TOPONIMIA DO CONCELLO DE NAVIA DE SUARNA

 

A ABELEDA
Na parroquia de Barcia. Latín abellanetum, abundancial de abeleira, árbore cuxa profusión en Galicia propiciou unha ristra de nomes: abeleiral, abelaedo, abeal, abelaeiro, abelaído, abeleda, abelenda... Houbo unha explotación mineira en época romana.

A ABELLEIRA
De apicula, abella, mailo sufixo abundancial -eira. Colmea, trobo, enxame. Frei Martiño Sarmiento, na súa Viaxe a Galicia (1745), di que escoitou que chamaban así á planta de melisa porque as abellas gustan das súas flores brancas. F. Javier Rodríguez, no seu Diccionario gallego-castellano (1854), identifica a abelleira coa melisa, herba cuxo nome deron os gregos ás abellas. Di que tomada en infusión posúe propiedades tónicas, contra a dor de cabeza, boa para os nervios, dixestiva, diurética, contra a vertixe e o histerismo, os pálpitos do corazón, etc. Mais aclara que non debe utilizarse se vai calor, se un ten sede ou irritación. Á vista dos numerosos trobos que aínda se poden ver, o municipio de Navia de Suarna debeu ter unha florecente apicultura. O primeiro documento no que figuran as colmeas de varias freguesías data do ano 1749, mais será o Catastro de Ensenada o que achegue o número que posuían os veciños que sumaban case 3.300 colmeas (só Rao contaba con 758). O mel era o único produto doce que se consumía. A cera aproveitábase para facer as velas. Tamén pode relacionarse coa abelá, abellana nux, que deriva de Avella, cidade da Campania famosa por estes froitos. A casca mailas follas usábanse para cortar diarreas e hemorraxias.

ABREIRAL DE SUB AS PEREIRAS
En Murias.  

ABRENTE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Mosteiro. *(villa) Abrentii, en alusión a un propietario latino de nome Abrentius. Hai autores que queren entrever un teónimo. Nalgunhas partes do municipio tamén chaman o abrente ao abrir o día. No lugar aínda se poden ver unhas sepulturas de orixe medieval.

ACEVEDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilarpandín. Abundancial de acivro, latín Ilex aquifolium, arbusto ou arboriña que, usado como adorno navideño, case provocou a súa desaparición. O froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e vomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor.

AIGAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. Latín aquila, aguia, a ave de presa diurna da familia das falcónidas.  En Antropología y Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares (1991), Clodio González Pérez recolle que tamén chamaban así á trabe do cumio das pallozas por ser a peza máis alta, o mesmo que as aguias que voan máis alto que os demais paxaros. Consérvase os restos dun castro.

ALTO DE CASTAÑEDO
Para o composto, ver Castañedo.

ALTO DE CERREDO
Para o composto, ver Cerredo.

ALTO DE LOUXAS
Variante de lousa, dun prerromano lapides lausiae, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas.

ALTO DE MURIAS
A 1.027 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Murias.

ALTO DO RESTELO
A 1.013 metros de altitude sobre o nivel do mar. Restelo, especie de peite con fileiras de dentes de ferro por onde se pasa o liño para lle tirar a estopa. Grade con dentes de pau para aplanar a terra despois de arada. Pau con cravos de madeira que se coloca entre os fíos de urdime, para os correr e facer que estean rectos. Hai un campo de mámoas.

ALTO DO RIBÓN
Na parroquia de Rao.  

ALTO DA VARA
A 848 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver A Vara.

ALTOS DA CAMPA
Para o segundo elemento, ver A Campa. 

ARADELA
Acción de arar, do latín arare.

ARCÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. Do latín arcam, caixa, co significado de boca que denunciaría unha apertura na rocha ou a presenza de antigos enterramentos megalíticos. O 20 de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras Archaon integra (Arcón).  

ARQUELA DA TUMBA
En Sinada, parroquia de Mosteiro. Do latín arca e tumba. Nidia alusión a un enterramento megalítico que hai no lugar, coñecida tamén como Tesín da Arqueta. En Galiza, a multitude de necrópoles prehistóricas fixo que recibiran un gran número de nomes: arquela, arquiña, arca, mámoa, medorra, madorra, caseta, tumba... Malia o anterior, tamén recibe o nome de arquela unha cunca de madeira para dar forma ao pan; e tumba, segundo Constantino García González (1985), ademais de túmulo, sepultura ou sepulcro, é tamén unha especie de padiola usada antigamente para transportar aos mortos ata o cemiterio.

A ARQUELIÑA
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. Diminutivo de arca que, no presente caso, denuncia unha mámoa megalítica.

A ARROXIÑA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamil. Diminutivo de Arroxo. Segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985) de Constantino García González, nomea unha extensión de monte baixo. Para J. Piel, ladeira escarpada. Antón Santamarina identifícao co latín arrugium de arrugia, alusión á canle construída polos romanos para o lavado de mineral. Non falta quen o faga derivar de agrum rubeum, campo roxizo. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

ASAR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. *(Villa) Asarii, dun posesor medieval de nome Asarius. Mailo anterior, hai autores que o relacionan co estreitamento dun val.  

AS ASUELAS
En Murias, parroquia de Rao. 

OS AVELLÓS
En Murias, parroquia de Rao.

AVIÑEIRA
En Murias, parroquia de Rao.  

BALOUTA
Tanto Luís Aguirre, no seu Diccionario del dialecto gallego (1858), como Francisco J. Rodríguez, en Diccionario gallego-castellano (1863), xa falan dun valalto, outo, flanqueado por altas vertentes.

A BALSA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Santo Estevo. Voz prerromana balsa, depósito de auga, natural ou feito polo home, para recoller a auga; lugar enchoupado.

A BALSA DE ARRIBA e A BALSA DE ABAIXO
Topónimos de situación.

BARBEITO DO ACEVO ou BARBEITO DE ACEVEDO
O primeiro elemento vén do latín verbactum, espazo de terra que se deixa sen cultivar para que descanse. Atopamos o diminutivo barbeirolo no século XI, e barbecto no século XII. Para o composto, ver Acevo.

BARBEITO DA CAMBA
O segundo elemento vén da voz céltica *camb, cousa curva. Para Francisco Javier Rodríguez (1854) e Juan Manuel Pintos Villar (1865) e outros autores, peza curva de madeira para as rodas do carro. Para Franco Grande (1975), tamén muíño de man e peza do arado.

O BARBEITO DAS CASELAS
En Savane. Lugar asociado a unha lenda (ver o apartado adicado ás lendas).

BARBEITO DO COTRÓN
O segundo elemento deriva do prerromano *cott, altura, prominencia, lugar dominante.

BARBEITO DA SERRA
Unha serra é un cordal montañoso de pouca extensión.

BARBEITO DE TRABADO
Para o composto, ver Trabado.

O BARBEITO DA VEIGA
Lugar pertencente á parroquia de Son. Para o composto, ver A Veiga.

BARCIA (SAN MIGUEL)
Nome de parroquia. Terreo plano e cultivado. Francisco Porto Rey, no Diccionario gallego-catellano (1900), di que é unha variante de breixo, extensivo a varios arbusto de igual xénero. San Miguel, Sanctus Michael, é, nos tempos bíblicos, o anxo protector de Israel, e tamén o encargado de acompañar as almas dos xustos ao ceo. É o terceiro arcanxo, xunto con San Gabriel e San Rafael. Segundo a documentación, no século XVIII os condes de Altamira, por dereito de foro, quedábanse con tres cuartas partes das rendas dos veciños de Barcia.

A BARRANCADA
Alusión a un corte profundo e vertical do terreo, sima, que viría do grego pharax. Cavorco. Segundo Corominas, barranca é unha palabra de orixe prerromana.

A BARRELA
Na parroquia de Muñís. Do prerromano barro, lama, fango. No lugar houbo unha explotación mineira en época romana.

A BARRIA
Na parroquia de Mosteiro. En portugués significa novo.

BARRIO DE ABAIXO e BARRIO DE ARRIBA
Na parroquia de Barcia. Barrio deriva da palabra de orixe árabe barri que designa un lugar situado ás aforas, no arrabalde. Cabeza Quiles, citando a L. Meruéndano, di que Barrio Novo e Rúa Nova poden referirse a un asentamento xudeo. Segundo Eladio Rodríguez, Barrio é un apelido tipicamente hebreu.

O BATÁN
Quizais do árabe hispánico *batan. Aparello movido pola forza da auga que tiña unhas mazas de madeira coas que se batía a la ou a tea. Segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, no concello só había dous batáns, un en Ribón e outro en Son.

BECERRAL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. Posible alusión aunha *(villa) Becerrana ou Becerriana pertencente a un propietario medieval. Tamén un sitio onde hai moito pasto e os becerros métense nel.

BOIRRABIA
Na parroquia de Barcia. Temos aquí a partícula Boi-, moi común en Galicia, e que dá conta de penedos ou lugares pedrosos. A outra parte do topónimo –rabia podería estar relacionada con topónimos tipo Rabiáns, que Navaza explica a partir dun posible étimo RAPHANALES, que dá lugar ao nome galego do ravo común e que aludiría ao seu cultivo, aínda que tamén puido aplicarse a algunha outra especie brava ou silvestre. Agora ben, fronte a topónimos tipo Raval < RAPHANALE, con documentación medieval, en Rabiáns non existe testemuño documental para confirmar a dita teoría. Tamén podería pertencer ao tema de rubia, tipo Rubiáns, a partir dun derivado RUBEALES, co significado de rubio/rubia aplicado á flora. Caridad Arias di que BOI pode derivar de BODIS, do nome e teónimo celta BODO, victoria, e RAVIA do antropónimo celta RAVIUS, que ruxe ou que rouca.

BOUZA DA GRANDA
O primeiro elemento vén do latín baltea, terra sen cultivar e chea de maleza. O composto é unha variante de gándara, céltico ganda, pedregal, terreo improdutivo e cheo de maleza. 

BRAÑA DE BUSMOR
Braña vén do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Terreo pantanoso. Tamén pode identificar a planta herbácea, rastreira, utilizada como estrume (Erica cinerea).  A braña (alzada) estaba formada por terreos e edificacións centrados nun poboamento estacional, en réxime de co-propiedade, situado en penichairas altas, onde se levaba o gando e sementaba o cereal. Segundo os veciños, o nome veu porque o pobo se alzaba cara arriba, cara a parte máis elevada. Estes poboados temporais con construcións estables onde se trasladaba parte da familia durante o verán para o aproveitamento dos prados, sementar o gran e recolleita, permanecendo alí dende finais da primavera ata principios do outono. Clodio González Pérez, no seu Antropología y Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares, volume II (1991), di que a braña xurdiu pola pouca terra de labor que hai nos estreitos vales do concello. A primeira mención documental das brañas da zona é do ano 1611, onde o conde de Altamira recibía un queixo ou un real por cada cabana, e un dezmo de leite a igrexa de Rao. Para o composto, ver Busto. 

BRAÑA DE ESTORNEIRO
A 1.100 metros de altitude sobre o nivel do mar. En Coruxedo, parroquia de Moía. O composto quizais veña de estornar, impedir, trastornar. Constantino García González di que estornar é facer cortes profundos a unha árbore para que seque. Tamén podería vir do latín sturnus, estorniño, nome dun paxaro. Ou deformación de (villa) Saturnini, do nome Saturninus. 

BRAÑA DE FOLGUEIRA
A 910 metros de altitude sobre o nivel do mar. Na parroquia de Rao. Para o composto, ver Folgueiras. 

BRAÑA DE LIÑARES
A 900 metros de altitude sobre o nivel do mar. Na parroquia de Moía. Para o composto, ver Liñares. 

BRAÑA DE PAN DO ZARCO ou PANDOZARCO
A 1.200 metros de altitude sobre o nivel do mar. En Murias de Rao. O vocábulo pan fai alusión a un sitio sementado de centeo ou trigo, cereais coñecidos polos nosos antergos co nome de pan. Máis complicado é o significado do último elemento; para algúns autores provén do árabe zarqua, dito da auga ou dos ollos. Para evitar o custoso traballo do traslado, os veciños realizaban a malla no lugar, axudándose os uns aos outros. Antes dos anos oitenta do pasado século XX queimáronse todas as pallozas, quedando só unha; na actualidade están reconstruídas, se ben o teito de colmo moudouse polo de lousa.

BRAÑA DE REDONDO
Para o composto, ver O Redondo. 

BRAÑA DE VILARMUNDÍN
A 950 metros de altitude sobre o nivel do mar. *(Villarem) Mundíni, dun propietario medieval de nome Mundinus. 

BRAÑA DE VISPEIRO
A 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar. Na parroquia de Moía. Lugar onde se xuntas as avespas, os insectos semellantes ás abellas, cuns aguillóns cos que producen picaduras moi dolorosas. 

BRAÑA DE XESTOSO
A 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar. En Larxentes. Latín genistosum, de genista, sitio abundante en xestas. A xesta utilizábase como vasoira. A importancia das brañas na economía maniféstase nesta de Xestoso que chegou a ter capela propia, adicada a Santa Ana, e festa. 

O BRAÑAL
A 1.063 metros de altitude sobre o nivel do mar. Abundancial de braña.

BRAÑOTO
En Murias, parroquia de Rao. Diminutivo de braña.

BUSTO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cabanela. Latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como ben apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares.

CABANELA (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Diminutivo de cabana, latín capanna, alusión á existencia de cabanas de uso preferentemente agrícola e/ou gandeiro. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". Na parroquia hai unha explotación a ceo aberto de época romana. No ano 1574 fíxose beneficio de Vilarpandín, dado polo Provisor de Oviedo en virtude de presentación da condesa de Altamira, como curadora do seu fillo, o conde Lope, a Pedro Fernández Clérigo, cura de Cabanela, unindo os dous beneficios de por vida.

CABOXO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cabanela. Tronco groso e seco dunha árbore? Cova, gruta? 

CALADIÑOS
En Murias.   

OS CALANGROS
Na parroquia de Rao. 

CALANGROS DA ZARRADIÑA DE SUB PAREDÓN
En Murias.  

O CALEXÓN DO CUEDO
Na parroquia de Muñís. O primeiro elemento fai alusión a un camiño ou rúa estreita, a unha calella. O composto é unha variante de coedo (ver Coea e O Coedo). No lugar houbo unha explotación mineira en época romana.

O CAMIÑO
Latín vulgar camminu, sitio polo que se pasa cando se vai dun lugar a outro. Ata non hai moitos anos, a reparación dos camiños corría a cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios de transporte; a participación nos traballos era obrigatoria, o incumprimento dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa. Segundo información recollida de Aproximación etnográfica á cultura material da montaña lucense: notas históricas e situación presente (199), de Clodio González Pérez, o Mapa Geográfico del Reyno de Galicia... de Tomás López, publicado no ano 1784, a vía máis importante que cruzaba o concello era unha desviación da que ía de Lugo á Fonsagrada. En 1804 escribía Lucas Labada: "No concello de Navia de Suarna asegura a xustiza que case todos os camiños son intransitables". A primeira obra que fai referencia ás comunicacións de cada parroquia e ao seu estado, é o Diccionario de P. Madoz, publicado entre 1845 e 1850, onde sinala que todos os camiños locais son malos e están mal coidados. Situación que a principios do século XX non millorara tal como testemuña Amor Meilán na súa Geografía General del Reino de Galicia adicada á provincia de Lugo: "A capital do concello, por toda vía de comunicación ten un tramo (29 km) entre Becerreá e A Pobra de Navia. Coa Fonsagrada, a capital do partido, únea un mal camiño de carro, torto e difícil, de 28 quilómetros. E nada máis".

A CAMPA
Campa, campo pero de extensión máis ampla. Para Luis Aguirre del Río (1858) e outros autores, lápida sepulcral, a coberta do sepulcro.

CAMPA DE LABIADAS
O composto deriva do latín lapidatam, de pedra.

CAMPA DA LEGÚA
O composto é unha variante de lagúa, derivado do latín lacus, lago. 

CAMPA LONGA
En Murias.  

CAMPA DE LOURENTE
*(Villa) Laurenti, dun posesor medieval de nome Laurentius.

CAMPA DA PENA
Na aldea de Ferreirúas, parroquia de Cabanela. O composto deriva do céltico penn e do latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. Hai unha necrópole megalítica formada por sete mámoas. 

CAMPA DO REBOLO
En Murias.  

CAMPA REDONDA
O composto deriva do latín rotundus, alusión á redondez do terreo.

CAMPA DO SEARO
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. O segundo elemento deriva da voz céltica senara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. Hai unha mámoa.

AS CAMPAS
Plural de campa.

CAMPAS DE PENAMARELA
Lindeiro con Asturias. Alusión a unha pena que por algún proceso de oxidación adquiriu a cor amarela.

CAMPO DA CUADRA
Lindeiro co concello da Fonsagrada. Latín campu, espazo de terra fóra das poboacións. Segundo os máis supersticiosos, por campos e fragas deambulan a Compaña, a Estadea, o Canouro e a Pantasma. O composto é unha castelanización de corte, construción destinada a gardar o gando.

CAMPO DA FEIRA
O composto vén do latín feria, lugar onde se celebra o mercado en datas fixas.A palabra feira significa festa ou gran mercado. A forma antiga era fesiae e o seu étimo é o mesmo festus, a, um. No latín tardío empregouse para denominar os días da semana (primeira feira, segunda feira, terza feira...) cuxo uso aínda se mantén en portugués.

CAMPO DAS LEBRES
O composto, lepus, leporis, fai alusión ao mamífero semellante ao coello, pero máis grande e coas patas de atrás longas e fortes que lle permiten correr moito.

CAMPO DA LEGUA
Antiga medida itineraria equivalente a algo máis de cinco quilómetros. Equivale á distancia que unha persoa camiña a pé ou a cabalo durante unha hora. Equivalía a tres millas romanas.

CAMPO DAS POZAS
Do latín puteus, pozo, en alusión a unha charca.

CAMPO DAS VEIGAS
Prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. Denomina un val ou terreo que baixa cara o río. Topónimo moi abundante en Galicia.

A CAMPOA
Variante de campo.

A CANCELIÑA
En Vilarpandín. Diminutivo de cancela (ver Cancela da Serra). Lugar situado no antigo camiño que comunicaba Savane con Vilarpandín. Un veciño contoume que no lugar había tres rochas con gravuras de tres ferraduras e coviñas, coñecidas como As Ferraduras dos Cabalos, que foron destruídas no ano 1969 por unha máquina ao ampliar o camiño.

CANCELA DA SERRA
Cancela vén do latín cancellu, estrutura que se coloca nunha portela ou parte do curro onde se mete o gando. Segundo a crenza popular, xunto ás cancelas xuntábanse as almas dos defuntos, por iso, en moitas partes de Galicia, aínda hoxe en día, non se pechan con violencia por medo a espertalos. Unha serra é un cordal montañoso de pouca extensión.

CANCELO
Cancela pequena.

O CANTO
Lugar da aldea de Coea. Partícula prerromana *kant, pedra, en alusión a un lugar rochoso. Mais tamén pode referirse a unha esquina ou a unha pequena lomba do terreo. É conveniente, entón, confirmalo segundo a xeografía do lugar. Contoume un veciño que hai uns quince ou vinte anos ao arar a terra saíron á luz varias tumbas rectangulares formadas por laxes e con tampa en cuxo interior había esqueletos humanos.

O CANTO DA ARQUEIRA
O segundo elemento fai alusión a un terreo en forma de arco, latín arca, mesmo a unha mámoa ou arca (sepultura prehistórica). Ou dunha (Villa) Arcaria, dun posesor de nome Arcarius.

O CANTO DOS MEATOS ou MELATOS
Así chaman a un monte situado na aldea de Coea. Coido que o composto meato, do latín meatus, pouco ten que ver co orificio do corpo humano polo que circulan determinados líquidos. Segundo me contaron os veciños, chamaban así a uns antigos moradores de raza pequena. Só como conxetura, tamén pode facer alusión a un lugar onde recluían aos leprosos (malatos), o cemiterio atopado no veciño lugar de O Canto estaría destinado a enterrar aos enfermos que ían morrendo.

CANTÓN
Nas parroquias de Barcia e Cabanela. En Galicia chámase cantón a unha ruela, habitualmente sen saída, recanto, lugar retirado. Para Carré Alvarellos (1979), lugar, nalgunhas cidades galegas, onde soen reunirse as xentes para pasear, charlar, etc. Adoita ser un punto céntrico, especie de beirarrúa de grande anchura resgardada por unha fileira de casas todo ao longo dela. Mais tamén pode derivar da partícula prerromana *cant, pedra, en alusión a un lugar rochoso.

CANTORCIA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ribón. Raíz preindoeuropea *cant, pedra, rocha. Lugar pedroso.

A CAPELA
Oratorio edificado habitualmente nun sitio ermo e despoboado; vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao pedazo de capa que San Martiño deu a un pobre. Para saber máis sobre as capelas do concello pódese ver a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Relixioso. 

