* E máis terán que dicir!

O día 18 de marzo de 2017 celebrouse en Doiras unha xornada, que baixo o título Os montes de Ancares: retos e futuros, organizou a Anpa do CPI de San Román e a Sociedade Cooperativa A Carqueixa de Cervantes. A asistencia superou todas as previsións, e a participación da xente nas distintas ponencias (unha a cargo do noso colectivo) resultou interesantísima. 

O lugar elixido para acoller aos asistentes foi a escola. Dixemos escola? Perdón: ex-escola. No curso 2015-2016 pechou porque só contaba con catro alumnos, o que dá idea da gravidade da situación demográfica, o número de nenos e nenas menores de 16 anos só representa o 5% da poboación, datos que se poden extrapolar ao resto da comarca.

 

A xornada do sábado foi, en definitiva, unha forma máis de levantar a voz para esixir que na comarca dos Ancares queremos seguir existindo, que non estamos nin para adobos nin para agonías. 

Pero a pesar do éxito da convocatoria estamos un chisco cabreados. Aínda máis: anoxados! Con quen? Dos seis Concellos da comarca só houbo representación política dun, o do alcalde de Cervantes, se ben, tamén hai que dicilo, foi un visto e non visto, fixo a presentación e liscou. E do resto (Baralla, Becerreá, Navia de Suarna, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro), nin en espectro nin en plasma.


 

Mais, para ser xustos, non queremos meter a todos os políticos no mesmo saco. Contamos con dúas excepcións: a do deputado de En Marea, Luis Villares, e a do alcalde de Balboa (O Bierzo), Juan José López. O primeiro pasou a xornada recollendo notas sobre as iniciativas e os problemas plantexados polos presentes, e o segundo (un foráneo!) escoitou interesadísimo as distintas intervencións.

 

Ao remate da xornada conversamos co alcalde de Balboa sobre unha posible cooperación que afecta a unha serie de sitios arqueolóxicos situados entre os concellos de Balboa e Cervantes dos que falaremos noutra ocasión. Aínda que de oídas xa tiñamos noticia da súa sensibilidade en todo o que atinxe á valorización do patrimonio en todas as súas vertentes, non deixamos de quedar sorprendidos cando puidemos comprobalo de primeira man. Nada que ver co que estamos acostumados. Pero como se chovera. E máis terán que dicir!



Sem comentários: