZO DE QUINDOUS

En Quindous. Do século XV ou XVI, se ben nun documento do ano 1250 cítase unha "hereditas" que nos fala dunha potente herdade. De traza regular con dous torreóns cilíndricios. Crese que a familia dos Quindós asentaron no lugar no século XV, e o primeiro nome que soa é o de Paio de Quindós. Ata finais do século XIX habitáronno os marqueses de San Sadurniño. Ten traza rectangular con dous torreóns cilíndricos. Nunha pedra armeira figura a inscrición: "Soy de la casa de Quindos fondada en esta montaña". Dise que as tres lúas que se ven no escudo significan as lúas que se tardaban en recorrer as súas posesións. Segundo a tradición, debaixo había outra lenda, desaparecida, que rezaba: "Ao rei non debo nada se lle pago a cabana". No interior consérvanse pinturas murais ao fresco do século XVI. A igrexa parroquial foi capela do pazo. Declarado monumento histórico-artístico no ano 1949.

 

CASTELO DE DOIRAS

Coñecido tamén como de Ferreira ou da Ponte de Doiras. Construíuse sobre unha crista situada a 752 metros de altitude, nunha prolongación da seara do Raial, flanqueada polos ríos do Toural e Vilarelo, e a súa aconfluenza co río das Casas ou Cancelada. A fortificación domina o núcleo da Ponte de Doiras. Pode que o sitio fora ocupado anteriormente por un castro. Canto á cronoloxía é difícil de precisar, distintos autores sitúan a construción nos séculos XIV, XV e XVI polo que só unha intervención arqueolóxica podería resolver as dúbidas. Declarado Ben de Interese Cultural o 17 de outubro de 1994.


As construcións que se conservan atópanse en bo estado e son as seguintes: torre da homenaxe de planta cadrada e 17 metros de altura, muralla que delimita a área do castelo e o seu patio de armas, unha torre de defensa circular e unha serie de estruturas ubicadas no patio de armas entre as que destaca o alxibe. Todas as construcións ocupan máis ou menos o mesmo nivel e non existen estruturas relacionadas coñecidas. En total a superficie construída ocupa 1.311 metros cadrados.

A súa localización débese ao paso pola zona de importantes vías de comunicación que unía a meseta con galicia, como a vía romana XIX e pode que unha variante do Camiño de Santiago.

E bastante a bibliografía que atribúe o señorío das terras de Cervantes á familia dos condes de Grajal de Campos, vila situada ao leste da actual provincia de León que tiña un señorío na primeira metade do século XV, propiedade da linaxe dos Vega. Se ben é certo que os condes de Grajal foron os señores destas terras e, polo tanto, propietarios do castelo de Doiras, tense que matizar esta información. Coñécense algúns documentos que sinalan á familia Osorio como propietaria do señorío de Cervantes nos tempos da construción do castelo. Grajal de Campos non entra na historia de Cervantes ata o ano 1673, cando Beatriz Francisa de Vega, herdeira do condado, casou con Álvaro Pérez Osorio. A presenza da familia dos Osorio en terras galegas comezou a consolidarse en 1328, cando o rei outorgou a Alvar Núñez Osorio os títulos de conde de Trastámara, Lemos e Sarria. No ano 1909 era señor de Cervantes José Osorio y Silva, duque de Sesto, que vendeu o castelo ao avogado Agustín Moirón Agüera e a José Moirón Fernández. Anos despois foi adquirida por Emilio Martínez Baladrón. Pasou despois por outras mans, pertencendo dende o ano 2001 ao Xosé Soto, un empresario afincado en Madrid que llo cedeu á fundación que leva o seu nome.

Tirada dunha antiga lenda oral, A Doniña Cerva, que os veciños transmitiron de xeración en xeración, disque Gustavo Adolfo Bécquer teceu aquí a lenda da Corza Branca. Cóntase que no castelo vivía un cabaleiro de nome Froilaz que tiña dous fillos, Egas e Aldara. O fillo doutro señor dun castelo próximo namorouse da moza. O seu amor foi correspondido e, co prace dos pais, anunciouse a voda. Unha tarde, Aldara desapareceu mentres paseaba polos bosques da contorna. Os pais, o irmán, o seu namorado e demais persoal da fortaleza foron na súa busca, infrutuoso cometido que os levou a imaxinar a peor as desgrazas. Un día Egas, estando de caza, viu unha fermosa cerva branca e, cunha certeira frecha, acabou coa vida do inofensivo animal. Mais, cando quixo levar a peza para o castelo, decatouse de que pesaba demasiado polo que decidiu cortarlle a pata dianteira para demostrar a súa fazaña. Mais, cando foi amosarlla ao seu pai para facelo partícipe do éxito na cacería, o que sacou do zurrón deixounos sen fala xa que o que había na saca non era a pata da cerva senón unha man, unha branca e suave man dunha muller. Desesperados, correron na procura dos restos onde Egas matara a cerva branca. Cando chegaron viron o que xa se imaxinaban: Egas non matara unha cerva senón a súa fermosa irmá. A lenda asegura que debeu ser un mouro ou unha fada quen encantou á doncela, converténdoa en cerva, e só a morte foi quen de devolvela ao seu estado natural.

 

Xosé Benito Reza, no seu libro Vivir en Ancares (2002), recolle unha lenda sobre o castelo onde un afiador de Ourense levou o tesouro que se agochaba dende non se sabe canto tempo baixo o portón da fortaleza. 

En Doiras tamén son famosas dúas lendas relacionadas co lobishome (o home-lobo).


PENA DO CASTELO

Uns veciños da Acea das Pontes, na parroquia de Donís, contáronnos que un afloramento rochoso que se ergue por riba do lugar recibe o nome de Pena do Castelo onde, segundo a tradición, houbo unha torre, romana ou medieval, que vixiaba o paso pola ponte do Río das Pontes. 


 

CASA EN POSO

En Poso, parroquia do Pando. Trátase dunha casa moi reformada. Cando as obras de reconstrución atoparon un escudo que o propietario mandou colocar na fachada. Nun círculo, sobre unha inscrición na que lemos "Poso, Poso", vense varios cabaleiros con helmo empuñando espadas e lanzas. Figuraba o ano pero foi repicado. 

 

CASA SOLARIEGA DE SAN ROMÁN

En San Román de Cervantes. Pertence á familia dos Témez. É de volume case cúbico que xorde dunha planta cadrada, con dous andares e balcón no primeiro. Ten un patio ao que se accede por un pórtico cuberto con porta de madeira. En tempos acolleu a Casa do Concello. Conserva un escudo coroado cun helmo con penacho. 

 

PAZO DOS QUIROGA

En San Román de Cervantes. Da antiga construción apenas quedan restos. Ten unha pedra armeira que presenta na parte suprior tres flores de lis, media lúa con estrela e catro gavelas. Na parte inferior hai un castelo e un guerreiro con animal ferido. Está coroado por un helmo. 


CASA EN VILARTOTE

Na aldea de Vilartote, parroquia de San Tomé de Cancelada. Casa da que só se conservan os muros de cachotería, moi danados que en partes ameazan derrube. No ruinoso muro hai un escudo de pedra coñecido popularmente como "A pedra da cobra". Semella que foi reaproveitado, procedente doutra construción. Sobre o campo, de forma cadrada, vese un círculo dividido en catro partes iguais. No cuartel superior esquerdo hai un castelo e ao seu carón, na parte inferior dereita, o que parece unha figura humana esquemática. Na parte superior dereita a lúa e catro estrelas e outra representación dunha persoa. Na parte inferior esquerda, home a cabalo con lanza e cuberto con helmo; debaixo deste o que semella un home suxeitando un cabalo. A pedra está coroada por un helmo que, pola forma, pertencería a un fidalgo. Segundo Elías Valiña, onde nós vemos uns cabalos el ve camelos, apreciación que cremos errada.

