* De Becerreá ou Mondoñedo: de onde era quen disparou contra Alfonso XII?

Corría o día 30 de decembro de 1879. Ás cinco da tarde Alfonso XII (1857-1885) e a consorte María Cristina de Habsburgo (1858-1929) cruzaban a praza de Oriente de Madrid nunha carruaxe descuberta. Cando o coche entraba no Palacio Real pola porta do Príncipe, un home xoven, Francisco Otero González, que se atopaba entre os curiosos (outras informacións falan de que se agochara xunto as cortes dos cabalos), disparou dous tiros, a curta distancia, contra os monarcas. As crónicas da época son precisas no tipo de arma utilizada: un revólver militar de orixe francesa tipo Lefaucheux de dous canos, calibre de 16 mm. A calidade da arma, con tambor de seis balas, non foi suficiente para acabar coa vida do rei, só unha lle rozou a cabeza. Cando se dispoñía a fuxir, un mozo dos cabalos, un centinela e un garda civil abalanzáronse sobre el e detivérono. Un ano antes, no mes de outubro de 1878, Alfonso XII xa sufrira outro atentado a mans do catalán Juan Oliva i Moncusi.

 

Pouco se sabe sobre a vida de Francisco Otero. Naceu o 14 de marzo de 1860. A nai chamábase Josefa, e o pai José. Tiña un irmán máis novo. Con 19 anos foi para Madrid. Lemos nos xornais da época: "Soltero y huérfano de padre, vino a Madrid con la esperanza de mejorar de fortuna... Contaba, a lo que parece, con el apoyo de un pariente llamado Francisco Seijas Arriba, portero del ministerio de Gracia y Justicia, quien le prestó protección y dándole cuatro mil reales para establecer una pastelería... situada en el número 2 de la calle de Milanesas...". Dise que vivía cunha moza, "a quien llamaba hermana", de dezasete anos. Os costumes de Otero non chamaban a atención dos veciños, pechaba cedo a tenda, "salía pocas veces de noche, y no dió pretexto alguno para que con razón o sin ella se le censurase". Pero os negocios "no tenían resultado próspero, no sabemos si por mala fortuna o por administración desarreglada". O parente deixou de apoialo, e cara mediados de decembro Francisco quedou sen casa e sen recursos. "En estos doce o quince últimos días, Otero dividió su tiempo entre las tabernas, los cafés y las casas de mal vivir, acusando de su desgraciada situación a un individuo llamado Antonio García que es dueño de una taberna en el número 16 de la Cava-Baja". Este e outro home de nome Antonio Pérez Cobos tamén foron detidos, declarando que Francisco contáralles a súa intención de suicidarse, pero tamén de realizar prácticas de tiro ás aforas da capital.   
 
Otero foi acusado de intento de rexicidio. O xuízo comezou ás once e media da mañá do 7 de febreiro de 1880. O fiscal pediu para o acusado a "última pena" (morte). O avogado defensor, acolléndose ao artigo 8º, número 1 do Código Penal que "exime de responsabilidad a los imbéciles", pediu a "irresponsabilidad del reo", e no caso de "no haber lugar", se clasificara como delito común e non como rexicidio. Os informes médicos presentados pola fiscalía non concordan cos da defensa. As conclusións dos médicos alienistas (término que subsistiu ata principios do século XX; eran o equivalente aos psicoanalistas) presentados pola última, baseándose na fisonomía, linguaxe e aptitudes, Francisco Otero era un "imbécil intelectual" e un "idiota moral". 
 
    
Foi condenado a morte. Dise que a pesares da intercesión de Alfonso XII para que fora indultado, o consello de ministros, presidido por Cánovas del Castillo, denegouno. Iso da intercesión semella que só foi un acto cara a galería, abundan as crónicas da época en que se recadan cartos para o envío de telegramas solicitado ao rei "gracia para el reo" que caeron en saco roto.
 
      
 
 
O día 14 de abril de 1880 foi executado no garrote vil no Campo de Guardias de Chamberí polo verdugo titular de Madrid Francisco Ruiz Castellano, e os seus restos foron enterrados no cemiterio de San Martín. Tiña 20 anos. Uns din que Franciso Otero padecía problemas mentais, outros que era un perigoso anarquista (durante o xuízo negou pertencer a organización política algunha). Sen faltar os que cren que non foi máis ca un chivo expiatorio. Ese mesmo día tamén executaron ao autor do primeiro atentado, Juan Oliva i Moncusi quen, curiosamente, utilizara unha pistola francesa Lefaucheux de dous canos, calibre de 16 mm, o mesmo tipo utilizado por Francisco Otero. O xornal anarquista suizo L´Avant Garde manifestou a súa solidaridade moral cos intentos de rexicidio.
 
 
   

Pero, de onde era natural o panadeiro Francisco Otero? Segundo a prensa da época: para uns de Santiago de Lindín (Mondoñedo), para outros de Santiago de Nantín (Becerreá).

 

Benito Pérez Galdós escribiu entre 1872 e 1912 os Espisodios Nacionales, unha serie de novelas históricas que tratan da historia de España dende 1805 ata 1880. Lemos: "El mismo día 30 quiso hacer de las suyas el fanatismo sectario: al entrar en coche por la Puerta del Príncipe del Palacio Real Alfonso XII con su esposa María Cristina, les disparó dos tiros un vesánico, Francisco Otero González, natural de Santiago de Nantín, aldea de la provincia de Lugo. Las alevosas balas no tocaron a los reyes...". 

