PONTES DA COMARCA DOS ANCARES

Concello de Baralla
Concello de Becerreá
Concello de Cervantes
Concello de Navia de Suarna
Concello das Nogais
 
 

PONTE DE COVAS (Baralla) 
 
En Covas (Baralla). A Ponte de Covas, realizada en cadeirado de granito, salva o río Neira, é medieval de posible orixe romana e ten tres arcos, o central semicircular de grandes dimensións. Nalgúns perpiaños vense marcas de canteiros. Hai anos, debaixo dun dos arcos laterais colocaron unha estrutura de madeira que se utilizaba como refuxio de pesca, Pouco tempo despois, aproveitando a "construción", un veciño instalou un bar-chiringuito que funcionou ata non hai moitos anos. No mes de xuño de 2016, dende o noso colectivo solicitamos a declaración como BIC para esta ponte, proposta que foi aprobada por unanimidade polo Pleno do Concello de Baralla.
 


PONTE DOS MAZOS (Baralla)
 
Nos Mazos, parroquia de San Martiño de Neira de Rei (Baralla). Salva o río Neira. Presenta un arco de medio punto. Amor Meilán relaciónaa coa antiga calzada romana que discorría polo municipio. Xulio Pardo de Neyra fala dunha pedra de feitura romana coa inscrición: FACERE IVSIT/AVGVSTVS/IMPER ANNO CXII. Nós non fomos quen de atopar a epígrafe, e os veciños cos que falei descoñécenno. No mes de xuño de 2016, dende o noso colectivo solicitamos a declaración como BIC para esta ponte, proposta que foi aprobada por unanimidade polo Pleno do Concello de Baralla.
 
Nas inmediacións da ponte está o Pozo dos Mulos, que recibe o nome porque era onde levaban estes cuadrúpedes a bañar. Tamén está o Pozo dos Homes, utilizado só por varóns no verán para bañarse. Un pouco máis adiante atópase unha pequena presa que recibe o nome de O Bañón.
 



A PONTE DO PORCO (Baralla)
 
A Ponte do Porco de San Miguel de Neira de Rei cruzaba o río Neira. Situábase xusto debaixo dun viaduto erixido cando a construción da autovía A6 a finais dos anos noventa. Pouco queda dela, só algunhas traballadas pedras e o anaco dun piar. Xa moito despois de que desaparecera construíron un pequeno dique a xeito de presa do que aínda se ven algúns restos. A tradición di que foi construída polos romanos (a pouco máis dun quilómetro en liña recta atópase O Agro de Pedreda onde situamos a mansión de época romana de Timalino).

 

 

PONTE DE QUINTÁ (Baralla)
 
Na parroquia de Piñeira (Baralla). É de madeira.
 
 
  
PONTE DE SANTO ESTEVO (Baralla)
 
En Santestevo, parroquia de Pousada (Baralla). Medieval. Sobre o río Neira. A tradición dálle unha orixe árabe. 
 

PONTE DE SENRA (Baralla)
 
En Baralla. Salva o río Neira. Construída cando o Camiño Real a Castela nos tempos de Carlos III. Ten dous arcos de medio punto e tallamar central contra corrente.  Unha lenda di que foi levantada polos mouros.




PONTE DA VALIÑA (Baralla)
 
Sobre o rego de Vilachambre. Entre as parroquias de Guimarei e Vilachambre. Pequena ponte de laxes de lousa con un arco de medio punto. Tivo varias reformas. Deficiente estado de conservación. Posible orixe romana.



PONTELLA EN VILASANTÁN (Baralla)
 
En Baralla. Pontella de madeira semiarruinada sobre o río Neira.




