TOPONIMIA DO CONCELLO DAS NOGAIS

 


A ABILLEIRA
Alusión a unha colmea, ou tamén á melisa, a planta semellante á ortiga moi aromática. Herba que forma parte do ritual da Noite de San Xoán, tanto para botala na auga coa que un se lava ao día seguinte, como para colocala na porta da casa como remedio contra o mal de ollo e das meigas. Cocida, utilizábase como tónico. Tamén se empregaba como abortiva.

AGÜEIRA
Terreo abundante en auga.

A ALENCE (SANTA LUCÍA)
Nome da parroquia. *(Villa) Allentii, dun posesor medieval que atendía polo nome de Allentius. Lucía está emparentado co latín lucem, luz. Santa martirizada no ano 300, adoita representarse cuns ollos nunha bandexa; é a patroa das modistas, cegos, oculistas e fotógrafos. No ano 1889 o alcalde e ao tempo xuíz de paz das Nogais, Manuel Núñez Saavedra, e outros veciños solicitaron ao bispo de Lugo para que A Alence tivese cura, e que as A Alence, As Cruces, Pando e Vilarín se converteran en parroquia e así segregar estas aldeas de Torés. A Alence, como parroquia, data do ano 1890.

ALTO DA BIDUEIRA
A 1.043 metros de altitude sobre o nivel do mar. O segundo elemento fai referencia á árbore da familia das betuláceas, betula pendula. O primeiro estudo sobre a bidueira ou bidueiro débese a Fr. Martiño Sarmiento quen, no ano 1759, no seu traballo Sobre a Betula ou Bidueiro di que no século XVIII aínda non se relacionaba o bidueiro coa betula latina. Para algúns pobos prehistóricos tiña carácter sagrado. Na Idade Media asociouse á bruxaría porque baixo del medra a amanita muscaria, un fungo alucinóxeno. Críase que as bruxas construían as súas vasoiras coa madeira desta árbore. Mais tamén posuía propiedades medicinais, a cortiza recomendábase para enfermidades da pel, reuma, gota, mal de pedra e enfermidades do ril.

ALTO DE BUSMAIOR
Lindeiro co concello de Cervantes. O primeiro elemento do composto vén do latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos como ben apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares.

ALTO DO CARBALLÓN
O composto é un aumentativo de carballo (ver O Carballo). 

ALTO DA CERCA
Na parroquia de Torés. O composto fala dun valado, muro que se pon arredor dalgún sitio para resgardalo ou dividilo.

ALTO DA CORTE DAS ÉGUAS
Na parroquia de Torés. Semella unha alusión nidia a un curral onde se recollen as femias dos cabalos. A palabra latina para cabalo foi substituída pola voz caballus, posiblemente de orixe celta. O étimo equus subsistíu en voces de orixe culta. Na Península permaneceu na lingua popular o feminino equa de onde vén a forma catalana egua, a castelán yegua e a galega égua.

ARQUEIRA
Monte situado a 1.098 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lindeiro co concello de Cervantes. Alusión a un terreo en forma de arco, curvo.

ARRASTRADOIRO
Do latín rastrum. Terra improdutiva e custosa de traballar. Tamén camiño cheo de obstáculos. Segundo información achegada polo escritor e investigador Luis López Pombo, este monte pertenceu ao mosteiro de Samos. 

OS ARREXÓS
Na parroquia de Torés. Xunto coa Asociación de Veciños de Torés, o noso grupo está a investigar o lugar onde puído existir un asentamento de época romana; polo de agora apareceu unha moeda de Crispo.

OS ATALLOS
O composto vén do latín atajo, camiños máis curtos para chegar antes a un sitio.

AUGAS ROIBAS ou LOURAS
Coñécese con este nome un manancial que, por algún proceso de oxidación, ten as augas roibas, latín rubeu, ou vermellas. O día 17 de xaneiro de 1809, en que o francés Soult vencía aos ingleses, os veciños de Neira de Xusá e das Nogais emboscáronse nos desfiladeiros de Augas Louras e Brañas da Serra, atacando aos franceses e inflinxíndolles grandes perdas.

BANTÍN
*(Villa) Bantini ou Vantini, en alusión a un posesor agrícola medieval que atendía polo nome de Bantinus ou Vantinus.

BARBANTÍN
Semella facer alusión a un orotopónimo formado a partires do céltico *bar, costa, depresión, altura. Máis esas, tamén pode indicar un atropotopónimo. 

O BARBEITO DA UZ
Na parroquia de Torés. O primeiro elemento vén do latín verbactum, espazo de terra que se deixa sen cultivar para que descanse. O composto deriva de ulice, uz, breixo, arbusto de madeira dura e raíces grosas que ata ben entrado o século XX se empregaba para facer carbón vexetal, tanto para consumo propio como para vender. A raíz e a flor da uz branca utilizábase como remedio para a dor de cabeza e o lumbago. A uz vermella considerábase velenosa. 

BARRACEIRA e BARRACEDO
O primeiro monte está situado a 1.065 metros de altitude sobre o nivel do mar. Barracedo é un lugar pertencente á parroquia de Noceda. Lugar cheo de barro.

OS BARRADAIS
Abundancial de barro. Lodeiro, barredo, lameira. Segundo me achegou López Pombo, este monte pertenceu ao mosteiro de Samos. Na actualidade é dos veciños de Chancia, Cubilledo e Forcas.

O BARRAL
Do prerromano barro, lama, fango, que non debemos confundir co barrum céltico, barreira, estacada. Marcial Valladares Núñez, no seu Nuevo suplemento enciclopédico gallego-castellano (1884), di que se chama así a unha cabana de mala construción.

O BARREIRÍN
Diminutivo de barro.

O BAZAL
*(Villa) Bazarii, dun posesor medieval de orixe xermánica de nome Bazarius.

BRAÑAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. Do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. En gaélico, braon significa gota de auga, con derivados como braonnach, mollado.

BRAÑAS DA SERRA
Unha serra é un cordal montañoso de pouca extensión. Aquí en en Augas Louras, os soldados franceses foron atacados polos veciños o día 17 de xaneiro do ano 1809, causándolles grandes perdas.

BRAÑELAS
Diminutivo de braña. En información recibida de Luis López Pombo, este monte pertencen aos veciños de Forcas, Cubilledo e O Lago. Nel hai restos prehistóricos.

O BRONZO
Na parroquia de Torés. Posible orixe prerromana, quizais relacionado con brozo, en alusión a un lugar espeso de maleza. Para Constantino García González (1985), brozo é a parte da cheda do carro que sobresae do recadén.

BRUEIRAS
Monte situado a 970 metros sobre o nivel do mar. Clase de pedra que se caracteriza pola súa brandura. Tamén pode facer referencia a un lugar onde o vento produce moito ruído.

BUBANTÍN
*(Bustum) Bantini ou Vantini, dun posesor que atendía polo nome de Bantinus ou Vantinus?

BUSGULMAR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. *(Bustum) Golmari, dun propietario medieval de nome Golmarus. Busto deriva do latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares.

CABANAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Nullán. Do latín capanna, alusión á existencia de cabanas de uso preferentemente agrícola e/ou gandeiro. 

CABEZA DE VAL ESCURO
Entre as parroquias de Torés e Vialicente. O primeiro elemento vén do latín vulgar capitia, derivada de caput, punta, cumio, extremo, cabo, referido á parte superior do corpo humano, dunha montaña ou, tamén comezo, principio. Val, do latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. O último elemento deriva do latín obscurus, que adoece de claridade, incerto, perigoso. 

O CABEZO
Na parroquia de Doncos. Do latín vulgar capitia, derivada de caput, cabeza, punta, cumio, extremo, cabo, referido á parte superior do corpo humano, dunha montaña ou, tamén, comezo, principio.

CABRAMOZA
Lugar pertencente á parroquia das Nogais. Topómino composto. A cabra, latín caprae, é un mamífero rumiante da cal se aproveita a carne e o leite. O composto vén do latín mutius, moza, nova.

CAMIÑO DA ANTIGA OU CAMIÑO DOS ROMANOS 
Citado nun documento do ano 1757, no deslinde das parroquias de Fonfría e Nullán. O escritor e investigador Luis López Pombo precisa máis a información, dicíndome que partía de Vega de Valcarce, pasando por Pedrafita do Cebreiro, Padornelo, Alto do Lago, Casa da Chancia, As Cruces, Albela, Furco da Meda, Ponte de Carracedo, o Corgo e Lugo, e dende aquí continuaba polo Monte Segade e Friol ata Melide. Segundo López Pombo, podía formar parte da división referenciada no deslinde do Condado suevo Sarriense, onde se menciona por esta orde como límite de Meizarán, Padornelo, O Cebreiro, sitios polos que discorre o devandito camiño. Segundo fose da parte de arriba ou de abaixo do camiño, era do Condado Sarriense ou do Condado de Neira, indo de Meizarán cara O Cebreiro, ao lado da dereita (parte de arriba) era do Sarriense, e pola esquerda (parte de abaixo) do Neira. Camiño vén do latín vulgar camminu, sitio polo se pasa cando se vai dun lugar a outro. Ata non hai moitos anos, a reparación dos camiños corría a cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios de transporte; a participación nos traballos era obrigatoria, o incumprimento dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa. O composto fai alusión a unha servidume de paso a través de fincas alleas. Luis López Pombo achegoume que tamén recibe o nome de Rudeira da Antiga. 

CAMIÑO DAS BESTAS
Na parroquia de Torés. O composte deriva do latín bestia, animal cuadrúpede doméstico de carga, tamén monstro, ser fantástico. 


CAMPA DE MACEDA
Campo pero de extensión máis ampla. Para Luis Aguirre del Río e outros autores, lápida sepulcral, a cobertora do sepulcro. Para o composto, ver Maceda.

CAMPA DO PIORNAL
O composto fai alusión a un monte poboado de piornos, latín vivurnus, o arbusto similar ao codeso e á xesta que se cría nas serras e lugares montañosos e fríos. Os piornos utilizábanse, xunto coa uz, para facer carbón. 

CAMPA DO SAN XOÁN
Entre Vilar e Santo André. No lugar había unha capela, hoxe en día desaparecida. Na Noite do San Xoán acendíase unha fogueira. Durante a Feira da Cebola que ata o ano 1910 se celebraba anualmente na parroquia de Santo André, facían aquí a coñecida como Corrida do Galo. 

CAMPELIÑA
Diminutivo de campo. 

CAMPIÑA DA LAMA DO FIGUEIRO
Na parroquia de Torés.  

CAMPO DE RIMAO
Na parroquia de Torés. Latín campu, extensión máis ou menos ampla de terreo situado, xeralmente, fóra das poboacións. Para o composto, Caridad Arias di que o elemento rigo-, ri- forma parte dos topónimos que dá nome á divindade celta Rigo-Magus que algúns autores traducen como campo real. Cabe derivar tamén este segundo compoñente do celta mag ou magh, o grande, o que deixa desbotada a etimoloxía de río mao ou malo. Na documentación medieval , o elemento mao pode alternar con humano e omano que son claras reconstrucións.

CAMPORREDONDO
Do latín rotundus, alusión á redondez do terreo.

O CANDEDO
Lugar poboado de candos, rebento grande do castiñeiro. Para Moralejo Lasso deriva de candanetum, póla seca, árbore queimada.

AS CANTARIÑAS
A cantariña é un dos nomes que recibe a cigarra ou chicharra, o insecto cuxos exemplares machos teñen debaixo do abdome un órgano co que producen un ruído forte moi característico.

AS CANTEIRAS
A 1.125 metros de altitude sobre o nivel do mar. Base céltica *cant, pedra. Lugar de onde se saca a pedra.

A CAPELA
Oratorio edificado habitualmente nun sitio ermo e despoboado; vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao pedazo de capa que San Martiño deu a un pobre. Máis información sobre as capelas do concello no apartado adicado ao Patrimonio Relixioso. 

O CARBALLAL
A 1.030 metros de altitude sobre o nivel do mar. Voz prerromana *carb, pedra, planta nada entre pedras. Terreo poboado de carballos. Neste lugar, situado na faldra meridional do monte Redondo, a ambas as dúas marxes do regueiro de Santo André, apareceron restos cerámicos e pequenos fragmentos de opus caementicium de época romana.

CARBALLEDA
Pico lindeiro co concello de Pedrafita. Situado a 1392 metros de altitude sobre o nivel do mar. Mesma etimoloxía que O Carballal.

CARBALLEIRA
Lugar da parroquia de Doncos. Mesma etimoloxía ca a anterior.

O CARBALLO
Latín quercur robur. Na antigüidade ao carballo considerábanno coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a invasión romana.

O CARQUEIXADO
Posible orixe prerromana carcaxia, lugar onde abundan as carqueixas. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958), cita diversas variedades, entre outras a carqueixa lavacuncas utilizada antano para fregar os pisos e os utensilios de madeira. Ten a propiedade de ser moi medicinal, cocida é eficaz contra a gota, a reuma, a artrite, a parálise, etc. A flor, cocida, é boa para o mal de ouriños, dor de ventre, arrefriados; úsase ademais para curar a inapetencia do gando vacún e cabalar. A carqueixa branca utilizábase para rebaixar a tensión. O espelido Frei Martín Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia, comprobou o valor medicinal da carqueixa que o cura dunha caída en Celanova.

O CARQUEIXAL
Mesma etimoloxía ca o anterior.

CARREGADO
Non cremos que veña do verbo cargar. Coidamos que é unha variante de carregal, latín carricale, derivado de carex, carrizo, especie de cana que medra en sitios pantanosos.

CASA DA AIRA
En Estacas. O primeiro elemento deriva do latín casa. O composto deriva do latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. 

CASA DO CAMPO
Na parroquia de Torés. 

CASA DO CÁRCERE
En Torés. O composto vén do latín carcer, -eris, local destinado á reclusión de presos. Pertenceu aos señores de Torés. Restaurada, aínda se conserva, observándose algúns elementos do que foi o primitivo cárcere da xurisdición. 

CASA DE CASARES
Vinculada cos Cela de Meizarán. Para o composto, ver Casares.

