* Hai 125 anos: cando Becerreá puido coller o tren

Vinte e sete anos despois da inauguración da liña férrea entre Barcelona e Mataró, chegou o primeiro tren á cidade de Lugo. Foi polo San Froilán, un 5 de outubro de 1875. A prosperidade que supoñía contar con este medio de transporte contaxiouse a boa parte da provincia, incluída a que hoxe é a comarca dos Ancares. No Plan General de Ferrocarriles de 2 de novembro de 1877 propoñíase unha liña férrea que enlazara Vilafranca do Bierzo con Ribadeo. O tramo entre Vilaodriz (na actualidade parroquia da Pontenova) e Ribadeo comezou a funcionar no 1903 para dar saída por mar ao mineral de ferro e que pouco tempo despois se ampliou ao tráfico de viaxeiros. A liña ferroviaria do Ferrocarril Central Gallego, como bautizaran o proxecto, dábase por feita.


As crónicas da época falan de que esta infraestrutura sería dunha importancia vital para o desenvolmento socioeconómico desta parte da provincia de Lugo e do Bierzo, tanto pola riqueza mineral (ferro, manganeso, caliza, granito, mármore, carbón...) como madeireira (carballos, castiñeiros, nogueiras...), ademais de estratéxica en caso de guerra para o transporte de tropas dende Galicia. Iso si, a que nun principio ía ser no proxecto unha liña xeral, pasou no ano 1908 a secundaria, pero con Becerreá como eixo das comunicacións ferroviarias entre O Bierzo e Galicia (ese mesmo ano publicouse a subasta pública do tramo entre Becerreá e Sarria).


Tan avanzado estaba o proxecto no ano 1911 que, ademais do estudo polos enxeñeiros dos sitios por onde iría o trazado, indicáronse os lugares onde se ubicarían estacións, apeadeiros e depósitos entre Vilaoudriz (A Pontenova) e Vilafranca do Bierzo (resaltamos en negriña os pobos da comarca dos Ancares por onde pasaba): Vilaoudriz, Galegos, San Xurxo de Piquín, Santalla de Piquín, Fonteo, O Cádavo, Queirogal, San Martiño de Neira de Rei, Becerreá, Guilfrei, A Alence, Vilarín do Monte, Pedrafita do Cebreiro, Veiga, Veiga de Valcarce, Ambasmestas, Trabadelo, Perexe e Vilafranca do Bierzo. O custo para os pouco máis de 150 quilómetros ascendía a 51,5 millóns de pesetas. Mesmo se falaba da construción dun ramal que enlazara a capital lucense a través de Neira de Xusá (actual Baralla) con esta liña á altura do Cádavo (Baleira). O proxecto era para unha vía estreita (inferior ao considerado como "normal"), o que supoñía menores custos en zonas de complicada orografía. En Lugo e Vilafranca do Bierzo enlazaría coa vía ancha.


O 23 de marzo de 1918 anúnciase a subasta das obras entre Vilafranca do Bierzo, pasando por Becerreá, e Lugo. Pero, a pesares das boas expectativas e o apoio das Deputacións de Lugo e León, Concellos e institucións públicas e privadas, a subasta quedou deserta.


O contratempo sufrido non decaeu os ánimos. Anos despois, entre o 1925 e 1929, iníciase unha nova campaña. Destaca, pola súa defensa, un presbítero berciano, Manuel Santín, que en varios artigos publicados na prensa da época exhorta a reclamar, por ser de xustiza, a obra, mesmo criticando o traxecto, por perigoso, entre Toral de los Vados e A Pobra do Brollón: "El ferrocarril de Villafranca del Bierzo a Lugo fue incluído entre los de interés general complementarios del plan de 1877. En el R.D. publicado en 1924 por la Ponencia ferroviaria base de la creación del Consejo Superior, fue consignado como complemento y ampliación de la línea del Norte. Acorta la distancia entre Madrid-Coruña 80 quilómetros, es decir, cuatro horas menos de viaje que por la única línea actual. Está además exento del peligro constante que amenaza a los trenes en el trayecto de Toral de los Vados a Puebla de Brollón. Constituye como ampliación de la línea del Norte una doble vía; recorre importantes centros de producción de León y Lugo, como los ayuntamientos de Trabadelo, Vega de Valcarce, Villafranca (de León), Piedrafita de Cebrero, Doncos, Nogales, Baralla, Lajoca, Neira y Becerreá (de Lugo). Pasa por cerca de Cervantes, zona de importante riqueza". Fai un chamamento a "Coruñeses, lucenses y leoneses, la ocasión es propicia. Las Diputaciones y Cámaras de Comercio de La Coruña y Lugo deben sumarse a la comisión que intenta exponer... la necesidad urgente de la construcción del ferrocarril Villafranca-Lugo. No dejarle dormir más tiempo".


Pouco despois, dise que pola falla de interese político, ou por un interese que bulía lonxe da "Montaña", veu o silencio, e con el o esquecemento.

Houbo algún outro intento para que o ferrocarril non se esquecera da comarca dos Ancares, con propostas coma un trazado dende Monforte de Lemos a través do Courel, O Incio, Louzarela, Doncos, Vilanova, Degrada, Donís, Peliceira, Tormaleo e Cangas de Tineo para enlazar cos trens asturianos. Pero coma nos casos anteriores, todo quedou en augas de fregar.

 

BIBLIOGRAFÍA

El Agro (desaparecido)

El Barbero Municipal (desaparecido)

El Eco de Galicia (desaparecido)

El Heraldo Gallego (desaparecido)

El Ideal Gallego (desaparecido)

El Noroeste (desaparecido)

El Regional (desaparecido)

Gaceta de Galicia (desaparecido)

Galicia Moderna (desaparecido)

La Voz de la Verdad (desaparecido)