VOCABULARIO, DITOS... DA COMARCA DOS ANCARES


Abater: En Navia de Suarna, baixar (“A mesa abátese pra comer”).
Abedual: En Pedrafita do Cebreiro, bosque de abeduis.
Abeños: En Fonteformosa e Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro): Ferramentas.
Abroita: En Cervantes, o gamón que se coce para os porcos e non os dana.
Aburrueirar: En Pedrafita do Cebreiro, amontoar, para queimar, os torróns cavados. Tamén se di entolar. 
Aculumbrar: En Navia de Suarna, clarexar o día.
Adival do carro: En Pedrafita do Cebreiro, corda con que se ata a carga de leña contra o carro; sedeño.
Afuar: En Pedrafita, enganchar nos briois a corda ao atar a carga do carro.
Aiguelo: Lagarteiro, aguiacho (Cervantes).
Alcoxo: En Pedrafita do Cebreiro, arandela grande de ferro.
Alcorsar: En As Nogais, poñer alcorso ás vacas.
Alcorso: En As Nogais, dispositivo que se aplica ás vacas que non se deixan munxir e que lles suxeita a cabeza a unha pata para inmobilizalas.
Aleitar: Desexar algo vivamente. Ten un certo matiz de que unha vez tida a oportunidade de conseguilo botarse atrás. (Recollido do Endl do CEIP de Navia de Suarna).
Alindeirar: En As Nogais, pastorear o gando vacún.
Allar: En Pedrafita do Cebreiro, sitio para deixar a leña.
Aloia: En Cervantes, copla, canción, romance. 
Alpeirar: Recuperarse dunha enfermidade (Navia de Suarna).
Alzada: En Cervantes e Navia de Suarna, zona de montaña onde os veciños labran e alzan as colleitas xuntos.
Ámboa: En Cervantes, vasilla grande de barro para conter viño, aceite, etc.
Ameter: En Pedrafita do Cebreiro, dise do máis manar as fontes.
Androias: En As Nogais, tripas grosas de porco. 
Anicrén: Neno moi pequeno.
Anobreguecer: En Navia de Suarna, cando cae a noite.  
Anufrado: Estar enfadado. (Recollido do Endl do CEIP de Navia de Suarna).
Aperruñar: En Pedrafita do Cebreiro, xuntar, apertar. 
Apetuñar: Gardar, meter no peto o diñeiro. 
Apretada: En Pedrafita do Cebreiro, dise das maneiras de construír a cuberta de colmo das pallozas.
Apriozado: En Pedrafita do Cebreiro, sitio cuberto de pequenas nubes.
Arangura: En Pedrafita do Cebreiro, ave rapaz diurna.
Arbeiriña: En Cervantes, herba do carboeiro, herba da pena.
Arcea: En Pedrafita do Cebreiro, perdiz pequena, coñecida tamén como pita boba, pita cega ou galiña cega.
Armilla: En Pedrafita, anel grande para colgar o caldeiro ao lume.
Arraiar: En As Nogais, cortar as castañas para que non estouren ao asalas.
Arrao: En Pedrafita do Cebreiro, ra.  
Arrastro: En Pedrafita do Cebreiro, chan (lareira de arrastro é a que está a ras do chan). 
Arreboullón: Caer ás voltas.  
Arreguento: En Pedrafita do Cebreiro, levadura que se fai cos restos do formento da cocedura anterior, a véspera de cocer.
Arrodear: En As Nogais, aventar o centeo deixándoo caer dende unha peneira que se levanta cunha man e abanea lixeiramente.
Arrousar: En Navia de Suarna, remover a terra branda e solta coa mangueira ao regar. 
Arroxar: Quentar o forno para cocer o pan (Cervantes).
Ástrago: En Pedrafita do Cebreiro, a entrada da porta das pallozas.
Aterecer: En Navia de Suarna, pasmar de frío.
Atraemento: En Baralla, atractivo (“Cando me vivía a muller, a vida tiña máis atraemento”).
Autramente: En Cervantes e Pedrafita do Cebreiro, doutro xeito, por outra parte, ademais.
Ave laiona ou laión En Pedrafita do Cebreiro, moucho.
Aviado: En Pedrafita do Cebreiro, raiado, listado, de varias cores.
Avizolo ou gavizolo: En Vilaquinte (Cervantes), Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro, ave rapaz da familia das falcónidas. 
Babuxar: Chiri miri, ou Pingallada, ou Babuxeo (Recollida de Kike de Vidal en Navia de Suarna). 
Bagutos ou batugos: En Sobrado do Picato (Baralla) e As Nogais, castañas da debaga (a debaga é a caída das castañas cando están maduras).
Balbarigote: En As Nogais, queixelo.
Baldón: En Becerreá, chanzo da escaleira.
Baldón: En Navia de Suarna e Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), lámina de ferro grosa que arrodea toda a roda do carro. 
Baloca: Pataca (Becerreá).
Banastra: Cesta grande e de boca case que ovalada. (Recollida de Kike de Vidal en Navia de Suarna).  
Barbarote: En As Nogais, queixelo.
Bargado: En Cervantes e Navia de Suarna, cerca, valado.
Bargo: En Becerreá, sebe, estacada de paus secos para cercar unha herdade.
Barra: En Pedrafita do Cebreiro, o sobrado das cortes.
Barrallar: En Riocereixa e Fonteformosa (Pedrafita do Cebreiro): Chuviscar.
Batugos: En As Nogais, castañas maduras que caen ao chan.
Biduo: No Cebreiro, bidueiro. 
Biouteiro: En Pedrafita do Cebreiro, bieiteiro, sabugueiro.
Bizquilón: En Vale (Baralla), anaco de pel soa ou con carne que se levanta cunha cortadura. 
Bordear: En Navia de Suarna, muxir, bramar. 
Borga: En Cervantes e Navia de Suarna, clase de herba mala. 
Borona: Pan de millo. 
Borra: En varias zonas, residuos que saen de mazar o liño (Baralla)
Bóutaro: En Navia de Suarna, especie de planta, a mélica azafranada.
Brasedo: En Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro, conxunto de rescaldos no fogar ou sitio do forno onde cae a cinsa.
Bregolián: En Navia de Suarna, charlatán.
Brétima: En Pedrafita do Cebreiro, vento forte, choiva con vento.
Brión ou briois: En Pedrafita do Cebreiro, taco baixo as chedas do carro para enganchar e suxeitar a corda ao atar a carga do carro.
Burdear: En As Nogais, muxir os bois.
Burdiar: En Pedrafita do Cebreiro, muxir os bois.
Cabezoalla: En Becerreá, lanza do carro, estadullo.
Cachumbo: En Pedrafita do Cebreiro, cacho do carozo da mazaroca que se axusta na roca para enrollar arredor a la que se vai a fiar.
Caliosto: En Cervantes, despeñadeiro.