 

Carlos Rojas, no seu libro Alfonso de Borbón habla con el demonio (1995), di que era de Santiago de Nantín. José María Zabala, en Elena y el Rey. La historia del amor prohibido entre Alfonso XII y Elena Sanz (2014), tamén trae a Francisco Otero para Becerreá.    
 
De Lindín ou de Nantín? Nós cremos que de Nantín de Becerreá, a única semellanza con Lindín de Mondoñedo é que o patrón dunha e doutra parroquia están postas baixo a padroado de Santiago Apóstolo. Na actualidade, Nantín xa non é parroquia, foi suprimida ao pasar no século XIX a Cascallá, en Becerreá (antes pertencía a Neira de Rei, no actual concello de Baralla). 
 
  

© Colectivo Patrimonio dos Ancares

 

* A Ponte de Cruzul a un paso do BIC

O día 2 de outubro de 2015, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares presentamos ante a Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia unha solicitude para que a ponte de Cruzul fora declarada Ben de Interese Cultural (BIC). Transcurrido o tempo contestáronos que, ao ser de titularidade do Ministerio de Fomento (por ela discorría a vella N-VI), a solicitude había que tramitala á Administración do Estado.

 

O día 22 de outubro de 2019, presentamos a solicitude ante a Dirección General de Bellas Artes do Ministerio de Cultura. En 23 folios, ademais da descrición, arquitectura, historia, estado de conservación, etc., xustificamos o que motiva a súa declaración como BIC. 

 

No Boletín Oficial do Estado (BOE) do día 19 de novembro de 2025 publicouse unha resolución da citada Dirección Xeral pola que se incoa expediente de declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento da ponte.

 

A Ponte de Cruzul vai gozar, por fin, do máximo grao de protección.

* Becerreá: o ferrocarril que puido ser e non foi

Vinte e sete anos despois da inauguración da liña férrea entre Barcelona e Mataró, chegou o primeiro tren á cidade de Lugo. Foi polo San Froilán, un 5 de outubro de 1875. A prosperidade que supoñía contar con este medio de transporte contaxiouse a boa parte da provincia, incluída a que hoxe é a comarca dos Ancares. No Plan General de Ferrocarriles de 2 de novembro de 1877 propoñíase unha liña férrea que enlazara Vilafranca do Bierzo con Ribadeo. O tramo entre Vilaodriz (na actualidade parroquia do concello da Pontenova) e o embarcadoiro de Ribadeo comezou a funcionar no 1903 para dar saída por mar ao mineral e que pouco tempo despois se ampliou ao tráfico de viaxeiros (no ano 1900 constituíuse a Sociedad Minera de Villaodrid, de capital vasco, para explotar os xacementos de limonita). Os fornos de calcinación construíronse na capital municipal da Pontenova. A liña ferroviaria do Ferrocarril Central Gallego, como bautizaran o proxecto, dábase por feita.

 

As crónicas da época falan de que esta infraestrutura sería dunha importancia vital para o desenvolmento socioeconómico desta parte da provincia de Lugo e do Bierzo, tanto pola riqueza mineral (ferro, manganeso, caliza, granito, mármore, carbón...) como madeireira (carballos, castiñeiros, nogueiras...), ademais de estratéxica en caso de guerra para o transporte de tropas dende Galicia. Iso si, a que nun principio ía ser no proxecto unha liña xeral, pasou no ano 1908 a secundaria, pero con Becerreá como eixo das comunicacións ferroviarias entre O Bierzo e Galicia (ese mesmo ano publicouse a subasta pública do tramo entre Becerreá e Sarria).


Tan avanzado estaba o proxecto no ano 1911 que, ademais do estudo polos enxeñeiros dos sitios por onde iría o trazado, indicáronse os lugares onde se ubicarían estacións, apeadoiros e depósitos entre Vilaoudriz (A Pontenova) e Vilafranca do Bierzo (resaltamos en negriña os pobos da comarca dos Ancares por onde pasaba): Vilaoudriz, Galegos, San Xurxo de Piquín, Santalla de Piquín, Fonteo, O Cádavo, Queirogal, San Martiño de Neira de Rei, Becerreá, Guilfrei, A Alence, Vilarín do Monte, Pedrafita do Cebreiro, Veiga, Veiga de Valcarce, Ambasmestas, Trabadelo, Perexe e Vilafranca do Bierzo. O custo para os pouco máis de 150 quilómetros ascendía a 51,5 millóns de pesetas. Mesmo se falaba da construción dun ramal que enlazara a capital lucense a través de Neira de Xusá (actual Baralla) con esta liña á altura do Cádavo (Baleira). O proxecto era para unha vía estreita (inferior ao considerado como "normal"), o que supoñía menores custos en zonas de complicada orografía. En Lugo e Vilafranca do Bierzo enlazaría coa vía ancha.


No ano 1917 increméntanse as peticións, dende distintos ámbitos, da construción, diante "de la falta de medios de transporte", de liñas secundarias polo interior de Galicia, para "la buena colocación" dos produtos agrícolas e pesqueiros.  

 

O 23 de marzo de 1918 anúnciase a subasta das obras entre Vilafranca do Bierzo, pasando por Becerreá, e Lugo. Pero, a pesares das boas expectativas e o apoio das Deputacións de Lugo e León, Concellos e institucións públicas e privadas, a subasta quedou deserta.