CASA DE CHANCIA
Na parroquia de Nullán. O composto pode estar relacionado con chan, do latín planus. Tamén pode ser unha variante de chanza que, ademais de estar de troula, pode facer alusión a cada unha das pezas lonxitudinais que forman a armazon da grade (instrumento de laboura), ou ao conxunto de sucos, referido a unha terra de cultivo. Aparece mencionada nun documento entre os monxes de Samos e uns veciños de A Alence. Segundo información achegada polo investigador e escritor Luis López Pombo, que naceu neste casarío, na casa consérvase un fito que actuaba como marco divisorio entre as xurisdicións de Doncos e Torés, máis os curatos de Fonfría e Nullán, pero non a parroquia de Doncos que queda moi distante. Dito marco aínda se conserva pero atópase debaixo dos cascallos da parte derrubada da vivenda. Luis tamén me di, atinadamente, que o composto pode facer referencia á "Casa do chanto", "Casa chantada", en alusión ao fito mencionado máis arriba que dividía as xurisdicións de Doncos e de Torés. A Casa de Chancia é citada nun documento de Samos do ano 1450, onde os monxes aforan dita casa a uns veciños de A Alence. Nun principio eran dúas construcións, separadas polo camiño que ía á aira de mallar, e estaban cubertas de lousa e palla, segundo consta no inventario feito polo escribán de Doncos no ano 1839. Tanto as terras como as dúas contrucións, máis as terras da Fulgueirosa, Arrastradoiro, Barradais e Chao dos Mios eran propiedade do mosteiro de Samos, propiedades que aparecen deslindadas nun deslinde dos curatos de Fonfría e Nullán que se conserva no Arquivo Diocesano de Lugo, documento que data do ano 1757.

CASA DE FONTELA DE CUBILLEDO
Documentada no ano 1568. Para o composto, ver O Cubilledo. Por información de López Pombo, existe un foro que a relaciona co mosteiro de Samos. Segundo o investigador, o hidrónimo Fontela sería "Fonte a ela" xa que a auga viña a esta casa por un longo rego onde hai un pequeno muíño. 

CASA DA FORTALEZA DE TORÉS 
Erguíase nas inmediacións do castelo de Torés, dentro do recinto amurallado. López Pombo dime que sufriu un incendio no ano 1834 no que morreron tres homes, e que as súas pedras foron reutilizadas noutras construcións. No cemiterio parroquial foi enterrado no ano 1907 Camilo Lage López, "natural de la fortaleza de Torés", de nove anos, fillo de Marcial Lage Doval e Valentina López Pardo, naturales do lugar de Medo. Para o composto, ver Torés. 

CASA DA FRAGUA
Na parroquia de Torés. O composto vén do latín fabrica, alusión ao taller do ferreiro, forxa.

CASA GRANDE DE VILARÍN
En A Alence. Do século XIX, tamén se coñece co nome de Casa do Señor. Nela naceu o carlista Manuel Núñez Saavedra, quen logo foi alcalde das Nogais. Para o composto, ver Vilarín. 

A CASA PALACIO
En Torés. O composto deriva do latín palatium. Estaba nas inmediacións do castelo. Segundo a tradición oral, a principios do século XX hou un incendio, os muros foron derrubados e as súas pedras reaproveitáronse noutras construcións. Desta casa fala o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII. 

CASA DO PANDO
Na parroquia de Torés. 

CASA DE PARDO
En Torés. Foi vivenda dos administradores das rendas da xurisdición. Segundo consta no Catastro de Ensenada do ano 1752, aparece censado en calidade de fidalgo Manuel Pardo, casado e que vivía en compañía dos seus fillos, ademais de con dous irmáns maiores e dous criados. Declara ser dono de 38 fincas, entre as que se inclúe unha casa situada no lugar de Quintela, tamén un hórreo, un muíño fariñeiro dunha roda que estaba na marxe do río Regueiral e moía tres meses ao ano. Ditas propiedades eran do seu directo dominio, tendo sobre eles unha pensión de catro reás de vellón que pagaba ao párroco en concepto de esmola por dúas misas de cabodano. O apelido deriva do latín pardus, de cor parecida á da terra, entre vermella e marrón.

CASA DA PENA
Para o segundo elemento, ver A Pena.

CASA DO PEREIRO
Para Elixio Rivas, o composto pode derivar do latín petrariu, de petra, pedra, sitio pedroso e elevado. Gonzalo Navaza di que pereira e pereiro poden ser, nalgún caso, variantes de pedreira e pedreiro.

CASA DE POMBO
Achegado por Luis López Pombo. Na parroquia de Nullán. Toma o nome de Pombo, que por liña familiar provén da Casa de Pombo de Louzarela (Pedrafita do Cebreiro). A Casa de Pombo de Nullán, provén da familia Pombo de Fulgueiras (Triacastela). Tamén toman o nome do apelido Pombo outras casas en Torés e Estacas.  

CASA DO PRADELÍN
O composto é un diminutivo de prado, latín pratu. 

CASA DO SOUTO
Na parroquia de Torés. O composto vén do latín saltus, sitio que adoita estar situado nas ribeiras ou veigas e está poboado de árbores e arbustos. 


CASA DO TABACO
Preto de Rimao. O composto vén do árabe clásico tubaq. Tenda onde se vende tabaco. Estanco. Este tipo de establecementos aparecen acotío no Catastro de Ensenada, de mediados do século XVIII. 

CASA TORRE DE NOCEDA
O primeiro que asentou nela foi Lope Sánchez de Ulloa por terlle sido adxudicada en partillas que fixera o seu irmán Vasco Sánchez de Ulloa. Polo fillo e neto de Lope, enlazou Noceda cos Bolaño de Torés e a casa de Vilasante. No primeiro terzo do século XVIII Beatriz María de Ulloa e Alonso Flórez, filla de Pedro de Ulloa e Miranda e Margarita Alfonso Flórez y Omaña, da casa de Miranda, en Asturias, casou con Pedro Carlos Quiroga, señor de Arxemiros, Burela e Sésamo, fillo de José Quiroga e Lemos e de María de Miranda e Ulloa, natural de Mondoñedo. Da antiga fortaleza pode apreciarse o sitio onde se levantaba a desaparecida torre, derrubada ao construírse a estrada nacional para aproveitamento dos seus materiais noutras vivendas. Vendida polos herdeiros, foi convertida en casa de labranza. A unha parte do edificio antepúxoselle outro corpo no ano 1850. Os escudos da fachada desapareceron, un deles, ao parecer, presentaba as armas dos Ulloa e dos Ribadeneira. 

CASA DA TORRE
En Nullán. O composto deriva do latín turre, construción elevada, redonda ou cadrada, para a defensa. Segundo información achegada por Luis López Pombo, en 1723 pertencía a dona María Francisca Valcarce y Balboa, que contraeu matrimonio con don Pedro de Armesto y Somoza, dono da casa de Lebón, na xurisdición da abadía de Samos, quen en dito ano aforaron varias propiedades da dita casa da Torre a José Núñez, veciño de Nullán.

CASA DO XASTRE 
O composto vén do provenzal sartre, latín sartor, persoa que ten por oficio cortar e coser vestidos.

CASARES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Torés. Plural de casar, derivado do latín casa. Explotación agro-gandeira formada por unha vivenda principal e outras construcións anexas. Casa rústica coas súas propiedades. O casal ou vilar xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

CASTELO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. Latín castellu, diminutivo de castru, referencia a un antigo emprazamento dun castelo ou torre de vixiancia. Máis esas, o topónimo non sempre fai alusión a un castro ou castelo, tamén a elevacións que semellan baluartes defensivos. No lugar hai un castro. 

CASTELO DE DONCOS
Ver Torre de Doncos. 

CASTELO DE TORÉS
Algúns autores retrotraen a orixe do señorío de Torés cara a metade do século VIII. O que si consta é que a súa historia vai unida aos Ribadeneira e aos Bolaño, herdadas logo polo marquesado de Camarasa. Construído no século XV. Mantense en pé unha torre arruinada de planta cadrada e unha altura aproximada de 18 metros e os restos das antigas murallas. No ano 2013 os muros foron limpados por alumnos dun Obradoiro de Emprego subvencionado pola Xunta de Galicia, actuación que non impide a súa grave deterioración, polo que cómpre tomar medidas urxentes para evitar males maiores. Segundo a lenda, a construción débese á lendaria raíña Lupa como tótem, logo de se converter ao cristianismo, aos touros que transportaban o carro onde os discípulos puxeran o corpo do Apóstolo Santiago. Outra lenda, relatada por Frei Xerónimo Pardo, en Historia del Apóstol Santiago, afirma que foi dono da fortaleza Lobo Loberio, señor do castelo Lupario, nomeado Régulo por Augusto. Conta tamén que o seu fillo Loberio Rivano casou con Caia Valeria, filla de Caia Loba e de Puctonio. Loberio tiña un pazo preto de Vigo, e un día, estando xunto o mar, viu a nave que conducía os restos do Apóstolo e un resplandor no ceo en forma de cruz; o cabalo que montaba meteuse no mar e Loberio saíu con varias vieiras apegadas á roupa. Desa lenda xurdiu a pedra de armas dos Ribadeneira, que ten unha cruz en cuxos brazos hai unha cuncha. Conta Vázquez Seijas que no sitio da cidade de Lugo polos sarracenos, Diego de Ribadeneira ou Bolaño, señor de Torés, arroxou aos sitiadores, batalla que lle propiciou bulas e concesións a el e a súa casa, entre outras unha do papa Constantino I datada o 14 de decembro do 714, confirmadas polos papas Gregorio II e Gregorio III.  Da casa de Torés saíronn cabaleiros das ordes de Santiago, Calatrava e San Xoán. O primeiro na sucesión na xenealoxía dos donos de Torés, dende comezos do século XV, segundo documentos do arquivo de Camarasa, é Álvaro González de Ribadeneira que casou no 1443 con Tareixa Fernández, e tiveron por fillos a Fernán Díaz de Ribadeneira e a Rui González. O seu neto, Pedro Bolaño, casou con Beatriz de Castro, filla do mariscal Pardo de Cela e da súa muller Isabel de Castro. Despois da execución do mariscal na praza da catedral de Mondoñedo, os bens de Torés foron confiscados por mandato dos Reis Católicos, polo que un herdeiro, Fernánde Díaz de Ribadeneira, elevou á raíña Xoana un memorial para que lle fosen restituídos, o que conseguiu por dédula dada en Burgos o 18 de novembro de 1507. A casa de Medinaceli cedeu por vinte e cinco anos o uso do castelo ao concello. No mes de xaneiro de 2013 comezaron os traballos de limpeza das estruturas e o acondicionamento da contorna polos alumnos dun Obradoiro de Emprego solicitado polo Concello á Consellería de Traballo e Benestar. J. Corominas opina que o composto vén do latín tardío *pthura, unha planta cuxos efectos son mortais. Palomar Lopesa, en Antropotonimia prerromana hispana, fala dun nome celtíbero *Turos/Turoni/Turennus>*urus, forte. Para outros autores sería un hidrotopónimo turia/turis, sen esquecermos que tamén pode facer alusión a un propietario de nome Turinus ou Turenus. (Máis información no apartado adicado aos Castelos e torres da comarca dos Ancares).

AS CASTIÑEIRAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. Sitio poboado de castiñeiros, castanea sativa. A especie, sativa, significa cultivado ou plantado. Ao parecer, o castiñeiro chegou a Galicia traído polos romanos; o froito, a castaña, nome que deriva do grego Kastana, cidade do Ponto onde se cultivaba, tivo unha grande importancia antes da chegada da pataca (solanum tuberosum), tubérculo orixinario de Perú e Chile introducido en Europa dende o século XVI e cultivada de forma masiva dende o século XVIII. Ata ben entrada a segunda metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén cocidas, con leite ou asadas; as pequenas utilizábanse para engorde dos animais. As que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos. A finais do século XIX secaron as tres cuartas partes dos castiñeiros de Galiza ao seren atacados por uns fungos.

O CASTRILLÓN
Derivado de castro, do latín castru, campamento fortificado que tamén pode facer alusión a unha elevación do terreo que semella un baluarte defensivo.

CASTRO
Do Latín castru. Un castro é un asentamento ou recinto xeralmente fortificado, de forma oval ou circular, situado a maioría das veces no cumio de outeiros, pero tamén presentes en esporóns costeiros, ladeiras de zonas montañosas, chairas e illas. Máis información sobre os castros do concello no apartado adicado ao Patrimonio Arqueolóxico. 

O CEMITERIO
Do latín coemeterium. Recibe o nome o lugar da parroquia onde se enterra aos mortos. Camposanto. No cemiterio de Vilaicente dise que repousa o home que a mediados do século XIX lle arrincou unha moa á raíña Isabel II.

CHAN DA CAMPA
O primeiro elemento vén do latín planus-a-um, planicie elevada. O composto fai alusión a un campo pero de extensión máis ampla; para Luis Aguirre del Río e outros autores, lápida sepulcral, a cobertora do sepulcro. 

CHAN DE VILAR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Nullán. Para o composto, ver O Vilar.

CHANCE
Lugar da parroquia de Nullán. Pode estar relacionado con chan, do latín planus. Tamén pode ser unha variante de chanza que, ademais de estar de troula, pode facer alusión a cada unha das pezas lonxitudinais que forman a armazon da grade (instrumento de laboura), ou ao conxunto de sucos, referido a unha terra de cultivo. A respeito deste topónimo convén facer unha aclaración, proporcionada polo investigador Luis López Pombo, posiblemente a persoa que mellor coñece a zona xa que naceu e viviu parte da súa infancia na Casa da Chancia. Dime Luis que non existe ningún lugar que se chame Chance, toda a documentación crible fala única e exclusivamente de Chancia, sendo Chance un invento moderno.

O CHAO
Na parroquia de Torés. Mesma etimoloxía que chan.

CHAO DE BUSTO
Na parroquia de Quintá. Busto, latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como ben apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares.

CHAO DA CANDA
A 983 metros de altitude sobre o nivel do mar. Partícula *cand, rocha, sitio pedroso. Segundo J. M. Piel, pode que veña do apelativo románico cando que designaría ao tronco dunha árbore. Corominas faino derivar do latín candere, arder.

CHAO DA CAMPA
Na parroquia de Santo André. Campa, campo pero de extensión máis ampla; nalgunhas partes de Galicia chaman así á lousa que cubre un sepulcro. 

CHAO DAS CASIÑAS
Na parroquia de Torés. O composto é un diminutivo de casa, latín casa. Disque alí había restos de construcións. Está por riba da Cova da Moura. O lugar coñécese tamén como Aira do Carballo onde se mallaba o cereal.  

CHAO DE CIMA
O último elemento deriva do latín cyma, referencia a un lugar elevado. 

CHAO DO COTO
Na parroquia de Torés. Prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante.

CHAO DE ESCABIO
Situado a 1.232 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lindeiro co concello de Pedrafita do Cebreiro. O composto fai alusión a unha foz, garganta, paso entre montañas.

CHAO DE ESPIÑEIRO
Do latín spinus, espiña. Alusión ao abruñeiro ou espiño, prunus spinosa, arbusto de ramas e talos espiñentos dos que existen distintas variedades, con  froitos  que poden ser comestibles ou non. Cabeza Quiles tamén o relaciona co lombo ou espiñazo, aplicación metafórica para designar un acento orográfico.  

CHAO DO LAGAR
O segundo elemento é un hidrotopónimo relacionado coa verba latina lacus, lago. Lugar onde se prensan as uvas, olivas, mazás ou outros froitos para que solten o zume. O lagar consiste nun depósito cadrado feito con lousas de pedra e un pouco ergueito do chan onde se prensa o bagazo. O conxunto está formado pola trabe, virxes, fuso e penso. O viño sae pola biqueira que se recolle no pilo ou barcal.

CHAO DE MORÁN
A 1.233 metros de altitude sobre o nivel do mar. O segundo elemento semella derivar da base preindoeuropea *mor, pedra, en alusión ao carácter pedroso do lugar.

CHAO DAS OLAS
Na parroquia de Santo André. O composto semella facer alusión a ondas ou vagas que se forman no terreo por efecto do vento ou da auga. (Ver o apartado adicado ás Historias, tradicións e lendas do concello de As Nogais). 

CHAO DE OUTEIRO
Latín altariu, sitio elevado. Tamén penedía, lugar onde abundan os penedos. Nome recollido na súa forma actual no século X no mosteiro de Celanova. Segundo apunta Nicandro Ares, este topónimo nunca aparece escrito nos documentos medievais como altarium, senón aucterio, auctero, autario, oteiro..., cuxa única razón sería para non confundir o sentido relixioso altarium co simplemente topográfico. 

CHAO DO PANDO
Para o composto, ver O Pando.

CHAO DO PEDREGAL
Derivado do latín petra, pedra. Terreo pedroso.

CHAO DE PEREIRA e CHAO DE PEREIRO
O composto pode facer alusión á árbores cuxo froito é a pera. Para Elixio Rivas tamén pode derivar do latín petrariu, de petra, pedra, sitio pedroso e elevado. Gonzalo Navaza di que pereira e pereiro poden ser, nalgún caso, variantes de pedreira e pedreiro.

CHAO DO PICO
Latín beccu, sinónimo de cima, cume, curuto.

CHAO DE ROBLEDO
Para o composto, ver Robledo.

CHAO DO SALGUEIRO
A 986 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos. A cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base principal da aspirina.

CHAO DE SAN PEDRO
Para o composto, ver San Pedro.

CHAO DE SEARA
Na parroquia de Santo André. Voz céltica senara, seara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal.

CHAO DA SERRA 
O composto, do latín serra, fai alusión a unha cadea de montañas. 

O CHAO DO SOUTO
Latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas canto que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc. 

CHAO DA TRAPA 

CHAO DA VARA
Elixio Rivas fala da "vara de monte", vara de doce palmos, antiga medida de lonxitude equivalente a 1,10 metros. Bara é tamén unha divindade prerromana que contén o radical indoeuropeo *bar, *wer-, auga, fonte, río. Para Holder (1904), o topónimo podería estar relacionado co irlandés bara, xenitivo baranu, cimrico bar, ira, furor.

OS CHAOS
Plural de chao.

AS CHAS
Plural de chá.

A CHEDA
Luís Aguirre, no seu Diccionario del dialecto gallego (1858), di que é a peza do carro onde se clavan os punteiros para suxeitar as cangas.

A CHOULIÑA
No lugar fixéronse varias prospeccións mineiras que sacaron á luz pirita. O termo choula fai referencia ao ruído que produce un chorro de líquido ao caer (lembremos o topónimo Arrinxela). Non esquezamos que hai topónimos, tipo A Pinguela, que parecen referirse a algún pequeno fío de auga ou pinguela, á maneira dunha goteira, pinga ou pingueira que saíse dalgunha rocha. Fóra de Galicia temos casos como La Gotera (León), Alto del Chorrillo (Sierra Nevada) ou Chorro Grande e Chorro Chico (Segovia). Outra acepción que ten choula é a de ‘tola, referido a muller, vaca’ recollida por Elixio Rivas Quintas no concello de Baños de Molgas. 

A CHOUSA DO CASTRO
En Cabana.  

O COEDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Nullán. Vén de croio, coio, canto rodado, e este da voz celta crodios, duro. J. Piel derívao do latín conus, pena grande.

O CONCELLO
Do latín concilium, concilio, reunión, asemblea. Organismo composto polo alcalde e os concelleiros que gobernan un municipio. Territorio formado por varias parroquias que están baixo o goberno do mesmo concello. Concello Aberto: O que se ten ou se celebra publicamente convocando a el a todos os veciños ao son da campá da igrexa ou ao toque de clarín, para o cal algúns concellos tiñan un clarineiro. Concello parroquial: Antiga institución consuetudinaria que funcionaba á marxe das organizacións municipais convencionais que ata non hai moitos anos aínda pervivían nas serras galegas de Manzaneda, Queixa, Penagache, Suído, O Cebreiro ou o Courel, entre outros, e que respondían ás necesidades impostas polo seu illamento. Os veciños reuníanse en asemblea pública para constituír "o acordo" e adoptar medidas de bo goberno, auxiliar aos veciños pobres, perseguir aos malfeitores, arranxar camiños e atender outros servizos comunais, así había o rabaño do concello, o touro do concello, o forno do concello, os montes do concello, os regos do concello e as festas do concello; cada fogar tiña ou seu concelleiro que recaía, habitualmente, no cabeza de familia de cada casa. Fraseoloxía: "A concello ruín, pregoeiro tatexo". "Cando fores ao concello, acorda no teu e deixa o alleo". "Concello de mañá, e auga de tarde". "Leva o teu fío ao concello, e uns diranche que é branco, e outros que é negro".

A COROA
Na parroquia de Nullán. O orotopónimo denuncia a forma de coroa, latín corona, que presentan algúns montes. Ás veces, o vocábulo adoita sinalar, como no presente caso, un castro. Malia o anterior en Galiza tamén temos a coroa de frade, unha planta anual de flores purpúreas (cirsium eriophorum). 

O CORZO
Na parroquia de Torés. Latín vulgar curtius. Alusión ao mamífero rumiante da familia dos cérvidos. 

COTO
A 1.081 metros de altitude sobre o nivel do mar. Prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante.

COTO DE DONCOS
 A 885 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Doncos.

O COTÓN
Na parroquia de Santo André das Nogais. A 797 metros de altitude sobre o nivel do mar. Aumentativo de coto. Posible asentamento castrexo ou romano.

COTÓN DA LOUSEIRA
Terreo cuberto de lousas, prerromano lausa, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas.

O COUSO
Latín causu. Leira para cultivo de legumes. Tamén depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras. 

COVA DO BURRO
Na parroquia de Torés. O primeiro elemento deriva do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. O burro é o animal solípedo, moi sofrido utilizado como cabalería de carga e de tiro. Disque aquí tiraban os animais mortos. 

COVA DE FORCAS
Achegado polo investigador Luis López Pombo. Situada na vertente que mira cara o pobo do Lago; ten unha lonxitude duns quince metros. Quizais fose unha antiga mina de ferro. Cóntase que nela se agocharon en varias ocasións os fuxidos. Queda preto da Pena do Altar e da pena dos Covallos.  

COVA DA MOURA 
Na parroquia de Torés. En Galicia é rara a cova que non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas enfeitizadas. Moura deriva da raíz *mor, pedra, nome que, nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraigado no maxín popular que deu multitude de lendas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria.

COVA DO PANDO
Na parroquia de A Alence. Trátase dunha sima duns 25 metros de profundidade con dúas salas no interior. Segundo a lenda, nesta cova eran arroxados os soldados do exército napoleónico durante a Guerra da Independencia. Cóntase que só un soldado conseguiu escapar con vida, meténdose por un sumidoiro que dá ao regueiro da Fontela. Unha moza, que estaba a gardar o gando, cando o viu acudiu axiña no seu auxilio, levándoo ata a aldea de Forcas onde os veciños lle curaron as feridas. Mais o seu sino viña marcado, ao día seguinte partiu cara o Hospital da Condesa, en Pedrafita do Cebreiro, onde foi apreixado e logo decapitado. Para o composto, ver O Pando. 

COVA REDONDA
Na parroquia de Torés. O composto vén do latín rotundus. Tiraban os animais mortos. (Ver o apartado adicado ás Historias, tradicións e lendas do concello de As Nogais).   

COVAS DA RETEIXEIRA
Na parroquia de Torés. Hai varias covas. Ver A Reteixeira. 

A CROA
Na parroquia de Quintá. O orotopónimo denuncia a forma de coroa ou croa, latín corona, que presentan algúns montes. Habitualmente, o vocábulo adoita sinalar un poboado castrexo. No lugar hai un castro.

AS CRUCES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de A Alence. Do latín cruce. Por aquí pasaba unha variante do Camiño a Santiago. Aquí está a coñecida como Casa das Roxais, hoxe en día en ruínas, contárononos que despois da Guerra Civil aquí acollían aos fuxidos. Plural de cruz.

A CRUZ
Do latín cruce. Pode facer alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián. Nas encrucilladas detéñense os enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación. Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a morte. Cómpre lembrar que os enterramentos efectuábanse á beira dos camiños e nas encrucilladas (meniños que morrían sen bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares infundían pola noite. Tampouco é infrecuente atopar cruces insculpidas nas penedas (petroglifos), ben de factura prehistórica, que vén a ser a representación esquemática da figura humana, ou ben de época medieval que servía para sinalar as lindes dunha terra.

CRUZ DE CERREDO
Lugar situado na aldea de Vilavexe. Nas proximidades atópase o castro das Medorras de Cerredo que, a pesares do topónimo, non fai alusión a un enterramento megalítico. O topónimo cruz pode facer alusión ao cruce de camiños que aínda existe ou á existencia dunha antiga cruz que se ergueu no sitio para cristianizado. O composto vén do latín cirrum, crista, cume dun monte.

CRUZ DE FONTES
Para o composto, ver A Fonte.

A CUBELA
Costa que forma un terreo. Valgada situada entre montes máis ou menos elevados. Aínda que supón que o étimo vén do latín cubella, diminutivo de cuba, Francisco Javier Rodríguez, no seu Diccionario gallego-castellano (1863), di que cubela é tamén un relicario de prata de figura redonda ou ovalada á conta de esmolas dalgunhas mulleres preocupadas que se cren enfeitizadas ou acaso por non traballar. Estas caixas conteñen ruda, incienso, mirra, ouro da Gran Besta, un anaco de pedra de ara, etc. Para Luis Aguirre del Río (1858) é o candado da solta que se pon aos animais. Carré Alvarellos (1928) fala dunha inscultura rupestre en forma de pequena cova.

O CUBILLEDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Nullán. Covil onde mora o coello, o mamífero roedor de carne comestible.

O CURRO
Raíz de orixe prerromana *cor, construción en forma de círculo que nun principio designaría a casoupa onde pasaban a noite o pastor e o gando para resgardarse do mal tempo. Tamén lugar pechado para marcar os cabalos selvaxes. Segundo algúns investigadores, o vocábulo é unha das moitas acepcións do deus grego Cronos, fillo de Urano e Gea, que devoraba aos seus fillos ao nacer porque temía que lle disputaran o dominio do Universo; só se salvou Zeus.

DONCOS (SANTIAGO)
Nome da parroquia. Gentilitas dos Duancos? No Staaliche Museem de Berlín consérvase a renovación dun pacto de hospitalidade entre dúas gentilitas dos Zoelas, a dos desoncos (Duancos, Doncos?) e a dos tridiavos, asentadas entre o ríos Navia e Lor. No ano 1167 figura escrito como Dauncus. Nos séculos XII e XIII pertencía ao arcediago de Triacastela. O día 22 de setembro do 1767, os xuíces de Doncos e Noceda enviaron unha carta suplicando que se trazara o Camiño Real de acceso a Galiza pola antiga vía romana entre As Nogais e Pedrafita. Recibiron contestación o día 2 de decembro do mesmo ano do enxeñeiro xefe don Carlos Lemaur (cartas custodiadas no Arquivo Xeral de Simancas). Doncos non foi alleo á Guerra da Independencia. A finais de febreiro do ano 1809, estando no pobo unha columna de 430 soldados franceses que escoltaban dende Castela 16.000 pares de zapatos para as súas tropas, foron perseguidos polos guerrilleiros galegos dende As Nogais ata a ponte de Baralla, apoderándose de 7.000 pares. No mapa do bispado de Lugo, confeccionado no ano 1768, Doncos figura como pertencente á diócese de León. Segundo o Diccionario de Madoz (1845), Doncos tiña unha feira  mensual que se celebraba o segundo domingo de cada mes. No Catastro de Floridablanca (1785) a xurisdición de Doncos comprendía as freguesías de Doncos e Nullán (As Nogais) e as de Ferreiros de Valboa e Vilouta (Becerreá), exercendo o seu señorío o duque de Veraguas, se ben en Nullán tiña o marqués de Parga parte no nomeamento de xuíz ordinario. Na división municipal de 1835, o concello de Doncos figura coas parroquias de Doncos e Nullán. Refire o Madoz que entre as casas do lugar de Doncos sobresaían as dos condes de Vilapún e a do duque de Verwik, conde de Lemos, e que ao último pobo, á beira do río, tiña uha torre que se dicía era dos tempos dos romanos. Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV.  

A DORNA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. No presente caso, o topónimo nada ten que ver coa coñecidísima embarcación marítima. O vocábulo provén da base preindoeuropea *dorn que, ao nomear instrumentos de figura cóncava, denuncia uns vales ou depresións fluviais. Hai autores que identifican o topónimo co celta durno, artesa.

EIRA DOS LOBOS
Do latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. A segunda parte do topónimo fai referencia ao temible lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos: quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. O mítico depredador protagonista de imnumerables lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio, a partir da Idade Media. Da súa abundancia sabémolo polas xeiras organizadas contra eles, como as que, no século XIV, ordenou o arcebispo Berenguel de Landoira, mandando que as parroquias saísen unha vez por semana co cura á fronte dende o primeiro sábado de Coresma ata o 24 de xuño para dar morte aos lobos e armar so foxos (burato onde entraba o lobo e non podía saír). Manuel Valladares Núñez, no seu Diccionario gallego-castellano (1884), fala tamén do lobo negro, Canis Lycaon, variedade, quizais, do lobo común pero máis fero, delgado, cor negra uniforme, cunha mancha branca no fuciño e outra no peito.

EIRÓS
Lugar da parroquia de Torés. Versión contraída de eiroa, de areola, diminutivo de eira, latín area, espazo próximo á casa utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. Tamén se chamaba eiró a unha especie de praza pequena onde embocaban varías rúas e onde se reunía a xente.

O ENCIÑAL
Lugar poboado de enciñeiras ou aciñeiras, a árbore de madeira dura cuxo froito é a landra. Os nosos devanceiros, para curar determinadas enfermidades, adoitaban colgar a roupa das súas ramas.

A ERMIDA 
Do latín eremus, deserto, solitario, ermo, lugares afastados escollidos polos eremitas para adicarse á vida contemplativa. En Forcas existiu unha ermida, da que non quedan restos, posta baixo a advocación de San Antonio. En Sinllán érguese unha posta baixo o padroado de San Pedro. En Vilaesteba hai outra capela en cuxas inmediacións se atoparon unhas lousas que corresponderían a uns sártegos dos séculos XII ou XIII e das que só se conservan algunhas anacos. Tamén recibe este nome un lugar onde, segundo a tradición, se xuntaban os curas de Torés e Viladicente (As Nogais) e de Morcelle e Guillén (Becerreá) para comer; no lugar hai varias pedras que puideron formar parte dos alicerces dunha ermida.

O ESCAMPANDÍN
Terreo descuberto, desprovisto de maleza.

A ESCOLA
Do latín schola, lección, ou do grego skola, estudo. Así adoita chamarse ao lugar onde se atopaba a antiga escola.

ESPARIZ
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Doncos. *(Villa) Asparici, dun posesor medieval de orixe xermánica.

O ESPORÓN
Parte inicial dun muro que contén as terras dos lados dunha costa. Constantino García González di que é unha deturpación de espullo, gran pequeno, tumorciño que cría materia.

ESTACAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Torés. Pau groso coa punta aguzada para poder cravalo na terra. Eladio Rodríguez González, no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1960) di que nalgunhas comarcas de Galicia chamaban estaca ou plantón ao intermediario que interviña na compra do gando vacún. Estes intermediarios aparecían en todas as feiras de Galicia, impedindo a libre contratación de gando, exercendo unha visible coacción sobre os vendedores, encarecendo os prezos e prexudicando aos consumidores de carne.

FERREIRAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. Mesma etimoloxía que A Ferrería.

A FERRERÍA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. Obradoiro onde traballa o ferreiro. Forxa. Segundo Eladio Rodríguez, a finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reais. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas. Javier Gómez Vila atopou tres leguarios (postes indicadores da distancia) na provincia de Lugo, un deles Na Ferrería. Estes indicadores eran obrigatorios cando a construción do Camiño Real de acceso a Galiza e que logo foron substituídos a mediados do século XIX por postes quilométricos e miriamétricos nas rutas máis importantes.

FERREIRA DOS BOIS
Lugar da parroquia de Noceda. No presente caso, o composto nada ten que ver co animal mamífero, rumiante, da familia dos bóvidos tan común en Galicia e utilizado para tirar do carro ou do arado. Hai que entroncalo cunha base precéltica *boi, pedra. Polo tanto, o topónimo habería que interpretalo coma unha ferraría situada nun lugar pedroso.

FERRERÍA DA GRUPA
Grupa, francés croupe, anca, parte de atrás das cabalerías.

FIGUEIRO
A 1.046 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pico lindeiro co concello de Becerreá. Latín ficus carica, árbore da familia das moráceas que ten como froito o figo, do latín ficu. Relacionado co figo temos a forma figa, un figo grande que semella dous figos apegados. A figa é tamén a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou coma insulto.

FOLLOBAL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Torés. Derivado do latín foveum, foxo contruído para a caza do lobo. Na Idade Media, os reis eximían do aboamento de trabucos aos veciños das aldeas en pago polas batidas que facían contra os lobos. Malia que o topónimo está sacado do Nomenclátor publicado pola Xunta de Galicia, Fe Álvarez Sánchez coméntame que os veciños sempre o coñeceron como Filloval que, se ben, en principio, ten o mesmo significado, non deixa de sorprender que na nomenclatura oficial non se tivera en conta o nome polo que é designado polas xentes do lugar. No Catastro de Ensenada e noutra documentación figura Filloval, con "v"; aínda que con menos profusión, tamén hai algún documento no que se le Fillobal, con "b".

FONFRÍA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. Latín fonte frigida, alusión a un manancial de augas frescas. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785) pertenceru xurisdicionalmente a Torés.

A FONTE
Latín fontem. En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes: "Uns adoraban ao sol, outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume, outros á auga subterránea ou aos mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes senón que, nacidas de si mesmas, eran deuses...". Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa fin de atraer aos humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto ás fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber de sete fontes despois das doce da Noite de San Xoán cura o bocio; lavarse coa auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é boa para a pel. Moitas fontes posúen propiedades creadoras, salutíferas e sandadoras. Deixando de lado o terreo da superstición, as fontes eran un lugar de reunión de vellos e mozos ao anoitecer, sobre todo no verán. No concello das Nogais están as do Abade (Torés), Bispo. Bosfolello. Cantarillas, segundo Franco Grande, burato que se fai na parede da corte para que saia a auga do esterco. A Carba, voz prerromana *carb, planta nada entre pedras. O Corgo (ver Pena do Corgo). Chouliña (ver A Chouliña). Entrechousas. Escura. Fontefría, latín fonte frigida. Freita (ver A Freita). Lamas (ver As Lamas). Marco (ver O Marco). Perdices. Pereiro, latín pirus. Lugar abondoso en pereiras silvestres, pyrus communis, que teñen como froito o pero, latín pirum. Tamén pode facer alusión a un sitio elevado, por veces pedroso. Raposa, alusión a unha fonte visitada pola raposa, femia do raposo, tamén coñecido como golpe, latín vulpes. Regueiro, alusión a un pequeno curso de auga. Salgueiros (ver Chao de Salgueiros). San Martiño, nome que vén de Martinus, "adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis, o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns aceptaron pola popularidade do bispo de Tours. Santa Mariña (ver Santa Mariña). Valdepradela. Valdevilar (ver O Vilar). Valiña do Areal. Xardón (ver O Xardón).

A FONTE DO CANDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. Partícula *cand, rocha, sitio pedroso. Segundo J. M. Piel, pode que veña do apelativo románico cando que designaría ao tronco dunha árbore. Corominas faino derivar do latín candere, arder.

FONTE GRANDE
O composto deriva do latín grandis. Trátase dun monte que recibe o nome por un manancial que existía ou aínda existe no lugar.

A FONTE NOVA
O último elemento vén do latín novus, recén feito, distinto ou diferente do que había. Trátase dun monte que, como no caso anterior, recibe o nome por un manancial que había no lugar.

AS FONTES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Doncos. Plural de fonte.

FORCADAS DO COUSO
Na parroquia de Torés. Voz latina furca, forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais aquí semella que fai referencia ao sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca. Para o composto, ver O Couso.

FORCAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Nullán. Mesma etimoloxía ca a anterior. Houbo unha ermida, desaparecida, baixo o padroado de San Antonio. O invesigador Luis López Pombo achegoume que no Arquivo Central do Bispado de Lugo consérvase o documento fundacional da capela.

FORMIGOSA
Derivado do latín formica, formiga. Lugar onde abundan as formigas. 

A FRAGA
Na parroquia de Torés.  

A FREITA
Deriva do participio latino fracta, de frangere, romper, referido a rochedos rotos ou fracturas pétreas do terreo. Segundo Eladio Rodríguez fai alusión a uns montes por cuxas pendentes se botan a rolos os feixes de leña e os madeiros cortados nos piñeirais situados no cume. Aníbal Otero Álvarez, en Historias etimológicas referentes al gallego-portugués (1951), di que é un terreo escarpado e pendente, perigoso para andar o gando. Para Carré Albarelos fai alusión a un barranco, a unha abertura áspera entre montañas; tamén corrente dun río.

A FURADA
Do latín foratu, furado, por analoxía, cova; tamén paso terrestre. 

A FURADA DA ARCA
Na parroquia de Torés. O composto vén do latín arca, caixa que en non poucas ocasión pode facer referencia a un enterramento megalítico. 


A GOLADA
Como ben clarifica Cabeza Quiles no seu Os nomes da terra (2000), temos que diferencia o topónimo Agolada, de Golada. O primeiro vén da voz latina aqua lata, auga conducida ou levada, un caudal dun río desviado para regar ou mover un muíño. En troques, Golada aparece co significado de porto de montaña ou lugar montañoso por onde pasa un ou máis camiños. 

GROVA DOS PEDRIDOS
Na parroquia de Torés.  

A IGREXA
Latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagrado ao culto cristián. Así adoita identificarse o lugar onde está a igrexa parroquial. Máis información sobre o as igrexas do concello pódese ver o apartado adicado ao Patrimonio Relixoso. 

AS LADEIRAS
Lados dunha montaña ou duns outeiros, que é un terreo en costa.

LAGO SECO
Monte situado a 1.054 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín lacus, lago, e sicus, seco. Arredor de lagos e lagoas tecéronse un elevadísimo número de lendas que falan de vilas asolagadas, castigo inflixido pola divindade pola falla de caridade dos seus habitantes. Nalgunhas lagoas apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre que os nosos antergos considerábanas lugares sagrados, de aí que lle depositaran ofrendas. Alusión a un lago que semella levar auga só en determinadas épocas do ano. Segundo me achegou Abel I. Arias é unha castelanización do catastro, o lugar é coñecido como Louseco.

A LAGOA
Latín lacuna, lago. Terreo enchoupado.

A LAGÚA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. Mesma etimoloxía que A Lagoa.

A LAMA DA VILA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. Prelatino lama, lama, fango, lameiro, e latín villa, pequeno núcleo rural.

AS LAMAS
Plural de lama.

LAMAZAIS
Plural de lama.

LAMEIRA DOS MOUROS
En Santo André. O composto, como xa vimos máis arriba, deriva da raíz *mor, pedra, vocábulo que, nalgúns casos, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraigado no maxín popular que deu multitude de lendas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria. O amigo Abel Iván Arias dime que tamén recibe o nome do Lameirón e o Mourillón.  

O LAMEIRÓN
Na parroquia de Torés. Aumentativo de lameiro, prelatino lama, lama, fango. Prado que polas súas condicións naturais está ben abastecido de auga durante todo o ano.  

LAMPAZA
Planta invasiva. As súas follas, cocidas con sal, utilizábanse para curar algunhas enfermidades; a raíz, machucada e mesturada con graxa sen sal, empregábase contra a sarna. 

LEIRA DOS FORNOS
Na parroquia de Santo André. (Ver o apartado adicado ás Historias, tradicións e lendas do concello de As Nogais).  

LINDEIRO NOVO
O lindeiro é a franxa de terreo sen cultivar que serve de separación entre dúas leiras; ou campo con herba onde se levan as vacas a pacer. No lindeiro xuntábanse mozos e mozas para ir xuntos ás festas e outros eventos. O composto vén do latín novus, recén feito ou fabricado, distinto ou diferente do que había.

LIÑARES
Derivado do latín linu, liño. Topónimo que fai referencia a uns campos onde se sementaba o liño. A confección de prendas de liño vén en Galicia dende a antigüidade. Dise que os romanos utilizaban o liño galego para as embarcacións e que, transcorridos os séculos, chegou a competir co de Flandes.

A LOMBA
Latín lumbu, lombo, referido a un montículo pequeno e arredondado.

LOMBO DO CHAO DA SEARA
Lugar pertencente á parroquia de Santo André. Para o composto, ver Chao da Seara.

MACEDA
De mattianeta, latín vulgar mattiana, maceira. Lugar onde abundan as maceiras. Ao parecer o nome deriva de Mattius, un personaxe romano, segundo Plinio, difusor desta árbore. A maceira era unha árbore sagrada para os celtas.

MÁMOA/MEDORRA
Mámoa vén do latín mammula, monumento prehistórico en forma de meda ou túmulo que sinala o lugar dun enterramento megalítico. O Megalitismo, do grego megas, grande, e lithos, pedra, desenvolveuse en Galicia a partires do IV milenio a. C, acadando o máximo apoxeo no III milenio e mantendo o seu uso ata o 1500 a.C., xa na Idade do Bronce. Esta cultura caracterízase pola construción con grandes pedras destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios o que se traduciu nun fenómeno nunca visto ata entón: a humanización da paisaxe. O vocábulo medorra é un dos máis de trinta nomes que reciben en Galicia os enterramentos megalíticos. As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media, así no Tumbo de Celanova podemos ler: "Per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas". Máis información sobre as mámoas dos concello no apartado adicado ao Patrimonio Arqueolóxico. 

O MARCO
Xermánico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. Na Idade Media os límites territoriais definíanse mediante "marcos" que en moitas ocasións eran mámoas, pedrafitas, petroglifos, castros, etc. Ferro Couselo e Florentino Cuevillas, entre outros, xa constataron que as mámoas foron utilizadas como puntos de referencia nas demarcacións ao longo da historia. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é o Parochiale Suevorum, do século VI.

O MAZO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá. O topónimo é frecuente onde houbo antigas ferrarías onde se traballaba o ferro. O mazo é o artefacto accionado por unha corrente de auga para bater o ferro. 

MEDO
Barrio do pobo de Torés.  

MILLADOIRO
A 1.359 metros de altitude sobre o nivel do mar. De humiliatorium, lugar onde os peregrinos botaban unha pedra, formando unha morea de pedras nos lugares próximos a santuarios para que se cumprira a súa petición. Hai autores que o fan derivar de miliariu, miliario, o fito das calzadas romanas que marcaban as distancias ao punto de orixe ou destino.

AS MOAS
Latín mola, pedra de moer, repasar ou afiar. Tamén peza do muíño que consiste nunha roda de pedra que xira sobre outra fixa; ou o peso do lagar constituído por unha grande pedra. Coidamos que tamén podería denunciar a existencia dunha necrópole megalítica pola semellanza dos esteos que compoñen a anta coas moas dentais. Outros autores identifícanno con penedos ou montes que presentan esa característica.

MONCOUVO
Algúns autores retrotraen a segunda parte do topónimo ao adxectivo calvo, en alusión a un monte desprovisto ou con pouca vexetación.

MONTE BRUEIRAS
O primeiro elemento deriva do latín monte, terreo no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación. Para o composto, ver Brueira. 

MONTE DOS CANTEIROS
Na parroquia de Noceda. A 1.225 metros de altitude. O composto fai alusión a un home que labra as pedras para as construcións ou que ten por oficio extraer pedras dunha canteira.

MONTE DA CRUZ
A 1.021 metros de altitude. Ver A Cruz.

