TOPONIMIA DO CONCELLO DE BECERREÁ


ACEA DAS PONTES
O primeiro elemento deriva do árabe clásico saniyak, muíño de roda movido por auga; noria, batán. O composto vén do latín pons/tis, estrutura que permite salvar un río ou outro accidente do terreo. 
 
Fraseoloxía: "Andando gana a acea, e non estando queda". "Cando a acea está parada, non dá proveito nin gaña nada". "Máis vale acea parada que muiñeiro amigo". "Na acea, primeiro moe o que primeiro chega". "Non creas ao que vén da acea, senón ao que volve a ela". "O que está na acea moe, e non o que vai e non volve".

O ACEVO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Latín vulgar aci-folium ou aquifolium, folla de agulla. Ilex aquifolium, arbusto ou arboriña que, usado como adorno navideño, case provocou a súa desaparición. O froito, alimento de determinados animais, é perigoso para o home polas súas características diuréticas e vomitivas. Segundo a lenda, posúe propiedades prodixiosas para atraer o amor.

O ACEVAL
Terreo poboado de acevos.

ACEVEDO
Terreo poboado de acevos.

ACIÑEIRAL DE CRUZUL
Situado ás beiras do río Narón, está considerado como o máis ao norte da Península Ibérica. A aciñeira, latín quercur ilex, é unha árbore de madeira dura cuxo froito é a landra. En Cruzul, mestúrase con rebolos e castiñeiros. De gran valor ecolóxico. Para o último elemento, ver Cruzul.

AGRO DE CANDIVAL
Latín ager-agri, extensión pequena de terra cultivada; mais tamén houbo o nome persoal Agrius. O composto semella unha variante de cadaval, toxal queimado que aínda conserva en pé os troncos chamuscados ou medio carbonizados. Antigas superficies queimadas.

AGRO DE CODIVAL OU CODIVÓ
A 800 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto tan só podemos sinalar unha hipotética orixe a partir do étimo latino COS, COTIS ‘pedra dura, pedregal’ que o podería emparentar cos Coído ou Coedo que fan referencia ao coio, croio ou coíño. Outra cuestión é a explicación do seu sufixo –ivó, que semella estraño na toponimia galega, cando menos nas parroquias e lugares. A forma Codival parece remitir a un abundancial pero sen achegarmos máis información. Teñen certa semellanza cos Cádavo-Cadaval ‘toxo ou toxal queimado’. No topónimo Codivó puidera postularse unha asimilación da primeira vogal átona por influxo da tónica. Finalmente, unha posible relación co codeso < *CUTISSU non parece probable, dado precisamente ese sufixo –ivó, -ival.

AGRO DA QUEIMADA
Alusión a unha terra cremata ou cinerata, onde primeiro se queima a broza para logo cultivalas, ou quizais onde houbo incineracións sepulcrais ou se fixeron piras rituais.

AGRO DA SERRA
Unha serra, latín serra, é un cordal montañoso de pouca extensión.

AGROS DE FERREIROS
O composto fai referencia ao oficio do traballador do ferro, do latín ferrarius. A finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reás. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas.

AGÜEIRA (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Semella unha evolución de aquaria, plural de aquarium, canle de auga ou zanxa feita para conducir a auga da choiva ás herdades. Tamén puído ser unha *(Villa) aquaria dun posesor de nome Aquarius. Aquí mana un curioso manancial que muda a cor das augas segundo veña o día. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". Segundo o Catastro de Floridablanca (1785) pertenceu xurisdicionalmente a Torés, en As Nogais. Segundo Amor Meilán, na loita contra os franceses distinguíronse o veciño da Ribeira de Agüeira Manuel María Núñez, a quen o marqués De la Romana confiou o mando das tropas, e Ramón Nadela.

O AGUILLÓN
A 814 metros de altitude sobre o nivel do mar. Do latín aculeus, de acus, agulla, que no presente caso fai alusión a unha pena puntiaguda. O aguillón é tamén o punzón defensido e ofensivo que teñen no abdome algúns insectos. E o cravo de ferro que ten a aguillada. Para Elixio Rivas (2001), insecto que fura o cañoto do millo.

AIREXE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilamane. Variante de igrexa, latín eclesia, templo adicado ao culto cristián. Caridad Arias di que é un xenitivo Aressi que deu o nome Arisius ou Aresius.

ALFORXÁN
Antropotopónimo gótico de Frogianus?

ALTO DA CANDA
O primiero elemento vén do latín altus. O composto deriva da partícula *cand, rocha, sitio pedroso. Segundo J. M. Piel, pode derivar do apelativo románico cando que designaría ao tronco dunha árbore. Corominas ve o latín candere, arder, teorizando que tamén podería ser un derivado popular de candidus, branco, aplicado ao trigo candeal, que dá pan moi branco.

ALTO DA FORCADURA
A 967 metros de altitude sobre o nivel do mar. Da voz latina furca deriva a palabra forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Tamén camiño que se bifurca. Mais aquí fai referencia ao sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña.

ALTO DE MEDAS
Do latín meta, columna cónica en alusión a picos desa forma. Morea grande de monllos de cereal dispostos para mallar. Herba seca ou palla colocados na eira en forma que non lles entre a auga. Tamén poder facer referencia a mámoas prehistóricas en forma de meda ou túmulo. Xa a mediados do século XVIII, Fr. Martiño Sarmiento ao referirse ás medas de Galiza, escribiu: "Nos campos e serras onde os romanos queimaban os cadáveres, soen atoparse uns montiños de terra con algunhas pedras por remate. A estes montes como medas, uns chaman castros, e o máis común é chamalos mámoas, cuxa orixe é de mamma, mamula, mámoa. E todo porque teñen figura dunha teta".

ALTO DA PORTELIÑA
Diminutivo de porto, latín portu, paso natural entre montañas.

ALTO DA VALIÑA
Monte lindeiro co concello de Láncara, situado a 1104 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de val, latín vallis. 

ANTIGO CÁRCERE
Na actualidade acolle o Xulgado. Contrución datada no ano 1870 segundo figura nunha inscrición da fachada.   

ARANDEDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Co sufixo -etum > -edo, lugar poboado de arandeiras, nome científico vaccinium myrtillus, plantas cuxo froito é o arando. Fitónimo de orixe incerta, talvez proveniente do céltico *aran e o latín rhododendron, este último procedente do grego. Nalgunhas aldeas dos Ancares e do Courel, recibe o nome de "uva dos montes", pola súa semellanza cos grans de certas uvas.

ARCO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cereixal. Latín arcus. Elemento arquitectónico en forma de curva que, por veces, nomea edificios relixiosos que presentan elementos construtivos en forma de arco. Ou do antropónimo prelatino Arco. Tamén pode denunciar un asentamento ou un enterramento megalítico.

O AREAL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cascallá. Do latín arena, area. Cheo ou cuberto de area.

ARMESTO (SAN ROMÁN)
Nome da parroquia. Foi berce da liñaxe dos Armesto. Posible raíz xermánica *arm, brazo, dano, arma. Para Bascuas debe explicarse como derivado dun tema *arm-, relacionado á súa vez co radical indoeuropeo *er-, fluír, poñerse en movemento. J. Piel suponlle unha orixe xermánica, cuxa terminación, -esto, apón a un nome persoal. San Román, nome derivado do latín romanus, "Aquel que procede de Roma". Este santo, natural de Antioquía, morreu durante a persecución de Maximiano. Sábese que tivo culto na Península Ibérica antes do século IV xa que Prudencio enxálzao nun dos seus himnos. Mais tamén hai quen conxectura que o nome pode derivar do latín subromanum, "xunto ao romano", ou de sub remaneum, "xunto aos restos de habitación" que interpretan como un asentamento castrexo.

ARROXO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Tortes. Segundo o Glosario de voces galegas de hoxe (1985) de Constantino García González, nomea unha extensión grande de monte baixo. Mais hai autores que o identifican co latín arrugium, de arrugia, alusión á canle construída polos romanos para o lavado de mineral. Non falta quen teorice co latín agrum rubeum, campo roxizo.

ARTONÍN
Monte situado na parroquia de Guilfrei, lindeiro co concello de Triacastela.

AVESEDO
Lugar frío e sombrizo porque case nunca lle dá o sol.

BALAXAZ
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. Quizais do árabe al-hayar, pedregal. Nicandro Ares Vázquez di que probablemente sería unha vila chamada no ano 1002 villa Agelaz, que sufriría a contaminación de vallis Agelaz, patronímico persoal gótico Agila, -anis.

A BALSA
Núcleo de poboación situado na parroquia de Agüeira. Voz prerromana balsa, depósito de auga, natural ou feito polo home, para recoller a auga; lugar enchoupado.

AS BARBEITAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilaiz. Do latín verbactum, espazo de terra que se deixa sen cultivar para que descanse. Valado que divide unha propiedade doutra. No século XI figura documentado o diminutivo barbeirolo, e barbecto no século XII.

O BARBEITO DE CASARES
Plural de casar, derivado do latín casa. Explotación agro-gandeira formada por unha vivenda principal e outras construcións anexas. Casa rústica coas súas propiedades. O casal ou vilar xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

O BARBEITO DAS CRUCES
O composto vén do latín cruce. Pode facer alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián. Nas encrucilladas detéñense os enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación. Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a morte. Cómpre lembrar que os enterramentos efectuábanse á beira dos camiños e nas encrucilladas (meniños que morrían sen bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares infundían pola noite. Tampouco é infrecuente atopar cruces insculpidas nas penedas (petroglifos), ben de factura prehistórica, que vén a ser a representación esquemática da figura humana, ou ben de época medieval que servía para sinalar as lindes dunha terra.

O BARRACÓN
Cabana, casoupa. Construción de planta baixa sen tabiques que se empregaba, por exemplo, para aloxar soldados, peregrinos ou persoas sen vivenda.

BARREIRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Liber. Do prerromano barro, lama, fango, que non debemos confundir co barrum céltico, barreira, estacada.

BARRIO DE ABAIXO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Guilfrei. Barrio deriva da palabra de orixe árabe barri que designa un lugar situado ás aforas, no arrabalde. Cabeza Quiles, citando a L. Meruéndano, di que Barrio Novo e Rúa Nova poden referirse a un asentamento xudeo. Segundo Eladio Rodríguez, Barrio é un apelido tipicamente hebreu. O composto vén do latín bassus, baixo, se ben este último elemento podería facer mención a un propietario que atendía polo nome de Bassus.

BECERREÁ (SAN XOÁN)
Nome da parroquia e capital municipal. Para J. Piel é un nome de señorío dun propietario latino, rematado no sufixo adxetival -ana, procedente dunha *(villa) Becerrana ou Becerriana. Para Caridad Arias fai alusión a unha *(villa) Beceriana, derivado do nome dun posesor Becerianus ou Bicerianus, forma patronímica do nome Becerius ou Bicirius que proveñen a súa vez da base nominal celta Beco/Becco, cuxo derivado Becius ou Vecius está documentado na epigrafía, tese non documentada ata o de agora en ningún documento. Joan Corominas, no Coloquio sobre lenguas y culturas prerromanas de la Península Ibérica, celebrado en Salamanca no ano 1974, propón a hipótese etimolóxica de Bergedo-Redana (Civitas), "cidade do camiño do Bierzo"; supón un primeiro elemento céltico ou indoeuropeo Bergedum, ben coñecido como nome do Bierzo, e un segundo compoñente Redana, entroncado co céltico Reda, "carro de viaxe". Moralejo (1978) di que a evolución de Bergedoredana ata Becerreá pode admitirse, se ben lamenta que non se conservara en forma unha testemuña clara da base orixinaria. 
 
Outra cousa é o que nos ahega a lenda (ver o apartado Lendas e mitos da Comarca dos Ancares nesta mesma páxina). Nos tombos do mosteiro de Penamaior as citas máis antigas corresponden a Becerraa. Nun documento do ano 1128, o abade do cenobio concede en préstamo un casal en Becerreá. No 1259 o abade de Carracedo do Bierzo recibe de "Alfonso Gomez de Valcarcer... quanto ayo en Becerrrana, termino de Valboa". San Xoán vén do latín San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". Por noticia aparecida en El Correo Nacional do 24 de outubro de 1840, a capital do partido das Nogais trasládase a Becerreá en cuxo pobo fixarán a súa residencia o xuíz e demais funcionarios da administración de xustiza. Segundo o Diccionario de Madoz (1845), Becerreá ten un clima frio pero san; daquelas comprendía o lugar de Becerreá e o barrio de Lamas; contaba con 50 casas de poucas comodidades; non dispoñía de casa propia nin para o concello nin para o cárcere, véndose o xulgado na necesidade de conservar os presos no Cereixal. Antonio Correa Fernández (1862-1907), médico e escritor, xunto co seu amigo e avogado Evaristo Cela Losada, fundou e dirixiu El Monitor: Defensor de los intereses generales y locales de la región oriental de la provincia de Lugo y sus limítrofes, que aparece en Becerreá o día 13 de xaneiro do ano 1900, sendo o derradeiro número o 17 de decembro dese mesmo ano. Canto á demografía do municipio, dende o ano 1910 pasou de ter 9.898 habitantes a pouco máis de 3.000.

AS BIDUEIRAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilamane. Referencia á árbore da familia das betuláceas, betula pendula. O primeiro estudo sobre a abidueira ou bidueiro débese a Fr. Martiño Sarmiento quen, no ano 1759, no seu traballo Sobre a Betula ou Bidueiro di que no século XVIII aínda non se relacionaba o bidueiro coa betula latina. Para algúns pobos prehistóricos tiña carácter sagrado. Na Idade Media asociouse á bruxaría porque baixo del medra a amanita muscaria, un fungo alucinóxeno; tamén recibiu este sobrenome porque a súa casca era utilizada como pergameo para escribir. Segundo a lenda, críase que as bruxas construían as súas vasoiras coa madeira desta árbore. Mais tamén posuía propiedades medicinais, a cortiza recomendábase para enfermidades da pel, reuma, gota, mal de pedra e enfermidades do ril.

A BORQUERÍA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ouselle. Unha solución que se nos ocorre sería relacionalo co porcaria que dá os topónimos tipo A Porqueira, relacionado máis ca co porco doméstico, co xabaril ou porco bravo, moi abondoso en Galicia. Agora ben, os topónimos referidos a ‘porqueira’ parecen atoparse máis en provincias como Pontevedra e Ourense. O dicionario da RAE define o termo ‘porquera’ especificamente como o lugar ou sitio en que se encaman e habitan os xabarís no monte. A forma Borquería, co B- inicial podería explicarse pola presenza precisamente do A artigo que fai que o P- inicial en posición intervocálica sonorizase e o sufixo –ería por –eira podería ser produto dunha metátese ou mesmo influxo do propio castelán. Agora ben, puidera cobrar máis corpo o feito de que existen topónimos en Galicia rematados en –ería (A Ferrería, A Portería, A Alberguería, A Fornería ou A Zapatería) que aluden a lugares ou emprazamentos destinados a oficios. A Borquería presenta unha evidente semellanza formal con estes e aquí poderiamos postular a idea do termo ‘abarca’ ou zoca, que o relacionaría co topónimo A Zapatería. Outra posibilidade puidera estar relacionada co termo ‘barca’. De feito existen topónimos deste tipo, vinculados ás barcas dos ríos. Nicandro Ares di que non lle ve unha explicación satisfactoria, achegando que o lugar foi unha parada de burros.

BUISÁN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. *(Villa) Busiani, dun posesor medieval de nome Busianus ou Buisanus. Onomástico árabe abu Isam. Nas inmediación conservánse restos dunha explotación aurífera de época romana. A aldea aparece citada nun documento do ano 989.

BULLÁN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. Hidrotopónimo proveniente de bullas, co significado de pozas, charcas de auga, en prados e lugares húmidos. Nicandro Ares di que semella saído de Bullius co sufixo de posesión -anus.

BUSTELO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilachá. De bustellu, proveniente de busto, do latín bustu, sitio onde queimaban ou enterraban os cadáveres que logo debeu dar, non sen certos inconvenientes filolóxicos, como ben apunta Cabeza Quiles, o galego busto, extensión de terra destinada ao pasto para o gando. Para o P. Sarmiento sería unha derivación do vocábulo latino bos, boi; para outros autores viría da voz gala bou, vaca. Tamén identifica un lugar ermo. Verbo desta última acepción, Eladio Rodríguez, citando a Rodríguez Elías, di que a fasquía inhóspita do terreo puido deberse a que as piras formadas para incinerar os cadáveres se ergueran varias veces nun mesmo sitio, deixando o chan queimado, sen vexetación e cuberto de cinza; ou de teren elixido eses lugares.

CABANA
Do latín capanna, alusión á existencia de cabanas de uso preferentemente agrícola e/ou gandeiro, construídas no campo para refuxio dos pastores.

AS CABANAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Fontarón. Plural de cabana. A aldea debe ter a orixe neste tipo de construcións.

CABANELA DE ABAIXO e CABANELA DE ARRIBA
Núcleos de poboación pertencentes á parroquia de Becerreá. Diminutivos de capanna, cabana. Os compostos proveñen do latín bassus e ripa.

CABEZA DO RÍO
Lugar situado en San Pedro, parroquia de Furco. Cabeza deriva do latín vulgar capitia, de caput, cabeza, punta, cumio, extremo, cabo, referido á parte superior do corpo humano, dunha montaña ou, tamén, comezo, principio. O composto vén do latín rivu, corrente de auga. No lugar hai unha necrópole megalítica formada por dúas mámoas.

CABEZÓN
Aumentativo de cabeza que no presente caso fai alusión ao cumio dunha montaña. Constantino García González, no seu Glosario de voces galegas (1985), di que en Galiza chaman así a unha enfermidade que ataca na cabeza ás vacas, équidos e ovellas. Para Elixio Rivas é a lanza do carro.