Nunha vella ficha confeccionada para incluír no Diccionario Geográfico Español, recóllese a testemuña dun veciño de San Tomé no que achega a súa versión sobre a procedencia do nome Cancelada. Nunha ermida que hai en Vilartote vivía unha gran serpe que devoraba a todo aquel que se achegara ata o lugar. O rei prometeu unha gran cantidade para aquel que lograra acabar con ela. Acudiron cabaleiros de toda a contorna pero nada conseguiron, as frechas e as espadas non conseguían penetrar as fortes escamas do animal. Mais un bo día aceptou o reto un fidalgo de Vilartote, acompañado polos seus cans Can e Celada. A serpe dispúxose a atacalos, mais cando abriu a boca o fidalgo lanzoulle sete bolas de la que se foron enrrodelando nos dentes do ofidio, ocasión que aproveitou o fidalgo para cortalle a cabeza. Cando o rei foi a darlle a recomnpensa prometida, o fidalgo só pediu que, atopase onde se atopase, nunca lle faltara comida para el, para o seu cabalo e os seus cans Can e Celada. En Vilartote consérvase un escudo onde unha das imaxes, disque, representa ao dragón. 

 

CASA TORRE DE DUMIA

A casa-torre de Dumia ubícase na aldea do mesmo nome, na parroquia de San Tomé de Cancelada. A torre ten a orixe no século XII. O edificio atópase en serio perigo de derrube, con partes que xa caeron e outras con máis que preocupantes fendas. Foi solar e casa da familia Neira ou Vázquez de Neira. No muro do peche conserva unha gran pedra armeira de mármore onde se pode ler: "Estas armas y blasones son de Neiras ynfanzones y estas son de los de Lamas de Álvarez Alba y de Canceladas, apellidos desta casa", mandado colocar por Gil de Mosteyro Neyra no 1660, cando unhas obras de reedificación. No século XVI, dona María de Neira merca ao arcebispo de Santiago o Pazo de Oca, entrando a linaxe dos Neira de Dumia a ser señores de Oca. A linaxe Neira no Val de Cancelada está vencellada aos pazos e torres de Penelas, Vilafrial e O Fabal, no mesmo val. Vázquez Seijas di que en escritura de 28 de xaneiro do ano 1490, outorgada entre Diego Díaz de Guitián e Basco Gómez de Cancelada, este recoñece a aquel por dono propio do pazo de Dumia, así como de todos os bens anexos, como marido de Aldara Vázquez de Cancelada, filla de Alonso López de Cancelada e Viringuela López polo cal Basco demitiu o dereito que a ditos bens podía ter, coa súa propiedade, Diego Díaz. Don Diego e a súa muller, por escritura do ano 1505, doan a favor de Diego Sánchez de Cancelada, da casa-torre e pousa de Dumia, durante a súa vida. Lope Díaz de Guitián fundou no ano 1600 o morgado da linaxe, ao que foron agregados os que posteriormente fixeran a súa muller, María de Balboa, no 1626, e de Pedro Díaz de Guitián, o seu fillo segundo, no 1649. Rodrigo Fenández de Cancelada, Diego Díaz de Guitián e Fernando Díaz de Guitián e Neira, outorgaron contrato o día 9 de xaneiro de 1660 sobre a reedificación da torre de Dumia. A casa estaba composta de planta baixa e alta, cunha cerca de pedra calcaria bastante grosa e que constituiría o perímetro da primitiva torre. Na parte alta da segunda planta hai outra pedra armeira de xisto bastante desgastada, coroada tamén con helmo e viseira. A mediados do ano 1964 era propietaria da casa e bens de Dumia María Álvarez Valcarce, filla de Decoroso Álvarez Santín, residente en Baralla, casada con Manuel Fernández Fernández e que fora adquirida por un seu avó, Carlos Álvarez Carballo, aos seus donos que vivían en Vilafranca do Bierzo. Ao parecer, na actualidade pertence a varias persoas. 




 

CASTELO DE FERREIRA

No concello de Cervantes. Esta fortaleza figura comprendida na listaxe que Juan de Bustamante, nomeado polo conde de Caracena, gobernador do Reino de Galicia, para visitar torres e fortalezas coa finalidade de facer que fosen terraplanadas e cegados os calabozos, mazmorras, covas, etc. que a nobreza tiña baixo terra adicadas a prisión. Martínez Salazar, no libro Algunos temas de Lugo, refire que habéndose querelado Alonso López de que os xustizas do concello de Cervantes non cumprían unha Real Providencia, a audiencia expediu outra, nomeando a Xoán do Cebreiro, alabardeiro do Tribunal, para que fose ao concello para repartir entre os veciños cento cincoenta ducados, en que se tasara a reparación da ponte de San Martín. Este Xoán do Cebreiro encabeza as súas dilixencias do seguinte xeito: "En la villa de San Román de Cervantes junto a la casa y fortaleza de don Pedro Osorio Manrique,cuya es la dicha tierra". Segundo Amor Meilán, o castelo de Ferreira era un castelo roqueiro, residencia nun tempo do señor de Cervantes, conde de Villanueva de Cañedo e marqués de Alcañices. Malia todas estas referencias, ata o de agora descoñécese onde se ubicaba. Non moi lonxe atópase o Monte Castillón e a aldea do Castelo, coñecida tamén como Castelo de Cais. 

 

OS PICOS DA TORRE

Está situado preto da aldea do Piornedo, na parroquia de Donís, a 1.106 metros de altitude sobre o nivel do mar. Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares peiteamos o lugar para comprobar a que podía obedecer o chamativo topónimo. Cómpre aclarar que en Galicia moitos montes levan o nome de Torre ou Castelo o que non sempre indica a existencia dunha fortaleza defensiva, pode denominarse dese xeito por tratarse simplemente dun lugar elevado ou que as penas que os coroan poden ter unha lonxana semellanza cunha fortaleza.

Dende lonxe, os Picos da Torre semella un castro totalmente cuberto por carballos e alta e espesa maleza (rebolas, xestas, piornos, etc.). Só cando chegamos ao pé se advirte a presenza dunhas enormes moles graníticas practicamente verticais cunha altura aproximada duns 20 metros. Ante a imposibilidade de acceder ata o cume polas penas puxémonos a buscar un posible acceso por un lugar máis doado. Despois de salvar a mesta maleza arredor do outeiro demos co único sitio onde o acceso era posible.

Nada máis coroar a cima decatámonos de que o sitio puído acoller un posible asentamento defensivo, o que en arqueoloxía se coñece como torre ou castelo roqueiro. En efecto, esta parte alta do outeiro ten unhas medidas aproximadas de 25 por 30 metros. Polo sur-oeste está delimitada por grandes penas graníticas que foron preparadas artificialmente para actuar como murallas e ás que se accedía por unha especie de pasillo de entre 0,70 e 1 metro de ancho escavado sobre as propias rochas. O resto estaba defendido polo fortísimo desnivel do terreo. O interior do recinto consta dunha plataforma practicamente chá, cunhas medidas aproximadas de 8 por 9 metros (uns 72 metros cadrados). A parte máis vulnerable (a que non ten as rochas) supuxemos que estaría defendida por unha muralla feita con pedras que ao longo dos séculos, como aconteceu en moitísimos casos, desapareceron para seren reaproveitadas en peches de fincas, casas ou outras construcións. Tamén se ven algúns pequenos rebaixes e buratos nas rochas que servirían para encaixar as vigas de elementos habitacionais.

Dende este outeiro o dominio visual é impresionante, exercendo un control total sobre os pequenos vales e as depresións fluviais dos ríos Ser, As Pontes, Ponte de Bous, Veiga Cimeira, etc., encaixados entre os altos picos da serra dos Ancares con altitudes que van dos 1.300 aos case 2.000 metros.