O CARBALLAL e CARBALLALES
Voz prerromana *carb, pedra, planta nada entre pedras. Terreo poboado de carballos, latín quercur robur. Na antigüidade ao carballo considerábanno coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. A casca do carballo, rica en tanino, empregábase para o curtido do coiro. No seu toro críase un lique conque se tinguían os tecidos, cocéndoos en auga con cinza. Segundo Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a invasión romana.

CARBALLAL DA VEIGA
Lugar situado na Pobra de Navia. Houbo unha explotación mineira en época romana. Para o composto, ver Veiga.

A CARBALLEIRA
Mesma etimoloxía que O Carballal. Segundo recolle X. Rodríguez Campos en Antropología y Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares (1990), nalgunhas parroquias do concello de Navia de Suarna clasifican o carballo en varios tipos; así está o "coruxa" ou "ron" de mellor madeira, ou o "verdiño" ou "marelá" de castaña pequena e menos sabrosa. A finais do século XIX secaron as tres cuartas partes dos castiñeiros de Galiza ao seren atacados por uns fungos.  

CARBALLO
En Murias de Rao.  

CARRIÓN
Xosé Luís Franco Grande, no seu Diccionario galego-castelán (1972), di que fai referencia a unha ovella vella, ruín e pelada.

OS CARRIZAIS e CARRIZ
Variante de carregal, latín carricale. Abundancial de carrizo, latín carriceu, planta gramínea, especie de cana, que medra na auga formando canaveirais.

CASA DA ARQUEIRA
Latín casa. Para o composto, ver O Canto da Arqueira.

CASA DO BALSEIRO
O composto fai alusión a unha persoa que goberna unha balsa, latín balsa, embarcación feita de táboas ou de toros de madeira unidos entre si. Segundo Pintos Villar (1865), designa tamén a algo ou alguén frouxo, de pouca substancia; e paraxe onde hai unha balsa para o paso dos ríos. Para Carré Alvarellos (1928), cuba ou tiñaxa onde se poñen as uvas para seren estrulladas cos pés.

CASA DA CABOZA
En Coro, parroquia de Rao. O composto fai alusión a un castaño vello cuxo tronco está oco, quizais proveniente de cavus, oco, profundo. Tamén pode ser un feminino de cabozo, hórreo. Mais esas, no municipio utilízase a palabra caboza no sentido de depresión nun terreo polo que discorre un regueiro.

CASA DA CHOUSA
O segundo elemento vén do latín clausa, monte, horta, herdade ou calquera tipo de terreo pechado.

CASA DO CONDE
En Virigo. Conde, título de nobreza ou de simple distinción.

CASA DA FÁBRICA
En Murias de Rao. Fábrica de manteiga que funcionou dende o ano 1871. Os arrieiros transportaban a manteiga en barricas ata o porto de Ribadeo. 

CASA DA FERRERÍA
Obradoiro onde traballa o ferreiro. Forxa. Segundo Eladio Rodríguez, a finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reais. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas. Consérvase unha ferraría no río Larxentes.

CASA DE FONSÍN
En Robledo, parroquia de Rao. O composto é un diminutivo do nome propio de orixe xermánica, Afonso, que significa "guerreiro preparado para o combate". *(Villa) Fonsini, dun posesor de nome Fonsinus.

CASA DA FONTE
Ver A Fonte.

CASA DA FONTELA
Latín fontanella. Diminutivo de fonte.

CASA GARDUÑEIRA
O composto fai alusión a o escondedoiro ou covil da garduña, o mamífero mustelido carnívoro e nocturno. Tamén se chama garduñeira á trampa no monte para cazar alimarias.

CASA DA LAMEIRA
Prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga. Prado húmido. Lameiro.

CASA DE LOUSADA
Na parroquia de Queizán. O apelido deriva de lausatam, terreo cuberto de lousa, latín lausa, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas.

CASA DE MUÑÍS
Para o composto, ver Muñís.

CASA DO SOUTO
O segundo elemento deriva do latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas acerca de que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc.

CASA TORRE DE VILARPANDÍN
Construída na segunda metade do século XVIII. Para o composto, ver Vilarpandín.

CASA DA VIÑA
Latín vinea, terreo plantado de videiras. Os primeios cultivos de viño dátanse ao redor do terceiro milenio a.C. no Oriente Próximo, Sumeria e Exipto. O viño aparece na Biblia tras o Diluvio Universal da man de Noé, e tamén no Gilgamesh sumerio. O viño cheou a Grecia, vía Creta, onde mesmo lle adicaron un deus: Dionisio. Na Península Ibérica parece que chegou da man dos fenicios proveniente de Italia. A súa divulgación foi grazas aos romanos que pouco a pouco substituíu a outras bebidas, en Galiza á cervexa dos habitantes dos castros segundo narran os autores clásicos. En Roma tamén tivo un deus: Baco. Aínda que hoxe en día a produción vitivinícola é insignificante, segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, había viñas en Barcia, Freixís, Galegos, Mosteiro, A Pobra de Navia, Queizán, Rao... As primeiras noticias sobre a produción de viño na zona datan do 13 de febreiro do ano 1505, cando o conde de Altamira aforou polo tercio do viño e o cuarto dos grans, varios bens en Queizán.

A CASANOVA
Latín vulgar casa e o adxectivo nova.

A CASARÍA
Nome que no concello recibía o conxunto tradicional da vivenda, formada pola palloza (tamén pallaza ou casa de palla), o palleiro, o hórreo e as terras, denominación que perviviu ata entrados os anos corenta do pasado século XX.

CASAS DE ESTORNEIRO
Para o composto, ver Alzada de Estorneiro.

CASAS DA PENELA
O composto é un diminutivo de pena.

AS CASAS DO RÍO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. Latín rivu, corrente fluvial.

A CASERÍA
Recibía este nome o conxunto de edificacións e terras, denominación que perviviu ata os anos corenta do século XX.

CASETA DE PIÑEIRO
O primeiro elemento fai alusión a unha casa pequena e ruín, casoupa, alpendre. Para o composto, ver Piñeiro.

CASOA
Na parroquia de Barcia. Derivado de casa.

CASTAÑEDO (SANTIAGO)
Nome da parroquia. Hai unha explotación mineira a ceo aberto de época romana. Sitio poboado de castiñeiros, castanea sativa. Ao parecer, o castiñeiro chegou a Galicia traído polos romanos; o froito, a castaña, nome que deriva do grego Kastana, cidade do Ponto onde se cultivaba, tivo unha grande importancia antes da chegada da pataca (solanum tuberosum), tubérculo orixinario de Perú e Chile introducido en Europa dende o século XVI e cultivada de forma masiva dende o século XVIII. Ata ben entrada a segunda metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc., e tamén se comían asadas, cocidas e con leite. As castañan que caían no camiño non se recollían, deixándoas para os pobres e os peregrinos. Pola súa dureza, a súa madeira é moi apreciada en ebanistería. Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV.

O CASTELO
Monte localizado na parroquia de Castañedo. Latín castellu, diminutivo de castru, referencia a un antigo emprazamento dun castro, castelo ou torre de vixiancia. Hai un castro.

CASTELO DE ALTAMIRA
Na Pobra de Navia. A mención máis antiga data do ano 1037, nun documento en que Rodrigo Gutiérrez confirma en dote á súa muller Senior, de Suarna, co castelo de Navia. Pertenceu aos condes de Altamira que nomeamaban meriño e escriván, cobrando os dereitos de luctosa, décimos e portádegos. Con anterioridade foi propiedade dos condes de Lemos que llo mercaran, xunto co da Pobra do Burón (A Fonsagrada), a Inés de Guzmán. No 1467 dise que foi derrubado polos Irmandiños que foron obrigados a levantalo de novo, como testemuña Xoán de Melide no preito Tabera-Fonseca do ano 1525; cremos que se trata dun erro ao confundilo co castelo de Altamira, en Brión. En virtude de Real Provisión da Audiencia da Coruña de 1611 e a petición do conde de Altamira, dono de todos os bens do concello de Navia, faise apeo da vila e da súa fortaleza e dos pozos e pesqueiras que ten no río, ademais das luctuosas, portádegos, etc. que ten na xurisdición e nas freguesías, así como das rendas que lle pagan. Na primeira parte do devandito apeo, contén foros, arrendamentos, presentacións, ventas, cesións e mercedes dende o ano 1475. Noa no 1631 figura como dono Luis de Losada Pardo Ribadeneira e Freire de Andrade, casado con María Antonio de Prada Quiroga e Sánchez Somoza. O conde de Altamira exercía padroado de presentación de beneficios nas parroquias de Barcia, Moía, Castañedo, Vilarpandín e Son; en metade, na de Galegos; e dous oitavos na de Rao. A mediados do século XVIII non quedaban máis ca os muros; o Catastro de Ensenada xa non a considera como fortaleza senón como unha casa de "dous altos". No século XIX foi vendido a un particular. A mediados do século XX era propietario do castelo Manuel López Armesto, cura da Pobra de Navia, que realizou varias reformas nada afortunadas. O estado de conservación é malo. Realizado en laxe de lousa sobre un rochedo situado por riba do río Navia, crese que foi erixido para a defensa da Ponte Vella. Altamira significa lugar dende o que se divisa moita extensión de terreo. Hai autores que identifican o étimo co antropotopónimo Altemirus. 

CASTIÑEIRO DAS CRUCES
En Rao. Ata non hai moitos anos era costume cravar unha cruz de madeira na árbore cando pasaba un enterro camiño da igrexa parroquial.

O CASTRILLÓN
Derivado de castro, latín castru.

O CASTRO
Do Latín castru. Un castro é un asentamento ou recinto xeralmente fortificado, de forma oval ou circular, situado a maioría das veces no cumio de outeiros, pero tamén presentes en esporóns costeiros, ladeiras de zonas montañosas, chairas e illas. Para saber máis sobre os castros do concello pódese ver a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Arqueolóxico. 

O CEMITERIO
Latín coemeterium. Recibe o nome o lugar da parroquia onde se enterra aos mortos. Camposanto.

OS CEREIXAIS
Lugar que toma o nome da árbore da cerdeira, prunus avium L., cuxo froito é a cereixa, latín cerasia.

A CERNADA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Muñís. O étimo nomea unhas *(terras) cineratas ou incineradas, onde, despois de rozar o monte de matogueira, esta se queimaba para facelo cultivable. Para Valladares Núñez, en Nuevo suplemento al diccionadio gallego-castellano (1884), cinza. Eladio Rodríguez e Franco Grande falan da parte interior dunha cousa calquera, material ou inmaterial. Hai quen conxectura que pode facer alusión a Cerne, o deus das fragas, dos animais e da morte.

O CERNADO
Mesmo significado que A Cernada.

A CERRADA
Na parroquia de Pin. Referencia a un muro ou valado que pecha un terreo. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

CERREDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son e lugar en Murias de Rao. O topónimo parte do latín cirrum, crista, cume dun monte. Mais en latín temos tamén cerrum, co significado de mesto, árbore resultado du cruce de sobreira e aciñeira, caxigo.

CHAO DOS BOIS
Lindeiro coa comarca do Bierzo. Latín planus-a-um, planicie elevada. O composto pode facer alusión ao animal mamífero, rumiante, da familia dos bóvidos tan común en Galicia e utilizado para tirar do carro ou do arado. Tamén pode derivar da base precéltica *boi, pedra.

CHAO DA CAMPA
A 875 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver A Campa.

CHAO DO CASTRO
Na parroquia de Cabanela e en Aigas, parroquia de Rao. Para o segundo elemento, ver O Castro.

CHAO DO COTO e CHAO DOS COTOS
O primeiro elemento deriva do prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante.

CHAO DO COUSO
Nas parroquias de Castañedo e Moía. Couso, latín causu. Leira para cultivo de legumes. Tamén depósito no que se gardan os cereais. Foxo preparado para sitiar as feras. No lugar aprécianse dous enterramentos megalíticos practicamente arrasados. Hai unha necrópole megalítica formada por dous túmulos.

CHAO DE GRANDAS LONGAS
Na Parroquia de Rao. Lugar situado no cavorco dun rego tributario do rego do Pan do Zarzo, a 1.375 metros de altitude, no límite co concello de Cervantes. Trátase dun humidal tipo turbeira de orixe natural. O segundo elemento é unha variante de gándara, do céltico ganda, pedregal, terreo inprodutivo e cheo de maleza. O adxectivo, longas, denuncia as características do terreo.

CHAO DOS LAGOS
Lindeiro con Asturias. A 1201 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto vén do latín lacus, alusión a un lago pequeno. Arredor de lagos e lagoas tecéronse un elevadísimo número de lendas que falan de vilas asolagadas, castigo inflixido pola divindade pola falla de caridade dos seus habitantes. Nalgunhas lagoas apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre que os nosos antergos considerábannas lugares sagrados, de aí que lle depositaran ofrendas.

CHAO DA LAGOELA
Latín lacunella, diminutivo de lago, lugar onde se deposita a auga. O topónimo lagoa está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas polo cráter de violación dos túmulos megalíticos.

CHAO DE PUBEIROS
O composto fai alusión a un terreo, xeralmente húmido, onde pace o gando.

CHAO DE SENRA
Voz céltica senara, seara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal.

CHAO DA SERRA
Unha serra é un cordal montañoso de pouca extensión.

CHAO DE SON
A 747 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Son.

CHAO DA TORRE
Na Pobra de Navia. Denominábase así ao lugar arredor do castelo onde foi medrando a poboación da Pobra de Navia.

CHAO DE TRABADA
O composto pode significar mordedura; hidrofobia transmitida por un can rabioso. Tamén persoa robusta, forte, vigorosa. Tamén se aplica este participio adxectival ao cabalo ou égua que ten brancas as dúas mans, por seren alí onde se lle poñen as trabas.

CHAO DE VALLO
A 848 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o segundo elemento, ver Vallo.

CHAO DE VILARÍN
Para o composto, ver Vilarín. 

OS CHAOS
En Murias de Rao. Plural de chao. 

AS CHARCAS DO PICO DO SOL
En Murias de Rao. Próximas ao Pico do Sol, do latín beccu e solis, de 1.241 metros de altitude. Trátase dun humidal. Son dúas charcas que figuran no catálogo de humidais de Galicia como charca de auga doce de orixe natural, con entradas de auga por escorrenta.  

O CHARCO
Auga acumulada nunha focha no chan.

CHASTRIÑAS
Monte situado a 711 metros de altitude sobre o nivel do mar. O inicio do topónimo leva a pensar nos nomes de lugar referidos ao chan, tipo Chas, por exemplo, que indican planicies, chairas ou terreos chans, elevados ou non. Por outro lado, en Baleira temos A Lastra, que parece facer referencia ao ¿prelatino? lastra, pedra grande e plana. Os topónimos derivados do termo lastra normalmente son montes e non esquezamos que estamos a falar dun monte Chastriñas. E no concello de Lugo temos un Astrar que parece referirse a un hipotético posesor latifundista en xenitivo *VILLA ASTRUARII, vila de Astruarius, cunha segunda parte xermánica –ar, procedente de harjis ‘exército’. Máis desbotable parece a opción de relacionalo co numerosísimo Castriño galego, onde en todo caso se produciría unha palatalización do K- inicial.

A CHOUSA e O CHOUSO
Latín clausa, monte, horta, herdade ou calquera tipo de terreo pechado.

CIMA DA REGUEIRA
Alusión a unhas terras rigarias, terreos húmidos onde nace un manancial, situadas nun sitio elevado.

COBERTOIRADA
Na parroquia de Barcia. Alusión a un sitio cuberto, abrigado? Houbo unha explotación mineira en época romana.

OS COBOS
Do latín covu, alusión a unha depresión orográfica. Tamén colmea de abellas, trobo, abellariza, albariza. No concello están documentadas 18 albarizas no Rego de Moía, Regueiro de Navallos, Camiño a Ventosa, Riamonte, Río de Murias, Pena Fundicio, Pena de Murias, Regueiro de Bragais, Regueiro de Veigamuíños, dous no río Larxentes.

A CÓCARA
Bugallo, carrabouxo do carballo, grande, redondo e con picos utilizado nalgunhas zonas de Galicia para engalanar os maios, a festa que se fai nos primeiros días do mes de maio. Para Elixo Rivas, cágado da ra.

A COCIÑA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Galegos. Cuarto da casa onde se fai a comida. Moble sobre o que se cociñan os alimentos. Leite de Vasconcellos postula o latín culina que logo daría unha forma tardolatina cocina/coquina, de coquere, cocer.

COEA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Castañedo. Vén de croio, coio, canto rodado, e este da voz celta crodios, duro. J. Piel derívao do latín conus, pena grande. Aínda que a maior parte dos autores sitúan o nacemento do emperador romano Teodosio I o Grande (347-395) en Coca (Segovia), hai quen o traslada a Galiza. Benito Vicetto a San Salvador de Coea, parroquia de Castro de Rei, e Amor Meilán inclínase polo Coea de Navia de Suarna.

O COEDO
Mesma etimoloxía ca o anterior.

COEDO DE LAGÚA ou COEDO DE LEGÚA
Na parroquia de Mosteiro. O topónimo Legúa é o utilizado pola xente do lugar. Se o étimo Lagúa é o correcto, Legúa semella unha variante do mesmo. Deriva do latín lacus, lago.

A COGOMA
Variante de corgo, latín corrugu. Existen varias acepcións: Poza natural ou artificial no decurso dun río utilizada para curtir o liño. Oco nunha rocha ou depresión do terreo que se enche de auga cando chove. Represa natural ou poza artificial onde se recollen as augas destinadas a regar, e, tamén, canle de distribución destas augas. Camiño estreito e profundo que discorre entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. 

COLADO DE BAIXO
En Murias.  

O CONCELLO
Do latín concilium, concilio, reunión, asemblea. Organismo composto polo alcalde e os concelleiros que gobernan un municipio. Territorio formado por varias parroquias que están baixo o goberno do mesmo concello. Concello Aberto: O que se ten ou se celebra publicamente convocando a el a todos os veciños ao son da campá da igrexa ou ao toque de clarín, para o cal algúns concellos tiñan un clarineiro. Concello parroquial: Antiga institución consuetudinaria que funcionaba á marxe das organizacións municipais convencionais que ata non hai moitos anos aínda pervivían nas serras galegas de Manzaneda, Queixa, Penagache, Suído, O Cebreiro ou o Courel, entre outros, e que respondían ás necesidades impostas polo seu illamento. Os veciños reuníanse en asemblea pública para constituír "o acordo" e adoptar medidas de bo goberno, auxiliar aos veciños pobres, perseguir aos malfeitores, arranxar camiños e atender outros servizos comunais, así había o rabaño do concello, o touro do concello, o forno do concello, os montes do concello, os regos do concello e as festas do concello; cada fogar tiña ou seu concelleiro que recaía, habitualmente, no cabeza de familia de cada casa. Fraseoloxía: "A concello ruín, pregoeiro tatexo". "Cando fores ao concello, acorda no teu e deixa o alleo". "Concello de mañá, e auga de tarde". "Leva o teu fío ao concello, e uns diranche que é branco, e outros que é negro".

A CONGOSTRA
Do latín coangustam, estreita, camiño de carros que discorre entre cómaros ou outras elevacións do terreo.

A CORNELLA
A 788 metros de altitude sobre o nivel do mar. Voz precéltica *corn, pedra. Para Francisco Javier Rodríguez (1854), vaíña de semente. Segundo Carré Alvarellos (1951), gallo, paxaro estúrnido. E Franco Grande (1972), di que fai alusión a unha casa pobre. Nicandro Ares Vázquez di que pode facer alusión a unha (Villa) Cornelia, dun posesor de nome Cornelius.

CORO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. Coma no caso anterior, deriva de *cor, pedra. Xa no eido da mitoloxía, Corgo deriva do nome da divindade Goro ou Coro, o prehistórico deus solar que pode ser vermello, cando está no solpor, ou negro, símbolo do Sol subterráneo que loita e logo morre a mans do deus branco, o escintilante; o combate ten lugar na Fin do do Mundo, no Oeste, no País da Morte, no Finisterrae. Tamén pode estar relacionado co nome de persoa Curicus ou Coricus. Segundo noticias recollidas do libro Antropología e Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares (1990), de X. Manuel González Reboredo e X. Rodríguez Campos, a xente Coro tiña fama de gustar dos preitos, de aí o refrán : "De Coro, trece veciños e catorce avogados". 

OS CÓRRAGOS
Na parroquia de Rao.   

OS CORRAIS
En Murias. 

CORRELOS
Na Pobra de Navia. Derivado de curro. Alusión a un curral pequeno.

CORROES
Lindeiro co concello de Becerreá. A 681 metros de altitude sobre o nivel do mar. Base *cor ou *corr, pedra.

