* Un OVNI no ceo de Becerreá

Hai case 40 anos aconteceu un suceso en Becerreá que pasou desapercibido, e non so para os seus habitantes. Houbo que esperar 24 anos para coñecer o que aconteceu ás oito da tarde do día 2 de abril de 1969.  

Unha persoa que viaxaba no seu coche pola antiga N-VI viu, á altura do quilómetro 476, ao pé duns outeiros, un obxecto que identificou como "unha nave espacial tripulada" en forma de obús, duns seis metros de lonxitude, e totalmente iluminada. Cando detivo o coche para ver mellor o obxecto, xa desaparecera. 

Segundo se puído saber no ano 1993, en que o Mando Operativo Aéreo (MOA) desclasificou os arquivos OVNI, trece días despois do avistamento a testemuña narrou por carta o acontecido á Subsecretaría de Aviación Civil. Segundo o informe do MOA, carécese de datos puntuais do avistamento, ademais a zona é rica, continúa, en penas graníticas con forte compoñente en mica e moi erosionadas o que lles proporciona uns contornos arredondados de múltiples formas. Conclúe o informe que o fenómeno observado suxire unha ilusión óptica orixinada polo reflexo do sol nunha rocha granítica. Versión non compartida polos ufólogos que fan fincapé en que a investigación do MOA foi unha chapuza xa que as descricións que se verquían no informe non se corresponden coas citadas pola testemuña o que leva a pensar que os investigadores visitaron o sitio equivocado e non o Alto do Campo de Árbore, identificado claramente polo observador. 

Nós non quitamos nin poñemos, pro si podemos asegurar que nin na zona nin en varios quilómetros á redonda hai unha soa pena granítica.