* De cando os bloques de cemento no castelo de Altamira, en Navia de Suarna?

Corría o ano 1954 cando dende Asturias chegou á Proba de Navia a Virxe de Covadonga, quizais para reivindicar a pertenza á diócese de Oviedo do concello de Navia de Suarna (ese mesmo ano, en cumprimento do acordado no concordato do 27 de agosto de 1953 entre a Santa Se e o Goberno español, para axustar na medida do posible os lindes das dióceses ás das provincias civís, pasou á de Lugo).
 

Cando a procesión percorría a vila para conmemorar o acontecemento, o sobriño do cura propietario, subido na parte máis alta do castelo de Altamira, comezou a botar os foguetes. Pero cando a imaxe pasaba ao pé da fortaleza, un forte estourido apagou os cantos da afervoada multitude que a acompañaba. Os foguetes comezaron a estourar sen control na parte ameada o que ocasionou que un terzo das pedras da torre cilíndrica saltaran polos aires (nas fotos históricas vese que esa torre era o elemento máis alto da fortaleza), mais con tan boa fortuna que non feriu a ninguén, todas as pedras caeron entre o minúsculo espazo que había entre persoa e persoa, o que moitos interpretaron coma un milagre da Virxe. Bueno, en realidade si houbo un ferido: o fogueteiro, que tiveron que trasladalo a Lugo.
 

Foi entón cando fixeron a "reconstrución" cos bloques de cemento que dende hai máis de 60 anos son "signo de identidade" do semiarruinado castelo.

(Achegada polo señor Pepín de José o día 9 de outubro de 2021, durante as II Xornadas de Arqueoloxía e Historia dos Ancares que celebramos en Navia de Suarna e Valboa)