Calmosa: En Guilfrei (Becerreá), cansil para o pescozo do xugo.
Cambeira: En Degrada (Cervantes), utensilio de madeira con ganchos para colgar os touciños e conservalos no hórreo.
Canadeiro: En Pedrafita do Cebreiro, andel, alzadeiro, mesa ou sitio onde se coloca o canado. Tamén recipiente para recollere a auga.
Cantadeiro: Na Serra dos Ancares, póla na que se empoleira o macho da Pita do Monte cando cortella a unha femia.
Cantarexar: En Navia de Suarna, cantaruxar, recitar. 
Capelo: Cogumelo (Vilaquinte, Navia de Suarna). 
Capizo: Trapo (Navia de Suarna). 
Capudre e capurro: En Becerreá, árbore que produce unhas mazás pequenas, como cereixas e da súa propia cor. No Cebreiro identifícase co freixo (aquí coñécese tamén como cornabudo).
Carnabudo e Cornabudo: No Cebreiro e Fonfría (Pedrafita do Cebreiro), árbore cornicabra. Autores dos séculos XVIII e XIX identifican este nome co sanguiño, a planta arbustiva propia de lugares húmidos cuxa casca, unha vez seca, se empregaba como purgante e remedio contra a sarna, para cortume de coiros, obtención de tinturas, etc. Mais F. Martiño Sarmiento (e xa no século XX Francisco Porto, Eladio Rodríguez, Franco Grande, etc.) xa o identificou co freixo; conta que no Cebreiro recibía os nomes de cornabudo e capudre.
Mais, sobre os vocábulos Capudre, capurro, carnabudo e cornabudo cómpre realizar algunhas precisións. Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, que leva visitando e traballando nas montañas do extremo occidental cantábrico dende hai máis de trinta anos e interesado nos aspectos lingüísticos relacionados coa toponimia e fitonimia, enviounos un correo no que di que as definicións, no tocante a estes vocábulos, non lle parecen axeitadas, xa que, segundo el, inducen a confusión. Transcribimos literalmente: "As catro denominacións indicadas (capudre, capurro, cornabudo e carnabudo) aplícanse no ámbito xeográfico do cuadrante suroriental da provincia de Lugo á mesma especie vexetal: Sorbus aucuparia, que se asemella ao freixo habitual nas terras dos Ancares, O Cebreiro e a parte alta do Courel (Fraxinus excelsior) por ter as follas divididas nun número impar de foliolos, pero que se diferencian claramente, entre outros caracteres, nos seus froitos, en pequeno pomo ("mazá" en términos vulgares) alaranxado no caso do capudre e como unha estrutura seca e ovalada que a miúdo queda presa nas pólas dun ano para o seguinte, no caso do freixo. Teño por seguro que os habitantes das áreas nas que se dan estan dúas especies non se confunden, á parte de por aspectos morfolóxicos, porque a súa madeira ten cualidades e usos tradicionais ben distintos, e fan referencia a elas con termos diferentes. Ademais, a suposta confusión de calquera destas dúas especies co "sanguiño" non deixa de sorprenderme, por canto unha persoa minimamente observadora decátase inmediatamente de que non teñen nada que ver, nin no plano morfolóxico nin no dos seus usos. Sobre o termo "árbore cornicabra" atreveríame a calificalo de incorporación ao vocabulario local a partir dun léxico dunha persoa de orixe castelá. A única especie que en Galicia recibe ese nome é Pistacia terebinthus, presente nas comarcas de Valdeorras, Quiroga e a Ribeira Sacra, pero ausente por completo do territorio no que se afirma utilizar".
Capudrio: En Cervantes e Navia de Suarna, árbore de alta montaña, toxo que forma unha mata arredondada.
Caroceiro: En Pedrafita do Cebreiro, hórreo. 
Carreira: Corredoira. (Recollido de Kike de Vidal).  
Carrelo: En Cervantes e Navia de Suarna, clase de herba mala.
Carretal: En Pedrafita do Cebreiro, o propio do carro.
Cascarolo: En Cervantes e Navia de Suarna, clase de herba mala, chamada tamén herba da fame. 
Casqueiro: En Navia de Suarna, de esguello. 
Centeu: En Horta (Becerreá), tardío (“o pan veu centeu”).
Cercenar: En Pedrafita do Cebreiro, chuviscar.
Cerceno: En Pedrafita do Cebreiro, chuvisca.
Cerro do lombo: En Pedrafita do Cebreiro, espiñazo.
Chabascada: En Baralla, dito baixo ou minteireiro.
Chancil: En As Nogais, as castañas que caen espontaneamente dos ourizos unha vez maduras.
Chapo: Chaman en Navia de Suarna ao legón, a ferramenta agrícola para cavar.
Chavalón e chavalois: En Cervantes e Navia de Suarna, mozo.
Chavasqueiro: Prado ruín e pequeno.. 
Chegón: En Becerreá, por chegou ("Chegón tarde"). 
Chicho: En Pedrafita, chícharo.
Cillo: En Pedrafita do Cebreiro, saco pequeno. Coñecido tamén como fariñón.
Cirrio: En Becerreá, ave semellante á andoriña. 
Chusmiar: Zumegar (Becerreá).
Cochel: En Pedrafita do Cebreiro, conxunto de varas no colmo do hórreo.
Cochello: En Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), parte da corte para os porcos.
Consoldra: En Cervantes e Navia de Suarna, herba mala.
Cormea e cormeal: En Baralla, colmea.
Cornela: En Cervantes e Navia de Suarna, clase de herba mala.
Corolo: Castaña cocida (Cervantes).
Corre: En Doiras (Cervantes), resgardo de madeira que circunda as pedras do muíño fariñeiro.
Corredoira: En Degrada (Cervantes), xeneta, mamífero carnívoro. 
Corticeira: Sobreira. 
Cortín: En Cervantes, Navia de Suarna e As Nogais, colmea.
Corzo: En Navia de Suarna, gabuzo para o que se utiliza a cádava (toxo chamuscado) de certa especie de toxo.
Costeleiro: En Cervantes e Navia de Suarna, costela do porco.
Cotear: En Navia de Suarna, quitar a parte superior, cortar (“cotear o millo”).
Coutillón: En Baralla, terreo elevado.
Covacha e covaracha: En As Nogais, caluga.
Coxega: En Pedrafita do Cebreiro, parte de atrás do xeonllo da vaca.
Cubilote: En Navia de Suarna, especie de tinaxa onde coar a roupa.
Curadeiro: En Navia de Suarna, sitio para curar a matanza.
Curtiñeiro: En Baralla, bosque cercado.