A CORTIÑA
Do latín curtare. Terreo próximo á casa, xeralmente cercado, similar á horta, adicado a prado ou a cultivo.

CORUXEDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Moía. Topónimo enganoso que semella facer alusión ao lugar onde moran ou aniñan as curuxas, latín cuculliata, ave encarapuchada, de rapina e nocturna da familia dos estríxidas. Segundo a lenda zuga o aceite das lámpadas das igrexas; considérase unha ave de mal agoiro, sobre todo cando voa sobre a casa dalgún doente, o voo silencioso anuncia unha desgraza. Mais tamén pode derivar da raíz preindoeuropea *kor (r)/*kar (r), monte, rocha, lugar penedío.

A COSTA
En Barcia. Latín costa, terreo en pendente, xeralmente referido a un camiño.

COSTA DO CANDAL
O composto vén da partícula *cand, rocha, sitio pedroso. Segundo J. M. Piel pode que veña do apelativo románico cando que designaría ao tronco dunha árbore. Corominas faino derivar do latín candere, arder. 

COTARELOS
En Murias de Rao. Diminutivo de coto, prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante.  

O COTALLÓN e O COTARÓN
Aumentativos de coto.

COTO DA MAESTRA
Lugar situado en Sinada, na parroquia de Mosteiro. O composto fai alusión a unha mestra, a unha profesora de primeira ensinanza. Para Eladio Rodríguez, a mestra é, entre as bruxas de Galiza, a que as dirixía real ou imaxinariamente. No concello tamén chaman así á raíña das ovellas. No lugar hai un enterramento megalítico.

COTO DOS MALLOS ou COTO DOS MAIOS
Monte situado a 762 metros de altitude sobre o nivel do mar. Prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante. O composto deriva da raíz preindoeuropea *mal, rocha, altura. O topónimo figura escrito das dúas formas aínda que os veciños din que o nome real é Coto dos Mallos. No improbable suposto de que fose Coto dos Maios, faría alusión ao mes de maio, a un lugar para mallar a herba ou o gran, ou mesmo á carpaza de maio (Erica cinerea L.). O P. Sarmiento di que é un espazo de terra entre unha e outra carreira de cepas nas viñas. Eladio Rodríguez fala da fin dunha terra labrantía que adoita quedar sen labrar; tamén sinal que se pon para demarcar, linde, límite, divisoria.

COTO PEQUENO
Altura pequena.

OS COTROES
Referido a un coto.

COTRÓN
Aumentativo de coto.

A COTURIÑA
Diminutivo de coto.

O COUSO
A 765 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín causu. Leira para cultivo de legumes. Tamén depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras.

COVA DA GRANXA
En Cerredo, parroquia de Son. O primeiro elemento deriva do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. En Galicia é rara a cova que non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas enfeitizadas. O composto deriva de grania, graña, antigas fundacións eclesiásticas de rango inferior a mosteiros e priorados. Propiedade rural con casa, animais e todo o necesario para o traballo da terra. A forma granxa vén a ser un galicismo, francés grange, relacionado, segundo J. Piel, coa labor colonizadora dos monxes do Císter.

COUSO DE MOLMEÁN
Para o composto, ver Molmeán.

A COVA DOS MOUROS
En Abrente, parroquia de Mosteiro. Crese que puído ser utilizada polos romanos como galería de prospección. En principio, o composto deriva da raíz *mor, pedra. Mais tamén pode facer alusión ao ser sobrenatural vencellado a tantas lendas. Os mouros son os seres imaxinarios que, ademais de gardar os tesouros agochados en mámoas e castros, posúen grandes poderes. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria.

AS COVAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Castañedo. Plural de cova.

AS COVAS DE CASTAÑEDO
Na aldea de As Covas. Coñecidas tamén como Penas do Real. Restos dunha explotación aurífera de época romana situada no curso medio do río Navia. No municipio hai unhas vinte covas asociadas á mineiría de época romana.

O CRUCEIRO
Monte situado a 1.162 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín cruce. Pode facer alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián. Nas encrucilladas detéñense os enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación. Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a morte. Cómpre lembrar que os enterramentos efectuábanse á beira dos camiños e nas encrucilladas (meniños que morrían sen bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares infundían pola noite. Tampouco é infrecuente atopar cruces insculpidas nas penedas (petroglifos), ben de factura prehistórica, que vén a ser a representación esquemática da figura humana, ou ben de época medieval que servía para sinalar as lindes dunha terra. Non teño constancia de ningún cruceiro no municipio, quizais, como apunta Clodio González Pérez no seu Aproximación etnográfica á cultura material da montaña lucense: notas históricas e situación presente (1991), a ausencia pode ser debida á falla de material axeitado para a súa labra (tanto o xisto ou pizarra como a pedra arxilosa, que son as que máis abundan, non serven para este tipo de obras). O mesmo pasa cos petos de ánimas, nin dos adicados a algún santo. Cita un en Vilarantón (Muñís), metálico en forma de hórreo, trocado por un que antes era de pedra.

AS CRUCES
Plural de cruz. 

A CRUZ DE ANCARES
Na parroquia de Rao.  

CRUZ DA CESPEDOSA
Na parroquia de Rao, lugar lindeiro con Asturias. A 1.471 metros de altitude sobre o nivel do mar. Trátase dun humidal tipo turbeira de orixe natural, próximo ao Penedo das Valiñas, nun dos cavorcos do regueiro da Cespedosa. O segundo elemento fai alusión a un lugar abundante en pastos.

A CRUZ DE RESTELO
Para o composto, ver Alto do Restelo.

A CRUZ DE SANTO ESTEVO
Para o composto, ver Santo Estevo.

CURRAIS
Latín currale e céltico *corr, construción para gardar o gando.

DANGOLEO
Lindeiro con Asturias. A 1.471 metros de altitude sobre o nivel do mar. Non sería desbotable, e ademais que ata parece a teoría perfecta, relacionar este topónimo co dos Ancares. O padre Sarmiento relaciona Ancares co significado de ángulo ou revolta, referido á silueta que forman os seus picos e montañas: “por la misma razón se llaman ancos o ancones las cárcavas, prominencias, curvaturas de los montes y promontorios, y aun los mismos vértices o picos de esos montes. Ahora se entenderán muchos nombres gallegos de montes: ... el lugar que está junto al monte de Santa Tecla ... se llama Campos-ancos, aludiendo a los dos ancos, ganchos o puntas que tiene en su cumbre ... Así los montes que están entre Asturias, Bierzo y Galicia se llaman los Picos de Ancares ... que sería lo mismo que montes ganchosos”. No caso do pico Dangoleo poderiamos presumir unha suposta orixe De Angulus que empataría con esta teoría. Topónimos como Ancares, Camposancos, Trasancos ou Ancos deben ter a base nunha forma moi antiga vinculable coa voz grega ankon e coa palabra galega ancos ou anco ‘ángulo ou revolta nun terreo, no cumio dunha montaña ou nunha enseada’. 

O DENTABRÚ
César Varela García di que pode facer referencia á feitoría das follas das folgueiras en forma de serra ou dente. Viría dun DENTA-FERO ou dun DENTA-FOLLIU>DENTA VORU, do mesmo xeito que AQUIS FOLLIUS é a folla pontuda do acevo. 

DEVESA DE AIGAS
O primeiro elemento vén do latín defensa, defender, preservar, defender, cercar. Microtopónimo moi abundante que fai referencia a antigas fincas pechadas destinadas a pasto para o gando ou á produción de madeira. Terreo acoutado e poboado con árbores autóctonas, destinado xeralmente a pastos ou leña. Para o composto, ver Aigas.

A DORNA
Monte situado a 850 metros de altitude sobre o nivel do mar. No presente caso, o topónimo nada ten que ver coa coñecidísima embarcación marítima. O vocábulo provén da base preindoeuropea *dorn que ao nomear instrumentos de figura cóncava denuncia uns vales ou depresións fluviais. Hai autores que identifican o topónimo co celta durno, artesa.

A EIRA
Hai un lugar con este nome preto de A Recacha, en Murias de Rao. Provén do latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. Na mitoloxía nórdica, a divindade céltica Eira exercía como médico dos deuses, que mantiña a estes sempre eufóricos. Coñecía a propiedade das herbas e era capaz de propiciar a resurrección. Viría a significar paz, clemencia, axuda ou piedade.

A EIREXA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Galegos. Latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagado ao culto cristián.

EILONGO
Topónimo composto polo vocábulo eila, contracción do adverbio eis co pronome la que designa o que está próximo.

EMBERNALLAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Muñís. Alusión a un sitio abrigado onde pasar o inverno? Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández no seu Vocabulario del bable de occidente, citan a voz envernar, invernar. O 20 de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras Hibernalias (Envernallas).  

EMBERNALLÚAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Muñís. Pobo deshabitado. Como no caso anterior, conxecturamos que pode facer referencia a un lugar onde pasar os fríos invernos. Consérvanse restos de pallozas e hórreos.

ENTRAMBOSRÍOS
Alusión a un espazo terrestre situado entre dúas correntes fluviais. 

ENTRE OS PICOS
En Murias.  

ERMIDA DA VIRXE DE LUXÁN E SAN BARTOLOMEU
Deriva do latín eremus, deserto, solitario, ermo, lugares afastados escollidos polos eremitas para adicarse á vida contemplativa.

ERMIDA DA ASCENSIÓN
En Molmeán. A Ascensión é unha festa cristiana na que se celebra a subida de Cristo ao ceo corenta días despois do Domingo de Ramos. Tamén cando o corpo e a alma da Virxe María foron levados ao ceo despois de rematar os seus días na terra. 

ESCANDADA DO VALE
En Murias.   

A ESCOLA
Do latín schola, lección, ou do grego skola, estudo. Recolle Sobrado Correa (2001), que aínda que a oferta escolar aumenta na segunda metade do século XIX, o crecemento demográfico experimentado en dito período, fai que aínda o nivel de alfabetización sexa moi modesto con relación a outros casos europeos. Segundo os censos de 1860 e 1877, aínda que as cifras de analfabetos descenden nestes períodos intercensais, no 1887 aínda hai 74,3 analfabetos por cada 100 habitantes, proporción moi elevada. 

O ESPIÑEIRO
Latín spinale, monte onde medran arbustos espiñosos.

FALIÑA
Unicamente podemos presentar un abano de suposicións dende relacionalo con topónimos tipo Faladoira (Cospeito), que aluden a ruídos ou onomatopeas da natureza, lembremos que no mesmo concello de Navia de Suarna temos Son e A Veiga de Son, ata relacionalo cos topónimos referentes á fariña, poida que vinculados ao cultivo de cereais ou especies silvestres, lembremos que neste concello temos Trigal, Moira ou Liñares, coa explicación filolóxica tendente a unha posible alternancia l-r de líquidas, e acabando por vinculalo ao termo ‘falo’, referente a monumentos ou construcións de tipo fálico. En latín existe, ademais, o termo FALA, FALAE, coa acepción de torre de madeira ou máquina de asedio.

FAQUÍS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. *(Villa) Faquini, dun propietario medieval de nome Faquinus.

O FALDÓN
Quizais do franco *fada, pregue. Alusión á superficie pendente dun monte.

A FARRADA
Lugar da parroquia de Pin. Vocábulo proveniente do árabe co significado de separar? No lugar houbo unha explotación en época romana.  

FERRAMICA
En principio semella que está relacionado co ferro, latín ferrum. Para Marcial Valladares (1884), o vocábulo ferra fai alusión a un home pequeno, de pouco valor, de figura ridícula; segundo Carré Alvarellos (1928) e outros autores, é a operación de ferrar ás bestas; para Constantino García González (1985), reforzo de ferro na punteira da sola dos zocos e lámina de ferro que arrodea a roda do carro. O composto, mica, pode designar o mineral.

FERRARÍA DE BOIS
Obradoiro onde traballa o ferreiro. Segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, era o oficio que máis abundaba na xurisdición, habías en Barcia, Mosteiro, Pin, A Pobra e Rao. O composto pode facer alusión ao animal mamífero, rumiante, da familia dos bóvidos tan común en Galicia e utilizado para tirar do carro ou do arado. Mais tamén pode derivar da base precéltica *boi, pedra.

FERRARÍA DE RAO
Lucas Labrada, en Descripción económica del Reino de Galicia (1978), cita unha ferraría no val de Rao quedaba traballo a vinte operarios. A súa existencia debeu de ser curta. Debeu ser fundada despois de mediados do século XVIII (non a cita o Castastro de Ensenada). No ano 1826 cítaa o Diccionario de Sebastián de Miñano, dicindo que estaba case en desuso. O Diccionario de Madoz de mediados do século XIX xa non a menciona. Emprazábase entre as aldeas de Murias e Robledo. Só se conserva a canle por onde disviaban a auga do río Balouta para mover o mazo.

AS FERREIRÚAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cabanela. A finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reás. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas.

FIGUEIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cabanela. Árbore da familia das moráceas que ten como froito o figo. O xénero provén do latín ficus, que deriva do grego skyon, figo, e a especie da comarca de Caria, en Asia Menor, de onde procedían os figos. Relacionado co figo temos a forma figa, un figo grande que semella dous figos apegados. A figa é tamén a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou coma insulto.

FOLGUEIRAS (SANTA EUFEMIA)
Nome da parroquia. Dúas acepcións: *(Villa) Folgarii, en alusión a un propietario medieval de nome Folgarius; ou filicaria, fieito, fento, planta que medra en lugares escuros, fríos e húmidos, que ten as follas grandes compostas por folliñas triangulares e rizadas que non botan flores. Segundo Eladio Rodríguez, o fento verde utilizábase no Ribeiro para tapar os buratos e regandixas das adegas para evitar o paso da luz. Os fentos secos usábanse para chamuscar os porcos na matanza. A raíz machucada e cocida empregábase como astrinxente. A virxe e mártir Santa Eufemia naceu e morreu en Caledonia de Bitinia (Asia Menor) a finais do século II.

FOLGUEIRAS DE AIGAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. O composto fai alusión a un lugar onde aniñan as aguias, latín aquila, as aves de presa diurnas da familia das falcónidas.

AS FONTAÍÑAS
En Coro, parroquia de Rao. Diminutivo de fonte. Ver A Fonte.

O FONTARÓN OU O FONTANÓN
En Covas, parroquia de Castañedo. Aumentativo de fonte, quizais dunha "Fonte Airón", o deus do inframundo que habitaba en pozos e lagoas insondables, que tiña un dobre aspecto. O positivo, porque do inframundo emerxe a auga (fonte de vida) e a vexetación. E o negativo, pois Airón é tamén o deus da morte, porque o inframundo é o lugar onde van parar as almas dos mortos.

A FONTE
Latín fontem. En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes: "Uns adoraban ao sol, outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume, outros á auga subterránea ou aos mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes senón que, nacidas de si mesmas, eran deuses...". Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa fin de atraer aos humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto ás fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber de sete fontes despois das doce da Noite de San Xoán cura o bocio; lavarse coa auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é boa para a pel. Moitas fontes posúen propiedades creadoras, salutíferas e sandadoras. Deixando de lado o terreo da superstición, as fontes eran un lugar de reunión de vellos e mozos ao anoitecer, sobre todo no verán. 
 
No concello de Navia de Suarna están as de Augas Ferras, alusión a unhas augas ricas en ferro. Aveado. Barbetín (ver Barbeito de Acevo). A Bica, caño por onde sae a auga. As Bidueiras, árbore da familia das betuláceas, betula pendula que na Idade Media asociouse á bruxaría porque baixo del nace a amanita muscaria, un fungo alucinóxeno. Campa do Cerredo. O Cochoso, alusión a unha fonte frecuentada polo cocho ou porco teixo. O Cruceiro (ver O Cruceiro). Don Ángel. Fondovello, do latín fundus e vetera. Fontal. O Mendo, en Lencias, parroquia de Castañedo. Mermellón, microtopónimo que, segundo Aníbal Otero Álvarez no seu Hipóteses etimológicas referentes al gallego-portugués (1965), vén de mermello, en alusión a algo pequeno e ruín, falando de persoas e animais. A Noviña, en Murias. Pacarín, en Murias. Redonda, do latín rotundus. Sulpico. Os Tallos, do latín taliare, tallar, cortar, alusión a unha porción de terra cortada ou separada que se designa a capricho. Tamén asento baixo e sen respaldo; banco longo e forte sobre o que se pon o porco cando se mata. E anaco de toro dunha árbore que pode ter diversos usos. Teixo. As Veigas, prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. Val do Nabal, formado polo latín vallis e pola partícula prerromana *nav, depresión do terreo. Visas, do latín visu, ver, contemplar.
 
A auga que saía das rochas da montaña purifica e fecunda a terra. A algunhas desas fontes, conta X. Rodríguez Campos en Antropología y Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares (1990), acudían ata non hai moito tempo as mulleres que tiñan dificultades para procrear. 

A FONTE DO HOME
En Murias de Rao. 

FONTE DO MENDO
En Lencias, parroquia de Castañedo. Segundo as referencias orais, a media ladeira deste monte apareceron tumbas feitas con laxes que corresponderían a unha necrópole medieval.  

FONTELA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Muñís. Latín fontanella, diminutivo de fonte.

A FONTIÑA e AS FONTIÑAS
Diminutivos de Fonte.

A FONTOA
En Coro, parroquia de Rao. De fonte.

FÓRA LOBAS
Fóra, na parte exterior de calquera espazo. Elixio Rivas di que sinala un campo arredor da casa. A segunda parte do topónimo fai referencia ao temible lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos: quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. O mítico depredador protagonista de imnumerables lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio, a partir da Idade Media. Da súa ambundancia sabémolo polas xeiras organizadas contra eles, como as que, no século XIV, ordenou o arcebispo Berenguel de Landoira mandando que unha vez por semana saísen as parroquias co cura á fronte dende o primeiro sábado de coresma ata o 24 de xuño para dar morte aos lobos e armar os foxos (buratos onde entraba o lobo e non podía saír).

FORCOIS
Voz latina furca, forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais aquí semella que fai referencia ao sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca. Segundo Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández Fernández (1932), son tamén as forquitas que se cravan na terra para fixar pranchas no aserradoiro. Dialectalismo propio do galego oriental.

FORCOIS DA FONTE
Na Pobra de Navia. Para o composto, ver A Fonte. 

FORNELOS
En Murias.  

OS FORNOS
En Murias, parroquia de Rao. Do latín furnus, construción para cocer o pan, ladrillos, etc., mais tamén pode facer alusión a unha concavidade do terreo, a unha cova ou a un enterramento megalítico.

FREIXEIRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cabanela. Abundancial rematado en -eiro, lugar poboado de freixos, fraxinus excelsior, árbore da familia das oleáceas de toro groso que medra, xeralmente, na beira dos ríos e en lugares húmidos. O xénero provén do grego phraxis, seto, cercado, e a especie do latín excelsior, máis alta. Antigamente, o freixo utilizábase para facer os eixos dos carros, xugos dos bois, etc. A casca moumiña (a do medio) era boa para a dor de cabeza. Na Fonsagrada utilizábase tamén para curar a úlcera de estómago.

FREIXIS (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. Mesma etimoloxía que Freixeiro, aínda que hai autores que o fan derivar dun nome persoal de orixe xermánica. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.

FURADA DOS MOUROS
Trátase dunha cova situada na aldea de Sinada, na parroquia de Mosteiro. Crese que puído utilizada polos romanos como galería de prospección. O primeiro elemento deriva do latín foratu, furado, por analoxía cova. En principio, o composto deriva da raíz *mor, pedra. Mais tamén pode facer alusión ao ser sobrenatural vencellado a tantas lendas. Os mouros son os seres imaxinarios que, ademais de gardar os tesouros agochados en mámoas e castros, posúen grandes poderes. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria.

GALEGOS (SANTIAGO)
Nome da parroquia. Probablemente proveña do nome galego/a co que se denominaba aos "cristiáns vellos" e que despois se converteu en topónimo como se explica na Genealogia Sarracenorum, do século XII. Cristián vello ou cristián puro é un concepto ideoloxíco que pretendía designar ao segmento maioritario da poboación da Península Ibérica, acaecido a partir do século XV, que supoñía a "limpeza de sangue" para distinguirse dos conversos. Para Elixio Rivas, Gallaecia nace no século I d.C., formada sobre o étimo latinizado Gallaecus. Di que a forma primitiva debeu ser *cal-ekko, cunha terminación preindoeuropea asimilada a -aeku. A base céltica *kal-l aterna con *kar-r, rocha, monte. Malia o anterior, hai quen o fai derivar do nome da deusa-nai céltiga da fertilidade e da guerra Cal-leach; o termo "os" viría do goidélico oes que quere dicir "fillos de", "xente de"; Galegos serían, entón, os fillos da deusa nai. Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV.

AS GALGAS
En princpio, a galga é o oco en forma de media lúa na roda do carro. Pau que serve de freo nos carros. Rebaixe onde xira o eixo do carro. 