A evidencia da existencia dunha antiga torre roqueira que actuaría como atalaia de vixiancia e control da zona quedou confirmada pola localización dun alquerque de tres, ou xogo de tres en raia, gravado sobre unha pena lisa e horizontal utilizado polos vixiantes para pasar o tempo durante as longas horas de garda. Foi un xogo moi popular na Idade Media (xunto cos máis complexos alquerques de 9 e 12) se ben xa se practicaba, ao menos, dende época romana. En Galicia temos exemplos de alquerques gravados na rocha só nos castelos de Esteiro (Muros), Castromaior (Abadín), da Raíña Loba (Os Blancos), A Rocha Forte (Santiago) e Lobeira (Vilanova de Arousa). Tamén se atoparon exemplares en igrexas, mosteiros ou campamentos romanos, entre outros. Este dos Picos da Torre é de forma cuadrangular, cunhas medidas de 30 por 33 centímetros, con nove coviñas laterais unidas por unha liña e unha coviña central. As liñas que partían desta coviña central e que unían os demais puntos non aparecen, ben porque quedou incompleto ou ben porque cada vez que se xogaba se pintaban as liñas (temos casos de alquerques onde só figuran as coviñas). Tanto as coviñas coma as liñas están moi desgastadas. 

Ao rematar a visita achegámonos ata Piornedo na procura dalgunha información a maiores, por se a houbera. E claro que a houbo. Varias persoas de avanzada idade dixéronnos que, segundo se transmitira oralmente de xeración en xeración, os Picos da Torre acolleu un castelo cuxas pedras foron levadas para edificar a cercana igrexa de San Fiz de Donís do século XVI pero de posbile orixe anterior (tal como figura nunha inscrición) así como a Torre de Donís de orixe baixo-medieval. Se é certo que as pedras foron reutilizadas nestas construcións, a fortaleza dos Picos da Torre sería bastante anterior, quizais altomedieval.

Tamén tivemos a fortuna de falar con Roberto, o propietario do monte onde se levantaba a torre. Ademais de confirmarnos o dito polos outros veciños, contounos que de neno atopara o anaco dunha especie de botella de barro. Díxonos que para el sería unha alegría que se puxeran en valor os Picos da Torre como un atractivo máis da aldea de Piornedo.

Descoñecemos que función tería exactamente a torre, encravada nesta zona montañosa, a ausencia de documentación escrita é total. A pouca distancia, sobre o río das Pontes atópase outro outeiro coñecido como O Castelo que, segundo a tradición, estivo habitado polos romanos se ben, de existir dita fortaleza (aquí non atopamos evidencias dela), cremos que sería para controlar a ponte medieval de orixe romana que hai aos seus pés. De todos os xeitos, xunto os Picos da Torre discorre un antigo camiño que viña dende O Bierzo, atravesando a Serra dos Ancares polas inmediacións do Pico do Mostallar situado a unha altitude de máis de 1.900 metros. Tampouco podemos desbotar a existencia neste lugar dun posible asentamento romano, non moi lonxe temos documentadas dúas explotación mineiras da época coñecidas como Mina do Ouro Vello e mina do Teso do Prado. Todo isto xa o puxemos en coñecemento do Concello de Cervantes e do Servizo do Patrimonio Cultural para a súa catalogación. 

 

O TESO DO CASTELO

O Teso do Castelo atópase a 659 metros de altitude, en terras da aldea de Airoá, na parroquia de Cereixedo. Trátase dun outeiro rochoso situado nun meandro que forma o río das Casas e o regueiro do Castelo que o arrodean case na súa totalidade, quedando o único punto de acceso pola cara este. Agás por esta parte, o resto resulta practicamente inaccesible debido ás enormes penas, case verticais, que dende a parte máis alta afloran ata as correntes fluviais citadas. Hai uns anos, ao acondicionar a estrada LU-723, fixeron ao pé do teso unha explanada que destruíu varias rochas e eliminou un sendeiro que levaba ata a cima e outro que dende este baixaba cara o río.

Sobra aclarar que o que nos levou ata o Teso do Castelo foi a toponimia que, como soe acontecer, adoita ser precisa, sendo en moitísimos casos a única fonte que permite localizar antigos sitios arqueolóxicos.


As primeiras tentativas para determinar se o topónimo agochaba algún resto antigo resultaron pouco satisfactorios debido, principalmente, á dificultade para chegar ata o cume, impedimentos cuxos culpables eran as verticais pendentes do monte e a impenetrable maleza. Cada vez que abriamos cos fouciños algún sendeiro, sempre nos atopabamos coas colosais rochas ou cos fortes desniveis do terreo. Pero a insistencia tivo premio. Despois de despexar un tramo demos de súpeto co que semellaba unha parede construída con pedras soltas. En efecto, limpamos o sitio e puidemos comprobar que se trataba dun muro de factura claramente artificial, realizado con pedras de bo tamaño, que comezada e remataba en dúas grandes penas separadas entre si por uns cinco metros. Foi ao final deste muro, entre cuxas pedras tamén medraba a matogueira, cando demos cunha pequena entrada que nos permitiu comprobar que chegaramos á cima. Aínda que continuaba a espesa maleza, observamos que nos adentraramos nunha pequena explanada de forma rectangular, duns 15 x 20 metros, que ocupaba a parte noreste do cume, protexida en todo o seu perímetro polos afloramentos rochosos e dúas murallas máis, construídas de rocha a rocha, que pechaban o recinto, unha xusto sobre o precipicipo e a outra a continuación da porta de acceso. Observando a contorna dende o alto, vimos que se dominaban os vellos camiños que baixaban dos elevados montes circundantes (un deles coñecido como Castelo de Airoá) e a cunca do río das Casas. Pero a maior sorpresa levámola cando miramos cara o sur. Case mimetizado coa paisaxe, auns 1.300 metros en liña recta, divisamos o impoñente castelo de Doiras, erixido nun outeiro rochoso a 752 metros de altitude.

Estabamos diante dunha atalaia relacionada coa fortaleza baixomedieval ou anterior? Antes de facérmonos conxecturas quixemos desvelar algunhas incógnitas, non fose que o que considerabamos como murallas resultasen ser outra cousa, suposición na que non críamos xa que tiñamos case a seguridade de que nun terreo tan escarpado, rochoso e de tan complicadísimo acceso a alguén se lle ocorrera utilizar o lugar para levar o gando ou para labores agrícolas, certidume que se veu confirmada por veciños das Casas do Río e de Airoá. En frase textual: “Alí só subían os corzos”. Preguntamos tamén se coñecían algunha historia ou lenda relacionada co Teso do Castelo: uns dixéronnos que nese castelo vivían os mouros, e outros que se fixera para defenderse dos moros”.


Nunha zona lixeiramente despexada de maleza, cando estabamos a remover a terra superficialmente, apareceron dúas moedas de cobre moi deterioradas e un anaco cerámico. Unha moeda, despois de indagar no que quedaba dos seus elementos figurativos e nas inscricións, sabemos que é do ano 1618, acuñada en tempos do rei Felipe III, que equivalía a catro maravedises. Aínda que coa inscrición incompleta, no anverso lese "PHILIPPVS III", cun castelo e o numeral "IIII" encerrado nun círculo; e no reverso "HISPANIARVM REX" e un león nun círculo. Da segunda moeda non conseguimos descifrar absolutamente nada xa que apenas se distinguen algunhas desgastadísimas marcas.

