* Historia das feiras en Becerreá

No ano 2020, na primeira edición pola recuperación da Feira do 12 en Becerreá, organizada pola asociación Rente ao Couce, o Colectivo Patrimonio dos Ancares colaboramos coa impartición dunha charla arredor da orixe das feiras da comarca. Este 2021, na súa segunda edición, facémolo coa confección dun díptico adicado á "Historia das Feiras en Becerreá" que se repartirá o día da celebración, o domingo 12 de decembro.


Aí deixamos o texto. 

Non sabemos con exactitude cando comezaron a celebrarse as feiras no concello de Becerreá, pero é probable que a súa orixe veña da Idade Media. O documento máis antigo que atopamos é do ano 1525, en que o prior do mosteiro de Santa María de Penamaior ordena que os asistentes ao mercado que se celebraba ás súas portas non entorpeceran a entrada á igrexa a devotos e peregrinos (Documento achegado por Ruth Hidalgo). Nun libriño, encadernado en vitela (pel de animal), comezado a escribir no ano 1748, os monxes de Penamaior anotaron durante algúns anos o que cobraban a cada un dos vendedores a razón do que levaban para vender, indicando o nome do vendedor e o que vendían, así como a cantidade en reás de vellón que lles cobraban (Documento facilitado por Hugo Pardo-Vivero).


Nos séculos XV e XVI as feiras reduciron a súa intensidade, que se achaca a unha serie de feitos negativos que se iniciaron coa decadencia das feiras francesas que logo repercutiron nas do resto de Europa. Despois volveron a rexurdir con forza nos séculos XVII e XVIII polo que chama a atención que nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada dos anos 1752 e 1753, das 114 parroquias dos seis concellos da comarca dos Ancares só se mencione o mercado de Penamaior. Despois de que os monxes, debido á Desamortización do ministro Mendizábal do ano 1835, abandonan o mosteiro (os mosteiros pasan á ser propiedade do Estado e os monxes deben marchar), a feira segue a celebrarse, descoñecemos se dun xeito continuado, ata o 1889. Por unha noticia que recollemos do desaparecido xornal El Eco de Galicia do 20 de febreiro dese ano, sabemos que a feira de Penamaior pasa a celebrarse cada terceiro domingo de mes en Becerreá, pero a partir de abril dese mesmo ano celebrarase o día 19.


Pero as datas dalgunhas feiras eran cambiantes. Trinta e un anos despois, no Calendario Gallego de 1920, vemos que as feiras de Becerreá celébranse o primeiro domingo de cada mes e o día 19. E no Calendario do ano 1925, o 3 e o 19, ademais de mercado todos os sábados. No mesmo Calendario tamén achega que se celebraban dúas feiras anuais, unha o terceiro domingo de setembro e outra o 3 de outubro. 

Así que, polo dito, sabemos que as actuais feiras de Becerreá, do 3 e 19, instituíronse: no mes de abril de 1889 a do DEZANOVE, e a principios dos anos vinte do pasado século a do TRES. 

No concello existe a referencia a outra feira que se celebraba na parroquia de Vilamane. La Correspondencia Gallega do 23 de agosto de 1902 recolle que o Concello de Becerreá acordou crear "una feria para toda clase de ganados, creales y demás artículos de consumo, en el Valle de Cancelada y soto nombrado Furco de Murias, ... cuyo mercado tendrá lugar los días 15 de cada mes". Descoñecemos canto durou. 

Agora vaiamos coa FEIRA DO DOCE. A primeira referencia atopámola o día 12 de abril de 1873, un sábado, durante a Terceira Guerra Carlista, cando unha partida do carlista Núñez Saavedra, aproveitando a feira de Becerreá, asalta o Xulgado Municipal. 

Descoñecemos canto tempo se celebrou esta feira, nin sequera se era mensual ou anual, pero a duración debeu de ser curta, convivindo durante algúns anos coa de Penamaior. 


Non se volve a ter noticia ata o 14 de outubro de 1951, cando o xornal El Progreso anuncia que o Concello de Becerreá, por iniciativa de varios veciños, establece de novo a feira do 12, pode ser porque tiveran coñecemento da do 1873, ou se só se trata dunha coincidendia. Polas noticias da época, ao menos as primeiras foron todo un éxito. As empresas Montaña, La Directa e Transportes Lucenses programaban servizos de ómnibus para asistir á FEIRA DO DOCE dende Lugo. 

En informacións posteriores recóllese que a algunha feira asistiron compradores de León e mesmo de Andalucía, polo que a súa importancia debeu ser grande. Pero, en El Progreso do 16 de xuño de 1962, di que, debido á desidia, foi perdendo importancia. Ese mesmo ano debeu desaparecer. Neste novo ciclo só durou once anos.

Nos distintos periódicos da época, desaparecidos (El Regional, El Correo de Lugo, El Eco de Galicia, Heraldo de Galicia, El Lucense, El Pueblo Gallego, etc.), achegan os prezos que se pagaban nas feiras do concello de Becerreá polos distintos produtos. Así sabemos, por exemplo, que no ano 1898 o ferrado de castaña seca pagábase a 13 reás. No 1900 unha vaca custaba 250 pesetas, un tenreiro 100, unha cabra 8, un cabrito 4, unha galiña 1 peseta, unha ducia de ovos 45 céntimos, e unha libra de queixo do Cebreiro 75 céntimos. No 1924 os ovos pagábanse a 3 pesetas, os polos a 2,50, as galiñas a 4, a parella de gando vacún a 1.250 pesetas, e o porco a 60 pesetas a arroba. Ao longo dos anos son frecuentes as queixas dos labregos e gandeiros pola baixada dos prezos, o que lles ocasionaba graves prexuízos.

Son moitas as historias, lendas e tradicións xurdidas arredor das feiras. Hai unha que mesmo ten relación coa orixe do nome do Concello. Segundo os etimólogos, o nome de Becerreá procede dunha vila Becerreana ou Becerriana, derivado dun propietario de orixe latina que antendería polo nome de Becerianus ou Bicerianus. Pero a lenda asegura que debe o nome a unha becerra. Aconteceu durante unha das feiras que se celebraban na vila. Ía un vecín coa súa becerra á feira cando un neno lle lanzou unha pedra ao animal. Tal foi a dor que lle produciu que a becerra deu un salto e púxose a correr detrás do cativo sen que ninguén conseguira deteñela. Chamaron entón ao alcalde, home valente e astuto, dicían, quen conseguiu amansala e devolvela ao seu dono. Nas primeiras xornadas de Arqueoloxía e Historia dos Ancares, organizadas pola Anpa do CPI de Cervantes e o Colectivo Patrimonio dos Ancares, o profesor Rodríguez Colmenero dixo que non lle resultaba estraño que o nome tivera que ver coas representacións do coñecido como Relevo de Vilarín, do século I ou II d. C., onde se ven un touro, unha vaca e un becerro.

X. Quintana e X. Moure

© Colectivo Patrimonio dos Ancares