Os contratempos non fixeron decaer os ánimos. Anos despois, entre o 1925 e 1929, iníciase unha nova campaña. Destaca, pola súa defensa, un presbítero berciano, Manuel Santín, que en varios artigos publicados na prensa da época exhorta a reclamar, por ser de xustiza, a obra, mesmo criticando o traxecto, por perigoso, entre Toral de los Vados e A Pobra do Brollón: "El ferrocarril de Villafranca del Bierzo a Lugo fue incluído entre los de interés general complementarios del plan de 1877. En el R.D. publicado en 1924 por la Ponencia ferroviaria base de la creación del Consejo Superior, fue consignado como complemento y ampliación de la línea del Norte. Acorta la distancia entre Madrid-Coruña 80 quilómetros, es decir, cuatro horas menos de viaje que por la única línea actual. Está además exento del peligro constante que amenaza a los trenes en el trayecto de Toral de los Vados a Puebla de Brollón. Constituye como ampliación de la línea del Norte una doble vía; recorre importantes centros de producción de León y Lugo, como los ayuntamientos de Trabadelo, Vega de Valcarce, Villafranca (de León), Piedrafita de Cebrero, Doncos, Nogales, Baralla, Lajoca, Neira y Becerreá (de Lugo). Pasa por cerca de Cervantes, zona de importante riqueza". Fai un chamamento a "Coruñeses, lucenses y leoneses, la ocasión es propicia. Las Diputaciones y Cámaras de Comercio de La Coruña y Lugo deben sumarse a la comisión que intenta exponer... la necesidad urgente de la construcción del ferrocarril Villafranca-Lugo. No dejarle dormir más tiempo".


No outono de 1927, reuniuse no Concello de Pontevedra o Comité de entidades pontevedresas, coa asistencia do gobernador civil, Rodríguez Gómez, cuxo principal tema foi o de secundar a campaña promovida en Lugo a prol do ferrocarril, "que refleja el sentir unánime de toda Galicia". No mes de setembro de 1928, a Cámara de Comercio de Lugo lamentaba que a provincia quedase relegada: "Nótese lo que consiguieron las principales poblaciones de Galicia desde que impera el nuevo régimen (más de setecientos millones según manifetación del ministro de Fomento en La Coruña), y lo que obtuvo Lugo, que fué nada". Acordouse apoiar a construción do ferrocarril entre Lugo e Vilafranca, pasando por Becerreá.

   

Pouco despois, dise que pola falla de interese político, ou por un interese que bulía lonxe da "Montaña", veu o silencio, e con el o esquecemento.

Houbo algún outro intento para que o ferrocarril non se esquecera da comarca dos Ancares, con propostas coma un trazado dende Monforte de Lemos a través do Courel, O Incio, Louzarela, Doncos, Vilanova, Degrada, Donís, Peliceira, Tormaleo e Cangas de Tineo para enlazar cos trens asturianos. Pero coma nos casos anteriores, todo quedou en augas de fregar.

 

BIBLIOGRAFÍA

El Agro (desaparecido)

El Barbero Municipal (desaparecido)

El Eco de Galicia (desaparecido)

El Heraldo Gallego (desaparecido) 

El Ideal Gallego (desaparecido)

El Noroeste (desaparecido)

El Regional (desaparecido)

Gaceta de Galicia (desaparecido)

Galicia Moderna (desaparecido)

Heraldo de Galicia (desaparecido) 

La Idea Moderna (desaparecido) 

La Voz de la Verdad (desaparecido)

 

© Colectivo Patrimonio dos Ancares

* Historia das feiras en Becerreá (e comarca)

Organizado pola asociación Rente ao Couce, o 12 de decembro de 2020 programáronse unha serie de actividades para recuperar a Feira que ata o ano 1962 se celebraba o día 12 de cada mes en Becerreá. Este ano 2024, cun lustro ás costas, podemos asegurar que a celebración xa está máis que consolidada e recoñecida. Como o 12 de decembro cae en xoves, trasládase para o sábado 14. E un ano máis, a asociación fará entrega do "Foucín de honra" que nesta edición depositarán nas mans dun dos máis senlleiros embaixadores da comarca: Xosé Espín Mejía. Os nosos parabéns a Rente ao Couce e ao galardoado.


Naquela primeira edición, dende Rente ao Couce pedíronos ao Colectivo Patrimonio dos Ancares se queriamos participar cunha charla arredor da historia das feiras de Becerreá, principalmente, e da comarca dos Ancares. A verdade é que a documentación escrita e información oral da que dispoñiamos era pouca xa que o noso labor principal céntrase noutras materias, pero todo era cuestión de buscar. E así fixemos. Aínda que seguramente falta moito por recoller, cremos que co conseguido podemos facernos unha idea clara da creación e evolución das feiras e mercados no noso territorio. Dende eiquí queremos agradecer a información proporcionada por veciños e veciñas, sen esquecernos de varios documentos (algúns verdadeiras xoias) que nos doaron e cederon Hugo Pardo-Vivero Vilares e Ruth Hidalgo. Ademais dos datos históricos, tamén conseguimos facernos con varias historias, lendas e tradicións que se desenvolveron ao seu redor. A continuación deixamos a nosa intervención.

 

"Primeiro, os nosos parabéns á xente de Rente ao Couce por esta iniciativa.

Para facernos unha idea sobre a orixe das feiras e mercados, comezaremos cun breve percorrido pola súa historia. 