Cando estabamos a retirar unhas pequenas pedras amontoadas ao pé dunha rocha saíu á luz o anaco doutro recipiente cerámico. Ao limpar a terra adherida observamos uns diminutos puntiños que destacaban entre a terra pola cara interior da peza que máis tarde puidemos comprobar que era po de ouro. Remexemos o resto do sitio pero non localizamos máis restos. Unha posible hipótese é que ese recipiente se utilizara para gardar po de ouro extraído do río das Casas. Segundo referencias orais, ata os anos cincoenta do pasado século aínda había mulleres que practicaban o bateo nos remansos dos recodos dos ríos das Casas e Navia. Na zona tamén están documentadas varias minas romanas a ceo aberto. A carón do Teso do Castelo discorría a Vía romana XIX que comunicaba Lucus Augusti (Lugo) con Asturica Augusti (Astorga). Incluso o topónimo Doiras pode facer alusión á existencia de areas auríferas.

Sobre a cronoloxía do Teso do Castelo barallamos dúas hipóteses. Ou que se trata dun lugar de vixiancia relacionado co vía romana XIX e as explotacións auríferas da zona, ou dunha atalaia ou torre dependente do castelo de Doiras.

No lugar houbo unha capela da que non atopamos restos, pero si se conserva o topónimo O Searo da Capilla.


CASTELO DE AIROÁ

Na parroquia de Cereixedo. Monte situado a 749 metros de altitude, sobre o Río das Casas e o Teso do Castelo. Só temos o topónimo.


CASA GRANDE DO FABAL

No Fabal, parroquia de Vilasante. Casa tradicional pertencente aos Témez. É un volume case cúbico que xorde dunha planta rectangular con dous andares. A casa en capela propia.

 

CASA EN VILAVER

Na parroquia de Vilaver. Pertenceu aos Témez. Hai anos ardeu e está medio arruinada. É de planta cadrada con muros de cachotería e cuberta en lousa de xisto. Vese un escudo coroado por un helmo. Debaixo hai unha pedra cunha inscrición incompleta. 


PAZO DE SAAVEDRA

En Vilarello da Eirexa. Famoso porque segundo a tradición oral de eiquí procede a liñaxe de Miguel de Cervantes Saavedra, o autor do Quixote. Durante a Guerra Civil foi cuartel da garda civil e cárcere. Ao parecer tiña un escudo do que nada sabemos.


 
PENA DO CASTELO
 
En Vilaquinte. Só temos o topónimo.
 
 

 

CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA

 

ESCUDO DO CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA

De gules, unha ponte de arco oxival, de ouro, sobre ondas, sumado dunha fortaleza de tres torres, de prata, aclarada de gules. O xefe partido: un de prata, unha cabeza de lobo de sable lampasada de gules. Dous de ouro, dous lobos de gules. Vai timbrado con coroa real.


O CASTELO

En Castañedo. Só temos o topónimo.


CASA PAZO DE FREIXÍS

Na parroquia de Freixís. A casa conta cun portón de acceso ao patio interior con arco de medio punto. Está construída en cachotería de xisto. Nunha das fachadas ten outra porta en arco que foi tapiada. A carón do portón hai un escudo coroado por un helmo. Na parte inferior ten un castelo e un guerreiro sobre un león. Na parte superior vense tres flores de lis, media lúa sobre unha estrela e catro barras. Conta cunha inscricións onde lemos: "EN LA ONRA I EN EL VENCER LAMS (Lamas?) E(S?) de SV(S?)TENER". Nas inmediacións hai un pombal.



TORRE DE CABANELA

En Cabanela. Segundo información facilitada polo investigador José Manuel Abel Expósito, quizais se trate do edificio máis enigmático que viu. Segundo a tradición oral pertenceu aos Monxes Guerreiros (os Templarios), se ben aclara que non atopou documentación concreta sobre este edifcio que parece que pertenceu aos Losada e despois, por venta, pasou á familia do escultor Puchades. Cando a viu conservábase a cociña e gran parte da estrutura abovedada, a torre perdera os pisos superiores e fora rehabilitada como unha vivenda moderna.


PAZO DE ABAIXO

Na aldea de Piñeiro, parroquia de Galegos. Fundado no ano 1581 por Diego Gómez de Navia. Conserva o portón de acceso cun arco de medio punto. Foi restaurado recentemente. Na fachada ten un escudo de forma esférica cunha lúa coas puntas cara abaixo, sobre ela tres flores de lis e outra flor de lis debaixo das puntas da lúa das que saen dúas chamas. Na parte superior unha celada con plumas. Ten a seguinte inscrición "En las armas vº asi el bencer lamas de sustener". 



PALACIO DE ARRIBA

En Galegos. Na parroquia de Galegos, no ano 1702, dun total de 43 veciños, tres eran fidalgos.


CASA FORTE DE FONTELA

En Fontela, na parroquia de Muñís. Conta Vázquez Seijas que aínda que non se conserva o corpo da torre, por tradición familiar denominábase a un sitio situado no NO da casa como "habitación da torre". Na actualidade o edificio atópase restaurado. 


CASTELO DE ALTAMIRA

Na Pobra de Navia (Navia de Suarna). Data do ano 1307. Citado en documentos do século XI, cando Rodrigo Gutiérrez entrega a fortaleza como dote á súa muller Senior, a doncela de Suarna. Pertenceu as linaxes dos Osorio e dos Altamira. Disque foi derrubado polos Irmandiños no século XV, non podendo ser reconstruído en toda súa primitiva fábrica, hipótese coa que non concordamos xa que cremos que se trata dun erro de interpretación do famoso Preito Tabera-Fonseca (bispos de Santiago de Compostela) do século XVI, ao confundila co castelo de Altamira, en Brión. Despois foi pasando por distintas mans, ata caer nas do cura Manuel López Ernesto quen deformou a fortaleza. Construído por riba do río Navia, crese que foi erixido para a defensa da Ponte Vella, con arco oxival altomedieval, aínda que disque de orixe romana. Conserva parte das primitivas murallas e torreóns, asentados en rocha de xisto, con portas situadas a diferentes niveis. O seu estado de conservación é malo.

 
Un documentno do ano 1562 fala do pontádego (imposto dirixido aos que querían cruzar o río pola ponte de acceso á vila) que os condes de Altamira cobraban a quen quería vender os seus produtos na feira da Proba de Navia que se pagou, ao menos, ata mediados do século XVIII, tal como nolo achega o Catastro de Ensenada do ano 1752, que lle producía ao conde de Altamira 88 reás de vellón ao ano. Ademais do pontádego estaba a portaxe, que se cobraba ao traspasar as portas do recinto amurallado. No Archivo General de Simancas, en Valladoid, documéntanse na Proba de Navia unhas feiras no século XVI en que se vendían, mercaban ou trocaban, entre outras cousas, gando, panos e quincalla.
 

A presenza dos condes de Altamira, propietarios, entre outros, das terras de Navia de Suarna e do castelo da Proba de Navia, xa só se limitaba a principios do século XVI a cobrar as rendas. Neste século aparecen citados os primeiros fidalgos do concello de Navia de Suarna (a fidalguía era o estamento máis baixo da nobreza). Resultan chamativos os datos proporcionados polo Catastro de Ensenada de medidados do século XVIII onde, por exemplo, na Proba de Navia había máis fidalgos que labregos, zapateiros, xastres ou ferreiros. Ou en Savane, onde os dezaoito veciños leigos eran fidalgos. Iso si, fidalgos pobres xa que nos Interrogatorios do Catastro ningún figura como propietario de terras ou rendas. Bueno, tiñan a vantaxe de que estaban exentos de ir á “mili”, que bastante era. Abaixo, carta de poder outorgada en Madrid o 22 de decembro de 1607 por Lope e Gaspar Moscoso Osorio, pai e fillo, condes de Altamira, respectivamente, a favor de Jerónimo Barrionuevo de Peralta, para que no seu nome cobrase as rendas dede Navia de Suarna, Burón, Castroverde e Vilabade.