Curuxar: En Pedrafita do Cebreiro, emitir o canto nocturno a curuxa.
Cuzo: En Cervantes e Navia de Suarna, can. 
Desalarpado: Andar co pescozo ao aire desabrigado. Variante: Desgargallado (Recollido do Endl Navia de Suarna).
Desnivir: Librarse, desfacerse de alguén.
Duvieira: En Navia de Suarna, torrenteira.
Embelecar: En Vilaquinte (Cervantes), tropezar.
Embelicar e encepelar: En Pedrafita do Cebreiro, tropezar.
Enfurcar: (As Nogais), enristrar. 
Engallada: Masa da zorza. (Recollida do Endl Navia de Suarna).
Engobelado: Encorvado, corcovado (recollida do CPI de Navia de Suarna). 
Engorolado: Dise das patacas que non cocen ben (recollida do Endl Navia de Suarna).  
Engurriar: En Degrada (Cervantes), encoller.
Entolar: En Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, amontoar, para queimar, os torróns cavados; tamén se di aburrueirar.
Entroiro: En Cervantes e Navia de Suarna, entroido, carnaval.
Enveredar: Guindar, lanzar unha pedra a alguén ou a algo. Tamén encamiñar, meter en razón (Recollido do Endl Navia de Suarna).
Ervellada: En Cervantes e Navia de Suarna, herba mala.
Esbaradíu: En Pedrafita do Cebreiro, esvaradizo.
Escanaveira: En Cervantes e Navia de Suarna, cana oca.
Esbardar: En Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro, baixar do monte ao val os lobos ou os osos.
Escada: En Pedrafita do Cebreiro, pesebre.
Escavazar: En Navia de Suarna, escavar.
Escarear: En Navia de Suarna, agretarse o pan atrasado.
Escavón: En Cervantes e Navia de Suarna, aixada, sacho.
Escanín: En Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), banco con espaldeira pequeno.
Escanir: En Horta (Becerreá), banco con espaldeira pequeno.
Escañarse: En Becerreá, relaxarse un músculo.
Escolmar: En Cervantes e Navia de Suarna, escoller a palla longa (colmo) para cubrir as pallozas, etc.
Esgarza: En Cervantes, greta, fendedura.
Esmanzanarse: En Pedrafita do Cebreiro, derrearse a vaca polos cuartos traseiros.
Esnembrado: En Pedrafita do Cebreiro, roto. 
Esnizar: Destrozar, desfacer.  
Espulburiñas: En Pedrafita do Cebreiro, comezar a nevar; tamén se di nebruscar. 
Esquivio e Esquivo: En Cervantes, esquío.
Espulfurida: En Navia de Suarna, persoa que está ben vestida.
Estada: En Cervantes e Navia de Suarna, andamio dos serradores.
Estaribeque: En Cervantes, andamio ou armazón para conter algo.
Estascar: En Pedrafita do Cebreiro, espadelar o liño.
Estiñar: En Fonteformosa e Riocereixa (Pedrafita do Cebreiro): Escampar. 
Estón: En Becerreá, por estou ("Galego son e orgulloso estón"). 
Fabeu: En Cervantes e Navia de Suarna, reparto de comunal botando a sortes; leira que a un lle toca.
Fandela: En Becerreá, mandil.
Fariñento: En Pedrafita do Cebreiro, cincento.
Fariñón: En Cervantes e Navia de Suarna, saco pequeno. 
Ferreña: Cernella, en Donís (Cervantes).
Ferrete: En Becerreá, anel de arame un pouco groso que se pasa polo beizo superior dos porcos que fozan a terra, para impedir que o fagan.
Fillolas: En Cervantes e Navia de Suarna, froita de tixola.
Folecón: En Cervantes e Navia de Suarna, saco pequeno; odre, pelexo de pel de cabra.
Fondada: En Cervantes e Navia de Suarna, parte inferior, parte baixa dun terreo.
Forcadela: Cadela de Frade (En Fontarón, Becerreá).
Fornelo: En Navia de Suarna, pequena ventá que dá da cociña á corte.
Fradar: En As Nogais, podar as árbores.
Fraudar: En Castelo de Frades (Cervantes), quitar ao castiñeiro o que ten de vello para renovalo.
Furco: En Cervantes,  Navia de Suarna e As Nogais, ristra (de millo, allos, cebolas...).
Fúrrea: En Cervantes, chamábase así ao tabaco que alí se colleitaba.
Gabita: En Navia de Suarna, medio de tiro adicional cunha segunda xunta. 
Gadaño: Sacho de dous dentes. (Recollido de Kike de Vidal en Navia de Suarna).  
Galiña cega: En Pedrafita do Cebreiro, perdiz pequena que vive en terreos húmidos, tamén coñecida como arcea.
Galiña Gorda: En Cervantes, planta de cuxas bagas negras se fai unha tintura.
Galo Cresto: En Becerreá, clase de paxaro semellante ao corvo pero de cores máis vistosas.
Galocho: En Pedrafita do Cebreiro, chanco.
Gamota: En Cervantes e Navia de Suarna, clase de planta silvestre.
Ganchos: En Becerreá, aparello agrícola, especie de gran rastrel de dentes circulares, usado para remover superficialmente a terra; en Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), son os da gramalleira para colgar potes ao lume.
Ganseira: En Cervantes e Navia de Suarna, varal, largueiro.
Garabato: En Becerreá, forcada de ferro de dentes curvos.
Garabullos, En Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro, leña miúda.
Garañón: En Becerreá, caruncho do centeo.
Garelo: En Pedrafita do Cebreiro, bugallo, especie de planta.
Gata fornela: En Pedrafita do Cebreiro, gabián.
Golada: En Cervantes, porto de montaña. 
Gorlar: Ruído emitido polos porcos cando teñen fame. (Recollida do Endl de Navia de Suarna).
Goxo: En Riocereixa e Fonteformosa: Cesto. 
Gramalleira: En Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), por gramalleira, a cadea que se colga do teito da lareira para suxeitar o pote sobre o lume. Tamén garmalleira.
Granda: En Cervantes, terreo onde medran uces.
Gueldro: En Os Mazos (Baralla), cría da troita utilizada como cebo.
Guincho: En As Nogais, especie de rastrel de grandes dentes curvos ou forcada de ramas curvas.
Gurbia: En Cervantes e Navia de Suarna, clase de herba.
Herba do coral: En Navia de Suarna, herba de diminutas ceboliñas en cadea.
Herba do cuxigo: En Cervantes, coñecida tamén como herba da pezoña.
Herba do morto: En Cervantes, plantiña que machucada e posta nas plantas dos pés amortiguados pola frialdade cúraos.