PASOS DO RÍO NEIRA PRETO DA PONTE DE COVAS
 
Rubén Armada ten documentados antigos pasos preto da Ponte de Covas, dos cales hoxe en día só queda pouco máis que a memoria, algúns moi estranos xa que morren no río e semella que non conducen a ningures. O Pontón de Telo atópase a un quilómetro corrente arriba da Ponte de Covas, comunicaba o muíño de Telo, construído probablemente a finais do século XVIII. O pontón pertencía a este muíño, ao que se accedía por un camiño que serpeaba por unhas fincas denominadas da Antiga, unindo os núcleos de Penouta, Acivido e Santo André. Este paso era utilizado tamén para ir á igrexa durante o inverno, e tamén para o paso de gando e carros, tanto para o traslado de fariña e gran do muíño como para uso privado. Aínda era utilizado hai uns 25 anos. Os coñecidos como Pasos de Alvite atópanse a uns 800 metros da Ponte de Covas, e a uns 200 do Pontón de Telo, río abaixo. Tratábase dunha especie de chanzos sitos no río, no lugar menos profundo, debaixo da "calzada" dunha presa que aínda existe. Chama a atención o feito de comprobar que a pesar de utilizarse nos últimos tempos como atallo para a igrexa, conduzan a eles dous camiños de singular anchura, e que un deles, o que parte dende o paso ata preto da igrexa, só teña ese fin: unir a estrada cos Pasos de Alvite. O outro conduce ata a entrada da Ponte de Covas. O Paso das Insuas atópase case pegado á Ponte de Covas, a uns 100 metros. Na actualidade só é accesible por un extremo, e o único sitio dende os Pasos de Alvite ata a Ponte de Covas onde se accede ao río sen desnivel. Nos últimos anos foi utilizado como abrevadoiro para o gando, para proveerse de auga en toneis e para lavadoiro. O Porto de Coeda está a algo máis dun quilómetro da Ponte de Covas, corrente abaixo. Hoxe en día só é accesible por un extremo, e ao igual que os Pasos de Alvite, o camiño só une o río con outro camiño principal, é dicir, non ten uso para acceder a fincas privadas. Sábese que cando o tren arribou á Pobra do San Xiao, en Láncara, os veciños de Acivido, Penouta, Berselos e Santo André atravesabanb o río Neira neste punto cos carros de vacas ou mulas para ires a buscar sal e outros aprovisionamentos ao tren. A proba témola nunha corredoira labrada en laxe, con pronunciada pendente, pola cal ascendían os carros cargados e que paseniñamente foron labrando as marcas que aínda se ven na laxe.
 
 

PONTE DE CRUZUL (Becerreá)
 
Situada en Cruzul (Becerreá), sobre o río Cruzul ou Narón. Ata finais dos anos sesenta do pasado século XX, a ponte formaba parte da antiga N-VI, deixando de utilizarse a partir de entón como consecuencia da construción dunha nova ponte dentro do Plan de Mejora de la Red Especial de Itinerarios Asfálticos, coñecido como Plan Redia, e o conseguinte desvío da estrada nacional. Na actualidade só é utilizada polo tráfico local. Ten unha lonxitude de 93 metros, unha altura de 29 metros, e un ancho de calzada de 8 metros. Nos accesos de ambos lados atópanse uns apartadoiros máis anchos ca calzada. Presenta tres arcos semicirculares de 12 metros de diámetro realizados con doelas de pedra calcaria, material que tamén se empregou no resto da ponte. Consta de dous piares centrais de sección rectangular de 4 por 8,5 metros que rematan nunha imposta da que arrincan dous arcos. Unha segunda imposta encárgase de marcar o perfil da calzada. Nos extremos hai uns monolitos nun corpo de forma piramidal que foron colocados cando a construción da ponte (na actualidade só se conservan tres dos catro que tiña orixinalmente). No centro hai un frontón coroado cunha pirámide de base rectangular que posuía unha inscrición, perdida na actualidade, que facía alusión, probablemente, á súa construción.

 

A ponte de Cruzul é a única da provincia de Lugo vinculada ao período Neoclásico, podendo considerarse como a primeira infraestrutura da enxeñería civil moderna, de vital importancia para as comunicacións da provincia de Lugo coa Meseta.
 
Foi proxectada polo enxeñeiro Carlos Lemaur que fora nomeado polo Marqués de la Ensenada como director de obras do Camiño Real entre Benavente e A Coruña, en sustitución do enxeñeiro José Crame. Construída polos seus sucesores Balthasar Ricaud e Bartolomé Amphoux, pertencía ao Camiño Real de Acceso a Galicia, importante obra de enxeñería desenvolvida durante o reinado de Carlos III, co obxectivo de unir Madrid con Lugo, A Coruña e Ferrol. Esta obra estaba integrada dentro do ambioso plan da Red radial de Caminos Reales que pretendía enlazar as principais cidades do reino coa capital a través de "caminos rectos y sólidos que faciliten el comercio de unas provincias a otras". As obras iniciáronse entre os anos 1776 e 1778, se ben se descoñece cando remataron, aínda que a maioría dos investigadores concordan en que a ponte estaría en funcionamento antes de finalizar o século XVIII, xa no reinado de Carlos IV. O que si está ben documentado é que estaba concluída a principios do ano 1809, durante a invasión napoleónica de Galicia.