  

Nun preito de mediados do século XVIII, que nos facilitou Hugo Pardo-Vivero Vilares, o Concello de Navia denuncia a un veciño que estaba a roubar pedras das murallas no "Campón". Cando nos interesamos onde quedaba o sitio, quedamos sorprendidos xa que se atopa a carón da estrada principal polo que cabe a posibilidade de que o castelo estivera defendido por un recinto exterior. 

 
Corría o ano 1954 cando dende Asturias chegou á Proba de Navia a Virxe de Covadonga, quizais para reivindicar a pertenza á diócese de Oviedo do concello de Navia de Suarna (ese mesmo ano, en cumprimento do acordado no concordato do 27 de agosto de 1953 entre a Santa Se e o Goberno español, para axustar na medida do posible os lindes das dióceses ás das provincias civís, pasou á de Lugo). 
 
Cando a procesión percorría a vila para conmemorar o acontecemento, o sobriño do cura propietario, subido na parte máis alta da fortaleza, comezou a botar os foguetes. Pero cando a imaxe pasaba ao pé do castelo, un forte estourido apagou os cantos da afervoada multitude que a acompañaba. Os foguetes comezaron a estourar sen control na parte ameada o que ocasionou que un terzo das pedras da torre cilíndrica saltaran polos aires (nas fotos históricas esa torre era o elemento máis alto da fortaleza), mais con tan boa fortuna que non feriu a ninguén, todas as pedras caeron entre os minúsculos espazos que había entre persoa e persoa, o que moitos interpretaron coma un milagre da Virxe. Bueno, en realidade si houbo un ferido: o fogueteiro, que tiveron que trasladalo a Lugo.
 

Foi entón cando fixeron a "reconstrución" cos bloques de cemento que dende hai máis de 60 anos son "signo de identidade" do semiarruinado castelo.
 
Segunda a lenda, no castelo os mouros enterraban os seus mortos.
 

MARCO DA CAMPA DO CENTINELA
 
Por riba da Proba de Navia. Dise que había unha atalaia de vixilancia relacionada co castelo de Altamira.

CASA DO PENEDO

Na parroquia de Penamil. Non conseguimos localizalo. Polas referencias recollidas do Inventario do Patrimonio Artístico da provincia de Lugo, publicado polo Ministerio de Educación e Ciencia, trataríase dunha pedra heráldica que presenta torre con porta no embigo, na parte traseira un pau que apoia na cornixa da torre; na parte superior vense seis estrelas. 


AS TORRES

En Penamil. Só temos o topónimo.

 

PAZO DE PIN

En Pin de Abaixo. Casona de planta rectangular con dous corpos máis elevados nos extremos a xeito de torreóns. Muros de cachotería de xito cuberta en lousa. Ten un patio interior. Na fachada principal amosa un escudo tendente a redondo cunha inscrición ao longo do seu perímetro. Vense cinco tallas que soportan tres flores de lis, e sobre elas unha estrela cobixada por unha media lúa coas puntas cara abaixo. Coroado por celada que mira á dereita. 

 

ESCUDO NA PROBA DE NAVIA

Situado nunha construción coñecida como Casa Quindós ou dos da Fonte. Trátase dunha pedra heráldica, cuartelada, a tres bandas, con aguia, tres espadas verticais, tres listóns horizontais e axedrezados. Coroada por celada mirando á dereita. No contorno figura a inscrición "ALVAREZ BLADES QUINDOS ES SABEDRAS... VARES".


CASA DO PALACIO DE QUEIZÁN

En Queizán.


PENA CASTELO

Outeiro rochoso sobre o río Rao, en Laxo, na parroquia de Rao. Aínda que se carece de noticias documentais e arqueolóxicas sobre a existencia dun castelo, os veciños contáronnos que si houbo unha fortaleza que foi destruída. De feito hai unha lenda que di que foi tal a pólvora utilizada na súa destrución que no lugar onde se instalaran os canóns non volveu medrar ningún tipo de vexetación. Cando visitamos por primeira vez a pena no mes de agosto de 2011, a pesares da mesta matogueira, observamos algúns restos de muros que os veciños nos aseguraron non pertencen a ningunha vella casa nin a un cortín.

Tamén se asegura que a media ladeira do monte hai unha cova que vai dar ao río. E está a serpe... O señor Nemesio, de Laxo, contounos que xunto o río, ao pé da Pena Castelo, hai varias penedas que non chaman máis a atención que outras moitas que hai pola contorna. Mais hai unha, lambida pola auga, que posúe unha característica que a fai distinta: ten gravada unha serpe. Entre os veciños corría a historia de que alí había un tesouro, mais, a pesares das horas gastadas na súa procura, ninguén daba con el. En tempos dun seu bisavó, un verán de mediados do século XIX, a seca fixo que o río Rao minguara o seu caudal ata límites nunca vistos, feito que aproveitou un home da aldea para examinar de cerca a Pena da Serpe. A rocha, ademais da gravura, non amosaba, a simple vista, ningún elemento que denunciara algún indicio que levara ao devecido tesouro. Cando, farto, se dispoñía a abandonar o empeño, notou que algo se movía baixo os seus pés. Mirou cara o chan e observou que estaba apoiado sobre unha lousa perfectamente cadrada, feitura, cavilou o home, na que pouco tiña que ver a acción da natureza. Levantou a lousa, colleu o sacho que levaba canda el e comezou a cavar na branda terra que, para que non lle estorbara, ía bourando ao río. O corazón deulle un volco cando, despois de varias horas de inútil esforzo, o sacho petou con algo duro. Mais a esperanza axiña se esvaeu, non se trataba dun deses arcóns dos que falaban as lendas, era, simplemente, unha dura rocha imposible de fender. A noite botábase enrriba cando, desanimado, entrou na súa casa. Canso, puxo as botas xunto a lareira e sentou nun banco. Coa mirada fixa no lume, pensou como se deixara enganar por un fato de andrómenas: os tesouros, simplemente, non existían. A quen se lle ía ocorrer agochar un tesouro en Laxo? Unhas cousas brillantes tintinearon sobre as botas. Muxicas que viñan do lume? Ergueuse, non fose que aviveceran e llas quimaran, os tempos non estaban para tirar cos cartos. Inclinouse para collelas, e así quedou, como entalecido. Co resplandor da lareira, as botas adquiriron tal brillo que semellaban de ouro. Ouro? Sen pensalo dúas veces, colleu o sacho, un saco e un candil e regresou á Pena da Serpe. Foi, ao enfocar o profundo burato que fixera, cando se decatou de todo, a lousa que actuaba de tampa cubría unha arca de pedra. De xeonllos, frotou a arca coas mans que, ao achegalas ao candil, refulxían tanto que case o cegaban: a terra, que con tanto afán guindara para o río, non era terra, era ouro! Sábese, rematou o señor Nemesio, que o home conseguiu recuperar algún po de ouro que vendeu por dezasete mil reás.

 

A TORRE

Na aldea de Murias, parroquia de Rao. O veciño José Fernández ("José de Vilarín") contounos que a carón da antiga escola levantábase unha torre cuxas últimas pedras desapareceron non hai moitos anos ao faceren unha explanación. Na casa de José consérvase unha pedra armeira. 


PENA DO CASTELO

En Ribón. Só temos o topónimo.

 

PAZO DE CANTORCIA

En Cantorcia, parroquia de Savane. No arruinado pazo, con engadidos de ladrillo e cemento, consérvase un escudo circular coroado por celada. 


PALACIO VELLO E PALACIO NOVO

En Son.


CASA TORRE DE VILARPANDÍN

En Vilarpandín. Posible fortaleza coñecida como Casa do Palacio.


CASA EN VIRIGO

En Virigo, parroquia de Vilarpandín. Moi modificada. O único elemento interesante é un escudo con celada mirando á dereita, cortado e medio partido, cruz de brazos iguais coroando un grupo de dados, torre de dous corpos, árbore da que colgan uns caldeiros cun can ao pé, xaqueis e tres listóns horizontais.