Herba má: En Pedrafita do Cebreiro, ortiga morta.
Herbeiriña: En Cervantes, clase de planta verde e púrpura.
Horro: En Cervantes e Navia de Suarna, hórreo.
Inanque: En Cervantes, aínda.
Laborear: En Papín (Baralla), labrar, arar a terra.
Labrizo: En Navia de Suarna, mango da ferramenta de labranza.
Leldar: En Navia de Suarna e Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), fermentar a masa (“xa leldou”).
Leldo: En Becerreá, Navia de Suarna e Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), fermentado.
Loia: En Zanfoga (Pedrafita), estrofa discurrida por unha persoa que canta en rima e é contestada, do mesmo xeito, por outra ("se botan loias").
Louseiro: En Becerreá, canteiro que corta lousas.
Lucia e lucio: En Navia de Suarna, capa de xeo que se forma onde hai auga.
Llancras: En Cervantes e Navia de Suarna, larqueiros horizontais nas cancelas.
Malfuradiña: En Cervantes, planta pequena que pasa o talo por entre dúas follas.
Mapola: Papoula.
Marrote: En As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, pía de feixes de centeo ou trigo que se fai na terra ao segar.
Matugueira e Matorro: En Cervantes, matogueira.
Mazarica: Rodiña de madeira con mango para mazar o leite )En Fontarón, Becerreá).
Millaca e Millán: En Navia de Suarna, herba semellante á avea, paínzo, pata de galo.
Mitigar: En San Román (Cervantes), botar no leite cachos de castaña ou pataca.
Marroto: En Navia de Suarna, segadores que van en cuadrilla segando o cereal no verán.
Mollo En Pedrafita do Cebreiro, feixe.
Morodeira: En Pedrafita do Cebreiro, planta que dá os morodos.
Mosqueira: En Cervantes e Navia de Suarna, semente mala que medra entre o trigo.
Murria: Dise dunha persoa ou animal esmirrado (Pedrafita do Cebreiro).
Murruxa: En Cervantes e Navia de Suarna, clase de herba, orella de rato.
Mutio: En Navia de Suarna, moito. 
Muxena: Muxica (O Lago, Becerreá).
Naspa: En varias zonas, sarillo para facer madeixas (Cervantes e Navia de Suarna).
Neada, En Cervantes, niño.
Nebruscar: En Pedrafita do Cebreiro, comezar a nevar; tamén se di espulvuriñar.
Negral: En Cervantes, xesta. 
Nifrar: Choromicar. (Recollido do Endl de Navia de Suarna).   
Nordear: En Cervantes, soprar o vento do norte.
Novos: Vexetais que nacen despois de queimarse un terreo (Cervantes).
Numear: En Navia de Suarna, muxir. 
Odega: En Navia de Suarna, desculpa.
Ollar: En Covas (Baralla), rincón da cociña onde se deixa a leña que se vai a queimar.
Orrón: En Cervantes e Navia de Suarna, castiñeiro que dá castañas grandes, pero non de boa calidade.
Orsoño: Osiño pequeno, en Cervantes.
Ourear: En Navia de Suarna, cantar o ouriolo, coñecido tamén como vichelocrego.
Oureleiro: En varias aldeas do concello de Cervantes, e en Rao (Navia de Suarna). Cimada, remate, testeiro, en alusión a unha estrema ou marxe dunha finca.
Ouriceira: En Cervantes e Navia de Suarna, cercado pequeno onde se deixan os ourizos das castañas.
Ouriolo: En Navia de Suarna, cantar o ouriolo ou vichelocrego.
Outramente: En Cervantes, ademais, por outra parte, polo demais.
Paila: En Navia de Suarna, especie de tixola sen mango.
Pailla: En Cervantes, tixola.
Pallar: En Papín (Baralla) e Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), terreo onde se bota o pan.
Pallota: En Cervantes e Navia de Suarna, folla que recubre a mazaroca.
Palmela: Reixa plana do arado, de forma triangular cun espigo para asegurar (Navia de Suarna).
Palomiña: Bolboreta. 
Parafusa: En As Nogais, roda que se utiliza para mazar o leite.
Paramia: En As Nogais, cheminea do forno.
Paraza: En Cervantes e Navia de Suarna, casca, monda, das castañas, patacas...
Parrapois da Merda: En Cervantes e Navia de Suarna, escaravello.
Parromao: En Pedrafita, clase de xogo dos mozos. 
Parromeira: Feluxe. 
Pasteiro: En Pedrafita do Cebreiro, pasto.
Pata de Galiña: En Navia de Suarna. Planta da familia das gramíneas, cuxos rizomas, segundo Marcial Valladares Núñez (1884), son dulcificantes e aperitivos. Nalgunhas zonas costeiras de Galiza recibe o nome un tipo de alga. 
Patiadoiro: En Becerreá, tropel, multitude, morea. 
Paxelo: Roupa vella (Navia de Suarna).
Pecho: Clavixa que traba o ogo do tear, e tamén clavixa dunha porta (Pedrafita do Cebreiro).
Peis: En Pedrafita do Cebreiro, pés.
Perendós: No Cebreiro, planta medicinal.
Pertegal: En Navia de Suarna, espazo do carro para cargar.
Peseleiro: En Cervantes e Navia de Suarna, cesteiro, que fai cestos. 
Peselo: Cesto co cu fondo e boca acampanada. (Recollido de Kike de Vidal en Navia de Suarna).  
Peso: En Cervantes e Navia de Suarna, cesto grande que se utiliza para recoller os ourizos e botalos na ouriceira.
Pexegueira: En As Nogais, presebe.
Pibideiro: En Papín (Baralla), horta pequena para verduras.
Pinchorra: Salamántiga en Castelo (Becerreá).
Pipal: En Pedrafita do Cebreiro, aguilón.
Pito Vergadello: En Pedrafita, paxaro carpinteiro.
Po: En Becerreá, o que despide a máquina de trillar, que non sexa palla ou gran.
Polvorín: En Degrada (Cervantes), neve con vento.
Porteleiro: En Cervantes e Navia de Suarna, cancela dunha herdade.
Prao e prau: En Baralla e As Nogais, prado.
Prixada: Pau de liceira de tear (Cervantes e Pedrafita do Cebreiro).
Pulvozo: En Navia de Suarna, reducido a po.
Pumar e pomar: En As Nogais, maceira.
Punxa: En Baralla, leña de monte.
Queda: En Pedrafita do Cebreiro, forma, modo, maneira (“chamámoslle de dúas quedas”).
Quello: En Cervantes, camiño na montaña.
Queimada: En Cervantes, parte do monte que se queima para plantar centeo.
Quendada: En Cervantes, día que corresponde a un veciño para utilizar a auga para regar. 
Racha: Estela.
Rancho: Cría do xabarín (Baralla e Becerreá).
Ranfoñar: En As Nogais, rosmar.