A palabra feira vén do latín feria-ae que os romanos utilizaron para designar os días de festa ou de vacacións, referíndose ao cese neses días de toda actividade civil para dedicala ao culto relixioso e ás festas que xiraban ao seu redor. Independentemente das relixións, os mercaderes intercambiaban mercadorías á saída dos templos, aproveitando as aglomeracións, o ambiente festivo e o fervor relixioso o que incrementaba na xente o ánimo do gasto. Ao ir unidas estas dúas accións, desenvolveuse en latín o verbo feriari que significaba vender e mercar na feira. Nos primeiros tempos do cristianismo considerábase pouco axeitado nomear os días da semana cos nomes dos deuses-astros paganos (martes por Marte, mércores por Mercurio, xoves por Xúpiter e venres por Venus. Aínda que se mantivo sábado e domingo, os demais días pasaron a denominarse feira secunda, tertia, quarta..., que aínda pervive no portugués: Segunda Feira, Terça Feira...). Co tempo adquiriu o significado de mercado, unha paraxe na que se expoñían animais, xéneros e outras cousas para a súa venta.

Sempre existiu a necesidade de intercambio comercial ao longo da historia, e as feiras representaron un papel fundamental nese proceso. Nos seus inicios as feiras asócianse principalmente co Antigo Exipto, a Civilización Grega ou o Imperio Romano. Foron estes últimos os que comezaron a establecer as feiras nun lugar permanente. Na antiga Roma, o Foro era o centro da vida pública, ademais de acoller os edificios máis importantes relacionados co poder, celebrábanse os discursos políticos, loitas de gladiadores, xuízos criminais, desfiles cando as vitorias militares, etc., pero na súa orixe era o lugar que acollía a praza do mercado. Tamén, segundo os Evanxeos, Xesús expulsou aos fariseos que celebraban o mercado dentro do templo. Mesmo, eiquí en Galicia, a información arqueolóxica permite coñecer que xa se celebraban intercambios moito antes do cambio de Era.

En Europa, as crónicas falan de feiras que se celebraban en Francia no século V. No século VII, a máis concorrida tiña lugar en París, arredor da abadía de Saint Denis, onde se comercializaba principalmente con viño e mel. Nos séculos XII e XIII xa se organizan feiras polo centro de Europa, Italia e Inglaterra.


En España existe unha certa rivalidade para ver de que sitio é a feira máis antiga; ao parecer é a de Belorado (Burgos), instituída no ano 1116. E a de Galicia, os investigadores inclínanse pola de Mondoñedo (as actuais San Lucas), documentada no ano 1156, privilexio que lle foi outorgado polo rei galego Afonso VII.

Como vimos, á parte do Foro Romano, as feiras en Europa nacen a comezos da Idade Media. En tempos de fame e privacións, non resultaba seguro andar polos camiños coas mercadorías para vendelas, polo que xurdiu a necesidade de buscar uns sitios seguros. Eses sitios eran os castelos e mosteiros, daí que se celebraran ás súas portas.


Canto á periodicidade, na Idade Media, xeralmente, non se celebraban de xeito mensual, senón unha vez ao ano, ou incluso cada dous como é o caso da de Medina del Campo (Valladolid) que se cita no ano 1491. Canto á duración, neste período non era coma hoxe que adoita ser dun día, daquelas duraban varios días consecutivos, durante un mes ou incluso máis. A súa organización, como pasa na actualidade, estaba regulada ao detalle. Reis, señores feudais e mosteiros, a cambio de protección, e do cobro de impostos, promovían a súa celebración. Nas Partidas do rei Afonso X o Sabio (século XIII), na Partida V di que os lugares onde se celebran feiras teñen maior riqueza e poboación, polo que dispoñen de protección real e por elo, todos os que acuden ás feiras, así como os seus bens e mercadorías, estarán a salvo e seguros, tanto na ida, como na estancia, como na volta. A finais da Idade Media, os Concellos que xa acadan un certo poder, son os encargados de organizalas, mesmo, aínda na actualidade, tal como recolle a Lei de Bases de Réxime Local, os Concellos teñen competencia en feiras e mercados.


Os conceptos de feira foron evolucionando ao longo dos séculos, pero, basicamente, eran o lugar onde se desenvolvían as actividades económicas, onde se vendían, mercaban e intercambiaban distintos produtos entre persoas provenientes de distintos lugares. Tamén foron evolucionando, adaptándose ás necesidades econónicas de cada momento. Foi tal o seu auxe que pasaron de situarse extramuros de mosteiros e castelos a uns espazos públicos que aínda hoxe en día coñecemos como Campo da Feira ou, simplemente, A Feira. Na actualidade ese concepto de feira acada outras dimensións, mesmo as hai monográficas dedicadas á compra, venta e promoción dun determinado produto: Feira do automóbil, Feira do libro, Feira do viño, etc.

Despois desta introdución, imos coas feiras de Becerreá e da comarca dos Ancares. Os primeiros pasos que seguimos para documentarnos foi recurrir aos Interrogatorios do coñecido como Catastro de Ensenada, que nas distintas parroquias da comarca tiveron lugar entre os anos 1752 e 1753, hai 270 anos. Como sabedes, o Catastro de Ensenada foi o paso previo a unha reforma fiscal cuxo propósito era a de simplificar as complicadas rentas provinciais e substituílas por unha Única Contribución para que cada un pagara realmente polo que tiña. Para coñecer as rentas das persoas era necesario averiguar todos os seus bens, sen excepción, incluídos os dos eclesiásticos e da nobreza. Como podedes imaxinar, ao final non se levou a cabo e os que máis tiñan continuaron a ser os máis favorecidos, como pasa hoxe.

