* Máis petroglifos en Cervantes

Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos novos petroglifos no concello de Cervantes. Foi ao pé do Teso de Acevedo, na parroquia do Pando, a 1.320 metros de altitude. Sobre unha pena granítica situada a ras do chan, separadas dous metros entre si, represéntanse dúas combinacións de tres círculos concéntricos, unha con coviña central e a outra cun suco que dende o centro parte cara o exterior. Sitúanse non moi lonxe dunhas pedras con coviñas que documentamos no ano 2014. 

 

Trátase das oitavas combinacións de círculos que atopamos no concello. Datados na Idade do Bronce, hai máis de 4.000 anos, este tipo de motivos terían un significado simbólico-relixioso de difícil interpretación: representacións do sol, lugares onde se practicaría algún tipo de ritual ou máxicos, etc. É a primeira vez que documentamos dúas combinacións circulares gravadas na mesma pedra, as que descubrimos con anterioridade atópanse illadas.

Ata non hai moito tempo críase que os petroglifos, unha das manifestacións máis peculiares e enigmáticas da prehistoria de Galicia, eran inexistentes nas zonas máis montañosas de Galicia que ocupan a parte oriental das provincias de Lugo e Ourense. Dos varios grupos que levamos descubertos no concello de Cervantes, catro xa foron catalogados por Patrimonio como BIC (Ben de Interese Cultural), entre outros os do Pico do Mustallar que, ata o presente, son os situados a maior altitude de Galicia (1.800 metros); ata ese momento eran os petroglifos das Arcas, a 1.770 metros de altitude, no concello ourensán de Manzaneda.


O 90% dos petroglifos que levamos documentado atópanse na única zona granítica da comarca dos Ancares que só ocupa uns dez quilómetros cadrados, nun territorio de case 1.000 onde a pedra predominante son as cuarcitas, calizas e pizarras.