Rastro: En Horta (Becerreá), rastrel de ferro que leva o tractor para desfacer os torróns; en Barxamaior (Pedrafita do Cebreiro), grada tanto de varas como de madeira con dentes.
Rebar: Retirar a terra dunha finca. (Recollida do Endl Navia de Suarna).
Rebezo: En Cervantes, o rebezo, o mamífero rumiante. 
Rebinxe: En Navia de Suarna, mal humor.
Rebola: En Navia de Suarna, vara de xesta con que se quenta o forno; en As Nogais, carballo.
Reboleira: En Horta (Becerreá), mata de carballo que brota de novo; en Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, carballeira.
Rebro/Reblo: Terra que arrastra a auga. (Recollido do Endl Navia de Suarna). 
Redrollo: En Cervantes, becerreo de cría.
Reia: En Navia de Suarna, voz para chamar á ovella.
Relistrar: En Navia de Suarna, alustrar, lostregar.
Relustrar: En Baralla, alustrar, lostregar.
Revoltizo: Millo tardío.
Roca de Penas: En Pedrafita do Cebreiro, rochedo.
Rodalo: En Cervantes e Navia de Suarna, útil de madeira con forma de media lúa co seu mango para xuntar o gran, etc.
Rodela: En Navia de Suarna, corriza, especie de correa feita con ramas verdes para atar os feixes.
Romballón: En As Nogais, abesouro, insecto que romba.
Ronxoes: En As Nogais, chicharróns.
Rumbar: En As Nogais, rosmar.
Ruxideira: Roca de fiar (Cervantes e Navia de Suarna).
Sabugueiro: Boito, en Navia de Suarna.
Samarco: En Cervantes e Navia de Suarna, herba mala.
Sangoviño: En Aranza (Baralla), árbore do sanguiño.
Sangomín: En As Nogais, sanguiño.
Sangumio: En Cervantes e Navia de Suarna, sanguiño.
Seara e Senara: En Becerreá, Degrada (Cervantes), As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, parte do monte que se queima, no cal se sementa centeo.
Sincero: En Pedrafita do Cebreiro, cuberto de neve, especialmente das plantas. 
Soíllo e soíllo: En As Nogais, sitio soleado.
Solterois: En Cervantes e Navia de Suarna, gando que non está no rabaño.
Sornear e sornexar: En As Nogais, roucar.
Sotarrego: En As Nogais, soto, subterráneo.
Sulleiro: En Covas (Baralla), sitio onde dá moito o sol.
Tamoncela e tumuciela: En Pedrafita do Cebreiro, pau ganchudo nun extremo e cunha cadea no oposto que serve de temón á grada.
Tapao: En Navia de Suarna, tellado de lousa sobre o forno.
Táramo: En Navia de Suarna, varredoiro (vasoira grande).
Tarreña: En Pedrafita do Cebreiro, vasilla para cociñar e servir a comida.
Tascón: En Pedrafita, espadiña para espadelar o liño.
Tazo: En Pedrafita do Cebreiro, toxos que se apañan no monte para cama do gando, estrume.
Tega: En Navia de Suarna, medida de gran e de terra, semellante ao ferrado.
Tego: En Becerreá, medida de gran e de terra, semellante ao ferrado.
Tempereiro: En Cervantes e Navia de Suarna, temporeiro (pan tempereiro).
Teso: En Cervantes e Navia de Suarna, prominencia pequena do terreo.
Tesón: En Horta (Becerreá), o tentemozo do carro.
Testiza: En Cervantes e Navia de Suarna, grade de varas.
Torgadura: En Becerreá, asfixia.
Torgar: En Becerreá, asfixiar.
Torgas: En Covas (Baralla), os dous aros de madeira polos que pasa o pescozo do animal xunguido ao xugo.
Torta: Proia (Baralla e Becerreá).
Trabincar: En Pedrafita do Cebreiro, atar coa corda do carro os estandoiros para que non abran demasiado coa carga.
Tramoxa: En Pedrafita do Cebreiro, moega do muíño.
Trapa: En Pedrafita do Cebreiro, pequeno madeiro, accionado por medio dun largueiro, para cortar a auga do muíño.
Traveira: En Cervantes, cada unha das vigas que serven de base aos tiradores que forman a armazón de soporte dos teitos de colmo nas pallozas e nos hórreos.
Trebusento: En Cervantes, que treme moito.
Trebusía: En Cervantes e Navia de Suarna, tremor.
Trelo: En Baralla, sedeño.
Trincheiras: En Cervantes, desmonte feito no terreo para un camiño.
Trutia: En Navia de Suarna, troita.
Tulla: En Degrada (Cervantes), onde se salga e conserva a carne do porco.
Turrullón e turrullois: En Cervantes e Navia de Suarna, chicharrón na mantanza.
Uchete: En Baralla, recipiente pequeno para o sal.
Urdidoiro: Rolo dianteiro no que vai enrolado a tea tecida.
Vagoada: En Cervantes, val.
Vale: En Vallo (Navia de Suarna), faldra do monte.
Valiña: En Cervantes, lugar montañoso que forma un pequeno val.
Vara de Monte: En Cervantes e Navia de Suarna, monte comunal de pastos ou en que se reparten searas.
Varadío: En Cervantes, sortes que se botan para o reparto de terras.
Varexador: En Cervantes e Navia de Suarna, quen varexa castañas.
Varexo: En Cervantes e Navia de Suarna, acción de varexar castañas.
Vasoiro: En As Nogais, vasoira feita de xestas.
Veado: En Cervantes, corzo.
Vedramio e Vedrón: En Cervantes, espesura do bosque.
Vela de Corzo: En Navia de Suarna, gabuzo para o que se utiliza a cádava (toxo chamuscado) de certa especie de urce.
Velairo ou Belairo: En Cervantes e Navia de Suarna, especie de palleiro onde se almacena a herba para o gando durante o inverno.
Venable: En Cervantes e Navia de Suarna, especie de sabre enmangado para cazar xabaríns.
Vizorro: En Navia de Suarna, ave de tamaño grande en xeral.
Volvedoira: En As Nogais, escumadeira.  
Von: En Becerreá, por vou ("Von a Lugo"). 
Vrincallo: En Cervantes e Navia de Suarna, atadallo ou vencello para atar feixes.
Xabreiro: En Becerreá, sitio frío onde non dá o sol; en Cervantes, vento frío do norte.
Xamúa: En Cervantes e Navia de Suarna, armazón.
Xardón: En Cervantes e Pedrafita do Cebreiro, acivo.
Xoncer: En Pedrafita, xunguir ("xoncer o gando").
Xouzá ou xenzá: En Pedrafita do Cebreiro, planta da xenciana.
Zabrear: En Navia de Suarna, traballar moito ou a empurróns. 
Zonchos: Castañas cocidas con pel (Pedrafita do Cebreiro).
Zreixal: En As Nogais, cerdeira.