 

Sen dúbida algunha, a ponte de Cruzul é unha das máis emblemáticas, non só do municipio de Becerreá, tamén da comarca dos Ancares, así como a mellor documentada, sendo a única das consideradas históricas da que se conservan os planos orixinais do ano 1765, depositados no Archivo General de Simancas.
 
Pero ademais, esta infraestrutura camiñeira está intimamente ligada á Guerra da Independencia (1808-1814). Aínda que en Galicia a ocupación do exérccito napoleónico foi breve (menos dun ano) debido á forte oposición da Igrexa, da pequena nobreza (fidalguía) e, sobre todo, do campesiñado que, utilizando a estratexia da guerra de guerrillas, fustrigaron dende o primeiro momento da invasión, case sempre con éxito, ás forzas francesas, presión que culminou nos primeiros días do mes de xuño de 1809 coa derrota en Ponte Sampaio do, ata aquel momento, invencible exército francés.

 

Durante a Guerra da Independencia, en Becerreá e no resto da comarca dos Ancares, a oposición á invasión francesa tamén conseguiu unir, nun feito sen precedentes, a clérigos e fidalgos co campesiñado. Non imos deternos eiquí nos múltiples episodos que tiveron lugar na comarca, só en que a ponte de Cruzul actuou como pétrea testemuña. Está amplamente testemuñado que os guerrilleiros galegos apoderáronse de máis de mil fusís que os soldados franceses agocharan xunto a ponte; de feito, moitos deses fusís, coas súas baionetas, aínda se conservan en poder dalgúns veciños, e un gran número dos canóns dos mesmos foron utilizados posteriormente como tubos de desaugue de moitas casas de Becerreá. Entre os anos 1960 e 1980 funcionou en Becerreá o bar Os Chafarotes que tomou o nome polo anchos sabres, tamén procedentes das inmediacións da ponte de Cruzul, utilizados polos soldados franceses e que serviron para aodrnar as paredes do local. No ano 2008, o investigador José Luis Garfer, que estaba recorrendo Galicia en busca de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego, descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón, aldea próxima á ponte, conservaba, entre outros documentos, un manuscrito que, ao longo de 126 páxinas, recollía a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España, autoría do xeneral francés Gerard, que ofrece o retrato do conflito bélico. Gerard tivo que instalarse temporalmente na aldea debido á neve. Un antepasado de Fernando Gabriel era coñecido como O terror dos Gabachos. Documentado está o enfrontamento dos veciños na ponte de Cruzul, cando o xeneral Pedro Caro y Sureda, III Marqués de la Romana (1761-1811), chamou á mobilización. Na aldea de Cruzul consérvase unha espadana de dous vans, á que se accede por medio dunha escaleira de pedra, cuxas campás alertaban á poboación da chegada dos franceses á ponte. Ata os anos 80 do pasado século, durante as festas do antroido, era habitual ver a veciños e veciñas disfrazados de guerrilleiros, portando algunhas armas utilizadas durante a Guerra da Independencia.

 

As imaxes e fotos históricas das pontes da comarca dos Ancares anteriores aos anos sesenta do pasado século XX son escasas. Desa ausencia hai que exceptuar a ponte de Cruzul, o que demostra a importancia e o prestixio que tiña, e ten, entre as xentes do concello de Becerreá. A primeria imaxe da ponte figura no libro de Adam Noel Letter from Portugal and Spain, editado en Londres no ano 1809. No libro, o xeneral británico sir Jhon Moore relata que ao día seguinte de pernoctar nas Nogais, camiño de Lugo, chegou á ponte de Cruzul onde os franceses preparaban a súa voadura. Noel fai un debuxo da ponte onde figuran catro arcos en vez dos tres cos que conta na actualidade, feito que leva á conclusión de que se puído reconstruír posteriormente, perdendeo un dos arcos. Hai que destacar que, como puído comprobar o mesmo Noel, a ponte non foi voada (como conxectura algún investigador e a tradición) polos ingleses para retardar o paso das tropas invasores dos mariscais Soult e Ney cando se retiraban cara A Coruña, o que leva a pensar que, no caso de que a lámina citada a plasmara fidedignamente, foi reconstruída debido a outras causas. Unha lámina do século XIX representa a retirada do exército inglés pola ponte de Cruzul, fustrigado polos franceses. No Semanario pintoresco español do 21 de abril de 1850 aparece un debuxo da ponte.