O CABO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Do latín caput, cume. Mais en galego adoita aludir ao extremo dunha cousa ou lugar cando non actúa como adverbio xa que pasaría a significar xunto a, a carón de.

CABO DE VILA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Guillén. De caputvilla, extremo dunha vila, núcleo de poboación máis pequeno ca unha cidade e máis grande ca unha aldea.

OS CACHICOVOS
O composto, covo, fai alusión a unha colmea de abellas, tobo, abellariza, albariza.

CADOALLA (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. Antigamente pertenceu á xuriscidión do Val de Ouselle. Posible raíz prerromana *cath (Catu-Valos ou Catualos) que significa "poderoso no combate". Nicandro Ares Vázquez escribiu no ano 1983 que podería ter orixe celta, partindo dun antropónimo Cadwalla, aínda que máis adiante di que ao mellor non foi máis ca unha Ca-d-Oalla, casa de Olalla. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular. Na igrexa de San Pedro os romeiros rachan a porta para conseguir amuletos.

O CAL
Neste monte hai unha necrópole megalítica. Latín callis, senda, rúa, paso estreito entre dúas montañas, ou canle de auga, latín canale. Tamén do latín calx, -cis, o óxido de calcio.

CALDOVAL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Fontarón. Nidia referencia a un paso ou canle de auga, latín canale, que discorre por un val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas.

O CAMIÑO
Latín vulgar camminu, sitio polo que se pasa cando se vai dun lugar a outro. Ata non hai moitos anos, a reparación dos camiños corría a cargo dos veciños que, ademais da man de obra, achegaban ferramentas e medios de transporte; a participación nos traballos era obrigatoria, o incumprimento dese deber, agás causa xustificada, podía carrexar a imposición dunha multa.

CAMIÑO DA ANTIGA
Na parroquia de Cadoalla. Do latín camminu e antiqua. En principio, o topónimo denuncia un camiño que existiu dende hai moito tempo ou servidume de paso a través de fincas alleas. Mais aquí, segundo me contaron os veciños, facía alusión á calzada romana da que aínda se conservaban algúns tramos antes da construción da autostrada A6 que, ademais da vía, destruíu literalmente o sitio arqueolóxico do Enciñal. É probable que este camiño viñera dende o Cereixal, pasando por Cadoalla e Saa, descendendo logo ata Ouselle onde pasaba pola ladeira sur do castro da Coroa, continuando ata Cruzul, compartindo o mesmo trazado que o Camiño Real.

O CAMIÑO FRANCÉS
Trátase dunha variante do Camiño de Santiago, coñecido como Vía de Kuning, un moxe alsaciano que peregrinou a Compostela no ano 1495. Este camiño, que aproveitaba o itinerario da Vía XIX de época romana, transcorría no concello de Becerreá por Furco, O Cereixal, Cadoalla e A Borquería, abandonando o municipio polas Pontes de Gatín cara Astorga. Fala deste camiño un documento atopado en O Fabal (Cervantes) que o nomea como "Camiño Francés".

CAMPA DE FONTARÓN
Campa, campo, campus, pero de extensión máis ampla, lugar do monte onde medra espontaneamente a herba. Nalgunhas partes de Galicia chaman así á lousa que cubre un sepulcro. Para o composto, ver Fontarón.

O CAMPAIRO
Derivado de campo, latín campu.

A CAMPA LONGA
Do latín campus e longus.

CAMPA DO RABELO
Varias acepcións para o segundo elemento. Animal sen rabo ou que o ten curto, quizais de rapum. Curto, escaso, non completo nin xusto. Último, o que vai detrás. Variante de rabeno (sátiro), ser fantástico que corría os campos na procura de mozas para abusar delas.

O CAMPANARIO DE CRUZUL
En principio, un campanario é a torre das igrexas onde se atopan as campás. Mais, como o presente caso, non sempre é así. Trátase, en efecto, dunha espadana de dos vans á que se accede por unha escaleira de pedra pero situada na aldea, a uns 500 metros da igrexa parroquial. Data, posiblemente, do século XVIII. O motivo que levou aos veciños a erguela no pobo debeuse a que a única campá da igrexa non se escoitaba en toda a parroquia polo que, en caso de calquera continxencia (unha morte, un incendio, etc.), toda a veciñanza podía enterarse. Cóntase que cando a invasión francesa, no ano 1809, estas campás alertaron da chegada das tropas napoleónicas á ponte de Cruzul. Para o composto, ver Cruzul.

O CAMPELO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Guilfrei. Diminutivo de campo, latín campus.

CAMPO DA ÁRBORE OU DE ARBOL?
Núcleo de poboación e lugar pertencente á parroquia de Cascallá. Coñecido tamén como Campo dos Ingleses, por ter acampado nel as tropas que mandaba o xeneral inglés Sir John Moore morto na batalla de Elviña durante a Guerra da Independencia. O Campo de Árbore ou Campo de Arbol sitúase a 794 metros de altitude, na parroquia de Cascallá (Becerreá), á altura da N-VI que comunica as capitais municipais de Becerreá e Baralla. Dá nome a un alto e a un pequeno núcleo de poboación. O topónimo oficial é Campo de Árbore, mais na cartografía da Xunta de Galicia figura como Campo da Árbore e Campo de Arbre. Blázquez (1923), Esfefanía Álvarez (1960), Amor Meilán (1991), e con dúbidas Arias Vilas (1992) ubican aquí a mansión Timalinus, antigo núcleo prerromano logo romanizado que adoita identificarse coa Talamina de Ptolomeo, o xeógrafo grego do século II quen, na súa Xeografía, tentou situar milleiros de lugares coas coordenadas xeográficas pero que, trasladadas ás actuais, causan problemas. O único que sabemos verbo de Timalinus é polo Itinerario de Antonino onde se di que se atopaba a XXII millas de Lucus Augusti, dirección Asturica Augusti. O Campo de Árbore ou de Arbol atopábase próximo á vía romana XIX e aos castros das Fontes, Todón, a Serra e a Torre. Malia o anterior, nós cremos que a mansio Timalinus situábase máis ao norte, a uns catro quilómetros en liña recta do Campo de Árbore ou de Arbol. Cando as obras de construción, no ano 1932, da estrada que vai ata O Cádavo (Baleira), na Condomiña (Baralla), no lugar coñecido como o Agro de Pedreda, saíron á luz columnas, ladrillos, tégulas, fragmentos cerámicos, anacos de mosaicos e algunhas moedas de ouro e prata. No ano 2012 localizamos xunto o muro exterior dunha casa de Todón de Abaixo (Becerreá) unha base de columna romana, e non moi lonxe, na Ponte de Neira, nun xardín particular, unha base e un fuste da mesma época que na actualidade actúa como soporte dunha cruz moderna. Ambas as pezas, contáronnos, proceden do Agro de Pedreda. Temos noticia da existencia doutro material que permanece en mans particulares, ademais do que quedou baixo a estrada. 
  
Plinio, seguindo a Teofrasto e Dioscórides, dicía que o terceiro xénero das durmideiras silvestres é o tithymalion ao que outros chaman mécon ou paralion, que daría o topónimo Paralia/Baralla. Tithymalion ou tithymalis, segundo Nicandro Ares Vázquez, ben podería dar Timalinus. Mais, que nós saibamos, non se conservan referentes. O que si semella bastante claro é que este topónimo ten unha raíz prerromana máis o sufixo latino e que sinalaría un castro onde logo se ergueu a mansión (Rodríguez Colmenero e Álvarez Asorey, 2008). Segundo o dicionario da RAG, unha árbore é "calquera planta de tamaño grande, con tronco leñoso e elevado que se divide en pólas a partir dunha certa altura". En Galicia, a árbore, do latín arbor, -oris, tamén recibe o nome de albre, árbole, árbor e arbre. Algunhas árbores tiveron un culto xeralizado no país, pois críase que eran sagradas, atribuíndoselles, nos máis dos casos, propiedades benéficas, mais tamén prexudiciais. En Campo de Árbore vemos un sintagma de orixe latina: campus e arbor. Ares Vázquez, en Lucensia (2009), ao falar da parroquia de Árbol, en Antas de Ulla, di que se cadra foi un diminutivo *arvulum, de arvum, campo cultivado. Mais, se tomamos o Tombo do mosteiro de Celanova do ano 1004, atopámonos cun vinea de Arbori o que nos leva a pensar que arbori fose un antropónimo do nome persoal Arborius (Kajanto, 1982) ou Arborus (Rivas Quintas, 1991), o que nos levaría a Campo de Arbol.  

CAMPO DE RIMAO
Para Caridad Arias, o elemento rigo-, ri- forma parte dos topónimos que dá nome á divindade celta Rigo-Magus que algúns autores traducen como campo real. Cabe tamén derivar este segundo compoñente do celta mag ou magh, o grande, o que deixa desbotada a etimoloxía de río mao ou malo. Froilán López dá o adxectivo latino malus como derivado de humanus. No Tombo de Samos non se documenta Mao como Malus, senón como Humanus. A. Díaz Fuentes, que rexistra a forma Omano, considérao de orixe antroponímica, partindo do cognome latino Humanus. Luis Monteagudo, con citas de Humano/Omano, do Tombo de Samos, admite unha probable etimoloxía popular, supoñendo como base un xentilicio etrusco *Hum-anus. Juan J. Moralejo, di que a aparente latinidade de O Mao desfaise na forma medieval Humanum, que lembraría unha Umia (ría de Arousa), Homem, e fóra de Galicia Omaña, Omecillo, Umana... O problema está en saber se outros hidrónimos Mao son prerromanos e perderon o seu O- mal segmentado ou son románicos, *Malum, e antitéticos de Riobóo. O río Mao aparece citado no Tombo de Celanova no ano 952 co nome de Omano, e rivulo Humano minore no 976. 

O CANDEDO
Lugar poboado de candos, rebento grande do castiñeiro. Para Moralejo Lasso deriva de candanetum, póla seca, árbore queimada.

CANTÍNS
Na parroquia de Vilamane. Forma preindoeuropea *cant, pedra, rocha. No presente caso semella denunciar unha elevación rochosa cortada case verticalmente. Hai un castro.

CANTIZ
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilachá. *(Villa) Cantidii dun posesor medieval de nome Cantidius. Para Caridad Arias vén da base céltica *cant, brillante, luminoso, que deu o antropotopónimo Cantius.

OS CANTOS
Base céltica *cant, croio, pedra de pequeno tamaño e de forma arredondada que existe na beira do mar ou dos ríos. Caridad Arias di que podería facer mención a unha divindade prerromana co significado de branca, coruscente, emparentada, de non ser a mesma, coa deusa-nai megalítica Bre/Vedra.

CAPELA
Oratorio edificado habitualmente nun sitio ermo e despoboado; vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao anaco de capa que San Martiño deu a un pobre. Máis información sobre as capelas do concello, pódese ver a entrada deste mesmo blogue adicado ao Patrimonio Relixioso. 

O CARBALLAL
Voz prerromana *carb, pedra, planta nada entre pedras. Terreo poboado de carballos, latín quercur robur; a especie, robur, é o nome dado polos romanos a certas árbores de madeira dura polo que se utilizaba para facer doelas dos bocois ou na construción naval. Na antigüidade ao carballo considerábanno coma unha árbore sagrada, ademais de curar a sarna, as quebraduras dos nenos, o lumbago ou enfermidades contaxiosas, tamén agochaba a pedra do raio polo que se consideraba unha árbore purificadora. A casca do carballo, rica en tanino, empregábase para o curtido do coiro. No seu toro críase un lique conque se tinguían os tecidos, cocéndoos en auga con cinza. Segundo Strabón, historiador grego nacido no ano 63 a.C., os castrexos comían durante boa parte do ano pan de landra, o froito do carballo, afirmación dirixida, sen lugar a dúbidas, a menosprezar a economía dos "bárbaros" do Noroeste e así xustificar a invasión romana.

CARBALLEDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Mesma etimoloxía que O Carballal.

CARBALLÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cadoalla. Variante propia da Galicia oriental. Diminutivo de carballo.

O CARBOEIRO
De carbonarius, nome de oficio referido ao carbón. Pode facer alusión a un lugar que presenta unha cor escura; sitio onde abunda a turba, o carbón natural formado en zonas húmidas e frías; ao mineral de cor negra que tamén se utiliza como combustible; sinalar un sitio onde se fabricaba o carbón a partires de plantas arbustibas, etc; ou a unha persoa que vende ou fai carbón. En tempos eran os propios ferreiros os que facían o carbón que gastaban xa que non se comercializaba. Polo xeral facíanno de uz facendo un burato no chan, prendíanlle lume e logo tapábase con terra. Á mañá seguinte extendíanno ben cun angazo para que parase de arder.

A CARPACEIRA
Terreo onde abundan as carpazas, de carpathium, quizais proveniente dunha voz prerromana, arbustos da familia das cistáceas de flores amarelas. A orixe do nome xenérico científico calluna deriva do grego e significa varrer, xa que se utilizaba como vasoira.

O CARRIZO
Latín carriceu, planta gramínea, especie de cana, que medra na auga formando canaveirais. Para Francisco Javier Rodríguez (1854), é un paxaro dos máis pequenos de Galiza, de cor escura coma o rousinol e pillo coma el e canto agradable ao oído; escóitase só cando anuncia choiva, e é un barómetro seguro que dá auga pronta.

A CARUNCHADA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Chámase caruncho ao po negro que se forma na espiga dalgúns cereais e no talo do millo. Fungo que se produce nos grans de centeo, trigo e millo. Nicandro Ares teoriza se podería proceder do latín caruncula, diminutivo de caro, carne.

CASA DA CAPELA
O primeiro elemento deriva do latín casa. Para o composto, ver Capela.

CASA DO COXO
Alusión a unha casa propiedade dunha persoa que coxea. Tamén lle chaman coxo, latín vulgar coxus, ás broullas que saen na pel e que proveñen das mordedelas de animais e picadas de insectos, especialmente o sapo, a araña, a víbora, o cínfano, o cempés, a cóbrega, a toupeira, etc. Produce proído moi molesto durante oito días seguidos, se non se dá canto antes na parte mordida unhas fregas con vinagre e se non se aperta fortemente o cute cunha moeda ou coa folla dun canivete. Para Caridad Arias pode vir do teónimo celta Cussus ou Cossus, divindade presente na epigrafía. Crespo Pozo explica coxo co significado de verme, latín cossus.

CASA DA LAMEIRA
Prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga. Prado húmido. Sitio cheo de lama.

CASA DO MONTE
O segundo elemento deriva do latín monte, terreo sen cultivar no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación.

CASA DE NEIRA
No Cereixal, cunha inscrición do ano 1887. O composto deriva do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga.

CASA DO PAZO
O composto vén do latín pallatium, referencia a unha antiga casa señorial. O termo pazo aséntase nos séculos XVIII e XIX. As primeiras edificacións pacegas configúranse ao redor do ano 1500 mais apenas se conservan construcións anteriores a esa data.

CASA DA RETORTA
O composto vén do participio retortum, do verbo retorquere, torcer, retorcer, alusión a unha curva pronuciada, a un camiño difícil, onde as características xeográficas do terreo determinan a disposición irregular das fincas.

CASA DE RIVAS
En Ouselle. Do latín ripa, ae, banda ou beira de terra que bordea un río, lago, etc. Trátase dun conxunto formado pola casa grande e unhas construcións anexas. Esta casa figura en varios documentos antigos como Riba, Riva e Rivas. A orixe estaría nos primeiros do século XVI. Pertenceu á linaxe dos Ribadeneira.  A casa procede xenealoxicamente da Torre de Cadoalla. Bernardo de Erbón Ribadeneira, neto de García López de Erbón Ribadeneira, da Torre de Cadoalla, e a súa muller Inés de Ribadeneira obteñen do rei Filipe II no 1575 a orde de facer información sobre a constitucións do vínculo e morgado sobre os seus bens "de riba, do ceresal, doselle". A voz riba xa se le nun documento do mosteiro de Celanova do ano 964 e que pasou a apelido no século XV. Atópase á beira da vía romana XIX do Itinerario de Antonino que no concello de Becerreá entraba por Furco, continuando polo Cereixal, Cadoalla, Carballeira da Casa de Rivas, Ouselle e As Pontes de Gatín, continuando no concello de Cervantes polo Fabal, Doiras, Ponte Ferreira, e internándose no Bierzo polo Portelo. No lugar aínda se conserva o topónimo Tras da Torre nun prado situado tras da casa.

CASA DE SAAVEDRA
En Airexe, na parroquia de Vilamane. J. Piel traduce o composto Saavedra por sala vella, do xermánico sala e do latín vetera, equivalente a casa ou habitación. Para Caridad Arias, o nome non contén elementos xermánicos nin latinos xa que é un vocábulo prerromano, seguramente celta, identificado co nome Salaverus.

CASA DO TESO
O composto deriva do latín tensus, de tendere, estirar, extender. Lugar alto no campo. Monte alto e escarpado. Outeiro.

CASA TORRE DE CADOALLA
Na parroquia de Cadoalla. Do século XVI, presenta un escudo brasonado na fachada coas armas dos Ribadeneira, Bolaño, Balboa e outros. Pertenceu aos Herbón, unida á de Cormes. No ano 1609 tomou posesión dela Vasco de Herbón y Vivero, fillo de Lope de Vivero e María López de Vivero, e neto de Moñigo de Herbón e Beatriz de Vivero. Estes últimos foron os fundadores do vínculo de Cadoalla no ano 1556, con motivo da escritura de partillas cos seus irmáns, da herencia dos seus pais. Os Herbón eran tamén donos do couto de Barcia, solar dos que proveñen, os do solar de Rivas e os da principal de Cruzul, que tiña unha torre que xa non existe. As edificacións máis separadas do edificio principal, que eran a capela e o muíño-pombal, padeceron en decembro do 1809 a rapina (no caso da capela tamén un incendio) das tropas napoleónicas do mariscal Soult. A muller de Vicente María Pardo de Ribadeneira Saco Quiroga e Montenegro que se atopaba moi enfermo, María do Carmo Ulloa Valcarce e Olarte-Ponce de León, defendeu a casa e puído salvar varias imaxes da capela, unha pequena fornela, dous misais, dúas casullas e a ara do altar e da talla medieval do San Antonio, patrón da capela. Unha torre, latín turre, é unha construción alta e estreita que teñen algúns castelos, igrexas e casas. Para o último elemento, ver Cadoalla.