Pois ben, á pregunta 29 do Catastro (o Catastro constaba de 40 preguntas, subdivididas en outras varias: as dimensións da freguesía cos seus límites, canto producía cada terreo ou animal, cantos muíños, ferrerías ou estancos había, a quen pagaban impostos, etc.), onde había que responder, entre outras cuestións, cantas feiras se celebraban nas parroquias. Sorprendeunos que das 115 existentes nos seis concellos da comarca (Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro) só faga referencia a un mercado en Penamaior, en Becerreá. A sorpresa non é que houbera en Penamaior, senón que nesa época non houbera nas 114 freguesías restantes. Pero que daquelas só se celebrara en Penamaior, non quere dicir que non as houbera antes, de feito coñecemos algúns documentos que falan de feiras celebradas con anterioridade.


Cando vai para sete anos (no 2015), os do Colectivo Patrimonio dos Ancares visibilizamos ante a xente e institucións públicas unha variante do Camiño Francés de Santiago que bautizamos como Vía de Künig en honor dun monxe que escribiu unha guía no ano 1495, entre a documentación que buscamos para xustificar o paso da variante pola comarca atopamos un documento do ano 1525 en que o prior do mosteiro de Santa María de Penamaior ordena que os asistentes ao mercado non entorpezan as entradas a devotos e peregrinos. Recalcamos o de peregrinos porque hai quen recentemente, cunha falta total de rigor, a pesares da documentación, empéñanse en negar que os peregrinos pasaran por Penamaior. Ver para crer. Pero deixemos a política, que tempo haberá para falar disto, e continuemos coas feiras. Por este documento intúese que a feira de Penamaior xa estaba consolidada, polo que a súa orixe debe ser moi anterior.

Noutro libriño, encardenado en vitela (pel de animal), comezado a escribr no ano 1748, os monxes de Penamaior anotaron durante algúns anos o que cobraban a cada un dos vendedores a razón do que levaban para vender, anontando o nome do vendedor e o que vendían, e na marxe dereita as cantidades en reás de vellón que lles cobraban. Os reás de vellón eran unhas moedas feitas cunha aleación de prata e cobre, se ben o contido en prata era baixo. Esta moeda foi creada no ano 1686 polo rei Carlos II. Para que vos fagades unha idea do seu valor, un real de vellón equivalía, ao cambio actual, a moito menos de medio céntimo de euro. 266 reás equivalían máis ou menos a 1 euro.

Outro documento do ano 1568 fala do pontádego que os condes de Altamira cobraban aos que querían vender os seus produtos na feira da Proba de Navia. O pontádego era un imposto que se cobraba antes de cruzar a ponte de acceso á vila. Ademais do pontádego tamén estaba a portaxe, que se cobraba ao traspasar as portas dos recintos amurallados. No Archivo General de Simancas, en Valladolid, documéntanse na Proba de Navia unha feiras no século XVI en que se vendían, mercaban ou cambiaban, entre outras cousas, viño, gando, panos e quincalla.


A Carta Geométrica de Galicia é un mapa físico de Galicia, o primeiro realizado en España con medicións matemáticas. Foi feito polo matemático, xeógrafo e político galego Domingo Fontán entre os anos 1817 e 1834. No mapa aparecen recollidas igrexas, castelos e torres, mosteiros, ferrerías, muíños, etc. Tamén os sitios onde se celebraban feiras. Na comarca dos Ancares só as recolle en Penamaior (Becerreá), Seixas (Cervantes) e Doncos (As Nogais). 



Nalgúns folletos publicados nos anos vinte e trinta do pasado século XX, que levaban os títulos de El Mensajero parroquial de Pedrafita do Cebreiro e El Mensajero del Santo Grial del Cebrero falan dun mercado anual que "dende tempo inmemorial" se celebraba no Cebreiro. Non achegan datas, pero supoñemos que se celebraría no mes de setembro, coincidindo coa famosa romaría. O Cebreiro, ademais de ser un dos enclaves máis famosos do Camiño de Santiago, tamén foi mosteiro que recibiu moitas doazóns e privilexios da realeza e da nobreza ao longo dos séculos. Nun dos folletos di que durante os días de feira prohíbeselles aos comerciantes vender medallas, rosarios, estampas, cera ou aceite para alumado da igrexa, cousas que só poderán vender os curas, iso si, cun incremento do prezo habitual que se utilizaría, di, en reparacións urxentes do Santuario. Un detalle curioso cando falan da cera e do aceite, din que a primeira será de abella, e o segundo de oliva xa que os que se mercaban noutros sitios non cumprían a porcentaxe litúrxica: "Sabido es de todos -remata- que a Dios no le agradan las ofertas o votos de cosa mala".