Á importancia desta ponte non son alleas as lendas, como a que conta que cando lle presentaron as contas da ponte á raíña Isabel II, asombrouse do seu custo, dicindo que como era posible non ver obra tan cara dende o Palacio de Oriente de Madrid. 

 

O día 2 de outubro de 2015, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares presentamos unha solicitude para que a ponte fora declarada Ben de Interese Cultural (BIC). O día 27 de novembro de 2018, o Parlamento de Galicia, a proposta do BNG, aprobou por unanimidade urxir a súa declaración á Administración do Estado que é de quen depende por atoparse na antiga estrada nacional, titularidade do Ministerio de Fomento. Dende o BNG destacaron que xa noutras dúas ocasións o Concello de Becerreá, no ano 2009, e o Colectivo Patrimonio dos Ancares propuxeramos esa declaración. 

 

Transcorridos catro anos dende que presentamos a solicitude, sen ter resposta, o día 22 de outubro de 2019 volvemos a solicitalo ante a Dirección General de Bellas Artes do Ministerio de Cultura. En 23 folios, ademais da descrición, arquitectura, historia, estado de conservación, etc., xustificamos o que motiva a súa declaración como BIC. A ponte atópase nun espazo natural de recoñecida importancia, dentro da Rede Natura 2000 que ocupa unha superficie de 618 hectáreas, que conta coas figuras de protección de Zona de Especial Conservación (ZEC) e Lugar de Interese Comunitario (LIC). Nas súas proximidades está o coñecido como Aciñeiral de Cruzl, un aciñeiral mediterráneo nun dominio atlántico, cuxa presenza está asociada ao sustrato rochoso calizo, ademais dun souto de castiñeiros que na parte máis elevada convértese nun bosque mixto grazas á presenza de carballos. A ponte, de incuestionable valor arquitectónica, contibúe, ao fusionarse coa paisaxe, a dotar a esta zona dun gran valor histórico e ecolóxico. Nas inmediacións tamén se atopan varios bens catalogados pola Xunta de Galicia: Covas paleolíticas de Valdavara, castro galaico-romano de Vilar de Ousón, Casa-torre de Cruzul e un muíño hidráulico.

 
A principios do ano 2021, a petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a ponte foi sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo e a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.
 

 


PONTE DE MADEIRA DE CRUZUL (Becerreá)
 
Sobre o río Cruzul. Ponte de madeira con estribos en cadeirado de granito. Non conserva a estrutura de madeira, tan só son visibles os estribos laterais. Localízase a uns 200 metros río arriba da Ponte de Cruzul.
 
 
  
PONTE DAS PONTES DE GATÍN (Becerreá)
 
En As Pontes de Gatín (Becerreá). Salva o río Navia. Medieval de orixe romana. Posúe dúas bóvedas feitas con lousa, unha de 15,90 metros de luz con directriz próxima a circular, e outra máis pequena na marxe dereita de 4,35 metros de luz que actúa como desaugadoiro durante as enchentas. Ten unha anchura media de 3,80 metros, reducíndose na parte central a 2,70 metros. No medio hai un miliario romano, reutilizado durante os tempos de Carlos III, que ten gravadas cruces e unha inscrición moderna: "El edifico/este puente/por orden del/protector/de los caminos/del pueblo/[...] roto/[...] el [...]". Nas Pontes de Gatín estaba a mansión de Ponte Neviae situada a carón da Vía romana XIX que, procedente de Asturica Augusta (Astorga) comunicaba con Lucus Augusti (Lugo). Nas inmediacións apareceron tégulas e cerámica de clara filiación romana. Desta calzada consérvanse uns tramos espectaculares en Ransinde e A Braña (O Bierzo) e no Comeal (Cervantes).
 