"-Que boa moza levas, Pedro". "-Ela che mo dixo, Xoán".

"Santa Ádiga margariteira, na taberna me agardeis".

(Recollidos por un seminarista anónimo de Pacios, en Baralla) 

O muíño de Penamaior: Situado en Penamaior (Becerreá), fronte ao mosteiro cisterciense de Santa María, hoxe en día totalmente abandonado. A importancia que tivo como encontro dos veciños da comunidade dánolo unha canción popular que se conserva: "Na porta daquel muíño/hai dúas pedriñas dasento/unha é para namorar/e outra para pasar o tempo./Na porta daquel muíño/hai un carballo rachado/onde sentan as mozas/a matar o condenado". 
 
O muíño das Cabanas: Xunto o río Boullón, nas Cabanas, parroquia de Nullán (As Nogais). Cando as muiñadas, cantaban: "Unha noite no muíño,/unha noite non é nada./Unha semaniña enteira,/iso si que é muiñada".

Predicir o tempo: "Tal 27, / tal mes seguinte, / se o 29 llo consinte". Quérese dicir, se o 27 e o 29 son meteoroloxicamente semellantes, por aí irán os tiros o mes seguinte. Se a meteoroloxía é distinta, haberá de todo. (Achegada por Xosé Osorio, de Becerreá. Dito transmitido de xeración en xeración). 
 
"Por Santos, neve nos campos". (Recollido en Torés, Rao e Donís)
 
"Espírito Santo, vente con nós, o dezmo de fabas pagámolos nós". (Recollido en Fontarón)

"A conta xusta e axustada", dixo o crego da Golada. (Recollido en Becerreá)

"Os de Horta comen o caldo nunha biorta, i-os de Torallo nun fardallo". (Becerreá)

Dille a vaca ao becerro: "Ti virás por onde eu pase". (Recollido en Vilamane, Becerreá)
 
"Os de Guilfrei e Narón teñen moito corazón". (Becerreá)

Dixo a zorra: "Arriba, pés e zancas, que neste mundo non hai máis ca trampas". (Cervantes)

"En Cando, nin xente nin gando". (Cervantes).
 
Dixo o gato: "Dios nos dea arcas abertas e mulleres de pouco coidado". (Cervantes)

Díxolle San Froilán ao lobo: "Xa que me comiche o burro, lévame os libros a Lugo". (Cervantes)
 
“Os de Vilasante comen o guisante e non hai lobo que os espante”.
 
"De Coro, trece veciños e catorce avogados". (Coro, concello de Navia de Suarna)

"A nabiña do nabo sempre quere ver marchar da horta ao seu amo". (Navia de Suarna)

Dos nabos din en Navia de Suarna que entre eles nunca saen malas herbas porque así como sae mata todo.

"En San Xoán québralle a primeira raíz ao pan, en San Pedro a do medio, e en Santiago... fouciños a el". (Navia de Suarna) 

Copla de cego: Hai anos que polas feiras ían pola Pobra de Navia un cego delgadiño maila súa muller, esta, ao contrario ca o seu home, era moi gorda, máis aínda, gordísima. Eran de Ourense e cantaban coplas. Unha delas chamaba a atencíon porque a ripia falaba de que tres mulleres de Burón caparan a un mozo (o informante non lembra se a afrenta fora por unha violación, ou que non quixera casar cunha delas por engano cando a deixou preñada, ou por outro motivo). Ao rematar ían cara a Taberna de Pardo e a muller subíase a unha báscula e os clientes, entre chanqueiro e chanqueiro, facían apostas para adiviñar o que pesaba. O cego acompañábase dun acordeón e a muller, mormente, era a que cantaba e se encargaba de recompilar acontecementos tráxicos, algúns tamén ledos e retranqueiros, para logo facer as súas composicións que eran bastante mellores que as de muitos afamados letristas de hoxe en día. (Achegado por Henrique Fernández-Mon).

"En Viladicente matan o gando e aran ca xente". (As Nogais) 

"Os de Acevedo comen o caldo acedo". (Navia de Suarna)

"Os de Corneantes, burros de antes". (Cervantes)

"Os de Rao levan a merda na mao". (Navia de Suarna)

"Os de Sinada van ao hórreo e non atopan nada". (Navia de Suarna)

"Os de Virigo comen o gato ata o viligo". (Navia de Suarna)

"Da outra banda do río / cantaba o moucho, / e no cantar dicía: / si mo dás, doucho". (Recollido por Xoán Carballeira en El Pueblo Gallego no ano 1930).

Penamarela: Di a canción: "Arriba Pico de Surcio, abaixo Penamarela, máis arriba está Valouta, Deus nos libre desa terra". (Achegada por Abilio Fernández Barrero). 
 
"Mordedura de alacdrán/busca viño e busca pan/que mañá te enterrarán". (Recollida en Castelo-Becerreá).
 
"Mordedura de donicela/busca viño e busca vela/que mañá che darán terra". (Recollida en Castelo-Becerreá). 

Ditos recollidos de Fardelo de Tradición, publicado polo CPI de Navia de Suarna:
 
"A castaña a primeira, a noz a postreira".

"A castaña que está no camiño é do veciño".

"As castañas polo San Martiño, teñen sede e queren viño". 

"Castañas e viño fan a ledicia do San Martiño".

"Polo San Martiño o touciño sabe a viño". 

"Castañas, viño novo e chourizos, no mes dos Santos son vicios". 

"Poucas castañas en novembro, neve en decembro".

"Auga corredía, todo o mal desvía".

"Cando non chove en febreiro, non hai bo prado nin bo palleiro".

"Cando o cuvo vén pola ribeira, mel e manteiga, e cando vén pola montaña, pan e palla".

"Cando o trigo está no celeiro, é do dono ou de quen ten diñeiro".

"Carballo no chan, todos á leña".

"Hórreo no camiño, alegra ao peregrino".

"Labrador luneiro, nin boa meda nin bo palleiro".

"O corvo nace na pena, e tira pra ela".

"Neve febreiriña, tarde vén e lo camiña".

"Non hai xaneiro sen xeada, nin tulla sen palleiro".

"Se xea o día de San Brais, sesenta xeadas máis". 

"Avogado durmiñón, sen diñeiro no caixón".

"O ferreiro de maldición, ao ter ferro fáltalle o carbón".

"Arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta e pescador dunha cana, perden máis que gañan".

"Polo San Xoán, máis queixo que pan".

"Se pra túa casa é o madeiro, córtao en xaneiro".

"Xulín sega o foucín, agosto queima o rostro, setembro pan que retembre".

"En xaneiro, sete lobos ao carreiro".

"Home refraneiro, home de pouco diñeiro".

"A muller é muller cando lle apunta a teta".

"Vale máis fume da miña casiña, que lume da veciña".

"Se queres chegar a vello, garda aceite no pelello".
 