CASA TORRE DE CORMES
Na parroquia de Marcelle. O documento máis antigo que se conserva data do ano 1609 en que aparece tomando posesión dela Vasco de Erbón y Vivero. No ano 1649 tomou posesión do señorío Fernando de Herbón y Vivero que foi alcalde maior perpetuo de Torés. No último terzo do século XVIII pasou a Petronila Nicolasa Armada, bautizada no ano 1775 na igrexa mosteiral de Penamaior, onde tamén contraeu matrimonio no 1791 con Pedro Benito Bermúdez Valledor y Arias, dono do pazo de San Pedro de Benquerencia, torre de Castropol e outras casas. Xa no século XX, herdou a casa José de Boado y García de Montes, fillo de Isabel García de Montes y Bermúdez e José de Boado y Castro, cabaleiro do "Hábito de San Xoán" e correspondente da Real Academica Galega. 

CASA TORRE DE CRUZUL
Na parroquia de Cruzul. Non se conservan restos. Pertenceu á familia dos Erbón. O morgado de Cruzul fundouno Leonor de Rivera Saavedra Quiroga y Guitián no ano 1781, agregándolle o padroado da igrexa de Cruzul, con dereito a enterramento, morgado que instituíu a favor do seu neto José María Rivera Figueoa de Barcia y Saavedra Saco y Quirgoa, señor dos coutos de Gorgueiros, A Armada e as  súas xurisdicións. Para o último elemento, ver Cruzul.

CASA TORRE DE GUILFREI
Na parroquia de Guilfrei. Presenta planta cadrada con tres andares e cuberta a catro augas. O acceso principal está protexido por un teito a xeito de pórtico. Para o composto, ver Guilfrei.

CASA TORRE DE HORTA
Na parroquia de Agüeira. Atopábase a carón do antigo Camiño Real. As súas orixes remóntanse ao século XI. A primitiva fortaleza ardeu no ano 1895, quedando só a parte da casa que aínda se conserva. Durante moito tempo estivo vencellada a Torés (As Nogais), así como ás casas de Noceda, Arandedo e Cancelada. Os apelidos máis frecuentes propietarios da torre son os dos Bolaño, Ulloa e Ribadeneira. Nun documento do ano 1410 di que a capela do San Bieito, hoxe restaurada (foi incendiada o 18 de xullo de 1936), situada nas inmediacións, sempre pertenceu á casa-torre. No mesmo escrito, o escribán transcribe os desexos da propietaria, Blanca de Balboa, para que a súa sobriña, María de Lamas Fernández e Balboa, case con Marcos Gómez de Bolaño, dono da casa de Quintá, da xurisdición de Cancelada de Abaixo, "con quen está tratado que teña que casar", doándolle para soster as cargas do matrimonio o lugar de Horta máis a ermida de San Bieito. Outros propietarios foron Gonzalo Ramón Gómez Ulloa Ribadeneira e Ramón Manuel Ulloa Santiso que no ano 1809 ingresou como alférez no exército do marqués De la Romana para o que se lle esixiu un documento que probara a súa "limpeza de sangue" (ata o ano 1811 era preciso demostrar a limpeza de sangue a todos os que ingresaban no corpo de oficiais do exército). Estivo vinculada a Torés, así como ás de Noceda, Arandedo, Cancelada e Quintá. Os apelidos máis frecuentes son os dos Bolaño, Ulloa e Ribadeneira. Entre os seus membros salientan o cardenal Pedro Gómez Bolaño Ulloa. En distintos documentos menciónase tamén como Casa dos Ulloas. Conserva unha pedra armeira. Horta, do latín hortus, terreo de pouca extensión, xeralmente ao lado da casa, onde se cultivan verduras, legumes, hortalizas e árbores froiteiras. Para o último elemento, ver Horta.

CASA TORRE DE MORCELLE
Presenta planta rectangular con portas de acceso alinteladas con arcos de medio punto. Ten unha capela exenta ao pé do camiño e restos dun pombal. En bo estado de conservación. Para o último elemento, ver Morcelle. 

CASA TORRE DE VILAMANE
Para o último elemento, ver Vilamane. 

CASA DE VALCÁRCEL 
No Cereixal, con pedra armeira. O composto está formado polos vocábulos latinos valle, val, e carcere, cárcere, angostura que pode facer alusión a un val angosto ou estreito.

CASA DE VALDAVARA
O segundo elemento semella estar formado pola voz latina vallis, chaira de terra entre montes ou alturas, e o vocábulo vara. Elixio Rivas fala da "vara de monte, vara de doce palmos, a antiga medida de lonxitude equivalente a 1,10 metros. Navia de Suarna-Cervantes de onde monte de varas/de voces, monte comunal de pastos ou en que se reparten searas". Bara tamén é unha divindade prerromana que contén o radical indoeuropeo *bar, auga. Para Holder (1904), o topónimo podería estar relacionado co irlandés bara, xenitivo baranu, cimrico bar, ira, furor. 

CASAR
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Furco. Derivado do latín casa. Explotación agro-gandeira formada por unha vivenda principal e outras construcións anexas. Casa rústica coas súas propiedades. O casal ou vilar xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria.

CASARES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilaiz. Plural de casar.

CASAS DA AIRELA
O segundo elemento é un diminutivo de aira, latín area, espazo próximo á casa utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos.

CASAS DA PENA
O composto vén do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo.

CASAS DA PONTE
O composto deriva do latín pons, pontis, construción que comunica ribeiras opostas.

CASCALLÁ (SANTA MARÍA)
Parroquia suprimida na Estatística Diocesana do bispado de Lugo. De quassicaliare, do verbo latino quassare, romper, alusión a un terreo abundante en cascallos, mestura de area grosa e pedras; ou tamén, segundo Ares Vázquez, unha villa de Cascellianus ou a casa de Callianus. En documentos do ano 1037 é citado como Cascaliania.  Foi couto e granxa do mosteiro de Penamaior. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". Está documentado que no século XVII, o párroco, Xoán Rodríguez, tiña dous criados e tres criadas.

CASTEL DE MARÍA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. Variante de castelo. Castellu determinado polo nome persoal María. 

O CASTELO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cadoalla. Latín castellu, diminutivo de castru, referencia a un antigo emprazamento dun castelo, torre de vixiancia ou un poboado prehistórico. 

CASTELO DE PENA AGÜEIRA
Pena, do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. Agüeira, terreo abundante en auga. O castelo de Pena Agüeira, orixinario do século XI, foi destruído durante a Revolta Irmandiña, tal como relatou a testemuña Lope de San Silvestre, vasalo do mosteiro de Sarria, quen, xunto cos seus, atacara a fortaleza de dita vila e logo foran contra a de Pena Agüeira. Pertenceu a Vasco Herbón y Vivero. Para o composto, ver Agüeira.

CASTIÑEIRA
Sitio poboado de castiñeiros, castanea sativa. A especie, sativa, provén do latín e significa cultivado ou plantado. Ao parecer, o castiñeiro chegou a Galiza traído polos romanos (hai investigadores que cren que xa medraba en Galiza antes da invasión); o froito, a castaña, nome que deriva do grego Kastana, cidade do Ponto onde se cultivaba, tivo unha grande importancia antes da chegada da pataca (solanum tuberosum), tubérculo orixinario de Perú e Chile introducido en Europa dende o século XVI e cultivada de forma masiva dende o século XVIII. Ata ben entrada a segunda metade do século XX, a castaña foi indispensable na subsistencia da maior parte das familias dos Ancares, que se complementaba con carne de xabarín, corzo, porco, etc. Tamén se consumían asadas e cocidas con leite, e as pequenas empregábanse para engorde dos animais. A súa madeira dura é moi apreciada en ebanistería. As castañas que caían nas beiras dos camiños non se recollían, deixándoas para os pobres e peregrinos. A finais do século XIX secaron as tres cuartas partes dos castiñeiros de Galiza ao seren atacados por uns fungos.

O CASTRILLÓN
En Pumarín de Arriba, parroquia de Vilachá. Derivado de castro, do latín castru, campamento fortificado. Hai un castro.

CASTRO
Do Latín castru. Un castro é un asentamento ou recinto xeralmente fortificado, de forma oval ou circular, situado a maioría das veces no cumio de outeiros, pero tamén presentes en esporóns costeiros, ladeiras de zonas montañosas, chairas e illas. Para máis información sobre os castros do concello, pódese ver a entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Arqueolóxico. 

CELA
Núcleo de poboación situado na parroquia de Agüeira. Latín cella, apousento dun relixioso ou relixosa nun convento ou mosteiro. No latín medieval significaba tamén pequeno mosteiro afiliado a unha abadía. Ou sala pequena dun edificio sagrado ou funerario da antigüidade. Tamén espazo pechado para gardar o gran ou outras cousas, celeiro, almacén.

O CEMITERIO
Do latín coemeterium. Recibe o nome o lugar da parroquia onde se enterra aos mortos. Camposanto.

O CEREIXAL (SAN XOSÉ)
Nome da parroquia. Lugar que toma o nome da árbore da cerdeira cuxo froito é a cereixa, latín cerasia. Xosé, esposo da Virxe María, é un nome de orixe hebrea que significa "Deus axudará" ou "Sentado á dereita de Deus". Segundo o Diccionario de Madoz (1845), nin o concello nin o cárcere tiñan casa propia polo que o xulgado víase na necesidade de conservar os presos no Cereixal.

CERRADO DA PARAXE
Lugar situado na parroquia de Cruzul. O primeiro elemento fai alusión a un muro ou valado que pecha un terreo. O composto indica un lugar onde se para, tranquilo; tamén nomea calquera sitio.

A CHAIRA
Do latín planaria, plural de planarium, formado sobre planus, a, um, chan. Terreo que non amosa diferenza de altura nin desniveis. Terra chá de maior ou menor extensión.

A CHAIRA DE CEREIXEDO
Álusión a unha terra chá plantada de cerdeiras cuxo froito é a cereixa, latín cerasea, rematado no abundancial -etum > -edo.

A CHAIRA DE CERREDO
O composto parte do latín cirrum, crista, cume dun monte. Mais en latín temos tamén cerrum, co significado de mesto, árbore resultado do cruce de sobreira e aciñeira.

CHAO
Pico situado a 672 metros sobre o nivel do mar. Latín planu, planicie elevada.

CHAO DE ARANDA
Lindeiro co concello de Baleira. A 888 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto deriva da partícula preindoeuropea *ara, val, que tamén pode interpretarse co sentido de auga.

CHAO DA ARNADA
Base preindoeuropea *arn, concavidade, depresión do terreo, auga.

CHAO DA CAPILLA
Lugar situado en Vilar de Ousón. O composto, castelanización de capela, vén do latín cappela, derivado de cappa, referencia ao anaco de capa que San Martiño deu a un pobre. Segundo me contaron aquí había unha pequena ermida, logo trasladada para a aldea. Apareceron tumbas feitas con laxes. Un veciños de Vilar de Ousón contounos que se conservan antigos documentos que falan de que ata aquí viñan enterrar aos veciños da parroquia de Liber que conta con igrexa e cemiterio próximos. De ser certo isto, este cemiterio do Chao da Capilla é anterior ao século XVII, data de construción da igrexa de Liber. 

CHAO DO COTO
Prerromano cott, altura, prominencia, lugar dominante. O étimo nada ten que ver coa raíz latina cautum, couto.

CHAO DE EIRÓS
A 854 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto é unha versión contraída de eiroa, de areola, diminutivo de eira, latín area, espazo próximo á casa utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. Tamén se chamaba eiró a unha especie de praza pequena onde embocaban varías rúas e onde se reunía a xente.

CHAO DO MARCO
Na aldea de Regosmil, parroquia de Fontarón. A case 1.000 metros de altitude sobre o nivel do mar, consérvase unha necrópole megaltíca formada por dúas mámoas. Marco deriva do latín marco e do xermánico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. Na Idade Media os límites territoriais definíanse mediante marcos que en moitas ocasións eran mámoas, pedrafitas, petroglifos, castros, etc. Ferro Couselo e Florentino Cuevillas, entre outros, xa constataron que as mámoas foron utilizadas como puntos de referencia nas demarcacións ao longo da historia. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é o Parochiale Suevorum, do século VI.

O CHAO DO MONTE
O composto vén do latín monte, terreo sen cultivar no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación.

O CHAO DO SOUTO
O composto vén do latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo; terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas acerca de que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus(divindade prerromana), Suttunius, etc.

CHAO DA VILA
Núcleo de poboación situado na parroquia de Agüeira. De planum e villa, terreo chan onde se estableceu unha vila, núcleo de poboación máis pequeno ca unha cidade e máis grande ca unha aldea.

CHOUSA DAS LAMAS
O primeiro elemento vén do latín clausa, monte, horta, herdade ou calquera tipo de terreo pechado. O composto deriva do prelatino lama, lama, fango, masa branda ao se mesturar a terra con auga.

O COBO
Colmea de abellas. Albariza, abellariza, trobo. E. Losada, J. Castro e E. Niño, na súa Nomenclatura vernácula da flora vascular galega (1992) din que é outro dos nomes da melisa, melissa officinalis L., planta da familia das lamiáceas. En infusión utilízase contra as taquicardias e para a dor de estómago; tamén alonxa os mosquitos.

A COGOMA
A 681 metros de altitude sobre o nivel do mar. Linda co concello de Navia de Suarna. Variante de corgo, latín corrugu. Existen varias acepcións: Poza natural ou artificial no decurso dun río utilizada para curtir o liño. Oco nunha rocha ou depresión do terreo que se enche de auga cando chove. Represa natural ou poza artificial onde se recollen as augas destinadas a regar, e, tamén, canle de distribución destas augas. Camiño estreito e profundo que discorre entre valos, cómaros ou outras elevacións do terreo. Xa no eido da mitoloxía, Corgo deriva do nome da divindade Goro ou Coro, o prehistórico deus solar que pode ser vermello, cando está no solpor, ou negro, símbolo do Sol subterráneo que loita e logo morre a mans do deus branco, o escintilante; o combate ten lugar na Fin do do Mundo, no Oeste, no País da Morte, no Finisterrae. Tamén pode estar relacionado co nome de persoa Curicus ou Coricus.

O CONCELLO
Do latín concilium, concilio, reunión, asemblea. Organismo composto polo alcalde e os concelleiros que gobernan un municipio. Territorio formado por varias parroquias que están baixo o goberno do mesmo concello. Concello Aberto: O que se ten ou se celebra publicamente convocando a el a todos os veciños ao son da campá da igrexa ou ao toque de clarín, para o cal algúns concellos tiñan un clarineiro. Concello parroquial: Antiga institución consuetudinaria que funcionaba á marxe das organizacións municipais convencionais que ata non hai moitos anos aínda pervivían nas serras galegas de Manzaneda, Queixa, Penagache, Suído, O Cebreiro ou o Courel, entre outros, e que respondían ás necesidades impostas polo seu illamento. Os veciños reuníanse en asemblea pública para constituír "o acordo" e adoptar medidas de bo goberno, auxiliar aos veciños pobres, perseguir aos malfeitores, arranxar camiños e atender outros servizos comunais, así había o rabaño do concello, o touro do concello, o forno do concello, os montes do concello, os regos do concello e as festas do concello; cada fogar tiña ou seu concelleiro que recaía, habitualmente, no cabeza de familia de cada casa. Fraseoloxía: "A concello ruín, pregoeiro tatexo". "Cando fores ao concello, acorda no teu e deixa o alleo". "Concello de mañá, e auga de tarde". "Leva o teu fío ao concello, e uns diranche que é branco, e outros que é negro".

O CONVENTO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Latín conventus. Lugar onde vive unha comunidade de frades ou monxas dunha mesma orde relixiosa. Convento xurídico: Cada un dos tribunais establecidos polos romanos durante a súa dominación, que se atopaban establecidos nas capitais dos distritos en que dividían as provincias. Na Gallaecia estaban os de Lucus (Lugo), Bracara (Braga) e Asturica (Astorga).

CORDAL
Liña superior dunha sucesión de montañas.

CORMES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Morcelle. Quizais dunha raíz *cor, pedra, alusión a un terreo pedroso. Segundo Nicandro Ares Vázquez di que pode ter a orixe nun xentilicio Corm-, de aspecto grego. Di que tamén se asemella ao grego kormós, tronco, cepo, madeiro que se ata ao pé dun home ou dun animal

A COROA
Monte da parroquia de Ouselle. Do latín corona. O orotopónimo denuncia a forma de coroa que presentan algúns montes. Ás veces, o vocábulo adoita sinalar, como no presente caso, un castro. Malia o anterior, en Galiza tamén temos a coroa de frade, unha planta anual de flores purpúreas (cirsium eriophorum).

A CORTELLA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. De curticula, diminutivo de corte, latín cors, cortis, co sufixo -ella. Corte onde se gardan algúns animais. Tamén fincas pechadas. Para Marcial Valladares Núñez (1896), vaca ou femia do boi. Franco Grande (1972) di que antigamente significaba xardín público.

A COSTA
Latín costa, terreo en pendente, xeralmente referido a un camiño polo que se transita sen moito esforzo.

COSTA FORMOSA
Do latín formosus. Alusión a un lugar agradable, apracible.

O COTODOLÍN
Na parroquia de Morcelle. Diminutivo de coto. Ou quizais un coto dun posesor de nome Linus.

O COTO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. Perromano cott, altura. Tamén atopamos funcionando como microtopónimo na parroquia de Morcelle.

O COTÓN
Aumentativo de coto.