Pero, quen construíu a ponte? A razón dinos que persoas humanas, pero xa se sabe que eiquí en Galicia...    
 
Cóntase que nunha ocasión un forte temporal asolou a comarca, provocando unha nunca vista enchenta do Navia, ata o punto de facer imposible atravesar o río. Unha muller que tiña que pasar urxentemente ao outro lado para que unha curandeira (hai quen fala dunha bruxa que habitaba na Cova da Moura, que existe) sandara ao seu fillo que padecía unhas altísimas febres, achegouse ata a ribeira para suplicar axuda ao Todopoderoso, mais quen se lle apareceu non foi outro que o mesmo diaño quen, sempre disposto a "axudar", lle preguntou que lle daría a cambio de asegurarlle o paso cara a outra ourela. A muller, disposta a dálo todo para salvar a vida do seu fillo, respondeulle que o que lle pidise. O diaño construíu a ponte, pero a muller tivo que entregarlle a súa alma. 
 
 
Pero hai outra versión que di que un mozo, que vivía na marxe esquerda do río, estaba namorado dunha rapaza que vivía na marxe oposta. Como non había maneira de cruzar o río para estar xuntos, fixeron un pauto co demo a cambio de que este lles construíra unha ponte para poder disfrutar do seu amor. O diaño, a cambio, díxolles que lle tiñan que entregar o primeiro ser vivo que nacera na casa da parella. Celebrouse a voda e a moza quedou embarazada ao pouco tempo. Mentres, o diaño facía o imposible para que non nacera ningún animal para así asegurarse que o primeiro ser vivo nacido na casa fora o neno que esperaban. Co que non contou o demo foi coa palleira anexa á vivenda. O destino quixo que nela nacera unha camada de gatiños (daí o nome de Gatín). Entón, o home colleu o primeiro gatiño nacido (hai quen di que era negro) e levoullo ao diaño ata a ponte onde llo entregou, burlando deste xeito o fatal destino que lles tiña preparado.  


A principios do ano 2021, a petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares, a ponte foi sinalizada pola Deputación Provincial de Lugo e a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses.
 
 
  

PONTE DO PONTORRÓN (Cervantes)

No Pontorrón, na parroquia de Vilasante. Ponte de madeira, derrubada, sobre dous piares de cachotes de pedra.
 
 
 
PONTE SOBRE O RÍO DAS CASAS (Cervantes)
 
A Pontella, que ía ata o muíño de Suvila, aínda se mantiña en pé no ano 2017. A principios do 2020 cando a vimos de novo estaba derrubada, posiblemente por unha enchenta.
 




PONTE VELLA (Cervantes)
 
Sobre o río das Pontes, na parroquia de Donís (Cervantes). Trátase dunha ponte, en mal estado de conservación, cun arco de medio punto realizado en lousa.




PONTE DE SAN MARTÍN DA RIBEIRA (Cervantes)
 
Sobre o río Navia. Na actualidade está pechado ao tráfico rodado. Martínez Salazar, en Algunos temas de Lugo (1904), fala dunha solicitude que Alonso López de Cancelada, en abril do ano 1600, en nome dos veciños de San Martín, fai á Real Audiencia de Galicia dunha Real Provisión para reconstruír a ponte, que caera no inverno anterior. A Audiencia librou en favor de Alonso López, pero non se cumpriu o veredito polas diverxencias e intereses entre os veciños. Foi entón cando en abril de 1601, a Audiencia enviou a Cervantes a Juan de Cebrero, alabardeiro do Tribunal, para arranxar a situación, para repartir entre os veciños 150 ducados en que se tasara a reparación da ponte. Este Juan de Cebrero  encabeza as súas dilixencia do seguinte xeito: "En la villa de San Román de Cervantes junto a la casa y fortalza de don Pedro Osorio Manrique, cuya es la dicha tierra...".
 
 
   
 
PONTE SOBRE O RÍO PIORNEDO (Cervantes)
 
No concello de Cervantes. De madeira, no camiño que vai dende O Piornedo a Vilarello.
 