GAMALLEIRO
En Murias, parroquia de Rao.

A GARDUÑEIRA
Na aldea de Vilarantón, parroquia de Muñís. Escondedoiro ou covil da garduña, o mamífero mustélido carnívoro e nocturno. Para Constantino García González (1985), trampa para cazar animais. Houbo unha explotación mineira en época romana.

GARGANTA DO RAO
Garganta, entrada ou pasaxe estreita entre montes.

A GORGOEIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Mosteiro. Alusión a un lugar onde nace a auga, borbullando. 

GORGUEIRÓN
En Murias, parroquia de Rao. Aumentativo de gorgueira.  

AS GRALLEIRAS
De gralla, latín gracula, paxaro da familia dos córvidos que aniña nos ocos dos muros e nas covas.

A GRANDA
Variante de gándara, do céltico ganda, pedregal, terreo inprodutivo e cheo de maleza.

A GRANDA DE CORO
Para o composto, ver Coro. 

GRANDA DO RIBÓN
En Murias. Para o composto, ver Ribón. 

GRANDA DO TEIXO  

GRANDA DE VALÍN SECO
En Murias, parroquia de Rao. O segundo elemento semella un diminutivo de val; non cremos que no presente caso veña do antropónimo Vallinus.  

A GRANDA DE VILELA
Diminutivo de vila, latín villa, pequeno núcleo rural.

GRANDAS LONGAS
Na parroquia de Rao. O adxectivo denuncia as características do terreo.

GRANDAS DO MOSTEIRO
Para o composto, ver Mosteiro.

GRANDELA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia da Pobra de Navia. Diminutivo de granda.

A GRANDIÑA
Diminutivo de granda. 

GRANDOA DA VALIÑA XULLEIRA
En Murias.  

AS GRILEIRAS
Lugar pertencente á parroquia de Rao. Alusión a un lugar onde viven os grilos, latín grillu, o insecto saltador e de ollos saíntes que produce un son agudo e monótono sacudindo e esfregando con forza os élitros (as as). Segundo a lenda, considérase símbolo de benestar. O grilo é tamén unha peza do mecanismo de rotación do muíño de auga. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

GROBA DE LAMOCAS
En Murias. Groba, orotopónimo proveniente do gótico groba, fondal, desfiladeiro, depresión, paso fondo e estreito entre montes. En Barcia din tamén Angroba e engroba, e Sangrova en Vilarín. Segundo Moralejo, groba ten unha dubidosa relación co étnico Grovios. M. Concepción González López di que o plural, grovas, paralelo ao de croas, pode aludir á serie de foxos defensivos  dun castro. O composto semella derivar do prelatino lama, lama, lodo, fango. Dise que no lugar había unha igrexa da que non quedan restos. 

GROBA DO PACARÍN
Na parroquia de Rao.  

GROBA DE SULPICO
Na parroquia de Rao.  

A HORTA LONGA, A HORTA NOVA, A HORTA DO VAO e A HORTOA
Latín horta, terreo situado preto da casa, destinado a cultivo de verduras, legumes e outros usos. 

O HORTO DOS MOUROS
Na parroquia de Cabanelas, lugar lindeiro con Monterrío, no concello da Fonsagrada. Coñecida tamén como Penas de Monterrío. O primeiro elemento deriva do latín horta, terreo situado preto da casa, destinado a cultivo de verduras, legumes e outros usos. Para o composto, ver Furada dos Mouros.  

A IGREXA
Latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagrado ao culto cristián. Así adoita identificarse o lugar onde está a igrexa parroquial. Para saber máis sobre as igrexas do concello pódese ver a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Relixioso. 

O IGREXARIO
Variante de igrexa.

A ILLA
Do latín insula que, no presente caso, non fai referencia a unha terra rodeada de auga, sequera a unha pequena península, senón a un lugar que, pola sensación de illamento, puido orixinar o nome.

LADEIRA DE CASARES
O primeiro elemento denuncia a pendente que fai un monte ou unha inclinación do terreo. O composto deriva de casar, do latín casa, explotación agro-gandeira formada por unha vivenda principal e outras construcións anexas; casa rústica coas súas propiedades. O casal ou vilar xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

LADEIRA DE LENCIAS
Para o composto, ver Lencias.
 

OS LAGORZOS
Na parroquia de Rao. 

LAGÚA DO CARRIZAL
En Murias.  

LAGÚA DE RIBÓN

LAGÚA DO TEIXO
En Murias. 

LAGÜELLOS
En Murias. 

LAMAZAIS
En Murias. Do prelatino lama, lama, fango. Terreo enchoupado onde nace herba pero que non se pode traballar.  

O LAMEIRO
Do prelatino lama, lama, fango. Terreo enchoupado onde nace herba pero que non se pode traballar. 

AS LAMPAZAS
En Murias, parroquia de Rao.  

O LANDEDO
Na Pobra. Lugar poboado de landas ou landras, froito do carballo, da aciñeira e da sobreira. Segundo os autores clásicos, os castrexos consumían pan de landra. A sobreira utilizábase na elaboración de carbón vexetal para as ferrarías.

LARXENTES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Muñís. Os topónimos de base Lar-, poida que provenientes do antigo irlandés lar ou do galés llawr, comportan unha significación de ‘chan, pavimento’, que á súa vez empatarían cos procedentes do céltico lágena(s) ‘pedra lisa’ ou laxe (lembremos un Laxo en Navia de Suarna). Dá a impresión de que en Larxentes a pedra está na súa orixe. Lembremos a base prerromana *lappa ou latina LAPIS ‘pedra’. O feito de que Larxentes sexa o nome, amais dun lugar e dunha serra, dun castro leva tamén a pensar nunha posible explicación, seguramente simplista, en relación co LAR LARIS ‘lar, fogar’ e GENS, GENTIS ‘xente’. Ou mesmo co LARGUS latino ‘abundante, largo ou extenso’.

A LASTROSA
En Murias, parroquia de Rao.  

LAXO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. Variante de laxe, céltico lagena, latín lagea, pena de grandes dimensións coa superficie lisa e longa. No lugar houbo unha explotación mineira de época romana.

LENCIAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Castañedo. Segundo a Nomenclatura vernácula da flora vascular galega (1992) de E. Losada, J. Castro e E. Niño fai alusión a unha planta, simethis planifolia, perenne con flores brancas moradas por fóra. Medra en pastizais de solos silíceos orixinados a partires de rochas acedas

LIBRE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. En principio, o termo fai referencia a unha persoa que pode escoller entre facer ou non facer algo, ou como facelo; independente, non dominada. De aí que poida tratarse dun sinónimo de franco, "libre, exento de trabucos", topónimo referido a unha poboación que gozaba de franquicias, liberdade e exencións. En documentos dos séculos XI e XII aparece mencionado como Villa Libri polo que tamén puidera facer alusión a un posesor de orixe latina de nome Liberius.

LIÑARES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Queizán. Derivado do latín linu, liño. Topónimo que fai referencia a uns campos onde se sementaba o liño. A confección de prendas de liño vén en Galiza dende a antigüidade. Dise que os romanos utilizaban o liño galego para as embarcacións e que, transcorridos os séculos, chegou a competir co de Flandes. No municipio de Navia de Suarna a produción de lin era pouca, está documentado que a maior parte importábase do veciño reino de León. Na relación de Frutos Civiles de 1788, en todas as freguesías consta que non había venda de liño por ser pequena a colleita.

LODEIRO
Na parroquia de Rao. Latín ludo, lodo, lama; abundancial de lodo.

LOMBA DO CHARCO
A 1.239 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín lumbu, referido a un montículo pequeno e arredondado. Charco, auga acumulada nunha focha no chan. 

LOSTRAS DO VERDE
Na parroquia de Rao.  

LOURIÑA
Pico situado a 913 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de louro, vocábulo que segundo Os nomes de lugar(1992) do profesor Cabeza Quiles deriva dunha base *lar, *lor ou *l´r, rocha, pedra.

LOURIÑO
Masculino de Louriña.

A LOUSEIRA
Terreo cuberto de lousas, prerromano lausa, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas. 

LOUSEIRA DO CHAO DOS BOIS
En Murias, lindeira coa comarco do Bierzo. O segundo elemento vén do latín planus, a, um, planicie elevada. Para a última parte, pode facer referencia ao animal mamífero, rumiante, familia dos bóvidos e tan común en Galicia, utilizado para tirar do carro ou do arado; tamén pode derivar da base precéltica *boi, pedra.  

AS MACEIRAS
Latín vulgar mattiana, maceira. Lugar onde abundan as maceiras. A mazaira silvestre, malus sylvestris, diferénciase da cultivada, malus domestica, sobre todo no seu menor tamaño e polo sabor agre do seu froito. Parece que o nome lle vén dun personaxe romano chamado Mattius que, segundo Plinio, difundiu esta árbore. Para os celtas a maceira era unha árbore sagrada.

A MADANELA
Monte situado en Coea. Madanela é topónimo haxiográfico. Segundo os distintos Evanxeos (sinóptico, de San Xoán, apócrifo e de María Madanela) a Madanela era unha seguidora de Xesús á que curou tras expulsarlle sete demos. Seguiu a Cristo na súa predicación. Os fieis cristiáns, sexan das igrexas católica, ortodoxa, oriental siríaca, copta, armenia ou etíope considéranna “Apóstolo dos apóstolos”. Dise que por seren a única persoa que permaneceu ao pé da cruz cando todos o abandonaran, Xesús elixiuna como a primeira en anunciarlle a súa Resurrección. Resulta curioso que a Igrexa a considere unha prostituta arrepentida cando en ningún lugar das distintas versións dos Evanxeos se fai alusión a ese feito. Étimo tamén aplicado a unha persoa que, sen motivo, anda aflixida. Madanela é a forma grega de Migdal, torre en hebreu. Máis esas, tamén pode ser unha alteración de "medanela", logo cristianizado, que pode denunciar un lugar onde houbo enterramentos megalíticos. Contáronme que o lugar recibe o nome porque nel apareceu unha imaxe da Madanela que os veciños trasladaron a unha capela que hai na aldea, feito que, ao parecer, non apraceu á santa que volvía para o sitio onde a atoparan.

MADEIRÓN
Na Pobra. Aumentativo de madeira. Toro dunha árbore que está cortado e sen pólas.

MAISEIRO
Lugar pertencente á parroquia de Penamil. Terreo cuberto de plantas de millo, latín millu, a planta que ten como froito unha mazaroca formada por grans amarelos comestibles. Segundo recolle Xaquín Lorenzo Fernández no seu A Terra (1982), polos traballos de Bouza Brey sabemos que o primeiro millo chegou no ano 1604 traído polo almirante Gonzalo de Castro e a súa muller Madalena de Luaces. Trouxéronno en dúas arcas polo menos; unha perdeuse no século XIX, mais a outra consérvase en Casariego (Asturias), de onde era o almirante. Este gran veu de Florida e el sementouno na súa terra mentres a muller facía o mesmo en Mondoñedo, súa patria. En Galicia está documentado nos castros galegos o millo miúdo (panicum miliaceum). Sábese que o millo xa se cultivaba no ano 1749 nas parroquias de Galegos, A Pobra e Rao. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

MÁMOA/MEDORRA
Mámoa vén do latín mammula, monumento prehistórico en forma de meda ou túmulo que sinala o lugar dun enterramento megalítico. O Megalitismo, do grego megas, grande, e lithos, pedra, desenvolveuse en Galicia a partires do IV milenio a. C, acadando o máximo apoxeo no III milenio e mantendo o seu uso ata o 1500 a.C., xa na Idade do Bronce. Esta cultura caracterízase pola construción con grandes pedras destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios o que se traduciu nun fenómeno nunca visto ata entón: a humanización da paisaxe. O vocábulo medorra é un dos máis de trinta nomes que reciben en Galicia os enterramentos megalíticos. As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media: "Per suis terminis ubi inuerneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova). Para saber máis sobre as mámoas do concello pódese ver a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Arqueolóxico. 

MARCELÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Mosteiro. *(Villa) Marcellini, dun posesor medieval de nome Marcellinus. No ano 1603, o conde Lope de Moscoso concedeu o casal de Marcelín a María López, ama de Gaspar de Moscoso.

MARCO DO MOURO
En Murias de Rao. Marco vén do xermánico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. Na idade Media os límites territoriais definíanse mediante "marcos" que en moitas ocasións eran mámoas, pedrafitas, petroglifos, etc. Ferro Couselo e Florentino Cuevillas, entre outros, xa constataron que as mámoas foron utilizadas como punto de referencia nas demarcacións ao longo da historia. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é no Parochiale Suevorum, do século VI. Lémbrase que había un pau no pico máis alto das Valiñas que servía como orientación á xente durante as nevadas. 

MARCO DE XUNQUIÑAS OU DO POZO
O segundo elemento é un diminutivo de xunco, latín incus, planta que nace en lugares húmidos. A última parte do topónimo vén do latín puteum, escavación prfunda no chan para depósito de auga. Para os celtas, certos pozos e lagoas eran sagrados, un lugar de entrada ao "Outro Mundo". 
 
A respeito deste marco cómpre facer algunhas aclaracións. Aínda que na cartografía oficial figura cos dous nomes, mais como se se tratara do mesmo, José Fernández ("José de Vilarín"), veciño de Murias e que, ademais dun amplo coñecemento transmitido polos seus devanceiros, posúe abondosa documentación que testemuña que se trata de dous fitos distintos: o Marco de Xunquiñas ou do Camín, que delimita o monte da Cespedosa, en Cervantes, do monte de Murias. Este marco aparece con dúas "pintadas" para sinalizar un couto de caza, actuación lamentable que tentaremos que se subsane xa que está prohibido pola lei do Patrimonio alterar este tipo de bens. O Marco do Pozo, que na actualidade separa a provincia de León do concello de Cervantes, actuaba como marco das aldeas de Poso e Moreira (Cervantes), Murias (Navia de Suarna) e Suárbol (León). 

MARCO DA CAMPIÑA
Facía de marco divisorio entre as aldeas de Murias (Navia de Suarna) e Moreira (Cervantes). Nel pódense ver varías pías feitas pola erosión. O primeiro elemento vén do xermánico mark, pedra fincada no chan que delimita as lindes dunha terra. O composto fai alusión a un campo aberto, a un espazo grande de terreo adicado ao cultivo.   

MARCO DO MOURO
En Murias de Rao. O composto pode vir do prerromano *mor, pedra, ou facer alusión ao ser fantástico protagonista de numerosas lendas ao longo de Galicia. Recibe o nome o sitio máis elevado do monte das Valiñas, situado non moi lonxd da braña de Pandozarco, lindeiro coa provincia de León. Ata non hai moitos anos aínda se conservaba un longo pau cravado no chan que actuaba como orientación da xente cando todo estaba cuberto pola neve. 

A MASMADA
Derivado dun prerromano *mad-, húmido, mollado?

MAZAIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pin. Malus domestica Bork. Árbore que dá como froito a mazá.

MEANOREIROS
Na parroquia de Barcia. Pode estar relacionado coa raíz prerromana *med, altura, ou *mein, fluír.

MEDA DE RAO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. A forma latina meta é denominativo de metor-aris que quere dicir delimitar con marcos. Columna cónica en alusión a picos desa forma. Morea grande de monllos de cereal dispostos para mallar, de herba seca ou palla colocados na eira de forma que non lles entre auga. Tamén poder facer referencia a mámoas prehistóricas en forma de meda ou túmulo. Xa a mediados do século XVIII, Fr. Martiño Sarmiento escribiu: "Nos campos e serras onde os romanos queimaban os cadáveres, soen atoparse uns montiños de terra con algunhas pedras por remate. A estes montes como medas, uns chaman castros, e o máis común é chamalos mámoas, cuxa orixe é de mamma, mamula, mámoa. E todo porque teñen figura dunha teta. No lugar hai un castro.

AS MEDAS ou AS MEDUAS
Lugar da parroquia de Penamil. Latín meta, morea grande de monllos de cereal dispostos para mallar e colocados de forma que non lles entre a auga; tamén morea seca de herba ou palla que se coloca na eira en forma de cono. Mais pode facer alusión a unha columna cónica en referencia a picos desa forma, sen desbotar as mámoas prehistóricas en forma de meda ou túmulo e as pedrafitas que durante a Idade Media foron utilizadas como delimitatorios de propiedades. A forma latina meta é denominativo de metor-aris que quere dicir "delimitar con marcos". No lugar houbo unha explotación en época romana.  

O MEDE
Lugar da parroquiad e Penamil. Mesma etimoloxía ca o anterior.

A MEDORRA
Lugar situado na aldea de Coea. Alusión a un monumento prehistórico en forma de meda ou túmulo que sinala o lugar dun enterramento megalítico.

O MEIRAL
Preindoeuropeo *mer, auga, auga estancada.

MÉIXAMO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Queizán. *(Villa) Maximo, dun propietario agrícola medieval de nome Maximus.

AS MEIXIDES
Alusión a unha *(villa) Magiti, dun propietario medieval de nome Magitus.

MERA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Barcia. Preindoeuropeo *mer, auga, auga estancada.

AS MESTAS
Carré Alvarellos di que son as cousas que están moi xuntas, coma os toxos nunha toxeira.

MINA DE ROBLEDO
Na parroquia de Rao. O primeiro elemento vén do latín meina. Aquí non estamos a referirnos a unha mina para extraer o mineral, senón a unha mina de auga. A orografía accidentada do terreo fai que predominen as minas en vez dos pozos. Por non teren caudal abondo para que a auga corra de seguido, esta mina, seguindo a tipoloxía xeral, ten un encoro na saída co fronte pechado con pedras. A auga que deita por fóra vai parar a unha pía escavada na mesma rocha para que os animais non beban dentro.

MOÍA (SANTIAGO)
Nome da parroquia. Mendizábal deriva Moya da voz vasca oi, "pasto", que, xunto co sufixo -a resultaría "pastizal". Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV.

MOÍN e MOÍAN DE ABAXO
Na parroquia de Mosteiro. De Muíño. Había uns muíños fariñeiros.

O MOIÑÓN
Na parroquia de Mosteiro. De muíño. Había un muíño fariñeiro.

MOLMEÁN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Mosteiro. A segunda parte do topónimo, meán, fai alusión a un lugar mediano ou do medio. No lugar aínda se poden ver unhas sepulturas de orixe medieval.

MONTE DA BARCIA
Para o composto, ver Barcia.

MONTE CABOXO
Do latín monte, terreo no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación. Para o composto, ver Caboxo. 

MONTE CARBALLAL DE LADREDO
En Murias.  

MONTE DE COEA
Para o composto, ver Coea.

MONTE DO CONDE
Conde, título de nobreza ou de simple distinción.

MONTE DA DORNA
Para o composto, ver A Dorna.

MONTE DA FARRAPA
Na aldea e Sinada, parroquia de Mosteiro. O composto deriva do antigo verbo farpar, romper. Farrapa deu, en galego, unha acepción equivalente a folerpa, partícula de neve. Chámase farrapeiro ao espazo fragmentado en leiras pequenas, mal feitas e de escasa produtividade. No lugar hai unha mámoa.

MONTE DE FREIXEIRO
Ver Freixeiro.

MONTE DE LOURENTE
Para o composto, ver Campa de Lourente.

MONTE LOURIÑA
Ver Louriña.

MONTE DA MEDORRA
Na Balsa, parroquia de A Ribeira. Ver A Medorra.

MONTE DE MEIROI
En Sinada, parroquia de Mosteiro. Preindoeuropeo *mer, auga, auga estancada. Ou alusión a unha *(villa) Miroi? No lugar hai unha necrópole megalítica formada por tres mámoas.

MONTE DE PIÑEIRO
Para o composto, ver Piñeiro.

MONTE DA REGUEIRA
Alusión a unhas terras rigarias, terreos húmidos onde nace un manancial, situadas nun sitio elevado.

MONTE DA VALIÑA
Para o composto, ver Valiña. 

MONTEXÍN
En Murias. 

MONTÍN
En Murias.  

MOSTEIRÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Castañedo. Diminutivo de mosteiro.

MOSTEIRO (SAN SALVADOR)
Nome da parroquia. Mosteiro vén do latín monasteriu e do grego monastérion, residencia solitaria. Casa ou convento onde viven os monxes en comunidade. Segundo Andrade Cernadas, o monacato comeza na Gallaecia no século VI con San Martiño de Dumio. Da mesma centuria parecer ser a sé de Bretoña, situada no concello da Pastoriza, que se organiza arredor do abade-bispo Mailoc. No século VII xurden, con Froitoso de Braga, as regras monásticas de traza oriental. A partires do século IX os mosteiros galegos achéganse, con San Rosendo, á regra bieita. No 1075 aparece o primeiro priorato dependente de Cluny en Galicia, o de Vilafrío, nos arredores de Lugo. Coa chegada do Císter, que nace como reacción aos excesos dos cluniacenses, muda o panorama monástico. O monacato, con diversos altibaixos ao longo da súa historia, perdurará ata mediados do século XIX, ata a promulgación dos decretos de Exclaustración e Desamortización de Mendizábal do ano 1835. Monxe vén do grego monakhos, solitario, que en latín deu monachum, persoa que fixo votos relixiosos e vive en comunidade con outros membros da mesma orde. San Salvador, Sanctus Salvatorem, que significa "Aquel que é salvador".