MONTE DA FERRERÍA
Para o composto, ver A Ferrería.

MONTE DA MEDORRA
En Nullán. Situado a 938 metros de altitude sobre o nivel do mar. No lugar hai un castro. Para o composto, ver Medorra.

MONTE DE NULLÁN
A 909 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Nullán. 

MONTE DA PÍA
Lugar pertencente á parroquia de Noceda. Para o composto, ver A Pía.

MONTE DA PINTINIDOIRA
Ver A Pintinidoira.

MONTE REDONDO
O composto deriva do latín rotundus, alusión á redondez do terreo. Na zona coñecida como O Carballal, na faldra meridional deste monte, apareceron restos cerámicos e tégula e pequenos fragmentos de opus caementicium de época romana.

MONTE TURREIRO
O composto fai alusión a unha extensión de terreo labradío que arrodea a casa. Nalgunhas zonas de Galicia chaman turreiro ao lugar onde se xuntaban os labregos para bailar. 

MONTES DA ALBELA
Lindeiro con Triacastela.  

MORAL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. O étimo nada ten que ver co conxunto de normas que xulgan e rexen a conduta dunha persoa ou dunha sociedade. Tampouco cun terreo poboado de moras ou amoras, o froito das silvas. Semella vir do vocábulo *mor, pedra, en alusión a un lugar pedroso.

A MOUZOÁ
A mouza é un dos nomes que recibe a chuvisca. Mouzar é sinónimo de golpear, bater.

MUÍÑO DA VEIGA
Latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. Os que moían para outros recibían a cambio a maquía, unha porcentaxe de fariña coa que se quedaba o muiñeiro a cambio do seu traballo.
Polo xeral non eran dun só propietario, senón que os veciños dispoñían deles por quendas. Había quen poseían o dereito a un día de moenda e quen se beneficaban de varios muíños, o cal indica que se adicaban a moer para outros a cambio da chamada“maquía”, unha porcentaxe de fariña coa que se quedaba o muiñeiro a cambio do seu traballo. Dende mediados do século XVIII non sufriron practicamente cambios, agás a substitución do teito de colmo polo de lousa. Ao principio, a fariña había que cribala aparte, pois non a había no propio muíño. Nun primeiro momento, o gran transportábase en foles de cabra, que evitaban que se mollara cando chovía, e xa nunha etapa máis tardía, tanto o gran como a fariña levábanse en sacos. Para o composto, ver A Veiga.

O MUÍÑO VELLO
O segundo elemento vén do latín vetera.

A MURIA
Terreo cercado de pedras. Pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario galego (2001), di que é un muro antigo grande. Topónimo que tamén podemos ver nas zonas limítrofes de Asturias e O Bierzo.

OS NAVALLOS
Na parroquia de Doncos. Partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo ou depresión montañosa.

NOCEDA (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Foi señorío con xurisdición propia. Citada como Nuceta no ano 921, e como Noceta no 1065. O día 22 de setembro do 1767, os xuíces de Doncos e Noceda enviaron unha carta suplicando que se trazara o Camiño Real de acceso a Galiza pola antiga vía romana entre As Nogais e Pedrafita. Recibiron contestación o día 2 de decembro do mesmo ano do enxeñeiro xefe don Carlos Lemaur (cartas custodiadas no Arquivo Xeral de Simancas). Na reforma xudicial e municipal do ano 1840 foi suprimido o Concello de Noceda, pasando a formar parte do de Doncos. De nocetu, abundancial de nogueira (juglans regia), árbore cuxo froito é a noz, do latín nux, nucis, nome que designa a todos os froitos de casca dura. Nalgunhas partes de Galicia a xente cre que a sombra da nogueira trae mala sorte. San Xoán, San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso".

AS NOGAIS (SANTA MARÍA MADANELA)
Nome da parroquia. Capital municipal. Mesma etimoloxía que Noceda. Segundo os distintos Evanxeos (sinóptico, de San Xoán, apócrifo e de María Madanela) a Madanela era unha seguidora de Xesús á que curou tras expulsarlle sete demos. Seguiu a Cristo na súa predicación. Os fieis cristiáns, sexan das igrexas católica, ortodoxa, oriental siríaca, copta, armenia ou etíope considéranna “Apóstolo dos apóstolos”. Dise que por seren a única persoa que permaneceu ao pé da cruz cando todos o abandonaran, Xesús elixiuna como a primeira en anunciarlle a súa Resurrección. Resulta curioso que a Igrexa a considere unha prostituta arrepentida cando en ningún lugar das distintas versións dos Evanxeos se fai alusión a ese feito. Étimo tamén aplicado a unha persoa que, sen motivo, anda aflixida. Madanela é a forma grega de Migdal, torre en hebreu. Máis esas, tamén pode ser unha alteración de "medanela", logo cristianizado que pode denunciar un lugar onde houbo enterramentos megalíticos. No ano 1784 era alcalde maior da vila as Nogais e xurisdición de Torés Francisco Osorio y Sarmiento, tal como figura nun documento de fidalguía expedido a favor de Gonzalo Ramón Gómez Bolaño Ulloa Ribadeneira y Lobera, señor da casa de Horta (Agüeira-Becerreá). Na división municipal do ano 1835, As Nogais comprendía as parroquias de Santa María Madanela, Santo André, Quintá, Torés e Vilaicente. Na reforma xudicial e municipal do ano 1840 foi suprimido o Concello das Nogais, pasando a formar parte do de Doncos. Xa aparece como concello no ano 1845. Durante un tempo, o Concello estivo en Vilela, na Casa do Trobo, coñecida tamén como Casa de Pío. Segundo o Diccionario de Madoz (1845), o clima era frío e húmido, propenso a catarreiras, febres gástricas e reumas. Canto á demografía do municipio, dende o ano 1910 a súa poboación diminuíu en máis de 4.000 habitantes, pasado dos 5.600 aos 1.350. 

NULLÁN (SAN COSMEDE)
Nome da parroquia. *(Villa) Nuliani, dun propietario agrícola medieval que atendía polo nome de Nuilla, que despois daría Nunnus. Cosme vén do grego e significa "universo, disposto en orde". Na división municipal do ano 1835, Nullán pertencía ao concello de Doncos, exercendo o seu señorío o duque de Veraguas, se ben en Nullán tiña o marqués de Parga parte do nomeamento de xuíz ordinario. Dime López Pombo que o pobo está formado polos barrios da Aira Vella, cuxos moradores pagaban rendas ao mosteiro de Samos; da Corredoira e do Outeiro onde había foros que se pagaban á Encomenda Sanxoanista de Portomarín.

O OUTEIRO 
Latín altariu, sitio elevado. Tamén penedía, lugar onde abundan os penedos. Nome recollido na súa forma actual no século X no mosteiro de Celanova. Segundo apunta Nicandro Ares, este topónimo nunca aparece escrito nos documentos medievais como altarium, senón aucterio, auctero, autario, oteiro..., cuxa única razón sería para non confundir o sentido relixioso altarium co simplemente topográfico. 

A PANDELA e O PANDELO
Diminutivo de pando.

O PANDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de A Alence. Latín  pandu, alusión á forma curva ou cóncava dun terreo. Terreo chan entre dúas alturas. No ano 1818 vivía en Pando un matrimonio fidalgo que habitaban a casa coñecida como Casa do Fidalgo, segundo consta nun testamento outorgado o 25 de xuño por José Álvarez, casado con María Díaz de Ribera.

A PAREDIÑA
Diminutivo de parede, do latín paries, -etis, muro.

PAZO DE DONCOS
Neoclásico do século XIX. Foi vivenda do primeiro e único marqués de Vilapún, de interminable nome, que por curioso, reproduzo integragmente: José Bruno Antonio Francisco León Manuel Adonay Magdalena García de Vilouta, Santín y Valcarce, López Montenegro, Evia Miranda Sierra y Cienfuegos. Con capela anexa e un pombal, contaba cunha pedra armeira antes de seren incendiado durante a invasión francesa. Do antigo pazo consérvanse algunhas ruínas xunto o edificio actual.  

PAZO DE NOCEDA
Pazo deriva do latín palatiu, pazo, antiga casa de pedra situada normalmente no campo e onde viviu unha familia nobre ou importante. pertenceu á familia dos Ulloa. Cando a ampliación da N-VI, derrubaron a torre cuxas pedras foron reutilizadas nas obras. Para o composto, ver Noceda. 

PAZO DA VILA
En Doncos. Coñecido tamén como Casa da súa Excelencia. Foi edificio administrativo da xurisdición, que pertenceu no ano 1456 ao conde de Ayala. O composto vén do latín villa, casa, habitualmente situada no campo, tamén poboación que ten algúns privilexios.

OS PEDREGAIS
Na parroquia de Torés. Do latín petra. Lugar abundante en pedra.   

A PEDRIÑA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. Diminutivo de pedra. Consérvase un teixo centenario.

A PENA
Pico situado a 1.270 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lindeiro co concello de Pedrafita do Cebreiro. Céltico penn, rocha que sobresae no terreo e que, por destacar sobre a súa contorna, actuaría como punto de referencia. Para os galegos, unha pena é algo máis ca o mineral sólido que se atopa de xeito natural na superficie ou no interior da terra. Pola contra, nas nosas penas latexa o misterio. Nas laxes graníticas os nosos devanceiros insculpiron os intelixibles petroglifos; xigantescas penas abaladoiras desafían todas as leis do equilibrio; nas innumerables penas do altar que inzan a nosa xeografía oficiábanse as prácticas relixiosas; diante dunha pena as parellas de namorados anovaban as súas promesas mentres que outras sandaban doenzas físicas e mentais... 

A PENA ALTA
Alusión a unha pena que actuaría como punto de referencia. O composto deriva do latín altus, elevado sobre a terra.

PENA DA ARQUEIRA
A 1.118 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Arqueira.

PENA BRANCA DA CABECIÑA
A 1.204 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lindeiro co concello de Pedrafita do Cebreiro. Branca deriva do latín albus. O último elemento é un diminutivo de cabeza que provén do latín vulgar capitia, de caput, cabeza, punta, cumio, extremo, cabo, referido á parte superior do corpo humano, dunha montaña ou, tamén, comezo, principio.

PENA DE BRAÑELAS
A 1.222 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. 

PENA DOS BRAZOS
Actuaba como divisoria entre os pobos de Vilabol e Quintá. O composto vén do latín brachium. Recibe o nome porque a enorme pena semella que ten brazos. 


PENA DA CABRA
Monte lindeiro con Pedrafita do Cebreiro. A 1.360 metros de altitude sobre o nivel do mar. A cabra, latín caprae, é o mamífero rumiante capaz de subir por sitios empinados; aprovéitase a súa carne, e das femias tamén o leite. 

PENA DA CAMPIÑA
Na parroquia de Torés. O composto vén do mozárabe kanpinya, e este do latín campania, espazo grande de terra labrantía. (Ver o apartado adicado ás Historias, tradicións e lendas do concello de As Nogais).  

PENA DAS CANTEIRAS
Para o composto, ver As Canteiras.

PENA DOS CARBALLOS
Para o composto, ver O Carballo.

PENA DO CARROMATO
A 1.201 metros de altitude sobre o nivel do mar. Un carromato é un carro grande de dúas rodas, de tabuleiro formada de cordas tranzadas, conducido por unha ou varias cabalarías.

PENA CERREDAL
Na parroquia de Torés. A 1.053 metros de altitude. O composto parte do latín cirrum, crista, cume dun monte. Mais en latín temos tamén cerrum, co significado de mesto, árbore resultado do cruce de sobreira e aciñeira.

PENA CIMEIRA
Na parroquia de Nullán. Alusión a unha pena que está nun cume ou sobre outra pena.

PENA DO CORGO
Latín corrugu. Existen varias acepcións: Poza natural ou artificial no decurso dun río utilizada para curtir o liño. Oco nunha rocha ou depresión do terreo que se enche de auga cando chove. Represa natural ou poza artificial onde se recollen as augas destinadas a regar, e, tamén, canle de distribución destas augas. Camiño estreito e profundo que discorre entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. Xa no eido da mitoloxía, Corgo deriva do nome da divindade Goro ou Coro, o prehistórico deus solar que pode ser vermello, cando está no solpor, ou negro, símbolo do Sol subterráneo que loita e logo morre a mans do deus branco, o escintilante; o combate ten lugar na Fin do do Mundo, no Oeste, no País da Morte, no Finisterrae. Tamén pode estar relacionado co nome de persoa Curicus ou Coricus.

PENA DOS CORTILLÍNS
A 813 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto é un diminutivo de cortín, unha variante de colmear, construción de forma circular ou ovalada a ceo aberto onde se poñen as colmeas. En Galiza, segundo as zonas, reciben ademais o nome de albariza, abellariza, albiza, albarizal, cortín, cortiña... Descoñécese a súa orixe aínda que deberon nacer para protexer as colmeas dos animais, nos Ancares do oso, os seus inmigos tradicionais que comían todo o seu contido.

PENA CRESPA
A 1.054 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lugar pedregoso, áspero, que ten a superficie rugosa. Mais o segundo elemento tamén pode facer alusión ao antropotopónimo Crespi.

PENA DO CUCO
Na parroquia de Torés. A 1.049 metros de altitude, lindeira con Triacastela. Lugar habitado polo cuco, a ave trepadora  da familia das cucúlidas, frecuente en primavera. A orixe do termo cuco vén a partir do seu canto (cu-cu). Segundo a lenda, quen escoita o seu canto antes do almorzo vivirá moitos anos e está chamado a ter a sorte de cara, mais, quen o oe en xaxún vai ter un ano cheo de preguiza. 

PENA DURA
Na parroquia de Torés, lindeira con Ferreiros de Valboa (Becereá). Alusión a unha pena dura, latín durus,  mala de romper. 

PENA ESBORRALLADA
Na Serra do Rañadoiro. Atópase na fileira de penas ou riscos entre o Pico do Corvo e a Pena Grande. Como ben indica o seu nome, está esborrallada o que aproveitaron os veciños de Fonfría para construír as súas casas, airas e muros. Arredor dos anos 1969-1971 foi dinamitada  pola empresa Fenosa polas obras dunha liña de alta tensión. (Topónimo achegado por Luis López Pombo).  

PENA FERRADAL
Na parroquia de Torés. A 1.030 metros de altitude sobre o nivel do mar. Alusión a unha pena abundante en ferro.

PENA FORCADA
Na parroquia de Santo André. Voz latina furca, forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais aquí semella que fai referencia ao sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca.

PENA DA FORMIGOSA
A 1.249 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Formigosa.