 
  
PONTE SOBRE O RÍO DOS CARNEIROS (Cervantes)
 
No concello de Cervantes. Ponte ruinosa de madeira no camiño de Xantes a Robledo.
 
 
 
PONTELLA DA CAMPA DE CAMPO REDONDO (Cervantes)
 
Na parroquia de Donís (Cervantes), no camiño que vai ao Pico do Mostallar. Pontella de madeira que salva o regueiro Veiga Cimeira. Nas inmediacións, integrantes do noso colectivo localizamos un petroglifo.




A PONTE VELLA (Navia de Suarna)
 
Na Pobra de Navia (Navia de Suarna). Salva o río Navia. Medieval, do século XIII ou XIV. Consta dun arco apuntado construído en lousa. Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, provincia de Lugo, atribúelle unha orixe romana, época recollida por Sebastián de Miñano no seu Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal (1827).
 

Un documento do ano 1562 fala do pontádego (imposto dirixido aos que querían cruzar a ponte de acceso á vila) que os condes de Altamira cobraban a quen quería vender os seus produtos na feira da Proba de Navia. Ata mediados do século XVIII, para cruzala había que pagar o pontádego que, segundo o Castastro de Ensenada, lle producía ao conde de Altamira 88 reás de vellón ao ano. Ademais do pontádego estaba a portaxe, que se cobraba ao traspasar as portas dos recintos amurallados. No Archivo General de Simancas, en Valladolid, documéntanse na Proba de Navia unhas feiras no século XVI en que se vendían, mercaban ou trocaban, entre outras cousas, gando, panos e quincalla. 


Non moi lonxe había outra ponte; ata hai poucos anos aínda se conservaba un estribo co arranque dun arco.



PONTE DE BARCIA (Navia de Suarna)
 
En Barcia (Navia de Suarna). Sobre o río Queizán, tributario do Navia. Ponte dun arco. Sábese que a antiga ponte foi destruída por unha enchenta no ano 1911. As obras de reconstrución, que remataron no 1915, tiveron un custo de 3.796,35 pesetas.
 


PONTELLA DE BALARGANTES (As Nogais)
 
Entre os concellos de Becerreá (parroquia de Agüeira) e As Nogais. Sobre o río Navia. Ponte de madeira con estribos pétreos de xisto e granito.
 
 

PONTE NAS CABANAS (As Nogais)
 
Fermosa ponte cun arco de medio punto situada sobre o río Boullón, nas Cabanas (Nullán) que nace nas montañas da Antigua ou Serra do Pando. Ao seu carón hai un muíño fariñeiro. Segundo información achegada por Manuel Simón, pola ponte pasaban as cabalerías con sacos de cereais para ser moídos ou triturados no muíño. Xuntábase moita xente a moer centeo, trigo, avea e millo, tanto para os animais como para consumo propio. Conta Manuel que era tanta a actividade que había temporadas que moía día e noite. Non había luz eléctrica, tendo que alumarse cunhas farolas artesás que funionaban con gas. Como se xuntaban moitos mozos e mozas era un lugar de diversión, coñéciase moita xente e incluso saían parellas de noivos. Cando se xuntaban os avos e as avoas, cantaban: "Unha noite no muíño,/unha noite non é nada./Unha semaniña enteira,/iso si que é muiñada".
 


PONTE DA FERRERÍA (As Nogais)
 
En As Nogais, límite con Becerreá. Sobre o río Navia. Cando as obras da N-VI, un camión ao rozar o peitoril da ponte derrubou unha pedra que resultou ser un leguario do antigo Camiño Real de Galicia. O día 3 de maio de 2017 achegámonos ata o sitio para comprobar se aínda continuaba ali. Mostra unha inscrición, repicada, onde se ven algunhas letras. Cremos que a inscrición orixinal era: "A LA (CO)R(U)NIA 23". O legurario, ao non figurar no PXOM, solicitámoslle ao Concello a súa inclusión no mesmo. Tamén llo comunicamos á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
 

 

PONTE SOBRE O REGO DE SANTO ANDRÉ (As Nogais)
 
Na Ferrería.
 

 
Pontes da comarca dos Ancares

A descrición e as fotos é obra do Colectivo Patrimonio dos Ancares

© Colectivo Patrimonio dos Ancares