A FEIRA DE SEIXAS

A desaparecida feira de Seixas, en Cervantes, foi unha das máis importantes da comarca dos Ancares, tanto que ata mesmo lle dedicaban poemas. Este, escrito por Antonio Carvajal en Vilafranca do Bierzo no ano 1905, usa o galego e o castelán.



DENOMINACIÓNS DO LOBO E O RAPOSO NOS ANCARES

Tanto o lobo coma o raposo adoitan ter moitos seudónimos, e quizais sexa Galicia onde podemos atopar máis nomes polos que son coñecidos. Ao seu redor tecéronse numerosas historias e lendas.

O LOBO

O lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos: quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. O mítico depredador protagonista de imnumerables lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio, a partir da Idade Media. Da súa caza sabémolo polas xeiras organizadas contra eles, como as que, no século XIV, ordenou o arcebispo de Compostela Berenguel de Landoira, mandando que unha vez por semana saísen os parroquianos co cura á fronte dende o primeiro sábado de Coresma ata o 24 de xuño para dar morte aos lobos e armar os foxos (burato onde entraba o lobo e non podía saír). Manuel Valladares Núñez, no seu Diccionario gallego-castellano (1884) fala do lobo negro, Canis Lycaon, variedade, quizais, do lobo común pero máis fero, delgado, cor negra uniforme, cunha mancha branca no fuciño e outra no peito.

DENOMINACIÓNS DO LOBO NA COMARCA DOS ANCARES

O Amigo (As Nogais)
O Capa Raxada (Pedrafita do Cebreiro)
O das catro patas (Cervantes e Navia de Suarna)
O das orellas dereitas (As Nogais)
O das ovellas (Pedrafia do Cebreiro)
O Esbardeiro (Cervantes e Navia de Suarna)
O Manuel (Baralla)
O Outro (Baralla e Pedrafita do Cebreiro)
O Perillán (Cervantes e Pedrafita do Cebreiro)
O Perucho (Cervantes e Navia de Suarna)
O Raxado (As Nogais e Pedrafita do Cebreiro)
O Viado (Cervantes)
 
O LOBO NA TOPONIMIA DA COMARCA DOS ANCARES
 
Fonte do Lobo e Pena do Lobo (Becerreá). Marco de Terras Lobas, Penas do Lobo e Teso do Lobo (Cervantes). Horta da Loba, Fóra Lobas e Veiga do Lobo (Navia de Suarna). Eira dos Lobos (As Nogais). Aira dos Lobos e Cova da Aira dos Lobos (Pedrafita do Cebreiro).
 
 
APELIDOS PRESENTES NA COMARCA DOS ANCARES
 
Lobato
 
DITOS
 
"Os de Vilasante comen o guisante e non hai lobo que os espante"
 
O LOBO NO LENDARIO DA COMARCA DOS ANCARES

Unha moza de Francos (Baralla) que estaba a coidar das vacas aparecéuselle o lobo. Non a atacou, nin a ela nin ao gando, limitouse a mirala fixamente aos ollos. A muller, como entalecida, quería fuxir pero non podía. Dalí a un rato, o lobo deu media volta e marchou. A moza perdeu a fala durente meses, disque enfeitizada polo lobo.

En Doiras (Cervantes), un pai non deixou ao fillo ir a unha festa que se celebraba en Pedrafita do Cebreiro, mais o rapaz, despois de moito discutir, conseguiu o seu desexo. O pai, encabuxado, deitóulle unha maldición, dicíndolle que se tanto gostaba das mozas así andase tras das lobas. E a maldición cumpriuse. Unha noite o mozo sentiu como unha forza sobrenatural o apurraba fóra da casa, cara o monte. Cando se decatou andaba a catro patas: convertérase en lobo (o lobishome, metade lobo e metade home) que axiña encomezou a matar o gando. O pai, lembrándose da maldición, recorreu a unha meiga para que devolvera ao fillo ao seu estado anterior. A meiga díxolle que o único xeito era que o ferise, mais cunha ferida leve xa que, se era grave, morrería. E así fixo o pai que, cando se lle presentou a ocasión, cortou cun coitelo a pel do lobo. Pouco a pouco, o mozo volveu a transformase en home.

 


O filólogo Valentín García Yebra (1917-2010) conta en Tres viajes dialectológicos con Dámaso Alonso (Cuadernos Hispanoamericanos, 1973) as viaxes que como acompañante de Dámaso Alonso (1898-1990) realizaron aos Ancares en tres ocasións. Foi nunha estadía en Xantes (Cervantes) cando souberon que nunha das pallozas da aldea desenvolvérase un acontecemento que semellaba retrotraelos a épocas remotas. Vivía na palloza un vello con dúas fillas e dous fillos, xa maiores. A noite do suceso as dúas fillas atopábanse na casa veciña. O vello xa deitara. Manuel, un dos fillos, saíra un momento deixando a porta entreaberta. O outro, Xoán, que durmiñaba sentado nun dos escanos da lareira, non prestou maior atención á entrada dunha mastina da casa que andaba en celo, e entrou seguida de dous que a Xoán, medio durmido, lle semellaron cans, mais non lle soaban de que pertenceran ao pobo. Abriu ben os ollos, e ergueuse dun salto: Eran lobos! Regresaba entón Manuel de fóra. "Pecha a porta! -berroulle Xoán-, haiche dous lobos na casa". Ao oír ao home, un dos lobos tentou ganar a porta, mais Manuel, un xigante, logrou atrapalo. Case totalmente a escuras loitou co lobo, mais unha especie de gruñido deste fíxolle crer que era un can, e deixouno marchar. Pechou a porta, e quedou dentro o outro lobo. Os dous irmáns comezaron a perseguilo por toda a palloza. Cando fuxía, o lobo caeu sobre un dos escanos, onde case ao mesmo tempo, un dos homes suxeitouno polo rabo e o outro deulle tal golpe co mango dunha aixada que o pobre animal caeu redondo. Os da casa onde hospedaban Dámaso Alonso e Vicente García Yebra contáronlles que era raro o inverno que non entraban os lobos en Xantes, e que os osos chegaban moi cerca do pobo.

En tempos que ninguén lembra, unhas mulleres que viñan de Folgoso (Cervantes) por un antigo camiño, víronse, de súpeto, arrodeadas por unha manda de lobos. Desesperadas, e cando os lobos xa se ían botar sobre elas, gatuñaron por unhas verticais penas, decisión que lles salvou a vida. Dende aquelas, as pedras ás que subiron reciben o nome de Penas Mulleres.

Unha muller que estaba a gardar o gando na Aira dos Lobos, no Hospital (Pedrafita do Cebreiro), deu a luz unha nena. Comezou a nevar e a muller quedara sen forzas para volver á casa. Unha loba, ao escoitar os choros da nena, achegouse e deulle calor á nai e á filla ata que viñeron por elas. 