 

PAZO DE VIRIGO

En Virigo, parroquia de Vilarpandín. Conta cunha torre máis elevada ca o resto do edificio. Porta de entrada de arco de medio punto. Na fachada conserva un escudo rectangular, cuartelado, con dúas flores de lis, seis estrelas e lúa contornada, cinco estacas e castelo. Ten unha inscriciòn borrosa no perímetro circular. 



 

 

CONCELLO DE AS NOGAIS


ESCUDO DO CONCELLO DE AS NOGAIS

 

CASA DO CARBALLO

En A Alence. Hai un escudete ao que lle falta un anaco que foi colocado na parte alta da fachada. Por riba hai unha inscrición incompleta que di "Esta casa se iço...".

 

TORRE DE DONCOS

En Doncos. Chamada tamén de Agustín. Erixida no século XIV ou XV nunha depresión do río Navia, a 614 metros de altitude, para defender a entrada a Galicia, se ben algunhas fontes adiantan a súa ao XIII. A finais do século XIV era o seu dono García Rodríguez de Valcarce, Adiantado Maior de Galicia, señor de Sarracín (Veiga de Valcarce), Corullón e Montefurado, bens herdados da súa nai Constanza García. Os Valcarce estiveron emparentados en Galicia cos Valboa, Armesto, Monterrei e Lemos. No 1528, o castelo de Sarracín pasa a Pedro Álvarez de Osorio, xunto coas fortalezas, entre outras, de Vilafranca, Valboa, Corullón e Cornatel, mais xa non figura Doncos. No ano 1603, sendo o seu propietario Fernando de Toledo, xa ficaba medio arruinada. Do antigo castelo segue en pé a Torre da Homenaxe, de planta cadrada con tres andares e un soto escavado na rocha. Ten unha altura de 24 metros. Foi construída en cachotaría de lousa, agás nas xanelas que son de perpiaño.


Coñécese tamén como Castelo da Grupa pola lenda que narra que durante a Reconquista un dos trece cabaleiros que estaban para defender aos peregrinos que ían a Santiago de Compostela viu como unha parella de cristiáns era atacada por un grupo de sarracenos. Un deles tomou prisioeira á muller, e con ela montada na anca do seu cabalo tentou fuxir. Mais, cando o árabe xa ía ser atrapado polos cabaleiros, desenvaiñou o seu alfanxe e dun talo degolou á moza para que ninguén máis gozase da súa beleza.

No mes de agosto de 2014, cando andabamos a avaliar o patrimonio da comarca, enterámonos de que a torre non ten dono (tíñase a crenza de que pertencía á Casa de Alba) polo que pertence ao Estado.

 

Declarada Ben de Interese Cultural (Monumento Nacional no ano 1949), a arruinada torre, abandonada dende hai séculos e cuberta pola matogueira, ameaza con derrubarse se non se toman medidas urxentes, o seu estado de degradación é tal que mesmo é un perigo para as persoas que a visitan. Mais, quen ten a obriga de velar pola súa conservación? Quen é o seu propietario? Ata non hai moito tempo críase que pertencía á Casa de Alba polo que no ano 2007 o Concello das Nogais envioulles un escrito solicitando a súa cesión e así poder acometer as obras de consolidación. A surpresa xurdiu cando os Alba contestaron que a torre non estaba entre as súas propiedades. Vendo que a torre non pertencía a ninguén, o Concello solicitou a súa propiedade, petición que lle foi denegada. Na actualidade as cousas continúan máis ou menos igual, ou peor xa que o Concello non quere saber nada da fortaleza tal como nolo manifestou o seu alcalde. A non tardar pasará a engrosar o catálogo de castelos e torres, curiosamente catalogados como BIC en Galicia, que xa non existen ou dos que apenas quedan restos.

Mais tempo despois unha noticia aparecida nos xornais chamou a nosa atención: "Un monfortino reclama a propiedade da torre de Doncos". En efecto, o veciño de Monforte de Lemos, Antón Valcarce Losada, solicitou, como herdeiro, a titularidade da torre e a finca colindante (referencia catastral polígono 66, parcela 121). Para acreditar a propiedade presentou varios documentos históricos, xurídicos e xeanolóxicos para demostrar que é o "derradeiro posuidor do vínculo dos Valcarce"

Postos en contacto con Antón, díxonos, como xa deixou claro na prensa, que a solicitude de propiedade non estaba guiada por ningún interese económico, que a única intención era buscar un recoñecemento simbólico, asegurando que se lle recoñecían a titularidade cederíalla inmediatamente ao Concello para uso público, sen ningún tipo de compensación a cambio. Para demostrar que a torre lle pertence, Antón, amablemente, ofreceunos toda a documentación da que dispón para a súa consulta. Tivemos noticia de dous reclamantes máis pero non volvemos saber das súas pretrensións.

Meses despois, o amigo Xosé Antón Lozano Silvosa localizou uns documentos que desmantelan a teoría da propiedade da Torre de Doncos dos Valcarce. Na Real Chancillería de Valladolid hai un preito da partición dos bens de Francisca de Valcarce, nai de Juan de Luna y Hernando de Toledo. Esta é a última Valcarce de Doncos. Na páxina de linaxes de Xenealoxía do Ortegal, unha das mellores hoxendía de estudos xenealóxicos de Galicia, lese que ao final o Castelo de Doncos e o seu señorío acaba no condado de Monterrei que na actualidade é un título máis da casa de Alba.


A desidia que sufre a Torre de Doncos por parte do Concello das Nogais contrasta co que está a acontecer no non moi lonxanos castelos Sarracín, en Vega de Valcarce, e Valboa (O Bierzo), onde as distintas administracións axiña se puxeron de acordo para poñelos en valor. 


PAZO DE DONCOS

En Doncos. Século XIX. Coñecido tamén como Casa de su Excelencia. Está cercado por un muro onde hai un portón polo que se accede a un espazo axardinado. É de planta rectangular de liñas neoclásicas e composto de tres andares. No lado esquerdo da fachada hai unha capela exenta, tamén neoclásica. Conserva un escudo cuartelado coas armas dos Ribadeneira, Lemos, Valcarce e Balboa. Foi construído polo único marqués de Vilapún de longo nome: José Bruno Antonio Francisco León Manuel Adonay Magdalena García de Vilouta, Santín y Valcarce, López Montenegro, Evia Miranda Sierra y Cienfuegos que faleceu en Madrid no ano1847.

 

CASA-TORRE DE NOCEDA

En Noceda. O edficio actual data do século XIX. Situada fronte a igrexa parroquial. O primeiro que se asentou nela foi Lope Sánchez de Ulloa, por terlle sido adxudicada en partillas que fixera o seu irmán Vasco Sánchez de Ulloa. Vendida polos herdeiros, foi convertida en casa de labranza. Os restos da torre foron reaproveitados para a construción doutras vivendas. A unha parte do edificio antepúxoselle outro corpo no ano 1850. As obras da N-VI mutilaron parte da zona norte, incluída a torre, dividindo o edificio. Os dous escudos da fachada desapareceron, un deles, ao parecer, presentaba as armas dos Ulloa e dos Ribadeneira. 


CASTELO DE TORÉS

En Torés. Do século XV, se ben hai autores que sitúan a súa orixe antes de mediados do século VIII, mesmo asegurando que no lugar existía unha antiga mansión romana, se ben non se contan con datos arqueolóxicos nin escritos que así o testemuñen. Mantense en pé unha torre arruinada duns 18 metros de altura e os restos das murallas cuxas pedras foron reaproveitadas posteriormente noutras construcións. Sitúase nunha pequena elevación que domina o val de Torés, fronte da igrexa parroquial e non moi lonxe dun castro da Idade do Ferro. Dise que na época de maior explendor chegou a ter 1.300 homes de a cabalo, cifra a todas luces esaxerada se temos en conta as freguesías que compoñían a xurisdición e os escasos recursos cos que contaban. A fortaleza vai unida á historia dos Ribadeneira e dos Bolaño, herdada logo polo marqués de Camarasa. Tense como ascendente dos Ribadeneira a Lupo Luperio ou Lupario, descendente de senadores romanos. Dise que un fillo deste foi o primeiro que viu o sepulcro do Apóstolo Santiago navegando preto de Vigo.