O COTÓN DA LOUSEIRA
Terreo cuberto de lousas, prerromano lausa, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas.

COUCILLÓN
Elixio Rivas di que é o terrón que levanta o arado. Tamén se chama así o madeiro unido ao chedeiro do carro, que descansa sobre o eixo, e polo roce do cal "canta o carro".

COUSÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Sevane. Diminutivo de couso. Mais tamén podería ser a vila dun posuidor de nome Causinius.

O COUSO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. Latín causu. Leira para cultivo de legumes. Tamén depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras.

COVA DOS COUSOS
En Furco. Do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. En Galicia é rara a cova que non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas enfeitizadas. Atopouse un puñal de entenas (López Cuevillas) anque non sabemos en que condicións.

COVA DOS MOUROS
Preto do castro de Vilar de Ousón. O composto deriva da raíz *mor, pedra, nome que, nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraigado no maxín popular que deu multitude de lendas. A galería, de cronoloxía descoñecida, ten un metro de ancho por dous de alto; interrómpese despois duns vinte metros debido aos cascallos, provenientes dun derrube, que impide continuar. Pouco sabemos desta cova. Dise que durante a Guerra da Independencia foi utilizada polos guerrilleiros galegos que loitaban contra as tropas napoleónicas, e que despois da Guerra Civil foi usada polos guerrilleiros antifranquistas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria. 

COVA DOS MOUROS
Na parroquia de Liber.

COVA DOS PENEDOS
Na parroquia de Furco. O composto vén do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo. Atopouse un puñal de entenas de bronce, probablemente da primeira Idade do Ferro.

COVAS DE SABALLEIROS
Na linde de Vilaesteba, Láncara e Guilfrei. A pesares de que foron visitadas por algún grupo de espeleólogos, ata o de agora, que eu saiba, non se fixo ningún estudo sobre elas.

COVA DE VALDAVARA
Situada na Serra de Valdavara. Apareceron restos prehistóricos, os máis antigos pertencentes ao Paleolítico. Para o composto, ver Casa de Valdavara.

A CRUZ DA HORTA
Do latín cruce. Pode facer alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián. Nas encrucilladas detéñense os enterros para orar polos defuntos. Nos cruces de camiños invocábase ao diaño e tamén se manifestaban as ánimas e a Compaña. Mais, nas encrucilladas curábase o mal de ollo e o angaraño, e prendíanse as purificadoras fogueiras na Noite do San Xoán, ademais de seren un lugar propicio para os rituais de fecundación. Relacionada coa cruz, polas encrucilladas transitan o ben e o mal, a vida e a morte. Cómpre lembrar que os enterramentos efectuábanse á beira dos camiños e nas encrucilladas (meniños que morrían sen bautizar, suicidas, etc.), o que dá idea do medo histórico que estes lugares infundían pola noite. Tampouco é infrecuente atopar cruces insculpidas nas penedas (petroglifos), ben de factura prehistórica, que vén a ser a representación esquemática da figura humana, ou ben de época medieval que servía para sinalar as lindes dunha terra. O composto vén do latín horta, terreo situado preto da casa, destinado a cultivo de verduras, legumes e outros usos.

CRUZUL (SAN MARTIÑO)
Nome da parroquia. Antigamente pertenceu á xurisdición do Val de Ouselle. Cruce de Xullo? O historiador Manuel Murguía consideraba que o nome é equivalente ao de Crozón, na Bretaña francesa. López Santos derívao dun improbable Sancta Crux. A tese de Monteagudo, da que participa Nicandro Ares, postula o xentilicio Craeci-urius, derivado de Craec-ius. Citado como Crezur nun documento dos anos 1232 e 1325, e Crezul no 1434. Martiño vén de Martinus, "adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis, o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns aceptaron pola popularidade do bispo de Tours.

O CURRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cascallá. Raíz de orixe prerromana cor-, construción en forma de círculo que nun principio designaría a casoupa onde pasaban a noite o pastor e o gando para resgardarse do mal tempo. Tamén lugar pechado para marcar os cabalos selvaxes. Segundo algúns investigadores, o vocábulo é unha das moitas acepcións do deus grego Cronos, fillo de Urano e Gea, que devoraba aos seus fillos ao nacer porque temía que lle disputaran o dominio do Universo; só se salvou Zeus.

A CURVA
Do latín curvus. Alusión á curva dun camiño ou dun monte.

DONÍN
Núcleos de poboación pertencentes ás parroquias de Quintá de Cancelada e Vilamane. *(Villa) Donnini, dun propietario medieval de nome Donninus. Mais esas, en gaélico, dunín é diminutivo de dún, castro pequeno, e que logo foi latinizado como don.

AS EIRAS
Latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, utilizado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos.

AS EIRELAS
A 738 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de eira.

EIXIBRÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Tortes. O lingüista Edelmiro Bascuas fala do "raro Eixibrón" que quizais se poida explicar como un composto *Axe-prono, corrente de auga que discorre en pendente. Nicandro Ares, con dúbidas, di que pode ter a orixe nun antropónimo, quizais Axius Apronius ou Abronius.

ENCONTRELA
A 759 metros de altitude sobre o nivel do mar. Pode facer alusión a un lugar de encontro ou co que nos atopamos.

ERBÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Tortes. De herba, latín herba, calquera planta pequena de talo tenro, se ben Nicandro Ares Vázquez ve nel o antropónimo Erbonius.

A ERMIDA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. Deriva do latín eremus, deserto, solitario, ermo, lugares afastados escollidos polos eremitas para adicarse á vida contemplativa. Tamén hai un lugar que chaman A Ermida onde, segundo a tradición, se xuntaban para comer os curas de Torés e Viladicente (As Nogais) e de Morcelle e Guillén (Becerreá). 

A ESCOLA
Do latín schola, lección, ou do grego skola, estudo. Así adoita chamarse ao lugar onde se atopaba a antiga escola. Recolle Sobrado Correa (2001), que aínda que a oferta escolar aumenta na segunda metade do século XIX, o crecemento demográfico experimentado en dito período, fai que aínda o nivel de alfabetización sexa moi modesto con relación a outros casos europeos. Segundo os censos de 1860 e 1877, aínda que as cifras de analfabetos descenden nestes períodos intercensais, no 1887 aínda hai 74,3 analfabetos por cada 100 habitantes, proporción moi elevada. 

A ESPIÑEIRA
Latín spinale, lugar onde medran os arbustos espiñosos. Terreo de mala calidade.

A FEIRA NOVA e A FEIRA VELLA
Latín feria, mercado en datas fixas. Lugar onde se celebran. A palabra feira significa festa ou gran mercado. A forma antiga era fesiae e o seu étimo é o mesmo festus, a, um. No latín tardío empregouse para denominar os días da semana (primeira feira, segunda feira, terza feira...) cuxo uso aínda se mantén en portugués.

A FERRADURA
Aínda que en principio fai alusión á peza de ferro en forma de U que se coloca no pezuño dalgúns animais, ou antano dos zocos, aquí semella denunciar un monte ou un camiño que fai unha curva pronunciada. No terreo da superstición, a ferradura ten a propiedade de escorrentar o mal de ollo, e é utilizada como amuleto contra as meigas. Eladio Rodríguez, no seu Diccionario gallego-castellano (1958-1961) fala das ferraduras da morte, orellas lívidas que se debuxan na face do moribundo e son indicio dun fin próximo.

FERRAÑOL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ferreirós de Valboa. Alusión a unha *(villa) Ferreioli, dun propietario de orixe latina de nome Ferraniolus, diminutivo de Ferranius.

A FERREIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Guillén. Do latín ferraria. Obradoiro onde traballa o ferreiro. Forxa. Segundo Eladio Rodríguez, a finais do século XVIII a produción das forxas en Galicia era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reais. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas.

FERREIROS DE VALBOA (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. Pode facer alusión a ferrarios, oficio de ferreiro, se ben tamén pode facelo a un posesor de nome Ferrarius que asentou en vallis-bona, val boa ou no val de Bonus. Cóntase que cara o 1600, catro ferreiros que vivían nas montañas baixaron ao val para se gorecer do frío. Corenta anos máis tarde constituíuse en Concello, desaparecendo como tal no 1870 cando a creación e integración no de Becerreá. Está documentado que no ano 1645 figuraba como arciprestazgo da diócese de Lugo. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785), pertencía á xurisdición de Doncos, nas Nogais. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora".

A FERRERÍA
Núcleo de poboación situados nas parroquias de Agüeira e Penamaior. Mesma etimoloxía que A Ferreira. Na Ferrería de Penamaior naceu, no ano 1886, o que sería bispo de Mondoñedo e logo cardeal, Benjamín de Arriba y Castro.

OS FIAIS
Lugar onde abunda o feo, latín fenum, a herba segada e seca para alimento do gando.

FIGUEIRO
A 1.035 metros de altitude sobe o nivel do mar. Monte lindeiro co concello das Nogais. Latín ficus carica, árbore da familia das moráceas que ten como froito o figo, do latín ficu. Relacionado co figo temos a forma figa, un figo grande que semella dous figos apegados. A figa é tamén a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou coma insulto.

FONCOVA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Fontarón. Latín fons/tis, fonte, lugar onde mana a auga, e cova. En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes: "Uns adoraban ao sol, outros á lúa ou ás estrelas, outros ao lume, outros á auga subterránea ou aos mananciais das augas, crendo que todas estas cousas non foran creadas por Deus para uso dos homes senón que, nacidas de si mesmas, eran deuses...". Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa fin de atraer aos humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto ás fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber de sete fontes despois das doce da Noite de San Xoán cura o bocio; lavarse coa auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é boa para a pel. Moitas fontes posúen propiedades creadoras, salutíferas e sandadoras. Deixando de lado o terreo da superstición, as fontes eran un lugar de reunión de vellos e mozos ao anoitecer, sobre todo no verán. O composto vén do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra. En Galicia é rara a cova que non teña unha lenda referida a mouros, xigantes, tesouros ocultos, damas enfeitizadas. O topónimo denuncia un manancial que nace nunha cova.

FONDEVILA
Fonte situada nunha vila, ou que está na parte baixa ou no fondo, latín fundus, dunha villa.

AS FONTAÍÑAS
Diminutivo de fonte.

FONTARÓN (SANCTI SPIRITUS)
Nome da parroquia. O nome deriva de fonte, quizais dunha "Fonte Airón", o deus do inframundo que habitaba en pozos e lagoas insondables, que tiña un dobre aspecto. O positivo, porque do inframundo emerxe a auga (fonte de vida) e a vexetación. E o negativo, pois Airón é tamén o deus da morte, porque o inframundo é o lugar onde van a parar as almas dos mortos. Moralejo Lasso fala dunha Fonte de Aarón, nome bíblico. A advocación da parroquia é un nome proveniente do latín, refírese ao Santo Espírito, expresión teolóxica moi complexa que sufriu moitas interpretacións. Ao parecer é a única parroquia da diócese de Lugo que leva o nome do Espírito Santo. Na escola de Fontarón exerceu como mestra, logo de pasar nos cárceres franquistas trinta anos, a guerrilleira galega antifascista, natural de Castroverde, Enriqueta Otero Blanco. Fontarón foi couto do mosteiro de Penamaior.

FONTE DO ABADE
O composto, do latín abbas, -atis, fala dun monxe que ten ao seu cargo unha abadía ou mosteiro. Nalgunhas partes de Galicia tamén se adoita chamar así ao sacerdote que ten ao seu cargo unha parroquia. Alusión a un manancial frecuentado ou propiedade dun abade.

FONTE DAS ABIDUEIRAS
Ver A Bidueira.

FONTE DE ABREDO
O composto pode vir dunha *(villa) Abrentii, en alusión a un propietario latino de nome Abrentius.

FONTE DE AGÜEIRA
Aquí mana un curioso manancial que muda a cor das augas segundo veña o día. Para o composto, ver Agüeira.

FONTE ARRINXELA
Na parroquia de Guilfrei. Existe o verbo arrenxar co significado de acubillar ou aquelar e mesmo hai zonas en que ten un significado específico de ‘darlles de comer aos animais domésticos’. Non sabemos se por aí podería deducirse que a Fonte Arrinxela (quizais fonte da Arrinxela) puidera ter un significado semellante a unha fonte que daba acubillo, abrigo, abeiro, etc. Non obstante, son suposicións sen máis fundamento que o verbo arrenxar. Agora ben, en Vigo existe o topónimo Rinxela, o que nos leva a pensar que en Arrinxela temos a aglutinación do artigo e que ben puidera ser A Rinxela. A voz rinxela provén de renxer, e fai referencia ao ruído da auga ao caer ou ben ao xemido do gando. Se isto é así, parece que estamos ante un topónimo onomatopeico.

FONTE DO CAMPELO
Na parroquia de Cascallá. Diminutivo de campo, latín campu.

FONTE DO CARDAL
Na parroquia de Cascallá. Do latín cardus, lugar onde nacen cardos.

FONTE CAVADA
Monte. Do verbo latino cavare, cavar. Foxo. Goio. Terra cavada. Terreo de monte recén roteado.

FONTE CHOUSA DA XINXEIRA
Na parroquia de Cascallá. Xinxeira ou Guindeira, planta que produce as guindas, latín prunus cesarus L.

FONTE DA ESCOLA DO CEREIXAL
Escola deriva do latín schola, lección, ou do grego skola, estudo. Para o último elemento, ver O Cereixal.

FONTE DOS ESPETOS
O espeto é unha variña de ferro rematada en punta, onde se colocan alimentos para seren asados. Tamén pau ou barra de ferro rematados en punta e estaca. Elixio Rivas fala da herba de espeto que se sementa anualmente para feo.

FONTE DAS FONTAÍÑAS
O composto é un diminutivo de fonte.

A FONTE GRANDE
Monte que seguramente recibe o nome por unha fonte que manou ou mana no lugar. O composto vén do latín grandis.

FONTE DA LAMA
Prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga. Prado húmido.

FONTE LAMELAS
Na parroquia de Cascallá. Diminutivo de lama.

FONTE DO LOBO
Núcleo de poboación da parroquia de Guillén. Hai un castro. A segunda parte do topónimo fai referencia ao temible lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos: quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. O mítico depredador protagonista de imnumerables lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case o seu exterminio, a partir da Idade Media. Manuel Valladares Núñez, no seu Diccionario gallego-castellano (1884), fala tamén do lobo negro, Canis Lycaon, variedade, quizais, do lobo común pero máis fero, delgado, cor negra uniforme, cunha mancha branca no fuciño e outra no peito.

FONTE DOS OLMOS
Olmo, latín ulmus campestris. Árbore que en galego recibe o nome de ulmeira, negrillo e lamagueiro. En Galicia chámase olmo á folla do liño que envolve o bagareño. Por outra banda, o vocábulo tamén fai alusión a unha terra fina, doada de traballar.

FONTE DA PENA
O Composto do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo.

FONTE DA PENA DO BRANCO
O último elemento deriva do latín albus.

FONTE PUMARES
Derivado do latín pomun, mazá. Sitio plantado de maceiras. Pomona era a deusa protectora dos froitos.

FONTE DA REBOIRA
Na parroquia de Cascallá. Do latín robur, carballo.

FONTE DE RIBÓN
O composto é unha variante de ribazo, porción de terra con algún declive, cuberta de vexetación espontánea. Terreo de pedra ou terra que serve de linde entre dúas leiras. Ou de rivus bonus, río bo.

FONTE DA SAÚDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cereixal. De fons, fontis, fonte, e salus, -utis, saúde. Alusión a un manancial con propiedades curativas, ou tamén, quizais, ao antropónimo Salus.
 
No sitio hai un manancial que leva a auga a dous canos, un que mana sobre un pilón escavado na rocha viva. Hai unha imaxe da Virxe da Saúde e varias inscricións.

FONTELA
Monte. Latín fontanella, fonte pequena.

AS FONTES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Furco. Plural de fonte. Citado nun documento do mosteiro de Penamaior do ano 1181.

FORCÓN
Da voz latina furca deriva a palabra forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais aquí fai referencia ao sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca.

FORNO DA CAL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia do Cereixal. O latín furnus non só significaba unha construción para cocer o pan, tellas, etc., senón que tamén pasou a ser nome persoal tal como figura na epigrafía lusitana (Terentius Furnus, Furnius Proculus). O composto vén do latín calx, calcis, cal.  De todos os xeitos aquí é unha clara referencia a un forno para preparar o cal.

A FRAGUA
Do latín fabrica. Taller do ferreiro. Forxa.

FRAIÁN DE ABAIXO e FRAIÁN DE ARRIBA
Núcleos de poboación pertencentes á parroquia de Vilaiz. *(Villa) Fradilani, dun posesor de nome Fradila. No lugar consérvanse restos dunha explotación aurífera de época romana. Topónimos de situación, ubicados nun lugar inferior e alto ou superior, ad ripam.

O FREIXO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Tortes. Latín fraxinus, árbore da familia das oleáceas de toro groso que medra, xeralmente, na beira dos ríos e en lugares húmidos. Antigamente, o freixo utilizábase para facer os eixos dos carros, xugos, etc. A casca moumiña (a do medio) era boa para a dor de cabeza.

FURADA DOS MOUROS
Lugar situado no castro de Sevane onde os mouros, os seres asociados a tantas lendas, agochaban un tesouro. O primeiro elemento deriva do latín foratu, en alusión a unha gruta ou cova.

FURCO (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Da voz latina furca deriva a palabra forca, instrumento para aforcar, e forcada, o coñecido instrumento agrícola. Mais aquí fai referencia ao sitio onde conflúen dúas ladeiras de montaña ou á existencia dun camiño que se bifurca. Nalgúns sitios do veciño concello de Navia de Suarna chaman furco ás follas que recubren a espiga do millo. Tamén é unha medida tradicional nas feiras galegas; é a distancia entre as xemas do polgar e o índice estendidos, uns 14 cm., equivalente á sexta parte da vara. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso". Furco cítase en documentos dos anos 1232 e 1255. No 1227 o abade de Penamaior conseguiu de Afonso IX a confirmación do couto de Furco.