O MOURAL
Lugar da parrroquia de Queizán. Do prerromano *mor, pedra, lugar pedroso. Hai unha necrópole megalítica formada por dúas mámoas.

O MUÍÑO
Latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. Dende mediados do século XVIII non sufriron practicamente cambios, agás a substitución do teito de colmo polo de lousa. Ao principio, a fariña había que cribala aparte, pois non a había no propio muíño. Nun primeiro momento, o gran transportábase en foles de cabra, que evitaban que se mollara cando chovía, e xa nunha etapa máis tardía, tanto o gran como a fariña levábanse en sacos. Os que moían para outros recibían a cambio a maquía, unha porcentaxe de fariña coa que se quedaba o muiñeiro a cambio do seu traballo. Consérvase un documento do ano 1611 que fala dun muíño hidráulico do conde de Altamira, contruído por Xoán Núñez Becerrea no río Ribón de Raimoínde (Galegos). Onde máis muíños había era en Rao, seguíanlle Barcia e Mosteiro. No Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, nas freguesías de Navia de Suarna figuran varios muíños fariñeiros. O derradeiro muíño do municipio que aínda mantivo a actividade ata mediados dos anos oitenta do pasado século XX estaba na parroquia de Mosteiro.

MUÑÍS (SAN XOSÉ)
Nome da parroquia. A parroquia foi creada no ano 1892 con terras pertencentes ás de Barcia e Mosteiro. Segundo Menéndez Pidal, o topónimo estaría relacionado co nome da divindade prerromana Aegimunniaegus que, como segundo elemento, deixa ver munn coñecido como nome de muller lusitana Munna, mais tamén entra na formación de nomes de lugar como Muñis e Muñeiz en Galicia, e Muna e Moniz en Portugal. Aquí parece máis ben un patronímico do nome Munio. San Xosé, nome de orixe hebrea que significa "Deus axudará" ou "Sentado á dereita de Deus".

MURIAS DE CAMÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ribón. Murias, terreo cercado de pedras. Pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario galego (2001), di que é un muro antigo grande. Tamén hai quen o identifica coa cor moura. Topónimo que podemos ver nas zonas limítrofes de Asturias e O Bierzo. Segundo o Vocabulario del bable de occidente (1932) de Bernardo Acevedo y Huelves e Marcelino Fernández y Fernández, o composto, de orixe céltica, é unha variante de camiño, camiño romano ou de carro. Dialectalismo propio do galego oriental.

MURIAS DE RAO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. Para o primeiro elemento, ver Murias de Camín. Para o segundo elemento, ver Rao. 

MURUÁS
En Rao. Mesma etimoloxía que Murias.

NAVA
Partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo ou depresión montañosa.

NAVALÍN DO TESO
Na parroquia de Barcia. Diminutivo de nava. Teso, latín tensus, de tendere, estirar, extender. Lugar alto no campo, monte alto e escarpado.

NAVALÓN DE FAQUÍS
Aumentativo de nava. Para o segundo elemento, ver Faquís.

O NAVALÓN DE MENDE DE ROBLEDO
En Robledo, parroquia de Rao. Aumentativo de nava.

NAVALLOS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Moía. Mesma etimoloxía ca o anterior.

NAVIA DE SUARNA
Navia, partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo. En Galiza está amplamente documentada na epigrafía a deusa prerromana Navia. Para Blanca García Fernández-Albalat no seu Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (1990) sería unha divindade que facilitaría o acceso ao Máis Alá a través da auga. O composto pode vir da preposición latina so, baixo, debaixo, maila partícula -arn, terra. Cabeza Quiles di que pode derivar de *sub arna, debaixo da depresión. Segundo Manuel Murguía, a etimoloxía de Suarna deriva das palabras sánscritas rua (ribeira) e arna (río); considera céltico o nome de Navia, deducindo que, polo tanto, significaría "á beira do río Navia". Manuel Vidal Torreira, en Los Suarnegos en una inscripción romana, publicada en Nalgures da Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, fala dun epígrafe que no ano 1787 estaba de costas ao altar maior da igrexa de San Xoán de Camba, en Castro Caldelas, e que na actualidade se atopa no Museo de los Caminos, en Astorga. A inscrición está adicada por Viccio, fillo de Silón, a Gabilla Telea, dos Suarnegos. Canto á demografía do municipio, dende o ano 1910 o número de habitantes diminuíu en máis de 6.000 persoas, pasando de 7.412 a menos de 1.400. Escribe Vázquez Seijas que antes da Reconquista consta que constituíu este territorio o terceiro dos condados galegos, co nome de Naviensis. A antiga xurisdición de Navia de Suarna comprendía as freguesías de Barcia, Cabanela, Castañedo, Folgueiras, Freixís, Galegos, Moía, Mosteiro, Penamil, Pin, A Pobra de Navia, Queizán, Rao, Ribón, Son, Vale e Vilarpandín, sobre as cales exercía o señorío o conde de Altamira, nomeando xuíz ordinario. 

NOGUEIRIÑOS
En Mosteiro. Diminutivo de nogueira, latín nucarias, abundancial de nogueira (juglans regia), árbore cuxo froito é a noz, do latín nux, nome que designa a todos os froitos de casca dura. Nalgunhas partes de Galicia a xente cría que a sombra da nogueira traía mala sorte. 

NOVIÑA
Na parroquia de Rao.  

OURELEIRO
En varias partes do municipio designan así á cimada, remate ou testeiro, en alusión a unha estrema ou marxe dunha finca.

O OUTEIRO
Na parroquia de Barcia. Latín altariu, sitio elevado. Tamén penedía, lugar onde abundan os penedos. Nome xa recollido na súa forma actual no século X no mosteiro de Celanova. Segundo apunta Nicandro Ares Vázquez, este topónimo nunca aparece escrito nos documentos medievais como altarium, senón aucterio, auctero, autario, oteiro... cuxa única razón sería para non confundir o sentido relixioso altarium co simplemente topográfico. 

PACARÍN
En Murias.  

PACIO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Mosteiro. Latín pallatium, referencia a unha antiga casa señorial. O termo pazo aséntase nos séculos XVIII e XIX. As primeiras edificacións pacegas configúranse ao redor do ano 1500 pero apenas se conservan construcións anteriores a esa data.

OS PADRÓNS
Máis que a un marco sinalizador dunha división territorial, no presente caso semella denunciar un rochedo natural.

O PALLEIRÍN
Diminutivo de palleiro, morea de herba seca que se coloca na eira ordenadamente en forma de cono para que non lle entre a auga.

O PANDELO
Lugar da parroquia de Son e de Murias de Rao. Diminutivo de pando, latín pandu, alusión a un lugar curvo, encurvado. Terreo chan entre dúas alturas.  No lugar houbo unha explotación en época romana.  

PAN DE ZARCO
Ademais da porción de masa de fariña utilizada como alimento, tamén pode ser una variante de pando, latín pandu, alusión a un sitio curvo ou encurvado. Chámase zarco a unha persoa que ten os ollos azul craro.

PARADELA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Galegos. De parare, deter. Alusión a un descanso ou parada orográfica.

O PARANDOIRO
En Barcia. Do latín parare, deter, en alusión a unha parada ou descanso orográfico.

PARASÚA
A primeira parte do topónimo, para-, provén de petra, pedra. O segundo elemento, súa, nada ten que ver co adxectivo ou co pronome posesivo, senón que deriva do prefixo sub, debaixo de. 

AS PASADAS
En Murias, parroquia de Rao. Alusión a un paso, a un sitio por onde se pasa.

PASO DO LADRÓN
O composto vén do latín latro, -onis, bandido, que furta ou rouba. 

PAZO DE ABAIXO e PAZO DE ARRIBA
Na parroquia de Galegos. Do latín pallatium, referencia a unha antiga casa señorial. O termo pazo aséntase nos séculos XVIII e XIX. As primeiras edificacións pacegas configúranse ao redor do ano 1500 pero apenas se conservan construcións anteriores a esa data. No municipio aínda se poden ver, en mellor ou peor estado de conservación, os pazos de Freixís, Pin, Queizán, Vilarpandín e Virigo.

PAZO DE VIRIGO
Habitado e con explotación agropecuaria que presenta un certo aspecto de abandono. Para o segundo elemento, ver Virigo.

PEDRAS DE FERRAMICA
Latín petra. Para o composto, ver Ferramica.

O PEDREDO
Na parroquia de Pin. Lugar abundante en pedras. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

A PEDREIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Queizán. En latín tardío, unha petraria era unha via lapidibus munita, camiño empedrado que mesmo podería ter a orixe nunha calzada romana. 

AS PEDRIÑAS
En Murias de Rao.  

PEDRIZA
A 805 metros de altitude sobre o nivel do mar. O vocábulo fai alusión tanto á choiva conxelada como ao corremento de terras. Mais tamén pode derivar do latín petra, pedra, en alusión a un lugar rochoso.  

PEDRIZA DO VAL DO CABRÓN
En Murias, parroquia de Rao.  

PEDRIZA DE ROBLEDO
Para o composto, ver Robledo. 

PEDRIZA DO SOMEIXÓN
Na parroquia de Rao.  

A PEDRIZA VERDE
En Murias. O composto vén do latín veridis.  

PELICEIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. Alusión a unha curtidora de peles.

PENA AVEADO
Céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. Alusión a unha pena que ten veas ou vetas de distintas cores.

PENA BECERREIRA
O composto fala dun sitio elevado onde hai moito pasto e os becerros métense nel.

PENA BRANCA
O segundo elemento tanto pode derivar da forma preindoeuropea *alb, monte, altura, como do latín albus, branco.

PENA DA CAMPIÑA
O composto fai alusión a un campo aberto.

PENA DO CARRO
Un carro é o vehículo tirado por animais, formado por unha plataforma de madeira, en xeral con soportes laterais, dúas rodas grandes e un pao ou cabezalla para tirar por el.

PENA CASTELO
Na parroquia de Rao. A 793 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto, do latín castellum, non sempre fai alusión a un castro ou castelo, tamén a elevacións do terreo que semellan baluartes defensivos. Hai hipóteses que manexan a existencia dun castro ou dun castelo medieval. Ver a entrada adicada ás historias, lendas...

PENA DO CASTELO
Na parroquia de Ribón. Hai unha cova.

PENA DO COLAO
O segundo elemento pode facer referencia a un outeiro ou a un desfiladeiro.

PENA DO CORVO
En Barcia. Alusión a unha pena frecuentada polo corvo, latín corvu, o paxaro omnívoro asociado á mala sorte. Asociada a unha lenda. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

PENA DA COVA
Na parroquia de Pin. O segundo elemento vén do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. 

PENA FALLIDA
En Murias, parroquia de Rao. O composto vén do latín fallere, crebado. 

PENALBA
O segundo elemento tanto pode derivar da forma preindoeuropea *alb, monte, altura, como do latín albus, branco.

PENAENFEL
A forma deste topónimo lévanos xa directamente aos Penafiel ou Peñafiel (Valladolid). Parece ser que aluden a montes ou alturas rochosas onde houbo antigas fortalezas. Así Penafiel, impresionante pico da serra coruñesa do Pindo, procedente dun PENNA FIDELE, refírese a unha altura inexpugnable, forte (topónimo Monforte), segura, fiel, onde houbo unha torre defensiva. Digamos que este tipo de topónimos empatarían, nun certo sentido, co de Pedrafita, por exemplo. Agora ben, en Penaenfel temos a presenza dunha partícula -en- realmente sospeitosa. Isto podería relacionalo cos Enfesta, lugares elevados, do latín INFESTUS ‘levantado’, o termo enfesta ou infesta está definido como ‘pico ou cumio’ e nós engadiriamos, ademais, que tamén puidera ter que ver co étimo latino INFELIX ‘improdutivo, estéril’, aludindo quizais a unha pena ou penas onde a vexetación é escasa.

PENA FUNDICIO
Anibal Otero Álvarez, en Vocabulario de San Jorge de Piquín (1977), di que se chama fundicio o que tarda moito en gastarse ou consumirse.

PENA FURADA
Na parroquia de Folgueiras. Trátase dunha cova. Puído ser utilizada polos romanos como galería de prospección. O composto deriva do latín foratu.

PENA DOS GARABATOS
En Murias, parroquia de Rao. Para Eladio Rodríguez González, o composto fai alusión a un garabullo, o pau delgado, xeralmente seco, que se utiliza para acender o lume. Para Elixio Rivas Quintas e Contantino García González, apeiro de labranza de tres ou máis dentes curvados. Tamén pode facer alusión a unhas gravuras prehistóricas, a uns petroglifos.

PENA DO HOME
Posible alusión a unha sepultura antropoide ou a unha anta megalítica.

PENA MAIOR
Alusión a unha pena que actuaría como punto de referencia.

PENA MAR
Pena *Marii, alusión a un home de nome Marius.

PENAMARELA
Na parroquia de Rao, lindeiro con Asturias. Alusión a unha pena que por algún proceso de oxidación adquiriu a cor amarela. Polo lugar discorre un camiño histórico que aparece documentado dende, ao menos, o século XVIII onde aparece no mapa de Tomás López (1777) e que, a pesares da súa imprecisión, obsérvase o seu trazado. Máis difundido se observa no plano de Francisco Coello (1870), que segue o mesmo itinerario que a pista actual. Di a canción: "Arriba Pico de Surcio, abaixo Penamarela, máis arriba está Valouta, Deus nos libre desa terra" (achegada por Abilio Fernández Barrero).

PENAMIL (SANTIAGO)
Nome da parroquia. *(Villa) Pennamiri, dun posesor medieval de nome Pennamirus. Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV. Na parroquia hai unha explotación mineira a ceo aberto de época romana. 

PENA DA COVA
No lugar houbo unha explotación mineira en época romana. O primeiro elemento deriva do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. En Galicia é rara a cova que non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas enfeitizadas. 

PENA DO MOURO
Na parroquia de Rao. O composto deriva da raíz prerromana *mor, pedra. Tamén pode facer alusión ao ser sobrenatural vencellado a tantas lendas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria.

PENA DOS MOUROS
Trátase dunha cova situada na parroquia de Ribón. Para o composto, ver Pena do Mouro.

PENA DE MUÍN
O composto vén de muíño, do latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga.

PENA DA MULLER
Entre Embernallúas e Muñís. O composto vén do latín mulier, -eris. Asociada a unha lenda (Ver o apartado adicado ás lendas).

PENA DE MURIAS
Na parroquia de Rao. Trátase dun penedo cónico de paredes de lousa negra, con covas na base da rocha. Vestixios dunha explotación mineira de época romana. Para o composto, ver Alto de Murias. Segundo a lenda vivían os mouros; había un burato que, si se tiraba unha pedra, soaba como se tocara en metal. (Ver a lenda A Pena de Murias, no apartado desta mesma páxina Lendas, ritos e tradicións da Comarca dos Ancares). 

PENA DO PALEIRÓN
Na parroquia de Rao.  

PENA DO PAU
A 1.076 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pau, latín palus, anaco de madeira, alongado e cilíndrico.

PENA PICÓN
Aumentativo de pico. Fr. Martín Sarmiento (1745) di que tamén se lle chama así ao farelo de trigo. Para Filgueira Valverde (1926), pan de segunda fariña. Segundo Eladio Rodríguez González (1958), pan de fariña pasada pola segunda peneira, por iso se chama "pan de peneira".

PENA REDONDA
En Robledo de Rao. A 945 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín rotundus, alusión á redondez do terreo. Conta a lenda que na pena os mouros custodiaban un tesouro. Dise que eiquí se agochaba, despois da Guerra Civil, un fuxido. Polas noites, a súa muller leváballe de comer.

PENA DO REGO
O composto deriva do latín rigu, pequena corrente de auga.

PENA DO RISCO
Frei Martiño Sarmiento, no seu Onomástico etimológico de la lengua gallega (1757-1762), di que son as gretas que hai nas penedas a xeito de nichos e alacenas, sucos e concavidades. Para Carré Albarellos, trazo feito cun obxecto. Para Eladio Rodríguez González, penedo alto e escarpado que é arriscado subirse sobre el; e raia, sinal natural ou artificial que se forma nun corpo. Este mesmo autor fala do Risco de Salomón, signo que se aconsellaba contra as aparicións dos espíritos e a Santa Compaña, consistente en dous triángulos "entrambilicados", formando a figura dunha estrela de seis puntas; para que teña efecto debe ser trazado dunha soa vez e sen levantar o pau. Segundo Elixio Rivas Quintas, na Fonsagrada chaman así ao xogo dos tres en raia. Aínda que descoñecemos a existencia de petroglifos no municipio, pode que topónimo faga a alusión a unha gravura rupestre ao aire libre, ben prehistórica, ben histórica. Ata non hai moitos anos, esta manifestación cultural dos nosos devanceiros circunscribíase case exclusivamente ás Rías Baixas, mais, dun tempo a esta parte, están a descubrirse exemplares, moitos de espléndida factura, por todo o país.

PENA DO SOUTO
Latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas acerca de que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc. 

PENA DO TESOURO
Lugar situado na parroquia de Rao, próximo ao límite con Asturias. Alusión a unha pena onde hai agochado un tesouro, latín thesaurus, real ou imaxinario. Fraseoloxía: "Bo tesouro ten o que está de saúde ben". "Máis val tesouro de virtude que de ouro". "Non falta tesouro de viño nin de ouro". "O maior tesouro sempre vai ao ouro". "Quen ten un tesouro non pensa máis que en ouro". "Sempre o tesouro chama polo ouro". 

PENA DA VERRUGA
A verruga, latín verruca, é o gran que aparece na pel. Espulla. Aquí fai alusión a unha peneda que semella unha protuberancia rugosa, cun avultamento.

PENASINCEIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Galegos. Descoñecemos se existe algunha lenda referida ao topónimo. Quizais faga alusión a unha pena con poderes adiviñatorios á que se lle facía preguntas e endexamais mintía.

AS PENAS
Plural de pena.

PENAS DE CANTARÓN
Base céltica *cant, croio, pedra de pequeno tamaño e de forma arredondada. Caridad Arias di que podería facer mención a unha divindade prerromana co significado de branca, coruscente, emparentada, de non ser a mesma, coa deusa-nai megalítica Bre/Vedra. 

PENAS DO COLADO
En Murias. 

PENAS DOS CORRAIS
En Murias.  

PENAS ENTEIRAS
Lugar da parroquia de Pin. Alusión a unhas rochas que non están partidas, enteiras. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

PENAS DE FROU
No lugar pódense ver unhas covas naturais. En Baños de Molgas e no Irixo temos o topónimo Froufe, que Cabeza Quiles, na súa segunda parte relaciona con lobo. A Frouxeira e A Frouseira (Monterroso e Vilalba respectivamente) presentan a mesma raíz para a provincia de Lugo. Non sabemos se en Frou puido operar nalgún momento un proceso de apócope ou eliminación de sons ao final de palabra. O certo é que non parece nada probable que teña que ver cos topónimos tipo Freu, que remiten a estreitos, linguas ou brazos de mar, relacionados cos Paso e Porta, nin tampouco hai demasiadas posibilidades de que se vinculen coa frouma (o arume dos piñeiros) ou a frouza (ramiñas de queiroas e xestas). A súa forma recorda e moito aos topónimos de orixe xermánica, os de posesor, tipo Froián, pero non temos indicios para corroboralo de maneira máis fidedigna. Outra vía que se abre sería vinculalo ao ‘freixo’ < FRAXINU (lembremos que no concello de Navia de Suarna temos Freixeiro e Freixís) e que houbese unha evolución de tipo *frai- > frei- > frou-, ou mesmo relacionalo ao termo breixo < célt. *VROICEUS. Neste sentido, non esquezamos o étimo FRONS, FRONDIS ‘ramaxe, ramada, follas, follaxe’.

PENAS DE LAXO
En Laxo, parroquia de Rao. Vestixios dunha explotación mineira de época romana. Para o composto, ver Laxo.

PENAS DO REBENTÓN
Hasta que brota da raíz ou da base do tronco e que, separada desta, pode producir unha nova planta.

PENAS DE RUBIAIS
Alusión a unhas pedras rubias, do latín rubeu, que por algún proceso de oxidación adquiriron esa cor.