 

A comezos do ano 1989, representantes do Concello e o duque de Segorbe, fillo da marquesa de Medinaceli, iniciaron as conversas para conservar e restaurar o castelo. Pero non foi ata vinte e catro anos despois cando a casa de Medinaceli, a súa propietaria actual, cedeu por 25 anos o uso do castelo ao Concello e aos veciños. No ano 2013, alumnos dun Obradoiro de Emprego, subvencionado pola Xunta de Galicia, acondicionaron a contorna e limparon os muros o que non evita que sexa necesaria unha serie de actuacións urxentes encamiñadas a consolidalos para evitar a súa degradación total. 

 

No mes de agosto de 2014, a Casa de Medinaceli elixiu Torés para celebrar a primeira comunión dunha nena da familia, acto que moitos aplaudiron porque o evento amosábase como unha oportunidade para promocionar turisticamente o conxunto monumental que forman a igrexa renacentista e o castelo medieval. Previamente, o Concello, por medio dun obradoiro de emprego subvencionado pola Xunta de Galicia, procedeu a limpar a maleza que cubría os restos da torre e da muralla que a semicircunda cuxas pedras foron reaproveitadas polos veciños noutras construcións. As noticias publicadas en días posteriores levaban ao convencemento de que o Concello xa dispoñía dun plan para consolidar as estruturas da arruinada fortaleza. E por que o Concello e non os Medinaceli? Pero non foi ata o ano 2013 cando a casa de Medinaceli, a propietaria, cedeu por 25 anos o seu uso ao Concello que se comprometeu a consolidar, restaurar e facer visitable ao turismo este Ben de Interese Cultural (BIC).

 

A mediados do mes de febreiro de 2017, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata o castelo, comprobando que o seu estado de conservación, lonxe da cacarexada consolidación, empeorou de forma alarmante. A torre de planta cadrada perdeu todos os andares hai anos, quedando totalmente baleira no interior, así como a parte superior que estaba coroada por ameas. Algunhas pedras desta zona ameada desprendéronse recentemente. Todas as caras exteriores da torre presentan máis que preocupantes gretas, algunhas, como as das caras sur e oeste agrandáronse. As pedras dunha ventá da cara sur tamén están a desprenderse. O interior presenta varias gretas. Ademais do anterior, as grosas raíces da maleza que cubría a estrutura están a actuar sobre as pedras, aumentando a súa inestabilidade. A matogueira inza as arruinadas murallas. Para minorar a desfeita, presentamos un escrito no Concello das Nogais para que, sen demora, se tomaran as medidas necesarias para consolidar, baixo control arqueolóxico, as danadas estruturas. Tamén lle propuxemos que, posteriormente, acometeran as obras de consolidación precisas para valorizar o castelo que, xunto co de Doiras, Doncos e A Pobra de Navia, é un dos máis importantes da comarca e de Galicia, tanto polo seu valor arquitectónico como histórico. Ademais, ese foi o compromiso que adquiriu o alcalde cando o Concello se fixo cargo da fortaleza; como propietario, aínda que sexa temporal, ten a obriga de cumprir o disposto pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia publicada no mes de maio de 2016, entre outros, o seu artigo 3: “As entidades que integran a Administración local, en relación cos bens do patrimonio cultural de Galicia que se localicen no seu ámbito territorial, teñen as obrigas de protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural, adoptando, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados”, debendo comunicarlle á Xunta de Galicia “calquera ameaza, perturbación ou dano do valor cultural que tales bens sufran”. Tampouco nos esquecemos dos propietarios, a Casa de Medinaceli, que durante lustros nada fixeron por conservar esta súa propiedade que despois de transcorridos uns poucos anos volverá ás súas mans. Dános a impresión de que se o Concello se preocupou en limpar a torre foi unicamente para satisfacer os desexos dos Medinaceli, para que a primeira comunión da cativa da familia non resultase deslucida por unhas pedras comidas pola hedra. E xa se sabe: "Pasado o día, pasada a romaría". Perdón, esquecíamonos. Non todo na contorna do castelo se atopa en mal estado. Trátase dunha prancha dedicada pola Casa de Medinaceli aos "desveos" do alcalde pola "restauración" da fortaleza. Ver para crer.

Cóntase que cando os discípulos do Apóstolo chegaron a Iria Flavia (Padrón) cos restos do santo, achegáronse ao castelo da raíña Lupa para solicitarlle axuda para trasladar o corpo. Lupa díxolles que tiñan que pedir a autorización de Filotio, legado do emperador de Roma. Mais este, desconfiado, ordenou prender aos discípulos e guindalos a un escuro alxube do que foron liberados por un anxo. As lexións romanas saíron na súa busca e, cando xa estaban a piques de collelos, a ponte que viñan de cruzar os discípulos derrubouse. Ao enteirarse do feito, Lupa converteuse ao cristianismo. Outra versión conta que a raíña deulle uns bois e un carro para transportar ao Apóstolo, mais, cando chegaron ao Illicino (o Pico Sacro), os bois transmutáronse en touros bravos. Os atemorizados seguidores de Santiago, prevendo o seu fin, fixeron o sinal da cruz e salváronse. Para conmemorar o prodixio, Lupa mandou construír o castelo de Torés como totem aos touros (de aí o topónimo do pobo) que transportaban o corpo. Outra lenda, relatada por Frei Xerónimo Pardo en Historia del Apóstol Santiago, afirma que foi dono da fortaleza Lobo Loberio, señor do castelo Lupario, nomeado Régulo por Augusto. Conta tamén que o seu fillo Loberio Rivano, casado con Caia Valeira, tiña un pazo preto de Vigo, e un día, estando xunto o mar, viu a nave que conducía os restos de Santiago e un resplandor no ceo en forma de cruz. O cabalo que montaba meteuse no mar e Loberio saíu con varias cunhcas apegadas á roupa. Desa lenda xurdiu a pedra de armas dos Ribadeneira, que ten unha cruz en cuxos brazos hai unha cuncha.

Conta Felipe de la Gándara, no seu Armas y Triunfos de Galicia, que cando o sitio da cidade de Lugo polas tropas de Almanzor alá polo ano 997, Diego de Ribadeneira, señor de Torés, arroxou dende unha das ameas aos sitiadores unha bola de pan e un año para demostrarlles que tiñan comida dabondo para aguantar o tempo que fixera falla, argucia que enganou aos árabes que optaron por retirarse. Semellante relato describe o doutor Pallares na súa Argos Divina. Teodosio Vesteiro Torres, en Recuerdos de Galicia, precisa que o asedio árabe aconteceu nunha das últimas mañás de setembro do 997, e que o conde Bolaño non se chamaba Diego senón Fernando. Amor Meilán, en Historia de la provincia de Lugo, outorga o protagonismo ao conde Pallares no ofrecemento do pan e ao conde Bolaño o do año. Un cadro de Modesto Brocos, presentado na Exposición de Bellas Artes no ano 1887, reflicte a defensa de Lugo, lenzo que formaba parte da pinacoteca do Centro Galego da Habana e do que na actualidade nada se sabe. De aí que os deste apelido teñan na súa pedra armeira un bolo e un año. O Licenciado Molina refírese a el nestes versos: "También en Galicia vereis los Caamaños/Notorios solares y buenos hidalgos/Hay otros antiguos que son Aguilares//Que ya de muy lejos se pierden los años/Con estos se abrazan los viejos Bolaños". Di Vázquez Seijas que da defensa que Diego Bolaño fixo da igrexa e cidade de Lugo hai constancia en moitas bulas e concesións de grazas con que os pontífices honraron a el e á súa casa de Torés, entre outras unha de Constantino I datada o 15 de decembro do 714, e confirmada polos papas Gregorio II e Gregorio III. Como se pode apreciar, as datas proporcionadas polos distintos autores son contraditorias, as grazas outorgadas polos papas son significativamente anteriores ao suposto ano da fazaña de Diego Bolaño.