A GOLADA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Liber. Clarifica Cabeza Quiles, no seu Os nomes da terra (2000), que temos que diferenciar o topónimo Agolada de Golada. O primeiro vén da voz latina aqua lata, auga conducida ou levada, un caudal dun río desviado para regar ou mover un muíño. En troques, Golada aparece co significado de porto de montaña ou lugar montañoso por onde pasa un ou máis camiños. Un dito popular recita: "A conta xusta e axustada, dixo o crego da Golada".

A GRANDA
Variante de gándara, do céltico ganda, pedregal, terreo inprodutivo e cheo de maleza.

A GRANXA
Lugar situado en Vilouta. De grania, graña, antiagas fundacións eclesiásticas de rango inferior a mosteiros e priorados. Propiedade rural con casa, animais e todo o necesario para o traballo da terra. A forma granxa vén a ser un galicismo, francés grange, relacionado, segundo J. Piel, coa acción colonizadora dos monxes do Císter.  

GROBA DA CURUXA
Orotopónimo proveniente do gótico groba, fondal, desfiladeiro, depresión, paso fondo e estreito entre montes. Topónimo enganoso que semella facer alusión ao lugar onde moran ou aniñan as curuxas, latín cuculliata, ave encarapuchada, de rapina e nocturna da familia dos estríxidas. Segundo a lenda zuga o aceite das lámpadas das igrexas; considérase unha ave de mal agoiro, sobre todo cando voa sobre a casa dalgún doente, xa que o voo silencioso anuncia unha desgraza. Mais tamén pode derivar da raíz preindoeuropea *kor (r)/*kar (r), monte, rocha, lugar penedío.

OS GROBOS
Na parroquia de Agüeira. Latín globus. Paisaxe formada por grandes penedos de rocha caliza.

GUILFREI (SANTA EULALIA)
Nome da parroquia. *(Villa) Vilifredi, pertencente a un posesor medieval de orixe xermanica de nome Vilifredus. Eulalia, nome de orixe grega que en galego deu Olaia, Baia, Santalla, Olalla. Vítima de diferentes tormentos (o potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no século IV. Guilfrei é citado nun documento do ano 1237.

GUILLÉN (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. Freguesía anexa á de Ferreiros de Valboa. *(Villa) Vilieni, dun propietario medieval de nome Vilienus ou Guilienus. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785) pertenceu xurisdicionalmente a Torés, en As Nogais.

A HORTA
Núcleo de poboación situado na parroquia de Agüeira. Latín horta, terreo situado preto da casa, destinado a cultivo de verduras, legumes e outros usos. A aldea figura en documentos dos anos 1138 e 1231. Un dito popular, recita: "Os de Horta comen o caldo nunha biorta, i-os de Torallo nun fardallo".

AS HORTAS
Plural de horta.

A IGREXA
Latín vulgar eclesia, asemblea, edificio consagrado ao culto cristián. Así adoita identificarse o lugar onde está emprazada a igrexa parroquial. Máis información sobre as igrexas do concello na entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Relixioso. 

LAGOA DE FERRAÑOL
En Ferrañol, parroquia de Ferreirós de Valboa. Do latín lacus. Arredor de lagos e lagoas tecéronse un elevadísimo número de lendas que falan de vilas asolagadas, castigo inflixido pola divindade pola falla de caridade dos seus habitantes. Nalgunhas lagoas apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre que os nosos antergos considerábannas lugares sagrados, de aí que lle depositaran ofrendas. Para o composto, ver Ferrañol.

O LAGO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Fontarón. Mesmo significado que lagoa.

OS LAGORZOS
Na parroquia do Cereixal. Hai unha necrópole megalítica formada por dúas mámoas. Topónimo relacionado co vocábulo latino lacus, lago, depósito de auga.

A LAGÚA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cascallá. Latín lacuna, lago de auga. Terreo enchoupado.

A LAMA
Prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga. Prado húmido. Lameiro.

LAMARRÍO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Tortes. De lama e rivus. Alusión a unha corrente de auga lamacenta.

LAMAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Becerreá. Plural de lama.

LAMAS DE FIGUEIRO
A 1.034 metros de altitude sobre o nivel do mar. O segundo elemento deriva do latín ficus carica, árbore da familia das moráceas que ten como froito o figo, do latín ficu. Relacionado co figo temos a forma figa, un figo grande que semella dous figos apegados. A figa é tamén a figura que se fai pechando a man e metendo o dedo polgar baixo o índice para evitar o mal de ollo ou coma insulto.

A LAMEIRA
Prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga. Prado húmido. Sitio cheo de lama.

LAMEIRAS
Plural de lameira.

LAMELA
Diminutivo de lama.

LAMPAZA
Do latín lappaceus. Planta de raíz medicinal, de propiedades diuréticas e depurativas que, machucada e convertida en po e mesturada con graxa sen sal, é boa contra a sarna.

A LEGUA
Do celtolatino leuga, quizais de orixe prerromana. Antiga medida itineraria equivalente a algo máis de cinco quilómetros. Equivale á distancia que unha persoa camiña a pé ou a cabalo durante unha hora. Equivalía a tres millas romanas.

LIBER (SAN REMIXIO)
*(Villa) Liberii, dun propietario medieval de orixe latina de nome Liberius. Liber foi un nome latino de Baco, Liber, -eri. O 20 de xullo do ano 1091, os monxes de Samos recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras Libri integra (Liber). Nun documento do ano 1093 dise que polo lugar pasaba o río de Silis, afluente do Navia (Niacandro Ares). San Remixio naceu en Reims (Francia) no ano 437 e morreu no 533. Foi bispo da súa cidade natal durante setenta anos. Considerado precursor do cristianismo en Francia, bautizou a Clodoveo I, primeiro rei dos francos que se converteu ao cristianismo.

LIÑARES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Derivado do latín linu, liño. Topónimo que fai referencia a uns campos onde se sementaba o liño. A confección de prendas de liño vén en Galicia dende a antigüidade. Dise que os romanos utilizaban o liño galego para as embarcacións e que, transcorridos os séculos, chegou a competir co de Flandes.

A LOMBA
Latín lumbu, lombo, referido a un montículo pequeno e arredondado.

LOUSEIRA
Neste monte atópase un enterramento megalítico coñecido como A Medorra da Louseira. Terreo cuberto de lousas, prerromano lausa, rocha sedimentaria xistosa de cor escura que, fendida en láminas, utilízase, entre outros usos, para cubrir tellados e enlousar vías públicas.

MÁMOA/MEDORRA
Mámoa vén do latín mammula, monumento prehistórico en forma de meda ou túmulo que sinala o lugar dun enterramento megalítico. O Megalitismo, do grego megas, grande, e lithos, pedra, desenvolveuse en Galicia a partires do IV milenio a. C, acadando o máximo apoxeo no III milenio e mantendo o seu uso ata o 1500 a.C., xa na Idade do Bronce. Esta cultura caracterízase pola construción con grandes pedras destinadas, fundamentalmente, a usos funerarios o que se traduciu nun fenómeno nunca visto ata entón: a humanización da paisaxe. O vocábulo medorra é un dos máis de trinta nomes que reciben en Galicia os enterramentos megalíticos. Máis información sobre as mámoas do concello na entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Arqueolóxico. 

O MARCO
Do latín marco e do céltico mark, pedra fincada no chan que delimita os lindes dunha terra. O primeiro documento onde se menciona a utilización de monumentos prehistóricos como marcos é no Parrochiale suevum, do século VI, onde se fai unha relación das trece dióceses do reino suevo de Galiza.

O MAZO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ouselle. Latín matium. O topónimo é frecuente onde houbo antigas ferrarías onde se traballaba o ferro. O mazo é o artefacto accionado por unha corrente de auga para bater o ferro.

O MEIRAL
Base preindoeuropea *mer, auga estancada.

MINA DE VILAVELLA
Lugar situado na aldea de casares, na parroquia de Vilaiz. O primeiro elemento vén do latín meina. Aquí nada ten que ver cunha mina para extraer o mineral ou cunha mina de auga. Segundo me contaron unhas veciñas, de nenas acostumaban adentrarse na longa gruta con fachos acesos onde ao principio había dúas "camas" utilizadas polos mouros que agochaban un fabuloso tesouro. O segundo elemento é un nome composto derivado do latín villa e vetera.

MONEL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilachá. *(Villa) Munnelli dun posesor medieval de nome Munnellus. Hai un castro.

MONELO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Tortes. *(Villa) Munnello, dun propietario de nome Munnellus, posible diminutivo de Munnus.

MONTAÑA DA AGRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ouselle. Montanea, nia e agra, feminino de ager, agro, extensión de terreo labrantío que adoita pertencer a varios. Xa dende a antigüidade clásica, nas montañas prodúcese o contacto directo entre os homes e os deuses, onde se accede ao mundo dos mortos e da escuridade. En Montaña da Agra naceu, no ano 1895, o político e escritor galeguista Fuco Gómez que perseguiu a fin da ditadura de Primo de Rivera e da monarquía en España, así como a proclamación dunha Galiza independente. Morreu en Cuba no ano 1972.

MONTE CERNADA
A 719 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín monte, terreo sen cultivar no que medran árbores, arbustos e outro tipo de vexetación. O composto nomea unhas *(terras) cineratas ou incineradas, onde, despois de rozar o monte de matogueira, esta se queimaba para facelo cultivable. Para Valladares Núñez, en Nuevo suplemento al diccionadio gallego-castellano (1884), cinza. Eladio Rodríguez e Franco Grande falan da parte interior dunha cousa calquera, material ou inmaterial. Hai quen conxectura que pode facer alusión a Cerne, o deus das fragas, dos animais e dos mortos.

MONTE DO NAVALLÓN
Navallón, partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo.

MONTE DA REBOLEIRA
Lindeiro co concello de Triacastela. A 964 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto denuncia a parte máis densa dun bosque, prado ou seara onde apenas hai claros. Tamén carballeira.

MONTE DE VILAR DE FRADES
A 803 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Vilar de Frades.

MONTES BRUEIRAS
O composto pode facer alusión a unha clase de pedra que se caracteriza pola súa brandura. Tamén lugar onde o vento produce moito ruído.

MORCELLE (SAN XULIÁN)
Nome da parroquia. Variante dialectal de Marcelle, en alusión a un posesor medieval de nome Marcellu ou Mauricellus. San Xulián naceu en Antioquía (Siria). Convertido ao cristianismo, foi perseguido e apreixado polo gobernador Marciano quen, pola imposibilidade de que renegara da súa fe, ordenou decapitalo. Nas proximidades pódense ver os restos dunha cova que, lamentablemente, foi dinamitada. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785) pertenceu xurisdicionalmente de Torés, en As Nogais.

MOSTEIRO DE PENAMAIOR
Información sobre este mosteiro na entrada deste mesmo blogue adicada ao Patrimonio Relixioso. 

A MOURA
O composto deriva da raíz *mor, pedra, nome que, nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural vencellado a tantas lendas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria. Segundo Caridad Arias, da base céltica mor- ou mort- proceden os enigmáticos morta e moitos moura da toponimia galega que puidera estar relacionado coa deusa celta Modron ou Modred e a súa variante irlandesa Morrigan.

MUÍÑO DE CRUZUL
Latín molinu, de molere, alusión a pequenos muíños hidráulicos movidos pola forza da auga. En moitas aldeas o uso do muíño era comunal, de aí a muiñada, reunión nocturna mentres se esperaba o turno. Destas reunións xurde a muiñeira, a danza popular galega que se baila por parellas soltas, e música que a acompaña. Para o seu funcionamento, o muíño precisaba dunha ristra de pezas que compoñían o seu mecanismo: agulla, alevadoiro, bolo, borneira, buxa, cangalleira, canoura, capón, cepa, dorneira, eixo, garruchos, moa, allo, pé, quenlla, rodicio, tanxedeira, tolda, etc. Os que moían para outros recibían a cambio a maquía, unha porcentaxe de fariña coa que se quedaba o muiñeiro a cambio do seu traballo. Polo xeral non eran dun só propietario, senón que os veciños dispoñían deles por quendas. Había quen poseían o dereito a un día de moenda e quen se beneficaban de varios muíños, o cal indica que se adicaban a moer para outros a cambio da chamada “maquía”, unha porcentaxe de fariña coa que se quedaba o muiñeiro a cambio do seu traballo. Dende mediados do século XVIII non sufriron practicamente cambios, agás a substitución do teito de colmo polo de lousa. Ao principio, a fariña había que cribala aparte, pois non a había no propio muíño. Nun primeiro momento, o gran transportábase en foles de cabra, que evitaban que se mollara cando chovía, e xa nunha etapa máis tardía, tanto o gran como a fariña levábanse en sacos. Para o composto, ver Cruzul.

MUÍÑO DAS FERREIRAS
O segundo elemento fala dun obradoiro onde traballaba o ferreiro. Segundo Eladio Rodríguez, a finais do século XVIII a produción das forxas en Galiza era de 20.000 quintais de ferro ao ano, cun valor de máis de dous millóns de reás. No século XVI, o licenciado Molina xa falaba das excelencias das ferrarías galegas.

MUÍÑO DE GATÍN

Nas Pontes de Gatín. Para o composto, ver As Pontes de Gatín.

MUÍÑO DE LIBER
Xunto a ponte. Muíño de dous tobos ou canais con corredor central. Para o composto, ver Liber.

MUÍÑO DE PENAMAIOR
Fronte ao mosteiro cisterciense de Santa María.

MUÍÑO DA SEIMEIRA
Seimeira, fervenza, caída de auga dende certa altura que discorre por unha rocha.

MUÍÑO DAS TABERNAS
O composto provén do latín taberna, establecemento onde se vendían bebidas e, por veces, tamén comidas, ademais de funcionar como pousada e mesón.

MUÍÑO DA VEIGA
Para o composto, ver A Veiga.

A MUÑEIZ
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilachá. Segundo Menéndez Pidal, o topónimo estaría relacionado co nome da divindade prerromana Aegimunniaegus (prancha de bronce localizada en Viana do Bolo) que, como segundo elemento deixa ver munn coñecido como nome de muller lusitana Munna, mais tamén entra na formación de nomes de lugar como Muñis e Muñeiz en Galicia, e Muna e Moniz en Portugal. Para Nicandro Ares Vázquez podería ser un patronímico de Amunius.

MURIAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilamane. Terreo cercado de pedras. Pedregal. Elixio Rivas Quintas, en Contribución ao diccionario galego (2001), di que é un muro antigo grande. Nicandro Ares di que sería derivado de murus, ou de orixe prerromana, coma o galego morea, co significado de montón de pedras. Topónimo que tamén podemos ver nas zonas limítrofes de Asturias e O Bierzo.

NANTÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cascallá. Villa medieval pertencente a un propietario de orixe latina de nome Nantinus, emparentado con Nantia que figura en epígrafes lucenses. Aquí houbo unha parroquia de Santiago de Nantín que foi suprimida.

NARÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Guilfrei. Preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga. Ou quizais do árabe Harun y Qasr, Castelo de Harún. Nicandro Ares Vázquez di que podería vir do xentilicio Naronius.

NAVALIÑOS
Partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo ou depresión montañosa.

OS NEGREDOS
O profesor Cabeza Quiles sinala que pode derivar do adxectivo latino niger, en alusión á cor escura ou negra da terra ou dun grupo de plantas de cor verde escura, nomeadamente, o chopo negro, populus nigra, árbore de folla caduca propia de lugares húmidos.

O NEGRIZO
Mesma etimoloxía ca o anterior.Tamén alusión á cor negruzca, de cor morena algo negra.

OUSELLE (SAN COSME)
Nome da parroquia. A desaparecida xurisdición do Val de Ouselle abranguía, entre outras, as parroquias de Cadoalla e Cruzul. *(Villa) Auselli, dun propietario medieval de nome Ausellus, nome radicado en aus-, brillar, polo que podería estar relacionado, entón, co ouro. O primeiro documento que fai mención a Ouselle é unha carta de dote feita por un tal Rodrigo Gutiérrez á súa muller Senior Aloitez o 18 de decembro do ano 1037, deixándolle in terra Nauie varias vilas, entre elas Auselliu, que pasou a ser porpiedade dos monxes de Sobrado. Tamén os monxes de Samos, o 20 de xullo do ano 1091, recibían unhas vilas por parte de Muñino Eiriz e de Guntroda Númez, entre outras in Auselio villa uilla que fuit de illo comite Domno Sarrazeno...  Os mesmos monxes de Samos tiñan a confirmación desta e doutras moitas herdades nunha bula do papa Alexandre III, no ano 1175, na que aparece Auseli, mediam ecclesiam cum hereditatibus suis. No ano 1196, o mosteiro de Penamaior tiña posesións "in castelo montis adque Valle de Auselo", denominado Val Dousele no 1225. Hai quen sitúa aquí, erradamente, a capital dos zoelas, o Ocellum Gallaicorum, pobo que cultivaba e traballaba o liño, moi apreciado en Roma. Para outros, Ocelum é un nome prerromano, segundo algúns autores precelta, co significado de cume, monte escarpado, alto. Outras veces Ocelum e os seus compoñentes funcionan como epíteto, en ocasións acompañando a unha divindade indíxena como Arantius Ocalaecus ou Arantia Ocelaeca, como acontece coa ara adicada ao Lar Ocaelaego (no Museo Arqueolóxico de Ourense), atopada no ano 1988 na capela de Santo Estevo, en Vilariño, municipio de Sarreaus. É a raíz da construción do Camiño Real de Galicia cando Ouselle perde peso en favor de Becerreá que xurde e se desenvolve ao amparo das vías de comunicación; ata ese intre en Ouselle situábase o xulgado, a feira e a desaparecida xurisdición do Val de Ouselle. Os irmáns Cosme e Damián, naturais de Arabia, exerceron a súa profesión de médicos sen cobrar aos enfermos. Foron decapitados no ano 300 por orde do emperador Diocleciano. Considéranse patróns dos nenos, médicos, farmacéuticos e perruqueiros.