 


Unha noite viña un veciño de Piornedo (Cervantes) de volta da Proba de Navia (Navia de Suarna) cando, de súpeto, puxéronselle diante dous lobos. O home levaba canda el un enorme coitelo e unha manta para protexerse do frío. Acurralado, envolveu a manta no brazo esquerdo e ofreceullo aos lobos, mentres co dereito agarraba con forza o coitelo. Os lobos, ao velo tan decidido a atacalos, apartáronse do camiño e deixáronno marchar.

Aconteceu nos anos corenta do pasado século XX en Estremar (Cervantes). Un día ía un mozo co gando cara o Chao da Arquela cando viu a cría dunha loba que estaba a laiar xunto o corpo morto da nai. Colleu ao lobiño e deulle leite das vacas, e así, ás agochadas, durante varias semanas. Durante moitos anos, sobre todo no inverno cando, debido ás fortes nevaradas, baixaban os lobos para procurarse a comida, o gando do home nunca foi atacado, pola contra, as mandas de lobos pasaban de longo. Á cabeza ía o lobo que salvara.

 


Hai moitos anos había un gaiteiro de nome Manuel González (naceu no ano 1870 e morreu no 1930), natural de A Lagúa (Asturias), poboación lindeira con Marcelín, en Navia de Suarna. Nunha ocasión, e xa moi entrada a noite, regresaba Manuel para a casa, camiñando polo monte despois de tocar nunha festa en Marcelín. Cando tiña o camiño medio percorrido, parouse a liar un cigarro, mais, cando foi a acendelo, a chama do misto alumeou a varios lobos situados case ao seu carón. Os lobos, sorprendidos pola chama, recuaron un chisco. O gaiteiro, medoñento, aproveitou para erguerse e liscar do lugar, acendendo un misto tras outro ata que se lle acabaron. Sen lume, os lobos axiña se envalentoaron. Xa en plena fuxida, Manuel tivo que saltar un muro, mais, como era noite pecha, non calculou ben e caeu ao chan. E foi iso o que lle salvou a vida. Ao caer apertou por casualidade o fole da gaita e, aínda que case non quedaba aire dentro, o roncón fixo un ruído estrano que asustou aos seus perseguidores. Manuel, que axiña se apercebeu da reacción dos lobos, dixo: "Ai si? Pois se por causa da gaita é, de gaita heivos encher". Desta maneira seguiu tocando o resto do camiño ata poñerse a salvo. Cóntase que os lobos e outros animais lle teñen moito medo ao son da gaita.

Unha foto do ano 1945 mostra un home exhibindo un lobo desecado polas aldeas de Becerreá.

 

Nunha noticia de El Pueblo Gallego do mes de xullo de 1978 fala da multa imposta a un home por liberar un lobo en Pan do Zarco (Navia de Suarna).

No monte da Escadela, en Vilarnovo (Cervantes), o xefe dunha facción carlista agochou os cartos destinados a pagar aos seus homes para quedarse con eles, mais o home, despois de enterralos, foi devorado por un lobo.

No monte da Chouliña, na parroquia de A Alence, enfronte de Pando, e preto do risco de penas da Serra do Rañadoiro, pero xa na vertente das Nogais, está Pena do Peido. É de forma circular, a modo de mesa camilla. Cando había rabaños de cabras e ovellas os pegureiros subíanse a ela para gardar o gando e espaventar o lobo.

No escudo do Concello de Navia de Suarna aparecen tres lobos.

 

Nas Fontes, na parroquia de Doncos (As Nogais), aínda se conservan os restos dun chorco dos lobos (foxo para cazar lobos). Unha vez caeron no chorco o lobo e un dos homes que o perseguía. Contan que dentro do foxo non se sabía quen estaba máis amedoñado, se o animal ou o humano, mirándose fixamente o un ao outro. Como o resto dos perseguidores non lle podían tirar as pedras ao lobo por medo de ferir ao home, tiveron que abrir a gateira. O lobo, aproveitando aquela imprevista oportunidade, saíu primeiro, evitando así a súa morte. Na actualidade o chorco está tapado debido a que nel tiñan caído varias vacas.

A romaría do Santo Milagre celébrase no Cebreiro os días 8 e 9 de setembro. Os romeiros acodían dende todas as aldeas do municipio e tamén dos concellos limítrofes. As veciñas e os veciños de Fonteferreira partían moi cedo para chegar á primeira misa, quizais para conmemorar aquel milagre acontecido no ano 1300, cando a devoción dun humilde labrego veceu a fachenda dun descrido crego. Contan que durante moitísimos anos un gran lobo, sempre o mesmo, acompañaba aos romeus dende as afóras da aldea ata as inmediacións do santuario. Aseguran que era para protexelos.

 
O RAPOSO
 
Do latín rapum, rabo, tamén coñecido como golpe, latín vulpes, asociado ao animal terror dos galiñeiros. A súa astucia deu lugar a un gran número de fábulas e lendas.
  
DENOMINACIÓNS DO RAPOSO NA COMARCA DOS ANCARES

 
O Aqueloutro (Cervantes)
O Amigo das Pitas (Becerreá e As Nogais)
O das galiñas (Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna)
O das orellas afiadas (Becerreá e Navia de Suarna)
O das pitas (Cervantes e Navia de Suarna)
O fillo do xitano (Pedrafita do Cebreiro)
O García (Cervantes)
O Golpe (Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro)
O Manteigueiro (Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna)
O Perillán (Baralla)
O Pícaro (Becerreá)
O Pillo (Baralla e Becerreá)
O Rabolongo (Baralla)
O Rabudo (As Nogais e Pedrafita do Cebreiro)  
O Zamurgo (Becerreá e Navia de Suarna)
 
O RAPOSO NA TOPONIMIA DA COMARCA DOS ANCARES
 
Pena do Raposo (Baralla). Pena do Raposo e A Raposeira (Becerreá). Furada da Raposa (Cervantes). Fonte da Raposa (As Nogais).
 

APELIDOS PRESENTES NA COMARCA DOS ANCARES
 
Golpe e Raposo
 
O RAPOSO NO LENDARIO DA COMARCA DOS ANCARES

Despois da Guerra Civil, no "tempo da fame", os mozos da parroquia de Covas (Baralla) acostumaban ir a cazar os raposos xa que, día si e día tamén, asolaban os galiñeiros. Cando cazaban un percorrían as casas anunciando: "Matamos un raposo, este xa non vai atacar as pitas". A xente, entón, dáballes unha moeda ou, a maioría das veces, ovos.

A Furada da Raposa, en Baralla, trátase dunha cova onde se agochaban os fuxidos durante e despois da Guerra Civil.

© Colectivo Patrimonio dos Ancares