PENA FURADA
En Lama da Vila, na parroquia de Santo André das Nogais. Latín foratu, por analoxía, cova. Disque se atoparon restos prehistóricos. Durante e despois da Guerra Civil serviu como refuxio dos fuxidos. (Ver o apartado adicado ás Historias, tradicións e lendas do concello das Nogais).

PENA GRANDE
A 1.332 metros de altitude sobre o nivel do mar. Divisoria entre As Nogais e Pedrafita e as parroquias de Nullán e Fonfría. O investigador e escritor Luis López Pombo engade que por un lado arrodea e pasa por riba da do Carreiro de Fonfría, que vai de Chancia a Fonfría. Peneda de grandes dimensións que actuaría como punto de referencia. 

PENA DA HEDRA ou PENADREDA
A 1.056 metros de altitude, lindeira coa parroquia de Ferreiros de Valboa (Becerreá). Hedra, latín hedera, plana rubidora, sempre verde, que se suxeita a árbores, penas e muros. 

PENA DO HOME
O composto vén do latín, homo, -nis. Posible alusión a unha sepultura antropoide ou a unha anta megalítica. 

PENA DA HUCHA
Na parroquia de Torés. En principio, unha hucha, francés huche, é unha caixa grande para gardar algo. Nalgúns casos pode indicar unha arca (anta) dun enterramento megalítico ou unha pena con petroglifos.   

PENA LAMELA
A 1.133 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto é un diminutivio de lama, prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga.

PENA LUCÍA
Alusión a unha pena que loce ou que brilla. Segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985), de Constantino García González, o composto denuncia o xeo que recobre un charco; capa de xeo que se forma onde hai auga.

PENA MACEDA
Na parroquia de Santo André. Para o composto, ver Maceda. 

PENA DOS MIATOS
Na parroquia de Torés.  

PENA DO PANDO
Topónimo achegado por Luis López Pombo. Na Serra do Rañadoiro, preto de Fonfría e Biduedo, actúa como divisorio entre os concellos de As Nogais, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. Trátase de dúas grandes penas entre as que pasa un camiño de carro que comunicaba Fonfría do Camiño co Monte do Sorto, que comprende os montes de A Alence e Pando. Para o composto, ver Pando.   

PENA PARDA
Monte situado a 1.186 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín pardus, da cor parecida á da terra, entre vermella e marrón.

PENA DA PASCUA
O profesor Cabeza Quiles, no seu Os nomes de lugar (1992), di que que o composto pode derivar do latín pascua, pasto, herba de alimento para o gando, que aparece moitas veces con ese significado nos documentos medievais. A Pascua é, na relixión católica, a festa na que se lembra a resurrección de Cristo. 

PENA DO PEIDO
No monte da Chouliña, na parroquia de A Alence, enfronte de Pando, e preto do risco de penas da Serra do Rañadoiro, pero xa na vertente das Nogais. É de forma circular, a modo de mesa camiña. Cando había rabaños de cabras e ovellas os pegureiros subíanse a ela para gardar o gando e espaventar o lobo. (Achegada por Luis López Pombo).

PENA DO PICO
A 1.344 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín beccu, punta, cumio dun monte.

PENA RABELA
Na parroquia de Torés. Chámase rabela á parte do arado que se empuña para guialo. Tamén ao mango da gadaña.

PENA DE REBOIRO
Para o segundo elemento, ver O Reboiro.

PENA RUBIA
A 1.821 metros de altitude sobre o nivel do mar. Alusión a unha pena rubia ou vemella, latín rubeu, que por algún proceso de oxidación adquiriu esa cor.

PENA DE SANTALLA
Na parroquia de Quintá. O composto identifica á santa que en galego deu, ademais, os nomes de Baia, Olalla... Vítima de diferentes tormentos (o potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no século IV. 

PENA DA SEÑA
Actuaba como divisoria dos pobos de Riomano e Vilabol. Na cartografía recibe o nome de Pena de Taras. Seña vén do latín signa, plural de signum, vestixio que queda de algo e lo se lembra.

PENA DO SOMBREIRO
Na parroquia de Santo André.   

PENA DE TARÁS
A 1.081 metros de altitude. O composto vén da base preindoeuropea *tar, monte, altura rochosa. Mais hai autores que identifican o topónimo co deus céltico Taranis, equivalente á divindade romana Xúpiter. Outros fanna derivar do latín tarmum, variante de termes, -tis, rama cortada.

PENA TEIXEIRO
A 1.076 metros de altitude sobre o nivel do mar. Cubil do porco teixo, Meles, meles, ou sitio plantado de teixos, latín taxus baccata. Verbo desta árbore conífera cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas. Teixeiro aparece no século X baixo a forma latina de Taxario; a forma actual é do século XII. 

PENA DO TESOURO
Actuaba como divisoria dos pobos de Riomao e Vilaicente. O composto deriva do latín thesaurus. Os de Vilaicente coñécenna tamén como Pena de Sutambre. Cremos que o nome ten que estar asociado a algunha lenda, mais as persoas consultadas descoñécenno polo que tememos que esta se perdeu definitivamente. 

PENA DA UCHA
Na parroquia de Torés. Descoñecemos porque recibe este nome. As persoas consultadas non souberon decírnolo. Cremos que puído estar asociada a algunha lenda, mais tememos que se perdeu. 

PENA DA VEIGA ARMADA
Veiga, prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. O último elemento fai alusión a unhas trampas para cazar feitas con armazóns de paus, pedra, etc.

PENAS DAS CABANAS
Ver Cabanas.

PENAS DA CHOUSA
Latín clausa, monte, horta, herdade ou calquera tipo de terreo pechado.

PENAS DA LAGÚA
Lindeiro con Triacastela. O segundo elemento deriva do latín lacuna, lago de auga; terreo enchoupado.

PENAS DOS PAXAROS
Peneda frecuentada por paxaros, latín passaru, as aves voadoras, xeralmente de pequeno tamaño.

PENAS DO TEIXÓN
Alusión a unhas penas frecuentadas polo porco teixo, Meles, meles.

O PENEDO
Plural de pena. Preto da Casa da Chancia, parroquia de A Alence. Trátase dun posible enterramento megalítico do período Neolítico.

PENEDO DO FREIXO
Na parroquia de Torés. A 978 metros de altitude. Latín fraxinus, árbore da familia das oleáceas de toro groso que medra, xeralmente, na beira dos ríos e en lugares húmidos. Antigamente, o freixo utilizábase para facer os eixos dos carros, xugos, etc. A casca moumiña (a do medio) era boa para a dor de cabeza. No ano 951, no mosteiro de Celanova lese Frexeneto para referirse a freixeiro; é no 1107 Frexenario en Santiago.

OS PENEDOS
Plural de pena.

A PEREIRIÑA
Barrio do pobo de Torés. Diminutivo de pereira. Mais tamén pode facer alusión a un sitio elevado e pedroso.

PERNADA
Monte situado a 969 metros de altitude sobre o nivel do mar. Cada porción de que se compón a gavela, en especial falando de estrume. Tamén se chamaba así ao infame dereito señorial que consistía en obrigar á noiva a durmir co dono do dominio a primeira noite da voda.

A PÍA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. Latín pila, recipiente de pedra para conter líquidos, xeralmente de carácter natural, escavadas na rocha. En non poucas ocasións a auga da choiva despositada nelas utilizouse, e aínda se utiliza, como remedio milagreiro.

PICO ADAIRO
Lindeiro con Becerreá. Situado a 801 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín beccu, cima, cume, curuto. O composto pode vir dun antropotopónimo que se explica dende o xenitivo Ada(n)i, Adán.

PICO CARBALLEDA
Situado a 1392 metros de altitude sobre o nivel do mar. Lindeiro co concello de Pedrafita do Cebreiro.  Para o composto, ver Carballeda.

PICO DE CHAO PIERO
Lindeiro co concello de Cervantes. A 1.256 metros de altitude sobre o nivel do mar. A forma do topónimo parece levar a ‘pedra’. Lembremos o tema céltico *penn-/*pinn- ‘rocha, cuíña, cerro’, que logo evoluciona a cume. Por riba nomea un pico. Agora ben, existen os  topónimos O Pieiro e o Pispieiro, na provincia da Coruña, que gardan unha evidente semellanza con Piero, só que este non conserva o ditongo decrecente que aquí igual se podería explicar como variante dialectal do galego oriental. Aníbal Otero rexistra a voz pieiro en Ribeira de Piquín como ‘piador’, mentres que a voz pispieiro define a aquela persoa que anda a osmar para indagar cousas. Por outra banda, entre as definicións de pieira está a de tobo onde se refuxia o lobo. Centrándonos na forma pieiro como ‘piador’, está claro que este piador é de piar. No mesmo concello das Nogais está o topónimo A Pía, por outra parte bastante común na provincia de Lugo. Estes topónimos parecen aludir ao latín PILA ‘recipiente grande de pedra para conter auga’, e refírense ás coñecidas cavidades naturais das rochas chamadas pías, moi frecuentes en Galicia. Esta posibilidade parece máis lóxica có feito de relacionalo a un posible piar de paxaros. Outra vía que se podería abrir, quizais máis arriscada, sería relacionalo co termo pibideiro, moi frecuente no Courel e A Fonsagrada, lugar de pebidas < PIPITA.

PICO DO CORVO
Lindeiro co concello de Pedrafita do Cebreiro. A 1.384 metros de altitude sobre o nivel do mar. Altitude frecuentada polo corvo, latín corvu, o paxaro omnívoro asociado á mala sorte.

PICO DAS FORCAS
Voz latina furca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais aquí fai referencia ao sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca.

PICO DE NAVALLOS
Partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo ou depresión montañosa.

A PINTINIDOIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. Alusión a unha corrente de augas fluviais. Auga revolta. Fervenza. 

A PONTE DE BALARGANTES
Sobre o río Navia, entre os concellos de Becerreá e As Nogais. Pontella de madeira con estribos pétreos de xisto e granito. Segundo algúns autores estaría situada preto da vía romana XIX-XX.  

A PONTE DO CASTRILLÓN
Latín ponte, estrutura construída para comunicar dous lugares separados por unha corrente de auga ou un accidente do terreo. As pontes eran fundamentais para asegurar a continuidade de calzadas e camiños. Das pontes romanas, agás unhas poucas que manteñen intacta a súa construción orixinal (Bibei, Freixo), apenas se conservan restos xa que no Medievo foron substituídas por outras máis modernas. Aínda que moitas pontes erixidas na Idade Media perderon utilidade hoxe en día, constátase unha grande distribución por toda Galicia. Segundo Caridad Arias os topónimos referidos ás fontes e pontes hai que tomalos con reserva e non sempre fan alusión a nomes comúns, senón que derivarían dos nomes prerromanos Bonto e Ponto. Para o composto, ver O Castrillón.

A PONTE DO MUÍÑO VELLO
Nidia alusión a unha ponte situada preto dun muíño, latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. Vello deriva do latín vetera.

A PONTE DE NULLÁN
Ver Nullán.

A PONTE DE ROBLEDO
Para o composto, ver Robledo.

A PONTE DO VAO
Latín vadu, sitio pouco profundo dos ríos onde se pode pasar andando.

PORTELAS
Do latín portu, paso natural entre montañas.

PRADO DA PENA
Latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou se sementa a herba para alimentar o gando. O composto vén do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. 

PRADOS DE PANMIGUEZ
Na parroquia de Torés.  

A QUEIMADA
Alusión a unhas terras cineratas onde se queima a broza para logo cultivalas.

QUINTÁ ( SAN PEDRO)
Nome da parroquia. Varias acepcións. Latín quinta, gran propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade. Referencia a unha *(villa) Quintia ou Quintiani dun posesor medieval de nome Quintius ou Quintianus. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular. 

QUINTELA
Barrio do pobo de Torés.  

RASTRADOIRA
Do latín rastrum. Terra improdutiva e custosa de traballar. Tamén camiño cheo de obstáculos.

A RASTRELA
Apeiro de labranza utilizado para arrincar o esterco, limpar o liño, etc.

O REBOIRO
Do latín robur, carballo. Lugar poboado de carballos.

REBOLEIRA
Nas parroquia de Santo André e Vilaicente. Lugar plantado de carballos ou lugar pedroso. Tamén recibe este nome a parte máis densa dun bosque, prado ou seara, onde apenas hai claros.

O REBOLO
Lugar plantado de carballos ou lugar pedroso. Tamén recibe este nome a parte máis densa dun bosque, prado ou seara, onde apenas hai claros. Corominas inclínase por un derivado do latín pullus, latín vulgar repullus ou do verbo repullare, retoñar.

REBORDELA
De reboretum máis o sufixo -ela, carballeira. Tamén pendente. J. Piel conxectura que pode estar relacionada con rebordán, bravo.

REBUTÍN
Os topónimos de raíz Reb-, numerosísimos na xeografía galega, especialmente na luguesa, parecen provir do étimo ROBUR ‘roble’ e adoptan diferentes formas. Podemos citar, por exemplo, San Rebordín (Cervantes) e O Rebolín (A Fonsagrada), próximos, na súa forma a Rebutín, e ambos co sufixo diminutivo propio desta zona. Agora ben, en Rebutín (moi próximo ao Rebuxín de Cospeito), o seu sufixo non parece proceder do ROBUR latino e si aproximarse máis a posibles nomes persoais do noroeste hispano, tipo Busius, que Elixio Rivas relaciona co galo Bussus, e que emparella co tema de Buttius. Así di que de Bussiani semella vir Buxán, por exemplo. ¿Posible sincretismo en Rebutín entre una raíz ROBUR e un sufixo onomástico? Cabe abrirmos tamén outra vía. Os topónimos tipo Budiño, procedentes do termo budial ou bodial, que aluden a terreos húmidos ou alagadizos. Nótese que a partícula –butín, se tomamos o –ín como diminutivo de –iño, pasaría a –butiño.

REDONDO
Monte situado na parroquia de Santo André. A 963 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín rotundus, alusión á redondez do terreo.

REGUEIRAL
Na parroquia de Torés. Pequena corrente de auga.