OUSÓN (SANTO ADRAO)
Nome da parroquia. Vén do nome persoal Ausonius, que segundo Holder é nome grego. Como no caso de Ouselle estariamos, pois, diante da raíz indoeuropea *aus, brillar. San Adrao (Hadrianus) naceu a finais do século III en Constantinopla. Fillo do emperador Probo, foi oficial do exército romano adicándose a perseguir aos cristiáns. Mais, vendo a fe destes, converteuse ao cristianismo. Sometido a tormento por se negar a renunciar á súa fe, foi decapitado no ano 306. No mapa do bispado de Lugo, confeccionado no ano 1768, Ousón figura que pertencía á diócese de León. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785) pertenceu xurisdicionalmente de Torés, en As Nogais.

O OUTEIRO
Latín altariu, sitio elevado. Tamén penedía, lugar onde abundan os penedos. Segundo recolle Niacando Ares, este topoónimo nunca aparece escrito nos documentos medievais como altarium, senón aucterio, auctero, autario, oteiro... cuxa única razón sería para non confundir o sentido relixioso altarium co simplemente topográfico. Nome xa recollido na súa forma actual no século X no mosteiro de Celanova.

A PANDA DA SERRA
Latín pandu, alusión á forma curva ou cóncava dun terreo. Unha serra, latín serra, é un cordal montañoso de pouca extensión.

PANDIÑA DO SOLAR
O primeiro elemento é un diminutivo de pando. Solar, latín solaris, pertencente ou relativo ao sol.

PANDO (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Latín pandu, alusión a un lugar curvo, encorvado, arqueado, eslombado que logo se converteu en antropónimo Pandus. Terreo chan entre dúas alturas. San Xoán vén de San Iohannis, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso".

O PANTANEDO
Terra pantanosa.

PARADELO
Do latín parare, deter, parar, en alusión a un descanso orográfico do terreo.

PAU FERREIRO
Pau ou pao, latín palus, anaco de madeira, xeralmente alongado e cilíndrico. O composto, latín ferrarius, fai referencia ao oficio do traballador do ferro.

PAZO DE VILAIZ
Moi modificado, apenas conserva restos orixinais. Pazo deriva do latín pallatium, referencia a unha antiga casa señorial. O termo pazo aséntase nos séculos XVIII e XIX. As primeiras edificacións pacegas configúranse ao redor do ano 1500 mais apenas se conservan construcións anteriores a esa data. Para o composto, ver Vilaiz.

A PEDREIRA
En latín tardío, unha petraria era unha via lapidibus munita, camiño empedrado que mesmo podería ter a orixe nunha calzada romana. Tamén pode sinalar unha canteira.

PEDRELADA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Fontarón. Quizais o mesmo significado que A Pedreira, ou podería ser unha petra elata, pedra alta. Está documentado que no ano 1850, a ferrería dos Mazos, situada en San Martiño de Neira de Rei (Baralla), utilizaba o mineral extraído nas veas da Pedrelada.

O PEDROUZO
Territorio pedroso, laxoso. Pedregal.

A PENA
Pico situado a 1.186 metros de altitude sobre o nivel do mar. Céltico penn, rocha que sobresae no terreo e que, por destacar sobre a súa contorna, actuaría como punto de referencia. Para os galegos, unha pena é algo máis ca o mineral sólido que se atopa de xeito natural na superficie ou no interior da terra. Pola contra, nas nosas penas latexa o misterio. Nas laxes graníticas os nosos devanceiros insculpiron os intelixibles petroglifos; xigantescas penas abaladoiras desafían todas as leis do equilibrio; nas innumerables penas do altar que inzan a nosa xeografía oficiábanse as prácticas relixiosas; diante dunha pena as parellas de namorados anovaban as súas promesas mentres que outras sandabann doenzas físicas e mentais...

PENA AGÜEIRA
Semella denunciar unha pena que garda a auga, quizais nas pías formadas pola erosión ou, en ocasións, ciceladas polos nosos antergos. Ao longo dos montes de Galicia aínda resulta bastante frecuente atopar ritos relacionados con estas cavidades, utilizando a auga nelas depositada para sandar diversas enfermidades

PENA DE BREGAS BOAS
Lindeira co concello de Baralla. A palabra brega fai alusión a unha loita, pelexa; tamén faena, traballo. O adxectivo boa deriva do latín bona. Aínda que unha conxectura, o topónimo semella facer alusión a unha pena onde se practicaba algún tipo de contenda, quizais de tipo ritual. 

PENA DO CASTELO
Preto da aldea de Vilarín. Entre Baralla e Becerreá. Latín castellu, diminutivo de castru, referencia a un antigo emprazamento dun castelo ou torre de vixiancia. Máis esas, o topónimo non sempre fai alusión a un castro ou castelo, tamén a elevacións que, pola súa forma, semellan baluartes defensivos. Trátase dun afloramento rochoso. Peiteado o lugar non atopamos pegadas de ningún asentamento. Consultado os veciños, non existe folclore. 

PENA DO COLMEAR
Pena onde viven as abellas e onde gardan o mel.

PENA DO COLMO
O colmo é a palla, xeralmente de centeo ou de trigo, especialmente utilizada para facer a cuberta dunha palleira, dunha palloza, etc.

PENA DO COUSO
Para o composto, ver O Couso.

PENA DA CRUZ
Do céltico penn e latín pinna, pedra grande que sobresae no terreo, e do latín cruce, cruz, símbolo relixioso cristián. Estariamos, pois, diante dunha pena cristianizada ou situada nun cruce de camiños.

PENADOSO
Pena frecuentado polo oso, latín ursus, o mamífero omnívoro case desaparecido das nosas serras.

PENA DA FOLGUEIRIÑA
O composto é un diminutivo de folgueira, de filicaria, fieito, fento, planta que medra en lugares escuros, fríos e húmidos. Cos fentos tapábanse as fendas das portas das cortes durante o verán para que as moscas non molestaran á facenda.

PENA DA FONTE DOS MOUROS
O segundo elemento deriva do latín fontem. En Galicia, a fonte ocupa un lugar sobranceiro no eido da lenda. Xa no século VI, Martiño de Dumio denunciaba que o campesiño galego facía ofrendas de pan e viño ás fontes. Críase que nelas habitaban certas fadas que, coa fin de atraer aos humanos, prometían grandes riquezas. Din que cando se soña cunha fonte de auga clara é sinal de riqueza, cando a auga sae toldada anuncia unha desgraza. Xunto ás fontes, ao igual que nas praias, as meigas celebraban os aquelarres. Beber de sete fontes despois das doce da Noite de San Xoán cura o bocio; lavarse coa auga recollida en sete fontes na mesma noite, adobada con flores aromáticas, é boa para a pel. Moitas fontes posúen propiedades creadoras, salutíferas e sandadoras. Mouro pode ter a orixe na raíz *mour-/*maur- co significado de pedra arredondada polo que estariamos diante dunha repetición de pena; mais tamén pode falar dos seres míticos tan presentes no imaxinario popular galego. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria. Deixando de lado o terreo da superstición, as fontes eran un lugar de reunión de vellos e mozos ao anoitecer, sobre todo no verán.

PENAFREITA
Freita deriva do participio latino fracta, de frangere, romper, referido a rochedos rotos ou fracturas pétreas do terreo. Segundo Eladio Rodríguez fai alusión a uns montes por cuxas pendentes se botan a rolos os feixes de leña e os madeiros cortados nos piñeirais situados no cume. Aníbal Otero Álvarez, en Historias etimológicas referentes al gallego-portugués (1951), di que é un terreo escarpado e pendente, perigoso para andar o gando. Para Carré Albarelos fai alusión a un barranco, a unha abertura áspera entre montañas; tamén corrente dun río.

PENA FURADA
Do latín foratu, furado, por analoxía, cova; tamén paso terrestre.

PENA GRANDE
Latín grandis. Pena de grandes dimensións que actuaría como punto de referencia.

PENA DA LEIRA
Céltico lar que deu o vocábulo latino larea ou glarea. Terreo labradío ou cultivado.

PENA DO LOBO
O temible lobo, latín canis lupus, dotado, segundo a lenda, de poderes máxicos. Quen o mira fixamente aos ollos queda enfeitizado polo poder da súa mirada. A súa abundancia sabémolo polas xeiras organizadas contra eles, como as que, no século XIV, ordenou o arcebispo Berenguel de Landoira mandando que unha vez por semana saísen as parroquias co cura á fronte dende o primeiro sábado de Coresma ata o 24 de xuño para dar morte aos lobos e armar os foxos (buratos onde entra o lobo e non pode saír). Manuel Valladares Núñez, no seu Diccionario gallego-castellano (1884), fala tamén do lobo negro, Canis Lycaon, variedade, quizais, do lobo común pero máis fero, delgado, cor negra uniforme, cunha mancha branca no fuciño e outra no peito.

PENA DA MADRE
O composto madre pouco ten que ver do que unha muller é para os seus fillos, ou a femia dun animal para as súas crías. Deriva do latín matre que significa canle dun río ou presa de auga. Xa no terreo da mitoloxía pode facer alusión a unha das tres Matres Gallaiciae célticas.

PENAMAIOR (SANTA MARÍA DE SAN LOURENZO)
Nome da parroquia. Latín pinna maior. Penamaior cítase nun documento do ano 572 como límite do comitatus sarriensis levat se in Penam Majorem et pergit ad Pando. No ano 1840, segundo recollemos de El Correo Nacional do 24 de outubro, suprímense os Concellos das Nogais, Noceda, Penamaior, Cancelada de Arriba, Cancelada de Abaixo e Neira de rei.  

PENA MAIOR
Pico situado a 1.184 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín pinna maior. Citada como Pena Maiore no ano 1093.

PENA DAS PALEIRAS
O composto sinala a presenza dunha cova. Son famosas as covas ou palas de Rubiá de Valdeorras, na provincia de Ourense.

PENA DE PASCUA
O profesor Cabeza Quiles, no seu Os nomes de lugar (1992), di que que o composto pode derivar do latín pascua, pasto, herba de alimento para o gando, que aparece moitas veces con ese significado nos documentos medievais. A Pascua é, na relixión católica, a festa na que se lembra a resurrección de Cristo. Contáronme que no lugar se reunían os pegureiros que coidaban do gando lanar para xantar.

PENA DE PICARELO
O composto é un diminutivo de pico.

PENA DO PICO
No Serra do Monte do Pico, en Penamaior. Pico, latín beccu, é un sinónimo de cima, cume, curuto. Denuncia unha rocha situada nun alto que actuaba como punto de referencia. Na Revista Galicia do ano 1935 di que nos días claros pódese ver Santiago de Compostela. A mestra e escrito Helena Villar Janeiro achegounos que seu pai, nado no ano 1904, aseguraba que tamén se divisaba A Coruña; era para el unha especie de santuario cósmico.

PENA DO QUEIXO
O composto nada ten que ver co alimento que se fai callando o leite das vacas, das cabras ou das ovellas. Deriva do latín quattere, quassus, crebantar, en alusión a un terreo que remata en costa para entrar nunha chaira.

PENA DO RAMALLO
O segundo elemento identifica a rama ou póla dunha planta, especialmente de carballo.

PENA DO RAMISCO
Mesma etimoloxía ca a anterior.

PENA DE REGOME
Moitísimos topónimos aluden aos regos ou regatos. No caso de Regome tamén parece, cando menos na súa raíz, que faga referencia a este elemento natural tan común en Galicia. O problema teriámolo no sufixo. Temos topónimos lucenses deste estilo, tipo Regoufe, Regovide ou A Regoela. A simple vista, sen entrarmos en detalles, puideran significar rego do lobo, rego da vide ou rego pequeno, máis ou menos. É dicir, con isto queremos mostrar que a unión rego + sufixo semella darse na nosa toponimia. Por outra banda, temos tamén topónimos rematados nesta partícula –ome (Méixome ou Bréixome, por exemplo). No caso de Bréixome tamén a raíz parece aludir a terreos húmidos ou regueiros. Se isto é así empataría moito con Regome. Nesa visión simple en que estamos podemos entón ver a partícula –ome proveniente dun HOMINE latino e sinalarmos unha pena do rego do home á maneira, por exemplo, da Pena do Home das Nogais. Outras vías sería interpretar este –ome como sufixo abundancial ou mesmo como indicativo de antigos posesores, tipo Gomesende, por exemplo. Neste sentido, nas cantigas medievais galego-portuguesas aparece un ric-home e Elixio Rivas fala na súa Onomástica dun Rico home, nome persoal, co significado de rico, podente, señor ou príncipe.

PENA DA SOMBRA
Alusión a un acubillo para resgardarse do sol. Figura que a pena forma sobre a superficie ao interpoñerse entre esta e o sol. Xa no eido da superstición, en Galicia chámase sombra ao espectro ou aparición vaga e fantástica da imaxe dunha persoa defunta. Tamén recibe este nome a doenza causada pola aparición dun morto, como a anemia, o raquitismo, etc.

PENA TALLADA
A 1.034 metros de altitude sobre o nivel do mar. Alusión a unha pena cortada ou separada.

AS PENAS
Plural de pena. Lindeiro co concello de Triacastela. A 981 metros de altitude sobre o nivel do mar.

PENAS DA ALBELA
O composto vén da forma preindoeuropea *alb, monte, altura, ou do latín albus, branco. O albelo é unha forma galega moi usada para designar unha árbore que tamén se chama abidueira, bedul, bidueiro, etc., e corresponde á denominación de betulla alba. Tamén se chama albela ao miñato, ave da familia das falcónidas.

PENAS DE CALAMOUCO
O composto fai alusión a unha pedra grande, difícil de mover a man.

PENAS DO CHARCO
Voz onomatopéica. Auga detida nun burato máis ou menos fondo.

PENAS DA CHISPA
A chispa é a partícula que salta do lume ou de calquera corpo que o contén. Levan este nome as penas situadas no cume dun monte que adoita ser máxico ou sagrado. Quizais faga referencia a un lugar onde soen cacer os raios.

PENAS DO ENCIÑAL
En Cadoalla. Alusión a unha pena situada nun lugar poboado de aciñeiras, do latín vulgar ilicina, árbore de madeira dura cuxo froito é a landra. Os nosos devanceiros, para curar determinadas enfermidades, adoitaban colgar a roupa das súas ramas. Cando a construción da autostrada A6, as máquinas e a dinamita arrasaron literalmente cun castro e os tramos da vía romana que pasaba polo lugar.

PENA DA GALIÑA
O composto deriva do latín gallina, alusión á ave de curral. En tempos, comer carne de galiña era un verdadeiro luxo, tanto é así que mesmo existía o cargo de Galiñeiro Real que se encargaba de subministrar esta ave aos monarcas. Como elemento simbólico, a galiña representaba á Nai Protectora.

PENAS DE MAZAIRA
Árbore que dá como froito a mazá. A mazaira silvestre, malus sylvestris, diferénciase da cultivada, malus domestica, sobre todo no seu menor tamaño e porque o froito é de sabor agre. A mazaira era unha árbore sagrada para os celtas.

PENAS PARDAS
Do latín pardus, da cor parecida á da terra, entre vermella e marrón.

O PENEDO
Rocha que destaca no terreo e que actuaba como punto de referencia.

A PENELA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Guilfrei. Diminutivo de pena co sufixo -ela.

PENELAS DA AUGA
Ver Pena Agüeira.

AS PENELIÑAS
Diminutivo de pena.

PICARELO
A 648 metros de altitude sobre o nivel do mar. Diminutivo de pico.

O PICO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Latín beccu, cima, cume, curuto.

PICO ADAIRO
A 801 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto pode derivar do antropotopónimo que se explica dende o xenitivo Ada(n)i, Adán.

O PICO DO CASTRO
Monte da parroquia de Ouselle. Nidia referencia ao castro que hai no lugar, latín castru.

PICO DA COVA
A 1.043 metros de altitude sobre o nivel do mar. O composto deriva do latín covu, concavidade natural ou artificial, na superficie ou no interior da terra.

PICO DE FONCOVA
A 1.035 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Foncova.

PICO DO LAGO
O composto deriva do latín lacus, lago, depósito de auga.

PICO DE NAVALLOS
Partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo ou depresión montañosa.

O PICÓN
A 564 metros de altitude sobre o nivel do mar. Aumentativo de pico. Fr. Martín Sarmiento (1745) di que tamén se lle chama así ao farelo de trigo. Para Filgueira Valverde (1926), pan de segunda fariña. Segundo Eladio Rodríguez González (1958), pan de fariña pasada pola segunda peneira, por iso se chama "pan de peneira".

O PIÑEIRO
Xunto o castro do Castelo en Cadoalla. Do latín pinu. Árbore que dá as piñas e o seu tronco a resina.

O PIQUÍN DE VILAIZ
Piquín, diminutivo de pico, latín beccu, cume, curuto. O composto é un topónimo de orixe xermánica rematado en -iz.

POMAR DO LOBO
Derivado do latín pomum, mazá. Sitio plantado de maceiras. Para os antigos, Pomona era a deusa protectora dos froitos. O lobo, latín canis lupus, o mítico depredador protagonista de tantas lendas, animal obxecto de culto primeiro e logo besta maldita fortemente perseguida, ata case a súa exterminación, a partires da Idade Media. Manuel Valladares Núñez, no seu Diccionario gallego-castellano (1884), fala tamén do lobo negro, Canis Lycaon, variedade, quizais, do lobo común pero máis fero, delgado, cor negra uniforme, cunha mancha branca no fuciño e outra no peito.