Nos séculos XV e XVI as feiras reduciron a súa intensidade, que se apón a unha serie de feitos negativos que se iniciaron coa decadencia das feiras francesas que logo repercutiron nas demais feiras europeas. Despois volveron a rexurdir con forza nos séculos XVII e XVIII, por iso chama a atención que no Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, en todas as freguesías da comarca dos Ancares só se mencione o mercado de Penamaior. De feito, para atopar novas referencias ás feiras da nosa zona temos que esperar 100 anos, a mediados do século XIX. Quere isto dicir que nese tempo deixaron de celebrarse feiras e mercados? Seguramente non, o máis probable é que moitísima documentación que informaba sobre elas se perdera ou aínda estea en mans particulares. Está amplamente documentado que durante a Guerra da Independencia (1808-1814), os soldados de Napoleón asolaron a comarca, queimando centos de libros e documentos do Cebreiro, Penamaior, igrexa de Baralla, Concellos, Rexistros Civís, etc. O mesmo aconteceu durante as tres Guerras Carlistas que tiveron lugar entre 1833 e 1876, sobre todo na primeira e na terceira onde houbo máis actividade na comarca. Para a documentación tamén foi letal a Desamortización do ministro Mendizábal no ano 1836, cando o Estado expropiou multitude de bens que estaban en poder das denominadas como "mans mortas", é dicir da Igrexa e das órdenes relixiosas que ao longo dos séculos foran acumulando unha fabulosa cantidade de propiedades produto de doazóns, testamentos, abintestatos, terras comunais, apropiacións e un longo etcétera. Conventos e mosteiros foron expoliados e vendidos a particulares o que supuxo que se perdera gran parte desa documentación da que falamos.


Despois de que os monxes, debido á Desamortización, abandonan o mosteiro, a feira deixa de celebrarse. Por unha noticia que recollemos do desaparecido periódico El Eco de Galicia do 14 de febreiro de 1889, sabemos que a feira de Penamaior pasa a celebrarse cada terceiro domingo de mes en Becerreá, pero a partir de abril dese mesmo ano celebrarase o día 19. Xa sabemos, entón, cando se instituíu a actual feira do 19: no mes de abril de 1889, hai 131 anos.

Pero as datas dalgunhas feiras eran cambiantes. Trinta e un anos despois, no Calendario Gallego do ano 1920, que se autodenominaba como "relixioso, profético, astronómico, recreativo, popular e barato", vemos que as feiras de Becerreá celébranse o primeiro domingo e o día 19. No mesmo Calendario do ano 1922, di que as feiras celébranse o primeiro domingo e os días 10 e 19. E no Calendario do ano 1925 o 3 e 19, ademais de mercado todos os sábados. No mesmo Calendario de 1925 tamén nos achega que se celebraban dúas feiras anuais, unha o terceiro domingo de setembro e outra o tres de outubro.

Así que, polo dito, sabemos que as feiras actuais, do 3 e 19, instituíronse no mes de abril de 1889 a do 19, e principios dos anos vinte do pasado século a do 3.

Malia o anterior, un acordo do Concello de Becerreá do 21 de xullo de 1870 refírese a un mercado dominical que se celebraba os domingos, ignorando canto tempo durou e ata cando. No mes de decembro de 1935, o Ministerio de Traballo, Xustiza e Sanidade, a petición do Concello (que recoñece a inexistencia de documentación escrita), despois das testemuñas de varias persoas dos pobos de Quintá, Lamas, Erbón, Vilouta, Ferreiros de Valboa, Guilfrei, O Cereixal, Furco, Agüeira, Morcelle, Guillén, Becerreá e Saa, ademais, de entre outros, catro párrocos do municipio, que recoñeceron a súa tradicionalidade, autoriza a celebración de dito mercado, coa apertura dos establecementos comerciais de 9 a 14 horas, que conlevaba a obrigatoriedade de darlle descanso aos dependentes durante as 24 horas seguintes. Esta petición xa está documentada, ao menos, dende o 1925.


Agora imos coa feira do 12, esta que celebramos hoxe. A primeira referencia atopámola o día 12 de abril de 1873, un sábado, durante a Terceira Guerra Carlista, cando a partida do carlista Núñez Saavedra, natural de Vilarín (As Nogais), aproveitando a feira de Becerrreá asalta o Xulgado Municipal. Nós, ao menos, non volvemos atopar referencias. O que si é seguro é que esa feira do 12 deixou de celebrarse nalgún momento.

Pero no periódico El Progreso do 14 de outubro de 1951 lemos que o Concello, por iniciativa de varios veciños, establece de novo a feira do 12, o que indica que no seu momento tivo certa repercusión. Polas noticias da prensa, ao menos, as primeiras, foron todo un éxito.

No mesmo xornal do 11 de novembro do mesmo ano as empresas Montaña, La Directa e Transportes Lucenses anuncian un servizo de ómnibus para asistir á feira do 12.


En noticias posteriores recóllese que a algunha feira do 12 asistiron compradores de León e mesmo de Andalucía, polo que a súa importancia debeu ser grande. Esta feira do 12 durou 11 anos. En El Progreso do 16 de xuño de 1962 di que debido á desidia foi perdendo importancia. Ese mesmo ano debeu desaparecer.

Ademais das feiras de Penamaior, A Proba de Navia, O Cebreiro e Becerreá, documéntanse varias feiras na comarca dos Ancares que reproduce, entre outros, o Anuario del Comercio de 1886: as de Baralla os días 3 e 3º domingo, e ás de Pedrafita do Cebreiro o 5 e 21, máis unha anual. A anual de Pedrafita do Cebreiro tiña unha gran sona, ao longo dos anos a prensa dá conta de que era onde se facían máis transacións de gando de Galicia. Houbo feira importante en Doncos (As Nogais), citada a finais do século XIX, que debeu durar ata principios dos anos sesenta do século XX. En Cervantes celebráronse en Seixas, Quindous, A Ribeira, Vilanova do Pedregal ou San Martín das Canadas (Seixas contaba con dúas tabernas, casa de comidas e tamén cunha funeraria). En Baralla as de Neira de Suxá e Sobrado do Picato. Outra importante foi a de Paradela, en Navia de Suarna; no ano 1921 a Deputación de Lugo concedeu 58.803 pesetas con 33 céntimos para a construción do camiño dende A Proba de Navia ata a feira de Paradela; e no ano 1918 solicitouse de utilidade pública este camiño. O día 8 de abril de 1881, o Concello de Navia de Suarna aprobou unha proposta conducente a crear unha feira estable en Rao debido á importancia da súa cabana gandeira, iniciativa que non chegou a consolidarse; no ano 1932, os veciños de Rao solicitaron a restauración da mesma pero a petición non saíu adiante.


