* Quizais, a foto máis antiga dunha palloza. Nina Epton nos Ancares

No verán do ano 1953, a escritoria e produtora de radio británica, Nina Epton (1913-2010), que facía a ruta entre Londres e Bos Aires, desembarca en Vigo. Cun magnetófono na man, visita varios sitios de Galicia: Vigo (onde coñece a Xosé María Álvarez Blázquez, Colmeiro, Pura Vázquez, Celso Emilio Ferreiro, Fernández del Riego...), Baiona, A Guarda (castro de Santa Trega), Ourense (coñece a Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo, Cuevillas, o escultor Faílde...), Celanova, mosteiros de Santo Estevo de Rivas de Sil e San Pedro de Rocas, Santiago (coincide coas festas do Apóstolo e coñece a Otero Pedrayo, Xosé María Castroviejo, Ramón Piñeiro, Manuel María...), Ponteceso (en Corme sufre un arrefriado), Fisterra, Muxía (visita a Virxe da Barca), Noia, Pontevedra... Mentres agarda polo seu prometido, Robert, vai ata a Sanxenxo (ermida de Nosa Señora da Lanzada) e a Illa da Toxa. E cara Lugo.


En Lugo coñece a Xosé Fernández López (o fundador de Pescanova). Antonio Rosón lévaa en coche ata Becerreá onde un tratante de gando lle explica a existencia da Rapa das bestas de Sabucedo. Rosón achégaa ata San Martín da Ribeira (Cervantes) e logo ata Quindous onde xantaron, continuando despois cara Piornedo onde teñen que pasar varios días debido a que Robert mancárase nun nocello. Sen saír do concello de Cervantes, van ata Xantes onde quedara de recollelos Antonio Rosón, pero este non aparece, tendo que facer noite na aldea. Ao día seguinte encamíñanse cara o castelo de Doiras, onde collen o autobús que os traslada a Liber (Becerreá) onde dormen. Rosón díxolles que ao día seguinte ía levalos ao Cebreiro, pero non volve aparecer (tivo que levalos un home). Regresan a Lugo, e deiquí a Vigo para coller de novo o barco.


A raíz desta estadía en Galicia escribe Grapes and granite (Uvas e granito) que se publica no ano 1956. Unha das ilustracións que achega é unha foto do ano 1899 onde se ven dous homes xunto unha palloza e detrás a capela do San Lourenzo, en Piornedo (Cervantes).