 

CASA DE PARDO

En Torés. Orixe no século XV. Presenta planta rectangular composta por dous andares agás un elemento central con tres andares e cuberta en lousa a catro augas. Os muros son de cachotería, algúns revocados de cemetno. Está moi alterada pola substitución das carpinterías orixinais por unhas de aluminio. Tiña un escudo cuartelado da familia Bolaño-Ribadeneira onde se vía un león rampante mirando cara a dereita, pino e troitas gaiadas dos Gaioso. 



IGREXA DE TORÉS

En Torés. A igrexa data do século XVII. No interior hai tres labras heráldicas das familias nobres de Torés e dous panteóns na capela maior que corresponden a un cabaleiro en posición xacente e unha dama dos Ribadeneira, representativos da escultura funeraria do século XVI ou principios do XVII. Nunha das laudas vese un león rampante mirando á esquerda, pino, trece roeis, tres troitas e a inscrición: "Aqui yacen Diego de Lemos i Maria de Ulloa su mvger, renobola para si i para Salvador de Lemos sv hixo, Ana Pedro de Pardo de Ulloa vivda de Bartolomé de Lemos i para svs svcesores Lemos Pardo de Ulloa 1635". 


IGREXA DE VILAICENTE

Na parroquia de Vilaicente. Nun muro interior da igrexa hai un escudo que ata o ano 1986 estivo no exterior, xunto o pórtico da entrada. Dise que foi traído polos señores de Torés.


 

 

CONCELLO DE PEDRAFITA DOCEBREIRO


ESCUDO DO CONCELLO DE PEDRAFITA DO CEBREIRO

De sinople, o cáliz (Graal) e a patena de ouro, e nos flancos dúas vieiras de prata. Xefe encaixado en ouro. Ao timbre, coroa real pechada. Aprobado por Decreto 274/1998, do 24 de setembro (DOG do 8 de outubro).


CASA EN FONTEFERREIRA

Na aldea de Fonteferreira, na parroquia do Cebreiro. Ten como elemento singular un motivo a modo de cáliz no acceso polo patio e unha inscrición na fachada principal. Descoñécese a súa orixe. 

 

CASA DE LUCAS

En Fonfría. Segundo información achegada por Luis López Pombo, a casa foi brasonada hai algúns anos previo ao expediente xenealóxico da familia López-Pérez vinculares da mesma. 

 

CASA DA BARRA

Na parroquia de Lousada. Conserva unha portada en arco de medio punto. Na fachada vese unha pedra heráldica coroada por celada. 

 

CASA-TORRE DE PACIOS

En Pacios. Coñecida tamén como Casa do Señor. Os fundadores e propietarios tiñan dereito ao paso directo ao coro da igrexa, á que está acaroada. Vázquez Seijas di que no oco que ocupa a igrexa estivo antes o corpo da torre, e que debeu ser cara o ano 1600 cando se efectuou a substitución, ao reformar o inmoble. O vínculo e morgado quedou constituído no ano 1696. Nese mesmo ano, Gonzalo Armesto e Lope Saco de Armesto e a súa muller doan ao seu fillo o terzo e quinto de todos os bens que tiñan ou os que puideran ter ou adquirir, que lle sinalan en todo o couto de Pacios e toda xurisdición civil e criminal, vasalos, rendas, lugares, etc., comprendido en dito couto e o anexo do Val de Fariña. No 1747 detállase a dote de Francisco Antonio Saco de Armesto polo casamento con Manuela Francisca Santamaría e San Martín. Na fachada norte figura un escudo en pedra calcaria coas armas dos Armesto, Ron e Valcarce. 



CASA DO REGUEIRO

En Riocereixa de Abaixo. Contounos o dono actual que a casa fora propiedade dun antepasado seu, un cura procedente do concello de Samos. Por riba dun arco de medio punto de acceso ao interior vese un escudo en mal estado de conservación. Ao parecer, en tempos dos seus antepasados, uns nenos tiráronlle pedras o que lle produciu graves desperfectos. 


A TORRE

En Riocereixa. Só temos o topónimo.


AS TORRES

En San Pedro. Só temos o topónimo.

 

CASTELO DOS ARMESTO OU CASA-TORRE DE VEIGA DE FORCAS

En Veiga de Forcas. Do antigo castelo do século XV apenas quedan restos. No lugar consérvase a abandonada casa-pazo e torre que sufriu varias reformas, entre outras unha no ano 1964 que fixo desaparecer varios elementos. No ano 1450, o mosteiro do Cebreiro arrendou a xurisdición aos Armesto, sendo a partir de entón cando os señores da fortaleza pasaron a xestionar as terras e a cobrar os trabucos aos labregos. No 1625, Gonzalo Armesto e Ron derrubou a capela do pazo e construíu a igrexa parroquial, situada xunto a casa, contando para elo coa oposición do prior do Cebreiro pero co visto e prace do bispo de Lugo. A mediados do século XVIII, os fidalgos xa non vivían na casa-torre xa que se trasladaran para Vilafranca do Bierzo. Na actualidade pertence a varios herdeiros, descendentes da familia fidalga. Conserva dous escudos situados na fachada principal. Nun vese un castelo e torre amarrada a el, aguia cun peixe nas poutas e por baixo tres botas de calzar. No outro escudo, sen cuartelar, vese un castelo con tres homenaxe flanqueado por dúas árbores; debaixo un caldeiro sobre o lume; arredor unha trompeta e a inscrición "Os de Ron comen a este son".


Segundo a documentación que existía no arquivo do avogado Manuel Neira Pol, o 13 de outubro do ano 1868 reuníronse os habitantes do Cebreiro en Veiga de Forcas ao grito de "Viva o pobo, abaixo a tiranía", tomando un acordo coñecido como "Acordo Municipal do Cebreiro" no cal destitúen á corporación municipal de Pedrafita do Cebreiro, designando como sé da capitalidade a Veiga de Forcas, nomeando concelleiros, entre outros a Manuel Mejía e José de Neira Saco quen por elo foron procesados polo delito de rebelión.



No mes de xaneiro de 2016 derrubouse gran parte do edificio debido ao abandono, que se agravou coa choiva e o vento. Os donos puxéronse en contacto co Concello de Pedrafita do Cebreiro para declarar a casa en ruínas. A Dirección Xeral do Patrimonio anunciou que aínda que sexa declarada en ruínas, non autorizará a demolición xa que está protexido. Quen deben garantir a seguridade da casa e reconstruíla segundo as directrices de Patrimonio son os propietarios.


CASA DE FONTELO

En Zanfoga. Na fachada leste, entre dúas ventás, conserva un escudo do século XVII ou XVIII. Enmarcado, abombado e cuartelado. No primeiro cuartel axedrezado dos Ulloa. No segundo estrela de oito puntas, armas dos Cedrón. No terceiro cinco estacas dos Valcarce. No cuarto o castelo dos Armesto. 


IGREXA DE ZANFOGA

En Zanfoga. Na torre hai un escudo coa seguinte inscrición: "Esta obra la iço D Francisco Garido, comisario del Santo Oficio, siendo cura. Ano de 1680".

 

© Colectivo Patrimonio dos Ancares