Nos distintos periódicos da época (La Voz de la Verdad, el Regional, El Correo de Lugo, El Eco de Galicia, Heraldo de Galicia, El Lucense, El Pueblo Gallego, etc.) tamén recollemos os prezos que se pagaban polos distintos produtos. Así sabemos, por exemplo, que no ano 1898 o ferrado de castaña seca pagábase a 13 ou 14 reás. No 1900 unha vaca custaba 250 pesetas, un tenreiro 100, unha cabra 8, un cabrito 4, unha galiña 1 peseta, unha ducia de ovos 45 cts, e unha libra de queixo do Cebreiro 75 céntimos. No 1924 os ovos pagábanse a 3 pta., os polos a 2,50, as galiñas a 4, a parella de gando vacún a 1.250 pesetas, e o porco a 60 pta. a arroba. Ao longo dos anos son habituais as queixas dos labregos e gandeiros pola baixada dos prezos, o que lles ocasionaba graves prexuízos.

As feiras tamén intentaron modernizarse. Nos Estatutos do Sindicado Agrícola de Navia de Suarna, facilitados por Henrique Fernández-Mon, fundado no ano 1924, fala de instalar na feira unha báscula para o gando para poder vendelo ao peso e non a ollo.


Ademais dun evento económico, as feiras tamén o eran social, como a asistencia á misa os domingos, as festas patronais ou os enterros, eran o lugar onde se relacionaba a xente, mesmo do Campo da Feira é de onde saían os autocares para asistir aos enterrerros, ou onde os políticos ían facer campaña.


E arredor das feiras tamén se desenvolveron multitude de historias, lendas e tradicións, unhas curiosas, outras cómicas, e un bo número tráxicas. Como o tempo se bota enriba, e hai que dar paso a outras intervencións, só imos citar algunhas.

Ademais de tratar co gando, tamén se "trataba" co futuro das persoas, como o amaño dos casamentos sen a intervención da parella, sobre todo da muller; son os coñecidos como "casamentos de trato". Nunha feira celebrada en Seixas (Cervantes) os cabezas de familia dunhas casas de Piornedo e Degrada acordaron casar ao fillo é á filla. Ao día seguinte o de Piornedo foi co fillo a Degrada para formalizar o día da voda. O fillo, o primeiro que fixo ao chegar á casa da pretendida, en vez de ir ver a ela foi directamente á corte a ver as vacas e os bois. Á moza, evidentemente, non lle gustou aquilo e díxolle que se casara cos bois e coas vacas. Isto aconteceu nos anos sesenta do pasado século XX.

As liortas tamén eran frecuentes, documéntanse por ducias, moitas co uso de navallas e paus, e incluos de pistolas como, por exemplo, a acontecida no mes de abril de 1903 na feira de Becerreá ou en decembro de 1912 na da Proba de Navia. O Portelo é unha poboación, hoxe en día abandonada, situada entre O Bierzo e Cervantes. Ata mediados do pasado século XX era o sitio de paso para asistir ás feiras de Pedrafita do Cebreiro, Cervantes, Becerreá e Veiga de Valcarce. Un día houbo unha discusión por unha partida de cartas entre dous homes que fixeran noita nunha venta do Portelo para o día seguinte ir á feira. Un deles morreu a estacazos, feito que ocasionou un conflito xurisdicional sen precedentes entre a xustiza, e todo porque o morto caeu nos dous territorios, quedándolle os pés nun lado e a cabeza no outro. Os xulgados de Galicia e León non se poñían de acordo para ver quen levantaba o cadáver. A expectación medraba co trancorrir das horas. Ao final foron os máis vellos da zona os que deron a solución: Galicia tiña que facerse cargo porque fora onde lle quedaran os pés ao morto. Razoouse así porque dicían que os pés ían sempre para onde lles mandaba a cabeza.

Por un documento do ano 1602 sabemos os camiños que utilizaban os do Bierzo para asistir ás feiras de Cervantes e Penamaior. Por el coñecemos que utilizaban o camiño que, procedente de Ransinde e A Braña, entraba en Galicia polo Comeal, en Cervantes, ruta que denominan como Camiño dos Romanos ou do Real (ao seu carón pasa o rego do Real). Tamén nos achega que o camiño dende O Comeal ata Pedrafita do Cebreiro coñecíase como Rudeira da Golada. Estes camiños utilizáronse ata mediados do pasado século XX, tanto para asistir ás feiras da parte do Bierzo como de Galicia. Por outra parte, informa que nas Pontes de Gatín, en Becerreá, había unha pousada. No Comeal consérvase un tramo da Vía Romana XIX (o único catalogado por Patrimonio na comarca), e a raíz duns lumes acontecidos no ano 2018 na Braña (O Bierzo), saíu á luz un impresionante tramo de máis de dous quilómetros, ademais de abundante material tegulario. As Pontes de Gatín situábase xunto a Vía Romana XIX, en cuxas inmediacións estaría a mansión de Pons Neviae do Itinerario de Antonino.

