> Sinalización de Bens Patrimoniais da comarca dos Ancares
> 27 de decembro de 2020: Roteiro Fuco Gomez
> A antiga fábrica de papel de Aranza
SINALIZACIÓN DE BENS PATRIMONIAIS DA COMARCA
Faise
realidade a proposta que dende a Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo
Patrimonio dos Ancares fixemos ao órgano rector da Reserva da Biosfera
dos Ancares Lucenses para sinalizar, nunha primeira fase, oito bens
patrimoniais dos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna.
Instalaranse oito paneis informativos nas pontes de Cruzul e Gatín
(Becerreá), mámoas da Pena dos Mouros e Oural, e petroglifos da Campa do
Barreiro (Cervantes), dolmen de Ferreirúas e castro do Teso do Castro
ou de Pin (Navia de Suarna). Tamén se colocaron sinais de dirección e
indicativas. En todos os xacementos realizaranse periodicamente labores
de limpeza. Para o vindeiro ano xa temos confeccionada a proposta para
sinalizar máis bens.
27 DE DECEMBRO DE 2020: ROTEIRO FUCO GÓMEZ
O 27 de decembro de 2020, a Asociación Rente ao Couce e o Colectivo Patrimonio dos Ancares homenaxeamos, no 125 aniversario do seu nacemento, a Fuco Gómez. Ás 11 da mañá, máis de 50 persoas inauguramos o "Roteiro Fuco Gómez" entre a igrexa de Ouselle e Montaña da Agra, un roteiro circular que pasa polas inmediacións de tres castros, un tramo da Vía Romana XIX, unhs igrexa de orixe románico, unha capela, unha paisaxe impresionante... A homenaxe deste
ano non vai quedar nun feito puntual, dende Rente ao Couce e Patrimonio
dos Ancares continuaremos a traballar para que se recoñeza a unha figura que, máis alá do seu ideario político, levou o nome de Becerreá e de Galicia alén mar, impulsando varias iniciativas culturais. A liberdade de Galicia e a paz entre os pobos sempre está presente: "Aprobación e posta en práctica dunha lexislación... que fomente o progreso, fixando salarios, utilidades e horas de traballo", e da equiparación "dos dereitos civís, políticos, económicos e sociais das mulleres aos dos homes".
Francisco Gómez Gómez, coñecido como Fuco Gómez, naceu en Montaña da Agra (Becerreá) o día 9 de xullo de 1895. Sendo neno embarcouse como polizón nun barco con destino a Cuba onde chega no 1913.
Xa como xornalista, participa nos
primeiros grupos nacionalistas galegos: Irmandade Galega da Habana, Partido Autonomista Galego e na Xuntanza Nazonalista Galega d´Habana. Defensor a ultranza da lingua
galega, en 1921 funda o Comité Revolucionario Arredista Galego (C. R. A. G.) que
perseguía o fin da ditadura de Primo de Rivera e da monarquía en España,
así como a proclamación dunha Galicia independente, coa creación dunha República Galega que dirixira e administrara os destinos deste país. Tamén presidu a Sociedade de Instrución de Becerreá y su comarca. Coa II República, no 1932
volve a Galicia para loitar pola súa independenza e o Centralismo español, se ben atopou poucos
apoios dos galeguistas moderados. Publicou varios artigos en Fouce. No 1935 regresa a Cuba, onde falece o 9 de xaneiro
de 1972.
Entre o case medio cento de obras que escribiu, salientan Grafía galega (1927), dedicada a Otero Pedrayo, Naciones Ibéricas (1931), a novela O idioma dos animais. Opúscaro de enxebreza (1937), os poemas Pastorelas (1950), e Ensayos de crítica e historia de Galicia (1960). Como xornalista dirixe a revista Nós, e escribe artigos en Cultura Gallega, Galiza, Eco de Galiza, Terra Galega, La Noche..., ata a creación de Patria Galega que dirixiu entre 1941 e 1960. Sempre por diante coa defensa de Galicia e os seus valores.
No seu ideario independentista propuña a independencia de Galicia para logo constituír unha confederación de repúblicas ibéricas. Redactou un proxecto de Constitución para Galicia, deseñando unha bandeira e un escudo para a República Galega. Tamén redactou un Hino Nazonal Galego que comezaba así: "Ao combate nos chama, bos galegos,/a meiga Terra que nos viu nazer./Nant´as suas aras nós tudos juremos/venzer ufáns, ou groria morrer".
Como escribiu Xosé Antón Bao, Fuco Gómez representa un exemplo da tenacidade dun home que chega á Habana totalmente analfabeto, e quen aos poucos anos xa está a colaborar en empresas culturais e políticas, constancia que se ha reflectir na súa actividade nacionalista da que, a pesares das dificultades, nunca claudicou.
O único que lembra a Fuco en Becerreá é un monolito que un grupo de persoas colocaron xunto a igrexa de orixe románica de Ouselle no ano 2007. Daquelas, o Concello de Becerreá non autorizou que se lle puxese o seu nome a unha rúa "por tratarse dunha persoa descoñecida".