PENAS DE TARÁS
Base *tar, altura, monte rochoso. Tara é, para Caridad Arias, unha deusa megalítica. Taranis, segundo Sevilla Rodríguez, era o nome do Xúpiter galo. Para outros autores, esta divindade céltica está testemuñada coa forma Taranus. Taranis, Taranus ou Tanarus, próximo ás formas do antigo irlandés torann, galés, antigo córnico e bretón taran, que significa trono, indica que este debeu ser un deus do trono e por este motivo asemellado a Xúpiter. Segundo Corominas, Tarna viría a partires de Tanaros ou Taranos. 

PENAS DE TEIXIDÍN
En Murias, parroquia de Rao. Para o composto, ver Teixedo.  

PENAS TREIXAIS
Treixal, variante de cereixal, prunus avium.

PENAS DE TREMO
Para o segundo elemento, Carré Alvarellos, no seu Diccionario galego-castelán e vocabulario castelán-galego (1979), ademais de hinchado e tremente, dálle o significado de temperado, quente, termal. Tamén pode vir do verbo latino tremere, lugar batido polo vento.

PENAS DE TUNA
Lindeiro con Asturias. A 1.103 metros de altitude sobre o nivel do mar. O segundo elemento nada ten que ver co grupo de estudantes que cantan e tocan polas rúas, senón que se aplica a varias plantas cactáceas de talos carnosos, tamén coñecida como figueira do inferno. 

PENAS DAS VEIGAS
En Murias.  

O PENEDAL e O PENASCAL
Abundancial de pena.

PENEDELO
Diminutivo de pena.

PENEDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vallo. Pena que actuaba como punto de referencia. Tamén temos o microtopónimo Monte do Penedo.

PENEDO DO BISPO
O bispo, do latín episcopus, é un mandatario da igrexa que cristiá que goberna unha diócese.

PENEDO DO CASTRO
En Cantorcia, parroquia de Ribón. Nidia referencia ao castro que hai no lugar. Ver O Castro.

PENEDO DE FONTES
A 824 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver A Fonte.

PENEDO DA FORCA
Voz latina furca, forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais tamén sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca. Segundo a lenda, o nome venlle por unha vella que foi aforcada no lugar polo Busgoso, o gardián dos bosques (ver a entrada adicada ás lendas). 

PENEDO DAS LAMPAZA
En Murias, parroquia de Rao. Para o composto, ver As Lampazas.

PENEDO DAS MERENDAS
En Murias, parroquia de Rao. O composto vén do latín merenda, comida; tamén chepa, corcova. 

PENEDO DA SERRANÍA
Unha serra é un cordal montañoso de pouca extensión. 

PENEDO DA TESTA PRETA
En Murias.  

OS PENEDOIS
De pena. Cóntase que no día de San Xoán, moi cedo, existía a tradición de levar as vacas e as ovellas ao lugar para previr certos males.

PENEDOIS DO PIQUEIRO
Nidia alusión a uns penedos situados no cume dun monte, nun pico, latín beccu. 

PENEDOS PRETOS
En Murias, parroquia de Rao. 

PENELAS DE SUL PICO
En Murias.  

A PENOA
En Murias, parroquia de Rao. Variante de pena.

O PENSO
Alusión a un lugar inclinado. Segundo Juan Sobreira Salgado (1792), pedra de lagar. Para Carré Alvarellos (1933), penso para dar ao gando. Para Eladio Rodríguez González (1958), pilón, pedra grande que pendura do feixe do lagar por medio do fuso e que actúa de contrapeso para exprimir ben o bagazo das uvas ata sacarlle todo o zume.

O PEREDELO
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. Hai unha necrópole megalítica formada por tres mámoas. En Navia de Suarna parecen abundar os topónimos que aluden á pedra, casos de Penamil, A Pedreira ou Penedo. O topónimo O Peredelo, moi pouco común no que se refire á toponimia de parroquias e lugares, parece claro que sexa un derivado diminutivo da forma Peredo e Pereda, tamén pouco comúns na toponimia mencionada. Atopamos un Peredo en Castroverde, por exemplo. Navaza, na súa fitotoponimia, inclúe Peredo e Pereda entre os numerosísimos topónimos que conteñen formas correspondentes aos derivados de PIRARIA ‘pereira’. Estes poden presentar homofonía cos derivados de PETRA ‘pedra’, pois pereira, pereiro son nalgún caso variantes alternativas de pedreira, pedreiro < PETRARIA, PETRARIU. Só a documentación antiga pode dilucidar a orixe de cada topónimo pero, con todo, Navaza pensa que a maioría deles ha de ser fitonímica. Entre eles o citado Peredo e, xa que logo, O Peredelo. Mais tamén posible raíz teonímica realcionada coa deusa Vérena ou Vénera que en principio sería "ber" no canto de "per".

AS PEREIRAS
En Murias. Alusión á árbore cuxo froito é a pera. Tamén pode derivar do latín petra, en referencia a pericoutos rochosos, pedreiras.

O PEREIRO
Na parroquia de Barcia. Alusión á pereira silvestre, pyrus communis, que ten como froito o pero, latín pirum. Para Elixio Rivas tamén pode derivar do latín petrariu, de petra, pedra, sitio pedroso e elevado. Gonzalo Navaza di que pereira e pereiro poden ser, nalgún caso, variantes de pedreira e pedreiro.

AS PESQUEIRAS
Denuncia antigas construcións para pescar consistentes nun aparello, a xeito de funil, que se colocaba entre dous poios (bloques de pedra). Presa formada para levar a auga fóra da canle do río para efectuar alí a pesca con redes. Para Elixio Rivas Quintas tamén son unhas presas de río para levar auga a un muíño ou para regar. En virtude de Real Provisión da Audiencia da Coruña de 1611 e a petición do conde de Altamira, dono de todos os bens do concello de Navia, faise apeo da vila e da súa fortaleza, e dos pozos e pesqueiras, entre outros, que ten na xurisdición. 

O PICATO
Diminutivo de pico, prerromano beccu, cima, cume, curuto. Picouto.

PICO DA ARQUEIRA
A 834 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver O Canto da Arqueira.

PICO DAS ARQUELAS
A 931 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de arca, latín arca, caixa coa tampa chata. Tamén depósito de auga. Mesmo pode identificar un primitivo enterramento megalítico.

PICO DE CASOIROS
A 934 metros de altitude sobre o nivel do mar. Casoiro, voda feita sen reflexión, sen xuízo ou con pouco lucimento.

PICO DA COLADA
A 799 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para Elixio Rivas Quintas, a colada é unha clase de herba silvestre. Mais tamén pode actuar como feminino de colado, outeiro, desfiladeiro.

PICO DO COTO
Prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante.

PICO DO ESPIÑEIRO e PICO DA ESPIÑEIRA
Para o composto, ver O Espiñeiro.

PICO DOS FREIXOS
Ver Freixeiro.

PICO DA GRANDA
Ver A Granda.

PICO DE GUENCIO
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. Alusión a unha *(villa) Goenci? Tamén pode derivar do céltico guen, a branca, relacionado co nome dunha persoa, quizais un teónimo. Hai unha necrópole megalítica formada por catro mámoas.

PICO DE LIÑARES
A 1.113 metros de altitude sobre o nivel do mar. Ver Liñares.

PICO MAIOR
Lindeiro con Asturias. A 719 metros de altitude sobre o nivel do mar.

PICO DO MATO
Mato, conxunto de herbas e arbustos. Extensión de terreo cuberto de matorreira.

PICO DE MURIAS
A 1.027 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Alto de Murias.

PICO DA RECACHA
Na parroquia de Rao. Lindeiro con Asturias. A 1.273 metros de altitude sobre o nivel do mar. Aínda que en principio o composto significa "greta pronunciada que teñen algúns pans", Eladio Rodríguez (1958) e Franco Grande (1972), din que nalgunhas zonas dos Ancares fai alusión a unha lomba do terreo. No ano 2010 descubriuse un castra aestiva, un campamento romano temporal (Ver o meu blogue Mámoas e castros da comarca dos Ancares).

PICO DA SEARA
O segundo elemento vén da voz céltica senara, campo de cereais; extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal.

PICO DO SEIXO
A 788 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín saxum, rocha, penedo, croio. Hai autores que defenden que o antrotopónimo celta Sescius ou o latino Sessius puido dar orixe ao nome Seixo. A palabra seixo xa se le na forma galega actual no mosteiro de Sobrado dos Monxes no ano 932.

PICO DO SOL
O composto pode facer alusión ao astro luminoso, centro do noso sistema planetario, a un propietario medieval de nome Saulo, ou á divindade solar céltica Sol ou Sul. Na ladeira que dá cara o concello de Navia de Suarna están as coñecidas como Penas do Reloxo do Sol, utilizadas polos veciños para saber a hora. (Ver Historia e tradicións da comarca dos Ancares neste mesmo blogue).

PICO DE SURCIO
Lindeiro coa provincia de León. A 1.456 metros de altitude sobre o nivel do mar. Edelmiro Bascuas, en Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, identifica o vocábulo surcio cun hidrotopónimo. Di a canción: "Arriba Pico de Surcio, abaixo Penamarela, máis arriba está Valouta, Deus nos libre desa terra" (achegada por Abilio Fernández Barrero). 

PICO DA VALIÑA
Na parroquia de Queizán, lindeiro con Asturias. A 1.517 metros de altitude sobre o nivel do mar. No lugar hai unha necrópole megalítica formada por tres mámoas. Para o composto, ver Valiña.

O PICÓN
A 1.026 metros de altitude sobre o nivel do mar. Aumentativo de pico. Fr. Martín Sarmiento (1745) di que tamén se lle chama así ao farelo de trigo. Para Filgueira Valverde (1926), pan de segunda fariña. Segundo Eladio Rodríguez González (1958), pan de fariña pasada pola segunda peneira, por iso se chama "pan de peneira".

O PICÓN DE MURIAS
Para o composto, ver Murias.

PIN (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". Segundo o Diccionario de Madoz (1845), era de clima temperado e san, de terreo crebado en moi fértil; o camiño cara a Pobra de Navia estaba mal coidado e o correo recibíase tres veces por semana.

PIN DE ABAIXO e PIN DE ARRIBA
Núcleos de poboación pertencentes á parroquia de Pin.

PIÑEIRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Galegos. Do latín pinus. Piñeiro illado que serviría como punto de referencia. A súa semente é a piña, latín pinea, e do seu tronco sácase a resina. As repoboacións forestais de mediados do século XX supuxo a ruína da economía gandeira das zonas montañosas dos Ancares que acabaron co pasto. Segundo recolle x. Rodríguez Campos en Antropología e Etnografía de las proximidades de la sierra de Ancares (1990), o Estado incautouse dos montes comunais para efectuar plantacións de pinos, os gobernadores civís enviaban á garda civil para impedir que os veciños das poboacións subisen a pastar co gando. Feito que, ademais do empobrecemento, obrigou a emigrar. 

PIORNAL DE SUL PICO
En Murias.  

A PISQUEIRA
No municipio chaman así aos saltos de auga e fervenzas.

A POBRA DE NAVIA (SANTA MARÍA MADANELA)
Nome da parroquia e capital municipal. Aínda que a versión máis común é facer derivar o topónimo Pobra dunha castelanización de Puebla, en alusión ás Cartas Pueblas, documentos de orixe medieval outorgados polos reis a determinadas poboacións coa finalidade de potenciar a súa economía (organizar feiras, exención ou redución de trabucos...), mais tamén pode derivar do latín popula. Navia, partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo. En Galicia está amplamente documentada na epigrafía a deusa prerromana Navia. Para Blanca García Fernández-Albalat no seu Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (1990) sería unha divindade que facilitaría o acceso ao Máis Alá a través da auga. Madanela, topónimo haxiográfico. Segundo os distintos Evanxeos (sinóptico, de San Xoán, apócrifo e de María Madanela) a Madanela era unha seguidora de Xesús á que curou tras expulsarlle sete demos. Seguiu a Cristo na súa predicación. Os fieis cristiáns, sexan das igrexas católica, ortodoxa, oriental siríaca, copta, armenia ou etíope considéranna “Apóstolo dos apóstolos”. Dise que por seren a única persoa que permaneceu ao pé da cruz cando todos o abandonaran, Xesús elixiuna como a primeira en anunciarlle a súa Resurrección. Resulta curioso que a Igrexa a considere unha prostituta arrepentida cando en ningún lugar das distintas versións dos Evanxeos se fai alusión a ese feito. Étimo tamén aplicado a unha persoa que, sen motivo, anda aflixida. Madanela é a forma grega de Migdal, torre en hebreu. Máis esas, tamén pode ser unha alteración de "medanela", logo cristianizado, que pode denunciar un lugar onde houbo enterramentos megalíticos. Nun documeno do ano 1448, o rei Xoán II doa a vila a Alonso Pérez de Vivero, doazón que conleva os seus alfoces, coutos, freguesías, dereitos, trabucos, xantares, portádegos, loitosas e presentacións. Resulta curioso o dato fornecido polo Castastro de Ensenada, de mediados do século XVIII, onde a freguesía da Pobra de Navia contaba con catorce fidalgos (membros da baixa nobreza) e unha viúva nobre fronte a tres labregos, dous ferreiros, tres zapateiros e un xastre. No Arquivo Xeral de Simancas, no século XVI documéntase unha feira en que se vendían, mercaban ou cambiaban, entre outras cousas, viño, gando, panos e quincalla.

PODEIROS
En Murias.  

O POMBAL DE COEA
Latín palumbam, lugar onde se crían ou gardan as pombas. Construción situada sempre preto de pazos ou casas economicamente importantes. Segundo Eladio Rodríguez González, en Galiza hai dous lugares onde viven. Un é o pombeiro, caseiro, onde aniñan algunhas parellas; o outro é o pombal, aillado, onde viven as pombas semiselvaxes, procurándose o sustento por si mesmas polos campos próximos. Para o composto, ver Coea.

O POMBAL DE FREIXÍS
Para o composto, ver Freixís.

O POMBAL DE PIÑEIRO
En Piñeiro, parroquia de Galegos. Para o composto, ver Piñeiro.

O POMBAL DE TRIGAL
No Trigal, parroquia de Galegos. Para o composto, ver Trigal.

PONTE DA ACEÑA
Latín ponte, estrutura construída para comunicar dous lugares separados por unha corrente de auga ou un accidente do terreo. As pontes eran fundamentais para asegurar a continuidade de calzadas e camiños. Das pontes romanas, agás unhas poucas que manteñen intacta a súa construción orixinal (Bibei, Freixo), apenas se conservan restos xa que no Medievo foron substituídas por outras máis modernas. Aínda que moitas pontes erixidas na Idade Media perderon utilidade hoxe en día, constátase unha grande distribución por toda Galicia. Segundo Caridad Arias os topónimos referidos ás fontes e pontes hai que tomalos con reserva e non sempre fan alusión a nomes comúns, senón que derivaríán dos nomes prerromanos Bonto e Ponto. Acea ou aceña vén do árabe al-saniya, muíño de roda accionado pola auga. Fraseoloxía: "Cando a acea está parada, non dá proveito nin gaña nada". "Máis vale acea parada que muiñeiro amigo". "Na acea, primeiro moe o que primeiro chega". "Non creas ao que vén da acea, senón ao que volve a ela". "O que está na acea moe, e non o que vai e non volve". 

PONTE DE AMBASRRÍAS
O topónimo fai alusión a unha ponte situada entre dúas correntes fluviais. 

A PONTE DO CASTRO
Recibe o nome polo castro do Penedo do Castro, en Cantorcia, parroquia de Ribón. Para o composto, ver O Castro. 

PONTE DA MURIA
Para o composto, ver Murias de Camín.

PONTE DAS OVELLAS
Alusión a unha ponte polo que acostumaban transitar as ovellas, latín ovicula.

A PONTE DE QUINTÁ
O segundo elemento pode derivar do latín quinta, grande propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade. Tamén pode facer referencia a unha *(villa) Quintia ou Quintiani dun posesor medieval de nome Quintius ou Quintianus.

A PONTE REMUÍN
Para o composto, ver O Remuín.

PONTE DE RÍO DE PÉ
O último elemento fai alusión a un sitio situado na parte baixa.

A PONTE VELLA
Na Pobra de Navia. Salva o río Navia, medieval dos séculos XIII ou XIV. Amor Meilán, na súa Geografía del Reino de Galicia, provincia de Lugo, atribúeo a época romana. Consta dun arco apuntado construído en lousa. Popularmente atribúese aos romanos, feito recollido por Sebastián de Miñano no seu Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal (1827). Ata mediados do século XVIII, para cruzala, había que pagar o pontádego que, segundo o Catastro de Ensenada lle producía ao conde de Altamira 88 reás de vellón ao ano. O segundo elemento deriva do latín vetera. Non moi lonxe existía outra ponte; ata non hai moitos anos consevábase un estribo co arranque dun arco. 

O PONTIGÓN
Derivado de ponte, do latín ponte. Pequena ponte para atravesar un regueiro ou un rio estreito. A mediados do século XIX, segundo o Diccionario de Madoz, había unha ponte de madeira na parroquia de Mosteiro. Segundo Amor Meilán, na súa Geografía General del Reino de Galicia, en Casas do Río, Entrambasvías, Faquís, Penamil, Penasinceira, Río de Pé e Robledo habíaos de madeira, na estrada de Becerreá a Navia un de pedra dun só arco; sobre o regueiro Corveira  dúas pontes de pedra; outra de pedra en Barcia, contruída no ano 1914. 

A PORTA DE LUGO
En Murias, parroquia de Rao. O primeiro elemento deriva do latín porta. Recibe o nome un paso practicado, semella que artificialmente, na rocha.  

PORTEIRO
Deriva do latín portus, paso entre montañas.

PORTO DE ANCARES
A 1.374 metros de altitude sobre o nivel do mar. O primeiro elemento deriva do latín portus, alusión a un paso entre montañas. Para o composto, ver Serra dos Ancares. 

PORTO VELLO DA MADALENA DE ANCARES
En Murias de Rao. Non moi lonxe do límite coa provincia de León. No lugar había unha Virxe que cos veciños baixaron para a aldea. Nun antigo documento dise que nese outeiro hai un moxón "perpétuo e inmmutable". 

O POUSADOIRO
Do latín pausare, parar, descansar. Terreo chan situado no medio dunha pendente.

POZO DO INFERNO
Na parroquia de Vallo. Pozo, do latín puteum, escavación profunda no solo para depósito de auga. Burato que hai no terreo e que está cheo de auga. Para os celtas, certos pozos e lagoas eran sagrados, un lugar de entrada ao "Outro Mundo". O composto vén do latín infernum, lugar onde os condenados, segundo a relixión católica, sufren, despois da morte, castigo eterno. Asociado a unha lenda.

POZO DO TESOURO
Monte situado a 1.462 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver O Tesouro. 

AS PRADAIRAS
En Murias.  

PRADAIRO
Acer pseudoplatanus. Árbore da familia das aceráceas, moi usada en carpintería, que habita en solos fértiles localizados en bosques caducifolios e vales de montaña.

OS PRAUS
En Peliceira. Latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou sementa a herba para alimentar o gando.

PREBELLO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. César Varela García di que pode ser o nome dun posesor, Pedro o Vello, ou sexa Pero Vello, como Precordeiro ou Preanes que virían de Pero Cordeiro ou Pero Eanes.

A PREIRA e O PREIRÓN
Lugares da parroquia de Penamil. Variante de pereira, alusión á árbore cuxo froito é a pera; tamén do latín petra, pedra, alusión a pericoutos rochosos. Nestes lugares houbo unha explotación mineira en época romana. 

A PRESOA
En Robledo, parroquia de Rao. Chaman así ao lugar onde aínda hai unha presa para embalsar a auga, utilizada polos veciños para regadío.

OS PUBEIROS
Terrreos, xeralmente húmidos, onde pace o gando.

QUEIZÁN (SANTIAGO)
Nome da parroquia. O topónimo fai alusión a un propietario medieval de orixe latina que atendía polo nome de Queitano ou Caetano. Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV.

QUINTÁ DE MOÍA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Moía. O primeiro elemento pode derivar do latín quinta, grande propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade. Tamén pode facer referencia a unha *(villa) Quintia ou Quintiani dun posesor medieval de nome Quintius ou Quintianus. Para o composto, ver Moía.

