* A Cadela, unha campá en Fontarón (Becerreá)

Cóntase que cando se construíu a igrexa parroquial do Sancti Spiritus de Fontarón, no concello de Becerreá, a pequena escultura dunha pomba que hai no interior marchaba para o lugar onde estivera sempre, unha antiga capela hoxe en día desaparecida. A única maneira de que permanecera na igrexa foi derrubando a ermida. Tamén se asegura que había un santo, procedente da mesma ermida, que facía o mesmo; para que non liscara, o cura dixo que o único xeito de que quedara na igrexa era ofrecerlle cartos á imaxe. E así aconteceu tres ou catro veces en que pomba e santo volvían liscar, e o cura a cobrar.


O párroco, de nome Pedro, era coñecido co alcume "dos Cachos" porque lle gustaban moito os cachelos con lacón, a poder ser feitos en casa allea. Chegado o mes de abril celebraba uns esconxuros para alonxar a pedrada e arrenegar o trono polo que cobraba a cada casa da parroquia un tego (uns cinco quilos) de distintos produtos. Pero a cousa non quedaba eiquí, cada casa da parroquia tiña que entregarlle ao ano catro tegos de cereal; para levalo para a súa casa viña un home cun carro dende Biduedo. Cando se enteraba de que nalgunha casa facían os queixos, alá ía a pedirlle un "durín", en alusión á dureza dos queixos. Xa ben entrado o século XX, coa chegada de novos curas, disque se encabuxou moito cando se enterou de que non cobraban por dicir os responsos cando os enterros paraban xunto as cruces que había nas encrucilladas; don Pedro dicía: "Curiñas girasoles que ides acabar con todo".

Debeu ser daquelas cando desapareceu "A Cadela", nome que recibía porque "ladraba moi alto", a campá da igrexa, famosa en toda a contorna por alonxar as treboadas. Nun principio creuse que foran uns ladróns que a tiraron ao Pozo do Piago, en Neira de Rei, pero transcorrido algún tempo sóubose que a levara o Nubeiro, un ser mitolóxico galego responsable das tormentas e dirixir os raios a vontade. Uns din que é un anxo caído, outros un espírito maligno. Anda polas nubes e nelas trasládase dun lugar a outro. Ás veces baixa á terra para comprobar o resultado das súas fazañas.

Foi durante a Guerra Civil cando caeu sobre Fontarón unha gran pedrada. Os vellos, lembrándose da vella campá, dicían: "Se estivera a Cadela non apedraba".

"Tocan os frades a campá/pra escorrentar o nubeiro,/ben eles sudan pra encher/pra todo o ano o granceiro".

(Achegada por José Osorio e Suso Telo).