A PONTE DE CRUZUL
Na parroquia de Cruzul, sobre o río Ferreiros ou Cruzul, século XVIII. Proxectada polo enxeñeiro francés Lemour no ano 1773, ten noventa e catro metros de lonxitude, con tres arcos de medio punto. Durante a Guerra da Independencia, as xentes do lugar apodráronse de máis dun milleiro de fusís que os soldados franceses agochaban xunto a ponte. A tradición di que foi voado para empecer o paso das tropas napoleónicas, feito, ao parecer, que só é unha lnda. No ano 2009, o Concello solicitou á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a súa declaración como Ben de Interese Cultural. Latín ponte, estrutura construída para comunicar dous lugares separados por unha corrente de auga ou un accidente do terreo. As pontes eran fundamentais para asegurar a continuidade de calzadas e camiños. Das pontes romanas, agás unhas poucas que manteñen intacta a súa construción orixinal (Bibei, Freixo), apenas se conservan restos xa que no Medievo foron substituídas por outras máis modernas. Aínda que moitas pontes erixidas na Idade Media perderon utilidade hoxe en día, constátase unha grande distribución por toda Galicia. Segundo Caridad Arias os topónimos referidos ás fontes e pontes hai que tomalos con reserva e non sempre fan alusión a nomes comúns, senón que derivarían dos nomes prerromanos Bonto e Ponto. A uns 200 metros río arriba consérvanse os estribos laterais dunha pontella de madeira que servía de paso a un muíño. (Ver Historias, tradicións e lendas do Concello de Becerreá).

AS PONTES DE GATÍN
Nas Pontes de Gatín, parroquia de Líber, érguese unha ponte sobre o río Navia, medieval de posible orixe romana, se ben hai autores que sitúan a súa construción no século XVIII. Blázquez (1923) e Estefanía Álvarez (1960), entre outros cren que aquí puído estar a mansión romana de Ponte Neviae. Segundo a lenda foi construída polo demo nunha noite; o nome viría do gato negro co que os veciños lle pagaron a obra ao diaño. Outra lenda conta o pauto que fixo co demo un mozo que non podía cruzar o río para ver a súa amada. No medio do único arco consérvase un miliario que debeu pertencer a unha calzada romana, logo reutilizado en tempos de Carlos III para insculpir unha inscrición viaria que di: "El edifico/este puente/por orden del/protector/de los caminos/del pueblo/[...] roto/[...] el [...]". Mais esas, o composto fai alusión a unha *(villa) Gattini, dun propietario medieval que atendía polo nome de Gattinus ou Cattinius. No ano 1167 Fernando II couta o mosteiro de San Salvador de Cancelada "ex parte de Gatin per fundum de Pina Ausendi", e no 1178 "sicut dividit a pontibus de Gattin" (Nicandro Ares Vázquez). (Ver neste blog: Historias, tradicións e lendas do concello de Becerreá).

A PONTE DA MOURA
O composto deriva da raíz *mor, pedra, nome que, nalgún caso, pode facer alusión á cor moura ou ao ser sobrenatural tan arraigado no maxín popular que deu multitude de lendas. Verbo dos mouros e mouras, cómpre precisar que nada teñen que ver cos moros (árabes) que invadiron a Península Ibérica no século VIII. As nosas mouras e os nosos mouros, habitantes de covas, mámoas e castros onde custodian grandes tesouros, veñen, segundo algúns autores, de crenzas nacidas na Prehistoria. Máis información no topónimo A Moura.

PONTE MOURELOS
O composto deriva da raíz *mor, pedra, máis o sufixo -elo. Franco Grande e Carré Alvarellos din que tamén se chama mourelo ao muíño para o millo.

A PONTE NOVA
O adxectivo nova fai alusión, no presente caso, a unha ponte que substituíu a outra máis antiga.

A PONTE VELLA
O composto deriva do latín vetera.

PORTA DA CRUZ
O primeiro elemento deriva do latín portu, paso ou río entre montañas. O composto vén do latín cruce, alusión a un topónimo viario, cruce ou confluenza de camiños, ou ao símbolo relixioso cristián.

A PORTELIÑA
Diminutivo de porto. A forma latina portu fai alusión, tanto a embarcadoiros ou abrigos costeiros ou, como é o caso, a pasos de ríos ou entre montañas.

O POSTAL
Descoñezo a que pode facer alusión este topónimo, quizais a un posto ou posta onde se tomaba ou facía cambio de cabalo durante unha viaxe. Tamén porción de terreo onde se plantan árbores, xeralmente castiñeiros ou carballos, que fan os veciños en montes comunais. Ou extensión pequena de terreo situado no medio dunha terra de outro.

POZANCAS
Núcleo de poboación situado na parroquia de Agüeira. Poza deriva do latín puteus, plural putea, co prefixo prerromano -anca, en alusión a unha charca, poza.

AS POZAS
Plural de poza.

POZAS DA SERRA
Unha serra é un cordal montañoso de pouca extensión.

OS PRADOS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Latín pratu, terreo, xeralmente húmido, onde se deixa medrar ou sementa a herba para alimentar o gando.

PUMARÍN DE ABAIXO e PUMARÍN DE ARRIBA
Núcleos de poboación pertencentes á parroquia de Vilachá. Diminutivo de pumar, do latín pomum, mazá. Sitio plantado de maceiras. Topónimos de situación.

QUINTÁ DE CANCELADA (SANTA EULALIA)
Nome da parroquia. O primeiro elemento pode derivar do latín quinta, grande propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade. Tamén pode facer referencia a unha *(villa) Quintia ou Quintiani dun posesor medieval de nome Quintius ou Quintianus. Cancelada, conxunto de cancelas, latín cancellu, estrutura que se coloca nunha portela ou parte do curro onde se mete o gando. Segundo a crenza popular, xunto ás cancelas xuntábanse as almas dos defuntos, por iso, en moitas partes de Galicia, aínda hoxe en día, non se pechan con violencia por medo a espertalos. Eulalia, nome de orixe grega que en galego deu Olaia, Baia, Santalla, Olalla. Vítima de diferentes tormentos (o potro ou ecúleo, entre outros), morreu crucificada no século IV.

AS QUINTAS
Latín quinta, grande propiedade rústica con casa e terreo de cultivo. Extensión de terreo cultivado. Tamén quintas partes dos froitos entregados aos donos dunha propiedade.

RAPOSEIRA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Referencia a un lugar frecuentado polo raposo, derivado de rapum, rabo, tamén coñecido como golpe, latín vulpes.

A RASA
Latín rasam, do verbo radere, terreo chan e elevado desprovisto de vexetación. Lugar onde se fixo unha rozada.

A RASELA
Mesma etimoloxía que A Rasa.

A REBORDELA
De reboretum máis o sufixo -ela, carballeira. Tamén pendente. J. Piel conxectura con que pode estar relacionada con rebordán, bravo.

RECADÉN
Detrás. Parte traseira de calquera cousa. Tamén xugada de bois que ás veces se pon detrás do carro.

A REGADA
Semella aludir a algunha regueira ouo canle de auga para rigare, regar.

REGOCHAO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Fontarón. Topónimo composto polos vocábulos latinos rigu e planu. Corominas defende que o galego rego procedería dun céltico reku.

REGOSMIL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Fontarón. *(Villa) Recomiri, dun propietario medieval de orixe xermánica que atendia polo nome de Recomirus.

O REGUEIRO
Un regueiro, do latín rigarium, é unha pequena corrente de auga, máis grande ca o regato e máis pequena ca o río. 
 
Polo concello de Becerreá discorren os de Abredo, *(villa) Abrentii, en alusión a un propietario latino de nome Abrentius. Aiousa, desemboca no Navia a xeito de fervenza. Aira da Ponte, latín area, espazo de terra firme ou empedrada con laxes, próximo á casa, usado para mallar os cereais, secar os legumes e outros usos. Arroxo (ver Arroxo). Bao Narón, latín vadu, sitio pouco profundo dos ríos onde se pode pasar andando; Narón vén do preindoeuropeo *nar, *ner, *nor, auga. Barreiros, prerromano barro, lama, fango. Calamouco. Cantiz. Carballal, raíz prerromana *carb, pedra, planta nada entre pedras. Terreo poboado de carballos. Carballal de Fontarón. Os Carballos, latín quercur robur. Carracido, latín carricetum, referido á abundancia de carrizos, latín carex/caricis ou canas silvestres dos pantanos. Cerdeiroa. Cernadas, étimo que nomea unhas *(terras) cineratas ou incineradas. Chousa, latín clausa, monte, horta, herdade ou calquera tipo de terreo pechado. O Convento, recibe o nome polo mosteiro de Penamaior. Fala dun lugar onde vive unha comunidade de frades ou monxas dunha mesma orde relixiosa. Cousín, diminutivo de couso, latín causu. Leira para cultivo de legumes. Tamén depósito no que se gardan os cereais. Foxo, lugar preparado para sitiar as feras. Donsal. Fonte do Lagarto, alusión ao réptil de pequeño tamaño. Fontaos, do latín fontanus. Fontefría, latín fonte frigida, manancial de augas frías. Fontes, latín fontem. Grande. Navallo, partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo ou depresión montañosa. Ouselle (ver Ouselle). A Pasada, referencia a un curso de auga que se pode cruz a pé. Prelamo. Pousadas, latín pausata, de pausare, parar, cesar, repousar. Requeixo (ver Requeixo). Riamonte (ver Riamonte). Ribón (Ver Ribón). Rioporto, o primeiro elemento vén do latín rivu; Porto vén do latín portu, paso natural entre montañas. Rodeiras, do latín rotariu. Cabeza Quiles baralla dúas hipóteses: Marcas que deixan as rodeiras dos carros polo paso continuado sobre o mesmo lugar, ou alturas máis ou menos arredondadas. Ruideiros. Saballeiros. Santa Mariña. Savilleira. O Souto, latín saltus. Torés. Trigais, de triticales, campos sementados de trigo. Tamén recibe o nome de trigal o verderol, o paxaro parecido ao pardal. Valcova (ver Valcova). Val de Touzán, do prerromano tautia, en alusión a un terreo poboado de carballos e/ou matorreira. Valín da Pena, de val, latín vallis, e pena, céltico penn, rocha; Caridad Arias faino derivar do antropotopónimo celta Valinus ou Balinus. O Vao, do latín vadu, paso dun río. As Veigas (ver A Veiga). Vilaiz (Ver Vilaiz).

OS RELLAOS
Alusión a unhas ladeiras pequenas. Ou chan que interrompe a pendente dun terreo.

REQUEIXO
O étimo está no latín quattere, quassus, crebantar. Alusión a un terreo que remata en costa para entrar nunha chaira. Para Carré Alvarellos (1951), é tamén a parte interior da palloza onde se almacena a leña no inverno, e lugar na cociña onde se ten a leña para o lume. E para Elixio Rivas (1978), especie de queixo feito de leite tomado.

RIAMONTE
*(Villa) Renamundi, dun propietario medieval de nome Renamundus.

RIBAS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cadoalla. Voz latina ripa, ribeira máis ou menos característica dun río ou regueiro. Nicandro Ares Vázquez di que pode ser o lugar ao que fai alusión un documento do ano 1093: "villam in territorio Navie, loco predicto Auselli, ubi dicunt Ripa, subtus monte Penna Maiore".

RIBA DOS TALLOS
O segundo elemento, do latín taliare, tallar, cortar, fai alusión a unha porción de terra cortada ou separada que se designa a capricho e de pouca extensión. Tamén asento baixo e sen respaldo; banco longo e forte sobre o que se pon o porco cando se mata; e anaco de toro dunha árbore que pode ter diversos usos.

A RIBEIRA
Do latín riparia, ribeira dun río. Terreo bañado por unha corrente fluvial.

RIBÓN
Variante de ribazo, porción de terra con algún declive, cuberta de vexetación espontánea. Terreo de pedra ou terra que serve de linde entre dúas leiras. Para Caridad Arias contén os elementos rigu e bonnus, río bo.

O RÍO
Do latín rivu, corrente de auga. Segundo a crenza popular a auga dos ríos arrastran a enfermidade como arrastran o sedimento.  
 
Polo concello de Becerreá discorren os ríos Bullán, alusión a unha corrente fluvial que bulla, gurgulla ou burbulla. Donsal. Riofrío, nidia alusión a unha corrente de augas frías. Furco, voz latina furca, alusión a un río que se bifurca. Machuco, mazo, artefacto accionado por unha corrente de auga para bater o ferro. Narón (ver Narón), citado nun documento do ano 1093 limitando a aldea de Ribas. Navia, partícula prerromana *nav, depresión, concavidade do terreo. En Galicia está amplamente documentada na epigrafía a deusa prerromana Navia. Para Blanca García Fernández-Albalat no seu Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania antiguas (1990) sería unha divindade que facilitaría o acceso ao Máis Alá a través da auga. Sancido (ver Sancido). San Martiño, nome que vén de Martinus, "adicado ao deus Marte", latín Mars/Martis, o deus da guerra, nome de orixe pagá moi frecuente en Galicia que os cristiáns aceptaron pola popularidade do bispo de Tours. Val de Madre (ver Valde Madre). Val das Táboas (ver Val das Táboas).

RIODARCO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. De rivu, río, e arcus, arco. Quizais unha corrente de auga que forma un arco ou curva (meandro) no seu percorrido.

RIOMUÍÑOS
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilamane. Topónimo composto polos vocábulos latinos rivu, río, e molinu, muíño.

SAA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cadoalla. Seguindo ao profesor Cabeza Quiles, o étimo vén dunha base *salas, á súa vez proveniente do xermánico sal, casa dunha soa habitación, convertida despois, ao pasar ao romance, en sala que evolucionaría, ao perder o l intervocálico, a saas facendo alusión a un pequeno espazo agrícola pechado.

OS SABALLEIROS
Existe na toponimia lucense abundantes mostras de nomes de lugares coa raíz Sab- [Sabadelle (Cervantes), Sabadón, Sabarei, Sabariz]. Do mesmo xeito que Sabadelle parece proceder dun *VILLA SAPATELLI (de SAPATELLUS) ou Sabariz de *VILLA SABARICI (de SABARICUS), poderiamos postular para Saballeiros un hipotético *VILLA SAPALLARIUM ou SABALLARIUM. Elixio Rivas na súa Onomástica fala do nome de home SABBATUS, inspirado nun día da semana, do latín SABBA-SABBATA, derivado do hebreo e xa cristián. Entre os derivados deste nome está SABELLUS, quizais étnico dos SABELLI, pobo romano. Di Ferrín que apelidos como Sabadelle ou Saballe teñen un elemento común sâb- (suâba) que, algúns estudosos —Piel ou Kremer— conectan co pobo suevo ou suabo. No caso en que pensemos que *sâb- fose etnónimo dos nosos suevos, habería que dicir que tamén na Galicia máis interna aparece o elemento suevi-, que indicaría a pertenza á mesma estirpe. Neste monte pódense ver tres covas.

SALGUEIRIÑOS
Diminutivo de salgueiro, latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos. A cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base principal da aspirina.

SAN ADRAO
Monte situado na parroquia de Ousón, a 719 metros de altitude sobre o nivel do mar. San Adrao (Hadrianus) naceu a finais do século III en Constantinopla. Fillo do emperador Probo, foi oficial do exército romano adicándose a perseguir aos cristiáns. Mais, vendo a fe destes, converteuse ao cristianismo. Sometido a tormento por se negar a renunciar á súa fe, foi decapitado no ano 306.

SANCIDO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Armesto. Aquí estamos diante dun falso haxiotopónimo. Pode vir do latín salicetum, alusión a un campo poboado de salgueiros, latín salicariu, árbore propia de lugares húmidos; a cortiza é moi rica en tanino e contén salicilina, base principal da aspirina. Nicandro Ares di que semella o participio de sancitus, prohibido, aplicado a un campo inculto que non foi segado nin pacido.

SANTA ISABEL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cadoalla. Nome de orixe hebrea Elisabeth. Santa Isabel, filla do rei André II, naceu en Hungría no ano 1207. Cando quedou viúva repartiu as súas riquezas entre os pobres. Morreu vítima dunha enfermidade aos viente e catro anos de idade.

SAN PEDRO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Furco. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.

SAN QUINTÍN
Naceu arredor do ano 287. Non se sabe moito sobre a súa vida, pero parece ser que foi fillo dun senador romano. Logo de se converter ao cristianismo, predicou na Galia onde foi torturado e decapitado, e logo arroxado ao río Somme.

SARCEADA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Furco. Da forma variante Soc(c)ius (antropotopónimo) poden derivar o topónimo galego Souceda e os apelidos Sarceda e Sarces, cuxa filiación, non moi clara, puidera derivar do nome celta Sarcio. Nicandro Ares di que puido ser unha vila sarcinata, na que se amañaba a sarcina, bagaxe, equipaxe dos viandantes, ou tamén dun home de nome Sarcinatus.

O SARROAL
Alusión a un terreo sabregoso.

SEARA DE FONTES
Derivado da voz céltica senara, campo de cereais; extensión de terreo de cultivo onde varios veciños posúen leiras, mesmo de aproveitamento comunal. O composto vén do latín fontem.

SEARA DO PONTÓN
Pontón, pasarela, xeralmente de madeira, para cruzar ríos e regueiros.

SEARA DE TELO
O composto fai alusión a unha *(villam de) Tello, dun propietario que atendía polo nome de Tellus.

SEARA DO TRAVESAL
Terreo máis comprimido ca longo, en relación aos contiguos.

AS SEARIÑAS
Diminutivo de seara.

A SEIMEIRA
Seimeira, fervenza, caída de auga dende certa altura que discorre por unha rocha.

SENDRIL
Cando Ferrín no seu libro sobre apelidos fala de Senra ou Seara cita os termos presentes en galego e portugués seara, senra e sendra como procedentes do sénara/sénera que acabamos de ver. Sendril parece ter bastante semellanza co vocábulo sendra cun sufixo -il que supostamente podería facer referencia a ‘sitio de’, neste caso, de searas ou senras. Lembremos que na formación deste topónimo podería estar presente un elemento preindoeuropeo sen, co significado de monte, e que pode alternar en *San/*Sen/*Sin. Por último mencionarmos que na provincia de Lugo o topónimo Sendín é moi común. Non parece que teña que vincularse con Sendril pero, de ser así, seguramente estariamos a falar xa de posesores xermánicos, quizais de Sindo, latinizado Sindus.