A RAMALLEIRA
Lugar da parroquia de Penamil. Conxunto de ramas dunha planta, especialmente de carballo. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

RAO (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Topónimo moi común no concello de Navia de Suarna para nomear distintos lugares, accidentes xeográficos ou elementos naturais. A súa orixe seguramente estea no nome que lle dá a un río de alí, que quizais o podería emparentar, cando menos na súa forma, ao río Rato de Lugo. ¿Un é o río do rato e o outro o río da ra? Non o sabemos. O termo ran proveniente dun RANAM latino vai dar en galego as formas ra e ran (esta, dialectal). Descoñecemos se a ran na zona ancaresa se di rao (á maneira de chao, verao ou irmao) pero non parece probable. Unha posibilidade sería partir do termo rano que, nalgunhas partes, é o macho da ra. De feito, en Asturias existe o topónimo Rano. ¿Posible influxo? E mesmo tamén dentro deste campo léxico da ra temos o vocábulo raón, que é o cágado, a cría da ra. Agora ben, outra opción témola no étimo latino RAVUS que na súa evolución moi ben podería dar rao. Este RAVUS ten a acepción de cor amarelada ou de cor vermella escura. Non sería desbotable pois que primitivamente ese río tivese unha tonalidade dese tipo e de aí esta denominación. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". No mes de febreiro do ano 1823 produciuse un enfrontamento entre tropas carlistas e realistas. Segundo o Diccionario de Madoz (1845), era de clima benigno e san; a freguesía contaba con 436 casas boas e o cemiterio non prexudicaba á saúde pública; di que o terreo era de mala calidade e moi crebado; os camiños eran todos veciñais e malos; para recoller o correo, os veciños tiñan que trasladarse ata a Pobra de Navia. O día 8 de abril de 1881, o Concello aprobou unha proposta conducente a crear unha feira estable en Rao debido á importancia da súa cabana gandeira, iniciativa que non chegou a consolidarse; no ano 1932, os veciños solicitaron a restauración da mesma pero a petición non saíu adiante.

A REBOLEIRA
En Mera, parroquia de Barcia. A parte máis densa dun bosque, prado ou seara, onde apenas hai claros. Tamén carballeira. 

REBOLEIRA DE BREGO
En Murias, parroquia de Rao. O composto fala dunha loita, pelexa; tamén faena, traballo.

O REBOLÍN
En Murias, parroquia de Rao. Variante de rebolo, de robur, carballo. Nicandro Ares di que pode derivar do nome persoal Reburinus, presente na epigrafía do Noroeste Peninsular.

REBORDELO
De reboretum máis o sufixo -elo, carballeira. Tamén pendente.

REBULA OU REBOLEIRA DE VILARES
En Vilares, parroquia de Barcia. O primeiro elemento é unha variante de reboredo, latín roburetum, de robur, carballo. Hai unha necrópole megalítica formada por tres mámoas. Para o composto, ver Vilares.

REDONDA DE BUSMOR
O primeiro elemento vén do latín rotundus, alusión á redondez do terreo. Para o composto, ver Busto.

O REDONDAL
Lugar da parroquia de Queizán. Mesma etimoloxía que Redonda.

AS REDONDAS
Lindeiro con Asturias. A 1.448 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín rotundus, alusión á redondez do terreo.

REDONDELO
Na parroquia de Rao. Do latín rotundus.

REDONDIÑA
Diminutivo de redonda.

O REDONDO
Latín rotundus, alusión á redondez do terreo.

REGUEIRA DO TEIXO
Alusión a unhas terras rigarias, terreos húmidos onde nace un manancial, situadas nun sitio elevado. O composto denuncia a gorida do porco teixo, ou o lugar poboado de teixos, taxus baccata. Verbo da árbore conífera, cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, onde os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas. A pel do porco teixo utilizábase nalgunhas partes de Ancares para xunguir os bois.

O REGUEIRO
Un regueiro, do latín rigarium, é unha pequena corrente de auga, máis grande ca o regato e máis pequena ca o río. 
 
Polo concello de Navia de Suarna discorren os de Abrente. Acevedo (ver Acevedo). Agras. Albares, plural de albar, hai autores que o identificán co árabe al-barah, sitio despoboado. Antigua. Arroxo, segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985) de Constantino García González, nomea unha extensión de monte baixo. Asar. Balouta. Ballón, chuvascada forte; para Elixio Rivas chuvascada e suco fondo. A Bica (ver Fonte da Bica. Bullán. Busmor. Busto (ver Busto). Cabanela (ver Cabanela). Cales, latín callis, senda, rúa, paso estreito entre dúas montañas. Tamén canle, do latín canale, sulco por onde discorre a auga. Caló. Calviña, diminutivo de calvo, latín calvus, lugar exento de vexetación. Campoa, diminutivo de campo. Cantorcia. Cañotas, alusión a un castaño secular co tronco oco; para Elixio Rivas tronco acanalado que serve para conducir a auga. Caroto. Castañedo (ver Castañedo). Castañedo (ver Castañedo). Castro (ver Castro). Congostra, do latín coangustam, estreita, camiño de carros que discorre entre cómaros ou outras elevacións do terreo. Córragos, do latín corrugu. Existen varias acepcións: Poza natural ou artificial no decurso dun río utilizada para curtir o liño. Oco nunha rocha ou depresión do terreo que se enche de auga cando chove. Represa natural ou poza artificial onde se recollen as augas destinadas a regar, e, tamén, canle de distribución destas augas. Camiño estreito e profundo que discorre entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. Xa no eido da mitoloxía, Corgo deriva do nome da divindade Goro ou Coro, o prehistórico deus solar que pode ser vermello, cando está no solpor, ou negro, símbolo do Sol subterráneo que loita e logo morre a mans do deus branco, o escintilante; o combate ten lugar na Fin do do Mundo, no Oeste, no País da Morte, no Finisterrae. Tamén pode estar relacionado co nome de persoa Curicus ou Coricus. Corveira, do latín corvu, corvo, o paxaro asociado á mala sorte. Coto, prerromano cott, altura, prominencia. Cotrón, aumentativo de coto. Couso. Cruceiro da Regueira. Embernallas. Espiñeiro (ver O Espiñeiro). Estorneiro. Farrapa, quizais faga alusión a un regueiro que discorre por un terreo fragmentado en leiras pequenas, mal feitas e de escasa produtividade. Fial. Folledo, follas da árbore. Foncova, do latín fonte e covu. Fontefría, latín fonte frigida, manancial de augas frías. Lamazal, prelatino lama, fango. Marciado. Marco, xermánico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. Mazaeda. Mosa, para Carré Alvarellos (1928), sinal que deixa un golpe; para Franco Grande (1972), marca, risco. Mosteiro (ver Mosteiro). Mouro, deriva da raíz *mor, pedra, nome que, nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraigado no maxín popular que deu multitude de lendas. Muín, variante de muíño. Muíños, latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. Muruás. Navallos (ver Navallos). Navega, raíz *nav, depresión. Pan de Zarco. Pasada, alusión a un paso, sitio por onde se pasa. Penela, diminutivo de pena. Reboiro, do latín robur, carballo. Rebordelo. Riomonte, do latín rivu e monte. Ribón. Saldaña. Saencia, ver Saencia. Salgueiral (ver As Salgueiras). Signada. Suaviña. Teixedo, lugar poboado de teixos, taxus baccata. Teixo. Vales, latín vallis. Valín, diminutivo de val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Caridad Arias di que provén do antropotopónimo Valinus ou Balinus. Veiga da Ponte, do prerromano baika e do latín ponte. Veigamuíños, do prerromano baika e do latín molinu. Veiga. Ventosa (ver Ventosa). Venta Vella, alusión a unha pousada ou hospedaría antiga ou vella, latín vetera. Vieiro, alusión a un camiño ou carreiro. Vilares (ver Vilares). Vilarguende (ver Vilarguende). Vilarín, diminutivo de vilar (ver O Vilar). Vilarpandín (ver Vilarpandín). Vilameixide (ver Vilameixide). Vilela. Virigo (ver Virigo). Xuáns, alusión ao nome propio Xoán.

O REMUÍN
Lugar da parroquia de Pin. Variante de remuíño, movemento rápido en forma de espiral dunha masa de auga, aire, etc. Dialectalismo propio do galego oriental. No lugar houbo unha explotación mineira en época romana.

A RETORTA
Latín retorta, alusión a unha curva pronunciada que as características xeográficas do terreo determinan a disposición irregular das fincas.

A RIBEIRA (SANTO ESTEVO)
Nome da parroquia. Voz latina ripa, ribeira máis ou menos característica dun río ou regueiro; ourela dun río navegable. Tamén pode funcionar como locución, en riba de, por riba de, encima de, lugar situado no alto. Para a advocación, ver Santo Estevo.

A RIBEIRA DE MUÍN
O composto é unha variante de muíño, latín molinu.

O RIBEIRO
Mesma etimoloxía que A Ribeira.

RIBÓN (SANTA MARIÑA)
Nome da poboación. Pódense ver algunhas pallozas. Variante de ribazo, porción de terra con algún declive, cuberta de vexetación espontánea. Terreo de pedra ou terra que serve de linde entre dúas leiras. Para Caridad Arias contén os elementos rigo e bonnus, río bo. Para a advocación da parroquia, ver Santa Mariña. 

RIGUEIRA DO CARBALLO
En Murias de Rao. 

RIGUEIRA CAVADA
En Murias. 

RIGUEIRA DA ESQUELA
Na parroquia de Rao. 

RIGUEIRA DE LAMACOAS
En Murias. 

RIGUEIRA DO MOSQUEIRÍN
En Murias. 

RIGUEIRA DE VEICELIÑAS
En Murias.  

RÍO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Folgueiras. Latín rivu. Segundo a crenza popular a auga dos ríos arrastran a enfermidade como arrastran o sedimento.  
 
Ademais das pequenas correntes fluviais citadas máis arriba, polo concello discorren os ríos Rao, que na parte leonesa chaman de Balouta (ver Balouta). Carballedo, voz prerromana *carb, pedra, planta nada entre pedras. Murias (ver Alto de Murias). (No lugar houbo unha explotación en época romana). Queizán (ver Queizán). Rao (ver Rao). Ser, base céltica s´r, relacionada coa auga.

RIÓ NAVIA
En Galiza está amplamente documentada na epigrafía a deusa prerromana Navia. Para Blanca García Fernández-Albalat, no seu Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (1990) sería unha divindade que facilitaría o acceso ao Máis Alá a traves da auga. Despois de máis de medio século, o proxecto de encoro sobre o río quedou, por fin, en augas de fregar. No ano 1951, na época álxida da ditadura franquista, outorgarase a concesión a Hidroeléctrica del Cantábrico e a Electra de Viesgo, que no 1963 foi modificada e convertida no proxecto do Gran Suarna. O encoro deixaba baixo as augas unha ampla superficie que na parte galega afectaba aos concellos de A Fonsagrada e Navia de Suarna, incluída a capital municipal deste último. Durante décadas a contestación social prendeu na veciñanza, paralizando a compra de terras e a construción o que non impediu que as zonas afectadas sufriran un irreversible despoboamento. O comezo da fin deste latrocinio veu da man do Congreso dos Deputados no ano 2011 quen a proposta do BNG aprobou por unanimidade instar ao goberno a non permitir novos aproveitamentos eléctricos. Xa no ano 2010 o Tribunal Supremo determinara que o último proxecto da empresa non era legal ao carecer do estudo de impacto ambiental.

ROBLEDO DE RAO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. Terreo poboado de carballos, latín quercur robur, cuxo xénero do nome foi dado polos romanos pola dureza da súa madeira. Na antigüidade ao carballo considerábanno coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. Segundo Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a invasión romana. A madeira, de boa calidade e difícil putrefacción utilizábase para facer doelas dos bocois e na construción naval. O 20 de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras Rouoretos ambos integra (Robledo de Son e Robledo de Rao).  Para o composto, ver Son. Para o composto, ver Rao. 

ROBLEDO DE SON
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. O 20 de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras Rouoretos ambos integra (Robledo de Son e Robledo de Rao).  Para o composto, ver Son. 

AS ROZAS
Forma latina ruptiare, roturar, terreo rozado preparado para sementar.

SAENCIA
Parece estar relacionado pola súa forma co topónimo A Saínza, de quen Navaza nos di que se viña interpretando tradicionalmente como unha variante de Chaínza < PLANITIA. Mantén esta opinión Elixio Rivas, que dá a mesma orixe para varios topónimos menores Saíz, Zaíza. Hai case cinco décadas que Piel vinculara o nome da Saínza co tema de SALIX, tomando como étimo SALICE e supoñendo, con Carolina Michaëlis, que existiu na lingua antiga unha forma paralela do castelán sauce. Segundo Michäelis, existiu no portugués primitivo unha forma análoga *seice que se concretou nos topónimos Seices e Seiça (Portugal) e Saince e Sainza (Ourense).

SAGRADELO
Na parroquia de Freixís. Aínda que hai quen o relaciona cun lugar sagrado, creo que pode ter unha orixe árabe co significado de campo cultivado.

AS SALGUEIRAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. Abundancial de salgueiro, latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos. A cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base principal da aspirina.

SANCEDELO
Aquí estamos diante dun falso haxiotopónimo. Alusión a un lugar poboado de salgueiros ou pertencente a un posesor que atendía polo nome de Sancius. Houbo unha explotación mineira en época romana.

SANTA MARIÑA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ribón. O nome da santa vén do latín e significa "proveniente do mar, mariñeira. En Galicia, principalmente na provincia de Ourense, venérase á santa do mesmo nome nacida no ano 123 en Piñeira de Arcos (Sandiás), decapitada por se negar a renunciar á súa fe. Conta a lenda que cando a súa cabeza caeu no chan deu tres saltos dos que nacereon tres fontes que son as mesmas que hoxe en día seguen a manar a carón da igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz.

SAN MARTIÑO
Monte. Martiño vén de Martinus, "adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis, o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns aceptaron pola popularidade do bispo de Tours.

SANTESTEVO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Castañedo. Estevo vén do latín Sanctu Estphanu, nome que vén do grego e significa "Aquel que é laureado". O culto a este santo difúndese por Occidente a partires do achádego das súas reliquias no ano 415.

SANTO ESTEVO
Monte situado a 823 metros de altitude sobre o nivel do mar.

SARANÁN
Raíz *sar, fluír?

SAVANE
Aldea da parroquia de Ribón. Savane vénde San Iohannis, San Xoán, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". Elixio Rivas fala dunha planta medicinal, a herba de San Xoán, que adoita poñerse nas casas para evitar os meigallos. Resulta chamativo o dato fornecido polo Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII onde os dezaoito veciños leigos de Sevane eran fidalgos (a escala máis baixa da nobreza).

SEARA DA ARQUELA
En Murias, parroquia de Rao. O primeiro elemento vén da voz céltica senara, campo de cereais; extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. 

SEARA DO BRAÑAL
Na parroquia de Rao. O composto vén do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Terreo pantanoso. Tamén pode identificar a planta herbácea, rastreira, utilizada como estrume (Erica cinerea).  

SEARA DA BRANIÑA
En Murias, parroquia de Rao. Diminutivo de braña.

SEARA DO CHAO
En Freixeiro, parroquia de Cabanela. O composto deriva do latín planus-a-um, planicie elevada. Hai unha mámoa. 

SEARA DO CHAO DA BRAÑA
En Murias, parroquia de Rao. O segundo elemento deriva do latín planus-a-um, planicie elevada. O último elemento vén do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Terreo pantanoso. Tamén pode identificar a planta herbácea, rastreira, utilizada como estrume (Erica cinerea). 

SEARA DOS CORRAIS
En Murias. 

SEARA DOS COTARELOS
En Murias de Rao. O composto vén do prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante. 

SEARA DE ENCIMA DO PRADO DO FARRUCO
En Murias. 

SEARA DA ENTOLADA
En Murias.  

SEARA DO FONTAL
En Murias, parroquia de Rao. O composto vén do latín fontem. 

SEARA DA LAGÚA DO TEIXO
Na parroquia de Rao. 

SEARA DAS LEIRAS
En Murias. 

SEARA DO MOSQUEIRO
En Murias.  

SEARA DO PANDELO
En Murias, parroquia de Rao. Para o composto, ver O Pandelo. 

SEARA DA PASADA DE ARRIBA E SEARA DA PASADA DE ABAIXO
En Murias. 

SEARA DA PENA DO OSO
En Murias, parroquia de Rao.  O último elemente vén do latín ursus, o mamífero carnívoro plantígrado que a mediados do pasado século XX foi exterminado dos nosos montes. Na actualidade xa se comezan a ver de novo algúns exemplares. 

SEARA DO POZÓN
En Murias. 

SEARA DAS SEAROAS
En Murias, parroquia de Rao. 

SEARA DO VAL DA ABRINCOLA
En Murias, parroquia de Rao. 

SEARA DO VALICATÓN
En Murias. 

SEARA DOS VALICETOS
En Murias.  

SEARA DA VALIÑA
En Murias. 

SEARA DO VALO
En Murias. 

SEARA DA VEIGA
Na parroquia de Pin. O composto deriva do prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. Denomina un val ou terreo que baixa cara o río. Topónimo moi abundante en Galicia.  No lugar houbo unha explotación en época romana. 

SEARA DO VERDÍN
Na parroquia de Rao.  

SEARA DE VILAVERDE
Derivado da voz céltica senara, seara, campo de cereais. Extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. Para o composto, ver Vilaverde.

SEARAS
Na parroquia de Rao.

SEARAS DO CAROZO
En Murias, parroquia de Rao.  

SEÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Freixís. Posible alusión a un posesor xermánico.

SERRA DE AIRELOS OU DE EIRELOS
En Murias, parroquia de Rao. Unha serra é un cordal montañoso de pouca extensión. O composto semella provir de areum, variante masculina de aira ou eira. Xa dende a antigüidade clásica, nas montañas prodúcese o contacto directo entre os homes e os deuses, onde se accede ao mundo dos mortos e da escuridade. 

SERRA DOS ANCARES
O étimo Ancares está relacionado coa voz grega ankon que en galego deu anco, ángulo ou revolta nun terreo, no cumio dunha montaña. A mediados do século XVIII, o espelido Frei Martiño Sarmiento xa escribiu que chamaban "ancos" ou "ancones" ás curvaturas dos montes, promontorios e picos. Para algúns investigadores pode ter a orixe na palabra Antares, citada no Codex Calixtinus, unha estrela da constelación de Escorpio. Para outros vén de ancarius, asno, animal de carga. Malia o anterior, transcribo parte dunha interesante hipótese formulada por César Varela García no artigo Ou a arquitectura pastoril en funcionamento: Ancares, Angoares e Anllares, publicado en Terra e Tempo o día 10 de decembro de 2012: "... Seica o nome de Ancares procede dun pequeno río que estendeu o seu nome ao val e logo abrangueu aos montes circundantes. Os ríos, sobre todo cando son pequenos, adoitan tomar o nome dun dos pobos por onde pasan. A nosa idea é que o río tomou o nome dun lugar polo que pasaba, este lugar estaría daquela cheo de ANTICARES, ou sexa, construcións pastorís formadas por paredes, esteos ou ANTAS. ANTICARES-ANT´CARES-ANCARES, sería un posible camiño evolutivo ao chamadeiro de hoxe. O que non sabemos con exactitude é que tipo de construción con ANTAS eran á que se refería o topónimo. Seica, eses ANTICARES, non sería o xeito antigo de chamar ás coñecidas pallozas? Serían simples refuxios porticados dos pegureiros do gando? Ou non serían un tipo de hórreo, construción esta que recebe nomes tan diferentes ao longo do País? Non serían, se cadra, abrigos nocturnos para o gando que pacería libre polo día? Tamén poderían ser un xeito de chamar aos montes ou terreos que estaban delimitados con divisas, que serían os marcos ou ANTAS". 

SERRA DE BARREIRO
Lindeira con Asturias. O composto deriva do do prerromano barro, lama, fango, que non debemos confundir co barrum céltico, barreira, estacada.

SERRA DE BRAÑAL
Do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo.

SERRA CHAO DE DRADA
Latín planus-a-um, planicie elevada. O último elemento, drada, é unha variante de hedra, a planta trepadora.

SERRA CHAO DO VAL GRANDE
Latín planu, e vallis.

SERRA DE FORNELOS
O composto é un diminutivo de forno, latín furnus, que ben pode facer alusión a unha concavidade do terreo, a unha cova ou a un enterramento megalítico. 

SERRAS DAS LAMPAZAS
En Murias, parroquia de Rao. Para o composto, ver As Lampazas.  

SERRA DE LARXENTES
Para o composto, ver Larxentes.

SERRA DE LIÑARES
A 1.050 metros de altitude sobre o nivel do mar. Ver Liñares.

SERRA DE LOUXAS
A unha altitude de 920 metros sobre o nivel do mar. Variante de lousa, prerromano lausa, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas.

SERRA DE MERA
Preindoeuropeo *mer, auga, auga estancada.

SERRA DE MURELA
A 1.009 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de muro, latín murus.

SERRA DE MURIAS
Ver Alto de Murias.

SERRA DE PEDREDO
Lindeira co concello de Cervantes. Do latín petra, pedra.

SERRA DE PEDRUÑAIS
Lindeira co concello de Becerreá. A 848 metros de altitude sobre o nivel do mar. Alusión a un cordal montañoso de características pedrosas.

SERRA DA PRUÍDA
O composto deriva do latín vulgar proditam, outeiro, elevación do terreo; a parte máis alta dun monte.

SERRA DE QUEIZÁN
Para o composto, ver Queizán.