O REGUEIRO
Un regueiro, do latín rigarium, é unha pequena corrente de auga, máis grande ca o regato e máis pequena ca o río. Polo concello das Nogais discorren os de Abillleira, alusión a unha colmea, ou tamén á melisa, a planta semellante á ortiga moi aromática. Herba que forma parte do ritual da Noite de San Xoán, tanto para botala na auga coa que un se lava ao día seguinte, como para colocala na porta da casa como remedio contra o mal de ollo e das meigas. Cocida, utilizábase como tónico. Tamén se empregaba como abortiva. Alence (ver A Alence). Arroxo (ver Val de Arroxo). Augas Rubias, alusión a unhas augas rubias, latín rubeu. Barredo, prelatino barro, lama, fango; obradoiro do alfareiro. Belles. Boullón, nace na parroquia de A Alence. Alusión aunha corrente de auga que bulla ou burbulla. Brandelo. Bouza do Río: Bouza, latín baltea, terreo sen cultivar e cheo de maleza. Terreo inculto poboado de matogueira. Brandelo, do antropotopónimo xermánico BrandiusBusgulmar. Busto (ver Chao de Busto). Cousos (ver O Couso). A Cabana (ver Cabanas). Carba, voz prerromana *carb, planta nada entre pedras. Chao de Busto. Cubilledo (ver O Cubilledo). Ferrería (ver A Ferrería). Fonfría (ver Fonfría). Fonte do Bispo. Fonte das Perdices. Fonte da Vaca, alusión a un manancial frecuentado por este animal. Fontela, na parroquia de A Alence, diminutivo de fonte. Fontiña, diminutivo de fonte. Fontouxiña, do latín fontem, fonte, e quizais de ustium, porta. Forcas: Latín furca, nace a uns 600 metros da Casa de Chancia, por riba do prado de Sabugos, levaba a auga para a dita casa, logo encanada polo pai do escritor Luis López Pombo. Formigosa (ver Formigosa). Golada (ver A Golada). GrandeLagúa (ver A Lagoa). Lamas (ver As Lamas). Lamazás (ver As Lamas). Lomba do Vao, do latín lumbu e vaduAs Moas (ver As Moas). Morán (ver Morán). A Moura (ver Cova da Moura). Navallos (ver Os Navallos). Pena de AugasPontón, pasarela, xeralmente de madeira, para cruzar ríos e regueiros. Puime, quizais proveña do nome dun posesor de nome Polimius. Reboredo, do latín roburetum, de robur, carballo, co sufixo etu, logo transformado en edo.  Reteixeira. Ricabo, rivus caput, río encaixado. Refuxiado. Rocha. Santo André. Silvela, do latín silva. Sinllán. Torés. Traschancia (ver Casa da Chancia). Tras da Pena. Val de Ferreira. Val das Fontes, latín vallis e fonteVal da Legua. Valdeferreiro. Val de Maseira, o segundo elemento é o recipiente onde se lle bota de comer aos porcos; mais esas, Elixio Rivas Quintas di que en Barxamaior do Cebreiro chaman maseira á artesa para salgar a carne. Val de Merán. Val de Salgueiro, latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos. A cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base principal da aspirina. Val de Trasmonte (ver Trasmonte). Valdeparada, do latín parare, deter. Nace nas inmediacións de Pedrafita do Cebreiro e desemboca nas Nogais. Valinconde. Valiña, diminutivo de val. Valmás. O Vao, latín vadu, sitio pouco profundo dos ríos onde se pode pasar andando. A Vella Morta, Caridad Arias di que o composto, morta, pode ser unha derivación do nome xermánico Mothar; para o primeiro elemento di que pode ser unha equivalencia de vía.   Xirondo, do nome propio Xirón?

A RETEIXEIRA
Monte situado na parroquia de Torés. Topónimo composto. Re actúa como preposición inseparable que entra como prefixo en moitas palabras. O composto fai alusión ao cubil do porco teixo, latín Meles, meles, ou sitio plantado de teixos, latín taxus baccata. Verbo desta árbore conífera cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas.

RETORNO
Lugar da parroquia de Noceda. Denuncia un terreo que dá a volta.

RETORTA
Lugar da parroquia de Noceda. Latín retorta, alusión a unha curva pronunciada onde as características xeográficas do terreo determinan a disposición irregular das fincas.

RIBADÓN
Aumentativo de ribada, terreo case vertical que hai aos lados dos camiños e corredoiras.

RÍO BOULLÓN
Latín rivu, corrente de auga. Segundo a crenza popular a auga dos ríos arrastran a enfermidade como arrastran o sedimento. Alusión a unha corrente fluvial que bulla, gurgulla ou burbulla. 

RÍO NAVIA Deriva da partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo. É unha das deidades galaicas mellor testemuñadas na epigrafía. Era a deusa dos ríos e da auga. Os ríos Navia e Navea, en Galicia, e o Neiva, en Braga, foron bautizados co seu nome. Para Blanca García Fernández-Albalat (1990), o vencello de Navia cos ríos explicaríase a partires da concepción céltica da auga como elemento característico do acceso ao Alén a través da auga. está considerada como deusa facilitadora da Natureza, das augas, das fontes e dos ríos, e tamén dos bosques.  


RÍO NULLÁN
Para o composto, ver Nullán.

RÍO VALDEPRADO
O composto deriva do latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas, e pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou sementa a herba para alimentar o gando.

RÍO VALLÉS
De val, latín vallis.

RIOMAO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Torés. A primeira parte do topónimo fala dunha corrente de auga. Non estamos seguros de que o composto estea relacionado co adxectivo malo, en alusión a unhas augas de mala calidade ou perigosas.

ROBLEDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Doncos. Terreo poboado de carballos, latín quercur robur. Robur é o nome dado polos romanos pola súa dureza. A súa madeira, de boa calidade e díficil putrefacción foi utilizada para facer doelas dos bocois e na construción naval.  Na antigüidade ao carballo considerábanno coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a invasión romana.

RODÍS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Torés. Alusión a un propietario medieval de orixe xermáncia de nome Rodericus. 

AS ROZAS
Na parroquia de Torés. Lindeiro con Becerreá.

RUBIASCÓN
Derivado de rubeus-a-um, vermello?

SALGUEIROS
Lugar pertencente á parroquia de Torés. Latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos. A cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base da aspirina, o coñecido medicamente.

SAN CLODIO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. O nome vén do latín Claudius que significa "Aquel que anda con dificultade".

SAN PEDRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. Nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.

SANTA MARIÑA
O nome vén do latín e significa "proveniente do mar, mariñeira". En Galicia, principalmente na provincia de Ourense, venérase á santa do mesmo nome nacida no ano 123 en Piñeira de Arcos (Sandiás), decapitada por se negar a renunciar á súa fe. Conta a lenda que cando a súa cabeza caeu no chan deu tres saltos dos que nacereon tres fontes que son as mesmas que hoxe en día seguen a manar a carón da igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz.

SANTO ANDRÉ (SANTO ANDRÉ)
Nome da parroquia. Dise que aquí existiu un antigo eremitorio convertido en mosteiro e logo desaparecido. Sanctus Andreas, nome de orixe grega que significa "viril". O seu culto difundiuse a partires do século IV. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785) pertenceu xurisdicionalmente de Torés. Segundo me achegou o amigo Abel Iván Arias Alba, ata o ano 1910 celebrábase unha feira anual coñecida como Feira da Cebola onde se xuntaban xentes de máis alá da freguesía, entre outras persoas chegadas dende O Bierzo que comerciaban produtos de tempada e outras mercadorías, expoñendo os seus cestos nos muros do camiño que subía de Santo André a Vilar. Os do Bierzo viñan seguindo a serra polo Camín Vello que dende Pedrafita pasaba pola Ferrería de Bois e Casas da Serra para logo continuar pola parte maís alta da serra de Xuncedo, baixando logo cara o val de Santo André. Este día, na Campa de San Xoán, fronte da capela do mesmo nome, facían a Corrida do Galo. En Santo André tamén se celebraba a Festa da Cofradería; para elixir ao ramista entre os irmáns confrades sorteábase un ramo que estaba posto aos pés da Virxe do Rosario. O confrade tiña que percorrer a parroquia  recadando para facer a festa ben en cereais (trigo ou centeo), ben en produtos como lacois, touciños ou xamois que logo subastaba o párroco.

SEARA DO COXO
Voz céltica senara, seara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. O composto, aínda que semella facer alusión a unha persoa que coxea, pode vir, segundo Caridad Arias, do teónimo celta Cussus ou Cossus, nome presente na epigrafía.

SEARA DA MEDORRA
Na parroquia de Nullán. Segundo me achega Luis López Pombo, atópase preto da Casa da Chancia, á beira do Camiño da Antiga ou dos Romanos. Existe a tradición de que aquí hai ou houbo un enterramento megalítico.

SEARA DE VAL ESCURO
Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Alusión a un val ao que non lle dá o sol.

SEARA VAL MIGUEL
Miguel é un nome de orixe hebrea que vén a significar, "Quen como Deus?", ou "Deus é xusto".

SEARA VELLA
O composto deriva do latín vetera.

SEARAS DOS CHAOS
Na parroquia de Noceda. Latín planus-a-um, planicie elevada.

SEARAS DOUTROLADO
Na parroquia de Noceda. O composto denuncia un lugar situado no lado oposto a onde se está.

A SEARIÑA
Diminutivo de seara.

SEBRÁS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Doncos. *(Vïlla) Severi, de Severus?

SEIXO REDONDO
Na parroquia de A Alence, lindeiro co concello de Triacastela, a 1.326 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín saxum, rocha, penedo, croio, seixo. A palabra seixo xa se le na forma galega actual no mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 932. O composto vén do latín rotundus, alusión á redondez do terreo.

A SERRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. Unha serra é un cordal montañoso de pouca extensión. Xa dende a antigüidade clásica, nas montañas prodúcese o contacto directo entre os homes e os deuses, onde se accede ao mundo dos mortos e da escuridade.

SERRA DA ESCRITA
No límite co concello de Cervantes. O composto, do latín scripta, quizais denuncie un afloramento rochoso no que hai ou houbo gravuras rupestres. Ou unha serra adscripta, adscrita, unida a outra. Creo que aquí non cabe unha referencia a unha escritura de doazón.

SERRA DE GONCEDO
Na parroquia de Santo André. Pode vir de de gonzo, leña da uz que se recolle despois da queima do monte; o ganzo utilizábase para alumarse. Luis Aguirre del Río (1858) e Francisco Javier Rodríguez (1863) din que é a vara seca do breixo despois de pasar dous ou máis anos á intemperie. Leandro Carré (1951), di que é unha póla verde do xardón utilizada nas pallozas, presa no lamanario para alumarse. Elixio Rivas (20012), póla de uz, toxo ou xardón para alumar a cociña, metido na gramalleira.

SERRA LONGA
O segundo elemento vén do latín longus. Alusión a un cordal montañoso de grande extensión.

SERRA DE MONTEIRA
Na parroquia de Noceda. O composto fai alusión á peza de vestir de la ou pano que antigamente usaban os campesiños como abrigo da cabeza e que agora forma parte do traxe masculino típico de Galicia. Tamén referido a un apelido ou alcume dunha muller relacionada co oficio da caza ou montería, ou a unha traballadora da pedra.

SERRA DO PIORNAL
Altitude máxima de 1.380 metros sobre o nivel do mar. Actúa de límite co concello de Pedrafita do Cebreiro. Monte poboado de piornos, latín vivurnus, o arbusto similar ao codeso e á xesta que se cría nas serras e lugares montañosos e fríos. Os piornos utilizábanse, xunto coa uz, para facer carbón.

SERRA DO RAÑADOIRO
Actúa de límite co concello de Pedrafita do Cebreiro. Menéndez Pidal relaciona o étimo co verbo galego rañar, rascar, en alusión a un monte formado por vexetación raquítica que, pola súa altura, é raída polos axentes atmosféricos. Para Carré Alvarellos sitio de brañas. Segundo Elixio Rivas, monte baixo con carpazo, moi roído polo gando. E para Otero Álvarez, prado de mala calidade.

SERRA DE SANTO TOMÉ
Tomé foi un dos doce apóstolos de Xesús. A el se lle atribúe un Evanxeo apócrifo (non recoñecido pola Igrexa oficial) e a evanxelización da India e de Siria; incluso se ten lucubrado que non predicou na India asiática senón nas Indias, en referencia a América. Segundo relata San Valerio no século VII, unha monxa galega, a intrépida Exeria, a primeira muller en peregrinar a Terra Santa no século IV, di que en Edessa visitou o santuario de San Tomé. Esta monxa dise que estaba emparentada coa galega Elia Flacila, esposa de Teodosio o Grande, e que admiraba as teses de Prisciliano xa que tiña gran devoción por Santa Tegra, seguidora súa. Nos apócrifos de San Tomé tamén se inspiraba o célebre herexe galego.

SERRA DE VILAVEXE
Para o composto, ver Vilavexe.

SERRA DE VILAVÓS
Lindeira co concello de Cervantes. De aviolos, diminutivo latino de avus, avó. Estariamos, pois, diante dunha *(villa) Aviolos, en referencia a unha casa fundada por unha persoa de idade avanzada á que se lle debe deferencia e respeto.

A SERRIÑA
Na parroquia de Torés. Diminutivo de serra.

SERRÓN DA PENA
A 1.057 metros de altitude sobre o nivel do mar. O primeiro elemento é un diminutivo de serra. Para o composto, ver A Pena.

A SILVA
Do latín silva, selva, bosque, maleza.

A SILVELA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Noceda. Diminutivo de silva.

SINLLÁN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Nullán. *(Villa) Sinllani, de Sinllanus? Talvez pode vir dunha base preindoeuropea *sin, monte, altura. 

O SERRÓN
Na parroquia de Torés. Aumentativo de serra.

SOLLEIRO
Situado a 937 metros de altitude sobre o nivel do mar. Denuncia un sitio onde dá o sol ao abrigo. Lugar onde en inverno se pode tomar o sol ao abrigo do vento. Caridad Arias faino derivar do nome persoal Sollarius, alusión ao sol, astro ou divindade.

SOUTO DE ROBLEDO
Para o primeiro elemento, ver Souto de Sampaio. Aquí hai unha lenda asociada a unha aparición diabólica. Para o composto, ver Robledo.

SOUTO DE SAMPAIO
Latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas acerca de que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc. O composto deriva de Sanctus Pelagius, de Pélagos, mar en grego. Santo galego que naceu en Albeos (Crecente) no ano 911. Sobriño do bispo de Tui, Hermixio, morreu martirizado en Córdoba no ano 925, durante o califato de Abderramán III.

TAMAÍN
Na parroquia de Torés. Partimos da partícula prerromana ou preindoeuropea *tam ‘correr, fluír (auga)’, presente en moitos hidrónimos (Támoga en Cospeito, por exemplo). Agora ben, Elixio Rivas rexistra en 1005 o nome de home Tamaninus en Asturias, patronímico, segundo el, de *Tamanius. A evolución de Tamaninus (fillo de *Tamanius) a Tamaín parece a esperable no galego oriental, onde molín ou camín son substantivos habituais fronte a muíño ou camiño. As dúas vertentes, natural e patronímica, poderían estar presentes en Tamaín. A modo de curiosidade, Aníbal Otero rexistra a voz támara proveniente do latín TUMULUM.

TEIXUEIRAS
A 975 metros de altitude sobre o nivel do mar. Sitio plantado de teixos, latín taxus baccata. Verbo desta árbore conífera, cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas.

TESO DE CASTIÑEIRAS ou TESO DOS CASTIÑEIROS
A 827 metros de altitude sobre o nivel do mar. Teso, Latín tensus, de tendere, estirar, extender. Lugar alto no campo; monte alto e escarpado; outeiro. Para o composto, ver As Castiñeiras.

TESO DE LAMA FIGUEIRO
Lama, prelatino lama, fango. Para o último elemento, ver Figueiro.

TESO DA MOURA
Moura deriva da raíz *mor, pedra, nome que, nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraigado no maxín popular que deu multitude de lendas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria.

TESO DO PANDO
Para o composto, ver O Pando.

TESO DA PAREDE
Os dous elementos denuncian un lugar de difícil acceso, escarpado e vertical. O composto vén do latín paries, -etis, parede, muro.

TESO DO VAL
Na parroquia de Torés, a 1.042 metros de altitude. Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas.

TORÉS (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. J. Corominas opina que vén do latín tardío *pthura, unha planta cuxos efectos son mortais. Palomar Lopesa, en Antropotonimia prerromana hispana, fala dun nome celtíbero *Turos/Turoni/Turennus>*urus, forte. Para outros autores sería un hidrotopónimo turia/turis, sen esquecermos que tamén pode facer alusión a un propietario de nome Turinus ou Turenus. Tamén pode vir da base prerromana *tor, altura, montaña, rocha. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". Citado no ano 982 co Turres e tamén como Tures ("in Navia, villa dicta Tures"). Fernando de Herbón y Vivero, da casa de Cormes (Becerreá) desempeñou o cargo de alcalde maior perpetuo de Torés, por virtude de cesión que lle fixo o seu primo Fernando Bolaño Ribadeneira, señor de Torés, segundo consta na escritura de capitulacións matrimoniais outorgada o 18 de marzo de 1640 ante Juan López. Foi cabeza de xurisdición, pertencente primeiro aos Bolaño e logo aos Bolaño-Ribadeneira. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785), a xurisdición de Torés comprendía as freguesías de Agüeira, Fonfría, Guillén, Morcelle, Santo André das Nogais, Santa María Madalena das Nogais, Ousón, Quintá, Tortes e Vilaicente. O conde de Amarante era quen nomeaba xuíz ordinario, figurando como última marquesa María Josefa de los Cobos Bolaño Ribadenira, esposa de Fernando Gayoso, conde de Amarante. No ano 1784 era alcalde maior da vila as Nogais e xurisdición de Torés Francisco Osorio y Sarmiento, tal como figura nun documento de fidalguía expedido a favor de Gonzalo Ramón Gómez Bolaño Ulloa Ribadeneira y Lobera, señor da casa de Horta (Agüeira-Becerreá).

TORRE DE DONCOS
Torre, latín turre. Erixida na segunda metade do século XV á beira do río Navia, no fondo dun desfiladeiro, sobre un pequeno outeiro. Crese que pertenceu aos Valcarce, pasando despois aos condes de Ayala e da familia de Monterrei. Aos Valcarce pertenceu un cabaleiro que atacou aos sarracenos nalgunha parte do Cebreiro, loitando contra eles, incluso con estacas, de aí que no seu escudo figuren cinco estacas en campo de gules.  Dos Valcarce é García Rodríguez de Valcarce e Balboa, Adiantado Maior do Reino de Galicia, fillo de Afonso López de Lemos que levou os apelidos pola súa avoa Leonor García Osorio de Valcarce e con eles as posesións de Doncos e o castelo de Torés. Do García Rodríguez descende o conde de Ayala, señor de Doncos, e polo tanto a súa filla, a condesa de Monterrei segundo consta no testamento outorgado por Alonso López de Lemos no ano 1456. No ano 1603, sendo o seu propietario Fernando de Toledo, xa ficaba medio arruinada. Do antigo castelo segue en pé a Torre da Homenaxe á cal lle faltan varias ameas. Coñécese tamén como castelo de Agustín, polo lugar onde se atopa, e Castelo da Anca ou da Grupa (nome, este último, castelanizado) pola lenda que narra o secuestro dunha muller por un sarraceno que, acosado por trece cabaleiros cristiáns, montou á moza na anca do cabalo e logo degolouna para que ninguén puidera posuíla. Malia lenda, o nome de Anca debe vir, como no caso de Ancares, da raíz indoeuropea ank (ankon en grego, e angulus en latín) que en galego deu anco, dobrar, ángulo ou revolta nun terreo. A mediados do século XVIII, Frei Martín Sarmiento xa escribiu que chamaban ancos ou ancones ás curvaturas dos montes, promontorios e picos. É dicir, que Anca debe referirse, máis que á torre, ao lugar onde asenta. Situada xunto unha calzada romana, defendía a entrada a Galiza pola vía chamada de Counavia. Para o composto, ver Doncos. Máis información no apartado adicado aos Castelos e torres.

TORREIRA
En principio, unha torreira é a persoa encargada do coidado dunha torre. Mais, ao tratarse dun monte coido que ten o mesmo significado que torre, alusión a unha torre de vixiancia ou a un lugar dominante.

O TOXAL
Lugar poboado de toxos, prerromano toju, o arbusto silvestre, verde e espiñoso, tan común en Galiza, que se roza para estrume, cama do gando, etc. O toxo tiña un gran valor na economía campesiña que, en moitos sitios, sometíase a un semicultivo, especialmente o toxo xigante ou o toxo arnau. O toxo arnau, pola súa dureza, usábase para facer bastóns, estadullos, etc. Tamén se utilizaba para protexer os valados.

TOXEDELO
Na parroquia de Nullán. Mesma etimoloxía que O Toxal.

A TRAPA
Prerromano *trap ou *tramp, trampa para cazar feras. Tamén pode denunciar un asentamento da orde monástica reformada do Císter.

TRASCASTRO
Situado a 847 metros de altitude sobre o nivel do mar. A preposición latina trans funciona como elemento de formación de palabras co significado de máis alá ou detrás de. No lugar hai un castro (ver O Castro).

TRAS DA CAMPA
Lugar pertencente á parroquia de Santo André. Campa, campo pero de extensión máis ampla.

TRAS DO CAMPO
O composto vén do latín campu.

TRASMONTE
Detrás ou máis alá do monte, latín monte. Tamén pode facer alusión a unha *(villa) Trasmundi, dun posesor medieval de orixe xermánica que atendía polo nome de Trasmundus.

TRAS DA PAREDE
O segundo elemento vén do latín paries, -etis, muro, parede.

AS TRAVESAS
Do latín Travessum, que atravesa, que se pode interpretar no sentido de herdades atravesadas por camiños ou dispostas transversalmente. Tamén se chama así á peza do carro que une as chedas e o cabezallo. Trabe. Sobre este monte existe un litixio que se remonta ao ano 1867, cando o xulgado de Becerreá ditou que 82 hectáreas que reclamaban os veciños da Pintinidoira pertencían a Pedrafita do Cebreiro. Os das Nogais presentaron como proba o Catastro do Marqués de la Ensenada, de mediados do século XVIII.

OS TURIÁNS
Precéltico *tur, auga.

O UCEDO
De ulice, uz, breixo, arbusto de madeira dura e raíces grosas que ata ben entrado o século XX se empregaba para facer carbón vexetal, tanto para consumo propio como para vender. A raíz e a flor da uz branca utilizábase como remedio para a dor de cabeza e o lumbago. A uz vermella considerábase velenosa.

VAL DE ARROXO
Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985) de Constantino García González, o composto nomea unha extensión grande de monte baixo, mais para outros autores vén do latín agrum rubeum, campo roxizo.

VALDEGUA
Lugar pertencente á parroquia de Santo André. Monte situado a 894 metros de altitude sobre o nivel do mar. Aínda que o composto, egua, pode referirse á femia co cabalo, tamén pode identificarse co nome celta e xermánico Ego.

VALESCURO
Lugar situado na parroquia de Vilaicente. Pode ser unha formación feita sobre obscurum, ou un término relacionable con scoriam, escoura.

VAL DO FREIXAL
Lugar poboado de freixos, fraxinus excelsior, árbore da familia das oleáceas de toro groso que medra, xeralmente, na beira dos ríos e en lugares húmidos. O xénero provén do grego phraxis, seto, cercado, e a especie de excelsior, máis alto. Antigamente, o freixo utilizábase para facer os eixos dos carros, xugos dos bois, etc. A casca moumiña (a do medio) era boa para a dor de cabeza.

VAL DE SOLLEIRO
Para o composto, ver Solleiro.

VAL DE TRASMONTE
Na parroquia de Doncos. O composto deriva do latín trans illum monte, máis alá ou detrás do monte.

VAL DA VARA
Para o segundo elemento, ver O Chao da Vara.

VAL DE VILAR
Monte tamén coñecido como Penas de Val de Vilar, a 1.340metros de altitude. Para o composto, ver O Vilar. 

O VALÍN
Na parroquia de Torés. Máis que a un val pequeno semella derivar do antropotopónimo Valinus ou Balinus. 

A VALIÑA
Caridad Arias di que non está relacionado co latín vallis, val, senón que contén o antropotopónimo celta Val(l)o ou Val(l)io, con derivados latinizados Valius, Valiacus...

VALIÑA DA FERREIRA DOS BOIS
Na parroquia de Noceda. Para o composto, ver Ferreira dos Bois.

VALIÑA LONGA
Na parroquia de Noceda. Monte situado a 1.189 metros de altitude sobre o nivel do mar. Alusión ás características do terreo.

VALIÑA MAIOR
Lugar pertencente á parroquia de Doncos. O composto deriva do latín maior, -oris.

VALMAO
Na parroquia das Nogais. Topónimo composto. Latí vallis e malus. Posible alusión a un val de orografía desfavorable ou de clima pouco propicio.

A VEIGA
Prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. O nome xa se le no mosteiro de Celanova no ano 961.

O VIADUCTO
Ponte ou construción semellante que, no presente caso, se fixo para salvar un accidente xeográfico cando as obras da autoestrada. No concello das Nogais temos os viaductos de Chan de Vilar, Doncos, Espariz, Noceda, As Nogais, Robledo, Santo André e Silvela.

VILABOL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilabol. *(Villa) Aboli, dun posesor medieval de nome Abolos.

VILAESTEBA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Torés. Alusión a unha *(villa) Stephana, dun posesor de nome Stephanus.

VILAICENTE (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Alusión a unha *(villa) Dicentii, dun propietario medieval de nome Dicentius. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". O nome aparece así citado en documentos dos anos 1009 e 1079. No cemiterio parroquial repousan os restos dun home, Luis Antonio Becerra Chao, nacido no ano 1814, que lle quitou unha moa á raíña Isabel II nun mesón das Nogais, sendo distinguido coa cruz de Isabel a Católica, ademais da honra de seren nomeado Caballero Cubierto, non tendo a obriga de descubrirse diante do rei. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785) pertencía á xurisdición de Torés. Segundo un dito popular: "En Vilaicente matan o gando e aran coa xente".

VILAR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. Do latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria. Abel Iván Arias Alba dime que deste lugar faise mención nunha cesión foral dos Ribadeneira, señores do castelo de Torés, a un xestor chamado García pola segunda metade do século XIV. O casar dispoñía dunha capela que deixou de ser utilizada en tempos do crego Manuel Vidal Roca, párroco de Santo André, na segunda metade do século XIX e que fixo unha das primeiras restauracións coñecidas da igrexa. Os santos que estaban na capela de Vilar eran Santa Isabel, Santa Inés e San Xoán e que logo foron trasladados para a parroquial a finais do século XIX ou principios do XX. O cura que oficiaba na ermida tiña a casa reitoral a carón da casa que xestionaba o foro. Da capela non quedan vestixios visibles. Sábese que era de planta rectangular e situábase a medio camiño enre Vilar e Santo André, na que se continúa a chamar como Campa do San Xoán onde se facía unha fogueira na noite do 24 de xuño.

VILARÍN
Núcleos de poboación pertencentes ás parroquias de A Alence e Doncos. Diminutivo de vilar. Tamén pode facer alusión a unha *(villa) Elarini, dun propietario medieval de nome Elarinus.

VILAVEXE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo André. *(Villa) Valeri, dun propietario de orixe latina de nome Valerius.

VILELA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilabol. Diminutivo de vila, latín villa, pequeno núcleo rural. Por vila entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento básico dende o século X. Durante algún tempo, estivo aquí o Concello das Nogais, na Casa do Trobo, coñecida tamén como Casa de Pío. Segundo López Pombo, nela vivía José Pérez do Trobo. do que se conservan documentos no Arquivo Histórico Provincial de Lugo dende o 1796 ao 1803.

O XARDÍN
Microtopónimo achegado por López Pombo. Trátase dun monte moi accidentado situado preto da Casa de Chancia, con abundantes rebolas, xardos e uces. Tamén recibe o nome de Xardín dos Mouros. Aquí está a Pena Furada cunha cavidade debaixo onde se metían os nenos cando ían coas cabras e as ovellas.  

XARDOAL
Ver O Xardón.

O XARDÓN
O xardón é un dos nomes do acivo, latín Ilex aquifolium, arbusto ou arboriña que, usado como adorno navideño, case provocou a súa desaparición. O froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e gomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor...

XIRIGADOS
Temos noticia de que na aldea de Doncos (As Nogais) había ou hai un gaiteiro chamado Ramón de Xirigados. Este semella ser o alcume polo que era coñecida a persoa ou familia que habitaba nese lugar. Constantino García recolle no seu glosario de voces galegas as formas xirigato e xirigaito ‘home de pouca personalidade’. O Xerais engade ademais a acepción para xirigato como persoa amiga das liortas, buscabullas, zaragateiro. Cómpre tamén mencionarmos que a xiriga é a linguaxe dos telleiros da zona de Llanes (Asturias).

XIRONDO
Na parroquia das Nogais. Monte situado a 834 metros de altitude sobre o nivel do mar. Na ladeira obsérvase perfectamente a caixa do Camiño Real. Derivado do nome de pía Xirón? 

A ZARRA
Na parroquia de Torés. Zona acoutada no monte. Finca pechada. Chousa.


Toponimia do Concello das Nogais
Colectivo Patrimonio dos Ancares