O xenial Álvaro Cunqueiro, na súa non menos xenial Escola de Menciñeiros, narra a historia dun tal Xil que era xastre, pero tamén curandeiro ("xastre de enfermos", lle chama). Ía ver a un e dicíalle á familia que nada había que facer, que o enfermo íase, e preguntaba se tiña traxe novo, e se non o tiña Xil ía a Lugo, Vilalba ou Mondoñedo, mercaba un corte tirando a escuro, e facía o traxe que só se poría o enfermo cando chegase a defunto (era habitual facerlle un traxe novo para enterralo, incluso se utilizaba o das festas ou o da voda). Un tal Moure, de Navia de Suarna, ao que segundo Xil as súas grandes orellas lle viñan dun susto que lle dera un lobo cando era neno, curou cando xa estaba despachado de todo, é dicir, cando ía morrer. E entón gastou o traxe que lle fixera Xil, e as xentes, nas feiras da Proba de Navia, pedíanlle permiso para tocarlle a chaqueta porque iso lles daba sorte.


Na feira de Vilanova do Pedregal, en Cervantes, había unha praca na porta do estanco que dicía: "Consulta do médico martes, venres e días de feira", actividade que compartía con curandeiros que soían ter máis pacientes que o propio médico.

A desaparecida feira de Seixas, en Cervantes, foi unha das máis importantes da comarca dos Ancares, tanto que ata mesmo lle dedicaban poemas. Este, escrito por Antonio Carvajal en Vilafranca do Bierzo no ano 1905, usa o galego e o castelán.


O 19 de xullo de 1936, día de feira en Becerreá, e un día despois do golpe de estado fascista, os republicanos convocaron unha folga xeral e unha manifestación, entrando na igrexa de San Xoán porque o clero apoiaba abertamente aos golpistas. O cura e o sacristán pediron a intervención dos falanxistas que non causaron unha masacre grazas ao brigada do posto da garda civil de Becerreá, Balbino Baliño, que despois foi denunciado por un famoso falanxista local por aliarse cos "roxos". Antonio Somoza Cayado, na súa tese doutoral, di que nos últimos meses de 1936 producíronse na comarca diversos abusos públicos contra mulleres, como o caso dunha muller que foi exhibida en roupa interior polos falanxistas na feira de Becerreá.


No ano 1931, nas feiras practicábanse xogos prohibidos como un, que valéndose de tres cascos de cervexa, facían ver que unha gran bola aparecía nun envase ou noutro. Un veciño de Foxos foi detido pola garda civil na feira de Pedrafita, incautándolle 60 pesestas.

Ademais dos curandeiros, ás feiras tamén acudían fotógrafos ambulantes, botadoras de cartas, adiviños e outras persoas que mostragban distintas habilidades para ganar algunha moeda. Henrique Fernández-Mon achegounos que á feira da Proba de Navia adoitaban acudir un cego delgadiño e a súa muller, que ao contrario que o seu home era moi gorda. Eran de Ourense e cantaban coplas. Unha das coplas de cego chamaba a atención porque falaba de que tres mulleres de Burón, na Fonsagrada, caparan a un mozo porque violara a unha delas. Ao rematar coas coplas, o cego e a muller ían á taberna de Pardo e ela subíase a unha báscula, e os clientes, entre chanqueiro e chanqueiro, apostaban para adiviñar canto pesaba. Triste pero certo.

Para non alongarnos máis, concluímos coa orixe do nome da vila de Becerreá. Segundo os etimólogos din que procede dunha vila Becerreana ou Becerriana, derivado dun propietario de orixe latina que antendería polo nome de Becerianus ou Bicerianus. Pero a lenda asegura que debe o nome a un feito acontecido durante unha das feiras que se celebraban na vila. Ía un vecín  co seu becerro á feira cando un neno lle lanzou unha pedra ao animal. Tal foi a dor que lle produciu que o becerro deu un salto e púxose a correr detrás do cativo sen que ninguén conseguira deteñelo. Chamaron entón ao alcalde, home valente e astuto, dicían, quen conseguiu amansalo e devolvelo ao seu dono. Nas primeiras xornadas de Arqueoloxía e Historia dos Ancares que a Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares organizada pola Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o profesor Antonio Rodríguez Colmenero dixo que non lle resultaba estraño que o nome de Becerreá tivera que ver coas representacións do coñecido como Relevo de Vilarín (apareceu cando as obras da autovía no 1999), do século I ou II d. C., onde se ven un touro, unha vaca e un becerro.


Está claro que neste século XXI as feiras xa non son, nin de lonxe, o que eran. O factor que está a rematar con elas é a crecente internacionalización, xa que se converteron nun elemento fundamental dos intercambios comerciais entre os distintos países, o que coñecemos como Globalización, esa que nos vende o gran capital como o remedio a todos os males, onde os mastodontes empresariais están a capitalizar todo o mercado. O gandeiro, o labrego, o pequeno produtor ou comerciante, e tamén o consumidor, pouco poden facer. Din que con isto do virus o rural pode recuperar parte do perdido. Non nos enganemos, de seguro que xa teñen todo ben planificado para que iso non pase.

Isto é todo, para a próxima máis. Moitas grazas pola atención". 

© Colectivo Patrimonio dos Ancares