SERRA REDONDAL DO BOI
Latín rotundus, referido á redondez do terreo. No presente caso, o composto nada ten que ver co animal mamífero, rumiante, da familia dos bóvidos tan común en Galicia e utilizado para tirar do carro ou do arado. Hai que retrotraelo a unha base precéltica *boi, pedra.

SERRA DE RIAMONTE
*(Villa) Renamundi, dun propietario medieval de nome Renamundus. 

SERRA DO RÍO DA PENELA
En Murias, parroquia de Rao. O último elemento é dun diminutivo de pena.

SERRA DE SURCIO
A 1.122 metros de altitude sobre o nivel do mar. Edelmiro Bascuas, en Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, identifica o vocábulo surcio cun hidrotopónimo.

SERRA DE TRABADO
Para o composto, ver Trabado.

SERRA DE VALGOS
O composto vén do latín vallis, val, chaira de terra entre montes ou alturas.

SERRA DA VARA
Lindeira co concello da Fonsagrada. Para o segundo elemento, ver A Vara.

SERRA DE VILAR
Para o composto, ver O Vilar.

SERRA DE VILARMUNDÍN
Ver Alzada de Vilarmundín.

SINADA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Mosteiro. Quizais veña do latín signum, sino ou campá que, xeralmente, pendura dos campanarios das igrexas; os campaneiros, os encargados de tocar as campás, recibían o nome de sineiros ou signeiros. Tamén pode facer alusión a un sinal xeográfico.

SILVOUTA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Folgueiras. Latín silva, selva, maleza, bosque situado nun lugar alto ou outo.

O SISTELÍN
Diminutivo de Sisto. Dúas acepcións: Posesor medieval de nome Sistus, ou do verbo latino sisto, stiti, statum, establecer, parar, en referencia a un lugar de descanso ou parada no camiño. Hai quen o deriva do latín schisto, que pode fender. Nicandro Ares Vázquez dálle un probable nome greco-latino Systus/Xystus, limpo, puro.

SOBREPORREIRAS
A preposición latina *super actúa co significado de sobre, encol de, en riba. Porreira, semilleiro, sitio de porras; abrótigas, primeira planta en florecer en primavera. 

SOLABREGA DO RIBÓN
En Murias. 

SOMEIXÓN
Na parroquia de Rao. 

SON (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Alusión ao son producido polo vento en zonas abertas, desprotexidas. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora".

SOUTO DA LAXE
Latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas acerca de que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc. Laxe, céltico lagena, latín lagea, pena de grandes dimensións coa superficie lisa e longa.

O SOUTÓN
Aumentativo de souto. 

SUB AS PEREIRAS
En Murias.  

O TABILLÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Muñís. Da voz latina tabula, táboa?

TALLA CIMEIRA
En Murias, parroquia de Rao.  

TALLOS DE TRAS DA LAMEIRA
Na parroquia de Rao. O primeiro elemento, do latín taliare, tallar, cortar, fai alusión a unha porción de terra cortada ou separada que se designa a capricho e de pouca extensión. A preposición latina trans funciona como elemento de formación de palabras co significado de máis alá ou detrás de. O último elemento vén do prelatimo lama, terreo enchoupado no que nace herba pero que non se pode traballar.

O TEIXEDO
En Murias, parroquia de Rao. O composto denuncia un sitio frecuentado polo porco teixo, Meles, meles, ou o lugar poboado de teixos, taxus baccata. Verbo da árbore conífera, cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, onde os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas. O nome xa aparece documentado no mosteiro de Xubia no ano 1162; en Sobrado dos Monxes baixo a variante de Teixido; Teixeiro aparece no século X baixo a forma latina de Taxario; e no 1160 un Taysario en Sobrado.

O TEIXO
Ver Teixedo.

TERRAS RUBIAS
Lugar da parroquia de Queizán. Alusión a unhas terras de cor rubia ou vermella, debido a algún proceso de oxidación.

TESÍN DA ARQUETA
Nidia referencia a un enterramento megalítico situado na aldea de Sinada, parroquia de Mosteiro, coñecido tamén como Arquela da Tumba. O primeiro elemento é un diminutivo de teso, latín tensus, de tendere, estirar, extender; lugar alto no campo, monte alto e escarpado. O composto deriva do latín arcam, caixa, co significado de boca.

TESO DA ASNELA
Como vimos no topónimo anterior, teso deriva do latín tensus, de tendere, estirar, extender; lugar alto no campo, monte alto e escarpado. O segundo elemento fai alusión a un terreo rochoso e improdutivo.

TESO DE BRAÑOTO
En Murias, parroquia de Rao. O composto vén do galego braña, pasto de verán sen toxo. Segundo J. M. Piel, deriva do vocábulo prelatino br/brakna, lugar húmido que pode ser prado ou monte baixo. Terreo pantanoso. Tamén pode identificar a planta herbácea, rastreira, utilizada como estrume (Erica cinerea).   

TESO DE BREGO
En Murias, parroquia de Rao. 

TESO DE CASANOVA
En Murias. Para o composto, ver Casanova.  

TESO DO CASTRO
Na parroquia de Galegos. Nidia referencia ao castro que hai no lugar.

TESO DO CORTÍN
No Trigal, parroquia de Galegos. O lugar tamén é coñecido como Carquiba. O composto é unha variante de colmear, construción de forma circular ou ovalada a ceo aberto onde se poñen as colmeas. En Galiza, segundo as zonas, reciben ademais o nome de albariza, abellariza, albiza, albarizal, cortín, cortiña... Descoñécese a súa orixe aínda que deberon nacer para protexer as colmeas dos animais, nos Ancares do oso, os seus inmigos tradicionais que comían todo o seu contido. Houbo unha explotación mineira en época romana.

TESO DO COTO
O composto deriva do prerromano cott, altura, lugar elevado. 

TESO DA FREITA
Na parroquia de Rao.  

TESO DA GRANDA
Para o composto, ver A Granda.

TESO DA GRANDELA ou GANDELA
A 1.203 metros de altitude sobre o nivel do mar. Ver Grandela.

TESO DE LAMOQUIÑA
O composto semella derivar do prelatino lama, lama, lodo, fango.

TESO DAS MADROÑAS
Na parroquia de Penamil. A 664 metros de altitude sobre o nivel do mar. A madroña é o calzado de madeira, dunha soa peza, que se poñía por riba doutro para protexelo da humidade. Mais en Galiza tamén fai alusión a un enterramento prehistórico do período Megalítico. No lugar hai unha necrópole megalítica. 

TESO DO MOSQUEIRO
En Murias. 

TESO DO PODEIRO
En Murias.  

TESO DO PRADO VELLO
O segundo elemento deriva do latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou sementa a herba para alimentar o gando. O último elemento vén do latín vetera.

TESO DA REGUEIRIÑA
O composto é un diminutivo de regueira, sulco por onde corre a auga.

TESO DO SALGUEIRO
Latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos. A cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base principal da aspirina. 

TESO DAS SEBES PEREIRAS
En Murias.  

TESO DA SERRANTIÑA
En Murias.  

TESO DE SOBREPORREIRAS
A 1.252 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Sobreporreiras. 

TESO DO SOL
En Murias.  

TESO DA VARA
Para o composto, ver A Vara.

TESÓN
A 1.380 metros de altitude sobre o nivel do mar. Aumentativo de teso. Aquí estivo a maior concentración de brañas (poboacións estacionais) dos Ancares.

TESÓN DE MURIAS
Ver Alto de Murias.

O TESOURO
A crenza popular sobre a presenza de supostos tesouros, latín thesaurus, en mámoas e castros ocasionou a destrución de miles de xacementos arqueolóxicos. Citemos, como triste exemplo, ao fidalgo e crego Vázquez de Orxas quen, no século XVII, conseguiu permiso real para buscar tesouros nas "tumbas dos gentiles galigrecos" o que propiciou a destrución de máis de tres mil enterramentos megalíticos. O topónimo pode facer referencia a un tesouro real ou imaxinario agochado nunha construción prehistórica.

TESOURO DO REBOLO
Lindeiro coa provincia de León. Lugar plantado de carballos ou lugar pedroso. Tamén recibe este nome a parte máis densa dun bosque, prado ou seara, onde apenas hai claros. Corominas inclínase  por un derivado do latín pullus, latín vulgar repullus ou do verbo repullare, retoñar.

A TOLA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Galegos. Frei Martiño Sarmiento, en Catálogo de voces y formas de la lengua gallega (1746-1755), di que é o montón de cinza e leña das rozas que se han queimar. Tamén presa de auga que serve para regar.

AS TORRES
Na parroquia de Penamil. Latín turre, construción como a que teñen algúns castelos e igrexas, que en non poucas ocasións pode facer alusión a un poboado castrexo. Tamén sitio elevado dende o que se domina unha ampla panorámica. Elixio Rivas Quintas emparenta a forma latina turre coa raíz celta *tor, monte, rochedo.

O TOXALÓN e A TOXEIRA
Alusión a uns terreos abundantes en toxo, latín toju, o arbusto silvestre tan común en Galiza.

TOXO DA GABIA
Unha gabia, latín cavea, é unha escavación longa, estreita e fonda feita na terra.

TRABADELO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Muñís. Diminutivo de trabado.

TRABADO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. Voz latina tabula, táboa, referido a territorios chans. Ou de trabare, impedir, derivado de trabs, trabe, atranco, en posible alusión a un sitio cercado, acoutado. Niermeyer recolle trabata co significado de andamio, casoupa.

TRASERRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Rao. A preposición latina trans funciona como elemento de formación de palabras co significado de máis alá ou detrás de.Lugar situado detrás dun cordal montañoso.

A TRAVESA
Do latín travessum, que atravesa, que se pode interpretar no sentido de herdades atravesadas por camiños ou dispostas transversalmente. Tamén se chama así á peza do carro que une as chedas e o cabezallo. Trabe.

O TREITOIRO
En Murias. Deriva do vocábulo traiectum, paso entre montes. No lugar apareceu un muíño circular de época romana.

TRIGAL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Galegos. Campo sementado de trigo, cereal do xénero triticum, con diversas variedades e especies. Seara. O trigo xa está documentado nalgúns castros galegos. Tamén recibe o nome de trigal o verderol, o paxaro parecido ao pardal.

A TRONCOA
A 1.017 metros de altitude sobre o nivel do mar. Formado a partir de truncus, truncado, mutilado, cortado. Quizais faga alusión a árbores (troncos) aproveitadas para a madeira.

VAL DO CAROZO
En Murias, parroquia de Rao. O primeiro elemento deriva do latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. 

VAL DA CORVA
O composto vén do latín corvu, o paxaro omnívoro asociado á mala sorte.

VAL ESCURO
Alusión a un val ao que non lle dá o sol.

VAL DE GUMAR
O composto fai alusión a un lugar que tomou o nome dun propietario medieval de orixe xermánica que atendía polo nome de Gumarius. A terminacíón -mar, do gótico marhs, significa cabalo.

VAL DE LLÁN
Do latín planas, terra chá. Alusión aun val chá.

VAL DE MURELA
Diminutivo de muro, latín muru.

OS VALES
Lugar da parroquia de Penamil. Aumentativo de val. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

VALICATA DA ACIVEIRA
En Murias de Rao. 

VALÍN SECO
En Murias, parroquia de Rao. O primeiro elemento semella un diminutivo de val; non cremos que no presente caso veña do antropónimo Vallinus. 

VALIÑA
A 814 metros de altitude sobre o nivel do mar. Caridad Arias di que non está relacionado co latín vallis, val, senón que contén o antropotopónimo celta Val(l)o ou Val(l)io, con derivados latinizados Valius, Valiacus...

VALIÑA GRANDE
Alusión ás características do terreo. 

VALIÑA XULLEIRA
En Murias.  

VALLO (SANTA MARIÑA)
Nome da parroquia. Latín vallum, muralla de terra ou pedra, que antigamente se aplicou a un lugar fortificado. Hai autores que o fan derivar de vallis, val. Caridad Arias di que non está relacionado co latín vallis, senón que contén o antropotopónimo celta Val(l)o ou Val(l)io, con derivados latinizados Valius, Valiacus... Para a advocación, ver Santa Mariña.

A VARA
Elixio Rivas fala da "vara de monte, vara de doce palmos, a antiga medida de lonxitude equivalente a 1,10 metros. Navia de Suarna-Cervantes de onde monte de varas/de voces, monte comunal de pastos ou en que se reparten searas". Bara tamén é unha divindade prerromana que contén o radical indoeuropeo *bar, *wer-, auga, fonte, río. E como o latín vara, traveseiro en forma de ponte, forca para soster algo. Unha persona vara en latín era un individuo de pernas tortas. Nicandro Ares di que podería proceder de (villa) Vara, vila de Varus. 

VEICELIÑAS
En Murias.  

A VEIGA
Lugar situado na parroquia de Muñís. O primeiro elemento deriva do prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. Denomina un val ou terreo que baixa cara o río. O termo aparece citado no mosteiro de Celanova no ano 961, e no século XII tamén en Xubia, Oseira e Santiago de Compostela. Topónimo moi abundante en Galicia.

VEIGA DA BARREIRA
O composto deriva do do prerromano barro, lama, fango, que non debemos confundir co barrum céltico, barreira, estacada. Segundo o Diccionario galego-castelán (1928-1931) de Leandro Carré Alvarellos, a barreira era o lugar onde acodían os ballesteiros para exercitarse no manexo e tiro da ballestas; tamén o foxo das fortificacións e castelos.

A VEIGA DA FRAGUA
O composto fai alusión ao taller do ferreiro, forxa. No lugar houbo unha explotación mineira en época romana.

VEIGA DE LASTRAS
Na parroquia de Freixís. Lastras, alusión a unhas pedras toscas, anchas e de mala calidade. No lugar houbo unha explotación mineira en época romana.

VEIGA DO LOBO
Na parroquia de Mosteiro. A segunda parte do topónimo fai referencia ao temible lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos: quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. O mítico depredador protagonista de imnumerables lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio, a partir da Idade Media. Da súa ambundancia sabémolo polas xeiras organizadas contra eles, como as que, no século XIV, ordenou o arcebispo Berenguel de Landoira mandando que unha vez por semana saísen as parroquias co cura á fronte dende o primeiro sábado de coresma ata o 24 de xuño para dar morte aos lobos e armar os foxos (buratos onde entraba o lobo e non podía saír).

VEIGA DO MUÍÑO
Para o composto, ver O Muíño.

VEIGA DE POMAR
En Embernallas, parroquia de Muñís. O composto deriva de pomum, mazá. Sitio plantado de maceiras. Para os antigos, Pomona era a deusa protectora dos froitos. No lugar houbo unha explotación en época romana.

A VEIGA DE SON
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. Para o composto, ver Son.

VEIGA DA VOLTA
Lugar da parroquia de Son. O composto fai alusión a un entorno circular. No lugar houbo unha explotación en época romana.  

AS VEIGAS
Plural de veiga.

VEIGAS DE CASTAÑEDO
Para o composto, ver Castañedo.

VEIGAS DE VILARES
Para o composto, ver Vilares. 

VELICATOS
En Murias. 

VELICATÓN
En Murias.  

VENTA DO MANCO
Na parroquia de Rao. Unha venta, latín vendita, era unha casa situada nos camiños e sitios despoboados para hospedaxe dos pasaxeiros. O composto vén do latín mancus, referido a unha persoa que perdeu un brazo ou unha man. No lugar, lindeiro coa provincia de León, había dúas cabanas onde vendían viño.  

VENTOSA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Moía. De ventosus, a, um, relacionado co latín ventus, vento. Alusión a un lugar elevado e desprotexido batido polo vento. Vent é tamén unha variante de *Bre, unha deusa céltica que podería facer alusión á divindade Vindamus, a "divindade branca".

A VIARIEGA
Topónimo estraño en canto á súa raíz. O normal é que fose *A Vilariega ou *A Vilarega. Non parece que haxa na nosa toponimia topónimos referidos a VILLA que perdan o -l-. Podería haber dúas posibilidades: ou que o topónimo fose recollido erroneamente ou que a raíz non proceda de VILLA e teña que ver con VIA. Nós inclinámonos máis por unha orixe VILLA tendo en conta a existencia en Asturias do topónimo La Vilariega. En canto ao sufixo, Navaza dinos que os derivados en –ega (< AECA prerromano) son característicos da toponimia luguesa e que pode formar xentilicios. Pensamos, pois, que teña un significado de orixe próximo a vilego, ‘habitante dunha vila ou vilar’.

VILA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pin. Latín villa, pequeno núcleo rural.

VILAGONCIDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Pin. *(Villa) Gontii, dun propietario medieval de nome Gondi.

VILAMEIXIDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Freixis. Alusión a unha *(villa) Magiti, dun propietario medieval de nome Magitus.

O VILAR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. Do latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

VILARANTÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Muñís. *(Villarem) Anttonii, dun posesor de nome Antonius. Segundo a documentación, no século XVIII os condes de Altamira, por dereito de foro, quedábanse coa metade das rendas dos veciños de Vilarantón.

VILAR DE MOÍA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Moía. Para o composto, ver Moía.

VILAR DE NEVES
Na parroquia de Rao. Nidia alusión a un lugar onde neva moito.

VILARES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Barcia. Plural de vilar.

VILARGOIDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Galegos. Alusión a unha *(villa) Guditi, dun propietario de orixe xermánica de nome Gudito.

VILARGUENDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Queizán. *(Villarem) Goendi, dun propietario medieval de orixe xermánica que atendía polo nome de Goendus.

VILARÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vallo. Diminutivo de vilar. Tamén pode facer alusión a unha *(villa) Elarini, dun propietario medieval de nome Elarinus. Eiquí tiñamos que había unhas augas termais, o que non é correcto, erro que subsanamos grazas á achega de Mario Rubinos Pérez.  

VILARPANDÍN (SANTO ESTEVO)
Nome da parroquia. *(Villarem) Pantini, dun posesor medieval de nome Pantinus. Para a advocación, ver Santo Estevo. No ano 1754 fíxose beneficio de Vilarpandín, dado polo Provisor de Oviedo, en virtude de presentación da condesa de Altamira, como curadora do seu fillo, o conde Lope, a Pedro Fernández Clérigo, cura de Cabanela, unindo os dous beneficios de por vida.

VILAVERDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Folgueiras. Pode facer alusión á cor verde, latín viridis, ou a unha *(villa) Alberti, dun propietario medieval de nome Albertus. Coa mesma raíz houbo o nome persoal Viridius.

VILELA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Son. Diminutivo de vila, latín villa, pequeno núcleo rural. Por vila entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento básico dende o século X.

VILOR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vallo. Quizais, como apunta Edelmiro Bascuas para Viloira, faga alusión a unha *(villa) Auria, do indoeuropeo *aura, "auga". Mais, como di Méndez Ferrín, o máis crible é que faga alusión a un posesor medieval de orixe latina que atendía polo nome de Honorius.

A VIÑA
No Trigal, parroquia de Galegos. Latín vinea, terreo plantado de videiras. Os primeios cultivos de viño dátanse ao redor do terceiro milenio a.C. no Oriente Próximo, Sumeria e Exipto. O viño aparece na Biblia tras o Diluvio Universal da man de Noé, e tamén no Gilgamesh sumerio. O viño cheou a Grecia, vía Creta, onde mesmo lle adicaron un deus: Dionisio. Na Península Ibérica parece que chegou da man dos fenicios proveniente de Italia. A súa divulgación foi grazas aos romanos que pouco a pouco substituíu a outras bebidas, en Galiza á cervexa dos habitantes dos castros segundo narran os autores clásicos. En Roma tamén tivo un deus: Baco. Houbo unha explotación mineira en época romana.

VIÑA DE BARCIA
Aínda que hoxe en día a produción vitivinícola é insignificante, segundo o Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII, había viñas en Barcia, Freixís, Galegos, Mosteiro, A Pobra de Navia, Queizán, Rao... As primeiras noticias sobre a produción de viño na zona datan do 13 de febreiro do ano 1505, cando o conde de Altamira aforou polo terzo do viño e o cuarto dos grans varios bens en Queizán.

A VIÑA NOVA
Na parroquia de Rao.

A VIÑA DE PENASINCEIRA
No lugar houbo unha explotación mineira en época romana. Para o composto, ver Penasinceira.

VIRIGO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilarpandín. *(Villa) Guirico, dun propietario medieval de orixe xermánica de nome Guiricus.

VISTA ALEGRE
Alusión a un lugar dende onde se observa unha boa panorámica.

XESTIÑAS
Diminutivo de xesta, latín genista.

O XESTOSO
Latín genistosum, de genista, sitio abundante en xestas. A xesta utilizábase como vasoira. 

XULLEIRA
En Murias.  

XUNQUEIRA
Do latín iuncus, xunco, co sufixo abundancial -eira.

XUNQUIÑAS
Diminutivo de xunco.

ZARRADIÑAS
En Murias.


Toponimia do concello de Navia de Suarna

© Colectivo Patrimonio dos Ancares