A ANTIGA FÁBRICA DE PAPEL DE ARANZA
BREVE HISTORIA DO PAPEL
A
invención do papel permitiu substituír o papiro e o pergameo por un
material máis sinxelo de facer e máis económico. A súa invención
atribúese ao chinés Tsai Lun quen polo ano 105 d. C. comezou a producir
follas de papel a partires de fibras de tea usada, a cortiza das árbores
ou o cáñamo, se ben hai un precedente dun papel elaborado con fibra de
cáñamo e un pouco de liño nunha tumba do século II a. C. Os chinos
gardaron o segredo durante séculos ata que no século VI traspasou as
súas fronteiras, para uns grazas a un monxe budista que levou o invento
para Xapón, e para outros cando os musulmáns capturaron preto de
Samarcanda (Uzbekistán) a uns artesáns chineses, pasando a Occidente e
intalándose muíños papeleiros no norte de África e Asia Menor,
salientando as fábricas construídas en Bagdad e Damasco. O papel chegou a
Europa da man dos árabes a partir do século XI. A primeira referencia a
un muíño papeleiro na Península é do ano 1056, en Xátiva (Valencia).
Pedro O Venerable (1092-1156), abade do mosteiro bieito de Cluny
(Francia), fala dunhas copias do Talmud xudeo que atopara en
Compostela confeccionadas con retallos de vellos panos. Entre os séculos
XII e XV a súa fabricación estendeuse por Francia, Italia e Alemaña, e a
partir do século XV introduciuse en Inglaterra, Suecia e Rusia. O Misal de Silos, do ano 1080, considérase o documento máis antigo sobre papel creado en Europa. Unha carta escrita en caracteres gregos e árabes que a condesa Adelaida enviou no 1109 ao seu fillo Roger, futuro rei de Sicilia, en caracteres gregos e árabes tamén foi escrita en papel.
As innovacións na produción de papel foron lentas, de feito o proceso
de fabricación manual duraría ata finais do século XVIII. A principios
do XIX púxose en marcha en Inglaterra a primeira máquina para a
fabricación de papel continuo, perfeccionamento que continuou case ao
longo de todo o século. A elaboración de pasta de madeira iniciada en
España cara o 1800 supuxo a fin das vellas papeleiras que usaban trapos
importados de Italia como materia prima, que non puideron competir.
A FÁBRICA DE PAPEL DE ARANZA
A FÁBRICA DE PAPEL DE ARANZA
A primeira referencia coñecida da fábrica de papel, "de boa calidade", de Aranza débese a Pascual Madoz, no seu Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (1845-1850), é dicir, que xa estaba en funcionamento.
Aparece no mapa da provincia de Lugo de Francisco Coello do ano 1877.
Foi propiedade de Gonzalo Osorio de Alvaredo y López de la Peña e de
Nicolasa Pardo de Aguiar y Armada, XI señora de Aranza.
Segundo noticia publicada en La ilustración gallega y asturiana do 20 de agosto de 1879, o seu propietario, Román García Blanes, casado con Isabel Osorio y Pardo, autorízaselle a reconstrución da fábrica de papel, utilizando como forza motriz as augas do río Neira.
En noticia aparecida en El Eco de Galicia do 25 de outubro de 1886 anúnciase a subasta pública da fábrica e varias fincas por 112.000 pesetas.
O Diario de Galicia do 9 de xuño de 1891 recolle un anuncio sobre a posta en venta da fábrica de papel pola cantidade de "seis mil pesos"; o seu propietario é Julio Almoyna, seguramente quen máis puxou na subasta celebrada no ano 1886.
A fábrica foi construída na marxe esquerda do río Neira, na parroquia de Laxes, a uns 400 metros do límite coa de Aranza, entres os lugares coñecidos como O Muíño e Riba do Pozo (no Catastro, os terreos onde se atopaba aínda se denominan como Aranza). Funcionou ata a década dos anos vinte do pasado século XX.
Abandonada como fábrica de papel transformouse en muíño fariñeiro, desmontándose a maquinaria e derrubándose os edificios.
Os píos de cantería para a preparación da pasta foron reutilizados
polos veciños como lagares para a elaboración de sidra. Despois foi
convertida en central hidroeléctrica, e por último en piscifactoría que continúa en funcionamento. Na actualidade nada queda da fábrica.
BIBLIOGRAFÍA
Segundo noticia publicada en La ilustración gallega y asturiana do 20 de agosto de 1879, o seu propietario, Román García Blanes, casado con Isabel Osorio y Pardo, autorízaselle a reconstrución da fábrica de papel, utilizando como forza motriz as augas do río Neira.
En noticia aparecida en El Eco de Galicia do 25 de outubro de 1886 anúnciase a subasta pública da fábrica e varias fincas por 112.000 pesetas.
O Diario de Galicia do 9 de xuño de 1891 recolle un anuncio sobre a posta en venta da fábrica de papel pola cantidade de "seis mil pesos"; o seu propietario é Julio Almoyna, seguramente quen máis puxou na subasta celebrada no ano 1886.
A fábrica foi construída na marxe esquerda do río Neira, na parroquia de Laxes, a uns 400 metros do límite coa de Aranza, entres os lugares coñecidos como O Muíño e Riba do Pozo (no Catastro, os terreos onde se atopaba aínda se denominan como Aranza). Funcionou ata a década dos anos vinte do pasado século XX.
BIBLIOGRAFÍA
Buxa. Asociación Galega do Patrimonio Industrial:
Equitación de XIX, revista galega de cultura:
Madoz, P.: Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España... (1845-1850)