A SERRA
Latín serra. Cordal montañoso de pouca extensión. Xa dende a antigüidade clásica, nas montañas prodúcese o contacto directo entre os homes e os deuses, onde se accede ao mundo dos mortos e da escuridade.

SERRA DE CALAMOUCO
Para o composto, ver Penas de Calamouco.

SERRA DO CHAO DO MARCO
Para o composto, ver Chao do Marco.

SERRA DE GUILLÉN
Para o composto, ver Guillén.

SERRA DA HORTA
Núcleo de poboación situado na parroquia de Agüeira. O composto vén do latín horta, terreo situado preto da casa, destinado a cultivo de verduras, legumes e outros usos.

SERRA DE LAGOS
Do latín lacus. Arredor de lagos e lagoas tecéronse un elevadísimo número de lendas que falan de vilas asolagadas, castigo inflixido pola divindade pola falla de caridade dos seus habitantes. Nalgunhas lagoas apareceron armas e outros útiles prehistóricos polo que se cre que os nosos antergos considerábanas lugares sagrados, de aí que lle depositaran ofrendas.

SERRA DE LIÑARES
Para o composto, ver Liñares.

SERRA DE PEDRUÑAIS
Lindeira co concello de Navia de Suarna. Alusión a un cordal montañoso de características pedrosas.

SERRA DA PENA
Para o composto, ver Pena.

SERRA DE PENALLA
Diminutivo de pena.

SERRA DE PENALTA
Débese a descompoñer as voces latinas penna alta. Alusión a unha pena que destaca na paisaxe.

SERRA DE PENAMAIOR
O nome da serra viría, en principio, por unha pena que actuaría como punto de referencia. Ver Penamaior.

SERRA DO PENEDÓN
Lindeira co concello de Baralla. Aumentativo de penedo.

SERRA DO PORTELO
Diminutivo de porto, latín portu, paso entre montañas.

SERRA DE SAN PEDRO
A 961 metros de altitude. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular.

SERRA DE VALDAVARA
Para o composto, ver Casa de Valdavara.

SERRA DE VILAMANE
A 757 metros de altitude sobre o nivel do mar. Para o composto, ver Vilamane.

SERRA DE VILARES
Para o segundo elemento, ver Vilar.

SERRÓN DA PEDRA DA HEDRA
A 1.053 metros de altitude sobre o nivel do mar. Hedra vén do latín hedera, arbusto araliáceo rubideiro que se fixa á superficie por medio de garfos.

SEVANE (SAN XOÁN)
Nome da parroquia. Nidia repetición toponímica, pois Sevane vén, como a advocación da parroquia, de San Iohannis, San Xoán, nome de orixe hebrea que significa "Deus é propicio ou misericordioso".

SOBRE O CASTRO
Lugar situado por riba do castro de Vilouta de Abaixo. A preposición latina super actúa co significado de sobre, encol de, enriba. Topónimo de situación.  

SOUTO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Sevane. Latín saltus, arboreda, bosque pedroso e con altibaixos no terreo. Terreo no que hai moitas árbores, sobre todo castiñeiros. Caridad Arias amosa as súas dúbidas acerca de que o topónimo se relacione sempre con lugares referidos ás características da paisaxe, de feito sinala a presenza de nomes persoais: Sottus, Suttus, Saltus, Sotillus, Sotullianus (divindade prerromana), Suttunius, etc.

SOUTO DE AGÜEIRA
Souto de castiñeiros, algúns centenarios, e outras especies autóctonas. Para o composto, ver Agüeira.

SOUTO DA BOUZA
En Saa, parroquia de Cadoalla. O composto deriva do latín baltea, terreo sen cultivar e cheo de maleza. No lugar, xunto á igrexa parroquial de Cadoalla, celébrase unha afamada romaría os días 14 e 15 de setembro (ver Lendas, ritos e tradicións da comarca dos Ancares nesta mesma páxina).

SOUTO DE CORMES
Souto de castiñeiros con máis de 55 hectáreas. Para o composto, ver Cormes.

A TEIXEIRA
Gorida do porco teixo (Meles, meles), ou lugar poboado de teixos, taxus baccata. Verbo da árbore conífera, cómpre lembrar o relatado por Floro, escritor latino do século II d.C., cando menciona o asedio do Monte Medulio no ano 19 antes de Cristo, cando os romanos, ante a imposibilidade por conquistalo coa súa poderosa maquinaria de guerra, cércanno cun foxo de quince millas ao que os galegos respostan, denantes caeren escravizados, cun holocausto colectivo por medio do veleno do teixo e as propias armas.

TESÍN
Diminutivo de teso.

O TESO
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Fontarón. Tamén recibe este nome un pico situado a 1.044 metros de altitude sobre o nivel do mar. Latín tensus, de tendere, estirar, extender. O topónimo fai alusión a un lugar alto no campo. Monte alto e escarpado. Outeiro. Frei Martiño Sarmiento escribiu que vén de tendo, tesum, teso, alto.

TESO DA LAMA FIGUEIRO
Lama deriva do prelatino lama, masa branda ao se mesturar a terra con auga. Para o último elemento, ver Figueiro.

TESO DO MARCO
Para o composto, ver Marco.

TESO DE ROMEO
Rosmarinus officinalis, romeu. Utilízase como condimento. Antano usábase como estimulante e para tratar distintas enfermidades.

O TOCO
Tobo, toca, covil. Tamén parte do tronco que fica unido á terra despois de cortar a árbore. Para Aguirre del Río (1858), manco que carece dunha man ou brazo, ou do seu uso. Segundo Eladio Rodríguez (1958), tobeira, lugar oculto. E para Elixio Rivas (2001), baleiro, oco.

TODÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cascallá. Alusión a unha *(villa) Tetoni, dun propietario de orixe medieval de nome Teton.

TORALLO
Núcleo de poboación situado na parroquia de Agüeira. Partícula prerromana *tor, altura, rocha. Ou, segundo indica Nicandro Ares, dun posesor de nome Turalius. Un dito popular recita: "Os de Horta comen o caldo nunha biorta, i-os de Torallo nun fardallo".

TORRE DOS ERBÓN
En Cormes. Utilizouse como cadea. Torre deriva do latín turre, construción alta e estreita que teñen algúns castelos, igrexas e casas. O composto vén do latín herba, calquera planta pequena de talo tenro.

TORTES (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. Nicandro Ares di que semella ser o topónimo Turtures que se nomea, di, nun discutido documento do ano 666. Se así fora trataríase dunha (Villa) Turturis dun posesor de nome Turtur, nome persoal baseado no apelativo latino turtur, turturis, rula. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular. Segundo o Catastro de Floridablanca (1785) pertenceu xurisdicionalmente a Torés, en As Nogais.

TOUZÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Aumentativo de touza, prerromano tautia, en alusión a un terreo poboado de carballos e/ou matorreira.

A TRAPA
Prerromano *trap ou *tramp, trampa para cazar feras. Tamén pode denunciar un asentamento da orde monástica do Císter.

TRAS DOS BARBEITOS
A preposición latina trans funciona como elemento de formación de palabras co significado de máis alá ou detrás de. O composto vén do latín verbactum, espazo de terra que se deixa sen cultivar para que descanse.

TRAS DA TORRE
En Ouselle. O composto deriva do latín turre, construción alta e estreita que teñen algúns castelos, igrexas e casas. Este prado está situado detrás da Casa de Rivas.

TRASVILA
O composto deriva do latín villa.

A TRAVESA
Do latín Travessum, que atravesa, que se pode interpretar no sentido de herdades atravesadas por camiños ou dispostas transversalmente. Tamén se chama así á peza do carro que une as chedas e o cabezallo. Trabe.

TREITOIRO
Deriva do vocábulo latino traiectum, paso entre montes.

TUCENDE
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Quintá de Cancelada. *(Villa) Tudesindi dun propietario de nome Tudesindus.

UCEDO
Monte situado na parroquia de Guilfrei. Lugar abundante en uces, latín ulice, arbusto de pequeno tamaño, da familia das ericáceas, con flores de cor branca ou malva e madeira moi dura que recibe, ademais, os nomes de urce, breixo, torga, carpaza, carrasco e queiroga.A raíz e a flor da uz branca utilizábase como remedio para a dor de cabeza e o lumbago. A uz vermella considerábase velenosa.

O VAL
Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas.

O VAL DA COSTA
Vocábulo latino costa, terreo en pendente, xeralmente referido a un camiño polo que se transita sen moito esforzo.

VAL DE MADRE
Latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. O composto madre pouco ten que ver do que unha muller é para os seus fillos, ou a femia dun animal para as súas crías; deriva do latín matre que significa canle dun río ou presa de auga. Xa no terreo da mitoloxía pode facer alusión a unha das tres Matres Gallaiciae célticas.

VAL DE NUNO
O composto fai alusión a un home medieval de nome Nunnus, propietario dunha *(villa) Nunni.

VAL DA SERRA
Unha serra, latín serra, é un cordal montañoso de pouca extensión.

VAL DAS TÁBOAS
O segundo elemento vén do latín tabula, táboa. F. Martiño Sarmiento, en Colección de voces y frases de la lengua gallega (1746-1770), di que é unha porción de herdade que se sementa. Cabeza Quiles, no seu Os nomes de lugar (1992), cita a Historia Compostelana: "in Alvariza unamm tabulam de terra per suos marcos" que, traducido, daría "en Albariza unha cortiña (tabulam) de terra (pechada) polos seus marcos".

VALCOVA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Veiga. Topónimo composto polo substantivo val, latín valle(m), terreo encurvado ou deprimido entre montañas, e o adxectivo covo, latín covu, que alude á súa situación nunha depresión orográfica.

VALDERROXO
O composto, roxo, vén do latín russeu, de cor entre vermella e amarela.

VALDORROS
A segunda parte do topónimo, orros, semella derivar da base prerromana *or, altura, característica xa clarificada pola primeira parte do étimo.

VALEDEIRO
Válido, que ten valor. Valedeyro na documentación medieval.

O VALICEDO
De val, latín vallis.

VALIÑA
Núcleo de poboación situado na parroquia de Agüeira. Diminutivo de val, latín vallis, chaira de terra entre montes ou alturas. Caridad Arias di que non está relacionado con vallis, senón que contén o antropotopónimo celta Val(l)o ou Val(l)io, con derivados latinizados Valius, Valiacus...

VALIÑA DOSA
O composto quizais estea formado sobre dorsum, lombo, en alusión a un sitio empinado.

AS VALIÑAS
Ver Valiña.

A VEIGA (SANTA MARIÑA)
Nome da parroquia. Prerromano *baika, terreo sempre húmido, chan e fértil. Denomina un val ou terreo que baixa cara o río. O nome da santa vén do latín e significa "proveniente do mar, mariñeira". En Galicia, principalmente na provincia de Ourense, venérase á santa do mesmo nome nacida no ano 123 en Piñeira de Arcos (Sandiás), decapitada por se negar a renunciar á súa fe. Conta a lenda que cando a súa cabeza caeu no chan deu tres saltos dos que nacereon tres fontes que son as mesmas que hoxe en día seguen a manar a carón da igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz.

VEIGA DE PEREIRA
O composto pode facer referencia tanto á pereira brava (pyrus cordata) como á pereira cultivada (pyrus communis). Mais esas, Gonzalo Navaza di que pereira e pereiro poden ser, nalgún caso, variantes de pedreira e pedreiro.

A VENDA DO CRUZUL
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cruzul. Venda, mesón ou casa establecida nun despoboado para hospedar aos camiñantes. Para o composto, ver Cruzul.

O VIADUCTO
Do latín via, camiño, e ductus, condución, obra a xeito de ponte para o paso dun camiño sobre unha irregularidade do terreo. Ponte ou construción semellante que, no presente caso, se fixo para salvar un accidente xeográfico cando as obras da autoestrada. No concello de Becerreá temos os viaductos da Agra, Frades, Narón, Ouselle, Río Navia e Torallo.

VILACHÁ (SAN PEDRO)
Nome da parroquia. Aldea ou vila edificada sobre un terreo chan, latín villa plana. Por vila entendíase unha aldea ou grupo de casas dentro duns límites precisos con edificacións para vivir e gardar as colleitas, animais e aparellos, converténdose nun elemento básico dende o século X. San Pedro, nome do apóstolo "fundador" da igrexa católica e primeiro pontífice, nome que vén do latín petrus, pedra; mais a verdadeira orixe hai que buscala no grego kephas, pedra rectangular. Na parroquia consérvanse restos dunha explotación aurífera de época romana.

VILACHÁ PEDROSA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Veiga. Villa plana petrosa. Alusión a unha poboación edificada sobre un terreo de características pedrosas. Nas proximidades podemos ver os restos dunha explotación aurífera de época romana.

VILAIZ (SANTIAGO)
Nome da parroquia. Topónimo de orixe xermánica rematado en -iz que pode conter o nome persoal, unido a vila, Anicius (Nicandro Ares Vázquez). Santiago o Maior, coñecido tamén como o Zebedeu, foi discípulo de Xesús. Segundo a tradición foi no ano 33 cando pisou por primeira vez a Gallaecia para evanxelizala. Fóra dos Evanxeos, só aparece nomeado nos Feitos dos Apóstolos, cando é martirizado en Xerusalén no ano 44 por orde de Herodes Agripa. Será no ano 813 cando o ermitán Paio descubra a suposta tumba no monte Libredón, onde o enterraran os discípulos que arrivaran co seu cadáver a Iria Flavia (Padrón), nun lugar onde xa existía unha necrópole precristiá e onde logo se ergueu a catedral. Hai quen asegura que os restos venerados na catedral son os de Prisciliano, o famoso heresiarca galego do século IV.

VILAMANE (SANTA MARÍA)
Nome da parroquia. *(Villa) Manii, dun propietario medieval de nome Mangius. María, nome de orixe hebrea que chega a nós a trávés do latín eclesiástico; significa "señora". Dito recollido en Vilamane: Dille a vaca ao becerro: "Ti virás por onde eu veño".

VILAR DE CANCELADA
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Vilachá. Do latín villare, pequeno núcleo de poboación co conxunto das súas terras. O vilar ou casal, de menor rango cá vila, xurde a partires dos séculos XII e XIII por mor da modificación na organización da produción agraria. Cancelada, conxunto de cancelas, latín cancellu, estrutura que se coloca nunha portela, parte do curro onde se mete o gando, límite. Segundo a crenza popular, xunto ás cancelas xuntábanse as almas dos defuntos, por iso, en moitas partes de Galicia, aínda hoxe en día, non se pechan con violencia por medo a espertalos.

VILAR DE FRADES
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Ouselle. O composto vén do latín fratre, freire, monxe, persoa que pertence a unha orde relixiosa. Nas inmediacións consérvanse restos dun castro e dunha explotación aurífera romana. Cuveiro Piñol (1876) di que o frade é tamén un insecto que se cría nas cañas vellas das viñas. Para o mesmo autor chámase coroa de frade a unha planta anual das cináreas (cirsium eriophorum).

VILAR DE OUSÓN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Cruzul. Parece que foi un Villare Ausonii pertencente a un propietario de nome Ausonius.

VILARÍN
Núcleo de poboación pertencente á parroquia de Penamaior. Diminutivo de vilar. Tamén pode facer alúsión a unha *(villa) Elarini, dun propietario medieval de nome Elarinus ou Arinius.  

VILARÍN
En Ouselle hai outro lugar coñecido como finca Vilarín onde apareceu un relevo romano datado a finais do século I ou principios do século II d.C., empregado secundariamente nun forno de tixolos; representa a tres animais (touro, vaca e vitelo) camiñando cara a esquerda e escalonados por tamaño; crese que formaría parte dun friso de carácter procesional e que algúns investigadores poñen en relación cun culto oriental adicado ás divindades Serapis ou Mitra. 

VILOUTA (SANTA MARIÑA)
Nome da parroquia. Alusión a unha vila alta, a un pobo situado nun lugar outo, elevado. O nome da santa vén do latín e significa "proveniente do mar, mariñeira". En Galicia, principalmente na provincia de Ourense, venérase á santa do mesmo nome nacida no ano 123 en Piñeira de Arcos (Sandiás), decapitada por se negar a renunciar á súa fe. Conta a lenda que cando a súa cabeza caeu no chan deu tres saltos dos que nacereon tres fontes que son as mesmas que hoxe en día seguen a manar a carón da igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz. Segundo o Catastro de Floridablanca (1875), Vilouta pertencía á xurisdición de Doncos, en As Nogais.

VILOUTA DE ABAIXO e VILOUTA DE ARRIBA
Núcleos de poboación pertencentes á parroquia de Vilouta. Topónimos de situación. En cada unha das aldeas hai un castro.

A VOLTA
Do latín voluta. Álusión a un entorno circular.

O XANTELO
De *sal-, corrente, regato?

O XEBRADOIRO
Quizais relacionado con acibadoiro, do latín cibare, alimentar, cebar, pode que contaminado con separare, xebrar, alusión a un lugar onde seseparaban as reses ou os froitos, por exemplo a castaña do ourizo.

O XISTRAL
Campo situado xunto a igrexa de Cascallá onde se celebraban as festas. Varias acepcións: Do latín genista, sitio abundante en xestas. Segundo Elixio Rivas, derivado de xistro, lugar abundante en xistros ou lousas. Corominas suxire unha posible relación co mallorquín celistre, vento moi frío e penetrante. Para o P. Sarmiento, vara fina e flexible de duas ou tres ramas para fustrigar ao gando miúdo.

Toponimia do concello de Becerreá
 

© Colectivo Patrimonio dos Ancares